Archives

Publican a primeira guía de cogumelos da provincia de Lugo

Persoal docente e investigador na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC elaboran xunto coa Sociedade Micolóxica Lucus a primeira guía micolóxica básica da provincia de Lugo. Esta nova publicación, coordinada por Antonio Rigueiro e Julián Alonso, e na que tamén colaboran como autores José Castro Ferreiro e María Cristina García-Echave, pretende ser unha ferramenta de utilidade para todas aquelas persoas interesadas en iniciarse no mundo da macromicoloxía en xeral, e na realidade da provincia de Lugo, en particular. A nova publicación, que constitúe un dos resultados das actividades desenvolvidas ao abeiro do convenio administrativo entre a Deputación Provincial de Lugo e a USC, comeza cun amplo capítulo dedicado á provincia de Lugo, no que se ofrece unha exhaustiva análise das súas características físicas, climáticas e tamén sobre a súa riqueza en espazos e ecosistemas variados, o que, segundo subliñan os autores desta obra, tradúcese nunha enorme diversidade micolóxica. A ‘Guía micolóxica básica da provincia de Lugo’ ofrece asemade un amplo compendio informativo, a través do que afonda en distintos conceptos básicos sobre fungos, identificación, toxicidade e mesmo respecto da súa aptitude para o consumo. De seguido, na parte inclúense fichas fotográficas con minuciosas descricións de 202 especies, na súa maioría de presenza habitual na provincia de Lugo, pero tamén doutras máis raras, aínda que características dalgúns dos micotopos da provincia de Lugo. As observacións recollidas nestas fichas descritivas inclúen comentarios e alusións a outras 380 especies máis. A obra, de carácter divulgativo, achega información de xeito claro e comprensible, pero con contidos completos e rigorosos nun formato de guía de campo de fácil manexo. Asemade, completan a publicación un abano de anexos nos que se inclúe un apartado sobre lexislación, unha sinopse bibliográfica e un glosario micolóxico amplo e completo.

Acto público de presentación

Os autores da ‘Guía micolóxica básica da provincia de Lugo’ presentarán este nova publicación no marco duna acto público que se desenvolverá o xoves 30 de novembro, a partir das 20.00 horas, no Salón de Actos do lugués Pazo de San Marcos. A sesión, na que estarán presentes autoridades académicas e políticas, contará tamén coa participación, como relatora convidada, da doutora Marisa Castro Cerceda. Todas as persoas asistentes a este acto de presentación recibirán como agasallo un exemplar gratuíto da ‘Guía micolóxica básica da provincia de Lugo’.

Boqueixón acolle senllos cursos sobre produción de froitos vermellos e cultivo de cogomelos

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, situado no concello coruñés de Boqueixón, acollerá nos próximos días senllas formacións sobre a produción de froitos vermellos e sobre o cultivo de cogomelos. Canto ao curso sobre froitos vermellos será os días 12 e 13 de novembro e terá unha duración de 15 horas lectivas. Centrarase nas posibilidades que ofrece o cultivo e a comercialización de framboesas, grosellas, moras, arandos e a madreselva comestible, dado o seu alto valor no mercado. Así, abordarase a plantación e cultivo destas especies, así como a preparación do solo. Tamén se falará de rega e fertilización, de podas, de pragas e enfermidades, de colleita e de comercialización. No que respecta á acción sobre cogomelos terá lugar os sábados 13 e 20 de novembro e centrarase na micoloxía silvestre e no auxe que están experimentando opcións como o cultivo sobre restos agroforestais (serraduras, estela, palla...), así como en madeiras de frondosas resultantes de podas e rareos. Coa idea de que a produción de cogomelos pode servir de complemento económico ao sector agrícola ou mesmo de actividade principal, tratarase a historia deste tipo de cultivos, as súas características e pautas para a súa identificación e recolección. Ademais, levaranse a cabo obradoiros de cultivo de cogomelos en substratos orgánicos e en troncos, así como unha saída ao monte para recoller distintas especies. Estas iniciativas están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. Para formalizar a inscrición deben enviar a solicitude a cursos.agacal.sergude@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 867 331. Ambos cursos están organizados pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

- Descarga aquí a solicitude para a inscrición.

Curso sobre a produción de cogomelos en troncos de castiñeiro e carballo en Folgoso do Courel

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, celebrará a semana que vén en Folgoso do Courel (Lugo) un curso sobre produción de cogomelos en troncos de castiñeiro e de carballo. A iniciativa terá lugar entre o venres 12 de novembro e o domingo 14 na Estación científica desta localidade lucense, en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 18:30 horas.

O curso terá un total de 20 horas lectivas e será impartido polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo. A formación persegue dar a coñecer esta posibilidade produtiva compatible coa explotación da madeira e co aproveitamento da castaña, dado o pouco investimento inicial preciso para introducirse no mercado dos cogomelos. Así, no programa contémplanse contidos sobre as distintas especies de cogomelos que se cultivan en troncos, así como sobre a produción, a colleita e a postcolleita, entre outras cuestións. Inclúese, ademais, un taller de inoculación de shiitake e outro de inoculación de cogomelo ostra.

A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como á mocidade do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Inscrición

As persoas interesadas poden inscribirse cubrindo a solicitude que atoparán neste enlace e enviándoa ao enderezo electrónico cfea.guisamo@edu.xunta.es. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 881 043.

O curso inclúese dentro do plan de formación da Consellería do Medio Rural para este ano 2021. A oferta formativa pode consultarse aquí.

