Archives

Importes provisionais das axudas asociadas para vacún de cebo 2023

O Fondo Español de Garantía Agraria, dependente do Ministerio de Agricultura, vén de concretar os importes provisionais das axudas para vacún de cebo, que quedan como segue:

Axuda asociada para o engorde de becerros na explotación de nacemento

Esta axuda está destinada ás granxas extensivas ou semiextensivas que realizan o cebo de becerros na explotación de nacemento do animal. Son necesarios un mínimo de 3 animais primables para cobrar a axuda. Agricultura reservou 12,3 millóns de euros no 2023 para esta prima. Concluído o ano, as comunidades autónomas comunicaron un total de 400.000 animais primables. A prima fixada é de 30,9 euros por animal. No caso galego, hai máis de 9.500 beneficiarios, cun total de 91.000 animais con dereito a prima. Galicia é a comunidade con máis granxas beneficiadas, lixeiramente por riba de Castilla y León, pero atópase por detrás da comunidade veciña no número total de animais cebados, pois en Castilla superáronse os 130.000.

Axuda asociada para o engorde sostible de becerros

O Ministerio destinou 25,9 millóns de euros para apoiar o engorde de becerros en cebadeiros, é dicir en explotacións que adquiren os animais para o seu acabado. Pechado o 2023, as comunidades autónomas comunicaron un total de 1,5 millóns de animais primables, dos que algo máis de 53.000 corresponden a Galicia. No cebo de becerros destacan Aragón, Cataluña, Castilla y León e Castilla La Mancha. Entre as catro comunidades suman máis dun millón de animais cebados. A prima fixada é de 18,6 euros por animal para os primeiros 600 animais e de 9,3 euros para o treito de 600 a 1.400 animais. Galicia rexistrou 850 solicitudes no primeiro treito, con 46.700 becerros, e 19 no segundo, con 6.450. Con estos importes unitarios, poderase facer un primeiro pago da axuda asociada, dun máximo do 90% do total. O segundo pago, ata completar o 100% poderase facer en abril, unha vez pechados de xeito definitivo todos os datos. Pódense consultar as cifras provisionais neste documento.

Importes definitivos das axudas asociadas por cebo de becerros

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) publicou esta semana o importe definitivo das axudas asociadas da PAC 2022 por cebo de tenreiros, tanto na propia explotación de nacemento como noutra. Para esta axuda diferéncianse dúas rexións, España peninsular e rexión insular, diferenciándose estas á súa vez entre os animais que foron cebados na mesma explotación de nacemento ou en cebadoiros comunitarios xestionados por produtores de vacas nutrices, daqueles animais que foron cebados e proceden doutra explotación. Para o sub-réxime de axuda para os tenreiros cebados na mesma explotación de nacemento na rexión España peninsular estableceuse un importe unitario definitivo de 28,01 €/animal. Para o sub-réxime de axuda para os tenreiros cebados que proceden doutra explotación na rexión España peninsular fixouse un importe unitario definitivo de 15,32 €/animal. Para o sub-réxime de axuda para os tenreiros cebados na mesma explotación de nacemento na rexión insular acordouse un importe unitario definitivo de 65,94 €/animal. Para o sub-réxime de axuda para os tenreiros cebados que proceden doutra explotación na rexión insular a axuda é de 42,41 €/animal. A continuación, inclúense os datos comunicados polas diferentes comunidades autónomas, e que serviron de base para a realización do cálculo dos distintos importes.

Axuda por Dereitos Especiais establecida en Sección 8ª do Capítulo II do Título IV do Real Decreto

O obxectivo destas axudas é garantir a viabilidade económica das explotacións de vacún de cebo, e así mesmo, con carácter específico no caso da Axuda Asociada establecida na Sección 8ª do Capítulo II do Título IV do Real Decreto, prestar un apoio aos gandeiros de vacún de cebo que fosen titulares de dereitos especiais en 2014, e que, na solicitude única de cada campaña, non dispoñan de hectáreas admisibles sobre as que activar dereitos de pago básico. Para esta axuda asociada estableceuse un importe unitario definitivo de 48,43 €/animal. A continuación, inclúense os datos comunicados polas diferentes comunidades autónomas, e que serviron de base para a realización do cálculo do importe. Este importe unitario definitivo aplícase, tanto aos pagos pendentes como aos pagos complementarios aos xa realizados co importe unitario provisional. Por tanto, con este importe unitario definitivo, xa é posible proceder ao pago do 100% do importe total a abonar polos citados réximes de axuda.

Kovital®, o plan nutricional de De Heus para o cebo de tenreiros cun triplo beneficio para o gandeiro

Kovital®, o novo programa nutricional de De Heus para o cebo de tenreiros, foi deseñado para adaptarse de forma precisa e eficiente ás diferentes fases do cebo e os tipos xenéticos dos animais, incorporando o sistema de formulación exclusivo da compañía, que garante un funcionamento óptimo do rume. Isto tradúcese nun triplo beneficio para o gandeiro: máis rendibilidade, máis benestar animal e menor impacto ambiental.

O seu desenvolvemento baséase na experiencia que acumulamos durante anos de traballo, concibíndoo como ferramenta para a mellora dos resultados produtivos dos cebadoiros e a súa rendibilidade.

En De Heus somos conscientes de que un dos principais desafíos que se presentan ao gandeiro durante o cebo de tenreiros apunta ás cada vez máis esixentes demandas dos consumidores de carne, que mostran unha crecente sensibilidade pola rastrexabilidade dos produtos, a súa calidade nutritiva, o benestar animal e o impacto ambiental.

Por esa razón, propuxémonos que o produtor poida rendibilizar esta etapa o máximo posible, en consonancia sempre coas necesidades do mercado, ofrecendo un maior compromiso coa sustentabilidade, reducindo as emisións de nitróxeno e incrementando o benestar animal, preocupados sempre por mellorar a saúde ruminal.

O novo plan baséase nunha alimentación máis equilibrada e eficiente grazas a o sistema de formulación SFOS, unha ferramenta exclusiva de De Heus que garante a sincronización da degradación do proteínas e carbohidratos no rume e favorece o funcionamento óptimo do mesmo.

Desde o punto de vista produtivo, o noso obxectivo é obter granxas nutricionalmente máis eficientes grazas a un axuste máis equilibrado dos nutrientes das dietas e da mellora da dixestibilidade das mesmas. No que respecta ao compromiso coa sustentabilidade e o benestar animal da compañía, o programa Kovital® asegura unha alimentación equilibrada e de precisión que mellora a función inmune dos tenreiros e reduce o risco de padecer enfermidades, aumentando o seu grao de benestar. Coa absorción eficaz de nutrientes lógrase diminuír a emisión de nitróxeno ao medio ambiente, reducíndose considerablemente o impacto ambiental das explotacións.

Neste contexto, prodúcense dúas melloras sustantivas na explotación:

-Por unha banda, os tenreiros ben alimentados convértense en animais máis sans, fortes e sen problemas dixestivos que desenvolven todo o potencial de crecemento que poden ofrecer. Presentan un óptimo estado desde o punto de vista do benestar animal.

-Ademais, conseguimos reducir o nivel de emisións ao medio ambiente, en liña coa estratexia de medicións cero enmarcada nos Obxectivos Sostibles Globais da compañía.

A gama Kovital® de De Heus confórmaa unha relación de pensos formulados en función do tipo xenético dos tenreiros. A eles súmanse dous lactorremplazantes, Bacilactol Absolut® e Benefit®, dentro do programa específico para cebo de tenreiros mamóns.

O Plan Kovital® susténtase sobre a base de Nutriexpert, un sistema integral de traballo que permite deseñar estratexias en granxa para cada categoría, manténdoas en constante monitorización e avaliación. No caso do proceso de cebo de tenreiros, componse dun pack de ferramentas de control e xestión de datos para a súa optimización: cálculo de necesidades, comparación de dietas, estrutura de custos e control de resultados.

Ademais, De Heus pon ao dispor dos seus clientes Pascar®, o programa de comercialización de carne de vacún que achega asesoramento e valor engadido ao gandeiro, baseado na transparencia de todo o proceso de compravenda de animais.

Todos os proxectos mencionados contan co respaldo do noso equipo técnico, cuxo grao de especialización achega un gran valor engadido aos nosos servizos, e dunha ampla rede de distribución.

Utilización de grao húmido de millo en engorde de tenreiros: experiencias en Cataluña

Silos de grao húmido de millo da cooperativa de Ivars, en Lleida O vacún de carne pasa por un momento delicado. A carestía das materias primas, que provoca alzas de prezos nos pensos, reduce ao mínimo a escasa rendibilidade das explotacións que se dedican ao engorde de tenreiros. Tras falar con expertos sobre consellos para obter un produto de alta calidade, coñecemos experiencias levadas a cabo en Cataluña, onde o gran ensilado de millo consolídase como alternativa para alimentación de gando vacún, tanto destinado a produción de leite como de carne. O gran húmido de millo é un produto de alta calidade nutricional. Someter ao millo, xa sexa ao conxunto da espiga ou só ao gran, a un proceso de fermentación láctica mellora a digestibilidad dos amidóns. A diferenza entre o pastone e o gran húmido radica precisamente no material de partida co que se fai o silo.
Ao someter ao gran do millo a un proceso de fermentación láctica mellórase a dixestibilidade dos amidóns
A tendencia nos últimos anos é facer só gran húmido. Debido á menor dificultade na súa elaboración (non é necesario debullar a espiga), inicialmente facíase sobre todo pastone, onde se introduce tamén fibra (procedente do corozo), pero desde fai uns anos imponse o gran húmido. "É unha boa idea este cambio, porque esa fibra ten moi pouco valor e concentrar é interesante para maximizar amidóns, é un produto mellor, hai un diferencial de calidade moi importante. Ademais, meter só gran é tamén unha forma de limpeza, porque no corozo acumúlase humidade e o produto é máis inestable e delicado", explican desde as cooperativas catalás de Gissona, dedicada á cría de pitos, e Ivars, onde o usan en cebo de xatos, en vacún de leite e en porcino como unha forma de abaratar custos.
O gran húmido de millo pode usarse en todas as especies, pero é un produto especialmente interesante na alimentación de ruminantes
En Galicia unicamente unas poucas ganderías de produción de leite fan gran húmido, pero en granxas catalás emprégase tamén en vacún de carne para o período de engorde dos tenreiros, onde a ensilaxe de gran de millo é maioritaria, aínda que hai explotacións que empezaron a probar tamén a ensilar gran de trigo ou cebada. O gran húmido de millo pode usarse en todas as especies (a cooperativa de Gissona utilízao en avicultura e en Aragón ou Castela é habitual en porcino), pero é un produto especialmente interesante na alimentación de ruminantes.
A Cooperativa Avícola de Guissona comezou a súa andaina en 1959 e hoxe, integrada en bonÀrea Agrupa, é a maior empresa da provincia de Lleida
Na cooperativa de Ivars apostouse por este produto hai 8 anos, promovendo o seu cultivo e a súa utilización a gran escala. "Para iso, incorporamos o gran húmido nas nosas fábricas de pensos como ingrediente en todos os pensos granulados, como unha materia prima máis", explican. A Cooperativa d’ Ivars, creada en 1915 por un grupo de agricultores para a comercialización de alfalfa, conta hoxe con 4 fábricas de produción de penso para vacún, porcino e avicultura. A construción da Canle de Urgell, na segunda metade do século XIX, transformou estas terras de secaño en fértiles regadíos e os cultivos de millo e cereal de rega propiciaron novos cambios de orientación e servizos da cooperativa, xa que a gandería apareceu con forza na comarca.
A Cooperativa d' Ivars, creada en 1915, usa desde hai 8 anos o gran húmido de millo nos seus pensos para aves e porcino, pero sobre todo en cebo de tenreiros
"Se o gran húmido é de calidade, pode incorporarse en todos os pensos, desde o de mamóns ata o da fase de acabado. A porcentaxe de inclusión virá determinada polo método de fabricación e pola humidade do penso ou mestura fnal. Se o gran húmido vai incorporarse á dieta en carro unifeed, pódese chegar ata o 40%; en cambio, se se incorpora no penso granulado como unha materia prima máis, non poderemos exceder o 15% de incorporación", detallan. Normalmente trátase dunha materia prima máis económica por unidade de MS que o millo seco e de maior valor nutricional, polo que contribuirá a abaratar o custo dos pensos sen prexudicar a súa calidade nutricional.
O gran húmido pode incorporarse a todos os pensos, desde o de mamóns ata o da fase de acabado, nunha porcentaxe que vai do 15 ao 40%
"Aínda que pode ensilarse millo de primeira colleita para pastone, o millo que reúne as condicións ideais para ser ensilado é o de segunda colleita; é dicir, aquel que foi sementado no campo despois dun cultivo de inverno, normalmente cebada, chícharos ou unha forraxe. O ideal é sementar un millo de ciclo curto a finais de xuño ou primeiros de xullo e colleitalo en novembro", explican na cooperativa catalá, que ensila máis de 20.000 toneladas de gran húmido ao ano. "A nosa experiencia en Cooperativa d’Ivars nos últimos 8 anos, desde que empezamos a promover o cultivo para grao ensilado como segunda colleita no territorio, é que aumentamos as entradas de cereais de proximidade en máis dun 55%, sobre todo en millo e cebada. Isto permitiunos mellorar o noso autoabastecimiento pasando de ser do 18% ao 28%, e, á súa vez, baixar a pegada de carbono nos nosos pensos", destacan.

