Archives

Cítricos Rías Baixas, un cultivo insólito que se revela exitoso en Galicia

A iniciativa de Cítricos Rías Baixas comezou no 2016, cando Óscar herdou unha terra a monte adicada ao cultivo de eucalipto para madeira: “Queríamos quitar o eucalipto e buscar un novo produto que dera riqueza á zona e que se puidera expandir. Entón, esta parcela, que ten case 3 hectáreas, dividímola en tres fases, e nunha delas, como zona piloto, plantamos 250 árbores de limoeiros. Despois, no 2017, fixemos outra ampliación de 500, e despois, cubrimos toda a extensión das 3 hectáreas, con 600 máis. Aqui, agora mesmo, temos 1450 limoeiros”, destaca Óscar. Despois de cubrir a terra herdada de limoeiros e ante a demanda dun cliente, decidiu facerse con outro terreo dunha hectárea para plantar 500 plantas de lima de Tahití, que representa un 80% das árbores desta finca, e outros cítricos menos comúns en Galicia, como o caviar cítrico, o pomelo, o limón vermello, a lima kaffir, o limequat, o concuat e o limón tigre rosa, dirixidos principalmente ao consumo en hostelería.
A plantación incorporou cítricos menos comúns en Galicia, como o caviar cítrico, que pode chegar ós 100 euros cada Kg.
“Na finca herdada non houbo problemas, pero na finca onde plantamos a lima e as outras variedades de cítricos, si que tivemos bastantes problemas, porque isto é todo minifundio, parcelas moi pequenas. Queremos aumentar o tamaño da finca pero é difícil, porque para chegar a esa hectárea houbo que comprar case a 10 propietarios", explica. Sobre as novas variedades de cítricos, destaca o seu interese: "As variedades menos comúns aquí, como o caviar cítrico, empregado principalmente en alta cociña, pode chegar a un prezo de 100 euros/kilo”, sinala. “Temos tres liñas de comercialización: hostelería, froiterías e un maiorista. Non hai ningún problema para a venda, xa que existe unha forte demanda de produto galego, vendemos todo o que producimos. Os cítricos son un potencial para Galicia. Temos unhas condicións moi boas, o único que hai que modificar un pouco son as terras, pero cun pequeno coñecemento si que se pode facer unha boa produción” asegura Óscar.
"Para aumentar unha hectárea, tivemos que chegar a acordos con 10 propietarios"
En ecolóxico desde o 2018 Di Óscar que ainda que actualmente non se asocie a Galicia cos cítricos, se buscamos na historia, si que houbo cítricos en Galicia desde hai moito tempo. “Para nós, os primeiros anos foron dificiles, pois existe un forte descoñecemento sobre o cultivo do cítrico en Galicia, e non foi doado dar cun técnico agrónomo que soubese, o que fixo que as primeiras plantacións foran con retraso, algo que xa non está acontecendo coas novas plantacións nin cos aumentos que estamos facendo”.
"Os cítricos foron un cultivo histórico en Galicia, pero cando comezamos nós, faltaba coñecemento na materia"
“Ao principio comecei con produción convencional -sinala Óscar-, pero no 2018 pasámonos á produción ecolóxica e no 2021 comezamos a empregar técnicas de agricultura rexenerativa. Toda esta evolución foi grazas á incorporación de Víctor, técnico especialista nestas técnicas. Despois de facer varias analíticas e distintas probas con abonos, fomos chegando ao punto no que estamos agora, cun nivel de acidez e auga na terra óptimos. Estamos nun punto moi bo pero sempre hai posibles melloras” di Óscar. Víctor, o técnico agrónomo formado na Escola Forestal de Lourizán que se incorporou no 2018 ao proxecto, cóntanos un pouco máis sobre a evolución da plantación: “No tema da agricultura ecolóxica pecamos un pouco de inexperiencia, pero fomos probando e a verdade é que nos deu moi bo resultado. Conseguimos pór a terra moi ben, cambiar a estrutura da terra, para que os cítricos se adaptaran mellor a esta zona. Aquí axúdanos moitísimo o microclima que temos nas Rías Baixas, e tamén as orientacións Sur das terras, cun arco solar moi amplio e aproveitando practicamente todas as horas de sol”.
"Dá a impresión de que temos todo desmadrado de herba, pero é unha vía para que a natureza nos favoreza"
Unha das bases do proxecto sitúase na agricultura rexenerativa. “Hai un par de anos que empezamos a aplicar técnicas de agricultura rexenerativa, intentando que a natureza nos favoreza e non ir en contra dela. Como podedes ver, temos todo con herba, que parece desmadrado, pero é o que nós queremos conseguir. Isto axúdanos a ter unha capa fértil no chan moito máis grande, reter moita máis auga e así ter que consumir menos, porque as plantas o que fan é que a terra reteña máis auga, e que os alimentos para as plantas se aproveiten mellor, con máis retencións de CO2, e así as plantas teñen moitos menos problemas de fungos e de insectos”, apunta. Víctor fálanos sobre o seu proceso de adaptación ós cítricos: “Tiña coñecementos de agricultura ecolóxica e de árbores frutais pero non específicamente de cítricos. Cada árbore necesita as súas cousas. Pero simplemente é dar co sistema e co que necesitan. Nós aquí conseguimos ter un ecosistema moi bo para os limoeiros, simplemente tratalos ben, facer as podas e abonados que necesitan, sempre con fertilizantes ecolóxicos”, subliña. “Se algunha vez as árbores teñen algún problema, sempre lles axudamos con produtos que nós mesmos facemos. Por exemplo, para o pulgón (‘Aphididae’), utilizamos a ortiga. Para abonar utilizamos abonos das granxas de aquí de cerca. Sempre utilizamos recursos locais para que a colleita vaia mellor”, conclúe. Dixitalización e mecanización a curto prazo Victor asegura que o maior problema que teñen agora mesmo é a falta de electricidade: “ O feito de que non chegue a corrente fai que teñamos que vir aquí todos os días, para regar, para controlar as plantas, para facer todo… Dentro dun tempo, esperamos que curto, teremos aquí corrente e poderemos dixitalizar os sistemas de rego por internet. Tamén instalaremos cámaras para controlar as plantas. Pasa o mesmo coa auga. Nós aquí regamos por gravidade pero cando poidamos dixitalizar a plantación, xa poderemos distribuir os regos desde a casa”.

