Archives

Rueda avanza que a restauración do Pazo de Lourizán arrancará no 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que os labores de restauración e deseño de novos usos e actividades do Pazo de Lourizán (Pontevedra), que vai levar a cabo a Xunta, impulsarán o rexurdimento dunhas instalacións cun amplo valor histórico e ambiental. Durante unha visita a este inmoble pontevedrés, Rueda resaltou que se van destinar 18 millóns de euros para actuacións de mellora. “O rexurdimento definitivo de Lourizán comeza hoxe”, aseverou o mandatario galego, quen avanzou que, unha vez concluído o traspaso de titularidade da Deputación de Pontevedra ao Goberno autonómico, o obxectivo é impulsar o complexo de Lourizán desde o punto de vista académico e cultural, pero tamén social, recreativo, paisaxístico e turístico. O Pazo enmárcase nunha finca de 52 hectáreas na que tamén se ubica o Centro de Investigación de Forestal, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán e o Xardín botánico de Lourizán. Sobre o Pazo, Rueda adiantou que se vai acometer a restauración “necesaria e rigorosa” do edificio principal do Pazo, así como dos itinerarios e instalacións do xardín botánico, “un tesouro como hai poucos en España e Europa”, enxalzou. Ademais, construirase unha sala polivalente de madeira nun novo inmoble feito dese material e ábrese a posibilidade de albergar establecementos de aloxamento turístico ou restauración en parte das instalacións. Alén diso, Rueda apuntou que o proxecto da Xunta busca consolidar Lourizán coma un centro de estudo, investigación e divulgación forestal. Tal e como explicou, o obxectivo é que este sexa un lugar de referencia para formarse en materia forestal e tamén un punto de encontro entre todos os axentes públicos e privados deste eido. Precisamente, o presidente da Xunta precisou que este mesmo ano vaise seleccionar a proposta gañadora do concurso de ideas sobre os novos usos e actividades de Lourizán. No primeiro trimestre do ano que vén, comezarase a elaboración do proxecto elixido coa previsión de poder comezar as obras xa no 2024. Valor histórico e ambiental Durante a visita, na que estivo acompañado do conselleiro do Medio Rural, José González, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, Rueda defendeu darlle un “sentido histórico, cultural, turístico e paisaxístico” ao Pazo de Lourizán, e amosouse convencido de que estas actuacións “vanlle dar vida” non só ao complexo, senón a toda contorna de Pontevedra, á vez que espertar o interese “de toda Galicia e España”. Hai que lembrar o amplo valor histórico do Pazo -que está incluído no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e no que en 1898 se asinou o Tratado de París, cando o inmoble era propiedade de Eugenio Montero Ríos- así como seu valor natural xa que a finca alberga innumerables especies de plantas e árbores, algunhas plantadas no século XIX.

O Pazo de Lourizán rehabilitarase para uso do sector forestal

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou tralo Consello da Xunta que se aprobou destinar un total de 17,9 millóns de euros “á restauración” do Pazo e o predio de Lourizán, en Pontevedra, así como a “deseñar o seu programa de usos e actividades”. Deste xeito, a Administración autonómica actuará de inmediato, tras asumir a titularidade das instalacións –algo que está previsto que se formalice proximamente– para pór en valor este patrimonio que, segundo resaltou Rueda, destaca “polo seu valor histórico e natural”. O Pazo de Lourizán atópase nas proximidades do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e do Centro de Formación Agroforestal de Lourizán. En conxunto, estas tres instalacións e a finca que as alberga constituirán o que a Xunta denomina 'Campus Lourizán', que se quere convertir no principal centro da comunidade en formación, investigación e divulgación forestal. As primeiras actuacións prevén a restauración do edificio histórico, así como dos itinerarios e instalacións que hai no xardín botánico; habilitar unha sala polivalente de conferencias nun novo edificio de madeira e ábrese a posibilidade “a dedicar parte da edificación do Pazo a aloxamento turístico ou de restauración”. En paralelo, impulsarase un ecosistema de estudo e análise estatístico, investigación, formación e divulgación forestal. Será un espazo de encontro entre os axentes públicos e privados da cadea forestal galega, potenciando nas súas instalacións a transferencia do coñecemento ao ámbito empresarial. As actividades principais de investigación complementaranse cun programa ampliado de divulgación e formación, regrada e non regrada.Crearase ademais unha incubadora para empresas forestais. Características e historia do Pazo O predio de Lourizán atópase no lugar de Herba Longa, na parroquia de Santo André de Lourizán, no concello de Pontevedra. Trátase dunha superficie de 46,55 hectáreas de extensión, formada por 4 parcelas catastrais. O seu propietario máis famoso foi o político galego Eugenio Montero Ríos, que adquiriu a propiedade xunto coa súa esposa Avelina Villegas no ano 1879 e que foi quen encargou a Jenaro de la Fuente a reforma e deseño do pazo como unha residencia de verán pola que pasaron importantes personalidades da época. Nos seus salóns negociáronse cuestións políticas de máximo interese, como o Tratado de París de 1898, polo que se cederon as últimas terras coloniais que quedaban: Porto Rico, Filipinas, Cuba e Guam. No ano 1943 o predio de Lourizan foi mercado a través de escritura pública pola Deputación de Pontevedra e sucedéronse continuados convenios de colaboración polos que o edificio estivo vinculado a un uso científico e formativo (capacitación agraria). O 6 de xullo de 2022 a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia asinan un Protocolo xeral de intencións para a transmisión da titularidade do predio de Lourizan e da Escola de Cantería de Pontevedra á Comunidade Autónoma de Galicia, un proceso que se espera que culmine en datas próximas. O conxunto do predio de Lourizán está formado pola Escola de Capataces-CFEA, o Centro de Investigacións Forestais-CIF, a Rede de Observación Ambiental de Galicia, o Pazo e as súas construcións anexas e, finalmente, o Arboreto, que reúne un extraordinario elenco de especies de plantas, flores, arbustos e árbores plantados no predio desde o século XIX ata a actualidade. O Pazo de Lourizán forma parte do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia en virtude do artigo 30 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e conta cun nivel de protección integral no vixente planeamento urbanístico do termo municipal de Pontevedra, ao estar recollido no Catálogo de edificacións e elementos para conservar da cidade e do medio rural de Pontevedra, aprobado o 28 de abril de 1994. Tal e como adiantou o presidente, a previsión “é comezar as obras de rehabilitación este ano e que estean finalizadas no 2026”.

Galicia lanza a estratexia de mellora xenética do piñeiro radiata

A Fundación Arume vén de presentar nunha xornada en Santiago os primeiros resultados do programa de mellora xenética das coníferas galegas, que se desenvolve por medio dun acordo de colaboración público – privado entre a propia Fundación, na que se integra toda a cadea do piñeiro de Galicia, e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería de Medio Rural. A xornada deixou dúas cuestións principais, por un lado un primeiro balance do programa de mellora xenética do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), no que se estivo a traballar no periodo 2021-2022, e por outra banda o anuncio do lanzamento do programa de mellora xenética do piñeiro radiata, co que se quere dar resposta ás necesidades dos propietarios forestais en relación a esta especie.

180 árbores superiores identificadas que servirán de base para 5 novas parcelas de ensaio


