Archives

Como repercutirá o acordo de Capsa e Mercadona nas granxas de leite?

Planta de Larsa en Outeiro de Rei, onde se envasa leite Hacendado para Mercadona Os produtores de leite galegos acollen con “preocupación” o feito de que Central Lechera Asturiana -propietaria de Capsa ó 80%-, comece a envasar na planta de Outeiro de Rei leite Hacendado para Mercadona. A noticia, adiantada por Campo Galego, supón un acordo estratéxico entre unha das marcas de fabricante máis vendidas en España e a principal cadea de supermercados, polo que os gandeiros temen que esta “alianza” reduza competencia na compra de leite. Organizacións agrarias e asociacións poñen o foco no feito de que Mercadona, a través de industrias subministradoras como Naturleite, Entrepinares e agora Larsa, pase a controlar unha parte importante do leite que se produce na comunidade, e lembran que tanto Central Lechera Asturiana como COVAP están a pagar menos o litro de leite en Galicia, en comparación a Asturias, Castela e León ou Andalucía . Movementos en cadea Está por ver como o acordo entre CAPSA e a empresa de Joan Roig afecta ao resto de industrias provedoras da cadea de supermercados. En Galicia tamén compra e envasa leite para Mercadona Naturleite, propiedade da cooperativa andaluza COVAP, até agora a principal subministradora da cadea xunto coa cooperativa vasca Iparlat, coa que opera ao 50% en Lactiber.
Coa suma de Central Lechera Asturiana, as principais cooperativas españolas estarían neste momento envasando leite Hacendado
Pero a planta Trobajo del Cerecedo (León) atópase por debaixo da súa capacidade produtiva polo peche de explotacións e a caída de produción láctea que se está a dar en Castela e León. Procesa neste momento uns 140 millóns de litros anuais, procedentes dunhas 50 ganderías, a metade ubicadas na provincia de León e o resto en Palencia, Zamora e Salamanca. Galicia, garantía de subministro A caída da produción de leite noutras comunidades está precisamente detrás da aterraxe nos últimos anos de empresas como CAPSA ou COVAP en Galicia, onde se atopa a despensa de leite española e onde a produción segue a medrar.
O sector considera que a caída de produción en Castela afecta á capacidade de subministro de Mercadona a través da planta que Lactiber ten en León
Na planta de Naturleite en Meira envásanse uns 110 millóns de litros anuais, insuficientes para cubrir a demanda de Mercadona, que se está a ver beneficiada polo incremento de cota de mercado da marca branca en detrimento do leite de primeiras marcas, como Central Lechera Asturiana. Ese stock de leite da súa marca emblema na fábrica de Oviedo sería o que CAPSA estaría trasladando á planta de Larsa en Outeiro de Rei para envasar nos bricks Hacendado. De solución puntual a colaboración estable Mercadona busca asegurar con este acordo o subministro de leite, para evitar situacións como as vividas en outubro de 2022, cando os liñais da cadea de supermercados en varias zonas de España quedaron baleiros de leite. COVAP recibiu entón o encargo de buscar leite como fose e mesmo Entrepinares tería desviado de xeito puntual cisternas de leite á planta de Naturleite en Meira para suplir a escaseza de bricks nos liñais. Pero todo iso foi insuficiente. Naquel momento, en plena escaseza de materia prima e suba de prezos en orixe, Mercadona chegou a un acordo con CAPSA e o leite coa marca Central Lechera Asturiana substituíu a marca Hacendado en supermercados de parte do país. A cadea propiedade de Joan Roig aludía a “faltas de subministro por parte do provedor”, en referencia a Iparlat, con planta de envasado en Santander, para xustificar aquela solución de urxencia. Pero daquela situación de necesidade puntual pásase agora a este acordo estable de subministro de leite, xa non en botellas de Central Lechera Asturiana, senón en cartóns Hacendado. Posible entendemento entre COVAP e CAPSA Dúas das principais cooperativas españolas, a andaluza COVAP e a vasco-navarra Iparlat, manteñen vínculos desde fai anos, propiciados polo feito de seren as dúas provedoras de Mercadona, unha colaboración á que se podería sumar agora tamén CLAS nunha alianza a tres.
Mercadona está a propiciar unha alianza entre as principais cooperativas lácteas españolas
De feito, ao igual que COVAP e Iparlat operan en conxunto a fábrica de León, algo semellante acontece xa a día de hoxe coa de Vidreres (Girona), neste caso entre COVAP e CAPSA. No verán de 2017 a cooperativa andaluza entrou no accionariado da planta catalana, participada por CAPSA, que envasa nela o leite que comercializa en Cataluña coa marca ATO, e onde Làctia, participada á súa vez por COVAP e a cooperativa catalana Lletera de Campllong, envasa pola súa banda o leite Hacendado para os supermercados Mercadona de Cataluña.
Un acordo tácito entre COVAP e Larsa en Galicia reduciría competencia na compra do leite
CAPSA nunca deixou de facer marca branca, por exemplo para El Corte Inglés, e Mercadona tiña xa a Central Lechera Asturiana como marca invitada nos seus supermercados, pero a decisión de converterse na súa provedora directa é un salto cualitativo importante. De Iberleche a Mercadona Trala experiencia de Iberleche, una alianza con Leche Celta e Clun para o envasado de marca de distribución que se veu abaixo pola saída da cooperativa galega e da asturiana, CAPSA decidiu cesar a competencia directa con Mercadona e convertir á cadea de supermercados en cliente.
Comeza a darse unha situación de oligopolio, onde Mercadona cada vez vai acoutando máis o mercado, valórase no sector
“Comeza a darse unha situación de oligopolio, onde Mercadona cada vez vai acoutando máis o mercado e onde cada vez quedan menos actores de importancia fóra. Na marca de distribución, Lidl vén pegando tamén moi duro e erosionando o mercado, pero quen marca o paso é Mercadona”, recoñecen fontes do sector.
José Luis Pérez Barreiro, presidente de Agromuralla

“Mercadona estase a facer co monopolio da compra, o envasado e a venda o leite en España; cada vez ten máis poder para fixar prezos en orixe”

O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, mostra a súa “preocupación” polo feito de que unha única cadea de supermercados vaia ter, na práctica, “o monopolio da compra, envasado e venda de leite en España” e sexa capaz de fixar os prezos en orixe. “Mercadona xa os está marcando, pero cada vez con máis poder”, advirte.
Todos os movementos empresariais que se fan nunca é pensando no gandeiro, tarde ou cedo repercutirá en nós
“Todas as empresas, incluída CAPSA, están para gañar cartos. Se dan este paso de servir leite a Mercadona é porque lles convén economicamente ou porque non son capaces de defender a súa marca no mercado e teñen excedente de leite. Pero todos os movementos empresariais que se fan nunca é pensando no gandeiro; tarde ou cedo repercutirá en nós”, teme o presidente de Agromuralla.
Sempre se puxo como desculpa para pagarnos menos polo leite en Galicia os custos de transporte e agora traen o leite de Asturias
O feito de que estea a vir leite en cisternas de Asturias a envasarse á planta de Larsa desmonta para José Luis “os argumentos empregados polas industrias para pagar menos o leite en Galicia”. “Sempre se nos dixo que o leite aquí valía menos polo maior custo de transporte, pero traer a envasar a Outeiro de Rei leite comprado a un prezo máis caro en Asturias contradí claramente esa desculpa porque se duplican os custos de transporte”, evidencia.
Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias

“É un cambio de estratexia de CAPSA polos malos resultados do último exercicio económico”

Para Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, a decisión de CAPSA de envasar leite de marca branca para Mercadona “cambia o discurso de valor engadido e produto diferencial que fan nas campañas de publicidade de Central Lechera Asturiana”. Segundo Unións Agrarias (UU.AA), “o cambio de estratexia vén motivado polos malos resultados do último exercicio económico”. “Central Lechera Asturiana entra a substituír con Mercadona o acordo que tiña no seu momento con Celta a través de Iberleche; buscan unha nova alianza estratéxica”, opina Roberto. “Todo parece indicar que hai algo máis detrás de que Mercadona abrira a Central Lechera Asturiana a posibilidade de envasar leite sen ser interprovedora e debería ser explicado, sobre todo se iso vai afectar aos produtores e a distorsionar o mercado”, considera.
CAPSA recolle xa máis da metade do leite en Galicia; a solución natural sería integrar como socios de Central aos gandeiros galegos
“É unha decisión dun conselleiro delegado para resolver un problema cos números na conta de resultados, pero ten pouco que ver cunha decisión estratéxica de futuro, porque se o abastecemento futuro de CAPSA vai estar en Galicia, onde xa recolle máis da metade do leite, a solución natural sería integrar aos produtores galegos como socios na cooperativa e non ternos como meros abastecedores penalizados con 5 céntimos de diferenza”, argumenta. Roberto García denuncia a “pasividade da Xunta de Galicia”, xa que “CAPSA disfruta de axudas publicas e sen embargo marxina no prezo o leite galego”. “Os cinco céntimos menos que paga en Galicia representan o 95% da marxe de beneficio das granxas”, di. “Se o graneiro do leite e a posibilidade de crecemento está aquí, non ten sentido que sexa onde menos se paga polo leite; iso a economía de mercado non o dá explicado”, asegura.
Os 5 céntimos menos que se pagan polo leite en Galicia equivalen ao 95% da marxe de beneficio das granxas
En Asturias, CAPSA mete o reparto de beneficios aos socios no prezo do leite, como un xeito de beneficiar aos socios con entregas, uns 800, fronte aos 5.000 pasivos cos que conta a cooperativa, o que supón, a xuízo de UUAA “competencia desleal en Asturias cara o resto de industrias”. Ademais, en Galicia aplica un contrato co 30% do prezo do leite baseado no valor dos produtos industriais, que non aplica en Asturias.
Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG)

“Que avance a marca branca é sempre unha mala noticia”

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, considera que o feito de que “avance” a marca branca “é sempre unha mala noticia”. “Que haxa unha porcentaxe crecente do leite que se envasa como marca branca coloca o futuro desa produción nunha situación de vulnerabilidade, porque esa cadea que hoxe decide envasar nunha industria mañá pode decidir facelo noutra”, argumenta. O SLG aposta por que haxa transformación e industria asentada en Galicia “que teña capacidade de chegar ao consumidor final con produto galego”. “O óptimo sería que o consumidor identifique con Galicia o leite que consume, pero iso non o permite a marca branca, na que non hai vínculo coa orixe nin co modelo de produción”, recoñece. Isabel aposta por produtos de maior valor engadido aínda que admite que “mellor que o leite saia en brick antes que que saia en cisterna”.
O ideal sería que a industria asentada en Galicia tivese posibilidade de chegar directamente ao consumidor con produto galego
Desde o punto de vista de CAPSA, Isabel asegura que “é malo para unha industria deixar de ter fidelizado ao cliente coa súa propia marca” e chama a atención sobre o feito de que “a estratexia histórica de Mercadona sempre foi contar con distribuidores que traballaran en exclusiva para ela, con condicións moi duras que mesmo poñen en risco a rendibilidade do proxecto da empresa subministradora”.
A estratexia de Mercadona sempre foi impoñer condicións moi duras aos seus provedores
Para o SLG, ademais, é “preocupante” que se concentre “cada vez máis” a distribución do leite en menos operadores. “O sector convértese en máis dependente das decisións que tome ese grande operador, que neste caso ten unha posición de dominio do mercado”, advirte en relación a Mercadona.

Capsa adquire a totalidade do capital da queixería Lácteas Flor de Burgos

Capsa Food asinou o contrato de compra do 50 % restante da Sociedade Lácteas Flor de Burgos SL á sociedade Lactain Holding Group SL. En 2020, a compañía xa adquirira o outro 50 %. Con esta operación, a entidade láctea superará os 1.000 millóns de euros de facturación no próximo exercicio e os 1.200 empregados. Deste xeito, a firma asturiana incorpora ao grupo esta nova factoría situada en Burgos (Castela e León), que se suma ao seis centros de produción que ten distribuídos no ámbito xeográfico español (Asturias, Galicia -Larsa-, Madrid e Cataluña, esta última en participación compartida con outros socios). Lácteas Flor de Burgos pechará este exercicio cunha facturación próxima aos 100 millóns de euros, consolidando o crecemento que presentou nos anos anteriores. Trátase dunha empresa cunha longa tradición queixeira, que leva máis de catro xeracións familiares ofrecendo gran variedade de produtos lácteos, sendo o seu buque insignia o queixo fresco de Burgos. Actualmente, a compañía ofrece gran cantidade de referencias que van desde os queixos frescos en múltiples formatos, ata os untables, iogures, quark, italianos, raiados etc. Capsa Food continuará apoiando este proxecto e as súas marcas, para potenciar o seu crecemento a nivel nacional e internacional, a través dunha xestión que estará aliñada á estratexia do grupo de empresas. O seu obxectivo é continuar incrementando o seu valor e fortaleza no mercado para dar cumprimento ao seu propósito de dar futuro aos seus socios gandeiros. José Armando Tellado, CEO de Capsa Food, destaca que se materializou "un proceso que iniciamos no ano 2020 e que pretende reforzar a nosa posición de liderado no sector lácteo español, redobrando o noso esforzo para fortalecer a nosa presenza no mercado queixeiro". Engade que esta adquisición os "motiva e ilusiona" a continuar traballando no compromiso adquirido cos seus clientes e consumidores para seguir ofrecéndolles os mellores produtos e o mellor servizo.

