Archives

A cooperativa CLUN comeza a volta ao cole con visitas a granxas FEIRACO e á iogurtería CLESA

CLUN, a maior cooperativa láctea de Galicia, inicia unha nova tempada de visitas a granxas Feiraco e tamén, a iogurtería de Clesa en Caldas de Reis. Estas visitas realízanse co obxectivo de ensinar todo o proceso de elaboración de produtos lácteos de principio a fin, dende o coidado das vacas e dos campos ata que chega aos nosos fogares; achegando así o rural aos visitantes e poñendo o valor o traballo dos gandeiros e gandeiras. Gandeiro por un día A visita a granxas FEIRACO, que recibe o nome “Gandeiro por un día”, será unha experiencia guiada por parte do equipo e gandeiros socios de CLUN na que os visitantes accederán ás instalacións e coñecerán as becerriñas, as vacas, a sala de muxido e aos exteriores onde se atopan os silos... Unha xornada na que todos os nenos e nenas lles quedará claro de onde vén o leite á vez que se divirten xogando a ser gandeiros e gandeiras por un día. O tour do iogur Tamén comezan as visitas para escolares á iogurtería CLESA en Caldas de Reis, a través do programa “O tour do iogur”. Os colexios realizarán un percorrido polas instalacións da planta e descubrirán como o leite, procedente de granxas da cooperativa, se transforma en iogures e postre e finalmente chega ata as nosas casas.

Xa está aberto o prazo de reserva

A cooperativa xa ten aberto o calendario de reservas tanto a granxas como á iogurtería. As visitas á iogurtería Clesa realizaránse todos os xoves e as visitas a granxas, os venres. É necesario realizar unha reserva previa enviando un correo electrónico a visitas@clun.es ou chamando ao 600 79 43 68. Ambas visitas están destinada a escolares de primaria e de primeiro ciclo da ESO – Alumnado de 5 a 15 anos-. Ademais, os colexios que reserven a súa visita para o primeiro trimestre escolar, entrarán no sorteo dun bono para conseguir esta actividade gratis!

As plantas de Inleit e de Clesa reciben 5 millóns de euros da Xunta para proxectos de innovación

A Xunta vén de recibir dez manifestacións de interese encamiñadas a impulsar en Galicia novos centros de fabricación avanzada. Estas iniciativas, achegadas polo propio tecido produtivo galego, xorden despois de que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, fixese unha consulta para coñecer a demanda de espazos industrias compartidos. Entre estes dez proxectos, apoiouse a planta piloto de Inleit en Curtis con 2,4M€ para a síntese de proteínas e subprodutos lácteos de alta calidade e concedéronse 2,5M€ á Agrupación de Cooperativas Lácteas (Acolat), en Caldas de Reis e pertencente a Clesa, para impulsar un centro de fabricación avanzado de lácteos de alto valor engadido.

