Archives

Romina e Sergio, de Mallorca á Capela para adicarse ao cultivo da castaña

Romina Paula e Sergio González son un matrimonio que decidiu cambiar Mallorca por A Capela para vivir no campo e emprender un novo negocio co froito das súas leiras. Como eran totalmente novos no mundo agrónomo decidiron formarse acudindo a varios cursos, acabando como finalistas co seu proxecto no XI Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega, premio que gañaría finalmente a Cooperativa Vélaro. Falamos con Paula Romina sobre o seu proxecto empresarial de produtos derivados da castaña para profesionais da alimentación, ao que lle puxeron o mesmo nome que ten o pobo no que viven e producen, Porto do Corgo. Como xurdiu este proxecto? O meu marido e eu levabamos tempo pensando en ir vivir ao campo, e o confinamento intensificou máis esas ganas, cando nos vimos encerrados en apartamentos. Un coñecido recomendounos buscar por esta zona e entón atopamos esta leira. Eran unhas 6 hectáreas e 4 son de castiñeiros, uns 800 exemplares duns 30 anos, como especificaba no anuncio. Empezamos a informarnos, porque non tiñamos nin idea de como xestionar os castiñeiros e chegamos á conclusión de que podiamos mudarnos aquí e desenvolver un negocio en base a eses castiñeiros coa formación e medios axeitados. Todo isto foi hai dous anos. Desde entón non paramos de formarnos sobre o coidado destas árbores e os modelos de negocio posibles en base á castaña. Isto xurdiu da necesidade de buscar un sitio máis coherente connosco. Somos amantes da natureza e aquí a calidade de vida é extraordinaria. En que fase se atopa agora mesmo o proxecto? Seguimos na fase de embrión, en proceso de desenvolvemento. Levamos dous anos formándonos en cuestións relacionadas co coidado de castiñeiros, acabamos de comprar un tractor para poder traballar a leira mellor… Tamén estamos a facer probas para producir fariña e outros derivados da castaña obtendo a mellor calidade. Esperamos constituírnos como empresa e empezar a comercializar a final deste ano 2024. Cales son as principais dificultades e axudas que vos atopades? Pois a maior dificultade e axuda ao mesmo tempo é a ignorancia, o empezar un proxecto de cero, sen ter nin idea de como funciona un bosque, os castiñeiros… Ir aprendendo iso é a maior dificultade e á vez a mellor ferramenta porque nos axuda a buscar respostas e seguir crecendo na produción agrícola. Como valoras a formación impartida polo programa de apoio da Fundación Juana de Vega e por que decidistes apuntarvos? A formación e apoio que che dá a Fundación Juana de Vega é riquísimo. Dáche unhas bases para que ti o día de mañá poidas desenvolver e implantar un proxecto tendo en conta unhas cousas que de forma natural non saberías medir, porque non tes esa formación e información como os estudos de mercado e financeiro, coñecer aos teus clientes… Dáche as ferramentas para que o teu proxecto sexa o máis exitoso posible, así que esta Fundación para nós é un exemplo a seguir, axúdanos a entender e valorar mellor os produtos de Galicia. Apunteime basicamente porque non tiña nin idea deste mundo e parecíame imprescindible antes de emprender ter unha base. Primeiro fixen un curso moi sinxelo a través da Rede Rural Nacional, logo atopei dos cursos de Juana de Vega, pasei as probas e acabamos finalistas. Que obxectivos perseguides a curto e longo prazo? A curto prazo, como dixen antes, constituír a empresa e empezar a comercializar, se todo sae ben, a finais deste ano. A longo prazo ir incorporando novos produtos que podamos producir na nosa leira como moras, cogomelos e champiñóns. É cuestión de ir véndoo pero de momento queremos centrarnos na castaña e os seus derivados pois é o que máis temos e ao que máis potencial lle vemos a nivel comercial. Que traballos de acondicionamento ou mantemento esixen as leiras? Usades algún sistema de poda ou rego?

Agora mesmo estamos na primeira etapa que sería a roza, por iso compramos un tractor. Agora empezaremos cun sistema de podas para que as árbores produzan máis. Tamén imos instalar un sistema de regadío para os momentos de seca, pois son unhas árbores que necesitan un mínimo de luz e auga para producir ben.