Central Lechera Asturiana súmase tamén ás bebidas vexetais

Central Lechera Asturiana lanza Vegetánea, a nova gama de produtos 100% vexetais composta por catro referencias para o mercado gran consumo; soia, avea, améndoa, arroz e dúas referencias para o mercado de hostalaría: soia e avea. Desde a cooperativa asturiana destacan que "todos os produtos son elaborados en España a partir de ingredientes naturais e sen azucres engadidos. Ademais, dispoñen dunha lista curta de ingredientes sen E-s artificiais. Tamén nos seus envases conteñen o selo V-Label, o que os fai aptos para calquera tipo de dieta". No que se refire ao prezo, o brik de bebida de soia terá un prezo aproximado aos 1,24 euros. A bebida de avea 1,59 euros, mesmo prezo de referencia ao que se poderá atopar a bebida de arroz, mentres que a bebida de améndoa estará na contorna dos 1,74 euros. Central Lechera Asturiana anuncia que "ao longo deste ano Vegetánea irase desenvolvendo e crecendo co obxectivo de incorporan novas referencias que complementen a oferta desta gama de produtos".  

Gandería Casa Manolón SC, mellores instalacións en busca de maior confort para o gando

Con 260 vacas en muxido e obrigada a comprar a maior parte da alimentación para o gando por falta de superficie, Gandería Casa Manolón SC notou de cheo o encarecemento dos custos de produción. Falamos con Emilio González sobre como afrontan o futuro nas actuais circunstancias e sobre a situación do sector en Asturias. Emilio é un gandeiro vocacional que soubo dimensionar a pequena gandería familiar ata convertela nunha das máis grandes de Tineo. “No ano 1999 cando acabei os estudos de FP da rama agraria decidín quedarme na casa coa miña nai e o meu avó, que eran os que estaban á fronte da gandería. Tiñamos 18 vacas de leite na corte que había debaixo da casa”, conta. “Entón decidín facer a primeira nave para 60 en muxido e comprei vacas para enchela. No 2006 fixemos xa unha ampliación e subimos a 120 e en 2013 fixemos outra nave máis. Medramos moi rápido e estamos a muxir agora mesmo unhas 260 vacas”, engade. Ampliar en tempos de crise A actual situación de falta de rendibilidade das ganderías lácteas frea en moitos casos investimentos e obras de mellora necesarias ante as dificultades evidentes para poder sufragalas con marxes negativas na venda de leite. É unha situación que mantén estancado ao sector, á espera da evolución e as perspectivas para o próximo ano.
Queremos ter bos animais e que sexan duradeiros e para iso deben ter o máximo cow confort
Pero Casa Manolón SC non se deixou asustar pola situación actual. Este mesmo verán acaban de construír unha nave nova para albergar ás vacas secas e a unha parte da recría e que lles permitirá tamén poder asumir os picos de produción habituais, que se producen debido á acumulación dun maior número de partos en determinadas épocas do ano
Os picos de produción obrígaos a muxir máis animais en determinadas épocas do ano
“A intención non é muxir moitas máis vacas das que estamos a muxir hoxe, unhas 260. Non estamos obsesionados con muxir máis animais, senón con sacar máis rendemento aos que temos”, asegura Emilio. Por iso, di, “decidimos pegar un salto de calidade no gando, apostando un pouco máis pola xenética a base de seme sexado, o que nos fixo crecer un pouco máis da conta”, recoñece. Aposta polo seme sexado e a xenómica Casa Manolón empezou a poñer seme sexado en xovencas hai 10 anos, pero a súa utilización era máis esporádica. Con todo, nos últimos 3 anos xeneralizaron o seu uso tanto en xovencas como nas mellores vacas do establo. “Actualmente o sexado deu un salto de calidade en canto a fertilidade, e hoxe en día é unha boa solución para garantir recría suficiente e avanzar máis rápido na mellora xenética do rabaño”, afirma.
A nosa taxa de substitución é do 30%, iso cubrímolo con sexado e ao resto poñémoslle carne para rendibilizar mellor os tenreiros
Ata o de agora Casa Manolón regulaba o seu excedente de recría mediante a venda dalgunhas xovencas a outras ganderías pero “o problema do mercado das xovencas é que custa moito crialas e usas seme caro pero moitas veces esas cousas non son despois valoradas”, lamenta Emilio, polo que prefire optar pola produción cárnica. Cruces cárnicos de wagyu A utilización xeneralizada de seme sexado, combinado coa realización de probas xenómicas para detectar aqueles animais con maior potencial, permitiu a esta explotación asturiana revalorizar a venda de tenreiros mediante a inseminación con cruces cárnicos naquelas vacas de menor nivel xenético. “Temos un acordo con Campoastur para poñer wagyu. Deixamos de poñer azul belga e imos empezar a inseminar con esta raza xaponesa. Eles vannos a levar todos os tenreiros, tanto machos como femias”, explican.
Deixamos de poñer azul belga porque os partos complícanse e as vacas baixan á produción de leite
Unha das vantaxes do cambio de raza é a maior facilidade de parto. “Os cruces con azul belga en vacas frisoas teñen varios problemas: o primeiro é que moitas veces os partos son difíciles e complícanse e o segundo é que hai estudos contrastados que din que as vacas inseminadas con belga minguan a produción de leite. En cambio, os tenreiros cruzados de wagyu son moito máis pequenos e non dan eses problemas”, argumenta. Desconxestionar as instalacións A produción media do rabaño de Casa Manolón SC oscila ao longo do ano entre os 37 e os 40 litros por vaca. “Depende un pouco dos días abertos, que nos adoitan cadrar máis no verán, onde a maiores hai unha baixada de produción pola calor”, recoñece.
A produción media oscila entre 37 e 40 litros ao longo do ano, cun 3,70% de graxa e un 3,40% de proteína
Na primavera e inverno son as épocas nas que alcanzan mellores niveis de produción, que esperan mellorar tamén co traslado dunha parte do gando á nave nova. “Temos moita concentración de animais actualmente no establo de produción e ao desconxestionalo esperamos que a produción aumente”, indica. O ano que vén “ou cando se poida, tal como se están poñendo as cousas”, matiza Emilio, pretenden reformar tamén a parte máis antiga da nave de produción, construída en 1999 e ampliada en 2006, para aumentar o tamaño dos cubículos, en busca dunha maior comodidade para as vacas.
Hai que facer os cubículos en función das vacas que tes; é coma se fas un garaxe para un Clío e metes un Q5
