Archives

Este mércores comezarán a venderse as primeiras pezas da IXP Pan Galego

A Xunta anuncia que o vindeiro mércores 9 de marzo comezarán a venderse as primeiras pezas baixo a indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego nun total de 44 establecementos de 14 panadarías, repartidos por toda a comunidade. O acto central desta saída oficial ao mercado terá lugar ese mesmo día no muíño de Cuíña de Lalín, un dos inscritos nos rexistros da IXP, e poderá seguirse tamén por streaming a través da canle de Youtube da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). A xornada estará presidida polo director da Axencia, José Luis Cabarcos, que intervirá así mesmo nunha mesa redonda na que tamén participarán Miguel Calvo, da Asociación de Produtores de Cereal Galego (Procegal), Luís Urquijo, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, e Ángeles Romero, da Cátedra do Pan da Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo final é poñer en valor a IXP que persegue protexer o pan de trigo elaborado de xeito tradicional en Galicia.
O acto oficial para comunicar o inicio das vendas terá lugar no muíño de Cuíña de Lalín e poderá seguirse por streaming a través da canle de Youtube da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
As 14 panaderías inscritas que poderán comercializar o produto nun total de 44 puntos de venda dende o próximo 9 de marzo superaron todos os controis previos, garantía do cumprimento dos requisitos establecidos no prego de condicións para a elaboración de Pan Galego. Así, distribuirán o produto envasado e identificado cunha etiqueta numerada na que figurará o logotipo da indicación xeográfica protexida, asegurando a súa trazabilidade en todo momento. Á venda en establecementos das catro provincias En concreto, as panadarías autorizadas están emprazadas nas localidades coruñesas de Carral, Oleiros, Curtis, Cerceda, Mesía e Coristanco, así como na cidade de Lugo e no concello lucense de Palas de Rei. Na provincia de Pontevedra, localízanse en Vigo e nos municipios de Vilanova de Arousa e A Estrada, mentres en Ourense se atopan en Allariz e en San Cristovo de Cea.
Mantense aberto o prazo para que se rexistren na IXP tanto os produtores de trigo autóctono, como os muíños e panadarías interesados en acollerse a este novo selo de calidade
Con todo, cómpre engadir que na actualidade séguense a tramitar máis solicitudes recibidas para inscribirse no rexistro do Consello Regulador, polo que en breve aumentará o número de panadarías e puntos de venda autorizados a distribuír Pan Galego con todas as garantías para os consumidores. Así mesmo, mantense aberto o prazo para que se rexistren na IXP tanto os produtores de trigo autóctono, como os muíños e panadarías interesados en acollerse a este novo selo de calidade.

Elaborado como mínimo cun 25% de trigo do país

A calidade diferencial do produto amparado baixo a IXP Pan Galego débese á súa orixe, ás características dos seus ingredientes e á súa forma de elaboración, requisitos todos eles recollidos no prego de condicións da IXP aprobado pola Unión Europea. No que respecta aos ingredientes, debe empregarse fariña de trigo da que, como mínimo, o 25% procederá de trigos de variedades autóctonas de Galicia  entre as que destacan o callobre e o caveiro (“trigo país”). Tamén auga, masa nai (chamada tamén formento, requento ou lévedo), sal común e, opcionalmente, lévedo biolóxico.
Pode presentarse en 4 formatos diferentes: bolo, rosca, torta e barra
O Pan Galego pode presentarse con catro formatos diferentes: bolo ou fogaza, rosca, bola ou torta e barra. O sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido e moi aromático, así como a súa codia triscante e a miga de textura esponxosa e alveolado abundante, son só algúns dos sinais de identidade deste produto tan característico da cultura gastronómica galega.
Permitirase para a venda o corte das pezas de máis de quilo e medio na propia panadería, sempre que se faga en presenza do cliente
O consumidor poderá mercar Pan Galego nos puntos de venda rexistrados na indicación xeográfica. Mentres as pezas inferiores a 1.500 gramos serán expedidas, envasadas e etiquetadas en pezas enteiras, en formatos superiores permitirase o corte na propia panadería, sempre que se faga en presenza do cliente. Iso si, antes do seu fraccionamento, a peza deberá estar correctamente identificada. Ademais incluirá o logotipo da IXP e o número de serie específico na súa correspondente etiqueta.

A Xunta estuda a creación dun polígono agroforestal de 100 hectáreas de cereal en Xunqueira de Ambía

Reunión do conselleiro e a directora do AGADER co alcalde de Xunqueira de Ambía O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo esta semana unha reunión de traballo co alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, para coñecer as demandas e necesidades dos habitantes deste concello ourensán relacionadas co agro. Na xuntanza tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. No encontro, o conselleiro e o rexedor acordaron estudar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal co fin de dedicalo a cereal para a Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. Así, decidiuse que por parte da Consellería, técnicos deste departamento da Xunta desprazaranse á zona seleccionada para buscar áreas con certo nivel de abandono, co fin de situar o polígono, que podería ter unha superficie dunhas 100 hectáreas, segundo as primeiras estimacións, e que se localizaría na parroquia de Sobradelo. Neste senso, José González sinalou que a posta en marcha deste instrumento, que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, contribuirá á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ademais de supoñer un avance na anticipación aos incendios forestais, ao exercer estes cultivos de devasa natural fronte ao lume. Lembrou ademais que os polígonos agroforestais constitúen unha das principais ferramentas contempladas na nova norma e explicou que esta figura voluntaria ten por obxecto a volta á produción de grandes áreas de terra con boa capacidade produtiva que alcanzaron, co paso do tempo, estados de abandono ou infrautilización.
O municipio beneficiarase dunha achega de máis de 36.000 euros para mellorar os seus viais, dentro do plan extraordinario de reparación de camiños da Limia impulsado pola Xunta
Por outra banda, na reunión tamén se abordou a mellora das infraestruturas rurais do municipio e, neste sentido, o titular de Medio Rural puxo en valor a inclusión de Xunqueira de Ambía, no marco da estratexia para a Limia, no plan extraordinario de reparación de camiños, dotado cun total de 600.000 euros este ano. Así, este concello beneficiarase dunha achega de algo máis de 36.000 euros para mellorar os seus viais. A través deste programa repararanse camiños empregados, fundamentalmente, polos agricultores e gandeiros locais desta bisbarra ourensá.

Panadería Concha, a orixe do afamado pan de Ousá

Tania Pazos xunto á súa avoa Concha e a Alba, que lle axuda a facer o pan que logo Fran reparte "Toda a familia somos panadeiros. A que empecei fun eu no ano 85 e hoxe hai 3 xeracións facendo pan en 3 panaderías distintas", resume Concha Pérez. Aos seus 72 anos séguelle gustando estar na panadería, aínda que a que agora leva o negocio é a súa neta Tania. "A neta fai tan ben o pan coma min, dalle ao forno moi ben e gústalle innovar e probar cousas boas. O que hai que respectar é a calidade", asegura Concha. Un consello que a súa neta acolle de moi bo grado. "O pan de Ousá só leva fariña de trigo e de centeo do país, fariña de forza, formento, auga e sal. E logo catro horas mínimo entre amasar, levedar e enfornar", resume Tania. Son os segredos para lograr un produto que sabe ao pan das avoas, neste caso ao que Concha facía no forno de leña da casa para despois vender na Praza de Abastos de Lugo.
Conservar a calidade e tratar ben o produto son os consellos que Concha dá á súa neta
"Hai 36 anos cando eu empecei non había pan de Ousá en ningún lado. Empecei nun forno pequeno facendo 30 bolos para vender na Praza en Lugo. En Ousá había moi bo trigo e un ano houbera moita colleita e empezárase a facer pan para vender", lembra. Fariña galega Hoxe as terras da familia non producen trigo nin centeo, pero seguen mercando a produtores da zona para garantir a procedencia e a calidade da materia prima. "Non traballamos con trigo de fóra, mercámolo a produtores da Terra Chá ou de Lugo e móese en muíños tradicionais de pedra como os Muiños de Oleiros de Vilalba ou os de Harinas La Lucense en Lugo. O centeo ou o millo igual, é tamén galego. Vén de Pontevedra, de Harinas Reyes", detalla.
Fan pan de trigo do país, de centeo 100% e de millo 100%, e de mestura de trigo e millo e de trigo e centeo cunha porcentaxe do 50% de cada fariña
Con esas materias primas Panadería Concha elabora distintos tipos de pans tradicionais, tanto pola súa forma (bolo de 1 quilo e de medio quilo, rosca de medio quilo e chapata de 1 quilo e de medio quilo) como polo tipo de fariña (de trigo do país, de millo ou de centeo 100%, de mestura 50% trigo e 50% millo e de mestura 50% trigo e 50% centeo). "O pan que leva só fariña de millo 100% é apto para persoas intolerantes ao gluten", destaca Tania.
O pan de millo só o fan por encarga, igual que as empanadas
A maiores, esta moza que naceu facendo pan, está a imprimirlle novos aires ao negocio, cun pan de uvas pasas e noces que está a ter moi boa aceptación. Fan tamén bolos preñados e empanadas de dous tamaños con recheo de liscos (chourizo e panceta), atún, bacon con queixo ou mazá. Elaboración a modo O desta panadería é un pan feito sen présa. É o outro gran segredo, xunto co da fariña. Tania e Alba, a empregada que lle axuda no obrador, danlle a pan, en cada unha das fases do proceso, o tempo que necesita. Só de amasado, na vella amasadora que mercara a súa avoa Concha nos seus inicios, é hora e media. Logo a masa ten que levedar antes de ser cortada e cocida no forno de leña, o mesmo que montara a súa avoa hai 18 anos.
 Son catro horas mínimo entre amasar, levedar e enfornar
"Este é un pan artesán porque todo o proceso é artesán, nós cortamos á man, pesamos á man e enfornamos coa pá á man", destaca Tania. Pola semana fan unhas 350 pezas cada día e as fins de semana o dobre, o que require varias fornadas. Por iso, ao contrario que a maioría de panadarías, cocen polas tardes. "Cada fornada leva catro horas e doutro xeito non daríamos saído a tempo", explica.
Ao contrario que a maioría de panadarías, cocen pola tarde
Sen embargo, estar feito do día anterior non resta calidade ao produto final. "Este pan está inmellorable ao día seguinte porque ten unha conservación longa, como o que antes se facía nas casas. Bota catro días sen problema ningún", destaca Tania. Clientes fieis Por iso moitos dos clientes desta panadería levan para varios días ou mesmo semanas. "Temos clientes que veñen de lonxe e que levan para todo o mes porque o conxelan e manténselles perfectamente", explican.
Non facemos reparto, vén a xente a mercalo aquí ao forno
Tal é a fama do produto que Panadería Concha non fai reparto polas casas, senón que os clientes acoden a mercar directamente ao forno. Venden tamén nunha tenda tradicional en Melide e desde hai catro anos, pouco despois de que Tania collera as rendas do negocio, nos Gadis de Vilalba, As Pontes e Guitiriz. O que se encarga de levar o pan aos supermercados é Fran, que xunto a Alba son os dous empregados que ten Tania.  Pero esta moza de só 23 anos e que tomou o relevo sen sequera cumprir os 18 ten claro que o aumento da demanda non pode facerlles perder as características que fan recoñecible o seu pan. Por iso seguen facéndoo igual que o facía Concha.  Pan e queixo  Con Tania, que naceu vendo facer pan á súa avoa, a tradición do pan de Ousá está a salvo. É un dos produtos que distingue ao concello de Friol. O outro é o queixo. Cada ano (desde fai 28) organízase unha feira (a do ano pasado e a deste tiveron que ser suspendidas por mor da pandemia sanitaria do coronavirus) que pon en valor estes dous produtos locais.
Eu nacín facendo pan, porque viña do colexio e ía para o forno
Pero a maridaxe do pan e do queixo de Friol é tan boa que Tania optou tamén por exportala alén das fronteiras galegas. Xunto con Lácteos Conchy, unha queixaría familiar de Friol, levan todas as semanas pan e queixo até Ponferrada e mesmo até Madrid. "En Madrid non hai isto", destaca Tania. É o que lle din os seus clientes cando proban o seu pan.

