Archives

Cursos de micoloxía silvestre e cultivo de fungos en Monforte de Lemos

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos organiza para os meses de outubro e novembro dous cursos de micoloxía.

-Curso de micoloxía silvestre:

Celebrarase os días 25 e 26 de outubro en horario de 16:00 a 20:00 horas, coa seguinte programación: Teoría 4h: -Coñecementos básicos de micoloxía. -Conceptos fundamentáis á hora de identificar e colleitar cogomelos. -Coñecemento dos diferentes taxóns, así como a clasificación dos fungos dentro destes. -Identificación de diferentes xéneros e especies moi coñecidas polo seu interese gastronómico ou de outro tipo. -Diferentes aplicacións dos fungos. Práctica 4h: Saída ó monte para apañado de cogomelos, material e técnicas empregadas. O código para realizar a preinscrición é FC2023F127045 que se debe realizar a través desta ligazón Para máis información enviar un email a maria.lourdes.diaz.fernandez@xunta.gal 

Curso de cultivo de fungos:

Celebrarase os días 6 e 7 de novembro en horario de 16:00 a 20:00 horas, coa seguinte programación: Teoría 4h: - Comprender as bases do cultivo e as posibilidades que existen á hora de producir cogumelos. - Coñecer as fases de cultivo do shiitake en madeira paso a paso. - Acadar os coñecementos precisos para establecer unha pequena explotación de cultivo de shiitake sobre madeira como complemento a outras actividades agroforestais. Práctica 4h: - Coñecer e utilizar os diferentes materiais e ferramentas necesarias para o cultivo de shiitake sobre madeira (tipos de madeira, tipos de inóculo, diferentes procedementos de inoculación, etc.) - Coñecer as fases de cultivo do shiitake en madeira paso a paso e levalo á práctica. O código para realizar a preinscrición é FC2023F127046, que se debe realizar a través desta ligazón. Para máis información enviar un email a maria.lourdes.diaz.fernandez@xunta.gal 

Xornadas micolóxicas na EFA Fonteboa

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco (A Coruña) organiza para os días 4 e 5 de novembro unhas xornadas micolóxicas nas que se informará tanto sobre o cultivo como sobre a identificación de cogumelos. As persoas interesadas en asistir poden chamar ao 981 733 051 ou enviar un email a info@fonteboa.es O prezo é de 15 euros para socios e 25 euros para non socios e inclúe xantar. Velaquí o programa:

Xornada técnica sobre ordenación do aproveitamento dos cogumelos en Galicia

A Consellería do Medio Rural organiza unha “Xornada Técnica de ordenación micolóxica en Galicia”, que se celebrará en Lugo o xoves 18 de novembro de 2021 pola tarde e o sábado día 20 de novembro na Veiga (Ourense). Esta xornada desenvolverase pola tarde do día 18 no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo e o sábado 20 cunha visita técnica en A Veiga (Ourense) Esta acción esta organizada polos distritos forestais IX (Lugo-Sarria) e XIII (Valdeorras-Trives) e conta coa colaboración de UXAFORES, USC-Campus Terra de Lugo, Amtlam e Concello de A Veiga.

Programa:

-XORNADA TEÓRICA (Salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPSE) – USC Campus de Lugo) - Xoves, 18 novembro: ●16:00. Aspectos básicos para a identificación dos cogomelos. Julián Alonso Díaz ●17:00. Principais especies comestibles e comercializables e posibles confusións. Julián Alonso Díaz ●18.00 Efectos dos tratamentos silvícolas na produtividade: resultados dun sitio de ensaio de rareos en piñeiral. Roque Rodríguez Soalleiro. ●19.00 Incorporando o aproveitamento micolóxico no inventario forestal e nas ordenacións de montes veciñais en man común. Javier Pereira Espinel Plata. -XORNADA PRÁCTICA – VIAXE AO CONCELLO DA VEIGA (OURENSE) - Sábado, 20 novembro (saída ás 8:00 do aparcamento de autocares EPSE): ●10h Visita aos montes de Río Mao. Acompañados de Julián Alonso, Hugo Rodríguez e Ángel Fouces ●12:30h Sala de conferencias Toural - Presentación sector primario da Veiga – Juan Anta Rodríguez ●14h Xantar con produtos locais nas Chairas (custo de 15€ - a cargo de cada un) ●16h Visita ao monte de Meixide - Acompañados de Julián Alonso, Hugo Rodríguez e Ángel Fouces

