Archives

O cebo con forraxes de xovencos cachenos demóstrase máis rendible que a dieta convencional

O Centro de Investigacións e Experimentacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) acolleu unha xornada técnica na que se presentaron os resultados dun estudo sobre alimentación alternativa para o cebo de animais de raza cachena. Nesta xornada amosaron os datos sobre o cebo de xovencos, becerros castrados, logo de que xa foran presentados o ano pasado os resultados obtidos para as xovencas e os tenreiros. Neste estudo contemplan as diferentes franxas de idade e tamén están pendentes os resultados do vacún maior, as vacas de descarte. Durante a xornada presentáronse as análises nutricionais dos alimentos proporcionados ós xovencos de raza cachena. A técnica do Centro de Investigacións e Experimentación Agrarias de Mabegondo Carmen Montes ofreceu aos asistentes os resultados da produción de calidade da carne desta raza autóctona. O estudo incluíu 16 xovencos, que foron sacrificados ós 26 meses e que estiveron en cebo 138 días. “O obxectivo deste estudo é demostrar a viabilidade económica de proporcionar unha dieta forraxeira ós animais, que resulte tamén máis sostible e saudable fronte ó cebo tradicional, sen que as características da carne se vexan afectadas”, explica Teresa Moreno, investigadora do departamento de Carne do Ciam.
O estudo incluíu 16 xovencos sacrificados ós 26 meses logo dun cebo de máis de catro meses
Esta dieta alternativa baséase en forraxes e pasto. En concreto a alimentación destes xovencos baseouse en proporcionarlle silo de millo mesturado con xirasol, aceite de xirasol e silo de xirasol, ademais de fariña de millo que complementaban co pastoreo en distintas fincas do Ciam. Mentres, o cebo convencional realízase con penso e herba seca. O estudo amosou que esta alternativa a base de forraxe resulta máis económica que a convencional, sen que iso supoña cambios destacados na calidade da carne. Os custes da alimentación convencional supuxeron 3,59 euros por animal e día, mentres que a dieta forraxeira quedou en 0,91 euros por cabeza. No caso dos animais alimentados coa dieta convencional, o consumo foi de 8,976 quilos de materia seca por animal ó día e nos xovencos ós que se lle proporcionou forraxe a inxesta foi de 8,446 quilos de materia seca. Así, o índice de conversión foi de 11,89 na dieta convencional e de 25,48 para os animais alimentados coa dieta alternativa. 
A dieta alternativa baséase en pastos e forraxes como silo de millo e xirasol. O custo medio foi de 0,91 euros por cabeza e día fronte ós 3,99 euros da dieta convencional
Os animais alimentados de xeito convencional tiveron un peso vivo superior e na canal, o estado de engraxamento, conformación e peso da canal fría tamén foron superiores ós animais de cebo forraxeiro. Mentres, que os de cebo forraxeiro tiveron un rendemento de canal significativamente superior.  “Non houbo diferencias moi significativas entre os animais, nin no peso vivo nin na canle e conservouse a calidade da carne, mesmo se conseguiron valores máis favorables na calidade nutricional da carne dos animais alimentados co cebo forraxeiro”, explica Moreno. Así, na calidade organoléptica da carne, non existen diferencia significativas relacionadas co tipo do cebo, aínda a pesar das mínimas diferenzas na porcentaxe de graxa intramuscular. Na calidade nutricional, o cebo forraxeiro proporcionou un maior contido de ácedos graxos monoinsaturados e omega6, o que a converte nunha alternativa máis saudable.  No estudo tamén participa o Centro Tecnolóxico da Carne, que se centra na maduración desta carne de vacún. Ademais, o estudo tamén conta coa participación da empresa Proyecto Miña Terra. A xornada incluíu unha degustación de distintos cortes de carne de cachena. A xornada rematou cunha demostración de corta de carne e degustación de carne de cachena, que se inclúe dentro das iniciativas para dala a coñecer. Na xornada participou tamén o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, así como o alcalde de Abegondo, José Luis Santiso.

Como afrontar o encarecemento do penso nas ganderías galegas?

A guerra de Ucraína deixou en xaque o mercado dos cereais en Europa. A invasión rusa do país, coñecido como o ‘celeiro de Europa’, está a ter consecuencias non só nos países europeos senón en todo o mundo. As ganderías galegas están a notar nestes meses xa algunhas das consecuencias máis directas, co encarecemento dos cereais e os pensos. Aínda que as limitacións ao cereal procedente de Ucraína foi só un factor máis que propiciou o incremento dos prezos destas materias primas. A reactivación da actividade tras a pandemia do Covid-19 pillou aos mercados con moi pouco stock, en parte debido aos problemas climáticos que deixaron colleitas reducidas. A iso sumouse o importante incremento do custo das materias primas, non só de cereais tanto para alimentación animal como humana, senón tamén carburantes e minerais.
A guerra de Ucraína sumouse á falta de stock, as consecuencias da pandemia do Covid-19 ou a crise porcina africana para incrementar o prezo e a escaseza de cereais
Ademais, nestes últimos anos levouse a cabo certo aprovisionamento de cereais por parte de países como China, derivado da peste porcina africana. O incremento dos fretes marítimos tamén foi determinante para chegar á situación actual. Con esta ‘tormenta perfecta’, que se pode esperar para os próximos meses? Que alternativas poden ter as granxas galegas fronte ao incremento de prezos dos cereais e pensos? Estas foron algunhas das cuestións que abordaron nunha sesión de debate virtual realizada recentemente entre os socios do grupo operativo supranacional Proteinleg, centrado na procura de proteínas alimentarias de calidade en base ao cultivo de leguminosas.

