Archives

Xa hai data para a nova edición da feira Abanca Cimag-GandAgro: Do 20 ao 22 de febreiro de 2025

A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, celebrarase na Feira Internacional de Galicia ABANCA do 20 ao 22 de febreiro de 2025. Así o decidiu o seu Comité Organizador nunha reunión mantida esta mañá no recinto feiral. No encontro tamén se analizaron os resultados da pasada convocatoria e abordáronse outros aspectos relativos á organización do certame en 2025, de cara a comezar proximamente a súa comercialización. A reunión estivo presidida por Joaquín Macho, secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, e contou con representación de entidades, empresas e cooperativas con gran peso no sector, como son a Federación Frisoa Galega (FEFRIGA) e Africor Pontevedra, Asociación de Defensa Sanitaria de Porcino de Silleda, Federación Galega de Porcino (FEGAPOR), Aira, Ausama, Cogal Sociedade Cooperativa Galega, Gea Farm Technologies Ibérica, Elmega, Grupo Coren, Delagro e Nudesa, ademais da entidade financeira ABANCA.

Punto de encontro do sector

Os participantes na reunión coincidiron en destacar o valor de Abanca Cimag-GandAgro como punto de encontro do sector, considerando a última edición positivamente. Esta, que tivo lugar do 2 ao 4 de marzo de 2023, reuniu a 424 firmas expositoras de 26 países, das cales 168 eran expositores directos procedentes de España, Alemaña, Austria, Bélxica, Francia, Italia e Portugal. O certame ocupou os dous pavillóns principais do recinto, parte do paseo central e unha gran carpa anexa ao pavillón 2, supoñendo unha superficie bruta de máis de 25.500 metros cadrados e neta de 11.827 metros cadrados. En canto aos visitantes que acudiron a coñecer as propostas da súa exposición e a participar nas máis de 40 actividades programadas, ascenderon a preto de 19.000 durante os tres días. Estas cifras supoñen que Abanca Cimag-GandAgro se manteña como o segundo evento en número de expositores e visitantes do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

A feira Abanca Cimag-GandAgro 2023 recibiu a cerca de 19.000 visitantes

A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, pechou este sábado as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA tras recibir desde o pasado xoves a 18.986 visitantes. Estes procedían tanto de toda Galicia como doutras comunidades autónomas, especialmente de Asturias, Cantabria e Castela-León, pero tamén doutros puntos como País Vasco ou as Illas Canarias. Ademais, rexistráronse visitantes estranxeiros, esencialmente de Portugal, pero tamén de Francia ou Italia. Unha importante cifra de visitantes que se incrementa lixeiramente respecto á última edición e que responde o atractivo deste certame para os profesionais do sector, os cales atopan en Abanca Cimag-GandAgro unha feira tecnolóxica aplicada ao campo con presenza das últimas innovacións e que dá resposta ás súas necesidades. Esta edición contou con 424 firmas expositoras procedentes de 26 países, das cales 168 eran expositores directos de España, Alemaña, Austria, Bélxica, Francia, Italia e Portugal, e as restantes 256 eran marcas representadas. Este elas, propostas de sanidade e hixiene animal, nutrición, fertilizantes e sementes, xenética e animal vivo, equipamentos para agricultura e gandería, sistemas de muxido, tractores e motocultores, maquinaria para explotacións gandeiras, de recolección e post-recolección, de preparación de chan e tamén de semente e abonado, ademais de compoñentes e accesorios. Estes datos supoñen que Abanca Cimag-GandAgro continúe sendo a segunda feira en número de expositores e visitantes de cantas celebra a Feira Internacional de Galicia ABANCA, tras a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. Un aspecto que fai pensar na necesidade de máis superficie cuberta para futuras edicións. Non en balde o certame ocupou os dous pavillóns principais do recinto, parte do paseo central e unha gran carpa anexa ao pavillón 2 que albergou as ganderías de vacún frisón e que se instalou expresamente para esta feira.

