Archives

Arde o almacén de pensos de CLUN en Mazaricos

Un incendio afectou esta noite á nave que a cooperativa CLUN ten na localidade da Picota, no concello coruñés de Mazaricos. O lume iniciouse pasadas as once da noite e afectou ao almacén de pensos e de produtos agrícolas. O incendio foi extinguido pasadas as 3.30 horas da madrugada polos bombeiros do GES de Muros e de Santa Comba, uns traballos nos que tamén participaron un palista do Concello, unha motobomba forestal e a Garda Civil. As lapas afectaron á mercadoría que se almacenaba na nave e tamén á estrutura do edificio pero non ao supermercado anexo, da marca Mercarural, grazas á rápida intervención dos equipos de bombeiros tras ser avisados polo persoal dun tanatorio próximo. Afortunadamente non hai que lamenar danos persoais. Valoración de CLUN Dende Cooperativas Lácteas Unidas informan de que "neste momento estanse avaliando os danos materiais e investigando as causas do lume. Por estas razón a tenda da Picota permanecerá pechada, confiando en poder retomar o servizo da tenda o antes posible". En todo caso, precisan que "coa excepción desta tenda, os demais servizos da cooperativa manteñen a súa actividade normal en todas as outras fábricas, tendas e sedes. Deste xeito a recollida de leite, os servizos veterinarios, servizo de penso e a produción de produtos lácteos están perfectamente garantidos". Por último, dende CLUN  agradecen "todas as mostras de apoio e cariño que nos están chegando dende empresas, do ámbito cooperativo, veciños... e, especialmente, á Xunta de Galicia e ao Concello e Mazaricos pola súa colaboración dende o primeiro momento".

“With the cows, with the music”, o lema de Feiraco para o acendido das luces de Nadal en Vigo

A empresa láctea Feiraco, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN, a maior cooperativa leiteira de Galicia, con sede no concello coruñés de Ames, vaise sumar á celebración do acendido das luces de Nadal en Vigo con todos os vigueses, viguesas e visitantes da cidade olívica. O acto oficial de acendido será este venres, 24 de novembro, na Porta do Sol, ás 20:30 horas. Durante a fin de semana, a láctea vai estar presente en Vigo con diferentes iniciativas. En particular, repartiranse paraugas de Feiraco. Trátase dun paraugas especialmente pensado e deseñado para os vigueses, inspirado no seu Nadal. Levan o logotipo de Feiraco e unha das frases popularizada polo alcalde da cidade, Abel Caballero, readaptada pola empresa galega co fin de achegar o mundo gandeiro e rural ao conxunto da cidadanía. A recoñecida frase “With the lights, with the music” do rexedor transfórmase para esta ocasión en a “With the cows, with the music”. Con motivo do acendido das luces de Nadal en Vigo, Feiraco repartirá este venres 1.500 paraugas con esta célebre frase entre todos os asistentes, para o que a láctea estará presente en diferentes puntos da cidade. Ademais, en datas posteriores repetirase esta iniciativa en catro supermercados vigueses, para que todos aqueles que non conseguiran o seu paraugas no acto de acendido das luces teñan unha nova oportunidade de facelo. Unha azafata de Feiraco estará dentro do supermercado, xunto ao lineal do leite, regalando paraugas a todas as persoas que merquen dúas caixas de leite Feiraco. Esta proposta levarase a cabo durante toda a mañá o sábado 25 no Alcampo Vigo II e o 2 de decembro no Alcampo Vigo I. A través das redes sociais de Feiraco iranse anunciando novas datas para o reparto de paraugas en máis supermercados vigueses.

Uns 350 gandeiros asisten a unha xornada sobre robots de muxido de Lely nunha gandería de Val do Dubra

Uns 350 gandeiros e gandeiras procedentes de toda Galicia, e tamén de Asturias, participaron hoxe nun encontro sobre o emprego de robots de muxido, organizado pola marca holandesa Lely, experta en maquinaria e robótica agrícola. Tivo lugar na Gandería Queirugueira, do Val do Dubra, socia de CLUN. 


A Gandería Queirugueira leva xa catro anos empregando esta tecnoloxía, mediante tres robots e un arrimador de comida, todos da marca Lely. Durante a xornada os asistentes tiveron a oportunidade coñecer o seu funcionamento e as principais vantaxes que lles poden aportar no seu día a día.

“Foi unha xornada moi positiva, no que os gandeiros puideron ver en funcionamento un robot Lely Astronaut A 3 e dous Lely Astronaut A 5, é dicir, o pasado e o presente de Lely. As impresións que levamos foron moi boas, porque os visitantes puideron ver in situ como un matrimonio e unha empregada atenden sen ningún problema unha granxa con 180 vacas en muxido, logrando unha produción media no día de hoxe de 42 litros por vaca. É dicir, grazas á robotización, logran calidade de vida, conseguen resolver o problema da falta de man de obra e incrementan a rendibilidade da granxa”, destaca Juan Alonso, responsable de márketing de Lely en Galicia. 

Un momento do xantar

A robotización da gandería: Unos 370 robots de ordeño ya instalados en Galicia

José Antonio González é un dos técnicos de CLUN especializado en robots de muxido. Explica que acompañan aos gandeiros á hora de valorar en cada caso se incorporar ou non esta tecnoloxía, realizando un estudo de custos e rendibilidade. Nesta liña, sinala que a produción pode incrementarse entre un 8 e un 12% anual por animal. Ademais, apunta que tamén se produce unha mellora desde o punto de vista hixénico-sanitario. E, á hora de conseguir persoal estable, asegura que os potenciais traballadores prefieren operar con tecnoloxía fronte ao sistema manual.

“Cómpre ter en conta que cada robot atende a uns 60 animais e fan tres muxidos ao día, que é o ideal; as explotacións gandeiras normalmente só realizan dous debido á falta de man de obra. Son capaces de levar a cabo o proceso de forma completamente automatizada, o que significa que non é necesario que un operador estea presente durante o muxido, o que aforra tempo e esforzo, favorecendo a flexibilidade horaria e, polo tanto, a conciliación da vida familiar e laboral. Ademais, estas máquinas traballan as 24 horas, o que permite manter ou mesmo ampliar o número de animais. A falta de man de obra, unido a que as novas xeracións apostan por actualizar as explotacións e mellorar a súa calidade de vida, fai que a implantación desta tecnoloxía nas ganderías galegas sexa imparable” -manifesta o técnico de CLUN-.

Por outro lado, con esta tecnoloxía favorécese o benestar animal porque os robots están deseñados para proporcionar unha contorna confortable e tranquila para as vacas durante o muxido. Os animais poden entrar e saír do robot cando o desexen, o que reduce a tensión e mellora a súa comodidade.

