Archives

O sector cunícola comeza a utilizar o selo B+

A Interprofesional para impulsar o Sector Cunícola, Intercun, xa comezou a autorizar a entidades de certificación para realizar auditorías de Compromiso Benestar Animal BACI (Benestar Animal Cunícola INTERCUN), o que permitirá o uso do selo B+ nos produtos de carne de coello procedentes de granxas e industrias certificadas. Este é o selo común das seis interprofesionais gandeiro-industriais do sector cárnico, que se uniron para garantir aos consumidores e usuarios un alto nivel de excelencia en canto a benestar animal e trazabilidade nos produtos identificados co B+.

Control en todo o sector

Tal e como explican desde Intercun, a certificación BACI contou para a súa elaboración coa Sociedade Española de Protección e Benestar Animal (SEPROBA), e foi coidadosamente analizada por un comité científico multidisciplinar. “Esta certificación engloba requisitos baseados en criterios científicos e técnicos máis esixentes que os recollidos na normativa europea, así como na nacional”, explican desde Intercun. Ademais, esta certificación contempla todos os elos do proceso de produción de carne de coello. Establece requisitos que afectan ó benestar animal e á rastrexabilidade desde a maternidade ata o cebo ou os centros de sacrificio e controla a cadea de custodia dos produtos no resto de industrias relacionadas coa carne de coello.

Subas nos becerros de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca, celebrada en Silleda (Pontevedra), rexistra esta semana unha suba dos prezos medios de referencia da recría, tanto nos de raza frisoa coma nos de cruces industriais. Mentres, nos animais de cebo e no vacún maior a tendencia foi á baixa, con excepcións en categorías puntuais. Nas mesas de porcino volveu producirse unha baixada nos prezos dos porcos cebados e os leitóns experimentaron unha nova suba esta semana. O mercado do ovo mantense case sen cambios.

Prezos do vacún

Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. Cómpre ter presente que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 81 euros, é dicir, 2 euros máis que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 118 euros, o que supón 10 euros máis. Os becerros de máis de 50 días tiveron un prezo medio de 153 euros, cun incremento de 28 euros. Nos tenreiros de recría de cruces industriais, os tenreiros machos máis novos sumaron 69 euros no prezo medio con respecto da semana pasada e sitúanse en 350 euros. Mentres, nas femias houbo unha baixada de 21 euros e cotízanse a 197 euros. Foron a única baixada de prezos rexistrada neste tipo de gando. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días, rexistrouse un incremento de 9 euros e teñen un prezo medio de 357 euros. As femias acadaron os 244 euros, logo de sumar 16 euros. Os machos de máis de 50 días tiveron un valor de referencia de 460 euros, (+9 euros). As femias sitúanse nos 394 euros (+27). Nos becerros de cebo houbo baixadas en case tódalas seccións. Os machos frisóns tiveron un prezo medio de 547 euros (-382 euros). Nos becerros de cruces industriais, o valor medio foi de 1.048 euros nos machos (-74). As femias foron unha das excepcións desta categoría, cunha suba de 117 euros no prezo de referencia con respecto da semana pasada e acadan os 961 euros. Os machos de Rubia Galega cotizáronse de media a 1.234 euros, ó rexistrar tamén unha suba, neste caso de 29 euros. As femias desta raza están nos 1.023 euros, ó descontar 166 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema tiveron unha baixada de 109 euros e quedan cun prezo medio de 1.122 euros. Esta semana o vacún maior rexistrou baixadas en case tódalas seccións. A única excepción foron as vacas da categoría extra que tiveron un incremento de 28 euros e acadan un valor medio de referencia de 2.170 euros. As vacas de primeira están en 1.150 euros (-1). Os exemplares de segunda cotizáronse a 725 euros, logo dunha baixada de 32 euros. Nos animais de desfeito, o valor medio situouse nos 417 euros, cunha baixada de 73 euros en comparación coa última feira. Os animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia tiveron un valor de referencia de 2.334 euros, o que supón 894 euros menos que a feira pasada.

Baixadas no porco cebado

As mesas de cotizacións do porcino experimentaron esta semana novas baixadas nos prezos do porco cebado. Os animais das categorías selecta e normal descontaron 0,03 euros e quedan nos 1,78 e 1,755 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,279 euros, tras unha baixada de 0,039 euros. Os animais de descarte descontaron 0,06 euros e cotízanse entre 0,93 e 0,99 euros o quilo. Os leitóns experimentaron unha suba dun euro para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 72 euros (cun prezo de 3,6 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 67 euros e cun prezo por quilo de 3,35 euros. O mercado do ovo mantense esta semana case sen cambios. A única modificación experimentárona de novo os ovos da M, que incrementaron o seu valor en 0,03 euros e a ducia está agora en 1,92 euros. No resto de categorías mantéñense os prezos. Os ovos da XL cotízanse a 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,4 euros e os da S están en 1,62 euros. No prezo das galiñas de descarte semipesadas tampouco houbo cambios e cotízanse entre os 0,22 e os 0,30 euros o quilo. O prezo do coello está nos 2,65 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Investigadoras galegas colaboran nun proxecto estatal para vixiar as resistencias aos antibióticos no sector da cunicultura

Investigadoras do Laboratorio de Referencia ‘E.coli’ da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC coordinados pola profesora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía Azucena Mora Gutiérrez, colaboran de xeito activo na vixilancia de resistencias a antibióticos no sector da cunicultura, no marco do proxecto e vixilancia de bacterias patóxenas clínicas incluído entre as actuacións estratéxicas contempladas no Plan Nacional fronte á Resistencia a Antibióticos (PRAN). "Esta nova liña de actuación de vixilancia de resistencias en veterinaria redundará nunha mellora do seu control, ao tempo que servirá como ferramenta apropiada e de utilidade para que os facultativos veterinarios clínicos poidan prescribir antibióticos a partir da disposición previa de información epidemiolóxica agregada", sinala Mora Gutiérrez. A tamén directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) da Fundación Rof Codina explicou asemade que o novo compromiso contraído polo Laboratorio de Referencia ‘E. coli’ da USC coa Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) implica que o citado grupo de investigación do Campus Terra desenvolverá ao longo do presente exercicio traballos relacionados con técnicas microbiolóxicas encamiñados á caracterización xenotípica e fenotípica de resistencias en cepas de Escherichia coli illadas en procesos entéricos en coellos. "A información e os resultados das análises microbiolóxicas de illados de ‘E. coli’ incorporaranse logo ao mapa epidemiolóxico, ao tempo que se achegará un cumprido informe coas conclusións", relatou. A encomenda realizada pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios ao Laboratorio de Referencia ‘E. coli’ da USC constata en certa medida a xa acreditada experiencia do LREC en ámbitos relacionados coa identificación e tipificación de cepas de ‘E. coli’ implicadas en procesos colibacilosis en animais de produción. Asemade, alén desta bagaxe científica xenérica, a profesora Azucena Mora tamén puxo en valor o traballo específico desenvolvido con coellos polo persoal do Laboratorio de Referencia de Escherichia coli no ámbito das resistencias, no marco do Grupo Operativo TIRAC (estratexias nutricionais destinadas a eliminar/reducir o uso terapéutico de antibióticos). Este traballo específico en coellos, no que están implicados os doutores Vanesa García Menéndez e Isidro García Meniño, a bolseira de iniciación á investigación do Campus Terra da USC Sofía Travers Rama, e a investigadora en estadía Alba Martínez Laorden, da Universidade da Rioxa, segundo explicou a profesora Mora Gutiérrez, desenvolverase ao longo do presente exercicio 2023 nos laboratorios de que dispón o LREC na sede universitaria luguesa.

