Archives

O Goberno pretende deixar de subvencionar a alimentación das colmeas

Alimento sólido de mantemento, usado en outono-invierno nas colmeas O sector apícola de COAG denuncia que o Ministerio de Agricultura pretende eliminar a subvención á alimentación suplementaria das abellas, vital diante dos efectos do cambio climático e a elevada mortandade en colmeas, e que en 2023 supuxo un sobrecusto anual de 10.000 euros para unha explotación tipo de 500 colmeas. Durante a reunión deste mércores co secretario xeral de Recursos Agrarios e Seguridade Alimentaria do Ministerio de Agricultura, Fernando Miranda, o sector apícola de COAG mostrou o seu absoluto rexeitamento a esta proposta, que tamén eliminaría os apoios á compra de cera, equipos de protección individual ou gastos de envío e recollida de mostras.
A alimentación suplementaria das abellas é vital diante dos efectos do cambio climático e a elevada mortandade en colmeas debido á varroa e a vespa velutina
“O ministerio non pode botar balóns fóra e dicir que son imposicións de Bruxelas. A decisión do Ministerio baséase nunha interpretación excesivamente restritiva da base legal aplicable, polo que hai marxe para buscar alternativas e negocialas coas autoridades comunitaritas, tal e como nos trasladaron na propia UE”, subliñou Pedro Loscertales, responsable do sector apícola de COAG.
En Galicia, a Xunta xa priorizou este ano dentro do Plan Apícola os elementos de protección de colmeas contra a velutina e os tratamentos para a varroa fronte á alimentación e as ceras
A alimentación complementaria refírese a diferentes prácticas de suplementación da alimentación natural, practicamente imprescindibles na actualidade, que axudan aos apicultores a reducir a mortandade das súas colonias debido a cuestións ambientais (os efectos do cambio climático sobre a vexetación), a cuestións sanitarias (o debilitamento das colonias polas accións directas e indirectas do ácaro Varroa destrutor e polas técnicas de manexo utilizadas para maximizar a eficacia dos tratamentos) ou aos danos provocados por especies invasoras exóticas (Vespa spp.)
Os apicultores españois arrastran tres campañas consecutivas de graves perdas pola seca
O sector apícola de COAG xa remitiu ao MAPA o pasado mes de marzo un informe elaborado polos Servizos Técnicos de Apicultura desta organización que baixo o título, A alimentación suplementaria: unha ferramenta imprescindible para a supervivencia das colonias de abellas, advertía dos graves efectos para a viabilidade das explotacións profesionais apícolas da retirada destes apoios económicos. “Isto sería moi problemático no sector, non só polo que suporía en próximos exercicios, senón tamén porque moitos dos conceptos que se poñen en cuestión xa foron obxecto de gasto na campaña actual”, apostilou Loscertales. Os apicultores españois arrastran tres campañas consecutivas de graves perdas por mor da seca, con reducións da colleita de mel de ata o 80% nas zonas con menores precipitacións. A pesar diso, os prezos pagados pola industria envasadora mantivéronse por baixo dos custos de produción, situando a miles de explotacións apícolas por baixo do limiar de rendibilidade.

As organizacións agrarias manteñen o calendario de protestas tras reunirse co ministro de Agricultura

