Archives

Cobideza inaugura un supermercado rural

A cooperativa agrogandeira Cobideza acaba de inaugurar na súa sede en Cercio (Lalín) un supermercado rural. A directiva da entidade celebrou o sábado unha visita para amosar a nova tenda ós socios, un acto no que tamén participaron diferentes representantes políticos tanto da Deputación de Pontevedra, así como de Lalín ou Vila de Cruces. O novo supermercado está situado nas instalacións centrais da cooperativa, que anteriormente albergaban a tenda agraria, que agora foi trasladada a outro espazo desa mesma nave que servía para almacenaxe de forraxes. A compra dunha parcela próxima a esta sede e que utilizan agora para gardar a maquinaria da cooperativa posibilitou afrontar este proxecto ó dispoñer do espazo necesario. Instalacións do novo supermercado rural de Cobideza. Os socios coñeceron a oferta do supermercado antes de dar paso á tradicional comida de confraternidade que a cooperativa celebra cada ano nestas datas con motivo da Festa na honra da Muller, que este ano acadou a súa vixésimo terceira edición. Na actualidade, Cobideza conta xunto coa súa sede central de Cercio (Lalín) con delegacións en Vila de Cruces e Silleda ademais da queixería situada en Agolada onde elaboran os queixos a partir do leite das ganderías socias e que comercializan baixo a marca Dona Cobiña.

Xornada sobre as novidades da PAC en Cobideza

Unións Agrarias-UPA en colaboración coa cooperativa Cobideza organiza unha xornada informativa para aclarar en detalle a futura Política Agraria Común (PAC) que entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro do 2023 ata o 2027.

A sesión informativa celébrase mañá, xoves 15 de decembro, no local social de Cobideza, situado na parroquia de Cercio, en Lalín (Pontevedra). Contarán con expertos para abordar os cambios que suporá a nova PAC.

Ademais, na xornada tamén presentarán a ferramenta CalculaPAC, que permitirá a cada un calcular a futura PAC.

A continuación deixamos o programa detallado da xornada:

11.55 horas. Presentación. Román Santalla, presidente de Cobideza.

12.00 horas. A nova PAC. Esperanza Orellana. Directora Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura.

13.30 horas. CalculaPAC. Javier Alejandre. Enxeñeiro agrónomo dos servizos técnicos de UPA.

13.45 horas. Clausura. Roberto García. Secretario Xeral de Unións Agrarias e Lorenzo Ramos. Secretario Xeral de UPA.

Cobideza logra un crecemento do 11% e remata 2021 cunha facturación de 26 millóns

A Cooperativa agrogandeira Cobideza presentou este venres as contas ós seus asociados durante a asemblea xeral ordinaria celebrada na súa sede en Lalín (Pontevedra). A Cooperativa pechou o 2021 cunha facturación de 26.002.816,09 millóns de euros, fronte ós 23,3 millóns que facturara no 2020, o que amosa un crecemento do 11,5%. Os beneficios antes de impostos son de 145.470,96 euros, consolidando o incremento en todas as seccións coas que traballa a Cooperativa. Os almacéns que a entidade agraria ten nas vilas de Silleda, Vila de Cruces e Cercio (Lalín) son un dos motores para conseguir este aumento da facturación. Outro dos eixos centrais da Cooperativa é a queixería Dona Cobiña, situada en Agolada e que tamén foi responsable deste incremento da facturación. De feito, a facturación derivada da industria queixeira, posta en marcha pola Cooperativa no 2016, incrementouse nun 20% no pasado exercicio con respecto das cifras manexadas no 2020. Este aumento debeuse, en parte, ó impulso da fabricación e venda do queixo ecolóxico. Cobideza pecha o exercicio cunha facturación 850.000 euros na sección de maquinaria, unha das máis importantes da Cooperativa. “O 2021 non se caracteriza polas inversións na sección de maquinaria, pero si por avanzar en consolidar os servizos de proximidade cos seus asociados e estar sempre pendente dos problemas que en calquera momento poden ter os nosos socios”, apunta o presidente da Cooperativa, Román Santalla. A entidade agraria é tamén un dos socios da Cooperativa de segundo grao Xuncoga, asentada no polígono industrial de Lalín. O consumo de penso de Cobideza desta fábrica supera o 40% do total da entidade.

Produción de leite

A maior parte dos máis de 300 socios cos que conta Cobideza están centrados na produción de leite. Así, a Cooperativa manexa máis de 55.000.000 litros de leite en convencional, ademais dunha produción de leite ecolóxico de máis de 700.000 litros. “Pretendemos seguir impulsando a sección de ecolóxico nun modelo diferenciado e sostible”, sinala Santalla. A diferenza do acontecido noutras asembleas da Cooperativa, nesta ocasión non se abordou a situación do contrato lácteo, xa que a entidade ten aínda vixente ata outubro o contrato coa empresa Reny Picot, a quen leva xa anos vendéndolle o leite.

Investimentos

Cobideza afrontou no 2021 investimentos como a compra dunha parcela situada no lugar de Mato, próxima á súa sede, cunha superficie de case 1 hectárea. Neste predio construíron un almacén para maquinaria e acondicionaron unha superficie de 1.600 metros cadrados. Por outra banda, na Cooperativa está a ultimar a apertura dun supermercado rural na súa sede en Lalín. "Agardamos que nun mes poida estar a pleno funcionamento", sinala Santalla.  As contas foron aprobadas en votación secreta por todos os votos a favor e unha abstención.

Xornada sobre o uso dos medicamentos

Á marxe da celebración da Asemblea, a Cooperativa organizou una xornada sobre o novo Real Decreto que regula a utilización e xestión dos medicamentos nas ganderías. A charla foi impartida pola xefa de área de hixiene gandeira do Ministerio de Agricultura, Inés Moreno Gil, e contou cunha destacada afluencia de veterinarios da zona.

A cooperativa Cobideza pechou o 2020 cunha facturación superior aos 23 millóns de euros

Cobideza celebrou este sábado pola mañá na sede de Cercio a asemblea xeral extraordinaria na que se realizou o balance de xestión do ano 2020 e tamén de parte do 2021, destacando unha tendencia ao aumento do volume da facturación e con resultados positivos no exercicio. As contas votáronse de maneira secreta e saíron aprobadas por unanimidade dos presentes. A pesar de que o ano 2020 foi de especial dificultade pola pandemia, o balance xeral foi positivo nas diferentes seccións da cooperativa. A facturación total ascendeu a 23.312.118,56 de euros cun balance de beneficio contable de 110.492,16 euros. Na orde do día tamén se votou a nova xunta directiva. É una xunta directiva continuísta presidida novamente por Román Santalla de Agrasilva SC á que se incorpora presenza de Forcarei a través da Gandaría de la Fuente. A Directiva estará no cargo por un período de 3 anos. Foi elixida en votación secreta cun resultado de unanimidade a favor da mesma, polo tanto se votos en contra nin abstencións. A Xunta quedou conformada por. Román Santalla na presidencia, María José Lamas na vicepresidencia, Manuel Miguélez de secretario, María Fé Rodríguez de Tesoureira, e vocalías para Luís Cejo, Raquel Barreiro, Inés Otero, Lourdes Saa e Ramón Abonjo.

Próximos investimentos da cooperativa

Entre os obxectivos da nova directiva atópanse cuestións relacionadas coa mellora da planificación estratéxica e a dotación de novas infraestruturas, coa proposta de activar a curto prazo a finca comprada recentemente a Excavaciones Vilariño en Cercio, que será dedicada a almacén de maquinaria e forraxe. Tamén se levarán a cabo reformas no almacén central de Cercio onde se creará un supermercado rural e se destinará outra parte a produtos de gandaría e medio rural. Outro dos investimentos que se levará a cabo será a reforma da gasolineira de Cercio, proxecto que se atopa xa en trámites administrativos. Así mesmo afrontarase tamén unha reforma na tenda almacén situada no polígono de Vila de Cruces. Con respecto á queixería, os resultados do ano pasado evolucionaron en termos positivos, sendo a produción ecolóxica a que mais aumenta, cunha dotación de persoal e infraestrutura moi importante na que traballan 10 persoas, a grade maioría mulleres. O proxecto para este novo período pasa por unha aposta decidida a prol da modernización e da tecnificación para o que buscarán vías de colaboración a través da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.

