Archives

Romina e Sergio, de Mallorca á Capela para adicarse ao cultivo da castaña

Romina Paula e Sergio González son un matrimonio que decidiu cambiar Mallorca por A Capela para vivir no campo e emprender un novo negocio co froito das súas leiras. Como eran totalmente novos no mundo agrónomo decidiron formarse acudindo a varios cursos, acabando como finalistas co seu proxecto no XI Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega, premio que gañaría finalmente a Cooperativa Vélaro. Falamos con Paula Romina sobre o seu proxecto empresarial de produtos derivados da castaña para profesionais da alimentación, ao que lle puxeron o mesmo nome que ten o pobo no que viven e producen, Porto do Corgo. Como xurdiu este proxecto? O meu marido e eu levabamos tempo pensando en ir vivir ao campo, e o confinamento intensificou máis esas ganas, cando nos vimos encerrados en apartamentos. Un coñecido recomendounos buscar por esta zona e entón atopamos esta leira. Eran unhas 6 hectáreas e 4 son de castiñeiros, uns 800 exemplares duns 30 anos, como especificaba no anuncio. Empezamos a informarnos, porque non tiñamos nin idea de como xestionar os castiñeiros e chegamos á conclusión de que podiamos mudarnos aquí e desenvolver un negocio en base a eses castiñeiros coa formación e medios axeitados. Todo isto foi hai dous anos. Desde entón non paramos de formarnos sobre o coidado destas árbores e os modelos de negocio posibles en base á castaña. Isto xurdiu da necesidade de buscar un sitio máis coherente connosco. Somos amantes da natureza e aquí a calidade de vida é extraordinaria. En que fase se atopa agora mesmo o proxecto? Seguimos na fase de embrión, en proceso de desenvolvemento. Levamos dous anos formándonos en cuestións relacionadas co coidado de castiñeiros, acabamos de comprar un tractor para poder traballar a leira mellor… Tamén estamos a facer probas para producir fariña e outros derivados da castaña obtendo a mellor calidade. Esperamos constituírnos como empresa e empezar a comercializar a final deste ano 2024. Cales son as principais dificultades e axudas que vos atopades? Pois a maior dificultade e axuda ao mesmo tempo é a ignorancia, o empezar un proxecto de cero, sen ter nin idea de como funciona un bosque, os castiñeiros… Ir aprendendo iso é a maior dificultade e á vez a mellor ferramenta porque nos axuda a buscar respostas e seguir crecendo na produción agrícola. Como valoras a formación impartida polo programa de apoio da Fundación Juana de Vega e por que decidistes apuntarvos? A formación e apoio que che dá a Fundación Juana de Vega é riquísimo. Dáche unhas bases para que ti o día de mañá poidas desenvolver e implantar un proxecto tendo en conta unhas cousas que de forma natural non saberías medir, porque non tes esa formación e información como os estudos de mercado e financeiro, coñecer aos teus clientes… Dáche as ferramentas para que o teu proxecto sexa o máis exitoso posible, así que esta Fundación para nós é un exemplo a seguir, axúdanos a entender e valorar mellor os produtos de Galicia. Apunteime basicamente porque non tiña nin idea deste mundo e parecíame imprescindible antes de emprender ter unha base. Primeiro fixen un curso moi sinxelo a través da Rede Rural Nacional, logo atopei dos cursos de Juana de Vega, pasei as probas e acabamos finalistas. Que obxectivos perseguides a curto e longo prazo? A curto prazo, como dixen antes, constituír a empresa e empezar a comercializar, se todo sae ben, a finais deste ano. A longo prazo ir incorporando novos produtos que podamos producir na nosa leira como moras, cogomelos e champiñóns. É cuestión de ir véndoo pero de momento queremos centrarnos na castaña e os seus derivados pois é o que máis temos e ao que máis potencial lle vemos a nivel comercial. Que traballos de acondicionamento ou mantemento esixen as leiras? Usades algún sistema de poda ou rego?

Agora mesmo estamos na primeira etapa que sería a roza, por iso compramos un tractor. Agora empezaremos cun sistema de podas para que as árbores produzan máis. Tamén imos instalar un sistema de regadío para os momentos de seca, pois son unhas árbores que necesitan un mínimo de luz e auga para producir ben.

