Archives

Como lle afecta a nova PAC á viticultura?

“Teremos unha PAC máis verde e sostible. Esta nova Política Agraria Europea, asentada no Pacto Verde e na estratexia do Campo á mesa veu para quedar, a pesar de que afrontemos outras dificultades no continente como foi a Guerra de Ucraína, que afecta de forma directa tamén á agricultura e gandería comunitaria”. Así de rotundo se amosa Alejandro García, experto en Política Agraria Europea, que é á vez tamén agricultor e participou recentemente no I Foro sobre Uva e Viño celebrado en Cenlle (Ourense). A última reforma da PAC, que entrou en vigor este mesmo ano e que se manterá ata 2027, introduciu novos cambios en materia de sustentabilidade ambiental que afectarán tamén na xestión dos viñedos. No caso das viñas afectarán a cuestións como a limitación no uso de produtos fitosanitarios ou o fomento de prácticas coas que procurar unha produción máis respectuosa contando con cubertas vexetais ou espazos que sirvan de refuxio á fauna e flora, entre outros aspectos. Alejandro García durante a súa participación no Foro Uva e Viño, celebrado en Cenlle.

Cara a unha produción máis sostible

A nova PAC marcouse uns obxectivos de sustentabilidade para os próximos anos que afectarán á xestión que se realiza a diario dos viñedos, tal e como sinala o experto. Un dos obxectivos é a redución do 50% do uso de fitosanitarios. Entre eles, e a pesar de tratarse dun produto incluído dentro dos autorizados nos viñedos en ecolóxico, establécese unha nova limitación ao uso de cobre nas viñas. Existe un límite anual de 4 quilos por hectárea, de maneira que non poidan excederse os 28 quilos por hectárea en 7 anos. Coa vista posta en reducir nun 20% o uso de fertilizantes para 2030 tamén nos viñedos deberase de controlar a achega que se realiza de nitróxeno e fósforo, tendo en conta a presenza destes elementos xa na auga que se emprega para regar, como sinala o experto. A nova PAC leva tamén parello a redución do uso de antimicrobianos nun 50% e promover o uso de enerxías renovables. As axudas van estar tamén orientadas a reducir a pegada ambiental da viticultura. Así, a agricultura e industria alimentaria (o viñedo e a adega) van ir unidos para lograr un menor impacto. Tendo así os viñedos unha nova oportunidade para compensar as emisións xeradas na adega.
“Dentro das posibilidades de cada tipo de cultivo e zona debería traballarse co obxectivo de lograr unha produción de ‘residuo cero"
Ademais, neste contexto camiño a unha produción máis sostible, preténdese que o 25% da superficie agrícola sexa ecolóxica. García alerta sobre as dificultades que pode supoñer este obxectivo, podendo reducirse a demanda dos produtos ecolóxicos ao incrementarse demasiado a oferta, o que podería producir unha caída dos prezos e que decaia a súa rendibilidade. Así, o experto avoga máis por unha produción ‘residuo cero’. “Dentro das posibilidades de cada tipo de cultivo e zona debería traballarse co obxectivo de lograr unha produción de ‘residuo cero’, pero hai que ter en conta, por exemplo, que a necesidade de tratamentos fitosanitarios en viñedo varía moito das zonas de Galicia ás doutras rexións do centro de España. Aínda así, facendo ben as cousas pódese lograr unha viticultura residuo cero”, valora. Outro dos retos que expón a nova PAC e que afectan directamente o sector do viño ten que ver cos fondos europeos reservados á promoción dos produtos. “Nestes momentos en Europa están a ter dúbidas sobre promover unha bebida alcohólica, xa que están a ver o viño simplemente como unha bebida alcohólica máis e non como un alimento ou parte da cultura”, apunta García. Neste sentido, leis como a aprobada en Irlanda sobre a nova etiquetaxe das bebidas alcohólicas, con advertencias sobre o seu consumo, poden ter un impacto directo tamén no viño e na postura da Comisión Europea.