GandAgro contará con senllos monográficos dos sectores porcino e cunícola

A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, que se celebra do 2 ao 4 de marzo na Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda (Pontevedra), converterase nun espazo de análise da actualidade do sector agropecuario. A cita contará no seu programa de conferencias con senllas xornadas monográficas sobre o sector porcino e o cunícola, nas que participarán expertos tanto de entidades galegas como de organizacións nacionais. Así, o segundo día do certame, o venres día 3, terá lugar o XXV Monográfico de Gando Porcino, organizado pola ADS de Gando Porcino de Silleda e que será presentado polo presidente desta entidade, Pablo Meijomín. No seu marco abordaranse os retos do sector nunha contorna desafiante, por parte de Miguel Ángel Higuera, director da Asociación Nacional de Productores de Ganado Porcino (Anprogapor). Así mesmo, explicarase como afrontar na práctica a nova lexislación ambiental nas explotacións porcinas. Os encargados serán dous responsables de medio ambiente da cooperativa Coren e a empresa Nudesa, David Pereira e Marcos Fuentes, os cales estarán acompañados de Pablo Meijomín.

Cunicultura

Por outra banda, o último día de feira, o sábado 4, a cooperativa Cogal organizará unha xornada monográfica sobre cunicultura. O primeiro dos relatorios centrarase na organización intersectorial cunícola Intercun como ferramenta ao servizo da cunicultura e será impartida por Mª Luz de Santos, xerente desta organización. A continuación, darase a coñecer a nova lexislación veterinaria e antimicrobianos, facendo fincapé nos requisitos para uso en profilaxe e as súas consecuencias en cunicultura. Farao Sara Sacristán, membro do equipo de coordinación do Plan Nacional frente a la Resistencia a los Antibióticos (PRAN) da Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios.

Cunicultores denuncian as vendas a perdas que obriga ao peche de granxas

O prezo do coello en España pagouse de media no que levamos de ano a 2,20 euros o quilo vivo, un prezo que aínda sendo dos máis altos alcanzados sitúase aínda moi lonxe do custo de produción, que se estima entre 2,75 e 2,8 euros. “O prezo é alto, pero non chega para afrontar as subidas que experimentaron tanto os pensos como a enerxía e que fixeron que os custos de produción estean moi por encima do prezo de venda”, explica María Antonia Ramos, gandeira e presidenta de Progacun, primeira organización de produtores de carne de coello en Galicia. A situación está a resultar crítica para a supervivencia do sector. “En Galicia pecharon granxas ao non conseguir afrontar pagos. Tamén se están adiantando as xubilacións. Producir a perdas levou a que nalgunhas granxas se déixase de inseminar ás nais, xa que non resulta rendible ter camadas con estes altos prezos de produción”, detalla Ramos. Galicia sitúase como a segunda comunidade produtora de carne de coello, por detrás de Castela e León. Os produtores galegos levan meses denunciando o incremento dos custos de produción, debidos sobre todo á subida dos pensos e da enerxía. “Pasamos de pagar uns 300 euros por tonelada de penso a máis de 460 euros este mes. Levamos meses producindo a perdas, polo que aínda que agora haxa unha subida puntual, seguiremos nunha situación crítica se non se aborda o problema e se controla que non se venda a perdas”, valora Ramos.

Peches de granxas en toda España

Os datos que manexan desde a organización agraria UPA en España dan conta da mesma realidade en todo o territorio nacional. En 2021 xa pechou un 9% das granxas españolas e apuntan que en 2022 a situación é aínda peor, polo que alertan de que o perigo dun peche masivo de explotacións é real. “A produción de carne de coello en España xa descendeu un 7,8% en cantidade en 2021 respecto ao ano precedente, continuando a tendencia á baixa de anos anteriores, a pesar de que os prezos subiron un 4,6%”, detallan desde UPA. Cunhas 1.500 granxas en toda España, a cunicultura xerou en 2021 un valor de 166,9 millóns de euros.

Axudas e control por parte de Competencia

Desde o sector piden de novo a mediación do goberno para frear o peche de granxas. Así, desde UPA, que xa logrou a inclusión da cunicultura no programa de axudas do Goberno pola guerra de Ucraína, piden a convocatoria da mesa de negociación para frear a crise do sector. A organización agraria tamén apelou á responsabilidade de matadoiros, intermediarios e distribución para pagar un mellor prezo aos produtores sen encarecer o produto aos consumidores. A organización agraria UPA lembrou ao líder da distribución en España, Mercadona, que non pode seguir vendendo o coello a un prezo moi inferior ao resto de cadeas. Isto forza as cotizacións á baixa, agravando a situación dos granxeiros. Os produtores tamén reclaman que se eviten as vendas a perdas. “Necesitamos que a Aica actúe de oficio e controle o cumprimento da Lei de Cadea Alimentaria para evitar as vendas por baixo do custo. Os produtores non van denunciar ao seu cliente porque terían un problema para a súa produción, máis aínda como ocorre en Galicia onde só existen dous matadoiros”, valora Ramos.

Innovación como solución ao problema das resistencias antimicrobianas en cunicultura

A redución do emprego de antibióticos en cunicultura é o principal reto ao que se enfronta este sector na actualidade. Non é tarefa fácil. A enfermidade dixestiva máis importante en coellos, a enteropatía epizoótica, leva provocando altas taxas de mortalidade en granxas de engorde de coellos desde os anos noventa. Con iso, as explotacións ven minada a produción e, en consecuencia, as perdas económicas son considerables.

A estratexia habitual para a prevención da incidencia da enfermidade durante o cebo pasa polo uso de varias moléculas de antibióticos nos pensos de gazapos (a enteropatía epizoótica “golpea” tras o destete).