Na nave nova puxeron cubículos flexibles e serán un test que lles sirva para decidir se os poñen tamén nesoutra parte que pretenden reformar, avanza. “Ao principio iamos poñer cubículos de ferro, que valían antes do verán a 90€ a unidade, pero de súpeto subiron a 150€ e puxéronse ao mesmo prezo que os de plástico, por iso os puxemos. Así sérvennos tamén a modo de proba e o ano que vén cando reformemos os cubículos da outra nave xa saberemos como funcionan e se vale a pena poñelos ou non”, argumenta. Ventilación e claridade Na construción da nova nave puxeron tamén moita énfase na ventilación. “As vacas senten moito a calor e no verán notamos caída de produción e de fertilidade. Por iso gústanos incidir na ventilación. Arturo, de Cimpro, que foi quen deseñou a nave, aconsellounos facer a nave máis alta que a xa existente, índonos á altura máxima que puidemos, de 6 metros nos laterais, e introducir unha apertura de 1 metro no teito cunha pendente do tellado do 15% para incentivar o efecto cheminea”, destaca.
As vacas senten bastante a calor e no verán notamos caída de produción e de fertilidade
A amplitude dos cubículos é outro dos factores destacados. Teñen 1,30 metros de centro a centro e 3 metros de longo por vaca. “Queriamos meter a máxima comodidade posible para poder ter vacas duradeiras independentemente do tamaño do animal. A min gústanme as vacas grandes, creo que comen máis e producen tamén máis. E para poder telas o que hai que facer é deseñar os cubículos acordes ás vacas que tes. É coma se fas un garaxe para un Renault Clío e queres meter un Audi Q5, podes metelo, pero vas rozalo por todos os lados; pois aquí é o mesmo”, compara. Recriar na propia explotación A nova nave de Casa Manolón está dividida en varias partes. Unha delas será destinada a recría. Por falta de espazo esta gandería asturiana envía desde hai dous anos ás súas tenreiras con 2 ou 3 semanas de vida ao Rancho Las Nieves, en Zaragoza, do que regresan 2 meses antes de parir. Pero a intención a partir de agora é recriar o 50% dos animais na propia granxa e manter o outro 50% externalizado como ata o de agora. “Queremos empezar a recriar máis nós aquí. A idea é mandar 80 tenreiras ao ano ao Rancho e facer outras tantas nós aquí”, explica Emilio.
Non me gusta apuralas, gústame que as xovencas cheguen ao parto ben desenvolvidas
As tenreiras que non viaxan a Zaragoza son destetadas con 3 meses e inseminadas aos 14 ou 15 meses. “Estivemos inseminando un pouco antes, con 13, pero a min non me gusta apuralas tanto, gústame que cheguen ao parto ben desenvolvidas”, indica. Zona de preparto en cama quente Outra parte do novo establo está destinada ás vacas secas, cunha área de cubículos na teñen previsto usar compost procedente da planta de Navia e outra zona de cama quente de palla para o lote de preparto, ao que os animais pasan 15 días antes de parir.
Nas vacas secas usarán compost procedente da planta de biogás de Navia, onde van empezar a enviar o xurro para o seu tratamento
Nos cubículos da zona de produción usan carbonato con serrín, debido a que van empezar a enviar o xurro producido na explotación á planta de biogás de Navia, xestionada na actualidade por Central Lechera Asturiana, e onde non está permitido o uso de area nos cubículos. “Nós aquí temos pouca superficie e non temos terras suficientes para botar todo o xurro que xeramos. Agora o que facemos é abonar as nosas fincas e o que nos sobra vén buscalo algún veciño que ten gando de carne. Só 50 hectáreas de superficie Casa Manolón foi gañando tamaño nos últimos anos, pero o aumento no número de cabezas non foi acompañado dun incremento similar da superficie agraria para produción de forraxes, polo que se ve obrigada a comprar gran parte dos insumos cos que alimentar ás súas vacas.
Cubrimos só o 30% das nosas necesidades con forraxes cultivadas por nós, o resto é comprado, o que nos disparou os custos de alimentación
“Aquí nós temos que compralo case todo. Sementamos unhas 20 hectáreas a millo e o resto, unhas 30, está a pasto permanente. Con iso cubrimos ao redor do 30% das nosas necesidades de alimentación e o resto é todo comprado”, recoñece. “Eu necesitaría sementar 60 hectáreas de millo para as vacas que teño pero para poder facerme con 60 hectáreas válidas tería que xuntar a superficie aproveitable de tres parroquias porque nin co que hai nesta e a do lado chegaría a esa superficie. Terreo agrícola aproveitable aquí hai moi pouco. As leiras son moi pequenas, moi pendentes e malas de traballar, para cultivos de millo non se adapta”, explica. Compra de 1.200 toneladas de millo para silo Este ano compraron un millón douscentos mil quilos de millo forraxeiro para ensilar, a metade procedente da zona asturiana de Otur e a outra metade de León. Desta forma os custos de alimentación son máis caros. “Aquí cústanos máis producir un litro de leite que noutras zonas e notamos moitísimo a escalada de prezos das materias primas”, admite.
Cunha subida de 20€ en tonelada, tiveron que gastarse 24.000 euros máis na ensilaxe do millo
O traballo agrario adoitan encargalo a empresas de servizo. “Podemos facer algún traballo puntual, pero non é habitual, nós centrámonos no gando. Coa alimentación e o muxido xa se che leva boa parte do día”, indica.
A gandería é atendida por 5 persoas: Emilio, a súa muller Mónica e tres empregados
Muxen nunha sala de 2x9 puntos en forma de espiña de peixe. Fano dúas veces ao día, ás sete da mañá e ás sete da tarde, e cada muxido lévalles tres horas e media, aínda que están a barallar pasarse a tres muxiduras diarias. “É unha decisión difícil, porque é un tema complicado en canto ás quendas de traballo e se se fai hai que facelo moi ben”, di. Dispoñen de carro mesturador propio, que acaban de renovar, incorporando un autopropulsado, o que lles facilita a elaboración das distintas racións. “Ás de leite agora facémoslles dúas veces ao día e temos tamén un arrimador automático de GEA, son dúas cousas que notamos cun aumento na produción, motivado por un maior consumo e inxesta por parte das vacas”, explica.
A min gústanme as vacas grandes, creo que comen máis e producen máis
Os animais en produción están a comer nestes momentos 22 quilos de silo de millo, 4 quilos de silo de raigrás, 3 quilos de alfalfa ensilada, 3,5 quilos de alfalfa en rama e 14,5 quilos de concentrado, elaborado a base dun núcleo que lles serve ASA e fariña de millo.