Máis de 40 propostas no seu programa

Respecto ás actividades do certame, contou con máis de 40 propostas de gran interese para agricultores, gandeiros e profesionais de diversos ámbitos do sector, as cales supuxeron un salto cualitativo desta cita como foro de análise e intercambio de coñecementos. As conferencias tiveron un papel destacado pola súa diversidade, actualidade e interese. Así, acolleu o XXV Monográfico de Gando Porcino e as Xornadas de Cunicultura, ademais de conferencias sobre nutrición animal e manexo para a redución de medicación en gandería, valorización de xurro, xeración de enerxía térmica e eléctrica a partir de residuos avícolas, redución de consumo enerxético dunha explotación, transformación de sistemas clásicos de explotacións a un agroecosistema sostible e san, particularidades sobre razas gandeiras, novidades da Política Agraria Común (PAC), formación e información para a incorporación de persoas mozas ao rural por parte da Consellería do Medio Rural ou agricultura 4.0. Os concursos tamén contaron con gran importancia na feira, celebrándose os morfolóxicos XXXVI Open Internacional e XXXI Autonómico da Raza Frisoa, coa participación de 165 exemplares de Galicia, Cantabria, Asturias, Cataluña, País Vasco e Castela e León. A vaca Serrada Chantel Chief, propiedade de La Serrada & QuimS. & Agriber & Quality & Jose A.Hernandez, de Ávila (Castela e León) foi a Vaca Gran Campioa no concurso internacional, mentres que Rey 814 Beemer Yuri, de SAT Rey de Miñotelo, de A Pastoriza (Lugo) foino no autonómico. O Mellor Criador tanto Internacional como Autonómico foi SAT Rey de Miñotelo. Ademais, Rey 1085 Moovin Soly ET, da SAT Rey de Miñotelo, foi a xovenca Gran Campioa no autonómico e Venturo Thunder Storm Almira, da gandería Casa Venturo, de Salas (Asturias) no internacional. Onte sumáronse a eles o XIV Concurso Internacional de Preparadores de Gando, sendo campioa Lorena Rodríguez Alvite, da gandería Melchora, de A Pastoriza (Lugo), e tamén o XXXVI Concurso de Xóvenes Manexadores, no cal venceu Llorenç Bosch Pons, de Ciudatella de Menorca (Baleares). Así mesmo, leváronse a cabo dous concursos que premiaron innovacións tecnolóxicas que redunden na mellora do rural e na optimización das súas explotacións e recursos, aos cales se presentaron 30 propostas. Foron o Abanca GandAgro Innova, no que gañou un modelo de mellora de benestar animal en maternidade en explotación porcina, e o Máquinas Destacadas Cimag, no que se distinguiron 12 innovacións Ademais, no ring do recinto realizáronse diversas demostracións de agricultura 4.0, centradas en sincronización de máquinas e autoguiado, e a Consellería do Medio Rural contou cunha Aula de Experiencias de Calidade que albergou diariamente “sesións gastronómicas” con produtos galegos con indicativo de calidade. Por outra banda, a este completo programa uníronse outras actividades realizadas polos expositores nos seus stands.

A Feira Cimag – Gandagro arranca este xoves en Silleda con 168 expositores directos

A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, abrirá as súas portas desde mañá ata o sábado na Feira Internacional de Galicia coa presenza de 424 firmas expositoras de 26 países, das cales 168 son expositores directos e 256 son marcas representadas. Os expositores directos, que proceden de distintos puntos de España, Alemaña, Austria, Bélxica, Francia, Italia e Portugal, ocupan unha superficie neta de 11.827 metros cadrados. Esta repártese entre os dous pavillóns principais do recinto, parte do paseo central e unha gran carpa anexa ao pavillón 2, que albergará as ganderías de vacún frisón, supoñendo unha superficie bruta de máis de 25.500 metros cadrados. A programación da Feira inclúe tamén máis de 40 conferencias, concursos e demostracións de maquinaria. Pódese consultar neste enlace o programa completo. Algunhas das accións principais previstas son as seguintes: XOVES 2 DE MARZO 10 – 14 h. Xornada informativa para a incorporación de persoas mozas ó rural. Organiza a Consellería do Medio Rural. Inclúe charlas sobre a execución do plan empresarial e xustificación das axudas (10.15 h.), sobre o novo caderno de explotación (11 h.) e sobre seguros agrarios, así como a presentación dun caso de éxito na incorporación (13.15 h.). 16 – 17.30 h. Xornada sobre as principais novidades da PAC 2023. Intervirá José Luis Acción, xefe de axudas do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Organiza Abanca. VENRES 3 10 – 13.30 h. Monográfico de gando porcino. Organiza a ADSG de Silleda. Falarase sobre os retos do sector e sobre como afrontar a nova lexislación medioambiental. 11 – 14 h. Concurso de preparadores de Cimag – Gandagro. 11 – 11.30 h. - A importancia da dieta e o manexo para a reducción de medicamentos na gandería. Daranse a coñecer iniciativas para a redución de antibióticos e antiparasitarios en gandería intensiva. Organiza a Fundación Empresa Universidade (Feuga). 12 – 14 h. - Xornada técnica da raza fleckvieh. 12 – 12.30 h. Agricultura de precisión con millo forraxeiro en Galicia. Organiza Feuga. 12.30 – 14 h. - Xornada técnica ‘Prelacto, novo enfoque no manexo da transición’. Organiza De Heus. 16 – 18 h. - Concurso de novos manexadores. SABADO 4 DE MARZO 10 – 14 h. Concursos de gando, nas seccións de xovencas e terneras. 11.30 – 13.30 – Xornada de cunicultura. Organiza Cogal. 11.30 – 13.30 h. - Xornada PAC e razas autóctonas. Organiza Boaga. 15.30 – 19 h. - Concursos de gando. Vacas en lactación e grupos. Pódese consultar neste Pdf o programa completo de actividades.

