Archives

Véndense máquinas para plantar cebolas e de recollida de patacas

A cooperativa Postoiro SCG, con base en Vilar de Santos (Ourense), ten á venda varias máquinas para labores de horta. En concreto conta con dúas máquinas de plantación de cebolas con funcionamento por inxección de auga e unha máquina de recollida de pataca, esta con reducidas horas de traballo. As tres máquinas atópanse no polígono de Vilar de Santos, donde as persoas interesadas poderán velas, no caso de estar interesadas en adquirilas. O prezo de todas estas maquinarias é negociable. Pódese mercar as máquinas de forma individual, non é un lote pechado. A maiores teñen tamén á venda palots de madeira, cun prezo de 50 euros a unidade. Dispoñen dun elevado número destes e pódense mercar por conxunto ou de forma individual. Para máis información poden poñerse en contacto coa cooperativa nos teléfonos 699 516 116 / 662 669 223 ou nos correos electrónicos: postoiroscg@gmail.com e tecnicopostoiroscg@gmail.com

“En Postoiro conseguimos unha cebola de calidade a base de respectar o solo e o ciclo da planta”

A Cooperativa Postoiro SCG é un dos referentes na produción de cebola galega de calidade. Da man do enxeñeiro agrícola e técnico agrícola na entidade, Lucas Vázquez, repasamos a traxectoria da Cooperativa e abordamos algúns os proxectos e novas liñas de negocio nas que están a traballar, que se manteñen fieis á tradición e ó respecto ó medio. -Que é a Cooperativa Postoiro SCG? -Postoiro SCG é unha cooperativa adicada á produción e comercialización de produtos hortícolas, situada no concello de Vilar de Santos, no sur da provincia de Ourense. En concreto, hoxe en día prodúcese pataca, repolo, cebola, cabazo, brócoli e porro. -Cando comezou a funcionar? -Nace en 1996, froito da iniciativa de 7 socios da comarca da Limia co fin de promover a introdución de novos cultivos nesta zona, centrada naquel entón basicamente na produción de pataca e cereal. Neses primeiros anos, algúns destes socios estaban a producir cebola e decidiron seguir apostando e traballando por producir cebola e outros produtos da horta. -Hoxe a cebola é o produto estrela da Cooperativa Postoiro, pero como foi o camiño ata aquí? -Traballaron moito para chegar ó que hoxe é. Non foi comezar a producir e ter éxito. Fixeron unha busca da cebola que querían producir consultando con produtores de zonas coma Betanzos, Valencia ou Portugal, así como procurando sementeira de variedades autóctonas. Hoxe contamos coa nosa semente e podemos pechar o ciclo produtivo da cebola grazas ó esforzo que fixeron os primeiros socios en procurar semente, xa que durante anos nas súas casas eles mesmos se encargaban de facer as plantas de semente.
“Hoxe contamos coa nosa semente e podemos pechar o ciclo produtivo da cebola grazas ó esforzo que fixeron os primeiros socios en procurar semente”
-É moi diferente a cebola actual que se produce en Postoiro daquelas primeiras recolleitas de semente? -Fíxose un traballo moi importante nestes anos. Comezaron a traballar sobre a cebola de Betanzos, replicando a variedade nesta zona e facendo unha selección e adaptación desta variedade. Ademais, neste proceso para procurar unha variedade propia tamén se levaron a cabo sendos proxectos de investigación co CIAM de Mabegondo, para seguir mellorando nas técnicas de cultivo. Un dos traballos de investigación centrouse nos factores que condicionan a sementeira directa da cebola, abordando tamén novas técnicas de control de fungos e malas herbas no cultivo. Mentres, a outra investigación abordou a selección de ecotipos de cebolas galegas, a mellora do proceso produtivo (sementeira directa) e avaliaron as condicións de conservación post-colleita.