Cata de tomates no Ministerio, trala reunión entre Luis Planas e as organizacións agrarias O ministro de Agricultura, Luis Planas, está disposto a “seguir traballando coas organizacións agrarias e o conxunto do sector na procura de solucións para asegurar a rendibilidade e a competitividade das explotacións”. Así llo trasladou este venres aos sindicatos agrarios Asaja, COAG e UPA, cos que mantivo un encontro. Pero as palabras do ministro non impedirán que as protestas de agricultores que nas últimas semanas se estenderon por varios países europeos cheguen tamén a España. Os sindicatos agrarios reiteran as súas peticións e manterán o calendario de mobilizacións mentres negocian co Goberno medidas concretas. “Ábrese un proceso de negociación dos distintos temas pero non hai cambios nas mobilizacións previstas, non imos deixar de manifestarnos; non imos facer esta negociación sen a presión necesaria”, avanzou trala reunión co ministro Miguel Padilla, secretario xeral de COAG.
Ábrese un proceso de negociación dos distintos temas pero non hai cambios nas mobilizacións previstas
A nivel estatal, os sindicatos urxen a “corrixir as deficiencias da Lei da Cadea Alimentaria nun prazo brevísimo” e a “buscar solución á falta de infraestruturas e dotacións de rega para seguir producindo pesa á seca”. Tamén a revisar as franquías dos seguros agrarios para “convertelos en ferramentas seguras” e a facer fronte aos problemas de relevo xeracional no sector. “Dentro de 10 anos, 6 de cada 10 persoas activas a día de hoxe na agricultura estarán xubiladas”, alertan. “Asfixia normativa” Os sindicatos agrarios esixen tamén cambios a nivel europeo e demandaron o “compromiso do Ministerio para mediar ante Bruxelas”. “Ou se cambia a política agraria europea ou se vai destruír aos profesionais agrícolas porque se está lexislando de costas á realidade do sector”, aseguran. Xunto co Ministerio, crearase unha mesa de traballo para tratar de flexibilizar a PAC. “Temos unha asfixia normativa e o ministro recoñeceu esa asfixia”, asegura Padilla. “Simplificar non significa deixar de cumprir, pero si facelo de maneira máis sinxela”, aclarou sen embargo Luis Planas.
O sector teme que o acordo de libre comercio con Mercosur poida provocar unha entrada masiva de carne de vacún de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai
Asaja, COAG e UPA denuncian ao mesmo tempo a “hipocrisía da política europea, que non esixe os mesmos requisitos aos produtos que veñen de fóra” e en relación ao acordo de libre comercio con Mercosur aseguran que “pode provocar unha invasión total de carne de vacún de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai”. No sector existe tamén preocupación de cara á primavera pola enfermidade da EHE en vacún. Mantense a bonificación ao gasóleo agrícola Unha das medidas que os sindicatos lograron arrincar ao ministro de Agricultura, do mesmo xeito que sucedeu en países como Francia ou Alemaña, é o compromiso do mantemento das axudas fiscais ao gasóleo agrícola. Luis Planas confirmou, neste sentido, que o Goberno manterá a devolución do imposto especial de hidrocarburos esta lexislatura. En relación á PAC, a Comisión Europea propón permitir aos agricultores da UE acollerse a derrogacións para o ano 2024 das normas da Política Agrícola Común que os obrigan a manter zonas non produtivas.
O Ministerio apoia unha transición xusta cara a un modelo sostible de produción
En concreto, a norma BCAM 8, incluída na PAC, esixe dedicar o 4% da terra cultivable a áreas ou elementos non produtivos, o que se refire a terras en barbeito pero tamén a elementos como sebes ou árbores. A Comisión ofrece a posibilidade de que todos os agricultores da UE queden exentos deste requisito este ano mantendo o seu dereito a recibir o pago directo básico da PAC. A medida será votada nos próximos días polos Estados membros. Despois diso, a Comisión procederá á adopción formal. O Regulamento aplicarase retroactivamente a partir do 1 de xaneiro de 2024 e os Estados membros que desexen aplicar a excepción a nivel nacional deben notificalo á Comisión nun prazo de 15 días para que os agricultores poidan ser informados canto antes.