Un total de 165 exemplares de vacún frisón de seis Comunidades competirán nos concursos morfolóxicos de Cimag-GandAgro

A feira Cimag – Gandagro, que se desenvolverá do 2 ó 4 de marzo oen Silleda, contará o día 4 cos certames morfolóxicos de gando, nos que participarán un total de 165 exemplares de vacún frisón de alta xenética procedentes de seis Comunidades. O XXXI Concurso Autonómico da Raza Frisoa FEFRIGA´23, patrocinado por Xenética Fontao, contará cos exemplares máis destacados de Galicia. Competirán 109 reses, das cales 43 proceden da provincia de Lugo, 41 de A Coruña e 25 de Pontevedra. Pola súa banda, o XXXVI Open Internacional da Raza Frisoa GandAgro´23 converterase unha vez máis en punto de encontro da mellor cabana bovina. Conta coa inscrición, ademais dos 109 exemplares galegos do Concurso Autonómico, doutros 20 de Cantabria, 14 de Asturias, 8 do País Vasco,13 de Cataluña e 1 de Castela-León. Suman así 165 animais rexistrados. Premios Os exemplares participantes competirán polos títulos de Campioa de Galicia e Campioa Internacional (en función do concurso) nas categorías de becerra, xovenca, vaca xoven, vaca intermedia e vaca adulta; e polo de Gran Campioa de Galicia e Gran Campioa Internacional (segundo o concurso) nas de xovenca e vaca. Tamén se recoñecerá ao Mellor Criador Autonómico e Mellor Criador Internacional, tanto absoluto como de xovencas, ademais de Mellor Gandería de Nova Participación. En canto aos galardóns, os de xovenca e vaca Gran Campioa de Galicia, e tamén de Mellor Criador absoluto e de xovencas de Galicia, serán patrocinados por Xenética Fontao. Pola súa banda, o premio á vaca Gran Campioa Internacional estará patrocinado por Abanca, mentres que o de xovenca Gran Campioa Internacional estarao por Ucoga. O de Mellor Criador Internacional contará co patrocinio de Ferplan. Organizados pola Federación Frisona Galega (FEFRIGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, estes concursos celebraranse o día 4 de marzo. Xóvenes manexadores e preparadores Ademais destas prestixiosas competicións, en Abanca Cimag-GandAgro 2023 celebrarase, tamén centrado na raza frisoa e da man de FEFRIGA, o XXXVI Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luís Louzao”, no cal o día 3 de marzo os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais. Mapfre patrocinará esta competición. Por outra banda, o mesmo día, engadirase o XIV Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro´23, patrocinado por Ferplan, no que os participantes medirán a súa destreza preparando aos animais para logo presentalos.

