Archives

‘Que foi do ‘catastrazo’ nos Concellos de Galicia?’

Dos 313 Concellos galegos, a día de hoxe unicamente teñen bonificado o Imposto de Bens Inmobles ou IBI de rústica a penas 72, estando por tanto sen bonificar o recibo anual “da contribución” rústica en 241 Concellos, pese ás promesas de aplicación de reduccións e bonificacións fiscais feitas por moitos deles nos últimos anos. Falamos polo tanto de que a penas o 23% dos Concellos galegos teñen bonificación. Isto quere decir que actualmente neses 241 concellos non bonificados (o 77%), as explotacións agrarias están a pagar todos os anos a subida do popularmente chamado “Catastrazo”, ou revisión catastral realizada en Galicia entre os anos 2013 e 2018. A revisión supuxo que granxas, naves, e outras instalación do rural, que ata ese momento estaban exentas do pago da contribución, comezaran a tributar. Este proceso foi un claro intento do Ministerio de Facenda de sanear as contas dos Concellos a través da revisión e suba dos bens do Catastro de Urbana e Rústica en toda España en xeral, e nos concellos de Galicia en particular. Deste xeito, aumentaron significativamente os pagos do IBI das explotacións gandeiras a través da valoración catastral dos elementos construtivos dos produtores, tales como naves, establos, ou galpóns. Tanto é así que Facenda pasou en Galicia de recadar 9.455.201 euros en concepto de catastro de rústica no ano 2013 a nada menos que 18.828.578 millóns de euros no ano 2019. Estes nove millón de euros adicionais saíron fundamentalmente dos petos dos agricultores e gandeiros naqueles Concellos onde non se teñen aplicado as bonificacións. En total, desde que se iniciou a revisión do IBI de rústica no 2013, pódese calcular que Facenda recadou uns 40 millóns de euros adicionais na comunidade.
"Desde que se iniciou a revisión catastral, Facenda recadou 40 millóns de euros adicionais en Galicia, principalmente a cargo de agricultores e gandeiros"
Campaña informativa Unións Agrarias, conxuntamente con Ventonoso, iniciou no ano 2015 unha campaña informativa concello por concello, onde advertía aos titulares das explotacións agrarias do inicio do procedemento e do impacto que tería nas súas rendas. Unións insistía na necesidade de que as revisións catastrais efectuadas se axustasen á realidade, dado que se estaban a dar moitos erros ao catalogar moitas instalacións de uso agrario como almacéns de uso urbano, tendo consecuencias na valoración e nas posibles bonificacións. Igualmente daquela recomendaba aos veciños a que instaran aos Concellos a dúas medidas. Primeira, aplicación de cotas mínimas de liquidación do 0.3% (a Lei permitía ata o 0.9%), e segunda, bonificacións do 95% sobre o importe resultante. Ambas medidas estaban previstas na propia Lei e a súa aplicación dependía exclusivamente da vontade dos Concellos (salvo os que estiveran inmersos nun proceso de rescate financieiro). Resultado da revisión catastral Se non se aplicase ningunha medida de bonificación, a un establo que trala revisión catastral pasase a ter un valor catastral de 100.000 euros, corresponderíalle un recibo de 900 euros cada ano co 0,9% de cota. Non obstante, de aplicarse as recomendacións de Unións Agrarias, ese valor coa cota do 0.3% pasaba a 300 euros de recibo, e ao aplicarse o a bonificación do 95%, pasaba a un recibo de contribución anual de a penas 15 euros. Pero como se vén de explicar, estas recomendacións, pese a moitas promesas electorais, foron asumidas ata o de agora por a penas 72 Concellos do rural, quedando 241 Concellos galegos onde se está a aplicar o recibo da contribución con todo rigor ás instalacións agrarias (naves, galpóns, invernadeiros), cando poderían estar reducindo as cotas e bonificando as taxas ata o 95%. Para iso, sería suficiente coa publicación dunha Ordenanza Municipal que así o dispuxera. Posibilidade de bonificacións onde non se implantaron No escenario actual que está a pasar o rural galego, agravado como consecuencia dos efectos da pandemia da Covid19, parece un bo momento para retomar as demandas dun alivio da presión fiscal daqueles Concellos que ainda non puxeron estas medidas en marcha, e que como se vén de salientar, son a maioría dos Concellos do rural galego.
"É posible aprobar ordenanzas fiscais municipais ao longo deste ano para que novas bonificacións entren en vigor no 2022"
Así, por provincias na Coruña teñen Ordenanza Municipal de Bonificación 29 Concellos dun total de 93, en Lugo son 26 Concellos de 68 os que teñen bonificación, en Ourense apenas 5 Concellos de 92, e en Pontevedra son 12 de 61 Concellos os que teñen Ordenanza Municipal de bonificación. É tamén de salientar que moitos destes Concellos nos que non se aplicaron bonificacións son algúns dos máis importantes en actividade gandeira da súa provincia. Qué facer entón nos Concellos onde non hai bonificación?. Pensamos que os profesionais do agro e os veciños deberían de trasladarlle formalmente ao Concello a solicitude para que a poñan en marcha ao longo do presente ano, aprobando a Ordenanza Fiscal Municipal correspondente, de xeito que poidera entrar en vigor xa na vindeira campaña tributaria. Hai por tanto ainda amplo marxe no rural galego para que os Concellos asuman unha carga impositiva xusta sobre os profesionais do agro, pasando das palabras e as promesas aos feitos, e procedendo á posta en marcha das Ordenanzas Municipais que permitan colaborar coa recuperación do agro, reducindo os impostos na mesma medida que os Concellos que xa teñen posta en marcha estas medidas de xustiza e equilibrio impositivo.

Concellos galegos con bonificación do Catastro de Rústica (*)

(Fonte: Boletíns Oficiais Provinciais de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra) A CORUÑA - Ames (30 – 95%) - Arteixo (95%) - A Baña (50 – 95%) - Betanzos (95%) - pensionistas - Cabanas (95%) - Coristanco (90%) - Curtis (50 – 95%) - Fene (95%) - Frades (95%) - Irixoa (50 – 95%) - Lousame (95%) - Malpica (95%) - Mazaricos (95%) - Melide (50 – 90%) - Muxía (12 – 87%) - Muros (70%) - O Pino (50 – 95%) - Ponteceso (95%) - As Pontes (95%) - San Sadurniño (50 – 95%) - Santa Comba (50 – 95%) - Santiago de Compostela (90%) - Santiso (50 – 95%) - Tordoia (50%) - Touro (50 – 95%) - Vedra (50 – 95%) - Vilasantar (30 – 95%) - Vimianzo (95%) - Oza – Cesuras (50 – 95%) * Do resto non consta que existan bonificacións. LUGO - Baralla (75%) - Barreiros (50 – 95%) - Begonte (95%) - Cervantes (50 – 95%) - O Corgo (95%) - Folgoso do Courel (95%) - Foz (95%) - Friol (95%) - O Incio (95%) - Lugo (95%) - Muras (95%) - As Nogais (95%) - Ourol (95%) - Palas de Rei (50 – 95%) - O Páramo (90%) - Pedrafita do Cebreiro (95%) - A Pobra do Brollón (40%) - A Pontenova (50 – 90%) - Portomarín (50%) - Ribeira de Piquín (50 – 95%) - Riotorto (50 – 70%) - Sarria (95%) - O Saviñao (95%) - Trabada (50 – 95%) - Triacastela (95%) - O Vicedo (95%) * Do resto non consta que existan bonificacións. OURENSE - Os Blancos (30 – 45%) - Calvos de Randín (50%) - A Mezquita (90%) - Monterrei (90%) - Piñor (90%) * Do resto non consta que existan bonificacións. PONTEVEDRA - Arbo (95%) - Cambados (95%) - Dozón (95%) - A Estrada (50 – 95%) - Forcarei (60%) - Agolada (50 – 95%) - Lalín (95%) - Moraña (95%) - Ponteareas (95%) - Rodeiro (95%) - Sanxenxo (80%) - Silleda (95%) * Do resto non consta que existan bonificacións.