Formacións micolóxicas sobre a produción de cogomelos en troncos

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) ten previsto celebrar varios cursos sobre micoloxía e produción de cogomelos nos vindeiros días. En concreto, este venres 22 de outubro está programado un de iniciación á micoloxía na Casa da Cultura de San Sadurniño, mentres o venres 29 se prevé outro sobre produción de cogomelos en troncos de madeira de castiñeiro e de carballo na Casa Quindós de Vilela, en Navia de Suarna. Impartida pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Ferrol, a iniciativa de San Sadurniño constará de 15 horas lectivas distribuídas en dous días. O obxectivo é iniciar aos participantes nos aspectos fundamentais relativos á identificación, recolección e cultivo dos diversos tipos de cogomelos existentes. O programa inclúe saída ao monte, un obradoiro de cultivo de shiitake e de cogomelo ostra e unha degustación de produto en distintas receitas. En canto á acción sobre a produción de cogomelos en troncos, será impartida polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo e constará de 20 horas lectivas repartidas en tres xornadas. Persegue dar a coñecer esta posibilidade produtiva compatible coa explotación da madeira e co aproveitamento da castaña, dado o pouco investimento inicial preciso para introducirse no mercado dos cogomelos. Así, no programa contémplanse contidos sobre as distintas especies de cogomelos que se cultivan en troncos, así como sobre a produción, a colleita e a postcolleita, entre outras cuestións. O curso inclúe un taller de inoculación de shiitake e outro de inoculación de cogomelo ostra.   Todos estes cursos están dirixidos en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector. Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes. No caso de San Sadurniño, deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico alejandro.martinez.verez@xunta.gal e solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 981 337 044. No que respecta á acción formativa de Navia de Suarna, o correo de referencia é cfea.guisamo@edu.xunta.es  e o teléfono o 881 818 043.

Greencastanea, biotecnoloxía para optimizar a produción de castiñeiros e mellorar a súa rendibilidade

Modernizar o cultivo do castiñeiro a través da biotecnoloxía e a multiprodución é o obxectivo principal de Greencastanea, un proxecto piloto liderado pola empresa galega Hifas Foresta, que conta cun orzamento de case 190.000 euros e financiamento europeo e autonómico. En Galicia, os castiñeiros constitúen ecosistemas autóctonos, achegando gran riqueza e biodiversidade á paisaxe tradicional, sendo ademais un dos cultivos economicamente máis rendibles. Con todo, os métodos tradicionais de produción de castiñeiro inxertado son pouco eficientes e non permiten cubrir a demanda actual. “É fundamental alcanzar sistemas rendibles e sustentables que permitan unha maior produción de planta, de maior calidade e garantindo a súa sanidade”, indican dende Hifas Foresta. O proxecto piloto Greencastanea busca modernizar o cultivo de castiñeiro a través da implantación dunha cámara de cultivo innovadora para o crecemento e aclimatación de clons híbridos de castiñeiro obtidos in vitro que serán inxertados con variedades tradicionais IXP (Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia). A obtención destas variedades realizarase por parte de produtores profesionais do sector mediante unha selección intravarietal en base a características superiores demostradas en campo como produtividade, tamaño ou resistencia a enfermidades. Biorreactor empregado no proxecto para producir o inóculo de Boletus edulis que se colocará nos castiñeiros. Doutra banda, co fin de mellorar a rendibilidade dos soutos a través da multifuncionalidade, antes do seu paso á maceta, os castiñeiros serán micorrizados cun inóculo de Boletus edulis producido mediante un novo sistema en biorreactor. Ademais, incorporarase un sistema de termohidroterapia para desinfectar o material vexetal empregado no enxerto, garantindo a ausencia da avispilla do castiñeiro, unha praga con gran incidencia actualmente e outros posibles problemas fitosanitarios. Por último, avaliaranse as características e o rendemento dos castiñeiros obtidos nunha plantación experimental demostrativa.  "Greencastanea aposta pola micofroiticultura e a diversificación do sector agroforestal, un enfoque que permitirá xestionar unha produción eficiente, flexible e de calidade de castañas e cogomelos, dous produtos de gran valor económico. En definitiva, coidar do autóctono e manter vivo a contorna rural", reivindican os promotores da iniciativa. O proxecto, que finalizará en xullo de 2023, conta coa participación dun equipo multidisciplinar que inclúe a Hifas Foresta, a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), a Universidade de Vigo (a través do Grupo Agrobiotech For Health), a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia e a empresa Soutos Sativa.

Curso sobre a xestión integral dos piñeiros

O Distrito forestal IX Lugo-Sarria impulsa un curso formativo teórico-práctico sobre a “Xestión integral dos piñeiros”. A formación impartirase do 24 de setembro ó 23 de outubro no centro de interpretación do río Rato, en Lugo. No curso abordaranse cuestións como a situación do sector forestal galego, o aproveitamento madeireiro e as prácticas silvícolas a levar a cabo nos piñeirais. Ademais trataranse outros aproveitamentos complementarios á madeira, como a resina, os cogomelos ou o gando. O curso ten unha duración de 40 horas que levarase a cabo en 9 sesións en quenda de mañá ou de tarde, de 10.00 a 14.00 horas ou de 15.00 a 19.00 horas. En concreto combinaranse sesións teóricas e prácticas para ir afondando en técnicas como a extracción da resina ou o manexo de peches perimetrais para o gando ou a carga gandeira que soporta un piñeiral para conseguir un equilibrio entre as dúas actividades. A formación está destinada a persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal- madeira, ou con expectativas de incorporación e en especial para a mocidade do medio rural galego. O curso conta con prazas limitadas polo que as persoas interesadas deben formalizar a súa reserva enviando un email a xbruna@xunta.gal ou informacion@foresin.es ou chamando ós teléfonos 982 828 622 ou 680 208 320. A acción está aprobada dentro do plan de transferencia ao agro galego 2021 e conta coa colaboración das seguintes entidades: Agacal, Foresin, Deputación provincial de Lugo e Reserva da Biosfera Terras do Miño.

-Descarga aquí o modelo de solicitude para a prescrición. 

