Archives

Obradoiros sobre técnicas forestais de poda en piñeiros e frondosas caducifolias

A Asociación Forestal de Galicia está a iniciar o seu programa de formación anual, dirixido tanto a propietarios forestais particulares como a comunidades de montes ou público interesado na materia. Este mércores 19 de agosto desenvolverase en Cedeira un obradoiro sobre técnicas forestais de poda, que terá outra edición no Corgo (Lugo) o 26 de agosto. Con anterioridade, xa houbo outro en Boqueixón (A Coruña) a inicios de mes. As actividades formativas, que contan cunha parte teórica e outra práctica, realizaranse integramente ó aire libre, en parcelas forestais. O obxectivo é que as persoas participantes adquiran os coñecementos precisos para a produción de madeira de alta calidade. O taller abordará tanto a poda en piñeiros como en frondosas caducifolias (castiñeiro, carballo, cerdeira, etc.). Explicaranse os fundamentos e características da poda forestal e presentaranse os equipos e ferramentas de poda, cos que as persoas participantes poderán facer prácticas. A asistencia é gratuíta pero requírese inscrición previa nos teléfonos 981 564 011, 981 569 140, 618 752 214 ou no enderezo afg@asociacionforestal.org. Os grupos serán reducidos.

“Cremos nun monte multifuncional con máis usos que a corta de madeira”

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Coiro, en Cangas do Morrazo, foi das primeiras en ser recoñecidas como tal no sur da provincia de Pontevedra, a comezos dos anos 80, xunto coas de Hío e Darbo, como apuntan dende a súa directiva. Hoxe un dos principais obxectivos desta comunidade é promover un monte diverso, onde teñan cabida diferentes aproveitamentos.
“É positivo darlle valor ó monte, aínda que se xeren menos ingresos”, indica Manuel Soaxe, secretario da CMVMC
“Cremos nun monte multifuncional onde se aproveite máis que a produción económica e forestal da madeira”, explica Manuel Soaxe, secretario da actual xunta reitora da comunidade de montes. Xestionan unhas 60 hectáreas de monte periurbano, o que fai que sexan espazos moi visitados. “No monte hai xente de mañá e de tarde, aprovéitase moito como un espazo de lecer, pola súa proximidade ós núcleos de vivendas”, concreta Soaxe. Un dos obxectivos da comunidade de montes é manter e incrementar o aproveitamento, tanto produtivo como de ocio destes espazos. “É positivo darlle valor ó monte, independientemente de que nos dea máis ou menos cartos”, reivindica o secretario da comunidade. Realizan excursións con escolares da zona para que descubran a riqueza dos seus montes.

Liberarse do consorcio coa Xunta

Este ano a comunidade logrou anular o consorcio coa Xunta, que mantiveran durante anos boa parte dos seus montes veciñais. Levaban tempo reclamando a ruptura do acordo, logo de denunciar distintos incumprimentos por parte da administración pública. “Levamos anos arrastrando a falta de mantemento destas zonas do monte por parte da Xunta, mesmo se produciu unha neglixencia da Administración por non realizar os labores de silvicultura precisos”, explica. Dende a comunidade de montes apuntan que a falta de mantemento do monte se traduciu en perdas para a Administración e para a comunidade, ó reducirse o crecemento das árbores.
Solicitaron a anulación do consorcio pola falta dunha silvicultura axeitada, entre outros motivos
Coa anulación do consorcio, agora traballan xa na organización das tarefas para manter produtivos estes montes. “Celebramos a anulación do consorcio como se fose unha festa, mesmo tivemos unha comida cos veciños, porque realmente estábannos impedindo xestionar o monte e facer un aproveitamento real del”, concreta. Por unha parte, dispoñen dunhas 30 hectáreas de plantacións de piñeiros e eucaliptos, que representan arredor da metade do seu monte, mentres o 30% son frondosas e o resto monte baixo. Nestes meses atópanse rematando o plan de ordenamento para poder establecer quendas de corta e volver replantar estes espazos. “Somos conscientes de que estamos a cortar o que no seu momento os nosos avós e pais plantaron e queremos seguir proporcionándolle un aproveitamento para os que veñan detrás”, explican.