As protestas en Galicia, para despois das eleccións

Reunión dos conselleiros do Medio Rural e Infraestruturas, José González e Ethel Vázquez, cos sindicatos Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia e Asociación Galega de Cooperativas, pecharon este venres a “unidade de acción” co obxectivo de programar un calendario de mobilizacións conxunto e unha táboa de reivindicacións na defensa dos intereses e dereitos do sector produtor. Estas organizacións entenden que “sobran motivos para a mobilización” e fan un chamamento a todos os agricultores e gandeiros a sumarse, pero adían as protestas a despois das eleccións galegas, que terán lugar o 18 deste mes. Os sindicatos e as cooperativas aseguran que existen “motivos máis que de sobra para que o sector produtor saia á rúa”, así como un contexto, tanto a nivel europeo como estatal, no que a agricultura e a gandería galega “non pode manterse á marxe”, pero, ao mesmo tempo, manifestan o seu rexeitamento a “mesturar” mobilizacións e citas electorais, polo que adían calquera acción ata pasar os comicios autonómicos.
A agricultura e a gandería galega non pode manterse á marxe das protestas pero rexeitamos mesturar mobilizacións e eleccións
A entrada en vigor da nova normativa de nutrición dos solos agrarios, que limita a aplicación de puríns e obriga a facer investimentos “inasumibles” para moitas granxas familiares; os novos requerimentos en materia sanitaria, como a obrigatoriedade de contar cun veterinario de explotación; ou a aparición de novas ameazas, como a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) no gando vacún ou a flavescencia dourada da vide son algúns dos problemas que máis preocupación están a xerar no sector produtor. A Xunta apunta cara arriba Seguindo a mesma estratexia que está a levar nos últimos anos ante a maioría dos problemas que afectan ao sector, a Xunta estase a limitar novamente neste caso a dar a razón ás organizacións agrarias e trasladar a responsabilidade ao Ministerio e á Unión Europea á hora de dar solución aos problemas plantexados polos produtores. Este mesmo venres o conselleiro do Medio Rural, José González, mantiña unha xuntanza coas organizacións agrarias, coas que dixo compartir a súa preocupación, e instou ao Goberno de España a actuar, do mesmo xeito que rexeitou calquera acto violento que se poida producir nas protestas.
A consellería considera “evidente” o descontento común en toda Europa porque “Bruxelas lexisla de costas“ ao sector
Engadiu que “resulta evidente que hai un descontento común a toda Europa, por algo que dende Galicia se leva moito tempo tratando de facer ver ao propio ministro Luis Planas. Isto é, que Bruxelas lexisla de costas aos agricultores e gandeiros impoñendo burocracia e esixencias de todo tipo que non respectan o papel decisivo do ámbito primario na produción de alimentos e na consecución dunha verdadeira soberanía alimentaria europea”, asegurou. Sobre as demandas do sector primario, González trasladou que “a Xunta leva xa tempo apoiando medidas como a flexibilización, que non eliminación, dos requirimentos ambientais da PAC e a adaptación dos ecorreximes á realidade de Galicia”.
A Xunta apoia a flexibilización, "que non eliminación", dos requirimentos ambientais da PAC 
Ademais, lembrou que desde a Xunta tamén se avoga por “evitar innecesarias cargas burocráticas ás explotacións, como o Caderno Dixital”, e que o Goberno galego vén reclamando ao Ministerio o cumprimento da prohibición da venda a perdas recollida na Lei da Cadea Alimentaria, así como a necesidade de manter a bonificación ao gasóleo agrícola, entre outras cuestións.

As tres principais organizacións agrarias de España reclaman un plan de choque para “flexibilizar” a PAC e loitar contra as importacións