 

Xornada en Lugo sobre o recurso micolóxico nos montes

O Grupo Operativo MIKOGEST convida a propietarios forestais, xestores e profesionais da recolección, comercialización e transformación de cogomelos silvestres a asistir e participar nunha xornada semipresencial titulada O recurso micolóxico como un activo máis das fincas forestais, que se celebrará o vindeiro mércores, día 28 de xullo, a partir das 9:30 horas, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en Lugo. Nesta xornada preténdese dar a coñecer ferramentas tecnolóxicas, modelos produtivos e iniciativas sectoriais que axuden a mellorar a xestión e aproveitamento sostible do recurso e avanzar nos acoutados micolóxicos dos montes galegos. Para participar é necesario inscribirse cubrindo o seguinte formulario.
Antonio Rigueiro profundará no coñecemento dos cogomelos como un recurso máis das masas forestais galegas
Tamén se profundará no coñecemento dos cogomelos como un recurso máis das masas forestais de Galicia nun relatorio a cargo de Antonio Rigueiro Rodríguez, doutor enxeñeiro de Montes e catedrático da EPSE de Lugo (USC). Nova asociación para profesionalizar o sector No transcurso da xornada presentarase tamén a recentemente creada Asociación de Recolectores Profesionais de Cogomelos Silvestres, que nace para contribuír á organización socioeconómica do sector, e proxectarase en primicia o vídeo Mellora do aproveitamento do recurso micolóxico: Os cogomelos. MIKOGEST é un proxecto de innovación que pretende dinamizar a xestión do recurso micolóxico mediante ferramentas baseadas nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), garantindo a sustentabilidade no aproveitamento e a trazabilidade na cadea de valor, ofrecendo información útil tanto ao recolector como ao sector empresarial mediante un sistema de recollida e análise Big Data (capacidade produtiva de hábitats en tempo real e parámetros precisos da demanda, comercialización e xestión do recurso). Tamén aposta pola profesionalización dos recolectores a través da formación, o asociacionismo e a fiscalidade.
MIKOGEST é un proxecto de innovación que pretende dinamizar a recolección de cogomelos mediante ferramentas tecnolóxicas
O proxecto de innovación do grupo operativo MIKOGEST ten unha duración de dous anos e foi beneficiario dunha axuda a proxectos de innovación de interese xeral de grupos operativos (AEI-AGRI) no marco do programa nacional de desenvolvemento rural 2014-2020 (FEADER) na convocatoria 2019, cun orzamento total de 584.000€ (467.200€ FEADER e 116.800€ AGE).

Os cogomelos en Galicia: un sector con futuro

A recolección de cogomelos na comunidade galega, tanto para consumo propio como para a comercialización, aumentou nas últimas décadas, ao mesmo tempo que ía crecendo o interese pola micoloxía e os cogomelos conquistaban un lugar privilexiado no mundo da gastronomía. Pero a pesar de ser un recurso tan valioso, a súa importancia económica é moi difícil de cuantificar. Distintos estudos e traballos ofrecen os seguintes datos para Galicia:
  • Produción media: 45 kg/ha.ano (Produtividade, Xunta Galicia, 2003)
  • Ingresos de recolectores: 24-30 millóns de €/ano (Rigueiro, 2001) 
  • Especies colleitadas: 55 (Sinde, 2015) 
  • Superficie media propietario particular: 1,5-2 ha, en varias parcelas de tamaño medio 0,23 ha (Xunta de Galicia, 1992)
A recolección de cogomelos con importancia comercial nos montes galegos realízase maioritariamente de piñeirais, soutos de castiñeiros e carballeiras, e as especies que teñen maior importancia económica son: 
  • Boletos, andoas, bolouros do grupo edulis ( Boletus edulis, B. reticulatus, B. aereus e B. pinophilus)
  • Níscalos, fungos dá muña, lactouros (Lactarius deliciosus, L. sanguineus, L. semisanguineus, L. scrobiculatus)
  • Cantarelas do grupo cibarius e especies afíns ( Cantharellus cibarius, C. pallens, Craterellus lutescens, C. tubaeformis)
  • Outras especies colleitadas, como a lingua de vaca ( Hydnum repandum, H. rufescens), os tortullos ( Tricholoma portentosum, T. terreum), e algunha outra, teñen importancia menor.

Programa completo da xornada: 

Produción de cogomelos en tocóns de eucalipto no monte veciñal de Couso, en Gondomar

O shiitake, un cogomelo cultivable ben valorado na cociña, desenvólvese a partir da madeira morta no monte, polo que representa unha opción de interese para montes veciñais e propietarios. En Couso (Gondomar), a comunidade de montes iniciou hai un ano unha experiencia de cultivo do cogomelo en 15 tocóns de eucalipto, con diámetros que van dos 20 centímetros ós 100. Os primeiros cogomelos comezaron a saír ós 7 meses, o que demostra a viabilidade do aproveitamento. Na experiencia colabora Miguel Ángel Rodríguez, xerente da empresa Ideas para tu huerto (Tui), que destaca que un tocón de eucalipto de 60 centímetros pode pesar arredor de 1.500 Kg. e estar producindo cogomelos durante 5 anos. “A produtividade do shiitake sitúase en torno ó 20% do peso da madeira en carballos e algo menos en eucalipto”, valora. Na proba realizada en Couso empregouse unha variedade específica de ‘Lentinuda edodes’, que se sementou con ferramentas adaptadas. A comunidade de montes de Couso xa cultivaba shiitake sobre madeira de castiñeiro obtida de podas, pero esta é a primeira experiencia en tocóns de eucalipto, un sistema que proporciona cogomelos e que contribúe á vez á degradación natural da madeira, en lugar de proceder a un destoconado mecánico ou químico, segundo destaca Miguel Ángel Rodríguez. A súa empresa quere ampliar o próximo ano as experiencias en tocóns de piñeiros e frondosas caducifolias, coa perspectiva de ofrecerlle os seus servizos a comunidades de montes, Concellos e propietarios.

Son os biofertilizantes unha oportunidade para as cooperativas?

Converter un residuo ou subproducto gandeiro ou agrícola nun recurso, ben sexa para os propios socios da cooperativa, como de cara a outros produtores. Así se presentan os biofertilizantes. Aínda que, son tamén ferramentas na loita contra o cambio climático nunha aposta pola economía circular ou unha oportunidade sustentable de mercado. Esas foron algunhas das conclusións do seminario web Biofertilizantes na nova Economía Circular que Cooperativas Agro-alimentarias de España organizou, dentro das actividades do proxecto europeo Rubizmo e para celebrar o Día Internacional das cooperativas. De man dos representantes de 4 entidades (Complus, Central Leiteira Asturiana, Champinter, Coexphal), que apostaron pola valorización dos recursos dos seus socios no ámbito agrogandeiro, abordáronse tamén algunhas das cuestións que se expoñen tanto a cooperativas como a gandeiros á hora de comezar a apostar polos biofertilizantes. A rendibilidade e viabilidade económica é unha das dificultades que sobrevoan, polo menos nos seus inicios, a estes proxectos sustentables.
As liñas marcadas desde Europa en busca dunha produción máis sustentable levan ás cooperativas a apostar polos biofertilizantes
Con todo, as liñas marcadas desde Europa cara a producións cada vez máis respectuosas co medio ambiente fan que sexan unha vía para canalizar e aproveitar os residuos agrogandeiros, tal e como coincidiron en sinalar desde as distintas cooperativas inmersas desde hai anos nestes proxectos.