Fomentar as frondosas autóctonas

Fronte ás plantacións de piñeiros e eucaliptos que predominan nos montes, dende a comunidade procuran fomentar a diversidade destes espazos da man de árbores autóctonas. “Somos conscientes de que non podemos eliminar todo o eucalipto, pero cremos que tampouco podemos seguir aumentando a superficie desta especie, polo que queremos potenciar as frondosas”, indica Soaxe. De feito, están a levar a cabo o control do eucalipto en determinadas áreas e de especies invasoras como as acacias ou a Herba da Pampa.
“Somos conscientes de que non podemos eliminar todo o eucalipto, pero tampouco podemos seguir aumentandoo”
Castiñeiros, carballos, sobreiras, nogueiras e faias conforman os bosques autóctonos da zona. Ademais, dende comezos deste ano contan tamén cunha plantación de cerdeiras autóctonas, dentro dun proxecto en colaboración co Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán (Pontevedra). “Eles buscaban un monte periurbano para probar as variedades de cerdeiras autóctonas nas que están a traballar e nós procurabamos un aproveitamento forestal de man de especies autóctonas e sabiamos que nesta zona tamén se daban ben as cerdeiras polos exemplares de gran tamaño que hai”, apunta Soaxe. Propician diferentes actividades nas que tanto mozos como maiores gocen e coiden do monte.

Involucrar ós máis novos

A comezos deste ano, plantaron arredor dunhas 70 cerdeiras autóctonas chegadas de Lourizán. Ademais, para esta repoboación, coma para outras plantacións de frondosas, contaron coa colaboración dos escolares dos dous colexios e do instituto da zona. “Traballamos cos centros educativos para involucrar ós máis novos na comunidade de montes. Decatámonos de que moitos descoñecían por completo este colectivo e a xestión que se fai do monte veciñal”, reflexiona Soaxe.
“Traballamos cos centros educativos para involucrar ós máis novos na comunidade de montes”
Na comunidade de montes tamén organizan distintas actividades cos rapaces para darlles a coñecer este espazo natural que teñen a carón da casa. “Os cativos son os futuros comuneiros e temos que transmitirlles o potencial deste monte. Ademais, o monte é unha escola viva que nos pode ensinar de tódalas materias”, reivindica Soaxe.

Prevención de lumes

Á par da cooperación coa comunidade educativa, dende o colectivo están a colaborar nun obradoiro municipal de emprego da Rúa IX, polo que xa o ano pasado contrataron a tres persoas deste programa para realizar as prácticas formativas no monte durante 3 meses. “Eles acadan unha formación e nós podemos afrontar tarefas de silvicultura no monte”, concreta. Contan con paneis explicativos sobre a vexetación e a fauna do monte. Na comunidade de montes adoitan contratar ademais 3 persoas para as tarefas de mantemento do monte, que sobre todo se centran en manter limpos os camiños. Ese é o principal destino de boa parte dos ingresos que logran, xa que están a investir de novo no monte todo o capital que produce. “O mantemento das infraestruturas e accesos está a ser o gran problema dos montes”, indica Soaxe. Ó tratarse dun monte periurbano, centran os seus esforzos en manter accesibles varias pozas de auga para poder actuar con rapidez en caso de incendio. “Hai 4 anos sufrimos ata 24 conatos de lumes no monte”, recorda o secretario da comunidade de montes. Daquela puxeron en marcha un plan de vixilancia veciñal nas épocas de maior risco, de maneira que entre 15 e 18 voluntarios participaban en paseos polo monte. “Servían como unha medida disuasoria e ó mesmo tempo eran a escusa perfecta de moita xente para ir ó monte e interactuar cos seus veciños”, comenta.
Puxeron en marcha un servizo de vixilancia veciñal do monte que permitía a moita xente ter unha escusa para ir ó monte
Na prevención dos lumes, as frondosas autóctonas estanse convertendo nunha ferramenta máis. Así, nos últimos tempos están a facer devasas con frondosas para, en caso de incendio, tentar retrasar o avance das lapas, dado o perigo que supón ó tratarse de montes periurbanos. “Vimos que as devasas sen vexetación non estaban a resultar de utilidade para frear o avance do lume, por iso quixemos probar con outras opcións”, indica. Están probando a recoller a resina nalgúns piñeirais como unha fonte máis de ingresos.