Ouro de Limón: un mel diferente

Victor cóntanos que a idea de colocar colmeas na plantación de limóns xurdiu como un método para facilitar a polinización: “Sacamos un pequeno produto, Ouro de Limón, que é o nome comercial que recibe o mel que producimos. Simplemente é o resultado dun aproveitamento das abellas de cara á plantación. É un mel que está moi bo, pero non podemos falar dun mel monofloral porque temos moitas especies ao redor, pero creo que o limón apórtalle singularidade. Temos aquí moitas árbores autóctonas e foráneas como eucaliptos, carballos, castiñeiros, ou flor de azahar, entre outras”.
  • Este contido elaborouse en colaboración co Mercado de la Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

Últimas prazas para o curso de citricultura ecolóxica na comarca pontevedresa do Condado-Paradanta

O GDR Terra e Auga desenvolverá dende o 6 de abril ao 22 de xuño o curso teórico-práctico de Citricultura Ecolóxica para o que xa só quedan as últimas prazas. Co obxectivo de converter as terras baldías en produtivas con cultivos axeitados ás condicións medioambientais e respectando sempre o equilibrio e harmonía co medio natural o GDR organiza este curso para repartido en cinco xornadas teóricas e prácticas. A parte teórica desenvolverase en algún dos dez concellos do Condado, Paradanta e Salceda de Caselas tendo en conta a demanda mentres que a parte práctica realizarase na parcela piloto do GDR en Rubiós, As Neves. Esta acción enmárcase na estratexia de desenvolvemento sostible “Reverdecendo” que o GDR Terra e Agua desenvolverá nos vindeiros anos. A primeira xornada será o día 6 de abril arredor do cultivo de cítricos e do seu manexo dende a preparación do solo á plantación. A segunda xornada será o 20 de abril abranguerá cuestións como a poda, o raiado e a enerxía na citricultura ecolóxica. O 11 de maio terá lugar a terceira xornada que centrará a súa atención no solo, na súa fertilidade e abonado. Para os días 8 e 22 de xuño prográmanse as dúas últimas sesións nas que se darán pautas de actuacón fronte a enfermidades e pragas e se obterán coñecementos sobre ventaxas da cuberta verde e manexo da biodiversidade. As persoas que desexen máis información deberán contactar no número de teléfono 986 663 329 ata o 1 de abril. O GDR promove o coñecemento da terra para un mellor aproveitamento e ferramenta para a dinamización económica do territorio. Esta formación é financiada por Fondos Europeos a través do programa LEADER 14-20, gracias a convenio de colaboración entre o GDR e a AGADER, da Conselleria de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Areeiro traballa na prevención da entrada en Europa da HLB, unha grave enfermidade que afecta ós cítricos

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica Areeiro, está a participar no proxecto “Preventing HLB epidemics for ensuring citrus survival in Europe”, unha iniciativa do programa Horizon 2020 da Unión Europea concedido a un consorcio integrado por entidades de Europa, Brasil, Israel e China. O obxectivo é traballar conxuntamente para previr a grave enfermidade que transmite a 'Trioza erytreae' ou psila africana nos cítricos, coñecida como HLB. Este insecto foi detectado por primeira vez na Europa continental no ano 2014 por Areeiro, que na actualidade e no marco deste proxecto internacional, está a realizar ensaios para coñecer o seu comportamento e supervivencia, para analizar a eficacia de diferentes fungos para facerlle fronte. Areeiro, a través dun convenio de colaboración establecido entre a Deputación o CSIC e Koppert España, é a única entidade galega que forma parte do proxecto internacional que pretende previr a introdución e/ou a dispersión da HLB. Deste xeito, e no marco desta iniciativa, Areeiro desenvolveu xa un método de cría masiva en laboratorio da psila africana para producir suficientes insectos para realizar os ensaios e para coñecer o seu comportamento en canto ao seu desenvolvemento, supervivencia, lonxevidade, parámetros reprodutivos e condicións que limitan a súa expansión. Ademais, determinou o rango de hóspedes de trioza mediante ensaios de libre elección levados a cabo en insectarios cunha selección de diferentes especies de cítricos, co obxectivo de analizar as plantas máis resistentes, e estudou a eficacia en laboratorio de diferentes fungos para facer fronte ao insecto. Xunto ao centro da institución provincial, participan outras entidades españolas como o CSIC, o Instituto Valenciano de Investigaciones Agrarias, a Universidade Politécnica de Valencia e a Generalitat Valenciana, ademais de centros de investigación de Portugal, Francia, Italia, Reino Unido e Holanda entre os que se atopan o Instituto Politécnico de Bragança, a Universidade do Algarve, o Centre de Coopération Internationale en Recherche Agronomique pour le Développement, a Università degli Studi di Catania, o Consiglio Nazionale delle Ricerche, o Consiglio per la Ricerca in Agricoltura, o centro de l'Analisi dell’economia agraria, a University of Cambridge, a Durham University e a University of Amsterdam. Ademais, tamén forman parte do consorcio entidades de Brasil como a Empresa Brasileira de Pesquisa Agropecuária ou o Fundo de Defesa da Citricultura; de Israel como o Agricultural Research Organisation-Volcani Centre; e de China como a Hunan Agricultural University, así como empresas privadas como Koppert España e AMP Biotech.