Aprázase a feira Cimag-GandAgro por mor do coronavirus

A cuarta edición da Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, a cal estaba previsto celebrar do 25 ao 27 de febreiro do próximo ano, acaba de aprazarse. Así o decidiu o seu comité organizador nunha reunión desenvolvida por videoconferencia na cal se determinou que estas datas non son as idóneas debido á situación de incerteza que segue existindo respecto ó Covid-19. Unha situación que podería supoñer importantes prexuízos para a feira tanto a nivel expositivo como respecto ao público visitante. O Comité Organizador decidiu que é preciso esperar para fixar novas datas, xa que é esencial tanto coñecer a evolución da pandemia como realizar un traballo previo de coordinación entre recintos feirais para restablecer un calendario adecuado de eventos agropecuarios. A inmensa maioría de certames do sector aprazáronse, cambiando as súas datas e mesmo os seus anos habituais de celebración, polo que é imprescindible levar a cabo este labor. En Zaragoza, por exemplo, a feira de gandería Figan, que tería que celebrarse no mes de febreiro, aprazou a súa data a setembro do 2021. Pola súa banda, en Silleda, o comité organizador incide na importancia de que o certame se celebre nunhas datas nas que non se vexa prexudicado de ningún xeito por posibles aspectos derivados da crise do coronavirus, garantindo así o alto nivel de resultados que caracterizan a este foro agropecuario. Na súa última cita, Abanca Cimag- GandAgro reuniu a 544 firmas expositoras (un 39% máis que na edición anterior), das cales 188 foron expositores directos (un 13% máis) de seis países. A feira ocupou unha superficie bruta de 25.500 metros cadrados e neta de 12.734 metros cadrados (un 25% máis), o seu programa estivo composto por 40 propostas que contaron con gran éxito e o recinto Feira Internacional de Galicia Abanca recibiu a máis de 18.700 visitantes. Representación do sector Neste encontro telemático participaron representantes dunha vintena de entidades, empresas e cooperativas con gran peso no ámbito agrogandeiro. Estiveron acompañados polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, Silvestre José Balseiros Guinarte. O Comité Organizador volverá reunirse no primeiro semestre do ano que vén para tomar decisións de cara a esta cuarta edición.

A feira Cimag-GandAgro celebrarase do 25 ó 27 de febreiro do 2021

A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag GandAgro, celebrarase do 25 ó 27 de febreiro de 2021. A decisión tomouna o Comité Organizador tras unha reunión mantida no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, onde tamén se celebrará o certame. No encontro participaron quince entidades, empresas e cooperativas cun gran peso no sector agrogandeiro como son a Asociación Nacional de Maquinaria Agropecuaria, Forestal y de Espacios Verdes (Ansemat), o Centro Tecnolóxico Agroalimentario (Cetal), a Federación Frisoa Galega (Fefriga), Cogal, Grupo Coren, Delagro, Nudesa, Farming Agrícola, Ausama, Tecnor Lalín Maquinaria, Maquinaria Agrícola del Noroeste, Claas Ibérica, Cardelle Hidráulica-Forcar, Hermanos Villar e Agrotec Entrecanales. Nesta reunión tamén se abordou a promoción do evento, tanto dirixida a potenciais expositores como a visitantes e profesionais. Á par, na cita analizáronse os resultados da edición do 2019 e valoráronse posibles melloras para a nova convocatoria. Para este ano 2020, a gran cita da maquinaria agrícola na Península estará en Zaragoza, onde do 25 ó 29 de febreiro celebrarase FIMA.

A edición de 2019

A pasada edición de Abanca Cimag-GandAgro reuniu do 21 ao 23 de febreiro de 2019 a 544 firmas expositoras (un 39% máis) de 32 países, das cales 188 foron expositores directos (un 13% máis) de seis países. A feira ocupou unha superficie bruta de 25.500 metros cadrados e neta de 12.734 metros cadrados (un 25% máis). O seu programa estivo composto por 40 propostas que contaron con gran participación dos visitantes, os cales superaron os 18.700. Unha cifra que aínda que foi lixeiramente menor supuxo unha corrección positiva do perfil dos asistentes ao acudir un tipo de público cada vez máis profesional. Estas cifras fixeron que a valoración xeral dos organizadores fose de satisfacción pola evolución da cita, tal e como apuntaron durante a reunión.

Rey 747 July High Octane, da gandería lucense Rey de Miñotelo, triunfa en Cimag-Gandagro 2019

A vaca Rey 747 July High Octnae, propiedade da S.A.T. Rey de Miñotelo, de A Pastoriza (Lugo) foi hoxe a gran vencedora ó lograr o premio Vaca Gran Campioa Internacional no XXXV Open Internacional de Gando Frisón celebrado no marco da III Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-Gandagro 2019, que pecha hoxe as súas portas logo de tres días.