Ademais, cada vaca é identificada e monitoreada de forma individualizada polo robot. Isto posibilita un seguimento preciso e en tempo real da produción de leite, do estado de saúde da vaca e outros datos relevantes para os gandeiros. Así mesmo, o robot pode detectar problemas de saúde de xeito temperán, o que axuda a previr enfermidades e mellorar a eficiencia do muxido.

Na actualidade en Galicia hai instalados unos 370 robots de muxido. En canto aos requisitos para que unha gandería poida optar á súa mecanización, os técnicos sinalan que debe dispor de corredores amplos para favorecer o acceso dos robots. Pola súa parte, as vacas deben ter unha determinada morfoloxía tanto de ubres como de patas.

 

“Mulleres de Seu” celebra 10 anos traballando polo empoderamento feminino no rural galego

A asociación Mulleres de Seu, impulsada pola cooperativa Clun cumple 10 anos traballando por fomentar a visibilidade, o empoderamento e o desenvolvemento profesional e persoal das mulleres no rural. Este é un grupo interxeracional de mulleres gandeiras que viven e traballan en zonas rurais dos concellos de Ames, Ribadeo e Melide. Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller Rural (15 de outubro), poñen en marcha unha serie de actividades para conmemorar o seu 10º aniversario. “Os nosos grandes obxectivos son empoderar e motivar ás mulleres rurais para fomentar o seu liderado, traballar pola visibilidade e o recoñecemento do papel das mulleres no ámbito rural. Buscamos a igualdade de oportunidades real e efectiva entre homes e mulleres e tratamos de contribuír á transformación do rural como motor de emprendemento e innovación, como un medio sostible e como un lugar onde vivir e traballar”, explica Carmen Rodríguez, vicepresidenta da cooperativa Clun e presidenta de “Mulleres de Seu”. O colectivo celebra o seu décimo aniversario coa posta en marcha un novo plan de formación para o período 2023-2024 baixo o lema “Para Nós”. Trátase dunha serie de talleres persoais e de auto coidado cos que se pretende mellorar o benestar físico e emocional das mulleres, reforzar o seu traballo diario de empoderamento e potenciar o seu recoñecemento profesional como mulleres rurais. Nesta liña, abordaranse aspectos como a nutrición, a beleza, o mindfulness… “Nacemos para visibilizar a presenza e a profesionalidade das mulleres na gandería, dando importantes pasos ao longo destes anos, e agora traballamos polo noso empoderamento a través do desenvolvemento persoal”, indica a presidenta de “Mulleres de Seu”. Con motivo deste aniversario, a través das redes sociais de Clun (Instagram, Facebook e TikTok) vanse difundir historias das mulleres da asociación, unha nova sección titulada “Mulleres gandeiras de CLUN” que formará parte das redes da cooperativa con novas entrevistas cada mes. Ademais, durante uns días, a nova canle de TikTok da cooperativa estará en mans de Lucía Casal, unha moza influencer gandeira, socia de CLUN e membro de “Mulleres de Seu”, tiktoker con preto de 15.000 seguidores que recibiu este ano o Premio Nacional de Juventud na categoría de Medio Ambiente -un galardón que concede o Instituto de la Juventud en España (Injuve), dependente do Ministerio de Asuntos Sociales y Agenda 2030-. Desde a súa granxa familiar de vacas, situada nunha aldea de Melide, amosa cada día como é o seu oficio, achegando o traballo das mulleres gandeiras á poboación máis nova.

Xuntanza de Mulleres Rurais

Ademais, este domingo 15 de outubro co motivo da celebración do Día da Muller Rural a asociación Mulleres de Seu reunirase en Melide no encontro de Mulleres Rurais organizado pola Asociación Alecrín. Un evento que servirá como homenaxe ás traballadoras do rural e que contará coa presenza institucional acollendo a personalidades como Susana López Abella, Conselleira de Emprego e Igualdade ou Ángeles Vázquez Mejuto Conselleira do Medio Rural.

Loitas e recoñecementos

Ao longo destes anos, representantes de “Mulleres de Seu” levaron as súas demandas a Bruxelas, ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento de Galicia. E teñen recibido importantes recoñecementos ao seu labor como o Premio á Igualdade de Oportunidades por parte de Cooperativas Agroalimentarias de España, o Premio pola Innovación da Muller no Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a Medalla Emilia Pardo Bazán da Xunta de Galicia, un recoñecemento público polas acción realizadas en Galicia que contribúen á defensa da igualdade e o Premio Muller Agro, que outorgan Siete Agromarketing e Comercio Agrario.

Gandeiros de Mallorca visitan CLUN para coñecer o modelo de cooperativismo galego

CLUN (Cooperativa Rural Galega), con sede no concello coruñés de Ames, recibiu a visita da Cooperativa Pagesa de Pollença -Mallorca- da man de AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias). Un grupo de agricultores e gandeiros mallorquinos tiveron estes días a oportunidade de coñecer o funcionamento do modelo galego e como a nosa comunidade está a afrontar as diferentes problemáticas que afectan ao sector. A visita estivo coordinada por Rafael García, enxeñeiro agrónomo e reponsable de compras de leite de Clun, e por Graciela Castro, do departamento de marketing. Ademais de percorrer as instalacións de Clun e Feiraco, visitaron unha das explotacións lácteas da cooperativa, Sat Cives, situada no concello coruñés de Mazaricos, o municipio que produce máis leite de toda España. A delegación mallorquina coñeceu como funcionan os cultivos nas nosas explotacións, como é proceso de ordeño nunha granxa de gran tamaño, os sistemas de manexo… e, en definitiva, como se logra a subsistencia dunha gandería. O xerente da Cooperativa Pagesa de Pollença, Francisco Úbeda, explica que “desde hace 30 años viajamos para conocer otros modelos de cooperativismo y en esta ocasión hemos elegido Galicia porque tenemos varios problemas en común. En Mallorca el sector está en declive, las granjas están desapareciendo por falta de relevo generacional, quedan muy pocas en funcionamiento. Estamos preocupados por la falta de profesionales y hemos visto que en Galicia, aunque comparte con nosotros la falta de mano de obra, hemos percibido que el sector está muy profesionalizado y, además, hay mucha inversión en tecnología, tanto en las granjas como en la industria láctea. Ya habíamos estado en Galicia hace 12 años y ahora hemos apreciado una evolución importante”. Úbeda pon de relevo así mesmo que “en Mallorca tenemos un problema parecido al de Galicia con el minifundio, todo está muy parcelado. Pero, a mayores, nosotros, con el boom del turismo, estamos viendo cómo las viviendas están comiendo terreno al territorio. Y el cambio climático nos está afectando mucho más, nos vemos obligados a ir cambiando tanto el tipo de cultivo como el manejo”. “Estamos convencidos de que donde hay una cooperativa se mantiene la actividad en la zona porque la iniciativa privada si no ve rendimiento se va. Y Clun está en la industria pero también en la granja, apoyando a los ganaderos. Para nosostros esta visita ha sido cien por cien positiva” -manifesta o xerente mallorquino-.