Malas perspectivas

A pesar de que a situación actual en canto a prezos e stock de cereais é xa crítica, as previsións a curto prazo tampouco son esperanzadoras. Países como India acaban de anunciar xa que pecharán as exportacións de cereal, para poder abastecer as necesidades do seu mercado interior. E as previsións en territorio nacional tampouco son favorables. “Deixamos moito en man das importacións, deixando de lado a produción propia e poida que sexa momento de retomar estes cultivos”, apunta Lucio García, investigador e responsable do departamento de producións agroalimentarias, medio ambiente e territorios no Centro Tecnolóxico da Carne ( CTC). Aínda que este ano se incrementou a superficie de cultivo de cereal en España, tampouco servirá para substituir o gran procedente de Ucraína, xa que debido ao elevado prezo dos fertilizantes non se realizou un abonado adecuado, co que non se agardan importantes producións en Castela.
“Os prezos disparáronse e apréciase unha gran volatilidade con respecto da situación de estabilidade que se vivía desde o 2012, cando se produciu a última gran sacudida dos prezos das materias primas”: Higinio Mougán, Agaca
Ademais, aínda que quedaban en Ucraína uns 30 millóns de toneladas de cereal, existen grandes limitacións para sacalas do país, debido ás dificultades de facelo por barco, dado que boa parte dos portos están minados. Mentres, outros medios de transporte por terra tampouco están a ser viables. A guerra tamén reduciu case á metade o cultivo de cereais no país este ano e tamén haberá dificultades para sacar esa produción do país, polo que a curto prazo espérase que os prezos sigan altos, tal e como apuntaron os socios do grupo Proteinleg. “Os prezos disparáronse e apréciase unha gran volatilidade con respecto da situación de estabilidade que se vivía desde o 2012, cando se produciu a última gran sacudida dos prezos das materias primas”, valora Higinio Mougán, xerente da Asociación de Cooperativas Agrarias de Galicia (Agaca). Mesmo se apunta xa a que poidan producirse maiores episodios de fame en países de África ou Asia, así como en México, ao reducirse as reservas mundiais de cereais.

A dependencia da soia, como acabamos así?

Unha das materias primas importadas por España é a soia, fonte de proteína na maioría dos pensos para o gando. Xunto co millo ou o trigo, este legume experimentou nos últimos meses un notable incremento do prezo, que contribuíu ao incremento do penso. Pero, é viable o cultivo de soia en España ou Galicia para reducir a importación? “En Galicia, polas condicións climáticas da rexión non somos capaces de producir soia e en España hai importantes dificultades para lograr produción”, indica García. Ademais, nalgúns dos países produtores de soia está permitida a utilización de variedades transformadas xeneticamente e resistentes ao glifosato. “Logran producións moi rendibles coas que é realmente difícil competir nun modelo convencional, como o que se expón aquí. Non se produce en igualdade de condicións”, apunta o investigador.
"Resulta máis fácil traer un quilo de soia de Brasil que producilo en España”: Lucio García, do CTC
Como sinala o investigador do CTC, a soia é unha leguminosa moi completa, xa que despois de extraerlle o aceite, a torta aínda ten máis de 40% de proteína, mentres que outras leguminosas reducen esa porcentaxe a un 22%. De feito no proxecto Proteinleg, que están a formular pensos para porcos celtas e pitos de Mos en extensivo cunha achega de proteína procedente doutras leguminosas, tiveron dificultades para conseguir a cantidade de proteína requerida. Outro dos condicionantes para o cultivo de soia en España ou Galicia é a falta de superficie para o seu cultivo, se se compara coas terras dispoñibles noutros países produtores, sobre todo de América. “En España é moito máis rendible ter a terra con millo ou trigo que con soia”, apunta Mougán. “En definitiva, resulta máis fácil traer un quilo de soia de Brasil que producilo en España”, recoñecen desde o CTC.

Na procura da autosuficiencia e de alternativas

Como coinciden en sinalar os socios do grupo Proteinleg, esta crise dos cereais volveu a poñer de manifesto a importancia de reducir a dependencia das importacións e as vantaxes dunha maior autosuficiencia das ganderías.“Esta crise está a volver a poñer o foco na gran dependencia das ganderías e temos que ser conscientes de que se non é unha guerra será o cambio climático, vai haber factores que encarezan as materias primas, polo que temos que procurar ser máis autosuficientes nas nosas ganderías. Aínda que non podamos ser autosuficientes ao 100% si podemos traballar en reducir esta dependencia e aproveitar os recursos que temos”, comentan desde a Asociación de Produtores de Porco Celta.
Contar con estudos sobre o comportamento da variedades, con sementes seleccionadas ou con alternativas adaptadas ás condicións de Galicia pode resultar fundamental para unha maior autosuficiencia das granxas
Outra das cuestións fundamentais para incrementar a autosuficiencia das ganderías é poder ofrecer garantías aos gandeiros. Por iso, como sinala Mougán, é clave a investigación sobre forraxes de inverno que poidan achegar proteína á ración do gando e así reducir a dependencia de soia. “No caso do vacún de leite, alternativas como a veza ou o chícharo poden ser fundamentais para pasar de silos de herba que teñan un 16% de proteína a lograr, con estas leguminosas, ensilaxes que poidan alcanzar un 22 ou un 24% de proteína”, explica. Contar con estudos sobre o comportamento da variedades, con sementes seleccionadas ou con alternativas adaptadas ás condicións de Galicia pode resultar fundamental. É nesta liña precisamente na que traballa o proxecto Proteinleg, que xa estudou o comportamento de chícharo, o chícharo silvestre ou xudías como fonte de proteína para a alimentación do gando. “Non podemos afrontar grandes cambios. Non imos poder eliminar por completo as importacións de materias primas como a soia, pero poderemos facer axustes para ter unha menor dependencia”, indica Mougán.

Pódese substituír o penso por unha ración máis sostible, de proximidade e coa que reducir custos?