Proceso controlado

O gran húmido é unha materia prima de gran valor nutricional. O GMHE (gran de millo húmido ensilado ou millo húmido fermentado) é o produto resultante da fermentación anaeróbica do millo. Rico en amidón e pobre en proteína e fibra, o millo é unha materia prima ideal para ser fermentada. Coñecemos da man dos técnicos da cooperativa de Ivars como realizan o proceso.  O proceso de fermentación ten 5 fases diferenciadas: Trátase dunha fermentación ácido-láctica e para que teña lugar son necesarias 4 condicións:

1. Humidade

As bacterias necesitan humidade para iniciar os procesos de fermentación. Para ensilar gran de millo, a humidade ideal no momento da recolección debe estar ao redor do 32%. É neste punto onde se alcanza un equilibrio entre a completa madurez do gran e unha humidade sufciente para fermentar, e é ademais onde conseguiremos un maior valor de enerxía por kg de MS, aínda que a nivel práctico pódese admitir un rango máis amplo, que vai do 25 ao 40% de humidade. Un exceso de humidade (>40%) difculta tanto a recolección do millo en campo, como a súa ensilaje e posterior utilización, mentres que unha humidade por baixo do 25% dificulta o proceso de fermentación e reduce a calidade nutricional.
A humidade ideal no momento da recolección debe estar ao redor do 32%. É neste punto onde se alcanza un equilibrio entre a completa madurez do gran e unha humidade sufciente para fermentar
A humidade contribúe a mellorar a degradabilidade do amidón, proteína e outros compoñentes da MS. Unha humidade constante durante todo o proceso de ensilaxe sería o óptimo, pero isto é moi difícil que ocorra de maneira natural. Algunhas estratexias para conseguilo son reconstituir con auga o millo que entra demasiado seco ou mesturar con millo máis seco o que entra con excesiva humidade.   Trituración e compactación do grao húmido de millo nos silos da cooperativa de Ivars, en Lleida A adición de auga é unha opción, pero é un proceso laborioso e que require moito tempo. "Hai que ter en conta as grandes cantidades de auga que se deben agregar para ter unha redución significativa de MS. Só un exemplo: se tes 75% de MS (25% de humidade) e agregas 100 l/t de auga, entón terminas con 68% de MS e 32% de humidade, respectivamente. Engadindo 50 litros de auga por tonelada, os valores son 28,6% de humidade e 71,4% de MS. Non creo que ninguén queira engadir cantidades tan grandes de auga, por iso é importante elixir o momento óptimo de recolección do gran. E se é necesario agregar auga, debe agregarse mentres se moe o gran, non é posible doutra maneira, na nosa opinión", consideran os técnicos da cooperativa de Ivars.

2. Molturación

O amidón do millo está protexido polo pericarpio e por unha matriz proteica que inhiben o acceso das bacterias aos gránulos de amidón. Temos que romper esta barreira física para que quede exposto ao ataque das bacterias ácido- lácticas e favorecer a súa fermentación durante o proceso de ensilaxe. A molturación é a mellor maneira de conseguilo. Non é fácil moer o millo húmido e por iso a variabilidade na humidade do millo entrante dificulta unha homoxeneidade de moenda, e é necesario axustar o tamaño de partícula (tamices ou discos) tan a miúdo como o cambio en humidade do gran que entra o requira. A millos máis secos, máis fino debería ser o tamaño de partícula. Neste sentido, os muíños de coitelas adáptanse mellor á humidade elevada que os de martelos. A molturación é un punto clave para obter unha boa calidade nutricional do produto. Canto máis fino molturemos, mellor será a fermentación e a posterior calidade do produto final.
Un tamaño de partícula fino mellora tanto a dixestibilidade do amidón como a da proteína
O tamaño de partícula pode oscilar entre 900 e 1.240 micras e vai depender das condicións de entrada do millo e de cal sexa o seu posterior uso. Se o imos a utilizar nun carro unifeed o tamaño de partícula non será tan crítico coma se o gran húmido vai ser usado como un ingrediente dun penso en pellet ou gránulo. Ademais, un tamaño medio de partícula fina permitiranos unha mellor compactación do produto, evitando que queden bolsas de osíxeno que poidan prexudicar os procesos de fermentación anaeróbica. A compactación está estreitamente relacionada coas perdas de MS: a máis compactación, menores perdas de MS.

3. Anaerobiosis

A fermentación láctica ocorre en condicións de anaerobiosis, aínda que ten unha primeira fase aeróbica (ata que se pecha o silo), que debemos minimizar para evitar perdas de MS e de enerxía. O obxectivo é chegar á anaerobiosis estrita canto antes. Por este motivo, tentaremos encher e pechar o silo trincheira no menor tempo posible para minimizar o contacto co osíxeno (este proceso é automático nos silos bolsa ou big bag). Un enchido e pechado lento pode chegar a comportar perdas de ata o 11% na ensilaxe de gran de millo. Usaremos un plástico o máis impermeable posible ao osíxeno para pechar o silo. Este será un punto clave para obter un produto de calidade e minimizar as perdas. Se o plástico non é suficientemente impermeable ao osíxeno, podémonos atopar a capa máis superficial do gran húmido escurecida e danada por fungos.
O proceso de fermentación necesita 30 días ou máis en ausencia total de osíxeno para completarse
Se isto ocorre significa que hai máis superficie afectada da que vemos e por tanto unha perda de calidade. Este oscurecimiento non debe confundirse cunha coloración máis escura debido á oxidación da graxa polas altas temperaturas que se alcanzan nalgunhas rexións no verán. Esta última non é tan daniña para os animais, mentres que a primeira si. Outro factor que nos axudará a minimizar a fase aerobia é o inoculado do gran de millo ensilado. O millo de seu xa ten unha carga de bacterias acidófilas no momento da recolección, así que, a diferenza doutras ensilaxes, non é imprescindible inoculalo, aínda que si é recomendable. Se o inoculamos dirixiremos a fermentación láctica desde o primeiro momento e reduciremos o tempo que a ensilaxe necesita para baixar o pH ata 4. Desta forma evitaremos o crecemento doutros organismos prexudiciais na primeira fase da fermentación. O uso de inoculantes tamén parece reducir as perdas de MS durante o desensilado. En defnitiva, se inoculamos obteremos un produto de maior calidade, aseguran.

4. Tempo

Por regra xeral considérase que a masa ensilada estabilízase a partir dos 60 días, desde o peche do silo. Aínda que se podería abrir aos 21 días, é recomendable esperar aos 60 buscando esta estabilidade. De non ser así, teremos moitas máis perdas de materia orgánica e de calidade nutricional.
O millo empeza a fermentar practicamente desde o momento en que é ensilado, pero non alcanzará a súa plenitude ata os dous meses
Ademais, algúns estudos demostran que canto máis tempo teñamos ensilado o gran de millo maior será a súa dixestibilidade. As proteínas hidrofóbicas (proteínas zein) que encapsulan parte do amidón do millo solubilízanse en ácido láctico e en ácido acético, e son degradadas mediante a actividade proteolítica da ensilaxe, liberando así o amidón, que será moito máis accesible ás bacterias do rumen. Por esta razón, a medida que avanza o tempo de ensilaxe mellora tanto a dixestibilidade da MS como a da proteína.

O vacún de carne non cubre custos de produción

"O vacún de carne atravesa unha situación insostible", denuncian as cooperativas españolas, que insisten en que as marxes negativas de rendibilidade que atravesan as explotacións de vacún de carne desde 2019 poñen en perigo a pervivencia do sector no medio e longo prazo. Son as principais conclusións dun informe elaborado polos servizos técnicos de Cooperativas Agro-alimentarias de España que pon de relevo preocupantes cifras de rendibilidade negativa no vacún de carne. En concreto, os datos lanzan que no vacún de cebo os custos de produción son moi superiores aos prezos de referencia do mercado nestes momentos. Por citar un dato específico, a media dos custos de produción das explotacións típicas participantes en RENGRATI de vacún de cebo (machos) no ano 2021 é de aproximadamente 428 €/100 kg canal, mentres o prezo que lanza o mercado para o añojo AR3 é de 378 €/100 kg canal. No caso de Galicia, os becerros en Ternera Gallega móvense en prezos superiores, pero o estudo emprega como referencia o mesmo tipo de animal en todo o Estado, o añojo, con máis idade e con máis peso que os becerros habituais en Ternera Gallega. Custos de produción e prezo de venda dos xatos de cebo da categoría Añojo nas distintas comunidades autónomas Becerros pasteiros En vaca nodriza, obsérvase tamén unha rendibilidade negativa na maioría das explotacións de nodrizas para a produción de femias, e tamén en aproximadamente o 50% das explotacións de nodrizas para a produción de machos, en función das características de condicións de crianza nas distintas comunidades autónomas. No caso concreto de Galicia, os custos de crianza en extensivo son menores que noutras comunidades onde teñen menos pasto e dependen máis de insumos externos. Segundo o informe, os custos efectivos de produción dun tenreiro pasteiro macho ou unha tenreira pasteira femia na nosa comunidade son de 2,55 euros/quilo, cando os prezos de venda destes animais, que van dirixidos ós cebadeiros, sitúanse en 2,33 euros/quilo no caso das femias e de 2,86 euros/quilo no caso dos machos. Custos de produción e prezo de venda de tenreiros pasteiros machos Custos de produción e prezo de venda de tenreiras pasteiras femia Stock de carne conxelada A crise derivada do COVID19 afectou de maneira especial ao vacún de carne, que xa viña atravesando dificultades económicas con marxes de rendibilidade negativas, ás que se suma a lenta revitalización de demanda de carne de vacún na reapertura da hostalería, debido a que gran cantidade do produto que se ofrece ao consumidor na actualidade é produto que foi conxelado no seu momento pola canle hostaleira e restauradora.
Gran cantidade do produto que se ofrece ao consumidor na actualidade na hostalería son canais conxeladas en pleno confinamento
Aínda que a finais de 2020 produciuse unha recuperación progresiva dos prezos da carne de vacún nas lonxas de referencia, e tamén dos pasteiros para cebo, estes aumentos de prezo comezaron a reverterse desde o mes de maio debido ao descenso estacional das exportacións tras o fin do Ramadán. En Galicia, non obstante, os prezos están repuntando lixeiramente nas últimas semanas, da man da tradicional maior demanda do verán. Encarecemento dos custos de produción A pesar de que a situación de prezos é mellor que a de hai un ano, non se transformou en rendibilidade que poida repartirse ao longo da cadea, debido a un destacado aumento dos custos de produción, especialmente do prezo da alimentación animal. Segundo datos do propio MAPA, o custo medio do penso de cebo de tenreiros incrementouse en máis dun 26% con respecto a 2019.
O custo medio do penso de cebo de tenreiros incrementouse en máis dun 26% con respecto a 2019
"Desde Cooperativas Agro-alimentarias de España trasladamos esta análise ao Ministerio e ao Observatorio da Carne da Comisión Europea, e a nosa preocupación polo aumento dos custos de produción que empurra ás nosas explotacións de vacún a unha situación insostible", conclúen.

Comeza o cebo: As claves para un destete exitoso

Co obxectivo de obter unha boa conformación e a maior ganancia diaria de peso dos tenreiros lactantes durante as súas primeiras semanas de vida, De Heus desenvolveu varios produtos específicos que coidan especialmente a súa saúde dixestiva.

Esta semana a compañía presenta o Plan Kovital para tenreiros lactantes composto polo lactoreemprazante Bacilactol Absolut, para subministrar durante os dous primeiros meses de vida ao que se engaden dous concentrados: Kovital Iniciación e Kovital Arranque, cos que se favorece o máximo desenvolvemento das paredes e as papilas ruminais mediante o consumo de alimento sólido durante a lactación.

Falamos con Xosé Lois García Saco, membro do Equipo Técnico de De Heus, para coñecer os detalles dos novos produtos e as súas vantaxes de cara ao momento do destete, así como recomendacións de manexo para esta etapa crucial para os resultados produtivos no cebo de tenreiros.