Con todo, dentro dos seus plans para avanzar nun modelo de produción máis sostible, a Unión Europea estima prioritario reducir o emprego de antimicrobianos para previr a aparición de resistencias. Na propia estratexia ‘Da granxa á mesa’, a Comisión Europea marcaba, como obxectivo concreto, lograr unha redución do 50% nas vendas de antimicrobianos destinados a animais de granxa.

No mesmo sentido reman os profesionais e institucións españolas. Un exemplo é o ‘Acordo para Reducir o Uso dos Antibióticos en Cunicultura (ARAC)’ asinado en 2019 polos representantes das asociacións nacionais de veterinarios e profesionais do sector xunto ao Plan Nacional de Resistencias a Antibióticos (PRAN), no marco do Programa REDUCE específico para a cunicultura. O seu argumento principal é conseguir reducir un 30% o consumo de antibióticos nun período máximo de dous anos.

O sector sostén que, grazas a este acordo, está a producirse unha redución paulatina da utilización de antibióticos en explotacións. Con todo, tamén se rexistrou un incremento das taxas de mortalidade durante o período de cebo. Por iso témese que a falta de alternativas reais aos antibióticos sexa un lastre fatal para o mantemento do sector a curto e medio prazo.

Á súa vez, a entrada en vigor do RE: 2019/6 sobre medicamentos veterinarios deu lugar a unha redución importante do consumo de antibióticos, o que produce, se cabe, un maior reto na cunicultura

A solución pode pasar por limitar a incidencia dos trastornos dixestivos dos coellos mediante o deseño de pensos que se adapten mellor á fisioloxía dixestiva do gazapo recentemente destetado.

Aparece TIRAC

Neste contexto nace TIRAC (‘Técnicas Innovadoras para a Redución de Antibióticos en Cunicultura’), un grupo operativo supraautonómico cuxa finalidade é reducir o consumo de antibióticos fronte a problemas dixestivos dos coellos de cebo asegurando a súa saúde e rendibilidade para o gandeiro.

O proxecto está coordinado por De Heus Nutrición Animal SA, e nel participan a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), Porto-Muiños SL, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través dos grupos de investigación en Medicina Animal (ImedA), Anatomía Patolóxica Veterinaria (GAPAVET), Investigación en Sanidade Animal (INVESAGA), Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (LHICA) e Seguridade Alimentaria (LREC) e a Universidade Politécnica de Madrid (UPM), a través do grupo de investigación Produción Animal (PRAN). Criadores de Coello de Naraba Sociedade Cooperativa, PROGACUN-Asociación de Produtores de Coellos de Galicia e a Granxa J. Echegoyen SLU son membros subcontratados. O orzamento total do GO é de 492.580,38 euros, e a subvención total é de 485.043,58 euros.

A iniciativa está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020.

Pesaxe de coellos realizado durante a investigación.

Os traballos de TIRAC, que se están desenvolvendo en Galicia, Comunidad de Madrid, Castilla León, Navarra e La Rioja, céntranse, concretamente, no estudo de diversas estratexias nutricionais en coellos relacionadas cunha formulación en pensos cun baixo nivel de proteína e un moderado nivel de fibra soluble, xunto coa incorporación de macroalgas e/o extractos de algas.

Todo iso co obxectivo de mellorar a saúde intestinal dos animais e, por tanto, permitir unha redución do emprego de antibióticos.

Paralelamente, preténdese conseguir unha carne de mellor calidade (cun perfil lipídico cardiosaludable, un maior contido mineral e potencial antioxidante) e valorizar o sector de produción de algas.

O grupo operativo avaliará a problemática real das granxas e prioridades sanitarias do sector; identificará e valorará as mellores algas e extractos de algas que favorezan a saúde intestinal dos gazapos; e valorará o efecto de certas estratexias nutricionais (niveis de proteína, perfil de aminoácidos e equilibrio entre fibra soluble e insoluble) na patoloxía dixestiva, resultados zootécnicos e uso de antibióticos no cebo de coellos.

Á conclusión destes traballos preténdese obter, por unha banda, información actualizada e de primeira man do sector cunícola español e a súa situación sanitaria; por outro, unha liña de pensos para coellos adaptados ás necesidades do destete, que mellorará a saúde intestinal dos gazapos e que reducirá o emprego de antibióticos; e un inventario de algas/extractos de algas de interese na formulación de pensos.

Entre os destinatarios dos estudos que está a levar a cabo o grupo operativo atópanse todos os elos da cadea agroalimentaria, desde a produción (granxas, cooperativas e explotacións cunícolas), a industria (fabricantes de alimentación animal) e centros tecnolóxicos, centros de investigación e universidades, ata as administracións públicas e os consumidores finais e público en xeral.

Etapas do plan

No momento da redacción deste artigo, os traballos centrábanse na realización de dúas probas nas que se combinarán os mellores resultados de dous ensaios previos: un baseado na realización de dúas probas con distintos niveis e tipos de fibra dietética (soluble e insoluble), e outro baseado na realización doutras dúas probas con distintos niveis e tipos de proteína e aminoácidos dixestibles. Coa combinación deses resultados, o GO pretende comprobar que é posible a produción de coellos de cebo sen antibióticos.

Estes ensaios realizaranse en dúas explotacións diferentes co obxectivo de separar o efecto granxa e asegurar o comportamento das dietas en distintas condicións de sanidade e manexo e verificar a repetibilidade dos resultados obtidos.

Unha das granxas participantes no estudo.

O plan de traballo de TIRAC comprende tamén un importante labor de divulgación a nivel rexional, nacional e europeo para trasladar á sociedade os resultados e a transferencia de solucións expostas polo grupo operativo.

Enquisa a cunicultores

No plan de traballo do GO destaca a enquisa realizada a cunicultores co fin de obter información sobre cales son os seus programas sanitarios, a xestión que fan da aplicación de antibióticos e outras prioridades sanitarias do sector, como prácticas de manexo, nutrición e zootécnicas.

Os resultados da mesma confirman que a enteropatía é a enfermidade que máis perdas económicas produce ao sector.

Para os cunicultores enquisados, o problema da resistencia aos antibióticos afecta tanto os animais como ás persoas e ao medioambiente; é dicir, son receptivos a este problema.

Así mesmo, consideran que existe unha relación directa entre a aplicación dunhas correctas medidas de bioseguridade e un menor uso de antibióticos; non atopan unha forte presión por parte dos matadoiros e clientes para a redución de uso de antibióticos; opinan que a densidade de animais en cebo inflúe no consumo de antibióticos asociados a unha maior exposición a patoloxías; non atopan unha relación entre o manexo do esterco, a xestión da retirada de cadáveres ou o tipo de xenética, a orixe dos amimales e/o o seme e o maior ou menor uso de antibióticos; e si ven relación entre o manexo do ambiente con sistemas de calefacción, ventilación, cooling, etc., e un menor uso de antibióticos.