“Buscabamos un xeito de alimentar ós nosos animais que fose acorde coa filosofía do noso proxecto. Nós ofrecemos unha carne e ovos como os de antes, cunha textura conseguida a base dun manexo tradicional, con cría en liberdade e quendas de sacrificio máis longas que as das granxas en intensivo. Temos un manexo semellante ó que se facía nas casas galegas e precisabamos unha alimentación que se axustase a iso”, explica David Sueiro, promotor xunto con Patricia Lorenzo da gandería avícola en ecolóxico Sueiro e Lorenzo Avicultura Artesanal, situada en Vila de Cruces (Pontevedra) e que comercializa os seus produtos baixo a marca Galo Celta.  Ese foi o punto de partida dun proxecto de investigación co Centro Tecnolóxico da Carne (CTC). Tres anos despois contan cunha fórmula personalizada para alimentar tanto ós galos como ás galiñas poñedeiras ou ás pulardas que crían na súa gandería. A nova fórmula trouxo, entre outras vantaxes, unha drástica redución dos custos, unha mellora significativa tendo en conta que a alimentación dos animais é o principal gasto nas granxas. En concreto, substituír o penso en ecolóxico por esta mestura de cereais e legumes personalizada e certificada en ecolóxico supuxo un aforro de máis do 50% dos gastos en alimentación. “Conseguimos unha fórmula coa que reducimos á máis da metade o gasto que viñamos tendo en penso e gañamos outras prestacións”, explica Sueiro.
Substituír o penso en ecolóxico por esta mestura de cereais e legumes personalizada e certificada en ecolóxico supuxo un aforro de máis do 50% dos gastos en alimentación
Unha das prioridades do proxecto era procurar unha fórmula elaborada a base de cereais de proximidade, para ser máis sostible e reducir a pegada de carbono da propia gandería. Así, case tódolos ingredientes que conforman a ración actual son galegos. “Buscabamos que os ingredientes da ración procederan dun radio máximo de 200 quilómetros de distancia á gandería”, concreta Sueiro. Recoñecen que nestes últimos meses, nos que os pensos e os cereais importados experimentaron importantes subas ante a escaseza, ó optar por produtos de proximidade case non sufriron subas. Contar cunha fórmula propia permitiulle dispoñer dunha ración adaptada ós tempos de crianza que teñen na gandería e que se afastan das quendas propias das granxas cun manexo intensivo. “Os nosos galos sacrificámolos cando teñen un ano, cando os pitos doutras ganderías intensivas saen ós 50 días. As nosas galiñas chegan a ter 5 ou 6 anos, o que permite conseguir uns ovos especiais, aínda que teñamos unha produción máis baixa. Todos estes factores son diferentes das esixencias que teñen que cumprir os pensos pensados para unha granxa en intensivo, por iso buscabamos unha fórmula personalizada e certificada en ecolóxico”, indica o produtor. Reduciron o uso do plástico na gandería, xa que os cereais chéganlle a granel.

Os ingredientes da ración

Sueiro e Lorenzo tiñan claro que nesta nova fórmula querían suprimir a soia, polo impacto que supón incluíla na ración tanto a nivel ambiental, xa que a maior parte dela impórtase; así como polo prezo que ten habitualmente esta legume. A solución que atoparon para proporcionar a proteína necesaria para os seus animais foi incluír outra leguminosa na ración: o chícharo. “Os chícharos son os únicos ingredientes que traemos de fóra de Galicia, proceden de Castela”, comenta.
Coa nova ración tamén procuraban mellorar o aporte nutricional dos ovos e carne ó incrementar a achega de ácidos graxos saudables
Xunto cos chícharos, a ración, que lle prepara a cooperativa asturiana Campoastur, está baseada en trigo e millo, ambos chegados de Ourense. Ademais, no proxecto traballaron con outros ingredientes coa intención de mellorar o aporte nutricional e conseguir así mellores cualidades para a súa carne e ovos. Cun aporte do 5% de bagazo de cervexa, outro tanto de bagazo de aceite e a mesma cantidade de liñaza, conseguiron que os seus produtos teñan un maior contido tanto en Omega 3 coma Omega 6. “Deseguida puidemos etiquetar os nosos ovos como produtos con contido destes ácidos graxos saudables e logo tamén a carne das nosas aves, xa que en ambos casos superan amplamente a cantidade requirida para poder indicalo na etiquetaxe”, especifica o produtor. Mestura de cereais ecolóxicos empregada pola gandería. Logo da experiencia de incorporar estes ingredientes (bagazo de cervexa e aceite e liñaza) durante o proxecto de investigación van continuar co aporte tanto do bagazo de cervexa como coa liñaza, non só polos bos resultados senón tamén pola súa dispoñibilidade e facilidade para incorporalo á ración. O bagazo de cervexa procede de Chantada (Lugo), da fábrica que a firma Estrella Galicia ten na localidade. “Aproveitar o bagazo para a alimentación das aves é un exemplo de Economía Circular, xa que para a cervexeira é un residuo e para a gandería supón un recurso óptimo para alimentación dos nosos animais e cun gran aporte nutricional”, engaden. O bagazo proporciónanllo en bidóns de xeito que poden conservalo sen dificultade.
“Aproveitar o bagazo é un exemplo de Economía Circular, xa que para a cervexeira é un residuo e para a gandería supón un recurso óptimo cun gran aporte nutricional”
A liñaza procede de Ourense, ó igual que o bagazo de aceite, que decidiron non continuar administrando ós seus animais pese á súa achega nutricional. “Resultábanos moi difícil o manexo do bagazo de aceite e garantir a súa conservación en boas condicións, polo que debido a estas dificultades decidimos suprimilo e só seguiremos aportando un 5% de liñaza e de bagazo de cervexa”, concretan. A fórmula compleméntase cun corrector certificado en ecolóxico e libre de químicos.

Producir cereais e horta en ecolóxico

Polo momento, os cereais e a leguminosa que conforman a ración mércanos, pero están xa a xestionar a disposición de terreos para producir de xeito ecolóxico parte dos seus cereais. “A intención é producir tanto o trigo, como o millo e o chícharo en ecolóxico. Xa dispoñemos de terras e este ano comezaremos coas primeiras sementeiras a modo de proba”, detalla o produtor. Os prazos para acreditar que a parcela e a produción son ecolóxicos por parte do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) tamén adiaron o proceso de producir o seu propio gran. Ademais dos cereais, as aves da gandería Galo Celta aliméntanse a base de verduras como a verza de col ou os grelos. Este foi un aspecto no que tamén estiveron a traballar dende a gandería para conseguir unha certificación para as súas leiras de verzas. Hoxe teñen xa acreditada a súa horta como verza galega certificada en ecolóxico para produción avícola. “Cando quixemos certificala atopámonos con que non había sementeira nin planta certificada, co que tivemos que conseguir tamén esa certificación”, detalla. Da man da empresa Horta da Lousa e o traballo realizado no CTC e no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), lograron a primeira semente e planta galega de verza certificada en ecolóxico. Horta de verza galega ecolóxica. Na actualidade teñen xa unha parcela de 4.000 metros cadrados de verzas de col para alimentar ás súas aves. Este ano tamén sementaron unha leira de Grelo de Santiago, que xa contaba coa certificación, e que ademais de aporte para complementar a dieta dos seus animais, empregáronos como abono verde. “O aporte vexetal diario dos animais proporciona a pigmentación amarela característica tanto da carne como do ovo criados baixo este tipo de alimentación e manexo, que é tan apreciado”, detalla. A curto prazo tamén queren instalar un muíño na gandería que lle permita moer o gran que lle proporcionan ós animais e seguir traballando nunha produción sostible. Polo momento, con esta nova fórmula tamén desterraron os plásticos, xa que o gran chégalles a granel e teñen huchas nas que gardalo.