Contrato con Reny Picot para subsministralle 55 millóns de litros de leite

Na asamblea presentouse o novo contrato lácteo que vai de 1 de outubro de 2021 a 30 de setembro de 2022 con posibilidade de prorrogalo. É un contrato con Reny Picot por 55 millóns de litros anuais repartidos en mensualidades que e foi apoiado en votación secreta pola unanimidade asamblearia. Por rematar, tamén se falou da nova PAC, do Real Decreto de Ordenación de Explotacións de vacún e sobre o Real Decreto de Fertilización e Xurros. O presidente, Román Santalla destacou que “Cobideza sigue mantendo a tendencia económica alcista e consolidase como a primeira cooperativa da zona e a terceira do seus ámbito en Galicia en canto a facturación e socios”. Como explicou “as seccións económicas mais importantes está na parte de servizos e tamén destaca o incremento da venda do queixo ecolóxico e a apertura de novos espazos comerciais”. Santalla subliñou que ao longo dos anos a fortaleza de Cobideza baséase na “forte aposta polos bos servizos aos socios a moi bos prezos, en especial técnicos e de maquinaria, pola proximidade, pola diversificación e pola aposta firma non só por dar servizos aos socios senón a todo o medio rural para mantelo vivo e dinámico”. .

Campaña de ensilado do millo 2021: Agárdanse boas producións, superiores ás de anos pasados

A maioría das ganderías de vacún de leite galegas están xa pendentes do inicio da campaña de ensilado do millo. As chuvias da primavera e os primeiros meses do verán atrasaron en gran medida o desenvolvemento da forraxe, que agradeceu o bo tempo deste mes de agosto que está axudando na maduración da espiga. Con todo, a vaga de calor dos últimos días pode mesmo condicionar e adiantar o ensilado naquelas zonas máis secas. Na maior parte de Galicia o ensilado do millo comezará a mediados de setembro e colleitaranse a comezos de mes as parcelas con ciclos máis curtos ou con terras máis secas, onde o millo estea a sufrir pola calor. Agárdanse boas producións en cantidade e calidade, xa que polo xeral a planta atópase nun bo estado sanitario.  Comezan a detectarse xa estragos causados polas mandas de xabaril nas zonas gandeiras. Mesmo están a sufrir danos en parcelas nas que o millo aínda está moi verde ou en pradeiras.  Facemos un percorrido por algunhas das principais comarcas gandeiras para coñecer mellor a evolución deste cultivo forraxeiro fundamental en gran parte das ganderías de vacún de leite.

Mariña Lucense: “Vai haber boa colleita, mellor que a do ano pasado. A planta está moi vigorosa, só falta que se acabe de formar a espiga”

Na cooperativa Os Irmandiños, en Ribadeo, integrada en CLUN, prevén que as tarefas de ensilado do millo comecen a mediados de setembro, agás algúns casos excepcionais que se poidan mallar antes. “A falta de horas de sol atrasou a formación e maduración da espiga, polo que a colleita tamén se atrasará”, explica Rafael Acevedo, un dos responsables da área de cultivos e mecanización da cooperativa. A nacenza do millo, pese ás abundantes choivas levouse a cabo nas datas habituais e tamén se desenvolveu con normalidade o crecemento da planta. “Hai plantas cunha vexetación moi boa, pero que precisaban destas horas de luz que estamos tendo agora en agosto”, comenta. Con todo, as perspectivas da colleita son boas. “Vai ir con atraso, pero creo que vai haber boa colleita, mellor que a do ano pasado. A planta está moi vigorosa, só falta que se acabe de formar a espiga”, valora Acevedo. Pese ó atraso que presentan as plantacións no desenvolvemento e maduración do millo, están a sufrir xa os estragos causados polo xabaril. “Parece que este ano teñen bastante fame, porque está tirando millo que nin sequera teñen aínda que comer e causando importantes danos”, indica Acevedo. Así, tanto en parcelas que xestiona a propia cooperativa para a súa planta de mestura húmida, como en fincas de socios xa rexistraron danos desta fauna salvaxe. “As mandas de xabaril están moi repartidas, temos danos en plantacións da Mariña, pero tamén nas zona do interior”, especifica. A incidencia da fauna xa lles causou perdas dende o inicio do cultivo do millo. “Houbo fincas de Remourelle que tivemos que sementar de novo por completo”, recorda. Leiras de millo estragadas polo xabaril na Mariña Lucense. // Foto Clun.

Lugo Centro: “O frío e a auga fixeron que o millo atrasase e que tardase en saír”

Polo momento na zona central da provincia de Lugo o millo aínda está moi verde e faltan case 15 días para que comece a ensilarse. “O frío e a auga fixo que o millo atrasase e que tardase en saír”, explica Silvia Cendán, técnica da cooperativa Aira. Na zona de Palas de Rei, Guntín, Friol ou O Páramo na cooperativa agardan comezar co ensilado arredor do 10 de setembro. As previsións son tamén favorables e agardan boas producións. “A verdade é que está mellor do que contabamos, xa que ó principio o millo tivo moitos problemas para saír polas chuvias e logo houbo gran cantidade de herbas, tanto que mesmo ós herbicidas lles custou atallala”, valora Cendán. Ás inclemencias meteorolóxicas sumáronse os danos causados pola fauna na época da sementeira. “Este ano tivemos moita incidencia de corvos. Houbo fincas que tiveron que sementar máis dunha vez por culpa deles. Ademais, por causa do xabaril tamén houbo faltas e estragos en moitas parcelas”, comenta. Polo momento, os danos co millo xa criado aínda non están a ser moi numerosos, pero coidan que cando maduren as espigas se han de incrementar pola presenza de mandas destes animais na zona.

Chantada: “Comezaremos a ensilar nos próximos días e agardamos producións por encima da media”

No sur da provincia de Lugo, na zona de Chantada están a piques de comezar co ensilado. “A finais desta semana ou principios da que vén comenzaremos coas fincas máis adiantadas, as que se sementaron en abril”, explica Jorge Meiriño, técnico de campo da cooperativa Aira. As altas temperaturas que se están a rexistrar nos últimos días fixeron que mesmo se adiante a colleita, xa que o millo comeza a sufrir pola falta de precipitacións. “As plantas estaban afeitas a unhas regas constantes, coas precipitacións que tivemos durante a primavera e o verán, as plantas estaban viciadas niso e agora soportaron peor a seca”, valora o técnico. Esta campaña a sementeira puideron realizala nas datas previstas e os ciclos están chegando ó seu momento óptimo de colleita. “Nesta zona adoitan empregar ciclos non moi longos para poder garantir que o millo chega a cumprilo”, apunta Meiriño. Agardan que sexa unha campaña boa, con producións por encima da media, debido ás abundantes precipitacións. Nesta zona, a incidencia do xabaril sobre o cultivo do millo está a ser cada vez maior. “Vese moito lobo e iso pode facer tamén que o xabaril ande máis en mandas, polo que os danos cando entran nunha finca son moito maiores do que hai anos, cando entraba un só animal”, apunta.

 

Fincas de millo na zona de sur da provincia de Lugo.

