Archives

Presentados 34 proxectos ó concurso de ideas para rehabilitar o Pazo de Lourizán

Para realizar a reforma da finca de Lourizán convocouse un concurso de ideas ao que se presentaron 34 proxectos. O xurado, conformado por persoal do Goberno autonómico, da Deputación de Pontevedra e de diversos expertos no sector, está a avaliar as diferentes propostas. Tamén se crearon dúas comisións auxiliares, unha administrativa e outra técnica, co fin de escoller a iniciativa máis acaída para lograr os obxectivos que persegue a rehabilitación de Lourizán. O xurado escollerá oito dos proxectos que mellor se adapten e os seus autores deberán presentar propostas concretas de rehabilitación integral e de novos usos. Estes proxectos serán avaliados pola Comisión Técnica, que fará a súa proposta ao xurado. O concurso finalizará coa presentación do gañador, os segundos e os terceiros finalistas e cinco accésit. Todos eles percibirán un premio económico en compensación. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael López, asistiu onte a unha visita guiada polo Pazo de Lourizán, no marco da iniciativa “Nadal en Galicia” organizada por Turismo de Galicia. Estas xornadas de portas abertas permiten á cidadanía coñecer as instalacións deste edificio histórico.

Como a Política Agraria Común favorece a cualificación dos produtores

Ademais de apoiar a renda dos agricultores e de garantir á sociedade europea alimentos nutritivos e seguros, a Política Agraria Común busca unha transformación do sistema produtivo nos vindeiros anos cara á mellora da eficiencia, a sustentabilidade e a dixitalización.

Para acadar estes obxectivos, é fundamental a transferencia de coñecementos e novas técnicas cara aos produtores, algo no que fai fincapé a nova PAC para o período 2023-2027 a través do denominado AKIS, o sistema de asesoramento e innovación agraria do que forman parte tanto entidades de carácter público como privado.

Entre as submedidas que compoñen a PAC hainas que focalizan directamente o esforzo sobre a investigación e, en concreto, a investigación de tipo aplicado destinada a agricultores, gandeiros e selvicultores.

 “O principal obxectivo da PAC non é a investigación agraria; aínda así contribúe de forma decidida á investigación a través dos fondos de cooperación”, destaca Javier Iglesias, do sindicato Unións Agrarias.

A PAC contribúe de forma decidida á investigación a través dos fondos de cooperación

No ámbito da PAC búscase unha investigación eminentemente aplicada para resolver problemas concretos do sector e para mellorar a súa posición nun mundo cada vez máis competitivo. Esta medida específica de cooperación integra tanto proxectos piloto como grupos operativos.

“Son distintas maneiras de enfocar dun xeito colaborativo problemas ou melloras para aportar solucións ao mundo agrario”, defende Manuel López Luaces, xefe da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) a entidade pública dependente da Xunta de Galicia encargada da coordinación dos fondos da PAC para formación agraria na comunidade.  

A AGACAL é o organismo encargado de desenvolver as submedidas da PAC relativas a investigación, formación e asesoramento agrario en Galicia

A AGACAL conta con 350 traballadores e dela dependen centros de investigación agraria de referencia en Galicia, como o CIAM de Mabegondo, ou 6 centros de Formación e Experimentación agraria repartidos polo territorio (Ribadeo, Becerreá, Monforte, Guísamo, Sergude e Lourizán), que ofrecen formación regrada complementada con formación continua.

“No último ano fomos capaces de ofertar ata 299 prazas para ciclos formativos do ámbito agrario e forestal. Estamos facendo unha aposta moi importante por conseguir man de obra para o sector agrario a través da formación dos nosos futuros mozos e mozas agricultores”, destaca Manuel.

Investigación colaborativa e achegada á realidade

En Portugal, os proxectos de formación e investigación financiados a través da PAC obrigatoriamente teñen que integrar aos produtores e ás súas asociacións, conta María Custódia Correia, xefa de división da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural e responsable da Rede Rural Nacional de Portugal. “Apóiase o desenvolvemento experimental con proxectos de innovación en consorcio nos que participan investigadores e produtores”, explica. Deste xeito, di, “están dirixidos cara ás súas necesidades”.

En Portugal desenvólvense proxectos de innovación en parcería que ademais de investigadores teñen que integrar obrigatoriamente a produtores

A investigación que se financia coas axudas da PAC é tanto básica como aplicada, dirixida aos problemas que realmente lles preocupan aos produtores. “En xeral en Galicia a investigación agraria está moi próxima á realidade e necesidades do sector, non só produtor, senón tamén agroindustrial e, de feito, algunhas iniciativas empresariais xurdiron da investigación”, lembra Javier.

Agás a viticultura e a enoloxía, así como o sector forestal, que contan con instalacións específicas (a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, EVEGA, e o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, respectivamente), o resto da investigación agraria da AGACAL desenvólvese no CIAM de Mabegondo, o buque insignia en materia de investigación agraria en Galicia.

Entre o ano 2020 e 2022 desenvolvéronse no CIAM un total de 54 proxectos de ámbito español e europeo, buscando sobre todo proxectos colaborativos que involucren ao sector nunha investigación de carácter aplicado.”O 90% da investigación que se realiza é investigación aplicada e a petición do sector”, explica Manuel. 

Dentro do universo agrario existente en Galicia, o CIAM investiga sobre produción de leite, novas tecnoloxías, puríns, mitigación de gases de efecto invernadoiro, secuestro de carbono, estratexias para frear o mato, producións gandeiras, recursos autóctonos, cereais, etc.

En Galicia temos unha capacidade investigadora moi grande e os resultados poñémolos ao servizo do sector

As instalacións de Mabegondo dispoñen de 320 hectáreas de terreo con campos de ensaio, invernadoiros e distintos tipos de rabaños de gando. “Somos capaces de abarcar todo o abano de necesidades que nos demanda o sector”, insiste Manuel.

No bienio 2020-2022 o EVEGA estivo implicado en 16 proxectos relacionados coas variedades minoritarias, a valorización de residuos, a viticultura ecolóxica, uso de fitosanitarios, cultivos sostibles, resistencia a enfermidades, etc. Destaca a parte de conservación de recursos fitoxenéticos, con preto de 60 variedades galegas de vide.

A produción de castaña en Galicia foi desenvolta en grande medida grazas a Lourizán. As 23 variedades galegas de produción de castaña foron propostas para rexistro grazas ao traballo deste centro, que tamén desenvolveu 32 clons para madeira e patróns híbridos. No período 2020-2022 Lourizán estivo involucrado en 22 proxectos de carácter nacional e europeo.

Transferencia de coñecemento

“Hai un esforzo moi importante pola transferencia dos coñecementos que realmente se poden trasladar ao campo. Do que se trata é de poñer en contacto a través dunha comunicación directa dos centros de coñecemento, a través dos seus investigadores e tecnólogos, co sector, non só co produtor final, senón tamén cos asesores que ao final teñen que facer de cadea de transmisión deses coñecementos cara ao ámbito agrario”, opina Manuel. 

Nos últimos anos as novas tecnoloxías están acelerando o proceso de transferencia e variando as formas de traslado. Pero desde Unións Agrarias Javier Iglesias reprocha que “en xeral os mecanismos de transferencia do coñecemento desde os grupos de investigación non son de todo eficientes, sobre todo no relativo á inmediatez”, afirma.

Tamén a responsable da Rede Rural Nacional de Portugal recoñece que “o sistema precisa e pode ser mellorado con novas formas de divulgación, especialmente reforzando a aprendizaxe entre iguais, de produtor a produtor, apoiando visitas técnicas a explotacións e granxas de referencia tanto dentro do país como noutros Estados membros da UE”, defende.