O piñeiro radiata ou insigne ten en Galicia unha importancia forestal similar ó piñeiro do país, pois o seu volume anual de cortas é moi semellante, en ambos casos preto dos 2 millóns de metros cúbicos de madeira ó ano. O piñeiro radiata acada gran importancia sobre todo na provincia de Lugo e, en menor medida, en zonas da provincia da Coruña e de Pontevedra. É apreciado polos propietarios forestais, xa que en xeral ten menores turnos de corta que o piñeiro do país, pero presenta claras necesidades de mellora xenética, para acelerar máis os turnos de corta e para gañar resistencia a enfermidades, dúas cuestións clave que veñen demandando os propietarios. Para dar resposta a esas necesidades, o sector forestal galego anuncia o inicio dun programa de mellora xenética do piñeiro radiata, para o que se parte do traballo de selección feito nas dúas últimas décadas polo Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán e pola Consellería do Medio Rural. A investigadora Raquel Díaz, do CIF Lourizán, presentou o programa de mellora xenética do piñeiro radiata. Existen xa 8 parcelas en campo con material seleccionado, con arredor de 180 árbores superiores identificadas. Ese material analizarase, para comprobar a súa orixe e diversidade xenética, e cunha selección das súas sementes instalaranse 5 ensaios de proxenie novos en distintas zonas de Galicia, con prioridade para a provincia de Lugo. A intención do CIF Lourizán é a de incluír tamén neses ensaios materiais xenéticos doutros programas mundiais, como o chileno ou o neozelandés, para comparar o resultado do programa de mellora xenético de Galicia co de países pioneiros na mellora xenética do radiata. Valórase tamén a posibilidade de incluír nas parcelas de ensaio sementes doutras árbores sobresaíntes ou rodais selectos de propietarios privados que se poidan detectar en Galicia. Como parte do programa de mellora xenética do piñeiro radiata, xa se instalou un horto sementeiro en Sigüeiro (A Coruña), visitado este luns no marco da xornada organizada pola Fundación Arume, á que asistiron medio cento de profesionais ligados ó sector forestal. En paralelo á instalación de parcelas de ensaio e horto sementeiros, o obxectivo da Fundación Arume pasa por desenvolver co piñeiro radiata un programa de multiplicación vexetativa, similar ó xa en marcha co piñeiro do país, para acelerar o suministro de planta mellorada ó propietario. Resistencias a enfermidades De entre as 180 árbores superiores que ten identificadas Lourizán, o CIF fixo un primeiro ensaio con 55 delas e logrou identificar 7 familias que presentan polo menos un 50% máis de resistencias ó nematodo do piñeiro que o resto. Esas 7 familias son unhas primeiras candidatas a unha catalogación específica e a ser unha das bases da estratexia galega de mellora xenética do piñeiro radiata.
O Centro de Investigación Forestal de Lourizán identificou xa 7 familias de piñeiro radiata que presentan unha notable resistencia ó nematodo, unha praga que afecta ó sur de Pontevedra
Está tamén sobre a mesa a opción de traballar a nivel xenético na obtención de piñeiros resistentes ó fungo das bandas, se ben esta é unha posibilidade que se terá que valorar en próximos anos, sobre todo se en piñeirais afectados polas bandas, se detectan árbores sans que presentan unha aparente resistencia. Existe o hándicap de que Lourizán non conta polo de agora cos invernadoiros de alta seguridade que serían precisos para ensaios nos que teña que manexar o fungo das bandas, se ben, chegado o caso, o sector interpreta que se trata dunha cuestión solventable.

Programa de mellora do 'Pinus pinaster'

Mesa de debate na xornada organizada pola Fundación Arume. O programa de mellora xenética das coníferas de Galicia acadou este ano un primeiro fito, coa posta en marcha en seis viveiros galegos dun programa de multiplicación vexetativa (por estaquillado) de piñeiros do país (Pinus pinaster) con mellora xenética e con altas resistencias á praga do nematodo do piñeiro. O plan de mellora do piñeiro do país está a permitir así unha maior rapidez na produción de planta mellorada, de xeito que o seu lanzamento comercial nos viveiros galegos iniciarase en breve, primeiro en partidas limitadas pero coa idea de que o acceso a esta planta mellorada sexa xeneralizado en poucos anos. Como cuestión a ter en conta, os viveiros que traballan na multiplicación vexetativa do piñeiro do país mellorado xa advertiron de que o seu custo será superior ó da planta de piñeiro convencional. Ante o encarecemento que representará a planta mellorada, xurdiu a cuestión na xornada sobre como implicar ás empresas de servizos e plantadores na adquisición deste tipo de planta. Orde para apoiar a compra de planta mellorada A ese respecto, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, anunciou onte que Medio Rural contempla apoiar de xeito específico ás plantacións forestais que se fagan con planta mellorada, subvencionando “unha porcentaxe” do total do custo desta planta. Será a través dunha orde independente da habitual de primeira forestación, pois na orde de planta mellorada poderán entrar piñeirais que se corten e se queiran replantar. A orde de forestación 2023-24, segundo anunciou Chan, publicarase o próximo 7 de decembro, en tanto a orde de apoio á compra de planta mellorada espérase que se publique no 2023.
https://www.campogalego.gal/pineiros-3-0-como-innovacion-tecnoloxica-mellorara-planta-forestal-galega/

Xornada sobre “As árbores nas zonas atlánticas e a súa adaptación ao cambio climático”

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar o próximo xoves 17 de novembro no Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán unha xornada sobre as especies arbóreas nas zonas atlánticas de cara á súa adaptación fronte ao cambio climático. Enmarcada no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2022, a iniciativa arrancará ás 10,00 horas e albergará unha visita á parcela onde o centro está levando a cabo o proxecto comunitario Reinfforce (Resource Infraestructures for monitoring, adapting and protecting European Atlantic Forests under Changing climate), para estudar a resposta de diferentes especies. O CIF de Lourizán conta co maior número de rexistros da rede establecida de 41 campos de demostración e 38 arboredos espallados polo arco atlántico europeo, nun rango de altitude, temperatura e precipitacións moi amplo e instalados en zonas con diversas características topográficas e edafolóxicas. En concreto, a representación galega da devandita rede está formada por tres arboredos (un deles en Lourizán) e seis campos de demostración de prácticas silvícolas en carballeiras e bidueirais. Os arboredos son campos de ensaio nos que están representadas 38 especies forestais, cun número de procedencias que vai desde unha ata sete por especie, conformando unha media de 123 unidades xenéticas por arboredo, con rexións de procedencia das especies ensaiadas dun contexto xeográfico moi amplo. En 2012 leváronse a cabo as plantacións en todos os arboredos e, desde entón, desenvólvese o protocolo de medicións elaborado polos socios do proxecto: supervivencia, medicións anuais do arboredo, seguimento fitosanitario estacional e estado das copas, información meteorolóxica, podas e mantemento das árbores e control da matogueira para evitar a competencia. Os resultados dos ensaios nos arboredos permitirán seleccionar especies e procedencias adaptadas ás condicións diferenciadas dentro do territorio galego e potenciar as vantaxes do establecemento destas especies como fonte de beneficios económicos, ambientais e sociais. Despois de 10 anos, a nivel galego pódense extraer xa algúns resultados e tendencias que son de interese para o sector forestal, co fin de iniciar a adaptación cara a especies ou procedencias que poidan facer fronte ao cambio climático dunha maneira máis efectiva. Nesa dirección, nas visitas de campo mostrarase o estado actual dos arboredos Reinfforce e o comportamento diferencial das especies e procedencias establecidas. As persoas interesadas en acudir á xornada do próximo 17 de novembro poden solicitalo enviando un correo electrónico ao enderezo infolourizan.mr@xunta.gal tras cubrir o formulario que poden descargar en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/transferencia-tecnoloxica/plan-de-transferencia-tecnoloxica-2022 Para máis información poden chamar ao teléfono 986 805 004

Primeiros pasos para conseguir madeira de bidueiro de calidade en Galicia

O bidueiro é unha das frondosas presente nos montes galegos. Medra en terreos húmidos, polo que é doado atopalo nas marxes dos ríos e do mesmo xeito que ocorre con outras frondosas, coma o carballo, apenas se está aproveitando para a produción de madeira. Mentres, outros países levan anos apostando pola madeira de bidueiro, que está a ter unha gran demanda internacional da man de firmas coma a multinacional sueca Ikea, onde boa parte do seu mobiliario está construído con madeira de bidueiro. Entón, por que en Galicia non se aproveita a madeira de bidueiro? “Non se emprega semente de calidade e polo tanto non se está logrando madeira de calidade que poida aproveitarse para transformar”, explica Margarita Fraga, investigadora e directora técnica do laboratorio Cultigar, situado en Brión (A Coruña).
“En Galicia non se emprega semente de calidade e non se está logrando madeira de bidueiro de calidade que poida aproveitarse para transformar”: Margarita Fraga, de Cultigar
Este laboratorio é un dos socios do proxecto impulsado pola consellería de Medio Rural para a mellora xenética do bidueiro, unha investigación que busca conseguir planta de calidade para incrementar o aproveitamento desta madeira.

A importancia do bidueiro no monte galego

Os bidueiros son unha vía para seguir traballando a prol dun monte diverso e conseguir exemplares de calidade permite que sexa tamén unha opción rendible para os propietarios. Ademais, os propios requirimentos desta árbore fan que sexa unha alternativa para convivir con outras especies autóctonas máis esixentes.
Os bidueiros son unha vía para conseguir montes diversos, ó medrar en solos pobres, ácidos ou húmidos onde outras especies terían maiores dificultades
En materia de solos, os bidueiros poden obter bos rendemento en terreos pobres e mesmo acidófilos e con moita humidade, o que permite que sexan unha boa opción para plantar en terreos nos que outras especies terían maiores dificultades. “Son especies que poden saír adiante en solos nos que carballos ou castiñeiros teñen máis problemas. Contar con especies que teñan diferentes requirimentos é o que nos vai permitir ter unha maior diversidade no monte”, apunta a investigadora. Ademais, do mesmo xeito que outras frondosas autóctonas, os bidueiros poden empregarse para romper a continuidade dunha plantación e servir como cortalume natural ante os incendios. “Do mesmo xeito que se plantan cerdeiras ou castiñeiros para conseguir ese efecto protector, os bidueiros tamén serven ó tratarse de frondosas autóctonas que non arden tan rápido coma outras especies”, detalla Fraga. Na actualidade, en Galicia a maior parte do bidueiro que se produce emprégase con fins calefactores, ben sexa directamente como leña ou para a fabricación de combustibles como os pélets. “Tendo unha boa selección de material, o bidueiro pode aproveitarse noutros mercados con éxito e maior valor engadido”, apunta a investigadora. Primeiras mostras de bidueiro para a súa fecundación in vitro en Cultigar.