A nova campaña de Feiraco mostra gandeiros e gandeiras reais usando unha camisola icónica no fútbol galego

Feiraco estra este venres 22 de setembro na Televisión de Galicia a nova campaña de Feiraco. A empresa láctea galega Feiraco, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN, a maior cooperativa leiteira de Galicia, con sede no concello coruñés de Ames, pon en marcha a campaña “Todo se decide no campo” protagonizada por gandeiros e gandeiras reais. Pretende poñer en valor o rural, as familias gandeiras e o traballo no campo como parte esencial da cultura galega e como clave para o presente e o futuro da sociedade. E faino trasladando a épica do fútbol ao mundo gandeiro.

O campo e a gandería na cultura galega

Desde Feiraco manifestan que “O campo e o rural está no ADN dos galegos, na nosa cultura e na nosa economía, polas nosas orixes e tamén polo noso presente, pois en Galicia somos líderes en produción de leite. Por iso desde Feiraco queremos por de relevo que todo depende do que acontece no campo: a calidade do leite, as nosas paisaxes, a forma de ser dos galegos e galegas, mesmo o noso presente e futuro como sociedade”

A láctea concédelle nesta campaña todo o protagonismo aos gandeiros e gandeiras reais que son os socios da cooperativa: “A cultura cooperativa ten un impacto positivo no noso entorno. O leite Feiraco, é un leite sen terceiros intermediarios industriais, é a cooperativa a que transforma o leite. Así coidase de cada paso, dende o campo ó consumidor.”

A campaña é tamén un chamamento a aplaudir aos gandeiros e gandeiras, un sector que non deixa de reducirse en España que perdeu nos últimos cinco anos máis de 3000 ganderías. “Escoller alimentos producidos na nosa terra, non só garante calidade, senon que, máis que nunca, axuda á economía e a sostenibilidade do campo e do rural” – declaran desde Feiraco.

Unha camiseta icónica

Para ilustrar a nova campaña, Feiraco sérvese dos valores que comparte co deporte colectivo: o traballo en equipo, o esforzo e a capacidade de superación para dar cada día o máximo. Baixo o lema “Todo se decide no campo”, emprega a metáfora futbolística nun dobre sentido: o verde do terreo de xogo e da camiseta. Así, recupérase para a ocasión o imaxinario dunha camiseta histórica, perfectamente recoñecible pola sociedade galega e que nos retrotrae á época dourada do fútbol da nosa comunidade.

Os gandeiros e gandeiras que participan nesta campaña locen unha camiseta verde oliva co texto de FEIRACO, que alude a unha camiseta titulada por esta marca que levaba o “Super Dépor”, un equipo dirixido polo recentemente falecido Arsenio Iglesias, que deixou unha impronta indeleble na retina de todos os galegos e galegas, e tamén de todas e todos os afeccionados ao deporte en España e media Europa, pola súa calidade e o resultado dun gran traballo en común sobre o campo de xogo.

A cooperativa CLUN comeza a volta ao cole con visitas a granxas FEIRACO e á iogurtería CLESA

CLUN, a maior cooperativa láctea de Galicia, inicia unha nova tempada de visitas a granxas Feiraco e tamén, a iogurtería de Clesa en Caldas de Reis. Estas visitas realízanse co obxectivo de ensinar todo o proceso de elaboración de produtos lácteos de principio a fin, dende o coidado das vacas e dos campos ata que chega aos nosos fogares; achegando así o rural aos visitantes e poñendo o valor o traballo dos gandeiros e gandeiras. Gandeiro por un día A visita a granxas FEIRACO, que recibe o nome “Gandeiro por un día”, será unha experiencia guiada por parte do equipo e gandeiros socios de CLUN na que os visitantes accederán ás instalacións e coñecerán as becerriñas, as vacas, a sala de muxido e aos exteriores onde se atopan os silos... Unha xornada na que todos os nenos e nenas lles quedará claro de onde vén o leite á vez que se divirten xogando a ser gandeiros e gandeiras por un día. O tour do iogur Tamén comezan as visitas para escolares á iogurtería CLESA en Caldas de Reis, a través do programa “O tour do iogur”. Os colexios realizarán un percorrido polas instalacións da planta e descubrirán como o leite, procedente de granxas da cooperativa, se transforma en iogures e postre e finalmente chega ata as nosas casas.

Xa está aberto o prazo de reserva

A cooperativa xa ten aberto o calendario de reservas tanto a granxas como á iogurtería. As visitas á iogurtería Clesa realizaránse todos os xoves e as visitas a granxas, os venres. É necesario realizar unha reserva previa enviando un correo electrónico a visitas@clun.es ou chamando ao 600 79 43 68. Ambas visitas están destinada a escolares de primaria e de primeiro ciclo da ESO – Alumnado de 5 a 15 anos-. Ademais, os colexios que reserven a súa visita para o primeiro trimestre escolar, entrarán no sorteo dun bono para conseguir esta actividade gratis!

A cooperativa CLUN e o IES de Melide impulsan o primeiro Ciclo Superior de FP Dual de asistencia gandeira do ensino público galego

Da colaboración entre o IES de Melide e CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) nace a modalidade dual do Ciclo Superior de FP de “Gandería e Asistencia en Sanidade Animal”, o primeiro destas características no ensino público da comunidade. Esta mañá presentouse no centro educativo, coa asistencia da secretaria xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez. A matrícula para este novo ciclo está dispoñible desde hoxe e ata o 5 de xullo. A Cooperativa CLUN asume o compromiso de acoller ata a doce alumnos nas etapas de formación en prácticas en ganderías socias e tamén aportando coñecemento a través do seu equipo veterinario. A directora do IES de Melide, Ana Villar, manifestou que “conseguir que este FP Dual poidese ter cabida nun centro público como o IES de Melide é resultado de dous anos de traballo e reunións e a colaboración da cooperativa CLUN, completamente imprescindible para impartir este ciclo”. Indicou que “o que máis nos determinou a apostar por esta formación foi unha reunión que tivemos con gandeiros, que se amosaron dispostos a acoller alumnado e cun enorme interese en que este ciclo saíse adiante”.  

Necesidade de man de obra para mellorar a conciliación e lograr explotacións viables e máis competitivas

Tal como puxo de relevo Pablo Costoya, secretario do Consello Reitor de CLUN, atopar man de obra estable e cualificada é xa a maior dificultade coa que se encontran as ganderías familiares de camiño á profesionalización. CLUN detecta que esta é a principal preocupación, xunto á necesidade de investimento en modernización e ampliación das instalacións. Para dar resposta a esta necesidade, a cooperativa busca a través da formación camiñar cara a unha gandería galega cun maior tecido humano profesionalizado dispoñible”. O 13% das 7.000 explotacións que quedan entregando leite en Galicia son ganderías de tamaño medio, con 75 vacas en produción e 40 hectáreas de superficie; e outro 7% de explotacións grandes de máis de 160 vacas en muxido e 68 hectáreas de superficie agraria útil. “Este tipo de ganderías son as que demandan máis persoal, co obxectivo de garantir a conciliación e dispor dalgún tempo propio que permita mellorar a calidade de vida e, noutros casos, para manter a estrutura laboral que precisan estas explotacións e conseguir así que sexan viables e máis competitivas” -destacou Costoya-.