A nova PAC promove o intercambio entre produtores a través de visitas e estancias formativas en explotacións modelo

A transferencia de coñecementos cara ao produtor final vaise reforzar neste novo período con medidas específicas para iso. “A PAC apoia claramente a transferencia do coñecemento xerado, tanto pola vía dos apoios aos grupos operativos como tamén a través de apoios dirixidos á cualificación dos produtores”, asegura María Custódia.

En Portugal, a Rede Rural Nacional promove o espallamento da información e o coñecemento entre os distintos axentes. “A divulgación aos produtores ten sido unha das prioridades. Creáronse os Centros de Competencia, 24 en total, que reúnen a produtores, empresas, centros de I+D, entidades públicas, organizacións do sector, municipios e outros socios, co fin de desenvolver axendas de innovación que expresen as necesidades reais dos produtores e axuden á transferencia do coñecemento xerado”, explica. “Na definición de prioridades, na programación de plans de acción formativas e no desenvolvemento de actividades o que se busca é crear e diseminar coñecemento útil”, asegura María Custódia.  

En Galicia, no período 2020-22 desenvolvéronse máis de 1.000 accións formativas financiadas a través da PAC e dirixidas ao sector e no novo período haberá máis de 3 millóns de euros focalizados exclusivamente na formación a demanda dos agricultores, avanza Manuel. “As solicitudes parten precisamente de entidades e organizacións de produtores. Polo tanto, estes programas de formación teñen un enfoque eminentemente aplicativo e práctico”, insiste. 

A PAC financia e promove unha formación continua que permite aos agricultores e gandeiros adaptarse aos novos desafíos, como son a dixitalización e o coidado do medio ambiente

Dous dos ámbitos nos que a formación promovida pola PAC fai fincapé son o da sustentabilidade medioambiental e o da dixitalización dos sistemas produtivos. “A sustentabilidade foi xa unha prioridade no período comunitario 2014-2020, apoiando tanto desde o segundo piar como desde o primeiro medidas na procura de técnicas de produción máis sustentables e ese esforzo aínda foi reforzado na nova PAC. No caso da dixitalización, en Portugal existe unha Estratexia Nacional para a dixitalización da agricultura e o Plan Estratéxico da PAC inclúe varias medidas que buscan afondar na utilización das novas tecnoloxías por parte dos produtores”, destaca María Custódia.

Pero aínda que “as tecnoloxías chegaron para quedar”, Manuel insiste en que “as novas tecnoloxías hai que interpretalas para converter os datos que proporcionan en información útil e, por iso, a formación dos equipos humanos é fundamental”.

Xornada sobre “As árbores nas zonas atlánticas e a súa adaptación ao cambio climático”

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar o próximo xoves 17 de novembro no Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán unha xornada sobre as especies arbóreas nas zonas atlánticas de cara á súa adaptación fronte ao cambio climático. Enmarcada no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2022, a iniciativa arrancará ás 10,00 horas e albergará unha visita á parcela onde o centro está levando a cabo o proxecto comunitario Reinfforce (Resource Infraestructures for monitoring, adapting and protecting European Atlantic Forests under Changing climate), para estudar a resposta de diferentes especies. O CIF de Lourizán conta co maior número de rexistros da rede establecida de 41 campos de demostración e 38 arboredos espallados polo arco atlántico europeo, nun rango de altitude, temperatura e precipitacións moi amplo e instalados en zonas con diversas características topográficas e edafolóxicas. En concreto, a representación galega da devandita rede está formada por tres arboredos (un deles en Lourizán) e seis campos de demostración de prácticas silvícolas en carballeiras e bidueirais. Os arboredos son campos de ensaio nos que están representadas 38 especies forestais, cun número de procedencias que vai desde unha ata sete por especie, conformando unha media de 123 unidades xenéticas por arboredo, con rexións de procedencia das especies ensaiadas dun contexto xeográfico moi amplo. En 2012 leváronse a cabo as plantacións en todos os arboredos e, desde entón, desenvólvese o protocolo de medicións elaborado polos socios do proxecto: supervivencia, medicións anuais do arboredo, seguimento fitosanitario estacional e estado das copas, información meteorolóxica, podas e mantemento das árbores e control da matogueira para evitar a competencia. Os resultados dos ensaios nos arboredos permitirán seleccionar especies e procedencias adaptadas ás condicións diferenciadas dentro do territorio galego e potenciar as vantaxes do establecemento destas especies como fonte de beneficios económicos, ambientais e sociais. Despois de 10 anos, a nivel galego pódense extraer xa algúns resultados e tendencias que son de interese para o sector forestal, co fin de iniciar a adaptación cara a especies ou procedencias que poidan facer fronte ao cambio climático dunha maneira máis efectiva. Nesa dirección, nas visitas de campo mostrarase o estado actual dos arboredos Reinfforce e o comportamento diferencial das especies e procedencias establecidas. As persoas interesadas en acudir á xornada do próximo 17 de novembro poden solicitalo enviando un correo electrónico ao enderezo infolourizan.mr@xunta.gal tras cubrir o formulario que poden descargar en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/transferencia-tecnoloxica/plan-de-transferencia-tecnoloxica-2022 Para máis información poden chamar ao teléfono 986 805 004

Fina Gabriel Toval, director en dúas etapas do Centro de Investigación Forestal de Lourizán

Gabriel Toval, quen fora director en dúas etapas do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, finou ós 76 anos de idade. Toval, natural de Andalucía, desenvolveu en Galicia a maior parte da súa traxectoria profesional como enxeñeiro de montes. Chegou ó Centro de Investigación Forestal de Lourizán no 1974 e dirixiríao en dúas etapas, do 1986 ó 1988 e do 2009 ó 2014, cando se xubilou. Gabriel Toval. / Fonte da imaxe: Juan Picos. Considerado no sector forestal como un reputado profesional, Toval destacou na súa traxectoria como xenetista. Durante a súa segunda etapa de director do CIF, foi o impulsor do Plan de Innovación Forestal de Galicia 2010-2020, que guiou na última década a investigación de Lourizán en torno á mellora xenética do castiñeiro, cerdeira e piñeiro, así como sobre cuestións transversais, como a adaptación do monte galego ó cambio climático ou a defensa e prevención de incendios. Entre a súa primeira etapa en Lourizán e a segunda, Gabriel Toval foi o director do centro de investigación de Ence (1988-2006), onde impulsou a mellora xenética do eucalipto e a obtención de clons de eucalipto globulus adaptados a Galicia, así como de liñas de eucalipto tamén útiles para Huelva, outra das zonas da península nas que Ence tiña daquela plantacións e unha pasteira propia. Cando Ence pechou a súa unidade de investigación, Toval regresou á Administración pública, pasando uns primeiros anos no servizo de Montes da Xunta, antes de regresar como director ó Centro de Investigación Forestal de Lourizán no 2009, onde rematou a súa carreira. Trala súa xubilación, continuou participando esporadicamente en actividades do sector, na medida en que a súa saúde llo permitía. Unha das súas últimas intervencións públicas foi nunha xornada do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, na que abordou os traballos que realizou na súa primeira etapa no Centro na selección de sementes de sequoia e de piñeiro de Oregón adaptadas a Galicia. Toval desprazárase nos anos 80 a Estados Unidos para facer alí a selección de sementes coa que establecer logo plantacións de ensaio en Galicia. A nova do pasamento de Gabriel Toval, que trascendeu onte no sector forestal, causou consternación entre as persoas que o coñecían, que destacaron o seu carácter humano, proximidade e a súa independencia de criterio.