 “O prezo actual do leite é insuficiente para os custos que temos”

Casa Manolón SC entrega a súa produción de leite a Central Lechera Asturiana, que anunciou unha revalorización do prezo pagado aos seus gandeiros socios en Asturias, pero aínda así Emilio asegura que o actual incremento desorbitado dos custos de produción segue poñendo en xaque o futuro de moitas granxas. “O prezo actual do leite é insuficiente para os custos que temos. O leite tería que incrementar aínda máis o seu prezo porque senón é moi difícil aguantar. E aquí non hai outra cousa, o día que desaparezan as vacas hai que coller as maletas e marchar”, sentenza Emilio.
Aquí non hai outra cousa a que dedicarse, ou o leite ten un valor que nos permita seguir producindo leite ou teremos que coller as maletas
Por iso, di, “a min dóeme que o leite non teña un valor que che permita vivir dignamente, porque con iso estás a dar vida a estas zonas, e sen embargo, tanto o leite como a carne son produtos banalizados”, quéixase. Encarecemento de materias primas e materiais “Notamos moitísimo o incremento de prezos das materias primas, unha barbaridade. O custo de alimentación por vaca está hoxe en 7,25€/día, iso só de comida, sen contar todos os demais gastos”, detalla Emilio, que prevé que a situación empeore no principio do ano.
O custo de alimentación por vaca sitúase nestes momentos en 7,25€/día e prevese que siga subindo en xaneiro
Pero a maiores dos custos de alimentación do gando, outros gastos como o combustible ou a factura eléctrica tamén aumentaron. Do mesmo xeito que o custo dos materiais, que encarece notablemente as obras de mellora no establo.
O peor é a incerteza, porque non sabes o que vai pasar en 3 ou 6 meses
“Pechamos a contratación da nave nova en febreiro. Nese momento xa empezaban a subir os materiais, pero despois disparouse todo. Entre a cuberta de panel sándwich e a estrutura metálica da nave hoxe serían uns 60.000 euros máis. Se esta situación me colle hai un ano seguramente non a fixese”, admite. Traballan habitualmente con empresas galegas A encamadora, que colocan na pala telescópica, é de Corbar Maquinaria, de Sarria Emilio confiou a montaxe da nave, construída con estrutura metálica, a Comeg, a empresa de Monforte de Lemos, da que destaca a súa profesionalidade. Casa Manolón recurre tamén a empresas galegas para comprar maquinaria, como é o caso da encamadora, comprada a Corbar, de Sarria.
O sector non evolucionou en Asturias como o fixo en Galicia; ter un mellor prezo de leite fixo que non nos esforzásemos en mellorar
A falta de empresas especializadas en Asturias, considera Emilio, débese á falta de desenvolvemento do sector produtor nos últimos anos, contrariamente ao que ocorreu en Galicia, asegura. “Eu vexo que a produción de leite en Asturias non evolucionou como o fixo noutras zonas e o sector quedouse un pouco atrasado. Ter un mellor prezo fixo que os gandeiros non nos esforzásemos en mellorar para ser máis eficientes porque os números daban, pero en Galicia, por exemplo, as ganderías tiveron que aumentar o seu volume de produción e a súa eficiencia produtiva porque as súas marxes eran menores”, razoa.
Hai unha burocracia tremenda que te machuca á hora de tramitar calquera permiso
Outro hándicap á hora de facer obras de ampliación e mellora das instalacións, este seguramente compartido a ambos os dous lados do río Eo, son as autorizacións e a lentitude na tramitación por parte das Administracións públicas. “Cumprir a lei si, iso está ben, pero hai unha burocracia tremenda que te machuca, é desesperante, máis dun ano de permisos. Din que hai que dar vida aos pobos, pois que faciliten as cousas aos que quedamos, polo menos que non che poñan pedras no camiño. Empecei no 2016 a facer o estudo ambiental para esta última ampliación e veume aprobado hai tan só dous meses”, relata.

“Eu nunca pensei medrar tanto en tan pouco tempo. Isto con holstein sería imposible”