O éxito da Formación Dual

A modalidade dual non chegara aínda a este Ciclo Superior, así que supón unha novidade para o curso 2023/2024. Incorporarase en só dous centros en Galicia: o IES de Melide e o CEFA de Sergude. A Formación Profesional aumentou un 24,4% desde o curso 2016/17 en España. Con todo, a media europea é dun 41% de titulados en FP, mentres que no conxunto de España se sitúa nun 36%. En particular, a formación dual está a ter moi boa acollida, alcanzando en 2021 o 3,8% de todos os graduados en Formación Profesional, ao tempo que segue a medrar tanto a oferta de ciclos como o número de alumnos matriculados nesta modalidade.

SmarTZ4milk, o proxecto que aspira a dixitalizar a industria láctea galega

Galo Gutiérrez, director da oficina do PERTE Agroalimentario, con Santiago Álvarez, do IGAPE, e Carmen Lence O director da Oficina Técnica do Comisionado para o Programa Estratéxico de Recuperación e Transformación Económica (PERTE) Agroalimentario, dependente do Ministerio de Industria, Galo Gutiérrez, acudiu este xoves á sede do Grupo Lence en Lugo, onde mantivo un encontro cos integrantes do consocio SmarTZ4milk, o proxecto que aspira a captar fondos europeos Next Generation para avanzar na rastrexabilidade produtiva e redución da pegada ambiental da industria láctea. Coordinado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e liderado polo Grupo Lence, integra a outras 6 industrias lácteas asentadas na comunidade: Clun, Larsa, Leite Celta, Prestes, Queizuar (Bama) e Bico de Xeado. En total prevense case 26 millóns de euros en investimentos nos próximos 2 anos, con dous eixos fundamentais en materia de transición dixital (trazabilidade da produción) e ambiental (redución dun 5% do consumo hídrico no proceso industrial, dun 10% do consumo enerxético e de 95 tm/ano de emisións de CO2).
Trátase do proxecto conxunto entre industrias de maior investimento no sector agroalimentario galego
Ademais de proxectos conxuntos, como a mellora da trazabilidade e a investigación de métodos analíticos baseados en proteómica para o estudo de proteínas do leite, cada empresa levará a cabo investimentos específicos en función das súas necesidades produtivas. O maior volume corresponde a Leite Río, con case 7 millóns de euros. Influencia en toda a cadea láctea O reto de SmarTZ4milk é modernizar a actual cadea de produción, transformación e distribución da industria láctea para dotala de ferramentas de competitividade baseadas na tecnoloxía e a sustentabilidade. O principal obxectivo é dar un impulso esencial á transformación dixital da industria láctea a través da automatización de procesos, sensórica avanzada e xestión eficiente, así como desenvolver unha nova ferramenta de rastrexabilidade integral da produción desde a granxa ao consumidor.
A través de intelixencia artificial e big data poderá predicirse a oferta e a demanda: canto leite se vai producir e canto leite se vai demandar
Por iso, aínda que o foco investidor está posto na industria, SmarTZ4milk mira cara arriba e cara abaixo na cadea láctea. “A través de intelixencia artificial e big data poderemos predicir canto leite se vai producir nas ganderías e canto se vai a demandar na distribución”, explicou Hugo Criado, de Medrar Smart Solutions, un dos coordinadores técnicos desta candidatura ao PERTE Agroalimentario. Soberanía alimentaria Carmen Lence destacou que “nun mundo cada vez máis globalizado, é esencial que manteñamos e fortalezamos o noso sector agroalimentario”. “Desde Galicia, onde producimos o 40% do leite en España, contribuímos a manter a soberanía alimentaria do noso país. Coa pandemia pola covid e a guerra de Ucraína vimos as consecuencias de ser dependentes dos produtos doutros países. Nos alimentos é algo fundamental”, asegurou.
Este proxecto é unha oportunidade para transformar o sector lácteo galego
A responsable de Leite Río e Leyma asegurou que os fondos europeos Next Generation supoñen “unha oportunidade para transformar o sector lácteo galego”. “É vital fomentar a innovación e a adopción de novas tecnoloxías que melloren a eficiencia e a sustentabilidade da nosa operativa diaria para que o sector lácteo galego siga liderando a produción e transformación láctea en España e sendo unha potencia a nivel europeo”, insistiu.

Empresas competidoras únense para captar fondos

Público asistente á presentación do proxecto, este xoves na sede de Leite Río A obriga de presentar proxectos conxuntos que involucren a distintas empresas e institucións para poder optar á convocatoria do PERTE Agroalimentario fixo posible que empresas que compiten entre si no mercado unisen forzas para optar a estes fondos. Entre elas están representadas neste proxecto as distintas tipoloxías empresariais existentes no sector lácteo en Galicia, desde grandes compañías como Grupo Lence, cooperativas como Clun ou CAPSA e pemes como Prestes, Queizuar ou Bico de Xeado.
O sector lácteo galego articúlase ao redor de 113 industrias e xera perto do 2% do PIB da comunidade
As 7 industrias lácteas involucradas en SmarTZ4milk recollen diariamente o leite producido por 1.500 ganderías, polo que se espera que o proxecto teña “un impacto positivo en toda a sociedade”. “Chegaremos co diñeiro a toda a cornixa cantábrica e o 45% dos fondos irán parar a municipios de menos de 10.000 habitantes, cun impacto que chegará desde as ganderías ao consumidor”, aseguraron os coordinadores da candidatura presentada. Próxima convocatoria para proxectos individuais Galo Gutiérrez, director da Oficina Técnica do Comisionado para o PERTE Agroalimentario, destacou a aposta que desde o Ministerio de Industria se fixo nesta primeira convocatoria de fondos en favor dos proxectos conxuntos, pero anunciou que os proxectos individuais poderán optar a futuras convocatorias.
Estamos a ver que os proxectos conxuntos conlevan importantes complicacións de xestión e en futuras convocatorias seguramente se permitan proxectos individuais
“Estamos a ver que estes proxectos conxuntos son máis transformadores pero levan aparelladas complicacións importantes de xestión e posiblemente, en función do grao de execución do PERTE actual, haberá unha segunda convocatoria o ano que vén onde se poderán incluír proxectos individuais”, avanzou. Iniciativas no sector do viño e os doces Galo Gutiérrez tamén explicou que o cronograma previsto polo Ministerio inclúe a resolución provisional á volta do verán e o pago antes de que acabe o ano aos distintos proxectos que concorren ao PERTE Agroalimentario. "Nesta primeira convocatoria non houbo máis peticións ca diñeiro, polo que todos os proxectos que estean ben e cumpran coa convocatoria recibirán financiamento", aclarou.
Haberá diñeiro para todos os proxectos que cumpran coas bases da convocatoria
Entre as 22 iniciativas presentadas á actual convocatoria inclúense 7 vinculadas a Galicia. Ademais do proxecto da industria láctea hai 2 centrados no sector do viño (un deles liderado polo Grupo Torres) e outro no da repostería. En total, sumarían case 55 millóns de euros de investimento, dos que case a metade corresponderían a SmarTZ4milk. O encontro co director da Oficina Técnica do PERTE Agroalimentario complementouse con visitas ás instalacións do Grupo Lence e ás fábricas de Clun e Queixerías Bama, onde puido coñecer os procesos produtivos seguidos en cada caso.

