Archives

China: a construción dunha potencia láctea

China está multiplicando a súa producción láctea coa construción de macrogranxas na zona norte do país China aumenta a súa produción interna de leite e reduce as súas importacións. Produce xa máis leite que Alemaña, principal produtor europeo, e vai camiño de dobrar a Nova Zelandia, o seu principal provedor. Hoxe é xa o cuarto produtor mundial de leite de vaca, só por detrás dos EEUU, a India e a UE. A produción de leite en China está en mans de grandes empresas, como Modern Dairy, e triplicouse desde 2002, crecendo un 30% só nos últimos 5 anos. O xigante asiático logrou en 2022 unha produción de 39,2 millóns de toneladas e acabará 2023 por enriba dos 41 millóns. China está a multiplicar a súa produción dentro dunha estratexia impulsada polas autoridades do país, con importantes investimentos no sector co obxectivo de lograr unha maior autosuficiencia produtiva para garantir a seguridade alimentaria nacional reducindo a dependencia das importacións. O seu índice de autoabastecimiento acada xa o 80%, superior ao de países como España.
Comparativamente, China importa xa menos produtos lácteos que España
As políticas públicas fomentan o desenvolvemento de granxas lácteas a gran escala e unha maior produción de forraxes, debido á dependencia de insumos exteriores, por exemplo millo. China é tamén o maior importador de soia do mundo e o 60% procede de Brasil. A cabana gandeira do país aumentou considerablemente o pasado ano, coa importación de 232.000 cabezas de gando procedentes de Australia e Nova Zelandia, un incremento do 38% con respecto a 2021 e un récord en dez anos. Unha das 26 granxas que Modern Dairy, cuxo accionista maioritario é Mengniu, posúe en China A mellora xenética que achegan as vacas importadas e a mellora tecnolóxica e de xestión nas explotacións de gran tamaño contribúen a un incremento da produción por vaca. As de Modern Dairy, a maior empresa de produción láctea de China, que posúe 26 macrogranxas distribuídas en 7 provincias, producen unha media de 9.000 litros ao ano, superior á media do conxunto de países da UE.
A produción interna de leite en China triplicouse nos últimos 20 anos
China producía só 13 millóns de toneladas de leite en 2002. Son as mesmas que importa hoxe para cubrir o seu déficit interno. Varios foron os factores que impulsaron o consumo de lácteos nos últimos anos, entre outros, o aumento da inxesta láctea recomendada á poboación por parte das autoridades e o financiamiento por parte do Goberno dun programa nacional para proporcionar leite nas escolas, pero o desencadeante fundamental foi o aumento da clase media, que demanda produtos alimenticios de alta calidade. A agardada recuperación da demanda láctea de China non se está producindo ao longo deste 2023, mais o país segue incrementando notablemente a súa produción interna. No primeiro trimestre deste ano, a produción de leite de China aumentou un 8,5% interanual e espérase que acabe o ano no 5%, superando os 41 millóns de toneladas. Nos últimos 5 anos o xigante asiático pasou de producir 30,3 millóns de toneladas en 2017 a 39,3 en 2022, un incremento do 29,7%. O ritmo de crecemento foi in crescendo nos últimos anos: 1,2% en 2018, 4,1% en 2019, 7,5% en 2020, 7,1% en 2021 e 6,8% en 2022.
O prezo por litro de leite que recibe un produtor chinés está 5 céntimos por enriba do que cobra un gandeiro galego