Lourizán consolida os seus bancos de clons de sequioias e piñeiro de Oregón, coníferas que ve de interese en Galicia

O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, traballa na revitalización de varios dos seus bancos xenéticos forestais, co fin de avanzar na prevención e loita fronte a pragas e enfermidades. Outro dos seus obxectivos é anticiparse ás novas condicións provocadas polo cambio climático. Así, considérase que Galicia e o seu sector forestal deben estar preparados e ter capacidade de obter materiais mellorados doutras coníferas de interese forestal, como a sequoia vermella, o piñeiro de Oregón ou a sequoia xigante, como posibles especies alternativas que poidan axudar a superar problemas sanitarios e xestionar o cambio climático nos montes galegos. Neste contexto, os investigadores do CIF -centro adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)- están a realizar labores silvícolas para poñer en valor estes bancos de clons, co fin de efectuar a súa propagación vexetativa mediante estaquillado. O obxectivo é obter copias do material destes bancos para completalos e crear novas réplicas noutros terreos públicos, conseguindo deste xeito o seu rexuvenecemento e conservación. Cómpre ten en conta que estes recursos do CIF de Lourizán son únicos en España, segundo sinala o Centro, e representan un valor engadido en materia de mellora xenética. As coleccións de sequioia e piñeiro de Oregón instaláronse entre os anos 1989 e 2002, debido ao interese por probar diferentes materiais xenéticos.

Piñeiros ‘premium’, como a mellora xenética se adapta ás necesidades da industria da madeira

Piñeiros que medren rectos, cun bo crecemento e sen nós son as esixencias máis demandadas tanto por propietarios forestais como dende a industria á hora de seleccionar as variedades para facer unha plantación, pero a maiores dos criterios tradicionais, que máis se pide?, que outros parámetros son interesantes á hora de seleccionar piñeiros?. Esa foi a pregunta que se fixeron dende o Centro de Investigación Forestal (CIF) Lourizán (Pontevedra) hai un par de anos e á que tentaron dar resposta a través dunha xornada organizada no centro con representantes do sector. Esa sesión foi o xérmolo das investigacións nas que dende entón están traballando no centro en materia de mellora xenética en piñeiro. “Tentamos coñecer as demandas que tiñan no sector, os parámetros que máis lle interesaban para encamiñar os nosos traballos ás necesidades que teñen dende a industria da madeira e que poden beneficiar ós produtores”, explica a doutora Raquel Díaz, investigadora e responsable do programa de mellora xenética de piñeiro no CIF Lourizán.
Lourizán traballa sobre a densidade básica e o módulo de elasticidade, dous parámetros demandados pola industria da madeira
Nestes dous últimos anos, o equipo de investigadoras de Lourizán centrouse en dous novos parámetros nos seus traballos de mellora xenética en coníferas: a densidade básica e o módulo de elasticidade. O obxectivo é conseguir material xenético mellorado non só nos parámetros máis básicos (rectitude, crecemento e con madeira sen nós), senón tamén incluír aquelas variedades que teñan un mellor desenvolvemento destes dous parámetros que tamén son apreciados pola industria. Noutros países coma Nova Zelanda, Estados Unidos ou Francia, a resistencia a enfermidades é un dos piares nos que levan anos traballando. Esto tamén é así no caso de Galicia. “Dende o 2013 estivemos traballando en conseguir exemplares resistentes ó nematodo, unha das principais afeccións dos piñeiros en Galicia, e agora xa temos no mercado proxenitores resistentes a esta enfermidade. Aínda que seguimos traballando para obter piñeiros cun maior grao de resistencia, decidimos iniciar outra liña de investigación complementaria e estudar outros parámetros que poidan ser tamén de utilidade”, concreta Díaz.

Conseguir material xenético de calidade

Para o estudo de calidade de madeira, actualmente están avaliando árbores de parcelas de estudo plantadas fai anos, que lles proporcionan exemplares nos que valorar estes parámetros e seleccionar aqueles que mellor resposta teñan. Nestas parcelas, repartidas por toda Galicia, dispoñen de 116 familias procedentes dos exemplares que nos anos 80 recompilaron pola costa galega para contar cunha mostra representativa da variedade de exemplares presentes en Galicia. Para estudar a calidade da madeira comezaron avaliando en torno a 3.000 árbores de 13 anos de idade situados en 3 destas parcelas que teñen repartidas en distintos puntos de Galicia, o que lle permite comprobar tamén os cambios que producen as variacións ambientais nestes parámetros. “Temos que contar con datos de bastantes individuos de cada unha das familias para ver cales ofrecen mellores resultados”, indica.
Nos últimos anos avaliaron preto de 4.000 piñeiros do país e 250 de piñeiro insigne para comprobar a densidade e elasticidade que ofrecen
Nos últimos tempos participaron tamén no proxecto Genmac, un grupo operativo suprautonómico creado para procurar recursos xenéticos para o abastecemento sostible de madeira de calidade de coníferas. Participar nesta iniciativa fixo que incrementasen o número de parcelas nas que avaliar a calidade da madeira e que, á marxe de contar con piñeiro do país (Pinus pinaster), incluíran tamén piñeiro insigne (Pinus radiata). Desta forma, estudaron estes parámetros noutras 2 parcelas de piñeiro do país, dous dos hortos sementeiros que se deron de alta nos últimos anos e cuxas árbores teñen uns 25 anos. Nestas medicións avaliaron unhas 1.000 árbores máis de piñeiro do país. Tamén avaliaron preto de 250 piñeiros insigne noutras dúas parcelas desta especie. Ter datos de case 4.000 árbores das 116 familias do programa de mellora ubicadas en 5 sitios distintos e con dúas idades diferentes permítelles determinar que familias teñen maior densidade ou módulo de elasticidade, así como comprobar se a clasificación obtida coa información ós 13 anos é a mesma que ós 25. Esto último permitiríalles seleccionar xenotipos pola súa calidade de madeira a idades relativamente temperás. Probas para estimar a densidade do piñeiro. De igual forma, tamén van poder estudar a existencia de interacción xenotipo - ambiente, é decir se os xenotipos máis densos, por exemplo, son os mesmos en tódolos ambientes estudados ou non. “De ser así, poderá garantizarse que un xenotipo que se seleccione pola su alta densidade, por exemplo, vai ser o que produza madeira con maior densidade independientemente do lugar no que se plante”, explica a doutora. A maiores, algúns destes exemplares sometéronse a outras probas, coma a densitometría, para ter máis información sobre a evolución da densidade da súa madeira ó longo do tempo, pese a que é unha técnica máis custosa. “Este procedemento permítenos ver como é a madeira dentro da árbore anel a anel, e determinar a porcentaxe de madeira adulta, que é a madeira que máis adoita interesar ó sector”, detalla a investigadora.