Inscrición:

Presentar as solicitudes no Distrito Forestal IX Lugo-Sarria ou por mail: xbruna@xunta. gal (prazas limitadas)

Descarga aquí a solicitude

Ampla oferta gastronómica e cultural na festa de Exaltación dos Cogomelos en Curtis

O Concello de Curtis, a través da Área de Promoción Económica, celebrará os próximos 30, 31 de outubro e 1 de novembro a xornada de Exaltación dos Cogomelos de Teixeiro, unha das citas máis populares relacionadas cos fungos. Este encontro lévase realizando dende 1999 e este ano alcanza a súa XVI edición tras un ano de parón pola COVID-19. Durante ese fin de semana, este municipio da montaña coruñesa convertirase no epicentro dos aficionados á micoloxía e dos amantes da gastronomía relacionada con este produto, para os que se ofertan diversas propostas gastronómicas e culturais. O pistoletazo de saída terá lugar o sábado 30 ás 10:30 horas cunha saída dende a praza de España (sita diante da Casa do Concello en Teixeiro) ó monte para a recollida de cogomelos por un experto en micoloxía da Asociación Pan de Raposo. Para asistir a esta saída será necesaria a inscrición previa chamando ao Concello a través do 981 777 105 ou 981 789 003. Xa o día seguinte, domingo 31, realizarase unha exposición de cogomelos de outono na Praza de España (diante da Casa do Concello) ao que lle seguirá un percorrido polas rúas do pobo de Teixeiro a cargo do grupo de música Garatuxeiros e de seguido a ruta gastronómica polos locais de hostalería. A ruta acolle 19 establecementos hosteleiros de Curtis e Teixeiro que decidiron participar este ano eque ofrecerán aos seus clientes unha especialidade de tapa preparada a base de cogomelos. Dende o Concello vense de editar unha guía na que se recollen as distintas posibilidades de ruta saltando de tapa en tapa e de local en local degustando diferentes ofertas gastronómicas. Esta guía poderase consultar a través da páxina web municipal ou redes sociais nos próximos días. A ruta gastronómica extenderase tamén ao luns día 1.

Xornadas sobre producción de shitake e identificación de cogumelos

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco (A Coruña), organiza o vindeiro venres e sábado, 30 e 31 de outubro, as XIII Xornadas de Micoloxía, centradas este ano na identificación de cogumelos e na producción de shitake. As persoas interesadas en asistir deben chamar ao teléfono 981 733 051 Velaquí o programa:

Lanzan unha aplicación móbil para identificar cogomelos no monte

A firma MycoGalicia Plantae acaba de lanzar unha APP para identificar os cogomelos dos bosques e prados de Galicia. Trátase da aplicación móbil Mycokey Galicia, que é a primeira APP en galego para identificar especies de fungos. A aplicación móbil, que aínda está en fase de desenvolvemento, xa está dispoñible para tódolos públicos de xeito gratuíto para dispositivos Android. Mycokey Galicia está pensada para usuarios non especializados, xa que o seu uso é sinxelo e intuitivo.