O incremento na produción baséase na expansión das granxas nos últimos tres anos e ao aumento do seu tamaño. Se en 2015 as explotacións con máis de 1.000 cabezas representaban unha cuarta parte das existentes, 5 anos máis tarde eran xa o 44% e espérase que superen o 50% en 2025. O prezo pagado ao produtor sitúase nestes momentos en China en 52,3 centavos de dólar (xullo 2023), aínda que chegou a acadar os 61,2 centavos en xullo de 2022. Yili e Mengniu, os buques insignia chineses Principais empresas lácteas do mundo en 2022, segundo o ránking Rabobank (Fonte: OCLA) Entre as 10 principais empresas lácteas mundiais atópanse dúas chinesas, Yili e Mengniu cunha facturación en 2022 de 17,3 e 13,7 millóns de euros respectivamente, segundo o ranking anual elaborado por Rabobank. A industria chinesa enfróntase a un desafío importante, pois mentres a produción concéntrase no norte do país, o consumo acumúlase no sur e o leste. Mongolia Interior, Heilongjiang, Hebei, Shandong, Xinjiang e Henan son 6 provincias do norte que producen dous terzos da produción total do país.
A produción concéntrase no norte do país e o consumo nas cidades do sur
Mongolia Interior produce ao redor de 6 millóns de toneladas de leite ao ano, o dobre que Galicia, sendo a principal rexión produtora. Presenta un clima temperado durante todo o ano que ofrece as condicións ideais para o crecemento de pastos e forraxes. Esta rexión autónoma é a sede das dúas principais marcas lácteas do país, Yili e Mengniu, que posúen tanto granxas e terras para produción forraxeira como fábricas de envasado e transformación. O Val da Intelixencia e a Saúde do Futuro de Yili, coñecido como o Silicom Valley dos produtos lácteos, alberga fábricas de envasado de leite, iogures e preparados infantís co maior nivel de dixitalización tecnolóxica do mundo. A empresa utiliza estándares occidentais e comprometeuse, do mesmo xeito que fixo tamén Mengniu, a lograr a neutralidade de carbono en toda a súa cadea de produción agrícola, gandeira e industrial para 2050.
Yili comprou a segunda maior cooperativa de Nova Zelandia e Mengniu mantén unha alianza coa danesa Arla
Pero a industria láctea chinesa empezou xa a saír do país, asentándose principalmente en países da súa contorna, como Indonesia ou Tailandia, aínda que estendendo tamén a súa presenza a Nova Zelandia, Australia, Latinoamérica ou mesmo Europa. En Galicia a empresa Yeeper Dairy está presente en Monforte de Lemos, onde comprou Queserías Prado e proxecta novos investimentos para ampliar a súa planta de leite en po, que pertencera á cooperativa francesa Sodiaal. Fomento do consumo de lácteos O leite non formaba parte da dieta tradicional chinesa. Foi no século XIX, durante a dinastía Qing, cando este alimento foi introducido no país polos misioneiros e comerciantes estranxeiros. Durante décadas, o consuno de leite limitouse a zonas urbanas con presenza de poboación foránea. As primeiras industrias lácteas foron fundadas por empresarios británicos, franceses e daneses en cidades como Xangai, Tianjin ou Beijing.
O consumo per cápita sitúase en 36 litros ao ano, a metade que en España
Trala fundación da República Popular China en 1949, o goberno comunista comezou a promover o desenvolvemento da industria láctea no país, coa creación de granxas colectivas, cooperativas e empresas estatais. Pero o despegue do sector lácteo chinés non chegou ata as reformas económicas de 1978, que abriron o país ao sector privado e ao mercado internacional. A oferta multiplicouse coa entrada de novos actores e o consumo entre a poboación disparouse cunha clase media en expansión que busca unha alimentación máis variada e occidentalizada.
Mengniu, participada polo Estado, financia o programa espacial chinés, mentres Yili está involucrada no mundo do deporte
O consumo per cápita pasou de 25 litros en 2006 a 36 en 2019 e o consumo de leite entre a poboación está considerado hoxe en día beneficioso para a saúde, tralo impacto negativo entre os consumidores da crise do leite adulterado con melanina en 2008, que causou a morte a 6 bebés e a intoxicación a milleiros máis. Estímase que o consumo de leite cru superará as 43.000 toneladas en 2023. Os supermercados ofrecen frecuentes promocións de leite líquido e o prezo de venda sitúase en 12,58 CNY/litro (1,6 euros). O valor das vendas retallistas de produtos lácteos en 2021 foi de 62.000 millóns de dólares, o que o converte no segundo mercado máis grande do mundo despois dos EEUU.

