Archives

O sector lácteo aumenta en 2023 a súa rendibilidade grazas ao incremento do prezo medio en orixe nun 22% e á baixada dos principais insumos

A renda agraria española alcanzará este ano os 31.931 millóns de euros, o que supón un incremento do 11,1% con respecto a 2022, segundo a primeira estimación das principais cifras macroeconómicas elaborada polo Ministerio de Agricultura. Neste exercicio, a produción da rama agraria, que engloba a produción vexetal e a produción animal, rexistra un valor récord de 65.081 millóns de euros, un 3,3% máis que en 2022. O aumento do valor da produción e da renda agraria fundaméntase principalmente na subida dos prezos e no descenso dos custos tralos máximos rexistrados en 2022.
A suma de agricultura e gandería rexistra un valor récord de 65.081 millóns de euros, un 3,3% máis que en 2022
Ese aumento global reflicte, sen embargo, un comportamento moi diferente entre sectores, o que responde “á gran variedade de producións españolas”, destaca o Ministerio, entre as que se constatan este ano descensos importantes nas que foron máis golpeadas pola seca. En termos xerais, o factor prezo e a redución dos insumos compensou os descensos de volumes, que foron moi acusados nalgúns sectores como os cereais. A renda agraria en termos correntes por unidade de traballo anual (UTA) aumentou un 16,9 % ata alcanzar os 39.535 euros. Produción animal A produción animal alcanza o seu valor récord de 27.685 millóns de euros debido exclusivamente a un aumento dos seus prezos (+16,3%), xa que a cantidade producida descende respecto ao ano anterior (-2,5%). Destaca o porcino (+16,3%) e as aves (+6%), así como o leite (+21,1%) e os ovos (32,2%). No sector lácteo destaca o importante incremento medio do prezo do leite en orixe no conxunto do ano (un 22,4%), a pesar dos descensos de entorno ao 10% aplicados pola maioría das industrias na primavera. A produción total española, con todo, pechará este exercicio cun descenso do 1,1%, malia o incremento de produción rexistrado en Galicia. Insumos O aumento de rendibilidade das explotacións lácteas viuse favorecido, ademais de polo incremento no prezo de venda, polo descenso dalgúns dos principais custos de produción, Este comportamento vén determinado principalmente polos pensos (-1,3 %), a enerxía e combustibles (-31,9%) e os fertilizantes (-27,4%). Pola contra, este ano incrementouse o prezo das sementes un 10,3%, dos produtos fitosanitarios (1,1%), dos gastos veterinarios (2,2%), dos servizos agrarios (5,9%), así como os derivados do mantemento de maquinaria e edificios.
Os consumos intermedios sitúanse en 32.155 millóns de euros, o que supón un descenso dun 4,6% respecto ao máximo histórico que rexistraron en 2022
Os consumos intermedios, entre os que se atopan o gasto en sementes, enerxía, pensos, fertilizantes ou fitosanitarios, rexistran no conxunto de España un descenso en valor (-4,6% respecto á cifra récord de 2022) e alcanza os 32.155 millóns de euros. O descenso de prezos foi do 5,3% e a cantidade utilizada aumentou un 0,7%.

Descende á metade a renda da produción de cereais debido á seca e á caída nas cotizacións

A produción vexetal descendeu un 3,4% en valor, ata os 35.741 millóns de euros, debido á diminución das cantidades producidas (-11,7%), nun ano marcado por unha primavera inusualmente seca e cálida no conxunto de España. O recorte de volumes non se viu compensado polo aumento dos prezos percibidos polos agricultores (9,4%). Os datos poñen de manifesto os efectos das adversidades climáticas nalgunhas das producións. Os cereais sofren un importante descenso dun 50% en valor, froito tanto da seca, que fixo reducirse a súa colleita (-34,7%), que se sumou ao descenso dos prezos (-23,7%), tras un ano 2022 no que as cotizacións foron extraordinariamente altas debido aos efectos da guerra de Ucraína.
A colleita de aceite de oliva descendeu un 58% pero viuse compensada cunha suba de prezos do 70%
Así mesmo, foi notable o descenso do aceite de oliva (-29,4% en valor na campaña 2022-2023), debido á súa escasa colleita (-58,6%), pero neste casi si que se viu compensada en gran medida cun significativo incremento de prezos (70,7%). Tamén se reduciu o valor da produción de viño e mosto (-20%), fundamentalmente pola curta vendima rexistrada. Neste exercicio destacou o comportamento positivo do grupo das froitas, cuxo valor subiu un 16,9%, e hortalizas, que crecen un 8,8%.

Tormenta perfecta: mala colleita española de cereais e posible fin do corredor do Mar Negro

O sector gandeiro enfronta os próximos meses con incertidume, pois as perspectivas actuais para os prezos de pensos e forraxes son negativas. España enfronta unha colleita de cereais catastrófica, que se estima en 10,7 millóns de toneladas, polos 18 da tempada anterior e os 23,9 de hai dúas campañas. En trigo brando, espérase unha colleita do 57% en comparación co 2022, en tanto en cebada do 64%. Tamén no millo para pensos agárdase unha diminución de case un tercio da produción. As consecuencias da mala colleita para as granxas galegas son dobres. Dun lado, unha menor dispoñibilidade de palla, calcúlase que polo menos un 60% menos que o ano pasado, co que a pouca palla que haberá terá un prezo elevado. Doutro lado, a perspectiva de que os prezos de pensos e cereais se incrementen nos próximos meses.
España precisará importar máis de dous terzos dos cereais que consume cada campaña, segundo as previsións de Cesfac
A Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Cesfac) estima que España terá que importar un mínimo de 23 – 25 millóns de toneladas de cereais, para cubrir a demanda interna para consumo humano e alimentación animal, que ascende a 35 millóns de toneladas. Ese aumento do esforzo importador xerará previsiblemente problemas loxísticos, sobre todo no transporte da materia prima desde os portos ata as fábricas do interior da Península. Cómpre tamén ter en conta o escenario actual de mercado mundial, pois a partir desta semana Rusia anunciou que cancela o corredor do Mar Negro, que permitía a exportación de cereal ucraíno. Se ese corredor se chegase a pechar, habería consecuencias importantes nos prezos e dispoñibilidade de cereais.
Os prezos de futuros de trigo e soia disparáronse nas últimas horas tras anunciarse o fin do corredor do Mar Negro
Os mercados de futuros de comercialización de soia, trigo e millo xa se dispararon nas últimas horas, con aumentos que chegan a superar o 4% nos prezos a futuro no caso do trigo norteamericano, se ben, se o acordo do Mar Negro se chegase a reeditar, é previsible unha caída inmediata deses prezos. Perspectivas de produción mundial de cereais A parte positiva do actual escenario é que a nivel mundial, hai unhas aceptables expectativas de produción de cereais. Brasil moverase en cifras récord en soia e millo, co que se espera que sexa o principal exportador de millo nos próximos meses, aínda que prevense dificultades loxísticas, a modo de embudo, no almacenamento da materia prima e no seu embarque. As perspectivas semellan tamén positivas a nivel da UE, coa excepción de España e Polonia, e en principio tamén en Estados Unidos e Canadá, á espera de ver como se comporta a meteoroloxía en agosto. No lado negativo, empeorando colleita, estarían Arxentina, China ou Australia. A previsión da CESFAC é que haxa suficiente materia prima no mercado, pero advirten tamén de que a partir do 2025, se non cambia a normativa europea que quere evitar a importación de materias primas producidas en zonas deforestadas, pode existir un problema de suministro.