Establecidas indemnizacións pola couza da pataca e outras tres pragas vexetais

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de indemnizacións para os afectados por catro pragas de corentena: a couza guatemalteca da pataca, o ‘Fusarium’, que afecta a piñeirais; a ‘Tryoza Eritreae’, que é un insecto vector da enfermidade dos cítricos coñecida como HLB; e a ‘Thekopsora minima’, un fungo que afecta a plantacións de morangos e arandos. Medio Rural destina un total de 100.000 euros ás indennizacións e marca un prazo de solicitude que remata o 1 de outubro do 2018. Couza guatemalteca En pataca, as compensacións establecidas para as explotacións afectadas polas medidas de control da couza guatemalteca son as seguintes: - Pataca de semente. Pola non utilización de pataca de semente certificada establécese un pago máximo de 0,70 euros por quilo. - Pataca de consumo producida na explotación: 0,30 euros por quilo. - Plantacións establecidas en zonas infestadas: 0,40 euros por metro cadrado de superficie plantada. Para almacéns comercializadores, as indemnizacións son as seguintes: - Pataca de semente: o baremo a ter en conta é a factura de venda do proveedor da pataca. - Pataca de consumo, como consecuencia da detección de lotes contaminados. Establécese como baremo o prezo de adquisición por parte dos almacenistas, que o acreditarán mediante a factura de compra. ‘Fusarium circinatum’ A detección dun foco do fungo ‘Fusarium circinatum’ pode dar lugar á destrucción de planta de piñeiro destinada a reforestacións. Esa eliminación de plantas en viveiro farase cunha compensación económica, que se establece en función do custo medio de produción da planta -calculado en 0,16 euros- e do número de plantas destruídas. Medio Rural estableceu unhas indennizacións que oscilan entre 0,108 e 0,144 euros por planta, ao que se lle engade o pago dun 10% dos custos de destrucción da planta. ‘Tryoza erytreae’ En caso de viveiros ubicados en zona demarcada pola presenza do psílido africano dos cítricos, ‘Tryoza erytreae’, establécense compensacións para a eliminación das plantas de cítricos, xa que a ‘Tryoza erytreae’ é potencial transmisora da enfermidade coñecida como HLB ou Huanglonbing, para a que non hai cura coñecida. As indemnizacións son moi variables, en función da especie e tamaño da planta, establecéndose pagos entre 2 e 50 euros por planta. ‘Thekopsora minima’ A detección dun foco do fungo ‘Thekopsora minima’ dará lugar á destrucción de planta destinada á venda das especies sensibles (morango, arando, etc.), establecéndose unha compensación por esa eliminación en función dos baremos xa fixados con anterioridade. Por plantón de arando en testo pagaranse 3,5 euros.