“Lixar as mans coa terra é un traballo digno que ten un grande valor”

Paula Oliveira é licenciada en estudos portugueses e lusófonos pola Universidade Nova de Lisboa, ten un master en xestión cultural (Universidad de Alcalá, Madrid) e conta cunha ampla traxectoria profesional como xestora cultural en grandes cidades do país veciño, como Lisboa ou Braga, pero no 2014 decidiu voltar a aldea da súa nai, en Cabril (Montalegre), a escasos quilómetros da fronteira con Galicia, para iniciar un proxecto ligado á terra. Nada en Lisboa, de pequena Paula xa vivira en Cabril dos 10 ós 15 anos, e decidiuse a volver atraída pola potencialidade que vía no patrimonio cultural e natural do lugar, que pertence ó Parque Nacional Peneda – Gerês. Tras asentarse en Cabril, Paula iniciou un proxecto de ecoturismo no que destaca o seu esforzo por recuperar as culturas tradicionais do liño, do centeo e do burel, un tecido de la caracterizado pola súa resistencia. Falamos con ela sobre todo este proceso, no que contou coa colaboración e implicación da comunidade local. - Como é que te decidiches a voltar a Cabril, logo de tantos anos lonxe? - Houbo un tempo no que eu fiquei lonxe de aquí, a casa tampouco tiña boas condicións e había outras prioridades; ata que fixen un master na Universidad de Alcalá que era sobre xestión de proxectos culturais. Unha das partes do master trataba sobre patrimonio natural. Eu xa traballara con proxectos artísticos e culturais, pero nunca co patrimonio natural, e sempre que eu estaba a estudar isto, eu asociábao a Cabril. Lembro que despois do master, cando entrei en Cabril e mirei isto todo, dixen ‘Guau!’, isto é un patrimonio xigante, mais a vida continuou, eu estaba a traballar con proxectos nun museo perto de Lisboa, pero veu a crise e aquel proxecto parouse. Coa crise, eu tiven que mudar de vida, vivía nunha cidade, tiña moitos gastos, estaba co meu fillo e decidín vir para o Norte, non inmediatamente para Cabril porque é un lugar afastado, onde era dificil atopar traballo. Entón fun para Braga, que era unha cidade na que eu xa vivira e tiña amigos.
Hai 7 anos este proxecto parecía un grande soño, un imposíbel. Moitas ideas de negocio certamente perdéronse, pero moitas outras realizáronse e outras apareceron”
E foi, fun para Braga e encontrei alí un traballo temporal, ata que cheguei a un punto no que comecei a pasar máis tempo en Cabril, comecei a mirar as cousas e a percibir que podía desenvolver aquí o meu propio proxecto, un proxecto que eu tería que executar e procurar o meu propio financiamento. Comecei entón con ese deseño, con ese plan, hai 7 anos. Naquela altura, parecía un grande soño, unha grande loucura, un imposibel. E ben, certamente moitas ideas de negocio foron perdidas, pero moitas outras realizáronse e outras apareceron despois de estar o proxecto en marcha. Paula Oliveira, en Cabril. - Cales foron os teus primeiros proxectos de negocio en Cabril? - O meu primeiro obxectivo foi crear un ‘hostel’ (albergue). Daquela estaba o inicio dos hostels en Europa e pensei para esta casa un ‘hostel’. Deseñei o proxecto do ‘hostel’, estaba todo planificado… Só que despois requería moitos gastos, con licencias e coa obra. Precisaba moitos cartos só para aquelo e eu non tiña diñeiro. Por tanto, desboteino. Despois, pensei naquilo que eu tiña e que podía optimizar. Pensei na quinta da Albaleda, un terreo que temos onde podía encaixar un ‘glamping’. Glamping é un tipo de campismo con máis confort, con máis glamour… por iso se chama glamping… Proxecteino, fixen todo, pero o Parque Nacional non o permitiu porque o terreo está nunha zona na que non son permitidos emprendementos turísticos.
Antes de facer o que fose que fixera, tamén quería perceber se eu cuadraba con esta mudanza de vida
Por tanto, levei dúas grandes bofetadas e a partir de aí comecei a pór as cousas en termos prácticos. Pensei en animación turística, eu teño formación como guía turística e comecei a traballar nese sentido. Creei un espazo durante catro anos, que era para min un espazo de experiencia, un espazo de ensaio. Antes de facer o que fose que fixera, tamén quería perceber se eu cuadraba con esta vida, con esta mudanza de vida. Durante catro anos, o meu plan era ter os meus animais, os meus cabalos e facer animación turística. Cal foi o problema?. O problema foi que estamos nun sitio, nunha freguesía que aínda que estea totalmente dentro do Parque Nacional e sexa o Gerês, non é un Gerês coñecido, non é un Gerês turístico. Non ten unidades hoteleiras, non ten turistas. Ese era o problema, como é que eu facía animación turística sen persoas?. E era moi difícil naquela altura que as persoas viñeran para acá e encontrasen servizos. Entón eu tiña que ofrecer aloxamento e aí comecei a pensar en crear un aloxamento. Non ‘hostel’ porque era moi honeroso, así que comecei a alugar cuartos. Inicialmente a casa é grande, miña nai vive na planta baixa e o primeiro andar estivo baleiro moitos anos ata eu vir para acá. Nun principio, pensaba que non o ía abrir a persoas de fóra porque é o espazo da familia, ten as nosas cousas e é a nosa intimidade. Só que cheguei a un punto no que non tiña outra alternativa e tiven que facer esa experiencia. Este proxecto foi e continúa a ser proba e erro, aprendizaxe e melloras, tentar transformar as dificultades en oportunidades, como no fondo penso que son todos os proxectos que están en crecemento. - Como te organizaches para ofrecer este primeiro servizo de animación turística? - Eu tiña, a parte da casa e da quinta, un espazo que se chama o Abrigo da Garrana, ó pé do parque de campismo que hai en Cabril. É un espazo no que tiña unha cabaleriza e uns barracóns, ata daquela abandonados, e tamén unha cociña e unha horta. Naquel tempo recibía a persoas voluntarias que me axudaban e os turistas que viñan podían estar cos animais e saíamos dalí para facer camiñadas. Foi todo moi experimental e de test da miña capacidade porque no fondo todo xiraba a miña volta. Eu dixen, vou facer isto todo e á fin dun tempo vou ver o que resulta e o que non resulta, e nesa altura enfocarme. Val de Cabril, no Parque Nacional Peneda - Gerês, ao final do verán. - Que valoración fas daquel primeiro proxecto como guía turística? - Con ese proxecto conseguín ter unha experiencia e ir analizando cos poucos clientes que tiña se verdadeiramente eles gostaban do que eu promovía. Porque o turista que viña para o Gerês era un turista de masas que ocupaba as unidades hoteleiras que existen na Vila do Gerês durante os meses de xullo e agosto e despois desaparece e ninguén o ve. Por tanto, o turismo que eu sempre quixen foi un turismo de experiencia, de natureza, de ecoturismo, e que as persoas experimenten a vida rural, perceban a historia e se encuadren coas persoas, coa comunidade e coa paisaxe. E non aquel turista que vén, dáse uns baños e vai embora, sen engadir ningún valor a súa experiencia.
”O turista que viña ó Gerês era un turista de masas en xullo e agosto, pero eu sempre quixen promover un turismo de natureza no que as persoas experimenten a vida rural, perceban a historia e se encuadren coas persoas e coa paisaxe”
Verdadeiramente, o turista que eu buscaba é un nicho de persoas moi pequeno e non están aquí á beira nin saben que eu existo aquí. Entón esa foi a miña grande cuestión. Como é que eu vou resolver isto, como vou chegar ó outro lado do mundo, a outros países e atraer persoas a este canto de Portugal no que estou. A realidade coa que me atopei é que viñeron moitos turistas doutros países, de Alemania, de Holanda, de Inglaterra, mesmo de Nova Zelanda, que xa repetiron a experiencia de vir, ou de Tasmania. Para min, son países con paisaxes e culturas extraordinarias. Entón, como é que eles adoran vir aquí?. Aí dinme de conta de que a miña idea tiña sentido. Hai dous anos, o meu periodo de experiencia no abrigo acabou, os meus animais foron para a quinta e eu enfoqueime máis no espacio da casa e no da quinta. - Foi entón cando comezaches a traballar na recuperación da cultura do liño. Como xurdiu esa iniciativa? - Pois foi un día que estaba eu alá no abrigo, onde tiña a horta, e apareceu un amigo daquí da aldea co que comparto moitas ideas, e el díxome que eu precisaba unha actividade cun carácter máis anual e que o liño era unha boa opción. Hai unha historia do liño en Cabril, todas as casas traballaban o liño, hai moito traballo que pode ser recollido e que pode ser feito nese sentido e eu, na altura, pensei ‘unha cousa máis para engadir a tantas outras’. Non sabía nada do liño, mais aquela idea ficou alí e eu falei cunha señora maior á que lle merco a herba seca para os animais. Pregunteille que era o que ela sabía do liño e ela ficou moi sorprendida por abordar esa cuestión. Ela dixome ‘iso dá moito traballo… ‘ E aquilo andaba na miña cabeza, mais non era un obxectivo porque xa tiña moitas tarefas. Entón, ós poucos fun falando con máis persoas, foron explicándome o proceso todo. Son inmensas fases con inmensos instrumentos, todo palabras novas. A única cousa relacionada co liño que eu coñecía era o fuso, a roca, a estopa e o tear. Do resto máis nada, e había moitas cousas novas a aprender, pero o tema era realmente interesante. Pola miña formación académica, eu gostaba de investigar, de escribir, de recuperar memorias da cultura, así que o liño foi gañando en interese para min ata que decidín sementar o meu primeiro liño hai catro anos. Para iso, pedinlle axuda ás señoras de Cabril, elas axudáronme a sementa-lo liño e aínda me acompañan en moitas cousas. Paula no traballo do liño, no seu tear. - A túa idea era conectar esta cultura tradicional do liño co turismo? - No inicio, e aínda se mantén moito a pesar de que xurdiron outras liñas de traballo, a idea era realmente crear un produto de turismo creativo, que é algo que agora tamén entrou en moda. Trátase de que os turistas veñan para ter unha experiencia e partir con novos coñecementos. Pode ser por exemplo poñer as mans na masa e aprender a facer pan. Trátase de ter unha experiencia que sexa algo máis que simplemente visitar un sitio e acabou.
”No inicio, a idea co liño era crear un produto de turismo de creativo”
Por tanto, ese era no fondo o foco do negocio, era ata aquí porque xa houbo outras mudanzas. Porque co que aconteceu este ano coa pandemia, todo isto foi por auga abaixo. Non é posíble un traballo en común como o que temos feito co liño, que é espadulado un día na eira, con toda a xente a traballar en conxunto para conseguir ter o liño listo para fiar, iso non foi posible, entón hai que procurar buscar outra forma de gañar diñeiro co liño. Foi por iso que eu montei un obradoiro online do liño, para tentar chegar ao público. - Que resultado tiveches co obradoiro online do liño? - Pois nun inicio voltei a ter a mesma dificultade que tiña coa experiencia de animación turística. Isto é moi bonito pero ninguén sabe que eu estou aquí. Como llo conto eu ás persoas?. O obradoiro online do liño penseino como unha fonte de ingresos que me cubrise un tempo porque eu en marzo non sabía cando podería abrir o aloxamento, estaba todo moi incerto. Pensei en facer unha experiencia internacional, pero iso implicaría que eu tería que traballar tamén en inglés e podía ser demasiado e que eu non o conseguise. Por tanto, optei por facer a experiencia só en portugués. Tendo en conta que eu xa tiña esas dificultades de como vou dicirlle ó mundo que estou aquí, como vou comunicar, o ano pasado inscribinme en outubro nun curso de marketing online, que foi a miña salvación. Foi un investimento grande, pero foi sen dúbida a miña salvación porque sen esas ferramentas eu estaría completamente perdida. Desde que comecei a traballar co marketing online, tanto co aloxamento como co obradoiro, non só veñen aquí as persoas, senón que veñen máis tempo e compran máis servizos, non compran só o aloxamento, compran outras experiencias e a alimentación da quinta. Traballo comunitario co liño en Cabril. / Cedida. - Que experiencias lles ofreces ás persoas que están vindo a Cabril? - Desde camiñadas, como a ruta das cascadas de Cabril, ata experiencias como a de ‘Pastor por un día’, na que acompañamos un pastor de cabras ou vacas en alta montaña e pasamos un día a coñecer como é a vida do pastor. Temos tamén a experiencia da quinta, coa horta e cos animais, onde imos cuidar da quinta e collemos o que nos é posible apañar. Esta actividade da horta funciona moi ben por exemplo para as familias con nenos. - Que cultivas na horta? - A horta ten un pouco de todo, teño patata, patata doce, berenxenas, tomate, cenoría, melón, coliflor, frambuesas, cebola, allo francés… Moita variedade, pouca cantidade pero moita variedade. Non fago produción para venda. A idea desde o inicio é vender directamente no prato, fago comidas para a xente aquí aloxada. Este ano por primeira vez conseguimos non comprar legumes, non comprar cousas da horta. En termos de negocio é vantaxoso, dá traballo, pero en calidade de comida e como experiencia para o cliente, paga a pena o esforzo. Sentes a diferenza no sabor dos alimentos. Tamén xa teño galiñas, ovos… Merco a carne e o peixe, algo de arroz, algunhas cousas, pero grande parte é biolóxico e produción nosa. Neste momento, o meu traballo está enfocado en crear condicións na quinta para desenvolver máis experiencias. Aquí na casa teño un atelier para o liño, no espazo da cociña, pero quero un espazo maior no que poida receber persoas. Imaxina que vas á quinta e podes sementar alí o liño, facer todas as fases do liño alí, ficar a tecer… Tamén quero ter alí ovellas e facer a tosquía… Por agora teño cabalos, burros e galiñas, pero non teño ovellas. - A maiores do liño, introducícheste tamén no traballo do burel, un tecido resistente feito de la que se empregaba tradicionalmente para as capas dos pastores. Como está a ser este novo proxecto? - O burel veu cando eu comecei a pensar desde un punto de vista máis amplo na cultura tradicional da rexión do Barroso, que ten moitos aspectos, pero eu para non desenfocarme elixín tres: o liño, a la e o centeo, e en fases fun introducindo cada un deles. Porque son proxectos que precisan moito tempo. Primeiro, para a recolla de toda a información, de todos os procesos, despois para executar eses mesmos procesos, para ter a experiencia e entender se, no fin, eu son capaz de facer todo o ciclo e ter o resultado. O que parecía unha loucura hai catro anos atrás son cousas que xa se concretaron e que realmente funcionan. Mesmo este ano fixen o burel, o ano pasado tentárao pero non o conseguira, pero este ano si fixen todo. Fun para o pisón -un enxeño hidráulico ao pé do río- e eu tiña dito que ficaba alí 48 horas, que son as necesarias para facer unha tea de burel. Fiquei finalmente catro días porque o pisón é vello e ten inmensos problemas, pero fixémolo e xa serviu como teste da experiencia de turismo, porque houbo persoas que, nunha escala pequena, pagaron para estar alí. - En canto á recuperación do cultivo do centeo, trátase dunha iniciativa promovida polo monte veciñal (baldío) de Cabril. Que é o que estades a facer? - Este é un proxecto que efectivamente é promovido polo baldío, que ten unha capacidade moito maior de implicar á comunidade; eu colaboro como xestora do proxecto. Nós o primeiro ano fixemos unha actividade de formación, unha vez máis a recolla e a partilla do coñecemento das persoas máis vellas, que ensinaron como se fai todo. Que non é só mallar o centeio, é necesario sementar, que é feito en alta montaña, e protexer o cultivo. Houbo aquí moita historia, moita cultura, moito saber facer. É extraordinario.