Dez anos recuperando a crianza tradicional do galo e a galiña

Cando Sueiro comezou hai 10 anos con Galo Celta fixouse na crianza tradicional que se facía das galiñas e galos no rural galego. A súa granxa baséase en tres piares: a cría das aves en liberdade, manter as quendas de sacrificio tradicional e recuperar os sabores da carne e do ovo producido baixo estes criterios, afastados dos ritmos dunha avicultura intensiva. Con estas premisas, as súas aves viven máis que as que permanecen en granxas intensivas. No caso dos galos, as quendas de sacrificio chegan ós 12 meses, os polos sacrifícanos ós 6 meses e as galiñas de carne ós 24 meses. Ademais da produción, Sueiro e Lorenzo comercializan directamente os seus produtos. Así, é habitual que os dous socios da gandería participen en feiras e encontros gastronómicos especializados e tamén dispoñen dun posto de venda directa dos seus produtos no Mercado de Abastos de Santiago de Compostela.

Investigan sobre o aporte do bagazo de cervexa na alimentación de polos

O bagazo de cervexa, que leva anos sendo un complemento máis da alimentación de gando, en especial do vacún de leite, pode converterse tamén nun ingrediente da ración dos granxas avícolas. Unha investigación do Centro Tecnolóxico da Carne aborda alternativas na alimentación da aves cardiosaudables combinando distintos produtos entre os que se atopa o bagazo de cervexa. Na proposta, incluída no marco de actividades desenvolvidas no Mercado de la Cosecha, proxecto de impacto social da Corporación Hijos de Rivera; tamén está participando de forma activa a granxa avícola ecolóxica Galo Celta, de Vila de Cruces (Pontevedra). Nesta gandería están a probar xa a alimentar os seus animais con distintos ingredientes naturais e sen aditivos, como o bagazo, co obxectivo de lograr tanto carnes coma ovos que sexan alimentos cardiosaudables. En concreto, o bagazo procede da propia cervexeira galega Estrella Galicia, un subproduto resultante do proceso de prensado e filtración do mosto obtido trala cocción do cereal malteado que conta con propiedades positivas probadas na alimentación de algunhas especies animais polo aporte nutricional e proteico. Bagazo de cervexa incluído na ración das aves na gandería Galo Celta. O proxecto tamén é un xeito de contribuír a unha produción sostible, ó basearse no concepto da economía circular ó reintroducir o bagazo da fábrica de Estrella Galicia (A Coruña) nun novo ciclo produtivo e empregalo como materia prima, un recurso de proximidade que permite a Galo Celta reducir a súa pegada ambiental. Para Galo Celta, como afirma o seu propietario David Sueiro “o compromiso coa sostibilidade que asumimos a tódolos niveis estano permitindo impulsar o negocio”. Así, están a traballar na transición da súa explotación e procesos cara un modelo que lles permita lograr un impacto neto positivo, un camiño que os levou xa a que o seu produto estrela, os ovos de galiña, foran os primeiros en obter a certificación de pegada ambiental calculada en España.

“En Galicia temos unha gran carne debido a unha crianza con pastos de calidade e boas razas”