-Cales son os requirimentos nutricionais dos tenreiros durante as primeiras semanas?
-Sabemos que, desde o punto de vista dixestivo, un tenreiro compórtase como un animal monogástrico até a terceira semana de vida, polo que o seu crecemento depende principalmente dos nutrientes proporcionados polo leite. Até ese momento, o abomaso xunto co intestino é o principal compartimento do tracto dixestivo, mentres que o retículo-rumen apenas presenta actividade fermentativa. A partir da cuarta semana, o rume comeza a ter unha actividade dixestiva máis importante e o abomaso vai perdendo relevancia até alcanzar as oito semanas de idade.

É importante que o proceso de formación do coágulo sexa rápido para favorecer a dixestión e un bo ritmo de baleirado abomasal. Desta forma evitaremos problemas dixestivos.

Doutra banda, o incremento da poboación bacteriana do retículo-rume, así como a fermentación ruminal irá aumentando gradualmente pola inxesta de penso. Un bo programa de alimentación permitiranos destetar tenreiros sans e ben conformados.

-Cales son as recomendacións de manexo que darías para obter a máxima Ganancia Media Diaria (GMD) dos tenreiros?
-A nosa estratexia de alimentación é potenciar o máximo consumo de leite durante o primeiro mes e medio de vida para posteriormente diminuílo gradualmente, favorecendo o consumo de alimento sólido. Desta forma, conseguimos o máximo desenvolvemento ruminal. De aí en diante, a alimentación dos tenreiros até o seu destete consistirá nunha mestura de alimentación liquida combinada con penso prestarter e palla picada.

Estratexia de alimentación de De Heus para os tenreiros.

Sempre recomendamos aos nosos clientes prestar especial atención á preparación do lactoreemprazante, tanto na cantidade utilizada como na temperatura de preparación e de subministración aos tenreiros. A dosificación do lactoreemplazante a baixas concentracións implica desnutrición nos tenreiros xa que non cubriremos os seus requirimentos enerxéticos e proteicos, penalizando a súa ganancia de peso. Polo contrario, altas concentracións do sustitutivo lácteo, pode provocar problemas dixestivos pola diminución da velocidade de baleirado do abomaso. Por iso é importante seguir as recomendacións do equipo técnico de De Heus.

A hixiene é fundamental. É necesario limpar a fondo e regularmente calquera material que entre en contacto co leite (cubo, tetina, etc.) para previr incidencias na saúde dos tenreiros como diarreas. Merece a pena controlar diariamente as feces xa que son un indicativo de boa saúde dos tenreiros.

Outro punto que destacar é que os tenreiros mamóns deben ter concentrado a libre disposición desde o primeiro día, renovándoo diariamente para mantelo fresco. Tamén é importante proporcionarlles fibra en forma de palla picada a libre disposición xunto con auga limpa e fresca para favorecer o consumo de concentrado.

En canto ás instalacións, recomendamos aloxar aos tenreiros individualmente durante os primeiros días do período de alimentación con leite. Unha vez que os xuntamos en currais colectivos, buscaremos que os grupos sexan o máis homoxéneos posible para evitar competencia e asegurarnos a inxesta de alimento dos tenreiros máis novos.

-Como poden axudar os leites maternizados ao proceso de dixestión e desenvolvemento do rume? Cales son as vantaxes de Bacilactol?
-O proceso de produción dos leites maternizados inflúe no rendemento produtivo dos tenreiros lactantes. Os procesos de produción diferéncianse principalmente polo método de adición de graxa. Para a fabricación de Bacilactol Absolut aplicamos a tecnoloxía Spray Cooling mediante a que a graxa altamente emulsionada quéntase e aspérxese sobre unha nube de partículas de po lácteo que se arrefrían cunha corrente de aire a -20°C. A cristalización da graxa ten lugar moi rápido debido á alta diferenza de temperatura entre a graxa e o po.

Como consecuencia, obtense un lactoreemprazante cunha estrutura altamente homoxénea, con maior dixestibilidade da graxa e que mantén tódalas propiedades das proteínas. Grazas a estas propiedades do Bacilactol Absolut, o tenreiro mamón absorbe de forma simultánea as proteínas e graxas para cubrir os seus requirimentos nutritivos, obtendo un elevado rendemento produtivo: maior inxesta de alimento, maior ganancia media diaria e maior peso vivo ao destete. O resultado final é tenreiros sans e fortes, cunha mellor resposta fronte ás enfermidades.

-Que destacarías da súa formulación?
-A elección e combinación correcta das materias primas do sustitutivo lácteo son esenciais para o seu éxito en granxa. Por iso, Bacilactol Absolut  está formulado en base a materias primas de alta calidade cun contido nutricional adaptado aos requirimentos dos tenreiros mamóns. Incorporamos un alto contido de leite en po como fonte de proteína, o que nos asegura a formación do callo no abomaso e a posterior dixestión a nivel intestinal durante as primeiras semanas de vida nas cales o tenreiro apenas pode dixerir proteínas de orixe vexetal.

Outro punto que destacar do noso leite é a inclusión de aceite de coco e aceite de palma na composición, ácidos graxos de cadea media cunha dixestibilidade máis alta en tenreiros novos que outro tipo de graxas. Ademais, estes ácidos graxos presentan propiedades antibacterianas a nivel intestinal, o que fortalece o sistema inmune dos tenreiros. Formulamos con niveis de aminoácidos máis elevados para favorecer o desenvolvemento muscular e engadimos unha serie de probióticos e un emulsionante nutricional que melloran a dixestión e a dispoñibilidade de nutrientes.

Doutra banda, os pensos Kovital están deseñados especificamente para adaptar o rume de forma gradual ao consumo de penso. Para iso é clave o sistema de formulación Sfos desenvolvido por De Heus, co que se garante a sincronización da degradación do alimento no rumen e favorécese o funcionamento óptimo do mesmo evitando incidencias dixestivas. O obxectivo é cubrir todos os requirimentos nutricionais dos tenreiros lactantes de forma segura.

-Como mellora a rendibilidade das explotacións o Plan Kovital para Tenreiros Lactantes?
-En De Heus estamos comprometidos coa sustentabilidade e o benestar animal ademais de, por suposto, coa rendibilidade dos nosos clientes. Por iso, tivemos en conta ambos factores para lanzar o programa Kovital. Un tenreiro ben alimentado mellora a súa función inmune e reduce o risco de padecer enfermidades. Ofrecendo unha alimentación equilibrada e de precisión logramos aumentar o seu grao de benestar e mellorar os seus rendementos produtivos. Se aseguramos unha absorción eficaz de nutrientes, logramos diminuír a emisión de nitróxeno ao medio ambiente, reducindo considerablemente o impacto ambiental das explotacións.

Todo iso ofrecendo ademais unha optimización dos resultados produtivos, a través de ferramentas de control e xestión de datos para a optimización do proceso de cebo de tenreiros: cálculo de necesidades, comparación de dietas, estrutura de custos e control de resultados. Se aos gandeiros lles vai ben, a nós vainos ben. En De Heus apostamos polo sector e os nosos equipos de profesionais e asesores nutricionais van da man cos nosos clientes, comprometidos co seu desenvolvemento profesional.

“Poñer no matadoiro un xato cústame máis de 1.000 euros e agora con sorte quédanme 20 euros por animal”

Xatos marcados de Ternera Gallega no cebadeiro Melenas SC en Mazaricos Pasado o pico de consumo inicial nos supermercados, que mantivo a demanda de carne malia ao peche da hostalaría e o turismo, o paso das semanas está xa a notarse nas explotacións e cebadeiros galegos, con baixadas entre 10 e 50 céntimos por quilo que están a minguar as reducidas marxes coas que traballan e mesmo a producir perdas nalgúns casos. O descenso de prezos está a ser desigual nos becerros carniceiros e a afectar máis aos animais de máis valor, o mesmo que acontece tamén co vacún maior, onde as vacas gordas foron tamén as que máis notaron a baixada de prezos e a falta de saída. A Ternera Gallega Suprema, que ten na restauración un dos seus principais mercados, sofre os maiores descensos, duns 50 céntimos por quilo, o que equivale a máis de 100 euros en xato, pero tamén está a haber baixadas nos becerros cebados dentro de Ternera Gallega de entre 10 e 15 céntimos, e que son maiores canto mellor é o animal. Jonathan Cives e a súa muller Silvia Domínguez son titulares dun cebadeiro familiar na parroquia de Corzón, en Mazaricos. Jonathan fíxose cargo da explotación do seu pai no 2016 e o ano pasado, tras faceren os cursos de incorporación, consituíu coa súa muller Gandeiría Melenas SC. Ceban uns 300 becerros ao ano, a maioría animais selectos e de boa calidade marcados de Ternera Gallega.
A empresa que lle levaba os xatos, que outros anos lle subía o prezo 10 céntimos na Semana Santa polo aumento da demanda, baixou este ano en 15 días 40 céntimos
"Vendíalle a unha empresa da Coruña a 4,40 euros o quilo todo o ano, marcado e sen marcar, porque teño gando moi bo, culón e semi culón. Sempre que viña a Semana Santa mesmo me subían 10 céntimos e saía todo o gando, logo empatabamos coa ponte do primeiro de maio, co San Xoán e co verán. Febreiro e marzo eran sempre os meses máis baixos do ano e como este ano, desde o 1 de febreiro Ternera Gallega ampliou a idade de sacrificio dos 10 até os 12 meses, decidín aguantar os xatos de febreiro e marzo, que antes saían con 10 meses, para vendelos na Semana Santa cun ano", explica. Jonathan selecciona e merca directamente nas explotacións os seus mellores xatos para cebar Jonathan veríase así, en condicións normais, beneficiado pola suba de prezos habitual en Semana Santa e pola ganancia de peso, que nestes dous meses levaría aos seus xatos desde os 240 quilos até os 300. Pero o que parecía unha decisión intelixente tornouse contraproducente por culpa do coronavirus. O peche obrigado da hostalaría e o turismo en Semana Santa deixou sen mercado ao seu gando, ao que agora ten que dar saída como sexa porque ao pasar dos 12 meses sería considerado Añojo e caería de prezo máis dun euro o quilo.
Como Ternera Gallega ampliou o prazo de sacrificio a 12 meses aguantei o gando de febreiro e marzo esperando a Semana Santa, así que agora non poido quedarme máis con eles porque me pasarían do ano
"Cando empezou isto fai un mes e se decretou o estado de alarma houbo un boom de animais, a xente empezou a comprar coma tola nos supermercados e a primeira semana chamábante os matadoiros para que lles adiantaras o gando, na segunda semana houbo saída normal pero na terceira semana xa baixou 20 céntimos en quilo", conta este mozo. A empresa cárnica coa que traballaba levoulle esa semana 5 becerros a 4,20 os de Ternera Gallega e a 4 euros os que estaban sen marcar. Pero a seguinte semana, a semana pasada, ofrecéronlle 20 céntimos menos alegando menor demanda. Jonathan considerou aquilo unha desconsideración por parte da empresa cárnica á que levaba tantos anos subministrando (xa lle mandaba becerros o seu pai), así que decidiu cambiar o destino final dos seus animais e mandalos a Novafrigsa, a onde enviaba sacrificar os xatos pintos.
A cousa pinta mal, esta semana foron a 4 euros pero como a cousa siga así penso que baixarán aínda máis, porque empeza a haber saturación
"Pero Novafrigsa cólleme como peregrino, que é como lle chaman eles aos que non lles subministran habitualmente e penalízame cun prezo un pouco máis baixo. Os que mandei esta semana penso que virán a 4 euros o quilo pero como siga así a cousa penso que baixarán aínda máis porque comezan a estar saturados tamén. Eu mandei só os que me cumpren o ano", explica. "Custa máis un paquete de tabaco que un quilo de carne de tenreira" Algúns dos xatos que Jonathan manda ao matadoiro con case un ano A caída de prezos, de 50 euros por quilo con respecto ás previsións que Jonathan tiña para a Semana Santa, e a ralentización da demanda ("se tes 10 para mandar pídenche 6", di) está a reducir as marxes coas que traballaban en explotacións como a súa. "A min poñer no matadoiro un xato dun ano cústame entre 1.000 e 1.100 euros. Son cartos que estás adiantando todo un ano para gañarlle ao mellor 100 ou 150 euros. Os cebadeiros máis grandes traballan con marxes de 50-60 euros por animal porque teñen máis volume pero a min faime falta esa marxe porque nun cebadeiro pequeno coma o meu os custos son máis elevados, o obreiro que teño cústame 18.000 euros ao ano e o seguro meu e da muller outros 6.000. Agora coa caída de prezos esa marxe coa que xogabamos desaparece, con sorte gáñaslle 20 euros en animal despois de telo todo un ano e con iso pouco fas", explica Jonathan.
Con 20 euros en animal despois de telo todo un ano pouco fas. A min cústame entre 1.000 e 1.100 euros poñelo no matadoiro desde que o traio. Son cartos que estás adiantando
Pero aínda que a saída se ralentice, "tampouco podemos parar", advirte este mozo gandeiro. "Que fago co silo que está aberto, déixoo podrecer?", pregunta.  Jonathan prevé unha redución das vendas de carne de tenreira xa a curto prazo nos supermercados e carnicerías "porque cando a xente non ten cartos deixa de mercar tenreira para pasarse a outras carnes máis baratas como o porco ou o polo", o que acaba provocando unha sobreoferta de carne de xato e unha baixada de prezos xeralizada. "Novafrigsa empeza xa a estar saturada, esta semana tiña unha oferta de costeletas de tenreira a 5 euros, custa máis un paquete de tabaco que un quilo de costeletas de tenreira, é lamentable", di. Proxectos de futuro que se ven truncados Jonathan e Silvia están a traballar na nave que o seu pai, José, puxo en marcha no ano 2000. "O establo ten 20 anos e foi feito a cachiños", explican. Por iso, tiñan previsto construir unha nave nova na que traballar máis cómodos, poder ampliar o número de animais e telos máis amplos. "Compramos unha finca e iamos facer unha nave nova para 600 animais. Queremos aguantar a instalación que temos e ampliar alí. Son 400.000 euros de investimento. Temos solicitado un Plan de Mellora con 23 puntos e agora temos un empregado e colleriamos outro máis para a nave nova", contan.
Se isto me colle dentro de dous anos coa nave nova feita con 600 animais e pagando as instalacións, arruíname
Pero agora eses plans están en risco debido á incertidume. "A baixada de prezos estanos arruinando nas explotacións pero menos mal que isto me colleu sen ese investimento feito. O establo que temos está pagado pero se isto nos chega a ter collido dentro de dous anos coa nave nova con 600 animais e pagando as instalacións, arruíname", recoñece. Jonathan fixo o curso de incorporación fai 2 anos. Acabou o ano pasado no mes de maio e en setembro creou a empresa xunto a Silvia, pero aínda non cobraron a axuda de incorporación. A baixada dos prezos en orixe empeora a situación e failles repensar os seus proxectos de futuro.