Clun anuncia que sobe o prezo do leite por segunda vez en catro meses

Juan Gallástegui, secretario xeral de CLUN, durante a súa intervención na última asemblea xeral da cooperativa Co fin de contribuír a garantir a rendibilidade das explotacións lácteas ante as subidas nos custos de produción, tales como os pensos, a electricidade ou os combustibles, Clun anuncia que os gandeiros que lle entregan o leite á cooperativa verán incrementados novamente os seus ingresos pola recollida do leite en orixe. Esta é a segunda suba no prezo do leite anunciada por Clun (Cooperativas Lácteas Unidas) en catro meses, e será efectiva desde o 1 de outubro, xa que a anterior foi feita pública o 23 de xullo, tamén con carácter retroactivo na súa aplicación, a partir do 1 de xullo. Daquela a suba fora de arredor de 2 euros por tonelada de leite.
Os nosos produtos son de menos valor engadido e non nos permiten pagar por riba do mercado pero queremos estar o máis parecido posible ao Observatorio lácteo, que é a media do que se paga en Galicia
“Conseguiuse unha pequena suba nalgunhas cadeas de distribución para o prezo do cartón de Feiraco a partir de novembro e queremos adiantarnos repercutíndolle ao socio ese incremento xa no leite do mes de outubro”, detallan fontes da cooperativa. O incremento é “pequeno”, recoñecen, e non será liñal, xa que beneficiará só aos produtores de Feiraco, dado que os gandeiros de Unicla xa disfrutan dun prezo diferenciado máis alto. Seguir negociando coas cadeas de distribución Nesta liña, Clun segue a negociar coa distribución un incremento de tarifas que poidan logo repercutir positivamente nos gandeiros, para que o aumento do prezo de venda do leite no liñal dos supermercados poida compensar o aumento dos custos de produción das granxas.
A suba dos iogures nos supermercados está a ser máis lenta, produciuse tan só nalgunha cadea e está a ser menor
“O reto para CLUN é seguir incrementando o prezo do leite en orixe en datas próximas, a medida que as empresas distribuidoras se vaian sumando á estratexia de apoio ao sector”, avanza Juan Gallástegui, secretario xeral de CLUN, porque, engade,“o noso obxectivo é dar a maior estabilidade posible ao sector". 
O reto para CLUN é seguir incrementando o prezo do leite en orixe en datas próximas. Queremos repercutir o máximo posible a suba que se logre no supermercado aos socios gandeiros
“Con estas subidas o que tratamos de comunicar aos socios é que a medida que poidamos, na medida que nolo permitan as cadeas de distribución e a conta de resultados da cooperativa, imos repercutir aos socios a mellora de prezos que logremos”, aseguran. Prezo base de 29 céntimos máis primas Os prezos que Clun paga aos seus gandeiros provedores de leite móvense na media do indicado polo Observatorio Lácteo de Galicia. “O que nós facemos principalmente é envasar leite líquido; son produtos de menos valor engadido que non nos permiten pagar por enriba do mercado”, recoñecen na cooperativa.
CLUN trata de incentivar cunha serie de primas no prezo do leite que os gandeiros estean certificados e merquen o penso á cooperativa
Ao prezo base actual, establecido en 29 céntimos, engádense unha serie de primas (por estar no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada, por contar con certificado de boas prácticas e benestar animal ou por participar noutros servizos da cooperativa) que poden incrementar o prezo final a cobrar polo gandeiro socio até os 34 céntimos. 500 ganderías nas comarcas de Santiago, Ordes e Arzúa A principal cooperativa agrogandeira de Galicia, froito da unión no ano 2017 de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, recolle o leite de 500 ganderías, localizadas principalmente na área de influencia da planta de envasado de Feiraco en Ponte Maceira. Dentro destas explotacións atópanse ganderías de pequeno tamaño que terían doutro xeito dificultades para entregar o leite a unha gran industria que se guiara unicamente por criterios económicos e de rendibilidade na súa estratexia de acopio de materia prima. “Somos unha cooperativa e priorizamos outras cousas que as multinacionais”, aseguran.
O volume total de recollida móvese nuns 400.000 litros diarios, dos que a metade son envasados como marca propia
O volume total de recollida móvese nuns 400.000 litros diarios, dos que a metade son envasados como marca propia (Feiraco e Unicla) e o resto como marca branca ou a través da segunda marca Xoia. CLUN conta ademais cunha fábrica de queixos (Arquega) en Montesalgueiro e participa xunto a outras cooperativas galegas en Clesa, con fábrica en Caldas de Reis, onde fai postres, sobremesas lácteas e batidos, absorbendo na actualidade unha produción duns 40 millóns de litros ao ano.

“O panorama das materias primas para o ano que vén preséntase moi feo”

Instalacións de CLUN en Ribadeo, onde a cooperativa Os Irmandiños dispón dunha fábrica de pensos En total, nas catro sedes que CLUN ten en Ames, Caldas de Reis, Melide e Ribadeo traballan máis de 400 persoas, pois ademais da recollida e transformación do leite, a cooperativa oferta outros servizos aos seus 3.000 socios, presentes en 80 concellos, tales como subministros e alimentación, parque de maquinaria ou servizos técnicos e de asesoramento. Ademáis de tratar de revalorizar o prezo do leite en orixe, CLUN está tratando de axudar aos socios á hora de facer fronte ao incremento de custos de produción con medidas como a redución ao mínimo das marxes de ganancia nos pensos que fabrica e serve ás ganderías.
Nós somos industria, pero tamén somos gandeiros
“Este ano, vendo como se poñían as cousas, no mes de maio tomamos a decisión de baixar as marxes no penso. Nós non somos unha industria ao uso. Temos que lograr un equilibrio entre as contas da cooperativa e as contas dos socios”, recoñece José Ángel Blanco, gandeiro de Xermade e presidente de CLUN, que se mostra preocupado de cara aos vindeiros meses. “O ano que vén preséntase fatal. Sabemos que as materias primas van subir moito e mesmo hai voces que falan dun posible desabastecemento. Preséntannolo moi feo”, recoñece.