Agromuralla pide menos impostos dos concellos para as ganderías

Unha das últimas xuntanzas mantidas por Agromuralla foi co alcalde de Láncara A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla pide aos Concellos que apliquen "unha tributación municipal que favoreza o mantemento da actividade agrogandeira e incentive a ampliación e mellora das explotacións existentes". A asociación xurdida das tractoradas de fai catro anos na cidade de Lugo presentou unha solicitude formal en todos os Concellos das provincias de Lugo e da Coruña onde ten asociados para que as Corporacións municipais destes municipios acorden unha rebaixa na tributación dos inmobles de natureza rústica e das explotacións agrogandeiras e construcións vinculadas a elas que permita "aliviar a carga fiscal que soportan as granxas e favorecer a súa viabilidade e competitividade pola vía da redución dos custos de produción". A entidade que preside Roberto López lembra que o coñecido como "catastrazo", a actualización dos valores catastrais levados a cabo no ano 2013, "incrementou de xeito considerable os impostos municipais que as explotacións gandeiras pagan a través do IBI". Por iso, reclama Agromuralla, "é necesario que os Concellos arbitren as medidas necesarias para aminorar esta presión fiscal".
Solicitan que se bonifiquen tamén as licenzas de obra destinadas a construción, ampliación ou mellora de explotacións porque "cando unha granxa se moderniza é un sinal de continuidade e mantemento da actividade que repercute no territorio xerando actividade económica e postos de traballo", afirma Roberto López
A asociación, que está a manter xuntanzas cos alcaldes e alcaldesas saídos das eleccións municipais deste ano para abordar con eles este asunto, reclama dos Concellos onde non se tomaron medidas con anterioridade unha modificación nas ordenanzas fiscais municipais para rebaixar o tipo impositivo das fincas rústicas ao mínimo legal permitido (0,30%) e a aprobación da bonificación máxima permitida legalmente (95%) no Imposto de Bens Inmobles para as edificacións de uso agrogandeiro. Do mesmo xeito, Agromuralla pide que se bonifiquen as licenzas de obra destinadas á construción, ampliación ou mellora de explotacións agrogandeiras. "Cando unha granxa se moderniza é unha sinal de continuidade e de mantemento da actividade que repercute no territorio xerando riqueza e postos de traballo", argumenta Roberto López, que lembra que as explotacións agrogandeiras son "fundamentais para manter a actividade económica no medio rural". Unificar criterios a través da Fegamp Agromuralla explica que non existe "uniformidade" na presión fiscal que soportan as granxas e que os impostos municipais que pagan "varían moito" en función do concello no que estean asentadas, o que provoca "agravios comparativos claros". "En función do municipio no que se atopen, dúas explotacións de similares características poden chegar a pagar o dobre unha da outra, en función de se o Concello aplica ou non rebaixas e bonificacións no IBI", explica Roberto López.
Dúas explotacións similares pagan impostos moi diferentes en función do concello no que se atopen
Agromuralla considera que "é unha situación que non ten ningún sentido", polo que pide "que a través da Fegamp se fixen uns criterios homoxéneos que sexan aplicados por todos os Concellos para evitar esta notable disparidade tributaria". Na provincia de Lugo, por exemplo, son xa varios os Concellos (como é o caso de Friol, Ribadeo, Lugo, A Pontenova, Barreiros, Trabada, A Pobra do Brollón ou Riotorto) que teñen xa aprobadas bonificacións e rebaixas no IBI para as explotacións agrogandeiras, unhas exencións que varían entre o 40 e o 95% en función de cada caso e outros Concellos mostráronse dispostos nas xuntanzas mantidas con Agromuralla a estudar distintas alternativas para rebaixar a presión fiscal ás explotacións. Disparidade notable entre Concellos Tamén hai disparidade no tipo impositivo fixado, que vai desde o 0,30% de Abadín ou Lugo ao 0,48% de Sober, o 0,50% da Pobra do Brollón ou o 0,80% de Meira. Na maioría dos casos a tributación das fincas rústicas está fixada no 0,60% (Palas de Rei, A Pastoriza, Foz, Friol, Láncara, Begonte, Barreiros, Trabada) ou no 0,65% (Riotorto, A Pontenova).
A revisión catrastral levada a cabo no ano 2013 multiplicou por catro as cotas impositivas na maioría dos municipios
Como exemplo desta "desigualdade impositiva", Agromuralla aporta tres exemplos reais do IBI pagado neste ano 2019 por tres explotacións leiteiras en activo en tres concellos diferentes da provincia de Lugo. No Concello de Guntín, onde non hai bonificación, unha explotación pagou este ano por un establo e unha palleira 807 euros, o que supón "un importante custo de produción engadido". Outra explotación do concello da Pastoriza, onde tampouco hai bonificación, pagou 556 euros por 18 parcelas rústicas. Antes do catastrazo esa mesma explotación pagaba 121 euros, polo que o recibo se multiplicou por catro como consecuencia da revisión catrastral do ano 2013, igual que aconteceu na maioría de Concellos. Tamén se cuadriplicou o recibo, por exemplo, no Concello de Barreiros, que sen embargo aprobou unha bonificación do 95% para mitigar a suba. Deste xeito, unha explotación que antes do catastrazo pagaba 60 euros e viu como a cuota subía até os 217 euros como consecuencia da revisión catastral, paga agora só 11 euros como resultado da entrada en vigor da bonificación municipal.