"Isto é unha cadea, o gando pequeno tamén vai baixar"

Xatos pintos no cebadeiro de Jonathan e Silvia en Mazaricos Jonathan evidencia que "se os cebadeiros perdemos cartos isto vai repercutir nas explotacións" e advirte: "o gando pequeno vai baixar moito tamén porque isto é unha cadea, eu vendía 5 xatos cebados e mercaba outros 5 pequenos. Teño explotacións ás que compraba directamente todo o ano e gañabamos todos, pero se antes podía chegar a pagar 500 euros por un xato bo de 3 meses, agora vou ter que ofrecer 100 euros menos porque son os que eu perdo na carne ao vendela", di.
Se nós os cebadeiros perdemos cartos iso vai repercutir nas explotacións, porque se eu perdo nun animal o que vou facer é deixar de comprar ou comprar a máis baixo custo
A baixada vai ser xeralizada, pensa, pero onde máis se vai notar é nos becerros lactantes procedentes das explotacións leiteiras. "Os cebadeiros que compran para fóra de Galicia e que antes ao mellor levaban 200 animais cada semana agora levan 100 e escollidos, así que os tratantes están levando os xatos pintos sen prezo das gandeirías", conta. Baixadas de 30 a 40 euros nos becerros mamóns No cebadeiro de Eliseo López entraron esta semana 94 xatos A caída dos prezos dos xatos pequenos en orixe tamén é algo que constatan no cebadeiro de Eliseo López, no concello lugués de Cospeito, un dos máis grandes da provincia cuns 3.000 animais ao ano. "Esta semana metemos 94 xatos, penso que desde as vacas tolas non meteramos tantos animais xuntos, porque a semana anterior non meteramos. Moitos tratantes están recollendo cada dúas semanas. Os azul belga chegaron máis grandes e de máis peso, incluso algúns de Asturias e a 40 euros menos, e os pintos baixaron aínda máis. Viñeron pintos bos a 80 euros, que antes valían 110", recoñecen.
Viñeron pintos bos a 80 euros que antes valían 110 e os azul belga chegaron máis grandes e de máis peso, incluso desde Asturias, e a 40 euros menos
Este cebadeiro ubicado no Arneiro conta con dous terzos dos seus animais marcados como Ternera Gallega e o outro terzo é azul belga. Venden todo o ano a Novafrigsa, que lles baixou uns 15 céntimos en quilo. "Somos proveedores habituais de Novafrigsa, mandamos todo o ano para alí. Antes desta crise do coronavirus, o prezo podía estar de media en 4,35 euros o quilo e agora anda entre 4,10 e 4,20 dependendo de como sexa o animal", explican. O cebo de menos valor está substituíndo á carne de vaca A carne amparada baixo a IXP Ternera Gallega está a notar máis a baixada de prezos que a que non conta con este distintivo, mais aínda mantén prezos superiores ao resto. "O azul belga -que non entra na IXP- baixou menos comparativamente, arredor duns 7 céntimos e está agora a 3,80 ou 3,90 o quilo", indica Elio López, o fillo de Eliseo. "A Suprema baixou moito, porque é un produto máis gourmet e as vacas boas valen o mesmo que as flacas de todo porque van para o mesmo sitio ao non haber hostelería. Para os animais de menos valor segue habendo saída", explica.
Serán os cebadeiros de Cataluña e Castela e León os que se beneficien maioritariamente da suba de prezos dos becerros carniceiros pintos mentres os cebadeiros galegos sofren a caída de cotización da Ternera Gallega
É algo que tamén constatan no resto de cebadeiros. "Os pintos ían a 3 euros e seguen a 3 euros, eses non baixaron", conta Jonathan. Pero é fóra de Galicia, en cebadeiros de Cataluña ou Castela e León a onde marchan todas as semanas a maioría dos xatos pintos das explotacións leiteiras galegas, mentres que os becerros de cruces cárnicos que poden ser marcados como Ternera Gallega son os que quedan nos cebadeiros galegos. En Fonchave fan agrupación de partos para o gando de Ternera Gallega Suprema "A vaca nada, está todo paradísimo, e a tenreira convencional de cebadeiro din que mesmo vai subir dentro de 15 días 10 ou 15 céntimos, porque das vacas que se mataban, o que tiña valor era o lombo para chuletóns e a pata para cecina, pero o resto ía todo para picar para salchichas e hamburguesas e esa carne vai ser agora substituida pola tenreira de menos valor, que vai suplir ao que entraba de vaca, polo que ao tirar dela pode que suba", razoa Félix Fernández, da Gandaría Fonchave de Becerreá, na que ceban uns 850 animais de Ternera Gallega cada ano. O pai de Félix, Amable, é tamén o presidente da cooperativa Proterga, que agrupa a varias explotacións de produtores de Ternera Gallega da provincia de Lugo.
A Suprema si que baixou moito, case se puxo a prezo de cebadeiro. Antes andaba entre 4,70 e 5 euros o quilo pero agora baixou 50 céntimos
En Fonchave tamén tiñan previsto ampliar. "Queriamos aumentar un pouco, imos facer unha nave para 200 xatos máis", conta Félix. Constata que o mes pasado houbo "moito tirón", que agora hai "algo menos" e que o prezo na Ternera Gallega normal baixou uns 10 céntimos. "Dicían que esta semana ía baixar máis pero de momento segue a 4,15 os xatos normais de cebadeiro e a 4,20 se é algo mellor. O prezo quererán baixalo, pero saída para eles hai", di este mozo. Nesta explotación da montaña de Lugo sacaron o mes pasado uns 150 animais e ao adiantar o gando teñen menos para sacar este mes, uns 30. Ademais do cebadeiro de xatos, contan tamén con vacas coas que producen Ternera Gallega Suprema e nas que fan agrupación de partos. "Nestes meses non mandamos nada de Suprema, veñen todos para xullo e agosto. A Suprema si que baixou moito, case se puxo a prezo de cebadeiro. Antes andaba entre 4,70 e 5 euros o quilo e agora baixou 50 céntimos", explica.
Máis información: Baixada de prezos en Ternera Gallega. Petición de medidas de Provacuno e das organizacións agrarias (6-IV-2020) NOTA ACLARATORIA: O día 14 de abril de 2020 publicouse erroneamente asociado a esta información o nome de Alimentos Brogán, cando desde o ano 2016 Alimentos Breogán S.A.U non pertence ao sector cárnico, adicándose na actualidade a outras actividades. 

Xornada sobre castración de femias bovinas mediante o método Rilú

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e a empresa ALBEITANERIA, en colaboración con Laboratorios Galeno e MSD, organizan o vindeiro 15 de outubro nas instalacións do CIAM unha xornada teórica e práctica sobre castración de féminas bovinas mediante o método RILÚ, unha práctica dirixida a mellorar o engorde e as características organolépticas da carne destes animais destinados a cebo. A xornada será impartida por Héctor Ricardo  Ludueña, un destacado veterinario arxentino, con máis de 20 anos de docencia en universidades e máis de 40 anos de traxectoria profesional como asesor en produción e reprodución bovina e equina.

Obxectivos da xornada:

1.- Visualizar a importancia das femias bovinas dentro dos diferentes sistemas produtivos. 2.-Ventaxas da castración respecto ás femias non castradas. 3.-Avaliar a posibilidade de mellorar as características organolépticas de diferentes cortes carniceiros, para un mellor engorde ou ceba de femias bovinas destinadas a faena ou descarte. 4.-Anatomía descriptiva na vaca da zona operatoria 5.-Familiarizarse con diferentes técnicas ou métodos de castración en femias bovinas. 6.-Coñecementos do Método de Castración RILÚ. 7.-Realización de prácticas in vitro, do Método de Castración RILÚ. 8.-Realización de prácticas in vivo, do Método de Castración RILÚ.

Programa:

Temas a tratar durante a xornada de mañá: 1.-Importancia das femias bovinas en sistemas produtivos. 2.-Diferentes técnicas ou métodos de castración en femias bovinas. 3.-Descrición anatómica e histolóxica das rexións a manipular. 4.-Presentación do Método RILÚ. Tareas a realizar durante a tarde: 5.-Práctica in vitro do Método RILÚ. 6.-Práctica in vivo do Método RILÚ O custo do curso é de 200 euros, que deberán ser ingresados na conta ES85-0030-6046-4102-9775-2273 As solicitudes de inscrición e o resgardo de transferencia deberán ser remitidos a calquera destes dous enderezos electrónicos: jmgcvet@gmail.com ou josemanuel@galeno.es

Descarga aquí o díptico da xornada

Como se traballa nun dos cebadeiros de xatos máis grandes de Galicia?