Tractores este martes polas rúas de Zamora, tras unha convocatoria polas redes sociales Os ecos das protestas agrarias que percorren Europa chegan a España. Os sindicatos ASAJA, COAG e UPA acordan reclamar un ambicioso plan de choque que recolla medidas a tres niveis: Unión Europea, Goberno de España e comunidades autónomas. Mediante un comunicado conxunto, este martes anunciaron a posta en marcha dun calendario de mobilizacións, aínda que sen aclarar en que consistirían nin cando terían lugar. Os actos de protesta desenvolveranse no ámbito das comunidades autónomas durante as próximas semanas, avanzan unicamente. A nivel estatal, os tres principais sindicatos agrarios chegaron a un acordo para solicitar ao ministro de Agricultura, Luis Planas, solucións inmediatas para abordar as problemáticas do sector, en todo aquilo relacionado coas consecuencias da seca, a guerra en Ucraína, prezos e custos de produción, simplificación e flexibilidade da PAC, sectores gandeiros e cuestións laborais e de Seguridade Social.
A asfixiante burocracia que xeran as normativas da UE provocan unha frustración e malestar crecente entre os produtores
Entre as razóns que esgrimen está a "asfixiante burocracia que xeran as normativas da UE", que desencadean unha "frustración e malestar crecente entre os produtores. "A excesiva burocracia está a supoñer uns custos inasumibles para os agricultores e gandeiros profesionais e non posibilitan cumprir os obxectivos en materia ambiental, polo que reclamamos unha flexibilización e simplificación da actual PAC, isto inclúe tanto os ecorregímenes como as condicións para a cobranza de axudas (BCAM)", argumentan. Reforzo da Lei da Cadea Alimentaria Doutra banda, UPA, ASAJA e COAG reclaman a modificación e ampliación da Lei da Cadea Agroalimentaria para prohibir as prácticas desleais para que os prezos dos agricultores cubran os custos de produción. Así mesmo, a AICA (Axencia de Información e Control Alimentario, dependente do Ministerio de Agricultura) "debería de aplicar sancións económicas máis acordes á infracción sometida", defenden.
A AICA debe actuar con inspeccións de oficio a través de indicios
Piden ademais que se amplíen os recursos de control. "A AICA debe actuar máis a través dos indicios e por tanto con inspeccións de oficio. Débese recuperar nos indicios a temática dos prezos anormalmente baixos, como é o caso agora mesmo do limón", exemplifican. "En España, a Lei da Cadea Alimentaria débese reforzar para conseguir a súa máxima aplicación. O Observatorio da cadea debe publicar os índices de prezos e custos; ademais débense actualizar todos os estudos de cadea de valor realizados ata o de agora", propoñen. Freo ás importacións Así mesmo, ASAJA, COAG e UPA van esixir ao Ministerio de Agricultura un observatorio sobre as importacións e que se reforce a batalla en Bruxelas para esixir reciprocidade, mediante cláusulas espello, en todos os produtos agrícolas e gandeiros que entren ao territorio UE. “Os agricultores loitan fronte a un mercado desregulado que importa produtos agrarios de terceiros países a baixo prezo que presionan á baixa os da UE e os producidos en España. Estas producións extracomunitarias non cumpren as normativas internas da UE e representan unha contradición e hipocrisía na actuación política da UE. Unha competencia desleal que pon en xaque a viabilidade de miles de explotacións”, subliñan as tres organizacións agrarias.
Os agricultores loitan fronte a un mercado desregulado que importa produtos agrarios de terceiros países a baixo prezo
Con todo, a UE segue pechando máis acordos de libre comercio con terceiros países, que agudizan os problemas dos agricultores e gandeiros de toda a UE. Neste sentido, COAG, UPA e ASAJA, van reclamar a paralización das negociacións de acordos como do MERCOSUR, a non ratificación do acordo con Nova Zelandia e que se paralicen as negociacións con Chile, Quenia, México, India e Australia. Ademais, o Goberno de España, coa supervisión da Comisión Europea, debería aumentar os controis na fronteira con Marrocos para garantir que os produtos agrícolas marroquís importados cumpren coas normativas internas da UE e as cantidades arancelarias establecidas no acordo de libre comercio. “É vital recuperar a preferencia comunitaria para recuperar e garantir a nosa soberanía alimentaria”, sosteñen as tres organizacións agrarias. Incorporación de mozos A nivel de Goberno e comunidades autónomas esíxese un reforzamento real dos mecanismos de incorporación de mozas para propiciar a substitución xeracional, de modo que ningunha solicitude de incorporación de mozas quede sen efectuarse por falta de orzamento, frear a especulación e a compra de terra que están a realizar os fondos de investimento e axentes fose do sector agrario, por exemplo para a instalación de placas solares. "Debe reformularse a instalación de enerxías renovables en terreos agrarios", defenden. Ademais, no ámbito das súas competencias, ás comunidades autónomas demándanselles reformas urxentes en canto á simplificación dos trámites burocráticos que afogan aos profesionais do campo. Os gandeiros tamén sinalan a situación crítica que están a xerar as cuestións de sanidade animal, un asunto que foi obxecto en ocasións de loita partidista e na que os gandeiros son “vítimas inocentes”, polo que esixen unha política de sanidade animal "coordinada, seria e coherente".