Primeira selección feita hai 30 anos

Os primeiros pasos para conseguir bidueiros de calidade xa se deron hai máis de 30 anos, cando se realizou unha selección de sementes dos mellores exemplares da Terra Chá (Lugo). Con esta semente seleccionada plantáronse 3 parcelas situadas en Begonte e Guitiriz (Lugo) e Cea (Ourense), aínda que esta última perdeuse nun incendio forestal. “Contar con estas plantacións realizadas a base de semente seleccionada permite ó proxecto avanzar máis rápido, posto que xa se deu a primeira selección. Ademais, estas plantacións, duns 30 anos, atópanse nun bo momento para seguir traballando na mellora xenética en base a este material”, explica Fraga. Os primeiros pasos céntranse en identificar os mellores exemplares destas plantacións para poder reproducilas in vitro, proceso do que se encargan no laboratorio Cultigar. “Este proceso sería xa a segunda selección, posto que partimos de material xa seleccionado. É un proxecto semellante ó que estamos levando a cabo co carballo e ó que desenvolveu o CIF de Lourizán coa cerdeira, para conseguir planta de maior calidade”, detalla.
Na selección dos exemplares buscan as árbores con mellor porte e cunha boa densidade de madeira
Á hora de seleccionar os mellores exemplares teñen en conta non só que as árbores teñan un bo porte senón que conten cunha boa densidade de madeira, un criterio moi valorado á hora de transformar a madeira. Na selección dos exemplares en campo, están a contar coa colaboración do persoal de Seaga. Ademais, no proxecto tamén colabora o persoal de Tragsa, para a xeolocalización das árbores e a reprodución mediante enxerto, así como a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Investigacións Forestais (CIF) Lourizán, que están a aportar documentación sobre as investigacións realizadas sobre bidueiros. “Leváronse a cabo xa moitos traballos sobre os bidueiros e resulta moi interesante contar con esa información para avanzar na mellora xenética da planta producida en Galicia”, valora. Nestes momentos, atópanse realizando a recollida de datos de cada un dos exemplares e coa posta a punto do protocolo da reprodución in vitro. Ademais, están a traballar sobre o forzado da brotación, xa que ó reproducir o material adulto perde a súa capacidade de enraizamento, polo que buscan realizar anillamentos para forzar o rebrote, o que lle permitiría material máis xuvenil para a reprodución in vitro. Unha vez que teñan todo o material recollido, comezarán co proceso de cruce de datos para ter os mellores exemplares localizados e poder realizar a reprodución deles.

Horto sementeiro para as plantacións futuras

Unha vez que logren os exemplares seleccionados e xerminados in vitro, este material empregarase para plantar un horto forestal do que se obterán sementes xa seleccionadas. “Con este proxecto non buscamos poñer á venda planta seleccionada senón semente de calidade, para que os propietarios forestais vexan no bidueiro unha alternativa viable”, explica a investigadora.
Buscan contar con sementeira seleccionada dos mellores exemplares para poder poñer no mercado
Cómpre ter presente que estes son aínda os primeiros pasos da investigación e haberá que agardar para contar con esta sementeira de calidade. “Atopámonos aínda dando os primeiros pasos e este tipo de traballos son sempre a longo prazo, polo que polo menos haberá que agardar como mínimo uns 10 anos para que este horto comece a producir sementes que poidan ser aproveitadas”, detalla a investigadora. Aínda que haxa que agardar, Fraga valora que xa conten con exemplares con 30 anos para facer esta segunda selección, xa que é un paso moi importante e que permite avanzar máis rápido. “Xa hai un traballo previo feito e isto fai que agora esteamos xa na segunda fase de selección, partindo de exemplares que foron seleccionados entre os mellores do hábitat natural”, recorda. Polo momento, tampouco está concretada a localización para este horto sementeiro.

¿Como avaliar as accións a tomar para paliar os danos que provoca o lume no monte?

As vagas de lumes nos montes galegos son un dos males endémicos que ano tras ano afectan a estes espazos naturais, poñendo en risco mesmo vidas humanas ou refuxios para a fauna e montes dun elevado valor paisaxístico como aconteceuno 2020 cos lumes que arrasaron o corazón do Parque do Xurés (Ourense). Pero, que se pode facer para recuperar estes montes arrasados e que políticas de prevención cómpre impulsar? Estas son dúas das preguntas sobre as que están traballando no proxecto europeo “EpyRIs” financiado dentro da convocatoria SUDOE, no que participa a Xunta de Galicia e que conta coa colaboración da Universidade galega, xunto coa Universidade de Valencia, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e as firmas Tragsa e Tragsatec, entre outros. Na Universidade galega, o grupo multidisciplinar integrado pola catedrática de Análise Económico da Universidade de Santiago María Luz Loureiro García, así como polo catedrático da Área de Proxectos de Enxeñaría na Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Marey, e o investigador Pablo Coello, está a traballar sobre as políticas de restauración dos espazos afectados por estes lumes. “ Para ver que espazos debemos priorizar na restauración, non só se valoran as perdas económicas, senón tamén as ambientais ou aquelas puramente sociais”, explica a investigadora María Loureiro.
“Trátase de ver o impacto global dos lumes dende unha perspectiva multicriterio”: María Luz Loureiro, investigadora involucrada no proxecto
Para decidir que accións priorizar para minimizar estas perdas (ou restaurar os espazos afectados) están botando man de ferramentas empregadas polos servizos federais de protección de bosques americanos. “Trátase de ver o impacto global dos lumes dende unha perspectiva multicriterio”, detalla Loureiro. Buscan deste xeito estimar tamén aqueles custos dos lumes que non sempre teñen unha cantidade económica asignada, pero que son importantes para a sociedade. É o caso por exemplo, do impacto que os lumes teñen sobre os danos ás infraestruturas ou o déficit de investimentos no rural que os incendios provocan. “Xa non é só as perdas económicas directas, senón que a xente deixa de investir por medo a que o lume arrase coas plantacións ou con outras actividades coma os apiarios, ou que a paisaxe se deteriore e deixe de atraer visitantes”, concreta a experta. Para estimar os valores dos montes ardidos máis alá da madeira, tamén están utilizando novas fontes de datos, moitas delas en aberto, como poden ser as fotografías compartidas en redes sociais por turistas, que dan conta do valor destes espazos.

O caso das Neves

Un dos casos que xa teñen estudado é o lume que se produciu no 2017 en As Neves (Pontevedra) onde a virulencia das lapas e o avance do lume arrasara varias vivendas e aproximárase a núcleos importantes de poboación cunha gran virulencia. “Agora estamos en proceso de ampliar a información que obtivemos de xeito directo e completala con outras fontes que nos axuden a estimar os custos que tivo este lume”, explica Loureiro. Ademais dos danos máis obvios tras estes lumes, o equipo tamén concreta que se produciron outras perdas derivadas deles como foi a redución de capturas na campaña da lamprea, cunha fonda tradición nesta zona e que se viu afectada pola merma da calidade da auga. “Un elemento que en Galicia non se valorara moito como é a perda da calidade da auga, nun contexto de cambio climático crecente, comeza a tomar moita relevancia”, concreta a investigadora.
Os danos sobre a calidade da auga tralos incendios comeza a tomar maior relevancia
Os primeiros traballos para coñecer os danos destes lumes baseáronse en enquisas coa poboación afectada e que vivira de primeira man os incendios. Agora, nesta segunda fase están a realizar de novo enquisas, pero desta volta con persoal involucrado en actuacións de recuperación dos espazos queimados, coma os técnicos encargados de planificar as accións a realizar, como pode ser a construción de diques ou presas para evitar escorrentas de terra ou esparexer palla no solo. Unha das prácticas para evitar maiores danos ambientais nas zonas queimadas está a ser o reparto de palla.  Estas enquisas axúdanlle a determinar aquelas accións que deberan ser prioritarias pala conseguir a recuperación de espazos queimados dentro da zona SUDOE. Aínda que logo estas pautas deberán axustarse ás necesidades específicas de cada monte, buscan establecer un catálogo de accións rápidas xerais. “A orografía de sí, así como os asentamentos poboacionais xa van determinar en gran medida as actuacións específicas”, concreta.
Tódalas técnicas propostas dende o CIF Lourizán para a recuperación de espazos superaban amplamente calquera estudo de rendabilidade feito con criterios custo-beneficio
No proxecto, iniciado no 2018 e que se prolongará durante todo este 2021, tamén están a avaliar o custo destas políticas de recuperación para que as técnicas recomendadas realmente teñan un impacto maior ó seu custo. “Polo momento, tódalas técnicas propostas dende o CIF Lourizán para a recuperación de espazos superaban amplamente un estudo sobre rendabilidade, en termos de custo e os beneficios asociados”, detalla Loureiro. Cómpre ter en conta que boa parte das actuacións propostas dende Lourizán se realizaron en zonas con graves problemas de erosión. Co remate da investigación agardan publicar unhas recomendación xerais para aplicar en boa parte do territorio e que logo deberán adaptarse ás características específicas dos montes queimados.