Outros beneficios do monte

Xunto co aproveitamento forestal, a comunidade está a poñer en marcha distintas iniciativas como o resinamento dos piñeiros. Outras iniciativas que barallan pasan por fomentar a produción micolóxica e para castaña dos soutos, aínda que polo momento carecen de ningunha regulación para o aproveitamento destes froitos. Na comunidade de montes veciñais teñen moi presente que “moitos dos beneficios do monte non se poden cuantificar economicamente, posto que é un espazo social, de lecer, unha fonte de saúde...”, reivindica Soaxe.

As cerdeiras galegas ‘top’ chegan ó monte

O aproveitamento forestal da cerdeira preséntase como unha alternativa máis para a rendibilidade dun monte variado. Hai máis de 20 anos que o Centro de Investigación Forestal de Lourizán comezou a dar os primeiros pasos para impulsar a produción forestal da especie en Galicia e hoxe, hai xa variedades galegas nos viveiros e constátase un interese por estas plantacións. Porén, as plantacións forestais de cerdeira son aínda escasas. “Durante moitos anos a xente viviu de costas ás frondosas autóctonas, pero hoxe hai un interese xeral porque teñan unha maior presenza no monte e porque poidan ter un rendemento”, apunta Pedro López, xefe do Distrito Forestal XIX (Caldas - O Salnés), que vén de intervir nunha xornada centrada na cerdeira para uso forestal celebrada no Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, en Pontevedra.
“Hai un interese xeral en que as frondosas autóctonas teñan maior presenza no monte”, (Pedro López, xefe do Distrito Forestal XIX)
O interese pola recuperación das frondosas autóctonas vén, en moitos casos, da man das comunidades de montes, que están a apostar por incluír novas plantacións, á marxe de piñeiro e eucalipto. Entre esas opcións, a cerdeira é unha alternativa que ofrece unha oportunidade de aproveitamento forestal e que, ademais, é viable en zonas restrinxidas a outras especies, como as proximidades ós núcleos rurais, onde piñeiros e eucaliptos non teñen cabida pola normativa de prevención de lumes. A comunidade de montes veciñais de Coiro, en Cangas (Pontevedra), é un exemplo desa aposta por contar cun monte diverso, pois acaba de realizar, a comezos deste ano, unha pequena plantación de 70 cerdeiras. Trátase de exemplares procedentes do Centro de Lourizán, que terán seguemento do Centro para estudar o resultado das diferentes variedades nun monte periurbán como o desta comunidade.
“Estamos a apostar por un monte multifuncional onde teñan cabida diferentes aproveitamentos” (Manuel Soaxe, da CMV de Coiro)
“Na comunidade de montes estamos a apostar por un monte multifuncional onde teñan cabida diferentes aproveitamentos e onde se valore a función social do monte, como lugar de ocio e entretemento, e mesmo a súa función terapéutica”, reivindica Manuel Soaxe, secretario da xunta reitora da comunidade de montes de Coiro.

