Archives

O monte ordeado en Galicia supera o medio millón de hectáreas

Un informe presentado no Consello da Xunta repasou os datos de superficie ordeada de monte en Galicia, que supera o medio millón de hectáreas, máis dun 25% do total. O dato actual da superficie suxeita a proxectos de ordeación representa ademais un incremento do 40% en relación co de 2018, cando se aprobou inicialmente a Primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara a neutralidade carbónica”. De cara ao futuro, trabállase co límite do ano 2028 para que todos os montes ou terreos forestais dispoñan dun instrumento de ordenación, establecendo a prohibición de aproveitamentos comerciais nos montes que incumpran esta obriga. Cómpre lembrar que en superficies menores a 15 hectáreas, será suficiente con que os propietarios se adhiran a un dos modelos silvícolas da Administración. Co obxectivo de cumprilo, no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, prevese unha intervención destinada a incrementar as superficies de montes ou terreos forestais ordenados, o que permitirá continuar convocando nos vindeiros anos novas ordes de axudas para a elaboración de instrumentos de ordenación e xestión forestal (IOXF), por considerarse que esta é a ferramenta máis axeitada para o cumprimento do obxectivo. Certificación sustentable En paralelo ós datos de superficie ordeada, o Consello da Xunta repasou os datos de certificación forestal. Galicia conta con 681.263 hectáreas de monte cunha certificación forestal sustentable, sexa PEFC ou FSC. Esta é unha cifra moi relevante, tendo en conta que PEFC certifica 2,7 millóns de hectáreas e FSC un total de 710.000 para o conxunto de España. Ademais, a nosa comunidade é líder en certificados de cadea de custodia -empresas autorizadas a cortar madeira certificada- por ambos sistemas. Desde a Xunta lembran tamén que o decreto que regula o novo contrato de xestión pública -próximo á súa aprobación- prevé como requisito que os novos contratos que se asinen, para substituír ós convenios actuais cos montes veciñais, se fagan a través dun proxecto de ordenación inscrito no Rexistro Galego de Montes ordenados. Isto, co fin de cumprir os obxectivos do Plan Forestal para o quinquenio 2020-2025 no que atinxe ao fomento da certificación forestal e a ordenación. Dita xestión deberá estar avaliada, polo menos, por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente e validado polas correspondentes entidades de certificación. Esta medida permitirá incrementar a superficie certificada facilitando o cumprimento do obxectivo establecido na Primeira revisión do Plan Forestal.

Terceira edición do programa ‘En Madeira, outra forma de construír’

FSC España reunirá o próximo 16 de febreiro a representantes institucionais, sectoriais e profesionais nun acto público centrado na cadea de valor forestal, a industria e a arquitectura en madeira. A xornada terá lugar na Sala Domingo Jiménez Beltrán, na Praza San Juan de la Cruz de Madrid. Esta xornada ‘Have a Wood Day’ de FSC España servirá como presentación da tercera edición de “En Madeira, outra forma de construír. O material constructivo sostible do século XXI”, publicación financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Para asistir é necesario facer a inscrición. Programa de la jornada 9:15 Benvida e presentación Interveñen: María Jesús Rodríguez de Sancho, directora xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación do MITECO. María Teresa Verdú, directora xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana. Dolores Huerta, DG do GBC España. Roberto Rubio, director de operacións da fundación Cesefor e presidente de FSC España Gonzalo Anguita, director executivo de FSC en España. 9:45 Mesa redonda de políticas forestais e suministro de madeira para usos constructivos Interveñen: Susana Jara, directora xeral de Medio Natural e Biodiversidade do gobierno de Castela A Mancha; José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia; José Ángel Arranz, director xeral de Patrimonio Natural e Política Forestal da Xunta de Castela y León; e Juan Ramón Pérez Valenzuela, director general de Política Forestal y Biodiversidad de la Junta de Andalucía. Moderadora: Elsa Enríquez, subdirectora xeral de Política Forestal e Loita contra a Desertificación do MITECO. 11:00 Coffee break 11:30 Mesa redonda de Arquitectura en madeira, e experiencias constructivas Interveñen: Daniel Ibáñez, CEO en IAAC -“Terrazas para a vida”-; Sandra Llorente, directora xeral en Lignum Tech -“El Cañaveral”-; e Guillermo Sevillano, CEO de Suma Arquitectura -“Biblioteca Gabriel García Márquez”-. Moderadora: Irene Jimeno, arquitecta y fundadora de Toca Madera·Sounds Wood. 12:45 Mesa redonda de empresas da madeira e construción Interveñen: Juan Antonio Gómez-Pintado, presidente de VÍA ÁGORA; Jacobo Aboal, director xeral de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal; Jacinto Seguí, director de consultoría técnica de FINSA; e José María Quirós, delegado de Industrialización de AEDAS HOMES. Moderadora: Genoveva Canals, coordinadora de Unemadera. 14:00 Presentación de MADERAULA Con Edgar Lafuente, xefe de área de industria e construción con madeira en CESEFOR. 14:15 Clausura e viño español

90 profesionais do sector forestal participan no webinar organizado por PEFC Galicia

Este martes, 26 de setembro, PEFC GALICIA organizou un webinar para dar a coñecer o novo Regulamento da Unión Europea contra a Deforestación (EUDR), que ten como obxectivo minimizar a contribución da Unión Europea á deforestación e degradación forestal mundial, así como promover prácticas sustentables nas cadeas de subministración. Máis de 90 persoas, principalmente traballadores de empresas forestais galegas, seguiron o webinar no que se analizou o alcance da nova normativa e as súas implicacións para empresas do sector forestal galego. No acto de apertura contouse coa intervención de Isabel Puentes, directora da Área de Promoción e Calidade da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), e Enrique Valero, Presidente do PEFC Galicia. O evento desenvolveuse en módulos diferenciados. No primeiro presentouse a situación actual da certificación forestal PEFC por parte de Ana Belén Noriega, Secretaria Xeral de PEFC España; mentres que no segundo, abordado por Belén Bris, Xefa do Servizo da Propiedade Forestal e Odón López, Xefe do Servizo de Xestión Forestal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, explicouse o Regulamento de Deforestación da UE, requisitos e o papel da Xunta de Galicia, así como as distintas aplicacións desenvolvidas pola administración que axudarán ao cumprimento da lexislación. No terceiro módulo interviñeron de xeito conxunto Marta Salvador, directora técnica de PEFC España, e Pablo Narváez, responsable de Cadea de Custodia & Desenvolvemento de Marca. Os dous ponentes informaron sobre a Norma PEFC ST 2002:2020 de Cadea de Custodia de produtos forestais e arbóreos, e sobre o Sistema de Dilixencia Debida recollido dentro da propia Norma, contrastando os requisitos actuais coas novas esixencias establecidas no Regulamento da Unión Europea contra a Deforestación (EUDR).