”Temos currais en alta montaña nos que se cultivaba o centeo. Houbo aquí moita historia, moita cultura, moito saber facer. É extraordinario”
Nós temos os currais na serra, en alta montaña. Son privados, pero o que acontecía era que están abandonados desde hai moitos anos. Estaban cercados por muros de pedra solta, pero os muros caíron e estaban degradados. Entón, o primeiro que fixemos foi a recuperación dos muros. Comezamos cun curral e fixemos esa recuperación tamén como taller de capacitación, de aprender e ensinar como se recupera. Este ano que pasou xa sementamos outro curral, xa recuperamos e sementamos dous currais. É pouca superficie, mais crían unha diferenza de paisaxe na montaña importante, e tamén ten un valor ambiental. O ano pasado vimos coellos e perdices a comer o centeo. No fin, en xullo – agosto, o centeo é cortado e é mallado na serra. A tradición nestas aldeas do val, que están a uns 300 metros de altitude, é que as persoas fosen a pé para a cima, a 1.000 metros, e todos os portes eran a pé porque alá non hai nada. Ao rematar a malla, viñan todos para baixo, cargaban todo para abaixo e aquí as mulleres na cociña tiñan unha cabra lista para toda a xente comer. Viñan moi cansados, mais había unha festa, con música. Nós quixemos recrear iso, a carrexada, e polo segundo ano xa a fixemos con arredor de 80 persoas. Este ano houbo que facela con limitacións, como é lóxico. - En moitos dos teus proxectos, como o liño e o burel, destaca tamén a implicación da comunidade. Como estás a lograr esa participación das persoas? - No fondo, eu pedín axuda. Eu pedín axuda e as persoas máis vellas, as que gardan memoria dos procesos, tamén fican contentas de que haxa quen se interesa por iso e que poida ter continuidade. No caso do pisón, está parado, en decadencia, porque ten que traballar e non traballa. E o seu propietario, o señor Francisco, foi extraordinario, porque todo o traballo que tivemos que facer foi un traballo duro e nunca eu sentín que el ollase para min e pensase ‘esta muller está tola e non o vai conseguir’. Polo contrario, este ano el xa me confiou o pisón para poder traballar. É un traballo físicamente duro, un traballo de homes, porque o burel ata ir ó pisón é feito polas mulleres, pero despois é un traballo de homes, mais faise. Penso que debín ser a primeira muller pisoeira de Portugal (risas). O señor Francisco sempre me apoiou e mesmo está contento e permíteme que eu traballe. Eu non fago nada sen o seu consentimento, obviamente, mais sinto que estou en casa, que teño esa porta aberta. Paula está recuperando a produción de burel 100% artesanal. / Cedida. Mais tamén hai moitas outras persoas que no inicio dicían que era unha loucura que alguén coma min, supostamente formada, instruída, con percurso académico, con algúns cargos de responsabilidade, fose lixar as mans coa bosta dos animais, na terra. Iso no inicio era extraño, mais eles comprenderon que ese traballo fágoo porque é un traballo digno e de moito valor, e entón eles colaboran moito, moito. - Pola túa parte, tamén se pode dicir que estás a devolver parte do que recibes a través da túa colaboración coa escola e cos lares de persoas maiores. Cóntanos esa parte do teu traballo. - Cos lares agora non pola pandemia, pero si facía. Coas escolas, tódolos anos desde hai seis anos fago dúas actividades por trimestre, sempre relacionadas coa cultura tradicional, co medioambiente e a defensa do bosque. Este ano será diferente, pero faremos cousas online. Tamén facemos actividades no verán con eles co liño e coa la. Nas vacacións, fixemos a sementeira do liño e cada un levou unha semente plantada a casa. E eles ficaron bastante orgullosos de saber e de poder falar cos avós acerca diso. Porque neste momento hai un grande baleiro entre os avós e os netos en canto que… Mesmo eu tendo nacido na cidade, tiña unha relación de ter acompañado á miña avoa. Hoxe os rapaces están no campo, mais non viven na aldea porque non acompañan ós avós nas tarefas. Entón hai moitas cousas que eles non saben, mesmo en relación ó bosque. Porque non se valora, non se lle dá importancia a iso. E os pequenos cando perceben a historia e eles traballan, gostan moito de facelo. É un día diferente, dunha aprendizaxe diferente, dun xeito lúdico. - Ti volveches a vivir a Cabril hai 7 anos. Como atopaches a comunidade de Cabril? - A freguesía son 15 aldeas, con preto de 500 residentes. Continúa habendo escola primaria cos nenos, tamén un preescolar. A tendencia da xente nova é a de irse, a excepción dalgúns poucos que gostan dos animais, que teñen animais, vacas, cabras, que gostan desta vida do campo e que procuran formas de continuar aquí, pero a maior parte quérese ir e emigra porque teñen familiares emigrantes. Hai moita xente que vai para Braga, unha cidade que está próxima, e que pode vir as fins de semana, mais a poboación de Cabril é sobre todo unha poboación envellecida. - Que balance persoal fas de todos estes anos de esforzos e traballo por desenvolver a túa vida en Cabril. Pensas que pagou a pena? - Unha das cousas que eu aprendín é que desistir non é unha opción. Persoalmente, tes que encontrar unha solución, ás veces tes que recuar un bocadiño e todo o que fixeches ata alí ten que ser posto dun lado e procurar outras formas. Pero desistir non, eu sempre o teño moi presente e eu durante moito tempo fixen ese test de perceber se esta é unha opción ou non, se é un camiño ou non, pero cando ves os resultados, cando ves as persoas que te acompañan, ves turistas de Nova Zelanda que voltan a Portugal e queren vir aquí outra vez, a este espazo, con tanto que hai para coñecer no mundo... Entón dis, isto ten algún valor, e enfócaste a ese apoio no fondo.
”Desistir non é unha opción. Persoalmente, tes que encontrar unha solución, ás veces tes que recuar un bocadiño e todo o que fixeches ata alí ten que ser posto dun lado, pero desistir non”
Se te enfocas nas cousas que foron mal, que fixeches mal, perdes enerxía. Ese non é o camiño. Hai días malos que sentes que isto acaba aquí, a historía acaba aquí, pero nesa altura en que estás moi cansa e sen forza, eu optei por ir durmir e recuperar. A parte difícil foi poñer a máquina a funcionar. Esa parte está feita, agora está a andar e todo é continuar. É un traballo gratificante, ves personas implicadas, novos proxectos, vexo outras persoas mozas a querer investir… Durante estes anos, tamén tiven moitas dúbidas, sobre todo hai catro anos, O meu fillo foi vivir a Lisboa co pai e a partir de aí as miñas dúbidas persoais foron aínda maiores. Porque eu pensei, por que é que non volto para Lisboa, procuro un traballo en Lisboa e estou perto do meu fillo. Podo gañar alí ben diñeiro e facer a miña vida como xestora de proxectos sen ter que traballar 14-15 horas todos os días do ano, pois é preciso estar aquí a diario por causa dos animais. Todo iso era así, mais eu decidín, vou ficar e vou continuar a facer o traballo en canto teña pracer nel e perceber que é posible. Chegado aquí, eu estou nesta fase de continuar o proxecto. A proba de que é posibel eu xa a teño, claro que vou ter que continuar a adicarlle moito tempo, mais xa sei tamén que teño que ter máis disciplina e enfocar as cousas, non ser tan dispersa. Paula ante a súa casa, en Cabril. - Satisfeita entón do rumbo que tomaches, tralos primeiros proxectos fallidos do ‘hostel’ e do glamping? - Para min, era moito máis fácil no inicio pedir un crédito, construir o ‘hostel’ e fiar a miña cabeza toda dentro dun proxecto de masificación turística, se eu tivese en vista que o único beneficio fose o diñeiro. Pero eu entendo que hai moitos máis valores que son igualmente importantes e no mundo actual, teñen máis sentido. A idea, sempre presente e que torna este proceso máis demorado, ten que ver coa sustentabilidade e ten que ver co uso correcto dos recursos, ten que ver coas relacións que se crean na comunidade, coa riqueza que se crea á volta porque o turismo é un sector moi desgastante do territorio e o que eu pretendo non é iso, senón que os recursos poidan chegar ós meus netos como chegaron a min da miña avoa.
”A idea sempre presente ten que ver coa sustentabilidade, ten que ver co uso correcto dos recursos e coas relacións que se crean na comunidade”
- Falabas tamén de que o teu traballo está a ser ben valorado polos turistas. Fálanos desa parte, da recepción que están tendo as experiencias que ofreces para coñecer e vivir Cabril. - En xeral, as persoas valoran moito este traballo. Cando pos empeño e amor nas cousas, as persoas percébeno, valórano e apóiano. Claro que non son todos porque non son todos iguais. Hai persoas que queren vir e que eu non podo aceptar porque entendo que non valoran este tipo de turismo nin están preparados para este proxecto. Parte do meu tempo, do meu traballo é adicado á comunidade, á escola, ós lares, é traballo de responsabilidade social e iso ten que estar no meu proxecto e as persoas teñen que perceber que se veñen aquí non están a pagar un aloxamento, están a pagar unha contribución para o desenvolvemento local. Hai moitas persoas que non teñen esa sensibilidade e entón este non é o sitio para estar eles. Hai tamén xente que aluga un cuarto e á hora de facer a reserva non le o que está escrito. Eu coloquei os servizos de aloxamento en Airbnb e sempre foi moi importante dicir claro que é o que eu ofrezo e o que eu non ofrezo. Xa sucedeu este ano con persoas que reclamaron porque non hai televisión e eu sempre digo que non hai televisión nin haberá televisión, mentres eu estexa no meu xuizo perfeito. Se ves aquí, non precisas televisión. O tema é… Lembro agora a un profesor alemán que veu e pediu para comer con nós na casa, e comeu comigo e con miña nai e el estaba marabillado. Dicía, ‘teño unha experiencia fantástica para contar ós meus amigos, de todo isto, da vida de casa, do ritmo rural’. Esa é a experiencia que eu gosto de transmitir. Cando tes unha guía, ela oriéntate nese sentido, non é só levarte a que coñezas un lugar, créache condicións para que o fagas de forma agradable, para que te sintas ben e coñezas historias sobre as persoas e lugares.
“Ser pastor é un traballo solitario que pouca xente te agradece. O feito de que nós os apoiemos coa experiencia ‘Pastor por un día’ axuda a que se sintan valorados”
Por exemplo, a experiencia do pastor, nós imos acompañar o pastor todo un día, valorizamos o seu traballo. El fai iso tódolos días, é un traballo solitario, moi difícil, cada vez hai menos pastores. E nós optamos por facer unha contribución e valorar o seu traballo, non só económicamente. Imos estar un día con el. O problema do rural e da desertificación pasa tamén moito pola autoestima. É un traballo solitario que moi pouca xente te agradece. Nós precisamos dun médico cando estamos doentes, precisamos dun arquitecto cando queremos facer a casa, pero precisamos dun agricultor ó almorzo, ó xantar e á cea. E ninguén valora a un agricultor como valora a un médico ou a un arquitecto. O que sucede sobre todo nas xeracións máis novas é que eles non queren ser agricultores, non queren ser pastores máis, queren unha vida con valor. E o feito de dar este contributo e de valorar a esa persoa axuda a que a xente moza fique no territorio, que eles vexan que gostan de estar aquí, que este é o seu lugar, que teñen unha forma de vida que lles dá o suficiente para vivir, para ter unha familia. Non temos todos que estar en cidade, onde temos máis dificultades para ter calidade de vida. Porque para ter calidade de vida na cidade precisas de moito máis diñeiro e aquí consegues ter calidade de vida con pouco diñeiro e tes a túa volta outras cousas. Falando do meu caso persoal, o feito de ter ido, ter voltado e sentirme ben aquí, percibir que teño ferramentas, oportunidades para vivir aquí permíteme ficar. A miña nai nalgún momento, cando eu voltei, pensou que o diñeiro que investiu en libros e no ensino era diñeiro malgastado, agora penso que xa non pensa así. Mais non foi diñeiro malgastado, todo é importante, é moi importante tamén saír daquí para formarse, moi importante. - En canto ás culturas tradicionais que estás a recuperar nos teus proxectos, a do liño e a do burel, pensas que poden ter nova vida, que son tecidos artesanais que poden ter un mercado? - Penso que si, voltamos á mesma cuestión. Hai moitas persoas que valoran este tipo de materiais e comprenden a súa importancia, que están dispostas a pagar. Co liño, a miña vontade para min é ensaiar outras compoñentes máis artísticas. Persoalmente, interésame ter o fío, mais non estou moi interesada en tecer teas de liño. Podo eventualmente vender o fío a outras persoas que tezan e que valoren o liño, mais eu persoalmente estou interesada en cousas máis artísticas. Isto tamén é bonito porque eu gosto moito da tradición, mais gosto da innovación tamén e de testar novas cousas. O liño era unha produción moi importante en Cabril. Había grandes campos de liñares e pozos propios para o liño, xente que viña de fóra a comprar. Hai xente que me ten dito que o liño era o ouro de Cabril, entón no liño estou enfocada na miña comunidade máis próxima e en crear fórmulas de ter persoas que colaboren comigo e que perciban unha remuneración por iso. En canto ó burel, o burel foi candidato ás sete marabillas. A tradición do burel non é só unha tradición do Barroso, de Montalegre, é igual na Serra da Estrela ou no Miño. Tamén alí hai pisóns, mais non traballan. Agora queda só burel industrial, non hai burel artesanal. O meu obxectivo é darlle continuidade a isto e crear un burel artesanal, 100% feito en Montalegre. - Desde a perspectiva económica do teu proxecto, tamén son importantes os obradoiros de liño. Estás a encontrar persoas interesadas en aprender o traballo do liño? - Hai moitas persoas interesadas en aprender. Cando fixen o lanzamento online do obradoiro do liño, é todo un proceso, unha estratexia de marketing. Era a miña primeira vez e decidín facer unha tertulia online de liño a través do Facebook. Estaba nervosa, despois pensei, unha amiga aparece seguro. Por tanto, imos ter unha conversa e enfoqueime de falar de un para un, non en pensar que ía ter unha plateia de xente e que despois estivese a plateia baleira. Entón apareceu xente na tertulia a un nivel inmenso, eu creo que tiña pensado 40 minutos e estiven máis dunha hora. No fin, cando desconectei, tiña 1.000 visualizacións, para min esperaba unha amiga… Despois eu pasei para un obradoiro con inscripción e eu enfoqueime a traballar para o grupo que estivese interesado en aprender, só no mercado portugués. Habería tamén un mercado internacional moi forte… - Estás con proxectos moi interesantes que darían para falar o día todo, mais imos ir rematando… Queres dicir algunha cousa máis como conclusión? - Pois estes anos teñen sido un camiño con altos e baixos moi marcados. Sen o apoio da familia e dos amigos non sería posible continuar este traxecto. Penso que cada vez máis o tema da sustentabilidade é fundamental no xeito como nos comportamos como cidadáns e consumidores. É unha cuestión ben definida pola Unesco nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, que teñen que ser palancas importantes para proxectos como o meu.