Comarca do Xallas: "As perspectivas en canto a calidade son boas, xa que a sanidade da planta é moi boa"

En Ganxabar, a cooperativa que xestiona en común os forraxes e a recría de 8 gandeiros de Xallas e Barcala (A Coruña) mantéñense á expectativa de como remate de desenvolverse a espiga, que será o que determine os niveis de amidón dos silos. “Polo momento as perspectivas en canto a calidade son boas, xa que a sanidade da planta é moi boa”, valora Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar. En canto á produción, tamén agardan unha colleita con boas cifras, semellantes ás dos últimos anos nos que contaron con altas producións de millo. “Estas últimas semanas van ser decisivas, o que realmente aporta quilos é a espiga, e se aperta moito a calor e non deixa un desenvolvemento axeitado pode que cambien as perspectivas”, recoñece. A evolución desta recta final tamén marcará o comezo dos traballos de ensilado. “Se o millo non se ve condicionado e se desenvolve ben non comezaremos a ensilar ata finais de setembro. Se pola contra, comeza a verse afectado, adiantaremos a recollida dúas semanas”, argumenta Cundíns. Nesta cooperativa adoitan apostar por ciclos longos de millo. Boa parte do millo que cultivaron este ano, case o 90% , son ciclos de 500 ou 600, que lle permiten maior marxe para a colleita. “Estas variedades adoitan ter un período óptimo para a recollida de mesmo 8 días, cando os ciclos máis curtos só teñen 2 ou 3 días, polo que sempre que podemos optamos por este tipo”, indica. Este ano puideron realizar a sementeira en abril e o millo tivo un bo desenvolvemento ata o momento, puido enraizar ben o que fai pensar que poida aguantar ben esta fase final aínda que non chova, se as temperaturas se suavizan. Na zona están a sufrir importantes danos por mor do xabaril. “Os danos reais no millo habémolos de ver cando ensilemos, pero xa están vendo moitos danos en leiras pequenas con millo do país ou con ciclos máis curtos que teñen a espiga máis adiantada”, comenta Cundíns. Tamén detectaron danos en pradeiras, polo que temen importantes desfeitas nas fincas de millo de maior extensión.

Comarca do Deza: “Agardamos boas producións, mesmo superiores ás do ano pasado”

Na cooperativa Cobideza, con delegacións en Lalín, Vila de Cruces e Silleda, agardan unha boa colleita de millo, con producións superiores ás do ano pasado. “Esperamos ter unha media de entre 35.000 e 40.000 quilos por hectárea, con fincas nas que poidan chegar a acadarse os 50.000 quilos, aínda que serán casos puntuais”, indica Patricia López, directora comercial da cooperativa. Dende a cooperativa inciden na importancia de lograr bos silos de millo. "Nun ano no que os custes de produción se incrementaron, ademais de obter un bo rendemento, é moi importante a calidade nutricional do ensilado. O obxectivo dun bo silo de millo é obter un alimento con alto porcentaxe de enerxía e elevada dixestibilidade da fibra”, explica a directora comercial. A campaña arrancará arredor do día 10 de setembro e agardan que quede rematada pouco máis dun mes despois, sobre o 25 de outubro. “Este ano a campaña vai con certo atraso en comparación co ano pasado, xa que a meteoroloxía tamén foi moi distinta e aínda seguimos metendo na herba seca”, apunta López. A evolución das vindeiras semanas será tamén determinante tanto para o inicio do ensilado como para as producións finais que se obteñan. Polo de agora non contabilizaron grandes estragos nas leiras do millo a causa do xabaril, pero apuntan a que se debe ó atraso da planta e que aínda non está a espiga criada. “Nos próximos días podemos empezar a ver importantes danos como os que tivemos na sementeira”, comentan na cooperativa.

“Queremos que as nosas vacas pazan e saían tódolos días, aínda que baixen en leite”

Na parroquia de Palio, en Lalín (Pontevedra), atópase a gandería Agrasilva SC, a granxa de Román Santalla, presidente da cooperativa Cobideza, situada a escasos quilómetros. Santalla é coñecido polo seu labor en Unións Agrarias e a súa matriz estatal (UPA), da que é responsable de gandería, un labor que compaxina coa gandería, que atende xunto co seu fillo maior Álvaro. A granxa, situada na parte alta dunha parcela e cun deseño aberto e ventilado, dá boa conta dunha máxima que prima nesta gandería: as vacas poden saír ós patios sempre que queiran e boa parte do tempo pásano no prado. “Gústanos que as vacas saian pacer nos meses que hai pasto, pero que ademais poidan saír para os patios ou ó prado todo o ano”, explica Román.
“Non buscamos espremer as nosas vacas ó máximo para lograr producións máis altas, nós queremos animais que estean sans e fortes”
O confort dos animais é unha aposta clara para a familia, así como a lonxevidade e a robusteza. “Non buscamos espremer as nosas vacas ó máximo para lograr producións máis altas, nós queremos animais que estean sans e fortes, e por iso botámolas ó prado todo o ano, iso axúdalles a estar ben”, apunta o gandeiro. Traballan en garantir o benestar dos animais co obxectivo de reducir os problemas sanitarios e os tratamentos. “É moi difícil non tratar ningunha vaca, pero traballamos con ese obxectivo”, apunta Román. Decidiron construír unha granxa aberta e ventilada só pechada completamente por un lateral. Xa na construción da granxa, que acometeron hai 12 anos, tiveron en conta o manexo que querían seguir facendo. Así, tanto a sala de muxido e a leitería están situados a modo de peche lateral. “Ese é o lado do inverno, é a parte máis pechada da granxa e serve tamén para facerlles abrigo”, detalla. As instalacións foron pensadas para facer fronte á calor do verán, e polo momento están a conseguir moi ben ese obxectivo. “É realmente moi confortable. Non temos nin ventiladores nin outro tipo de sistema de refrixeración porque non o precisamos. No verán as vacas están moi cómodas aquí. Nos meses de máis calor pasan a noite fora ó fresco, pero polo día elas prefiren estar aquí”, comenta Santalla. Os bos resultados destas instalacións, cunha estrutura metálica e cubertas sen case cerramentos, fixeron que continuaran con esta liña tamén na ampliación que realizaron hai 2 anos. Nesta parte máis nova é onde teñen boa parte das vacas secas e da recría cando están na granxa, xa que a maior parte do tempo están fóra. Esta tamén é a zona na que permanecen as vacas máis delicadas, polo que optan por empregar cama quente a base de palla. “Dá bastante máis traballo ter estas camas ben, pero tamén lles axuda moito a recuperarse cando teñen algún problema. Paga a pena”, argumenta Álvaro. Esta cama renóvana cada 3 días con dúas pacas de palla moída. Mentres, os animais en produción téñenos en camas con casca de arroz mesturada con carbonato cálcico, que renovan por completo cada 15 días. As xovencas e as vacas secas téñenas en cama quente para un maior confort dos animais. Teñen un rabaño de arredor de 220 cabezas, todas elas de raza frisoa, das que moxen entre 115 e 125 vacas para acadar unha produción media que se sitúa entre 34 e 36 litros por vaca, dependendo da tempada. En primavera chegan a 36 litros e no inverno rondan os 34. Conseguen unhas calidades do leite de 3,7% de graxa e de 3,3% de proteína, cuns recontos de bacterioloxía por debaixo das 250.000 células somáticas. “Contamos co asesoramento do servizo técnico da cooperativa que nos resulta de axuda para ter un mellor control en temas sanitarios”, apunta Román. O leite véndenllo a Cobideza, que vende na súa integridade a Reny Picot. A granxa conta cunha sala tipo espiña de peixe con 6 puntos en cada un dos dous lados. Do muxido encárganse tanto Román coma Álvaro, xunto con outros dous empregados, un deles a media xornada. Están valorando automatizar o muxido coa colocación alomenos dun robot de muxido, aínda que as instalacións están previstas xa para a colocación de 2 sistemas que irían na parte central da nave. Ademais, na atención ó gando tamén colabora a muller de Álvaro, Inés García, que se encarga principalmente de atender á recría máis nova. Acaban de adquirir unha amamantadora coa que axilizar a atención dos tenreiros.

