Archives

“O cultivo da cebada é sinxelo e tanto o grao como a palla páganse ben”

Javier Losada é un agricultor de Xinzo de Limia que traballa unhas 100 hectáreas, nas que o seu cultivo principal é a pataca pero tamén sementa colza, xirasol, centeo, trigo e cebada. Precisamente, deste último cereal cultivou este ano 16 hectáreas, das que unha parte importante se destinarán á elaboración de cervexa, grazas a un acordo con Estrella Galicia que este ano realizou un ensaio na comarca da Limia con resultados moi positivos. Falamos con el sobre o manexo deste cultivo e o potencial que lle ve. -Cóntanos Javier como é a túa explotación agrícola e cales son os principais cultivos aos que te dedicas... Cultivo varios cereais: trigo de inverno, trigo de primavera, centeo, cebada, colza, xirasol e pataca. En total cultivamos sobre 100 hectáreas, das que 33 están adicadas á pataca, o principal cultivo, e do resto pois temos entre 15 e 18 hectáreas. A idea é facer rotación de cultivo a tres anos. -Fuches un dos que colaborou con Estrella Galicia para cultivar cebada na Limia, destinada á elaboración de cervexa. Como valoras en xeral a experiencia? A valoracion é positiva pois o tempo axudou, porque choveu bastante na primavera, de forma que cando necesitaban auga veulle. Este ano saliu moi ben. -Que te animou a cultivar cebada, tiñas xa experiencia previa con este cultivo?  Xa tiña sementado outras veces cebada pero non para cervexa. Facíao porque viñan veráns máis quentes e quedaba a terra máis areosa, e a cebada aguanta moito mellor a seca que o trigo de primavera. Nos meses de xaneiro e febreiro non choveu moito e a primavera tamén parecía que sería seca,  así que decidimos poñer menos trigo de primavera e máis cebada… Ainda que ao final choveu máis do que esperabamos e acabaron tendo un rendemento semellante. Se chega a ser máis seco a cebada tería un resultado moi superior ao do trigo. Destinamos sobre 16 hectáreas, pero non foron todas para cervexa, outras destinámolas para e elaboración de penso. -Cando realizastes a sementeira e como foi o proceso de cultivo? Sementamos a cebada o 3 de abril do 2023. A preparación é igual que calquera outro cereal de primavera, nada específico. O único requisito da cebada é que a terra teña un PH alto e a finca na que a cultivamos xa tiña o PH alto froito de cultivar patacas anteriormente. Non necesita demasiado abonad: tiñamos de pataca e non abonamos nada en fondo. De coberteira tampouco porque como choveu tanto, e co que quedou das patacas, foi suficiente para sacar o cultivo adiante.
 “A cebada é un cultivo que non pide demasiadas cousas”
Aplicamos funxicida e herbicida de postemerxencia e nada máis. Foi moi facil, a cebada non pide demasiadas cousas. O trigo de primavera pide máis abonado, funxidas e herbicidas. A cebada como bota moita folla non deixa subir a herba para arriba, asombra máis que o trigo e deféndese mellor da herba. Javier destinou este ano 33 hectáreas ao cultivo de pataca -Que dose de sementeira empregastes por hectárea? Que prezo tivo a semente? 210 kg de sementeira por hectárea. O prezo aproximadamente como un cereal, aproximadamente 100 euros por hectárea. -Como valoras o desenvolvemento do cultivo? A cebada o único requisito que ten especial respecto outro cultivo, é o PH…. pero esta finca tiña un 6 de PH, que é moi bo para a cebada, un 5,5 sería incluso mellor. Como digo, non é esixente de nutrientes do solo e deixa a terra moi no aire, ben aireada, mellor que o cereal de primavera. Empregamos herbicidas de postemerxencia só de folla ancha, e nada máis. Aplicámolos antes do afillado: deixamos que a herba estivera toda establecida e demos un único pase de herbicida. Non houbo abonado de coberteira, no meu caso. Igual nalgunha finca foi necesario. Na miña finca non foi preciso  porque a rotación era de pataca e quedou a terra bastante ben equilibrada. -Coñecías xa a variedade RGT Planet? Que opinión che merece? Sí, era a que usaba antes e vai moi ben. Temos outra da mesma casa de sementes que quedou un pouco por debaixo de produción, tiña o grao máis gordo pero o resultado foi parecido. 1000 kg arriba ou abaixo non é significativo neste caso. -No teu caso, como foi o rendemento das distintas parcelas? Foron todas en secaño ou houbo tamén en regadío? Uns 6000 kg por hectáre, todos andivemos aí e hai moi poucas diferencias. Foi todo en secaño, non houbo regadí. Sementouse en solo moi seco e aireado. Cando necesitou a auga veulle, coincidiulle ben. Foi un maio e xuño bastante chuvioso e coincidiulle moi ben. -Houbo algún problema de pragas, fungos…etc? Este ano non houbo nada, foi moi sinxelo, foi un ano moi bo. A climatoloxía foi boa e afecta moito á produción e á calidade.
 “A cebada é unha boa alternativa, especialmente para fincas areosas e con PHs elevados”
-Cal é o prezo que tedes acordado con Estrella Galicia? Cres que compensa o cultivo da cebada? Non podo contestar por confidencialidade do contrato con Estrella Galicia. Non ten grandes marxes pero é unha boa alternativa, especialmente para fincas areosas e con PHs elevados. O millo neste tipo de fincas vai ben pero necesitas regadío na zona da Limia, a cebada en principio non, con nada de auga que lle veña no momento xa lle chega. -A palla tamén ten unha boa saída neste momento. A quen lla vendedes e en que prezos se move? Este ano si, é moi escasa e está moi buscada e cotizada. Ademáis a de cebada págase un pouco mellor por ser de mellor calidade. Vendémoslla dende hai tempo a unha ganadería de vacún de leite de Boimorto.  Nun ano normal un bo prezo para a tonelada de palla serían 50 euros por tonelada e este ano estanse pagando entre 120 e 150 euros por tonelada. Isto débese á escaseza deste ano. Onde outros anos sacamos 8000 kg de palla, este ano sáenche 4000 kg. -Animaraste a seguir cultivando cebada para Estrella Galicia? O trato con eles foi moi bo, tivemos bo entendemento, visitaron a finca durante a campaña varias veces e mostraron interese. Non tería problema en repetir. -Como valoras en xeral a campaña do cereal este ano na Limia? O de inverno foi bastante mal, porque cando sementamos o cereal choveu moito e estiveron as fincas asolagadas bastante tempo e estragáronse bastantes plantas. Despois houbo xente que sementou tarde, en xaneiro, e as colleitas foron moi malas tamén… As que sementamos en novembro quedamos nunha media de 3500, 4000 ou 5000 kg por hectárea, onde outros anos teñen dado 7000 kg tranquilamente. As que sementamos en primavera deron resultados  moi bos: Chegamos aos 6000/7000kg, cando.normalmente andamos en 4000 de media. De 5 toneladas para arriba xa son moi bos resultados.