José Manuel Lorenzo acaba de ser recoñecido polo ranking da páxina web norteamericana Expertscape, que clasifica a persoas e institucións pola súa experiencia en máis de 29.000 temas biomédicos, como o primeiro experto mundial en carne. Lorenzo é profesor asociado na área de Tecnoloxía dos Alimentos, na Facultade de Ciencias do Campus de Ourense e responsable da área de Tecnoloxía de Produtos, Procesos e Envasado de Alimentos no Centro Tecnolóxico da Carne (CTC). Nos últimos 5 anos participou como investigador en 75 proxectos tanto nacionais como internacionais, boa parte deles centrados na mellora e caracterización de produtos cárnicos. Con el coñecemos máis sobre os factores que determinan a calidade da carne ou a súa opinión sobre a carne que se produce actualmente en Galicia. -Que supón o recoñecemento como primeiro experto mundial da carne para as súas investigacións? -É un recoñecemento a todo o traballo que se realiza no Centro Tecnolóxico da Carne, non só ao meu labor se non ao esforzo de todos os profesionais, que moitas veces se traduce en 8 horas de traballo no centro ás que se suman outras 5 horas diarias en casa, e que dan o seu froito. Un do aspecto que me enche de satisfacción é poder estar por diante de expertos tan relevantes como o director xefe da revista Meat Science, unha das mellores publicacións científicas no mundo da carne.
"Nestes momentos o Centro Tecnolóxico da Carne é xa case un referente a nivel internacional"
-Unha distinción chegada desde un país produtor como é EE.UU., resulta aínda máis relevante? Que repercusión ten en Europa esta clasificación? -A nivel internacional notouse moito. Quizais pasou máis desapercibido para aquela xente que non está en contacto con publicacións científicas, pero estivemos recibindo felicitacións de todo o mundo, desde China a Brasil ou México, así como de Italia, Francia ou Alemaña, xa que son países cos que estamos a traballar. Agora, o CTC é xa case un referente a nivel internacional e estes recoñecementos axudan a situarnos a nivel mundial. -Que aspectos inciden directamente para a obtención de carne de boa calidade? -Independentemente da especie que sexa, xa se trate de vacún, porco, aves ou poldros, hai factores que determinan a calidade da carne: a xenética da raza, a alimentación e o sistema de manexo. Cuestións coma se os animais se atopan en intensivo ou extensivo ou as razas que se empreguen, se son de produción de carne ou a infiltración da graxa que consigan, van determinar a calidade. -Debe encamiñarse a produción galega a sistemas en extensivo para seguir apostando pola calidade? -Desde un punto de vista de sustentabilidade ambiental, sería interesante aproveitar a calidade da carne que se produce en Galicia aproveitando tamén a calidade dos pastos cos que contamos. Ademais, hai que ter en conta que a gandaría en extensivo favorece tamén en labores como a prevención de incendios, ao axudar a controlar a biomasa. O manexo en extensivo xera unha carne con menos cantidade de graxa e máis saudable, xa que é máis rica en carotenoides, vitamina E e cun perfil máis insaturado. Ao final temos unha carne máis saudable.
"O manexo en extensivo xera unha carne con menos cantidade de graxa e máis saudable"
-Aprécianse diferenzas na carne logo dunha crianza en ecolóxico? -A única diferenza nunha carne criada en ecolóxico é que as materias primas foron certificadas como ecolóxicas. Na cata, eu non sería capaz de diferenciar unha carne que se criou en ecolóxico pero que recibise a mesma alimentación e sexa da mesma raza. Por exemplo, se dous tenreiros de raza Rubia Galega foron alimentados co mesmo tipo de cereais, un con cereais certificados en ecolóxicos e outro procedentes dunha produción convencional, ao final non somos capaces de identificalo. Trátase dunha cuestión ambiental, non tanto na calidade final da carne que se obteña cun sistema ou outro. -Como valora a carne que se produce baixo o selo Ternera Gallega? - A nivel de certificadoras de calidade de carne é das que maior cantidade de carne vende a nivel estatal. Isto dá conta xa da calidade da carne que se produce e comercializa baixo este selo. Esta calidade está ligada tamén a razas autóctonas, entre as que se inclúe a Rubia Galega, con moi boas aptitudes. Ademais, nos sistemas de produción baixo este selo a alimentación está controlada por un consello regulador, que supervisa e autoriza os cereais e, que ademais, contan con pastos de moi boa calidade. Hai un sistema de trazabilidade e certificación interno que fan que a carne de Ternera Gallega sexa das mellores do mundo, xa que o sistema está totalmente controlado, centrado na selección de animais e a alimentación a base de cereais e pastoreo.
"O sistema de trazabilidade e certificación de Tenreira Galega fai que sexa unha das mellores carnes do mundo"
-Pode ser competitiva a nivel mundial a carne das razas galegas de vacún autóctonas e en perigo de extinción? -Son razas que, se cadra non teñen unha aptitude cárnica moi boa. Porén, son razas que están moi ben adaptadas ao clima de Galicia e que teñen unha calidade diferenciada, que se aprecia no sabor, pero o feito de que aínda sexan razas que se atopan en perigo de extinción, é dicir, que non contamos cun censo importante de animais, fai que non sexan unha opción para situarse a nivel mundial. Pódese abastecer o mercado galego e mesmo situarse en mercados gourmet de distintos puntos do territorio nacional, pero o seu posicionamento internacional é moi limitado pola escaseza de exemplares. -Xa non só no que a vacún se refire, que opinión ten da carne que se produce en Galicia? Cales son os seus puntos fortes? -En Galicia, en vacún temos moi boa carne debido a que é unha crianza moi asociada a pastos de calidade e razas moi boas, como a Rubia Galega. Pero o mesmo ocorre con outras producións como o porcino ou aviar, onde tamén contamos con razas con moi boas características, coma o porco celta, que a pesar de ter unha gran cantidade de graxas é unha carne de moi boa calidade. Ademais, en función do manexo que se realice pódese conseguir que esa graxa se infiltre e de lugar a produtos máis demandados polo consumidor. -Nun momento en que moitas correntes apuntan cada vez máis a unha redución da inxesta de graxa na dieta, camiñamos cara unha carne con menos graxa? -É moi importante diferenciar o achegue de graxa que ten a carne fresca que o contido de graxa que teñen os produtos procesados como salchichas, hamburguesas... A carne de vacún, no lombo, adoito ter ao redor de 1,5 ou 2% de graxa, a carne de ave adoita ter un 0,5 de graxa e a de porco 1,5 de graxa. Tampouco é un exceso de graxa. -Como se está adaptando o sector da carne galega a estas peticións? -Traballamos xa con varias empresas en temas como a redución de sal. Realmente nós atendemos as peticións das empresas e estas céntranse nas peticións do mercado e estes á súa vez atenden as demandas do consumidor, que cada vez pide carne con menor contido en sal, polo tema da hipertensión. Tamén están a demandar carne con menor cantidade de graxas saturadas e trans, para reducir a incidencia de problemas cardiovasculares. Ademais, está a pedirse unha redución de todo tipo de nitritos e nitratos, aditivos sintéticos, que se localizan nos produtos procesados. Mesmo se están elaborando produtos que combinan outros alimentos coa carne.
"A carne de probeta non me convence polo momento, debemos de centrarnos na carne de verdade e de calidade"
-Traballou tamén en investigacións sobre novas tecnoloxías para o procesado de alimentos e a incorporación de compostos bioactivos, como de implantadas están no sector cárnico galego? Que achegan? -Realmente o que facemos é a extracción deses compostos bioactivos, como poden ser extractos de romeu ou ourego, mediante tecnoloxías emerxentes, que se incorporan á matriz cárnica. As empresas poden facerse directamente con estes extractos con propiedades funcionais, non teñen que ter a tecnoloxía para producilos, senón adquirilos comercialmente e engadilos á carne. Así, pódense elaborar produtos cárnicos funcionais engadíndolle fibra, enriquecéndoos con vitaminas ou prebióticos... -A nivel mundial, mesmo se ten traballado en carnes de laboratorio, como contempla estas investigacións? -A carne de laboratorio traballouse fai xa catro ou cinco anos en laboratorios de Holanda, onde se fixo unha primeira proba de creación de carne en vitro, pero realmente non é unha opción que contemple. Aquel proxecto custara 120.000 euros para facer 100 gramos de hamburguesa. Creo que debemos centrarnos en traballar con animais e cun manexo adecuado para producir carne de calidade. Poida que dentro duns anos, se hai moitos cambios teñamos que valoralo, pero agora mesmo a carne de probeta non me convence. -Que beneficios achega a inxesta de carne, agora que se está falando cada vez máis dunha redución da cantidade de carne e que van gañando terreo as alternativas veganas ou vexetarianas? - A carne é unha fonte moi importante de proteína e aminoácidos esenciais, que non se atopan noutras fontes vexetais, vitamina A, B12 e, sobre todo, de ferro. Moitas veces fálase do achegue de ferro que teñen os legumes como as lentellas, pero é importante saber que na carne o ferro é xa asimilable de forma directa polo organismo, mentres que nas lentellas é preciso que pase por un proceso de oxidación orixinado por outros alimentos como a laranxa ou o limón, pero que doutra maneira non son asimilables. -En que se debe mellorar na produción de carne en Galicia? -No que podemos mellorar é na selección das razas, mesmo dentro da mesma raza centrarse naquelas variedades xenéticas que teñan unha mellor aptitude cárnica e calidade, en base a unha serie de criterios que poden ser a conformación da canal ou a infiltración da graxa. Tamén é importante seguir traballando no tema do manexo e a alimentación, co achegue de alimentos cos que mellorar o perfil lipídico ou a infiltración para cada raza en cuestión.