China absorbe un de cada catro litros de leite que circulan polo mundo

A poboación nova das cidades do sur e o leste máis poboadas, cun perfil máis cosmopolita e moderno, é o prototipo de consumidor lácteo en China China segue sendo o gran motor da demanda de lácteos no mercado internacional, aínda que nos últimos dous anos está a reducir as súas compras. As importacións de produtos lácteos de China viñan medrando significativamente entre 2013 e 2021 (agás na crise de 2015) a unha taxa acumulativa do 10,6% anual, aínda que ese vento cortouse en 2022, cunha caída do 16,5%, que reduciu o crecemento ao 7,2% anual, e continúa tamén en 2023. No primeiro semestre deste ano, as importacións chinesas rexistraron unha caída do 10,4% en toneladas de produto, do 23,8% en litros de leite equivalentes e do 4,5% nos valores medidos en dólares.
China centrouse este ano en reducir as existencias acumuladas durante a pandemia
A situación coincidiu na primavera cunha produción mundial de leite superior á de anos anteriores nas principais rexións produtoras a nivel internacional, o que acentuou a caída de prezos xeneralizada de 2023. A economía chinesa non acaba de arrincar A caída nas compras de China responde a varios factores, entre eles unha maior produción propia, grandes stocks de produto tralas históricas compras do ano 2021 e o proceso inflacionario que está a lastrar o arranque da economía chinesa tralo levantamento das medidas de covid cero nas cidades. Historicamente sempre houbo unha forte relación entre o crecemento económico de China (medido polo PIB per cápita) e o seu volume de importación de produtos lácteos. Por iso, na actualidade, o momento dunha recuperación da demanda láctea chinesa segue sendo moi incerto.
China acapara o 25% das importacións de produtos lácteos no mundo
O comportamento das importacións chinesas é moi relevante para a determinación dos prezos en calquera zona produtora do mundo. As compras de China no mercado internacional acadaron o seu récord no ano 2021, con case 20.000 millóns de litros de leite equivalentes, o que supón unha cuarta parte de todo o comercializado no mercado internacional. É tal a capacidade chinesa para desestabilizar o mercado, que no ano 2022 unha caída do 17,1% nas importacións chinesas supuxo unha baixada de máis do 4% do comercio mundial de produtos lácteos, cando o comercio internacional de lácteos sobe normalmente a un ritmo dun 3% anual. 
Ante a caída nas compras chinesas, Fonterra buscou este verán refuxio nos mercados do norte de África
Este mesmo ano, a paralización nas compras de leite en po por parte de China obrigou á cooperativa neozelandesa Fonterra a buscar refuxio en Alxeria, ofertando en agosto 40.000 toneladas de leite en po a 3.000 dólares a tonelada na subasta de ONIL, para dar saída deste xeito aos seus excedentes non vendidos a China, o que provocou unha caída considerable nos prezos do Global Dairy Trade (GDT), unha das subastas de referencia a nivel internacional.  Protagonismo do leite en po Evolución das importacións de produtos lácteos de China (Fonte OCLA) Normalmente unha terceira parte do valor das importacións realizadas por China correspóndese con leite en po. Pero neste momento o crecemento do consumo interno de leite é lento, o que fai que parte do incremento que se está dando na produción de leite nacional acabe convertido en leite en po, o que fai diminuír a demanda de importacións. China é o principal importador mundial de leite en po enteiro e o seu principal provedor é Nova Zelandia. O 90% do leite en po enteira que entra a China procede deste país (456.841 toneladas en 2022). Séguenlle, a moita distancia, Uruguai (con 19.000 toneladas) ou Australia (con 13.000).
China mantén aranceis de represalia sobre a maioría dos produtos lácteos estadounidenses e condicións vantaxosas aos neozelandeses
España exportou o ano pasado un total de 437 toneladas de leite en po a China, unha cifra amplamente superada neste 2023 (ata agosto exportáronse 658 toneladas, un 35% máis que en todo 2022). O Acordo de Libre Comercio asinado en 2008 entre China e Nova Zelandia foi reducindo gradualmente os aranceis sobre os produtos lácteos importados por China desde Nova Zelandia até chegar a cero en 2019. Con todo, no acordo adoptáronse medidas especiais de salvagarda para determinados produtos, como o leite, o leite en po, a manteiga e o queixo. Unha vez que o volume de importación supera un tope, deixa de aplicarse o tipo arancelario acordado. O período aplicable destas medidas especiais finaliza en 2023. Aumenta o consumo de queixo O xigante asiático é tamén o principal importador de manteiga, mentres a compra de queixos mantense polo de agora nun segundo plano, aínda que a occidentalización da sociedade chinesa está a modificar os seus hábitos de compra e alimentación, incrementándose nos últimos anos o consumo de queixos, o que abriu oportunidades de negocio para empresas como a galega Quescrem, que é a empresa española que máis queixo vende en China.
O consumo de queixo segue concentrado nas cidades prósperas das provincias do sur e do leste
Prevese que o consumo de queixo siga crecendo, o que incentivará novos investimentos no sector, aínda que a produción queixeira a partir de leite de orixe chinesa segue sendo limitada e a maior parte do queixo producido en China (unhas 25.000 toneladas) incorpora queixo importado como ingrediente. O consumo de queixo segue concentrado polo momento nas cidades prósperas das provincias do sur e do leste. China importa anualmente unhas 150.000 toneladas de queixo. Nova Zelandia domina o mercado, con case o 70% do total, seguido de Australia, Italia e os EEUU.