Unha vez aprobada, hai que solicitar a bonificación

Gandeiros na última asemblea de Agromuralla, celebrada o mes pasado en Lugo O proceso para aplicar o desconto no recibo do IBI ás explotacións comeza coa aprobación e exposición pública da modificación da ordenanza fiscal correspondente. Unha vez en vigor, os gandeiros teñen que solicitar individualmente que se lles apliquen esas bonificacións. En base á Lei de Facendas Locais, as explotacións agrogandeiras teñen que solicitar o recoñecemento da súa actividade como de especial interese municipal e unha vez que o Pleno da corporación municipal outorga este recoñecemento, é cando se aplica a bonificación no recibo do IBI correspondente.
Moitos Concellos aprobaron a bonificación pero non está a ser aplicada por falta de información
Así, pois, en moitos casos, aínda que os Concellos teñen modificado xa a súa ordenanza, non está sendo aplicada por falta de información por parte dos gandeiros. Por iso Agromuralla solicita aos Concellos que unha vez efectúen os cambios na ordenanza estes sexan comunicados ao conxunto dos veciños e veciñas e en especial ás explotacións gandeiras para que deste xeito poidan verse beneficiadas polos descontos no recibo do IBI. "Unha vez levadas a cabo as modificacións que propoñemos, debe ser cumpridamente informada a veciñanza dos Concellos para que os gandeiros, así como os veciños e veciñas no seu conxunto, poidan exercitar os seus dereitos e acollerse a estas reducións e bonificacións", argumenta Roberto López no escrito presentado nos Concellos das provincias de Lugo e da Coruña onde Agromuralla conta con gandeiros socios.
"Nos últimos anos os gandeiros vimos incrementada a presión fiscal sobre as nosas granxas, sen que se producira unha suba parella no prezo de venda do noso leite", indica o presidente de Agromuralla
Finalmente, Agromuralla considera que reducir a presión fiscal que soportan as explotacións gandeiras repercute tamén noutros sectores, pois o sector primario é fundamental tamén para fomentar o asentamento de poboación e novos negocios no eido rural. "Nos últimos anos os gandeiros vimos incrementada a presión fiscal sobre as nosas granxas, sen que se producira unha suba parella no prezo de venda do noso leite, co cal, xunto con outros factores, fai que se incrementen os custes de produción diminuindo a viabilidade económica das explotacións e tornándose máis difícil a permanencia na actividade, cuxo mantemento é fundamental para asentar poboación e xerar actividade económica de todo tipo nos concellos rurais", conclúe a asociación no escrito remitido aos alcaldes.

A renovación catastral culmina en toda Galicia

O proceso de renovación catastral, coñecido popularmente como ‘catastrazo’, está culminando esta primavera nos concellos que aínda a tiñan pendente. O prazo límite para a finalización dos traballos é xullo do 2018, pero na maioría de localidades xa foron notificados os veciños. Facemos balance do proceso con David Prieto, do gabinete Cartotec, unha empresa de Melide especializada en cuestións catastrais, e con José Antonio Diéguez, de Ventonoso, un colectivo ligado a Unións Agrarias que estivo asesorando ós veciños do rural no proceso de actualización catastral. A renovación catastral, emprendida no 2013, afecta a dúas cuestións principais. Por un lado, Catastro está rexistrando as novas construccións e as ampliacións ou reformas de vivendas, que ademais de incorporarse ó recibo da contribución terán que abonar os atrasos dos últimos catro anos.
"Un erro frecuente do proceso é a atribución do uso de vivenda a instalacións anexas, como garaxes ou pequenos almacéns" (David Prieto, Cartotec)
A segunda cuestión é que as edificacións agrarias, como naves, alpendres ou invernadoiros, pasan a pagar o Imposto de Bens Inmobles. Todas esas alteracións nos datos catastrais son rexistradas e notificadas ós propietarios, a fin de que poidan comprobar que a actualización é correcta. Unha vez recibida a notificación, o propietario ten 15 días de prazo para a presentación de alegacións. O proceso está xa case rematado en toda Galicia. Quedan 79 concellos que teñen ata xullo deste ano para rematar os traballos, se ben a maioría xa concluíu e notificou os cambios ós veciños. “Na nosa zona, a maioría dos concellos que estaban pendentes de rematar a renovación xa notificaron ós veciños nos últimos meses, caso de Arzúa, Touro ou O Pino. Agora vano facer tamén Toques e Santiso” -explica David Prieto, de Cartotec.- “En Santiso precisamente temos contratada unha asistencia técnica co Concello para asesorar ós veciños sobre os cambios. Se hai veciños que están disconformes con cuestións como as valoracións, a superficie ou os usos que se lle atribúen ás edificacións, ímoslles tramitar as alegacións”, sinala Prieto. Como o proceso de renovación catastral xa leva tempo en marcha, David Prieto sinala que a estas alturas, cando o propietario recibe a carta de notificación da actualización, xa está concienciado de que ten que consultar os cambios na web do Catastro -coas claves que se lle facilitan-, a fin de comprobar que a actualización é correcta. “O 85 – 90% dos propietarios consulta como quedan as súas propiedades”, destaca. Erros na actualizacion catastral Os principais erros que se detectan no proceso de renovación catrastal corresponden ós usos atribuídos ás edificacións. “No proceso de actualización non houbo un traballo de campo exhaustivo, fíxose principalmente a través de ortofotos, polo que nos atopamos con que en moitas ocasións construccións anexas ás vivendas, como garaxes ou pequenos almacéns, son catalogadas como vivendas”, sinalan desde Cartotec. Outro erro habitual dáse por unha atribución equivocada do titular da propiedade. “Se a parcela está mal catastrada e hai unha nova edificación, atribúeselle a alguén que non corresponde, cos conseguintes conflictos sociais que iso pode xerar. Detectouse este problema sobre todo en zonas sen concentración parcelaria”, apunta David Prieto.

Bonificacións ás explotacións agrarias

O proceso de renovación catastral está a dar de alta no recibo da contribución ás edificacións gandeiras, o que representa un aumento dos impostos para as explotacións, se ben os Concellos teñen a posibilidade de establecer bonificacións que palíen esa suba de gravames.
Ventonoso proxecta contactar nos próximos meses cos Concellos que aínda non estableceran bonificacións para explotacións agrarias
Ventonoso, un colectivo que ofreceu charlas sobre o ‘catastrazo’ en numerosos concellos do rural, apunta que boa parte dos Concellos foron receptivos a establecer bonificacións. “Ao longo dos próximos meses, faremos un balance da situación e poñerémonos en contacto cos Concellos onde aínda non haxa bonificacións para as explotacións agrarias”, sinala José Antonio Diéguez, de Ventonoso. “Á hora de bonificar, existen diversas posibilidades. Temos Concellos nos que se estableceron bonificacións para explotacións que varían entre o 50 e o 95% do recibo, e hai outras que reduciron o imposto de rústica ó mínimo permitido, o 0,3% do valor catastral da edificación. Son as medidas máis comúns” -explica José Antonio Diéguez.- “Hai tamén outras bonificacións posibles, como a que fixo o Concello de Vilasantar para pensionistas da agraria, que teñen unha bonificación do 30%, co cal se evita que estan pagando o 100% do recibo por instalacións que non usan”, apunta. Desde Ventonoso teñen previsto trasladarlle tamén ós Concellos outras alternativas, como a bonificación do imposto de bens inmobles a aquelas persoas que aluguen ou cedan instalacións agrarias en desuso.
Concellos que están a rematar a renovación catastral Os seguintes concellos teñen de data límite de remate da renovación catastral o 31 de xullo, se ben boa parte deles xa concluíron o proceso. - A Coruña: Aranga, Arzúa, Boiro, A Capela, A Coruña, Curtis, Dodro, Fisterra, Mazaricos, Miño, Moeche, Monfero, Muxía, Oleiros, O Pino, Porto do Son, Rois, San Sadurniño, Santiso, Toques, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vilarmaior, Zas. - Pontevedra: Barro, Cambados, Cotobade, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Gondomar, A Lama, Meaño, Oia, Pontevedra, O Porriño, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Tui, Valga, Vilagarcía de Arousa. - Lugo: Burela, Castroverde, O Incio, Monforte de Lemos, Ourol, Palas de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín, Ribas de Sil, Riotorto, Taboada. - Ourense: Baltar, Bande, Beariz, Os Blancos, Boborás, Carballeda de Valdeorras, Cartelle, Castrelo do Val, Cenlle, Cortegada, Chandreixa de Queixa, Entrimo, O Irixo, Laza, Leiro, Lobios, Maside, Padrenda, Porqueira, Sarreaus, Taboadela, Tramirás, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras.