“É un erro acumular palla por medo a que siga subindo, a que hai agora é vella e de peor calidade”

Almacén de palla nunha explotación de leite da provincia de Lugo Os custos de alimentación das granxas de vacún de leite e de carne seguen a incrementarse. Esta semana producíronse subas considerables da palla e a alfalfa na Lonxa de León, unha das de referencia xunto coa de Salamanca e Binéfar. A revalorización foi de 30€ en tonelada na palla e 20 na alfalfa. A seca que viven amplas zonas produtoras de cereal en España fai prever unha menor colleita este ano na campaña que comeza dentro dun mes e está a disparar os prezos da palla que hai almacenada do ano pasado. Coa suba producida na sesión deste mércores, a paca grande de palla enteira de cebada de categoría 1ª pasou de valer 90€ a 120. A ese custo habería que engadir entre 30 e 35€ do proceso de picado e outros 25€ máis de portes, polo que a tonelada de palla posta nunha explotación galega sitúase agora mesmo nos 175-180€.
O prezo da palla triplicouse no último ano
Con eses prezos, traer un camión de palla, que en setembro roldaba os 2.500€, pasa agora dos 4.000. A escalada de prezos, que se viña producindo nos últimos meses (desde hai un ano o prezo da palla multiplicouse por tres, pasando dos 40€ en maio de 2022 a 120 na actualidade), fíxose máis evidente nas últimas sesións (a palla de cebada de 1ª calidade duplicou o seu prezo no último mes, pasando de 60 euros en León na sesión celebrada o pasado 5 de abril aos 120€ co que pechou este mércores).
Non hai oferta no mercado e a colleita será ínfima
 “Non hai oferta no mercado e a colleita será ínfima”, xustifican os responsables da Lonxa de León. A seca, que está a reducir os pastos e a mermar as colleitas de forraxe, está a provocar unha maior demanda por parte das ganderías e tamén unhas malas previsións de colleita de cereal para a campaña que comeza a finais de xuño coa cebada e segue en xullo co trigo. Nerviosismo e especulación “Hai moito nerviosismo tanto por parte dos gandeiros que mercan como por parte dos agricultores que venden, o que está a provocar especulación no mercado”, asegura José Antonio González, nutrólogo de CLUN responsable da formulación da ración húmida que elabora o CAVI de Irmandiños. Na súa opinión, “o propio gandeiro é o que está xerando en boa medida a especulación e provocando a suba dos prezos ao acaparar o produto”. “Se nunha explotación se consumían ao ano 10 camións de palla e ata agora os ía mercando escalonadamente, a medida que lle ían facendo falta, pero agora de repente os quere mercar todos xuntos e almacenalos, por medo a que siga subindo o prezo, iso inevitablemente provoca esa suba”, razoa. Palla de peor calidade Ademais de ser unha das razóns da escalada de prezos, “acumular palla é un erro”, asegura, porque “até dentro dun mes non se inicia a nova campaña nin se comeza a colleitar, polo que a palla que está vindo agora é palla vella, da campaña pasada, que pasou o inverno fóra, porque a capacidade de almacenamento en orixe é limitada”, di.  “É certo que hai unha grande incertidume e ninguén sabe neste momento que vai pasar dentro dun mes ou dous, pero a incertidume o que non te pode levar é a facer toleadas”, afirma José Antonio, que teme un empeoramento na calidade da palla que está a chegar ás explotacións.
Acumular palla é un erro, porque a que hai agora é palla vella que pasou o inverno fóra
“Vai depender do provedor, pero eu penso que o que vai acontecer é que ante a escaseza vaise meter para picar palla de peor calidade, que noutras circunstancias non se usaría para a alimentación do gando”, indica. Por iso, recomenda “tranquilidade” ás explotacións á hora de pechar acordos de compra e non teme que se produza desabastecemento. “Aínda que a produción de cara á colleita deste ano será menor, as dúas campañas anteriores foron boas e hai palla antiga acumulada á que se lle dará saída este ano ao haber bos prezos”, razoa. Outro factor que vai provocar un aumento do valor da palla, ademais da menor produción, vai ser a caída nas cotizacións dos cereais. “O 70% da superficie de cereal de Castela é secano e aí o gran vai render moi pouco. Ademais, os cereais están baixando, desde os 380-400€/tonelada que valían o ano pasado aos 230€ actuais. Iso vai facer que o agricultor queira compensar esa diferenza no prezo da palla, aproveitando a escaseza”, explica. Alimentación de vacas sexas e xovencas e cebo dos xatos de carne Nas ganderías de vacún de leite galegas o uso da palla é habitual na alimentación de vacas secas e xovencas, así como na cama quente da recría. “Nas racións de produción case non se usa, pode botarse un quilo como moito para compensar o exceso de humidade do silo de primeiro corte de herba, pero as racións de xovencas levan normalmente de 2,5 a 4 quilos de palla e as das vacas secas entre 4 e 6 quilos”, explica José Antonio, que dentro do seu traballo leva a cabo tamén asesoramento nas explotacións.
As racións de secas levan normalmente entre 4 e 6 quilos de palla e as das xovencas entre 2,5 e 4
No caso das ganderías de vacún de carne, o consumo de palla concéntrase sobre todo no cebo dos xatos e en estralos. Ao igual que nas becerras de recría nas explotacións de leite, a palla que se emprega habitualmente na cama quente é de peor calidade e dun prezo menor.

A colleita de alfalfa redúcese a un 25% do que sería un ano normal debido á seca

A campaña de ensilado de herba deste ano en Galicia foi máis dispar, con baixadas de produción en determinadas zonas. Iso fai que as necesidades de compra de forraxe por parte das explotacións se incrementen, sobre todo naquelas que andan xustas de base territorial. Pero a carestía trasladouse tamén a cultivos como a alfalfa ou a veza, empregados polas ganderías para suplir a falta de silo de herba. A alfalfa é pouco utilizada na actualidade polas explotacións leiteiras galegas, agás naquelas que teñen falta de forraxe, polo que o seu encarecemento vai ter unha escasa repercusión na conta de resultados das granxas.
A alfalfa e a soia son dous cultivos proteicos que perderon protagonismo nas racións do gando leiteiro en Galicia nos últimos anos
Esta semana a alfalfa subiu na Lonxa de León 20€ e cotiza a 420 euros a paca grande en rama. A ese prezo habería que engadir o deshidratado e o porte até unha granxa en Galicia. A suba a respecto do mes pasado é neste caso de 60€, pero con respecto a fai un ano practicamente se dobrou o prezo, pois en maio de 2022 cotizaba a 228€ en rama e 320€ deshidratada. A razón da suba de prezos é dobre: por un lado unha menor colleita, debido á menor superficie labrada (na última campaña reduciuse a superficie adicada a alfalfa, que acada unhas 250.000 hectáreas no conxunto de España, pola competencia do trigo, a cebada ou a colza debido aos bos prezos) e á menor produción lograda por hectárea e, por outro lado, un incremento da demanda exterior, sobre todo de países como China ou Emiratos Árabes, que son os que están a marcar os prezos.
O 75% da produción española de alfalfa expórtanse, o que exerce unha grande presión sobre o mercado
Castela e León e Aragón son as dúas principais zonas produtoras de alfalfa en España e o comportamento do mercado nunha e na outra está a ser diferente. “Castela é unha bomba de reloxería este ano, porque hai unha peor colleita nas parcelas de secano e porque alí conviven agricultores e gandeiros, polo que se incrementa a demanda. Iso fai que estea máis cara a alfalfa en rama en Castela que a alfalfa xa deshidratada en Aragón, porque en Castela están competindo en prezo os deshidratadores e os gandeiros para facerse coa materia prima”, explica José Antonio. A alfalfa deshidratada procedente de Aragón sitúase sen embargo entre os 390 e os 400€/tonelada, máis cara se é dos primeiros cortes.
A seca segue empeorando e as segas son decepcionantes, con rendementos que non acadan un 25% do que sería un ano normal
No caso da veza, que comezou a cotizar esta semana, a tonelada sitúase en 320€. “A seca segue empeorando e as segas son decepcionantes, con rendementos que non acadan un 25% do que sería un ano normal”, explican desde a Lonxa de León.  