Aviso fitosanitario en cítricos e horta

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar o primeiro aviso fitopatolóxico do ano, no que lembra a eficacia das podas tardías (ata a primavera) nas especies leñosas. A técnico Rosa Pérez destaca que xa estarán feitas en moitas especies leñosas (viña, froiteiras e ornamentais), pero sinala que é posible realizalas ata mesmo a entrada da primavera. Areeiro destaca que unha poda tardía, cando o zume empeza a moverse no interior da planta, favorece a cicatrización natural das feridas e fai menos probable que as xeadas poidan afectar aos gromos cando nazan. Por outra banda, subliña que hai máis posibilidades de aplicar inmediatamente despois da operación, e sen que haxa risco de toxicidade, os funxicidas cúpricos recomendables para previr o desenvolvemento de certos fungos causantes das alteracións da madeira, pois moitos deles penetran maioritariamente a través dos cortes. En cambio, na actual situación de temperaturas frías, os técnicos inciden en que non se deben aplicar funxicidas con cobre. Outro dos consellos de Areeiro é retirar da finca a madeira de poda e nunca deixar ou triturar e incorporar ao terreo restos que se saiba proveñan de plantas enfermas. Ademais, insiste en que as plantas mortas non só deben cortarse, senón que hai que retirar igualmente o conxunto de toco máis raíces para reducir o risco de ataque de fungos das raíces como ‘Armillaria’ e outros. Cítricos En concreto, con respecto aos cítricos, a Estación Fitopatolóxica sinala que tralas chuvias -sobre todo se houbo retencións de auga na contorna das raíces- poden aparecer síntomas como caída de follas, asociados a ‘Phytophthora cinnamomi’ ou outras especies do xénero, que son bastante frecuentes nos cítricos. Ante a aparición dos primeiros indicios é recomendable tratar con funxicidas a base de fosetil ou óxido cuproso. No caso de intervir, débese respectar estritamente o prazo de seguridade do produto empregado. Tamén é frecuente nestes momentos ver froitos coa podremia típica de ‘Phytophthora hibernalis’. Ao marxe da aplicación de funxicidas, é moi recomendable retirar da árbore, e tamén do solo, a froita moi afectada, pois se non se fai o risco de infección é elevado e poden instalarse tamén outros patóxenos oportunistas. En calquera caso, e a pesar de estar autorizados, hai que lembrar que os funxicidas de cobre non se poden empregar con temperaturas frías como as destes días. Por outra banda, as temperaturas anormalmente altas de finais de xaneiro nas horas centrais do día favoreceron a aparición de gromos nalgunhas árbores e sobre estes xa se poden ver adultos e colonias de ninfas da ‘psila africana’. O frío está a frear o avance da praga, mais é conveniente retirar os gromos afectados que sexa posible. Plantas de horta, buxo e piñeiro Dende Areeiro apuntan tamén que nestes momentos é frecuente ver danos por caracois ou babosas nas plantas de horta. Lémbrase que hai substancias rexistradas para o seu control que poden axudar a reducir os danos, ademais de medidas culturais que limitan os ataques (o control das malas herbas ou a eliminación dos restos de cultivos anteriores). En canto ao buxo, no laboratorio da Estación Fitopatolóxica xa se detectou un inicio da actividade de eirugas invernantes da ‘Cydalima perspectalis’ nunha serie de gromos. Por este motivo, e aínda que segundo as previsións meteorolóxicas van continuar os fríos no exterior, aconséllase vixiar os gromos das plantas por se aparecen os primeiros danos. Finalmente, no relativo á procesionaria do piñeiro, aínda que as primeiras procesións de enterramento xa fai tempo que se teñen detectado -aínda na semana pasada cando as temperaturas non eran tan baixas-, é posible observalas nalgunhas zonas, polo que unha vez máis insístese en que non se deben manipular baixo ningún concepto.