“Atopámonos en proceso de certificar e rexistrar a variedade da cebola coa que traballamos en Postoiro, unha variedade diferenciada e que se comercializará como de Vilar”
-Entón, aínda que se partiu da cebola de Betanzos, hoxe en día son cebolas diferentes? -Si. De feito, o ano pasado a Universidade de Santiago realizou unha comparativa das cebolas de Betanzos, a producida en Postoiro, a de Ribadeo e a producida en Vilagarcía e nesa análise quedou demostrado que a cebola de Postoiro é diferente das outras variedades. A base foi a cebola de Betanzos, pero hoxe son cebolas distintas. Agora atopámonos en proceso de certificar e rexistrala baixo o nome de Vilar. -Que diferencia á cebola producida en Postoiro doutras cebolas? -É unha cebola moi achatada, tanto na parte superior como inferior, o que recorda á cebola do país, á cebola que se producía antigamente en Galicia. Ademais, ten unha cor laranxa escura nas capas exteriores, que a diferencia doutras. Ten un tamaño medio e é unha cebola que aguanta máis tempo en boas condicións, temos unha cebola de calidade. -Como se consegue esta calidade e conservar a cebola máis tempo? -Traballamos moito para conseguir unha cebola que se conserve ben máis tempo. A nosa cebola non leva ningún produto para a súa conservación, senón que as almacenamos en naves con ventilación forzada e revisámolas de xeito manual para reducir os riscos de que podrezan. Pero ademais, tanto a calidade como que se conserve durante máis tempo en bo estado conséguese no proceso produtivo.
“Tentamos só aportar aquelo que a planta precisa e deixamos que a cebola cumpra o ciclo de crecemento, sen buscar adiantalo ou atrasalo”
-Cales son as claves que teñen en conta no proceso produtivo? -Coidamos dende a selección das sementes a outros aspectos da produción. Así, fixemos unha redución moi notable do abonado, aportamos micronutrientes e buscamos reducir ó mínimo o uso de fitosanitarios. Tentamos só aportar aquelo que a planta precisa e deixamos que a cebola cumpra o ciclo de crecemento, sen buscar adiantalo ou atrasalo. Temos unha cebola cun ciclo vexetativo moi longo, xa que se planta en abril e ata setembro non se recolle, cando outras cebolas xa se están recollendo en xuño ou xullo. Buscamos que as nosas cebolas sexan tamén máis resistentes e tentamos coidar moito os ecosistemas dos nosos solos, por iso empregamos materia orgánica peletizada, que é máis respectuosa co medio ambiente, no canto de abono sen ningún tipo de tratamento e procedente de granxas de polos, un dos métodos máis utilizados. Unha mala fertilización nitroxenada prexudica moito o noso cultivo e hai que ter en conta que incrementar o aporte de abono non vai significar incrementar a produción. Nós procuramos mirar polos solos, o medio ambiente e a cebola e ese trío dá bos resultados. -Estades a producir ou tedes previsto pasarvos a unha produción en ecolóxico? -A día de hoxe non comercializamos ningunha das nosas hortalizas co selo de ecolóxico, pero moitos dos produtos que empregamos no cultivo son ecolóxicos. Vemos o sistema agroecolóxico coma un ben para o medio ambiente. Así, os fitosanitarios soen ser ecolóxicos no canto de convencionais e tamén realizamos prácticas dun manexo ecolóxico. Fixemos xa un proxecto de investigación para o paso a unha produción en ecolóxico na horta extensiva. Foi un proxecto que realizamos conxuntamente con AGACA e o CTC. A día de hoxe estamos a aplicar nas nosas parcelas en convencional algunhas das técnicas desenvolvidas nese traballo. Tamén estamos inmersos nun proxecto coa Universidade de Vigo