As choivas de setembro melloran as perspectivas para a sementeira de cereais e colza

O incremento de custos de produción na agricultura (gasóleo, sementes e, en especial, fertilizantes) xera incertidume no sector, pois as contas de gastos por hectárea sementada dispáranse. A parte positiva é que as colleitas de cereais (trigo, cebada, centeo) e oleaxinosas, como a colza, están a acadar prezos récord no campo, o que continúa a permitir marxes positivas de beneficio. A cuestión que se plantean os agricultores é se esas marxes manteranse na próxima colleita. Dito doutra forma, vale a pena sementar este outono? Nas últimas semanas, xerouse no campo español un runrún sobre a posibilidade de que parte dos agricultores optara por maximizar a superficie que adica a barbeito, ata o permitido pola PAC, se ben no sector son escépticos sobre esa posibilidade. Se as chuvias manteñen humidade nas terras, a previsión a día de hoxe é que haxa unha campaña de sementeira normal. “Desde un punto de vista empresarial, as perspectivas de marxes son positivas, a pesar de toda a incertidume que temos por múltiples factores” -valora o director de cultivos herbáceos de Cooperativas Agroalimentarias de España, Toño Catón-. “A miña impresión a día de hoxe é que se a meteoroloxía acompaña, teremos unha campaña de sementeira normal. O exemplo témolo estes días coa colza, que aínda está en momento de sementeira. Coas choivas de setembro, que deixaron a terra en boa condición para o cultivo, é posible que mesmo se plantase algunha superficie máis da prevista inicialmente”, sinala Catón.
A meteoroloxía perfílase como o factor clave, pois este ano a seca minguou rendementos e arruinou a colleita do xirasol
Se en novembro e decembro a terra mantén a condición de tempero, Catón opina que “sementarase o cereal de inverno de xeito similar a outros anos”. A meteoroloxía perfílase como un factor clave, pois a seca desta campaña, que fixo minguar rendementos e arruinou colleitas como a do xirasol, é probablemente o aspecto que máis preocupa no campo. Sobre o aumento de custos de produción, no agro hai consenso en que son asumibles cos actuais prezos dos cereais e oleaxinosas. O presidente da Asociación de Comercio de Cereales y Oleaginosas de España, Marcos Martínez, fixo estes días un chamamento a sementar durante a clausura da Bolsa de Cereales del Duero. Martínez subliñou que “segue sendo rendible sementar”, unha opinión na que coincide Toño Catón.
"Se o tempo acompaña, o traballo do agricultor é sementar e custaralle quedar mirando para a terra sen traballala. É certo que se dispararon os custos de produción, pero as colleitas tamén acadaron prezos nunca vistos" (Toño Catón, Cooperativas Agroalimentarias)
“Esta crise de custos de produción ten tamén unha lectura positiva, a de que o agricultor máis tradicional terá que avanzar cara unha maior agricultura de precisión, racionalizando custos, para o que terá que optimizar as doses de semente e de abono que precisa. Quizais este ano se reduza algo o abonado na sementeira e se aposte máis polos aportes en coberteira”, valora Catón. En canto á posibilidade de que parte dos agricultores opte por aumentar as terras en barbeito, o director de cultivos herbáceos de Cooperativas é en principio escéptico. “O traballo do agricultor é sementar é cústalle quedar mirando para a terra sen traballala. Paréceme complicado que iso pase se a meteoroloxía acompaña. É certo que aumentaron os custos de produción, pero o agricultor non vai perder a ocasión de vender a súa colleita a prezos que nunca viu. Pode ser que o prezo dos cereais non se manteña nos niveis de récord deste ano, pero en calquera caso, todo apunta a que continuarán estables en valores altos”, conclúe. Modificación da normativa de condicionalidade Ante a crise de Ucraína e a necesidade de máis cultivos en Europa para alimentación humana e animal, o Ministerio de Agricultura xestionou con Europa cambios na condicionalidade da PAC 2023 co obxectivo de aumentar a produción de alimentos. Agricultura proxecta eliminar o mínimo do 4% de terras que hai que destinar en cada explotación agrícola a superficies non produtivas (barbeitos, lindes fluviais ou forestais, etc.), que se poderían adicar a calquera cultivo que non sexa millo, como xa sucedeu este ano. Outro dos cambios é o relativo á flexibilización da esixencia de rotación e diversificación de cultivos nas parcelas dunha explotación, de xeito que os agricultores poidan tomar as súas decisións de sementeira tendo en conta as demandas do mercado.

Economistas e expertos advirten de que a suba do prezo dos cereais manterase, polo menos, este ano

Os prezos das materias primas continuarán a súa fase ascendente os próximos meses e os cereais non serán unha excepción. Así o cren os expertos que se reuniron esta mañá en Santiago de Compostela, no marco do XI Foro Galis, e que prognostican tempos complicados. Unha subida desmesurada dos custos de produción e a guerra en Ucraína son dúas das principais causas dunha situación que para a maioría dos expertos non ten visos de solucionarse nin a curto nin a medio prazo. Ese é tamén o prognóstico do catedrático en Economía Santiago Niño Becerra, que participou no foro e onde pronunciou o relatorio "2022-2023. Tendencias". O experto foi un dos participantes da IX Edición do Foro Galis, organizado no hotel Oca Porta do Camiño pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac). Ao encontro asistiron máis de 100 representantes do sector e o acto de clausura presidiuno o conselleiro do Medio Rural, José González. A apertura do acto correu a cargo do presidente de Agafac, José Luís Rey. Na súa intervención, Niño Becerra asegurou que a situación é moi complicada e que o próximo outono e inverno será peor."Poida que entrásemos nunha fase, que durará décadas, de prezos das materias primas tendencialmente á alza", indicou para apuntar que este novo escenario "é malo". Asegurou que o salario frecuente en España -que non soldo medio- rolda os 18.600 euros, polo que os fogares sufrirán de forma importante esa situación adversa que se acentuará tras este verán "de carpe diem, de aproveita o momento". "A xente está a saír, as terrazas e restaurantes están cheos, as estradas repletas de vehículos coa gasolina polas nubes. E dicimos: xa pensaremos no mañá, e no outono chegará todo", vaticinou. Así mesmo, o economista, un dos poucos que prognosticou a crise de 2008, mostrouse convencido de que a capacidade de produción alimentaria "é a que é", as colleitas de trigo ou millo "son as que son", e lembrou que, ademais dun previsible aumento de prezos, en China a demanda de cereais está a aumentar.

Situación insustentable

Pola súa banda, Lola Herrera, xerente de Rogah e consultora de USSEC, acrónimo en inglés do Consello de Exportación de Soia de Estados Unidos, pronunciou a conferencia "As materias primas agrícolas na presente conxuntura xeopolítica global" e na súa intervención asegurou que a situación dos prezos "é insustentable". A experta indicou que o contexto mundial está marcado pola guerra e prognosticou que a curto prazo non se esperan grandes cambios. "O futuro é incerto e talvez en 2023 asistamos a unha nova normalidade", dixo. O XI Foro Galis reuniu en Santiago a provedores e representantes das principais fábricas de pensos de Galicia. O presidente de Agafac, José Luís Rey, abriu o acto e no seu discurso apelou á unidade do colectivo para afrontar con éxito "estes tempos complicados" e os retos en materia de sustentabilidade e dixitalización, dous factores que cualificou de fundamentais para ser competitivos nun mercado cada vez máis globalizado. O sector da alimentación animal en Galicia aproveitou o encontro para render unha emotiva homenaxe a Javier Barcia, anterior director de Agafac, con motivo da súa xubilación e ao durante o evento fíxose entrega da insignia de Agafac. O conselleiro de Medio Rural, José González, foi o encargado de pechar o acto, ao que tamén asistiu o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Durante a súa intervención, o conselleiro destacou a importancia do sector para a economía galega tras encomiar a traxectoria de Galis, o sistema de control de materias primas impulsado por Agafac e que se converteu nun referente a nivel nacional.