Obrigatorio para as pemes e micropemes a partir do 30 de xuño de 2025 e para as grandes empresas a partir de decembro do 2024

O EUDR entrou en vigor o 29 de xuño de 2023 e será aplicable aos 18 meses (30 de decembro de 2024) para grandes empresas e aos 24 meses (30 de xuño de 2025) para pemes e micropemes. O EUTR quedará derrogado a partir do 30 de decembro de 2024 e establecerase unha exención para a madeira e os produtos derivados producidos antes do 29 de xuño de 2023 e comercializados a partir do 30 de decembro de 2024. PEFC xa traballa no estudo e análise do EUDR para identificar, e se fose necesario, incorporar novos requisitos ao Sistema de Dilixencia Debida da Norma de Cadea de Custodia PEFC, co fin de facilitar o cumprimento da lexislación e a transferencia da información necesaria na cadea de valor. Un dos elementos crave deste regulamento é a obrigación de coñecer a xeolocalización das parcelas das que proceden as materias primas. Nesta liña, PEFC España está a revisar, mediante o proxecto GO BOSQUES 3.0, a Plataforma de Rexistro de Superficie Certificada e a mellora do buscador público de montes certificados para facilitar a identificación dos montes certificados e ás empresas responsables que garanten a orixe legal e sostible das materias primas. PEFC está formado por unha ampla rede de sistemas de certificación e socios locais en todo o mundo, o que facilita a implementación do sistema de dilixencia debida e a identificación de riscos asociados coa deforestación asegurando o cumprimento do EUDR. Esta pílula formativa está cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal. Xunta de Galicia. O FUTURO É DE MADEIRA #Galiciaémadeira

Webinar sobre como afecta ao sector forestal galego o regulamento de deforestación da Unión Europea

O vindeiro 26 de setembro, PEFC GALICIA organiza un webinar para dar a coñecer o novo Regulamento da Unión Europea contra a Deforestación (EUDR) e analizar o alcance da nova normativa e as súas implicacións para empresas do sector forestal. Galicia é líder nacional en cadeas de custodia certificada PEFC, de forma que máis do 80% do propietarios forestais certificados en España son galegos. De aí a importancia de organizar esta pílula formativa enmarcada dentro dunha serie de actividades integradas no proxecto “Madeira, produtos e valor dunha cadea forestal sostible e certificada”, una iniciativa cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal. O recentemente publicado regulamento da Unión Europea contra a Deforestación (EUDR) ten como obxectivo minimizar a contribución da Unión Europea á deforestación e degradación forestal mundial, así como promover prácticas sostibles nas cadeas de subministración. O regulamento afecta a empresas produtoras ou comercializadoras de madeira e os seus produtos derivados, ademais doutros produtos como a carne de vacún, aceite de palma, cacao, café e caucho. O pasado 9 de xuño publicouse no Diario Oficial da UE o Regulamento (UE) 2023/1115 do 31 de maio de 2023, relativo á comercialización no mercado comunitario e á exportación desde a UE de determinadas materias primas e produtos asociados á deforestación e a degradación forestal e polo que se derroga o Regulamento (UE) n. 995/2010 (EUTR). Entrou en vigor o 29 de xuño de 2023 e será aplicable aos 18 meses (30 de decembro de 2024) para grandes empresas e aos 24 meses (30 de xuño de 2025) para pemes e micropemes. O Regulamento da UE relativo á madeira (EUTR) quedará derrogado a partir do 30 de decembro de 2024 e establecerase unha exención para a madeira e os produtos derivados producidos antes do 29 de xuño de 2023 e comercializados a partir do 30 de decembro de 2024. O EUDR amplía a listaxe de produtos de orixe forestal, que estaban afectados polo EUTR, ao incorporar novos produtos como asentos de madeira, libros impresos ou carbón vexetal. Este Regulamento incluíu, inicialmente, 7 produtos básicos dentro do seu alcance: soia, carne de vacún, aceite de palma, madeira, cacao, café e caucho e os seus derivados. Neste sentido, as empresas que produzan e comercialicen ditos produtos terán que cumprir obrigacións en materia de dilixencia debida para garantir que os produtos non proveñan de áreas deforestadas ilegalmente ou que producisen degradación forestal. No EUDR, do mesmo xeito que no EUTR, recoñécese como boa práctica aos sistemas de certificación voluntaria como PEFC, permitindo utilizarse no procedemento da avaliación do risco das subministracións. O Sistema de Certificación PEFC ofrece garantías de que os montes certificados PEFC a nivel global non só cumpren a lexislación de aplicación e non teñen risco de degradación, senón que a súa xestión é sostible en base a unha ampla listaxe de esixentes criterios. En relación á normativa de cadea de custodia, PEFC iniciou a análise deste regulamento para identificar se é necesario incorporar novos requisitos ao Sistema de Dilixencia Debida que as empresas certificadas xa teñen implantado, co fin de garantir o absoluto cumprimento da lexislación e facilitar a transferencia da información necesaria na cadea de valor. Un dos elementos clave deste regulamento é a obriga de coñecer a xeolocalización das parcelas das que proceden as materias primas. Nesta liña, PEFC España xa conta cunha Plataforma de Rexistro de Superficie Certificada que está a revisar para a súa mellora, así coma o buscador público de montes certificados para facilitar a identificación dos montes certificados e ás empresas responsables que garanten a orixe legal e sostible das materias primas. PEFC está formado por unha ampla rede de sistemas de certificación e socios locais en todo o mundo, o que facilita a implementación do sistema de dilixencia debida e a identificación de riscos asociados coa deforestación asegurando o cumprimento do EUDR.

Preme aquí para inscribirte no webinar

#Galiciaémadeira

Faladoiro en Zas sobre xestión forestal sostible

Dentro das accións enmarcadas no proxecto de Cooperación "Paisaxes Intelixentes" no que o GDR Costa da Morte participa xunto con outros 4 GDRs (Asociación de Desenvolvemento Ribeira Sacra - Courel; Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes; Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela e Asociación de Desenvolvemento Local Deloa), levarase a cabo o primeiro dos faladoiros previstos para o vindeiro mes de setembro. Este primer faladoiro - "Xestión Forestal Sostible" - celebrarase o vindeiro xoves 7 de setembro ás 19:00 horas no Centro Social de Baio e centrarase en dar unha visión xeral sobre diversas estratexias para a administración e uso dos bosques e terreos forestais dunha maneira que manteñan a súa biodiversidade e o seu potencial para cumprir coas funcións pertinentes en materia social, económica e ecolóxica a nivel global sen causar danos a outros ecosistemas. As temáticas centrais deste faladoiro serán as seguintes: -Mercados de carbono para a xestión forestal. Poñente: Alba M. Devesa Fernández. -Certificación PEFC de xestión forestal e cadea de custodia de produtos forestais. Poñente: Elsa Grille Lorenzo. Xerente PEFC Galicia. -Os modelos silvícolas como ferramenta de xestión. Poñente: Érika Martínez Carreira. Directora Xeral da empresa FORESIN. -Exemplos de xestión forestal. Poñencias: CMVMV Baroña, Porto do Son (A Coruña); SOFOR Monte de Olveira, Dumbría (A Coruña). Ao remate do acto ofrecerase un aperitivo aos asistentes. Inscricións en: gdrcostadamorte@gdrcostadamorte.com / Telf: 981 71 73 58 / 678 64 80 65

FSC España presenta o edificio Impulso Verde, en Lugo, como modelo para a construción en altura con madeira

O pasado xoves 22 de xuño, FSC España e a Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) da Universidade de Santiago de Compostela organizaron unha xornada de portas abertas no Edificio Impulso Verde, Lugo, construído con madeira sustentable, para explicar como a xestión forestal e o abastecemento responsables impulsan a creación de cidades máis sustentables, máis respectuosas co medio ambiente e máis conectadas coas contornas rurais. Á xornada acudiron máis de 100 asistentes entre socios de FSC España, asociacións sectoriais, arquitectos, enxeñeiros, promotores, enxeñeiros forestais e profesionais do sector forestal da cidade de Lugo. Posteriormente realizouse unha visita ao provedor de madeira local utilizada no Impulso Verde, Hemanos Rubal, situada en Alfoz e á SOFOR (Sociedade de Fomento Forestal) do Monte Uceira en Pol, unha sociedade que agrupa a máis de 80 propietarios e máis de 500 parcelas en 50 hectáreas de superficie certificada baixo os estándares FSC. “A viaxe cara á sustentabilidade urbana comeza - tal e como destacou Alberto Rojo, presidente de FSC España - nun bosque xestionado de forma responsable, onde a actividade forestal realízase baixo estándares ambientais rigorosos que garanten a dispoñibilidade dos recursos forestais a longo prazo, a súa viabilidade económica, xéranse beneficios para as comunidades locais e consérvase e protexe a biodiversidade e os servizos ecosistémicos, misión que FSC leva realizando desde hai case 30 anos e 21 anos en España”. “A investigación é clave para integrar os bosques e os seus aproveitamentos nas industrias e formar a profesionais capacitados”, recalcou Esperanza Álvarez, coordinadora do grupo de investigación de UXAFORES. Ademais, destacou “o papel determinante de PEMADE Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural, grupo investigador central do uso da madeira na construción do proxecto Impulso Verde”. Ambos os grupos de investigación pertencen á Universidade de Santiago de Compostela.