A estrutura da nova PAC e o viñedo

A nova PAC establece dous piares de axudas. Por unha banda establécense as axudas directas, independentes do volume de produción, chamadas axudas básicas á renda, cunha condicionalidade reforzada, unha axuda redistributiva das pequenas explotacións e axudas a persoas mozas, ademais dos ecoesquemas. O segundo piar céntrase en medidas de desenvolvemento rural, para zonas con certas limitacións e no que se inclúe o programa sectorial do viño.
“É moi importante que non se deixe de prestar atención á oportunidade que ofrecen os ecoesquemas e non se menosprecen”
Neste primeiro piar, as axudas básicas á renda constitúen o 60% das axudas que recibe o viticultor. O viñedo establécese como superficie para recibir esta achega. Mentres, os ecoesquemas supoñen un 23% da axuda da PAC. “É moi importante que non se deixe de prestar atención á oportunidade que ofrecen os ecoesquemas e non se menosprecen”, recomenda.

Os ecoesquemas no viñedo

Nos cultivos leñosos establécense varios tipos de ecoesquemas e para acceder ó cobro destes non é preciso ter dereitos de axuda básica á renda. O propietario cobrará por toda a superficie de viñedo na que estableza estas medidas. -Cubertas vexetais. Trátase de establecer e manter unha cuberta vexetal, ben sexa espontánea ou sementada, durante todo o ano. Está prohibido aplicar ningún tipo de fitosanitario sobre a cuberta, a non ser que se declare un problema sanitario no viñedo. A partir do 31 de marzo pódese rozar para establecer un mulching para protexer o solo. En Galicia, as cubertas vexetais en viñedos poden chegar a supoñer entre 113 ou 165 euros por hectárea. “Se se presenta un número de elevado de solicitudes estas contías poden situarse como mínimo entre os 69 e 113 euros e se non se tramitan moitas solicitudes esta cantidade pode incrementarse a 238 ou 272 euros por hectárea”, explica García. -Cuberta inerte. A diferenza das cubertas vexetais, esta consiste en triturar os restos de poda. Pódese elixir un modelo ou outro, non se pode contar con cubertas vexetais e inertes no mesmo viñedo. Ás cubertas inertes correspóndelles unha achega menor que as cubertas vexetais, polo que o experto, tendo en conta tamén que en Galicia predominan xa estas cubertas vexetais, recomenda que os viticultores galegos opten por  cubertas vexetais, unha elección que debe marcarse xa nas solicitudes da PAC. -Espazo de biodiversidade. Son espazos que sirven de reserva e refuxio para a fauna (aves e insectos) e flora, creando zonas de gran biodiversidade.

O caderno dixital no viñedo

Outra das novidades que trae parella a nova PAC é o caderno de campo dixital. Nos cultivos leñosos, os propietarios con 10 hectáreas de viñedo ou 5 hectáreas en regadío, estarán obrigados a cubrir o caderno dixital a partir do 1 de setembro deste mesmo ano. Deberán incluír xa os datos referidos a cuestións como as cubertas vexetais ou inertes. García lembra que esta ferramenta será fundamental para o control efectivo e a redución do uso de fitosanitarios e fertilización, ao quedar constancia do produto adquirido e o plan de abonado. “Terá que cadrar a superficie que se manexa coa cantidade de produto que se compra e se aplica e coas necesidades do viñedo. Xa non se poderá tratar ou abonar por intuición ou porque o veciño está a facelo. Todo debe estar xustificado”, conclúe García.

Resultados “prometedores” para reducir o uso de cobre en viticultura

Durante algo máis de dous anos, 13 socios de Francia, Portugal e España, entre os que estivo un equipo da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo, desenvolveron o proxecto Coppereplace, centrado na busca de alternativas para reducir o uso de cobre como funxicida en viticultura e o seu impacto ambiental. A iniciativa, destacan desde a súa organización, pecha agora a súa actividade “con resultados prometedores” e marcando “un antes e un despois” neste reto “esencial” para os viñedos europeos. Así, subliñan, conseguiuse “un grande achegamento a solucións integradas e sostibles por medio de métodos de produción respectuosos co medio ambiente”.