Esta vaca, que competía na sección xóvenes ata 30 meses, fíxose tamén co título de Gran Campioa de Galicia no XXVIII Concurso Autonómico. Neste mesmo concurso galego, outra vaca de Lugo, neste caso Cid Debutante Chona, da Gandería Cid, de Barreiros, foi a Reserva Gran Campioa.

Namentres, a Reserva Gran Campioa do certame internacional foi Quintana Julia Windbrook, unha vaca da gandería Cudaña, de Valdaliga, Cantabria.

Mellores criadores

Por outra banda, a distinción de Mellor Criador Internacional, foi tamén para a gandería cántabra, Cudaña, de Valdaliga, e como subcampión resultou a Gandería Manteiga, de Vila de Cruces (Pontevedra). Esta última alzouse tamén como Mellor Criador de Galicia. O recoñecemento como subcampión do concurso autonómico foi outro dos galardóns que logrou a gandería Rey de Miñotelo, de Lugo.

Gandería Manteiga, de Vila de Cruces, seleccionada Mellor Criador Galego.

En canto ó galardón de Mellor Gandería de Nova Participación Internacional recaeu na gandería El Campgran, de Manlleu (Barcelona). Nesta mesma categoría no concurso autonómico o gañador foi Gandería Gestoso, de A Estrada (Pontevedra).

Nesta mesma xornada, escoulleuse tamén a Xovenca Gran Campioa, que no caso do certame autónomico foi a Casa-Nova Electra Lamborgini da gandería Pérez &Carro &Miguel Ríal, de Lalín (Pontevedra). Namentres, Cudaña Amok Solomon ET, da explotación cántabra Cudaña, de Valdaliga foi a gañadora nesta categoría no certame internacional.

Como novidade nesta edición, premiouse por primeira vez ó Mellor Criador de Xovencas, que no caso do certame internacional foi El Campgran, de Manlleu (Barcelona) e no autonómico resultou gañador Gandería Carro de Mesía, A Coruña.

Nesta edición, os certames contaron cun total de 164 animais inscritos procedentes de ganderías de Galicia, Cantabria, Portugal así como de Asturias e Cataluña. O xuíz italiano Giuseppe Beltramino, cunha ampla experiencia neste tipo de eventos, foi o encargado de evaluar e decidir as gañadoras de ambos concursos organizados pola Federación Frisona Galega (Fefriga) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia.

A feira agrogandeira Abanca Cimag-GandAgro será do 21 ao 23 de febreiro de 2019

A III Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag- GandAgro, celebrarase do 21 ao 23 de febreiro de 2019. Así o decidiu o seu Comité Organizador nunha reunión mantida esta mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA, onde terá lugar o certame. No encontro tamén se abordaron outros aspectos, como a comercialización da feira e a súa promoción. Ademais, déronse a coñecer distintas melloras que terá o certame respecto da última convocatoria, tanto referentes á aplicación de determinados descontos sobre as tarifas como ás realizadas nos propios pavillóns, entre elas en iluminación, climatización, cubertas ou a recente creación de salas que permiten integrar as xornadas técnicas no evento. O sector, que volveu mostrar o seu decidido respaldo a Abanca Cimag- GandAgro, estivo representado nesta nutrida reunión por máis dunha vintena de entidades, empresas e cooperativas con gran peso no ámbito agrogandeiro. Así, participaron a Federación Galega de Produtores de Porcino (FEGAPOR), Federación Frisona Galega (FEFRIGA), Asociación de Defensa Sanitaria de Porcino de Silleda, Cogal, Grupo Coren, Delagro, Aira, Nudesa, Farming Agrícola, Ausama, Maxideza, Tecnor Lalín Maquinaria, Maquinaria Agrícola del Noroeste, Delaval Equipos, Rosber, Agrotec Entrecanales, Gea Farm Technologies Iberia, Auto Avión, Agrícola Cacheda, Talleres Moga, Transmedia Comunicación e Prensa e a división Agro e Mar de ABANCA. Edición 2017 A pasada edición de Abanca Cimag- GandAgro, celebrada en 2017 debido ao seu carácter bienal, reuniu do 26 ao 28 de xaneiro 392 firmas expositoras de 24 países, das cales 166 foron expositores directos de oito países. Estes procedían de dous países máis, mentres que a nivel nacional estas empresas foron de 13 Comunidades Autónomas, un 30% máis. Así pois, a feira reflectiu tanto unha expansión a nivel nacional en canto á procedencia dos expositores como un paso cara a adiante na súa internacionalización. A feira ocupou unha superficie bruta que superou os 23.200 metros cadrados e neta de 9.965 metros cadrados. O seu programa contou con 40 propostas de gran interese para os profesionais do sector, como conferencias, presentacións e concursos tanto de innovación como morfolóxicos.