Xornada sobre como afecta a actual crise en Ucraína á gandería galega

O grupo operativo supraautonómico Proteinleg organiza este xoves, día 19 de maio, unha charla con axentes do sector para analizar Como afecta a actual crise en Ucraína á gandería galega? A xornada en liña será retransmitida vía Teams e a inscrición é gratuíta. Coñecido como a despensa de gran de Europa, Ucraína é o gran exportador da UE de numerosos cultivos que son base para o funcionamento do sector agroalimentario europeo. Co estalido da invasión cortouse esa subministración, o que xerou unha enorme crise de abastecemento na industria gandeira, que viu seriamente comprometida a elaboración de pensos, co risco que supón para os animais e a viabilidade das ganderías. Nesta xornada, que terá unha duración de pouco máis dunha hora, tratarase como afectou e está a afectar ao sector en Galicia esta profunda crise internacional. Abordaranse posibles solucións que permitan mitigar esta situación e vías para que os produtores poidan saír reforzados. Para iso, Proteinleg aposta polo cultivo sostible, innovador e de proximidade de variedades tradicionais de leguminosas ricas en proteínas coas que elaborar pensos que satisfagan as necesidades nutricionais dos animais. Na mesa redonda participarán Almacenes Gamallo, o Centro Tecnolóxico da Carne, a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e as asociacións Agaca e Asoporcel. As persoas interesadas poderán formalizar a inscrición gratuíta aquí, para que lle faciliten un link de acceso á sesión. Detallamos, a continuación, o programa da xornada: 10:00 – 10:05 horas. Benvida. Anxo Sanabria. Feuga 10:05 – 10:20 horas. Presentación do Grupo Operativo Proteinleg. Ángel Sanabria. Feuga. 10:20 – 11:00 horas. Mesa redonda. Como afecta a actual crise en Ucraína á gandería galega? Erica Pazos. Almacenes Gamallo. Lucio García. Centro Tecnolóxico da Carne. Higinio Mougán. Agaca. Iván Rodríguez. Asoporcel. 11:00 - 11:10 horas. Preguntas. 11:10 horas. Fin da sesión  

Seguirá a escalada de prezos dos pensos?

Non houbo tregua para as ganderías co novo ano. O incremento de prezos que experimentaron a nivel mundial as materias primas, entre elas os cereais, trasladouse tamén aos pensos de alimentación nos últimos meses, incrementando os custos de produción nas ganderías, en especial nas granxas en intensivo e cunha maior demanda de forraxes e penso. “As subidas deste último ano non fan máis que sumarse ás do período 2020/2021 no que xa se produciron fortes incrementos no mercado de materias primas para alimentación animal, aumentando exponencialmente os custos vinculados a estas compras de insumos”, valora Bruno Beade, director da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac).
“Hai moita volatilidade no mercado dos cereais e prevese que os prezos se manteñan elevados durante o resto do ano”, Iván Álvarez, broker do mercado de cereais
Tampouco parece haber perspectivas de que os mercados se estabilicen a curto prazo e menos aínda de recuperar os valores manexados antes da pandemia. “Hai moita volatilidade no mercado dos cereais, do mesmo xeito que no resto de materias primas a nivel mundial, e prevese que os prezos se manteñan elevados durante o resto do ano, xa que hai unha inflación moi forte en materia primas”, sinala Iván Álvarez, experto nos mercados de materias primas e cofundador da firma Asegrain Asesoría de Granos, firma especializada na intermediación no mercado de cereais.

Os cereais máis cotizados

Desde xaneiro do ano 2021 o prezo das principais materias primas coas que se elaboran os concentrados en Galicia non parou de subir nos portos, principal vía de entrada dos insumos, así como nas bolsas e lonxas agroalimentarias. Segundo datos do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación (MAPA), o incremento dos prezos das materias primas en España durante 2021 foi dun 22,10% no caso do millo, un 26,32% no trigo, un 31,47% no caso da cebada ou un 21% na fariña de soia. Evolución dos prezos dos cereais no último ano. // Fonte Agafac. No caso do millo, pasou de pagar 235 euros a comezos do ano pasado a superar os 280 euros esta mesma semana. “Estamos a experimentar incrementos de máis de 47 euros por tonelada no caso do millo, o que significa unha subida de máis do 20% no último ano”, indican desde Agafac.
“O trigo foi o catalizador das subidas do resto de cereais, cun acusado efecto de arrastre en cebadas e millos”: José Manuel Álvarez, secretario xeral de Accoe
Na Asociación de Comercio de Cereais e Oleaginosas de España ( Accoe), sinalan que ata o de agora, os grandes protagonistas da campaña foron os trigos, tanto o brando, como o duro, alcanzando as súas cotizacións máximas históricas. “O trigo foi o catalizador das subidas do resto de cereais, cun acusado efecto de arrastre en cebadas e millos”, apunta José Manuel Álvarez, secretario xeral de Accoe. O trigo experimentou unha subida de 60 euros por tonelada, un incremento do 24% con respecto de xaneiro de 2021. Nas últimas semanas volvéronse rexistrar subidas no prezo da fariña de soia, esencial nas formulacións para pitos e vacas de leite e que é necesario importar na súa totalidade. Así, a fariña de soia do tipo 46,5% está a pagarse a 500 euros por tonelada, cando o seu prezo se situaba en 321 euros por tonelada en agosto de 2020, segundo os datos facilitados por Agafac. Evolución no último ano dalgúns dos cereais empregados para a elaboración de pensos de alimentación do gando. // Fonte Agafac.

O incremento dos prezos do penso

O incremento dos prezos do cereal trasladouse ás granxas coas subidas nos pensos. O sector de fabricantes de pensos, do mesmo xeito que outros sectores, experimentou o aumento das materias primas que se traduciron nunha subida dos prezos de custo. “A situación actual é de preocupación polo elevado prezo dos custos de produción, tanto a nivel de materias primas como doutras subministracións como a enerxía, os bens intermedios e subministracións, o gasóleo, a enerxía, plásticos...”, apuntan desde Agafac.
Preocupa que as ganderías de novo sufran o incremento de custos sen poder trasladalos á cadea, o que afogaría ao sector gandeiro
Ante esta situación preocupa que as ganderías de novo sufran o incremento de custos sen poder trasladalos á cadea, o que afogaría ao sector gandeiro. “Preocúpanos que os nosos clientes gandeiros, aos que lle soben tamén todos os seus custos de produción, non poidan trasladar estes incrementos ao longo da cadea alimentaria, en cumprimento lóxico das leis de mercado e en cumprimento legal de Lei da Cadea Alimentaria”, indican en Agafac.
“A gran oferta de fabricantes de penso en Galicia fai que o noso mercado sexa o máis competitivo posible": Bruno Beade, director Agafac
Aínda que o prezo dos cereais leva máis dun ano á alza, as subidas directas no prezo do penso ás ganderías foise realizando de forma paulatina en Galicia. “A gran oferta de fabricantes da nosa comunidade autónoma fai que o noso mercado sexa o máis competitivo posible, e é por iso que en función das compras programadas polos diferentes fabricantes a oferta en prezos foi competitiva, pero o mercado de materias primas é o mesmo para todos, e unha vez finalizan os contratos de compra hai que volver comprar irremediablemente nun mercado de tendencia alcista, polo que finalmente acábanse subindo os prezos en todo o sector”, concreta Bruno Beade.