Lorenzo, Genma, Sergio e Iván na nave de produción da gandería xunto ás súas vacas Procross Lorenzo Fernández García leva toda unha vida muxindo vacas. "Empezamos a muller e eu no ano 1986 con 2 vacas", conta. El xa se xubilou, pero Genma Rodríguez Pérez segue en activo. Hoxe a granxa ten 300 cabezas totais, unhas instalacións modernas e o relevo xeracional asegurado. Sergio e Iván, os dous fillos do matrimonio, decidiron continuar coa gandería. Contar cun tipo de gando máis rendible foi clave na súa decisión. No ano 2016 Gandería Milhombres decidiu apostar polos cruzamientos e aquela decisión foi un revulsivo na granxa. "Eu nunca pensei medrar tanto en tan pouco tempo. Isto con holstein sería imposible", afirma Lorenzo.
O día que vexa saír á última frisoa pola porta serei o gandeiro máis feliz do mundo
Con décadas de experiencia producindo leite, Lorenzo destaca a facilidade de manexo do gando procross. "Vaca frisoa que pare, vaca que hai que operar ou que non se levanta. Coas procross nada disto pasa. Paren soas e non dan ningún problema. Só mandamos dúas desde que empezamos con elas. Non hai cor, así é doado medrar. Só nos quedan 14 holstein puras, pero teño ganas de despedilas a todas. O día que vexa saír á última frisoa pola porta serei o gandeiro máis feliz do mundo", remarca. Animais trihíbridos Becerras Procross de terceiro cruce, tras completar a rotación entre frisón, montbeliard e rojo sueco En 2016, cansado da fraxilidade das súas vacas e tras visitar outras ganderías que levaban tempo apostando polos cruzamentos, Lorenzo decidiu incorporar á súa cabana de gando as primeiras xovencas cruzadas. "Compramos en Huesca e en Portugal e empezamos tamén a inseminar as nosas vacas con rojo sueco e montbeliard. Completamos xa o ciclo de rotación e estamos empezando a poñer xa outra vez frisón", detalla.
As primeiras xovencas cruzadas que compraron procedían de Huesca, dunha gandería con 600 vacas procross en produción, Explotacións Ganabar SL, situada en Sangarrén
"De todos os cruzamentos, co que máis contento estou é co terceiro cruzamento, o de montbeliard con vermello sueco. Cada raza achega os seus aspectos positivos e o resultado final vese ao completar a rotación. Aquí hai primeirizas de roja sueca con 62 litros", conta. Seme sexado e cruces cárnicos Machos de raza Inra, un cruce cárnico que aplican ás vacas de máis de dous partos grazas ao excedente de recría Gandería Milhombres insemina todas as súas xovencas con seme sexado. "Eu non regateo no prezo do seme, quero touros bos", indica. Ata o de agora usaban toda a recría que xeraban para medrar en número de cabezas, pero neste momento xa completaron a capacidade das instalacións e a menor taxa de reemprazo necesaria do gando procross fai que lles sobren becerras.
Eu non regateo no prezo do seme, quero touros bos
Por iso, nas vacas de segundo parto usan seme convencional no canto de sexado e a partir do terceiro parto inseminan con cruces cárnicos. "Poñemos Inra porque non temos sitio para recriar tanto, pero se tivese espazo para recriar tenreiras procross non poñería Inra, porque neste momento hai moita venda de tenreiras cruzadas e déixanme máis diñeiro", indica. Nave alugada para a recría As xovencas dispoñen dun establo, alugado a unha gandería próxima, cun patio ao que poden saír O rápido crecemento en número de cabezas e a mellora na fertilidade que tamén lles achegaron os cruzamentos, fixeron que as instalacións dedicadas á recría quedasen pequenas en pouco tempo. Por iso alugaron o establo a unha gandería veciña que pechara e abandonara a actividade para albergar ás xovencas.
Aquí no pobo só quedamos dúas ganderías en activo
"As tenreiras cando nacen témolas aquí, no establo vello, e ao cumprir os 7 meses levámolas para a nave que temos alugada, onde as inseminamos e completamos a recría. Volven para aquí próximas ao parto", explica Lorenzo. Nestas instalacións alugadas á gandería Bígaro cábenlles 50 animais. Inseminacións programadas Inseminan ás xatas cruzadas con seme sexado entre os 13 e os 14 meses Ademais do establo, as xovencas dispoñen dun anaco grande de terreo para saíren e entraren cando queren, pero aínda así a capacidade dispoñible está habitualmente ao completo. "Se botásemos seme sexado a todo necesitariamos o pobo enteiro", bromea Lorenzo en relación á fertilidade procross.
O veterinario aquí vén pouco, só a facer reprodutivo, porque con este gando non temos enfermidades nin problemas metabólicos
Tamén destaca o maior crecemento das tenreiras cruzadas, que alcanzan antes a condición corporal necesaria para a súa primeira inseminación. "Nós aos 13 ou 14 meses inseminamos. Pero non o facemos nós, senón que veñen veterinarios, así que facemos todo con reprodución programada e con moi bo resultado", conta. Novas instalacións para vacas en produción A nave de produción, construída fai 7 anos para 200 animais, destaca pola súa altura, ventilación e claridade Hai 7 anos Gandería Milhombres optou por construír un establo novo para poder seguir medrando. Tiñamos 90 vacas en muxido pero traballabamos moi incómodo. Nese momento incorporáronse os dous fillos do matrimonio, Sergio e Iván, aínda que o incremento da rendibilidade que lles supuxo a aposta polo gando cruzado foi un factor determinante na súa decisión.
A explotación ten o relevo asegurado. O aumento de rendibilidade tras pasarse aos cruzamientos foi un factor determinante que animou aos fillos do matrimonio para quedar na granxa
"Dígoo de corazón, se eu teño que volver ás frisoas pecho", di Iván. Animado polo aumento de rendibilidade da granxa optou xunto ao seu irmán por modernizar tamén a sala de muxido. "Era terceiromundista onde muxiamos; desde que viñemos para aquí non volveu haber outra mamite", afirma. Sala no canto de robots Sergio e Iván decantáronse por unha nova sala de 2x12 puntos no canto de instalar os robots de muxido para os que fora deseñada na nave construída en 2014. "O establo está preparado para poñer os robots, pero os fillos non queren saber nada de robots, prefiren sala. Agora nesa zona que quedou reservada para os robots imos ampliar a cornadiza e facer 14 cubículos máis", explica Genma.
Se unha explotación non vive con 200 vacas tampouco vive con 500
É esa, por agora, a capacidade máxima que prevén alcalzar, unhas 210 vacas en muxido, porque opina Lorenzo, "se unha explotación non vive con 200 vacas tampouco vive con 500". Sergio e Iván ven sen embargo nos robots un factor limitante á hora de seguir crecendo. "Agora mesmo, coa sala nova que puxemos, pódense muxir tranquilamente 250 vacas, mentres que cos robots, se quixesemos crecer, cantos robots necesitariamos poñer? Ademais de que os mantementos e reparacións son moito máis caras", afirman. Socios fundadores de Central Lechera Asturiana Imaxe do tanque vertical, instalado por Central Lechera ao carón do edificio da nova sala de muxido A maiores da nova sala, posta en funcionamento fai só un par de meses, a explotación incorporou un tanque vertical de leite da marca GEA. Instaloullo, sen custo algún para a gandería, Central Leiteira Asturiana, á que pertencen como socios fundadores, para poder así acoller o incremento de produción da granxa.
Se cobrasen en Galicia o leite coma nós, as ganderías duplicarían produción
Están a cobrar o leite a un prezo final de 39 céntimos. "Se cobrasen en Galicia coma nós, as ganderías duplicarían produción", di Lorenzo. Situada no occidente asturiano, Gandería Milhombres ten moita relación con Galicia. "Compramos moitas cousas en Galicia, como a maquinaria e moitas subministracións. O sector lácteo está a modernizarse máis en Galicia que en Asturias e hai máis oferta", destaca. O 50% do establo son xovencas Xovenca procross recén parida con 24 meses co seu xato cruzado de rojo sueco con frisón con factor pasiego A produción media por vaca sitúase nesta explotación en 35 litros a dúas muxiduras, cun 3,67% de graxa e un 3,43% de proteína. "Baixamos algo á graxa porque estamos muxindo neste momento moitas primeirizas, o 50% do que muximos son xovencas", explican.
As vacas cruzadas teñen máis corpo e aguantan mellor a condición corporal; cando haxa que mandalas ao matadoiro deixarán o triplo que as frisoas
Con todo, esperan recuperar os niveis de graxa e proteína grazas á maior achega de sólidos do gando procross, do que destacan tamén o seu mellor mantemento da condición corporal ao longo da lactación. "Estas vacas teñen máis corpo que as frisoas e aguantan máis tanto a produción de leite como a súa condición corporal. Esa é tamén outra vantaxe, xa que cando haxa que mandalas ao matadoiro deixarán o triplo que as frisoas", destaca Lorenzo. Relevo asegurado Sergio e Iván preferiron instalar sala de muxido, malia que o establo fora deseñado para robots Insiste tamén na menor incidencia de problemas de patas na granxa co gando cruzado. "Coxeiras nas procross, por exemplo, non hai ningunha, non hai comparación, aínda que esta tempada co formigón acabado de botar e o raiado dos corredores tivemos algún caso", recoñece. Ao saír da sala de muxido, as vacas pasan por un baño de patas, aínda que os casos de dermatites son practicamente nulos.
Cambiaron os cubículos de area por camas de colchoneta e van instalar unha amamantadora
Entre os cambios que fixeron recentemente atópase tamén a substitución da area dos cubículos por camas de colchoneta. "Tiñamos area, pero non nos convencía porque para o pozo é malo, así que decidimos poñer colchonetas. Pero para poder poñelas tivemos que suplementar os cubículos", detallan. As próximas melloras serán a substitución do sistema de automatización da arrobadeira e a instalación dunha amamantadora para alixeirar o traballo de alimentación das tenreiras. O aumento de rendibilidade da granxa e o feito de que haxa relevo asegurado na explotación animan a facer este tipo de investimentos en mellora e modernización das instalacións. Acabar cos prexuízos Vacas procross na sala de muxido 2x12 da marca GEA instalada hai dous meses nesta gandería de Navia Tras 40 anos producindo leite, Lorenzo anima tamén a outros gandeiros a "abrir os ollos" e non aferrarse a prexuízos sobre outras razas diferentes á holstein. "Cando empecei a facer os cruces nas miñas vacas algún gandeiro dicíame que estaba tolo, pero agora ven as xovencas e convéncense", di.
A min nunca me gustou que me mandasen; por iso me fixen gandeiro
O mesmo pide que fagan as asociacións de frisoa e de control leiteiro. "Nós estabamos en Ascol, o control leiteiro de Asturias, pero cando empezamos coas procross botáronnos porque non eran frisoas puras. Agora deixábannos entrar outra vez, pero xa non queremos. A min nunca me gustou que me mandasen; por iso me fixen gandeiro", afirma.