Levar ó pasto máis de 100 vacas

Na alimentación do gando, o pastoreo é fundamental sobre todo na primavera e no outono. A ración adáptase á época do ano e á cantidade de pasto que teñan dispoñible. “Nos meses de pastoreo, o 25% da ración está no pasto, co que se consigue tamén un aforro de custos na granxa”, indica Román. Así, nestes meses no canto de facer ración para 125 vacas en produción abonda con facela para 95, segundo estiman. Nas vacas de produción, en época de pastoreo a ración que lle aportan na granxa é de 35,5 quilos de silo de herba, 17 quilos de silo de millo e 12 quilos de penso, ó que lle engaden herba seca ou silo ensilado moi seco. O penso mércano na cooperativa de segundo grao Xuncoga, asentada en Lalín, e da que Cobideza é socia.
“Nos meses de pastoreo, o 25% da ración está no pasto, co que se consigue tamén un aforro de custos na granxa”
O servizo de carro mesturador da cooperativa Cobideza achégase tódolos días para prepararlle a mestura das vacas en produción e cada 2 días tamén para as vacas secas e as xovencas, que pasan parte do tempo no prado. “Tanto a recría como as vacas secas están nos prados que temos máis afastados da granxa ou naqueles nos que é difícil acceder coa maquinaria. Boa parte deles son prados que noutro tempo foron moi valorados por ter auga, o que agora tamén nos axuda no manexo, xa que non temos que levarlle a cuba da agua ata alí”, apunta o gandeiro. O servizo de carro de Cobideza vailles tódolos días para a ración das vacas en produción e cada dous días para as vacas secas. Neste gando teñen tres lotes diferenciados: nun as vacas secas, noutro as becerras preñadas (uns 12 animais nesta tempada) e noutro as vacas en celo (25 vacas). “Algunhas delas veñen tódolos días á granxa para comer o penso, mentres que hainas que quedan no prado varios días”, matiza. Tamén teñen especial atención coas xovencas máis novas e os problemas derivados da mosca. “Témolas moi vixiadas porque hai anos tivemos problemas serios por culpa destas picaduras. Non é só os inconvenientes que lle provocan no ubre senón que ves como a vaca queda moi afectada”, comenta Román. As vacas de produción tamén van ó pasto tódolos días. “Queremos que as nosas vacas pazan e saían tódolos días, aínda que baixen ó leite. Con todo nos meses da primavera producen o mesmo que se estiveran en intensivo”, asegura Román. As vacas de leite téñenas divididas de igual xeito en 3 lotes. “Non é cuestión de levar máis de 100 vacas xuntas. Repartímolas e así manexase mellor o rabaño”, indican os gandeiros. Estes lotes de gando adoitan ir ós prados que están máis próximos da granxa, unhas 25 hectáreas. “Dedicámoslle o tempo ás vacas, velas fora é unha paixón, pero implica tempo e traballo”, valora Román. El adoita encargarse do manexo do pasto xunto coa fertilización. Pola súa banda, Álvaro ademais de atender o gando, xestiona o abonado do xurro. O resto dos traballos de maquinaria fanos coa cooperativa.
“Dedicámoslle o tempo ás vacas, velas fora é unha paixón, pero implica tempo e traballo”
Este ano por primeira vez están xestionando o pasto de xeito máis controlado, acoutando a parcela dispoñible para o gando con pastor, sen deixar que pazan no mesmo sitio varios días. “Leva máis tempo para nós, pero estamos conseguindo un mellor rebrote. O pastoreo é toda unha arte, se se fai ben”, indica. Para pastoreo empregan unha mestura híbrida con raigrás inglés. “Viuse unha gran evolución na herba. Antes, a herba espigaba xa en abril, cando agora aguanta ata xuño, o que che proporciona un pasto de boa calidade máis tempo”, indican.

Campos de xirasois

A gandería Agra Silva xestiona unhas 90 hectáreas de terra, boa parte delas alugadas. A maioría atópanse en zonas próximas, aínda que tamén teñen unhas 32 hectáreas no concello limítrofe de Agolada. “Vai habendo terra polo momento, pero temos unha batalla importante co eucalipto e co abandono das terras, que é moi visible”, comenta Román. Na parroquia non se levou a cabo un proceso de concentración parcelaria, pero os propios veciños foron argallando cambios que facilitaron a continuidade da actividade gandeira.
Mercan uns 500.000 quilos de millo ó ano. No silo mesturan un 75% de millo e un 25% de xirasol para conseguir unha ración máis equilibrada e un aporte extra de proteína
A maior parte da terra dedícana á produción de herba e só cultivan unhas 4 hectáreas de millo, posto que os terreos adáptanse mellor para esta forraxe. Ademais, boa parte das fincas atópanse incluídas ou próximas á Rede Natura e a espazos de cotos e vedados de caza, co que teñen unha importante presenza de xabaril. “Xa probamos de todo, dende botar o millo máis cedo ou máis tarde, pero rematamos tendo ataques e non nos resulta rendible sementalo”, argumenta. Así, mercan unhas 500 toneladas de millo ó ano a un produtor do concello veciño de Santiso ou na cooperativa Cobideza, que tamén conta con este forraxe embolsado para os socios. O cultivo de xirasol permítelles pastorear máis tempo e conseguen un mellor aproveitamento das terras. A gandería Agra Silva foi unha das primeiras na zona do Deza en apostar hai xa 10 anos polo cultivo dos xirasois como forraxe para complementar a alimentación do gando. “Teñen un alto contido proteico que resulta moi interesante na ración”, valora Álvaro. “É unha forraxe que nos ofrece moi bos resultados ó poder pastorear máis tempo ou obter dous cortes de herba”, detalla Román. Así, adoitan sementalo a mediados de xuño ou mesmo a comezos de xullo, xa que son ciclos curtos de 90 ou 100 días. “Nós preferimos darlle máis días porque vimos que se traballa mellor no silo”, detallan os gandeiros. Ademais, nos anos que levan cultivándoo non tiveron que recorrer a herbicidas e proporciónalles unha saída para o xurro neses meses. Os xirasois colléitanos canda ó millo e mestúrano no silo, nunha proporción de 75% millo e 25% xirasol. Aínda que durante anos tamén outras ganderías da zona quixeron probar os rendementos deste cultivo, hoxe Agra Silva é unha das poucas que seguen cultivándoo e teñen previsto continuar con esta forraxe.

SAT Loucenzo, unha unión entre veciños para gañar calidade de vida e mellorar a produción

Hai 15 anos que os dous matrimonios que integran a Gandería Loucenzo, situada na parroquia lalinense de Cercio (Pontevedra), decidiron formalizar a SAT. “Dende aquela gañamos en calidade de vida, pero tamén melloramos na xenética dos animais e na produción. Xuntarnos foi un gran acerto”, explica David Gómez Blanco, que xunto coa súa muller Inés Carrón Baldonedo, é un dos socios da gandería de leite en intensivo. Os outros dous membros da sociedade son o matrimonio formado por Ramón Vilar Asorey e Isabel González Molina. “Cada un dos socios temos o 25% da sociedade, o que nos permite ter un soldo e tamén os días de libranza correspondentes, tanto pola semana como as vacacións”, detalla.
A gandería conta cunhas 245 cabezas de gando frisón e nos últimos anos apostou por mellorar a xenética e benestar dos animais
Hoxe contan cun rabaño de 245 cabezas de gando frisón. Traballan apostando polo benestar dos animais para conseguir a maior rendibilidade de cada un deles. “Houbo un tempo que se buscaba producir a maior cantidade de leite posible, pero agora procuramos ter mellores animais, que xeren menos gastos e deixen maior rendibilidade na granxa”, concreta o gandeiro. Vista da nave na que se atopan os animais en produción.