As causas da suba dos cereais

Do mesmo xeito que no resto de materias primas, a pandemia global polo Covid-19 serviu como detonante para o incremento dos prezos dos cereais. Ademais houbo outros condicionantes que levaron a esta situación. “As taxas á exportación impostas nun dos maiores produtores mundiais, Rusia; o incremento de prezos de fretes e pola crise enerxética, que á súa vez provocou unha subida sen precedentes dos insumos agrícolas son algunhas das causas detrás deste incremento dos prezos dos cereais”, explica José Manuel Álvarez, secretario xeral de Accoe. Desde Agafac sinalan outros factores que tamén contribuíron á alza dos cereais como a fortaleza do dólar fronte ao euro ou a tendencia alcista doutras materias primas como os aceites vexetais.
As taxas ás exportacións, o incremento dos custes dos transportes, a crise enerxética ou a baixada de rendementos das colleitas son algunhas das causas da suba dos cereais
Ademais, no caso dos cereais, as propias condicións meteorolóxicas e as previsións de malas colleitas motivan importantes variacións nos prezos. “Desde decembro do ano pasado, onde xa viñamos de prezos elevados, houbo un repunte de produtos como a soia e o millo, provocado principalmente polas condicións meteorolóxicas adversas no hemisferio sur, sobre todo en Brasil e Arxentina onde as producións estimadas viñéronse abaixo. As perspectivas iniciais fallaron e as previsións actuais son peores por falta de choiva nestas rexións, xerando a baixada de rendementos de produción esperados inicialmente”, detallan desde Agafac.

Perspectivas para os próximos meses

No sector non se aprecian polo momento indicios de que a situación poida estabilizarse e máis difícil parece que a curto prazo poida lograr reverterse. Así é que o sector dos fabricantes de pensos mantense expectante ante a evolución da produción mundial de materias primas que pode ter novas consecuencias nos prezos. “Para o primeiro semestre do ano a situación está certamente complicada, aínda que esperamos que se suavice un pouco se finalmente as estimacións previstas para Brasil e Arxentina non se cumprisen ou se rebaixasen, relaxando os prezos para o segundo”, valora Beade.
España precisa importar máis dun terzo dos cereais necesarios para cubrir a produción nacional de pensos compostos
Cabe ter presente que España é un país cunha produción cerealista irregular, oscilante en dentes de serra, o que tamén influirá nas necesidades de importación de cereais. “Levamos dúas campañas seguidas moi boas, con producións superiores aos 24 millóns de toneladas, aínda que a nosa media está arredor dos 20 millóns”, concretan desde a asociación cerealista Accoe. Cunhas necesidades de cereal de entre 35 e 37 millóns de toneladas, España precisa importar máis dun terzo dos cereais necesarios para cubrir a produción nacional de pensos compostos. Outro dos factores que está a motivar novas subidas nesta últimas semana e mesmo podería xera un maior incremento dos prezos dos cereais é a ameaza do conflito bélico entre Ucraína e Rusia. “Estamos nunha situación de calma tensa. España é un país moi deficitario en cereais polo que depende enormemente de que o fluxo mundial dos mesmos estea ben engraxado e en orde”, valoran desde Accoe.
A ameaza de guerra en Ucraína, un dos principais mercados de cereal de España, podería supoñer unha suba aínda maior do millo 
Así, xa se dispararon prezos de produtos procedentes deste mercado como o trigo, a colza ou o xirasol. “A situación de crise prebélica Rusia-OTAN afectou de maneira sensible ao mercado interior porque adquirimos en Ucraína entre 28 % e o 30 % das nosas importacións de millo e o 60 % das de xirasol, polo que o conflito está tensionando a oferta e o custo das materias primas”, sinala José Manuel Álvarez, secretario xeral de Accoe. Polo momento, a subministración de cereal desta zona funciona con normalidade, pero se empeora pode resultar dramático para o sector da alimentación animal e, polo tanto, a propia cadea da alimentación humana. A situación podería mesmo resultar máis tensa se as previsións de colleita ven ameazadas por fenómenos atmosféricos nas principais rexións produtoras de cereal. Ademais, o incremento dos custos de produción de insumos como os fertilizantes podería motivar que os cerealistas optasen por sementar cereais con menos necesidade de abonado, como o xirasol en lugar do millo ou a soia, o que provocaría que se reduciría a superficie mundial sementada destes cereais e a produción, aínda que se lograsen boas colleitas.

Escalada dos prezos dos cereais: causas e previsións para a campaña

Nos últimos meses os prezos de cereais básicos para a alimentación do gando como o millo, a soia ou mesmo o trigo disparáronse. O mercado mundial está a responder con importantes subas á elevada demanda de cereais de potencias como China, que se atopa en plena recuperación tanto da pandemia do Covid-19 como da crise da Peste Porcina Africana (PPA) que arrastraba. As previsións de colleita tamén están a ser determinantes para marcar o prezo dos cereais e algúns países comezaron a establecer xa aranceis ás súas exportacións. Todo iso está a elevar a demanda e os prezos dos principais cereais a valores históricos. Fabricantes de pensos e produtores alertan xa das dificultades que terán os gandeiros se o incremento dos prezos de alimentación e por tanto dos custos de produción, non se traslada e compensa no resto da cadea.
A falta de stocks mundiais, a caída da produción polas secas e a alta demanda de países como China están a motivar a suba dos prezos
"Nas últimas semanas viuse un incremento dos prezos, sobre todo do millo, derivado tanto da caída das producións de cultivo de Brasil, por mor da seca, como da falta de stocks mundiais", explica Bruno Beade, director da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac). "A situación é agora moito máis complicada do que era en decembro, cando comezou a notarse un incremento dos prezos e da demanda, pois a seca agudizou esta situación", detalla.

Alta demanda de millo

O millo está a ser determinante nesta escalada de prezos. Aínda que a produción de millo a nivel mundial é crecente, tamén aumentou a demanda, o que se traduciu en prezos á alza que arrastran a outros cultivos, como o trigo. "Cun consumo que crece, pero cunha produción que non está a crecer ao mesmo ritmo, os stocks finais a nivel mundial están a baixar e isto deriva en prezos á alza", apunta Joaquim Azpiroz, analista e consultor da Safras e Mercados, plataforma especializada en analizar as materias primas agrogandeiras.. Evolución da produción e consumo de millo no mundo nos últimos 20 anos e previsións para as próximas campañas. // Fonte. Safras e Mercados. China é un dos principais compradores de millo. O xigante asiático atópase en plena fase de crecemento e recuperación. De feito, foi a economía que experimentou un maior crecemento en 2020, aínda que este fose o máis baixo desde 1976 para o país. "O crecemento da economía chinesa marca tamén un cambio nos hábitos de consumo, cara a un maior consumo de carne e unha maior utilización de millo, soia e trigo para alimentación dos seus animais", argumenta Azpiroz. A este crecemento súmase a recuperación do sector porcino tras a crise da Peste Porcina Africana, que reduciu a produción de carne de porco a un mínimo de 38 millóns de toneladas de carne en 2020. "Ao recuperar a súa matriz porcina, China está moi ávida tanto de millo como de soia", detalla Azpiroz. De feito, Goldman Sachs, un dos grupos de banca de investimento e valores máis grande do mundo, asegura que China importará 33 millóns de toneladas este ano e 55 millóns de toneladas en 2023 para atender o seu consumo interno.
"Cando aínda faltan 4 meses para o fin da campaña en EEUU xa se comercializou o 98% do millo, unha porcentaxe moi alta que leva a unha suba dos prezos" (Joaquim Azpiroz, analista de Safras e Mercados)
O millo está a experimentar tamén unha crecente demanda para a produción de etanol en países como Brasil, China ou Estados Unidos, onde a administración de Biden está a apostar por impulsar este tipo de industrias verdes, o que apunta a un incremento da demanda interna. "EEUU conta cun volume de produción moi próxima ao consumo interno, o que non deixa moita marxe a atender a demanda de China, o que se traduce en menores stocks desde 2014 e iso está impulsando unha suba dos prezos", concreta o analista. "Restando 4 meses para o fin da campaña en EEUU xa se comercializou o 98% do millo, unha porcentaxe moi alta que claramente presiona sobre os prezos en Chicago, que son de referencia global", indica Azpiroz. Así, a comenzos de maio, o prezo situábase xa por encima dos 250 dólares por tonelada.  As secas das últimas semanas en Brasil, na recta final da campaña sumadas á sementeira tardía polas choivas, está a deixar rendementos máis baixos do cultivo. Cabe lembrar que o 43% do millo sementado en Brasil, segundo datos de Safras e Mercados, fíxose fóra da época recomendada, o que deixa unha diminución importante na produción. Na Arxentina, estímase que a produción se sitúe nos 49,2 millóns de toneladas, aínda que unha redución podería contribuír a unha maior suba dos prezos. "En Estados Unidos as previsións tamén apuntan a unha caída da produción o que contribúe a ese incremento dos prezos", sinalan desde Agafac.