Areeiro calcula que a maduración da uva leva un mes de adianto

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de confirmar no seu último aviso fitosanitario que a actual campaña está a ser das máis adiantadas dos últimos anos nas viñas da provincia. Segundo sinalan os técnicos, nesta semana todas as parcelas de seguemento están no pleno pintado das uvas e mesmo con grans brillantes ou empezando a abrandar. O adianto da maduración, apuntan, é case tan evidente como na campaña do 2011, cando o actual estado fenolóxico se acadara o 2 de agosto e, fronte ao ano pasado, estase a producir case un mes antes, xa que daquela se certificara o día 24 de agosto. Finalmente, e como apunte, os técnicos indican que estas circunstancias son máis claras na zona do Condado, xa que posúe unhas condicións extraordinarias para o desenvolvemento da viña. En canto ás pragas, co pintado xa xeneralizado, o fungo do Mildeu non lle afecta aos acios, co que xa non hai risco de perdas directas sobre eles e non será necesario, en xeral, aplicar tratamentos fronte a esta enfermidade. Por outra parte, como xa se dixo na semana anterior, a partir de agora o problema ao que máis atención hai que prestar é a botrite (ou podredume), porque co incremento dos azucres na uva hai máis probabilidade de que se instale o patóxeno. De momento, os acios están bastante sas, aínda que hai que prestarlle atención aos posibles danos debidos ás couzas do acio, a fisuras, ou aos danos por paxaros, onde adoita instalarse esta enfermidade, polo o que é preciso incrementar a vixilancia, sobre todo se se mantén unha humidade elevada. No relativo a outros danos, continúan a aparecer plantas afectadas por patoloxías de madeira neste ano no que a seca favoreceu a expresión dos seus síntomas. Tamén seguen localizados os síntomas debidos a trips nunha parcela do Salnés onde se fai seguemento específico, e comezan a aparecer novos síntomas de ‘Janetiella oenephila’ que carecen de importancia. Tamén este ano se están a recibir numerosas consultas sobre as bugallas características da filoxera. Cítricos e buxo Fóra do ámbito da viña, dende a EFA apuntan a que é frecuente ver nestes días abundantes adultos de moscas brancas, así como adultos, ovos e ninfas novas da psila africana (Trioza erytreae) e tamén pulgóns nos cítricos. Por este motivo, sinalan que nos casos nos que as poboacións sexan abundantes é preciso realizar un tratamento para evitar a instalación de fungos de negrilla sobre as sustancias azucradas que segregan estes insectos. Finalmente, os técnicos destacan que esta semana volveron ter numerosas consultas -de diversas comarcas da provincia e incluso dende Cantabria e Cataluña- sobre a aparición de defoliacións intensas en moitas plantas de buxo debido á ‘Cydalima perspectalis’. Nestes momentos as eirugas de últimos estados dominan claramente, son moi voraces, e ademais normalmente están envoltas nos casullos, polo que o consello é que os tratamentos deben ser aínda máis precisos, mollando moi ben as plantas en todas as súas caras e repetindo a intervención se é preciso. Os insecticidas a utilizar poden ser de orixe natural (aceite de parafina ou azadiractin) ou sintética (piretroides).