Boas perspectivas

Os primeiros resultados destes estudos, que son aínda provisionais, acaban de facerse públicos. “Agora queremos traballar e comparar os datos extraídos nestas 5 parcelas, avalialos de forma conxunta”, concreta a experta. Os primeiros datos, que pertencen ás medicións máis antigas, as realizadas nos piñeiros do país con 13 anos de idade, amosan resultados interesantes para a obtención de piñeiros seleccionados pola súa densidade e o módulo de elasticidade.
Os estudos confirmaron que a densidade e elasticidade son caracteres herdables e sen relación entre eles, co que facilitará a súa selección
“Coas primeiras avaliacións, que fixemos nun estudo de máis de 1.900 árbores, constatamos que tanto a densidade como a elasticidade son caracteres herdables, cunha boa herdabilidade, co que, de confirmarse nas análises definitivas, será doado transmitilos de pais a fillos. Se seleccionamos exemplares con boa densidade, as sementes que se recollan desa árbore terán tamén boa densidade”, concreta a especialista. Estimación do perfil densitométrico de piñeiros realizada polo CIF Lourizán. Os estudos, cuxos resultados están aínda pendentes de ratificarse cun maior número de avaliacións, amosan ademais que estes caracteres non están relacionados entre si, o que se presenta coma unha boa nova de cara a conseguir exemplares mellorados xeneticamente e nos que destaquen estes parámetros. “En mellora xenética é moi pouco habitual que haxa unha correlación positiva entre caracteres cando estes están relacionados, adoita acontecer que canto mellor sexa unha destas características redúcense as posibilidades doutra. Así, por exemplo, é frecuente que as árbores que medran moito sexan as que teñen unha menor densidade de madeira. Por iso, que non exista relación é bastante mellor ca que se fose negativa”, valora Díaz. Desta maneira, ábrese a posibilidade a que se seleccionen sementes procedentes de piñeiros que conten cun bo crecemento, rectitude e que tamén destaquen pola súa densidade ou elasticidade.
Descubriron que non hai relación xenotipo-ambiente, o que simplifica a selección xenética para obter mellores piñeiros
As últimas avaliacións, realizadas en dúas parcelas, tamén amosan que os novos caracteres estudados non gardan relación co ambiente, o que para os investigadores tamén resulta favorable. “Nestas análises provisionais, descubrimos que non existe interacción xenotipo – ambiente, o cal é moi positivo, xa que simplifica o traballo de selección xenética e favorece os avances en mellora”, apunta a investigadora. En concreto, confirmaron que as familias con maiores densidades ou elasticidade eran as mesmas nas dúas parcelas de estudo, a pesar de que estaban en condicións ambientais diferentes. Esta información, tal e como indica Díaz, será clave para continuar apostando por exemplares de mellores caracteres. “É moi difícil lograr que unha sóa árbore cumpra con tódolos parámetros que estamos a ter en conta, pero a mellora xenética ponnos nese camiño. Xa fomos conseguindo árbores cun bo crecemento e resistentes a pragas como o nematodo e seguimos traballando para incluír tamén novos parámetros como a densidade e o módulo de elasticidade”, conclúen dende Lourizán.

Xornada Técnica sobre aproveitamento de plantas de interese mediciñal, aromático e cosmético

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán organiza durante o vindeiro mes de outubro unha Xornada Técnica sobre Aproveitamento sostible de plantas galegas de interese medicinal, aromático e cosmético, que se celebrará na Biblioteca Municipal de Mondariz, o sábado día 3 de outubro, en sesións de mañán y tarde. A inscrición é gratuita e haberá un máximo de 12 participantes por razóns de aforo provocadas polo coronavirus. De todos xeitos, para as persoas que non logren entrar nesta primeira quenda haberá una 2ª edición desta xornada o sábado seguinte, o día 10 de outubro. O programa inclúe unha parte teórica e outra práctica, na que haberá unha saída ao campo a recoller plantas e o seu posterior procesado para a obtención de distintos aproveitamentos mediciñais ou aromáticos. A actividade será impartida por técnicos do CIF de Lourizán e persoal da cooperativa Milhulloa de Palas de Rei, adicada ao cultivo e procesado de plantas para infusións e cosmética.  Para participar hai que anotarse a través da páxina web da Consellería do Medio Rural no seguinte enlace, cubrir a folla de inscrición correspondente á xornada e enviala por email ao enderezo electrónico infolourizan.mr@xunta.gal. A data límite para a inscrición é o 29 de setembro. A reserva de prazas farase por orde de solicitude, de xeito preferente aos seguintes destinatarios: mozos/as e mulleres do medio rural; traballadores/as do sector agrario, agroalimentario e forestal; propietarios/as agrícolas ou forestais; membros de comunidades de montes veciñais en man común e de asociacións rurais; titulados/as de ciclos formativos da rama agro-forestal e membros de empresas agrícolas, agroalimentarias e forestais.

Programa:

O monte galego absorbe o 30% dos gases de efecto invernadoiro emitidos en Galicia

Os piñeiros absorben un volume de carbono que equivale á metade do seu crecemento anual. Os traballos realizados polo investigador Esteban Gómez García indagan sobre o potencial do arborado do monte galego para capturar gases de efecto invernadoiro. O aumento da superficie arborada constatada nos últimos inventarios públicos avanza que tamén o poder de neutralización dos bosques galegos se incrementou nas últimas décadas, non só polo maior espazo adicado a arborado senón polas súas características. Coñecer o potencial que ofrecen os bosques na loita contra o cambio climático volveuse unha peza clave para contrarrestar os efectos que outras actividades humanas teñen no planeta. Así, cada ano, distintos organismos nacionais e internacionais realizan unha estimación das emisións contaminantes que se realizan á atmosfera derivadas da actividade humana. O cálculo adoita céntrarse nas emisións de gases de efecto invernadoiro como o dióxido de carbono (CO2), o metano ou óxido nitroso, pero ó mesmo tempo estes informes tamén valoran aquelas actividades ou espazos que contribúen, dun xeito directo, a mitigar os efectos que eses gases terán na atmosfera. Camíñase na procura do coñecido como balance cero de emisións. Trátase de que, pese a que as emisión destes gases non poidan eliminarse por completo, outras accións poidan compensalas, de xeito que os seus efectos queden neutralizados. É aquí onde os chamados sumidoiros de carbono cobran un papel destacado. Son espazos naturais, bosques, pradeiras ou masas de auga que contribúen como importantes ferramentas para conseguir reducir os efectos das emisións de gases de efecto invernadoiro.
Ademais das árbores e a broza (incluídas as raíces), a madeira morta funcionan como almacéns de carbono dentro dun ecosistema forestal
Na análise do papel que os montes exercen como almacéns de carbono téñense en conta distintos depósitos.“Centreime na estimación da fixación que fai o arborado, incluíndo as súas raíces, pero hai outros elementos dos ecosistemas forestais que exercen como sumidoiros de carbono”, explica o experto. Nos montes establécense 5 depósitos que actúan coma sumidoiros: a parte aérea vexetal viva, a parte das raíces, a madeira morta, os restos vexetais depositados no solo e os solos. “Actualmente non é doado facer unha estimación rexional da evolución do carbono fixado na madeira morta, nos restos vexetais ou nos solos. No caso de que non haxa cambio de uso ou cobertura simplifícase e considérase que o balance de carbono nestes depósitos é neutro (non hai ganancias nin perdas)”, indica o investigador.

O potencial do arborado galego

Gómez García toma os datos do último Inventario Forestal Nacional (IFN), no que se amosa un incremento considerable da superficie forestal en Galicia. En concreto, a área forestal arborada galega pasou de 1.129.361 hectáreas no ano 1975 á unhas 1.424.094 hectáreas neste último inventario realizado. Este incremento da superficie tamén evidencia que se incrementou a o carbono capturado pola especies presentes nel. “Entre o segundo inventario, que se realizou entre 1987 e 1996, e o cuarto inventario feito no 2009, a tendencia é bastante constante e viuse un aumento de 2,4 millóns de toneladas cada ano”, detalla o especialista. Actualmente as especies que acumulan maior cantidade de carbono nos montes galegos son os eucaliptos (30%), os piñeiros (27%) e os carballos e cerquiños (26%).
As árbores absorben grandes cantidades de carbono durante o seu crecemento. Cando a masa se estabiliza, as cifras baixan
Segundo as estimacións realizadas polo investigador, o arborado do monte galego absorbe cada ano o 30% das emisións de dióxido de carbono que se producen na comunidade galega. “Durante o período entre o segundo Inventario Forestal Nacional para Galicia (1987) e o terceiro (2009), o 28% das emisións que se produciron en Galicia foron absorbidas polo crecemento do arborado”, concreta Gómez García. Ademais esta porcentaxe podería ser maior na actualidade logo do peche e transformacións dalgunhas das industrias que emitían unha importante cantidade de gases de efecto invernadoiro, como son as centrais térmicas de carbón.