Oportunidade ou obrigación?

Á marxe do investimento económico que estas plantas de tratamento supoñen, un dos freos que se atopan nas cooperativas para a súa implantación vén dado pola escasa concienciación dos socios sobre a necesidade de apostar pola transformación de residuos ou subproductos. "Aínda non logramos unha concienciación ao 100% con estas iniciativas, pero os nosos socios vanse dando conta, cada vez máis, de que é necesario achegar valor engadido ao noso produto máis aló da calidade, que levamos anos conseguindo", explica Francisco Sanmartín, xerente de Central Lechera Asturiana, que apostou coa planta Biogastur pola xestión dos xurros, cunha capacidade de 1.200 toneladas ao día e que xera tanto metano para producir electricidade como dixestato, que se emprega como fertilizante, así como cama para o gando e mesmo se valora o seu poder calorífico para empregalo en industrias. Aínda que nestes momentos a actividade na planta atópase paralizada, agardan activala en breve e teñen en previsión ampliar a súa capacidade, que na actualidade é de 4,5 megavatios e empezar a producir biometano.
"Vemos a xestión dos xurros non só como unha vía de negocio, senón como un servizo aos nosos socios", Francisco Sanmartín, Central Lechera Asturiana
"Non estamos centrados en ver a xestión dos xurros só como unha vía de negocio, senón coma un servizo aos nosos socios", detalla Sanmartín. Con todo, chegar a convencer aos socios para apostar por esta transformación dos xurros non foi unha tarefa sinxela, tal e como lembra o xerente de Central Lechera Asturiana. "Cando en 2009 empezamos con Biogastur foi moi rompedor convencer aos socios que era necesario dar este paso, xa que supuña deixar de percibir un beneficio que lles estaba achegando o uso directo dos xurros para a fertilización dos seus campos e pasar a pagar unha taxa pola súa xestión", comenta Sanmartín. Nunha liña similar traballan en Complus, unha cooperativa estremeña con 9 socios, entre os que se inclúen cooperativas agrogandeiras e unha almazara, e que xestiona os residuos para transformalos en compost. "A nosa preocupación é dar solución a subproductos dos nosos socios e á súa vez valorizarlos e sacar rendemento", detalla Sebastián Trinidad, xerente da planta. Entre os residuos que xestionan está o esterco procedente de dúas gandarías de ovino xunto con subproductos dunha almazara. De feito, a planta converteuse nunha solución para a xestión destes residuos. "Nestes cebadeiros de cordeiro, o esterco ten demanda en determinados momentos do ano, pero despois deben buscarlle unha solución xa que tiñan que sacalos da granxa", detalla.
"Os socios viron moi clara a necesidade de apostar pola transformación dos residuos a pesar do investimento de máis de 3 millóns de euros": Sebastián Trinidad, xerente Complus
Obteñen o compost tras someter os diferentes materiais orgánicos a un proceso biolóxico de dixestión aerobia, no que controlan a temperatura e a humidade. Como resultado obteñen un compost, tanto en po como en pellets, que axuda a mellorar a estrutura do chan e aumenta a súa capacidade de reter líquidos, un dos desafíos da agricultura fronte ao cambio climático e as etapas de secas cada vez máis extremas. "No noso caso, os socios viron moi clara a necesidade de apostar por esta transformación dos residuos e subproductos, xa que é preciso vender moito compost para rendibilizar o investimento de máis de 3 millóns de euros que supuxo a planta", detalla Trinidad. Ademais, a planta sitúase nunha parcela lindeira a un dos socios, a almazara, para así conseguir un aforro nos custos de transporte dos subproductos e lograr un proceso máis sustentable ao reducir tamén as emisións de carbono que implica o traslado dos restos.

Economía circular

Os biofertilizantes poden ser un elo máis para pechar o círculo dunha economía circular, onde os residuos se transformen en recursos. Así o entenden dende a Cooperativa Champinter, que leva 40 anos inmersa no cultivo de champiñón en Albacete. O substrato que empregan para o crecemento dos champiñóns, unha vez esgotado para esta produción, termina sendo aproveitado por outras gandarías e explotacións agrícolas para a fertilización das terras.
"Conseguimos xerar beneficios a partir deste substrato esgotado polo que antes o cultivador debía pagar para a súa retirada": Juan Carlos Anguix, técnico de compost de Champinter
Elaborado a base da compostaxe de palla de cereal, esterco de galinaza e xeso de canteira, o substrato empregado para o cultivo do champiñón supón unha achega para o solo agrícola, aínda cando xa non consegue sacar adiante a produción micolóxica. "Conseguimos xerar beneficios a partir deste substrato esgotado polo que antes o cultivador debía pagar para a súa retirada", explica Juan Carlos Anguix, técnico de compost de Champinter. A horta é outro dos sectores que está a mirar, cada vez máis ao aproveitamento de biofertilizantes. Así o puña de manifesto o entomólogo do Departamento de Técnicas de Produción da Asociación de Organizacións de Produtores de Froitas e Hortalizas de Almería (Coexphal), Jan Van Der Blom, que destacou o esforzo por optimizar a rega e a fertilización que están a realizar dende hai anos en invernadoiros de Almería. Prácticas como o triturado de restos de materia vexetal de cultivos coma o tomate son unha ferramenta para mellorar a estrutura do solo, desgastada por anos de cultivo intensivo e, sobre todo para aquelas producións en ecolóxico, que hoxe en día supoñen xa o 15% dos invernadoiros desta rexión, unhas 4.000 hectáreas, nas que se deben empregar fertilizantes orgánicos.

Baroña, a comunidade de montes que implica ós seus veciños

Na parroquia de Baroña, en Porto do Son (A Coruña), a Comunidade de Montes xestiona unhas 875 hectáreas de terreos veciñais. Nos últimos anos están impulsando un aproveitamento multifuncional do monte, onde os rendementos desta masa forestal vaian máis alá da madeira. Na actualidade é unha das comunidades de montes de Galicia que se mantén máis activas, promovendo tamén actividades sociais, comerciais e culturais nos seus bosques. “Buscamos a implicación de tódolos veciños no monte e para iso non abondaba con que mantivéramos un aproveitamento forestal, precisabamos buscar outros usos e beneficios para que os comuneiros se sentiran vinculados co seu monte”, explica Ovidio Queiruga, que leva como presidente da comunidade de montes case 11 anos.
“Precisabamos buscar outros usos, a parte do forestal, para que os comuneiros se sentiran vinculados co seu monte”
Aproveitamento resineiro dos piñeiros, diverso gando no monte, un coto micolóxico ou un apiario son algúns dos proxectos que están a impulsar e que comezan a traducirse tamén en rendementos económicos para os 184 comuneiros que conforman a entidade veciñal. Ademais, o seu traballo no monte deixa tamén beneficios intanxibles ós visitantes e veciños da zona que se achegan a estes espazos naturais. Os traballos de silvicultura son un dos labores que afrontan dende a comunidade de montes.

Crear emprego no monte

Cun orzamento anual que se sitúa entre os 250.000 e os 280.000 euros, derivados tamén da instalación de dous parques eólicos e dun posto de vixilancia de Salvamento Marítimo, que supoñen un 35% dos ingresos;  a comunidade de montes leva anos apostando pola creación de emprego vinculado ó monte. “Investimos os beneficios no monte e en crear emprego, como xa fixeron as anteriores directivas. Sempre foi unha prioridade”, detalla Queiruga.
A comunidade de montes emprega a 10 persoas durante todo o ano
Comezaron empregando a dous traballadores e hoxe contan cunha cuadrilla de 10 persoas que se centran tanto en traballos de silvicultura como no coidado do gando. Ademais, as perspectivas son seguir contratando máis persoal en canto vaian incrementando o número de cabezas de gando caprino e vacún. “É certo que nós temos unha importante fonte de ingresos no monte cos parques eólicos e co posto de vixilancia, pero aínda así estamos tentando que o monte tamén produza outros beneficios ós veciños”, indica.

Alternativas á corta das masas forestais

Nos terreos veciñais contan cunha importante masa forestal, case o 60% está repoboado con piñeiro, da variedade pinus pinaster, ós que se suman tamén un pequeno eucaliptal, situados ambos nas zonas de maior altitude, onde outras especies teñen dificultades para saír adiante. “Nas zonas altas, os solos son moi acedos e rochosos, co que estamos moi limitados para introducir outras especies, polo que continuaremos co piñeiro”, explica Queiruga.
“Os plans forestais están moi enfocados a unha produción forestal e case van en contra dun monte multifuncional”
O ano pasado aprobaron o terceiro Plan Forestal da comunidade, unha ferramenta que non está a resultar moi operativa para a comunidade. “Os plans forestais están moi enfocados a unha produción forestal e case van en contra dun monte multifuncional como o que nós queremos”, explica. Tampouco están a seguir as recomendacións das quendas de corta previstas polo prezo que lle ofrecen da madeira de piñeiro. “Tralo peche da industria transformadora na comarca, xa case non quedan serradoiros no Barbanza; e o prezo da madeira de piñeiro depreciouse moito na zona”, detalla, ó tempo que recorda o gran potencial que tiñan na área costeira coa fabricación de caixas para o peixe. Este baixo prezo motivou que nos últimos 5 anos só fixeran as cortas de obrigado cumprimento nas franxas de seguridade ou aquelas que son necesarias para a mellora da masa forestal, coma podas ou claras. Prefiren pospoñer as cortas finais agardando que a cotización da madeira se recupere. “Non podes rematar vendendo unha masa de 30 anos por uns prezos que nin se quere compensan os gastos que ocasiona volvela plantar”, critica. Na masa forestal contan, ademais, co selo de certificación PEFC e agardan acadar proximamente o FSC. Agardan que o prezo da madeira de piñeiro se recupere para realizar as cortas finais. No canto das cortas, nos últimos anos procuraron un aproveitamento resineiro para a masa forestal de piñeiro e convertéronse nos primeiros produtores de resina de Galicia. Este é o terceiro ano que levan a cabo esta práctica nuns 16.000 piñeiros, cos que agardan acadar unhas 50 toneladas de resina, superando ás máis de 40 toneladas que o ano pasado enviaron para a planta de Resinas Naturales, situada en Segovia. “Ó terceiro ano é cando o piñeiro comeza a producir en gran cantidade, xa que nos primeiros anos as árbores retráense”, concreta.
Son o primeiro produtor de resina de Galicia. Este ano agardan recoller unhas 50 toneladas de resina en 16.000 piñeiros
Á par do aproveitamento resineiro, tanto nas masas de piñeiro coma en zonas de frondosas habilitaron un couto micolóxico. “Delimitamos e rexistramos unhas 100 hectáreas de monte para fomentar a produción micolóxica”, apunta Ovidio. Mentres que para os comuneiros o seu acceso é gratuíto, o resto de persoas que queiran recoller cogomelos neste espazo deben contar cun carné de apañador de cogomelos, que ten un custo anual de 10 euros e que permite acceder na tempada. “O recadado con esta cota reinvístese tanto no propio coto como na reparación do peche ou en tratamentos de micorrizado para favorecer o crecemento de cogomelos”, detalla. Nestes montes abondan os boletus e o níscalo, pero tamén hai outras especies como a lingua de vaca ou a cantarela. A delimitación do coto micolóxico encádrase dentro dun proxecto máis ambicioso que pretende a comercialización dos cogomelos de xeito deshidratado, que aínda está pendente de desenvolver nos vindeiros anos. Á par, xa levaron a cabo roteiros micolóxicos para divulgar o coñecemento das especies con maior presenza. A comunidade conta cun rabaño de máis dun cento de cabalos que viven nos montes.

O gando no monte

A comunidade de montes tamén leva anos contando cunha manda de cabalos que contribúe ó mantemento do monte. Os primeiros animais de pura raza galega chegaron a Baroña no 2008. “A vexetación que máis abondaba nos nosos montes eran os toxos, por iso nos decidimos a inicialmente meter cabalos”, apunta Ovidio. Neste anos foron sumando ó rabaño cabalos de veciños que xa non podían seguir a coidalos e hoxe en día a maior parte dos 120 animais que teñen son mestizos, aínda que a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) acreditou que contan con 35 cabalos de pura raza.
“Na Serra do Barbanza sempre houbo lobo, temos que convivir con el”
Para facilitar o manexo do gando teñen peches electrificados e van cambiando os animais de zona para asegurarlles alimento durante todo o ano e que se manteñan só co que produce o monte. Así, optimizan o aproveitamento da vexetación que os cabalos fan, conseguindo que limpen máis. Ademais, con este sistema de rotación tentan reducir os riscos de ataques da fauna salvaxe. “Na Serra do Barbanza sempre houbo lobo, temos que convivir con el”, indica. Por este motivo cando hai cría traen os cabalos para zonas máis baixas para tentar reducir os ataques ós poldros. “Temos sempre algunhas baixas, pero polo momento son asumibles”, detalla. Este sistema, que non supuxo unha gran inversión, permítelles reducir o risco de accidentes en estradas cos cabalos así como que estes causen danos con incursións en leiras. “Polo momento nunca tivemos accidentes cos nosos cabalos, pero de pasar contan cun seguro, ademais de estar identificados cunha chapa para que todo o mundo saiba que son da comunidade de montes”, detalla.
Contan cuns 120 cabalos no monte e este ano comezarán a comercializar chourizos de carne de poldro
Mentres que as femias as empregan para recría, os machos comercialízanos. Nos últimos anos tamén comezaron a sacrificar algún exemplar para degustar en xuntanzas dos comuneiros. “Ó principio había moitas reticencias ó consumo desta carne, pero agora vai gañando aceptación”, explica. Tamén comezaron a elaborar chourizos de carne de poldro que este ano comercializarán. Agardan tamén elaborar outros embutidos, mais a tramitación das licenzas está a ser dificultosa. “A Xunta non fai diferenzas para pequenas industrias, tanto lle dá que só vaias poder elaborar 1.000 chourizos ca que fagas 3.000 ó día, co que a tramitación burocrática é moi complicada para os pequenos”, indica. Xunto cos cabalos, no monte teñen tamén, dende o ano pasado, un rabaño de 75 cabras e agardan chegar a contar con preto de 150 animais. Polo día, o gando está custodiado por cans mastíns, mentres que á noite permanece estabulado en cortes que foron acondicionadas polo persoal da mancomunidade utilizando edificacións abandonadas ou en desuso. “Aproveitamos antigas instalacións que xa estaban no monte dándolle unha nova utilidade”, detalla. Para complementar a alimentación do gando sementaron millo do país ecolóxico. “Procuramos unha crianza tradicional e ecolóxica, sen químicos, para conseguir unha carne de calidade”, apunta. A comunidade forma parte tamén da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia.
Introduciron cabras para conseguir reducir a vexetación nalgunhas zonas e este ano tamén incorporaron vacas cachenas
Esta primavera tamén incorporaron un pequeno rabaño de vacas cachenas doadas por unha comunidade de montes de Ribadeo, que evidencia a colaboración que existe entre estas entidades. “Eles están agora comezando con outro aproveitamento dos montes centrado na cría de porco celta polo que xa non precisan ese gando vacún polo tipo de vexetación que teñen e déronnos 6 vacas e 1 boi”, explica. Están a preparar novas zonas de pastizais para o gando vacún. No plan silvopastoral desenvolvido pola comunidade de montes de Baroña xa programaran a introdución de diferente gando en función de como fora mudando a vexetación. “Agora temos máis zonas de pastizais, polo que xa podemos ir introducindo gando vacún”, argumenta. Hai dous anos tamén incorporaron un apiario, logo de realizar unhas xornadas divulgativas para achegar a apicultura ós veciños. Comezaron cunhas 15 colmeas e agora sitúanse nas 30. Polo momento, o apiario ten como finalidade potenciar a polinización no canto de estar orientado a unha produción melífera, polo que o mel que recollen repárteno entre os comuneiros, aínda que non descartan facelo nun futuro.

A loita contra o lume no monte: silvicultura e vixilancia

Un dos aspectos que máis preocupa na xestión das comunidades de monte é a prevención de lumes forestais e, no seu caso, están a facer importantes esforzos en varias liñas de traballo que buscan non só protexer as masas forestais senón os núcleos de vivendas. Así, a parroquia conta cunha zona produtora, situada nas zonas de maior altitude, e un espazo de conservación da vexetación autóctona nas proximidade das aldeas. Ademais, están a traballar para incrementar as devasas para conseguir mellorar a protección que ofrecen en caso de lumes. “Nos montes do Barbanza, coa incidencia do vento do nordés, as franxas de protección de 20-25 metros non son efectivos para frear o avance do lume, só para protexer os equipos de extinción”, explica Queiruga. Por este motivo están traballando para contar con dous grandes cortalumes naturais de entre 50 e 100 metros de ancho, proxectando unha discontinuidade horizontal que sexa máis efectiva.
Preparan 2 grandes devasas naturais que contribúan contra o avance dos lumes e contan cunha patrulla veciñal de vixilancia
Un destes cortalumes serán pastizais que prepararán este mesmo ano para incrementar o alimento para o gando e mediante un convenio coa Xunta, polo que será a empresa Tragsa a que se encargue de preparalo. A outra devasa natural está situada seguindo o trazado da liña de alta tensión que transcorre pola parroquia. “Aproveitamos a franxa de seguridade que hai nestas liñas e chegamos ós 50 metros coa plantación de frondosas”, detallan dende a comunidade de montes. Contan con diversa maquinaria pesada para afrontar os traballos de silvicultura nas masas forestais. Na prevención do lume, contan tamén cunha ampla rede de puntos de auga para afrontar a extinción. Ademais, nos últimos anos activaron unha vixilancia veciñal dos montes no período estival. Coordinados co Distrito IV do Barbanza e coas Forzas de Seguridade do Estado, organizan quendas de patrullas polo monte que se prolongan ata o outono, xa que nos meses finais do verán increméntase o risco de lumes. “É unha ferramenta disuasoria, xa que canta máis xente haxa polo monte menos probabilidade hai de que os inimigos do monte veñan prenderlle lume”, apunta. Os traballos de silvicultura do monte que realizan dende a comunidade tamén son fundamentais nestas tarefas de prevención. Contan con maquinaria como tractor, guindastre, desbrozadoras ou retroescavadora que lle facilitan a xestión do monte. Entre os traballos de silvicultura e as vixilancias conseguiron que os incendios estean a ter unha baixa incidencia nos seus montes nos últimos anos. Un dos últimos lumes que se produciu na zona foi o que se iniciou no Castro de Baroña no 2017 e que arrasou unhas 1.000 hectáreas en Porto do Son, pero que nos montes de Baroña só se queimaron uns 2.000 metros cadrados. “Nese caso, os ventos do nordés levaron as lapas cara os montes limítrofes, por iso non ardeu máis aquí”, detalla.
Propoñen actividades lúdicas no propio monte para achegar ós veciños a estes espazos.

O valor cultural e social do monte

Os montes de Baroña son ademais un espazo onde se localizan numerosos restos arqueolóxicos. Á marxe do propio Castro de Baroña, contabilízase un gran número de petroglifos, un atractivo que tamén están a fomentar dende a comunidade de montes. “Hai anos os restos arqueolóxicos víanses como algo negativo por parte de moitos dos comuneiros, polas limitacións que provocan no uso do monte, porén estamos traballando na súa posta en valor e xa se están vendo como algo positivo pola maioría”, concreta Queiruga. Este cambio conseguírono achegando o coñecemento sobre estes restos ós veciños tanto con roteiros arqueolóxicos como coa publicación dun libro-guía sobre os petróglifos da parroquia editado pola comunidade de montes e que contribúe a difundir este patrimonio. “Moitos comuneiros pasaron de non saber da existencia destes restos e non valoralos a querer amosarllos ós seus netos”, explican dende a comunidade de montes.
“Moitos comuneiros pasaron de non saber da existencia destes restos arqueolóxicos e non valoralos a querer amosarllos ós seus netos”
Así, esta transformación sobre o papel da conservación dos restos arqueolóxicos propiciou tamén unha estreita colaboración con Patrimonio para a catalogación dos novos achados que se van producindo. Con todo, na zona aínda se producen episodios puntuais onde se pon en risco este patrimonio, como unha saca de madeira con vehículos pesados nun dos acceso do Castro de Baroña que se denunciaba en días pasados. “Non se trata de que a xente que ten madeira nesa zona non poida cortala, nin vendela, só é preciso facelo do xeito adecuado para evitar os danos no patrimonio”, explica Queiruga. Os roteiros nocturnos para coñecer os petróglifos son algunhas das actividades que organizaron nos últimos anos para difundir o patrimonio da parroquia. Ademais da conservación dos restos arqueolóxicos, dende a comunidade de montes tamén afrontaron a escavación dos restos dunha antiga capela e a restauración de 7 muíños de agua no río Santomé. “O ano pasado celebramos alí a primeira feira de artesanía e oficios tradicionais, coa intención de achegar a xente a esta zona do monte e que se lembraran as historias vividas noutros tempos, cando os muíños estaban en funcionamento”, apunta. Á marxe destas iniciativas, a comunidade converteuse nun dinamizador da vida social e cultural da parroquia de modo que se organizan un amplo abano de actividades solicitadas polos comuneiros. Ademais, levan a cabo accións de colaboración co Concello de Porto do Son e con diferentes colectivos como os cazadores do Tecor de Porto do Son, para fomentar a mellora cinexética coa creación de biotopos de coellos e faisáns, así como con clubs de ciclismo e sendeirismo da zona ou coa comunidade educativa e entidades de coidado de persoas con discapacidade. “Para nós é moi importante que todo o mundo estea implicado cos nosos montes”, conclúe Queiruga.

Publicado o decreto que regula os aproveitamentos forestais

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto que regula os aproveitamentos forestais. A nova normativa, que segue a liña esperada no sector, entrará en vigor en 20 días naturais (9 de xuño). O decreto concreta as regras sobre as autorizacións e declaracións responsables de cortas de madeira, precisando que procedemento hai que seguir en cada caso. Tamén estipula as condicións para aproveitamentos de cortiza, pastos, cogomelos e resinas. Tódolos procedementos deberán tramitarse por sede electrónica. Pasamos a continuación a debullar as cuestións que aborda o decreto. Tramitación por xanela única Naqueles aproveitamentos forestais que esixan dunha autorización, as solicitudes serán tramitadas pola Xunta a modo de autorización única, de xeito que para valorar as actuacións suxeitas a lexislacións sectoriais (Patrimonio, Augas de Galicia, etc.), Medio Rural dirixirase internamente ós organismos competentes. Se a Consellería non recibe o correspondente informe no prazo dun mes, entenderao favorable e continuará co procedemento, a non ser que de xeito xustificado decida esperar polo correspondente informe. Esa espera deberá ser comunicada ás persoas interesadas e en ningún caso poderá exceder de tres meses. No procedemento de xanela única, non se inclúen as autorizacións que correspondan a outras Administracións, como pode ser o caso das correspondentes á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que depende do Goberno estatal. Prazo máximo de resolución Medio Rural resolverá as resolucións de autorización nun prazo máximo de dous meses desde a data de solicitude. Se pasado ese prazo non houbese resolución, entenderase concedida por silencio administrativo, agás que nos supostos recollidos na lexislación básica se estableza de maneira expresa o contrario. Procedementos en tramitación Aos procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor do decreto, seralles aplicable a normativa vixente no momento da súa iniciación, con excepción dos casos en que o previsto no decreto sexa máis favorable para a persoa interesada. Sistemas de dilixencia debida Coa posta en marcha da nova normativa de autorizacións e declaracións responsables, Medio Rural establece tamén que aqueles axentes que se fornezan exclusivamente con madeira dos montes galegos entenderase que dispoñen dun sistema de dilixencia debida. Estes sistemas son esixidos en toda Europa para impedir a comercialización de madeira de orixe ilegal.

Aproveitamentos madeireiros e de leñas

Autorizacións

Serán precisas autorizacións de corta nos seguintes casos:
  • Cando os terreos forestais estean poboados nunha proporción significativa con frondosas caducifolias ou piñeiro silvestre (característico de áreas de montaña de Galicia). Será tamén precisa a solicitude de autorización en franxas de uso exclusivo de frondosas caducifolias.
  • Cando os montes formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por lexislacións de protección do dominio público. Como excepción, sinálase que serán posibles os aproveitamentos de piñeiros, eucaliptos ou acacias mediante declaración responsable, sempre previa aprobación de ordes reguladoras das Consellerías competentes. É o caso da orde xa publicada este ano para regular os aproveitamentos en espazos naturais protexidos e nas zonas de dominio de estradas autonómicos e ríos que sexan competencia de Augas de Galicia. Pódense consultar as afeccións de protección dunha parcela no visor de información xeolocalizada de Medio Rural, se ben estes mesmos días as asociacións Adega e Mariña Patrimonio advertían de que a información do visor correspondente a Patrimonio cultural é errada nalgúns casos. Como exemplo, sinalan o caso de Ribadeo, onde dos oito castros catalogados no seu PXOM, sete están mal delimitados no visor. Outro caso significativo é o do Castro do Coto da Vela, no concello de Xove que, segundo o visor xeográfico da Xunta conta cunha superficie de 0,45 hectáreas, cando en realidade ocupa unha extensión de 6 hectáreas, sinalan ambos colectivos, que recomendan consultar, a maiores do visor, o plan xeral de ordenación do correspondente municipio.
  • Cando a Consellería decida que é obrigatorio presentar a solicitude de autorización por mor dunha praga ou enfermidade forestal.
  • Cando a superficie do aproveitamento madeireiro sexa superior a 1 hectárea para masas de frondosas caducifolias ou piñeiros silvestres, e de 15 hectáreas para o resto.
Supostos especiais Medio Rural sinala que as cortas en zonas de servidume de augas (franxa de 5 metros á beira de ríos regatos) non precisan de autorización da Consellería, ao non considerarse terreo forestal, pero si será necesaria a autorización de Augas de Galicia ou do organismo de conca correspondente.

Declaracións responsables

Será suficiente cunha declaración responsable nos seguintes casos: - Montes cun instrumento de ordenación forestal, cando o aproveitamento se adapte ó mesmo. - Montes que, sen ter ese plan de ordenación, non estean poboados ou teñan unha presenza reducida de frondosas caducifolias e piñeiro silvestre. Admítese que haxa unha proporción de pés maiores destas especies menor ó 10%. Por pé maior, enténdese aquel cun diámetro superior a 7,5 centímetros. - Montes non suxeitos a figuras de protección ou lexislacións de dominio público. Nos terreos forestais suxeitos a protección, tamén será suficiente con declaración responsable se hai unha orde autonómica que así o permite, como é o caso da xa comentada sobre espazos naturais protexidos, estradas autonómicas e ríos dependentes de Augas de Galicia. A decisión da Administración de flexibilizar as cortas en zonas de Rede Natura e nos terreos forestais de dominio público de augas foi criticada por organizacións ambientalistas como Amigos da Terra e Adega, así coma polo Sindicato Labrego, que piden que se esixa solicitude de autorización. Outros casos nos que será suficiente coa declaración responsable son os seguintes: - Aproveitamentos de leñas domésticas ou non comerciais. - Cortas en zonas afectadas por expropiación. - Cortas para adaptarse ás distancias da normativa de prevención de incendios, respetando as frondosas caducifolias. - Cortas obrigadas por disposicións administrativas relativas a sanidade vexetal. - Cortas implícitas nunha autorización concedida para cambiar un solo de forestal a agrícola.

Trituración ou extracción de restos

Tralo aproveitamento, haberá 15 días para extraer ou triturar os restos de corta en época de alto risco de incendio. O resto do ano o prazo será dun mes. No caso de optarse pola extracción, deberá garantirse a permanencia no monte da metade dos restos forestais de menor tamaño. O decreto estipula especificamente que os restos forestais en ningún caso teñen a consideración de residuo. O propietario do terreo deberá garantir a rexeneración natural ou artificial (plantación) do arborado nun prazo máximo de dous anos.

Extracción de cortiza

Poderase extraer a cortiza das sobreiras entre o 20 de xuño e o 30 de agosto de cada ano. Se se trata dun aproveitamento previsto no plan de ordenación do monte, será suficiente con presentar unha declaración responsable previa. En caso de que non exista plan de ordenación, haberá que presentar unha solicitude de autorización. O decreto establece as condicións concretas en que se poderá facer a extracción e as partes da árbore que se poderán traballar. Entre os criterios a ter en conta, figura o de facer sacas da cortiza só en pés cunha circunferencia de polo menos 60 centímetros de diámetro á altura do peito. O intervalo entre aproveitamentos será dun mínimo de 9 anos.

Pastos

O dereito de pastoreo corresponde á persoa propietario do monte, que pode exercelo, cedelo ou prohibilo. A regulación ou prohibición do pastoreo inscribirase no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, sempre que o monte non teña un plan de ordenación que xa o regule. En montes afectados por incendios, non será posible o pastoreo ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran dous anos do lume. Pódense regular excepcións se se acredita que hai ganderías na zona sen outras alternativas.

Recollida de cogomelos

Permítese a recollida libre para consumo propio dun máximo de 2 quilos de cogomelos por persoa e día. Esa recollida é libre no monte, salvo que se trate de cogomelos produto dunha micorrización ou plantación. O propietario forestal tamén poderá acoutar os terreos nos que queira prohibir ou regular a recollida de cogomelos. Para iso, deberá inscribilos na Xunta e colocar sinais visibles coa indicación «Aproveitamento micolóxico restrinxido. Prohibida a recolla de cogomelos sen autorización da persoa propietaria ou xestora».

Aproveitamento de resinas

Poderase facer extracción de resinas entre xaneiro e novembro. As solicitudes de autorización e declaracións responsables para un ano natural deberanse cursar desde o 1 de setembro do ano anterior ata o 31 de marzo do mesmo ano. En montes con plan de ordenación, será suficiente a presentación dunha declaración responsable, en tanto para o resto será necesario pedir unha autorización.