O Centro Tecnolóxico da Carne prevé investir 2,7 millóns de euros en proxectos

O padroado da Fundación do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), ubicado en Ourense, mantivo estes días unha reunión coa Consellería do Medio Rural para trasladarlle o seu plan de traballo para o 2019. O Centro prevé investir un total de 2,7 millóns de euros nos proxectos de investigación que desenvolve en colaboración con empresas agroalimentarias e institucións do sector. Para o próximo exercicio, o CTC ten previsto colaborar en alomenos 57 iniciativas de I+D+i. No que respecta ao exercicio que remata, só no segundo semestre do ano desenvolvéronse 63 proxectos de I+D+i, case todos colaborativos con empresas e outras entidades do sector agroalimentario, cun investimento global mobilizado de case 22,5 millóns de euros. A maioría dos proxectos de I+D+i nos que participa o Centro Tecnolóxico da Carne proveñen da participación en convocatorias de carácter autonómico (da Consellería do Medio Rural e da Axencia Galega de Innovación), ou estatal (do Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria - INIA, da Agencia Estatal de Investigación - AEI, do Ministerio de Economía y Competitividad - Mineco, do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial – CDTI e do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación – Mapa), así coma outros de carácter internacional.

Rega con xurros, un proxecto ourensán para fertilizar os cultivos

A carga de nitróxeno dos xurros de porcino convérteos nun fertilizante recorrente para diferentes cultivos, como as plantacións de millo forraxeiro, pero o seu uso queda limitado no verán, cando non é posible a súa aplicación xa que o terreo atópase ocupado polos cultivos. O proxecto Fertiporc busca precisamente atallar estas restricións no uso dos xurros de porcino e en concreto, revalorizar a fracción líquida. Así, explícano desde o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), onde investigan como aproveitar estes xurros e utilizalos mediante un sistema de rega. Fertiporc é un grupo operativo que recibiu unha achega de fondos europeos FEADER, e atópase liderado por Cooperativas Ourensás (Coren) e o Centro Tecnolóxico da Carne, dependente da Consellería de Medio Rural, que se encarga de levar a cabo a investigación, avaliación e traballo de campo. Nesta iniciativa tamén participa a firma Enxeñería e Xestión Agrorrural Azul e Verde, de Xinzo da Limia, que desenvolveu parte das infraestruturas necesarias para o aproveitamento dos xurros. O grupo intégrano ademais un agricultor e un gandeiro tamén da zona da Limia en cuxos cultivos se está probando a proposta. Este proxecto propón a utilización da fracción líquida dos xurros mediante un sistema de rega. “En pleno verán os gandeiros e agricultores non poden entrar ás leiras por estar cos cultivos, por iso a idea é que poidan fertilizar igual ao incorporar esta fracción líquida na rega por aspersores”, detalla Lucio García, enxeñeiro agrónomo e responsable da área de produción agroalimentaria, medioambiente e territorio no CTC.

De xurro... a auga con nitróxeno

Antes de aplicalo no cultivo mediante unha rega por aspersores, o xurro de porco sométese a unha transformación. Coren conta cunha planta piloto para o tratamento de xurro na que leva a cabo unha separación inicial da parte sólida da líquida. “Ese 8 ou 9% de materia orgánica que ten o xurro de porco queda xa nesta primeira fase”, detalla García. A fracción sólida destínase a compostaxe xunto con outras materias. Mentres, a fracción líquida pasa aínda por outro proceso de depuración que inclúe fases aeróbicas e anaeróbicas e o seu posterior paso por distintas balsas de decantación con plantas macrófitas, moi empregadas para lograr unha depuración natural no tratamento de augas residuais. “Despois deste proceso, unha vez estabilizada e perdida a súa capacidade contaminante e a súa carga microbiana, esta fracción líquida só é un pouco de auga con nitróxeno que nin desprende cheiros nin ten ningún problema”, explica o enxeñeiro agrónomo. Este procedemento de separación de sólido e líquido xa se está realizando en varias granxas, como informan desde o CTC.

Balsas portátiles para cada leira

Balsa portátil instalada e preparada para o rego con xurros. Unha vez estabilizada a fracción orgánica transpórtase en cisternas ata as leiras para poder incorporala á rega por aspersores. A empresa ourensá Enxeñería e Xestión Agrorrural Azul e Verde desenvolveu unhas balsas portátiles cunha capacidade de 30.000 litros que se poden colocar nas parcelas e nas que se deposita a fracción líquida. Trátase dunhas bolsas que unha vez baleiras pódense encartar e recoller para transportar a outra leira. “Mediante un motor incorpóranse as doses adecuadas á tubaxe de rega, de maneira que non só se achega esta fracción líquida do xurro senón que se mestura coa auga”, especifica o experto. Fertiporc busca o aproveitamento desta fracción líquida para reducir o aporte químico aos cultivos. “O uso deste xurro permitiría unha redución en custos de fertilización, evitar o uso de abonado químico extra e ampliar o período de utilización deste abono”, concreta García.
Prevén que o uso desta fracción líquida do xurro proporcione un aforro de custos no aporte químico aos cultivos
Aínda pendente de realizarse un estudo económico en detalle en que se comparará este tipo de aplicacións co aporte das mesmas unidades de nitróxeno mediante un abonado químico “creo que vai confortar un aforro de custos”, adianta o enxeñeiro agrónomo.