Estrella Galicia ensaia con éxito o cultivo da cebada na Limia para elaborar a súa cervexa

A semana pasada concluiu na zona da Limia a primeira colleita galega de cebada cervexeira cun éxito total en termos de resultados. Esta zona da laguna de Antela demostrou contar cunhas condicións óptimas para o cultivo deste cereal, alcanzando un rendemento de 152.000 kg nas 32 hectáreas cultivadas ao final da colleita.   O balance non pode ser máis positivo, xa que sitúa a esta zona cun potencial enorme para este cultivo, moi por encima dos rendementos obtidos en rexións tradicionalmente cerealistas como Castela e León ou Aragón, especialmente afectadas por la sequía. Cosecha de Galicia, empresa que pertence á Corporación Hijos de Rivera, comezou no 2009 este proxecto e este ano, en colaboración coa empresa Sementares, coordinaron a preparación deste cultivo con diferentes agricultores da zona da Limia.  As 32 hectáreas están dividas en 5 parcelas, e a variedade de cebada empregada é RGT PLANET, dentro do listado das variedades preferidas por Malteros de España. O obxectivo final é introducir este cultivo en Galicia e poder elaborar algunha das cervexas da compañía con malta de cebada de orixe 100% galega. Un dos principais focos está na necesidade de manter un contido proteico no grao de cebada dentro dun rango axeitado para o proceso de elaboración de cervexa, que debe estar entre 9 y 11%. Para alcanzar este obxectivo seguíronse prácticas agronómicas e optimización das técnicas nutricionais, que implican a redución do uso de fertilizantes nitroxenados e fosfóricos, facendo máis sostible o cultivo, evitando a contaminación de acuíferos e a eutrofización de augas superficiais.