O impacto ambiental, cada vez máis presente

Á marxe do caso de As Neves, no marco deste proxecto tamén realizaron enquisas entre a poboación para coñecer o grao de implicación e concienciación sobre os danos dos lumes. Estas consultas amosáronlles que se está a ter máis en conta o dano ambiental que producen os lumes. “Os incendios acarrean cada vez maiores perdas ambientais, en gran medida pola virulencia dalgúns episodios que resulta moi complicado controlar, e a poboación estase facendo máis consciente destas perdas medioambientais profundas”, comenta a investigadora.
Botaron man de enquisas para coñecer o impacto máis social e global dos lumes
Estas primeiras enquisas realizáronas a través da web e a nivel estatal, polo que agora contemplan ampliar a mostra para contar con outros sectores da poboación ós que lle foi máis difícil acceder deste xeito, como as zonas rurais e a xente de maior idade. Nestas consultas buscaban coñecer a opinión sobre o impacto do incendio ou aquelas accións que estarían dispostos a realizar para reducir os danos e o risco asociados aos lumes forestais. “As enquisas son moi útiles para coñecer un impacto máis social e global dos incendios”, indica.

A insuficiencia das políticas de prevención

A análise e as consultas á poboación tamén permiten avaliar ata que punto as políticas de prevención contan con apoio da cidadanía, tal e como comprobaron no marco doutro proxecto. “Comprobamos que aquelas persoas que xa viviran os incendios de preto eran as que máis dúbidas tiñan sobre os logros que se podían acadar con determinadas políticas de prevención”, apunta a investigadora.
A poboación reclama políticas de prevención que teñan máis en conta os coñecementos das persoas vinculadas ó monte e ás áreas concretas nas que se pretenden aplicar
Nestas enquisas, os entrevistados tamén inciden en que para conseguir unha maior efectividade das políticas de prevención é preciso lograr accións que teñan máis en conta os coñecementos e a experiencia das persoas vinculadas co monte e coas zonas nas que se pretenden desenvolver estas accións. “Apuntan a importancia de contar con accións codeseñadas cos propietarios do monte e coa xente que vive e ten preto o monte para conseguir a seu compromiso na prevención”, concreta Loureiro. Outro dos aspectos que se sinalan nestas enquisas é o elevado custo que para moitos propietarios pode supoñer as políticas de prevención e xestión dos montes. “Moitos senten que non se está a valorar como debera os beneficios ambientais e sociais que produce o monte para toda a sociedade, mentres que a eles se lles esixe un mantemento cun custe económico e nalgúns casos sen obter un rendemento económico compensatorio”, comenta a investigadora.

Difusión da cultura forestal en centros educativos

A Asociación Galega de Calidade Alimentaria e a Federación de Aserradorios e Rematantes de Galicia veñen de asinar un convenio para a organización de actividades de divulgación forestal dirixidas a centros educativos. Esta colaboración suporá a celebración, ata o 31 de outubro deste ano, de sesións de contacontos e de charlas divulgativas sobre a bioeconomía circular, e sobre a aportación da industria forestal.

A Xunta colaborará a través do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, entidade encargada do contacto cos centros escolares, e da elaboración dun calendario de visitas. Ademais, o CIF proporcionará os elementos necesarios para as charlas divulgativas, e garantirá a presencia do persoal necesario para a correcta celebración das diferentes sesións.

Pola súa parte, Fearmaga será quen organice os contacontos centrados no conto dos tres porquiños, co título ‘Maruxa, Xaquín e Fuco difunden a bioeconomía circular’, dirixido aos escolares de educación infantil e primeiro ciclo de primaria que visiten o xardín botánico do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Tamén garantirá a difusión das sesións de contacontos que se realicen de xeito virtual.

Así mesmo, organizaranse charlas divulgativas sobre a bioeconomía circular e sobre a aportación da industria forestal dirixidas aos escolares de educación secundaria, centradas na importancia dos bosques dende unha perspectiva social, medioambiental e económica. Cabe engadir que tanto os participantes nas actividades como o profesorado contarán con todo o material necesario para asegurar a correcta divulgación.

A Xunta destaca que esta iniciativa enmárcase na revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 ‘Cara á neutralidade carbónica’, que aposta por levar a cabo un programa de divulgación e comunicación da cultura forestal, concretamente neste caso, con visitas de colexios ou institutos a centros de formación e experimentación forestal, entre outras accións.

Tratadas máis de 2.400 hectáreas de piñeiro contra os fungos das bandas en montes de Lugo

Nos últimos dous anos leváronse a cabo actuacións nun total de 2.465 hectáreas de monte da provincia de Lugo para frear o avance da incidencia dos fungos das bandas marrón (Lecanosticta acicola) e vermella (Dothistroma pini), que causan defoliación no piñeiro e rematan por debilitalo de xeito serio. O avance das pragas, que afecta especialmente ó piñeiro insigne (Pinus radiata), motivou que se autorizaran actuacións puntuais con tratamentos fitosanitarios. Tamén se executaron tratamentos con bioestimulantes e houbo axudas para traballos silvícolas cos que mellorar a ventilación das masas de piñeiros, o que contribúe a frear a expansión do patóxeno. Os datos das actuacións realizadas fíxoos públicos o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, durante a súa comparecencia na Comisión de Agricultura do Parlamento, como anticipo do informe que o departamento ultima. Nestes dous últimos anos leváronse a cabo tratamentos en preto de 700 hectáreas de montes de xestión pública, cun custo de 270.000 euros, así como noutras 1.765 hectáreas en mans de distintos propietarios. En concreto, aplicáronse tratamentos en 679 hectáreas de 121 particulares, así como en 763 hectáreas pertencentes a 21 comunidades de montes veciñais en mancomún e noutras 323 hectáreas xestionadas por 15 sociedades cooperativas. En total, actuouse en 22 concellos da provincia de Lugo, onde está centrado o plan de emerxencia, entre eles A Pastoriza, A Fonsagrada, Becerreá, Baralla, Lugo ou Ribeira de Piquín. “Houbo un maior número de solicitudes para tratamentos, pero algunhas delas non cumprían os requisitos para levarse a cabo por estar próximas a marxes fluviais ou ter outras limitacións”, concretaron dende Medio Rural. Tal e como indicou Chan Rodríguez, para a xestión e organización dalgunhas das fases de control deste plan de continxencia contra a banda marrón contaron coa colaboración de persoal técnico das entidades que integran a Fundación Arume, tendo en conta que boa parte dos traballos se realizaron en época de risco de incendios na que o persoal dos distritos forestais tiña unha maior carga de traballo, segundo xustificou Chan. Os traballos de aplicación dos tratamentos foron realizados por unha empresa galega cunha ampla traxectoria no tratamento destes fungos noutras zonas afectadas da cornixa cantábrica.
Están realizando ensaios con abonos foliares para mellorar o estado sanitario do piñeiro e conseguir unha maior resistencia á incidencia das bandas
No marco deste plan de actuacións fronte ós fungos das bandas dos piñeiros tamén se levaron a cabo analíticas para ter maior información sobre a situación sanitaria e a incidencia destes patóxenos. Estas analíticas amosaron que polo momento non hai presenza da banda marrón e o que atoparon foi un cóctel fúnxico principalmente de banda vermella, que é asidua do monte galego cando coinciden temperaturas temperás e humidade. Xunto cos tratamentos, tamén están a levar a cabo outras accións para frear o avance dos danos das bandas. “Dende o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán están a traballar para incrementar a resilencia das masas de piñeiros tanto ás bandas como a outros retos derivados do cambio climático”, indicou Chan. Ademais, ante os ataques da banda vermella xa fixeron ensaios con abonos foliares que melloran a situación das árbores.

Axudas para a silvicultura

Unha das actuacións para combater a banda da marrón, tal e como recordou o José Luís Chan Rodríguez durante a súa comparecencia, son os tratamentos silvícolas. Neste senso, Chan incidiu nos 8 millóns de euros destinados a traballos de silvicultura este ano. Tamén anunciou que no 2022 prevén dedicar unha partida de 12 millóns de euros para accións silvícolas. “Mesmo o piñeiro radiata, se está nunha localización axeitada e se mantén cunha silvicultura axeitada, tamén pode ser bastante resistente fronte ás bandas”, explicou Chan. Pola súa parte, durante a Comisión de Agricultura, o grupo socialista, quen solicitara información sobre a afección da banda marrón en Galicia, insistiu na necesidade de adaptar os modelos silvícolas para reducir a incidencia dos fungos, uns cambios que aínda non se consideraron precisos por parte da Consellería. Os socialistas tamén pediron que se elabore un mapa de danos por parte da Administración e unha maior implicación e xestión directa das actuacións para frear o avance das bandas, sen delegar a responsabilidade noutras entidades ou nas administracións locais.