Xatos no cebadeiro que Eliseo López ten no Arneiro (Cospeito) Leva toda a vida entre o gando pero non se considera gandeiro, senón emprendedor. Eliseo López nunca deixou de innovar para atopar solucións aos problemas que lle ían xurdindo no día a día da súa granxa, convertida hoxe nun dos maiores cebadeiros de Galicia, mesmo con inventos que seguen a funcionar décadas despois e para os que non existe nada semellante no mercado. “Eu empecei moi novo nisto. Vin para aquí hai máis de 50 anos, con 11, de Negueira -o seu segundo apelido é Muñiz- e sempre tiven inquietude. Primeiro tiven vacas, logo pensei en poñer unha queixería, tiven fábrica de penso e pouco a pouco fun montando o cebadeiro”, conta.
Superaron a caída en picado de prezos pola crise das vacas tolas e chegaron a cebar 3.000 xatos ao ano
No ano 1978 fixo unha nave para vacas de leite que aínda se segue usando hoxe como unha máis do cebadeiro. Naquel momento era xa toda unha revolución. “Estes pórticos non se facían en Galicia, viñeron desde Valladolid. Era unha nave con pórticos de 40 metros de longo, poucas se facían daquela época así. Era unha cuadra ventilada, cun pasillo de alimentación amplo e puxen xa camas de goma, circuito de muxido, pescozeiras que soltaban soas e sistema para botar o xurro directamente ás fincas. Durante moitos anos viñan moitos gandeiros a ver estas instalacións cos técnicos de Extensión Agraria”, lembra Eliseo.
Merca uns 60 becerros á semana con 2 semanas de vida procedentes de explotacións leiteiras
“Tiña 40 vacas pintas e no ano 85 fixen a primeira nave para 100 becerros. Aí naceu o cebadeiro. Logo fun subindo ao gando e facendo máis naves. Co paso dos anos funas reformando e aproveitando e hoxe todas as naves están en uso”, explica. “Chegamos a cebar 3.000 becerros por ano, agora baixamos un pouco porque queremos dedicarnos a outras cousas”, avanza. Pero o seu segue sendo un dos cebadeiros máis grandes de Galicia. “Eu compro todas as semanas, hai pouca xente que merque todas as semanas”, di. Todos os martes pola noite Eliseo acode ao mercado de Castro Riberas de Lea, un dos tres que moven xatos na comunidade. Compra uns 60 becerros cada semana. “Compro eu directamente e vendo tamén directamente, agora a Novafrigsa. A facturación total das vendas supera os 2 millóns de euros ao ano pero tamén invistes moito, só en mercar os xatos son 18.000 euros á semana”, explica.
Vende directamente a Novafrigsa, cun volume de facturación de máis de dous millons de euros ao ano
“No sector en Lugo quedamos poucos, foron centos os que vin pasar por este sector en 35 anos de actividade”, di. “Agora buscamos algo con máis valor engadido, con máis marxe e onde poñas ti os prezos. Aquí póñenchos outros, tanto para mercar os xatos como para vendelos, e nas materias primas igual”, argumenta. Separados en lotes por idades Os becerros están en grupos de entre 20 e 25 e comen penso e herba seca No cebadeiro os animais están en lotes de entre 20 e 25 unidades, separados femias e machos e distribuidos por idades. Son sacrificados con 10 meses cando son para Ternera Gallega e con 11 o resto. Máis ou menos son o 50% de cada un. Para facilitar o movimento dos xatos e a súa saída cara o matadoiro todas as naves contan con peirao de carga. “A administración esixe cousas innecesarias pero outras que son necesarias non as esixen. Todas as explotacións debían ter unha manga e un muelle de carga”, opina.
Comezaron a cebar 40 nais para Vaca e Boi de Galicia
Ademais do cebo de becerros, comezaron tamén a cebar vacas. “Teño 40 vacas de cebo para Vaca e Boi de Galicia. Lévanse mellor que os xatos porque non hai que dar leite nin destetar”, di. A partir do destete os xatos son cebados con penso, auga e herba seca. Tratan de abaratar custos fabricando eles mesmos o concentrado e producindo a forraxe. “Colleitamos 60 hectáreas de herba seca, unha boa parte delas alugadas”, explica Eliseo.
Dispoñen de 60 hectáreas de terreo onde producen herba seca
Esta herba seca de produción propia é a que usan para a alimentación do gando que ceban e para estrar usan palla que mercan. O purín que xera o cebadeiro úsano para abonar as súas terras e o que lles sobra vai para as terras de gandeiros veciños que hai na zona.

I+D+i de fabricación caseira

Os becerros pequenos están en boxes individuais e maman dúas veces ao día cun sistema móbil ideado por Eliseo Os becerros chegan ás instalacións do Arneiro con 10 ou 15 días directamente da feira. Van á nave número 1, que conta cun sistema para amamantar de invención propia co que dan de mamar de cada vez a 40 xatos. “O sistema leva 14 anos funcionando, fixémolo nós, está automatizado e só o programa informático xa me custou daquela dous millóns de pesetas”, lembra. Na nave collen 300 xatos e maman por tramos de 40 dúas veces ao día. “É un sistema moi funcional que lava só. Non hai semana que non veña alguén a velo, debería patentalo”, bromea. E aclara que mercou amamantadoras “pero saqueinas porque non se adaptan para isto”, di.
Ademais de leite, danlles palla e penso desde o primeiro día e destétanos aos dous meses e medio
Na nave número 1 os xatos e as xatas pasan entre 3 e 4 semanas en boxes individuais alimentados con leite, palla e penso. “Doulles palla e penso desde o primeiro día”, aclara Eliseo. Logo pasan a outra nave, na que acaban o periodo de destete xa en grupo até os dous meses e medio de vida. Na nave 2 maman 500 por hora, 120 de cada vez. Cando cumpren mes e medio pasan a estar en grupo e entran a mamar en lotes para que non se mesturen Tamén aquí hai I+D+i de fabricación caseira. “Na nave 1 vai o leite aos becerros, que están en boxes individuais, aquí o sistema é ao revés, veñen os becerros a onde está o leite, entran a mamar por lotes e volven a sair igual, non se mesturan os lotes”, explica. O leite que toman está feito só con produtos lácteos e auga (“non necesita nada máis”, aclara Eliseo). Fan 1.000 litros de leite en 5 minutos nun tanque isotermo con batedor e entrada de auga quente desde outro depósito que fai as funcións de quentador e termo. Hai 3 anos que ideou esta tecnoloxía pensada e deseñada por eles mesmos pensando nas súas necesidades.
“Despois de 30 anos cheguei á conclusión de que o gando non se pode industrializar, moves moitas reses todos os días e hai que buscar solucións prácticas”
“Os dous sistemas de amamantar que temos son simples pero funcionan moi ben, non dan complicacións. Íamos informatizalo pero era moito custo e ademais de meternos nun gasto era un posible foco de problemas e avarías. E despois de 30 anos cheguei á conclusión de que o gando non se pode industrializar, moves moitas reses todos os días e hai que buscar solucións prácticas”, asegura. “Hai momentos nos que chegamos a ter mamando 1.000 becerros”, engade. Fabricación propia do penso Fan 270.000 quilos de penso ao mes para consumo propio Para facer o penso, traen o cereal de Castela e o resto dos compoñentes mércanos directamente no porto. No Arneiro Eliseo ten 9 silos, muiños e unha granuladora con capacidade para facer máis de dous millóns de quilos de penso ao mes. “Comezei facendo penso nun caseto aí abaixo, compraba o cereal e facía a mestura nun baño de salar. Logo puxen o muiño e durante anos mesmo vendín penso para fóra”, conta. Hoxe producen 270.000 quilos unicamente para consumo propio. Mesturan soia, pulpa, cebada, millo e trigo en distintas proporcións para as tres formulacións diferentes que empregan no cebadeiro en función da idade dos becerros. O muiño actual ten xa 25 anos e ampliouno este mesmo ano coa idea de retomar aquel proxecto que comezara coa venda de penso pero que abandonou hai anos. Tanto na fabricación de penso coma no cebadeiro traballan 5 persoas ademais de Eliseo. “En 35 anos non faltei un día da granxa”, di.

Diversificar facendo produtos para alimentación animal  

Eliseo diante da nave na que xunto ao seu fillo Elio quere comezar a producir o vindeiro ano suplementos para vacún e mascotas “Eu en realidade non son gandeiro, son emprendedor, teño ese espíritu”, afirma Eliseo antes de contar cal vai ser o seu próximo proxecto, que porá a funcionar no 2020 xunto ao seu fillo Elio, que estudou Veterinaria e que herdou ese mesmo espíritu inquedo e inventor do seu pai.
"Cos xatos tes un capital enorme investido a unha soa carta e non pos ti os prezos"
“Hai que diversificar máis e afrouxar algo nos xatos porque cos xatos móvense moitos animais, moitos quilos de carne, pero o rendemento é pequeno”, asegura. Ademais, di, “tés un capital enorme investido a unha soa carta. Cando viñeron as vacas tolas non ano 2000 e caeron os prezos en picado perdín moitos cartos. Pero volvín mercar, arrisquei e logrei recuperar. Pero queremos variar un pouco, afrouxar algo no cebadeiro para adicarnos a outras cousas, ter todo a unha carta non é interesante”, argumenta. Eliseo leva xa anos producindo o leite que consome no cebadeiro O novo proxecto vai enfocado cara a produción de complementos para a alimentación animal. “Imos facer todo tipo de dietética alimentaria, leite maternizada e dietética canina”, conta. “Un pouco imos retomar o proxecto que deixamos hai 20 anos cando paramos de vender penso para fóra. Imos aproveitar esas instalacións que xa temos e que vimos de ampliar cunha nova nave que ten arriba tolvas e dosificadores e abaixo envasadoras e embolsadoras. O sistema é tamén deseño propio”, explica Eliseo. Será a primeira industria de Galicia e Asturias que fabrique leite maternizado. Hai só unha en León. “De can seremos a segunda da comunidade, xa hai unha en Vilagarcía, e de produtos dietéticos tampouco hai ningunha en Galicia”, explica Eliseo.
Será a primeira industria que fabrique en Galicia leite maternizado e produtos dietéticos como por exemplo sueros para diarreas
Estará funcionando para 2020 e fabricará tamén hidratos líquidos, soros para diarreas e unha chea de produtos dietéticos que Eliseo leva anos producindo para si mesmo e consumindo no seu cebadeiro. “Hai unha gama moi ampla, eu fago leite xa para min, merco os produtos lácteos e fago eu mesmo o leite que consumimos, e estou importando da India os ingredientes para produtos dietéticos que tamén facemos para nós porque son formulados a base de plantas que non se dan aquí”, conta Eliseo.
"Eu con multinacionais atrévome a competir, con gandeiros e tratantes non"
“Gústame máis isto da alimentación animal que a gandería e é algo do que entendo e no que teño experiencia”, afirma. Hai xa empresas interesadas en vender os produtos que agora fabrica para si e que foi desenvolvendo, testando e mellorando ao longo de anos no seu propio cebadeiro. É un mercado esixente e copado por grandes empresas pero Eliseo é rotundo: “Eu con multinacionais atrévome a competir, con gandeiros e tratantes non. Vas á feira e compites con xente pouco profesional. Ser vello tenche que servir para darte conta destas cousas”, bromea.

Catro Ventos, o paraíso da raza vianesa na Fonsagrada

No máis alto da Fonsagrada, alí onde pegan todos os ventos, atópase un mesón moi singular, vinculado a unha gandería que lle aporta a súa especialidade. No Mesón Catro Ventos, a sete quilómetros da Fonsagrada, no cruzamento da estrada de Grandas de Salime coa que vai a Santa Eulalia de Oscos a protagonista é a vaca vianesa. Ovidio Méndez incorporouse hai 20 anos á explotación de carne familiar. Un ano despois montou un cebadeiro onde chegou a haber 160 becerros de raza rubia galega. "No 2008 montei o mesón e abandonei un pouco a gandería, quedei só con 8 ou 10 limusín pero hai catro anos comecei coa vianesa e foi un acerto, estou contento coa raza", explica. Ovidio argumenta o cambio: "a nosa especialidade no mesón é a carne á grella. O limusín é culón e para a parrilla non me valía. A vianesa pola contra é unha carne cun nivel de engraxamento moi bo e é moi saborosa. En comparación con outras razas como o angus ou o kobe, esta carne ten tanto sabor, só que está sen vender, non ten a mesma fama", di.
"En comparación con outras razas como a angus ou o kobe, esta carne ten tanto sabor, só que a vianesa está sen vender, non ten a mesma fama"
As vacas vianesas coas que comezou Ovidio viñeron doutra explotación de Verín (12 animais) e de Ortigueira (outros 5). Hoxe conta con 29 reprodutoras que están sempre fóra, en extensivo. "É un animal moi duro, non ten problemas coas nevaradas. É unha raza de monte, son máis ariscas que a rubia galega pero se ven a xente a diario fanse mansas. Levo sen atender un parto un montón de meses, non dan ningún problema e para min, ao ter que atender o restaurante, é importante non ter que estar enriba delas", argumenta. 35 hectáreas de pasto en ecolóxico Os becerros cébanse durante 10 meses Os becerros están no prado coas nais desde que nacen até que teñen entre 8 e 10 meses. Logo cébanse, con concentrado a discreción e palla, até os 15 meses no caso das femias e até os 20 os machos. Cando son sacrificados, chegan a alcanzar os 300 quilos/canal. "É moito para unha vianesa", recoñece Ovidio, que se segue considerando gandeiro antes que hostaleiro. Dispón de 35 hectáreas a pasto. "Renovo pouco as pradeiras, porque ao estar en ecolóxico é máis complicado", di. Aínda que a explotación se atopa certificada en ecolóxico, o cebo final faino en convencional. "Tenteino pero é moi difícil. É un animal que infiltra graxa pero iso en ecolóxico non o conseguía", afirma.
"O cebo mellora a carne. Se matas directamente do prado é moi natural, pero menos saborosa"
"O cebo mellora a carne sen ningunha dúbida", asegura Ovidio. "Se matas directamente do prado é moi natural, pero menos saborosa, máis seca e máis dura", argumenta. E canta máis idade máis evidente é a mellora. "Unha vaca vella de 10 ou 12 anos saca un chuletón moi infiltrado e con moito sabor, aí si que xa nos imos a delicatesen", conta. A carne de vianesa é o verdadeiro reclamo do Catro Ventos. Está intermitentemente na carta e Ovidio vai informando no facebook do restaurante das novidades. "É unha carne que se vende moi ben. Nesta zona non se coñecía e a novidade e a curiosidade axudou a probala e a posicionala entre a clientela. Hoxe a xente xa pregunta por ela", asegura. Cecina e carne de boi Ovidio, no restaurante cun chuletón de raza vianesa A venda directa da súa propia carne que Ovidio fai no restaurante non só serve para valorizar a súa explotación, senón que tamén axuda a aportar valor e maior rendibilidade ao traballo de outros gandeiros da zona. Por ejemplo, el Catro Ventos merca directamente a Amaro, un veciño de Corneas, no veciño concello de Baleira, que ten medio cento de nais de raza vianesa. "Foi a el a quen lle vin a raza vianesa por primeira vez", lembra Ovidio. "Á maioría dos xatos que produce Amaro tamén lles damos saída no restaurante e no mes de novembro facemos unhas xornadas gastronómicas de vianesa para promocionar esta raza nas que matamos 4 xatos de cada un", detalla.
A vianesa é unha raza autóctona galega en perigo de extinción que conta cun censo de 2.800 animais repartidos en 79 explotacións
Os dous, Amaro e Ovidio, seguen traballando en conxunto para aumentar as posibilidades desta raza autóctona en perigo de extinción que conta cun censo de 2.758 animais, dos que 1.795 son nais reprodutoras, repartidos en 79 explotacións, 6 delas na provincia de Lugo. "Mandamos cecina a curar, estamos facendo probas para aproveitar deste xeito a parte que no restaurante ten menos valor", explica Ovidio, que tamén vai capar 6 animais para facer carne de boi.