Propoñen que o Ministerio de Agricultura rebaixe o tamaño máximo permitido para unha granxa de leite de 850 a 180 vacas

A  Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG) advirte de que a proposta do Ministerio de Agricultura para a ordenación do sector bovino expulsaría a 10.470 gandeiros/as lácteos (92% do total) e a 19.936 de vacún de carne (95%), segundo a primeira estimación realizada polos Servizos Técnicos desta organización. "Co tamaño medio límite proposto polo MAPA,  850 Unidades de Gando Maior por granxa (850 vacas ou 2.125 tenreiros), tan só serían necesarias 954 explotacións para producir o volume de leite que hoxe xeran 11.424.  No caso das explotacións de cebo, para manter o censo que actualmente xestionan 21.057 gandeiros de vacún de carne do noso territorio, unicamente serían necesarios 1.121 cebadoiros. As grandes empresas integradoras desvinculadas do territorio, serían as máis beneficiadas", advirten desde a organización agraria. Para evitalo, COAG propón un límite de 180 UGM (180 vacas ou 450 tenreiros) por explotación, que en produción láctea inclúe a o 93?2% das explotacións actuais do Estado español e en cebadoiros ao 98%. "Por exemplo, no sector lácteo a media actual de animais por explotación en bovino de leite é 62 (fonte REGA) para o conxunto do Estado con diferenzas territoriais que apuntan ao máximo nº de animais por explotación situado en Valencia cunha media por explotación 286 animais (fonte REGA), moi afastados das 850 UGM propostas polo MAPA", apostilou Gaspar Anabitarte, responsable do sector lácteo de COAG. Naqueles casos nos que gandeiros e gandeiras quixesen asociarse situando aos seus animais nunha mesma localización, co obxectivo de poder mellorar as súas condicións de vida (a través dunha repartición de tarefas que lles permitise dispor dalgún día libre por quendas, por exemplo), desde COAG propoñen que o límite de 180 UGM puidese incrementarse até un máximo do 50%. "É dicir, que, en caso deste tipo de asociacións, o máximo de 180 UGM podería incrementarse unicamente até 270 UGM e unicamente se, como dicimos, se trata dunha asociación de gandeiros/as que perseguise dita finalidade", precisan. Segundo a proposta de COAG "non habería novas explotacións de máis de 180 UGM pero iso non suporía o peche das explotacións que xa existen no noso territorio por riba dese tamaño". "Queremos unha gandaría con gandeiros e gandeiras. A nosa proposta é unha aposta de futuro polo medio rural na que a gandaría conta cun forte tecido social, con persoas e non grandes empresas integradoras totalmente desvinculadas do territorio no que se asintan. En COAG defendemos un modelo de gandaría de pequenas e medianas explotacións profesionais que teñen vínculo coa terra e o territorio. Desa maneira será moito máis factible cumprir os compromisos internacionais adquiridos así como as expectativas da sociedade actual: camiñar cara a un modelo de produción máis sustentable, garantindo o abastecemento de alimentos de calidade a un prezo xusto", subliñou Anabitarte.