Perspectivas do prezo do leite: “aterraxe suave” ata os 45 céntimos

Tralo vertixinoso incremento de prezos do leite en orixe vivido na segunda metade de 2022, a incerteza é máxima no mercado lácteo internacional para este 2023. Os produtores temen un descenso de prezos na primavera que faga desaparecer a súa actual rendibilidade nun momento de mantemento de altos custos de produción; mentres as industrias debátense entre a necesidade de garantir a súa subministración, debido á caída da produción, e uns prezos elevados que reducen as súas marxes de beneficio. Uns e outros son vítimas dunha situación de alta volatilidade que podería aínda manterse no tempo, segundo os analistas do IFCN (International Farm Comparison Network), unha das entidades de referencia a nivel internacional sobre o mercado lácteo, que prognostica unha importante caída de prezos ata a contorna dos 45-50 centavos de dólar (41-46 céntimos de euro) por litro.
Os prezos van decrecer e camiñamos en dirección á marxe cero para os produtores
Philipp Goetz, analista de IFCN, prevé dous posibles escenarios para este ano: unha "aterraxe suave" no novo nivel de prezo medio de 45-50 dólares por 100 kg, ou unha "montaña rusa" como a vivida entre 2013 e 2016, con prezos por baixo de 30 dólares en 2023 e unha recuperación en 2024. "O máis probable é o escenario 1", indica, "pero os prezos van decrecer e camiñamos en dirección á marxe cero para os produtores", advirte. Caída no prezo dos produtos lácteos Philipp destaca que "os prezos en orixe nos distintos países seguen a tendencia das cotizacións internacionais dos produtos lácteos industriais pero cun certo retraso" e explica que os prezos dos principais produtos, como a manteiga ou o leite en po levan xa meses descendendo, tanto en Europa como noutros mercados de referencia.
A estabilidade fora a tónica xeral nas cotizacións entre 2017 e 2021
A volta á inestabilidade nas cotizacións lácteas internacionais, que pasaran un período de 5 anos de calma, entre 2017 e 2021, devolve o mercado a un escenario incerto. "Analizando o comportamento do mercado desde 2006 vemos un patrón que se repite: na maioría dos casos temos ciclos de prezos de 3 ou 4 anos; a estabilidade vivida entre 2017 e 2021 é unha excepción", explica o analista do IFCN.
O índice de prezos IFCN alcanzou o seu récord en abril de 2022 con de 63 dólares
O indicador mundial combinado de prezos do leite do IFCN baséase na media ponderada de 3 indicadores mundiais: SMP e manteiga (32%), queixo e soro de leite (51%), e WMP (17%). O prezo medio dos últimos 15 anos (40 dólares) foi amplamente superado en 2022, cun pico nas cotizacións na primavera, alcanzando un novo récord de 63 dólares en abril de 2022, principalmente debido á escaseza na subministración mundial de leite e ao firme crecemento da demanda.
O comercio internacional desacelerouse debido á baixa dispoñibilidade nos principais exportadores netos
Pero esta situación reverteuse a medida que aumentaron as presións inflacionarias, o que levou a unha lixeira diminución da demanda, que fixo descender rapidamente as cotizacións ata os actuais 42 dólares por cada 100 kg. Descenso no prezo en orixe O descenso nas cotizacións mundiais no último tramo do ano 2022 arrastrou xa á baixa os prezos en orixe en EEUU, situados este mes de xaneiro ao redor dos 50 dólares (46 euros), tras tocar teito en 2022 situándose por enriba dos 60 dólares (55 euros), un nivel lixeiramente superior ao alcanzado en 2013-2014, cando os prezos pagados ás granxas de EEUU tamén viviran momentos altos para caer posteriormente en picado no 2014.
En EEUU os prezos descenderon xa desde os 60 dólares ata os 46 neste mes de xaneiro e espérase unha corrección similar en Europa nos próximos meses
En Europa, con todo, debido a unha notable caída na produción, os prezos no campo mantéñense de momento en cifras récord, con niveis superiores aos 55 céntimos nos principais países produtores neste mes de xaneiro. É o caso de Alemaña, primeiro produtor de leite da UE, aínda que o analista do IFCN espera unha corrección á baixa nos próximos meses, seguindo a senda do sucedido xa en EEUU. Freo no aumento da produción de leite En canto á produción de leite, "en xeral espérase que a produción mundial se manteña", prognostica o IFCN. "O alto custo de alimentación levou a unha diminución na produción de leite pero o prezo animou a súa recuperación", explica Philipp.
A incerteza e as baixas taxas de crecemento da oferta de leite a nivel mundial mantéñense polo momento
A evolución prevista para 2023 depende da rexión. "Nos últimos 3 meses, a rendibilidade dos agricultores na UE aumentou a medida que teñen niveis de prezos récord, e é por iso que a produción de leite nos países da UE tamén se está recuperando", indica.
Na UE a produción está a recuperarse debido aos niveis de prezo récord actuais
Os riscos dun incremento na produción incidirían nunha caída de prezos acelerada, como sucedeu na anterior crise láctea. "Houbo varios factores que afectaron á montaña rusa de prezos vivida en 2016-2017. Un deles foi que os altos prezos vividos en 2013-2014 levaron a un enorme aumento da produción e produciuse un exceso de oferta no mercado", lembra. Os pensos manteranse altos Aínda que o incremento de prezos vivido nos últimos meses produciu un desafogo nas explotacións, Philipp asegura que a rendibilidade das granxas estaría comprometida en caso dunha baixada de prezos, debido ao aumento dos custos de produción (pensos, enerxía) en 2022 e o seu previsible mantemento en niveis elevados en 2023. "Os prezos dos pensos manteranse nun nivel acelerado debido aos altos custos dos insumos (fertilizantes, prezos da enerxía), así como a eventos adversos como as consecuencias climatolóxicas do fenómeno La Niña, que afecta á produción en América Latina e Oceanía", asegura.