A rendibilidade, máis alá do leite

Mellorar nas condicións de traballo que tiñan nas súas granxas e facer unha aposta conxunta foi o seu principal obxectivo á hora de formalizar a sociedade. “Daquela non tiñas dereito nin a enfermar un día, non podías faltar nunca”, recorda David. “Aínda hoxe, ese segue sendo un dos maiores problemas das granxas familiares e pequenas, ó igual que fixemos nós, creo que hai moitas que o poderían facer para mellorar as súas condicións”, valora.
“Fixemos a SAT porque senón non tiñas nin dereito a enfermar un día. Non podías faltar nunca”
Daquela, as súas granxas, situadas a poucos metros na aldea de Loucenzo, que dá nome á gandería, atopábanse con retos e en situacións dispares. A fusión foi tamén positiva para afrontalos. “Nós acababamos de ampliar e reformar a granxa e eles estaban mirando de mellorar o rabaño, fixémolo nun momento de cambio para as dúas ganderías”, comenta David. A unión fixo que melloraran na produción e na xenética dos seus animais.  David encárgase de realizar os acoplamentos e a inseminación na granxa. Os taboleiros informativos sobre os celos dos animais facilitan o traballo e a coordinación entre os gandeiros. “Fomos apostando por ter bos animais, facendo nós os acoplamentos e contando con sementais canadenses e dos touros de Fontao”, explica o gandeiro. A vida produtiva media das vacas na granxa é de 3 partos. Levan anos apostando por aproveitar tamén aqueles animais cuxas condicións non se axustan para a produción de leite, optando por engordalos antes de vendelos.
“Incrementar a produción de leite é rápido, é o que máis axiña se consigue, pero non é a maneira de facer rendible a gandería”
Durante anos, traballaban procurando incrementar a produción láctea, pero nos últimos tempos decidiron buscar a rendibilidade da gandería centrándose na calidade e benestar dos seus animais. “Ter as vacas en boas condicións e que conten cunha boa xenética é a maneira de conseguir unha maior rendibilidade na granxa. Incrementar a produción de leite é rápido, é o que máis axiña se consigue, pero non é a maneira de facer rendible a gandería”, comenta o gandeiro. Acadan unha produción anual de 1.430.000 litros cunhas 130 vacas en muxido. Na actualidade, moxen unhas 120 vacas, ás que se suman unhas 20 vacas secas e o resto de recría. Teñen unha media de 36 litros por vaca e a última analítica do mes de xullo amosa unhas calidades de 3,81% en graxa e 3,27% en proteína, cun reconto de células somáticas de 166.000 células. Nas instalacións máis novas teñen as vacas en produción, mentres que nas naves máis antigas, situadas a escasos metros, reparten o resto do gando. “Sempre tivemos moita recría. Para nós, é fundamental contar con animais que poidamos incorporar á produción en canto detectamos que algunha das vacas comeza a ter problemas. Non é rendible aguantar animais se están dando perdas, preferimos investir en xenética para contar con vacas con boa calidades”, concreta o produtor. Parte da recría dispón de patios exteriores ós que acceder.

O reparto das tarefas

Na gandería teñen un reparto de tarefas estable e tamén conseguiron complementarse ben nesta distribución dos labores. A supervisión e control do gando é unha das encomendas de David, mentres que os traballos de campo son responsabilidade de Ramón, agás nas campañas, cando tamén colabora David. “A el gústalle máis traballar coa maquinaria e encargarse de preparar as fincas. Eu prefiro estar na granxa cos animais. Cadramos ben tamén no reparto das tarefas”, indica. O muxido, que realizan dúas veces ó día, é un traballo que asumen as dúas socias a maior parte das xornadas de forma conxunta. Cada matrimonio libra de venres a domingo cada 15 días. “No fin de semana encargámonos só de atender os animais e muxilos, trátase de facer o imprescindible, posto que só estamos 2”, explica. Inés e Isabel acostuman encargarse a diario do muxido do rabaño. As vacas en produción e as secas téñenas en camas de cascarilla de arroz. “É unha alternativa que sae cara, pero as vacas descansan moi ben nela e a nós é a que mellor resultado nos dá”, recoñece. Probaron outro tipo de cama coma o de bicarbonato, pero desbotárono ó ter os pozos do xurro colocados xusto debaixo da granxa e resultarlles case imposible acceder con maquinaria para retirar o que se vaia acumulando no fondo. Por este mesmo motivo tampouco empregan a area. Tiveron tamén camas con serraduras de madeira, pero detectaron un incremento das infeccións mamarias, polo que decidiron deixar de utilizalas. Renovan e limpan as camas dúas veces ós día e énchenas unha vez á semana. O gasto na cáscara de arroz, que mercan na cooperativa Cobideza, situada na mesma parroquia, e da que son socios, adoita supoñer uns 800 euros ó mes. A recría téñena en colchonetas de goma e contan cunha zona de patios ós que poden saír as xovencas directamente. As vacas en produción téñenas en camas de cascarilla de arroz pola comodidade e limpeza dos animais, así como para evitar atascos no pozo do xurro. Para a alimentación do gando teñen contratado á cooperativa o servizo do carro mesturador. A ración das vacas de leite baséase no millo, posto que apórtanlle 38 quilos dese silo, ós que engaden 13 quilos de silo de herba, 11,5 quilos de penso e 1 quilo de palla. “Nós baseamos a alimentación no millo, por iso tamén dedicamos moito esforzo en producir un silo de millo de boa calidade e abundante”, explica David. No caso das vacas secas, a ración é de 9 quilos de silo de herba, 2,5 quilos de palla e outros 2,5 de concentrado. Esta mestura é tamén a que reciben as xovencas preñadas. O silo de herba para este gando realízano tamén aparte e optan por facer bolos de silo. “O silo para as vacas secas queremos que vaia moito máis seco, por iso preferimos facer bolos a parte”, concreta o gandeiro. A recría máis nova, ata os 6 meses, aliméntana a base de concentrado e palla.

O millo, o seu prato forte

A gandería manexa unha superficie de 55 hectáreas de terreo, boa parte delas nas proximidades da granxa, e delas unhas 16 son alugadas. A maioría das parcelas, unhas 32 hectáreas adícanas a millo. Sempre optan por ciclos longos de millo e por facer a sementeira cedo. O primeiro millo bótano a comezos de maio e como tamén escalonan o ensilado, realizan unha segunda quenda a finais dese mesmo mes. “Se cedo tes problemas, nesta zona se o botas tarde sabes que o millo non che vai valer nada”, explica.
Na campaña pasada obtiveron unha produción de 50 toneladas por hectárea
Este ano temeron que a seca reducise moito a produción. “Esta auga veulle moi ben. Houbo momentos nos que mesmo tememos que esta campaña tivésemos que mercar millo”, recoñece. Algunhas das parcelas máis próximas á gandería tamén contan cun sistema de rega. As tarefas máis importantes, como a sementeira ou o ensilado, realízallas a cooperativa. “Non nos é rendible ter unha gran inversión en maquinaria que só usas dúas veces ó ano”, valora o gandeiro. Esta campaña mesmo rexistraron danos polo xabaril en parcelas próximas á granxa. Habitualmente enchen dous silos de 8 metros por 45 de longo de millo e dispoñen doutro, dun tamaño similar para a herba. O ano pasado lograron unha produción de 50 toneladas por hectárea. Teñen tamén outro pequeno silo de millo que empregan para alimentar o gando namentres agardan polo silo novo. “A forraxe é sempre dese mesmo ano, preferimos que non nos quede dunha tempada para outra”, comenta. Por iso, dependendo das previsións de millo tamén van variando a cantidade de herba que ensilan. “Nos últimos anos, a superficie que dedicamos a millo sempre vai a máis, mentres que de herba imos reducindo”, apunta. Na zona tamén acusan importantes danos do xabaril. Esta tempada están tendo danos mesmo nas parcelas máis próximas ás granxas e a carón da aldea. Porén, os danos máis importantes estanos tendo nunha finca dunhas 10 hectáreas. “Buscan a maneira de entrar e saír aínda que teñas cerrado con fíos do pastor”, lamenta.