“Durante anos, só se valoraban as novas plantacións de castiñeiro, pero tamén é importante conservar os soutos tradicionais”

Falamos con Mónica Bizarro (presidenta) e Francisco Magide (vicepresidente) da Asociación de Propietarios de Soutos de Parada do Sil. Constituida hai dous anos, acábase de facer unha adaptación dos seus estatutos para ser recoñecida como Agrupación Forestal de Xestión Conxunta. A superficie que manexan os seus socios abarca máis de 100 hectáreas, pertencentes a 147 propietarios. - Que características e importancia histórica teñen os soutos da Ribeira Sacra? Mónica Bizarro: O concello de Parada do Sil (Ourense) ten 62 km2 e probablemente unha cuarta parte do territorio esta conformada por soutos de catiñeiros. Houbo unha época na que había moitos máis, pero en parte foron quedando abandonados, e cada vez máis. Os soutos que temos son moi variados, algúns totalmente chas e outros con pendentes, pois temos zonas de montaña e de ribeira. O castiñeiro, xunto coa vide, é un dos principais recursos paisaxísticos. Antes moitas familias vivían das castañas e da madeira. Comíanas eles, os animais e tamén para venda. Primeiro as consumían en fresco e logo en seco durante todo o ano, pois moitas familias tiñan sequeiros. Tamén se utilizaban con leite e con productos derivados da matanza do porco. Durante unha época do ano, os animais tamén se mantiñan das castañas dos soutos, principalmente as vacas. - Como xurdiu a iniciativa de crear unha asociación de propietarios? Mónica Bizarro: Xurdiu porque necesitabamos que nos coñeceran, que a Administración saiba que en Parada temos moitos soutos e producimos moitísima castaña, que é algo que non era moi visible. Desde sempre, a forma de venda é que viña un camión que paraba na praza ou na casa directamente, chegábase a un acordo de prezo e entón vendíanse a castaña, pero para a Administración estatísticamente non existimos e non saben que temos unha venda de 100.000 kg de castaña. A preocupación nosa é que todo isto non se perda e que os soutos non queden abandonados. - Pensades que a figura da agrupación forestal de xestión conxunta vos pode axudar? Mónica Bizarro: Comezamos como Asociación de Propietarios para darnos a coñecer. Despois xurdiu a opción de inscribirnos no Rexistro de masas frondosas, un proxecto da Xunta ao que nos acollemos. Xuntamos 3 zonas de entre 10 e 15 hectáreas cada unha, onde se identificaron aos propietarios e había que comprometerse por escrito a non plantar especies non autóctonas. Para isto pedían identifcar ao 51% dos propietarios. Un terceiro paso foi que no mes de xuño deste ano xurdiu a posibilidade, a través da Xunta, de formar unha Agrupación de Xestión Forestal, para a que eles contrataron unha empresa de avogados que fixera toda a labor legal e de identificación de propietarios. Un requisito para a Agrupación era identificar aos propietarios do 70% da superficie, polo que quedaban moitos por identificar. Aumentamos ademais a área con dúas zonas novas dunhas 20 hectáreas, así que agora temos cinco zonas, e conseguimos tamén aumentar a superficie das zonas ata rondar as 100 hectáreas. Mónica Bizarro, presidenta da agrupación de propietarios. - Que grao de aceptación tivo a iniciativa entre os propietarios? Mónica Bizarro: Unha marabilla a aceptación. A xente que xa estaba dentro do rexistro de masas frondosas foi a que máis tardou porque xa firmaran aquilo e xa pensaban que con iso chegaba. É certo tamén que houbo algún veciño que non quixo asinar, non sei se por descoñecemento ou por levar a contraria, pero isto é un problema para todos porque cando veñan