Estrella Galicia lanza unha cervexa elaborada con derivados do leite de granxas galegas

Cervezas Estrella Galicia lanza a nova Milk Stout, elaborada con ingredientes obtidos a partir de leite de vacas criadas en granxas 100% galegas, como Pena Guisande, cuxas vacas se alimentaron do bagazo de Estrella Galicia. Esta nova edición especial lánzase a partir de hoxe cuns 20.000 litros á venda. O bagazo é o principal subproducto derivado do proceso de elaboración da cervexa, consistente na parte insoluble do mosto cervexeiro, principalmente cebada, e tamén é o alimento das vacas que producen o leite a partir da cal se elabora o soro que se emprega na fabricación desta nova cervexa. Trátase dunha cervexa de estilo Milk Stout cuxo principal trazo é a presenza de lactosa, ingrediente que se incorporou a algunhas cervexas a principios do século XX para achegarlles novos valores nutritivos e enerxéticos. No caso da nova Milk Stout, a lactosa engádese na caldeira de ebulición para proporcionar unha textura sedosa e unha escuma cremosa de cor beige. Tamén están presentes nesta receita as maltas tostadas, que lle outorgan unha cor marrón escura con reflexos rubí. O lúpulo Huell Melon, pola súa banda, achégalle matices afroitados e resinosos. O resultado é unha cervexa de corpo lixeiro e textura suave, cunha entrada lixeiramente doce, que dá paso a un sabor torrefacto e un final seco. “Con esta elaboración, logramos un produto cun significado moi especial, tanto polo valor dos produtos de proximidade que utilizamos para a súa elaboración como polo resultado final. A súa textura cremosa e os seus toques doces sorprenderán aos amantes da cervexa e aos que non o son tanto, que se atoparán cunha cervexa que pode adaptarse a todos os gustos”, comenta Luís Alvar, mestre cervexeiro de Estrela Galicia.

Aliados locais para un proceso innovador

Para este proxecto, Fábrica de Cervezas Estrella Galicia contou coa colaboración de varias empresas galegas. Galacteum, a industria láctea da coopeativa AIRA, foi a encargada de desenvolver o proceso, unha innovación pola cal a lactosa incorpórase en forma de soro, proporcionado pola queixería Celega. Para a súa obtención utilízase leite procedente de granxa galegas baixo a coordinación da cooperativa Aira. Unha destas granxas que integran a cooperativa é Pena Guisande, cuxas vacas se nutren do bagazo que lle fornece Estrella Galicia. Con este proceso, garántese que o leite utilizado é de orixe 100% galego e local. Milk Stout, de Fábrica de Cervexas Estrela Galicia, estará dispoñible a partir de hoxe, con preto de 20.000 litros que estarán á venda nunha selección de locais de hostalería e alimentación e a través da tenda en liña da compañía: https://bigcrafters.com/