Lourizán consolida os seus bancos de clons de sequioias e piñeiro de Oregón, coníferas que ve de interese en Galicia

O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, traballa na revitalización de varios dos seus bancos xenéticos forestais, co fin de avanzar na prevención e loita fronte a pragas e enfermidades. Outro dos seus obxectivos é anticiparse ás novas condicións provocadas polo cambio climático. Así, considérase que Galicia e o seu sector forestal deben estar preparados e ter capacidade de obter materiais mellorados doutras coníferas de interese forestal, como a sequoia vermella, o piñeiro de Oregón ou a sequoia xigante, como posibles especies alternativas que poidan axudar a superar problemas sanitarios e xestionar o cambio climático nos montes galegos. Neste contexto, os investigadores do CIF -centro adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)- están a realizar labores silvícolas para poñer en valor estes bancos de clons, co fin de efectuar a súa propagación vexetativa mediante estaquillado. O obxectivo é obter copias do material destes bancos para completalos e crear novas réplicas noutros terreos públicos, conseguindo deste xeito o seu rexuvenecemento e conservación. Cómpre ten en conta que estes recursos do CIF de Lourizán son únicos en España, segundo sinala o Centro, e representan un valor engadido en materia de mellora xenética. As coleccións de sequioia e piñeiro de Oregón instaláronse entre os anos 1989 e 2002, debido ao interese por probar diferentes materiais xenéticos.

Coñecemos ben as variedades de castiñeiros dos soutos galegos?

Unha das liñas que están a desenvolver no Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra) en materia de mellora xenética do castiñeiro pasa pola identificación das distintas variedades existentes nos soutos galegos. Trátase dun traballo que, aínda que se iniciou hai xa varias décadas, está a retomarse nos últimos anos con novas investigacións sobre o terreo. “Para lograr materiais destinados á produción de castaña nós estamos seguindo unha estratexia centrada en identificar variedades ben definidas presentes nos soutos galegos”, explica Josefa Fernández, coordinadora do programa de mellora do castiñeiro no centro. Un destes proxectos estase a levar a cabo no Courel (Lugo) e con el pretenden mellorar a descrición varietal dos soutos. “Boa parte destas variedades recolléronse hai xa 30 anos, pero agora estamos abordando o xenotipado dun bo número dos individuos presentes nestes soutos”, detalla Fernández.
Nos montes do Courel xenotiparon uns 200 castiñeiros para mellorar a descrición varietal dos soutos e conseguir exemplares que poidan empregarse na produción de castaña
Polo momento, nos soutos do Courel xenotiparon xa uns 200 castiñeiros elixidos con diferentes criterios. Nesta zona tiñan descritas só dúas variedades importantes, que se atopan incluídas entre as 23 variedades rexistradas e con presenza en Galicia. Por unha banda, atópase a variedade De Presa, a máis abundante nos soutos desta zona, que produce unha castaña grande e temperá. “No pasado, o interese por esta variedade foi para o aproveitamento da madeira, debido á súa calidade, e segue a selo”, detalla a experta. Esta é tamén unha das variedades máis antigas, presente principalmente nos montes do Courel e tamén localizada en zonas contiguas de León. A outra variedade que tiñan identificada ata o momento nesta zona é a Rapada, cunha castaña dun calibre máis pequeno, doce, saborosa e ideal para o secado. Xunto con estas variedades, os traballos de xenotipado permitíronlles identificar 12 variedades máis, aínda que algunhas delas teñen unha presenza anecdótica. Trátase, en parte, de variedades que xa están dadas de alta con outros nomes noutras zonas, o que lles está a simplificar o traballo de identificación e catalogación. “Este traballo estanos permitindo coñecer sinonimias dunha mesma variedade en diferentes lugares”, detalla a especialista. Entre estas variedades que identificaron na zona do Courel atópase a Vérdea, unha caste tardía que produce castañas de pequeno calibre e moi presente nestes soutos. “Con estes traballos puidemos concretar que é unha variedade que aínda está sen rexistrar, o que faremos proximamente”, explica Fernández.
“Agora hai unha demanda e un interese por coñecer as variedades de produción de castaña que temos en Galicia”
Xunto cos traballos que realizaron no Courel, o ano pasado estiveron a traballar en soutos dos Ancares e A Fonsagrada (Lugo). Tamén realizaron xa esta catalogación en soutos de Viana do Bolo (Ourense), onde localizaron variedades cunha presenza anecdótica, pero que son as que está a demandar agora o mercado, debido ó seu tamaño. “Agora hai unha demanda e un interese por coñecer as variedades de produción de castaña que temos en Galicia, dende que rexurdiu o aproveitamento da castaña”, apunta. As actividades sobre recursos xenéticos do castiñeiro están contribuíndo tamén á creación de tres importantes coleccións de xermoplasma. Unha das coleccións inclúe unhas 45 variedades para castaña, tanto galegas como outras de interese (portuguesas e francesas). Outra colección é a de árbores superiores para madeira, cuns 150 individuos. A terceira é a colección de híbridos interespecíficos entre o castiñeiro europeo e o xaponés, así como híbridos con castes orientadas á produción de madeira, castaña e de dobre aptitude. O programa de recursos xenéticos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán parte da consideración de que as variedades produtoras de castaña a recomendar van ser as variedades tradicionais que interesen polas súas características. Por outra parte, os patróns e os clons para madeira procederán do programa de mellora que busca adaptación e tolerancia á tinta, cancro e avespa (Phytophthora cinnamomi, Chryphonectria parasitica e Dryocosmus kuriphilus), compatibilidade ó enxerto no caso dos patróns e calidade forestal nos clons para madeira.
Ensaios nos invernadoiros do CIF Lourizan sobre a avespiña do castiñeiro.

A resistencia a enfermidades

Lograr castiñeiros resistentes ás principais afeccións, como son a tinta (Phytopohthora cinnamomi) o cancro (Cryphonectria parasitica) e máis recentemente á avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus) é outra das liñas fundamentais en materia de mellora xenética no CIF Lourizán. “Os nosos esforzos dende hai 10 anos tamén están encamiñados a crear novos xenotipos controlados, de calidade, adaptados ás condicións climáticas e, sobre todo, que sexan resistentes á tinta, que é o maior problema dos castiñeiros galegos”, concreta a investigadora. No caso do cancro e da avespiña a loita biolóxica está a ser unha opción para mellorar a afección, segundo indica a especialista, polo que están a manter especial interese en mellorar por resistencia á tinta. “Hai anos, zonas da montaña de Lugo e Ourense mantíñanse libres de tinta, pero na actualidade estase detectando a incidencia tamén nestes soutos”, detalla.
“Hai anos, zonas da montaña de Lugo e Ourense mantíñanse libres de tinta, pero na actualidade estase detectando a incidencia tamén nestes soutos”
Dende Lourizán están optando por buscar a resistencia á tinta tanto nas poboacións autóctonas cunha mellor resposta, como na hibridación con exemplares xaponeses, que amosaron ter resistencia. Nesta última opción levan anos traballando, procurando ter clons adaptados ás condicións climáticas galegas, posto que as variedades asiáticas amosan problemas para resistir á seca e ás xeadas. Así, tentan conseguir xenotipos cun compoñente europeo máis importante e ó mesmo tempo consigan ser resistentes. Neste eido xa lograron clons das variedades orientadas á produción de madeira con cruces de Garrida ou De Presa. “Os híbridos que estamos obtendo agora teñen un 25% da variedade asiática, son os coñecidos como retrocruzamentos a Castanea sativa, e teríamos que ir a unha xeración máis, de modo que esta porcentaxe se vira máis reducida, para conseguir plantas máis resistentes fronte a xeadas e secas”, concreta Fernández.
Nos últimos 2 anos plantaron un ensaio en catro localizacións, con entre 300 e 500 exemplares en cada un, para seleccionar híbridos máis adaptados á climatoloxía galega e resistentes á tinta
Nos últimos 2 anos levaron a cabo un ensaio en catro sitios con 300 a 500 exemplares por sitio, repartidos en parcelas situadas en Lourizán, Vilariño de Conso (Ourense), O Corgo (Lugo) e Allariz (Ourense) para comparar os novos retrocruzamentos con híbridos F1 ( 50 % de C.sativa e 50 % de xaponés), os creados a mediados do século XX que se propagan e venden nos viveiros. “Nestes ensaios estamos tendo moi bos resultados, aínda que polo momento só teñen 2 anos e neste tipo de estudos é preciso agardar polo menos a evolución de 4 ou 5 anos, aínda que pode que consigamos ir sacando ó mercado xa mesmo antes algúns híbridos que amosen bos resultados”, explica.