A feira Abanca Cimag-GandAgro analizará a actualidade nos sectores porcino e cunícola

A II Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2017, que se celebrará do 26 ao 28 de xaneiro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, converterase en foro de análise dos temas de maior actualidade nos sectores porcino e cunícola. Así, o día 27 de xaneiro o certame acollerá o XXI Monográfico de Gando Porcino, unha cita consolidada que reúne en cada edición a multitude de profesionais e produtores do sector. Organizado pola Asociación de Defensa Sanitaria (ADS) de Gando Porcino de Silleda, abordará nun primeiro relatorio a “Eliminación de colas no cebadeiro a partir do manexo na maternidade”. Luis Sanjoaquín Romero, socio de Think in Pig Asesoramiento Porcino, será o encargado de impartir este relatorio no cal dará as pautas para mellorar os leitóns mentres están na parideira e así evitar que queden no cebadeiro porcos atrasados (máis pequenos que os demais). A segunda das charlas, a cargo de José Ramón Pujol González, director veterinario da empresa Pujol Torguet, versará sobre “Prevención de problemas entéricos como consecuencia da restrición do uso de antibióticos en penso”. Os asistentes escoitarán as claves para previr posibles diarreas nos porcos ante o cambio lexislativo que restrinxe o emprego de antibióticos nos pensos. Uso de antibióticos en cunicultura Por outra banda, Cogal Sociedad Cooperativa organizará o día 28 unha xornada técnica organizada en dous bloques. No primeiro deles presentará o proxecto de investigación Tecnocún, centrado no desenvolvemento de novas tecnoloxías para minimizar o uso de antibióticos na produción de coellos. O segundo bloque tamén se centrará nos antibióticos, tratando “O futuro da utilización dos antibióticos en cunicultura”, por parte de Julián Gullón Álvarez, veterinario de Cogal; e “As autovacunas en cunicultura, unha alternativa real ao emprego de antimicrobianos”, de man de Santiago Cabaleiro Martínez e Belén Budiño Rodríguez, do Clúster de Acuicultura de Galicia.

Os concursos de gando de Cimag – Gandagro contarán con 172 animais

Un total de 172 exemplares de vacún frisón de alta xenética procedentes de distintos puntos de Galicia, Cantabria e Portugal participarán nos concursos morfolóxicos Autonómico e Internacional desta raza na II Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag - Gandagro. Este certame celebrarase do 26 ao 28 de xaneiro no recinto Feira Internacional de Galicia, en Silleda. O XXVI Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga, ao que concorrerán os exemplares máis destacados en Galicia, contará coa participación de 132 reses. Delas 50 proceden da provincia de Pontevedra, 43 de A Coruña e 39 de Lugo. Pola súa banda, o XXXIV Open Internacional da Raza Frisona GandAgro´17 converterase unha vez máis en punto de encontro da mellor cabana bovina. Reunirá, ademais dos 132 exemplares galegos que participan no Concurso Autonómico, a outros 19 de Cantabria e 21 de Portugal. En total competirán 172 animais. Galardóns Os galardóns que se concederán nesta edición dos concursos serán Campioa de Galicia e Campioa Internacional (en función do concurso) nas categorías de becerra, xovenca, vaca xoven, vaca intermedia e vaca adulta; e tamén Gran Campioa de Galicia e Gran Campioa Internacional (segundo o concurso) nas de xovenca e vaca, incluíndose nestes últimos como novidade a entrega de premios en metálico. Ademais recoñecerase ao Mellor Criador de Galicia e ao Mellor Criador Internacional e, por primeira vez, premiarase en ambos concursos á Mellor Gandería de Nova Participación. Os galardóns estarán patrocinados por firmas do sector, como Xenética Fontao, a empresa de seguros Ucoga ou Abanca Agro.