Estratexia ICL para abonado de cereal

Para realizar unha estratexia de abonado correcta no cultivo do cereal, é fundamental, en primeiro lugar, analizar o comportamento dos nosos solos agrícolas e as súas reaccións naturais, analizando a achega de nitróxeno e fósforo ao solo mediante abonos orgánicos ‘ versus’ a achega con fertilizantes minerais. O primeiro paso para obter unha boa produción é analizar os chans e ver as súas carencias ante as demandas do cultivo.

Así, por exemplo, en Castela e León atopamos chans con ph moi básico, con moito calcio, pouco fósforo dispoñible, baixos de materia orgánica, con risco de erosión e carencias de ferro, xofre e outros nutrientes. En Galicia, en cambio, a norma será a carencia en calcio. Por tanto, é importante coñecer as carencias para poder nutrir os solos de acordo coas mesmas e segundo as necesidades concretas de cada cultivo: non é o mesmo fertilización que nutrición precisa.

Sementeira
Desde ICL Specialty Fertilizers apóstase polo uso de fertilizantes de liberación controlada ( CRF), que se achegan de forma localizada xunto á semente, cunha porcentaxe encapsulada tanto de nitróxeno como de fósforo. É moi importante que o nitróxeno dure ata a aplicación da coberteira e, tamén, evitar que o fósforo aplicado non se bloquee no solo por un pH elevado.

Para iso, ICL dispón de diversas tecnoloxías de encapsulado para os seus abonos de liberación controlada, como son Poly- S, Resin ou E-Max, que permiten elixir a forma de liberación e lonxevidade máis adecuadas, segundo as necesidades do cultivo, data de plantación e tipo de chan.

Para un bo abonado do cereal, é recomendable utilizar na época de sementeira formulacións de ICL altas en nitróxeno e fósforo, como Agromaster Start Mini (21-21-5+Mg), Agromaster Start (23-25-5) e Agromaster Start (15-46-0), que ofrecen de 2 a 3 meses de lonxevidade e todos eles co nitróxeno e o fósforo parcialmente encapsulados ao 100%, para evitar a súa perda e bloqueo no solo.

Detalle dos microgránulos nas raíces do cereal.

En canto ás doses para aplicar, no caso dos fertilizantes de liberación controlada e aplicados de xeito localizado, tipo Agromaster Start, pódense reducir as doses ata os 50-75 kg/ha, grazas á eficiencia do fertilizante CRF. O aplicar estas doses baixas en sementeira permítenos mellorar a condicionalidade e poder incrementar as nosas unidades fertilizantes para a coberteira.

Aplicación de coberteira
Nos meses de xaneiro e febreiro é a hora de incorporar a coberteira do cereal e para iso tamén podemos utilizar a gama Agromaster, que nos axudará a realizar unha coberteira eficiente na aplicación do nitróxeno na fase de afillamento do cereal, grazas á liberación controlada do nitróxeno, nas súas diferentes formas, ureica, amoniacal e nítrica.

Abonos foliares
Desde febreiro ata maio son datas para a aplicación dos herbicidas selectivos en cereal. Para iso debemos recorrer aos abonos foliares como Agroleaf, que nos axudarán a ter un mellor efecto do herbicida, a evitar a tensión provocada no cereal polo herbicida selectivo e axudarannos a cubrir as carencias do cultivo, mellorando o seu afillamento e crecemento ata o estadio de folla bandeira.

Os abonos foliares Agroleaf, teñen diferentes formulacións para satisfacer as nosas necesidades no cultivo, sendo probados con diferentes herbicidas e funxicidas no cereal. Poden consultar as táboas de compatibilidade no catálogo xeral de agricultura de ICL.

Para realizar aplicacións de fertilizante soluble nos cultivos extensivos e cereal, pode recorrer á nosa gama de solubles Nova.

Máis información na web de ICL.