A rendibilidade das granxas verase espremida como en anos anteriores
“Os custos na granxa na maioría dos casos aumentaron máis rápido que os prezos do leite e é por iso que a rendibilidade das explotacións na maioría dos casos diminuíu ou é dalgunha maneira similar en comparación con anos anteriores. Sempre depende do tipo de granxa e cal sexa o sistema de produción, pero en xeral, a rendibilidade das explotacións verase espremida como en anos anteriores”, afirma. "A rendibilidade para os agricultores vese reducida e é por iso que a produción de leite tamén se está contraendo, con taxas de crecemento ano tras ano negativas ou estables na maioría dos países que estamos monitoreando. O aforro de custos, así como o aumento da eficiencia son os factores clave para obter ganancias hoxe en día", defende. Aumento da demanda china Países exportadores e importadores de leite e produtos lácteos no mundo China, principal importador de produtos lácteos a nivel internacional, é un factor clave en si mesmo, capaz de condicionar a evolución do mercado lácteo mundial. O fin dos confinamentos e das políticas de covid cero no país asiático poderían tirar de novo das importacións. "A apertura de China á vida normal novamente é un bo sinal para o mercado, xa que a demanda de restaurantes podería aumentar a medida que as persoas comezan outra vez para saír e a facer a súa vida. Pode tardar uns 2-3 meses, pero esperamos que China volva ao mercado e isto tamén impulsará a evolución dos prezos en 2023", asegura Philipp.
China volverá ao mercado en 2 ou 3 meses e iso impulsará a evolución de prezos en 2023
Na parte negativa da balanza situaríase o descenso de poboación, un factor de preocupación de fronte ao futuro. "A demanda verase afectada xa que a poboación chinesa minguou en 2022 por primeira vez en décadas e podería darse de novo unha diminución en 2023", teme. Países en desenvolvemento China acapara boa parte das importacións mundiais de leite e outros produtos lácteos, aínda que a demanda está a aumentar tamén noutros países en desenvolvemento. "As importacións serán máis importantes neses países e o máis probable é que o prezo do leite tamén aumente porque en moitos deles existe a necesidade de estimular a produción nacional de leite. As políticas que apostan por manter baixo de forma artificial o prezo, en función das estratexias e os plans de desenvolvemento dos gobernos, non son sostibles para o comportamento investidor das empresas estranxeiras e para formalizar o mercado lácteo que sería necesario para satisfacer a crecente demanda de produtos lácteos neses países", asegura Philipp. Só o 58% da produción mundial de leite entrégase ás industrias lácteas pero as proporcións de leite entregado ás industrias lácteas procesadoras varían notablemente entre países. De feito, máis da metade do leite transformado pola industria láctea no mundo é producida por só 7 países: EEUU, UE, China, Brasil, Arxentina, Nova Zelandia e Australia. Mentres, o comercio informal segue desempeñando un papel importante, sobre todo nos países en vía de desenvolvemento. O incremento da produción nestes países en desenvolvemento é imprescindible para garantir a súa subministración presente e futura, aínda máis nun escenario como o actual de freo no aumento de produción dos principais países.
Vemos marxes reducidas que conducen a unha desaceleración no crecemento da produción nos principais países exportadores
"Polo lado da oferta, vemos marxes reducidas que conducen a un menor crecemento da produción de leite en comparación con anos anteriores, cunha desaceleración esperada no crecemento da produción dos principais exportadores", indica Philipp. Efecto da inflación Consumo per cápita de leite por países O consumo per cápita de leite a nivel mundial sitúase de media en 123 kg por persoa ao ano, aínda que hai notables diferenzas entre as distintas rexións. Os países do centro e norte de Europa, así como Australia e Nova Zelandia sitúanse á cabeza, cun consumo medio de máis de 300 kg. "A onda de inflación non só inflúe na toma de decisións dos consumidores, senón que tamén provoca que os agricultores reduzan os seus investimentos. O rápido aumento dos prezos dos fertilizantes, a enerxía, os salarios, os materiais de construción, etc. está a exercer presión sobre as marxes de beneficio das explotacións leiteiras. Para que o sector se recupere, será importante que os custos dos insumos non consuman os ingresos agrícolas adicionais dos prezos do leite, aínda bastante favorables", asegura IFCN.
En 2022, observouse unha diminución continua no crecemento da produción cunha lixeira recuperación a nivel mundial a finais de ano
O custo de produción de leite aumentou un 9% en media en 2021, principalmente afectado por un aumento nos prezos dos pensos. "Isto provocou que moitos países visen limitada a súa produción nacional", explica. A subministración de leite comezou a diminuír mensualmente desde setembro de 2021, aumentando a competencia polo leite cru entre os procesadores de lácteos. Este desequilibrio na oferta e a demanda, xunto cos altos custos, aumentou o prezo mundial do leite nun 23% en 2021 e levou o mercado a máximos históricos en 2022.