para tentar aproveitar os restos da produción como abono, mediante técnicas de compostaxe. -Que produción tedes a día de hoxe e que superficie manexades? -Comezaron traballando 5 hectáreas e na actualidade contamos con 42 hectáreas, con socios de toda a contorna. Producimos de media unhas 40-45 toneladas de cebola por hectárea e temos entre 25-30 hectáreas para este cultivo. Tamén traballamos repolo rizo, liso e corazón, do que temos entre 3 ou 4 hectáreas. Producimos cabaza, tanto violín como de Samaín (5-6 hectáreas). Ademais temos arredor dunhas 6 hectáreas de pataca. Contamos cunhas 2 hectáreas de porro e outra hectárea de brócoli e este ano tivemos uns 1.000 metros de coliflor. Do mesmo xeito que coa cebola, buscamos ter variedades autóctonas e facemos un manexo sostible, con rotación dos cultivos e sen apurar os seus ciclos. Unha das traballadoras da Cooperativa Postoiro, durante o proceso de selección e revisión da cebola. -Cantos socios e traballadores forman parte da Cooperativa Postoiro? -Comezaron 7 socios e na actualidade continúan neste proxecto cooperativista 3 deles. Os valores que rexen o traballo da entidade destaca a aposta clara e decidida pola agricultura como medio de vida, sempre loitando e defendendo a nosa terra e na actualidade somos 8 traballadores, a maioría mulleres.
“Cando precisamos algo sempre nos preguntamos: isto terao Delagro? Sempre é a nosa primeira opción”
-Traballades dende hai tempo con provedores especializados como a cooperativa de segundo grao Delagro, por que decides traballar con eles? -Levamos traballando con Delagro uns 4 anos e comezaron a facelo por tratarse tamén dunha cooperativa. O presidente de Postoiro, Anxo Morán é unha persoa que cree e defende o sistema cooperativista e decidiu que se comezara a traballar con eles. A nosa experiencia foi moi boa e por iso continuamos. -Que vantaxes ofrece Delagro fronte a outras firmas comerciais? -Ademais de ter resposta para o que precisamos, ofrécenche o asesoramento que buscas, sen mirar só de venderche o produto senón de darche solucións que se adapten ás túas necesidades. En Delagro podes confiar e a día de hoxe é practicamente imposible que cambiemos do distribuidor polo bo servizo que estamos a ter, ata o punto que cando precisamos algo sempre nos preguntamos: isto terao Delagro? Sempre é a nosa primeira opción. -Que servizos tedes con Delagro? -Delagro sírvenos tódolos fitosanitarios e os abonos. Traballar con eles é tamén un xeito de estar en contacto co propio sector, xa que moitas veces póñente en alerta de problemas que se están a detectar no campo e axúdanche a afrontalos. -En que mercados estades traballando en Postoiro? -O noso mercado céntrase en Galicia e Asturias e é onde máis se consume este tipo de cebolas chatas. Estamos moi orientados a un mercado de proximidade, ó que ofrecerlle un produto local e de calidade. Nós buscamos seguir vendendo en Galicia, xa que a nosa produción, a estrutura de Cooperativa, a nivel loxístico e por convencemento medioambiental cremos nunha produción destinada ó mercado local e de proximidade. Por iso, aínda que tivemos ofertas de clientes doutras rexións de España, estamos centrados no mercado galego e asturiano. Neste último ano tamén participamos en feiras de alimentación, para dar a coñecer o noso produto. Estivemos no Salón Gourmet de Madrid, no Salón de alimentación do Atlántico (Salimat), no Galicia Forum Gastronómico, en Alimagro e en Xantar. Neste senso estamos tamén traballando para comezar a comercializar os nosos produtos de xeito directo con restaurantes locais.