Primeiros cultivos

Con este grupo de traballo, que comezou a funcionar o pasado ano e que se manterá operativo ata o 2019, buscan pór a punto distintos cultivos aproveitando a capacidade fertilizante destes xurros tratados. Para iso realizaron diferentes plantacións co obxectivo de poder concretar as doses necesarias para un rendemento adecuado, así como os cambios que este procedemento pode ocasionar nos chans.
As primeiras probas realizáronas con cultivos de trigo, millo forraxeiro, pradaría e árbores produtoras de biomasa
Este ano contaron con 1,5 hectáreas de trigo e 2 hectáreas de millo forraxeiro na zona da Limia. A elas súmanse outras 3 hectáreas de pradaría, cuxa sementeira realizouse xa o pasado ano, e ao redor de 8.000 metros cadrados dunha plantación de chopos destinados ao aproveitamento da biomasa, nunha zona de monte entre A Limia e Celanova. Parte das plantacións de trigo e millo localízanse nunha leira do CTC, onde sementaron varias parcelas de ensaio con diferentes doses. Pero ademais, Fertiporc inclúe probas en cultivos en extensivo. É aí onde entran tanto o gandeiro como o agricultor, xa que as probas están a facerse nunha parte dos seus cultivos. “Non só se fai en parcela pequena, con distintas doses, senón que se fai extensivamente con estes operadores, o que permite ver a aplicación que eles poderían levar a cabo”, detalla Lucio García. Medicións na colleita do millo. Polo momento só cultivaron o trigo, e recentemente estase levando a cabo a recollida de mostras de millo. Mentres que a pradaría implantouse o ano pasado, e este é o primeiro verán no que se lle aplica este tipo de fertilización. En canto aos chopos, é o cultivo máis a longo prazo e, polo momento, só se están recollendo medicións da súa evolución. A finais deste ano, unha vez realizada a colleita da forraxe, poderán contar xa cos primeiros resultados para establecer unha comparativa e os datos cos que avaliar o proxecto.

Xornadas con gandeiros

Algúns produtores de millo forraxeiro xa puideron coñecer o proxecto Fertiporc de forma directa, xa que en meses pasados levouse a cabo unha xornada informativa sobre esta aplicación de xurros aos cultivos. Unha vez obtidos os primeiros resultados contémplase tamén compartilos cos produtores mediante unha nova sesión divulgativa, xa que este proxecto “busca responder a unha necesidade real que nos expoñen tanto Coren, como unificadora de produtores de xurro, como os propios agricultores”, concretan desde o Centro Tecnolóxico da Carne.

Proxectos en porcino, vacún, pataca e froita do Centro Tecnolóxico da Carne

O Centro Tecnolóxico da Carne está a desenvolver proxectos en novos produtos e prácticas no ámbito agroforestal. As iniciativas consisten en programas piloto ou en grupos operativos de innovación, impulsados conxuntamente con outras entidades, con apoios da Consellería do Medio Rural e de fondos europeos. Os proxectos atinxen a ámbitos moi diversos, como o avícola, o sector da castaña, o olivo ou o vacún de carne. Detallamos a continuación un resumo das iniciativas: - Creación dunha hamburguesa con carne de Morenas do Noroeste (razas cachena, limiá, caldelá, frieiresa e vianesa) con hortalizas de tempada. O proxecto, orientado ó mercado gourmet, desenvólvese só con produtos ecolóxicos e conta coa colaboración de Verín Biocoop e Agaca. - Innovación nos aceites de oliva autóctonos. A empresa quiroguesa Ouro de Quiroga apostou polas variedades de olivas autóctonas brava e mansa para a produción de aceite galego co obxectivo de abrirse camiño con sabores e aromas diferenciados no mercado. O Centro Tecnolóxico da Carne colabora coa firma en procesos de innovación no cultivo e no desenvolvemento de aceites monovarietais e multivarietais. - Implantación dunha alimentación natural en avicultura. Coren quere estudar vías para reducir ou eliminar o uso de antibióticos na cría de polos. Para iso vaise valorar a implantación dunha alimentación que inclúa ácidos orgánicos e extractos de plantas na cría de polos broiler. - Implantación dunha alimentación cociñada con produtos silvopastorís para o gando porcino. Desenvólvese en colaboración coa Universidade de Vigo e coa empresa Lebaste (O Incio, Lugo). - Novos sistemas de alimentación para o porco celta e estudo para a clasificación das súas canais. A cooperativa de produtores Tres Fuciños está comparando tres novos tipos de alimentación para o gando. - Control do nematodo dourado da pataca na Limia. Xunto con Adegal e agricultores da comarca da Limia, estanse valorando novas técnicas que contribúan o control da praga. - Implantación dun sistema de rega por aspersión coa fracción líquida dos puríns de porco, un proxecto desenvolto tamén na Limia co grupo Coren, cunha empresa de enxeñería e con agricultores da comarca. - Impulso á cadea de valor da castaña, desde a mellora da produción ata o desenvolvemento de produtos novidosos elaborados con castaña. Realízase conxuntamente coa Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). - Xestión de plantacións de maceira e aguacate, un proxecto desenvolto con Vivaz Plant Sat (Tomiño, Pontevedra). Plantación de aguacates en Tomiño.

O Centro Tecnolóxico da Carne deseña un presuposto de 3,2 millóns de euros para o 2018

O padroado da fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), ente dependente da Consellería do Medio Rural, vén de celebrar a súa reunión de final de ano de cara a definir as liñas de actuación do próximo exercicio e facer balance do segundo semestre de 2017. O organismo contará cun presuposto de 3,2 millóns de euros para o próximo exercicio. Con ese orzamento o CTC ten previsto participar en alomenos 28 iniciativas de cooperación con empresas e outras entidades do sector agroalimentario. Os fondos do Centro Tecnolóxico da Carne proceden fundamentalmente de proxectos de innovación sufragados polas Administracións, principalmente a europea. A Consellería realiza unha aportación directa de 400.000 euros. Outros ingresos salientables proceden da facturación a empresas polos traballos desenvolvidos, xa que este centro, ademais de proxectos de investigación no ámbito cárnico, tamén ofrece servizos ás entidades privadas, así como asesoramento e transferencia tecnolóxica ao sector. A maior parte dos orzamentos do CTC adícanse ó capital humano, que suma un 42,6% do capítulo de gasto. Desde Medio Rural destacan que o capital humano é o “máis importante” para desenvolver proxectos de mellora dos produtos do sector agroalimentario. Balance No que respecta ao exercicio que remata, só no segundo semestre do ano desenvolvéronse 32 proxectos de I+D+i, cun investimento global de case 14 millóns de euros.