Animal de traballo con boa ganancia de peso ao destete

Vaca vianesa na explotación de Ovidio en Barbeitos, na Fonsagrada A raza vianesa é orixinaria da Terra do Bolo, comarca que se sitúa no oriente da provincia de Ourense, e exténdese cara aos montes do Invernadoiro e Serra de Queixa en Chandrexa de Queixa, Manzaneda e A Pobra de Trives, chegando até Vilar de Barrio, Montederramo e Maceda. É unha raza en perigo de extinción integrada na Federación de Razas Autóctonas de Galicia e que conta co distintivo 100% Raza Autóctona outorgado polo Ministerio de Agricultura. Explotada antigamente como animal de traballo polas súas características morfolóxicas, na actualidade a súa utilidade céntrase na produción de carne de calidade cunhas ganancias de peso ao destete, dadas as súas cualidades de boa produtora de leite, de 800 gr/día, aos seis meses de idade do becerro. Noutro tempo en Viana do Bolo, da cal toma o seu nome, e máis en Celeiros e A Veiga, celebrábanse feiras nas que se comerciaban con xugadas de bois, que eran embarcados en ferrocarril desde Monforte de Lemos e A Rúa para seren exportados a outras rexións..
Noutro tempo as xugadas de bois de raza vianesa eran exportados en ferrocarril como forza tractora a outras rexións do estado
As condicións orográficas desta comarca, a máis montañosa da provincia de Ourense, dificultaron a mecanización agrícola e favoreceron os sistemas de explotación tradicionais necesitados de animais cunha forte adaptación ao medio, polo que a raza vianesa, moi valorada pola súa rusticidade e vigorosidade, gozou do mellor censo das Morenas Galegas. Pero a situación rematou a partir da segunda metade do século XX coa evolución industrial e agrícola e o posterior desenvolvemento das vías de comunicación. As vacas e bois vianeses foron substituídos como forza tractora por maquinaria e desde o punto de vista produtivo por outras razas altamente especializadas para alcanzar maiores rendementos leiteiros e cárnicos, aínda que con maiores requerimentos para producilos.

“Os becerros son un valor desaproveitado hoxe nas explotacións leiteiras galegas”

Roberto Lorenzo no Mercado de Castro de Riberas de Lea A especialización na produción de leite en moitas explotacions galegas centrou o valor da recría nas femias que nacen e relegou a un segundo plano aos becerros machos. Cada día os gandeiros están máis convencidos da necesidade de mellorar as condicións das becerras desde o momento en que nacen como futuro que son das granxas e poñen empeño na mellora das instalacións e no manexo e coidados das novillas como reemprazo necesario para as vacas en produción e como xeito de mellora xenética na explotación. Pero, que acontece cos xatos? "Para moitas explotacións en Galicia os xatos son un residuo máis, priman a produción de leite e están centradas niso e por falta de tempo ou de persoal non poden perder tempo con eles, así que os xatos estórbanlles", resposta Roberto Lorenzo, responsable do Mercado de Castro, a onde chegan cada semana unha media de 600 becerros.
"Para moitas explotacións en Galicia os xatos son un residuo máis, priman a produción de leite e están centradas só niso"
Roberto leva 18 anos á fronte deste mercado. Desde esa experiencia acumulada lembra que "os xatos eran tradicionalmente un valor nas explotacións e hoxe son un valor desaproveitado". "Os gandeiros non se dan conta de que recriando os becerros teñen un valor engadido nas súas explotacións. Pero algún día igual nos pasa factura ás explotacións centrarse só no leite. Eu penso que é perfectamente compatible e complementario cebar nas explotacións e dedicarse ao leite", asegura. Esta é unha práctica moi pouco frecuente en Galicia, que se dá en moi poucas granxas leiteiras, con algunha excepción, como é o caso de SAT Gomelle, en Guntín, pero que é habitual noutros países. Por exemplo, en Portugal, as principais explotacións leiteiras do país, como Casal de Quintanelas ou Agro-Pecuária Afonso Paisana están a apostar na actualidade pola recría dos machos até a idade de sacrificio para abastecer directamente o mercado coa súa carne. Os becerros saen das explotacións con moi poucos días O mercado de Castro de Riberas de Lea, no concello lugués de Castro de Rei, celébrase os mércores e ten como mercado de referencia o de Pola de Siero, en Asturias. "Se o de Pola de Siero vai ben, aquí hai demanda", explica Roberto, que engade que "tamén os prezos fluctúan bastante en función da demanda". Un macho cruzado de vaca hosltein con touro de carne (limusín ou rubia galega) pode rondar os 330 euros e baixa aos 240 euros se é femia. No caso dos frisóns, "os pintos bos, que son contados, de entre 48 e 52 quilos, chegan aos 160 euros, pero os que son ruíns, duns 40 quilos, véndense en lotes e valen moi pouco, arredor de 35 euros", explica. "Ás veces veñen xatos con moi poucos días", recoñece Roberto, que engade que "en moitos mercados mesmo lles custa xa aceptalos".
"De Francia e de Holanda veñen xatos moito mellores a bos prezos. Eles mandan para aquí os seus excedentes e devalúan o mercado español, coma co leite"
O interese por mandalos canto antes e a falta de atención e coidados fai que a súa calidade sexa baixa. "Os becerros galegos non os quere ninguén porque son ruiños. De Francia e de Holanda veñen xatos moito mellores, máis duros e a bos prezos. A política agraria europea fixérona eles á súa imaxe e semellanza. Mandan para aquí os seus excedentes e devalúan o mercado español. Vémolo co leite, pero tamén cos xatos", afirma. Case todo o que hai no mercado en Castro de raza frisoa son xatos. "Femias veñen poucas, só aquelas que non teñen valor leiteiro", explica o responsable das instalacións. A introdución de seme sexado para garantir a descendencia para recría das mellores vacas incide ademais nesta situación. Unha das tres lonxas de referencia en Galicia Tratantes no Mercado de Castro O Mercado de Castro forma parte da Asociación Española de Mercados de Gando, dentro das que se atopan tamén as outras dúas lonxas gandeiras semanais de referencia en Galicia, a de Amio en Santiago de Compostela e a de Silleda. A demais dos galegos, a Asociación engloba aos principais mercados de gando do Estado: Torrelavega, Medina del Campo, Pola de Siero, Talavera de la Reina e León. O número de animais que pasan cada semana por Castro foise reducindo moito nos últimos anos, pero mantense, no caso dos becerros, en niveis semellantes aos de Silleda, cuns 600 animais á semana. Amio suma máis que os dous xuntos, uns 1.500 xatos semanais. "Amio antes era os xoves e o que non se vendía aquí acababa de comercializarse alí, pero cando cambiaron para os mércores a nós matáronnos", lembra Roberto. Descarga dos becerros o martes pola noite nas instalacións do Mercado de Castro A competencia con Amio, que se celebra no mesmo día, foi o motivo principal que fixo que practicamente desaparecera de Castro o gando maior. "Antes chegou a haber 2.000 animais á semana entre gando maior e menor", recorda Roberto. Outra das diferencias entre Amio, Silleda e Castro é o sistema de venda. "Aquí é venda directa entre os tratantes e os compradores, así que o pescado está case todo vendido e colocado o mesmo martes pola noite cando chegan os camións, sen agardar sequera ao mércores, día propio da feira e hai xatos que pasan por 4 ou 5 mans antes de saír do mercado", indica.
A competencia con Amio, que cambiou de día do xoves para o mércores, e o nacemento hai uns meses dun mercado paralelo en Matodoso, a poucos quilómetros, feriu de morte a Castro
A Castro acoden uns 50 tratantes de toda Galicia. A súa filosofía, explica Roberto é a de que "alí onde compras non podes vender", polo que o movimento entre os tres mercados galegos é habitual. Ademais, di, "compradores maioristas en Galicia hainos contados e acoden aos tres mercados". A isto hai que engadir outro feito que nos últimos meses fixo minguar aínda máis o número de becerros e de tratantes que acoden a Castro. A poucos quilómetros, en Matodoso, na parroquia de Triabá, xurdiu unha especie de mercado paralelo promovido por un grupo de tratantes. Os martes xúntanse nunha nave e fan compravenda directa entre eles. Contan con autorización da Consellería do Medio Rural na categoría de operador comercial.
A Castro acoden uns 50 tratantes de toda Galicia. A súa filosofía é: "alí onde compras non podes vender"
Os xatos que chegan o martes pola noite ás instalacións de Castro de Riberas de Lea proceden de explotacións de toda a provincia de Lugo, desde a Mariña a Monforte, pero fundamentalmente da comarca da Terra Chá. A área que rodea a Castro, os concellos de A Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito é unha das principais zonas leiteiras de Galicia cun importante número de cabezas de gando. O destino da mercadoría era tradicionalmente Asturias, Cataluña, Zamora e cebadeiros de Aragón pero cada vez máis os xatos quedan en centros de destete e cebadeiros en Galicia. "Agora mesmo ben deitamos dos cebadeiros e centros de destete galegos, Cataluña tira pouco", di Roberto, que engade que "ao cebarse en Galicia, moitos xatos xa non pasan nin polos mercados, van directamente das explotacións aos cebadeiros". O que o Eliseo López e o seu fillo Elio teñen no Arneiro, a poucos quilómetros de Castro, é un dos máis importantes da provincia de Lugo.

"É un motor importante para o pobo, por iso o mantemos"

O polbo é protagonista todos os mércores en Castro O Mercado de Castro Riberas de Lea vense celebrando nas actuais instalacións, propiedade do Concello de Castro de Rei, de xeito ininterrompido desde o ano 1977, catro anos antes por exemplo de que nacera a Central Agropecuaria de Galicia en Silleda. Co traslado desde o vello campo da feira á ubicación actual mantívose o mércores como día de celebración pero nestas catro décadas foron desaparecendo os gandeiros individuais que levaban as súas vacas, porcos, ovellas ou cabalos a vender á feira. O vacún menor é hoxe o principal sustento de Castro. O vacún maior, igual que o gando ovino, caprino e porcino foron tamén minguando. Nin sequera a recuperación hai unha década do mercado de vida, que ten carácter comarcal, o último sábado do mes serviu para manter o número de animais presentes. "Noutra época viñan moitas vacas de Alemania e Holanda", lembra Roberto.
O Mercado de Castro Riberas de Lea xerou o ano pasado un volume de negocio de 5 millóns de euros, uns 100.000 euros á semana
Porcos, ovellas ou vacas adultas son case testemuñais hoxe en Castro, onde o 90% dos movimentos son de tenreiros. Un total de 29.697 xatos pasaron o ano pasado polas instalacións de Castro, fronte aos 31.584 de 2017, os 33.121 de 2016, os 38.432 de 2015, os 35.134 de 2014 ou os 43.123 de 2013. Medran por contra o número de cabalos, que teñen unha feira de ano específica no mes de setembro. Máis de 500 equinos foron vendidos en Castro o ano pasado. O Mercado de Castro Riberas de Lea xerou o ano pasado un volume de negocio de 5,1 millóns de euros, uns 100.000 euros á semana. A cifra foi minguando a medida que o facían o número de cabezas vendidas nel (5,3 millóns no 2017 e 6,7 millóns xerados en 2016). Cita inexcusable co polbo Pero máis alá da utilidade directa que o Mercado de Castro ten para as explotacións gandeiras da comarca, o que si supón é un estímulo para a vida económica da localidade, que todos os mércores se ateiga de xente que acode a mercar distintos produtos e a comer o polbo na carballeira onde antes era o campo da feira.
"Cobramos 1,30 euros por cada becerro que usas as instalacións, nós non encarecemos o animal"
"É un motor importante para o pobo, por iso o mantemos", admite Roberto, que lembra que o Concello de Castro de Rei é quen corre cos gastos de mantemento das instalacións, que ocupan unha superficie de 26.000 metros cadrados e foron obxecto de varias melloras nestas catro décadas: peche perimetral, muelles de carga, boxes para os animais, etc. "Gastamos 100.000 euros recentemente nas divisións para separar en lotes os becerros e agora precisamos investir outros 100.000 euros en poñer panel sandwich no teito para mellorar as condicións tanto de frío en inverno como de calor no verán", explica o responsable das instalacións. A maiores, tres operarios municipais limpan e desinfectan o recinto cada mércores ao rematar o mercado, que tamén conta con persoal administrativo. O Concello cobra unha taxa de 1,30 euros por cada animal que usa as instalacións para minimizar estes custos. "O que cobramos é pouco, nós non encarecemos o animal", argumenta Roberto. Os becerros cando saen á ruta levan un rehidratante para a viaxe. Chegan o martes pola noite e marchan o mércores a mediodía ou pola tarde para aproveitar deste xeito a ruta do transporte que vén de Amio.