Cobideza ultima a compra dunha parcela para crear un novo centro loxístico

A cooperativa Cobideza atópase en plena negociación para a adquisición dunha nova parcela coa que aumentar a capacidade de almacenaxe e servizos aos socios. Segundo informou o presidente da entidade agraria, Román Santalla, nun comunicado, a cooperativa está interesada en adquirir un predio situado no lugar de Mato, na parroquia de Cercio, en Lalín (Pontevedra). Santalla indicou que as negociacións están xa moi avanzadas, tras varios encontros entre a xunta directiva e os responsables do Grupo Vilariño, os propietarios da parcela. Así, agardan formalizar a compra nun breve prazo. Cobideza procura coa adquisición aumentar a capacidade de almacenaxe, tanto de forraxes e fertilizantes como de maquinaria agrícola e, deste modo, incrementar os servizos aos socios, ao tempo que mellora a operatividade e a loxística da cooperativa.

Próxima á sede central

O predio ten unhas dimensións aproximadas de 8.000 metros cadrados e o seu perímetro está completamente pechado cun sólido muro de pedra e formigón. A superficie é regular e atópase completamente explanada. Ademais, conta xa con tódolos servizos públicos como son electricidade e abastecemento de auga. A parcela ten unha parte destinada a uso agrario e outra dedicada a solo rural. Román Santalla explicou que esta adquisición “é unha aposta da cooperativa para seguir aumentando a cantidade e a calidade dos servizos ofrecidos aos socios”. A súa ubicación, moi preto da nave principal da cooperativa de Cercio, así como as súas dimensións, equipamento e demais características fana apropiada para aumentar a capacidade de almacenaxe da cooperativa, así como para resgardar con maior comodidade e seguridade a maquinaria no tempo que non estea en uso. A parcela ten, pois, o obxectivo de ser convertida nun novo centro loxístico e operativo de Cobideza, co que mellore tamén a organización da cooperativa.

Negociación do contrato lácteo

A cooperativa celebra este sábado 29 de agosto unha asemblea xeral extraordinaria para analizar o contrato que mantén coa empresa Reny Picot para a recollida do leite. A reunión celebrarase no pavillón de deportes do colexio de Cercio, situado a escasos metros da sede da entidade agraria. A xunta terá lugar ás 12.00 horas. Na asemblea, a xunta directiva proporcionaralle ós socios información sobre a situación do contrato que manteñen coa empresa láctea. Se os cooperativistas deciden ratificar o acordo, que se propón en condicións semellantes ao anterior, dito contrato permanecerá en vigor ata o 30 de xuño de 2021.

A cooperativa Cobideza prevé renovar o contrato con Reny Picot para venderlle 54 millóns de litros de leite

A Xunta Directiva de Cobideza Sociedade Cooperativa celebrou este venres unha reunión na que se abordaron 3 puntos fundamentais: a preparación da Asemblea Xeral, a renovación do contrato lácteo con Reny Picot e a organización de charlas informativas aos socios sobre o proceso de reclamación ás industrias do denominado “cártel do leite” que foron sancionadas por pactar prezos. A celebración da Asemblea Xeral anual viuse este ano totalmente condicionada polas limitacións da crise sanitaria da covid-19. Deste xeito, aínda non quedou definida unha data, pero barállase que a reunión do órgano máis importante da cooperativa poida ter lugar na primeira quincena de xullo. Á asemblea levarase a proposta de renovación da sinatura do contrato lácteo coa multinacional asturiana Reny Picot para a venda de 54,3 millóns de litros de leite, que alcanzarán un valor de entre 16 e 18 millóns de euros; é dicir,de dentre 0,29 e 0,33 euros o litro. No caso de que a sinatura sexa ratificada polos socios e socias, Cobideza encadeará o sétimo de contrato con esta industria. Como sinalou o presidente, Román Santalla, o contrato terá carácter anual, do 1 de xullo ao 30 de xuño, e establece todo o proceso de calidades así como o prezo e o método de pago aos gandeiros, entre outras cuestións. O leite transpórtase dende a comarca do Deza á sede de Reny Picot situada en Anleo (Asturias) en macrocamións de 45 toneladas de capacidade cada un e diariamente viaxan á Asturias entre 3 e 4 trailes de leite procedente das explotacións de Cobideza distribuídas polas comarcas.

Expansión de Cobideza a outras comarcas

Santalla sinalou que Cobideza continúa ampliando a súa base asociativa durante o 2020 e o seu carácter intercomarcal, tendo xa presenza na Estrada, Forcarei, Vila de Cruces, Silleda, Lalín, Agolada, Palas de Rei, e Monterroso. Este modelo transversal intercomarcal seguirá sendo o modelo base de expansión de Cobideza no próximo ano.

Charlas na primeira semana de xullo sobre as reclamacións ao “cártel do leite”

Por outra banda, a cooperativa organizará reunións informativas dirixidas a socios e antigos socios sobre “as reclamacións ás empresas lácteas que foron sancionadas polo denomidado cártel do leite, a través do que pactaron prezos en beneficio propio, rompendo as leis de competencia e prexudicando os produtores”, sinalan dende a cooperativa. As charlas terán lugar a primeira semana do mes de xullo. Román Santalla explicou que se está estudando o formato destas reunións “porque vaise xuntar moita xente, pero queremos darlle a todos os gandeiros de Lalín e comarca información puntual sobre o proceso para reclamar ese diñeiro que a Audiencia Nacional dixo que lle debía ser devolto aos produtores”. Debido á ampla asistencia que se agarda e á necesidade de gardar as distancias de seguridade fronte a covid-19, valórase como espazo de celebración o pavillón de Cercio. A solicitude desta instalación realizarase ante o concello nos próximos días. Finalmente, a Xunta Directiva tamén tratou na xuntanza o acondicionamento e reforma dos almacéns das naves de Cercio, Vila de Cruces e Silleda.

Cobideza lanza ao mercado unha nova gama de queixos baixo a marca ‘Os Pendellos’

A cooperativa lalinense Cobideza saca ao mercado unha nova gama de queixo artesán baixo a marca “Os Pendellos”. Producirán queixos de denominación de orixe Arzúa-Ulloa e Tetilla, ambos elaborados con leite 100% ecolóxica ou de pastoreo procedente de explotacións comarcais. O queixo foi bautizado con este nome en referencia a un dos elementos patrimoniais máis significativos do municipio de Agolada (Pontevedra), onde se asenta dende hai varios anos a queixería. Ao mesmo tempo a nova marca evoca o carácter tradicional e senlleiro destas construcións que acolleron ata hai pouco tempo unha das feiras máis importantes do país, onde se realizaban importantes intercambios comerciais de produtos e bens agrogandeiros de todo tipo, entre os que se atopaban os queixos. O presidente de Cobideza, Román Santalla, sinalou que a idea desta nova gama de queixos non só busca potenciar a produción e as vendas do produto, senón continuar consolidando a dimensión intercomarcal da cooperativa, ofrecendo produtos artesáns da máxima calidade que, ao mesmo tempo, reproduzan o carácter tradicional e familiar da cooperativa, que tamén era o carácter dos Pendellos e da feira de Agolada. Comezarán a comercializar os queixos durante o mes de xullo. Os Pendellos súmase así á marca Dona Cobiña, que tamén produce a cooperativa na fábrica ubicada en Agolada.

Asemblea Xeral

Román Santalla tamén anunciou que este venres terá lugar unha reunión da xunta directiva de Cobideza para organizar a asemblea xeral anual da cooperativa. Na súa orde do día establecerase a rendición anual de contas e a renovación do contrato con Reny Picot para a venda de máis de 50 millóns de litros anuais de leite procedente da comarca de Deza, Tabeirós e A Ulloa.