Respaldo institucional a Clesa, unha das referencias de éxito do cooperativismo lácteo galego

A factoría de Clesa en Caldas, mercada no 2012 por unha decena de cooperativas galegas, vén de pechar unha etapa coa recente saída do seu accionariado do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), que respaldara a compra da planta. As cooperativas xa saldaron o crédito pedido no seu día para facerse coa fábrica e Clesa mantén un crecemento continuo que o sitúa como unha das principais referencias de éxito do sector lácteo galego. Desde o 2012, cando as cooperativas se fixeran coa planta de Caldas, que estaba baixo mínimos de actividade e que precisaba unha modernización, Clesa multiplicou por 17 o seu volume de vendas e triplicou o número de empregados. Hoxe en día, é a primeira empresa española de iogures, cun capital 100% das cooperativas galegas. Clun lidera o accionariado de Clesa, con máis do 75% do total, e outras sete cooperativas galegas teñen participación na empresa (Aira, Cobideza, O Rodo, Cooperativa Agraria Provincial, Cusoviame, Central de Frades e Lemos). O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou esta mañá a planta de Clesa en Caldas, como xeito de pechar o primeiro ciclo da factoría baixo a xestión de Acolact, logo de que o IGAPE deixase en decembro o accionariado da sociedade. Percorrido polo interior da planta. Durante a visita, o presidente de Clun, José Ángel Blanco, destacou os logros de Clesa, que no último ano comercializou 34.000 toneladas de produto final. "Con Clesa, acreditamos que a Xunta pode apostar por este sector e que o sector responde", afirmou José Ángel Blanco, indicando tamén que serviu para "derrubar prexuízos" sobre a "xestión cooperativa" e mostrar que "pódese xerar valor no sector lácteo galego sen que o proceso salga en ningún momento de Galicia". Finalmente, tamén engadiu que "con Clesa, probablemente xurdiu Clun, que é o froito da unión de cooperativas galegas que deixaron atrás as súas divisións históricas", sendo hoxe de igual forma un "proxecto consolidado comprometido co desenvolvemento do sector, co rural galego e con Galicia". Feijóo aproveitou a súa visita para destacar dúas das liñas de traballo que considera prioritarias na Consellería do Medio Rural: a Estratexia galega do sector lácteo e a Lei de Recuperación da Terra Agraria. O presidente subliñou a aspiración da Xunta de recuperar 21.000 hectáreas de terra agraria con fondos Next Generation e lembrou os obxectivos que se marca na Estratexia do Lácteo, que pasan, entre outras cuestións, por transformar en Galicia polo menos un 75% do leite producido na comunidade. Prezos do leite e custos de produción Sobre a actual coxuntura de prezos no sector lácteo, marcada por unha suba dos custos de produción, Feijóo apelou a un esforzo por parte de tódolos elos da cadea de valor para lograr “uns prezos xustos do leite”. No que atinxe á suba do prezo da electricidade, o presidente incidiu en que consideraba precisa unha maior regulación e unha baixada de prezo inmediata. Un momento da visita.

Clesa lanza “Bienatur”, a súa nova gama de leites e iogures de benestar animal

A industria láctea galega Clesa empeza 2020 con grandes novidades e lanza a súa nova gama de leites e iogures “Clesa Bienatur” con certificación de Benestar Animal. Esta liña de produtos lácteos están elaborados con Leite Galego 100% procedente das granxas dos socios cooperativistas de CLUN, certificadas co selo AENOR Conform en Benestar Animal, baseado no referencial europeo Walfare Quality. Os novos leites “Clesa Bienatur” xa están á venda inicialmente nas principais superficies comerciais de Carrefour, e contan co tres variedades clásicas (Enteiro, Semidesnado e Desnatado) e as variedades Sen Lactosa (Semidesnatado e Desnatado). En canto á nova gama de iogures “Clesa Bienatur”, preséntanse en tres variedades: natural, con ancos de froita (arandos e pexego-maracuyá); e 0% azucres engadidos e 0% materia graxa (mazá e amorodo). Os iogures contan cun packaging moi atractivo para o consumidor, que poderá degustalos en todos os puntos de venda a partir de marzo.