O trigo do país duplicará a súa produción coa nova IXP Pan Galego

Parcela sementada con trigo callobre a piques de ser recollido Era un dos distintivos de calidade máis agardados para os produtos agroalimentarios galegos. Despois de 20 anos de traballo e trámites burocráticos, a aprobación definitiva da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego abre novas oportunidades para a produción de trigo das variedades autóctonas callobre e caaveiro. As dúas asociacións que hai producindo hoxe trigo galego (Triaga e Procegal) aumentaron progresivamente nos últimos anos o número de socios e hectáreas plantadas, a medida que as panadarías foron apostando polo cereal autóctono como sinal distintivo para a diferenciación do seu produto no mercado. Os produtores de pan, agrupados na Federación Galega de Panadarías (Fegapán) agardan poder usar o distintivo da nova IXP canto antes, unha vez que a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), encargada da certificación do pan amparado baixo o selo de calidade, culmine cos aspectos técnicos para a implantación da nova IXP. "Estamos traballando xa en colaboración con Agacal no Regulamento e na constitución do Consello Regulador provisional para que a IXP comece a funcionar ao longo do 2020", explica César Manuel Fieiras, presidente de Fegapán, que aglutina desde o ano 1979 ás asociacións provinciais de fabricantes de pan, e que fai uns meses reclamaba "sementar Galicia de trigo e centeo autóctonos". Garantir a trazabilidade da leira á mesa O grupo de panadarías Da Cunha, con 150 empregados e con mercado a nivel autonómico e estatal, foi pioneiro na utilización de trigo do país e no impulso á produción de cereal autóctono. "Levamos 30 anos apostando polo trigo autóctono e hai xa un camiño andado tanto por parte nosa como tamén doutras empresas como Calfensa", afirma Fernando Almeira, técnico do grupo Da Cunha. A empresa de Carral logrou nos últimos anos poñer en marcha os distintos procesos necesarios para implementar a trazabilidade do pan feito con trigo caaveiro desde a leira na que é sementado até a mesa do consumidor. Ten acordos con produtores aos que facilita a semente e garante a recollida de toda a súa produción. Dispón ademais de instalacións para moer o cereal nas que mediante muiños de pedra logran incorporar á fariña tanto o interior do gran como a parte fina da cuberta. Esa materia prima é empregada tanto por Da Cunha como por outras panadarías integradas en Fegapan ás que é vendida.
Agardan que a produción de semente chegue a duplicarse no prazo de dous anos
Da Cunha conta tamén desde o ano 2017 coa empresa Semillas Setes, que actúa como entidade multiplicadora de semente certificada. No 2019 produciron 70 toneladas de semente certificada R1 e R2 a partir da semente base producida polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Esa semente multiplicada é logo comercializada a agricultores das catro provincias galegas para o seu cultivo. Fernando agarda "ampliar ostensiblemente" no 2020 o volume de semente certificada R2, a usada maioritariamente polos produtores de cereal galegos, o que implicaría incrementar considerablemente tamén as hectáreas sementadas e a produción final alcanzada, que podería duplicar a actual nun prazo de dous anos. A produción concéntrase nas Mariñas, Xinzo, Val de Lemos e A Terra Chá
Triaga, promovida por Da Cunha, que merca toda a súa produción, reune a 60 agricultores de toda Galicia. En Vilalba hai outra asociación máis pequena, Procegal, cunha ducia de produtores que comezaron a labrar trigo autóctono fai 3 anos
Para promover a produción agrícola de trigo galego, o grupo Da Cunha impulsou a creación dunha asociación de produtores, Triaga, con implantación nas catro provincias galegas. Con todo, a produción actual de trigo caaveiro concéntrase fundamentalmente en dúas ducias de concellos das provincias da Coruña, Ourense e Lugo. As Mariñas na Coruña (sobre todo en Laracha, Carballo, Ferrol e Carral), a comarca de Xinzo de Limia en Ourense e as da Terra Chá e o Val de Lemos en Lugo son as principais zonas produtoras de Galicia. Triaga reune neste momento a uns 60 produtores e Procegal, a outra entidade que aglutina a agricultores de cereal autóctono, xunta a unha ducia en concellos da Terra Chá. En conxunto sumarían unhas 500 hectáreas labradas este ano (450 Triaga e 50 Procegal). Luis Urquijo, investigador encargado do mantemento do Banco de Xermoplasma de cereais de inverno do CIAM, engade a esas 500 hectáreas de semente autóctona certificada caaveiro e callobre outras 1.000 ou 1.500 hectáreas doutras variedades panificables tanto autóctonas como foráneas espalladas por toda Galicia. Incremento de valor en toda a cadea Unha das claves para que a superficie de trigo se amplíe nos vindeiros anos está no aumento da demanda e no reparto do incremento de valor do produto en todos os elos da cadea. "Estamos seguros de que o consumidor lle dará o visto bo ao novo pan certificado dentro da IXP e iso ten que servir para lograr valor engadido para todos, desde o panadeiro ao agricultor, para que iso repercuta no incremento da sementeira de trigo do país", defende Carlos Fieiras.
O prezo do trigo autóctono para pan é duns 40 céntimos por quilo, o dobre do que se lle paga aos produtores de trigo destinado á fabricación de penso para alimentación do gando
É algo no que concorda Fernando Almeira, que considera que ese crecemento ten que ser acompasado. "O cultivo de trigo galego dependerá de como vaia tirando o mercado, porque non podemos producir máis fariña autóctona da que demandan as panadarías", di. Da Cunha garante a saída de toda a súa produción a aqueles agricultores cos que ten acordos. O prezo para o trigo do país é maior que para o trigo de variedades foráneas e pode rondar os 40 céntimos por quilo, o dobre que o que se paga por un trigo colleitado para facer penso para alimentación do gando. Carlos recoñece que o incremento de rendibilidade para o produtor é unha das premisas para que se labre máis trigo autóctono. "Para lograr diferenciar o pan hai que traballar desde a orixe. A nova IXP non supón grandes cambios na forma de elaborar, unicamente na obriga de usar como mínimo unha cuarta parte de fariña de variedades autóctonas e eu agardo que iso axude a impulsar o cultivo en fincas paradas, a medida que as panadarías se vaian sumando a facer as cousas polo libro, o que non sabemos é o rápido que vai ser ese camiño", di. Axudas para preparar as fincas Este panadeiro, cun dos dos obradores máis antigos de Lugo, Panadería Raposo, aplica a mesma receita para outros cereais como o centeo. "A maior parte dos panadeiros que facemos pan de centeo empregamos centeo foráneo porque en Galicia colleitase moi pouco", afirma.
A superficie total destinada en Galicia a cultivo de trigo, tanto para pan como para penso, rondaría as 16.000 hectáreas, pero moitas fincas que están baldías servirían para botar tanto trigo como centeo
En total, sumando o destinado a produción de fariña para pan e o que ten uso forraxeiro e para alimentación de gando, as hectáreas destinadas a cultivo de trigo en Galicia rondarían as 16.000, aínda que a superficie susceptible de acoller novas producións de trigo seria moito maior. A directora da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, María Ángeles Romero, aseguraba hai un ano nesta entrevista en Campo Galego que "hai moitas terras con características edafolóxicas e climáticas axeitadas para o cultivo de cereal que están baldías dende fai moitos anos, e que poderían recuperarse para cultivar trigo ou centeo", afirmaba.
Para aumentar o cultivo de cereal en Galicia Fegapán propón habilitar unha liña de axudas para desbroces, o que permitiría reducir os custos da primeira sementeira en fincas que levan tempo paradas
O presidente de Fegapan propón que se habilite desde as Administracións públicas unha liña de axudas que sirva para impulsar o cultivo sobre todo en fincas que levan moito tempo paradas e que precisan traballos previos de acondicionamento. "Cando as parcelas levan moitos anos abandonadas é necesario desbrozalas, co cal increméntanse os custos de produción, o que fai que a xente non vexa clara a viabilidade en moitos casos. Se se reduciran eses custos iniciais da primeira sementeira quizais se animara máis xente a botar trigo ou centeo en terras que están sen uso a día de hoxe", argumenta. "Podería ser unha alternativa para o campo, porque entran miles de toneladas continuamente de trigo de fóra e unha parte poderiamos suplilo con trigo galego. As variedades autóctonas teñen características moi válidas para facer pan, aínda que é certo que para elaborar ben necesítase mesturalo con outro trigo", explica Carlos, que defende o uso de semente certificada porque "ofrécelle garantías aos panadeiros á hora de facer o pan con ela". Outro dos problemas que limita a produción de trigo é que moitos agricultores non contan coa infraestrutura necesaria para o almacenamento do gran,  polo que dependen de que haxa saída para toda a produción non momento da recollida. "Non está esa parte do ciclo ben rematada a día de hoxe. Hai que dar garantías ao produtor para que saiba que ten a recollida garantida no momento no que colleita o cereal", defende o presidente dos panadeiros galegos. Evitar a fraude A IXP Pan Galego obriga a usar un 25% de variedades ou ecotipos autóctonos e fixa o modo de elaborar desde o amasado até que o pan sae do forno. Os panadeiros agardan deste xeito poder acabar coa fraude que se estaba producindo, sobre todo fóra da nosa comunidade, onde se estaba a comercializar mesmo pan conxelado co nome de pan galego. "Pensamos que a IXP será útil para evitar a fraude que se está dando fóra de Galicia, onde se estaba usando o nome de pan galego sen selo e sen estar producido en Galicia", asegura Fernando Almeira. "En colaboración coa USC e co CIAM, estamos traballando para poder certificar a fariña de trigo caaveiro no saco a través da análise xenética e microscópica", explica.
Os panadeiros galegos consideran "ambiguo e insuficiente" o Real Decreto sobre calidade do pan aprobado no mes de maio a nivel estatal
O distintivo de calidade para o pan galego podería suplir as carencias da normativa actual, de recente aprobación pero insuficiente para diferenciar o alto nivel do pan producido en Galicia. "A IXP servirá para apuntalar a imaxe de calidade do pan artesán galego, que non pode depender de lexislacións como o Real Decreto aprobado no mes de maio a nivel estatal, que resulta ambiguo e insuficiente para o pan galego, necesitado de protección e dunha norma máis estrita e rigorosa que aclare de forma eficaz ao consumidor ante que produto se atopa”, opina Carlos Fieiras.

O traballo do CIAM, unha labor básica

Táboa comparativa das características alveográficas das dúas variedades de trigo autóctono Que haxa hoxe trigo galego no mercado depende criticamente de que Mabegondo siga subministrando semente de base. Desde o 2002 no CIAM empezouse a facer un banco de xermoplasma tanto de trigo autóctono, que conta na actualidade con 194 variedades, como de centeo autóctono, con 88 variedades. Grazas ao traballo de investigadores como Luis Urquijo, no 2006 rexistrouse a variedade comercial de trigo autóctono Callobre, coa que se traballou todos estes anos nunha transferencia desde o CIAM até as panadarías, e no 2015 rexistrouse a variedade de conservación de trigo autóctono Caaveiro. Son as dúas variedades certificadas que se están plantando nas leiras dos produtores que nos últimos anos apostaron polo cultivo de cereal autóctono.
A variedade caaveiro ten máis forza panadeira que a callobre e tamén un maior rendemento na parcela, cunha produción que pode chegar aos 3.800 quilos por hectárea
Entre os anos 2008 e 2017 recolléronse mostras de distintas parcelas e de ensaios realizados coas dúas variedades rexistradas até o momento para analizar a calidade alveográfica do trigo autóctono galego, realizándose 164 analíticas de trigo callobre e 47 de caaveiro. Os resultados indican que a proteína do caaveiro e do callobre está de media por enriba do 14,5%. No que se diferencian sen embargo as dúas variedades é na forza panadeira, que é mellor no caaveiro (179 julios fronte aos 102 do callobre). "É o que permite que o pan suba. Esa é a principal vantaxe do caaveiro sobre o callobre e tamén o seu maior rendemento na parcela, que se constata nun 30-40% máis de producción, chegando aos 3.800 quilos por hectárea nos ensaios realizados nos anos 2016 e 2019, ao que se engade tamén o feito de que o caaveiro tamén tivo menor encamado nas parcelas nas que se probou, tanto na Pobra do Brollón como en Xinzo", explica Luis Urquijo, que recoñece que a mellora tanto en produción en campo como no resultado final á hora de ir ao forno da variedade caaveiro fronte á callobre está a animar aos agricultores a sumarse ao proxecto para producir trigo de esta variedade para as panadarías galegas.