Campaña de ensilado de herba 2023: Menor produción pero boa calidade

Este ano a climatoloxía non axudou para que a herba medrara e estase a notar nos silos. As xeadas do inverno e a falta de chuvia no comezo da primavera mermaron considerable a cantidade de forraxe colleitada, aínda que a calidade está a ser boa. A campaña de ensilaxe de herba avanza en toda a comunidade condicionada polas precipitacións dos últimos días e coa vista posta na sementeira do millo, que xa se iniciou nas zonas máis madrugadoras, como a Mariña de Lugo ou o Xallas na provincia da Coruña, naquelas fincas en rotación con herba nas que non se espera a un segundo corte. A estratexia de sementar antes e con ciclos máis longos estase a levar a cabo tamén en zonas do interior como unha forma de tentar minimizar os efectos da seca no verán, como aconteceu o ano pasado en áreas do centro e sur de Lugo, ou na comarca do Deza, con mermas importantes na colleita de millo forraxeiro.
O monocultivo de raigrás, habitual hai uns anos, está deixando paso a unha variedade maior de especies
A entrada en vigor da nova PAC está a motivar tamén cambios nas decisións de sementeira e nos cultivos escollidos para a rotación anual. As especies mellorantes ábrense camiño, ben en mesturas con cereais de inverno para ensilado, ben como abono en verde para fixar nitróxeno atmosférico e aportar materia orgánica ao chan. O monocultivo de raigrás, habitual hai uns anos, está deixando paso a unha variedade maior de especies, tanto trevos e outras leguminosas como chícharos, vezas ou fabas a brassicas como os nabos. Analizamos como se está a desenvolver a campaña de ensilado en distintas zonas de Galicia:  

“Está habendo producións baixas por falta de auga e moita desigualdade nas parcelas”

Ensilado de raigrás e trevo anual na zona de Chantada nunha parcela en rotación con millo Jorge Meiriño é responsable de cultivos da cooperativa Aira na zona de Chantada, onde os efectos da seca se deixaron notar este ano na herba. “Empezamos a colleitar hai 10 días, aínda que coas chuvias da fin de semana parouse un pouco de segar ata que mellore o tempo e se estabilice, pero estamos tendo producións baixas, similares ás do ano pasado, cunha media de 15 toneladas por hectárea en verde”, calcula. Nesta zona do sur de Lugo está a notarse moita desigualdade nas parcelas. “As fincas máis profundas, que son normalmente nas que se fai rotación con millo, comportáronse moito mellor que outras nas que xa se estaba secando a herba. Volve a haber unha seca enorme, peor ca do ano pasado. A capa freática está moi abaixo. Aquí o chan é franco areoso, non hai arxila, e pérdese moi rápido a auga”, explica Jorge.
Este ano non se puideron facer cortes de limpeza polas xeadas
“Ás pradeiras este ano castigounas a xeada no inverno e despois faltoulles auga”, di. As xeadas fixeron tamén que non se puideran realizar os habituais cortes de limpeza, polo que a calidade da forraxe estaría nun 6 sobre 10, indica. Un só corte nas terras de millo O ensilado estase a producir máis ou menos nas mesmas datas doutras campañas. “Non se pode agardar máis. Aquí xa non imos facer segundo corte, porque estamos a finais de abril e hai que tentar sementar o millo a principios de maio. Non se pode facer moito máis tarde porque estamos limitados pola precipitación e o ano pasado aguantaron as parcelas que se sementaron cedo”, lembra. O parque de maquinaria de Aira traballa moita máis superficie de herba que de millo. “Podemos estar falando do triplo, porque nos últimos anos moitas ganderías aumentaron superficie agraria e deixaron de sementar millo”, argumenta.
O segundo corte é cada vez máis complicado, teriamos que ter un mes de tempo fresco e precipitacións para que a herba non espigue
Por iso, di, os segundos cortes só se poden facer en parcelas onde non se vai a botar millo. “O segundo corte cada vez é máis complicado, dependes moito máis da climatoloxía. Ten que chover e vir tempo fresco para que a herba non espigue”, di Jorge.

“O silo vai ter bastante humidade porque o tempo non permitiu facer bos presecados, pero a calidade vai ser boa”