Sobre CLESA

Clesa, con sede en Caldas de Reis (Pontevedra) forma parte de CLUN a través da Agrupación de Cooperativas Lácteas, S.L. (ACOLAT), tamén participada pola cooperativa AIRA, elaborando iogures e sobremesas lácteas. As súas instalacións contan co certificado IFS e os seus produtos coa certificación PLS (Produtos Lácteos Sustentables), concedida polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que garante que o 100% do leite é de orixe nacional e que foi contratado nunhas condicións que velan pola sustentabilidade económica do sector lácteo. A compañía ten a súa orixe en Lácteas del Atlántico, unha sociedade fundada a finais dos anos 70, filial do Grupo Centrales Lecheras Españolas S.A. (Clesa). O proxecto actual de Clesa dá comezo en 2012, liderado por 10 cooperativas lácteas galegas unidas en ACOLACT, Agrupación de Cooperativas Lácteas, S.L.

Clun e Clesa poñen en valor o papel industrial das cooperativas nunha visita ministerial

A factoria de Clesa (Caldas de Reis, Pontevedra) e a de Clun (Pontemaceira, Ames, A Coruña) foron escenario hoxe dunha visita do ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, que aproveitou a súa estancia en Galicia para coñecer dous exemplos de éxito de procesos cooperativos industriais. Tras manter unha reunión coa directiva de Clun, Planas compareceu ante os medios para destacar o esforzo integrador protagonizado polas cooperativas nos últimos anos. “Avanzamos moito, pero aínda queda un camiño por percorrer nesa materia en España”, sinalou. Previamente ó encontro en Clun, Planas visitou a fábrica de Clesa, propiedade de Acolact, unha sociedade participada por Clun e por outras cooperativas galegas (Aira, Cobideza, O Rodo, Cusoviame, etc.). Sobre Clesa, o ministro incidiu na súa importancia na diversificación dos produtos lácteos, máis alá do leite líquido, unha cuestión que dixo, está a cobrar maior importancia tras o fin das cotas no 2015. Visita do ministro a Clun, onde se reuniu coa xunta rectora, co grupo Mulleres de Seu e co novo director xeral da cooperativa. Planas fixo tamén un repaso polos principais números do sector. Recoñeceu a progresiva redución de explotacións lácteas -dun 6% no 2018-, se ben valorou que é “un proceso lóxico, de cara a gañar dimensión e competitividade”. Outro punto negativo situouno o ministro na progresiva baixada do consumo de leite en España, un dato matizado polas “positivas perspectivas” para o mercado lácteo a nivel mundial, cunha poboación en crecemento que demanda lácteos. O ministro ten previsto rematar esta tarde a súa visita a Galicia coa inauguración en Lugo do Congreso de Economía Agraria, que acolle a Escola Politécnica (Universidade de Santiago). Máis información - O sector lácteo encalla no supemercado.

Clesa lanza os seus novos batidos de bombón e vainilla

A marca Clesa, propiedade de ACOLAT, participada por cooperativas galegas como Clun ou Aira, amplía a súa gama de produtos lanzando ao mercado os seus novos batidos Bombón e Vainilla para beber. Estes son os dous sabores nos que estarán dispoñibles e que farán as delicias dos máis pequenos da casa que poderán gozar non só do seu sabor senón tamén do seu envase que terá como protagonistas aos personaxes de “A Patrulla Canina”. Os novos batidos para beber de Clesa apostan polo carácter saudable, xa que están elaborados cun 90% de leite e conteñen un 50% menos de azucres engadidos, sen edulcorantes. Clesa, con sede en Caldas de Reis (Pontevedra) forma parte das cooperativas lácteas galegas a través da Agrupación de Cooperativas Lácteas SL (ACOLAT), elaborando iogures e sobremesas lácteas.