Máis de 400 especies

É unha ferramenta coa que se poden identificar especies de cogomelos a través de caracteres macroscópicos. A APP identifica cogomelos baseándose no emprego dunha clave dicotómica que inclúe máis de 400 especies, das máis representativas do noroeste peninsular, e uns 800 esquemas que ilustran os pasos a seguir na identificación, facendo fincapé nos caracteres morfolóxicos e ecolóxicos das diferentes especies. A APP pretende ser unha ferramenta formativa ademais dun identificador de especies comestibles. Con esta aplicación, que pronto estará tamén dispoñible en castelán e portugués, o proceso de identificación dos cogomelos sobre o terreo simplifícase e axilízase. “Mycokey Galicia é unha ferramenta útil, necesaria e imprescindible para quen vaia apañar cogomelos ós montes galegos tanto coa finalidade gastronómica como para un mellor coñecemento do medio natural”, explica Andrés Cordeiro, socio fundador de MycoGalicia Plantae. Esta aplicación tamén axuda a coñecer a riqueza e complexidade morfolóxica que posúen os cogomelos. A diferenza doutras aplicacións dispoñibles no mercado, Mycokey Galicia non pretende ser un identificador só de especies comestibles, senón unha ferramenta formativa. “A identificación realízase en base a tódolos caracteres que posúen os cogomelos e non só a través dunha fotografía que pode presentar características alteradas ou non incluír caracteres imprescindibles para a identificación como o cheiro, o sabor ou o hábitat do fungo”, apunta o experto. O proxecto está a ser impulsado por MycoGalicia, socia do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, e EBT (Empresa de Base Tecnolóxica) da Universidade de Vigo, en colaboración co Grupo Micolóxico Galego.

Xornadas sobre cogumelos, soutos e gandeiría de montaña en Cervantes

Paisaxe dos montes dos Ancares en outono A Asociación Territorio Verde organiza esta fin de semana nos Ancares unha serie de actividades de outono que inclúen roteiros para a iniciación á micoloxía e visitas guiadas para coñecer a cultura da castaña e a gandería de montaña desta zona, ademais de paradas en lugares de interese turístico como o castelo de Doiras. O programa desenvolverase o sábado 16 e o domingo 17 durante todo o día e está pensado para a convivencia e intercambio de experiencias entre os participantes, que poderán coñecer de primeira man as distintas potencialidades agrogandeiras existentes nesta zona dos Ancares lucenses, ademais de servir para poñer en valor a riqueza ambiental, cultural e paisaxística deste entorno natural, declarado Reserva da Biosfera pola Unesco. As distintas actividades están pensadas para maiores de 16 anos e o prezo para toda a fin de semana, con almorzo, comida, cea e aloxamento incluídos, é de 120 euros por persoa. As prazas son limitadas e as reservas poden facerse a través do número de teléfono 650858702.

PROGRAMA COMPLETO:

Xornada en Trazo sobre aproveitamentos do monte

O concello de Trazo (A Coruña) acolle o próximo sábado 26 de outubro unha xornada centrada en revalorizar o sector forestal. Ó longo da sesión abordarán diferentes propostas que ofrecen un aproveitamento do monte, tales como a produción de castaña e cogomelos ou a extracción de resina dos piñeiros.

A xornada desenvolverase, boa parte dela, no centro social polivalente Viaño Pequeno, en Trazo. O horario será de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas. Contan con prazas limitadas polo que para participar é preciso inscribirse no correo electrónico correo@concellodetrazo.es ou chamando ó teléfono 981 689 001.

A continuación detallamos o programa completo da xornada:

10.00 – 10.10 horas. Apertura do acto.

10.10 – 10.50 horas. Actividade resineira, un complemento para a xestión dos piñeirais. Érika Martínez Carreira, de Sinergias Sostenibles Resiforest (Foresin).

10.50 – 11.30 horas. Aproveitamento micolóxico. Marcos Besada Álvarez, da Asociación Espazo Agroecolóxico A Estruga.

11.30 – 12.00 horas. Pausa.

12.00 – 12.40 horas. Produción de castaña. Inacio Bellas Castro, de Viveiros Gudín.

12.40 – 13.20 horas. A apicultura na xestión forestal. Diego Sánchez Agra, da Asociación Galega de Apicultura (AGA).

13.30 – 14.00 horas. Mesa Redonda.

16.00 – 18.00 horas. Roteiro polo concello de Trazo, guiado por Marcos Besada Álvarez, da Asociación Espazo Agroecolóxico A Estruga.