“No 2022 decidiuse apostar de forma clara e decidida por amosar os nosos produtos e poñer en valor a nosa forma de traballo coa creación de marca”
-Estades a encargarvos vós tamén da comercialización directa da vosa produción? -Un dos principais obxectivos da cooperativa é ofrecer novas propostas comerciais que faciliten o acceso dos seus produtos a novos mercados e, ademais imprimíndolles características propias que o consumidor final aprecie e valore. A nosa entidade ó longo do 2022 decidiu apostar de forma clara e decidida por amosar os nosos produtos e poñer en valor a nosa forma de traballo. Deste xeito, neste pasado ano fixemos unha remodelación na nosa imaxe de marca, onde mudamos tanto de logo, creamos unhas marcas para os nosos diferentes produtos (A cebola de Vilar, A cabaza de Vilar, A pataca de Vilar ou A cabaza de Samaín), para así tentar saír desa idea fixada de ser simples alimentos básicos e pasar a velos coma uns produtos de calidade, galegos e cun xeito ben marcado de traballar e de facelas cousas. -Que novos proxectos tedes na Cooperativa Postoiro? -Xa conseguimos pechar o círculo a nivel de produción, facendo a nosa propia planta, e agora queremos tamén facelo a nivel de comercialización. Buscamos pechar o círculo cos nosos produtos e reducir o desperdicio de alimentos que se produce a día de hoxe, por iso estamos traballando para elaborar produtos de cuarta gama como a cebola confeitada, marmelada de cabaza ou a cebola en po. Polo de agora aínda nos atopamos en fase de probas. Tamén procuramos darlle unha saída a aqueles produtos que aínda sendo aptos e bos para o consumo non cumpren cos estándares máximos de calidade, polo que tamén estamos a comercializalos baixo outras categorías. Unha cebola que non acada o calibre que se busca, pero que igualmente é unha boa cebola non ten lóxica que se desbote, polo que queremos tamén buscarlle saída. E o mesmo acontece co resto de hortalizas que producimos.

Distintas fases de desenvolvemento do cultivo de cebola na cooperativa Postoiro: 

Agrocebola: Un exemplo de diversificación na comarca da Limia

Daniel Joga Calvo é un mozo que con apenas 21 anos tomou o relevo en Agrocebola, unha explotación agrícola familiar situada en San Pedro de Laroá, no concello ourensán de Xinzo de Limia. Empregan a 5 persoas de forma directa durante todo o ano, pero na época de colleita chegan a contratar a ata 40 traballadores agrícolas. El é xa a terceira xeración de agricultores da familia: “Os meus avós xa botaban unhas 2 hectáreas de pataca. O meu pai, Camilo Joga, tomou o relevo e foi quen deu o gran salto adiante, ampliando a superficie de cultivo e apostado hai 15 anos pola diversificación co cultivo da cebola”, explica. O seu foi un relevo imprevisto tras o repentino falecemento do seu pai, un dos grandes produtores agrícolas da Limia e un dos labradores máis innovadores e respectados da comarca. “Incorporeime hai un ano tras o falecemento do meu pai. Sempre me gustou a agricultura e traballar cos tractores polo que tiven claro que me quería dedicar a isto”, asegura. “O prezo da cebola ten menos oscilacións que o da pataca e dános unha seguridade” En Agrocebola cultivan unhas 70 hectáreas nos lugares de San Pedro de Laroá, Moreiras e Abavides, no concello de Xinzo. Delas entre 50 e 60 hectáreas levan pataca e plantan outras 15 cada ano de cebola, un cultivo con demanda e que na Limia atopa unhas condicións óptimas para o seu cultivo a gran escala. A razón desta aposta por diversificar explícaa Daniel: “O meu pai empezou a cultivar cebola primeiro nunha cooperativa e logo de forma independente hai uns 15 anos porque vía que o seu prezo sufría menos oscilacións que o da pataca e proporciona unha seguridade”. Finca de cebolas de Agrocebola Así, e malia que os gastos de cultivo son superiores, os prezos da cebola en orixe andan entre 45 e 50 céntimos o quilo. A variedade que cultivan é a Paja Virtudes, e aínda que o seu rendemento, uns 40.000 kilos por hectárea nun ano normal, é inferior á variedade Valenciana, Daniel Joga destaca que “a calidade e o sabor son superiores”. Polo demais, o proceso de cultivo non é moi complexo: “Encargamos a planta a un viveiro de Toledo co que traballamos dende hai anos e cara finais de marzo ou comezos de abril plantámola en cepellón cunha máquina, e regámola para que enraíce ben. Despois, o proceso de cultivo é parecido ao da pataca: damos un herbicida residual, e imos regando por aspersión, para manter a terra húmida. Cara o mes de setembro é a colleita: recolectámola a man en grupos de entre 30 e 40 xornaleiros e almacenámola en caixóns de madeira de entre 700 e 800 quilos durante varios meses”, explica este agricultor.