Rexistro de tres novas variedades no 2020

Luis Urquijo, explicando un dos ensaios realizados na Finca Robles da Pobra do Brollón, pertencente ao CIAM O CIAM segue traballando en varios ámbitos en relación ao trigo autóctono. Máis alá de seguir producindo semente base para multiplicar e posteriormente sementar con ela as leiras, teñen practicamente rematado o proceso para seguir ampliando o abano de variedades dispoñibles. De feito, segundo explica o responsable do banco de xermoplasma de cereais de inverno, queren rexistrar en 2020 tres novas variedades de conservación (Miño, Riotorto e Arzúa), que están listas xa para facer a solicitude de rexistro no mes de agosto. Son similares á variedade caaveiro en canto a forza panadeira e tamén en produtividade (entre 3.000 e 4.000 quilos por hectárea).
O CIAM traballa nun programa de mellora xenética para lograr un acortamento do 30% do tallo para reducir os problemas de encamado
As cinco variedades coas que se está a traballar (Callobre, Caaveiro, Miño, Riotorto e Arzúa) son de talle alto e teñen un problema de encamado que vai en contra delas. Por iso, o CIAM ten en marcha tamén un programa de mellora no que están intentando reducir a altura do tallo, cun acortamento do 30% en altura, logrando así un tallo máis groso e máis forte que o que había no caveiro e callobre, e gañar ao mesmo tempo deste xeito en produtividade ao reducir as perdas en campo á hora da recollida. A altura do tallo é un problema en canto ao aproveitamento do grao, sen embargo, resulta vantaxoso no aspecto relativo ao aproveitamento forraxeiro da palla. A altura da pranta tamén favorece o combate natural das malas herbas por asombramento.

O proxecto dunha panificadora para celíacos, premio da Cátedra do Pan

O proxecto dunha panificadora acaba de acadar o primeiro posto da segunda edición dos Premios da Cátedra do Pan e do Cereal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), promovida en colaboración co Grupo Dacunha. O proxecto foi presentado por Roberto López Toja, graduado en Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. A proposta empresarial levou un premio en metálico de 1.000 euros e a posibilidade de asinar un contrato laboral no Grupo Dacunha. O proxecto foi presentado baixo o título ‘Panificadora de pan precocido conxelado para celíacos, produción de 4.000 quilos día, situada no polígono de Alvedro’. Nesta proposta aportábanse alternativas para sortear as limitacións propias das persoas que sofren intolerancia ó glute, que en Europa supón xa o 1% da poboación. A iniciativa premiada ten en conta rigorosos mecanismos de control durante todo o proceso de elaboración do pan, dende a moenda do cereal, a fase de amasado do pan, cocido e distribución. O proxecto integra asemade unha serie de técnicas innovadoras aplicadas ó método tradicional de panificación, como é o emprego de masa nai, ó tempo que documenta polo miúdo pautas de máximo respecto a parámetros relacionados coa seguridade e a saúde, residuos de construción ou planos nos procesos de construción e edificación da industria.

O consumo de pan na poboación sénior

O segundo dos premios do certame, dotado de 500 euros, recaeu nun traballo sobre a inxesta de pan entre a poboación sénior. O graduado en Nutrición e Dietética Javier Cancela Rodríguez realizou unha radiografía desta franxa da poboación a través de 150 enquisas persoais sobre os hábitos de consumo de pan, así como os cambios na alimentación ou sobre o coñecemento que teñen da composición deste alimento e do seu valor nutricional. O traballo de campo permite constatar o descoñecemento entre a poboación de máis idade da relación entre hidratos de carbono e saúde. Aínda así, máis do 80% dos consultados estima que non é preciso eliminar o pan da dieta para adelgazar. A continuidade do pan na mesa está garantida para máis do 90% das persoas enquisadas, que tamén recoñece un empeoramento do sabor e da textura deste produto alimenticio. A poboación sénior decántase polo pan tradicional fronte aos precocidos, conclúe este estudo, que cifra en 82,33 gramos diarios o consumo medio de pan.

Cultivo do cereal á sombra

O terceiro premio outorgado nesta convocatoria pola Cátedra do Pan e do Cereal Dacunha da USC, un galardón dotado con 250 euros en metálico, recaeu no tamén graduado en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Rafael Abad Trasancos. O traballo presentado avaliou o desenvolvemento de distintas especies e variedades de cereal baixo diferentes condicións de sombra.
Avalían cereais como o millo, o trigo ou o centeo para empregalos en sistemas agroforestais para obter forraxes
Abad Trasancos avalía neste estudo o efecto que produce a sombra proxectada do extracto arbóreo sobre o desenvolvemento de cultivos de cereal, implantados nas rúas que separan as liñas de arborado. No traballo avaliáronse diferentes variedades de especies coma o millo, o trigo ou o centeo, para seleccionar as máis acaídas para a implantación dun sistema agroforestal con elas. Nas conclusións, o enxeñeiro indica que o centeo ten unha menor capacidade para espigar en condicións de sombra que o trigo e que o millo, o que se debe á súa notable capacidade para medrar en menos tempo, o que o fai máis interesante para o seu emprego como forraxe nos sistemas agroforestais.

Os panadeiros galegos piden “sementar Galicia de cereal autóctono”

Os panadeiros do mundo conmemoran o 16 de outubro o Día Mundial do Pan, unha data que a Asociación Provincial de Fabricantes de Pan de Lugo (AFAPAN) e a Federación Galega do Pan (FEGAPAN) queren aproveitar para deixar constancia do seu desexo e traballo en prol de “sementar Galicia de cereal autóctono”, cuxo cultivo actual “non cobre a demanda existente”. O colectivo empresarial de panadeiros lucenses, que leva anos apostando polo respecto á tradición e á elaboración artesá do pan en Galicia como mellor xeito para “conservar e garantir a calidade do produto”, busca agora “incentivar de forma decidida o cultivo de cereal autóctono certificado (fundamentalmente trigo das variedades callobre e caaveiro e centeo do país) no rural galego”, segundo explica o presidente de AFAPAN, César Manuel Fieiras, que asumiu tamén recentemente a presidencia da Federación Galega.
A produción actual de trigo das variedades callobre e caaveiro e de centeo do país non chega para cubrir a demanda existente
Igualmente, sinalan que promover este tipo de cultivos é unha forma de facilitar “o desenvolvemento económico e social do medio rural galego, con beneficios claros e inmediatos para as zonas onde se produzan estas plantacións, e coa posibilidade real de contrarrestar o rápido despoboamento destes territorios e de loitar contra a Galicia baleirada”. As asociacións do pan galegas destacan que se senten “moi orgullosas do camiño percorrido ata o momento, que levou a que o pan galego sexa considerado como un dos mellores do mundo”, grazas ao apego á tradición e ao soporte de entidades como a Xunta de Galicia a través do persoal da Consellería do Medio Rural, “que leva tempo asesorando e apoiando ao colectivo en demandas concretas”. Recuperar a materia prima autóctona fronte á que vén de fóra Con todo, cren que aínda “queda moito por facer”, e que nese camiño “recuperar e poñer en valor o noso, a materia prima autóctona, fronte á foránea, é a forma máis intelixente de apontoar o futuro do sector porque temos un produto único e imposible de imitar noutras latitudes e con outras fórmulas de traballo e ingredientes”.
Queren que haxa unha formación teórico-práctica regrada, en forma de FP dual, que permita a transmisión de coñecementos e técnicas dos panadeiros tradicionais galegos aos mozos que se incorporen ao sector
A patronal dos panadeiros considera que “sementar cereal autóctono en Galicia é a mellor maneira de manter e mesmo mellorar a calidade do pan”, sempre da man “do saber facer, o coñecemento e a experiencia dos actuais panadeiros do país”. Nesta liña, AFAPAN e FEGAPAN tamén traballarán por conseguir en Galicia “unha formación teórico-práctica regrada, a través dunha formación profesional dual, que garanta a transmisión desta tradición e experiencia dos panadeiros tradicionais galegos a mozos que se incorporen a esta profesión”. "Un superalimento imprescindible en calquera dieta" O Día Mundial do Pan celébrase todos os 16 de outubro, como data elixida pola Federación Internacional de Panadeiros (UIB) para promover o consumo do pan polos beneficios e as propiedades nutritivas que posúe. Afapan e Fegapan lembran ademais no Día Mundial do Pan que “o pan non soamente é un alimento básico, senón que as súas propiedades nutricionais, se se segue un método de elaboración artesanal, transfórmano nun superalimento imprescindible en calquera dieta saudable”.
"O Real Decreto estatal aprobado en maio resulta ambiguo e insuficiente para o pan galego, que necesita unha norma máis estrita" (César Manuel Fieiras, presidente de FEGAPAN)
AFAPAN é a asociación máis representativa do sector de panadarías na provincia de Lugo. Traballa constantemente pola mellora do colectivo no seu conxunto con iniciativas para aumentar a calidade dos seus produtos e mellorar a súa comercialización e promoción. Pola súa banda FEGAPAN aglutina ás asociacións provinciais de panadarías de Galicia desde 1979, e a súa directiva traballa nestes momentos con novos e variados obxectivos, que pasan por apontoar a imaxe de calidade do pan artesán galego, “que, entre outras cuestións, non pode depender de lexislacións como o Real Decreto aprobado no mes de maio a nivel estatal, que resulta ambiguo e insuficiente para o pan galego, necesitado de protección e dunha norma máis estrita e rigorosa que aclare de forma eficaz ao consumidor ante que produto se atopa”.

Ensaios para lograr variedades de millo para panificar

Sinatura do convenio entre a USC, o CSIC e a panadaría Da Cunha A Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha da USC e o CSIC están a impulsar o cultivo de variedades autóctonas de millo aptas para panificar mediante un acordo que contempla dúas parcelas experimentais en Lugo e Ourense. A Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha, promovida pola USC e o grupo de panaderías Da Cunha, colaborará coa Misión Biolóxica de Galicia, dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas no desenvolvemento do proxecto de investigación Variedades autóctonas de calidade para a obtención de pan de millo de calidade, segundo se recolle no acordo asinado esta semana polo reitor da USC, Antonio López Díaz, a directora da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), María Elena Cartea, e o xerente e propietario do grupo Da Cunha, Manuel Da Cunha. O obxectivo desta liña de colaboración, que “constitúe un exemplo de transferencia de coñecemento cara a sociedade”, salientou o reitor Antonio López, pasa por avanzar na promoción e no desenvolvemento do cultivo e dos usos do millo producido en Galicia. Este ambicioso cometido rexe as diversas actuacións científicas e tecnolóxicas contempladas no plan de traballo establecido neste acordo entre a Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha da USC e o CSIC e cuxo obxectivo último é o de favorecer e potenciar o cultivo de millo panificable. Os primeiros pasos a seguir pasan pola elección e posterior establecemento de dúas parcelas de ensaio en zonas diferenciadas das provincias de Lugo e Ourense. Unha vez seleccionados os emprazamentos, o grupo empresarial Da Cunha en colaboración cos agricultores propietarios procederá a realizar as instalacións necesarias para que as parcelas de ensaio se aproximen na medida do posible ás plantacións de millo tradicionais, aínda que cun deseño apto para a toma de datos (crecemento do millo, seguindo a súa fenoloxía, así como outros parámetros relacionados coas sensibilidades a pragas, enfermidades ou datos de produción) e outras labores experimentais, unha tarefa da que se ocupará persoal da Misión Biolóxica de Galicia. Nunha fase posterior procederase á achega da semente de dous ecotipos (Tuy e Rebordanes), previamente seleccionados pola MBG-CSIC. A estas sementes engadiráselles adicionalmente dúas variedades comerciais de millo de referencia e coas que xa traballa na actualidade o grupo Da Cunha, que se encargará tamén dos procesos de moído e da propia elaboración da fariña, así como do amasado e a feitura e coción do pan.