A idade marca diferenzas

É significativo que, ademais de incrementarse a superficie forestal houbo unha densificación, o que resulta beneficioso á hora de considerar estas masas como sumidoiros activos de dióxido de carbono. “Non só hai máis superficie de árbores senón que hai máis árbores nese monte”, indica Gómez. Ademais, pese a que o monte ten unha capacidade limitada de absorción de dióxido de carbono, “hai aínda marxe para incrementar a produtividade do monte galego o que axudaría a mitigar o problema durante un tempo permitindo desenvolver solucións tecnolóxicas que permitan reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro”, apunta o investigador. Neste senso, realizar os labores de silvicultura precisos nas plantacións pode ser unha das estratexias recomendadas para incrementar a capacidade de absorción. Porén, o máis importante á hora de optimizar estes sumidoiros é a prevención dos incendios forestais, posto que de producirse, as consecuencias son devastadoras non só pola perda senón polas emisións que xeran á atmosfera.
Realizar os labores de silvicultura axeitados prevén incendios e pode favorecer o incremento da capacidade de fixación de carbono do arborado
Dentro das solucións tecnolóxicas a implantar o monte tamén xoga un papel fundamental. O carbono está secuestrado nos produtos extraídos do monte, como pode ser a madeira, mentres ese produto está en uso. Ademais, pode usarse madeira en substitución a outros materiais que causan maiores emisións como o ferro e o formigón. Por último, a biomasa forestal tamén pode empregarse como combustible no canto de combustibles fósiles. Cómpre ter en conta que as árbores máis novas son as que teñen unha maior capacidade para actuar coma sumidoiros. “Os bosques fixan carbono mentres están medrando, unha vez que o seu crecemento se estabiliza, a emisión e a absorción de CO2 case se anula entre si”, especifica o experto.  O ritmo de crecemento é un factor determinante polo que as especies de crecemento rápido xogan un papel preponderante. “Sen entrar noutro tipo de consideracións as plantacións forestais de alta produtividade son mais determinantes como sumidoiros de carbono”, apunta o investigador. Así, os eucaliptos e os piñeiros teñen o maior potencial para a captación de carbono no monte galego.  
As plantacións de eucalipto habituais nesta época do ano tamén se están a retrasar esta primavera.

Os beneficios ocultos das plantacións

No bosque galego, o pino, o eucalipto e o carballo acaparan case o 67% da absorción de carbono que se realiza nestas superficies forestais. Existen pequenas diferencias que afectan á capacidade de acumulación das principais especies presentes nos bosques galegos, pero a maioría capturan un volume de carbono equivalente ó 45 - 50% do seu crecemento anual.
“O pino e o eucalipto son as especies que están acumulando máis carbono no monte galego”
Nesta valoración o ritmo de crecemento da especie é un factor determinante, o que fai incrementar a capacidade de converterse en sumidoiro de carbono de especies coma o eucalipto. Pese a que o impacto das plantacións forestais pode ser negativo en temas como a biodiversidade do monte, a contribución que están realizando na xestión dos gases de efecto invernadoiro pode resultar significativa. Así, o estudo evidencia que o eucalipto é a unha das especie con maior potencial para a captación de carbono que ten no monte galego.

“Cremos nun monte multifuncional con máis usos que a corta de madeira”

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Coiro, en Cangas do Morrazo, foi das primeiras en ser recoñecidas como tal no sur da provincia de Pontevedra, a comezos dos anos 80, xunto coas de Hío e Darbo, como apuntan dende a súa directiva. Hoxe un dos principais obxectivos desta comunidade é promover un monte diverso, onde teñan cabida diferentes aproveitamentos.
“É positivo darlle valor ó monte, aínda que se xeren menos ingresos”, indica Manuel Soaxe, secretario da CMVMC
“Cremos nun monte multifuncional onde se aproveite máis que a produción económica e forestal da madeira”, explica Manuel Soaxe, secretario da actual xunta reitora da comunidade de montes. Xestionan unhas 60 hectáreas de monte periurbano, o que fai que sexan espazos moi visitados. “No monte hai xente de mañá e de tarde, aprovéitase moito como un espazo de lecer, pola súa proximidade ós núcleos de vivendas”, concreta Soaxe. Un dos obxectivos da comunidade de montes é manter e incrementar o aproveitamento, tanto produtivo como de ocio destes espazos. “É positivo darlle valor ó monte, independientemente de que nos dea máis ou menos cartos”, reivindica o secretario da comunidade. Realizan excursións con escolares da zona para que descubran a riqueza dos seus montes.

Liberarse do consorcio coa Xunta

Este ano a comunidade logrou anular o consorcio coa Xunta, que mantiveran durante anos boa parte dos seus montes veciñais. Levaban tempo reclamando a ruptura do acordo, logo de denunciar distintos incumprimentos por parte da administración pública. “Levamos anos arrastrando a falta de mantemento destas zonas do monte por parte da Xunta, mesmo se produciu unha neglixencia da Administración por non realizar os labores de silvicultura precisos”, explica. Dende a comunidade de montes apuntan que a falta de mantemento do monte se traduciu en perdas para a Administración e para a comunidade, ó reducirse o crecemento das árbores.
Solicitaron a anulación do consorcio pola falta dunha silvicultura axeitada, entre outros motivos
Coa anulación do consorcio, agora traballan xa na organización das tarefas para manter produtivos estes montes. “Celebramos a anulación do consorcio como se fose unha festa, mesmo tivemos unha comida cos veciños, porque realmente estábannos impedindo xestionar o monte e facer un aproveitamento real del”, concreta. Por unha parte, dispoñen dunhas 30 hectáreas de plantacións de piñeiros e eucaliptos, que representan arredor da metade do seu monte, mentres o 30% son frondosas e o resto monte baixo. Nestes meses atópanse rematando o plan de ordenamento para poder establecer quendas de corta e volver replantar estes espazos. “Somos conscientes de que estamos a cortar o que no seu momento os nosos avós e pais plantaron e queremos seguir proporcionándolle un aproveitamento para os que veñan detrás”, explican.

Fomentar as frondosas autóctonas

Fronte ás plantacións de piñeiros e eucaliptos que predominan nos montes, dende a comunidade procuran fomentar a diversidade destes espazos da man de árbores autóctonas. “Somos conscientes de que non podemos eliminar todo o eucalipto, pero cremos que tampouco podemos seguir aumentando a superficie desta especie, polo que queremos potenciar as frondosas”, indica Soaxe. De feito, están a levar a cabo o control do eucalipto en determinadas áreas e de especies invasoras como as acacias ou a Herba da Pampa.
“Somos conscientes de que non podemos eliminar todo o eucalipto, pero tampouco podemos seguir aumentandoo”
Castiñeiros, carballos, sobreiras, nogueiras e faias conforman os bosques autóctonos da zona. Ademais, dende comezos deste ano contan tamén cunha plantación de cerdeiras autóctonas, dentro dun proxecto en colaboración co Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán (Pontevedra). “Eles buscaban un monte periurbano para probar as variedades de cerdeiras autóctonas nas que están a traballar e nós procurabamos un aproveitamento forestal de man de especies autóctonas e sabiamos que nesta zona tamén se daban ben as cerdeiras polos exemplares de gran tamaño que hai”, apunta Soaxe. Propician diferentes actividades nas que tanto mozos como maiores gocen e coiden do monte.