Claves a ter en conta cos fitosanitarios na granxa

A trazabilidade dos produtos sanitarios está a ser un dos condicionantes a ter moi en conta na concesión das axudas da PAC, tal e como sinalou o enxeñeiro técnico e asesor da firma Soaga, Manuel Crespo, durante a xornada informativa celebrada en días pasados na cooperativa Cobideza, en Lalín. As responsabilidades no manexo dos fitosanitarios repártense na actualidade entre as cooperativas e os produtores que empregan os produtos. As cooperativas están obrigadas a dispor, ó igual que os produtores, dun rexistro exhaustivo dos produtos fitosanitarios que xestionan e dende o 2015, deben ter, ademais, unha acreditación como vendedor autorizado. As cooperativas contarán cun libro de transaccións comerciais, onde rexistran os produtos que comercializan e un caderno cos tratamentos aplicados ós seus socios.
“Hai que ser moi conscientes da importancia que ten garantir a trazabilidade dos fitosanitarios por parte do produtor e das cooperativas”
Pola súa banda, os gandeiros teñen a obriga de rexistrar todos os produtos fitosanitarios que aplican no chamado libro de tratamentos, coñecido tamén como caderno de campo ou de explotación. “Tanto os produtores como as cooperativas teñen que ser moi conscientes da importancia que ten garantir a trazabilidade dos fitosanitarios, xa que de romperse o seguimento destes produtos incórrese nunha ilegalidade”, apunta Crespo. Produtores e cooperativas son os aplicadores directos dos fitosanitarios no campo e estes produtos están a ser un dos condicionantes para obter as axudas da PAC. “Cada vez máis, Europa mira cara unha produción sostible e busca un uso racional dos fitosanitarios, polo que todo o que se vaia facendo nesa liña vainos favorecer para a obtención de axudas con fondos europeos”, concreta. A xestión tanto dos fitosanitarios como dos rexistros estase a facer cada vez máis a través de aplicacións informáticas que facilitan o control e a dispoñibilidade de información por varios anos. “O uso de aplicacións facilita o labor dos gandeiros e tamén lles permite acceder dun xeito rápido e fácil ós rexistros de anos anteriores”, explica o enxeñeiro técnico.

Posibles cambios para o millo

Na actualidade, a normativa que regula en España o tratamento de fitosanitarios no campo é o Real Decreto 1311/2012. No marco desta norma estipúlanse diferentes controis para os fitosanitarios que se apliquen en función do tipo de cultivo. Mentres producións como a pataca están considerados como de consumo masivo, outros cultivos como o millo ou a herba clasifícanse como de non consumo masivo. A gran diferenza que implica esta clasificación é que a aplicación de fitosanitarios nos de consumo masivo é máis estrita e están sometidos ó control dun asesor. “Un agricultor que produza cultivos masivos non pode decidir o tratamento que aplica senón que debe ser un asesor o que indique os produtos a empregar e o supervise”, explica Crespo.
O aumento da produción de millo e do uso de fitosanitarios podería levar a que este cultivo sexa considerado como de consumo masivo
Nos últimos meses, nalgunhas zonas de Galicia coma Lugo, cunha gran produción de millo, a Xunta está xa a facer controis sobre os leitos fluviais para supervisar a presenza de restos de fitosanitarios. A Administración mesmo estuda declarar o millo como de consumo masivo, o que suporía un cambio na aplicación dos fitosanitarios, tal e como xa informou persoal da Administración en encontros con profesionais do sector. Na actualidade, en Galicia o 50% dos produtos fitosanitarios destínanse para o cultivo do millo, namentres anos atrás o viñedo copaba a maior porcentaxe. Así, 6 millóns de euros dos 12 que mobilizan os fitosanitarios en Galicia, céntranse nas producións de millo. O cambio de catalogación para o millo acarrearía que os fitosanitarios que os asesores escollan para os tratamentos se axusten á guía de Xestión Integrada de Praga (XIP) para este cultivo, proporcionada polo Ministerio de Agricultura, e que ofrecen unha orientación para conseguir un uso sostible dos fitosanitarios. “Temos que axustarnos na medida do posible a esas recomendacións que inclúen produtos con perfís menos lesivos para o medio ambiente”, indica Crespo.

O manexo dos fitosanitarios na granxa

Gandeiros e agricultores teñen responsabilidades directas no manexo dos fitosanitarios nas súas instalacións, que quedan xa recollidos nos artigos 38, 39 e 40 do decreto. Recollemos as principais esixencias que se deben cumprir cos fitosanitarios na granxa: -Transporte axeitado. Para evitar vertidos, o transporte debe facerse cos envases pechados e en posición vertical. Tampouco se deben facer cortes nos envases, xa que se poden producir vertidos accidentais. A normativa recolle que, na medida do posible, se debe evitar cruzar cursos de auga co produto, ben sexa xa na cuba ou no remolque do tractor. -Eliminación do produto sobrante. Unha vez rematada a aplicación de fitosanitarios nun cultivo está prohibido eliminar os excedentes nese mesmo cultivo xa que implicaría engadir unha maior cantidade. “Non podemos sobrepasar a dose de rexistro do produto nesa parcela, polo que debería calcularse con exactitude a cantidade precisa ou eliminar os excedentes noutra parcela”, indica o enxeñeiro técnico.
Os excedentes dos fitosanitarios non se poden eliminar na parcela onde se aplicaron para evitar sobrepasar a dose de rexistro
Ademais, o lavado dos aparellos de aplicación dos fitosanitarios debe facerse a unha distancia superior a 50 metros de leitos de ríos ou pozos para evitar a contaminación das augas. -Almacenaxe. Na granxa os fitosanitarios deben estar gardados nun espazo habilitado para esa fin e que cumpra coas medidas de seguridade axeitadas. Poden gardarse en armarios homologados, que dispoñen de pechaduras e que teñen ventilación natural ou forzada. Tamén poderían situarse nun habitáculo dentro da granxa que conte con ventilación e que estea separado por unha parede de obra do resto das instalacións. “Os fitosanitarios non poden estar na granxa mesturados con outros produtos e os espazos habilitados para gardalos deben cumprir unhas garantías de seguridade, senón ante unha inspección é probable que se penalice”, indica Crespo.
Na granxa os fitosanitarios deben gardarse nun espazo habilitado exclusivamente para ese uso
O espazo de almacenaxe tamén deben dispor de medidas para recoller, con garantías, os posibles derrames que se poidan producir. Ademais, tampouco se deben gardar próximos a sementeiras, aínda que estas xa veñan tratadas con fitosanitarios. É obrigatorio que os fitosanitarios estean identificados na granxa coas etiquetaxes orixinais e que sexan lexibles. “Non serve identificar o produto manualmente porque a etiqueta se despegou, é preciso contar cunha nova etiqueta que o distribuidor ou a cooperativa pode facilitar, xa que ante unha inspección carecer dunha etiquetaxe lexible é motivo de sanción”, explica. -Xestión dos residuos. Os produtores están obrigados tamén a devolver os envases dos fitosanitarios para a súa recollida, tratamento e reciclaxe. Os recipientes de produtos líquidos deben entregarse sen restos de fitosanitarios e logo de ser enxaugados con auga varias veces. “As cooperativas non poden recoller os envases con restos senón deberán ser recollidos logo por un xestor autorizado de residuos perigosos”,comenta Crespo.
Os agricultores teñen que gardar o xustificante da recollida dos envases de fitosanitarios por un período de 5 anos
O xustificante de entrega dos envases fitosanitarios tamén se debe incluír no libro da explotación. Os agricultores deben gardar o xustificante da recollida dos envases de fitosanitarios por un período de 5 anos, xa que neste prazo a Administración pode requirirlle esa documentación para asegurar a trazabilidade.