1,6 millóns de orzamento

A Plataforma Tecnológica del Vino liderou este proxecto, que arrancou en novembro de 2020 e no que participaron ademais da Universidade de Vigo a Associaçao para o Desenvolvimento da Viticultura Duriense, o Institut Français de la Vigne et du Vin, o Centro de Valorización Ambiental del Norte, a Universitat Politècnica de Catalunya, o Vignerons Bio Nouvelle Aquitaine, a Fundació Eurecat, a Universidade do Porto, así como as adegas Familia Torres, Jean Leon, Sogrape Vinhos e LBS (Gerard Bertrand). Ademais, o consorcio contou co apoio técnico da consultora Artica Ingeniería e Innovación (artica+i). Por parte da UVigo participou a Área de Edafoloxía e Química Agrícola, do Grupo de Investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos BV1, con sede na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, sendo David Fernández Calviño o seu investigador principal en Coppereplace. O proxecto, cuxo título completo foi “Desenvolvemento e implementación integral de novas tecnoloxías, produtos e estratexias para reducir a aplicación de cobre en viñedos e remediar solos contaminados na rexión Sudoe”, contou cun orzamento de 1,6 millóns de euros, recibindo un financiamento de case 1,17 millóns de euros por parte do Programa de Cooperación Territorial Europa Suroccidental (Interreg Sudoe), a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Como peche da súa actividade, os socios de Coppereplace reuníronse o pasado 22 de febreiro en Vilafranca del Penedés, no Vinseum. Na cita, cada un dos seis grupos de traballos do proxecto presentou os seus resultados para, a continuación, dar lugar a un espazo de debate no que se abordou a posible continuidade do proxecto, a súa relevancia a nivel internacional e algúns aspectos normativos estratéxicos para afrontar o futuro do uso do cobre en viticultura.

Menor pH, maior risco de danos ambientais

Entre estes seis grupos de traballo, o equipo da Universidade de Vigo foi responsable do grupo centrado na identificación de solos vulnerables á contaminación por cobre, analizando en total dez solos diferentes en función do seu pH e contido en materia orgánica. Este traballo enmarcouse e deu continuidade á liña de investigación da Área de Edafoloxía e Química Agrícola da UVigo centrada nos impactos da aplicación de funxicidas de base cúprica sobre a calidade dos solos de viñedo. Entre os resultados acadados en Coppereplace, David Fernández Calviño subliña que se identificou “que a vulnerabilidade dos solos de viñedo á contaminación por cobre é maior canto menor é o pH do solo”. Tamén destaca entre as conclusións do traballo realizado desde a UVigo que “por riba de pH 7, os efectos do cobre sobre a biota do solo reducíronse significativamente” e que “os riscos de que o cobre acumulado nos solos de viñedo cause impactos sobre os organismos do solo ou que contamine as augas da contorna dos viñedos é moito maior en solos ácidos que nos neutros e alcalinos”. A investigación desenvolvida desde o Campus de Ourense-Campus Auga tamén permitiu concluír que “o uso de bioadsorbentes que incrementen o pH e contido en carbono do solo, poden axudar a reducir os impactos do cobre sobre a biota do solo”.