Axudas para viveiros e agricultores pola afectación de pragas de corentena

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os viveiros e explotacións agrícolas que teñan que destruír plantas ou colleitas debido á afectación de pragas de corentena.

Os posibles beneficiarios destas achegas teñen de prazo ata o vindeiro 1 de outubro para presentar as súas solicitudes en calquera dos rexistros da Xunta de Galicia. O orzamento destinado a esta finalidade é de 100.000 euros, cofinanciado ao 50% entre o Goberno galego e o Ministerio de Agricultura.

Poden solicitar estes fondos todos os produtores de vexetais con producións afectadas polas medidas fitosanitarias en virtude de 4 pragas en concreto: fusarium, que afecta á produción de planta de piñeiro en viveiros; o chancro bacteriano do Kiwi, que afecta á produción desta planta en viveiros; o psílido africano dos cítricos, que afecta á produción e comercialización de planta de cítricos en viveiros; e a couza guatemalteca da pataca.

Estas subvencións van destinadas a financiar procesos de destrución, desinfección, esterilización ou calquera outro tratamento aplicado oficialmente a vexetais contaminados, substratos de cultivo e terreos recoñecidos como contaminados. Non se paga o lucro cesante.

Tratamento e prevención da Trioza dos cítricos

A Trioza erytreae (psílido africano dos cítricos) é un psílido de orixe africano. Introduciuse en Tenerife en 1999 e tamén en Madeira. No continente europeo detectouse por primeira vez en Pontevedra en 2014, sendo atopado simultaneamente en Portugal. Descoñecese a vía de entrada, se ben puidera ser a través do tráfico portuario, pois os nosos focos empezaron no entorno de Vilagarcía, e os de Portugal no de Oporto. Os adultos son insectos de apenas de 2 mm, de cor verdosa primeiro e escurecendo co tempo, sendo fácil confundilos con formas aladas de pulgón. As formas ninfais vense nas follas vizosas, son fáciles de identificar debido ó flequillo ceroso e á vistosa cor laranxa que destaca sobre a vexetación. As femias poñen os ovos (ata 600) nos brotes en crecemento, fixándose no envés e producindo coas picaduras unha concavidade nas follas que aumentan de tamaño co crecemento da folla. Os gromos afectados quedan con unhas verrugas características e en casos de ataque forte poden producirse defoliacións. Pode colonizar a maioría dos cítricos, pero tamén outras especies da familia das Rutáceas como a Ruda, Murraya, etc. En Pontevedra tamén a atopamos sobre Choysia ternata.O psílido non causa dano directo significativo na produción, podendo prexudicar máis ás árbores en crecemento. Pero o principal problema deste insecto é que pode transmitir unha das máis graves enfermidades dos cítricos causada por unha bacteria denominada Candidatus liberibacter, coñecida como HuangLongBing (HLB), que causa unha elevada taxa de mortaldade nos cítricos das zonas afectadas. Esta bacteria coloniza o sistema vascular da árbore, provocando amarilleos irregulares nas follas, que dexenera en cloroses e seca de ramos, que remata coa seca total da planta. Hai varias razas de Candidatus liberibacter, sendo a africanus a transmitida por Trioza erytreae nas zonas de África onde hai ambolosdous organismos nocivos; en Asia hai a raza asiaticus e en América a raza americanus pero o vector en ambos casos é outro psílido chamado Diaphorina citri que aquí non temos. De momento non se detectou HLB en ningún punto de Europa, pero a presenza do vector causa grande preocupación no sector citrícola español, debido ó tremendo impacto que a entrada da bacteria podería causarlle, visto o que está a suceder nos países onde está presente.