A viaxe cara ao urbanismo sustentable en Lugo comezou hai 8 anos

Esta viaxe cara á sustentabilidade, explicou Lara Méndez, alcaldesa do Concello de Lugo “comezou en Lugo hai 8 anos co proxecto Lugo + Biodinamico, do que forma parte o edificio público Impulso Verde e que abrangue distintas medidas e accións en 21 hectáreas situadas nun polígono industrial e que ten vocación de demostrar como queremos que sexa Lugo e as cidades do futuro”. “A construción con madeira, engadiu, contribúe a reducir o impacto medio ambiental das industrias, pero tamén impulsa o desenvolvemento económico local e a fixación de poboación, pois permite xerar novas oportunidades”.

Impulso Verde, un proxecto demostrativo da utilización de materiais renovables e de eficiencia enerxética.

Durante a xornada organizáronse dúas mesas redondas para falar do uso da madeira na construción; e do procedemento de verificación do cumprimento do estándar FSC de Proxectos realizado por APCER, cuxa auditoría tivo como resultado a obtención do Certificado FSC de Proxectos, sendo o primeiro edificio en España en obter o Certificado FSC que garante á sociedade a rastrexabilidade da madeira empregada. O Edifico Impulso Verde, explicou Boris Hinojo, coordinador do proxecto Life + Biodinánico de Lugo é un “modelo demostrativo nun triplo sentido, para crear cidades máis resilientes ao cambio climático, onde se utilizou de forma predominante madeira local e de proximidade con garantías de sustentabilidade e onde se implementaron medidas bioclimáticas para garantir a eficiencia enerxética”. Belén Feijoo, arquitecta en PEMADE explicou algunhas destas medidas bioclimáticas utilizadas “como o solo radiante, caldeira de biomasa, enerxía solar fotovoltaica, sistemas de renovación do aire e de recuperación de calor, entre outras”. “O resultado das medidas deseñadas lograrán un aforro de aforro enerxético dun 74% con respecto aos edificios de oficinas xa existentes e dun 54% respecto diso dos de nova construción”, engade Belén. José Antonio Lorenzana e Iker Irurtia, Enxeñeiro de estruturas de madeira en Egoin, empresa construtora principal do Impulso Verde, explicaron o sistema de construción do edificio, no que a modo de lego, “foi construída por catro acodes en 33 días, o que reduce os prazos de execución, reduce o custo de cimentación polo menor peso do conxunto do edificio e por tanto compénsase o maior custo que ten a madeira respecto doutros materiais convencionais, tendo como resultado final un aforro”. A madeira empregada no edificio, aproximadamente 270 m3 de madeira CLT, 45 m3 de madeira laminada e 7 m3 de madeira laminada de eucalipto almacenan tal e como sinalou Belén Feijoo “280 toneladas de CO2, de maneira que o resultado do edificio é balance de carbono cero pois calculamos que entre o carbono embebido do propio material e o CO2 xerado no transporte e na construción o carbono total é de 277 toneladas”. A dispoñibilidade de madeira certificada FSC en Lugo, resaltou María Portela Enxeñeira forestal en PEMADE “facilitou a planificación e construción con madeira e a posterior auditoría realizada por APCER para obter a certificación FSC de Proxectos”. Nesa mesma liña Isabel Ramos, auditora en APCER, indicou que “a planificación da subministración de madeira certificada FSC é o prioritario e principal pois a norma FSC é sinxela e baséase nun rexistro documental rigoroso pero factible se se realiza un control do material que se utiliza”. “A Certificación FSC de proxectos leva ao cumprimento dun estándar especifico e pode ser aplicado a obra nova, a rehabilitación, a enxeñaría civil, a embarcacións, arquitectura de interiores, casetas para eventos, instrumentos e obras de arte”. Visita a Maderas Rubal

O uso da madeira de piñeiro en Galicia

“En España obtéñense aproximadamente 5 millóns de m3 de piñeiro ao ano, 2 millóns en Galicia, pero sen embargo en Galicia só un 6% se destina á construción, o resto emprégase principalmente para embalaxes”, sinala Jacobo Aboal, director da XERA Axencia Galega da Industria Forestal da Xunta de Galicia. “Xa dispomos dun material menos contaminante e que reduce a pegada de carbono das nosas cidades, a madeira. Estamos nun momento de emerxencia climática, non nos queda outro remedio que utilizar materiais renovables e menos contaminantes. A administración ten un rol central, o promotor público ten que ser o primeiro en traccionar esa cadea de sustentabilidade”. Francisco Roca, director de Xilonor do Grupo Finsa, empresa líder en Galicia na fabricación de madeira CLT para o uso na construción, utilizada no Edificio Impulso Verde, sinala nesta mesma liña “que a utilización do piñeiro en madeira contralaminada para fins construtivos promove a revalorización da madeira e a xestión forestal sustentable dos nosos bosques”. Coa utilización de madeira, o sector da construción ten a oportunidade non só de cumprir coa redución de emisións de CO2 e demostrar que as edificacións almacenan carbono, senón de activar a economía nas contornas rurais e de promover a xestión forestal sustentable dos nosos montes, pois a demanda prevista de madeira nos próximos anos, só pode garantirse a longo prazo se se realizan prácticas forestais responsables.

Xornada de portas abertas en Lugo sobre sector forestal e sustentabilidade urbana

FSC España, con motivo da celebración da súa Asemblea Anual de Socios 2023 en Lugo, organiza o 22 de xuño no Edificio Impulso Verde, xunto coa Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) da Universidade de Santiago de Compostela, unha xornada de portas abertas baixo o título "Unha viaxe cara á sustentabilidade urbana desde a xestión forestal responsable: historia do edificio Impulso Verde", para realizar un percorrido desde o monte e os seus aproveitamentos até a construción do Edificio Impulso Verde, da man dos arquitectos, investigadores, provedores, empresas construtoras e entidades que participaron no proxecto. "O Edificio Impulso Verde é o primeiro edificio en España en obter a certificación FSC de proxectos, unha icona de urbanismo sustentable que demostra como a certificación forestal, a madeira e os proxectos construtivos, certificados FSC, contribúen a crear cidades máis sustentables. O noso obxectivo é compartir con profesionais e público en xeral o valor que achega a certificación á sociedade, demostrando a rastrexabilidade dos materiais forestais desde o monte até chegar ao seu destino", sinala Gonzalo Anguita, director executivo de FSC España. "Coa celebración desta xornada queremos mostrar que é posible un desenvolvemento urbano compatible co respecto aos bosques e ao medio ambiente en xeral. O Edificio Impulso Verde, como parte dun ambicioso proxecto de barrio multiecolóxico na cidade de Lugo, é un exemplo de como o uso de madeira local e certificada por FSC pode axudar á necesaria descarbonización do sector da construción. FSC é un esquema de certificación que conecta aos montes e ás zonas rurais coas cidades e cos cidadáns. Canto mellor xestionemos os nosos montes e os seus recursos, maior será a capacidade das nosas cidades de ser sustentables e de establecer vínculos de respecto coa contorna e o medio ambiente", indica Alberto Rojo, presidente de FSC España. A xornada contará con mesas redondas sobre o uso da madeira na construción sustentable e visitas guidas ao Edificio Impulso Verde, á empresa subministradora da madeira certificada FSC do edificio, Hijos de Ramón Rubal S.L. en Alfoz (Lugo) e ao monte certificado FSC Artoxos e Pedrizas, situado en Fanoi, Concello de Abadín (Lugo). A inauguración da xornada de portas abertas será realizada por Lara Méndez, alcaldesa de Lugo; por Esperanza Álvarez, catedrática na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e coordinadora do grupo de investigación UXAFORES; e por Alberto Rojo, catedrático na EPSE da USC e presidente de FSC España.