Ampliado por un mes o prazo de solicitude das axudas para rexeneración ou mellora de masas de frondosas autóctonas

A Consellería do Medio Rural amplía durante un mes o prazo de presentación de solicitudes de axuda, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións de mellora en masas de frondosas autóctonas mediante traballos de desbroce, podas ou desmestes, así como para a xestión mediante usos silvopastorais destas superficies. O anuncio, publicado no DOG este mércores, establece ademais a obrigatoriedade de, unha vez rematados os traballos silvícolas, extraer ou triturar os restos que se obteñan como consecuencia do tratamento, en consonancia co Decreto que regula os aproveitamentos madeireiros e leñosos e no que se obriga á extracción ou trituración da biomasa forestal residual. O criterio técnico aconsella a eliminación dos restos que se obteñan dos tratamentos silvícolas porque supoñen un risco para a aparición de pragas ou enfermidades forestais. Ademais, a retirada destes restos do monte contribúe á prevención dos incendios forestais ao eliminar o combustible do sotobosque.
Fíxase un importe de 850€/ha para a eliminación ou trituración dos restos de biomasa consecuencia das actuacións silvícolas realizadas
Tendo isto en conta, a Consellería modifica a orde de axudas publicada no DOG o pasado 26 de xaneiro para engadir como actuación subvencionable a eliminación, extracción ou triturado dos restos que se obteñen como consecuencia do tratamento, o que supón engadir e cuantificar un novo prezo unitario, para compensar o custo que supón para a persoa beneficiaria da subvención o cumprimento da lexislación vixente. Incremento de orzamento A convocatoria incrementa en 1,24 millóns de euros o orzamento inicial para contribuír á rexeneración ou mellora de masas consolidadas de frondosas autóctonas. Ademais desta liña, dotada agora con case 1,5 millóns de euros, a orde tamén inclúe outra centrada na xestión forestal sostible para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas, dotada con algo máis de 420.000 euros, polo que o orzamento total se achega aos 2 millóns de euros para as anualidades 2024 e 2025,
O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de abril, permitindo modificar aquelas xa formuladas anteriormente
Como consecuencia desta modificación e para garantir a concorrencia competitiva, a Administración autonómica acorda modificar o prazo de presentación de solicitudes establecido por un mes máis, contado a partir do xoves 7 de marzo, o día seguinte ao da súa publicación no DOG.  Esta ampliación permite que as persoas que xa formularon solicitude no prazo transcorrido ata a modificación desta orde poidan manter ou modificar a solicitude, ou que aquelas persoas que non formulasen solicitude con anterioridade poidan formulala tendo en conta as novas condicións. Actuacións subvencionables Como actuacións subvencionables resultarían a roza, a formación de guías en que se manifeste nitidamente a dominancia apical e/ou poda ata 1/3 da altura como mínimo, a selección de abrochos, as desmestas e a eliminación, extracción ou triturado dos restos que se obteñen como consecuencia do tratamento.
A densidade final mínima despois do tratamento será de 333 pés/ha e a máxima de 500 pés/ha
Poderán solicitarse diferentes actuacións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 3.340€, sen incluír os custos de redacción de proxecto e o panel informativo.

“Durante anos, só se valoraban as novas plantacións de castiñeiro, pero tamén é importante conservar os soutos tradicionais”