Normativa:

A Trioza é un organismo de corentena contemplado no Anexo II da Directiva 2000/29/UE, e á súa vez, o HLB figura no Anexo I. A aparición do foco en Galicia fixo necesario publicar a Resolución de 10/2/2015 da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, na que se declara a praga, seguida da Resolución de 1/7/2015 de medidas de control e erradicación e establecemento de Zonas Demarcadas, modificada máis recentemente pola Resolución de 11/2/2016 que amplía as Zonas Demarcadas. Como se ve no mapa, o organismo nocivo está estendido por toda a franxa litoral de Pontevedra, e vai subindo pola de A Coruña. A súa dispersión é moi rápida debido a que hai moita poboación de cítricos nestas zonas, ocupando novas zonas xa sea voando por sí sólo ou arrastrado polo vento.

Medidas obrigatorias de control e erradicación

A normativa indicada establece unha serie de medidas obrigatorias nas Zonas Demarcadas onde a praga está establecida: -Obriga de comunicación á Consellería do Medio rural da afección. ´-Realización dos tratamentos fitosanitarios autorizados según as indicacións dos servizos oficiais, en canto se detecte a praga. Debido á normativa de utilización de fitosanitarios, na maioría de casos hai que usar formulados autorizados para usuarios non profesionais e para o ámbito da xardinería exterior doméstica, o que limita moito os produtos dispoñibles. -As materias activas recomendadas son o Tiametoxán, o Imidacloprid, ou Clorpirifos, que están autorizadas para eses usos. -Unha vez realizado o tratamento, nos días seguintes cortaranse os brotes e chupóns máis vizosos que son os ocupados polos psílidos, que serán queimados ou enterrados. -Está prohibida a comercialización e movemento de cítricos e outras especies hospedantes (ruda, choysia, clausena, murraya, etc) tanto cara fóra da Zona Demarcada como dentro da mesma. -Tamén está prohibida a comercialización de froitos cítricos con follas e pedúnculos. Se ben a obriga de efectuar as medidas de erradicación é dos propietarios, en 2015 a Consellería do Medio Rural realizou tratamentos en algunhas zonas con elevada presenza da praga, nun intento de cortar a rápida dispersión da mesma; este ano volverán a realizarse tratamentos se ben será sólo en algunhas zonas limítrofes das Zonas Demarcadas e co mesmo obxectivo.

Outros organismos de corentena en Galicia

Hai máis organismos de corentena detectados en Galicia sobre os que se están a aplicar medidas oficiais de control, por exemplo o Fusarium circinatum en piñeiros, o cancro bacteriano do kiwi (Pseudomonas syringae pv. actinidiae), a Phytohthora ramorum en certas plantas de viveiro e xardín (como camelia, rododendro, e outras), o picudo vermello das palmeiras (Rhynchophorus ferrugineus), ou os nematodos Globodera rostrochiensis e G. pallida na pataca. Asímesmo están a desenvolverse Plans de Prospección doutros ONC non atopados en Galicia pero que presentan un risco alto de aparición, como o lume bacteriano das froiteiras (Erwinia amylovora), as pudricións bacterianas da pataca (Clavibacter michiganensis sp. sepedonicus e Ralstonia solanacearum), ou máis recentemente a Xylella fastidiosa (que afecta a máis de 200 especies vexetais e que pode ser moi dañina en grandes cultivos como o viñedo, o olivar ou as froiteiras). En xeral, a loita contra este tipo de organismos corentenarios ten por obxectivo a súa erradicación, pero isto resulta moi difícil, e na práctica hai que conformarse coa súa contención, e con todo non sempre se consegue. A Lei 43/2002 de sanidade vexetal establece a obriga dos propietarios de adoptar e asumir os gastos das medidas de control ditadas pola autoridade fitosanitaria. En certos casos poden aprobarse axudas compensatorias para os afectados, pero por desgraza non é moi habitual.

