Archives

Bonificacións ‘pantasma’ nos recibos da contribución de Agolada

Un cento de familias do municipio de Agolada (Pontevedra), asesoradas polo Sindicato Labrego, veñen de rexistrar un escrito no Concello no que piden a apertura dun prazo extraordinario para solicitar bonificacións do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para as construccións agrogandeiras. O Concello de Agolada aprobara no outono pasado rebaixas de ata o 95% nos recibos da contribución correspondentes a instalacións agrarias, pero os potenciais beneficiarios non se enteraran da medida. Os gandeiros quéixanse de que o goberno local non sacou bandos para anunciar a rebaixa dos recibos da contribución. A bonificación do IBI publicouse no Boletín Oficial da Provincia e na páxina web do Concello, pero a información non chegou ás parroquias, polo que as solicitudes de rebaixa do imposto foron case inexistentes. “Só houbo 14 días de prazo para solicitar a bonificación e ninguén se enterou”, sinala un gandeiro da localidade. Ante esa situación, un cento de afectados asinou un escrito conxunto no que lle demanda ó Concello a reapertura do prazo de solicitude, “considerando que o prazo que se deu na convocatoria foi insuficiente, de apenas dúas semanas, e con ningunha publicidade, o que fixo que ningún gandeiro se puidera acoller a solicitude da bonificación”.