Tecnoloxía ao servizo da produción láctea

A dixitalización está a avanzar a pasos axigantados nos últimos anos na produción de leite. Segundo a análise realizada por IFCN, existen un total de 181 empresas a día de hoxe que ofrecen ás granxas distintos tipos de tecnoloxías aplicadas á produción láctea. No mapa mundial de tecnoloxía láctea aparecen grandes multinacionais, pero tamén pequenas compañías e empresas emerxentes que se abren paso. Do total das 181 empresas identificadas, 62 son start ups ou pequenas compañías con menos de 100.000 vacas monitorizadas; 42 empresas serían de tamaño medio, entre 100.000 e 1 millón de vacas; e 37 serían grandes compañías con máis dun millón de vacas en carteira.
Dáse unha repartición desigual das empresas tecnolóxicas, con claro dominio de EEUU e a UE
A maioría das empresas de tecnoloxía láctea, focalízanse na monitorización e manexo do gando, dando información sobre distintos aspectos produtivos e de saúde dos animais. A metade son empresas de software, un 20% achegan solucións de automatización e outro 15% de sensorización ás granxas. Tras centrarse ata o de agora en muxido, alimentación e saúde, os aspectos ambientais como a pegada de carbono e a xestión da auga serán os próximos grandes retos das explotacións leiteiras e aos que estas tecnoloxías prestarán apoio.
A propiedade e o intercambio de datos son problemas importantes. Este é o desafío para a próxima década
"A propiedade e o intercambio de datos son problemas importantes. Este é o desafío para a próxima década", afirma Walt Cooley, analista de IFCN e autor deste primeiro mapeo de tecnoloxía láctea. Segundo a súa estimación, as explotacións lácteas  investiron un total de 24 billóns de dólares entre 2015 e 2020 (só en 2020, 7,9 billóns), dos cales máis dun billón estaría relacionado coa introdución de tecnoloxías e dixitalización, un mercado en constante crecemento.

China dispara as súas importacións de leite en pó, manteiga e queixo

Animada pola recuperación económica tras superar a crise do Covid19, China está a incrementar notablemente as súas compras ao exterior de productos lácteos neste 2021. Así, segundo os datos que ven de publicar o Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea, entre xaneiro e maio China incrementou nun 47% con respecto ao mesmo período de 2020 as súas compras de leite desnatado en po (SMP polas súas siglas en inglés), nun 66% as súas compras de queixo, nun 23% as de leite en pó enteiro (WMP polas súas siglas en inglés) e nun 24% as de manteiga. O xigante asiático xa é o primeiro comprador mundial de leite en pó e manteiga e o cuarto en queixos. Este é o ránking dos principais importadores mundiais de produtos lácteos nos primeiros cinco meses de 2021:

A Unión Europea perde terreo nas vendas ao exterior

No lado das exportacións, Nova Zelandia, a Unión Europea e Estados Unidos seguen disputando o liderado: Nova Zelandia incrementou nun 10% as súas vendas ao exterior de leite en pó enteiro, un sector no que é líder indiscutible, e as de queixo, pero baixou as de manteiga e leite desnatado en po. Estados Unidos, aumentou nun 16% de xaneiro a maio as súas vendas ao exterior de leite desnatado en pó, e nun 6% as de queixo. E a Unión Europea tivo peor evolución das súas exportacións nos primeiros meses do ano: só incrementou as vendas ao exterior de queixo, nun 7%, e baixou nas dos outros produtos lácteos.

Evolución dos prezos dos produtos lácteos

En canto á evolución dos prezos internacionais dos produtos lácteos, os últimos datos, do 8 de agosto, reflicten unha lixeira suba en Estados Unidos e, en menor medida, na Unión Europea, e un descenso en Nova Zelandia.

A empresa chinesa Yeeper ampliará a súa planta de Monforte con dúas novas liñas de fabricación de leite en po e aceite de manteiga para alimentación infantil

Vista das instalacións actual da planta de Oviganic Ibérica no polígono industrial do Reboredo, en Monforte O Consello da Xunta declarou este xoves iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de Oviganic Ibérica, a antiga Euroserum, para a ampliación e modernización da planta produtiva que a empresa ten no municipio de Monforte de Lemos. Así, a declaración aprobada esta semana permite dar carácter prioritario aos trámites que son competencia do Goberno galego para a posta en marcha desta actuación, reducindo os prazos administrativos á metade ao tempo que se manteñen todos os requisitos técnicos e normativos. O obxectivo último é axilizar a execución deste proxecto que prevé a creación de ao redor de 50 novos postos de traballo entre directos e indirectos e investimentos por valor de 16 millóns de euros. O proxecto de produción de derivados lácteos que se está a desenvolver no polígono industrial do Reboredo, en Monforte, suporá a eliminación de custos económicos e ambientais completando nun mesmo territorio as cadeas de subministración de materias primas e elaboración dos produtos, e implicará aforros enerxéticos importantes no proceso produtivo, no envasado, no transporte e na comercialización. Ademais, a partir do seu deseño como iniciativa tractora que complementa cadeas de valor, prevé "dinamizar sectores económicos estratéxicos para Galicia, como as explotacións gandeiras de gando bovino, ovino e caprino", segundo destaca a Xunta. Relanzamento da planta desde o ano 2019 A ampliación e modernización da fábrica –adquirida polo grupo chinés YeePer á cooperativa francesa Sodiaal no 2019– ten como finalidade ampliar a súa capacidade produtiva e mellorar a súa competitividade, construíndo unha nova liña de fabricación de leite en po para alimentos infantís de alta gama e instalando unha planta de elaboración (a partir de nata procedente de leite de ovella, cabra e vaca) de aceite de manteiga, preparado base para a produción doutros produtos alimenticios.
A empresa chinesa investiu xa máis de 15 millóns de euros en Monforte en dúas liñas de desmineralización de soro e de envasado de mestura seca
Oviganic Ibérica vén desenvolvendo de forma innovadora programas de industrialización e comercialización de produtos lácteos destinados á venda no exterior e que comercializa principalmente en China. Ademais da posta en marcha do proxecto declarado iniciativa empresarial prioritaria, a empresa está a realizar na actualidade investimentos por valor de case 16 millóns de euros para crear dúas novas liñas de desmineralización de soro e de envasado de mestura seca, que suporán un incremento do cadro de persoal a 66 traballadores, 17 máis dos actuais. Ademais, a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, concedeu á empresa unha axuda de 3 millóns de euros para apoiar un proxecto enmarcado nos apoios de transformación e comercialización de produtos agrarios que teñen como obxectivo fomentar os investimentos para a creación, ampliación e modernización deste tipo de instalacións.