Involucrar ós máis novos

A comezos deste ano, plantaron arredor dunhas 70 cerdeiras autóctonas chegadas de Lourizán. Ademais, para esta repoboación, coma para outras plantacións de frondosas, contaron coa colaboración dos escolares dos dous colexios e do instituto da zona. “Traballamos cos centros educativos para involucrar ós máis novos na comunidade de montes. Decatámonos de que moitos descoñecían por completo este colectivo e a xestión que se fai do monte veciñal”, reflexiona Soaxe.
“Traballamos cos centros educativos para involucrar ós máis novos na comunidade de montes”
Na comunidade de montes tamén organizan distintas actividades cos rapaces para darlles a coñecer este espazo natural que teñen a carón da casa. “Os cativos son os futuros comuneiros e temos que transmitirlles o potencial deste monte. Ademais, o monte é unha escola viva que nos pode ensinar de tódalas materias”, reivindica Soaxe.

Prevención de lumes

Á par da cooperación coa comunidade educativa, dende o colectivo están a colaborar nun obradoiro municipal de emprego da Rúa IX, polo que xa o ano pasado contrataron a tres persoas deste programa para realizar as prácticas formativas no monte durante 3 meses. “Eles acadan unha formación e nós podemos afrontar tarefas de silvicultura no monte”, concreta. Contan con paneis explicativos sobre a vexetación e a fauna do monte. Na comunidade de montes adoitan contratar ademais 3 persoas para as tarefas de mantemento do monte, que sobre todo se centran en manter limpos os camiños. Ese é o principal destino de boa parte dos ingresos que logran, xa que están a investir de novo no monte todo o capital que produce. “O mantemento das infraestruturas e accesos está a ser o gran problema dos montes”, indica Soaxe. Ó tratarse dun monte periurbano, centran os seus esforzos en manter accesibles varias pozas de auga para poder actuar con rapidez en caso de incendio. “Hai 4 anos sufrimos ata 24 conatos de lumes no monte”, recorda o secretario da comunidade de montes. Daquela puxeron en marcha un plan de vixilancia veciñal nas épocas de maior risco, de maneira que entre 15 e 18 voluntarios participaban en paseos polo monte. “Servían como unha medida disuasoria e ó mesmo tempo eran a escusa perfecta de moita xente para ir ó monte e interactuar cos seus veciños”, comenta.
Puxeron en marcha un servizo de vixilancia veciñal do monte que permitía a moita xente ter unha escusa para ir ó monte
Na prevención dos lumes, as frondosas autóctonas estanse convertendo nunha ferramenta máis. Así, nos últimos tempos están a facer devasas con frondosas para, en caso de incendio, tentar retrasar o avance das lapas, dado o perigo que supón ó tratarse de montes periurbanos. “Vimos que as devasas sen vexetación non estaban a resultar de utilidade para frear o avance do lume, por iso quixemos probar con outras opcións”, indica. Están probando a recoller a resina nalgúns piñeirais como unha fonte máis de ingresos.

Outros beneficios do monte

Xunto co aproveitamento forestal, a comunidade está a poñer en marcha distintas iniciativas como o resinamento dos piñeiros. Outras iniciativas que barallan pasan por fomentar a produción micolóxica e para castaña dos soutos, aínda que polo momento carecen de ningunha regulación para o aproveitamento destes froitos. Na comunidade de montes veciñais teñen moi presente que “moitos dos beneficios do monte non se poden cuantificar economicamente, posto que é un espazo social, de lecer, unha fonte de saúde...”, reivindica Soaxe.

As cerdeiras galegas ‘top’ chegan ó monte

O aproveitamento forestal da cerdeira preséntase como unha alternativa máis para a rendibilidade dun monte variado. Hai máis de 20 anos que o Centro de Investigación Forestal de Lourizán comezou a dar os primeiros pasos para impulsar a produción forestal da especie en Galicia e hoxe, hai xa variedades galegas nos viveiros e constátase un interese por estas plantacións. Porén, as plantacións forestais de cerdeira son aínda escasas. “Durante moitos anos a xente viviu de costas ás frondosas autóctonas, pero hoxe hai un interese xeral porque teñan unha maior presenza no monte e porque poidan ter un rendemento”, apunta Pedro López, xefe do Distrito Forestal XIX (Caldas - O Salnés), que vén de intervir nunha xornada centrada na cerdeira para uso forestal celebrada no Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, en Pontevedra.
“Hai un interese xeral en que as frondosas autóctonas teñan maior presenza no monte”, (Pedro López, xefe do Distrito Forestal XIX)
O interese pola recuperación das frondosas autóctonas vén, en moitos casos, da man das comunidades de montes, que están a apostar por incluír novas plantacións, á marxe de piñeiro e eucalipto. Entre esas opcións, a cerdeira é unha alternativa que ofrece unha oportunidade de aproveitamento forestal e que, ademais, é viable en zonas restrinxidas a outras especies, como as proximidades ós núcleos rurais, onde piñeiros e eucaliptos non teñen cabida pola normativa de prevención de lumes. A comunidade de montes veciñais de Coiro, en Cangas (Pontevedra), é un exemplo desa aposta por contar cun monte diverso, pois acaba de realizar, a comezos deste ano, unha pequena plantación de 70 cerdeiras. Trátase de exemplares procedentes do Centro de Lourizán, que terán seguemento do Centro para estudar o resultado das diferentes variedades nun monte periurbán como o desta comunidade.
“Estamos a apostar por un monte multifuncional onde teñan cabida diferentes aproveitamentos” (Manuel Soaxe, da CMV de Coiro)
“Na comunidade de montes estamos a apostar por un monte multifuncional onde teñan cabida diferentes aproveitamentos e onde se valore a función social do monte, como lugar de ocio e entretemento, e mesmo a súa función terapéutica”, reivindica Manuel Soaxe, secretario da xunta reitora da comunidade de montes de Coiro.

Variedades adaptadas

Xunto con esta plantación de Cangas, no Centro de Investigación Forestal de Lourizán contan tamén con outras parcelas experimentais, en diferentes ubicacións e de distintos tamaños, coas que controlar a evolución e adaptación dos clons que están a desenvolver. Este traballo de investigación sobre a cerdeira para uso forestal iniciouse no centro arredor do ano 1996, logo de que empezaran a plantarse as primeiras parcelas en Galicia para fins forestais. Plantas de cerdeira obtidas en cultivo in vitro no centro de investigación forestal de Lourizán. Comezaron procurando exemplares silvestres na zona oriental de Galicia, onde había unha importante presenza desta árbore. “Cando se fixeron as primeiras plantacións en Galicia había un gran descoñecemento, non había planta autóctona e outras variedades non chegaron a adaptarse ben ou sufriron moito por distintas pragas”, comenta María Eugenia Miranda, investigadora do CIF Lourizán. A cerdeira é hoxe unha das especies prioritarias do Programa de Mellora Xenética do Plan de innovación e mellora forestal de Galicia 2010-2020. De feito, ó longo destes anos conseguiron poñer no mercado 5 clons. O primeiro, deles o Lourizán 1, foi rexistrado no Catálogo Nacioal de Material Forestal de Reprodución no 2011. “Cada vez o proceso de rexistro é máis esixente e debe incluír xa non só os estudos que demostran a calidade da árbore senón que se agarda que proporcionemos material e recomendacións para estas variedades”, detalla a investigadora.
Media ducia de viveiros galegos comercializan planta de cerdeira das variedades autóctonas xa rexistradas
As investigacións enfócanse tamén a conseguir variedades máis resistentes ós retos asociados ó cambio climático, como a seca ou as inundacións. “Estivemos a realizar probas con distintos exemplares someténdoos a situacións extremas de asolagamento e de seca para comprobar como responden ante estas condicións adversas”, explica Miranda. Así, entre as cinco variedades rexistradas, hai clons que presentan distintas adaptacións. O Lourizán 2, por exemplo, tolera mellor os encharcamentos, pero non a seca; en tanto o Lourizán 3 está máis adaptado á seca. A maioría deles presenta ademais unha baixa incidencia de enfermidades fúnxicas. En canto ao crecemento, os últimos tres clons rexistrados (Lourizán 3, 4 e 5) incrementan os crecementos e diámetros dos dous primeiros (Lourizán 1 e 2). O que mellor comportamento amosou na plantación clonal de Lourizán é o Lourizán 3, que chegou ós 18 metros en 19 anos, mantendo un crecemento sostido de case un metro anual. Xunto ós 5 clons, no centro agardan poder presentar e rexistrar nos próximos meses outras tantas variedades que amplien a oferta para os produtores. Na actualidade, media ducia de viveiros galegos comercializan planta de cerdeira destas variedades autóctonas xa rexistradas.