A loita contra a avespiña

Algúns dos híbridos asiáticos empregados para obter resistencia contra a tinta, como son o 90044, o 125 ou a variedade francesa Bouche de Bétizac, xa demostraron ser totalmente resistentes tamén contra a avespiña do castiñeiro. “O problema é que en zonas de montaña, están a presentar problemas coa seca estival, o que fai que sexa preciso a rega, sobre todo nos primeiros anos; así como coas xeadas, xa que agroman moi cedo”, apunta. En concreto, a metade dos 30 híbridos F1 avaliados resultaron totalmente resistentes á avespa, entre eles están 3 dos 8 patróns que están en pleno proceso de aprobación para incluír no Rexistro de Variedades Comerciais. Trátase dos híbridos Q-125, Q-392 e Q-90044. Dende hai 4 anos están realizando un estudo con exemplares da plantación situada en Boqueixón (Sergude, A Coruña) para coñecer as variedades máis sensibles ó ataque da avespiña. “Os resultados estanse a repetir ano tras ano e amosan que variedades como Ventura, De Presa, Famosa ou De Parede teñen unha menor tolerancia”, detalla. Pola contra, a Rapada do Sil, Rapada, Negral, Branca ou Longal presentan unha maior resistencia fronte á avespiña. Das 28 variedades tradicionais avaliadas, 5 delas amosan unha maior resistencia fronte ó ataque da avespiña. “Aínda que nestes momentos non se opte por plantar as variedades máis sensibles, cómpre non tomar decisións a longo prazo baseadas só nestes datos, posto que a resposta que se está tendo coa loita biolóxica, como xa aconteceu en países coma Francia, está a ser moi boa e nuns anos podemos lograr unha incidencia moito menor da avespiña nos soutos galegos”, conclúe a investigadora.

Que tipo de madeira de piñeiro demanda a industria galega?

Saber que tipo de madeira de piñeiro procura e precisa a industria en Galicia pode resultar unha información de utilidade para o sector forestal, polo que dende o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia optaron por preguntárllelo directamente ás empresas galegas. Para iso, levaron a cabo unha enquisa entre firmas de transformación de madeira que empregan rolo de madeira de coníferas, principalmente piñeiro. En concreto, no estudo participaron 27 firmas, boa parte delas galegas. A maioría (16) asentadas na provincia da Coruña, seguida de Lugo con 5 empresas e Pontevedra con 4. Tamén se incluíu unha empresa de Ourense e outra de Valladolid. O xerente do Clúster, Ricardo González aproveitou a súa participación nun encontro telemático do grupo operativo Genmac, celebrado recentemente, para dar a coñecer os resultados do estudo, posto que a enquisa incluíuse dentro dos traballos realizados por este proxecto. O traballo amosa as preferencias do sector, aquelas características que máis valoran as empresas e as perspectivas de consumo que manexan para os vindeiros anos. As previsións da industria parecen ser favorables de cara á próxima década e en canto ás preferencias, o sector está cada vez máis interesado en piñeiros resistentes a enfermidades, así como cun crecemento estable tanto en diámetro coma en densidade.

Perspectivas de consumo de madeira

Os datos proceden de empresas, na súa maioría, de pequeno e medio tamaño. O 40% das firmas teñen menos de 10 traballadores, xunto con algo máis dun 33% que contan con entre 10 e 50 empregados. Porén, tamén se inclúen empresas con entre 50 e 250 operarios e un 7% das firmas teñen máis de 250 contratados.
“As empresas teñen boas perspectivas de consumo de madeira de piñeiro para os próximos 10 anos”, (Ricardo González, xerente do Clúster da Madeira)
A ollos do sector, a demanda de piñeiro nos próximos anos manterase estable ou mesmo se incrementará. Así é que, segundo concretou González, “as empresas consultadas consideran que hai boas perspectivas de consumo de madeira de piñeiro para os próximos 10 anos”, concreta. Máis do 40% das firmas apuntan que o seu consumo de madeira se incrementará lixeiramente e case un 11% mesmo agarda que este aumento sexa considerable. Mentres, un 33% prevé que se manterá sen apenas variacións. En canto á demanda e consumo de madeira de piñeiro en diferentes escenarios, a maioría das empresas cren que permanecerá estable nos próximos anos, tanto en Galicia coma en España, en Europa e no resto do mundo. As firmas consideran que o máis probable é que se manteña sen grandes variacións, pero tamén hai quen pensa que pode darse un lixeiro aumento da demanda, sendo a segunda resposta máis popular. Aínda que tamén é certo que un reducido número de empresas considera que diminuirá drasticamente o consumo de madeira de piñeiro en Galicia. Previsións de variación de consumo xeral de madeira de piñeiro en procesos industriais nos próximos anos segundo as empresas participantes no estudo.

A demanda de madeira de piñeiro

Nestes momentos, a madeira de coníferas máis empregada en Galicia está a ser o piñeiro do país (Pinus pinaster) e o piñeiro insigne (Pinus radiata). Para estas empresas supón a partes iguais o 48% da madeira de coníferas que utilizan. Ó marxe destas, o piñeiro silvestre (Pinus Sylvestris) é a terceira especie máis empregada, seguida doutras especies de piñeiro de produción local.
Ás empresas cústalles cada vez máis conseguir piñeiro da calidade axeitada para os procesos de fabricación que realizan
Un dos datos significativos sobre o sector é que a maioría das empresas madeireiras que participaron no estudo indican que cada vez lles custa máis traballo conseguir piñeiro de suficiente calidade tecnolóxica para os procesos de fabricación que realizan. “É preciso mellorar a calidade tecnolóxica da madeira de piñeiro para a súa transformación mecánica. Neste momento é escasa a calidade e a dispoñibilidade”, sintetiza o xerente do clúster madeireiro. Un 44% das firmas preguntadas recoñecen que pagarían máis ó produtor se a madeira fose de maior calidade. Isto débese, en gran medida, a que que de poder contar con mellor madeira, boa parte destas empresas poderían fabricar outros produtos que agora non están elaborando ou que son moi minoritarios. “Dispoñer de madeira con mellor calidade abriría a porta ó desenvolvemento de novos produtos, e polo tanto, á apertura de novos mercados”, explica Ricardo González. A día de hoxe, a madeira de piñeiro emprégase principalmente como madeira serrada para mobles, seguido da construción de palés e embalaxes. Os postes e as estacas é outro dos destinos máis frecuentes para os piñeiros, xunto coa carpintería. Produtos de primeira transformación a base de piñeiro elaborados polas empresas do estudo.

Características máis apreciadas

O estudo tamén indagou sobre aqueles caracteres máis valorados pola industria na madeira de piñeiro. As empresas insisten en que é primordial contar con árbores máis resistentes a enfermidades, xa que resulta un dos principais obstáculos para obter madeira de calidade. A industria tamén sinala a necesidade de mellorar a estabilidade dimensional dos piñeiros, o número de ramas ou o crecemento en diámetro. A densidade da madeira é outro dos caracteres que resulta de vital importancia para as empresas da madeira. De feito, este é un dos eixes sobre o que se están a centrar os traballos de mellora xenética desenvolvidos no Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra) nos últimos anos. A estabilidade dimensional, o número de ramas, a curvatura, o crecemento en diámetro e a densidade son os parámetros máis relevantes para as empresas do estudo. Conseguir que a corta da madeira se faga no momento axeitado para contar cunha menor porcentaxe de madeira xuvenil, que resulta menos aproveitable, é outro dos obxectivos que deben primar. As empresas que participaron no estudo tamén consideran prioritario reducir as fendas anelares que aparecen na madeira por diversos motivos e que provocan un efecto descontinuo. A resistencia mecánica que ofrece a madeira de piñeiro é outro dos aspectos sobre os que cren necesario seguir mellorando.

O camiño para lograr mellores árbores

As claves para conseguir piñeiros de boa calidade, segundo confirman as empresas do estudo, está nos traballos de silvicultura que se apliquen e na mellora xenética. Ámbalas dúas ferramentas son de vital importancia para as firmas madeireiras. Tanto é así que máis do 74% dos preguntados consideran necesario desenvolver programas de mellora xenética específicos para incrementar a calidade tecnolóxica da madeira. O mesmo acontece cando se lle pregunta ás empresas se é preciso seguir implementando os traballos de silvicultura, como podas ou claras, que se practican nas plantacións galegas. Máis do 70% indica que é moi importante realizar este tipo labores para obter madeira de calidade e que sería necesario mellorar neste ámbito.
A silvicultura, a mellora xenética e a ubicación das plantacións resultan claves para lograr piñeiros de calidade
Outro dos aspectos que condiciona o desenvolvemento das plantacións é a selección dos lugares nos que se realizan as plantacións. Aínda que non hai tanta unanimidade sobre se hai que corrixir os criterios ou a falta deles que seguen os produtores, máis dun 44% das empresas apunta a que sería recomendable tamén incidir nesta cuestión á hora de plantar piñeiros. “A mellora da calidade tecnolóxica está fortemente vinculada coa silvicultura que se practica, a ubicación das plantacións e os programas de mellora xenética”, conclúe Ricardo González, xerente do Clúster da Madeira de Galicia.