Máis resultados

Entre os resultados máis relevantes dos demais grupos de traballo de Coppereplace, estivo a presentación de produtos potencialmente alternativos ao cobre e unha guía para a súa implementación sostible ou o desenvolvemento dunha nova patente que “permitirá unha mellor disposición e retención na superficie das plantas”. Concretamente, Caroline Gouttesoulard, investigadora en protección da vide do Institut Français de la Vigne et du Vin, presentou na xornada de peche os ensaios técnicos realizados en campo e laboratorio para avaliar produtos alternativos ao cobre como axente de control das enfermidades da vide. Así, indicou que algúns dos produtos que mellor responderon foron formulacións alternativas ao cobre, como o gluconato de cobre (Glucosei) e o sulfato tribásico (Vicure) e reflexionou sobre a necesidade de continuar con este proxecto para comparar e ter “datos máis sólidos”. Pola súa parte, a Universitat Politècnica de Catalunya, representada na xornada de peche polo catedrático Emilio Gil, liderou a actividade técnica centrada na optimización da distribución en spray de fitosanitarios concluíndo que o emprego de tecnoloxías innovadoras conxuntas (como o uso de mapas de vigor NDVI e as doses variables segundo o desenvolvemento vexetativo da planta ou o emprego de microcápsulas), poden axudar a aforrar produto (un 25%) e auga (un 20%) nas aplicacións para o mesmo nivel de control, traducíndose “nun beneficio económico e ambiental”. Antonio Graça, director de I+D+i de Sogrape Vinhos SA, presentou o traballo realizado en desenvolvemento e implantación dun sistema de xestión integrada con doses baixas ou nulas de cobre, adaptado ás condicións de cada cultivo. Así, sinalou que, aínda que o cobre segue sendo esencial para a protección da vide, pode ser posible reducir as súas doses e que o gluconato de cobre en asociación con aceite esencial de laranxa amosou resultados prometedores en situacións de presión moderada de mildiu (resultados que, dixo, non poden estenderse a todos os escenarios climáticos, reforzando a importancia do contexto á hora de definir unha estratexia de protección fitosanitaria). Do mesmo xeito, Cátia Santos, responsable del área de economía circular da Associaçao para o Desenvolvimento da Viticultura Duriense, explicou as actividades de avaliación do impacto económico, ambiental e social das novas técnicas de redución do cobre nos viñedos realizadas en Coppereplace. As enquisas feitas, indicou, conclúen que “coas novas tecnoloxías aplicadas obsérvase unha optimización da aplicación, menos perda de produto e menos contaminación”, engadindo que a redución do cobre observouse ata nun 40% e podería chegar a un 60% con técnicas de precisión. Por último, Mario de la Fuente, xerente da Plataforma Tecnológica del Vino, puxo en valor a rede de coñecemento creada arredor desta iniciativa dentro do sexto paquete de traballo e da que forman parte 26 entidades de carácter técnico e político dos tres países participantes.

É un problema a acumulación de cobre nos viñedos?