50 hectáreas a millo en terreos a nivel do mar e con producións de até 70.000 quilos

Parque de maquinaria de Gandería Milhombres, que inclúe dúas colleitadoras e carro mesturador Gandería Milhombres está situada no Aspra, na parroquia de Andés, a só 3 quilómetros do centro urbano de Navia e a menos dun da praia do Moro. Por iso, a competencia urbanística encarece o prezo da terra na zona. "Aquí estanse vendendo moitas leiras para facer chalés, iso sobe o prezo e é competencia para nós. Estanse chegando a pagar 500 e 600 euros por hectárea, aínda que nós temos rendas antigas e pola finca que máis pagamos son 300 euros por hectárea", indican.
Nós aquí podemos producir barato porque sacamos boa colleita de millo
Traballan unhas 80 hectáreas totais, das que sementan a millo 50. "Aquí é moi bo terreo e estamos a nivel do mar, así que, se chove algo, para sacar 70.000 quilos por hectárea non hai que matarse moito", destacan. As súas fincas están a nivel do mar e estas altas producións de forraxe permítenlles abaratar custos. "Nós aquí si que podemos producir barato, porque sacamos boa colleita de millo e iso permítenos aforrar en concentrados e mitigar a carestía do penso", razoan. Traballo agrario A ración das vacas inclúe silo de millo, silo de herba e penso. Comen máis de 50 quilos diarios A explotación é practicamente autosuficiente en maquinaria, cun parque amplo que inclúe dúas colleitadoras ou un carro mesturador que acaban de renovar. "Menos segar e aplicar herbicida ao millo, o resto facémolo todo nós, incluída a sementeira e a ensilaxe", explican.
Eu penso que as vacas e as tenreiras teñen que comer a discreción; eu para que pasen fame non as teño
A ración diaria das vacas en produción inclúe 25 quilos de silo de millo, 18 de silo de herba e 12 quilos de concentrado máis corrector. Para as xovencas fan outro carro todas as mañás con silo de millo, silo de herba, palla e penso. Non escatiman en cantidades, pois prefiren unha alimentación abundante. "As nosas vacas comen 50 e pico quilos de ración ao día. Eu penso que as vacas e as tenreiras teñen que comer a discreción; eu para que pasen fame non as teño", afirma Lorenzo.
  • Reportaxe elaborada por Campo Galego coa colaboración comercial de Global Genetics

“Os gandeiros de Central Lechera Asturiana agora cobramos máis, pero investimos moito diñeiro na nosa industria láctea”