“Agrocebola é o segundo produtor de cebola de Galicia”
Outra clave para o éxito deste cultivo, xunto a un bo abonado e o regadío no momento preciso, é a rotación no terreo, neste caso non volven plantar cebola no mesmo terreo ata dentro de 6 anos. Polo demais, o clima frío e máis seco da comarca da Limia, favorece a conservación no almacén. “Se a cebola está sá e ben ventilada e a temperaturas baixas, consérvase ben”, destaca. Nun ano normal recollen uns 600.000 kilos, o que converte a Agrocebola no segundo produtor de cebola de Galicia despois da cooperativa Postoiro, situada tamén na Limia. En canto á comercialización, o seu destino principal é Galicia, un mercado deficitario neste cultivo, o que obriga a importala doutras comunidades. “Coa nosa marca Agrocebola vendémola a maioristas que distribúen en supermercados, hostalaría...etc. Tamén a vendemos directamente na nosa tenda, A Casa da Pataca, situada no barrio do Couto, en Ourense”, explica Daniel Joga. Colleitan a pataca a man porque mellora a presentación e a calidade do produto Neste establecemento tamén venden directamente o que segue sendo o seu cultivo principal, a pataca. As variedades que cultivan son fundamentalmente a Agraria, que ocupa arredor do 50% da superficie plantada, seguida pola Kennebec e pola Dayfla. Nesta pasada campaña recolleron uns 2,5 millóns de quilos, unha cantidade inferior aos 3 millóns dun ano normal, debido á seca e ás elevadas temperaturas. En canto á comercialización, Daniel Joga explica que “envasamos nós a pataca e vendémola tanto en tendas como a grandes cadeas de distribución, e tamén exportamos sobre o 14% a Portugal”. Tamén reparten directamente cunha furgoneta a restaurantes e particulares da cidade de Ourense. Unha das técnicas que mantén Daniel Joga do seu pai é a recollida da pataca a man, hoxe minoritaria na Limia trala chegada das máquinas. “Creo que é o futuro, porque as colleitas recollidas a man valóranse máis. No noso caso, a pataca pasa directamente da terra ao caixón. Desta forma evítanse os golpes que lle dá a máquina e consérvase mellor. Ademais, á hora de comercializala, o cliente busca que teña un bo aspecto e isto conséguese máis facilmente tratándoa con coidado”, destaca. E incluso a eficiencia chega a ser igual á da máquina. Así, a cuadrilla de ata 40 traballadores rumanos que contratan durante os dous meses da campaña de colleita chegan a recoller ao día ata 130.000 quilos, “o que se equipara ao que podería conseguirse cunha máquina convencional, e cunha mellor calidade”. Daniel Joga cun dos traballadores que recollen a pataca a man. Foto: Daniel Portela, La Voz de Galicia Futuro: Seguir diversificando e chegar ao consumidor final En canto ao futuro da súa explotación agrícola, Daniel Joga aposta por “seguir ampliando superficie e continuar na mesma liña do meu pai: diversificar e chegar cada vez máis ao consumidor final, para evitar intermediarios e que tanto agricultores como consumidores teñamos mellores prezos”.