Agropecuaria Montgai, un cebadeiro no que os becerros non desperdician o penso

Agropecuaria Montgai é unha das cinco ganderías que recibirán o Premio Excelencia na Feira Internacional para a Produción Animal (Figan), que se celebra do 19 ó 22 de marzo en Zaragoza. Este cebadeiro familiar, asentado en Lleida, está especializado na crianza de becerros de raza frisoa e de cruce. Nos últimos anos, incorporou tanto melloras nas súas instalacións como no manexo dos seus animais, o que agora lle valeu este recoñecemento. O cebadeiro dispón de catro granxas, onde se reciben os becerros mamóns e se realiza o cebo. Tamén contan coa colaboración de granxas da zona, que ceban de forma integrada, é dicir, eles subminístranlles os becerros e os propietarios das granxas coidan os animais. Coa combinación do traballo propio e o integrado, sacrifican ó ano entre 9.000 e 10.000 cabezas de gando vacún, becerros tanto lixeiros como pesados, que alcanzan entre 470 e 550 quilogramos respectivamente.

Animais procedentes de Galicia e Francia

As reses chegan ó cebadeiro cun mes de vida e alí permanecen ata aproximadamente os once meses. Os becerros frisóns ou lixeiros pesan entre 50 e 55 quilogramos cando chegan, namentres que os de cruce rondan xa os 65 quilogramos. Xatos con cama de palla. Agropecuaria Montgai merca os becerros en centros de recollida, onde os escolle por peso e idade. Ata hai pouco, a maioría dos seus animais procedían de Galicia, pero na actualidade compran tamén en Francia. “O becerro galego é un animal que chega escollido e se procede de ganderías onde estea ben encalostrado é un moi bo animal para o cebo”, concreta Xavier Salse Bernadó, veterinario da explotación. Xavier é, xunto co seu irmán Pau que exerce de administrador da granxa, a segunda xeración deste cebadeiro familiar. Ambos traballan aínda man a man con seu pai, Pau Salse Solé, que foi quen comezou co cebo de gando vacún. O cebadeiro traballa tamén con animais procedentes de feiras, se ben recoñece que eses animais presentan habitualmente máis problemas. “Os animais máis problemáticos son os becerros máis novos que van ás feiras. Estes xatos teñen moitos problemas, principalmente dixestivos, como úlceras de estómago, que se poden deber a que nas feiras é difícil conseguir axustar as necesidades do lactoreemprazante na dose e temperatura correcta, e tamén polo estrés que sofren no transporte e na espera”, sinala o veterinario.
“Se o becerro galego se pode sacar das ganderías onde estea ben encalostrado é un moi bo animal para o cebo”
Cando o gando francés escasea, a explotación tamén merca parte dos becerros en Irlanda. “O barco é rendible e os animais irlandeses chegan cunha gran saúde e practicamente non hai problemas na súa adaptación. Porén, os pesos finais destes animais son inferiores ós dos becerros galegos”, explica Salse.

Coidar o manexo dos animais

Cada grupo de animais que entra permanece sempre xunto, evitando ser mesturado con outros lotes. “Traballamos cun sistema todo dentro-fóra, é dicir, os animais que entran nunha nave mamoneira é un lote e permanecerán sempre xuntos, logo trasladaranse á nave de cebo e alí permanecen ata o sacrificio”, detalla Xavier. Sistema de tetinas que empregan nas naves de mamóns. As naves mamoneiras divídense en currais de 8-10 xatos que contan cunha guía corredoira situada en fronte do curral onde se colocan as chupadeiras para poder dar o lactorreemprazante que inxiren ata que pasan á nave de cebo. Dispoñen tamén dunha máquina mesturadora do leite en po con tracción motora que lles permite acadar a temperatura e dose exacta para cada animal. Cada nave dispón do seu propio xogo de chupadeiras para evitar contaminacións entre diferentes lotes de tenreiros e, ademais, límpanas cada día despois das tomas de leite. “Ter currais cun número reducido de animais é moi importante porque permítenos facer un control diario rigoroso de cada animal”, concreta o veterinario. Unha vez que os xatos chegan a un peso de entre 100 ou 120 quilos trasládanse das granxas de lactancia ós cebadeiros, onde se dividen en currais de 18 tenreiros.
“Ter currais cun número reducido de animais permítenos facer un control diario rigoroso de cada animal”
Os cebadoiros consisten en naves semiabertas, onde os animais contan cunha cama de palla, unha forraxe que lle mercan a produtores da zona. Unha vez á semana renovan as camas cunha máquina encamadora específica e o esterco que xeran derívano tanto a plantas de compostaxe como a terras propias. “Procuramos coidar o manexo ó máximo, xa que é o punto clave nun sistema de estabulación intensivo como o que temos”, comenta Xavier.
Sistema de comedeiros eficientes.

Comedeiros eficientes

Unha das innovacións máis destacadas das que dispón o cebadeiro, coa que lograron o Premio Excelencia de Figan, é a dos comedeiros eficientes. É un sistema que reduce o desperdicio do penso e que á vez mantén a súa composición nutricional óptima. “Estes comedeiros teñen a particularidade de que non permiten a perda de penso pola forma de comer dos animais e tampouco se produce unha oxidación dos compoñentes nutricionais, ó non acumularse en exceso”, explica Xavier.
Con estes comedeiros eficientes conseguen un aforro de 65 quilos de penso por becerro
A implantación dos comedeiros eficientes desenvolveuse no marco dos programas de colaboración que a explotación ten co Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria de Cataluña (Irta). Trátase duns comedeiros nos que o tubo que sae do transportador superior, que reparte a comida, queda a unha distancia de entre 2-3 centímetros da base do comedeiro. Deste xeito, o penso granulado queda almacenado no tubo e os animais van sacando a comida por esa marxe sen desperdiciala nin permitir que se acumule. “Con este sistema redúcese nun 6% o gasto de penso total respecto ós comedeiros tradicionais, sen que o crecemento dos animais se vexa afectado” -apunta o veterinario-. "Conseguimos un aforro de 65 quilogramos de penso por becerro".

Reducir ó máximo o uso de antibióticos

Outro punto de manexo no que destaca Agropecuaria Montgai é na redución do uso de antibióticos para adaptarse ás esixencias que veñen marcadas por Europa. “De momento estamos aprendendo -valora Xavier-. "Estamos revisando todos os protocolos de diagnóstico e realizando antibiogramas (probas que comproban a susceptibilidade de bacterias a grupos de antibióticos)". Os primeiros antibióticos que reduciron polo de agora foron os de vía oral. “Todo o proceso foi acompañado de técnicas de diagnóstico como rexistros da temperatura corporal, escalas visuais ou ecografías”, detalla o veterinario. Con esta información e cos antibiogramas están a avaliar de novo os protocolos de aplicación de antibióticos e vacinación.
Están revisando os protocolos de diagnóstico e vacinación para reducir a aplicación de antibióticos
“Conseguimos unha redución importante do consumo de antibióticos, pero tamén se produciu un lixeiro aumento das baixas, que agardamos poder reducir axiña”, aclara Xavier.

Mercados

A maior parte da produción deste cebadeiro destínase ó mercado nacional. Puntualmente, tamén exportan algunhas das razas de cruce, pero trátase dun pequeno número de cabezas. O cruce que mellor se lles adapta é o de charolesa,se ben contan con cruces de varias razas porque “non existe a posibilidade de escoller un cruce en concreto para completar camións ou lotes”, especifica Xavier. Agropecuaria Montgai considera que a clave do seu éxito é a organización que teñen dos animais xunto coa “disciplina, o esforzo e moita dedicación”, conclúe Salse. Galería de fotos
Terneros en lactación.
Máis información - Figan 2019 conta con máis de 900 expositores e medio cento de xornadas técnicas.

Sat Gomelle, grao húmido de millo para a ración e ceba para os xatos

No ano 1988 dous matrimonios da parroquia de Gomelle, os formados por Pepe e Divina e por Daniel e Mari Luz, constituíron unha SAT que comezou muxindo xa 100 vacas nesa época. Vinte anos despois, no 2007, decidiron ampliar as instalacións e entraron na sociedade os cinco membros actuais: Cristóbal e Yolanda Rodríguez López, fillos de Pepe e Divina, xa xubilados, José Castro, José Luis Vázquez e Daniel Mouronte, que é o único dos catro socios iniciais que segue traballando na explotación. Na actualidade muxen 250 vacas, que é a capacidade máxima da nave construída hai 11 anos, e atópanse cun problema de espazo difícil de solventar para seguir medrando. "Non temos para onde ampliar, porque temos a igrexa por un lado, o río polo outro e estradas rodeando a explotación", explica Cristóbal, que conta que "a única solución sería arrincar de aquí con todo para outro sitio, pero tés investimentos que non son trasladables, como a sala de ordeño, e que perdes". A falla de espazo obrigounos a externalizar determinados procesos, como a recría. Envían as becerras a Novilandia, un centro privado de León. Marchan con 3 meses e volven con 13 ou 14 meses de vida para inseminar e continuar a xestación xa na explotación, concretamente nunha nave alugada a un dos socios á que van unha vez preñadas. Animais de recría na granxa. O custo do tempo de recría que pasan fóra da explotación é de 2,21 euros por xata e día e normalmente botan menos dun ano neste centro leonés, ao que comezaron a enviar os animais no ano 2007. De inseminar encárgase Cristóbal, que comezou hai un ano a usar seme sexado nas novillas. "Procuramos que empreñen rápido, neste momento temos a media do primeiro parto en 24 meses", conta. Contar cunha boa fertilidade é fundamental para asegurar a taxa de reposición da granxa. "A nós chéganos coa nosa recría", di Ricardo. Con todo, en 2016 meteron na explotación un lote de 13 vacas traídas de Alemania. 190 hectáreas de superficie Os cinco socios da SAT aportan terras á explotación, que manexa 190 hectáreas de superficie agraria, unha boa parte delas alugadas. Esta é unha zona de importante produción láctea, polo que hai bastante competencia pola terra e os prezos son altos. Botan arredor de 100 hectáreas a millo todos os anos e o resto está a herba. Todo o traballo agrícola fano os membros da SAT con maquinaria propia, agás colleitar o millo e a herba. Encárganse sen embargo de tarefas como o laboreo, o sementado ou o sulfatado. Ao dispoñer de excedente en canto a superficie agrícola, hai 5 anos comezaron a facer grao húmido de millo. "Os primeiros anos fixemos unha proba con pequenas cantidades pero o ano pasado sobrábanos moito millo e metimos 25 hectáreas en grao húmido", explica Cristóbal. Ensilar o gran do millo por separado O sistema consiste no ensilado por separado do gran, que se recolle mediante unha colleitadora especial que só arrinca a espiga cando a planta de millo ten unha humidade do 30%. A colleitadora separa o gran e méteo nunha tolba. Logo vai a un tractor con un muíño que moe o gran e o deposita nunha bolsa de plástico alongada que é na que se ensila o gran moído. Sería un proceso semellante ao de encher a tripa dun chourizo coa zorza. Silo de gran húmido. Con respecto ao ensilado tradicional do millo, este método ten a vantaxe de que ocupa menos espazo e de que non é preciso dispoñer de silo, xa que abonda con ter unha superficie plana onde colocar esa especie de saco alongado. "O sistema do grao húmido non vai mal, porque aforra moito penso e abarata bastante a ración malia o custo engadido -con respecto a un ensilado tradicional- da colleitadora especial e o muíño, pero eu sempre fun dos que pensei que é máis barato facer a forraxe na casa antes que mercala fóra", opina Cristóbal. Fan dúas racións diarias para o gando en produción. Está composta de 21 quilos de silo de millo, 17 de silo de herba, 4 quilos de penso, 3,6 de soia, 3 de gran húmido de millo, 1 de melaza e correctores. "Traballamos con moito silo de millo e de herba e con gran húmido porque somos excedentarios en millo, polo que para nós a calidade das forraxes é fundamental, notámolo tanto na produción como na fertilidade", recoñece. A media de produción varía entre os 37 e os 39 litros diarios dependendo da época do ano e das forraxes. "O silo de millo é máis homoxéneo, pero o de herba é máis variable e nós usamos moito silo de herba, así que no noso caso ten moita incidencia", admite. Ao contar con excedente de forraxe son capaces tamén de abaratar o custo da ración das vacas secas e as novillas preñadas, que está composta por 18 quilos de silo de herba, medio quilo de soia, 1,2 quilos de palla e corrector. Un mes antes de parir preparan aos animais cunha ración de preparto que está formada por tres quilos de ración de produción e outros tres quilos de palla moída.