O trigo, baixo o ronsel do millo

A crecente demanda de millo e a escalada de prezos tamén se traslada a outros cereais como o trigo, que experimentou unha importante demanda e crecemento. A campaña 2020-2021 deixará unha produción mundial aproximada de 760 millóns de toneladas de trigo, situándose Rusia como principal exportador. Nesta campaña, Europa deixa de ser un dos principais produtores do cereal debido á caída de ao redor dun 12% da produción de trigo en Francia. A produción de trigo de Europa reduciuse nesta campaña un 12%. Do mesmo xeito que co millo, China é un dos maiores importadores de trigo. "Dados os altos custos do millo, China decidiu cambiar a unha importación de trigo para alimentar aos seus animais", explica Azpiroz. O xigante asiático conta cunha produción de 134 millóns de toneladas e un consumo que se aproxima aos 150 millóns de toneladas, con este déficit entre produción e consumo optou por asegurar os stocks do cereal. Pasou de ter o 34% dos stocks de trigo a contar nesta campaña co 42%, o que pode ter un papel moi importante no mercado, segundo apuntan distintos analistas. Estados Unidos viu no trigo unha oportunidade para a campaña, pero as condicións meteorolóxicas destes meses tampouco axudaron a lograr destacadas colleitas na sementeira de trigo de primavera, pola falta de auga, o que cambiou os prognósticos para o rendemento do cereal. Tampouco o cultivo de inverno tivo boas condicións, con baixas temperaturas e escaseza de precipitacións, que reduciu a produción e elevou o prezo.
Rusia xa comezou a aplicar taxas ás súas exportacións de trigo
Países como Rusia están a comezar xa a aplicar medidas restritivas ás súas exportacións ante o aumento dos prezos dos alimentos a nivel mundial. Estas taxas, que a partir de xuño serán permanentes, poderían traducirse nunha redución da superficie dedicada ao cultivo no país nas próximas campañas. "Se se mantén a taxa redúcese a rendibilidade do negocio do cultivo do cereal e cabe esperar que tamén baixe a área de cultivo", argumenta Azpiroz. O trigo tamén experimentou unha suba notable nas últimas semanas e a comezos de maio situábase xa nos 270 euros por tonelada.

O consumo de soia

A soia é outro dos cereais cuxo prezo se sitúa en valores históricos nas últimas semanas e meses, debido en gran medida a que o consumo é superior á produción e a recuperación da demanda global eleva o seu valor. Así, desde principios de ano, a tendencia á alza deixa valores de récord, próximos aos alcanzados en 2013 cando se produciu unha importante seca en EEUU, principal produtor de soia naquel momento, e que determinou dita suba. Hoxe Brasil desbancou a Estados Unidos como principal produtor de soia. O país latinoamericano chegou a alcanzar nesta campaña os 136 millóns de toneladas. Xunto con Brasil, Arxentina é un dos destacados produtores de soia cunha produción de ao redor de 47 millóns de toneladas, aínda que se estima que esta campaña se reducirá a 43 millóns de toneladas pola falta de choivas durante o enchido do gran, polo que se verá minguada a produción polo estrés hídrico da planta. "A fariña de soia estaba á alza até febreiro, e cando o mercado empezou a darse conta de que China estaba a substituír o millo e a soia polo trigo, a fariña de soia comezou a baixar", explica Bruno Todone, analista de Safras e Mercados.

A dependencia de aditivos do mercado chinés

Xunto co incremento dos prezos dos cereais, a fabricación de determinados pensos de gama premium, aqueles elaborados cunha maior presenza de vitaminas, aminoácidos ou aditivos minerais, tamén está a afrontar unha alta volatilidade dos prezos. Así o apuntaban desde a Asociación de Fabricantes e Empresas de Alimentación Animal da Comunidade de Madrid (Asfamad) durante un recente webinar organizado desde a entidade e no que abordaron as tendencias do mercado de aditivos para alimentación animal. China xoga tamén un papel destacado neste sector, aínda que neste caso como principal provedor. O xigante asiático pasou de producir 8.164.000 toneladas de aditivos para alimentación animal en 2015 a alcanzar os 13,9 millóns de toneladas en 2020. "Deses máis de 13 millóns de toneladas, os aminoácidos e os aditivos minerais representan o 90% da produción total", explica Fátima Chen, xerente rexional no Sur de Europa da compañía Beijing Yahe Nutritive High Tech Co., Ltd, principal subministrador de aditivos a nivel global.
Os fabricantes de alimentación animal teñen unha gran dependencia dos aditivos do mercado chinés
"En cuestións de biotina, ácido fólico e vitamina B12 somos 100% dependentes do produto chinés. Para outras vitaminas importantes, como a vitamina E ou a vitamina A, Europa ten un certo poder de mercado, que permite que sexamos máis flexibles ante cambios nas producións destes aditivos", apunta Juan Manuel Viola, director de vendas do Mercado de Ingredientes de Kaesler Nutrition. Ademais desta gran dependencia do mercado chinés, as empresas fabricantes de pensos especializados viron como os prezos se modifican con gran rapidez, debido a factores como o Covid-19, o cambio climático ou a demografía mundial, o que reduciu a marxe de beneficios e incrementou os prezos dos pensos en toda a cadea.

O impacto nas gandarías

Ante estas previsións dos principais países produtores de cereal, os expertos estiman que os prezos seguirán á alza non só nesta campaña senón na próxima, debido á falta de stocks mundiais. Así, todo apunta a unha suba a curto prazo e que poida prolongarse durante os próximos meses. "Estamos nunha situación moi similar á que se produciu en 2011, cando a baixada de produción e os stocks moi baixos orixinaron unha tormenta perfecta para unha suba dos prezos", explica Bruno Beade, presidente de Agafac. Ante esta subida dos cereais incrementaranse tamén os custos de produción en sectores como o vacún de leite ou a carne, o que como apuntan xa distintas organizacións agrarias pode pór ás gandarías contra as cordas. "Nós, como sector, non temos capacidade de influír nos prezos do cereal, o único que facemos é tentar comprar ao mellor prezo para despois vender ao prezo máis baixo. O problema é que nós temos que trasladar o aumento do prezo ao gandeiro e ao gandeiro non lle están deixando transmitir tamén ese incremento de custos que experimenta", concretan desde Agafac.