Variedades adaptadas

Xunto con esta plantación de Cangas, no Centro de Investigación Forestal de Lourizán contan tamén con outras parcelas experimentais, en diferentes ubicacións e de distintos tamaños, coas que controlar a evolución e adaptación dos clons que están a desenvolver. Este traballo de investigación sobre a cerdeira para uso forestal iniciouse no centro arredor do ano 1996, logo de que empezaran a plantarse as primeiras parcelas en Galicia para fins forestais. Plantas de cerdeira obtidas en cultivo in vitro no centro de investigación forestal de Lourizán. Comezaron procurando exemplares silvestres na zona oriental de Galicia, onde había unha importante presenza desta árbore. “Cando se fixeron as primeiras plantacións en Galicia había un gran descoñecemento, non había planta autóctona e outras variedades non chegaron a adaptarse ben ou sufriron moito por distintas pragas”, comenta María Eugenia Miranda, investigadora do CIF Lourizán. A cerdeira é hoxe unha das especies prioritarias do Programa de Mellora Xenética do Plan de innovación e mellora forestal de Galicia 2010-2020. De feito, ó longo destes anos conseguiron poñer no mercado 5 clons. O primeiro, deles o Lourizán 1, foi rexistrado no Catálogo Nacioal de Material Forestal de Reprodución no 2011. “Cada vez o proceso de rexistro é máis esixente e debe incluír xa non só os estudos que demostran a calidade da árbore senón que se agarda que proporcionemos material e recomendacións para estas variedades”, detalla a investigadora.
Media ducia de viveiros galegos comercializan planta de cerdeira das variedades autóctonas xa rexistradas
As investigacións enfócanse tamén a conseguir variedades máis resistentes ós retos asociados ó cambio climático, como a seca ou as inundacións. “Estivemos a realizar probas con distintos exemplares someténdoos a situacións extremas de asolagamento e de seca para comprobar como responden ante estas condicións adversas”, explica Miranda. Así, entre as cinco variedades rexistradas, hai clons que presentan distintas adaptacións. O Lourizán 2, por exemplo, tolera mellor os encharcamentos, pero non a seca; en tanto o Lourizán 3 está máis adaptado á seca. A maioría deles presenta ademais unha baixa incidencia de enfermidades fúnxicas. En canto ao crecemento, os últimos tres clons rexistrados (Lourizán 3, 4 e 5) incrementan os crecementos e diámetros dos dous primeiros (Lourizán 1 e 2). O que mellor comportamento amosou na plantación clonal de Lourizán é o Lourizán 3, que chegou ós 18 metros en 19 anos, mantendo un crecemento sostido de case un metro anual. Xunto ós 5 clons, no centro agardan poder presentar e rexistrar nos próximos meses outras tantas variedades que amplien a oferta para os produtores. Na actualidade, media ducia de viveiros galegos comercializan planta de cerdeira destas variedades autóctonas xa rexistradas.

Cuestións a ter en conta á hora de plantar cerdeiras

Á marxe de contar con planta autóctona de calidade e adaptada ás características de Galicia, hai outros aspectos nos que os expertos fixeron fincapé ó longo da xornada para a produción de madeira de cerdeira. “Ó igual que acontece con outras frondosas, non se pode introducir cerdeira en calquera terreo porque precisan dunha serie de características e dunha silvicultura máis esixente ca outras especies”, apunta Pedro López. Así, as cerdeiras precisan de terreos cunha boa profundidade de terra e dispoñibilidade de auga. “É unha árbore moi esixente coa humidade dos solos, polo que se precisan solos que non se inunden e que conserven ben a auga no verán”, concreta Braulio Molina, enxeñeiro de montes da Asociación Forestal de Galicia. Son ademais árbores sensibles a varios fungos e insectos, o que obriga a facer un seguimento da súa evolución. Ó seu favor, a cerdeira resiste ben as baixas temperaturas e as xeadas tardías. Os expertos recomendan escoller terreos protexidos do vento e preferiblemente antigas parcelas agrícolas de solos básicos ou neutros. Este tipo de terreos e as propias características da árbore, cun crecemento vertical e unha estrutura que deixa pasar ben a luz, propicia que poida combinarse cun aproveitamento gandeiro destes espazos. “É moi importante protexer ben as árbores, con mecanismos axeitados que eviten que o animal coma a codia ou se rasque contra o tronco, así como regular a carga gandeira que pode soportar a parcela, para evitar danos que condicionen a plantación”, explica Molina. Ó mesmo tempo, ó tratarse dunha frondosa autóctona, as plantacións de cerdeiras poden funcionar a modo de devasas naturais e ofrecer unha discontinuidade nun monte repoboado, xa que presentan menos inflamabilidade que piñeiros e eucaliptos, o que pode retrasar o avance do lume. Neste senso e atendendo ós propios requirimentos da árbore, os expertos inciden en que as zonas de valgada son propicias para as plantacións das cerdeiras, así como as franxas auxiliares dos camiños, á par que se consegue unha maior protección fronte ós incendios. Mostra de traballos elaborados con madeira de cerdeira por artesáns e asociacións de Galicia.