Na comarca do Xallas e a Barcala, na provincia da Coruña, tamén apostaron este ano por facer un só corte. “Había unha pequena porcentaxe de socios que facía dous cortes, pero co frío do inverno veu todo retrasado e vaise facer un corte só nas fincas con millo”, explica Adrián Cundíns, o responsable de Fonxabar, a cooperativa para xestión en conxunto de forraxes e alimentación do gando das ganderías da zona de Santa Comba e Mazaricos. Forxabar vai ter tamén unha merma na cantidade de forraxe nos silos, aínda que os motivos son distintos ca no caso de Aira. “Aquí non foi por escaseza de precipitacións, senón por todo o contrario, retrasouse polo frío e por moita auga. Este foi un ano atípico e malo para o crecemento da herba”, asegura Adrián.
Foi un ano atípico e malo para o crecemento da herba. Co frío veu todo retrasado e imos facer un corte só nas fincas con millo
En Forxabar ensilaron o raigrás permanente hai tres semanas e as parcelas en rotación con millo o xoves pasado. “Ao ser un corte só, foi un corte longo, con moitos días na terra, e o rendemento foi bo”, explica. Tamén a calidade será boa. “O silo vai ter bastante humidade porque o tempo non permitiu facer bos presecados pero a calidade en xeral vai ser boa”, asegura Adrián. Levantando  a pradeira para sementar o millo En Forxabar basean a ración que reparten ás ganderías leiteiras socias no ensilado de millo, polo que traballan máis hectáreas a este cultivo que a herba. “De forraxes van 40 kg na ración e deles o 75% é millo e o 25% herba”, explica Adrián. Este ano teñen previsto sementar unhas 800 hectáreas a millo. Unha parte delas xa as teñen labradas, aquelas nas que non fan rotación con herba, mentres que nas ensiladas o pasado xoves comezarán nos vindeiros días. “Estamos empezando a levantar para o millo. Con estes días de auga está todo un pouco parado. Xa temos sementado máis ou menos a metade, onde non houbo rotación, e agora fáltanos o que ensilamos a semana pasada. Estamos agardando a ver se estabiliza o tempo, porque choveu moito a fin de semana e vainos retrasar ata o final desta poder poñernos coa terra. Se chove seguirá retrasándose a sementeira”, conta.   Aposta polo cultivo verde nas rotacións A entrada en vigor de novas esixencias na PAC para o período 2023-2027 está a provocar cambios no esquema habitual de rotación millo-herba levado a cabo polas ganderías de vacún de leite de Galicia. “Nós xa fixemos este ano algún cambio. Metemos máis leguminosas. Unha parte do que ensilamos foi só con trevo, 2 ou 3 variedades de trevo, con boa implantación. Noutra parte das terras fixemos cultivo verde, con especies mellorantes como nabo ou outras brassicas, e con chícharos, un tipo de faballón ou calquera leguminosa que entre no rango de forraxeiras e que estea dispoñible no momento da sementeira”, indica.
Non hai moita dispoñibilidade de sementes para facer abono verde, porque son especies que non teñen moito aproveitamento e non se colleitan
“Non hai moita dispoñibilidade, é unha problemática que se vai dar de cara a este ano. Como son variedades que non se colleitan e non teñen moito aproveitamento a non ser para abono verde non hai moita oferta. Os prezos da semente o ano pasado foron desorbitados”, explica Adrián. Aínda que, como consecuencia da excepcionalidade acordada trala guerra en Ucraína, nesta campaña está en suspenso a obriga de cumprir coa boa práctica da rotación de cultivos para poder cobrar as axudas da PAC, prevese que nos vindeiros anos non se poidan deixar baleiras as terras do millo, polo que estratexias como as seguidas este ano por Forxabar converteranse en habituais. “Tal como están os prezos hoxe da sementeira penso que non cubre para cobrar o eco-rexime, pero se é unha obriga xa non é cuestión de que cubra ou non, haberá que facelo para adaptarse ás novas esixencias da condicionalidade e poder cumprir para cobrar a PAC”, argumenta.

“Coas mesturas de cereais de inverno e vezas obtivemos producións maiores en comparación cos primeiros cortes de raigrás”

“Na nosa zona o único limitante que houbo foi falta de chuvias, na Mariña pega moito o nordés e non medrou moito a herba”, explica José Ramón Loza, responsable de maquinaria e cultivos de CLUN, que dispón na Mariña de centro de alimentación (CAVI) e parque de maquinaria pertencente a Irmandiños. “A nivel xeral os primeiros cortes foron moito menos produtivos ca outros anos, acusouse a falta de chuvias de principio da primavera. As calidades están sendo boas pero as producións mermadas”, describe. Na Mariña acostuman facer dous cortes nas pradeiras de raigrás antes de botar nelas o millo. “Xa estivemos abonando para os segundos cortes e con estas chuvias esperamos obter un segundo corte un pouco máis produtivo que os primeiros”, asegura José Ramón. 200 hectáreas de cereal con veza Irmandiños sementou este ano perto de 200 hectáreas de cultivo de inverno a base de cereal e leguminosa, que xa ensilou nas instalacións do CAVI en Vilamartín (Barreiros). “Por aquí estase implantando moito a mestura de cereais de inverno e vezas e con esas fórmulas obtivemos unha produción algo maior, en comparación cos primeiros cortes de raigrás”, indica. A maiores das parcelas que a cooperativa labra directamente, habería que sumar a herba que mandan os socios que non están dentro do servizo de Xestión Integral das terras e que son unhas 150 ha de raigrás e outras tantas de prado natural (nos dous casos a 2 cortes) e 50 ha de cereal-veza (a un só corte).
O cereal ensilámolo por separado, pero os prados naturais imos mesturándoos no silo co segundo corte de raigrás
“Os prados naturais aínda non empezamos a segalos, a previsión é comezar de cara á semana que vén para ir mesturando co segundo corte de raigrás. O cereal si que o ensilamos por separado, pero no caso do prado natural intercalámolo nos silos con cultivo de raigrás”, explica José Ramón. A cooperativa sementará este ano unhas 450 hectáreas de millo, das que a día de hoxe xa levan botadas unhas 70. “Xa temos levantadas as terras onde botamos o cereal de inverno, nas que facemos un só corte. Empezamos a sementalas a semana pasada cunha máquina e a partir de agora incorporamos xa a segunda”, detalla.  

Clun logra o nivel experto no Certificado de Benestar Animal en 75 das súas ganderías

CLUN suma xa un total de 75 granxas e case 7.000 vacas que presumen de altos estándares en benestar animal. Para celebralo a cooperativa realizou este xoves un encontro con socios gandeiros e co equipo técnico na gandería Casal Vilar, de Touro.
As granxas certificadas achegan leite para as marcas Clesa Bienatur e ÚNICLA garantindo en cada paso da cadea que o leite procede de granxas certificadas en Benestar Animal
Esta gandería, situada no lugar da Portela, é unha das granxas ÚNICLA, que foron as primeiras ganderías de Galicia certificadas por AENOR Conform en Benestar Animal. Tamén foi esta a primeira marca láctea española que certificou todos os seus produtos con esta garantía de Benestar Animal. Un camiño iniciado en 2016 Cooperativa Lácteas Unidas celebraba ademais seis anos con esta certificación nas súas granxas. En 2016 convertíase nunha cooperativa pioneira, sendo a primeira en certificar as súas ganderías socias en benestar animal con AENOR. Agora, seis anos despois, superou a fase pre-inicial e inicial do certificado e pasa á fase de experimentado, posicionándose, unha vez máis, como líder cooperativo neste ámbito, segundo destaca a entidade. “Os bos resultados na certificación de benestar animal é unha proba máis dos altos estándares das nosas ganderías” declara Juan Gallástegui, director xeral de CLUN, quen tamén quixo recoñecer “o esforzo e o traballo de todas as ganderías por manter este compromiso”. CLUN celebrou os seis anos con certificación de benestar animal na gandería Casal Vilar, de Touro A cooperativa CLUN subliña que alcanza as puntuacións máis altas en todas as granxas socias que están certificadas baixo o selo de benestar animal. O certificado de benestar animal AENOR Conform réxese polos rigorosos estándares de calidade que esixen AENOR e o Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias (IRTA), baseados no referencial europeo Welfare Quality. Máis benestar, sinónimo de máis produción Jose Balseiros, director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural, acompañou a CLUN e aos seus socios no encontro de Touro, onde destacou a importancia do benestar animal para un bo rendemento produtivo das ganderías. Balseiros anunciou que a Consellería do Medio Rural dispón dunha liña de axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia, que na convocatoria 2022-2023 conta cun orzamento de 2,15 millóns de euros, para que estas entidades poidan desenvolver os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais, o que axudará ao benestar animal e a elevar o nivel sanitario da cabana gandeira galega. Pola súa banda, Ana Mendez, directora xerente de Galicia Calidade, destacou o valor de transmitir ao consumidor garantías de calidade e orixe, como o fixo a cooperativa CLUN, contando desde o inicio co selo Galicia Calidade, que neste próximo mes de decembro cumpre 25 anos de existencia.