Cursos sobre uso da motoserra, enxertos de castiñeiro ou plantacións de froitos pequenos

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán (Pontevedra) prepara para este último trimestre do ano unha serie de cursos centrados no ámbito agroforestal. Os primeiros seminarios comezan este mesmo venres día 4 e a programación continuará ata finais de novembro. Os cursos céntranse en abordar temáticas como a poda e coidados dos castiñeiros, a xestión de plantacións de pequenos froitos ou plantas aromáticas, técnicas de micoloxía ou no mantemento de maquinaria forestal. A continuación recollemos en detalle os cursos ofertados e as datas dos mesmos: -Multiplicación de castiñeiro por acodo baixo. Días 4 e 5 de outubro. -Mantemento da motoserra e rozadora. Días 18, 19, 25 e 26 de outubro. -Cultivo e xestión de plantacións de froitos pequenos. Días 18 e 19 de outubro. -Enxerto de castiñeiro híbrido con variedades autóctonas. Días 25 e 26 de outubro. -Iniciación ó uso con motoserra. Días 8, 9, 15 e 16 de novembro. -Recoñecemento e recollida de plantas medicinais e aromáticas. Usos. Día. 8 de novembro. -Micorrización de especies forestais. Días 22 e 23 de novembro. -Técnicas de produción de cogomelos. Días 29 e 30 de novembro. As xornadas son de balde e están dirixidas a profesionais do sector, pero tamén ó público en xeral que teña interese na materia. Os interesados poderán inscribirse enviando o formulario do curso ó correo electrónico cfea.lourizan(arroba)edu.xunta.es. O formulario é o mesmo para tódolos cursos, abonda con modificar o nome do curso especificando no que se quere inscribir. Para dispoñer de máis información sobre as sesións pode chamarse ós teléfonos 986 805 088 e 986 805 085.

Xornadas ‘A outra cara do monte’ para abordar aproveitamentos alternativos

A Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo acollerá os días 18 e 19 de setembro unhas xornadas adicadas a abordar aproveitamentos alternativos no monte galego. Promove a actividade a firma ‘MycoGalicia Plantae’, unha empresa de base tecnolóxica saída da Universidade de Vigo e que participa tamén no Clúster Tecnolóxico das Ciencias da Vida de Galicia, Bioga.

MycoGalicia Plantae, que trata de impulsar o recurso micolóxico en Galicia, busca con estas xornadas amosar as potencialidades do monte galego. “Queremos demostrar que o bosque galego é un activo fundamental no desenvolvemento do campo e que pode xerar postos de traballo arredor de proxectos innovadores e viables, como pode ser o aproveitamento do recurso micolóxico”, asegura María Cabaleiro, unha das co-fundadoras de MycoGalicia Plantae.

Pola súa banda, Andrés Cordeiro, tamén socio cofundador da empresa promotora das xornadas, destaca que a cita pretende ser un referente no deseño do futuro estratéxico do monte en Galicia. “Cremos que valores como o respecto medioambiental, a sustentabilidade, a cooperación co desenvolvemento rural, a innovación ou o compromiso son fundamentais para construír a Galicia rural do futuro, que a ben seguro xirará arredor do monte e a súa explotación racional”. Na súa opinión, “no monte galego está a nosa identidade, polo que é necesario prestarlle atención, e dedicarlle tamén moitos recursos que permitan buscar, ao mesmo tempo, aproveitamentos alternativos que esperten o atractivo dos nosos bosques”.

Programa
Entre os poñentes que acudirán ás xornadas ‘A outra cara do monte’ están Juan Picos, do Grupo de Investigación en Enxeñería Agroforestal da Universidade de Vigo, que falará da situación actual do monte galego e do sector forestal; Damián Copena, do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da Universidade de Vigo, que abordará as posibilidades de desenvolvemento e aproveitamentos multifuncionais do monte galego; Iria Villar, do Grupo de Investigación Bioloxía Ambiental da UVigo, que tratará a compostaxe como ferramenta para dar unha saída ao residuo verde; e Serafín González Prieto, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, que falará sobre Galicia e o lume.