O mercado para esta madeira, a gran incógnita

Estímase que as quendas de corta da madeira de cerdeira vai dos 30 ós 50 anos e isto é precisamente, ó igual que ocorre con outras frondosas autóctonas, un dos obstáculos para a expansión deste cultivo fronte a outras producións con ciclos máis curtos. As cerdeiras poden chegar a alcanzar unha altura de ata 35 metros e un diámetro de entre 50 e 70 centímetros que, nos casos máis destacados, acada os 120 centímetros.
O aproveitamento da madeira de cerdeira está ligado a unha produción de calidade
O aproveitamento desta madeira está ligado a unha produción de calidade, xa que é unha madeira moi apreciada para a ebanistería, así como, para a construción de instrumentos ou toneis. Na actualidade o mercado galego desta madeira é case inexistente. “Os produtores que queren dispor deste tipo de madeira teñen que optar por importala doutros países, pero si está habendo unha demanda desta madeira”, concreta o enxeñeiro de montes Braulio Molina. Saber se as plantacións de cerdeira en fase de crecemento ou as que se planten nos vindeiros anos poderán ter un oco no mercado da madeira é unha cuestión clave. Neste senso, os expertos coinciden en sinalar que “aínda que é unha especie máis arriscada ca outras de ciclo curto, todo parece indicar que vai haber oportunidades para ela, sempre que se produza madeira de calidade”.

Xornada sobre o uso forestal da cerdeira

O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) organizan este xoves 14 de novembro unha xornada técnica sobre a cerdeira seleccionada para uso forestal. Na sesión abordaranse cuestións como as coleccións de materiais, a propagación, o crecemento en plantacións e a promoción do uso desta madeira. A xornada terá lugar no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en Pontevedra. Está destinada a novos agricultores e silvicultores, viveiros produtores de plantas, comunidades de montes veciñais en man común, propietarios forestais e ó público en xeral. A inscrición na sesión é gratuíta pero o aforo é limitado, polo que se respectará a orde de recepción de solicitudes. Os interesados deben remitir o formulario cuberto a infolourizan.mr (arroba) xunta.gal. Detallamos o programa completo da sesión: -9.30 horas. Presentación da xornada técnica. Enrique Martínez Chamorro, director do CIF Lourizán. -9.45 horas. Programa de mellora e de innovación de Galicia. Gabriel Toval, enxeñeiro de montes. -10.15 horas. A silvicultura da cerdeira como madeira de alto valor e perspectiva de mercado. Resultados do proxecto Biotector sobre bioeconomía forestal. Braulio Molina Martínez, enxeñeiro de montes da Asociación Forestal de Galicia. -10.45 horas. Descanso. -11.15 horas. Visita á plantación de cerdeira. -12.00 horas. A multifuncionalidade no monte veciñal de Coiro (Cangas). Manuel Soaxe, secretario da xunta reitora da CM de Coiro. -12.15 horas. As comunidades de montes e o uso de frondosas. Pedro López, xefe do Distrito Forestal XIX. -12.45 horas. Multifunción da rede de plantacións de cerdeira do CIF de Lourizán. Mª Eugenia Miranda Fontaíña, investigadora do CIF Lourizán. -13.15 horas. Mesa redonda con tódolos participantes.

-Consulta aquí o cartel da xornada.

-Descarga a solicitude para a inscrición.