Piornedo recupera a malla comunitaria do centeo para arranxar as súas pallozas

O principal de núcleo de pallozas, palleiros e hórreos teitados con palla nos Ancares está en Piornedo (Cervantes, Lugo), un pobo que conta con preto dunha vintena de construcións con teitos de centeo. O mantemento de todas esas instalacións tradicionais, a parte de traballoso, é caro e conta con escasos apoios institucionais, o que obrigou ós veciños a organizarse para buscar solucións. Cinco casas do lugar crearon a asociación ‘Teitos de Piornedo’, coa que queren promover a conservación das pallozas. Estes días veñen de celebrar a súa primeira malla conxunta. O colectivo, integrado por familias que teñen construcións con teitos de palla, sementou en conxunto dúas fincas de centeo co obxectivo de facerse con palla para o arranxo das pallozas. Este ano tomaron o cultivo como unha primeira proba experimental, con diversas variedades cultivadas en menos dunha hectárea, na busca da palla máis axeitada para os teitos. Para o ano prevén cando menos dobrar a superficie e afinar nas variedades a cultivar. A experiencia confirmouse positiva, malia os problemas derivados das continuas incursións do xabarín, que se non se daban freado nin sequera con pastores eléctricos convencionais. De cara á próxima campaña, valoran a colocación de mallas con pastor, a fin de reducir danos. Todo o centeo colleitado mallouse este fin de semana cunha máquina antiga adquirida polos propios veciños, unha malladora Campeva que localizaron en Zamora e que sacaron da xubilación. Foi unha xornada completa de malla. Primeiro separouse a palla do grao e logo escolmouse, unha tarefa que consiste en pasar a palla por un ‘peine’ metálico, a fin de eliminar herbas e pallas dobradas, seleccionando o colmo, que é a palla que se utilizará para os teitos.
Galería de imaxes
Procesado do centeo na malladora para separar grao e palla.
“O balance é moi positivo. Este é o primeiro ano que a asociación fai a malla, e aínda que non logramos moita palla, arredor duns 80 colmos -feixes de palla seleccionada-, demos un primeiro paso para implicarnos na conservación das pallozas e hórreos”, explica Isolina Rodríguez, da asociación Teitos de Piornedo. “A cuestión é que desde o 2010, a Xunta desentendeuse do mantemento anual dos teitos. Nós estamos dispostos a poñer da nosa parte, aínda que o que poidamos facer nós claramente non é suficiente”, valora. Se se ten en conta que o prezo de renovar un metro cadrado de teito ronda os 150 euros, e que hai veciños con máis de 300 metros cadrados de teitos, enténdese o calibre das tarefas a acometer. “A nosa idea é ir renovando pequenas partes dos teitos cada ano, dándolle a volta á palloza ata volver a comezar. É como se fixo sempre e evita ter que sustituír todo un teito de golpe, o que é moi complicado e caro”, expón Isolina. Situación na comarca As dificultades de conservación das pallozas explican unha práctica habitual na comarca, o teitado das antigas pallozas con uralita, a fin de evitar a súa perda completa. “É unha solución provisional que evita que se perda a construción, aínda que non é o ideal”, recoñece Isolina Rodríguez. O Centro de Desenvolvemento Rural dos Ancares está tratando de recuperar pallozas e hórreos abandonados ou teitados con uralita en distintos pobos da serra, un esforzo que xa está a dar os seus primeiros froitos. En Piornedo só teñen unha palloza tellada con uralita, aínda que hai outras con teitos de centeo que presentan unha conservación deficiente. A asociación ‘Teitos de Piornedo’ engloba polo de agora a cinco casas que se comprometeron no mantemento dos seus teitos. O obxectivo do colectivo é implicar a tódolos veciños, aínda que non é fácil. “Hai xente maior ou que vive fóra ou que non pode afrontar o mantemento das pallozas, así que hai algunhas pallozas en mal estado”, recoñece Isolina. Trala malla da pasada fin de semana, as familias integrantes da asociación poderán acometer pequenas renovacións nos seus teitos. “Cada metro cadrado require de 3 ou 4 colmos, así que non poderemos facer moito, pero é un comezo”, destaca Isolina. Grao de centeo para usos propios e para venda O outro froito da malla, o grao, adicarase en parte a elaborar pan e empanada para unha celebración comunitaria, á que a asociación convidará tamén a persoas próximas que colaboraron na malla. Está previsto ademais que un colaborador elabore unha cervexa artesá con centeo de Piornedo, e o gran restante venderase. “É grao de calidade, cultivado en ecolóxico, aínda que non temos a certificación. Serán algo menos de 200 quilos e estamos abertos a súa venda ás persoas interesadas”, explica Isolina Rodríguez.

“A recuperación das pallozas e hórreos pode ser unha vía para que se volva cultivar centeo”

Xunto coa biodiversidade dos seus montes, as pallozas e os hórreos con teitos de palla, as cabanas teitadas de lousa ou as sebes tradicionais son parte do atractivo e singularidade dos Ancares. Porén, moitas destas construcións singulares esmorecen a día de hoxe nas aldeas da montaña lucense. No Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) dos Ancares teñen claro que a conservación deste patrimonio é unha vía para revitalizar os núcleos rurais e un xeito máis de contribuír a fixar poboación. Por iso, focalizaron esforzos en facer posible a recuperación destas construcións.
Nos últimos tempos arranxaron o teito de palla dun hórreo e o de lousa dun antigo muíño
Nos últimos tempos conseguiron que se restaurase o teito de palla dun dos hórreos situados na aldea de Castelo de Frades, na parroquia do Cerexeido, en Cervantes (Lugo), así como o de lousa dun antigo muíño ó que xa se lle derrubara o teito. As dúas actuacións foron financidas coas axudas que a Consellería de Medio Ambiente destina para investimentos non produtivos con obxectivos agroambientais dentro da Rede Natura 2000, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Estas axudas conservan unha liña que xestionan os concellos, pero abriuse outra liña para que poideran solicitar as axudas os propietarios particulares.

Unha oportunidade para recuperar cultivos

Colocación da palla no teito dun hórreo restaurado nos Ancares. A restauración de construcións tradicionais como os hórreos ou pallozas, con teitos de palla,é tamén unha oportunidade para recuperar oficios tradicionais, como o de teitador,ou o cultivo do centeo, cuxa palla se emprega nas cubertas. “Volcámonos na recuperación destas construcións porque é un xeito de crear nichos de emprego”, apunta David López, enxeñeiro forestal que colabora directamente co CDR e que se encargou de xestionar e informar sobre estas axudas ós veciños. Teitar de novo con palla, logo de que moitas destas construcións foran teitadas de xeito provisional con chapas metálicas para evitar que se derrubasen, supón tamén un reto, xa que o cultivo do centeo foi case desaparecendo destas zonas. “Recuperar estas construcións pode ser un xeito de que se volva cultivar centeo ou outras variedades de cereal en searas abondoadas e que suporían unha discontinuidade na actual expansión do mato, reducindo a combustibilidade dos ecosistemas”, indica o enxeñeiro.
Nos Ancares o cultivo do centeo esta practicamente perdido e escasea a palla para os tellados
David tamén apunta a que se poida establecer unha colaboración con outras entidades como o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) onde levan tempo conservando no seu banco de xermoplasma diferentes variedades de cereal. “Nós estaríamos moi interesados en dispoñer de semente de centeo autóctona, e poderiamos reproducir e incrementar as reservas varietais e aproveitar a palla, que é o que precisamos para os teitos”, refire David. A escaseza desta palla é tal que para a recuperación deste hórreo a palla veu dende Astorga. “Nos Ancares este cultivo está case practicamente perdido”, apunta o enxeñeiro. De feito, coa intención de contar con palla para restaurar os teitos, no Piornedo a Asociación ‘Teitos de Piornedo’ sementou dúas fincas de centeo. Pero a escaseza fai que para teitar se procure a palla noutros lugares. “Un teitador moi activo, que é o unico que practicamente teita neste territorio, está barallando a posibilidade de traela palla dende Polonia”, indica López.

Un oficio tradicional, con escaso relevo xeracional

Outra das dificultades que se atopan para levar a cabo a recuperación destas construcións, sobre todo daquelas como os hórreos e as pallozas, con teito de palla, é atopar quen domine este oficio. Juan González Abella, da empresa Construpiedra Burbia S.L., é un dos poucos teitadores que queda nesta zona e que gusta de recuperar este patrimonio. Escolares dos Ancares nun taller sobre os teitos de palla. O feito de que apenas se fagan teitos de palla condiciona que moitos dos que coñecían como colocar a palla optaran por dedicarse a outros traballos. Ademais, “colocar, prensar e atar a palla ó teito é un traballo duro”, apunta David. Neste oficio tamén hai pouco relevo xeracional e coa intención de amosarlle o oficio ós máis novos, a Asociación O Teixeiro de Piornedo, coa axuda de Construpiedra Burbia S.L., organizou unha sesión con escolares dos colexios de Cervantes e Navia de Suarna para que coñeceran como se constrúen estes teitos.

Patrimonio por recuperar

Ademais de abrir a porta á recuperación do cultivo de cereais e de manter oficios tradicionais, a recuperación destas construcións está sendo un xeito de dinamizar a actividade e a vida destas aldeas, ademais de ofrecerlle melloras ós habitantes e loitar contra o abandono. “Hai que facilitarlle as cousas á xente para que non decidan marchar”, apunta David. Conxunto de alto valor, pendente de restaurar, conformado por palloza e hórreo, en Cereixedo (Cervantes). Xunto co hórreo de Castelo de Frades, tamén se recuperou un antigo muíño con teito de lousas e traballan nunha recompilación de construcións localizadas en distintas aldeas que poderían recuperarse. “Historicamente centráronse os esforzos en dous núcleos, no Cebreiro e no Piornedo, agora bastante minguados, pero quedan moitas construcións por recuperar que poden ser útiles para os veciños noutras moitas aldeas”, apunta López. Boa parte dos hórreos úsanse polos veciños a modo de despensa onde conservan as colleitas: cereais, patacas, fabas ou outras legumes.
Boa parte dos hórreos úsanse polos veciños a modo de despensa onde conservan as colleitas
Un dos núcleos onde contemplan que se podería recuperar hórreos e pallozas é o de Deva, onde xa só queda un veciño, que conta cunha gandería de vacún. “O traballo que está a facer este veciño pola conservación da paisaxe e da biodiversidade é moi importante, tendo en conta que ademais aí non cabe a mecanización dos traballos pola dificil orografía do terreo con elevadas pendentes, polo que supón un gran esforzo conservar os prados. Ademais o seu gando convive co oso e o lobo sen ningún tipo de problema grazas ó esforzo de aplicar medidas preventivas ós posibles danos”, recoñece o enxeñeiro.