Investigan sobre o aporte do bagazo de cervexa na alimentación de polos

O bagazo de cervexa, que leva anos sendo un complemento máis da alimentación de gando, en especial do vacún de leite, pode converterse tamén nun ingrediente da ración dos granxas avícolas. Unha investigación do Centro Tecnolóxico da Carne aborda alternativas na alimentación da aves cardiosaudables combinando distintos produtos entre os que se atopa o bagazo de cervexa. Na proposta, incluída no marco de actividades desenvolvidas no Mercado de la Cosecha, proxecto de impacto social da Corporación Hijos de Rivera; tamén está participando de forma activa a granxa avícola ecolóxica Galo Celta, de Vila de Cruces (Pontevedra). Nesta gandería están a probar xa a alimentar os seus animais con distintos ingredientes naturais e sen aditivos, como o bagazo, co obxectivo de lograr tanto carnes coma ovos que sexan alimentos cardiosaudables. En concreto, o bagazo procede da propia cervexeira galega Estrella Galicia, un subproduto resultante do proceso de prensado e filtración do mosto obtido trala cocción do cereal malteado que conta con propiedades positivas probadas na alimentación de algunhas especies animais polo aporte nutricional e proteico. Bagazo de cervexa incluído na ración das aves na gandería Galo Celta. O proxecto tamén é un xeito de contribuír a unha produción sostible, ó basearse no concepto da economía circular ó reintroducir o bagazo da fábrica de Estrella Galicia (A Coruña) nun novo ciclo produtivo e empregalo como materia prima, un recurso de proximidade que permite a Galo Celta reducir a súa pegada ambiental. Para Galo Celta, como afirma o seu propietario David Sueiro “o compromiso coa sostibilidade que asumimos a tódolos niveis estano permitindo impulsar o negocio”. Así, están a traballar na transición da súa explotación e procesos cara un modelo que lles permita lograr un impacto neto positivo, un camiño que os levou xa a que o seu produto estrela, os ovos de galiña, foran os primeiros en obter a certificación de pegada ambiental calculada en España.

Xornada técnica en Lugo sobre elaboración de cervexa artesá

Os vindeiros 6 e 7 de novembro terá lugar en Lugo unha xornada técnica gratuíta sobre “Elaboración de cervexa artesá: a diversidade de opcións”. Para inscribirse nesta xornada, organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), é preciso enviar un email a xornadacervexalugo@gmail.com Velaquí o programa:    

Xornadas en Lugo sobre elaboración de cervexa artesanal

A Oficina Agraria Comarcal de Lugo organiza os días 17 e 18 de outubro unhas xornadas centradas na elaboración de cervexa artesanal. Nas sesións abordarán a diversidade de opcións que se presentan ós produtores á hora de elaborar este tipo de bebidas. As xornadas celebraranse no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo. O xoves 17 a sesión arrancará ás 8:45 horas e prolongarase ó longo de toda a xornada, mentres que o venres 18 será só en quenda de mañá. Nos seminarios trataranse cuestións claves para a elaboración da cervexa como o cultivo da cebada cervexeira e do lúpulo, a calidade da auga para o preparado da bebida ou o proceso de fermentación. Tamén se coñecerán diferentes experiencias e proxectos e realizarase unha visita á plantación de lúpulo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña) e ó museo da cervexa Estrella Galicia, Mega, inaugurado o pasado mes de xuño e ubicado nas instalacións da fábrica cerveceira de Hijos de Rivera na cidade da Coruña. As xornadas son gratuítas pero será preciso inscribirse antes das 14:00 horas do próximo 16 de outubro. Os formularios de inscrición poden remitirse por fax ó 982 294 937 ou o email xbruna (arroba) xunta.es. As prazas son limitadas, e no caso das visitas, que se realizarán na xornada do venres, poderán participar un máximo de 30 persoas. Ademais, para rematar a sesión haberá un xantar que correrá por conta de cada un dos participantes. A continuación detallamos o programa das xornadas:

Xoves 17 de outubro

8:45 horas. Recepción dos asistentes e presentación da xornada. 9:00 horas. A calidade da auga para a elaboración de cervexa. Hussein Hussein (Departamento de Produción en Hijos de Rivera, SAU). 9:30 horas. O cultivo da cebada cervexeira. Benigno Ruiz Nogueiras (USC-EPSE Lugo). 10:00 horas. Caso práctico: O cultivo de cebada cervexeira en Galicia. José Manuel Leiras Fernández (A Pobra do Brollón). 10:20 horas. O malteado da cebada. Ismael Lozano Mencía, de Micromaltería Grannaria (León). 11:00 horas. O cultivo do lúpulo en Galicia. Javier José Cancela Barrio (USC-EPSE Lugo). 11:30 horas. Recuperación do cultivo do lúpulo en Bragança. M Ângelo Rodrigues (CIMO/IPB) (Bragança-Portugal). 12:20 horas. Co-fermentación: Efectos sinérxicos e o seu potencial. Joan Montasell de Lallemand Brewing España & Portugal (Cataluña). 12:45 horas. Os lévedos no proceso de fermentación da cervexa. David Carriba Alonso de Fermentis España (Madrid). 13:15 horas. Mesa redonda. 16:00 horas. A craft beer, pasado, presente e futuro. Enrique Cacicedo, de Cerveza Dougall ́s (Cantabria). 16:30 horas. Experiencias e proxectos das craft beer en España: -Fernando Iglesias. Responsable da Cultura Cervexeira de Hijos de Rivera SAU (A Coruña). -Luis González Portabales, de Cervexa Esmorga (Ourense). -Miguel Lojo de Paz, de Cervesa Maestró (Barcelona). -Mónica Somacarrera, Cerveza Ecológica Gabarrera (Madrid). -Pedro Mota, de Cerveja Nortada (Porto-Portugal). 17:45 horas. Mesa redonda. Moderador Carlos Brea. 19:00 horas. Cata de cervexas artesás.

Venres 18 de outubro (xornada de mañá)

Saída de Lugo ás 9:00 horas (Aula de Produtos Lácteos da USC - fronte á Policía Local de Lugo). 10:00-11:30 horas. Visita á plantación de lúpulo e maquinaria (CIAM Mabegondo). 12:00-13:00 horas. Visita a MEGA: Mundo Estrella Galicia (A Coruña). 13:15-14:00 horas. Cata de cervexas en MEGA (A Coruña). 14:15-16:00 horas. Xantar en Estrella Galicia-Catro Camiños (A Coruña).

- Formulario de inscripción das xornadas. 

-Consulta o programa.

 

Xornada técnica sobre a elaboración de cervexa artesanal

Os días 8 e 9 de novembro celebrarase en Lugo a “Xornada Técnica: elaboración de cervexa artesanal, os lévedos”.

A xornada está organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Lugo, en colaboración con Estrella de Galicia, Lamelland, Cervezinox, Custom Drinks e o Laboratorio de Mircrobioloxía da universidade de Vigo. Esta acción de transferencia está incluída dentro do plan de transferencia do agro galego 2018 da Consellería de Medio Rural.

Para realizar a inscrición é preciso enviar a solicitude cuberta á OAC Lugo antes das 14:00 horas do día 7 de novembro, por fax: 982294937 ou mail: xbruna@xunta.es

Programa:

Día 8 de novembro, xoves (xornada de mañá)

Salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo (Ronda da Muralla, 71)

Programa:

9:00h Recepción asistentes e presentación da xornada.

-9:30h Illamento de lévedos e aplicación de lévedos líquidos autóctonos. Álvaro Rodríguez Alonso (Laboratorio de Microbioloxía da Facultade de Ciencias de Ourense – UVI)

-10:30h Lévedos cervexeiros e o seu potencial nos distintos estilos de cervexa. Joan Montasell (Technical Sales Manager de Lallemand España)

-12:00h As cervexas ácidas na práctica: consellos útiles para a súa elaboración.
Joan Montasell (Technical Sales Manager de Lallemand España)

13:00h Os lévedos nas fábricas de cervexa. Diego Vázquez Pedrouzo (Biólogo. Mestre cervexeiro – Estrella de Galicia)

14:00h Mesa redonda cos relatores da xornada.

14:30h Cata de cervexas

Día 9 de novembro, venres (visita técnica a Chantada). Saída fronte ao edificio da policía local en Lugo

9:00 h Saída do autocar á fabrica de Custom Drinks en Chantada. Guiará a visita o técnico Carlos Brea Pallares, produtor de cervexa ecolóxica.

15:00 h Regreso a Lugo

Descarga aquí a folla de inscrición

Descarga aquí o díptico