Clesa lanza un iogur especial para celebrar os seus 75 anos

A marca Clesa, propiedade dun grupo de cooperativas galegas, cumpre 75 anos como referencia de iogures e sobremesas lácteas, e para celebralo lanza unha gama de Iogur Aniversario, elaborado só con leite fresco, recuperando así a receita do ano 1943. A nova gama estará dispoñible en dúas variedades: Natural e con Arandos en formato pack 2x125g. O iogur destaca pola súa alta cremosidade e lixeira acidez. Ademais, con motivo do 75 aniversario da marca, Clesa impulsa un Museo Virtual en redes sociais no que os consumidores poden compartir unha imaxe nostálxica con presenza visible de produtos ou merchandising. Clesa, con sede en Caldas de Reis (Pontevedra) forma parte de CLUN a través da Agrupación de Cooperativas Lácteas SL (ACOLAT). Os seus iogures e sobremesas lácteos contan coa certificación PLS (Produtos Lácteos Sustentables), concedida polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que garante que o 100% do leite é de orixe nacional e que foi contratada nunhas condicións que velan pola sustentabilidade económica do sector lácteo. A compañía ten a súa orixe en Lácteas del Atlántico, unha sociedade fundada a finais dos anos 70, filial do Grupo Centrales Lecheras Españolas S.A. (Clesa). O proxecto actual de Clesa dá comezo en 2012, liderado por 10 cooperativas lácteas galegas unidas en ACOLACT, Agrupación de Cooperativas Lácteas SL.

O Rodo mira cara unha fusión das cooperativas do Deza

Asentada en terras de Camba e fundada nos anos oitenta, O Rodo Sociedade Cooperativa Galega é unha das cooperativas líder na produción de leite no Deza. Acaban de pechar un ano no que deron forma a algúns dos proxectos máis ambiciosos ós que se enfrontou a sociedade nos últimos tempos: a construción dunhas novas instalacións que inclúen unha gasolineira, a piques xa de ser inauguradas. O seu presidente, José Luis Camiñas, aposta por traballar nun proxecto comarcal que reúna ás cooperativas do Deza.

“Para ser unha cooperativa pequena en Galicia tivemos un balance considerable en investimentos nestes últimos tres anos con preto de 2,2 millóns de euros destinados, en parte, ás novas instalacións”, explica José Luis Camiñas, quen acaba de ser reelixido presidente xunto ó resto da directiva, e que afronta outros tres anos liderando o colectivo. A metade destes fondos proceden de axudas oficiais. Boa parte deles foron investidos nestas novas instalacións situadas na entrada da vila de Rodeiro. Nunha parcela duns 10.000 metros cadrados érguese a gasolineira e unha nave destinada ó servizo de maquinaria, que ata o do momento permanecía noutra finca en pleno casco urbano, a carón da tenda e oficinas do colectivo.

O Rodo leva máis de nove anos perseguindo este proxecto que agora ve a luz, coa nave case rematada e a gasolineira pendente só da autorización por parte da Consellería de Industria. “A semana pasada tramitamos no Concello o fin de obra”, concreta o presidente, que agarda tela 100% operativa en breve, aínda que non se atreve a concretar prazos ó estaren suxeitos a tramitacións de permisos. Precisamente, foron as autorizacións para os acceso á gasolineira as que máis demoraron este proxecto e tamén as que o foron, en moitos casos, encarecendo.

Parte da maquinaria da cooperativa na nova nave.

Xunto con estas instalacións, os investimentos destes últimos tres anos estiveron destinados, en boa medida, á reparación e renovación de maquinaria. “No Rodo somos unha cooperativa que apostamos por ofrecer servizos ós socios; entón hai que investir constantemente en maquinaria. Do contrario, en pouco tempo acabas tendo só chatarra e sen poder prestar servizos”, recalca Camiñas. De feito no 2015, dedicaron a este fin uns 650.000 euros. E é que nestes últimos anos apreciaron tamén un incremento do 10% dos servizos que prestan.

O Rodo pecha estes tres anos cun saldo positivo, que quedou evidenciado cun superávit de 170.000 euros no 2017, logo dunha facturación de 3,5 millóns. “Nós centrámonos nos servizos, tanto de maquinaria, veterinario, tenda agraria, calidade do leite, substitucións… Ofrecémoslle cubrir o ciclo completo, dende sementeira, recollida, o ensilado, o abonado… ata a comida na explotación”.