Unha alternativa para incentivar a produción de leite de ovella e de cabra en Galicia

Visita do director xeral de Gandería, José Balseiros, a Oviganic en xaneiro do ano pasado, acompañado polo director da planta monfortina, Joaquín Garrido  A planta de Monforte, que comezou a súa andadura secando leite de vaca para a produción de soro e leite en po, mudou a súa materia prima principal coa adquisición da factoría por parte da multinacional chinesa, especializada na produción de leites maternizadas e produtos de alimentación infantil, onde se emprega en maior medida leite de cabra máis ca de vaca polo seu maior parecido ao leite humán. Na actualidade a maior parte da materia prima que se usa na factoría monfortina procede de explotacións de leite de ovella e cabra de Castela e León, debido a que en Galicia este tipo de produción é moi escasa e destínase fundamentalmente á produción de queixos. 
Na actualidade a maior parte da materia prima que emprega Yeeper na súa planta de Monforte procede de explotacións de leite de cabra de Castela e León
O proxecto de Oviganic Ibérica é a terceira iniciativa empresarial prioritaria de Galicia, unha figura recollida na Lei de implantación empresarial e que se consolidará na Lei de reactivación económica que se tramita no Parlamento. Búscase así potenciar a captación de investimentos e a creación de emprego de calidade con máis simplificación administrativa, máis incentivos fiscais ás empresas e máis facilidades para acceder ao solo empresarial. Terceiro proxecto declarado iniciativa empresarial prioritaria en Galicia Así, en xuño do ano pasado o Consello da Xunta catalogou como prioritarias as iniciativas das empresas Hijos de Carlos Albo, para a construción dunha nova planta produtiva na Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan); e de Aluminios Cortizo, para a creación dun campus tecnolóxico no municipio de Padrón. A execución de ambos os proxectos suporá a creación de, polo menos, 350 postos de traballo directos e investimentos por valor de 60 millóns de euros. A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, e o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios a través da Oficina Doing Business, creada polo Goberno galego para contribuír á eliminación de obstáculos e barreiras á actividade empresarial. No caso da planta de Oviganic Ibérica de Monforte, a Xunta valora que servirá para "impulsar o desenvolvemento produtivo a nivel local de explotacións gandeiras, a mellora da competitividade e a presenza internacional a través da innovación".

China compra cada vez menos viño

A poboación chinesa compra cada vez menos viño, sobre todo ao exterior. En concreto, tras alcanzar o seu máximo histórico en 2017 con 751 millóns de litros, China importou pouco máis de 430 millóns en 2020. Os efectos da pandemia do coronavirus Covid19 non fixeron senón acentuar a crise das importacións neste mercado asiático, que pecharon o pasado ano cun descenso que rozou o 30% respecto de 2019. Así se recolle nun informe realizado polo Observatorio Español del Mercado del Vino e dispoñible grazas ao acordo de colaboración coa Organización Interprofesional del Vino de España. O pasado ano todas as categorías de viños rexistraron fortísimas caídas, nun mercado no que o viño envasado non espumoso representou máis do 70% do volume e do 90% do valor total. Granel e bag-in-box baixaron de prezo en torno ao 15%, con forte subida en envasados e espumosos. Os 15 principais provedores rexistraron notables perdas salvo Arxentina, cuxo volume exportado a China triplicouse grazas a unhas vendas dun granel moi barato. En envasados, motor das compras, non se salva ninguén. Chile foi o que máis caeu e pasa de primeiro a terceiro provedor en volume, superado por Australia e Francia. O viño español perde cota, aínda que permanece como o cuarto máis importado. En concreto, España mantense como cuarto exportador de viño a China en volume a pesar de caer un 37,4% en 2020 até os 40,7 millóns de litros, 24,4 millóns menos que en 2019 e moi lonxe dos 134,4 millóns vendidos en 2017, o seu mellor ano até a data. En valor, as exportacións españolas de viño a China ascenderon a 622 millóns de yuans (-32%), cuxo prezo foi o segundo máis baixo entre os 15 analizados, só por riba de Moldavia. En definitiva, China reduciu as súas importacións de viño en 2020 un 30% en volume e máis do 25% en valor, a un prezo un 6% superior. "Moitos achacan o desastre das importacións chinesas á pandemia de coronavirus, que levou importantes restricións comerciais; e claro que afectou, aínda que hai que puntualizar que as compras chinesas xa viñan caendo en picado desde 2018, tras alcanzar máximos históricos en 2017 e rexistrar un desenvolvemento excepcional desde o ano 2000", explican desde o Observatorio Español del Mercado del Vino.