En canto á relación da taxa de mortalidade durante o cebo co tipo de patoloxía e factores ambientais, os resultados obtidos indican que as granxas con menor taxa de mortalidade (<7%) realizan un baleiro sanitario; as granxas con calefacción teñen unha porcentaxe de baixas máis baixo (<5%); e as granxas que non fan baleiro sanitario nin teñen calefacción teñen unha porcentaxe de baixas maior do 10%.

Se se analiza a relación da taxa de mortalidade durante o cebo con tipo de nave, ritmo de IA tras o parto e alimentación, vemos que as naves cun sistema de ventilación natural (66%) presentan maior taxa de mortalidade (>10%), mentres que, nas que o fan con sistema forzado (71%), a mortalidade é menor do 5%. A priori a restrición de penso puidese ser unha medida de manexo adecuada para reducir as incidencias de trastornos dixestivos; con todo, a mortalidade non se ve afectada por este tipo de manexo, de tal modo que, naquelas que teñen unha mortalidade de <5%, o 54% restrinxe o alimento, e as de >10% de mortalidade tamén o fan no 50% dos casos.

Por último, no que ten que ver coa relación da taxa de mortalidade durante o cebo coa idade ao destete e o número de bandas, os resultados da enquisa lanzan que as granxas con menor mortalidade presentan unha porcentaxe máis alta de destete aos 32-35 días e que as granxas con mortalidade >10% teñen a porcentaxe máis alta de destetes a idades inferiores aos 32 días.

Ultímase a resolución das axudas para a gandería de carne, con novas queixas polas súas condicións

Os apoios previstos para a gandería de carne a raíz do aumento dos custos de produción, en especial dos pensos, están a piques de resolverse. Cando o Ministerio convocou as axudas, o 8 de xuño, estableceu un prazo máximo de 3 meses para a súa resolución e fixou como data límite para o pago ás granxas o 30 de setembro. Tanto a resolución como o pago corresponde ás comunidades autónomas. A Xunta aínda non publicou a resolución das axudas, pero sí a listaxe provisional de explotacións beneficiarias, polo que se espera que a resolución final e o pago das subvencións sexa inminente. A concesión dos apoios é directa, en función do número de cabezas que teñan declaradas as explotacións na solicitude da PAC 2021, no caso do vacún de carne e do ovino – caprino. Para o caso das granxas de polos e de coellos, tense en conta a última declaración censal ó Rexistro de Explotacións Gandeiras. Dado que a Xunta dispón de todos eses datos, no sector espérase unha resolución áxil. Trala convocatoria do Ministerio o 8 de xuño, Medio Rural publicou o 22 de xullo unha resolución na que concretaba a partida económica que recibirían as ganderías de carne galegas: 11,8 millóns de euros (7,9 de financiamento estatal e 3,9 da Unión Europea). O 28 de xullo publicou unha listaxe provisional de granxas beneficiarias e para os próximos días espérase a resolución final. Bases Tanto Unións Agrarias como o Sindicato Labrego están a aproveitar estes días para criticar novamente as condicións marcadas na convocatoria, pois consideran que os apoios que recibirán as ganderías galegas son insuficientes. A orde ministerial estableceu un pago de 60 euros por vaca nodriza, 12 por becerro en cebadeiro, e 5 euros por cabra ou ovella; así como pagos para as granxas intensivas de polos e de coellos en función da súa capacidade, entre 600 e 4.800 euros no caso dos polos e entre 2.580 e 5.160 no caso dos coellos. Apoios para as granxas de vacas nodrizas Para Unións Agrarias, os apoios para as granxas de vacas nodrizas son insuficientes, pois considera que non se ten en conta o modelo galego, no que as granxas de vacas nodrizas ceban ós becerros na propia explotación. A organización defende que as granxas de vacas nodrizas teñen que cobrar pola vaca e polo becerro. De tódolos xeitos, cómpre ter en conta que o pago por animal para as explotacións de vacas nodrizas (60 euros por vaca) é moi superior ó pago por becerro en explotacións de cebo (12 euros), polo que pode considerarse que hai unha certa compensación. Polo lado contrario, tamén se pode argumentar que hai certa discriminación entre as ganderías de vacas nodrizas que venden ó becerro cebado e aquelas que venden pasteiros, é dicir, xatos de 4-7 meses sen o cebado final; pois en ambos modelos van cobrar a mesma axuda por vaca. Ovino – caprino Doutro lado, o Sindicato Labrego e Ovica teñen prevista unha rolda de prensa hoxe en Lugo para criticar as bases reguladoras das axudas para as granxas de ovino e caprino, así como para as explotacións de vacún de carne. En calquera caso, dous meses despois de que se teñan convocado os apoios, no sector considérase complicado que a estas alturas se vaian a modificar as condicións das axudas, que, cómpre lembrar, estiveran tamén a exposición pública antes da súa convocatoria.
Fe de erratas: O Fondo Galego de Garantía Agraria publicou o 28 de xullo unha lista provisional das granxas beneficiarias das axudas, cuestión que non se sinalaba na primeira versión da información.
https://www.campogalego.gal/listaxe-provisional-de-beneficiarios-das-axudas-de-vacun-de-carne/

Camper, a gama de pensos de Nanta para a avicultura e a cunicultura, estrea nova imaxe

A alimentación máis tradicional para as aves e coellos de Nanta, a gama Camper, comeza o novo ano cunha renovada imaxe. Un cambio de deseño co que Camper achégase aínda máis ao mundo rural e ás necesidades que este reclama. Así, este restyling da marca reflicte os seus principais alicerces: unha nutrición sustentable e natural que mantén o seu tradicional compromiso cos criadores de aves e coellos caseiros, á vez que engloba os últimos avances nutricionais, para asegurar a saúde dos animais.

A base de extractos naturais de plantas e aceites vexetais, a gama Camper caracterízase polo seu Plan Extract. Un innovador concepto nutricional que asegura o equilibrio da flora e a saúde dixestiva das aves e coellos, permitindo o seu adecuado desenvolvemento e crecemento, e garantindo o seu benestar. Grazas a esta combinación de ingredientes de alta calidade, Camper diferénciase e adquire a funcionalidade de coccidiostato natural.

Novo Camper Functional
Este innovador deseño da marca vén da man do novo Camper Functional, alimento premium para galiñas de posta reforzado con Omega 3, cos beneficios asociados que isto supón non só para elas, senón tamén para o consumidor dos seus ovos enriquecidos nestes ácidos grasos.