Consellos ante a nova praga dos cítricos

A Consellería do Medio Rural e do Mar ven de declarar a existencia da praga denominada Trioza erytreae del Guercio, ou psílido africano dos cítricos, na Comunidade Autónoma de Galicia. Este insecto, orixinario de África e amplamente distribuído nese continente foi detectado en Europa inicialmente nos territorios insulares dos Azores, Madeira e Canarias. En prospeccións oficiais realizadas durante o ano 2014 detectouse a presenza deste organismo nocivo en varios concellos das comarcas da Barbanza e do Salnés, co que Galicia se converteu no punto de entrada desta enfermidade na Península Ibérica. A temida praga que transmite o insecto aínda non se detectou en Galicia A Trioza erytreae Del Guercio é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization), e a enfermidade que transmite, chamada Huanglongbing (HLB), causada pola bacteria Candidatus Liberibacter africanus, está encadrada na lista A1 (EPPO, 2014), polo que ambos son parasitos de corentena e polo tanto sometidos a regulación. En consecuencia, é necesario tomar medidas para a súa erradicación e control. O maior perigo é que a enfermidade que transmite o psílido africano, a HLB, acabe por manifestarse tamén en Galicia. En países como Sudáfrica ou Brasil o HLB está a causar perdas millonarias no sector produtor de cítricos, coa corta de miles de árbores. A boa nova é que por agora en Galicia non se atopou este patóxeno aínda que os expertos advirten de que “nada impide que poda aparecer en calquera momento, aínda que tamén é posible que non chegue nunca. Os síntomas de ataque do insecto  Trioza erytreae Del Guercio nas follas dos cítricos son moi característicos xa que provoca distorsións e atrofias, formación de galadas e de verrugas que causan a perda da cor verde e a aparición de cloroses amarelas. Tamén ataca os froitos, aínda que de momento non se observaron danos en Galicia. Medidas fitosanitarias de obrigado cumprimento Ante esta situación, a Xunta de Galicia establece as seguintes medidas fitosanitarias de obrigado cumprimento: a) Os propietarios que detecten a presenza da praga ou dos seus síntomas en árbores da súa propiedade teñen a obriga de comunicalo aos servizos de sanidade vexetal da súa provincia. b) No momento en que se detecte a presenza na súa explotación ou horto privado do organismo nocivo Trioza erytreae Del Guercio (psílido africano dos cítricos), os afectados deberán realizar os tratamentos fitosanitarios determinados polos servizos técnicos oficiais. Como mínimo realizaranse dous tratamentos consecutivos cun intervalo de dúas a tres semanas alternando, se é posible, as materias activas autorizadas. c) Na aplicación dos tratamentos terase en conta a etapa do cultivo, adecuaranse a ela os produtos elixidos para a loita contra o organismo nocivo e respectaranse en todo momento os condicionamentos e restricións establecidos pola lexislación vixente. d) Todos os comerciantes de vexetais da familia das Rutáceas (Citrus spp., etc.), tanto ornamental como froiteira, deben asegurarse de que esa planta circula co correspondente pasaporte fitosanitario e, en caso de detectar a praga ou os seus síntomas, deberán notificalo aos servizos oficiais de sanidade vexetal da súa provincia. e) Os afectados polo organismo nocivo Trioza erytreae Del Guercio deberán prestar toda a colaboración que sexa necesaria para levar a cabo as actuacións que determine a Consellería do Medio Rural e do Mar para a erradicación e control da praga. Velaquí un vídeo explicativo de como están a tratar a praga nas Canarias, onde se detectou esta enfermidade xa hai anos: