Archives

‘Guerra’ ó exceso de xabaril si, estratexia elixida non

O anuncio de novas medidas para frear a sobrepoboación de xabaril, realizado a comezos de semana pola Consellería de Medio Ambiente, está a ser cuestionado pola meirande parte dos sectores implicados, que dubidan da efectividade real destas propostas. “Estas medidas seguen sendo insuficientes porque non van ó fondo do asunto e a Xunta nin asume a responsabilidade nin a xestión da fauna salvaxe”, recrimina Jacobo Feijoo, responsable de desenvolvemento rural de Unións Agrarias. Nesta mesma liña, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), cualifica as medidas de “arroutadas improvisadas que non van resolver a problemática da fauna salvaxe”, indica.
"Con estas medidas, a Xunta nin asume a responsabilidade nin a xestión da fauna salvaxe”, Jacobo Feijoo, Unións
Organizacións agrarias, cazadores e afectados coinciden, ademais, en sinalar a necesidade de afrontar accións para paliar os danos que a fauna salvaxe está a causar, principalmente ós gandeiros e agricultores nos cultivos, pero tamén á poboación xeral, cos sinistros de tráfico que provocan e polo risco que implica que se aproximen a núcleos urbanos. A expansión da peste porcina africana por Europa é outra preocupación, pois o xabaril pódese converter nunha vía de transmisión para as granxas de porcino.

A efectividade das medidas

As medidas propostas pola Xunta céntranse en incrementar os días nos que se pode cazar, na tempada de caza, en 33 concellos declarados como zona de emerxencia cinexética temporal. Tamén se inclúe a eliminación de cupos ou a autorización doutras modalidades empregadas na caza menor. Todas elas son medidas que quedan suxeitas á vontade ou capacidade de levalas a cabo dos tecores, que serán os que decidan se emprenden máis cacerías das que tiñan previstas. “Pensan que imos estar cazando tódolos días da semana e o problema da sobrepoboación de xabarís non é que non haxa días suficientes para cazar. Aínda que se incrementen os días, pode que todo siga igual e que non se organicen máis cacerías, iso vai depender do que decidan os tecores”, indica Antonio Mota, secretario da Unión de Tecores de Galicia (Unitega). 
"O problema non é que non haxa días suficientes para cazar" (Antonio Mota, Unitega)
Tanto dende o colectivo de tecores como dende distintos sindicatos como Unións Agrarias, o SLG ou colectivos como a Asociación de Afectados pola Fauna Salvaxe de Galicia (Aperfasa) ven que estas medidas quedan suxeitas á voluntariedade dos cazadores. “Os afectados quedan a expensas de que os tecores colaboren en ir máis de caza do que estaban facendo ata agora, senón quedarán igual de indefenso que estaban”, reprochan dende Aperfasa. “Dende Unitega sempre fixemos propostas para tentar solucionar o problema, somos moi conscientes dos prexuízos que supón para os agricultores e gandeiros, pero a Xunta non pode desentenderse e agardar que sexan os cazadores os que o solucionen”, apunta Mota. Para colectivos como Unitega ou Unións as solucións pasan porque a Xunta sexa quen force e posibilite as intervencións para frear os danos. Pídese que haxa colaboración cos tecores pero que, se estes non son capaces de asumir o labor, se lle ofrezan solucións inmediatas ós gandeiros e agricultores. O incremento dos cupos de caza tanto de machos como de femias tampouco é unha medida que convenza ós cazadores, posto que como apuntan dende Unitega, na práctica xa se estaba permitindo incrementar os cupos de caza a aqueles tecores que os esgotaran.

Temor á inseguridade polo aumento de cacerías

O incremento dos días de cacerías xera dúbida sobre a seguridade no monte nunha tempada, o outono, onde adoitan incrementarse as actividades nestes espazos. “Agora a xente sabía os días que había cacerías, pero deste xeito a xente que queira ir ó monte pasear, por cogomelos ou traballar a unha finca, nunca vai saber se vai a haber ou non alguén cazando xabaril ó lado”, critica Isabel Vilalba. “Estas medidas xeran un enfrontamento entre cazadores, afectados e outros colectivos ambientalistas que lonxe de solucionar o problema, contribúe a dificultar o entendemento”, apunta Mota.
“Autorizar no xabaril modalidades de caza pensadas para a caza menor pode ser un risco para os cazadores e para a poboación en xeral", Unitega
A inseguridade que se pode xerar polo incremento das cacerías é un dos temas que coinciden en sinalar dende tódolos sectores. Así, dende colectivos como a Asociación Agraria de Galicia, que valora positivamente as accións propostas pola Xunta, inciden na importancia de que “os cazadores extremen as medidas de seguridade, dado que a multiplicación dos días hábiles pode crear certa confusión e aumentar os perigos”. Ademais, o feito de que se poidan empregar modalidades da caza menor como a 'caza en man' ou 'ao salto' levanta certas dúbidas sobre a seguridade durante as cacerías. “Agora as batidas de xabaril están sendo moi controladas, con dispositivos de comunicación e zonas acotadas, pero incorporar estes modelos, que poden funcionar noutras partes de España por ter unha maior visibilidade ou en fincas privadas, pode supoñer un risco tanto para cazadores como para o resto da poboación”, concretan dende Unitega.

O censo de danos do xabaril

Outro dos aspectos máis cuestionados é o baremo empregado pola Xunta para definir a poboación de xabaril e demarcar as zonas nas que se podían levar a cabo actuacións. “A decisión baseouse só nas denuncias e isto provocou que se declarasen zonas como A Gudiña, onde a densidade de xabaril é menor que noutras zonas que quedaron excluídas”, concreta Mota.
"O censo de danos fíxose en base ás denuncias, cando moitos afectados non os notifican despois de que durante anos non lles servise para nada" (Isabel Vilalba, SLG)
Tamén dende Aperfasa inciden nesta cuestión e reivindican que “hai concellos moi castigados que quedaron fóra polo que solicitamos que a medida se estenda a todo o territorio”, concretan. “O censo fíxose en base, en gran medida, ás denuncias de danos cando moitos afectados non as están notificando despois de varios anos nos que non lles serviu para nada facelo e dado os atrancos que supón”, reprochan dende o SLG. Así, os distintos colectivos inciden na importancia de coñecer a poboación real e de estimar, en base a criterios científicos, un censo de poboación sostible, de cara a reducir a cabaña nos lugares onde sexa inviable o número de exemplares actuais. Tamén lle demandan á Xunta a necesidade de afrontar esta problemática con tódolos sectores implicados para chegar a medidas consensuadas.
Jacobo Feijoo e Roberto García na entrega de sinaturas esta mañá no Parlamento.

Máis de 6.500 sinaturas para unha Iniciativa Lexislativa Popular sobre o xabaril

Por outra banda, esta mesma mañá o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, entregou no Parlamento de Galicia máis de 6.500 sinaturas recollidas en 25 días nas diferentes oficinas do sindicato agrario para apoiar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) sobre o xabaril. García incidiu na importancia de que a Xunta asuma a súa responsabilidade e a xestión da fauna salvaxe, dotándose de instrumentos válidos e sen deixar a solución na vontade dos tecores, xa que "é a Xunta quen ten competencias e orzamento”. O sindicalista reivindicou a importancia de destinar un orzamento concreto para reducir a poboación e para afrontar os pagos por danos, que en boa medida, seguen a asumir os produtores.

“Se non controlamos a sobreabundancia de xabaríns os problemas irán a máis”

O investigador do Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos (IREC, UCLM), Joaquín Vicente, coordina o proxecto europeo ENETWILD (www.enetwild.com) que financia a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA). O obxectivo deste proxecto é producir mapas de distribución e abundancia da fauna silvestre en todo o continente europeo, centrándose actualmente no xabaril, o que permitirá analizar o risco da “alarmante” propagación da Peste Porcina Africana (PPA) a través desta especie. Na actualidade, o quince socios europeos que participan no programa, encargado e financiado pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), xa puxeron en marcha os estándares comúns para a recollida de datos e presentaron o primeiro mapa de distribución e densidade do xabaril en Europa. Que enfermidades poden transmitir os xabaríns tanto ao gando como aos seres humanos? Principalmente a Peste Porcina Africana no caso dos porcos e a tuberculose tanto a gando vacún, como a caprino, ovino e porcino. Isto último é un problema importante no gando extensivo do Centro e Sur de España, asociado a puntos de interacción (como os abrevadeiros, charcas, etc), propagando a tuberculose. Á súa vez, nun problema crecente no norte de España. Pero tamén o xabaril pode transmitir zoonoses aos humanos, como a mencionada tuberculose ou a hepatite E.
“A medida máis eficaz é o control poboacional mediante a caza”
Cales son as medidas de prevención máis efectivas? A medida máis eficaz é o control poboacional, normalmente mediante a caza para reducir a densidade desta especie silvestre. Non temos que esquecer que creamos unhas fontes de alimentacion case ilimitadas para o xabaril en forma de cultivos nun campo cada vez máis deshabitado, e limitar o seu acceso é fundamental pare evitar o crecemento poboacional da especie. Para protexer ao gando, como o vacún, as medidas máis efectivas son aquelas que melloran a bioseguridade, establecendo barreiras para evitar o contacto, que principalmente é indirecto, entre o gando e a fauna silvestre. No caso de millo forraxeiro que foi comido polo xabaril, ¿pode transmitirse posteriormente a enfermidade ao gando? Se o millo posteriormente foi ensilado, debido ao proceso bioquímico de fermentación no silo, é menor a probabilidade de que se poida transmitir ao gando posteriormente, pero pode ocorrer. Depende tamén da natureza do patóxeno en cuestión. Outra cousa é se os xabaríns ou os corzos comen en silos abertos con escasa marxe de tempo co gando, pois aí a probabilidade de transmisión de enfermidades ao gando é moito maior. De feito, en Canadá rexistráronse casos de vacas con tuberculose debido a que os cervos van alimentarse no inverno ao ensilado.

Mapa de densidade das poboacións de xabarín en Europa: 

Publicastes o primeiro mapa de abundancia da poboación de xabaril en Europa. Que conclusións preliminares se poden extraer? A nivel xeral é moi importante, pois xa contamos cun modelo de distribución dunha especie silvestre coordinado a nivel europeo e podémolo utilizar para facer análise de risco de propagación ou de persistencia de enfermidades, o que permite poder tomar decisións con datos máis fiables. En canto aos valores de abundancia, por fin temos unha primeira “foto” da súa variación ao longo de Europa e podemos extrapolar valores de densidade da poblacións. A modo orientativo, poderíase dicir que hai unha densidade baixa de xabaríns se hai 1 ou menos por quilómetro cadrado, media se hai de 1 a 3 e alta se hai 4 ou máis por quilómetro cadrado. Neste sentido, na Península Ibérica practicamente non hai unha cuadrícula de 10 por 10 quilómetros na que non se detecte a presenza de xabaríns.
 “Demóstrase que temos unha sobreabundancia de xabaríns en toda Europa, mesmo en ambientes urbanos”
A nivel europeo é unha especie claramamente en expansión nas últimas décadas e en gran parte da súa área de distribución existe unha clara sobreabundancia, cuxos efectos se manifestan en forma de accidentes de tráfico, danos nos cultivos ou transmisión de enfermidades. Ademais, nas zonas nas que hai sobreabundancia pódese provocar unha perda de biodiversidade, repercutindo negativamente sobre pequenos mamíferos, aves nidificantes en chan, invertebrados, a cuberta vexetal e outros animais. Está claro que temos un problema de sobreabundancia de xabaríns e isto é algo que ocorre en toda Europa, mesmo en ambientes urbanos, polo que se require un maior esforzo de control das súas poboacións. Cales son as rexións con maior densidade desta especie? Aquelas onde ten maior acceso a alimento e refuxio: zonas con bosques atlánticos e mediterráneos, onde isto combínase con cultivos como campos de millo. Por exemplo, na Península Ibérica existen situacións de risco contrastadas, como no Prepirinero, pois alí combínanse zonas boscosas, con campos de millo e moitas granxas de porcino; ou a zona Suroeste onde o porco Iberico campea parte do ano en proximadade aos jabalíes. Galicia e a Cornixa Cantábrica tamén rexistran densidades medias desta especie polo mesmo motivo, aínda que menor na zona costeira onde existen máis eucaliptais. O efecto destes hábitats menos favorables sobre a abundancia do xabaril analizarase en próximas actualizacións do mapa. E en Europa as maiores concentracións rexístranse en zonas de bosque mediterráneo ou atlántico, combinadas con cultivos. Toda a franxa centroeuropea ao norte dos Alpes presenta unhas abundancias elevadas. Cales son as medidas máis efectivas de control? Medidas para frear a súa propagación ou reducir a súa poboación poderían ser limitar o seu acceso aos cultivos, como os campos de millo, pero na práctica é dífícil. Tamén se expuxo limitar a súa reprodución mediante a esterilización de exemplares, pero é pouco viable como unha ferramenta de uso masivo. Por tanto, a medida máis eficaz é a redución das poboacións de xabaríns mediante a caza (xa sexa lúdica ou de xestión), actuando sobre todos os segmentos da poboación (aínda que a extracción dos exemplares con máis potencial reprodutivo, como femias novas pode dar mellores resultados). O problema é que cada vez contamos con menos cazadores e máis envellecidos. É por tanto, un gran reto para a sociedade mellorar a valoración social do cazador, pois pola contra os problemas que xa padecemos van agravarse. De non ser así, teremos que recorrer a empresas profesionais de caza para reducir a sobrepoblación.
 “É inxenuo ver a natureza como algo idílico no que as especies se autoregulan”
É inxenuo ver a natureza como algo idílico no que as especies se autoregulan. Vivimos nunha paisaxe humanizada no que temos que xestionar as relacións entre as especies, considerando o factor humano, e en ocasións é necesario actuar mediante métodos letais. Por último, o sector cinexético ten que mellorar a súa percepción social, facendo un esforzo por trasladar á sociedade a súa función e fomentar unha caza sustentable e creadora de riqueza e conservación do medio rural. A este respecto, querería lembrar que a Universidade de Castela A Mancha, en colaboración co CSIC e o IREC, organiza un “Máster Universitario en Investigación Básica e Aplicada en Recursos Cinexéticos” no formamos a xestores da fauna silvestre con boas bases científicas.

Os gandeiros valoran positivamente os cambios para a nova tempada de caza do xabarín

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publicou este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Resolución pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2017-2018. Por parte dos gandeiros, dende Unións Agrarias valoran positivamente que o inicio da temporada se adiante ao 26 de agosto para controlar os danos dos xabaríns ou que facilite a caza por control de poboacións e danos nas zonas vedadas. Sen embargo, instan a cambiar a Lei de Caza para permitir focos e miras nocturnas nas esperas. Segundo o establecido nesta Resolución, a vindeira tempada de caza abarca desde o 1 de agosto deste ano ata o 31 de xullo do 2018, establecéndose como o período hábil xeral para exercer a actividade o comprendido entre os días 15 de outubro de 2017 e 6 de xaneiro de 2018, ambos incluídos. Considéranse días hábiles de caza con carácter xeral os xoves, domingos e festivos de carácter estatal e autonómico. Novidades: os sábados poderanse realizar batidas de xestión Entre as principais novidades que se recollen para a nova tempada, destaca o feito de que nos Tecor e explotacións cinexéticas comerciais, posibilítase realizar batidas de xestión e esperas en toda a súa superficie os sábados do período hábil de caza menor. Tamén se poderán realizar batidas e esperas nas zonas vedadas dos tecores nos períodos comprendidos entre o 2 de setembro de 2017 e o 14 de outubro de 2017 e desde o 7 de xaneiro ao 11 de febreiro de 2018, cando se planificaran e executaran actuacións de mellora sobre aquelas poboacións cinexéticas que poidan ser afectadas negativamente polo raposo. Inclúese a modalidade de caza de axexo como medida para reducir os danos producidos polo corzo. Establécense nesta resolución dous novos procedementos: - Solicitude de aprobación do Plan Anual de Aproveitamento Cinexético (procedemento MT720A). - Solicitude de aprobación da renovación do Plan de Ordenación Cinexética (procedemento MT720B). A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores, de acordo co establecido na nova normativa que regula o procedemento administrativo. Réximes por especies Na seguinte táboa indícanse os períodos hábiles para a tempada de caza 2017-2018 por especie.

ESPECIE

PERÍODO HÁBIL

OBSERVACIÓNS

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101891&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Arcea e Agacha

Prorrógase o seu período hábil en terreos cinexéticos de réxime especial ata o 11 de febreiro do 2018

Raposo

Autorízanse batidas en dous períodos: dende o 02/09/17 ata o 14/10/17 e dende o 07/01/18 ata o 11/02/18, os xoves sábados, domingos e festivos Autorízase a modalidade de espera como medida de xestión

Paspallás

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 2 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101892&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->
Non hai novidades As modalidades en man e ao salto, permiten un máximo de 15 escopetas por xornada e cuartel de caza

Corzo

Con carácter xeral, prohíbese o aproveitamento das femias, permitindo a súa caza puntual e localizada, como consecuencia dos danos que poidan ocasionar Sempre e cando se solicite e xustifique, autorizarase a caza das femias adultas en descaste nas modalidade de axexo, batida ou montaría en dous períodos: ben do 02/09/17-14/10/17 ou ben do 07/01/18-04/02/18 a elección do titular do aproveitamento

Xabaril

O período hábil de caza en terreos de réxime cinexético especial é do 26/08/2017 ata o 14/01/2018 xoves, sábados, domingos e festivos. En terreos de réxime cinexético común do 26/08/2017 ata o 31/08/2017 e do 07/01/2018 ata o 14/01/2018 os xoves, sábados, domingos e festivos, e do 01/09/2017 ao 05/01/2018 unicamente os sábados.

Cervo, gamo e muflón

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 3 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101893&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->
O período de caza con todas as modalidades de caza é do 15/10/2017 ata o 14/01/2018

Cabra montés

A modalidade permitida é o axexo, autorizándose a caza de machos selectivos e femias adultas en descaste dente o 15.09.2017 ata o 31.10.2017, e de machos trofeo dende o 15.12.2017 ata o 15.03.2018
Valoración dende Unións Agrarias Dende Unións Agrarias, o responsable de Desenvolvemento Rural, Jacobo Feijóo, valora que “o inicio da temporada ordinaria o 26 de agosto para o xabaril é positivo”. “Permite facer prevención sobre a colleita de millo, xa con batidas ordinarias, en temporada de caza. Ao longo de setembro e outubro, permiten completar prevención sobre a espiga, e sobre a castaña nas zonas de castaña”, destaca. Sen embargo, Jacobo Feijóo advirte de que “o importante e que nesas datas os TECOR se impliquen iniciando as batidas ordinarias, e programándoas nas zonas de cultivo para afastar ao xabarín durante o período de maduración da espiga”.
“O importante é que para as batidas do xabarin en agosto e setembro se impliquen os Tecores”
Ademais, valora que na regulación da nova tempada cinexética “se facilite a caza por control de poboacións e danos nas zonas vedadas, é positivo, pois dá flexibilidade”. Non obstante, o responsable de Unións lembra que é necesaria unha reforma da Lei de Caza para abordar as cuestións máis de fondo. “Para cambiar o sistema de esperas con posibilidade de focos ou miras nocturnas, e dar así seguridade e eficacia, ou para autorizar abater crías para alonxar as manadas, de xeito que con menos baixa, gañemos en máis protección, ten que pasar por una reforma da Lei de Caza”, conclúe.
 

Tejerina nega que os axentes forestais perdan competencias

As organizacións de axentes forestais e colectivos do ámbito xurídico mobilizáronse nas últimas semanas en contra da modificación da Lei de Montes por entender que recortaría as funcións dos axentes forestais. A ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, interveu onte na polémica para negar a maior. Tejerina asegurou na sesión de control ao Goberno no Senado que a modificación de Lei de Montes non altera as competencias legalmente atribuídas aos axentes forestais e medioambientais. Na súa comparecencia, García Tejerina recalcou que este proxecto de lei “reforza a necesaria coordinación no ámbito forestal entre as competencias legalmente asignadas ás forzas e corpos de seguridade e aos axentes forestais”. Tejerina subliñou que os axentes forestais non perden ningunha competencia, xa que “poderán seguir investigando e denunciando cantas condutas entendan procedente, do mesmo xeito que facían antes”, segundo recolle unha nota de prensa do Ministerio de Agricultura. A ministra defende que o único que perfila o proxecto de lei é o modo de coordinarse coas forzas e corpos de seguridade, “cando estas concorren cos axentes forestales nun mesmo acto e para un mesmo feito, o que ocorre tan só nun 2% dos casos”. Trátase, engadiu, “de garantir a máxima eficacia e axilidade na persecución das infracciones administrativas ou delitos cometidos contra o medio ambiente”. En definitiva, o proxecto de lei “non altera nin restrinxe en absoluto as potestades e facultades que teñen atribuídas os axentes forestais”, reiterou. “De feito, estas competencias mantéñense nos mesmos términos que recolle a lexislación vixente, tanto na súa condición de policía xudicial como na de axentes da autoridade”, conclúe o Ministerio.

Os axentes forestais perden autoridade no proxecto da Ley de Montes

O proxecto de modificación da Ley de Montes estatal rebaixa a capacidade dos axentes forestais de perseguir delitos medioambientais, unha circunstancia que preocupa non só ó colectivo de profesionais do ramo senón tamén a fiscais e xuíces. “A función que viñan prestando os axentes forestais na investigación de ilícitos penais de carácter medioambiental é moi ben valorada en ámbitos xurídicos”, destaca Álvaro García, portavoz da Unión de Fiscales Progresistas, que compareceu onte en rolda de prensa en Santiago xunto con representantes dos axentes forestais para valorar o posible cambio da Ley de Montes. A actual lexislación viña outorgándolle ós axentes forestais competencias de policía xudicial para a investigación, denuncia e recollida de probas nos delitos ambientais de carácter penal. En casos que van máis alá dunha simple infracción administrativa, como pode ser o furtivismo, o envelenamento de fauna ou os incendios forestais, os axentes forestais tiñan plena capacidade de actuación. De prosperar o cambio da Ley de Montes proposto polo Goberno, a partir de agora só poderían operar como auxiliares das forzas da orde, é dicir, terían que chamar ás forzas de seguridade para que levantasen atestado e investigasen os feitos a denunciar. A posible perda de autoridade é criticada polos axentes, xa que consideran que dificultaría a persecución dos delitos medioambientais. “É unha incongruencia. Vivimos unha situación no medio rural con moitos roubos e delitos contra o patrimonio e é habitual que alcaldes e organizacións agrarias pidan unha maior dotación de efectivos para o rural. Se agora, nós temos que botar man da Guardia Civil para facer o traballo que xa viñamos facendo, van quedar máis desatendidos os problemas de seguridade pública e tamén se vai dificultar o traballo de investigación dos delitos ambientais –cuestiona Rafael Cudeiro, da Asociación Española de Agentes Forestales y Medioambientales-. “Daríase unha situación de duplicidade de medios sen ningún sentido práctico”. Impacto en Galicia O proxecto de reforma da Ley de Montes xa foi aprobado en consello de ministros no mes de xaneiro e está pendente de trámite parlamentario. En Galicia, o cambio afectaría a uns 550 axentes, 6.500 no conxunto de España. “Estamos a favor de que se estableza un denominador común competencial, xa que agora mesmo en cada autonomía temos unhas funcións diferentes e é positivo que a cidadanía teña claro a que nos adicamos e que facemos, pero estamos totalmente en contra de que se nos queira retirar a función de policía xudicial”, resume Alejandro Rodríguez, coordinador federal de axentes medioambientais de Comisións Obreiras. Preguntados polas motivacións do posible cambio da Ley no tocante ós axentes forestais, Alejandro apunta que pode tratar de coartarse a “independencia que caracteriza a labor dos axentes forestais”. O temor a unha posible privatización futura do servizo ronda tamén entre os axentes, segundo indicou Mónica Ramos, da sectorial de UGT de axentes forestais. Pola súa parte, o portavoz da Unión de Fiscales Progresistas, Álvaro García, considerou que o cambio da lei representa un paso atrás e destacou que o recoñecemento dos axentes como policía xudicial supón evidentes vantaxes na garantía e legalidade de determinadas actuacións, como a recollida de probas ou a elevación de denuncias pola vía do atestado. “Quizais non se tiveron en conta as consecuencias xurídicas do cambio”, sopesou Álvaro. “Trátase dun cambio que só beneficia ós delincuentes medioambientais”, concluiu Mónica Ramos. Outros cambios da Ley de Montes A modificación da Ley de Montes vén sendo polémica nas últimas semanas por distintas circunstancias. Unha das máis comentadas é a posibilidade que abre á construcción en terreos forestais queimados. O proxecto tamén elimina a prohibición de pastoreo en áreas queimadas. A Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra fai neste artigo unha boa análise xeral dos cambios propostos para a Ley de Montes e neste outro analiza en particular a posibilidade de cambio de uso de terreos queimados.