Cuestións a ter en conta á hora de plantar cerdeiras

Á marxe de contar con planta autóctona de calidade e adaptada ás características de Galicia, hai outros aspectos nos que os expertos fixeron fincapé ó longo da xornada para a produción de madeira de cerdeira. “Ó igual que acontece con outras frondosas, non se pode introducir cerdeira en calquera terreo porque precisan dunha serie de características e dunha silvicultura máis esixente ca outras especies”, apunta Pedro López. Así, as cerdeiras precisan de terreos cunha boa profundidade de terra e dispoñibilidade de auga. “É unha árbore moi esixente coa humidade dos solos, polo que se precisan solos que non se inunden e que conserven ben a auga no verán”, concreta Braulio Molina, enxeñeiro de montes da Asociación Forestal de Galicia. Son ademais árbores sensibles a varios fungos e insectos, o que obriga a facer un seguimento da súa evolución. Ó seu favor, a cerdeira resiste ben as baixas temperaturas e as xeadas tardías. Os expertos recomendan escoller terreos protexidos do vento e preferiblemente antigas parcelas agrícolas de solos básicos ou neutros. Este tipo de terreos e as propias características da árbore, cun crecemento vertical e unha estrutura que deixa pasar ben a luz, propicia que poida combinarse cun aproveitamento gandeiro destes espazos. “É moi importante protexer ben as árbores, con mecanismos axeitados que eviten que o animal coma a codia ou se rasque contra o tronco, así como regular a carga gandeira que pode soportar a parcela, para evitar danos que condicionen a plantación”, explica Molina. Ó mesmo tempo, ó tratarse dunha frondosa autóctona, as plantacións de cerdeiras poden funcionar a modo de devasas naturais e ofrecer unha discontinuidade nun monte repoboado, xa que presentan menos inflamabilidade que piñeiros e eucaliptos, o que pode retrasar o avance do lume. Neste senso e atendendo ós propios requirimentos da árbore, os expertos inciden en que as zonas de valgada son propicias para as plantacións das cerdeiras, así como as franxas auxiliares dos camiños, á par que se consegue unha maior protección fronte ós incendios. Mostra de traballos elaborados con madeira de cerdeira por artesáns e asociacións de Galicia.

O mercado para esta madeira, a gran incógnita

Estímase que as quendas de corta da madeira de cerdeira vai dos 30 ós 50 anos e isto é precisamente, ó igual que ocorre con outras frondosas autóctonas, un dos obstáculos para a expansión deste cultivo fronte a outras producións con ciclos máis curtos. As cerdeiras poden chegar a alcanzar unha altura de ata 35 metros e un diámetro de entre 50 e 70 centímetros que, nos casos máis destacados, acada os 120 centímetros.
O aproveitamento da madeira de cerdeira está ligado a unha produción de calidade
O aproveitamento desta madeira está ligado a unha produción de calidade, xa que é unha madeira moi apreciada para a ebanistería, así como, para a construción de instrumentos ou toneis. Na actualidade o mercado galego desta madeira é case inexistente. “Os produtores que queren dispor deste tipo de madeira teñen que optar por importala doutros países, pero si está habendo unha demanda desta madeira”, concreta o enxeñeiro de montes Braulio Molina. Saber se as plantacións de cerdeira en fase de crecemento ou as que se planten nos vindeiros anos poderán ter un oco no mercado da madeira é unha cuestión clave. Neste senso, os expertos coinciden en sinalar que “aínda que é unha especie máis arriscada ca outras de ciclo curto, todo parece indicar que vai haber oportunidades para ela, sempre que se produza madeira de calidade”.

Xornada sobre a loita contra a avespiña do castiñeiro en Lourizán

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra) acolle o próximo 22 de novembro unha xornada sobre a loita contra a avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus) en Galicia. Na sesión abordarase a situación actual da praga así como as medidas que se están a levar a cabo para afrontala por medio da loita biolóxica, con Torymus sinensis. Tamén se detallará as conclusións sobre variedades resistentes ás que está chegando o centro de investigación de Lourizán. Outro punto de interese do evento é que se coñecerá a experiencia italiana na loita biolóxica contra esta praga. A sesión contará tamén coa participación de distintos representantes do sector produtor da castaña en Galicia. A xornada celebrarase na sala de actos do centro en horario de 10.00 a 13.30 horas. Está dirixida a produtores e empresas relacionadas co sector da castaña así como a viveiros produtores de plantas, comunidades de montes e ó público en xeral. A inscrición é gratuíta pero o aforo é limitado e a matrícula farase por orde de recepción de solicitudes. O formulario de inscrición debe remitirse ó enderezo electrónico infolourizan.mr (arroba) xunta.gal. Detallamos o programa da xornada: -9.45 horas. Presentación. Enrique Martínez Chamorro. Director do CIF Lourizán (Agacal). Josefa Fernández López, xefa do Departamento de Silvicultura e Mellora do CIF – Lourizán (Agacal). -10.00 horas. A avespilla chinesa do castiñeiro (Dryocosmus Kuriphilus) en Europa. Revisión dos principais estudos científicos desenvolvidos para coñecer e combater a praga. -10.30 horas. Niveis de tolerancia á avespilla do castiñeiro nas principais variedades galegas de froito e híbridos interespecíficos. Aplicación á mellora xenética. Beatriz Míguez Soto. CIF- Lourizán (Agacal). -11.00 horas. A loita biolóxica contra a avespilla do castiñeiro en Galicia. Situación actual e plan de seguemento das soltas de Torymus sinensis. Martel Muñoz-Cobos, xefe de servizo de Saúde e Vitalidade do Monte. Planificación e Ordenación Forestal. Consellería de Medio Rural. -11.30 horas. Pausa. -12.00 horas. Descrición xeral e control biolóxico da avespilla do castiñeiro en Italia. Alberto Alma. Universidade de Turín. Italia. -12.30 horas. Táboa redonda con representación do sector produtor da castaña e da IXP castaña de Galicia. Cooperativa A Carqueixa, Cooperativa Amarelante, Asociación A Castaña, IXP Castaña de Galicia. -13.00 horas. Visita ó viveiro do CIF- Lourizán.

- Olla o cartel da xornada.

-Descarga a solicitude para a inscrición.