Programa

Durante a xornada realizarase o acto de entrega do Certificado FSC de Proxectos ao Concello de Lugo, impulsor do edificio Impulso Verde, por parte de APCER, entidade certificadora encargada de auditar o proxecto e emitir o certificado. O Certificado FSC de Proxectos obtido garante que toda a madeira local empregada procede de fontes sustentables e controladas. A xornada de portas abertas contará coas intervencións e participación institucional do Conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, e do director da XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal. Na xornada participarán os principais membros do equipo encargado do proxecto do edificio: os arquitectos autores Antonio J. Lara Bocanegra, da Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e Susana Penedo Souto, arquitecta no Concello de Lugo, os arquitectos colaboradores Belén Feijoo e José Antonio Lorenzana, e o investigador principal, Manuel Guaita, o tres da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADE) da Universidade de Santiago de Compostela. E participarán tamén persoas das empresas construtoras a cargo da obra: Iker Irurtia, enxeñeiro de estruturas de madeira de Egoín, construtora principal, e Miguel Ángel López, da empresa A. Valiño. Ademais, terán presencia empresas galegas destacadas da industria da madeira, como Finsa e Maderas Goiriz, así como a empresa municipal do Concello de Lugo para desenvolvemento de solo e vivenda (Evislusa). Forest Stewardship Council (FSC) en España, organización sen ánimo de lucro e de membresía, celebra de forma anual a Asemblea de Socios de FSC España, órgano de gobernanza e plataforma de diálogo, onde os socios participan na toma de decisións que afectan o desenvolvemento da propia organización e á implantación da xestión forestal sustentable en España.

Máis información sobre o programa

Formulario de Inscrición

Medra un 42% a superficie forestal certificada por PEFC en Galicia

En España, a peche de 2022, o sistema de certificación forestal PEFC rexistrou un total de 2.689.271 hectáreas de superficie certificada e 56.114 silvicultores e xestores forestais adheridos ao Sistema PEFC, o que supón un crecemento neto do 8,44% e do 14,28%, respectivamente. Galicia foi a Comunidade Autónoma que maior incremento rexistrou, tanto de superficie certificada, como de novos xestores e silvicultores activos, con 122.000 novas hectáreas máis e 5.661 xestores, é dicir, o 58% e o 77% do crecemento neto nacional durante o ano. “Isto significa que, cada vez, máis superficie forestal é xestionada de xeito sustentable e son máis os silvicultores que xestionan seus territorios atendendo á biodiversidade, ao réxime hídrico, mellorando os sumidoiros de carbono, aproveitando numerosos recursos naturais, aplicando medidas de prevención de incendios e danos, coidando os seus valores culturais, garantindo a seguridade e saúde dos seus traballadores”, destacan dende PEFC Galicia . Correspóndense cos criterios e indicadores que se avalían conforme á Norma UNE 162.002 de Xestión Forestal Sostible, baixo a que se audita o Sistema Español de Certificación Forestal PEFC. Neste sentido, dende a entidade certificadora recoñecen que “o impulso da Consellería do Medio Rural a través das ordes de axudas, para a redacción de instrumentos de ordenación dos montes, foi decisivo no incremento de superficie certificada".

410.000 hectáreas de superficie forestal galega contan coa certificación forestal PEFC

Os propietarios e xestores, tanto públicos como privados, adhírense ao Sistema PEFC de xeito voluntario, a través de distintas entidades solicitantes da certificación que xestionan os certificados de Xestión Forestal Sostible. Para facilitar o proceso e facer accesible a certificación, tanto ás grandes como ás pequenas superficies, a certificación forestal PEFC ofrece diferentes modalidades de agrupación que, anualmente son auditadas por unha terceira entidade independente. A certificación forestal internacional PEFC, aplicada en Galicia garante a súa xestión sostible, grazas ao esforzo de máis de 45.000 silvicultores activos galegos dos 56.000 certificados a nivel nacional.

Galicia é líder nacional en Cadeas de Custodia PEFC

No concernente ós procesos produtivos, 456 empresas galegas demostran o seu compromiso por unha produción máis comprometida coa certificación dos seus procesos de transformación da materia prima de orixe forestal sostible e a súa rastrexabilidade, grazas á certificación da Cadea de Custodia PEFC, garantindo a sustentabilidade.

Un 60 por cento dos propietarios forestais considera a moratoria do eucalipto unha medida “regular”

O Grupo Alvariza de certificación forestal vén de presentar a terceira edición da súa enquisa a propietarios forestais, a través da que é posible coñecer as características dos silvicultores e as súas preferencias forestais. En relación á anterior enquisa, do 2020, unha das novidades é a pregunta que se lle traslada ós propietarios sobre a moratoria a novas plantacións de eucalipto en Galicia, ata o 2025. A opinión predominante é que se trata dunha medida “regular”. En concreto, o 59,8% dos propietarios enquisados considera que se trata dunha medida “regular”, en tanto un 31% ve a prohibición temporal como negativa. Só un 8,7% das 801 persoas enquisadas no último ano considera positivo que se impida a plantación de novas superficies de eucalipto ata o 2025, ano en que se terá que revisar a medida. A ampla porcentaxe de propietarios que considera “regular” a medida pódese interpretar como que o sector ve necesaria unha regulación adicional do eucalipto, se ben esta prohibición temporal de carácter xeneral non se percibe como a solución.

Que influencia ten o eucalipto no monte?

En liña coa valoración sobre a moratoria, atópase a opinión dos propietarios forestais sobre o eucalipto. Preguntados sobre a influencia que ten o eucalipto no monte, un 73,3% considera que é boa, un 18% opina que “nin boa nin mala” e un 8,63% afirma que é mala. Esta última porcentaxe é case idéntica á das persoas que valoraban como positiva a moratoria (8,7%). Por comarcas, obsérvanse significativas diferencias. Na Mariña lucense, unha das principais zonas de eucalipto da comunidade, as opinións negativas sobre a especie aproxímanse ó 0%, en tanto que no lado contrario, en Terra de Lemos hai unha maioría de propietarios cunha opinión mala da especie (39%). Ese menor entusiasmo cara o eucalipto compárteo tamén outra comarca do sur de Lugo, Chantada, cun 25% de propietarios que ve ó eucalipto como malo; en tanto na provincia de Pontevedra percíbese unha maioría de propietarios que olla ó eucalipto como “nin bo nin malo”, con casos como o do Deza (44%), Vigo (54%) ou Pontevedra (43,4%).

Ten pensado plantar algunha especie de piñeiro?