Así, o novo Camper Funcional para galiñas súmase á completa familia Camper: CamperCuni, un alimento 100 % vexetal para os coellos; Camper Aves Starter, para o correcto arranque de todo tipo de aves (poliños, pavos, perdices); CamperBroiler para o engorde tradicional do pito campero, CamperBroiler Iniciación, para o primeiro mes de vida dos poliños, e CamperPuesta, para as galiñas poñedeiras caseiras. Así como os suplementos vitamínicos e minerais para aves e coellos, CamperVit e CamperFort, respectivamente, para aqueles momentos de maiores requirimentos nutricionais.

En definitiva, alimentos con excelente palatabilidade e dixestibilidade que permiten aos animais expresar todo o seu potencial produtivo e aseguran unha óptima calidade de canle e ovos, con destacadas condicións nutricionais.

Calidade, saúde e confianza como valores fundamentais
A pesar do cambio de imaxe, Camper mantén de maneira inalterable os seus principios de calidade, saúde e confianza. Valores fundamentais e representativos de todos os pensos que engloban esta gama. Calidade, porque só incorpora materias primas nobres e aceites vexetais. Saúde, porque o obxectivo primordial da alimentación Camper é preservar o benestar e a saúde dixestiva de aves e coellos. E confianza, porque son xa máis de 8 anos no mercado cultivando bos resultados.

Acerca de Nanta

Nanta é a compañía líder na fabricación e comercialización de pensos compostos na península ibérica. Comezou a súa actividade no 1968 e desde entón o alto grao de compromiso cos seus clientes e o mundo da produción gandeira en xeral, a tecnoloxía empregada e os seus programas de I+D+i e calidade supuxeron un auténtico motor de avance para este sector industrial. Unha clara vocación e aposta pola innovación que a compañía mantén e manterá no futuro.

Englobada dentro da multinacional Nutreco, Nanta conta con 22 centros de produción dotados de tecnoloxía punta e todas elas certificadas na norma ISO 14001 de medio ambiente e ISO 45001 de prevención de riscos laborais.

Cabe destacar sobre todo a certificación de seguridade alimentaria FSSC 22000, garantía da seguridade e a calidade dos produtos da compañía. No seu portfolio de máis de 200 produtos atópanse alimentos para porcino branco e ibérico, para cunicultura e avicultura, para vacún de carne e de leite, ovino e caprino, e para a alimentación de cans, gatos e cabalos.

Piden que as comunidades autónomas poidan complementar as axudas estatais para as granxas

A organización agraria Asaga, sucesora da extinta Asaja Galicia, pide cambios no borrador do decreto estatal que regula as axudas para o vacún de carne. O Goberno central destinou un paquete de 193 millóns de euros para apoiar ás ganderías de carne e ó sector dos cítricos polo aumento dos custos de produción. Tamén lanzará nas próximas semanas outro paquete de 169 millóns de euros para as explotacións de leite, tanto para as de vacún como para as de ovino e caprino. Desde Asaga consideran que esas axudas estatais deberían poder ser complementadas polas comunidades autónomas. Sen embargo, o texto do borrador do decreto especifica que “as axudas serán incompatibles con calquera outra que, para a mesma finalidade, poidan concederse por outras Administracións públicas, salvo por axudas financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía ou polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural”. Asaga tamén pide maiores apoios estatais para as granxas de carne, pois considera insuficientes os 60 euros por vaca nodriza que se prevén no borrador do decreto, cando ás ganderías de leite chegarán cantidades superiores por animal, de ata 210 euros por vaca.

Estes son os importes máximos das axudas para vacún de carne, ovino, caprino, coellos e polos

O Ministerio de Agricultura inicia este martes 19 de abril o proceso de audiencia e información pública do borrador de Real Decreto que regulará o proceso de concesión do fondo de 193,47 millóns de euros de axuda excepcional para determinados sectores agrícolas e gandeiros. O paquete creouse para paliar a delicada situación como consecuencia dos efectos da invasión rusa de Ucraína. En concreto, concederanse un total de 193.470.759 euros aos sectores máis afectados polas consecuencias da invasión rusa de Ucraína, 64.490.253 euros dos cales son achegados pola Unión Europea, e o resto, 128.980.506 euros, polo Ministerio de Agricultura.
Este paquete de axudas complementa os 169 millóns de euros que o Goberno destinará aos produtores de leite de vaca, ovella e cabra que se farán efectivas nos próximos días
O proxecto, por razóns de urxencia, estará sometido a información pública por un período de 7 días, ata o próximo 26 de abril inclusive. Este paquete de axudas complementa os 169 millóns de euros que o Goberno destinará aos produtores de leite de vaca, ovella e cabra e que se farán efectivos nos próximos días. Topes máximos Os montantes da axuda distribuiranse por sectores da seguinte forma: - Vacún de carne, ata 110 millóns de euros, correspondendo 97,7 millóns ao subsector da vaca nodriza e 12,3 ao engorde de tenreiros. - Ovino e caprino de carne, ata 31,7 millóns de euros. - Carne de polo, ata 10 millóns de euros. - Carne de coello, ata 3 millóns de euros. - Cítricos, ata 38,7 millóns de euros. Establecéronse teitos de animais e de hectáreas subvencionables e consecuentemente uns máximos de axuda por explotación, así como importes unitarios máximos por animal ou hectárea. O número máximo de animais subvencionables será de 125 vacas nodriza, 520 tenreiros de engorde e 800 ovellas ou cabras. O importe máximo das axudas queda fixado en 60€ por vaca nodriza, 15€ por tenreiro e 7€ por ovella e cabra.
Ao sector de vacas nodriza destinaranse 97,7 millóns de euros e ao de cebo de tenreiros 12,3 millóns
No caso dos produtores de carne de polo ou pavo, a contía total dependerá do volume da explotación: 600€ para granxas de 251 a 1.000 prazas; 810€ de 1.001 a 5.000 prazas; 1.200€ de 5.001 a 10.000 prazas; 1.800€ de 10.001 a 20.000 prazas; 2.400€ de 20.001 a 30.000 prazas; 3.000€ de 30.001 a 40.000 prazas; 3.600€ de 40.001 a 50.000 prazas e 4.800€ a partir de 50.001 prazas. Para as explotacións cunícolas, a axuda máxima dependerá tamén da capacidade da explotación, con tres tramos: 2.580€ de 50 a 500 prazas de reprodutoras; 3.870€ de 501 a 1.000 prazas e 5.160€ a partir de 1.001 prazas de reprodutoras. Incrementos trala guerra en Ucraína do 20% nos pensos O ministerio, coas comunidades autónomas, as organizacións profesionais agrarias e as cooperativas agroalimentarias, analizou a magnitude das perturbacións do mercado e o incremento sostido dos custos de produción e o desequilibrio nos intercambios comerciais. Tras esta análise, optouse por destinar as axudas aos produtores de carne de vacún, ovino e caprino, carne de polo, carne de coello e cítricos. "No caso dos sectores gandeiros mencionados, o conflito bélico en Ucraína agravou a situación que xa atravesaban ao longo dos últimos meses, caracterizada por un incremento sostido dos custos de produción derivados do aumento dos prezos das materias primas para alimentación animal e da enerxía e combustibles. A situación é aínda máis crítica se se teñen en conta os efectos da seca, que provocou unha menor dispoñibilidade de pastos e, por tanto, unha maior necesidade de suplementación na alimentación animal a prezos máis elevados", argumenta o Ministerio.
O prezo dos concentrados aumentaron un 75% en comparación co ano 2020
"Os incrementos dos pensos desde o inicio da guerra, o pasado 24 de febreiro, superan o 20% na maioría dos casos, o que se suma aos incrementos de prezos acumulados respecto ao ano pasado, que poden mesmo superar o 50% ou o 75% se os comparamos cos prezos de 2021 ou de 2020, respectivamente. Do mesmo xeito, e malia que aínda non se dispoñen de datos posteriores ao comezo do conflito, o último dato dispoñible do INE correspondente ao mes de xaneiro indicaba que o custo do gasóleo incrementouse case un 95,8%, a electricidade máis dun 114,7% e os fitosanitarios máis dun 6,5%", detalla o departamento que dirixe Luis Planas.
O gasóleo e a electricidade duplicáronse nos últimos 12 meses
No caso das axudas aos sectores agrícolas, o dos cítricos é un sector de elevado consumo de insumos, especialmente enerxía, fertilizantes e fitosanitarios, cuxos custos se incrementaron. A produción e a exportación española de cítricos teñen unha importancia crucial para o sector agroalimentario no seu conxunto. A súa competitividade viuse afectada pola guerra, ao producirse desvíos de producións de países terceiros que habitualmente se destinaban a Rusia, Ucraína ou Bielorrusia, cara ao mercado comunitario. Estes cambios nos fluxos comerciais presionan á baixa os prezos dos cítricos españois.