Tamén participan o Concello de Allariz, a Comunidade de Montes de Teis, a Sociedade Cooperativa Galega Amarelante, a Mancomunidade de Montes de Vigo, a Comunidade de Montes en Man Común de Couso e a Sociedade Galega de Historia Natural. Os seus representantes darán a súa visión e contarán ás súas experiencias arredor da xestión do monte en Galicia. Prevese ademais unha saída de campo polo monte da Comunidade de Couso e un workshop sobre aproveitamentos alternativos, dirixido a potenciar e integrar as ideas dos asistentes nun proxecto común.

Pódese consultar o programa completo na web das xornadas.

Este fin de semana celébrase en Curtis a Festa de Exaltación dos Cogomelos

O concello coruñés de Curtis promocionará este fin de semana, 27 e 28, un dos seus produtos estrela, o cogomelo e as ducias de variedades que medran nos seus montes na XIX Exaltación dos Cogomelos en Teixeiro. Organizada desde a área de Promoción Económica do Concello, incluirá un ano máis accións de impulso da hostalaría, o comercio e a música popular, ao mesmo tempo que incidirá nos aspectos didácticos con expertos e con saídas ao monte co fin de programar unha oferta variada para os centos de afeccionados á micoloxía e aos amantes da gastronomía relacionada con este produto. Así, durante ese fin de semana, a vintena de locais de hostalaría de Curtis e Teixeiro que se sumaron á ruta gastronómica ofrecerán a oportunidade de degustar distintas tapas, petiscos e pratos elaborados con cogomelos, desde os máis tradicionais aos máis arriscados. Charlas sobre micoloxía e saídas ao monte para recoller cogumelos Ademais, os visitantes poderán coñecer o mellor comercio de Teixeiro xa que a Asociación de Comerciantes organizará a súa V Feira Local, para a que instalará unha gran carpa na Praza de España con decenas de expositores. O sábado será a xornada para as charlas micolóxicas, que se impartirán ás 10.00 horas no salón de plenos do Concello, antes da saída ao monte á procura de cogomelos dirixida por expertos micólogos da Asociación Pan do Raposo, á que están convidadas a participar todas as persoas interesadas. Pola tarde, ás 20.00 horas, celebrarase o V Dakar Ghaiteiro, e a partir das 22.00 horas, a VIII Ruada de Teixeiro, organizada pola asociación cultural Faragulla en casa Miraz, con distintos grupos de cante e baile tradicionais.

Descarga aquí o programa completo

Curso sobre cultivo de shiitake

A Fundación Ramón González Ferreiro organiza durante este mes de setembro en Allariz un curso sobre cultivo de Shiitake. Será o día 22 de setembro, sábado, en horario de 10:00 a 14:00 horas, cun custo de 40 euros. Un profesional explicará cales son os mellores sustratos, como cultivar shiitake en tronco e en sacos de cultivo, e unha parte práctica. Ademais, cada participante levará para a súa casa un saco de cultivo inoculado e esterilizado. E o xoves, 13 de setembro, a Fundación Ramón González Ferreiro organiza un curso de elaboración de mermeladas e conservas. Será en horario de 17:30 a 21:00 horas e o prezo é de 27 euros por persoa. Inscricións no 988436182 (horario de mañá) e en info@fundacionrgf.org