Último asalto do ‘catastrazo’

A renovación catastral está a culminar en 125 concellos galegos que teñen pendente de rematar o proceso, iniciado no 2013. Os veciños de parte destes municipios xa comezaron a recibir as cartas nas que lles comunican a actualización do Catastro. Desde Ventonoso, unha organización ligada a Unións Agrarias que asesora ós veciños do rural no proceso, advirten da necesidade de prestar atención á carta. “Hai 15 días para comprobar se a actualización do Catastro é correcta e para presentar alegacións”, subliña José Antonio Diéguez, de Ventonoso. A carta de Catastro, na que se lle require ós veciños que paguen 60 euros por non ter comunicado ampliacións ou novas construcións, inclúe unhas claves que facilitan o acceso en internet á actualización catastral practicada por Facenda. “Máis da metade da xente non lle presta atención a esas claves. Pensa que con pagar os 60 euros remata todo, pero a sorpresa chega ó ano seguinte, cando lle pasan o recibo actualizado da contribución”, advirte José Antonio Diéguez. Ventonoso insiste en que os veciños teñen que comprobar en internet a actualización realizada por Catastro. “Se todos os datos están ben, perfecto, pero se non están ben, hai que presentar alegacións e só hai 15 días para presentalas, polo que hai que estar moi áxil”, inciden. Cambios A renovación catastral, emprendida no 2013, afecta a dúas cuestións principais. Por un lado, Catastro está a rexistrar as novas construcións e as ampliacións de vivendas, que ademais de incorporarse ó recibo da contribución, terán que abonar os atrasos dos últimos catro anos. A segunda cuestión é que as instalacións agrarias, como naves, pendellos ou invernadoiros, pasan a pagar tamén a contribución de rústica. Canto tocará pagar polas instalacións agrarias? Depende da taxa que teña establecida o Concello de turno, que pode oscilar entre o 0,3 e o 0,9 por cento do valor catastral da propiedade. Sobre o recibo final, os Concellos teñen tamén a posibilidade de aplicar bonificacións de ata o 90% para explotacións agrarias. Foron xa varios os municipios que teñen establecidas esas bonificacións, como é o caso dos de Santiago, Lalín, Silleda, Muxía ou Curtis. Desde Ventonoso estase a facer un seguemento para comprobar que municipios se preocupan de baixar os coeficientes do Catastro e/ou aplican bonificacións para as explotacións agrarias. Datas En Galicia, estaba previsto que a renovación catastral concluíse en novembro deste ano, pero Facenda ampliou o seu remate ata xullo do 2018. En calquera caso, hai concellos como Ourol (Lugo), coa renovación prorrogada ata o 2018, nos que os veciños xa están a recibir as comunicacións da actualización, polo que Ventonoso pide atención ó proceso.

Municipios pendentes de rematar a renovación catastral

A Coruña – Data límite de remate o 31 de outubro do 2017: Abegondo, Arteixo, Camariñas, Cambre, Carballo, Cee, Lousame, Narón, Negreira, Ordes, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Santiago de Compostela. – Data límite de remate o 31 de xullo do 2018: Aranga, Arzúa, Boiro, A Capela, A Coruña, Curtis, Dodro, Fisterra, Mazaricos, Miño, Moeche, Monfero, Muxía, Oleiros, O Pino, Porto do Son, Rois, San Sadurniño, Santiso, Toques, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vilarmaior, Zas. Lugo – Data límite de remate o 31 de outubro: Carballedo, Sarria. – Data límite de remate o 31 de xullo do 2018: Burela, Castroverde, O Incio, Monforte de Lemos, Ourol, Palas de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín, Ribas de Sil, Riotorto, Taboada. Ourense – Data límite de remate o 31 de outubro: O Barco de Valdeorras, A Bola, O Bolo, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, A Gudiña, Larouco, Manzaneda, Nogueira de Ramuín, Ourense, Piñor, A Rúa, Rubiá, San Amaro, San Xoán de Río, Sandiás, A Teixeira, Viana do Bolo, Vilar de Santos, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo. – Data límite de remate o 31 de xullo do 2018: Baltar, Bande, Beariz, Os Blancos, Boborás, Carballeda de Valdeorras, Cartelle, Castrelo do Val, Cenlle, Cortegada, Chandreixa de Queixa, Entrimo, O Irixo, Laza, Leiro, Lobios, Maside, Padrenda, Porqueira, Sarreaus, Taboadela, Tramirás, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras. Pontevedra – Data límite de remate o 31 de outubro: Dozón, Lalín, Mos, As Neves, Nigrán, Poio, Portas, Ribadumia, Silleda. – Data límite de remate o 31 de xullo do 2018: Barro, Cambados, Cotobade, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Gondomar, A Lama, Meaño, Oia, Pontevedra, O Porriño, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Tui, Valga, Vilagarcía de Arousa.