O uso do cobre segue sendo recorrente na viticultura como tratamento fúngico preventivo, utilizado mesmo nun manexo ecolóxico e sen presentarse, polo momento, alternativas ao seu uso neste modelo. Así como o seu uso está estendido, tamén xorden as dúbidas sobre a acumulación do cobre nos solos dos viñedos e as súas posibles consecuencias. “O cobre é un elemento esencial para as plantas, necesítano para o seu desenvolvemento normal, pero tamén é un metal pesado que en concentracións elevadas pode resultar tóxico tanto para as plantas como para o medio ambiente do viñedo”, explica David Fernández Calviño, investigador Ramón e Cajal do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo.
“Non sabemos ata cando poderemos acumular cobre no solo sen que aparezan problemas graves”
O principal problema do cobre é que se acumula no chan, xa que non se degrada. “Ao ser un elemento potencialmente tóxico, a súa acumulación a medio-longo prazo non é sostible. Non sabemos ata cando poderemos acumular cobre no solo sen que aparezan problemas graves”, indicou Fernández Calviño na súa participación na xornada virtual “Rexeneración e conservación do chan vitícola” organizada pola Plataforma Tecnolóxica do Viño ( PTV) recentemente. Canto cobre acumúlase nos solos dos viñedos? Unha das principais cuestións sobre a que está a traballar o investigador nestes momentos é en poder estimar o impacto que ten o cobre no medio ambiente. Este é un dos eixos do proxecto Coppereplace, unha iniciativa na que participan entidades e investigadores de España, Francia e Portugal e que procura validar solucións integradas, innovadoras e viables para reducir o uso do cobre en viticultura e o seu impacto ambiental. “Necesitamos controlar os efectos do cobre e saber se o cobre que está acumulado xa no chan está a causar danos, así como se os vai a causar no futuro”, apunta o investigador. Con este obxectivo levaron a cabo ensaios para estimar o perigo de que o cobre pase a augas subterráneas, así como de que cause danos a distintos organismos que viven no solo.
En función do tipo de solo producirase unha maior transferencia de cobre ás augas. Os solos máis acedos presentan maior perigo de contaminación de augas ou danos a organismos ó acumular cobre
Destas investigacións extraeron xa unha conclusión fundamental: “Os efectos sobre os organismos e a transferencia do ás augas vai estar moi condicionado polo tipo de solo”, explica o experto. Os seus traballos consistiron en observar tanto a presenza de cobre no terreo como en engadir cobre en distintos tipos de chan para comprobar a súa acumulación. Así chegaron a achegar ata 800 miligramos de cobre por quilogramo de solo, unha cantidade moi elevada, pero que é a cantidade que xa se pode atopar nalgúns viñedos galegos. Nos solos máis acedos, os risco asociados á acumulación do cobre son moito maiores. En solos particularmente acedos, cun pH de 4,6, como poden ser algúns viñedos en Galicia. “Vimos que se alcanzaban concentracións medias de cobre nas augas de lavado do solo de ata 40 miligramos por litro”, detalla o experto. Para comprender o impacto desta cantidade de cobre abonda con ter presente que o límite de cobre en augas para consumo humano está en 2 miligramos por litro segundo os baremos da Organización Mundial da Saúde (OMS). Nestes solos acedos só con engadir 100 miligramos por quilogramos de cobre ó solo alcanzábanse concentracións de 5 miligramos por litro, o que segue estando moi por encima dos límites establecidos pola OMS. Ó engadir estas mesmas cantidades en chans cun pH máis alto (5,6) comezaron a ver que a concentración de cobre é xa moito menor. Neste caso só superáronse os 2 miligramos de cobre por litro cando se chegaba a engadir 400 ou 800 miligramos por quilogramo de cobre no solo.
“O potencial efecto do cobre sobre as augas dos viñedos dependerá en gran medida do tipo de chan e sobre todo do seu pH”
Canto maior foi o pH da terra menor concentración de cobre presentaban as augas. No caso de chans de pH 7 ou 9 observaron que independentemente da cantidade de cobre que engadiamos ao chan o cobre na auga situábase sempre por baixo de 1 miligramo por litro. “O potencial efecto do cobre sobre as augas próximas ós viñedos dependerá en gran medida do tipo de solo e sobre todo do seu pH”, concreta o experto. Gráficas sobre a contaminación por cobre en augas. Outro dos estudos que levaron a cabo proba o efecto na vida microbiana dos chans. “Non só é importante coñecer se hai unha potencial contaminación das augas dos viñedos senón se o cobre pode causar problemas sobre os microorganismos”, apunta o investigador. De novo utilizando chans con distintos pH foron incorporando distintas cantidades de cobre (entre 125 e 2.000 miligramos por quilo), para ver os seus efectos. “En solos con pH acedos os efectos sobre os microorganismos eran moi elevados”, explica. En solos cun pH 6,9 tamén se viron efectos importantes xa en concentracións de 125 miligramos por quilo.
O pH e o tipo de solo serán determinantes nos efectos que o cobre teña no desenvolvemento dos microorganismos do solo
“Con todo en solos máis alcalinos, cun pH de 7,8, que adoitan presentar grandes cantidades de carbonados vimos que mesmo engadindo 1.000 miligramos por quilo non tiñamos efectos detectables sobre o crecemento nas comunidades bacterianas”, detalla Fernández Calviño. Neste tipo de chan só chegaron a ver efectos ao engadir uns 2.000 miligramos de cobre por quilo do solo, unha cantidade de cobre moi elevada e que como apunta o investigador, non é habitual atopala nos viñedos, aínda que se detectaron estas concentracións en chans tropicais de Latinoamérica. Gráficas do crecemento bacteriano en solos con cobre. Ademais de analizar os efectos da acumulación de cobre en auga e microorganismos tamén estudaron os seus efectos en plantas, para o que empregaron o crecemento dunha leguminosa (alfalfa) que podería ser utilizada como cuberta vexetal en viñedos. Unha vez máis, os chans cun pH máis baixo experimentaron os maiores efectos no desenvolvemento da planta pola acumulación de cobre. En chans cun pH alto, con valores de 9, propios da área Mediterránea, a achega de cobre non só non supuxo un problema para o cultivo senón que chegou a estimular o desenvolvemento da alfalfa. “O cobre é un nutriente esencial para as plantas e é común que en chans cun pH elevado non estea dispoñible polo que ao proporcionarllo ao chan provócase ese crecemento”, explica. Gráfica sobre os efectos do cobre no crecemento da alfalfa.
Medidas para atallar a acumulación de cobre As investigacións sobre os efectos do cobre permitiron establecer medidas para controlar e reducir a súa acumulación naqueles chans máis acedos nos que pode ser un auténtico problema polos niveis que se poden chegar a concentrar. “É algo relativamente fácil de corrixir, xa que corrixindo o pH do solo podemos conseguir unha redución dos efectos da súa acumulación no solo”, concreta o investigador. A curto prazo, o experto recomenda centrar as posibles estratexias de mitigación dos efectos do cobre nos viñedos con solos máis acedos, xa que noutras áreas con terreos neutros ou alcalinos non está a ter apenas incidencia. Tamén se deberían desenvolver tecnoloxías para extraer o cobre do solo naqueles lugares nos que poida causar problemas. Fernández Calviño insiste en que estes métodos deben resultar alcanzables para que realmente se utilicen. Ademais, no marco do proxecto Copperaplace están a traballar xa no desenvolvemento de alternativas sostibles e que sexan tan eficaces e baratas, como o propio uso do cobre, de modo que poidan empregarse como substitutos no tratamento dos viñedos.