Ribas de Sil pon en valor os días 9 e 10 de xuño as súas cereixas e o seu aceite

No val formado polos ríos Sil e Bibei as oliveiras e as cerdeiras producen desde hai centos de anos aceite e cereixas dunha calidade dificilmente lograda en ningún outro lugar. Estas dúas producións tradicionais estanse a recuperar nos últimos anos na zona e os días 9 e 10 de xuño serán as protagonistas da dezaseis edición da Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil. A praia fluvial de San Clodio é o marco onde se desenvolve esta celebración, que cada ano conta con máis visitantes. No evento participarán 30 expositores, que porán á venda 2 toneladas de cereixas e uns 500 litros de aceite. Tamén haberá dispoñibles nos stands outros produtos típicos da comarca, coma o mel, marmeladas, os derivados da cantaña, viños e licores ou queixos. O programa da festa inclúe ademais actividades para todos os gustos como música, pintura, títeres, demostración de artesanía ou fútbol. Pero os principais reclamos son sen dúbida os dous produtos agrícolas tradicionais deste concello lucense, que conta cunhas 500 hectáreas adicadas a estes cultivos de froiteiras e oliveiras. Nesta época do ano, cando a maduración das cereixas chega ao seu momento óptimo para ser recollida, os colleiteiros de Ribas de Sil apañan o froito e aproveitan a festa organizada polo Concello para darlle unha saída ao excedente. Poranse á venda, coma cada ano, uns 2.000 quilos de cereixas producidos en distintos lugares do concello, como Casares, Peites ou Figueiredo. Na festa comparte protagonismo coas cereixas o aceite, elaborado de xeito artesanal nesta zona desde hai máis de 2.000 anos. A produción mantívose para autoconsumo nas casas durante séculos até que desde fai uns anos produtores coma Miguel Ángel Rodríguez apostaron pola recuperación das abandonadas oliveiras centenarias da zona. Logo de anos analizando o comportamento das distintas variedades autóctonas e de abrir camiño en canto aos aspectos técnicos da produción, elaboración e comercialización, hoxe Miguel ten 8 hectáreas de olivares das variedades brava e mansa e 2 de cerdeiras onde tamen predominan as variedades autóctonas (napoleónica, da onza ou blanca). A súa produción está certificada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia e comercialízaa baixo a denominación CentoxCento Figueiredo. O seu zume de oliva e as esferificacións elaboradas a partir del causaron sensación na última feira Alimentaria de Barcelona e entre as perspectivas de crecimento da súa empresa está o de triplicar a facturación nos vindeiros anos, a medida que as novas plantacións feitas comecen a producir. Recuperación da produción Coma Miguel, outros veciños de Ribas de Sil animáronse nos últimos anos a recuperar as súas oliveiras e cerdeiras, apostando por un produto diferenciado e de calidade que tamén se reflicte no prezo. Entre os incentivos á recuperación destas actividades está sen dúbida a celebración da propia Festa da Cereixa e do Aceite como ferramenta de potenciación e posta en valor dos produtos e as produccións locais. Desde o Concello de Ribas de Sil, Roberto Castro, tenente alcalde e organizador da cita do 9 e 10 de xuño, destaca que "despois de quince edicións desta festa o noso concello é máis coñecido e os nosos productores e artesáns teñen unhas datas nas que poden comercializar os froitos do seu traballo". "Levamos un longo camiño percorrido nesta festa de exaltación dos nosos productos, en especial da cereixa e do aceite, que queremos seguir potenciando como recurso económico da zona e como fonte de ingresos ou complemento económico da poboación local", explica. Desde o Concello afrontan "con forza e ilusión" esta nova edición da Festa da Cereixa e do Aceite, tentando aportar o seu gran de area para sacar adiante a economía local, e invitan a todas aquelas persoas que queiran probar unhas cereixas únicas e ecolóxicas que medran no microclima de Ribas de Sil, a achegarse á localidade na segunda fin de semana de xuño para disfrutar de dous días cheos de actividades na fermosa praia fluvial de San Clodio. Praia fluvial de San Clodio, que acolle parte dos eventos da Festa da Cereixa e do Aceite. Xeocamping a carón do Sil Ademais da potenciación da actividade agraria e a produción local, a Festa da Cereixa e o Aceite ten tamén como obxectivo dar a coñecer o fermoso paraxe natural da praia fluvial de San Clodio, onde se celebra a festa. Este lugar constitúe un fermoso espazo de lecer que ofrece moitas actividades para realizar en familia durante as tardes de primavera e verán e o enfoque lúdico da cita dos días 9 e 10 de xuño busca potenciar este enclave, que representa o reclamo turístico máis importante do municipio. Entre os plans do Concello para a potenciación da praia fluvial de San Clodio como referente turístico da zona sur da provincia de Lugo está a construción neste lugar dun Xeocamping municipal nun espazo de máis de 7.000 metros cadrados, con capacidade para dar aloxamento a perto de 100 persoas en tendas de campaña e nos oito bungalows cos que contará. Será o primeiro camping da Ribeira Sacra e dará servizo tanto aos visitantes tanto desta comarca como da do Courel e prestará aloxamento tamén aos peregrinos do Camiño de Inverno, unha variante do Camiño de Santiago recoñecida recentemente como ruta xacobea, así como aos visitantes do futuro territorio do Xeoparque da comarca de Quiroga unha vez finalice o actual proceso e sexa recoñecida como tal pola Unesco esta zona cunha importante riqueza xeolóxica e mineral explotada xa na época dos romanos. O inicio das obras de construción do Xeocamping de Ribas de Sil conta cun investimento total de 700.000 euros, aportados na súa meirande parte polo Concello con cargo a fondos propios. A súa ubicación permitirá ampliar ademais disfrutar de multitude de actividades á beira do río Sil, ampliando deste xeito o espazo de lecer actual da praia fluvial de San Clodio e ofrecendo instalacións complementarias. Este é o marco inmellorable no que se desenvolve a Festa da Cereixa e do Aceite.