Situación do sector lácteo en China, o país con granxas de 100.000 vacas

China erixiuse nos últimos anos no principal importador de produtos lácteos, con case 11.000 millóns de euros de compras ao exterior o pasado 2019. Sen embargo, o xigante asiático, cuxa poboación incrementa ano a ano o seu consumo de leite, aspira a ser autosuficiente, baseando o seu crecemento en macrogranxas e en grandes conglomerados empresariais que controlan o sector. Para analizar a situación actual do sector lácteo chinés e que impacto tivo a crise do coronavirus Covid 19 sobre o mesmo, o Institut de L´Élevage (IDELE) francés, organizou a pasada semana un webinar impartido por Jean Marc Chaumet, o seu experto naquel país. Como punto de partida, destacar que o prezo medio do leite en orixe en China situouse en 2019 en 0,46 € el litro, un 5,5% por riba do de 2018 e o máis alto dende 2014. O prezo permanece estable dende o 2015 debido a que está atrapado entre os custos de produción elevados e o prezo dos produtos lácteos importados. A produción mantense estable en arredor de 32 millóns de toneladas (un 4% máis ca en 2018), e un 6% máis que en 2008, cando o sector viuse moi afectado pola crise da melamina. Entre 1996 e 2006 rexistrouse o gran salto da produción de leite de vaca en China, ao pasar de 5 a case 30 millóns de toneladas. Máis que en ganderías familiares, en China a produción de leite está moi vinculada a empresas gandeiras, cada unha con ducias de miles de vacas, que lle venden ás industrias lácteas. O control do gasto en alimentación -o prezo da soia e do millo permanecen estables- e a suba dun 5% nos prezos do leite permitiulle a estas empresas lograr importantes beneficios en 2019.

Evolución dos resultados das principais empresas chinas de producción de leite de vaca:

En canto á industria láctea de China, o 2019 tamén foi un bo ano tanto en facturación como en beneficios empresariais, cun forte crecemento das dúas empresas líderes (Yili e Mengniu) que cada vez monopolizan máis o mercado interno chinés.

¿Que produtos lácteos consomen en China?

En canto ao consumo de leite e derivados lácteos en China, segue a súa tendencia á alza, cunha media de 30 litros por habitante e ano, un 5% máis que en 2018 (en España a media sitúase en 70 litros). O consumo de leite de vaca asóciase a beneficioso para a saúde e tamén a un acto de pracer. Polo que respecta ao tipo de produtos lácteos, os consumidores chineses elixen fundamentalmente leite líquido e leites fermentados, que representan o 97% das vendas en valor. Polo de agora hai pouca demanda para o queixo, aínda que se incrementa o seu consumo de forma sostida. En concreto, os produtos lácteos fermentados acaparan o 36% das vendas en valor; o leite UHT o 22%; outros leites líquidos un 17%; o leite aromatizado o 14%; o leite pasteurizado un 8% e os queixos soamente un 2%.

Reparto das vendas de produtos lácteos en China en valor:

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Sen embargo, a produción de leite en China só cubre arredor do 75% das necesidades do país, polo que ten que recorrer ás importacións, que o pasado ano acadaron os 10.700 millóns de euros, correspondendo o 43% a leite en pó para alimentación infantil, a través de empresas como Yeeper, asentada desde fai un ano en Monforte.

Evolución das importacións de China de produtos lácteos en valor:

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78936" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Macrogranxas de ata 100.000 vacas que se construirán este ano

A crise do coronavirus tamén afectou ao sector lácteo chinés, polo confinamento da poboación e os efectos negativos na economía. As vendas de produtos lácteos baixaron, principalmente a de derivados lácteos de alta gama, polo que se calcula que os beneficios da industria láctea caerán un 65% e o 40% das empresas entrarán en perdas, principalmente as industrias rexionais. Malia esta crise puntual, a produción nos primeiros meses do ano segue á alza e o prezo do leite en orixe situouse en maio nos 0,47 euros o quilo, un 1% máis que no mesmo mes de 2019. A confianza en que a demanda chinesa de produtos lácteos continuará aumentando, sobre todo a medio prazo, leva a que as principais industrias lácteas do país sigan investindo na construción de grandes macrogranxas. Así, no mes de marzo a empresa produtora láctea Junlebao comezou a construción dunha granxa de 12.000 vacas na provincia de Hebei. E en abril, Yili, a primeira industria láctea do país, empezou a construir unha serie de granxas en Mongolia Interior para 100.000 vacas en produción, e outra macrogranxa de 50.000 animais na provincia de Ningxia.