Villameitide SL: mellor saúde, máis fertilidade e aumento de calidades grazas aos cruzamentos

Pepe e Álvaro, xunto ás súas vacas en Vilarbetote (Trabada) No lugar de Vilarbetote, no concello de Trabada, atópase unha gandería de referencia que sempre apostou pola eficiencia na produción de leite, cunha produción media que na actualidade se sitúa en 41,1 litros, con 196 días en leite, un 4,40% de graxa e un 3,34% de proteína, segundo os últimos datos de Control Leiteiro. Os seus dous socios, Pepe e Álvaro, xuntaron os seus destinos hai xa 20 anos e desde entón sempre estiveron abertos a introducir os cambios necesarios para adaptar a granxa ás necesidades que ían xurdindo, na procura sempre dunha maior rendibilidade. Por iso, no 2016 tomaron a decisión de empezar a cruzar o gando para acabar deste xeito cunha serie de problemas de saúde e fertilidade que os altos niveis de consanguinidade que arrastra a raza holstein estaban a provocar no seu rabaño.  “A pesar da boa alimentación e de todos os coidados, tiñamos moitas dificultades para que as vacas empreñaran e durábannos moi pouco”, lembra Pepe. Foi por iso polo que optaron por mudar a súa estratexia de mellora xenética apostando polos cruzamentos.
A pesar da boa alimentación e de todos os coidados, tiñamos moitas dificultades para que as vacas empreñaran e durábannos moi pouco
A súa empresa provedora de seme, Global Genetics, retirou todas as doses holstein que había no tanque e subtituíunas por montbeliard e rojo sueco. As primeiras empregáronas nas vacas adultas e as segundas nas xovencas, buscando unha maior facilidade de parto. Os resultados non se fixeron agardar e hoxe a gandería está ao 100% no sistema Procross. “Estamos contentos co resultado porque logramos aqueles obxectivos que nos propoñiamos. Penso que estamos na boa liña e imos a continuar por este camiño”, asegura Pepe. Unha lactación máis por vaca A nave ten capacidade para 160 vacas en produción, divididas en dous lotes A aposta polos cruzamentos mellorou de maneira substancial aspectos clave do día a día da granxa, como por exemplo, o reprodutivo. Neste momento están empregando unha media de dúas doses por vaca, logrando no que vai de ano un 66% de éxito na primeira inseminación.
As vacas pasaron de durar 2 partos a máis de 3 a día de hoxe, cunha produción vitalicia media de máis de 45.000 litros
Outra das cuestións nas que en Villameitide SL notaron os efectos do vigor híbrido foi no aspecto sanitario. As visitas do veterinario reducíronse considerablemente por motivos clínicos. "Antes tiñamos bastantes desprazamentos de abomaso pero hoxe no gando cruzado ese problema desapareceu por completo”, indica Pepe. Todos estes factores fixeron que a lonxevidade media se teña incrementado nun parto máis desde que están en Procross. A día de hoxe, a media das vacas que van ao matadoiro pasan dos tres partos e a produción vitalicia media supera os 45.000 litros. Taxa de reemprazo do 25% Para a recría dispoñen dunha nave arrendada no concello de Foz Como consecuencia directa do incremento da lonxevidade e da mellora da fertilidade, a taxa de reemprazo nesta gandería de Trabada baixou do 35 ao 25%. “Chegamos a ter 140 xovencas para cubrir as necesidades da granxa e hoxe con 100 amañamos. Este ano mesmo puidemos vender recría porque nos sobraba”, conta Pepe.
Conseguen que as xovencas estean paridas con menos de 2 anos de idade e á metade das vacas póñenlles cruces cárnicos
E iso que están a reducir considerablemente o número de xatas e xovencas, co que iso implica de aforro económico e incremento de ingresos por venda de tenreiros. De feito, ao 50% das vacas xa lles están a poñer cruces cárnicos, ben sexa azul belga ou rubio galego, para desta maneira obter un maior retorno da venda do xato. Calidades de leite muxindo tres veces ao día Moxen tres veces ao día: á unha da tarde, ás nove da noite e ás 5 da mañá Villameitide SL entrega o leite desde hai seis anos a Entrepinares, polo que as porcentaxes de graxa e proteína son importantes nesta granxa para rendabilizar o seu leite. Malia realizaren tres muxiduras (á unha da tarde, ás nove da noite e ás 5 da mañá), o cambio a Procross axudoulles a aumentar os niveis de sólidos do leite.
É un problema impresionante atopar man de obra
Realizar tres muxiduras incrementa as necesidades de man de obra, que ás veces é difícil de atopar, admiten. Ademais de Pepe e de Álvaro, teñen dous empregados para muxir e unha persoa máis encargada de atender a recría, que se atopa noutra ubicación, concretamente nunha nave arrendada en Vilaronte, no concello de Foz.   Están muxindo neste momento unhas 160 vacas, ás que hai que sumar 30 secas e un cento de animais de recría, entre xatas e xovencas, para un total dunhas 300 cabezas. Só 35 hectáreas de terreo O CAVI da cooperativa Os Irmandiños subminístralles a ración húmida diaria para as vacas en produción Xunto ás dificultades para atopar man de obra, outro dos problemas que ten esta gandería é o da base territorial. “Toda a vida houbo problema de falta de superficie nesta zona”, admite Pepe. A gandería atópase na parroquia de Sante, que concentra o groso das explotacións leiteiras do concello de Trabada.
Son socios fundadores da cooperativa Os Irmandiños, que lles xestiona as terras e lles sirve a ración diaria
Ante a falla de superficie (manexan só 15 hectáreas en propiedade e outras 20 arrendadas), Villameitide SL optou por sumarse desde o comezo ao proxecto do CAVI da cooperativa Os Irmandiños (hoxe integrada en Clun). Diariamente, ás 11 da mañá, un camión transporta a ración xa elaborada desde o centro de alimentación da cooperativa, ubicado en Vilamartín, no concello de Barreiros, até a gandería e distribúea no comedeiro. “Se non fose por este sistema, teriamos que pechar, porque non teriamos maneira de manter o gando”, recoñece Pepe. Algunhas das vacas do establo, cunha produción media de 41,1 litros É tamén o parque de maquinaria da cooperativa o que se encarga da xestión das fincas e cultivos, así como de sacar o purín, polo que o persoal da granxa está centrado unicamente en atender o gando.
Se non fose por este sistema, teriamos que pechar, porque non teriamos maneira de manter o gando
Por esa razón dispoñen só da maquinaria básica para o día a día da granxa, como un tractor, fresadora, pincho e encamadora. As vacas en produción teñen cubículo de area, mentres que as secas están en cama quente. O custo do servizo de cátering diario de mestura húmida ten un custo importante, que pasou de 150 a 160€/tonelada a raíz da guerra en Ucraína e o incremento de prezos dos cereais. Para compensalo, son necesarias altas producións, que Villameitide logra tanto en litros de leite como a nivel de sólidos. “Só queremos que nos paguen o leite que producimos polo que vale”, reclaman Pepe e Álvaro.