Centrada na produción en extensivo

O Rodo conta con 360 socios, non todos eles activos. Case o 90% destes gandeiros son de terras de Rodeiro e o resto están repartidos entre concellos limítrofes: Dozón, Piñor, Chantada, Taboada, Antas de Ulla e Agolada. Na actualidade, integra 185 explotacións de leite, boa parte delas en produción en extensivo. Porén, o volume de litros de leite producidos xa está case igualado por parte das explotacións en intensivo. O ano pasado alcanzaron unha produción de 45 millóns de litros de leite. O 70% véndenllo a CapsaFood (Larsa), o 25% a Leche Celta e o 5% repártese entre Leche Río e Hermanos López. Nos últimos anos experimentaron un incremento nesta produción arredor do 4%. A cooperativa O Rodo intégrana outras 43 ganderías centradas na produción de carne e o restante son socios non activos.

Coa vista nun proxecto cooperativo comarcal no Deza 

Nunha comarca gandeira coma o Deza, os pasos de Clun ou Aira, que permitiron a agrupación de cooperativas, están a abrir camiño. “Eu penso nun proxecto comarcal”, anuncia Camiñas. Unha proposta que, polo momento, só abordou coa súa xunta directiva e non trasladou ós socios. Analiza que o volume de explotacións e produción de leite da zona non se afasta moito do de Aira. Ademais, recorda que a cooperativa o Rodo xa se enfrontou ó reto da fusión, logo de que no 2005 absorbera a Carboar. “Todos gañaron con aquela fusión”, lembra.

“Pasar de sete ou oito cooperativas no Deza a unha soa é imposible, o camiño é ir pasando por integracións previas”

Para Camiñas as dificultades veñen, en gran medida, da cantidade de cooperativas que persisten en Lalín, que reúne a seis organizacións primarias: “non lle vexo o sentido a que nalgunha parroquia haxa dúas cooperativas”, puntualiza o presidente de O Rodo.

“Pasar de sete ou oito cooperativas no Deza a unha soa é imposible, o camiño é ir pasando por integracións previas. Nós aquí temos a Gandeiros do Deza, que é de Lalín, moi próxima, e esa fusión é de estudiar xa. Temos moitos servizos compartidos e sería un proceso de aforro, onde gañaría o socio. Agora mesmo ós meus socios se lles propoño unha fusión con Clun ou Aira igual me pasa como a Xallas, un rotundo non. Incluso non lle podo propoñer nin unha comarcal directamente”, sentencia Camiñas.

En dez anos poden pechar 50 granxas por falta de relevo xeracional

No Rodo notan a falta de relevo xeracional que afecta a boa parte de Galicia. “O sector leiteiro galego aguanta o que lle boten antes de botarlle o pasador á explotación, porque unha vez que pechas, nunca máis volves, non é como noutras empresas”, recoñece Camiñas.

O presidente de O Rodo detecta que outro dos problemas ós que se enfrontan os gandeiros é que logo de grandes investimentos, estas ganderías rara vez son alugadas, a diferenza do que acontece con naves nos polígonos. Ademais, os propietarios teñen que seguir pagando o IBI por elas, e sen bonificacións.

“Nesta cooperativa aínda tivemos unha reconversión considerable de xente moza que se incorporou ás explotacións, tanto en intensivo como en extensivo”. Porén, xa calcula que nos próximos 10 anos poidan botalo peche outras 40 ou 50 granderías por falta de relevo xeracional.

“A Xuncoga fáltalle o compromiso do socio e medrar en fabricación”

Camiñas é directo á hora de valorar a Xuncoga, a única cooperativa de segundo grao do Deza e na que conta con máis do 26% de participación dende o ano 2000 . “A Xuncoga fáltalle o compromiso do socio de crer nela, de querela como queren ó Rodo, de sentila coma súa. Ademais, a Xuncoga fáltalle medrar en fabricación de penso, porque están producindo un penso de gran calidade a prezos moi competitivos”, defende Camiñas.

Outro dos atrancos para que esta cooperativa non acabe de afianzarse é a presión que fan as integradoras. “Rodeiro non está centrado só en vacún de leite ou carne e sei que moitos socios do Rodo non compran o penso en Xuncoga porque o que lles integra xa quere venderlle o penso. Exercen esa presión.”, recalca Camiñas. “As explotacións que non teñen presións mercan o penso en Xuncoga. Hai que pensar que Xuncoga é un fillo do Rodo”, subliña.