Xornada sobre o uso forestal da cerdeira

O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) organizan este xoves 14 de novembro unha xornada técnica sobre a cerdeira seleccionada para uso forestal. Na sesión abordaranse cuestións como as coleccións de materiais, a propagación, o crecemento en plantacións e a promoción do uso desta madeira. A xornada terá lugar no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en Pontevedra. Está destinada a novos agricultores e silvicultores, viveiros produtores de plantas, comunidades de montes veciñais en man común, propietarios forestais e ó público en xeral. A inscrición na sesión é gratuíta pero o aforo é limitado, polo que se respectará a orde de recepción de solicitudes. Os interesados deben remitir o formulario cuberto a infolourizan.mr (arroba) xunta.gal. Detallamos o programa completo da sesión: -9.30 horas. Presentación da xornada técnica. Enrique Martínez Chamorro, director do CIF Lourizán. -9.45 horas. Programa de mellora e de innovación de Galicia. Gabriel Toval, enxeñeiro de montes. -10.15 horas. A silvicultura da cerdeira como madeira de alto valor e perspectiva de mercado. Resultados do proxecto Biotector sobre bioeconomía forestal. Braulio Molina Martínez, enxeñeiro de montes da Asociación Forestal de Galicia. -10.45 horas. Descanso. -11.15 horas. Visita á plantación de cerdeira. -12.00 horas. A multifuncionalidade no monte veciñal de Coiro (Cangas). Manuel Soaxe, secretario da xunta reitora da CM de Coiro. -12.15 horas. As comunidades de montes e o uso de frondosas. Pedro López, xefe do Distrito Forestal XIX. -12.45 horas. Multifunción da rede de plantacións de cerdeira do CIF de Lourizán. Mª Eugenia Miranda Fontaíña, investigadora do CIF Lourizán. -13.15 horas. Mesa redonda con tódolos participantes.

-Consulta aquí o cartel da xornada.

-Descarga a solicitude para a inscrición.

Xornada sobre produción combinada de resina e madeira

O vindeiro 6 de novembro celebrarase no salón de actos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán unha xornada técnica de transferencia de coñecemento sobre o aproveitamento resineiro en piñeiros destinados á produción forestal.

Baixo o título A resinación en Galicia: Sistemas de resinación que compatibilicen a produción combinada de resina e madeira, diversos expertos analizarán durante toda a mañán as posibilidades desta actividade que pouco a pouco se vai abrindo paso nos montes da nosa comunidade.

Logo de explicar os distintos métodos para a resinación de piñeiros, como o tradicional de pica de cortiza e o método máis innovador de taladro basal, denominado borehole, os asistentes farán unha visita ao campo de ensaio experimental ubicado na finca do CIF de Lourizán.

As xornadas, que son abertas previa inscrición e contan cun aforo limitado de 35 prazas, van destinadas a propietarios forestais e representantes da industria madeireira, membros de comunidades de montes, mulleres e mozos agricultores e traballadores en activo ou desempregados dos sectores agrícola e forestal.

A xornada é de balde e para poder asistir é necesario anotarse cubrindo o seguinte formulario e enviándoo por correo electrónico ao enderezo Infolourizan.mr@xunta.gal. A reserva de prazas será por orde de inscrición.

PROGRAMA DA XORNADA: 

Tres factores para o éxito dunha plantación de piñeiro

Como mellorar o rendemento e a calidade das plantacións de piñeiro en Galicia?. Esa é a cuestión que buscan responder unha serie de plantacións de ensaio iniciadas no 2016 polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en colaboración coa empresa Finsa. Logo de tres anos de medicións, o equipo de investigación do Centro chegou a unhas primeiras conclusións sobre factores a ter en conta para mellorar o éxito das plantacions de coníferas, tanto de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) como de piñeiro insigne (‘Pinus radiata’). A investigadora Eva Prada expuxo os resultados que se acadaron ata o de agora nunha xornada organizada polo CIF, que incluíu unha visita a unha das plantacións experimentais de ‘Pinus pinaster’ en Frades. Outras parcelas de ensaio do proxecto ubícanse en Begonte, Dozón, Santiago e Negreira.

1) O abonado mellora ata nun 148% o crecemento da planta ós tres anos

Visita á plantación de ensaios de Frades. Os ensaios testaron 64 tratamentos de abonado NPK con distintas porcentaxes de nitróxeno, fósforo e potasio. Unha primeira conclusión é que o abonado con nitróxeno perxudica ás plantacións de piñeiro do país, pois reduce a supervivencia das plantas e non mellora o crecemento das que quedan. Canto máis nitróxeno, ademais, maior mortandade. As fertilizacións que se amosaron máis efectivas foron as que se fixeron con 0-20-20 (20 de fósforo e 20 de potasio), que obtivo o mellor resultado no segundo ano, e con 0-40-40 (40 de fósforo e 60 de potasio), que no terceiro ano se demostrou superior, ó manter importantes crecementos que xa non se lograban co 0-20-20. Ao final do terceiro ano, as plantas testigo, sen abono, acadaron unha media de 1,51 metros, en tanto que as abonadas con 0-40-60 chegaron a 2,20 metros e as fertilizadas con 0-20-20 a 2,05 metros. En piñeiro insigne, en cambio, a fertilización nitroxenada tivo un menor impacto na mortandade das plantas. Nun ensaio realizado en Dozón, os mellores tratamentos demostráronse o 20-20-40, que obtivo un crecemento de 68 centímetros por ano e un 94% de supervivencia, e o 20-40-60, que chegou a 78 centímetros ó ano, cun 81% de supervivencia. A altura acadada por este último tratamento é un 148% superior ó da planta testigo, sen abonado, que se quedou en 31 centímetros ó ano. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán continuará facendo medicións nos próximos anos para constatar a evolución dos ensaios e a duración do efecto do abonado. De cara ó futuro, os investigadores consideran que o ideal sería ter capacidade para desenvolver unha aplicación que ofreza recomendacións de abonado das plantacións en función de factores como choivas, temperaturas, ubicación e tipo de solo de parcela.

2) Preparación do solo

Xornada sobre a mellora silvícola no piñeiro. Unha segunda cuestion que se está a probar nos ensaios é o sistema de preparación do solo, ben cun aburatado manual, ben practicando un subsolado liñal, na liña de plantación, ou cruzado (na liña de plantación e perpendicular á mesma). Como era de esperar, o subsolado está a dar mellores resultados, con crementos que no terceiro ano son en torno a un 11-13% superiores ó aburatado manual. Cómpre ter en conta tamén que non hai grandes diferenzas entre o subsolado cruzado (máis custoso) e o liñal, polo que este último pode ser suficiente. A preparación dos terreos nos campos de ensaio incluíu tras o subsolado un fresado da terra para preparar a casilla de plantación, que é unha práctica que non é habitual no monte, dados os custos adicionais que representa.

3) Elección do material forestal

Os ensaios están a comparar tamén planta de etiqueta azul (material controlado), procedente dun hortosementeiro do programa de mellora xenética de Lourizán, con planta de etiqueta amarela (material identificado), sen mellora xenética. Tras tres anos de crecemento, a planta mellorada logrou en Frades unha maior ganancia de altura de entre o 18 e o 26% en comparación coas plantas identificadas. Entre as plantas identificadas, atopáronse tamén diferencias, pois as procedentes da Galicia interior funcionaron peor en Frades que as de Galicia Costa, probablemente máis adaptadas ó clima atlántico que caracteriza á zona. Os estudos sobre o material forestal abordaron polo de agora só a altitude acadada, pero é de esperar que en próximos anos se manifesten outras melloras nas plantas procedentes de mellora xenética, pois deberían ser máis rectas, obter máis volume e presentar menos nós. O material controlado de Lourizán está xa a disposición dos viveiros galegos, que están iniciando a súa comercialización, e espérase que nos próximos anos o Centro de Investigación continúe coa mellora dos piñeiros, en especial no tendente a lograr plantas resistentes ó nematodo do piñeiro, unha praga que xa afecta ó sur de Pontevedra.