poñer as vacinas do chancro ou limpar o souto, os seus castiñeiros quedarán excluidos e será un problema para el e tamén para a agrupación. - Como é o escenario dos soutos a nivel forestal, en canto a limpeza do mato, podas e problemas sanitarios, como o chancro ou a avespiña? Francisco Magide: A nivel forestal, normalmente cada veciño viña encargándose da súa propiedade. O ano pasado aproveitamos unha subvención, por ser concello dentro da Reserva da Bioesfera, coa que se limparon bastantes hectáreas de soutos e se limparon camiños de acceso aos mesmos, así como poda lixeira. A avespiña está practicamente vencida pola solta do ‘Torymus’, que se fixo tarde pero chegou a tempo. Respecto ao chancro, a Xunta a través de Medio Rural xa está vacinando castiñeiros cunha nova vacina moito máis eficaz que a do ano pasado. Viñeron por aquí examinar os distintos castiñeiros e xa están vacinando cunha opción adaptada. Un dos castiñeiros máis antigos dos soutos de Parada de Sil. - Cal é a propiedade media de cada socio e en cantas fincas? Francisco Magide: Entre unha hectárea e dúas como propiedade media. As hectáreas están divididas en moitas parcelas moi pequeniñas. Quen ten media hectárea xunta xa é moito, e isto dificulta todo moito. - Con que dificultades vos estades atopando á hora de identifcar as parcelas ou localizar ós propietarios? Francisco Magide: A dificultade esencial é que nós non podemos acceder ao Catastro pola Lei de protección de datos. Nese sentido, destacar a colaboración dos veciños, que son os que realmente poden axudar a identificar aos propietarios e localizar parcelas. Recurriremos aos veciños a partir de agora con máis calma para ir incorporando as parcelas limítrofes ou algunhas que están dentro, encravadas, e non asinaron por descoñecemento dos propietarios. - Que apoios estades tendo da administración para a posta en marcha da iniciativa? Francisco Magide: Estamos tendo moito apoio no sentido de que contrataron unha empresa para axudar a identificar aos propietarios e xestionar todo o procedemento legal. Tamén no tema do vacina contra o chancro e das limpezas, pois acaban de limpar arredor de 18 km de camiños de acceso. Francisco Magide, vicepresidente da asociación. - Como ides facer esa xestión conxunta, directamente desde a asociación ou contratando unha empresa? Francisco Magide: En principio, farémola desde dentro da asociación pero tamén hai que valorar que o día de mañá, se os soutos están limpos, ben podados e producindo, seguro que haberá empresas interesadas en xestionar os soutos e recoller o produto. - Que obxectivos vos marcades en canto á comercialización de castaña? Francisco Magide: Agora mesmo facemos unha recolleita máis ou menos centralizada a través dunhas clasificadoras que se compraron no 2009. Os veciños que queren, levan as castañas á clasificadora e se lle calibran para poder obter un mellor prezo. Doutra banda queremos unha clasificadora industrial e unha desinsectadora, esperamos contar coa colaboración da Administración neste sentido. De feito, chámannos do estranxeiro para que lles enviemos castañas, pois temos moi boa fama, entre outras cousas por estar dentro da Reserva da Bioesfera, pero ata que non teñamos a desinsectadora non poderemos envialas. Quero insistir no chamamento á Administración para que siga colaborando con nós. Durante moitos anos só se valoraban as novas plantacións. A base de insistir, conseguimos que lle dean máis valor aos soutos tradicionais e entendan o valor que ten isto e a importancia de que non se perdan estes soutos, que ademais ofrecen unha gran protección contra os lumes.