Coppereplace, un proxecto internacional para a necesaria reducción do uso de cobre en viñedos

Un total de 13 entidades españolas, francesas e portuguesas relacionadas co sector do viño veñen de xuntar as súas forzas para “reducir de maneira significativa o uso de cobre en viticultura, así como o seu impacto medioambiental”. É a través do proxecto de I+D+i Coppereplace, liderado pola Plataforma Tecnolóxica do Viño e do que a Universidade de Vigo é un dos seus socios. Dotado polo Programa Interreg Sudoe cun financiamento superior ao millón de euros, desde o proxecto destacan que se trata dunha “innovadora iniciativa que pon a ollada en Europa para ofrecer solucións integradas, sostibles e aliñadas con métodos de produción respectuosos co medio ambiente”. O proxecto Coppereplace, indican os seus responsables, levarase a cabo entre novembro de 2020 e febreiro de 2023 baixo o título “Desenvolvemento e implementación integral de novas tecnoloxías, produtos e estratexias para reducir a aplicación de cobre en viñedos e remediar solos contaminados na rexión Sudoe”. O seu obxectivo será “validar unha serie de solucións integradas, innovadoras e viables para reducir o uso do cobre en viticultura e o seu impacto medioambiental. Estas solucións serán transferibles e duradeiras, para que o sector vitivinícola cumpra coa nova lei europea, promovendo una produción respectuosa co medio ambiente”. Para facelo, conta cun orzamento superior a 1,6 millóns de euros, recibindo máis dun millón de euros de financiamento por parte do Programa de Cooperación Territorial Europa Suroccidental (Interreg Sudoe).

Socios de España, Portugal e Francia

O consorcio internacional de Coppereplace está liderado pola Plataforma Tecnolóxica do Vino e forman parte del a Universidade de Vigo; a Associaçao para o Desenvolvimento da Viticultura Duriense; o Institut Français de la Vigne et du Vin; o Centro de Valorización Ambiental del Norte; a Universitat Politècnica de Catalunya; o Vignerons Bio Nouvelle Aquitaine; a Fundación Eurecat; a Universidade do Porto e as bodegas Sogrape Vinhos, LBS (Gérard Bertrand), Familia Torres e Jean Leon. Ademais, o consorcio ten o apoio da consultora Artica Ingeniería e Innovación (artica+i), que exerce como oficina técnica do proxecto. Coppereplace creará ademais, tal e como indican desde a súa organización, unha rede de “stakeholders” que incorporará “non só a viticultores senón tamén a outros representantes do panorama vitivinícola internacional, co fin de involucrar a todos os axentes interesados no proxecto para que poidan achegar o seu coñecemento e experiencia”. Por parte da Universidade de Vigo participa en Coppereplace a Área de Edafoloxía e Química Agrícola do grupo de investigación BV1, con sede na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, sendo David Fernández Calviño o seu investigador principal neste proxecto. A súa participación nesta iniciativa enmárcase na súa liña de traballo sobre os impactos da aplicación de funxicidas de base cúprica sobre a calidade dos solos de viñedo. Neste proxecto Interreg Sudoe, o equipo da UVigo será responsable da actividade 2, de identificación dos solos de viñedo máis vulnerables á contaminación por cobre.