Mabegondo incorporará unha vintena de variedades autóctonas de hortalizas e cereais ó seu Banco de Xermoplasma

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) ten rexistradas case 70 variedades comerciais e de conservación dos principais cultivos de Galicia na Oficina Española de Variedades Vexetais (OEVV). A estas variedades, conservadas no Banco de Xermoplasma, sumaránselle unha vintena de variedades máis, con xenética maioritariamente autóctona galega, que están en proceso de resistro. Cultivos rexistrados Entre as variedades que rexistrou o CIAM destacan, por volume, as froiteiras, cun total de 24 tipos de maceiras rexistradas e 18 de pereiras. No primeiro dos grupos inclúense as mazás Camoesa do Inverno, Castaña e Marafonsa, así como distintas clases de Repinaldos, Peros, Tres ou Tabardillas. Mentres, no segundo están as peras Negras de Inverno, as Cabazas, as Santiaguesas, as Sevillanas ou distintos tipos de Manteca. Canto ás especies de horta, están rexistradas xa un total de 17 variedades conservadas no Banco de Xermoplasma do CIAM, entre as que resaltan os pementos de Padrón, do Couto, de Mougán, de Oímbra ou da Arnoia, así como os recentemente incorporados Couto grande e Piñeira. Neste grupo encóntrase tamén o tomate Negro de Santiago, o repolo de Betanzos e as cebolas de Betanzos, Ribadeo e Vilagarcía. Solicitudes Así mesmo, outras 22 variedades de horta están co procedemento de inscrición iniciado, téndose solicitado xa a inclusión de, por exemplo, os pementos de Guindilla da Angustia e Ourense Verde, o chícharo da Cova ou as leitugas de Feáns, Lugo e Miño. Tamén a dos tomates de Avoa de Osedo, Olimpia Ourense, San Lázaro ou Taller de Lubre. Mentres, están pendentes de solicitude por atoparse en ensaio o pemento de Seixalbo ou os tomates Amadeo Monforte, Convento ou de Corno. A maiores, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo ten rexistradas catro variedades de forraxes -o dactilo Artabro, o trevo Maragato e os raigrases Ciami e Pomba-, dúas variedades autóctonas de trigo -a Callobre e a Caaveiro-, e outras tres de millo -as Amurrio CIAM, Ponteareas e Aranga-, mentres outras tres deste tipo de gramínea están co procedemento iniciado. Neste último caso, rexistrouse tamén un cruzamento de liñas puras procedentes de xermoplasma de Galicia por liñas americanas, así como varios híbridos de millo con material de orixe galega cultivados por agricultores da comunidade. Cómpre lembrar que a inclusión dos cultivos na Oficina Española de Variedades Vexetais pode levarse a cabo como variedade comercial ou de conservación. Así, o rexistro de variedades comerciais consta, ademais da tramitación administrativa, dunha fase de realización de ensaios oficiais de identificación. No caso das variedades de conservación, a solicitude de inscrición pode promoverse para protexer cultivos en risco de desaparecer pola súa composición xenética e cando a súa procedencia está perfectamente identificada.

Colleita récord en cereais

As favorables condicións meteorolóxicas da primavera, con altas temperaturas e choivas en boa parte de España, permitirán que este ano se rexistre unha colleita récord en cereais, segundo as estimacións da Asociación de Comerciantes de Cereales y Oleaginosas (ACCOE). O rendemento medio pasará das 2,3 toneladas por hectárea a 4 toneladas, segundo a Asociación. As expectativas de aumento de produción respecto ao 2019 son as seguintes: trigo brando (+ 62%), trigo duro (+47%), cebada (+79%), avea (+64%), centeo (+57%) e triticale e outros (+17%). Datos de Galicia En canto ós datos de Galicia, estímase que hai unhas 12.000 hectáreas de trigo brando, cun rendemento medio de 3 toneladas, fronte ós 2,50 do pasado ano, segundo os cálculos de ACCOE. O rendemento medio en España espérase que sexa de 4,35 toneladas, fronte ás 2,66 do pasado ano. En centeo, calcúlase que hai en Galicia unhas 4.000 hectáreas, cun rendemento medio de 3,69 toneladas por hectárea, polas 3 toneladas do pasado ano. O rendemento medio a nivel estatal está en 3,12 toneladas (1,89 o pasado ano, que fora moi malo en rendementos en tódalas colleitas de cereais). O resto dos cultivos de cereais son residuais en Galicia. En cebada, por exemplo, estímase unha superficie de 419 hectáreas, cun rendemento medio este ano de 4,50 toneladas, fronte a 3 toneladas o pasado ano. O rendemento medio estatal será de 4,25 toneladas este ano, segundo as previsións.

Estratexia ICL para abonado de cereal

Para realizar unha estratexia de abonado correcta no cultivo do cereal, é fundamental, en primeiro lugar, analizar o comportamento dos nosos solos agrícolas e as súas reaccións naturais, analizando a achega de nitróxeno e fósforo ao solo mediante abonos orgánicos ‘ versus’ a achega con fertilizantes minerais. O primeiro paso para obter unha boa produción é analizar os chans e ver as súas carencias ante as demandas do cultivo.

Así, por exemplo, en Castela e León atopamos chans con ph moi básico, con moito calcio, pouco fósforo dispoñible, baixos de materia orgánica, con risco de erosión e carencias de ferro, xofre e outros nutrientes. En Galicia, en cambio, a norma será a carencia en calcio. Por tanto, é importante coñecer as carencias para poder nutrir os solos de acordo coas mesmas e segundo as necesidades concretas de cada cultivo: non é o mesmo fertilización que nutrición precisa.

Sementeira
Desde ICL Specialty Fertilizers apóstase polo uso de fertilizantes de liberación controlada ( CRF), que se achegan de forma localizada xunto á semente, cunha porcentaxe encapsulada tanto de nitróxeno como de fósforo. É moi importante que o nitróxeno dure ata a aplicación da coberteira e, tamén, evitar que o fósforo aplicado non se bloquee no solo por un pH elevado.

Para iso, ICL dispón de diversas tecnoloxías de encapsulado para os seus abonos de liberación controlada, como son Poly- S, Resin ou E-Max, que permiten elixir a forma de liberación e lonxevidade máis adecuadas, segundo as necesidades do cultivo, data de plantación e tipo de chan.

Para un bo abonado do cereal, é recomendable utilizar na época de sementeira formulacións de ICL altas en nitróxeno e fósforo, como Agromaster Start Mini (21-21-5+Mg), Agromaster Start (23-25-5) e Agromaster Start (15-46-0), que ofrecen de 2 a 3 meses de lonxevidade e todos eles co nitróxeno e o fósforo parcialmente encapsulados ao 100%, para evitar a súa perda e bloqueo no solo.

Detalle dos microgránulos nas raíces do cereal.

En canto ás doses para aplicar, no caso dos fertilizantes de liberación controlada e aplicados de xeito localizado, tipo Agromaster Start, pódense reducir as doses ata os 50-75 kg/ha, grazas á eficiencia do fertilizante CRF. O aplicar estas doses baixas en sementeira permítenos mellorar a condicionalidade e poder incrementar as nosas unidades fertilizantes para a coberteira.

Aplicación de coberteira
Nos meses de xaneiro e febreiro é a hora de incorporar a coberteira do cereal e para iso tamén podemos utilizar a gama Agromaster, que nos axudará a realizar unha coberteira eficiente na aplicación do nitróxeno na fase de afillamento do cereal, grazas á liberación controlada do nitróxeno, nas súas diferentes formas, ureica, amoniacal e nítrica.

Abonos foliares
Desde febreiro ata maio son datas para a aplicación dos herbicidas selectivos en cereal. Para iso debemos recorrer aos abonos foliares como Agroleaf, que nos axudarán a ter un mellor efecto do herbicida, a evitar a tensión provocada no cereal polo herbicida selectivo e axudarannos a cubrir as carencias do cultivo, mellorando o seu afillamento e crecemento ata o estadio de folla bandeira.