O pasado día dous de xullo a asemblea de Central Lechera Asturiana-SAT elixiu ao gandeiro Alberto Álvarez Rodríguez como novo presidente para os próximos 6 anos. A súa elección foi practicamente por unanimidade -90 votos a favor de 92 compromisarios asistentes- para pilotar unha sociedade formada por unhas 1.100 gandarías de vacún de leite de Asturias que son propietarios de Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA), a maior cooperativa láctea española, propiedade de marcas de leite como “Central Lechera Asturiana”, “Larsa”, “ATO” ou a queixería recentemente adquirida “Flor de Burgos”. Falamos con este enxeñeiro de montes de formación e gandeiro de profesión sobre o presente e o futuro desta SAT cuxos orixes se remontan ao ano 1967, cando un grupo de gandeiros asturianos uníronse para comercializar e darlle valor ao leite. Hoxe logran os mellores prezos en orixe de España para as súas explotacións socias, pero non sempre foi así... -Acabas de ser elixido fai escasas dúas semanas novo presidente de Central Lechera Asturiana SAT, Como asumes esta responsabilidade? Asumo este mandato cunha gran responsabilidade, polo gran compromiso que representa tanto para os socios como para o conxunto da sociedade. E como non, con moita ilusión e ganas de traballar. -Como é a Central Lechera Asturiana SAT que recibes: número de gandarías socias, distribución xeográfica, facturación..? A SAT é unha sociedade con máis de 50 anos de historia. Actualmente temos unha estrutura societaria de socios activos e que xa non manteñen a actividade agrogandeira pero que seguen vinculadas á SAT que suma un total duns 7000 socios. En canto a volumes de facturación estamos nun modelo de integración vertical no que está integrada Corporación Alimentaria Peñasanta Sociedad Anónima (CAPSA), que é o noso motor industrial e comercial e que sen dúbida contribúe á posta en valor da nosa marca “Central Lechera Asturiana”. En conxunto, en SAT Central Lechera Asturiana alcanzamos un volume de facturación no ano 2019 da orde de 720 millóns de euros.
“Ao redor da metade do leite que procesa CAPSA procede de gandarías socias de Central Lechera Asturiana”
Por outra banda, o grupo CAPSA procesa anualmente uns 900 millóns de litros de leite, procedente tanto de gandarías socias de Central Lechera Asturiana SAT, como doutras granxas non socias que abastecen do leite que nós non podemos producir. -Compatibilizas a presidencia con outras responsabilidades como conselleiro do Consello de Administración de CAPSA, o brazo industrial de Central Lechera Asturiana, e coa túa propia gandaría, La Soledad SC, en Santullano de Tineo Como é a túa explotación? Son socio da gandaría familiar desde o ano 1998, despois de finalizar os estudos de Enxeñaría de Montes no Campus de Lugo. Trátase dunha granxa familiar, cunha produción duns 600.000 litros ao ano, e na que colabora tanto a miña muller como a miña nai e que está situada nuns dos municipios con máis produción de leite de Asturias como é o de Tineo. -Cales son os retos asumes para a túa presidencia durante os próximos 6 anos? O obxectivo segue sendo dar rendibilidade e estabilidade ao socio gandeiro. Para iso seguiremos pondo en valor a nosa orixe, a nosa cultura e valores para dar futuro ao gandeiro, fortalecer a SAT e mellorar a calidade de vida dos socios no posible. -CAPSA é hoxe en día a principal industria láctea de capital español e de base cooperativa. Canto do leite que procesa procede das gandarías socias de Central Lechera Asturiana? Da orde da metade do leite que procesa CAPSA é de socios de Central Lechera Asturiana SAT. -Como está a situación dos prezos para os gandeiros de Central Lechera Asturiana e como se prevén para este ano? Este ano prevemos certa estabilidade de prezos, a pesar da situación de crise sanitaria e económica que se vive. Dentro de Central Lechera Asturiana temos unha diferenciación positiva de prezos respecto doutras gandarías, motivado polo modelo de integración vertical que temos. A nosa participación na actividade comercial e industrial ten importantes resultados que se trasladan en última instancia aos socios que compomos a SAT.
“As gandarías de Central Lechera temos un prezo sobre un 10% superior á media española”
En canto ao prezo en concreto que perciben os nosos gandeiros socios, estamos entre un 8 e un 10% por riba do prezo medio do leite en España, segundo os datos publicados polo FEGA. -Nos últimos anos CAPSA-Central Lechera Asturiana converteuse na segunda industria láctea en volume de recollida en Galicia, onde tamén son propietarios de LARSA, e moi preto de LACTALIS. Porén, os gandeiros galegos cobran un prezo de varios céntimos por baixo da media dos de Asturias e non se lles permite ser tamén socios da SAT. Como valora esta situación? Contemplan algunha opción de incorporalos como socios? A SAT é un modelo exemplar de integración vertical e é certo que agora mesmo temos unha diferenciación positiva de prezos do leite para os socios. Non obstante, hai que ter en conta que durante moitos anos, mesmo en Asturias, as diferenzas de prezos para os socios de Central Lechera era negativa e cobrabamos menos polo leite que outras granxas. Os socios fixemos nestes anos un importante esforzo de capitalización da nosa sociedade e, afortunadamente, as políticas seguidas a nivel industrial e social por parte de CAPSA fortaleceron a nosa sociedade, de forma que agora estamos a recoller os froitos do esforzo dos nosos predecesores. É certo que temos menos gandeiros activos, do mesmo xeito que en todo o mundo, pero neste 2020 imos recoller máis leite dos nosos gandeiros socios en comparación a todos os anos anteriores, e alcanzar as 450.000 toneladas. En canto á incorporación de novas gandarías socias doutras comunidades nas que opera CAPSA como Galicia, no ano 2010 abriuse unha xanela de crecemento de socios e unha vez satisfixeron os obxectivos pechouse. Isto non quere dicir que non se abra de novo de cara ao futuro. Neste momento das 1100 gandarías activas que agrupa Central Lechera Asturiana SAT, soamente 13 están en Galicia e 1 en Cantabria, o resto todas en Asturias. -Central Lechera Asturiana SAT é un dos poucos exemplos en España de éxito dos gandeiros á hora de asociarse para comercializar e darlle valor ao seu leite. Cales cres que foron as claves deste éxito do asociacionismo gandeiro asturiano? A orixe de Central Lechera Asturiana SAT foi nunhas circunstancias de crise absoluta de prezos do leite e iso permitiu aos socios gandeiros centrar máis os obxectivos. Co paso dos anos, houbo unha aposta clara pola innovación, a calidade e a diferenciación, tanto en packaging do leite líquido como no resto de produtos. Este esforzo de capitalización de CAPSA por parte dos socios de Central Lechera Asturiana SAT permitiu que hoxe sexamos un modelo de éxito.
 “Durante anos os gandeiros de Central Lechera cobramos menos que o resto, pero grazas ao noso esforzo de capitalización e a un liderado e obxectivos claros hoxe estamos na parte alta”
Tamén axudou a existencia dun liderado claro e uns obxectivos comúns para todos os socios, o que contribuíu a fortalecer Central Lechera Asturiana. Houbo neste proceso moitos momentos amargos e ao final conseguiuse saír diso fixando uns obxectivos comúns. O valor inicial achegado polos gandeiros socios no ano 1968 foron 10.000 pesetas, pero ao longo de todos estes anos e a día de hoxe seguimos facendo un esforzo de capitalización da sociedade. Así, parte do prezo que percibimos sigue destinándose para capitalizar a nosa sociedade. En concreto, unha porcentaxe da produción de leite que entregamos vai destinada a darlle músculo financeiro á SAT -Na Península Ibérica as dúas principais industrias lácteas de capital autóctona son propiedade dos gandeiros: CAPSA e LACTOGAL. Como é a cooperación entre ambas para competir coas grandes multinacionais presentes en España e Portugal? A nosa relación con LACTOGAL é excelente. Con todo, por parte de Central Lechera Asturiana non temos en mente unha cooperación comercial con LACTOGAL, quizais de cara ao futuro poida haber intentos de cooperación, pero non a día de hoxe.
“Non temos en mente ningún proxecto de colaboración con LACTOGAL”
- Nos últimos meses realizastes investimentos para incrementar a capacidade industrial das plantas de Outeiro de Rei e Vilagarcía. Que plans tedes en Galicia? Prevedes seguir aumentando a recollida na comunidade? Galicia é unha comunidade con gandarías moi profesionalizadas, de forma que mantén o liderado como o primeiro produtor de leite en España. Seguiremos apostando e investindo nas nosas fábricas de Outeiro de Rei e de Vilagarcia e apostando pola marca Larsa. A nosa actividade en Galicia xa vén de lonxe, pois antes de que adquirísemos LARSA tivemos unha colaboración moi intensa con Leyma, onde fomos propietarios do 49%, e tamén dunha queixería na comarca de Ferrol. - Como é a relación coas dúas cooperativas lácteas galegas: Clun e Aira? Que consello lles darías desde unha cooperativa, como é a vosa, que leva moitos máis anos transformando e comercializando o leite dos seus socios? Todos debemos redobrar o noso compromiso de apostar polo sector e por que haxa relevo xeracional nas gandarías. Para iso, debemos esforzarnos en dignificar a vida dos nosos socios e mellorar a súa rendibilidade. Non me atrevería a darlles un consello, pero si insistiría en que é moi importante a aposta dos socios pola capitalización dos proxectos industriais das cooperativas. -Como ves o futuro das gandarías e da industria láctea en España dentro de 6 anos? Creo que cada vez será un sector máis valorado pola sociedade. Hai varios acontecementos que así o indican, como a estratexia “Da Granxa á Mesa”, presentada pola Comisión Europea e a crise sanitaria, onde se puxo de relevo que a produción de alimentos, e a de lácteos en particular, é estratéxica para o futuro dun país nun escenario de incerteza como o que vivimos.