Malia a moratoria do eucalipto, o piñeiro continúa sen asentarse como unha opción preferente de plantación. Se na anterior enquisa (2020), había un 58,41% de propietarios que descartaban a plantación de piñeiros, ese índice subiu ó 65% coas enquisas acumuladas os dous últimos anos. O dato é relevante, pois esta terceira edición da enquisa do Grupo Alvariza acumula 5.899 enquisas do periodo 2018-2022, feitas a propietarios dun total de 15.000 parcelas. No procesamento das enquisas tivo unha parte protagonista Biostatech, unha spin off da Universidade de Santiago especializada en estatística aplicada. A escasa intención de plantar coníferas é non obstante susceptible de variación, ao entender do Grupo Alvariza, pois a suba de prezos experimentada polo piñeiro no último ano, xunto coas necesidades de coníferas do mercado e a propia moratoria do eucalipto, son factores que poden incentivar un aumento da plantación de coníferas nun futuro próximo a nivel dos pequenos propietarios forestais. É de destacar que existe tamén un 25% de propietarios forestais que manifesta a súa intención de plantar piñeiros, así como outro 10% que se declara indeciso.
Só un 25% dos propietarios forestais manifesta intención de plantar coníferas. Lugo é a provincia na que as coníferas xeran maior interese
Por provincias, a da Coruña é a menos proclive á plantación de piñeiros; se ben curiosamente tamén en Ourense os pequenos propietarios forestais declaran un escaso interés nas coníferas, malia ser unha provincia de tradicional plantación de piñeiros nos montes veciñais e con case nula presenza do eucalipto. Así, no Carballiño un 61,6% dos propietarios di que non plantará piñeiros e só un 16,8% confirma que o fará, en tanto outro 21% amósase indeciso. Na Coruña, percíbense diferenzas en función da comarca, pois en zonas nas que se expandiu o eucalipto nitens na última década, como Arzúa, Terra de Melide, Santiago ou Barcala, hai menos dun 10% de propietarios que aseguran que plantarán piñeiro, en tanto no Eume e no Sar a porcentaxe ascende ata o 25%. Son en todo caso porcentaxes pequenas, comparadas coas comarcas de Lugo, onde existe unha alta vontade de decantarse polo piñeiro, caso da Fonsagrada (68%), Chantada (73%), Terra de Lemos (97%) ou Sarria (80%). Incluso na Mariña central, comarca tradicional de eucalipto, hai un 24% de propietarios que se declara disposto a plantar piñeiros no curto prazo. En Pontevedra, entre tanto, percíbese unha alta diferenza por comarcas, pois xunto con comarcas favorables a plantación de piñeiros, como o Deza (43%) ou Paradanta (35%), hai outras que declaran un limitado interese nas coníferas, como Vigo (4,6%) ou Pontevedra (7%).

Está disposto á xestión conxunta das parcelas forestais?

A creación en Galicia dunha nova figura legal para a xestión conxunta dos terreos forestais - a agrupación de xestión conxunta, plasmada na Lei de Recuperación da Terra Agraria- abre unha nova vía para agrupar a xestión do minifundio forestal en superficies maiores de 10 hectáreas. Que pensan os propietarios de tal opción?. Pois percíbese que hai un 46% de propietarios dispostos a unha xestión conxunta, o que xunto a un 18% de indecisos suman case dous terzos de propietarios que poderían ser favorables a esta alternativa (sen especificar a tipoloxía concreta desa xestión).
Hai dous terzos dos propietarios forestais que poden ser favorables a figuras de xestión conxunta do monte
A opción das agrupacións de xestión conxunta, que se regularán proximamente cun decreto específico, cobra por tanto corpo como opción viable para mellorar a xestión e eficiencia das parcelas de minifundio. É ademais de destacar que na enquisa, un 12% dos propietarios recoñece ter parcelas non produtivas, case sempre por cuestións de falta de tamaño ou de accesibilidade, aspectos que se poderían resolver cunha xestión conxunta. Aluguer Sobre a opción de alugar as parcelas de monte, hai unha maioría que estaría en contra (58%), se ben hai tamén unha cifra importante de propietarios (42%) que si estarían dispostos ó aluguer. Relevo xeneracional Ao lado das opcións da xestión conxunta e do aluguer, hai que poñer outro dato relevante. Un 55% dos propietarios forestais non ten perspectiva de que os seus fillos tomen o relevo xeneracional na xestión das súas parcelas de monte. Por tanto, para eses casos tanto o aluguer como unha xestión conxunta preséntanse como opcións claras para evitar o abandono do monte.
Preocupa o cambio de percepción sobre as posibilidades dun relevo xeneracional na xestión do monte. Só un 33% dos propietarios cre que os seus fillos teñen interese en continuar
Desde Alvariza advirten do cambio de tendencia en relación as perspectivas do relevo xeneracional. Se na anterior enquisa, no 2020, había dous terzos dos propietarios que confiaban en que os seus fillos tomarían o relevo da xestión do monte, esa percepción cambiou drasticamente e hoxe en día só un 33% cre que os fillos teñen interese en continuar coa xestión do monte. Hai arredor doutro 10% de persoas que non o sabe e un 55% que non ve perspectivas do relevo xeneracional, un dato que xera preocupación.

Perfil do propietario forestal

- Un 58,9% dos propietarios son homes e un 41,9% son mulleres. Por comarcas, existen diferenzas moi significativas, pois apréciase que en determinadas comarcas costeiras hai maioría de propietarias mulleres (Ferrol, Fisterra, Noia, Morrazo…), o que tamén sucede nunha comarca do interior ourensá, caso do Ribeiro. - Un 52% dos propietarios ten máis de 65 anos. - O 77% dos propietarios vive no rural e a súa principal área de traballo é (ou foi) a agricultura e a gandería. - Un 46% dos propietarios considérase silvicultor activo, pero un 53% non. - Hai un 41% de propietarios que contrata a plantación e desbroce das parcelas. - Un 79% non coñecía previamente as certificacións forestais PEFC e FSC, se ben, unha vez coñecidas, un 94% considera que son positivas. - Un 70% considera que a aplicación Bikenta, creada por Asefor para facilitar a xestión forestal dos propietarios, é fácil de usar.

A Xunta amplía en Galicia a superficie baixo certificación forestal FSC en 10.000 hectáreas con 13 novos montes

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, acadou a aprobación da proposta presentada a FSC (Forest Stewardship Council®) para incluír no sistema 13 novos montes, que suman unha superficie de 10.210,62 hectáreas. Con esta nova inclusión, os montes baixo xestión da Xunta que contan cunha certificación FSC suman un total de 88 e unha superficie global de 42.065,01 ha. Estas cifras supoñen máis do 25% do total certificado baixo este sistema en Galicia. O total do Estado sitúase arredor das 550.000 hectáreas.
En todo o Estado hai 550.000 hectáreas con certificado FSC, delas 168.000 en Galicia
Esta certificación forestal é un procedemento voluntario mediante o cal un terceiro certifica a través de auditorías o cumprimento das normas de xestión forestal sostible dando lugar a un certificado que acredita a orixe e respecto medioambiental dos produtos deses montes. Desta forma, esta certificación tamén é un instrumento de mercado que garante de xeito demostrable aos consumidores que ese recurso forestal procede de montes xestionados de forma sustentable o que incrementa o seu valor. Ademais, cabe lembrar que a Xunta mantén tamén 619 montes certificados polo sistema PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification) que suman 160.000 hectáreas. Coa ampliación aprobada, 88 destes acadarán o máximo nivel posible na certificación da xestión forestal sostible co dobre certificado FSC e PEFC. Obxectivo: acadar as 650.000 hectáreas certificadas en 2040 No marco do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 Cara á neutralidade carbónica apóstase por incrementar esta certificación nos montes galegos. Así, búscase acadar que unhas 650.000 hectáreas dispoñan da certificación forestal mediante calquera dos sistemas recoñecidos internacionalmente de aquí ao fin dese período. A Xunta xestiona montes públicos (propios da comunidade autónoma, de libre disposición e de utilidade pública) e privados (veciñais en man común, principalmente) repartidos polo territorio galego. Unha vez que estes montes dispoñen de instrumento de ordenación forestal, a vontade da Administración é a de inscribir, nos procedementos e tarefas habituais en materia de montes, directrices de xestión sustentable emitidas no ámbito forestal e, máis concretamente, de dar cumprimento aos principais estándares en materia de xestión forestal sustentable. Deste xeito, a Xunta afonda no seu compromiso de aplicar os máis altos estándares de calidade na xestión dos montes dos que é propietaria ou xestora.