Rexistro policial no Centro Tecnolóxico da Carne

A Policía Nacional accedeu esta mañá ás instalacións do Centro Tecnolóxico da Carne, en San Cibrao das Viñas (Ourense) para proceder a un rexistro das instalacións co obxectivo de recopilar documentación que puidera ser de interese para unha investigación en curso. A actuación prodúcese a raíz dunha denuncia da Fiscalía de Ourense, segundo trascendeu pasado o mediodía en diversos medios de comunicación. Foron os axentes da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta da comisaría provincial os que encabezaron o rexistro. A plantilla de traballadores do Centro tivo que permanecer fóra das instalacións en tanto se efectuou a inspección policial. A Fiscalía investiga presuntos delitos contra a facenda pública por prevaricación, falsedade documental e malversación de fondos. Os axentes incautáronse, entre outros documentos, a contabilidade dos últimos anos. A actuación da Fiscalía iniciouse a raíz dunha denuncia. Agora, tras o rexistro no Centro Tecnolóxico, deberase determinar se hai elementos para continuar co proceso. A Fundación Centro Tecnolóxico da Carne está dirixida por un Padroado liderado pola Consellería do Medio Rural. Desde a Consellería din descoñecer os motivos do rexistro, pero decláranse a plena disposición do que requiran as forzas de seguridade e sinalan a súa vontade de colaboración total. Segundo a Consellería, non houbo detencións nin se esperan. O padroado do Centro Tecnolóxico da Carne aprobou hai cousa dun mes o balance do 2016, no que destacaban os 35 proxectos de I+D desenvoltos durante o último exercicio. As súas contas anuais para este ano rondaban os 3,5 millóns de euros. -- Información actualizada a 22-7-2017.

Balance de actividade do Centro Tecnolóxico da Carne

O padroado do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), presidido por Medio Rural, vén de facer balance e de aprobar as contas do exercicio 2016. O organismo, con sede en Ourense, está orientado a colaborar co sector cárnico galego en procesos de innovación. Durante o último exercicio, o Centro desenvolveu 35 proxectos de I+D+i (Investigación + Desenvolvemento + innovación) con empresas e axentes do sector. Entre os servizos do CTC, cómpre destacar tamén o seu papel en analíticas e valoración de mostras, con máis de 37.000 no último exercicio. O progresivo aumento dos proxectos e servizos que presta o Centro está a redundar nunha mellora das súas contas, que aumentaron arredor dun 40% nos últimos dous anos. En concreto, o 2016 saldouse cun 24,3 % máis respecto a 2015 e no 2017 chegará ós 3,5 millóns de euros. O Centro Tecnolóxico da Carne conta cunha planta piloto para simular procesos e produtos, polo que constitúe unha referencia para o sector da carne de Galicia. O organismo tamén programa xornadas e actividades formativas como parte do seu labor de asesoramento.

O cruce de Porco Celta con Duroc presenta a carne de máis valor nutricional e sabor

O director do Centro Tecnolóxico da Carne, Miguel Fernández Rodríguez, presentou onte en Lalín os resultados da análise da carne resultante dos cruces de Porco Celta con outras catro razas foráneas (Mangalica, Duroc, Landrace e Pietrain). O estudo enmárcase dentro do proxecto Depodeza, da Deputación de Pontevedra, financiado con fondos da Unión Europea, para determinar cales son os mellores cruces da raza autóctona de Galicia co obxectivo de lograr un animal cunhas características idóneas e específicas para a Festa do Cocido de Lalín. Conclusións Neste sentido, o director do Centro Tecnolóxico da Carne expuxo as seguintes conclusións: Parece existir un diferente ratio de crecemento en función da idade. Nos porcos sacrificados a 7 meses as canais máis pesadas foron as dos porcos cruces de Celta con Duroc e mostraron maiores porcentaxes de pluma, secreto, lombo e solombo, mentres que os sacrificados a 12 meses o cruce de Celta con Pietrain foi o que presentou unhas canais máis pesadas e uns mellores porcentaxes de pluma, secreto, lombo e solombo. Os niveis máis altos de graxa intramuscular foron observados nos porcos cruzados con Mangalica, seguido polo Duroc, e non habendo diferencias significativas entre estes 2 cruces, en ambas idades de sacrificio, o cal se considera un aspecto positivo e con repercusións sobre a calidade organoléptica da carne. Desde un punto de vista comercial o cruce con Mangalica e Duroc presentaron unha carne máis roxa e menos dura polo tanto máis atractiva para o consumidor en ambas idades de sacrificio. Os catro cruces analizados. Dende o punto de vista nutricional, nos porcos sacrificados a 7 meses o cruce con Pietrain presentou, nas 3 localizacións, os menores valores de ácidos graxos saturados e o maior de ácidos graxos poliinsaturados. Sen embargo, nos sacrificados a 12 meses de idade, os cruces con Mangalica e Duroc presentaron o mellor perfil de ácidos graxos na graxa dorsal e ventral debido ao maior contido en ácidos graxos poliinsaturados. A graxa dorsal foi nutricionalmente mellor, tanto a 7 como a 12 meses de idade de sacrificio, que a graxa ventral debido ao maior contido en AGPI--e menor en AGS–-, polo que sería aconsellable o emprego de dita graxa na elaboración dos produtos cárnicos. Pódese asegurar que o cruce con Duroc é o que presenta un mellor perfil de aminoácidos, á vez que aporta un maior contido de aminoácidos esenciais, polo que dende o punto de vista nutricional ofrécenos unha carne mellor que a do cruce con Pietrain, e en menor medida, que a dos cruces con Landrace e Mangalica. Os porcos procedentes dos cruces con Mangalica e Duroc (nas 2 idades de sacrificio) alcanzaron as puntuacións máis altas para os atributos de veteado, tenrura e xugosidade, moi apreciados polo consumidor. Fonte: Centro Tecnolóxico da Carne En cuanto á idade de sacrificio, os porcos de 12 meses presentaron unha mellor conformación da canal e unhas características da carne mellores que os porcos sacrificados con 7 meses. Por todo isto, dende o Centro Tecnolóxico da Carne recomendan que o cruce ideal é de Porco Celta con Duroc, cun sacrificio aos 12 meses, ou cando menos entre os 9 e os 12 meses.  Rendemento ata un 19% maior no cruce de Celta con Duroc ca os seus proxenitores Pola súa parte, o profesor da Universidade de Santiago, Antonio Iglesias, expuxo os resultados dos estudo bioxenético no que se concluíu que o cruce de Celta con Duroc é o máis produtivo en rendemento cárnico, e o cruce con Mangalica, o que menos. Especialmente interesante resulta a análise dos efectos da heterose, é dicir a diferencia entre os rendementos cárnicos das razas puras proxenitoras e as dos híbridos descendentes. Neste sentido, obsérvase como o cruce de Celta con Duroc rende até un 19% máis que os seus proxenitores. Podes descargar aqui a presentacion do estudo bioxenético así como o estudo do Centro Tecnolóxico da Carne.