“Clesa é un xermolo en Galicia”

O Rodo participa, precisamente a través da compra de accións a Xuncoga no 2014 (70.000 euros en 700 accións), no proxecto de Clesa, impulsado por outras nove cooperativas baixo o nome de Agrupación de Cooperativas Lácteas (Acolat) e que busca a venta de produtos máis aló do leite fresco. “Nós temos unha participación moi pequena, pero hai que recoñecerlle o compromiso e a capacidade financeira que tiveron nun principio Os Irmandiños, Melisanto e Feiraco. Clesa é un xermolo en Galicia, que xa terminou xuntando a tres cooperativas considerables. Clun vai ser un referente. Clesa está a cumplir compromisos e a situación dela é boa”, conclúe.

Clun empezará este ano a exportar a China os postres de Clesa e o leite Unicla

Cooperativas Lácteas Unidas (Clun) pon as súas expectativas de crecemento na venda de leite e de derivados lácteos sobre todo nos mercados internacionais e na aposta por produtos de valor engadido e de calidade diferenciada co selo Galicia Calidade. A gran cooperativa láctea galega, que naceu en novembro do pasado ano a partir da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, prevé que este ano as exportacións cheguen a representar o 10 % do total das vendas e medren a un ritmo de dous díxitos durante os próximos anos. Así o asegura Pablo Gómez, responsable da división de lácteos de Clun, quen asumiu esta responsabilidade despois do éxito acadado no reflotamento de Clesa, tamén propiedade das cooperativas lácteas galegas.
Clun pon as súas expectativas en China e en produtos lácteos diferenciados
Clun espera introducir este ano no mercado chino as súas marcas Clesa e Únicla, e que as exportacións representen ata o 10% das vendas. A cooperativa prevé facturar preto de 200 millóns de euros, e agrupa actualmente a uns 3.500 socios que producen arredor do 20% do leite de Galicia. A división de lácteos representa a metade da facturación, correspondendo 70 millóns a produtos de longa vida (leite UHT fundamentalmente) e 30 millóns a iogures e produtos refrixerados. A exportación, clave para o futuro de Clun Neste sentido, a estratexia de Clun para a súa división de lácteos é seguir incrementando nos próximos anos as exportacións fóra da Unión Europea. Actualmente Clun conta con tres marcas de referencia: Feiraco, a marca de leite líder en Galicia; Únicla, o seu leite premium, e Clesa, coa súa ampla gama de iogures e postres lácteos. As vendas destas dúas marcas Únicla e Clesa, veñen medrando dous díxitos nos últimos anos, repartíndose a partes iguais entre Galicia e o resto do mercado español. Sen embargo, as principais expectativas de crecemento de Clun están fóra de España. “O consumo de leite en Europa decrece e os datos indican que seguirá baixando, pero se vemos a nivel internacional, a perspectiva é que o consumo medrará entre o 1 e o 2% anual”, explica Pablo Gómez. “Queremos apostar por ese mercado internacional con produtos lácteos diferenciados, chegar a ese mercado crecente é clave para o noso desenvolvemento”, recoñece o responsable da división de lácteos de Clun. Dentro da aposta de Clun polos mercados internacionais, China é un dos países onde concentra maiores esforzos. O salto ao mercado chinés comezou a traballarse no ano 2015 coa apertura dunha oficina en Shanghái a través do Clúster Alimentario de Galicia, logrando hai un ano que as negociacións frutificaran cun importador de Pekín.
Pablo Gómez: "Temos grandes expectativas no mercado chinés"
“China é un país deficitario de leite e que valora moito o produto de orixe europea polas súas garantías de calidade, e por iso temos grandes expectativas nese mercado”, explica Pablo Gómez. De feito, Clun prevé ampliar este ano a gama de produtos que envía a China incorporando a marca Únicla. Para iso están a traballar en envases innovadores que lles permitan alongar a vida dos produtos e poder salvar as distancias entre Galicia e China. “No caso de Únicla trátase dun leite UHT premium, con galardóns polo seu sabor e a súa calidade, así como polo alto nivel de benestar animal das granxas que o producen, sendo as únicas certificadas coa ISO 22000; e todo iso require un esforzo para explicarllo ao consumidor doutros países, que estou seguro que valorará esta calidade diferenciada e nos permitirá seguir incrementando as vendas a un ritmo anual de dous díxitos”, explica Pablo Gómez. Produtos diferenciados e benestar animal Outra liña estratéxica na que está a traballar Clun é na sustentabilidade, no benestar das súas vacas e na redución da súa pegada de carbono, para ser líderes no sector en canto a respecto e coidado do medioambiente e do benestar animal. A innovación permanente fan da calidade a pedra angular das súas marcas comerciais. Por todo isto, os seus produtos están avalados polos máximos recoñecementos de estándares de calidade: Galicia Calidade, Galega 100%, as certificacións ISO 9001, ISO 22.000 para as súas granxas, e a máis recente, o certificado AENOR en Benestar Animal, que deixa patente a súa aposta polo coidado dos animais como parte fundamental da estratexia para mellorar a calidade dos seus lácteos. “Somos a única empresa que ten granxas certificadas con selo de benestar animal e ademais levamos anos investigando no desenvolvemento de envases máis ergonómicos e que reduzan a súa pegada de carbono”, afirma. O valor engadido de ser unha cooperativa Estas dúas liñas estratéxicas -aposta pola exportación e por produtos diferenciados- compleméntase coa posta en valor do carácter cooperativo de Clun. “Para nós é unha fortaleza que sexamos unha cooperativa e que os gandeiros socios podan recoller os froitos e teñan un retorno a esta aposta por darlle maior valor engadido ao leite”, destaca. Pero tamén subliña que dende o punto de vista técnico é unha fortaleza o carácter cooperativo de Clun. Pon como exemplo o leite Únicla, onde “grazas a traballar cos gandeiros podemos dirixir directamente a innovación e a través dunha alimentación diferenciada lograr un produto de alto valor engadido, recoñecido a nivel internacional”. “Unha alimentación -salienta- que simula o leite dos pastos verdes de Galicia, pero para todo o ano”.