Xestión simplificada das axudas por parte das comunidades autónomas en base á PAC 2021

A xestión, tramitación e pago das axudas, corresponderá aos órganos competentes das comunidades autónomas, e están previstos procedementos moi simplificados de solicitude e concesión, de forma que as axudas outorgaranse a todos os produtores de vacún, ovino e caprino e cítricos que cumpran uns requisitos básicos, e que presentasen en 2022 a solicitude única da Política Agraria Común (PAC), prevista no Real Decreto 1075/2014. 
Utilizarase a información contida nas solicitudes de axuda da PAC correspondente a 2021 para determinar o número de animais e hectáreas elixibles
Con estes mesmos fins utilizarase a información contida nas solicitudes de axuda da PAC correspondente a 2021, e a obrante en poder das comunidades autónomas para determinar tanto os animais e as hectáreas elixibles, como o cumprimento dos condicionantes ambientais que esixe o regulamento comunitario.
No caso das incorporacións terase en conta o censo de animais ao 30 de abril de 2022
No caso de produtores de carne de pito e de coello, dado que non se dispón de toda a información anterior, establécese un procedemento simplificado de xestión baseado nos datos máis actualizados declarados polos gandeiros no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA).
Os pagos aos produtores levaranse a cabo antes do 30 de setembro de 2022. Un terzo das axudas son financiadas pola Unión Europea
Os fondos correspondentes transferiranse polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ás comunidades autónomas. Os pagos aos produtores levaranse a cabo antes do 30 de setembro de 2022.

Temor nas granxas de coellos a quedaren fóra das axudas do Goberno a pesar de producir a perdas

Os produtores de carne de coello temen quedar excluídos da repartición de axudas extraordinarias por parte do Goberno Central e Comunidades Autónomas para os sectores agrogandeiros máis afectados pola forte suba de pensos e demais insumos (gasóleo, electricidade e plásticos), agravada pola guerra de Ucraína. Un temor máis que xustificado pois segundo a información que transcendeu até agora dos 194 millóns cuxo reparto o Goberno central está a negociar coas autonomías, non figuran como beneficiarias as granxas de coellos. “De confirmarse sería un reparto totalmente inxusto e discriminatorio pois as granxas cunícolas son das máis afectadas pola suba dos pensos, xa que a alimentación dos coellos baséase nun 100% en cereais; é dicir, en concentrados, e necesitamos un alto consumo de electricidade para manter aos animais nunhas axeitadas condicións de benestar”, advirte María Antonia Ramos, gandeira e presidenta de Progacun, a primeira organización galega de produtores de carne de coello. A falta de axudas por parte do Goberno, coma si se destinarán a outros sectores igualmente intensivos como a avicultura, afecta a nada menos que 3808 granxas cunícolas en España, segundo o censo do Ministerio de Agricultura, das que 230 están en Galicia, comunidade que representa o 6% das granxas a nivel estatal pero o 19% do censo de animais, con algo máis de 1 millón de exemplares. En todo caso, a presidenta de Progacun matiza que “granxas en activo que estean a pagar a extensión de norma, de obrigado cumprimento, soamente quedan en Galicia 166 granxas, o que nos dá unha idea da crise que vive este sector, que tampouco conta con axudas da PAC”.

Os produtores de coello perden 0,6 euros por quilo de carne

E é que a crise de suba dos pensos e demais custos de produción está a afectar especialmente ás granxas de coellos. Aínda que é certo que o prezo do coello subiu -de media en 2021 alcanzou os 1,93 euros/Kg vivo, e nos tres primeiros meses deste 2022 a media rolda os 2 €/kg vivo- porén incrementouse en menor proporción que os custos de produción. Así, segundo un informe de PROGRACUN, no ano 2021, o prezo medio do penso de engorde de coellos situouse en 283.26 €/tm, (aprox +50€/tm) o que significou un +21,19% de incremento con respecto ao ano 2020. No caso do penso para coellas a subida o pasado ano foi de máis de 50€/tm (+21.85%) quedando o prezo medio en 2021 en 303.18 €/tm. Un encarecemento do penso -que supón case o 53% dos custos de produción- que continúa no que levamos de ano 2022 e que están ao redor dunha subida do 25,79% de media entre os dous tipos de penso con respecto ao mesmo período do pasado ano. A suba continuou en abril con incrementos interanuais nalgunhas fábricas de pensos de +100 €/Tm. Nesta situación, e tal como reflicte o informe que manexan os produtores galegos de carne de coello, as granxas están a vender a perdas, unha situación que non ten perspectivas de mellorar até finais de ano. En concreto, se en 2021 por cada quilo de carne de coello que producían perdían 0,32 euros, en 2022 as perdas duplicáronse até situarse nuns resultados negativos de 0,65 euros por quilo de carne de coello que producen, debido a uns custos de alimentación disparados. Fonte: PROGACUN

“Espero que o Goberno non se esqueza de nós nestas axudas porque sería a puntilla para o sector”

Con estes datos, María Antonia Ramos reclama ao Ministerio de Agricultura e Comunidades Autónomas que teñan tamén en conta ao sector cunícola na repartición de axudas ao sector gandeiro. “Non oio falar de axudas ao noso sector a pesar de que os produtores estamos a sufrir como o que máis a suba dos pensos pola guerra de Ucraína, da luz ou do gasóleo. Espero que non se esquezan de nós porque somos poucos, porque se é así concluirá que os que nos gobernan non coñecen a realidade do sector e estannos dando a puntilla para acabar coas granxas de coellos”, advirte a presidenta de PROGACUN.