Falamos con Mónica Bizarro (presidenta) e Francisco Magide (vicepresidente) da Asociación de Propietarios de Soutos de Parada do Sil. Constituida hai dous anos, acábase de facer unha adaptación dos seus estatutos para ser recoñecida como Agrupación Forestal de Xestión Conxunta. A superficie que manexan os seus socios abarca máis de 100 hectáreas, pertencentes a 147 propietarios. - Que características e importancia histórica teñen os soutos da Ribeira Sacra? Mónica Bizarro: O concello de Parada do Sil (Ourense) ten 62 km2 e probablemente unha cuarta parte do territorio esta conformada por soutos de catiñeiros. Houbo unha época na que había moitos máis, pero en parte foron quedando abandonados, e cada vez máis. Os soutos que temos son moi variados, algúns totalmente chas e outros con pendentes, pois temos zonas de montaña e de ribeira. O castiñeiro, xunto coa vide, é un dos principais recursos paisaxísticos. Antes moitas familias vivían das castañas e da madeira. Comíanas eles, os animais e tamén para venda. Primeiro as consumían en fresco e logo en seco durante todo o ano, pois moitas familias tiñan sequeiros. Tamén se utilizaban con leite e con productos derivados da matanza do porco. Durante unha época do ano, os animais tamén se mantiñan das castañas dos soutos, principalmente as vacas. - Como xurdiu a iniciativa de crear unha asociación de propietarios? Mónica Bizarro: Xurdiu porque necesitabamos que nos coñeceran, que a Administración saiba que en Parada temos moitos soutos e producimos moitísima castaña, que é algo que non era moi visible. Desde sempre, a forma de venda é que viña un camión que paraba na praza ou na casa directamente, chegábase a un acordo de prezo e entón vendíanse a castaña, pero para a Administración estatísticamente non existimos e non saben que temos unha venda de 100.000 kg de castaña. A preocupación nosa é que todo isto non se perda e que os soutos non queden abandonados. - Pensades que a figura da agrupación forestal de xestión conxunta vos pode axudar? Mónica Bizarro: Comezamos como Asociación de Propietarios para darnos a coñecer. Despois xurdiu a opción de inscribirnos no Rexistro de masas frondosas, un proxecto da Xunta ao que nos acollemos. Xuntamos 3 zonas de entre 10 e 15 hectáreas cada unha, onde se identificaron aos propietarios e había que comprometerse por escrito a non plantar especies non autóctonas. Para isto pedían identifcar ao 51% dos propietarios. Un terceiro paso foi que no mes de xuño deste ano xurdiu a posibilidade, a través da Xunta, de formar unha Agrupación de Xestión Forestal, para a que eles contrataron unha empresa de avogados que fixera toda a labor legal e de identificación de propietarios. Un requisito para a Agrupación era identificar aos propietarios do 70% da superficie, polo que quedaban moitos por identificar. Aumentamos ademais a área con dúas zonas novas dunhas 20 hectáreas, así que agora temos cinco zonas, e conseguimos tamén aumentar a superficie das zonas ata rondar as 100 hectáreas. Mónica Bizarro, presidenta da agrupación de propietarios. - Que grao de aceptación tivo a iniciativa entre os propietarios? Mónica Bizarro: Unha marabilla a aceptación. A xente que xa estaba dentro do rexistro de masas frondosas foi a que máis tardou porque xa firmaran aquilo e xa pensaban que con iso chegaba. É certo tamén que houbo algún veciño que non quixo asinar, non sei se por descoñecemento ou por levar a contraria, pero isto é un problema para todos porque cando veñan poñer as vacinas do chancro ou limpar o souto, os seus castiñeiros quedarán excluidos e será un problema para el e tamén para a agrupación. - Como é o escenario dos soutos a nivel forestal, en canto a limpeza do mato, podas e problemas sanitarios, como o chancro ou a avespiña? Francisco Magide: A nivel forestal, normalmente cada veciño viña encargándose da súa propiedade. O ano pasado aproveitamos unha subvención, por ser concello dentro da Reserva da Bioesfera, coa que se limparon bastantes hectáreas de soutos e se limparon camiños de acceso aos mesmos, así como poda lixeira. A avespiña está practicamente vencida pola solta do ‘Torymus’, que se fixo tarde pero chegou a tempo. Respecto ao chancro, a Xunta a través de Medio Rural xa está vacinando castiñeiros cunha nova vacina moito máis eficaz que a do ano pasado. Viñeron por aquí examinar os distintos castiñeiros e xa están vacinando cunha opción adaptada. Un dos castiñeiros máis antigos dos soutos de Parada de Sil. - Cal é a propiedade media de cada socio e en cantas fincas? Francisco Magide: Entre unha hectárea e dúas como propiedade media. As hectáreas están divididas en moitas parcelas moi pequeniñas. Quen ten media hectárea xunta xa é moito, e isto dificulta todo moito. - Con que dificultades vos estades atopando á hora de identifcar as parcelas ou localizar ós propietarios? Francisco Magide: A dificultade esencial é que nós non podemos acceder ao Catastro pola Lei de protección de datos. Nese sentido, destacar a colaboración dos veciños, que son os que realmente poden axudar a identificar aos propietarios e localizar parcelas. Recurriremos aos veciños a partir de agora con máis calma para ir incorporando as parcelas limítrofes ou algunhas que están dentro, encravadas, e non asinaron por descoñecemento dos propietarios. - Que apoios estades tendo da administración para a posta en marcha da iniciativa? Francisco Magide: Estamos tendo moito apoio no sentido de que contrataron unha empresa para axudar a identificar aos propietarios e xestionar todo o procedemento legal. Tamén no tema do vacina contra o chancro e das limpezas, pois acaban de limpar arredor de 18 km de camiños de acceso. Francisco Magide, vicepresidente da asociación. - Como ides facer esa xestión conxunta, directamente desde a asociación ou contratando unha empresa? Francisco Magide: En principio, farémola desde dentro da asociación pero tamén hai que valorar que o día de mañá, se os soutos están limpos, ben podados e producindo, seguro que haberá empresas interesadas en xestionar os soutos e recoller o produto. - Que obxectivos vos marcades en canto á comercialización de castaña? Francisco Magide: Agora mesmo facemos unha recolleita máis ou menos centralizada a través dunhas clasificadoras que se compraron no 2009. Os veciños que queren, levan as castañas á clasificadora e se lle calibran para poder obter un mellor prezo. Doutra banda queremos unha clasificadora industrial e unha desinsectadora, esperamos contar coa colaboración da Administración neste sentido. De feito, chámannos do estranxeiro para que lles enviemos castañas, pois temos moi boa fama, entre outras cousas por estar dentro da Reserva da Bioesfera, pero ata que non teñamos a desinsectadora non poderemos envialas. Quero insistir no chamamento á Administración para que siga colaborando con nós. Durante moitos anos só se valoraban as novas plantacións. A base de insistir, conseguimos que lle dean máis valor aos soutos tradicionais e entendan o valor que ten isto e a importancia de que non se perdan estes soutos, que ademais ofrecen unha gran protección contra os lumes.