Ceban xatos até os 10 meses

Desde a constitución da SAT no ano 1988 unha das decisións que tomaron foi a de cebar os xatos na explotación, aínda que neste momento non o fan con todos, senón cos que menos valor teñen ao nacer. "Cando nolos pagan pouco van para o cebo até os 10 meses. Iso tamén fai que che paguen mellor porque saben que se non non llelos mandas, así que en certa medida o contar con cebadeiro propio axúdanos a vender tamén os que non van para el", argumenta. "Comezamos cebando con penso e herba seca pero fomos pioneiros en cambiar a un sistema que se basea en millo en grao sen moer e corrector. Leva un pouco máis de tempo crialos, porque asimilan peor o alimento, sobre todo a partir dos 9 meses, pero dá moito menos traballo", detalla Cristóbal. Unha vez cebados, venden os xatos a tratantes e tamén directamente a clientes particulares. "Eliminar intermediarios é moi importante", defende. O cebadeiro ocupa unha parte da nave vella, onde comezou a SAT, na que tamén está a enfermería e a parideira. Tamén están nesa zona as novillas que están para inseminar, recén chegadas do centro de recría de León. "É un lugar de paso frecuente onde teño máis vixiado o gando porque por aí teño que pasar moitas veces no día así que é moito máis doado detectar calquera incidencia e teño os animais máis controlados, tanto para os celos como para os partos ou para o seguemento de tratamentos e enfermidades", argumenta.
Secado aos 220 días Nesta explotación realizan o secado aos 220 días, é dicir, pasados xa os sete meses. "Cando as vacas en produción chegan a ese momento con máis de 25 litros de leite ao día poñémolas un par de días a dieta de herba seca e auga. Desde que comezamos a facer isto non volvimos ter ningún problema no secado", explica Cristóbal. A cama para as vacas secas consiste en cubículos de serrín con carbonato e ábrenlles para que saian fóra, ben polo día, ben pola noite, dependendo da época do ano, o tempo que faga e a temperatura. "Saír fóra failles moi ben, porque a comodidade das camas nunca é como a de fóra", di. "Tamén lles temos unha forraxeira fóra para que nunca perdan de comer", conta. Vacas en produción. Para as vacas en produción a cama é de palla moída. "Canto máis moída mellor, porque temos pouca pendente na canle do purín", explica. A enfermería e a parideira ten cama quente de palla e na zona dos descartes os cubículos teñen colchoneta e carbonato con serrín como secante. Ofrécenlle vivenda aos empregados Ademais dos cinco socios actuais, na SAT traballan outros dous empregados contratados, Mabel, que leva 5 anos na granxa, e Felipe, que se incorporou hai menos dun ano. Nesta explotación ofrecen vivenda aos empregados. "Sen ofrecer vivenda é moi difícil atopar traballadores que che veñan porque se teñen moito desprazamento xa non lles compensa", indica Cristóbal. Do traballo interno da granxa e o manexo diario dos animais encárganse Cristóbal, a súa irmá Yolanda, e os dous empregados. Os outros tres socios fan o traballo agrícola e repártense os ordeños, que se fan ás sete e cuarto da mañá e ás seis e media da tarde e duran dúas horas e media. A sala de muxido, traseira de 24 puntos, leva funcionando desde o ano 2000. "Era punteira no seu momento e xa tiña identificación individualizada dos animais. "Daquela, cando se montou, os socios iniciais fixeron un investimento grande pero mereceu a pena porque segue en funcionamento 18 anos despois. Nós non lle cambiamos nada, só lle facemos o mantemento", explica Cristóbal.

Claves para mellorar o cebo de becerros con penso

A Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina (Anembe) celebrou recentemente en Madrid unha xornada técnica sobre nutrición de rumiantes, na que destacados expertos a nivel nacional e internacional expuxeron os últimos estudos para optimizar a inxesta e o aproveitamento da forraxe e do penso polo gando vacún criado en sistemas intensivos. Neste sentido, María Devant e Álex Bach, investigadores do Departamento de Produción de Rumiantes do IRTA, centro público catalán de referencia en España, ofreceron unhas recomendacións prácticas para mellorar o cebo de becerros. O punto de partida é que os becerros que realizan maior número de comidas ao día, medidas como achegamento ao pesebre, en menores cantidades e cunha menor velocidade de inxesta son os que presentan maior crecemento e menores problemas de acidose ruminal. Por iso, é preciso facilitar ao máximo o acceso ao comedeiro dos becerros, cunha superficie do mesmo adecuada ao número de animais, e evitar que non haxa penso nos comedeiros. A continuación ofrecemos algunhas das recomendacións prácticas de manexo en cebadoiros que ofreceron os expertos do Irta:

Idade: en xatos é preciso que dispoñan de máis bocas no comedeiro

Os becerros novos teñen unha velocidade consumo de alimento menor e existe a facilitación social, é dicir comen mellor cando están en grupo. Por iso, cando os becerros aínda son novos é preciso que dispoñan de máis bocas no comedeiro.

Fotoperíodo: cantas máis horas de luz mellor é o consumo de penso.

As horas de luz inflúen na cantidade e en como come un becerro. Isto parece que pode deberse a que ao alterar o número de horas de luz cambia tamén o perfil hormonal do becerro, en concreto as hormonas prolactina e gonadotropinas. É dicir, a máis horas de luz máis visitas do becerro ao comedeiro e menos cantidade de comida inxerida por visita, e polo tanto maior eficiencia alimentaria e fermentacións ruminais menos agresivas. Neste sentido, nalgúns cebadoiros en outono e en inverno instalan iluminación para elevar as horas de luz ata as 16 diarias e así mellorar o crecemento dos becerros.

Competencia no comedeiro: menos visitas e aumenta a velocidade de consumo

Está comprobado que se se reduce a relación entre o espazo no comedeiro e o número de animais redúcese o número de visitas e aumenta a velocidade de consumo e a porcentaxe de animais con fermentacións acidóticas (cun PH ruminal superior a 5,8).

Recoméndanse pensos con máis graxa e máis amidón

Un estudo concluíu que ao aumentar a concentración enerxética do concentrado de 3.23 a 3.43 Mcal de enerxía metabolizable por kilogramo mediante a suplementación con aceite de palma (comparando unha porcentaxe do 2,6% fronte a outra do 5,2%), descendeu o consumo diario de penso ao reducir o tamaño das comidas. Neste sentido, pode ser unha boa estratexia para reducir os riscos de episodios de acidose ruminal. Tamén se contrastaron dous pensos isoenerxéticos pero con diferentes niveis de amidón e de graxa: un cun 51% de amidón e un 5,7% de graxa fronte a outro cun 41% de amidón e un 7,2% de graxa. Observouse que durante as 6 primeiras semanas, cando o nivel de amidón foi máis baixo e o de graxa máis elevado a velocidade de consumo e o tamaño da comida tamén se reduciu, baixando o consumo diario, e ao final do estudo os kilogramos canal tamén descenderon respecto ao outro penso con máis amidón e menos graxa. Neste sentido, as conclusións dos investigadores do Irta son que “unha adaptación a pensos con máis graxa pero tamén con máis amidón parece que son necesarios para por unha parte evitar os descensos de consumo pero beneficiarse das melloras que supón que o becerro coma a menos velocidade”, en canto a maior eficiencia no aproveitamento do alimento e menos riscos de acidose ruminal.

Importancia da calidade do granulado do penso e do tamaño medio da fariña

Outro aspecto que se estudou foi como inflúe a forma de presentación do penso na conduta alimentaria dos becerros de cebo. Neste sentido, comprobouse que ao reducir a calidade do granulado dun 98% a un 95-80% de durabilidade -por tanto con máis gránulos rotos e esfarelados- aumentou a duración da comida dos becerros e tamén o tamaño da comida. Ademais, reduciuse a velocidade de consumo, o número de visitas ao pesebre e o consumo diario total de penso. Todo isto débese a que o animal prefire o granulado de boa calidade e fai selección. E se o becerro selecciona o penso, adoita desperdiciar máis, pero ademais aumenta o tempo de ocupación do pesebre sen aumentar o consumo, podendo reducirse o consumo e o crecemento. Neste sentido, as recomendacións de María Devant e de Álex Bach son que “hay que evitar pensos con mala calidade e durabilidade do granulado, e en caso de que non se poda evitar, o gandeiro debería aumentar o espazo e o acceso ao comedeiro para evitar descensos no consumo de penso”. Por outra parte, no Irta tamén estudaron como inflúe o tamaño da fariña. Neste sentido, concluíron que ao reducir o tamaño medio da fariña de 1,21 mm a entre 0,9 e 0,87 milímetros, coa fariña moi fina ao animal lévalle máis tempo comer. Por iso, hai que ter en conta o espazo e o acceso ao comedeiro, para que non sexa un factor limitante.

Uso de aditivos no penso

Outro traballo de investigación levado a cabo no Irta tamén concluíu que a adicción de lévedos vivos na alimentación dos becerros aumentou o número de visitas ao comedeiro, reduciu o tamaño da comida e a velocidade de consumo. Tamén noutro estudo detectouse que ao engadir flavonoides na ración reduciuse a porcentaxe de comidas cun tamaño superior a 750 gramos, tamén baixou a velocidade de consumo e observáronse rumes máis sans no matadoiro. A este respecto, crese que a suplementación con flavonoides pode regular o PH ruminal, aumentar a produción de ácido propiónico e/ou exercer un efecto directo sobre os mecanismos de regulación da conduta alimentaria dos becerros. É dicir, para os investigadores do Irta “ambos aditivos -lévedos e flavonoides- exercen un efecto directo sobre a conduta alimentaria, ao reducir a velocidade de inxesta e/ou limitar o tamaño da comida, diminuíndo así o risco de acidose ruminal. Por iso, conclúen que “en situacións onde houbera un manexo non desexable (competencia no comedeiro, escaso aporte de palla e/ou que non houbera concentrado no comedeiro) poderían axudar a evitar acidoses subclínicas ou empeoramentos da eficiencia”.

Conclusións:

Neste sentido, as recomendacións dos investigadores do Irta serían para o cebo de becerros aloxados en currais de 20 animais. Estiman que o comedeiro debería estar libre o 30% do tempo durante o día para asegurar que non se limita o acceso e/ou que se provocan velocidades de consumo elevadas, de máis de 110 gramos por minuto. Na práctica é difícil saber se os comedeiros están limitando o consumo na fase de crecemento, pero un bo indicativo sería observar os becerros pola mañá, cando hai o maior consumo, e asegurarnos de que hay una boca libre no comedeiro e asegurarnos de que non hai animais que agardan para comer. Como recomendacións: -A relación entre número de bocas do comedeiro con animais con granulado, en comedeiros corridos debe ser de 4:20, para elo débese regular a cantidade para evitar que seleccionen e que haxa desperdicio. En comedeiros de tipo túnel a relación debe ser 1:16. -En canto á relación do número de bocas do comedeiro con becerros con fariña, en comedeiros corridos en fase de crecemento debe ser 5:20 e en acabado de 2:20. Como se ceban nunha fase única, débese regular a cantidade para evitar que seleccionen e o desperdicio. En comedeiros tipo túnel, a relación aconsellada é de 1 boca por cada 16 animais.