Silleda rexistra a maior afluencia de gando dos últimos dous anos

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes novos récords, logo de varias xornadas batendo as súa marcas históricas. Mentres, nos prezos medios a tendencia foi á baixa en case tódalas categorías de vacún, tanto da recría, como dos becerros carniceiros ou do vacún maior. Porén, as mesas do porcino continúan con importantes subas, igual que o mercado do ovo. Hoxe contabilizouse o maior volume de transaccións da historia da Central, ao sumar as diferentes poxas 817.504 euros e superar os 701.058 euros, que ata hoxe era a maior cantidade que se acadara, unha cifra lograda hai tan só uns días, o pasado 22 de febreiro deste mesmo ano. A esta marca contribuíron as cifras de facturación das diferentes categorías. Así, as transaccións en vacún maior tamén supuxeron as máis altas rexistradas na traxectoria deste mercado, con 561.019 euros que rebasaron os 505.746 euros do pasado 22 de febreiro. En becerros carniceiros situáronse en 122.331 euros, a maior cantidade dende que se facturaran 142.071 euros o 17 decembro de 2019. En canto aos becerros de recría, acadaron a maior facturación deste ano, con 134.154 euros. Ademais, a Central rexistrou hoxe unha asistencia total de 1.227 animais, a maior dende o 14 de xaneiro de 2020, cando concorreran 1.259 exemplares. A cifra reflicte unha importante asistencia nas tres categorías. En vacún maior cifrouse en 390 animais, a maior concorrencia dende o 24 de xuño de 2014, cando acudiran 397. En becerros carniceiros, con 158, foi a maior dende o 17 de decembro de 2019, cando asistiran 210. E en becerros de recría foi a maior cifra do ano con 679 exemplares. O animal co valor más alto comercializado este martes en Silleda foi unha vaca de raza rubia galega procedente da gandería de Manuel López Quiroga, de Samos, que alcanzou unha cotización de 6.211 euros. Outra vaca desta gandería foi vendida por 4.698€. 

Prezos medios do vacún

Esta vaca da gandería de Manuel López Quiroga de Samos superou os 6.000 euros Realizamos un repaso e unha comparativa coa xornada pasada para comprobar a evolución dos prezos medios do vacún. Cómpre ter presente que este é un exercicio que busca servir ó sector para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes como a calidade dos exemplares, que determinarán os prezos de cada exemplar. No caso da recría, as únicas subas rexistráronse nos animais de maior idade, mentres que no resto a tendencia foi á baixa. Na recría Frisoa, os animais máis novos descontaron 25 euros e cotízanse a 83 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, o prezo baixou 21 euros con respecto da semana pasada e quedan en 103 euros. A única suba produciuse nos tenreiros de máis de 50 días, que pasaron a ter un prezo medio de 136 euros, o que evidencia un incremento de 7 euros. Nos becerros de cruzamentos industriais, os animais máis novos, os de menos de 20 días, sitúanse nos 190 euros, é dicir, 38 euros por debaixo do prezo de referencia da semana pasada. Nas femias desta sección produciuse unha baixada de 9 euros e quedan nos 193 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, o prezo medio foi de 268 euros, logo de descontar 33 euros. Nas femias a rebaixa foi de 11 euros e o prezo de referencia está nos 207 euros. A baixada máis significativa produciuse nos becerros de máis de 50 días, cunha redución de 95 euros. Agora cotízanse a 390 euros. As femias foron a excepción deste tipo de animais ó conseguir o prezo medio unha suba de 19 euros e cotizarse a 311 euros. Nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa, aínda que con algunhas excepcións. Os animais frisóns tiveron un prezo medio de 697 euros, o que supón unha baixada de 86 euros con respecto da semana pasada. A única femia desta raza vendeuse por 734 euros. Nos becerros de cruces industriais, o prezo medio foi de 907 euros, 35 euros máis que o prezo de referencia da última lonxa. As femias descontaron 11 euros e o prezo medio sitúase nos 744 euros. Os becerros de Rubia Galega acadaron un prezo medio de 956 euros, o que supón unha baixada de 63 euros. Nas femias o valor medio está nos 790 euros, é dicir, 53 euros menos que a semana anterior. Os animais co selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema acadaron un prezo medio de 824 euros, o que amosa unha baixada de 104 euros. No vacún maior produciuse unha baixada xeral dos prezos medios. As vacas da categoría extra están nos 2.022 euros de media, logo dunha redución de 84 euros. Nas vacas de primeira case non houbo variacións, e sitúanse nos 1.193 euros, cun euro máis que a semana anterior. Nas vacas de segunda o prezo medio queda nos 774 euros, cunha baixada de 7 euros con respecto da última feira. Tamén as vacas de descarte tiveron unha redución do prezo, neste caso de 53 euros, e o valor medio queda nos 469 euros. Os animais co selo da IXP Vaca e Boi de Galicia tiveron un prezo medio de 2.471 euros, mentres que a semana pasada se atopaba case no dobre, ó acadar os 4.236 euros.

Subas no porcino

Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron de novo subas tanto no porco cebado como nos leitóns. Así, o porco selecto e o normal tiveron un incremento de 0,06 euros e pasan a cotizarse a 1,265 e 1,240 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, ó igual que nas últimas semanas, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,78 euros e agora sitúanse nun prezo de 1,610 euros o quilo. Os animais de descarte tiveron unha suba de 0,06 euros e cotízanse entre os 0,46 e os 0,52 euros o quilo. Nos leitóns, produciuse unha suba de 4 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 55 euros (cun prezo de 2,75 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 50 euros e teñen un prezo por quilo de 2,5 euros. No mercado do ovo houbo de novo subas por valor de 0,05 euros en tódalas categorías. Así, os ovos da XL cotízanse a 1,93 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 1,64 euros, os da M están 1,46 euros e os da S atópanse a 1,24 a ducia. As galiñas de descarte tamén experimentaron unha suba de 0,05 euros e pasan a cotizarse entre os 0,26 e os 0,33 euros por quilo. A Mesa Nacional de Prezos para o Coello, Loncun, acordou esta semana unha suba de 0,10 euros de xeito que o quilo de coello acada os 2,05 euros.