O PP quere fusionar o Centro Tecnolóxico da Carne e a AGACAL nunha Fundación de Investigación Agraria Aplicada

Un momento da Comisión de Agricultura do Parlamento Galego celebrada este xoves A Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento de Galicia, aprobou este xoves, na súa primeira sesión tralas eleccións galegas do pasado 12 de xullo, unha proposición non de lei do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, maioritario na Cámara do Hórreo, na que se insta á Xunta de Galicia a adoptar as medidas necesarias para "a creación dunha Fundación de Investigación Agraria Aplicada de Galicia sustentada na base da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne e nos centros de investigación da Consellería do Medio Rural", así como a desenvolver un plan estratéxico para esta nova Fundación. O presidente da Comisión, Daniel Vega, que foi quen defendeu a proposta en nome do PP, explicou que esta medida xa formaba parte do programa electoral co que o Partido Popular se presentou ás últimas eleccións, dado que, asegurou, "a innovación tecnolóxica é a base do futuro" e "a dixitalización, a investigación e a formación son as tres claves fundamentais para o sector agrogandeiro e forestal galego", dixo.
Baixo o paraugas da nova Fundación estarían o Centro Tecnolóxico da Carne, o CIAM de Mabegondo, o CIF de Lourizán, a EVEGA, o Laboratorio Fitopatolóxico de Galicia, os Centros de Formación e Experimentación Agraria e as Estacións Vitivinícolas
"Proponse a creación dunha fundación aproveitando a estructura existente, coa intención de integrar todos os centros nunha estrutura única pero diversificada que teña presenza en todo o mapa galego", insistiu Vega. Esta entidade de nova creación sería a responsable de "acometer o plan de formación e o impulso de novos produtos nos sectores agrarios, forestais e vitivinícolas", dixo.
O grupo que substenta ao goberno da Xunta pretende dar paso a un "rural 4.0" e "fomentar a colaboración público-privada na investigación agraria"
Os tres eixos nos que se basearía o seu funcionamento serían "a transferencia de coñecemento ao sector, un modelo organizativo que permita a sustentabilidade económica e a captación e retención de talento e a colaboración público-privada", detallou. Coa creación da Fundación Agraria Aplicada de Galicia o PP pretende dar paso a un "rural 4.0", en palabras de Daniel Vega, para "converter o I+D+i nun referente no rural e crear un novo polo estratéxico de investigación en Galicia". Poñer o CIAM nas mans de Baltar Pola contra, para os grupos da oposición, BNG e PSdeG-PSOE, a nova Fundación non sería máis que "un chiringuito ao servizo do señor Baltar". "Hai que chamarlle ás cousas polo seu nome. Vostedes están empeñados en reventar toda a estrutura pública de formación e investigación, como fixeron coa Extensión Agraria e as Oficinas Comarcais, e queren coller un ente investigador de primeira categoría como é o CIAM e sumilo nun ente instrumental de segunda categoría, porque o Centro Tecnolóxico da Carne non cumpre cos requisitos para ser considerado ente investigador e leva dous anos sendo investigado por desvío e malversación de 2 millóns de euros de fondos europeos en paparotas, ao máis puro estilo caciquil do señor Baltar", afirmou Xosé Luis Rivas, Mini, en nome do BNG.
Galicia non necesita máis chiringuitos ao servizo do señor Baltar (Martín Seco, PSOE)
Na mesma liña se manifestou o representante socialista, para quen, sen embargo, "adoptar un modelo de fundación similar ao que se puxo en marcha no País Vasco ou en Cataluña podería servir para captar fondos para a investigación froito da colaboración público-privada" pero que nas mans do actual goberno da Xunta "pode ser un mero modelo de políticas-escaparate ou un novo chiringuito onde colocar aos amigos do PP baixo a supervisión do señor Baltar", asegurou o deputado Martín Seco. Desmantelamento da investigación pública agraria "Vostedes teñen maniatado ao CIAM, porque non só non lle dan recursos senón que lle impiden ter listas propias de persoal investigador, porque pensan que o CIAM vai facer competencia á iniciativa privada. Nos últimos anos deixaron sen merenda ao Agacal e déronlle unha comilona de 6 millóns de euros ao CETECA, que, sexamos claros, está ao servizo de Coren, que é quen dirixe o Centro Tecnolóxico da Carne", asegurou Mini.
Vostedes queren coller un ente investigador de primeira categoría como é o CIAM e sumilo nun ente instrumental de segunda categoría, porque o Centro Tecnolóxico da Carne non cumpre cos requisitos para ser considerado ente investigador (Xosé Luis Rivas, BNG)
"O PP, que gobernou 33 dos 39 anos de Autonomía, non apostou por modernizar os centros de investigación. E desde o 2009 danse continuos bandazos, abandono e deterioro. Os propios investigadores denuncian este abandono", considerou Martín Seco. "O centro de Mabegondo non está desaparecido nin moito menos. Séguese investigando con cultivos como o millo e razas como a frisona ou a rubia galega", contestoulles o deputado popular Daniel Vega.

Estrea do novo director da Agacal

O pasado 17 de setembro o Consello da Xunta aprobou o nomeamento de José Luis Cabarcos Corral en substitución de Manuel Rodríguez como director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o ente público do que dependen catro centros de investigación de referencia en Galicia –o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán (CIF), a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) ubicada en Leiro e o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (LAFIGA)– e seis Centros de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) –Sergude, Guísamo, Lourizán, Becerreá, Monforte de Lemos e Pedro Murias de Ribadeo–.
Para min é unha honra e un grande desafío. Como recén chegado, porei todo o meu empeño en facer da Agacal unha axencia mellor (José Luis Cabarcos)
Este xoves Cabarcos estreouse na Comisión de Agricultura do Parlamento para respostar a unha pregunta do BNG sobre a xestión do Goberno galego en relación co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e demais centros de investigación da Consellería do Medio Rural que realizan investigación aplicada no ámbito agrario. "Para min é unha honra e un grande desafío. Como recén chegado á Consellería do Medio Rural, porei todo o meu empeño en facer da Agacal unha axencia mellor", prometeu o seu novo director. "Son consciente de que son necesarias melloras significativas pero nos últimos anos téñense feito esforzos orzamentarios importantes. Só nos últimos dous anos a partida en gastos do CIAM aumentou un 127%, sendo neste 2020 de 700.000 euros. Estase traballando para crear unha estrutura de persoal administrativo que permita aos investigadores centrarse na súa faceta investigadora, descargándoos do traballo burocrático e temos previsto cubrir as prazas vacantes do persoal investigador. Neste momento estase a redactar tamén o proxecto para crear en Mabegondo un edificio para o Banco de Xermoplasma de Galicia cun orzamento de 3,2 millóns de euros. A importancia que se lle presta á investigación desde a Consellería é incuestionable. O orzamento da Agacal en 2020 supera os 16 millóns de euros", subliñou o seu novo director. 
O CIAM arrastra desde hai anos problemas de persoal, ao non cubrirse as prazas vacantes, e de dispoñibilidade orzamentaria
"O 50% dos postos de investigación do CIAM están neste momento sen cubrir e 700.000 euros de orzamento anual son unhas migallas para un deterioro de 12 anos. Ao PP non lle interesa a investigación agraria pública, a que está ao servizo de todos. O bipartito puxo en marcha o Ingacal, que xa estaba previsto por Manuel Fraga, e que era necesario para a modernización da investigación agraria, pero vostedes tardaron 6 anos en montar a Agacal e non sei para que. Non solucionou ningunha das carencias que tiña. O panorama que temos hoxe é unha axencia desmantelada e a aniquilación de toda a investigación pública. Este conto non terá bo remate se vostede non lle pon xeito. E visto o pago que lle deron ao anterior director non sei se darlle o pésame no canto de felicitalo", respostoulle Mini, que destacou a "importancia clave" da investigación para a modernización da produción agrogandeira galega. "O exemplo é Irlanda, que despega porque aposta polo asesoramento e a investigación pública. Nós estabamos á cabeza de Europa en investigación en millo híbrido na Misión Biolóxica de Galicia e eses coñecementos fóronse para Francia. Onde está a escola que creou o señor Moreno sobre o millo. Onde están os resultados dese esforzo?", exemplificou.  O CIAM dispón dun edificio para investigación de 7.400 metros cadrados, dos que 2.000 son laboratorios. Conta ademais con 1.200 metros cadrados de invernadoiros e 10.000 de naves para gando, maquinaria e talleres. As instalacións complétanse con 4 fincas que suman 525 hectáreas en Mabegondo, Monfero, Pobra do Brollón e Guísamo. A mellora de forraxes, ensilados e concentrados para alimentación animal; a recuperación de sementes e variedades autóctonas ou as análises nutricionais de produtos como o leite son algunhas das súas liñas actuais de investigación.  