O ‘catastrazo’ culmina este ano en 144 concellos galegos

A renovación catastral, máis coñecida como 'catastrazo', que se iniciou en Galicia a partir do 2013, concluirase este ano. Quedan 144 concellos co proceso en marcha, nos que previsiblemente os seus veciños recibirán unha carta de Facenda ó longo do 2017 para informalos da actualización. “É entón cando os propietarios poden presentar alegacións. Se se deixa pasar esa oportunidade, xa non se poderá facer nada”, advirte José Antonio Diéguez, de Ventonoso, unha organización ligada a Unións Agrarias que está a asesorar a veciños do rural no proceso. A que cuestións cómpre prestar atención? Hai dous puntos principais a ter en conta. O primeiro é que a actualización do Catastro incluirá as novas construcións e ampliacións que se teñan feito en vivendas. Cando Facenda detecte eses cambios, enviaralle ós propietarios unha carta na que lles comunicará a actualización e lles reclamará o pago de 60 euros por non ter declarado os cambios.
"O 90% da xente pensa que xa resolveu ao pagar 60 euros por non ter declarados os cambios. A sorpresa chega despois" (José Antonio Diéguez)
“O 90% da xente pensa que pagando eses 60 euros xa resolveu, pero non é así. Ese pago é simplemente unha amnistía para evitar multas por non ter declarado os cambios. A sorpresa chega nos anos seguintes, cando veñen os recibos actualizados e cando Facenda reclama o cobro de atrasos dos últimos catro anos”, destaca José Antonio Diéguez. Desde Unións Agrarias aconsellan que o propietario, unha vez recibida a primeira carta sobre a actualización, comprobe cal vai ser o recibo que terá que pagar no próximo ano e en concepto de que, para así decidir se precisa ou non presentar alegacións. “Se se espera a que cheguen os recibos de cobro, o único que se poderá facer é pagar”, avisan. Instalacións agrarias Un segundo foco de atención radica nas instalacións agrarias, que tras a renovación catastral pasarán a pagar a contribución de rústica. Cortes, naves, pendellos ou invernadoiros serán obxecto do imposto. Canto tocará pagar polas instalacións agrarias? Depende da taxa que teña establecida o Concello de turno, que pode oscilar entre o 0,3 e o 0,9 por cento do valor catastral da propiedade. “Hai Concellos que, tras as protestas veciñais, están reducindo as súas taxas, pero esa redución aplicarase só no ano seguinte, unha vez estea aprobada. Entre tanto, haberá que pagar os primeiros recibos que cheguen”, sinala José Antonio Diéguez. Bonificacións Sobre o recibo final, os Concellos teñen tamén a posibilidade de aplicar bonificacións de ata o 90% para explotacións agrarias. Foron xa varios os municipios que teñen establecidas esas bonificacións, como é o caso dos de Santiago, Lalín, Silleda, Muxía ou Curtis.

Municipios nos que concluirá a renovación catastral no 2017

A Coruña - Data límite de remate o 30 de marzo do 2017: Betanzos, Cerceda, Cerdido, Noia, Oroso. - Data límite de remate o 30 de xullo do 2017: Abegondo, Arteixo, Camariñas, Cambre, Carballo, Cee, Lousame, Narón, Negreira, Ordes, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Santiago de Compostela. - Data límite de remate o 30 de novembro do 2017: Aranga, Arzúa, Boiro, A Capela, A Coruña, Curtis, Dodro, Fisterra, Mazaricos, Miño, Moeche, Monfero, Muxía, Oleiros, O Pino, Porto do Son, Rois, San Sadurniño, Santiso, Toques, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vilarmaior, Zas. Lugo - Data límite de remate o 30 de marzo do 2017: Monterroso, Paradela. - Data límite de remate o 30 de xullo: Carballedo, Sarria. - Data límite de remate o 30 de novembro: Burela, Castroverde, O Incio, Monforte de Lemos, Ourol, Palas de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín, Ribas de Sil, Riotorto, Taboada. Ourense - Data límite de remate o 30 de marzo do 2017: A Peroxa, Celanova, Maceda, O Carballiño, Oimbra, Pontedeva, Quintela de Leirado, San Cristovo de Cea. - Data límite de remate o 30 de xullo: O Barco de Valdeorras, A Bola, O Bolo, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, A Gudiña, Larouco, Manzaneda, Nogueira de Ramuín, Ourense, Piñor, A Rúa, Rubiá, San Amaro, San Xoán de Río, Sandiás, A Teixeira, Viana do Bolo, Vilar de Santos, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo. - Data límite de remate o 30 de novembro: Baltar, Bande, Beariz, Os Blancos, Boborás, Carballeda de Valdeorras, Cartelle, Castrelo do Val, Cenlle, Cortegada, Chandreixa de Queixa, Entrimo, O Irixo, Laza, Leiro, Lobios, Maside, Padrenda, Porqueira, Sarreaus, Taboadela, Tramirás, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras. Pontevedra - Data límite de remate o 30 de marzo: Moaña, Redondela, Vilaboa, Vilanova de Arousa. - Data límite de remate o 30 de xullo: Dozón, Lalín, Mos, As Neves, Nigrán, Poio, Portas, Ribadumia, Silleda. - Data límite de remate o 30 de novembro: Barro, Cambados, Cotobade, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Gondomar, A Lama, Meaño, Oia, Pontevedra, O Porriño, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Tui, Valga, Vilagarcía de Arousa.

Critican a suba do IBI para os bens rústicos no concello da Pastoriza

O Sindicato Labrego Galego (Slg) denuncia o que considera unha “excesiva suba” do Imposto de Bens Inmobles (Ibi) para os bens rústicos no concello da Pastoriza. En concreto, dentro do proceso de regularización catastral o goberno local deste municipio lucense eminentemente gandeiro optou inicialmente por aplicar o gravame máximo que permite a lei: un 0'9% para os bens rústicos. “Dende o Sindicato Labrego Galego denunciamos o que nos parecía unha fiscalidade excesiva e, no pleno do pasado 17 de setembro, o equipo de goberno aprobaba un gravame para o IBI de rústica máis baixo que o decidido nun principio -o 0'6%- pero que a nós segue a parecernos excesivo”, aseguran dende a organización agraria. Por todo isto, e aproveitando que a ordenanza fiscal que regula o IBI na Pastoriza aínda se atopa en fase de alegacións, dende o Slg demandan ao goberno municipal que aplique a suba mínima que permite a lei, do 0'3%. Dende o Concello argumentan que, desta maneira, “o tipo quedaría homoxeneizado co fixado para os bens urbanos”. Para o Sindicato Labrego “isto é un despropósito, habida conta que a propia lei dá a entender, a través dos tipos máximos e mínimos que fixa, que o rústico debe tributar menos que o urbano”. A lei permite bonificacións do 95% no IBI para cooperativas agrarias ou actividades económicas de interese especial como a gandería Ademais, unha vez que modifica o IBI, dende o Slg consideran que “o concello debería ser sensible cos colectivos sociais máis necesitados de exencións fiscais”. Por exemplo, a lei permite bonificacións do 95% neste imposto aos bens rústicos das cooperativas agrarias e de explotación comunitaria da terra, ou a aquelas actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego. Para o Sindicato Labrego Galego, os sectores agrogandeiros deste concello eminentemente rural “deberían beneficiarse destas bonificacións, xa que constitúen o sostén económico da economía municipal e os principais -vacún de leite e carne- están atravesando unha crise de prezos sen precedentes”. A maiores, dende a organización agraria demandan que o concello da Pastoriza “debería facer un estudo dos núcleos de poboación para ver se hai algún que poida beneficiarse da bonificación do 90% que contempla a lei para asentamentos de poboación singularizados pola súa vinculación ou preeminencia de actividades primarias de carácter agrícola, gandeiro, forestal, pesqueiro ou análogas e que dispoñan dun nivel de servizos de competencia municipal, infraestruturas ou equipamentos colectivos inferior ao existente nas áreas ou zonas consolidadas do municipio”.