Recuperar sebes e soutos

A parte das restauracións do patrimonio, tamén se levaron a cabo actuacións para mellorar prados de sega. Neste caso, as actuacións centráronse en mellorar as estruturas tradicionais de rega, así como o mantemento ou mellora das sebes nas lindes das fincas e a eliminanción de mato invasor. “Estas actuacións deberían contemplar melloras na estrutura completa da rega, senón os resultados están moi condicionados ó non poder mellorar todo o sistema e limitarse a unha finca en concreto”, explica David. Tamén estaba prevista outra actuación para a mellora dun souto, cunha axuda que fora aprobada pero á que finalmente tiveron que renunciar, posto que os prazos da convocatoria non se axustaban ós traballos a facer. En concreto, pretendíase realizar unha poda que, para poder xustificar a axuda, debía realizarse en pleno verán, a peor época para estes traballos nos castiñeiros, existindo risco de que secasen, o que motivou que se renunciase á partida.
O teito de palla adoita ser preciso renovalo cada 20 ou 25 anos.

A falta de información, un dos maiores atrancos

Pese a que en boa parte das aldeas hai construcións tradicionais que recuperar, a penas se están levando a cabo restauracións. Así, dende o Centro de Desenvolvemento Rural dos Ancares céntranse en informar ós veciños e propietarios das axudas dispoñibles para poder asumir estas actuacións de restauración e conservación, tanto do patrimonio como do hábitat.“Nós actuamos como informadores directos porque ningún organismo público se preocupa por informalos e os veciños descoñecen este tipo de oportunidades”, indica López. A gran dispersión dos núcleos rurais, a lonxanía ós organismos públicos, a ausencia de transporte público e o envellecemento da poboación destas zonas tamén son factores que limitan que os propietarios teñan coñecemento das axudas.
A falta de información e a dispersión das aldeas dificulta que os propietarios soliciten as axudas para as restauracións
“É unha poboación moi dispersa e que non está ó tanto destas subvencións porque non poden estar desprazándose continuamente a núcleos máis grandes para informarse e aquí non lles chega este tipo de información sobre axudas das que poden beneficiarse”, explica o enxeñeiro. Tamén a complexidade do proxecto que deben presentar ou o feito de que deban adiantar os custos da rehabilitación son outros dos obstáculos que detectaron dende a asociación. “Boa parte dos propietarios destas construcións son xente que non ten unha gran liquidez como para afrontar os pagos por adiantado que implican e que tampouco están acostumados a este tipo de xestións económicas, que lles resultan complexas”, apunta López.

Xornada sobre ensaios en cereais de inverno

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo celebrará o próximo martes unha xornada técnica na Finca Robles (A Veiga), na Pobra do Brollón, para expoñer os resultados dos ensaios 2016 de cereais de inverno. A sesión incluirá tamén unha visita ós campos de ensaio deste ano.

Mabegondo encárgase a nivel galego dos ensaios que desenvolve en todo o territorio estatal a rede Genvce (Grupo para la Evaluación de Nuevas Variedades de Cultivos Extensivos). O obxectivo da rede é testar de xeito independente parámetros como crecemento, rendementos ou resistencia a enfermidades nas novas variedades comerciais que saen á venda.

Programa da xornada técnica do 13 de xuño
10 horas – Charla técnica: Resultado trigos e centenos 2016. Problema da roia amarela.
11.30 – Visita de campo ás parcelas de ensaio de trigo de inverno e centeo híbrido.
13 horas – Fin da xornada.

A asistencia é libre e gratuíta, se ben recoméndase a inscripción previa a través do correo electrónico luis.urquijo.zamora (arroba) xunta.gal.

Xornada de campo de ensaios en trigos e centeos na Pobra do Brollón

A Finca Robles, na Veiga (A Pobra do Brollón), acolle este xoves 9 de xuño unha xornada de campo organizada polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo para dar a coñecer os resultados dos ensaios de cultivo de trigos comerciais e centeos híbridos. A actividade desenvolverase desde as 10 da mañá ata as 13 horas. Os ensaios que realiza Mabegondo desenvólvense no marco do Grupo para la Evaluación de Nuevas Variedades de Cultivos Extensivos en España (Genvce).

A xornada de campo iniciarase ás 10 da mañá cunha charla técnica na que se darán a coñecer os resultados dos ensaios 2015, así coma os resultados medios 2004-2013. A partir das 11.30 horas farase un percorrido polos campos de ensaios nos que se están facendo as probas da campaña 2015-2016.

A asistencia á xornada é libre, se ben é recomendable inscribirse previamente a través deste formulario.

Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (VI): o centeo

O centeo é un dos cultivos de máis arraigo na historia de Galicia, tanto para a alimentación humana como do gando. Hoxe en día o seu cultivo retrocedeu moito, aínda que se mantén nas zonas de montaña, sobre todo para alimentación animal. Os requirimentos do pago verde da PAC abren unha oportunidade para este cultivo.

Calendario de sementeira:

Requirimentos edafoclimáticos e de fertilización:

O centeo é o cereal de inverno máis rústico, resistindo ben o frío e os períodos secos, sendo pouco esixente en precipitacións, polo que se cultiva en climas moi diversos, dende os temperados aos semiáridos. O centeo é un cultivo de solos pobres e pouco fértiles, propios de climas temperados, onde a miúdo consiste a única alternativa de cultivo de cereal, aínda que prefire os solos profundos. A efectos de cálculo de fertilización, as producións medias de gran de centeo están comprendidos entre as 4 e as 6 toneladas por hectárea. Para un solo con niveis medios de fósforo e potasio e para unha produción estimada de 5 tn/ha de gran de centeo, deben aplicarse sobre 100 kg/ha de Nitróxeno, 65 de fósforo e 90 kg de potasio. O abonado de fondo incluirá todo o fósforo e o potasio, e un 25-30% do nitróxeno. O resto aplícase entre o afillado e o encanado. Se a finalidade é obter forraxe, para unha produción de 5 toneladas de materia seca por hectárea de forraxe ao inicio do espigado, a recomendación é aplicar 100 kg de nitróxeno, 60 de fósforo e 130 kg de potasio. O abono nitroxenado repartirase nun 30% na sementeira e un 70% na saída do inverno.
Débese evitar o exceso de abono nitroxenado
O centeo é máis sensible ao encamado que o trigo e o triticale, polo que non se debe superar nunca os 150 kg de nitróxeno por hectárea. Con respecto á acidez do solo, recoméndase ter un solo con menos dun 10% de aluminio. Para doses de encalado consultar o díptico “A fertilización dos cultivos”.

Variedades:

Débese ter en conta a precocidade. As variedades máis tardías son as máis axeitadas para o aproveitamento forraxeiro, xa que desenvolven unha maior biomasa e permanecen máis tempo en estado vexetativo para que poidan ser pastoreadas. Débense elixir variedades que se adapten ben ás condicións agroclimáticas da zona de sementeira e a data de aproveitamento que desexamos realizar.

Sementeira e preparación do solo:

O laboreo tradicional consta dunha labor profunda, a 20 ou 30 centímetros, para alzar a terra, enterrando os restos do cultivo anterior, e unha labra superficial cunha fresa, cun cultivador ou unha grade de discos en pase cruzado, para enterrar os fertilizantes e obter unha cama de sementeira axeitada. Para obter unha boa nacenza, necesítase sementar nun leito fino e húmido. A preparación do terreo será máis coidadosa canto máis tarde se realice a sementeira. Unha maior simplificación proporciónana as máquinas combinadas, que realizan varias labores nun mesmo pase, ou a sementeira directa, na cal non se realiza laboreo, e tan só se aplica un herbicida total contra as malas herbas, seguida da sementeira cunha sementadora especial.
 “Recoméndase realizar a sementeira entre o 15 de outubro e o 15 de novembro”
O momento da sementeira é esencial para acadar unha boa produción. Por tanto, recoméndase en altitudes baixas realizar as sementeiras entre o 15 de outubro e o 15 de novembro, xa que as sementeiras máis tardías poderían minguar os rendementos ou producirse danos por xeadas en estado de plántula. Se o destino é para aproveitamento por pastoreo, a sementeira adiantarase o máximo posible. A maquinaria que se debe utilizar na sementeira é unha sementadora de liñas, con separación entre 12 e 17 centímetros e profundidade de 2 a 4 centímetros. Centeo espigado A dose de semente recomendada é de 250 sementes por metro cadrado. No caso de centeos híbridos, a dose de sementeira recomendada é de 150 sementes por metro cadrado. Estas doses poden variar segundo o tipo de solo, climatoloxía da zona, ciclo da variedade elixida e momento da sementeira, que afectará ao nivel de afillado da variedade. As doses de sementeiras temperás sempre serán menores que as tardías. Se a sementeira se realiza a voleo, a dose de sementeira terá que incrementarse nun 25-30%. Utilización de herbicidas: Non se utilizan regularmente herbicidas no centeo, xa que a súa precocidade e alto afillado fan que se defenda moi ben das malas herbas e, ademáis, hai moi poucos herbicidas autorizados para gramíneas (Clortolurón 25% + Diflufenican 4%+ Pendimet 30%, fenoxaprop-p-etil). Para o control das malas herbas de folla ancha están autorizados os seguintes: bentazona 48, bromoxinil, carfentrazona etil, fluroxipir 20, tribenuron, bromoxinil + MCPP, tifensulfuron metil 50+ tribenuron metil 25. O máis importante é eliminar a competencia nos primeiros meses.

Manexo fitosanitario: enfermidades e pragas

O centeo, aínda que é menos sensible que a cebada e o trigo, pode verse afectado polas seguintes enfermidades: oídio, septoria, roia do talo, roia da folla, roia amarela, rincosporiose e cornezuelo. Para o tratamento das enfermidades foliares pódese aplicar os seguintes funxicidas autorizados: ciproconazol e mancoceb. Tamén poden afectarlle os seguintes fungos do solo: pé negro, mal de pé e mancha oval. Para evitar as enfermidades do solo o mellor son as rotacións de cultivos. Con respecto ás pragas, pode haber ataques de pulgóns nas follas, talos e espigas. Neste caso, se o ataque é severo, pódense aplicar os seguintes insecticidas autorizados: esfenvalerato 5% e lambda Cihalotrin 10%. Máis raros son os ataques de mosquito do trigo e os céfidos.

Colleita, rendemento e valor nutritivo:

Polo seu precoz crecemento outonal e invernal o centeo é un excelente cultivo forraxeiro de inverno cando se aproveita para pastoreo en estado de folla, sobre todo en zonas frías, onde é máis axeitado que a avea. Deste xeito, produce unha forraxe abundante, dende mediados de inverno ata ben entrada a primavera, moi palatable e de boa calidade (é o cereal con máis porcentaxe de proteína en estado de folla). Cando encana, endurécese rápidamente e baixa a súa palatabilidade. Aproveitamento para ensilado en verde: Tamén pode ser segado para forraxe verde ou ensilado. Neste caso, o rendemento que produce está entre as 8 e as 12 toneladas de materia seca por hectárea, con datos de ensaios no CIAM e abonado nitroxenado baixo. Xeralmente, o seu uso principal é para a colleita de gran seco para engadir como penso á ración dos animais. Neste caso, o rendemento sole estar entre as 4 e as 6 toneladas por hectárea. O valor nutritivo e o rendemento varían coa época de corte, fertilidade do solo e variedade. Na seguinte táboa móstranse os parámetros de valor nutritivo observados en ensaios levados a cabo no CIAM, nos cales a forraxe de centeo colleitouse para ensilar en estado fenolóxico de inicio do espigado, en sementeiras a finais de novembro (300 sementes por metro cadrado) e con baixa fertilización nitroxenada.

Estado fisiolóxico

Materia Seca

Proteína Bruta

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

DMO (Dixestibilidade da Materia Orgánica)

Inicio espigado

20

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78936" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

12

75

Descarga aquí o díptico sobre o cultivo do centeo elaborado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80038" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>