Nace un programa de voluntariado de Mel de Galicia para reforestar 500 castiñeiros en Valdeorras

A Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia arrincaba este 2023 cunha campaña destinada a honrar e dignificar a apicultura galega baixo o título ‘Un modo de vida’. Seguindo precisamente esta filosofía, na que a preservación da biodiversidade, o coidado das abellas e a valorización dun oficio tradicional son o eixo central, o Consello Regulador da IXP lanza a iniciativa ‘Elixindo un modo de vida’, un proxecto de reforestación para o que chaman á participación de persoas voluntarias. O vindeiro venres 1 de decembro, ás 11.00 h, o Consello Regulador da IXP prevé plantar 500 castiñeiros nunha das áreas arrasadas polos incendios en Valdeorras. Concretamente, na parroquia de Alixo, pertencente ao concello do Barco de Valdeorras. A elección desta árbore senlleira débese a que se trata dunha especie melífera e autóctona con moito que ofrecer. Ademais de flor para a polinización e a consecución de rico mel, tamén se obterán castañas nun futuro, contribuíndo así coa dinamización do medio rural. “A repoboación das zonas queimadas con especies autóctonas é de vital importancia para a recuperación do territorio e para a alimentación das abellas e en consecuencia para a produción do Mel de Galicia. Xurde así a acción medioambiental Elixindo un modo de vida respectuoso co medio ambiente, unha mensaxe en favor dos produtores e dun futuro comprometido co medio ambiente e as abellas” explican dende Mel de Galicia. As persoas interesadas en participar coma voluntarias poderán facelo inscribíndose a través do enderezo electrónico info@mieldegalicia.org ou aparecendo no propio lugar da reforestación. Iso si, os 10 primeiros voluntarios que se acheguen levarán como agasallo unha casa de insectos.