Xornada de portas abertas o vindeiro 31 de agosto

Vista das instalacións, construídas hai 20 anos Villameitide SL celebra o mércores 31 de agosto unha xornada de portas abertas destinada a outros gandeiros ou a persoas interesadas en coñecer o seu sistema de traballo e o funcionamento do método de cruzamentos Procross que están a seguir. A xornada comezará ás 11 da mañá e está organizada por Global Genetics, a empresa responsable de Procross en España. Noel Balsa, de Global Genetics Galicia, explica que xa son máis de medio cento as ganderías que están a facer cruzamentos con montbeliard e rojo sueco na nosa comunidade e que os resultados avalan a súa efectividade.
Máis de medio cento de ganderías están a cruzar as súas vacas holstein con montbeliard e rojo sueco a día de hoxe en Galicia
O sistema consiste na inseminación rotacional con tres razas puras para deste xeito manter un alto nivel de heteroxe que permita superar os problemas en aspectos como a saúde ou a reprodución que está a provocar o incremento da consanguinidade na raza holstein.   O método Procross foi ideado nos EEUU e estendeuse nos últimos anos por distintos países de América e Europa (Países Baixos, Italia, Francia, Reino Unido, Suecia, Dinamarca, Portugal ou España) e conta co aval científico de diferentes universidades a nivel internacional.
  • Contido elaborado coa colaboración comercial de Procross

A cooperativa CLUN pecha o 2021 cunha facturación de 188 millóns e cun balance “positivo”

A cooperativa rural galega CLUN celebrou este venres a súa Asemblea Xeral Ordinaria de 2022, na que, entre outros puntos do día, se aprobaron as contas do 2021.  Nelas reflíctese que a cooperativa que ofrece servizos agrogandeiros e comercializa, entre outras, as marcas FEIRACO, CLESA e ÚNICLA, consolidou a súa evolución positiva e o seu crecemento desde o 2019.   A facturación consolidada do grupo galego medrou un 7,5% en 2021 respecto ao 2020, ata superar os 188 millóns de euros. A destacar, o incremento de vendas en máis de tres millóns e medio de unidades de leite coas súas marcas Feiraco, Únicla e Clesa Bienatur nun só ano, asi como a produción da planta de Clesa que pasou de fabricar menos de 2 millóns de quilos de produto en 2012 a superar os 35 millóns, desde que CLUN se fixo cargo da súa xestión.  Dende CLUN tamén destacan que “cada vez máis gandeiros confían nos nosos servizos agrarios, veterinarios e de alimentación animal”. Así, Ángel Miranda, director da división agrogandeira de CLUN manifestaba o bo rendemento e estabilidade que aporta a cooperativa aos seus socios, “para unha granxa ten moitas vantaxes pertencer á cooperativa CLUN”. Afirmación que se ve reforzada polo aumento da venda de pensos nun 12% respecto ao exercicio anterior.   O director xeral da CLUN, Juan Gallástegui, defendeu a xestión levada a cabo na Cooperativa e sinalou que “os números están avalando o traballo serio e rigoroso de todo un equipo que funciona como un”, e destacou que, “todas as empresas do grupo arroxaron un ebitda positivo”, nunhas contas que foron aprobadas pola unanimidade dos asistentes á asemblea.  Sinalou, asimesmo, a necesidade de seguir profesionalizando a xestión e renovándose,  e reiterou o compromiso desta cooperativa galega co sector.  Así, dixo, que “ao máximo das nosas posibilidades, CLUN tratará de que a suba nos custos da produción non repercuta sobre os gandeiros”, comprometeu unha nova subida do prezo do leite, que será a cuarta en oito meses, e ao mantemento dunha política de apoio ao sector que tamén ten reflexo na contención de marxes no que á alimentación animal se refire, en beneficio dos cooperativistas. 

CLUN e o compromiso co rural 

Pola súa parte, o presidente de CLUN, José Ángel Blanco Purriños, reafirmou este compromiso da cooperativa co sector e recordou que “mentres outras empresas se acercan ao rural galego por oportunismo, CLUN, como cooperativa galega, quere un rural galego do que vivir e no que vivir”.   CLUN procesou en 2021 preto dun 6% de todo o leite que se produce en Galicia, a principal comunidade leiteira de España.

A cooperativa CLUN advirte que a situación derivada do paro de transportes “é sumamente crítica”

A cooperativa CLUN advirte que a situación derivada do paro de transportes é xa, nestes momentos, sumamente crítica. A pesar de que están a facer todos os esforzos posibles para continuar coa subministración de insumos que garanta o benestar animal nas ganderías, así como para seguir coa actividade transformadora e distribuidora, o sector atópase ao límite da súa capacidade de resposta. “Con moitísimo esforzo, en CLUN continuamos recollendo o leite nas producións gandeiras, pero a situación é complexa porque temos outras frontes abertas que atender”, sinala Juan Gallastegui, director xeral de CLUN. “Debemos prover de alimentos aos animais, e agora mesmo estannos impedindo recoller a materia prima”, observa. “Están a incumprirse acordos alcanzados para garantir un acceso mínimo aos subministros… con este tipo de imprudencias excédense os límites e ponse en risco a saúde dos animais e a economía das familias gandeiras”, engade Gallastegui. A cooperativa fai un chamamento á responsabilidade e insta a que se respecten os pactos das negociacións. “O contexto económico actual dos últimos tempos é complicado. Todos os sectores soportamos presións e entendemos que existen reivindicacións, o cal é lexítimo, pero non á conta da saúde dos nosos animais e á conta de poñer en risco a provisión de alimentos de primeira necesidade para a poboación, como son o leite e os produtos lácteos”, explica Gallastegui. “Se os acordos de servizos mínimos alcanzados cos transportistas quedan en papel mollado, faise necesaria a intervención das forzas de seguridade para garantir os nosos dereitos”, anticipa Gallastegui. “Baixo ningún concepto imos permitir que se deixe morrer ao gando. Recolleremos a materia prima nos portos, con ou sen a colaboración dos folguistas, con ou sen a axuda das administracións”, conclúe.