Como explicar que usar máis madeira é bo para o medioambiente

Estes días, unha campaña televisiva dunha aplicación de venda de segunda man apuntaba directamente á corta de árbores como algo negativo: “En algún momento se sacrificaron muchos bosques para sacar madera. Está mal, pero ya está hecho (…) Como también están hechos los millones de muebles que salieron de allí. Y lo mejor que podemos hacer, es usarlos”.

Con independencia de que a reciclaxe efectivamente sexa desexable, o sector forestal europeo leva anos tentando transmitirlle á sociedade que é falso que estea mal cortar madeira. Desde a cadea monte – industria considérase que o aproveitamento madeireiro non só é compatible coa conservación do medioambiente, senón que ten un efecto positivo.

Un dato a ter en conta é que Europa aumentou a súa superficie forestal un 9% desde o ano 1990, á vez que en paralelo unha xestión forestal sostible permitiu elevar a corta de madeira. Nos bosques de Europa medra cada ano máis madeira da que se corta, o que garante a rexeneración das masas.

Se ben a deforestación é un problema no resto dos continentes, asociada en moitos casos á expansión de agronegocios como a soia (Brasil) ou o aceite de palma (Indonesia), non é o caso europeo.

Certificación e comunicación
Para que o consumidor poida identificar a madeira asociada a unha xestión forestal sostible, que garante a conservación do medio e a rexeneración das masas cortadas, están potenciándose nas últimas décadas os selos de certificación forestal, como FSC ou PEFC, que se convertiron nunha esixencia para a maioría de empresas internacionais.

En paralelo ós esforzos de certificación forestal, as asociacións europeas ligadas ó sector tratan de contrarrestar esa certa imaxe que existe de que cortar e empregar madeira é algo malo. Resumimos a continuación dúas campañas europeas nesa liña que se expuxeron recentemente no Foro de Bioeconomía organizado en Santiago pola Axencia Galega da Industria Forestal, XERA.

Wood for Good

“Queremos que a madeira sexa a primeira opción en material para deseño e construción”

A campaña ‘Wood for Good’ (Madeira para sempre) está promovida pola industria forestal británica co obxectivo de promocionar o uso da madeira. “Queremos convertir a madeira na primeira elección de material en deseño e na construción. Porque a madeira é boa” -enuncian-. “Trátase dun material natural, resistente, agradable e que dura no tempo”.

Formación
A directora da campaña, Wood for Good, Sarah Virgo, explicou no Foro de Bioeconomía que un dos principais esforzos da iniciativa diríxese á formación de profesionais como arquitectos ou técnicos da industria da construción: “Podemos promover a madeira, pero se non sabemos como usala, é un problema”, analiza Sarah.

Por iso, Wood for Good centrouse en ofrecer formación e recursos para promover o uso da madeira, como a difusión de casos de éxito a nivel internacional ou de distintas aplicacións que poidan servir de inspiración.

Medioambiente e benestar
De xeito paralelo, a campaña liga o uso da madeira con efectos positivos no benestar das persoas, coa creación de entornos biofílicos, e na conservación do medioambiente.

Estas son algunhas das mensaxes que se empregan na campaña:

  • Nos aproveitamentos forestais sostibles, as árbores sempre son replantadas ou rexeneradas trala súa corta. As árbores non se colleitan todas ao mesmo tempo nin na mesma área. Primeiro fanse rareos, para que o resto de árbores da masa colla grosor, e cando chega a corta final, trátase de cortas limitadas a zonas concretas, non se talan bosques enteiros.
  • Cando usas madeira de bosques xestionados de xeito sostible, sempre tes a seguridade de que ese bosque foi rexenerado trala corta. Máis importante, cun correcto uso, esa madeira poderá ser reparada e reutilizada moitas veces antes de ser reciclada.
  • Os bosques comerciais proporcionan un fogar para a vida salvaxe, un ecosistema biodiverso e espazo para que as persoas paseen e disfruten da natureza.
  • A madeira contribúe á loita contra o cambio climático, pois as árbores secuestran dióxido de carbono da atmósfera que despois queda almacenado na madeira.
  • Ao empregar máis madeira, estamos contribuíndo activamente a expandir os bosques europeos e a aumentar o secuestro de carbono. Entre 2005 e 2015, o secuestro anual de carbono dos bosques en Europa foi de 719 millóns de toneladas. Iso equivale ás emisións de 150 millóns de coches durante todo un ano e representa arredor do 9% das emisións europeas.
  • A Unión Europea será máis dependente dos seus propios bosques do que xa é. Isto require investimentos nunha boa xestión forestal, educación, aumentar a superficie dos bosques e manter o equilibrio entre suministro de madeira, conservación da biodiversidade e secuestro de carbono.
  • Imaxe da campaña Wood for Good.

Forest Europe

“Difundimos unha narrativa positiva dos empregos verdes, das persoas que traballan no sector forestal, máis alá de gráficos e datos”

Forest Europe é unha iniciativa política que promove a protección dos bosques e a xestión forestal sostible a nivel europeo. Os seus obxectivos céntranse en impulsar o papel dos bosques na mitigación do cambio climático, en reforzar a súa función no ciclo hidrolóxico e na conservación da biodiversidade, e en asegurar o aproveitamento sostible de produtos forestais.

Para Forest Europe, a xestión forestal sostible implica a conservación da biodiversidade, produtividade, capacidade de rexeneración e vitalidade dos bosques, asegurando que cumpren, agora e no futuro, con funcións relevantes a nivel ecolóxico, económico e social.

Estado dos bosques
Como parte do seu traballo, Forest Europe elabora anualmente un informe sobre o estado dos bosques europeos, no que fai seguemento dos riscos sanitarios ós que se enfronta. Na actualidade, calcúlase que un 3% dos bosques europeos está danado por lumes, insectos, enfermidades ou por fenómenos meteorolóxicos extremos.

No Foro de Bioeconomía celebrado en Santiago interviu Vera Steinberg, asesora de Forest Europe, que apuntou que o público ó que se dirixe a iniciativa está formado tanto por traballadores forestais como por ecoloxistas e por público en xeral.

“Entre o público detectamos que hai preocupación pola estados dos bosques. Na Europa central está producíndose unha gran mortandade de árbores por motivos sanitarios e é algo que preocupa. Desde Forest Europe comunicamos as iniciativas que se están desenvolvendo para enfrontar esa situación”, explicou Vera na súa intervención no Foro.

Empregos verdes
Outra das liñas de comunicación de Forest Europe radica na promoción dos empregos verdes, ligados á xestión forestal. Un exemplo disto é a difusión en redes sociais de vídeos curtos sobre persoas que traballan no sector forestal, “coa idea de transmitir unha narrativa positiva dos empregos forestais” -explica Vera-. “Trátase de entrevistar ás persoas que hai detrás das gráficas e dos datos”, conclúe.

Datos

  • Un 35% da superficie de Europa está cuberta por bosques. No caso de Galicia, dous terzos da comunidade son superficie forestal e case un 50% de Galicia está arborada.
  • Un 23% dos bosques de Europa están suxeitos a figuras da protección da natureza (Rede Natura, parques naturais ou nacionais, etc., o que implica que teñen maiores limitacións e controis sobre os aproveitamentos forestais
  • Un 70% dos bosques de Europa teñen acceso público libre para a cidadanía. Nalgúns países, esa superficie supera o 90%.