A feira “Abanca Cimag-Gandagro 2017” terá lugar do 25 ao 28 de xaneiro

A II Feira de Maquinaria, Agricultura e Gandería “Abanca Cimag-GandAgro 2017” celebrarase do 25 ao 28 de xaneiro do vindeiro ano, tal e como decidiu este luns o seu comité organizador nunha reunión celebrada pola mañá en Silleda. Os membros do comité abordaron diversos aspectos da súa comercialización e promoción, ademais de organizativos, como a fixación de data e ampliación de un día de feira, o mércores 25, para así os expositores poderen levar a cabo unha mellor atención aos profesionais e ao mesmo tempo dispor de máis xornadas para a programación e evitar o solapamento das diferentes e variadas xornadas técnicas. Redución das tarifas de espazo en máis dun 33% Ao mesmo tempo, dende a dirección do certame destacouse a importante redución nas tarifas de espazo, cunha media superior ó 33 % con respecto a cando as feiras se celebraban por separado, o que supón un decidido apoio á ampliación da área expositiva. Á xuntanza de hoxe asistiron a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo; Susana Pedrosa Castillo, en representación da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, así como un equipo de traballo da Feira Internacional de Galicia Abanca encabezado polo seu director, Ricardo Durán. No encontro participaron 25 destacadas entidades e empresas dos sectores da agricultura, gandería e maquinaria agrícola. Así, estiveron presentes representantes de asociacións como a ADS Porcina de Silleda, FEGAPOR, AGAFAC Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos e a Federación Frisona Galega (Fefriga). E tamén as empresas Deltacinco, Ausama, Maxideza, Delaval Equipos, Forcar Cardelle, Rosber, Agrotec Entrecanales, Coren, Delagro, Hitraf, Talleres Jomabe, Imán, Agrícola Cacheda, Cogal, Mapfre Empresas Galicia, Maquinaria Agrícola del Noroeste, Abanca, Agapel, Agroamb Prodalt, etc. Desculparon a súa asistencia pero expresaron o seu interese en participar na organización do certame outras entidades e empresas. Como continuidade a esta reunión programouse outra para finais de outubro na que se fará un seguimento da evolución da contratación e programación de actividades.

GandAgro premia unha aplicación informática de Lely para controlar a explotación

A aplicación informáatica T4C INHERD, do grupo Agrotec Entrecanales (Lely) recibiu esta tarde o primeiro premio á innovación tecnolóxica GandAgro Innova 2015. Trátase dunha aplicación informática desenvolta para teléfonos móbiles intelixentes (Smartphones) que lle permite ao gandeiro ter un control total da súa explotación dende o teléfono móbil, en calquera momento e dende calquera lugar. Unha parte da aplicación, FarmVisit, está desarrollada para os asesores da granxa e permítelles ter a información puntual da evolución da explotación. Toda a información interna da granxa -animais, muxidos e máquinas- procésase e almacénase internamente a través do sistema T4C. Parte da información que xera a granxa é almacenada na nube Lely e é procesada e adaptada informáticamente para a aplicación T4C INHERD. Cando o gandeiro ou o asesor técnico executan o programa Lely T4C InHerd, reciben os datos da nube actualizados e procesados. Mención a Delagro por unha ferramenta para mellorar a fertilización dos cultivos forraxeiros nas explotacións de vacún Rueda entregándolle a Mención a DELAGRO. A cooperativa de segundo grao Delagro recibiu unha mención de GandAgro Innova 2015 polo proxecto Profer, unha iniciativa que busca establecer as formulación de adubos compostos máis axeitados para os cultivos forraxeiros, tendo en conta o seu manexo nas explotacións de vacún. As conclusións deste proxecto foron que as achegas de nitróxeno mineral deben estar supeditadas ás achegas de puríns; que en xeral os contidos de fósforo, e sobre todo de potasio, están por riba dos valores medios nas fincas das explotacións de vacún. Ademáis, detectouse unha carencia de calcio no chan e, especialmente, de magnesio. Por último, recoméndase que para facer unha fertilización racional e respectuosa co medio ambiente debe facerse á carta, é dicir, adaptada a cada parcela, tendo en conta exclusivamente o contido de nutrientes que mostran os análises de terras e as riquezas do adubo aportado. Mención a un sistema para desconxelar o calostro e quentalo para os becerros Por último, tamén recibiu unha mención especial Coloquick, comercializado por Frior. Trátase dun sistema para desconxelar o calostro e quentalo para darllo aos becerros. Está fabricado en Dinamarca pola empresa Calvex. Sistema Coloquick. O calostro conxélase nunhas bolsas específicas con capacidade para catro litros . Unha vez que a vaca paire, sácase do conxelador e en 15 minutos o calostro está listo para darllo ao becerro conservando todas as inmunoglobinas. O problema de darlle os calostros é que normalmente tárdase demasiado e despois da primeira hora de vida o intestino do becerro xa non absorbe as inmunoglobinas. Ademáis ,se se ten conxelado e se desconxela cos medios convencionais a temperatura demasiado alta, mátanse as inmunoglobinas. Todo isto é o que resolve Coloquick.