Subas na recría de cruce e no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes un aumento xeral dos prezos medios da recría de cruce e do vacún maior, con subas en tódalas categorías. De feito, o vacún maior mesmo acadou un novo récord histórico absoluto, por un boi de 5 anos de raza mestiza vendido por 10.469 euros. Ademais, nesta xornada superouse o prezo medio da categoría, logo de acadar os 1.604,44 euros. Mentres, nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa, ó igual que na recría de raza frisoa. Aínda que en ambas se rexistraron excepcións. Nas mesas de cotización do porcino, esta semana acordáronse novas subas tanto para o porco cebado como para os leitóns. No mercado do ovo a tendencia é tamén á alza, con incrementos en tódalas categorías. Na lonxa de Madrid o coello mantense sen cambios. Facemos un repaso detallado polas diferentes seccións para coñecer a evolución dos prezos medios con respecto da feira anterior. Na comparativa, que serve de referencia ó sector, cómpre ter presente que existen diversos factores que inflúen nesta variación das cotizacións, como a calidade media que poidan ter os animais (canais, quilos, etc). Na recría frisoa, nos animais máis novos apenas houbo variacións, xa que descontaron un euro no prezo medio con respecto da semana pasada. Así establécense nos 108 euros de media. Nos becerros de entre 20 e 50 días o valor de referencia foi de 124 euros, o que deixa unha suba de 4 euros con respecto da lonxa pasada. Nos tenreiros de máis de 50 días produciuse unha baixada do prezo medio de 13 euros e cotízanse a 129 euros. Mentres, na recría de cruzamentos industriais produciuse unha suba xeral dos prezos medios en tódalas categorías. Os becerros máis novos cotízanse de media a 228 euros, logo dunha suba de 37 euros. Nas femias a tendencia foi semellante, cun incremento de 36 euros, cotízanse a 202 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, o prezo medio é de 301 euros para os machos e de 218 euros nas femias, ó producirse un aumento de 15 e 23 euros respectivamente. Nos becerros de máis de 50 días o prezo medio foi de 485 euros, cunha suba de 100 euros. Nas femias o valor de medio está nos 292 euros, e suman 8 euros con respecto da semana anterior. Nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa, aínda que con algunhas excepcións. Os animais frisóns tiveron un prezo medio de 783 euros, o que supón unha baixada de 53 euros con respecto da semana pasada. A única femia desta raza vendeuse por 522 euros. Nos becerros de cruces industriais o prezo medio foi de 872 euros, 75 euros por debaixo do prezo de referencia da última lonxa. As femias descontaron 37 euros e o prezo medio sitúase nos 755 euros. Os becerros de Rubia Galega acadaron un prezo medio de 1.019 euros, o que supón unha suba de 44 euros. Nas femias o valor medio está nos 843 euros, é dicir, 21 euros máis que a semana anterior. Os animais co selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema acadaron un prezo medio de 928 euros, o que amosa unha suba de 76 euros. Ademais de rexistrar varios récords absolutos, o vacún maior tamén cotizou á alza en tódalas seccións. As vacas da categoría extra están nos 2.106 euros de media, logo dunha suba de 134 euros. Nas vacas de primeira o incremento foi de 29 e atópanse nos 1.192 euros. Nas vacas de segunda o prezo medio acada os 781 euros, cunha suba de 4 euros con respecto da última feira. Tamén as vacas de descarte tiveron unha suba, neste caso de 61 euros, e o valor medio é de 522 euros. Os animais co selo da IXP Vaca e Boi de Galicia tiveron un prezo medio de 4.236 euros, mentres que a semana pasada se atopaba nos 2.985 euros.

Subas no porcino

Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron de novo subas tanto no porco cebado como nos leitóns. Así, o porco selecto e o normal tiveron un incremento de 0,05 euros e pasan a cotizarse a 1,205 e 1,180 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, ó igual que nas últimas semanas, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,65 euros e agora sitúanse nun prezo de 1,532 euros o quilo. Os animais de descarte tiveron unha suba de 0,03 euros e cotízanse entre os 0,4 e os 0,46 euros o quilo. Nos leitóns, produciuse unha suba de 2 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 51 euros (cun prezo de 2,55 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 46 euros e teñen un prezo por quilo de 2,3 euros. No mercado do ovo houbo de novo subas por valor de 0,08 euros en tódalas categorías. Así os ovos da XL cotízanse a 1,88 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 1,59 euros, os da M están 1,41 euros e os da S atópanse a 1,19 a ducia. As galiñas de descarte tamén experimentaron unha suba de 0,01 euros e pasan a cotizarse entre os 0,23 e os 0,30 euros por quilo. O coello mantense sen cambios e está a pagarse a 1,95 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Os produtores de coello alertan dun peche masivo de granxas se non sobe o prezo da carne

As organizacións de produtores UPA, ASAJA, COAG, CUNIBER, CONACUN e Cooperativas agro-alimentarias denuncian a "crítica situación pola que atravesa o sector cunícola en España ante o brutal incremento dos custos de produción", disparados polo vertixinoso aumento dos prezos de gasóleo (+40-60%), enerxía (luz e gas +150%), auga (+30%) e pensos (+35%) durante os últimos meses. "Os custos de produción son cada vez máis elevados, mentres que o prezo de venda que perciben os gandeiros non sobe ao mesmo ritmo, o que se traduce en perdas de rendibilidade cada vez máis acusadas os produtores de coello", advirten. Ante esta situación, os cunicultores piden ao Ministerio de Agricultura que garanta o cumprimento da Lei da Cadea que prohibe expresamente a venda a perdas. Para iso consideran imprescindible "abordar esta delicada situación que podería abocar ao peche a centos de explotacións cunícolas no noso país, e que se adopten medidas de forma urxente mediante un plan de choque que alivie a falta de liquidez e rendibilidade estrutural nas explotacións". En concreto, reclaman que "os prezos pagos aos gandeiros teñen que reflectir o aumento de custos, tanto nos contratos dos gandeiros que traballan con integradoras como nos daqueles que operan de forma independente". "É unha das condicións ás que obriga a Lei de Cadea Alimentaria", remarcan. Por último, os produtores tamén advirten que, "se non se corrixen estes desequilibrios o sector non estará en disposición de abordar os obxectivos que se pretende alcanzar nas próximas décadas coas novas estratexias `Da Granxa á Mesa´ e de Biodiversidade 2030, así como a iniciativa do fin das gaiolas, elementos esenciais do Pacto Verde Europeo; e centos de granxas veranse obrigadas a botar o peche".