A importancia do selo Galicia Calidade

Todos os produtos de Clun están amparados por Galicia Calidade, sendo Feiraco unha das pioneiras en incorporarse a este selo de garantía de calidade nos anos 90. As claves desta relación frutífera de máis de vinte anos detállaas Pablo Gómez: “Galicia Calidade é un selo moi fácil de identificar e que o consumidor valora claramente como produto de valor engadido e de calidade diferenciada. Pero sobre todo é coherente co posicionamento de Clun como cooperativa, porque o que vimos facendo coas nosas marcas é apostar pola calidade de principio a fin: do campo ata a mesa, ata o consumidor final”. Como retos para o futuro, o responsable da división de lácteos de Clun destaca que “ademais de seguir mantendo os estándares de calidade, penso que Galicia Calidade ten que acompañarnos nas accións de promoción cun maior dinamismo no mercado internacional”.
 

Clesa lanza os seus novos iogures crecemento co sabor Guau! da Patrulla Canina

Clesa lanza os seus novos iogures Crecemento co sabor Guau! da Patrulla Canina, unha das series favoritas dos cativos. Os novos iogures de crecemento son ideais para nenos a partir de 3 anos, grazas a que son fonte de calcio e vitamina D, e presentan ademais un contido reducido de azucres engadidos.

Os cachorros máis famosos da tele e o seu amigo Ryder son a imaxe destes novos produtos, de sabores natural, amorodo, galleta e plátano no pack de 4, e a variedade de amorodo e plátano en formato familiar de 8 iogures.

Os novos iogures Crecemento de Clesa, chegan acompañados de divertidas promocións, así como xogos e actividades no pack familiar.

Elaborados con leite galego 100%

Os novos iogures, do mesmo xeito que todos os produtos que elabora Clesa na súa fábrica de Caldas de Reis, en Pontevedra, utilizan leite galego 100% e incorporan o selo de orixe e calidade diferenciada.

A planta de Caldas de Reis foi adquirida no ano 2012 por un grupo de dez cooperativas galegas, a Agrupación de Cooperativas Lácteas, lideradas por Feiraco, Agris, Melisanto e Os Irmandiños, co obxectivo de avanzar na transformación e xeración de valor engadido do leite polos propios gandeiros.