O ‘catastrazo’ retoma a ofensiva no rural

O rural galego encara este outono a segunda fase do xa coñecido como catastrazo. O proceso de renovación catastral, que está a aumentar significativamente os recibos da contribución, rematou en arredor de 80 concellos, pero outros 150 seguen coa regularización en marcha e é de esperar que se sumen máis municipios á actualización. Falamos con Unións Agrarias e co Sindicato Labrego, organizacións agrarias que están a asesorar a afectados polo proceso, para coñecer as cuestións ás que cómpre prestar atención. A novidade máis significativa do catastrazo é que todas as instalacións agrarias, tales como granxas, naves e invernadoiros pasan a pagar o Imposto de Bens Inmobles (IBI). A maiores, a revisión porá ó día posibles ampliacións en vivendas e incluirá novas construcións.Sobre os cambios en vivendas, haberá que abonar ademais os atrasos dos últimos 4 anos, pago do que quedan exentas as instalacións agrarias. Que problemas se están a detectar coa actualización do Catastro? Repasamos cinco cuestións a ter en conta

1) Construcións agrarias que figuran como almacéns

Se un pendello ou unha corte queda catalogado como almacén, Catastro reclamará o pago de 4 anos de atrasos. “É fundamental no proceso de regularización catastral, prestar atención ós usos que lle atribúe Catastro ós inmobles, de cara a presentar as correspondentes alegacións”, sinala Margarida Prieto, coordinadora do Sindicato Labrego Galego (SLG) na Terra Cha.
"É fundamental prestar atención ó uso que lle atribúe Catastro ós inmobles" (Margarida Prieto, SLG)
Prieto pon o exemplo dunha construción agraria que se valorou en 7.437 euros e que se catalogou como almacén. De acordo co tipo impositivo vixente nese concello, o 0,4, o afectado enfrontábase a un recibo anual de 29,7 euros só por esa construción, pero como a instalación estaba catalogada como almacén, tiña que abonar ademais un recibo por catro anos de atrasos (118,9 euros). Cunha correcta catalogación, evitarase o pago de atrasos e haberá ademais a posibilidade de acceder a bonificacións.

2) Instalacións non suxeitas ó pago do IBI ás que se lles atribúe un valor catastral

“Tivemos un afectado de Friol ó que se lle computaban como almacéns as foxas de purín, que estaban cubertas de uralita” -lembra Verónica Marcos, de Unións Agrarias de Lugo.- “Tamén é frecuente que se computen as trincheiras dos silos e tivemos mesmo o caso dunha afiliada á que lle querían cobrar pola casa infantil do Carrefour que colocara no xardín para os nenos”.
"Tivemos o caso dunha afiliada á que lle querían cobrar por unha caseta infantil de plástico que mercara no Carrefour" (Verónica Marcos, Unións)

3) Construcións mal atribuídas

A planificación labiríntica dalgúns núcleos rurais leva a confusións na atribución das instalacións. Haberá que revisar que Catastro liga ben as construcións cos correspondentes propietarios.

4) Tipos impositivos

Cada Concello ten potestade para fixar os tipos impositivos da contribución rústica entre o 0,3 e o 0,9. Boa parte dos concellos agrarios teñen tipos baixos, arredor do 0,3-0,4, se ben hai outros nos que se dispara ata o 0,9. A presión das organizacións agrarias está a forzar baixadas dos tipos en boa parte das comarcas agrarias. “Na nosa zona, houbo concellos como Muras, Xermade, A Pastoriza ou Guitiriz que si nos manifestaron a súa vontade de traballar no tema, pero na maioría dos casos aínda falta por concretar en canto se van baixar os tipos”, explica Margarida Prieto, do Sindicato Labrego. As naves agrarias pasan a pagar a contribución. Esta foi valorada en arredor de 30.000 euros. / Imaxe: SLG. A maiores, as organizacións lembran que os Concellos teñen potestade para aplicar bonificacións de ata o 90% por circunstancias especiais, como podería ser o feito de considerar a produción agraria como de especial importancia municipal. “Lugo, por exemplo, é un dos Concellos que xa están aplicando o tipo mínimo, o 0,3, e que a maiores estableceron bonificacións de ata o 90% para as explotacións agrarias”, lembra Verónica Marcos, de Unións. A diferenza de recibos é significativa. Imaxinemos instalacións agrarias valoradas en 50.000 euros. Co tipo máximo (0,9) pagaríanse 450 euros ó ano. Co tipo mínimo (0,3), o pago sería de só 150 euros, pero se a maiores se establece unha bonificación do 90%, o recibo final será de 15 euros. Cómpre destacar que só os Concellos saneados terán autorización de Facenda para establecer este tipo de bonificacións, pois os que se atopen en procesos de rescate, teñen prohibidas as bonificacións.

5) Becas de estudo

Os fillos e fillas de gandeiros dos Concellos nos que xa se acometeu a renovación catastral estiveron a perder de xeito sistemático becas de estudo a causa das valoracións catastrais das instalacións agrarias. O problema suscitou as queixas do sector gandeiro e este ano correxiuse a convocatoria de becas para permitir maiores valores patrimoniais de rústica. O sector dubida de que ese cambio sexa suficiente.
"Os Concellos ven o catastrazo como ingresos, pero non poden sanear as contas a costa dos veciños" (José Antonio Diéguez, Ventonoso)
Valoracións As organizacións que traballan na asesoría ós afectados pronostican un forte impacto do Catastrazo nos próximos meses. “Pódese dicir que houbo unha tregua durante o periodo electoral, pero este outono retomarase o envío de comunicacións” -prevé José Antonio Diéguez Otero, de Ventonoso, unha organización ligada a Unións Agrarias.- “O catastrazo para os Concellos representa sen dúbida unha fonte de ingresos, pero o que non se pode é pretender sanear as contas a costa dos veciños”, valora Diéguez Otero. Na mesma liña exprésase Margarida Prieto, do Sindicato Labrego, que incide en que os Concellos a miúdo non teñen en conta o impacto que ten unha suba “tan brutal” de impostos na veciñanza, sobre todo no rural, que rexistra unha forte crise da maioría dos sectores produtivos e que conta coas pensións máis baixas do Estado.

“Non é lóxico pagar sen ter servizos ningúns”

Ángel López, de Guntín (Lugo), é un dos afectados polo catastrazo. Xa lle comunicaron as valoracións catastrais dos seus bens, incluidas instalacións agrarias, e está á expectativa de ver como se plasma esa renovación catastral no seu recibo da contribución. “Imos ver que tipo impositivo vai aplicar o Concello -actualmente do 0,50 en rústica- e que servizos nos van dar. Nós servizos non temos ningúns, nin alcantarillado nin traída de augas nin outros. Só temos pistas en mal estado e alumeado público”, resume. “Se se quere fixar poboación no rural, hai que establecer bonificacións nos impostos e ofrecer servizos”, defende.