Cambios previsibles nos fertilizantes

Xuntos con controis máis estritos para os fitosanitarios, tamén se prevé que Europa propoña cambios para os fertilizantes, co gaio de lograr producións máis sostibles. Prevese que a nova lexislación neste ámbito entre en vigor en xuño do 2021, aínda que no sector xa se apunta a que podería comezar a aplicarse este mesmo ano. Unha das modificacións que se agardan é unha revisión que afecte á catalogación dos xurros o que levaría cambios nas unidades fertilizantes permitidas por parcela. Ademais, prevese que a Economía Circular gañe peso na xestión dos abonos e fertilizantes nun intento por aproveitar recursos próximos e empregar solucións eficientes e sostibles. A redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, obrigando nun futuro próximo ó uso de ureas estabilizadas será outro dos aspectos nos que se prevé cambios a curto prazo e nos que países como Alemaña xa están traballando.

Cobideza reclamará ás industrias polos prezos pactados

A cooperativa Cobideza acordou iniciar as reclamacións ás industrias lácteas polos prezos pactados á baixa, logo da sentenza da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia. A decisión, tomada durante a asemblea extraordinaria, celebrada onte na sede da cooperativa en Cercio (Lalín), foi apoiada pola maioría dos socios asistentes. A denuncia tramitarase a través do equipo xurídico de Unións Agrarias e abrangue os pagos pendentes do período 2005 ó 2013, etapa na que a cooperativa exerceu como primeiro comprador. Mentres, dende o 2000 ata o 2005 realizouse unha facturación individual, polo que serán os propios gandeiros os que deban presentar as reclamacións. “Ábrese unha etapa de traballo de recompilación de datos antes de poder dar unha estimación do que deben as empresas ós gandeiros”, explica Román Santalla, presidente da cooperativa. Tal e como informou o secretario xeral de Unións, Roberto García, durante a charla informativa na cooperativa, os gandeiros afectados poderán tramitar as reclamacións a través de Unións, que se encargará de todo o procedemento. García aclarou que, no caso de non conseguir un fallo favorable para os afectados, os gastos asumiraos a entidade. Mentres, de conseguir os cobros pendentes, ós afiliados cobraráselle un 10% da contía percibida e no caso dos non afiliados será un 20%.

A nova PAC

No transcurso da asemblea tamén se abordaron outros temas como a futura PAC 2021-2027. O secretario xeral de Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), Lorenzo Ramos, insistiu na importancia de que as novas políticas agrarias europeas estean orientadas a unha dobre vía de financiamento, asentadas nuns prezos máis xustos para os produtores e un orzamento axeitado por parte dos estados membros. Esta dobre vía pretende reconducir a concepción actual, máis orientada cara o pago de subvencións, a modo de compensacións. “Os gandeiros e produtores estamos tendo cada días máis esixencias en materia ambiental ou sanitaria, que asumimos e respectamos, pero non podemos seguir cos mesmos prezos á baixa porque iso conduce ó abandono das pequenas e medianas explotacións”, reprocha Santalla. Nesta mesma liña, Roberto García tamén recriminou a decisión da Xunta de destinar a outros fins os fondos do PDR previstos para o desenvolvemento agrario de zonas de montaña.

Eficiencia enerxética

Outro dos temas que se abordou durante a xornada foi a eficiencia enerxética nas granxas, xa que os custes eléctricos supoñen unha importante contía. Entre outras cuestións incidiuse na importancia de saber ler ben os recibos para poder axustar ó máximo as contratacións ás necesidades das ganderías. Tamén se abordou o emprego de enerxías renovables nas ganderías, non só como unha alternativa sostible para o autoconsumo, senón como unha vía para xerar ingresos ó vender a enerxía sobrante, un aspecto que aínda está pendente do desenvolver xuridicamente. “As ganderías non podemos perder a oportunidade que nos brindan enerxías renovables como a fotovoltaica ou a eólica”, apunta Santalla.

Gandeiros do Deza mercarán este ano o millo forraxeiro na comarca da Limia

Un grupo de tres gandeiros da directiva da cooperativa Cobideza visitou este martes a comarca ourensá da Limia para ver in situ a evolución dos cultivos de millo forraxeiro que por segundo ano consecutivo cultivan na zona. En total, este ano participan 6 ganderías de vacún de leite da comarca do Deza que comprarán o millo forraxeiro ao agricultor Luis Carlos Fernández. Mediante un contrato entre ambas partes, o agricultor limiao comprométese a proporcionar aos gandeiros 2.000 toneladas de millo forraxeiro picado, cunhas calidades de arredor do 33% de amidón e cun prezo posto en destino de 54 euros a tonelada. “O resultado do ano pasado foi moi bo e este ano repetimos porque a comarca da Limia, polas súas condicións climáticas, de grandes parcelas e de disponibilidade de regadío, permítenos acceder a unha forraxe de boa calidade”, destaca Román Santalla, presidente de Cobideza. Os motivos que levaron aos gandeiros de vacún de leite do Deza a externalizar a produción de millo son variados: o máis común é o problema dos ataques dos xabaríns aos cultivos, pero tamén hainos que o fan por falta de tempo ou para reducir a superficie dedicada a este cultivo e só sementalo nas parcelas que aseguren o mellor rendemento. A partir de mediados de mes prevese que se inicie a colleita do millo forraxeiro na Limia con destino ás ganderías dezás. Carlos Fernández, o agricultor que cultiva millo forraxeiro para os gandeiros de Cobideza, nunha das súas leiras

A asemblea de Cobideza aproba negociar unha integración con Mopán

A cooperativa lalinense Cobideza continúa adiante co seu proxecto de integración con Mopán (Monterroso). A asemblea de Cobideza fixo unha votación secreta para valorar tal posibilidade e por ampla maioría, próxima ó 90%, aprobou en votación secreta mandatar ó consello reitor para as negociacións. Iso si, a directiva terá que informar puntualmente os socios de tódolos pasos que se vaian dando. Non se agarda que sexa un proceso inmediato, pois Mopán está aínda en vías de resolver o proceso concursal no que se atopa. A cooperativa de Monterroso e Cobideza iniciaron esta primavera unha liña de colaboración en distintas frontes, principalmente para compartir os servizos de maquinaria en común. O acordo, ben valorado por Cobideza, remata en outubro. Entre tanto, ambas entidades valorarán as diversas posibilidades para un proceso futuro de integración, segundo explica o presidente de Cobideza, Román Santalla. Acordo con Reny Picot Outra das cuestións abordadas na asemblea da cooperativa lalinense foi a continuidade do acordo de venda do leite á industria asturiana Reny Picot, coa que a cooperativa leva colaborando desde hai 7 anos. Ambas partes acordaron prorrogar o contrato un ano máis, por un volume de leite próximo ós 50 millóns de litros, cunha marxe de máis ou menos 10%. O prezo pactado é variable, evolucionando en parte en función dun índice de prezos de produtos lácteos industriais e do prezo do leite en Galicia, de acordo co índice do Fondo Español de Garantía Agraria. O presidente de Cobideza, Román Santalla, amósase satisfeito da estreita colaboración que manteñen con Reny Picot en cuestións como calidades do leite e trazabilidade das ganderías. De cara ó futuro, Santalla aspira a que Reny Picot lle ofreza saída á crecente produción en ecolóxico á que están evolucionando parte das granxas socias de Cobideza. A cooperativa lalinense adica a súa produción en ecolóxico a súa propia queixería, Dona Cobina, pero considera que máis adiante terá marxe para entregarlle leite ecolóxico a Reny Picot, se a industria asturiana se decidise a abrir unha liña de produtos lácteos en ecolóxico, tales como manteiga ou leite en po, “produtos dos que hai moi pouco no mercado de ecolóxico”, sinala Santalla. Por parte de Cobideza, aspírase tamén a que Reny Picot aumente a súa presenza industrial en Galicia. A industria láctea asturiana, que ten a súa planta principal en Navia (Asturias) abriu recentemente un centro de transferencia de soro en Agolada (Pontevedra) e Santalla quere que dea pasos para acometer a transformación do leite en Galicia.