Programa completo da XVI Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil

SÁBADO DÍA 9 ► Pola mañá: - Pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas de Ribas de Sil. - Apertura do recinto feiral. Degustación de cereixas. ► Pola tarde -17:00h Instalación do stand da campaña “Separa con Xeito”, de Ecoembes- Xunta de Galicia. -18:00h Na Aula de Pesca, apertura da exposición de pinturas a cargo dos alumnos da Escola Municipal. Xornada de pintura ó aire libre. -19:00h Presentación do libro adicado á aldea de Vilardomato “Loyda” de Loyda López Pérez. -19:30h Fútbol 11º Trofeo da Cereixa na Área Deportiva da Praia Fluvial. -20:30h Festa a cargo dun grupo musical. DOMINGO DÍA 10 ► Pola mañá: - Apertura do recinto feiral. Degustación de cereixas e productos típicos. - Exposición de Pintura na aula de pesca. -11:00h Pasarrúas do grupo de Gaitas da Escola de Música de Ribas de Sil. -12:00h Actuación da Banda de Música da Deputación de Lugo (Programa Musiqueando). -13:00h Pregón a cargo de Fidel Fernán Bello, xornalista e director de Radio Principal-Cadena Ser, . ► Pola tarde: -17:00h Demostración de TALLA DE MADEIRA, a cargo do artesán Marcos Ladra Sanjurjo no anfiteatro. Centrad (Deputación de Lugo) -19:00h Actuación de TÍTERES ALAKRÁN (Espectáculo musical con marionetas de fío). - Clausura da Festa.

Apoio da Xunta á produción de planta de cerdeira autóctona

O Consello da Xunta deu o visto bo a un convenio entre a Consellería do Medio Rural e a Fundación Paideia, xestora do viveiro Cultigar (Brión), para impulsar o suministro ó sector forestal de plantas de cerdeira e carballo de orixe autóctona e calidade contrastada. O importe que achegará Medio Rural será de 135.000 euros, a repartir nas anualidades 2018, 2019 e 2020. Con este convenio, a Xunta busca financiar actividades de investigación e transferencia ó sector dos clons galegos de cerdeira propostos e aprobados como material forestal de reproducción. A Administración sinala que este acordo contribuirá a reducir a dependencia de plantas de cerdeira e carballo procedentes doutros países da UE, á vez que se aposta polas frondosas autóctonas e se fomenta a súa produción en Galicia. En virtude do convenio, a Fundación Paidea comprométese a incrementar e optimizar o protocolo de cultivo in vitro dos clons de cerdeira seleccionados. O obxectivo é que o viveiro Cultigar aporte arredor de 11.200 plantas de cerdeira a partir do material vexetal suministrado polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán. A produción de planta obtida polo viveiro seralle entregada á Dirección Xeral de Ordenación Forestal. A Fundación tamén porá a punto as técnicas para a reprodución in vitro de 20 xenotipos de carballo, seleccionados nas diferentes carballeiras selectas existentes en Galicia, de cara a conservar o xermoplasma das árbores de maior interese, así coma para facilitar a futura comercialización de plantas de carballo de orixe galega.