Os abonos foliares Agroleaf, teñen diferentes formulacións para satisfacer as nosas necesidades no cultivo, sendo probados con diferentes herbicidas e funxicidas no cereal. Poden consultar as táboas de compatibilidade no catálogo xeral de agricultura de ICL.

Para realizar aplicacións de fertilizante soluble nos cultivos extensivos e cereal, pode recorrer á nosa gama de solubles Nova.

Máis información na web de ICL.

O proxecto dunha panificadora para celíacos, premio da Cátedra do Pan

O proxecto dunha panificadora acaba de acadar o primeiro posto da segunda edición dos Premios da Cátedra do Pan e do Cereal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), promovida en colaboración co Grupo Dacunha. O proxecto foi presentado por Roberto López Toja, graduado en Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. A proposta empresarial levou un premio en metálico de 1.000 euros e a posibilidade de asinar un contrato laboral no Grupo Dacunha. O proxecto foi presentado baixo o título ‘Panificadora de pan precocido conxelado para celíacos, produción de 4.000 quilos día, situada no polígono de Alvedro’. Nesta proposta aportábanse alternativas para sortear as limitacións propias das persoas que sofren intolerancia ó glute, que en Europa supón xa o 1% da poboación. A iniciativa premiada ten en conta rigorosos mecanismos de control durante todo o proceso de elaboración do pan, dende a moenda do cereal, a fase de amasado do pan, cocido e distribución. O proxecto integra asemade unha serie de técnicas innovadoras aplicadas ó método tradicional de panificación, como é o emprego de masa nai, ó tempo que documenta polo miúdo pautas de máximo respecto a parámetros relacionados coa seguridade e a saúde, residuos de construción ou planos nos procesos de construción e edificación da industria.

O consumo de pan na poboación sénior

O segundo dos premios do certame, dotado de 500 euros, recaeu nun traballo sobre a inxesta de pan entre a poboación sénior. O graduado en Nutrición e Dietética Javier Cancela Rodríguez realizou unha radiografía desta franxa da poboación a través de 150 enquisas persoais sobre os hábitos de consumo de pan, así como os cambios na alimentación ou sobre o coñecemento que teñen da composición deste alimento e do seu valor nutricional. O traballo de campo permite constatar o descoñecemento entre a poboación de máis idade da relación entre hidratos de carbono e saúde. Aínda así, máis do 80% dos consultados estima que non é preciso eliminar o pan da dieta para adelgazar. A continuidade do pan na mesa está garantida para máis do 90% das persoas enquisadas, que tamén recoñece un empeoramento do sabor e da textura deste produto alimenticio. A poboación sénior decántase polo pan tradicional fronte aos precocidos, conclúe este estudo, que cifra en 82,33 gramos diarios o consumo medio de pan.

Cultivo do cereal á sombra

O terceiro premio outorgado nesta convocatoria pola Cátedra do Pan e do Cereal Dacunha da USC, un galardón dotado con 250 euros en metálico, recaeu no tamén graduado en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Rafael Abad Trasancos. O traballo presentado avaliou o desenvolvemento de distintas especies e variedades de cereal baixo diferentes condicións de sombra.
Avalían cereais como o millo, o trigo ou o centeo para empregalos en sistemas agroforestais para obter forraxes
Abad Trasancos avalía neste estudo o efecto que produce a sombra proxectada do extracto arbóreo sobre o desenvolvemento de cultivos de cereal, implantados nas rúas que separan as liñas de arborado. No traballo avaliáronse diferentes variedades de especies coma o millo, o trigo ou o centeo, para seleccionar as máis acaídas para a implantación dun sistema agroforestal con elas. Nas conclusións, o enxeñeiro indica que o centeo ten unha menor capacidade para espigar en condicións de sombra que o trigo e que o millo, o que se debe á súa notable capacidade para medrar en menos tempo, o que o fai máis interesante para o seu emprego como forraxe nos sistemas agroforestais.

A sementeira de cereal en Galicia cae á metade debido ás choivas

A sementeira de cereal de inverno na Limia, a principal comarca produtora de Galicia, foi desastrosa debido ás intensas choivas do mes de novembro, que fixeron imposible que a maquinaria puidese acceder ás leiras; e nas que se sementou, gran parte está alagado. “A día de hoxe practicamente non se plantou cereal porque non parou case de chover, cando a superficie sementada xa debería roldar as 8.000 hectáreas, tanto de trigo, cebada, como de centeo”, asegura Servando Álvarez, responsable do Centro Agrogandeiro do Inorde en Xinzo. Desta forma, e tras unha campaña como a deste ano na que se alcanzou unha produción “normal” de 60 millóns de quilos, parece que en 2020 volverase repetir a escasísima colleita de 2018, motivada tamén polos asolagamentos das parcelas. “O cereal de inverno, como o trigo, produce o dobre que o que se sementa en primavera: entre 5 e 6 toneladas por hectárea fronte a 2,5 toneladas, polo que para o próximo ano prevese un forte descenso da produción de cereais, e unha perda dun ingreso moi importante para moitos agricultores da Limia”, recoñece Servando Álvarez. Por último, o responsable do Centro Agrogandeiro da Limia augura que “quizais o 2020 vai ser o ano das variedades de trigo autóctonos galegos, como o callobre ou o caaveiro, sementándoas en xaneiro, febreiro e marzo, para colleitar no verán cun prezo superior a outras variedades comerciais”.

Brión inaugura este mes un centro de transformación de produtos da horta

O Concello de Brión inaugura o próximo venres 13 de decembro o centro Transformando en Brión, que estará ubicado na terceira planta do centro comercial Monte Balado. A instalación conta con tódolos equipos precisos para o procesado de cereais e produtos de horta. Nos arredor de 200 metros cadrados do centro definíronse dúas zonas de traballo, unha orientada á elaboración de zumes, deshidratados e conservas, e outra zona que se habilitou como obradoiro de masas e de transformación de cereais, onde se poderán elaborar empanadas, pans, galletas ou doces. A posta en marcha do Centro, que contou co apoio da Deputación da Coruña e de fondos europeos, arrancará cun grupo de 60 pequenos produtores de horta que xa se está formando para a súa utilización. O obxectivo do proxecto é facilitar que os produtores poidan transformar as súas producións en caso de excedentes, de cara a súa posterior comercialización ao longo de todo o ano. “O Centro conta con dous rexistros sanitarios, un para froitas e hortalizas, e outro para cereais, o que lles permitirá ós produtores etiquetar os seus produtos e cumprir coa lexislación sanitaria. Tamén será obrigatorio para traballar no Centro que os usuarios teñan superado un curso de manipulación de alimentos”, explica Dora Vieiro, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Brión. Outro dos requisitos de funcionamento que se acordou é que só se poderán procesar nas instalacións producións tradicionais que estean cultivadas sen pesticidas. Poderán usar a intalación tanto produtores a título individual como asociacións e mesmo persoas que só queiran transformar producións para o seu autoconsumo. Entre o grupo de 60 produtores que xa se está formando para o uso do centro, figuran sobre todo pequenas explotacións que venden en feiras, tendas e grupos de consumo. Son tanto de Brión como doutras zonas do entorno, como Padrón, Rois, Noia, o Barbanza ou a comarca do Ulla. Para o uso do centro, o Concello definirá en breve unhas tarifas. Matadoiro móbil De cara ó próximo ano, o Concello tamén ten previsto poñer en marcha un matadoiro móbil de aves e coellos para darlle servizo ás granxas artesanais. O camión matadoiro funcionará previsiblemente a nivel de toda a provincia da Coruña, pois contará con apoios da Deputación da Coruña. Feira labrega o día 14 Ao día seguinte da inauguración do centro de transformación, celebrarase alí unha feira labrega, con actividades e produtos de pequenas explotacións da comarca.