Presta declaración o xerente do Centro Tecnolóxico da Carne por malversación e fraude

Instalacións do CETECA en San Cibrao das Viñas A investigación iniciada no 2017 no Centro Teconóxico da Carne, cos rexistros efectuados fai tres anos nas súas dependencias, por supostos delictos de malversación e fraude nas subvencións públicas que recibe este ente dependente da Consellería do Medio Rural, reactivouse esta semana coa toma de declaración dunha parte do seu persoal, entre outros do seu xerente, Miguel Fernández, que foi antes director xeral da Consellería do Medio Rural, lembrou o deputado socialista Martín Seco. "Esta semana coñecemos a detención e posta a disposición da Xustiza de máis de media ducia de persoas que forman parte do Centro Tecnolóxico da Carne por presuntos delictos de prevaricación, falsidade documental e contra a Facenda pública. Esta é a estrutura sobre a que queren fundamentar a futura Fundación?", preguntou aos deputados do PP en relación á súa proposta de crear unha Fundación de Investigación Agraria Aplicada. Por iso, o PSdeG-PSOE presentou na Comisión de Agricultura celebrada este xoves unha emenda de substitución para que se investigue o acontecido no Ceteca. Desde o 2012 está prevista a súa disolución O Centro Teconolóxico da Carne, que ten a súa sede no Parque Tecnolóxico de Galicia, ubicado no municipio ourensán de San Cibrao das Viñas, depende da Consellería do Medio Rural e figuraba na listaxe de entes a extinguir aprobada polo Consello da Xunta o 16 de febreiro de 2012, segundo lembraron os representantes do PSdeG e do BNG. "No seu plan de racionalización da Administración paralela prevíase a extinción do Ceteca e a súa integración na Agacal", indicou Xosé Luis Rivas, que preguntou aos representantes do Partido Popular por que non se levou a cabo aínda a día de hoxe esta medida. "Esta Fundación que agora propoñen podemos sumala ao escaparate de Sergude e ás aldeas modelo deste conselleiro que soña moito", engadiu.

Xornada sobre os requerimentos de madeira da industria forestal galega

O sector da industria da madeira galega participará o próximo martes 28 de novembro xunha xornada organizada polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán. O obxectivo, coñecer os requerimentos de produto das empresas galegas e comprobar se esa demanda se adapta ós programas de mellora xenética e silvícola.

Está prevista a participación de representantes de Finsa, Ence, Confemadera, propietarios forestais e investigadores. A xornada vai dirixida tanto a técnicos como a empresas do sector, propietarios forestais e comunidades de montes. Para a inscripción, hai que cubrir a correspondente folla de solicitude e enviala a infolourizan.mr (arroba) xunta.gal.

O programa da xornada é o seguinte:

9 h. – Presentación. Representantes da Dirección Xeral de Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural

9:10 h. – Programas de mellora xenética e silvícola de Pinus de Galicia.
Relatora: Raquel Díaz Vázquez (Investigadora do CIF Lourizán).

9:50 h. – Programa de mellora xenética e silvícola de Eucalyptus spp.
Relator: Federico Ruiz Fernández (ENCE. I+D).

10:30 h. – Requerimentos das industrias como base para a mellora e a produción de madeira: taboleiro de fibra.
Relator: Carlos Rial Pérez (FINSA. I+D).

10:55 h. – Requirimentos das industrias como base para a mellora e a produción de madeira: pasta de celulosa.
Relator: Federico Ruiz Fernández (ENCE. I+D).

11.20 h. – Pausa café.

11:45 h. – Requirimentos das industrias como base para a mellora e a produción de madeira: madeira aserrada
Relatora: Ana Oróns (Confemadera).

12:10 h. – Requirimentos das industrias como base para a mellora e a produción de madeira:
madeira estrutural.
Relatores: Manuel Guaita Fernández (PEMADE – USC), Manuel Touza Vázquez (GAIN – CIS Madeira).

13:10 h. – Situación actual dos montes galegos e cortas actuais.
Relator: Juan Picos Martín (Uvigo).

13:35 h. – Visión dos propietarios forestais.
Relator: Francisco Dans del Valle (AFG).

14 h. – Conclusións e perspectiva da Xunta de Galicia.
Representante da Dirección Xeral de Ordenación Forestal da Consellería de Medio Rural.
Representante do CIS Madeira da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

14:15 h. – Debate.

O CIF Lourizán identifica familias galegas de piñeiro con alta resistencia ó nematodo

O nematodo do piñeiro é unha espada de Damocles para o monte galego. Polo de agora, a presenza da praga limítase a dous focos detectados en As Neves (2010) e en Salvaterra do Miño (2016), pero é unha incógnita se no futuro a expansión do problema pode ir a máis. Ante esa ameaza, o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán leva catro anos traballando na identificación de familias galegas de piñeiro do país (Pinus pinaster) que presenten resistencias á praga. Este ultimo ano comezou a traballar tamén co piñeiro insigne (Pinus radiata). Os resultados iniciais da investigación demostran que hai familias de piñeiros que se comportan mellor que outras, se ben non hai ningunha que sexa totalmente inmune ó nematodo. “A mortandade nos ensaios oscila entre o 75 por cento das familias máis susceptibles e o 10% das máis resistentes”, explica a investigadora Raquel Díaz Vázquez, coordinadora do proxecto.
En Portugal, ata o 2008 as áreas afectadas por nematado concentrábanse no sur do país. Actualmente chegan máis ó norte de Oporto
A identificación das árbores con mellores cualidades fronte á praga representa unha liña de defensa para o monte galego no caso de que, nun futuro, Galicia teña que convivir co nematodo. En Portugal, ata o 2008 as áreas afectadas por nematodo concentrábanse no sur do país, non máis ó norte do entorno de Lisboa. Actualmente, as zonas con problemas chegan ata Oporto e incluso máis ó Norte na zona centro-interior. Por tanto, non se pode descartar que a praga chegue a ter un impacto maior en Galicia, se ben as condicións climáticas galegas, con menos calor durante a noite, son menos propicias en principio para a expansión do problema. Investigación A investigadora Raquel Díaz Vázquez, do CIF de Lourizán, coordina desde o 2011 dous proxectos de investigación a nivel nacional sobre a enfermidade causada polo nematodo do piñeiro. Un dos proxectos, desenvolvido en Lourizán, céntrase na busca de planta resistente ó nematodo, en tanto que o outro, a cargo da Universidade de Valladolid, enfócase ó control do insecto vector do nematodo, o cerambícido Monochamus galloprovinciallis, insecto cun papel moi importante na enfermidade, xa que o nematodo nos se despraza por si mesmo.
A investigación desenvólvese nun invernadoiro do Centro no que se inocula o nematodo en plantas de piñeiro de 2-3 anos
O CIF de Lourizán está a valorar o comportamento de arredor dun cento de familias de piñeiros galegos que ten seleccionadas no marco do seu programa de mellora xenética da especie. A investigación desenvólvese nun invernadoiro do Centro no que se inocula o nematodo en plantas de piñeiro dun mínimo de 2-3 anos. A instalación permanece totalmente illada do exterior por medio dunha dobre porta de acceso e de medidas de bioseguridade, a fin de evitar calquera saída accidental da praga. Comparativas A investigación de Lourizán, que conta con financiamento de organismos públicos e de Inditex, está a evaluar tamén os resultados que acadan as familias galegas de Pinus pinaster e de Pinus radiata en comparación con outras especies, coma o piñeiro piñonero (Pinus pinea), o piñeiro carrasco (Pinus halepensis), o piñeiro canario (Pinus canariensis), o piñeiro silvestre (Pinus sylvestris) -tamén presente en zonas de montaña de Galicia-, e o piñeiro taeda (Pinus taeda).
O piñeiro taeda, unha especie americana, é resistente ó nematodo, pero coñécese pouco sobre o seu posible comportamento en Galicia
Este último, o piñeiro taeda, é unha especie americana resistente ó nematodo, se ben coñécese pouco sobre o seu posible comportamento na comunidade. “En principio, a mellor opción é a identificación de familias autóctonas de especies que xa se sabe que están ben adaptadas a Galicia, como o piñeiro do país ou o insigne, e que teñan un bo comportamento ante a praga”, valora a investigadora Raquel Díaz Vázquez. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán xa ten bastante avanzado ese traballo e nos próximos anos prevé afinar as conclusións, de cara a ofrecer recomendacións futuras sobre as familias de piñeiros que mellor responderían ante a presenza da praga en Galicia.