A conselleira apela en Cimag-GandAgro á internacionalización do sector lácteo

A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, inaugurou esta mañá o certame Cimag-GandAgro 2015 en Silleda facendo unha chamamento á internacionalización do sector lácteo galego. Rosa Quintana fixo referencia á importancia de dar o salto internacionalización e para iso “debemos poñer en común as accións emprendidas polas administracións, os esforzos realizados polo sector agrogandeiro e os últimos avances tecnolóxicos de aplicacións ás nosas explotacións”. Neste sentido, sinalou que “esa internacionalización e a ampliación de mercados é clave nun sector estratéxico para a nosa economía como é o lácteo, por iso deben ser e son obxectivos irrenunciables para lograr o seu fortalecemento e despegue definitivo”. Ademais, salientou que a busca dun valor engadido nos derivados lácteos “incrementará a demanda dunha materia prima de incuestionable calidade, nun mercado globalizado como o que vivimos”. As axudas para comprar maquinaria agrícola en común duplícanse en 2015 A titular de Medio Rural e Mar tamén informou que de cara a 2015, no caso das axudas para a compra e disposición de maquinaria mediante un modelo asociativo, as disposicións orzamentarias medran nun 100% pasando de 2 a 4 millóns de euros. Neste sentido, engadiu que a orde destas axudas está “practicamente lista para ser publicada”. Para afianzar esta aposta son clave iniciativas como CIMAG-Gandagro, xa que “afondan no intercambio de experiencias e de coñecemento dos profesionais do sector e na vertebración e cohesión dun sector determinante como é o agrogandeiro e forestal”. Ademais, sinalou, “serven para a mellora da calidade de vida e da riqueza dunha poboación rural, que na nosa comunidade autónoma é dunha importancia crucial”, afirmou Rosa Quintan

Cimag-GandAgro abrirá con 394 expositores de 23 países

A Feira de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro 2015, abrirá as súas portas dende mañá ata o sábado coa presenza de 394 firmas expositores de 23 países. Destas firmas, 168 son expositores directos e os restantes indirectos. Estes expositores, entre os que se encontran moitas das empresas máis importantes do sector a nivel nacional e internacional, ocuparán os dous pavillóns principais do recinto Feira Internacional de Galicia, sendo a superficie bruta da exposición de 21.300m² e a neta de 10.706m². Cimag-GandAgro 2015 é a primeira cita desta feira nacida da fusión de dous recoñecidos certames do sector primario, o Monográfico da Gandería e a Agricultura (GandAgro) e o Certame Internacional de Maquinaria Agrícola (Cimag) e convértese no único espazo especializado que une nunha soa cita a estes tres sectores. Así, ofrecerá aos visitantes unha gran diversidade de produtos e novidades de, entre outros ámbitos, sanidade e hixiene animal, nutrición, fertilizantes e sementes, xenética, animal vivo, equipamentos para agricultura e gandería, sistemas de muxido, tractores e motocultores, maquinaria para explotacións gandeiras, de recolección e postrecolección, de preparación de solo; de semente, plantación e abonado; e de protección de cultivos, ademais de compoñentes e accesorios. A feira será inaugurada mañá ás 12:00 horas pola Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, quen estará acompaña de diversas autoridades. No seu percorrido pola feira a Conselleira participará na entrega dalgúns dos premios do concurso de innovación “Maquinas Destacadas 2015”, xunto co xurado do mesmo. Un amplo programa con gran interese En canto ás actividades do certame, o seu programa estará conformado por un importante número de propostas de interese para agricultores, gandeiros e profesionais de diversos ámbitos dentro do sector primario. Consulta toda a programación nesta ligazón.