‘María Tola’, un proxecto de conservas silvícolas e de horta no Xurés

“En Galicia, parece que no rural o único recurso é abrir un bar e non é certo, hai moitas posibilidades”. Quen así fala é María del Carmen Jiménez, unha almeriense afincada desde hai anos en Galicia que está a impulsar unha pequena empresa de conservas vexetais en Bande (Ourense), no territorio do parque natural do Xurés. A súa iniciativa, que se inaugurará en agosto, oriéntase a procesar produtos singulares, como as ortigas, e a conservas de froitos e vexeitais de tempada, como castañas, cabazas ou cogomelos. O xerme do proxecto vén da asociación cultural A Ortiga (Celanova, Ourense), desde a que María del Carmen tenta desde hai anos promocionar as posibilidades gastronómicas da ortiga. “É un produto que en toda a conca do Mediterráneo ten un uso gastronómico tradicional e que presenta unha gran potencialidade”, defende. Desde a asociación A Ortiga xa teñen feito conservas en colaboración con outras empresas, como Champivil, unha firma lucense coa que tamén lanzaron unha cervexa de ortiga. Agora María del Carmen quere desenvolver o seu propio proxecto de elaboración de conservas vexetais, unha iniciativa na que traballará con ortigas e con outros produtos do monte, coma cogomelos, castañas ou o érbedo, unha pequena árbore que dá un froito vermello e doce. A empresa levará por nome Conservas Xurés e usará a marca ‘María Tola’, que mistura o nome da impulsora do proxecto coa palabra ‘Tola’, no sentido de “quen fai cousas xeniais que se apartan do habitual”, precisan os promotores. Elaboración de conservas de ortiga. Conservas Xurés, ademais de recolectar produtos do monte, tamén traballará con vexetais e froitas da horta de tempada, como cabaza, feixóns ou couve. A idea é comercializar tanto conservas como produtos elaborados, tipo marmelada, cremas ou alimentos cociñados, coma potaxes. Público vexetariano As elaboracións da empresa terán como consumidores principais persoas vexetarianas ou veganas, segundo as expectativas de María del Carmen Jiménez. “Hai alimentos como as ortigas que son moi interesantes para persoas vexetarianas polos altos niveis de proteína que teñen” -explica-. “Queremos distinguirnos polo coidado do produto, procesando só produtos frescos, como faría unha persoa na súa casa, e mantendo ó máximo as propiedades organolépticas do alimento”. O obxectivo de Conservas Xurés é ter distribución en tendas gourmet, bio e de consumo responsable, nas posibilidades que teña a súa produción. “Estivemos xa facendo contactos en feiras como Alimentaria e temos claro que hai unha demanda para este tipo de produtos”, valoran. Para nutrirse de materia prima, a empresa prevé colaborar con pequenos produtores da zona, ós que tamén lles ofrecerá servizo no caso de que queiran elaborar as súas propias conservas con rexistro sanitario. Durante a parte forte da campaña, alomenos seis meses ó ano, María del Carmen ten prevista tamén a contratación dunha persoa para traballar na parte de transformación. O proxecto comezará a procesar pequenos volumes de froitas e verduras, pero conta con ir medrando de xeito progresivo. Os residuos vexetais que se xeren na produción serán compostados, de cara a evitar impactos ambientais. Mercado Xurés Conservas Xurés, que conta co apoio do Concello de Bande, ubicarase no baixo da antiga praza de abastos de Bande, onde tamén se ubica o Mercado Xurés, unha iniciativa que se celebra un domingo ó mes na que teñen cabida alimentos tradicionais e servizos que se ofrecen no territorio do Parque Natural, como mel e embutidos na parte alimentaria ou actividades de deporte de aventura.