Consideran insuficientes os cambios na concesión de becas para fillos de agricultores

Un real decreto modificaba a semana pasada os limiares de renda e patrimonio familiar para acceder ás axudas ao estudo. A pesar de que hai modificacións “positivas”, en opinión da organización rural UPA, “segue habendo moitas condicións que deixan fóra das bolsas a fillos de produtores agrarios en situación de necesidade”. “Mentres que o mínimo esixible para incorporarse serían, no caso do secaño, unhas 90-110 hectáreas, en función do cultivo e da zona de España da que esteamos a falar, con 40 xa che consideran un potentado, e os teus fillos non teñen dereito a bolsa”, lamentaron desde UPA. UPA cre que a modificación dos limiares de patrimonio familiar en zonas rurais aprobada polo Ministerio de Educación é “claramente insuficiente” e demostra dunha “falta de sensibilidade coa igualdade de trato entre o mundo rural e o urbano”. “O Goberno debe modificar o límite dos valores catastrais das leiras rústicas” En concreto, o Real Decreto eleva os valores catastrais das construcións situadas en leiras rústicas, excluído o valor catastral da construción que constitúa a vivenda habitual da familia, de 13.130 a 42.900 euros. Esta modificación non fai senón igualar o limiar das construcións rurais ás urbanas. Este cambio, sendo positivo, “non é suficiente”, afirma UPA, porque non modificaron o límite dos valores catastrais das leiras rústicas pertencentes aos membros computables da familia. O que fai que por exemplo en secaño cunhas 40 hectáreas en propiedade xa se estaría excluído das bolsas. No caso do regadío, a partir de 16 hectáreas e se se trata dun regadío de leñosos con 8 hectáreas xa non se concedería a bolsa. Como referencia, para unha incorporación á actividade agraria esíxense como mínimo de media (depende do tipo de cultivo e a zona de España) de 90 a 110 hectáreas en secaño, de 20 a 35 hectáreas de regadío e de 12 a 18 hectáreas de leñosos.
"O máis obxectivo é ter en conta a renda da unidade familiar”
Respecto ao requisito do rendemento das actividades económicas ocorre que, segundo os anos e o sector, con ingresos superiores ao límite establecido pódense ter uns ingresos netos mesmo negativos. Noutras ocasións, con ingresos brutos inferiores pódese chegar a uns ingresos netos elevados que xustifiquen o quedar fóra dos beneficiarios das bolsas. UPA propón “eliminar este límite de volume de negocio e atender ao elemento máis obxectivo á hora de valorar os ingresos realmente dispoñibles: a renda da unidade familiar”. UPA propón adecualos á realidade da actividade agrícola e gandeira de tal forma que se diferencie entre os que teñen leiras, construcións rurais ou urbanas que as utilizan como medio de produción, para desenvolver a súa actividade agraria, e entre aqueles que son un elemento patrimonial sen máis. Proponse incrementar os límites establecidos nos valores patrimoniais das fincas urbanas e rústicas cando estas están ligadas ao desenvolvemento dunha actividade agrícola ou gandeira.

O Ministerio rectifica para que o “catastrazo” non prexudique as becas dos fillos de gandeiros

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte acaba de realizar unha modificación dos limiares de renda familiar para que o proceso de revisión da valoración catastral de instalacións para uso agrícola e gandeiro, o popularmente coñecido como “catastrazo”, non penalice aos fillos e fillas de gandeiros á hora de acceder a bolsas de estudos do Ministerio. Así, o Consello de Ministros aprobou este venres o Real Decreto polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2016-2017. En canto aos efectos do “catastrazo”, desde o Ministerio destacan que “atendeuse a preocupación dos estudantes do medio rural que temían unha posible perda do dereito á obtención da bolsa consecuencia dos cambios de valoración catastral que se produciron neste medio”. Para iso adaptáronse os limiares de patrimonio familiar. En esencia, axústanse as contías en relación ao novo valor catastral das denominadas “construcións indispensables” tales como almacéns, naves, celeiros, etc., edificadas en fincas rústicas. Este novo valor repercute no valor total da finca de maneira que este podería chegar a exceder do limiar máximo establecido para a concesión de bolsa, coa eventual perda do dereito á obtención da mesma. Texto da modificación: Desta forma, a modificación publicada este luns no BOE establece que “denegaranse as bolsas ou axudas ao estudo solicitadas para o curso 2016-2017 cando se superen os limiares indicativos de patrimonio familiar que se fixan a continuación: b) A suma dos valores catastrais das construcións situadas en fincas rústicas, excluído o valor catastral da construción que constitúa a vivenda habitual da familia, non poderá superar os 42.900 euros, sendo aplicables ás devanditas construcións os coeficientes multiplicadores, en función do ano en que se efectuou a última revisión catastral, que se establecen no apartado a) anterior. a) (.....)En caso de inmobles nos que a data de efecto da última revisión catastral estivese comprendida entre o 1 de xaneiro de 1990 e o 31 de decembro de 2002 multiplicaranse os valores catastrais por 0,49. No caso de que a data da mencionada revisión fose posterior ao 31 de decembro de 2002, os valores catastrais multiplicaranse polos coeficientes seguintes: Por 0,43 os revisados en 2003. Por 0,37 os revisados en 2004. Por 0,30 os revisados en 2005. Por 0,26 os revisados en 2006. Por 0,25 os revisados en 2007. Por 0,25 os revisados en 2008. Por 0,26 os revisados en 2009. Por 0,28 os revisados en 2010. Por 0,30 os revisados en 2011. Por 0,32 os revisados en 2012. Por 0,34 os revisados en 2013. Por 0,36 os revisados en 2014. Por 0,36 os revisados en 2015. c) A suma dos valores catastrais das fincas rústicas excluídos os valores catastrais das construcións que pertenzan aos membros computables da familia non poderá superar 13.130 euros por cada membro computable

Charla sobre as consecuencias da revisión catastral en Santa Comba

Os problemas ocasionados no agro pola revisión catastral chegaron tamén a Santa Comba, onde esta noite se celebrará unha charla organizada por Unións Agrarias para abordar a situación e as posibles vías para reducir o 'catastrazo'. Na sesión informativa está prevista a participación do alcalde de Santa Comba, José Antonio Ucha, que xa se amosou partidario de reducir os gravames sobre as explotacións agrarias. Falarán tamén Jacobo Feijoo, responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, e José Antonio Diéguez, de Ventonoso. A charla será ás 21.30 horas no auditorio municipal de Santa Comba. O principal problema que está a ocasionar a revisión catastral vén de que as instalacións agrarias como cortes, pendellos ou naves pasan a ser obxecto do Imposto de Bens Inmobles (IBI). Parte dos Concellos das comarcas gandeiras xa están a adoptar medidas para reducir o impacto da contribución no agro.