‘Sure’: unha nova certificación para a biomasa

‘Sure’ é un novo selo de certificación de biomasa europeo xestionado por 'Sustainable Resources Verification Scheme GmbH'. Polo momento, “é de cumprimento voluntario, pero adiántase ós requisitos obrigatorios de sostibilidade que esixirá en breve a directiva europea de enerxías renovables, coñecida como RED II", explica Raquel González, técnica da empresa de certificación forestal Asefor. “O Sure trátase dun certificado moi recente, que leva en activo a penas dous meses, pero algunhas empresas galegas xa o están aplicando”, detalla González. Os obxectivos deste certificado céntranse en integrar ós mercados e usuarios de biomasa nun sistema de xestión da sostibilidade. "Aínda que xa existen outros selos internacionais de certificación de orixe forestal sostible, como PEFC ou FSC, ‘Sure’ é máis amplo porque non só certifica a orixe da biomasa forestal, senón que pode acreditar biomasa de orixe agrícola ou certos residuos de madeira”, explica Raquel González.

Garantías, diferencias e utilidades

Ata o momento, esta certificación “actúa coma unha ferramenta que permite garantir a sostibilidade da biomasa desde o punto de recollida, ou ‘collecting point’, ata o consumidor final; cómpre poñer en contexto que anteriormente moitas empresas importaban biomasa, e aínda que estivera certificada, ese selo non incluía as emisións de co2 do seu transporte”, especifica Francisco Álvarez, presidente do Clúster da Biomasa de Galicia e xestor da empresa de pellets Ecowarm. Álvarez destaca que en Ecowarm foron “a primeira fábrica de pellets de España, e sempre intentaron ser pioneiros na obtención de certificados, polo que fomos os primeiros en obter o ‘Sure’ para pellet doméstico”. “A nós a implantación do ‘Sure’ non nos supuxo introducir moita información de trazabilidade do produto e documentación porque nas fábricas temos un proceso totalmente dixitalizado”, comenta Francisco Álvarez. Desde Ecowarm consideran que “sexa ou non ‘Sure’, unha certificación deste tipo vai ser requisito indispensable para un aproveitamento térmico ou eléctrico da biomasa”.
“Sexa ou non ‘Sure’, unha certificación deste tipo vai ser indispensable para un aproveitamento térmico ou eléctrico da biomasa” (Francisco Álvarez)
Este certificado europeo conta co apoio da Asociación Española de Valorización Enerxética da Biomasa. Está concibido para certificar a calquera operador do sector da bioenerxía en Europa, desde produtores de biomasa agrícola e forestal, a fabricantes de pellets, operadores loxísticos ou plantas de producción de electricidade con biomasa. Unha das dificultades está en torno á novidade. “Ao ser un selo moi novo, a información aínda non está perfectamente integrada nas empresas nin nos equipos auditores”, comenta Álvarez. A isto agrégase que o ‘Sure’ ten que “estar na mochila do ciclo produtivo, o que implica ter a contribución da pegada de carbono desde a orixe da materia, ao cliente”, explica o presidente do Clúster. Con esta certificación precisase un trato moi próximo cos provedores e unha trazabilidade da materia prima na que se teña en conta constantemente a pegada de carbono.

Greenalia obtén o ‘Sure’

Greenalia completou o proceso de auditoría para obter esta nova certificación europea. Desta maneira, garante a sostibilidade da biomasa que a compañía utiliza para producir enerxía na súa primeira planta de biomasa en España, localizada en Teixeiro-Curtis, A Coruña. No caso desta instalación, a materia prima consumida procede de restos xerados por empresas forestais no proceso de corta de madeira na comunidade galega. A multinacional adiantouse ao cumprimento dos requisitos de sostibilidade marcados pola normativa europea, que establece diversos criterios que deben cumprir todas as biomasas empregadas no sector da bioenerxía.

Xornadas divulgativas sobre xestión forestal sostible e certificación do monte

A Entidade Galega Solicitante de Certificación Forestal impartirá este mes tres xornadas sobre Xestión Forestal Sostible e Certificación Forestal, que se desenvolverán en Guitiriz (Lugo), Castrelo do Val (Ourense) e Lugo.

Venres 22 de outubro: Casa Habaneira de Guitiriz (Lugo) de 17.30 a 19.30 h.

– Sábado 23 de outubro: Sala Multiusos do Concello de Castrelo do Val de 11.00 a 13.00 h.

– Venres 29 de outubro: Sede de Forestación Galicia S.A., situadas na Ronda do Carme nº 69 –Entreplanta (Lugo) de 17.00 a 19.00 h.

O programa incluirá diversos temas, como a evolución do monte galego, a xestión forestal sostible e un bloque central onde se falará de Certificación Forestal PEFC e FSC.

A acción é de carácter gratuíto e está destinada ós distintos axentes implicados na cadea forestal: Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, profesionais da industria forestal, enxeñeiros, estudantes, propietarios forestais, así como calquera outra persoa con interese nos temas a desenvolver.

A inscripción pode facerse no seguinte enlace https://certificacionegs.es/novas/, ou ben enviando un correo a certificacion@certificacion.es ou chamando o teléfono 981 523 736. As prazas son limitadas.

A acción está organizada pola Entidade Galega Solicitante de Xestión Forestal e conta con financiación da Xunta de Galicia, por medio de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

Timbertrack, un sistema para etiquetar a madeira desde a súa corta no monte

O grupo operativo Timbertack propúxose levar a cabo unha solución práctica para que todo o volume de información do que dispón o sector forestal estea máis accesible. Búscase mellorar tanto a trazabilidade da madeira como a súa propia xestión. Idearon así un sistema de etiquetaxe no monte, no momento da curta das árbores, para conseguir ofrecer mellor acceso aos datos a todos os elos da cadea forestal. "Cada vez hai máis elementos de recollida de datos no sector forestal e é unha pena que a esa información non se lle saque todo o partido, xa que é de gran interese para toda a cadea, para a industria en primeiro lugar, pero tamén para os propietarios ou as empresas de loxística", explica Jesús Martínez, coordinador do proxecto e responsable da empresa FMC Forestal e Medioambiente Consultores.
"Cada vez hai máis elementos de recollida de datos no sector forestal e é unha pena que a esa información non se lle saque todo o partido, xa que é de gran interese para toda a cadea": Jesús Martínez, FMC Forestal e Medioambiente Consultores 
Hoxe en día, a propia maquinaria de corta mecanizada ofrece xa un importante volume de información. A ela súmase a documentación sobre a xestión que se fixo da plantación ou do monte e que tamén é determinante para a comercialización da madeira. "Buscabamos a posta en valor de todos os datos que facilita a maquinaria e a información sobre a xestión forestal da madeira ou a biomasa, xa que teñen un gran interese", xustifica Jesús Martínez. Así, o principal obxectivo deste grupo operativo era deseñar e desenvolver un sistema de etiquetaxe e marcado para tronco e lote de madeira que permitise que toda a información recollida por un crecente número de sensores dispoñibles na máquina forestal poida ser posta en valor e permitir xestionar a madeira da forma máis eficiente posible en termos de custo, trazabilidade e sustentabilidade. Aínda que houbo iniciativas anteriores no norte de Europa que traballaron co mesmo obxectivo, tal e como recoñecen os promotores do proxecto, a diferenza de agora, a tecnoloxía non estaba aínda desenvolvida para conseguilo. O proxecto Timbertrack deseñou non só as etiquetas, senón os dispositivos para a súa colocación e lectura, así como o programa necesario para manexar toda a información solicitada. Ademais, traballaron nun plan de implantación no que contemplan como levar estas innovacións ao sector. "Buscamos que a solución aterre no sector, que poida ser utilizada polas empresas que o integran en toda España, xa que non é unha proposta para unha soa firma", reivindica Jesús Martínez, coordinador do grupo operativo. A súa aposta pasa por unha implantación rexional. Tras dous anos de traballo, deron a coñecer os pormenores do proxecto nunha presentación virtual realizada en días pasados e coordinada polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, un dos integrantes do grupo operativo. No proxecto tamén participou o Centro Tecnolóxico Metalmecánico e do Transporte (Cetemet), que se encargou do deseño da ferramenta de etiquetaxe da madeira. Pola súa banda, a empresa tecnolóxica Emergya desenvolveu o software para manexar os datos solicitados e a firma Myruns levou a cabo o deseño das etiquetas e elementos auxiliares para a súa lectura. Tamén colaboraron outras empresas do sector forestal como Finsa e Dingoma.