Monte escola no Pico Sacro

A Asociación Forestal de Galicia inaugurou no Pico Sacro (Boqueixón) un monte demostrativo no que realizará actividades de divulgación dirixidas a propietarios forestais, técnicos e comunidades de montes veciñais. O proxecto, impulsado coa colaboración do grupo Inditex, funcionará como unha escola de silvicultura na que se poderá comprobar a marcha de distintos aproveitamentos viables en solos de calidade. A iniciativa combina a produción de madeira de frondosas co aproveitamento de cogomelos e froitos do bosque, así coma con cultivos agrarios. O monte escola inaugurouse onte nun acto con presencia do conxunto das asociacións da cadea da madeira e do director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto. Tamén participou Antonio Abril, director xeral de Inditex, a empresa que financiou o proxecto.
O proxecto ubícase en solos de calidade, nos que se transformou un antigo eucaliptal nunha plantación de frondosas
O monte demostrativo ubícase na ladeira do Pico Sacro, en Boqueixón (A Coruña), nunha superficie de 18 hectáreas pertencente a 11 propietarios forestais que subscribiron un acordo a longo prazo coa Asociación Forestal de Galicia para a cesión das súas propiedades. Antes de iniciarse a intervención, o recinto presentaba un alto grao de deterioro, con masas de eucalipto procedentes de antigos incendios, moi afectadas por ataques de gorgullo, e con cultivos agrarios con baixo nivel de explotación. O proxecto para crear o monte demostrativo deseñouse con tres finalidades principais: a plantación de rodais de frondosas caducifolias para obter madeira de alto valor, a produción de cogomelos e froitos do bosque (castañas, noces) e o manexo dunha zona de interfaz agrícola – forestal. “En moitas zonas de Galicia marcadas polo peche de explotacións agrarias, a interfaz agrícola forestal está quedando abandonada e en poucos anos transfórmase en silveiras. Este proxecto demostra a posibilidade de que esas terras xeren valor para os propietarios”, explica o director técnico da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans. Imaxe de grupo das asociacións da cadea da madeira, participantes na inauguración do monte. Zona forestal O monte demostrativo está dividido en dúas zonas principais, unha clasificada como solo forestal e outra como solo agropecuario. Na parte forestal, plantáronse masas de cerdeiras, castiñeiro híbrido, nogueira híbrida e carballo americano, todas elas co obxectivo principal de lograr madeira para chapa de alto valor. De xeito paralelo, produciranse cogomelos nun rodal no que se plantou castiñeiro híbrido micorrizado que permitirá a obtención de níscalos (‘Boletus edulis’). A planta utilizada, castiñeiro, cerdeira, nogueira e carballo americano, procede de material xenético mellorado polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán, no marco dos proxectos promovidos polo Grupo Inditex. Tamén se empregou material procedente de recoñecidos viveiros e de centros de investigación do sur de Europa. Souto do monte demostrativo. A maiores de acometer estas novas plantacións, estase a recuperar un souto adulto, unha plantación de castiñeiros que data do 1995 e que presenta un gran número de pés en mal estado en canto a réxime de podas e calidade do fuste. Espazo agropecuario A actuación na parte agropecuaria do monte demostrativo amosa vías para a xestión da interfaz agrícola – forestal, unha xestión que cobra importancia como vía para reducir os riscos asociados ós lumes. Na antiga zona agraria do monte, instaláronse parcelas nas que se ensaia a produción de madeira de cerdeira e de nogueira en marcos amplos, con 12 metros de separación entre fileiras, de xeito que as plantacións intercálanse con franxas de cultivo de millo. Outra das parcelas existentes en solo agropecuario destinouse á produción de noces co obxectivo de comparar a produción de froito da nogueira do país coa das variedades máis produtivas existentes no mercado. Xestión e visitas O monte demostrativo do Pico Sacro está deseñado para permitir a realización de actividades formativas e divulgativas, con visitas organizadas nas que se amosará o manexo do monte. O espazo foi dividido e acondicionado para permitir un acceso cómodo, sinalizáronse as parcelas demostrativas e establecéronse itinerarios didácticos. Contarase con material didáctico de apoio para facilitar a comprensión por parte dos visitantes. As visitas dos silvicultores estarán acompañadas por expertos. Inauguración do monte polo director xeral de Inditex, Antonio Abril. Tamén se realizarán visitas con centros escolares. Onte mesmo participaron na inauguración escolares de Boqueixón, que acometeron unha plantación simbólica de frondosas caducifolias, coma carballos e cerdeiras. A xestión do monte será realizada polo equipo técnico da Asociación Forestal de Galicia co apoio e colaboración de expertos da Unidade de Xestión Forestal Sostible (Universidade de Santiago, USC), do Forest Stewardship Council (FSC), do Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental (USC) e de centros de investigación e institucións especializadas como o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Asociación pola Conservación do Ecosistema Forestal Galego (ACEFGA). Compatibilidade de usos O proxecto de xestión do monte demostrativo busca tamén amosar a compatibilidade da produción forestal coa conservación do medioambiente. Distribuídos por toda a parcela, existen unha serie de enclaves de interese ecolóxico que permitirán conservar hábitats singulares, favorecendo a permanencia de numerosas especies de fauna e flora, que contribuirán a mellorar a biodiversidade e á vez a previr a aparición de problemas sanitarios nas plantacións.