Os Concellos dan pasos para limitar o impacto do ‘catastrazo’ no agro

A renovación do Catastro que xa está en marcha no 70% dos Concellos galegos, está a xerar preocupación no rural. A revisión, coñecida xa popularmente como 'catastrazo' actualizará os datos dos inmobles e, a maiores, obrigará a pagar a contribución por cortes, pendellos e outras instalacións agrarias, que ata agora estaban exentas. Ante esta situación, parte dos Concellos das comarcas rurais xa están a anunciar bonificacións para as granxas. Os anuncios de bonificacións no Imposto de Bens Inmobles (IBI) para explotacións agrarias sucédense nos últimos meses. Lalín e Silleda, no Deza; Muxía, Vimianzo e Laracha, na Costa da Morte; ou Curtis, Melide e Santiago no interior coruñés, son algúns dos municipios que xa confirmaron importantes reduccións de impostos para gandeiros e agricultores. Curtis En Curtis, por exemplo, o Concello levou recentemente a pleno a aprobación das primeiras 79 bonificacións do IBI. Houbo 34 propietarios que se acolleron á bonificación máxima, do 95%, o que deixou casos como o dun recibo de 874 euros que pasou a outro de 43,70 euros. Os restantes 45 expedientes beneficiáronse de reduccións do 50%, xa que os inmobles suxeitos á bonificación desenvolven outros usos a parte dos agrarios.
Curtis aprobou recentemente as primeiras 79 bonificacións no IBI. O recibo dun propietario pasou de 874 euros a 43,70
O goberno local de Curtis mantén aberto o proceso de bonificacións e sinala que aínda quedan pendentes solicitudes que se están a tramitar. O Concello xa aprobara no 2014 a bonificación do 95% do IBI para as explotacións gandeiras, agrarias e forestais e no 2015 axustou a normativa municipal para bonificar cun 50% ós inmobles mixtos, é dicir, os que comparten outro tipo de construccións, como vivendas, que se benefician de bonificacións do 50%. O Concello de Curtis estima que deixará de recadar máis de 8.000 euros por esta medida, se ben precisa que pode afrontar ese esforzo por ter as contas saneadas. Aqueles Concellos que están sometidos a plans de axustes teñen prohibido por Facenda o establecemento de bonificacións no IBI. Contexto O debate sobre a renovación catastral está a darse na práctica totalidade dos concellos do rural, ben por mocións que presentan os grupos da oposición no pleno municipal, ben por iniciativas dos propios grupos de goberno. Unións Agrarias, que está a desenvolver charlas informativas sobre o problema, lembra que os gobernos locais poden establecer bonificacións de ata o 95% para as explotacións gandeiras. Outra medida que poden adoptar é a reducción da taxa a aplicar, que debe estar entre o 0,3% e o 0,9% do valor catastral da edificación, polo que cando sexa maior do 0,3, hai marxe para baixala.

A Xunta solicitará que as construcións agrícolas e gandeiras non computen á hora de solicitar unha bolsa

Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, mantiveron este martes unha reunión na que acordaron solicitar ao Goberno Central que, á hora de solicitar unha bolsa de apoio ao estudo, non computen como segunda vivenda as construcións agrícolas e gandeiras propiedade da familia do alumno, nomeadamente galpóns, palleiras, naves, etc. Neste sentido cómpre sinalar que, ao abeiro do Plan de regularización extraordinaria 2013-2016 e da revisión catastral realizada no seu cumprimento, este tipo de construcións pasaron a pagar o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), que antes non aboaban. Porén, a Xunta de Galicia considera que a consideración destas construcións como computables no patrimonio familiar á hora de baremar a puntuación para obter bolsas do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte supoñen un claro prexuízo para os estudantes procedentes de familias do rural, especialmente as dedicadas á actividade gandeira e para as que posúan este tipo de construcións en chan urbano – casos nos que están computando como ‘segunda vivenda’. Neste sentido ambos os conselleiros concluíron que, tendo en conta que o gandeiro e agrícola é un dos sectores básicos da nosa economía, sustento fundamental de milleiros de familias en Galicia, cómpre chamar a atención do Goberno Central sobre a necesidade de facer unha excepción sobre o caso específico deste colectivo á hora de percibir axudas. Así mesmo, coincidiron na necesidade de apoiar a estas familias no difícil momento polo que atravesa o sector. A petición farase vía misiva que se enviará esta mesma semana asinada polos dous conselleiros ao Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.

Consellos para reducir os efectos da revisión catastral nas explotacións gandeiras

O procedemento de regularización catastral que xa está en marcha en 7 de cada 10 concellos galegos porá ao día novas vivendas e ampliacións das existentes e, a maiores, incluirá no Imposto de Bens Inmobles (IBI) todo tipo de instalacións agrarias, como cortes, naves e pendellos, estean en uso ou non, e que ata o de agora estaban exentas do pagamento do IBI. Do mesmo xeito que noutros procedementos masivos de valoración e como nesta revisión catastral, David Prieto Sanguiao de Gabinete Cartotec ofrece as seguintes recomendacións: - Consultar e revisar na Sede electrónica de Catastro, de acceso libre e gratuíto, toda a información que consta sobre as parcelas: www.sedecatastro.gob.es - Verificar que os datos das edificacións que están a ser actualizados correspóndanse coa realidade, para pagar soamente polo que se ten. A xente pensa que o ten todo ben pero é recomendable dedicarlle uns minutos e revisar no Catastro a seguinte información: a xeometría da parcela, superficie e alturas das construcións asociadas á parcela, usos e antigüidade das mesmas. - No caso de detectar algún erro, é preciso presentar un recurso ou alegación ante a Administración para que o corrixa. Gabinete Cartotec recomenda poñerse en mans de técnicos especializados en catastro para elaborar os informes ou recursos pertinentes con fin de emendar os erros e aclarar adecuadamente a situación á Administración. Dende o sindicato Unións Agrarias, que ven denunciando públicamente o impacto económico que vai ter a revisión catastral sobre o agro galego, tamén recomendan: - Estar atento aos prazos de 15 días para presentar alegacións, e do mes adicional posterior para presentar Recurso administrativo se se nos pasa o primeiro prazo dos 15 días iniciais. -Dirixirse ao concello para presionar co obxectivo de que reduza a taxa a aplicar. Non é unha cuestión menor xa que os concellos poden baixar a taxa do 0,9 ao 0,3% do valor catastral. Para unha corte valorada en 100.000 euros suporía pasar de pagar ao ano 900 euros polo IBI a 300 euros ao ano. -Demandarlle ao concello que, ademais, aplique bonificacións no IBI para as explotacións agrogandeiras. Por exemplo, cunha bonificación do 90%, eses 900 euros quedarían en 90 euros, ou en 30 euros os 300 euros. -Igualmente, UUAA recomenda revisar os datos no Catastro, entrando na páxina de Catastro en internet, coa clave persoal, que ven na carta que nos mandan, para comprobar que a actualización se axuste á realidade. E é que a organización agraria advirte de que estanse a dar moitos erros na catalogación das instalacións, como por exemplo a clasificación de naves de uso agrario como almacéns ou garaxes, que se clasifican como urbano aos efectos catastrais. Estes erros de catalogación teñen as seguintes consecuencias: . Primeiro: que a valoración é máis alta, e teriamos que pagar máis. . Segundo: que nos poderían esixir atrasos de ata catro anos. . Terceiro: ademais poderiamos quedar fóra de posibles bonificacións, porque normalmente se aplicarán aos bens clasificados dentro do catastro Rústico (galpóns, granxas, establos), pero non aos de urbana (naves en xeral, almacéns non agrarios e garaxes).