As etiquetas

Para lograr canalizar o volume de información optaron por utilizar etiquetas RFID, de identificación por radiofrecuencia. "As etiquetas permítennos enlazar a materia física con todos os datos que xa temos e que hoxe en día é difícil explotalos de forma eficiente", detalla Jesús Martínez. Este tipo de etiquetas, moi utilizadas en distintos sectores, son automáticas, económicas e non precisan batería.
Son etiquetas pensadas para a corta automatizada e manual. Trátase de elementos cos que identificar a madeira para a súa trazabilidade
"O sistema RFID é unha tecnoloxía transversal e que permite identificar gran cantidade de elementos", apunta Jokin Manzanas, da firma Myruns, encargada do desenvolvemento das etiquetas e os sistemas de lectura das mesmas. "Seleccionamos unha etiqueta RFID adecuada para a madeira maciza, xa que cada material interfire de distinta forma no funcionamento da radiofrecuencia", detalla Manzanas. Etiquetas desenvolvidas por Myruns para o proxecto Timbertrack. As etiquetas codifícanse de tal xeito que cando pasan por un punto de lectura, como pode ser un arco de lectura, proporciona a información para a trazabilidade da peza. Están pensadas non só para o proceso de corta mecanizada senón tamén manual. "Non se trata de marcar toda a madeira de forma individualizada. Hai industrias, que empregan o material a granel, para as que non ten maior interese acceder a datos de cada peza, mentres que para outras, como a serra ou o desenrolo, si o ten", sinala Jesús Martínez. Así, por exemplo, nas industrias de pasta buscan marcar lotes de madeira no canto de exemplares. Ademais das etiquetas, Myruns desenvolveu elementos de lectura que lles permitan ler a madeira no monte, nalgún punto da cadea de transporte ou no parque de madeira. "Polo momento non desenvolvemos unha ferramenta de lectura na fase de transporte dos troncos, pero é algo facilmente implementable. Centrámonos máis na fase de corta e na entrada na industria", concreta Jesús Martínez. Sistemas desenvolvidos por Myruns para a lectura nas distintas industrias forestais. As etiquetas contan cun alcance de lectura de até 15 metros, polo que se contempla colocar sistemas de lectura en puntos específicos e estratéxicos da cadea de subministración. Desenvolveron tanto lectores manuais e fixos deseñados especialmente para o momento da corta da madeira e o seu control na industria transformadora, así como arcos de lectura.

A súa colocación

Para colocar esta etiqueta na madeira avogan por unha solución automatizada que podería integrarse nos cabezais procesadores que traballan no monte. "A idea é moi sinxela aínda que algo complexa a nivel tecnolóxico, xa que hai unha gran variedade de cabezais, polo que supuxo un reto no proxecto", apunta o coordinador do grupo operativo. Unha vez desenvolvida a etiqueta e elixida a súa mellor localización no tronco, o Centro Tecnolóxico Metalmecánico e do Transporte desenvolveu un dispositivo que se integra no cabezal de corte da procesadora e grapa a etiqueta no tronco unha vez que foi cortado. "Para desenvolver este dispositivo tivemos en conta os tempos de execución no proceso de corte, o máximo aproveitamento da materia prima e as condicións atmosféricas ás que están sometidas os troncos", indica Juan Antonio Cordón, técnico de I+D+i do Cetemet, centro especializado en ofrecer servizos tecnolóxicos directos a empresas ou realizar proxectos de innovación e cunha ampla experiencia nos sectores de transporte e na enxeñaría de procesos. Prototipo del sistema de etiquetado automático y soporte diseñado para su acoplamiento a los cabezales de las procesadoras forestales. Trátase dun dispositivo móbil que inclúe unha posición recollida que evita interferir coa ferramenta de corte da procesadora e que se cambia para a etiquetaxe do tronco unha vez este foi cortado. O dispositivo probouse xa nun banco de etiquetaxe que tamén deseñaron en Cetemet. "O prototipo pódese integrar en moitos cabezais comerciais, só sería necesario deseñar un soporte que se adapte ao bastidor do cabezal procesador", especifica Cordón. Ademais, apuntan que a integración deste dispositivo no cabezal procesador non suporá un impacto nin físico para a máquina nin un importante desembolso económico.

Xestionar os datos

O grupo operativo tamén incluía o manexo dos datos, para o que se levou a cabo o desenvolvemento dun software concibido para facilitar a trazabilidade da cadea da madeira archivando toda a información nunha mesma plataforma. Con todo, esta plataforma topouse de cheo cun sector, no que é habitual que esa trazabilidade se leve a cabo dunha maneira manual, o que supuña unha maior carga de traballo. Ademais, na recompilación de datos, atopáronse con sistemas totalmente descentralizados, no que cada empresa conta cos seus sistemas, segundo explica Francisco Martínez, da consultora tecnolóxica Emergya, encargada do deseño do software. Tras un traballo en colaboración co sector para adecuar a nova plataforma ás necesidades dos distintos elos da cadea, o resultado é unha plataforma que permite acceder e procesar os datos de forma unificada. Aproveitando toda a infraestrutura dispoñible para a lectura das etiquetas RFID deseñaron o prototipo dun sistema preditivo de entradas e saídas da madeira, baseado nos históricos de movementos da madeira no almacén. "Todos estes datos de entradas e saídas quedan rexistrados nunha base de datos e poden estudarse para tentar predicir a demanda, o que pode axudar na toma de decisións da empresa", valora Francisco Martínez.

Beneficios de Timbertrack no sector forestal

Recollemos a continuación algúns dos principais beneficios de Timbertrack para os distintos elos da cadea forestal, sinalados polos integrantes do grupo operativo:

Propietarios forestais

-Facilita o proceso de certificación. -Proporciona información en tempo real da localización e o estado da madeira. -Ofrece maiores garantías no control da madeira. -Permite optimizar a ordenación e silvicultura do monte.

Contratistas forestais

-Permite unha mellora na loxística dos equipos e maquinaria forestal. -Facilita o control da calidade das operacións. -Asegura un rexistro de diversos datos no proceso de aproveitamento da madeira. -Permite o monitoreo automático e continuo das operacións.

Intermediarios da madeira

-Facilita o acceso e a información sobre a madeira que xestionan. -Transparencia completa sobre a orixe da madeira. -Accesibilidade á información asociada, de gran interese para os seus clientes. -Mellora na eficiencia da cadea de subministración.

Empresas de loxística

-Mellora a optimización do transporte ao posuír información detallada do produto. -Simplifica o proceso de recepción da madeira nas industrias tranformadoras. -Facilita a optimización das frotas.

Industria forestal

-Ofrece o acceso a un gran volume de datos e información de alto valor para a mellora dos seus procesos. -Simplifica o manexo e control da liña de fluxo, conservando todos os datos de procesamento e produción. -Permite coñecer o estado de subministración en tempo real optimizando o uso dos recursos. -Facilita a xestión de riscos en materia de subministracións de procedencia ilegal. -Contribúe a mellorar a xestión dos sistemas de certificación forestal e os procesos da madeira.

Avaliadores

-Ofrece fácil acceso ao recurso que deben avaliar, ao dispor de históricos de datos. -Permite a integración dos datos que o sistema xestiona nos seus procesos. -Posibilita prestar servizos con maior eficiencia ao coñecer, en tempo real, como ten lugar o fluxo de madeira entre os distintos actores da cadea de subministración.

Administracións

-Permite dispor dunha potente fonte de datos que lles facilitará o seu labor de control e xestión do recurso, coñecendo en todo momento o estado do mesmo. -Facilita o deseño de políticas de fomento e a aplicación de áreas de inventario forestal.