Archives

Xornadas de formación sobre o uso cosmético da cera de abella

A Consellería do Medio Rural organiza unha xornada sobre o uso cosmético da cera de abella que terá lugar nos concellos de Becerreá e As Pontes. O programa inclúe nocións sobre os materiais procedentes da colmea que poden empregarse para a elaboración de cosmética natural, ademais de prácticas para levar a cabo xabón ou xampú líquido a base de produtos da colmea. Nesa liña, abordaranse os procedementos para elaborar tamén tinturas, tónicos, cremas ou protectores labiais botando man do mel, de própoles, de xelea real ou da cera de abellas. O curso da localidade lucense terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal o próximo 16 de setembro, en horario de 9,00 a 15,00 horas. Mentres, o do concello coruñés será o día 17 na Casa do Mel de Goente, das 16,00 ás 22,00 h. O obxectivo que se persegue coa celebración de senllas xornadas é o fomento da eficiencia dos recursos apícolas, e a procura da sustentabilidade da economía rural. Nesta páxina poden atoparse os referidos cursos, e así mesmo, o acceso á preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. A coordinadora porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 370, ou enviarse un correo a mercedes.fra.perez@xunta.gal.

Convocan as axudas para repoñer explotacións agrícolas, gandeiras e forestais danadas polos incendios deste mes de xullo

A Consellería do Medio Rural destina un total de 4 millóns de euros ás axudas de apoio para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas polos incendios deste mes de xullo. A orde, coas bases e convocatoria, publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

No que atinxe ás explotacións agrícolas e gandeiras, as axudas cubrirán a reposición dos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados, así como a subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios.

No caso das explotacións forestais, subvencionarase a reposición das infraestruturas privadas situadas en terreos forestais e a maquinaria e equipamento danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios. Ademais, tamén haberá axudas para sufragar as perdas de madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial xunto aos traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes sen xestión pública nas zonas afectadas polos lumes.

Presentación de solicitudes

As axudas tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva, cuns límites máximos que están fixados na convocatoria segundo o tipo de beneficiario. Estes topes oscilan entre os 3.000 euros (para cubrir os custos de alimentación de gando) e os 50.000 euros (para a maquinaria forestal danada en tarefas de colaboración na extinción dos lumes).

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día de mañá, 30 de xullo. No relativo á xustificación das axudas, o prazo para executar e xustificar as achegas concedidas para a reposición de explotacións forestais remata o 15 de novembro de 2022 para os gastos e investimentos deste ano, e o 31 de xullo de 2023 para os correspondentes ao ano próximo. Mentres, o prazo para executar e xustificar as axudas concedidas para a reposición de explotacións agrícolas e gandeiras remata o 15 de novembro de 2022 para os gastos e investimentos deste ano, e o 28 de abril de 2023 para os correspondentes ao ano que vén.

Orzamento

O orzamento total para estas axudas será de 4 millóns de euros, 2 millóns para as explotacións forestais e outros 2 millóns para as agrícolas e gandeiras. No relativo ás primeiras, destinaranse 750.000 euros neste ano 2022 e 1.250.000 euros no 2023, mentres que nas segundas o presuposto será de 1.500.000 euros neste ano e 500.000 euros no 2023.

Esta liña de axudas forma parte do paquete de 9 millóns de euros anunciado esta semana no Consello da Xunta para facilitar a reparación dos danos orixinados polos lumes.

-Consulta aquí a orde das axudas.