Sanidade do castiñeiro e da castaña

O castiñeiro sempre foi un elemento clave na economía rural galega, pero desde o século XVIII foi fortemente ameazado por diferentes doenzas, que nalgunha época case o levaron á extinción. Nos últimos 40 anos asistimos a un rexurdimento do castiñeiro a nivel mundial, derivado principalmente da revalorización do consumo da castaña en fresco e do desenvolvemento da industria de transformación, que está impulsando a creación de novas plantacións en Galicia e no resto do mundo. A profesora da Universidade de Santiago Fina Lombardero incide en que, neste contexto, é importante que os produtores se baseen no coñecemento e na experiencia para non repetir erros do pasado. Fina Lombardero. Poderíanse resumir os principais problemas sanitarios do castiñeiro e da castaña en cinco: dúas son especies nativas e tres son introducidas, froito da globalización e falta de control nas importacións. As tres especies introducidas son a tinta, o chancro e a avespiña. As dúas autóctonas son a antracnose e o ‘Xyleborus’. Por último están as pragas que afectan á castaña e non ao castiñeiro.

A tinta

A tinta foi a primeira gran doenza dos castiñeiros, é causada por unha especie moi complexa, “pois hai pouco pensabamos que era un fungo, pero agora entendimos que está máis perto das algas que dos fungos pola composición e comportamentos. Agora é considerado un pseudofungo”, sinala Lombardero. Hai indicios de que se orixinou cerca de Papua Nova Guinea e no sudeste asiático. Na península Ibérica, foi detectada en Portugal no século XIX, pero xa na Serra de Gredos, no século anterior, se perderan moitos castiñeiros cos mesmos síntomas descritos posteriormente. En Galicia, estímase que desapareceron preto do 60% dos castiñeiros só na provincia de Lugo por culpa da tinta, un pseudofungo que vai matando ás árbores pouco a pouco. Recoñécese o seu ataque polo decaemento e amarelado da copa, e afecta a moitos vexetais, non só aos castiñeiros. Prevención Como técnicas preventivas, hai que ter en conta unha serie de cuestións á hora de comezar unha nova plantación. En primeiro lugar, empregar plantas libres de patóxenos. Tampouco se deben plantar castiñeiros en zonas que encharquen, que podan ter asolagamentos no solo, pois é un medio moi favorable para a propagación da tinta para infectar ás plantas. En caso de ter algún tipo de asolagamento, deberíase drenar o antes posible. Outra recomendación principal é a de empregar xenotipos tolerantes, como híbridos de castaños europeos con xaponeses ou chineses, o sistema máis común en Galicia desde 1926, se ben non todos os híbridos se adaptan igual. Cómpre ter en conta ademais que canto máis subimos na montaña e fai máis frío, temos menos riscos, especialmente cando ao longo do ano non hai temperaturas mínimas por debaixo de 3º. En casos de risco, recoméndanse técnicas culturais, como a colocación no solo de mantiños ricos en celulosa, que axudan a degradar a tinta, pero implican o perigo das clamidosporas, uns fungos que poden aparecer e xerar problemas. Tratamentos Non existen funxicidas autorizados para o seu uso en campo, pero sí en viveiro, o Fosetil-Al. Para aplicación en campo, estase investigando nun organismo que combata a tinta, como o ‘Trichoderma’, un fungo depredador de fungos, empregado en control biolóxico, que polo de agora non está autorizado no castiñeiro, aínda que si noutros cultivos, nos que xera unha película arredor das plantas que impide a penetración das esporas da tinta.

O cancro ou chancro

A seguinte especie en entrar cronolóxicamente en España e en danos ocasionados, é o fungo responsable do cancro do castiñeiro, o Cryphonectria parasitica, descrito por primeira vez no 1904 en New York, pero orixinario de Asia, desde onde se desprazou debido ao movemento de castiñeiros infectados. O cancro deixou o castiñeiro americano funcionalmente extinto, matando 4.000 millóns de árbores en 50 anos. En Europa detectouse no 1938 en Italia, pero espallouse rápidamente por toda Europa, citándose en Galicia no 1972, aínda que é posible que estivera xa presente no 1938 en Vilamartín de Valdeorras. Os productores, con medo da tinta, comezaron a traer castiñeiros asiáticos inmunes á tinta, pero ao facelo trouxeron o chancro. “Temos a sorte de que o castiñeiro europeo é un pouco máis resistente que o americano, do contrario podería terse extinguido”, subliña Lombardero. A enfermidade recoñécese porque aparecen pólas mortas e a cortiza hincha e adquire unha coloración alaranxada, comezando a rachar. O fungo precisa dunha vía de entrada na árbore como feridas de podas, danos mecánicos, fisuras naturais, etc. A árbore non é capaz de combatir o fungo, o que remata causando a súa morte. Prevención A mellor prevención pasa por desinfectar as ferramentas de poda, eliminar as pólas afectadas e destruir os restos de podas. “Ás veces expandimos o fungo ao podar”, advirte Lombardero, se ben o maior problema son os castiñeiros abandoados que están morrendo e botando esporas. Outro sistema de prevención pasa pola xenética, con cruces híbridos resistentes, vía seguida por Europa. Ou a través de cisxenia e transxenia, introducindo xenes resistentes doutras especies, vía pola que opta Norteamérica. Tratamentos Como método curativo, é posible aplicar cepas hipovirulentas pertencentes ó mesmo grupo de compatibilidade vexetativa (ECV). Son cepas do fungo afectadas por un virus, con cancros superficiais de crecemento lento. Con estas cepas hipovirulentas, en Galicia existe un programa de control biolóxico experimental levado a cabo por Medio Rural, no que, dependendo do tipo de grupo de compatibilidade vexetativa, inocúlanse as cepas hipovirulentas.

A avespiña

A avespiña do castiñeiro é un insecto orixinal de China que se converteu na principal praga do castiñeiro a nivel mundial. Detectouse en Europa no 2002, en España no 2012 e en Galicia no 2014. Ataca a todas as especies e híbridos do castiñeiro, é moi fácil de recoñecer polas bugallas nas follas, estípulas, flores e xemas, adquirindo aspecto transparente. Causa reducións na produción de castaña entre o 40-80%, reducións do crecemento e predisposición a outras patoloxías. A súa abundancia non é homoxénea, existindo puntos críticos e puntos sen actividade. Canta máis calor e menos chuvia, máis a atopamos. Cando chega a un souto, vai facendo grupos, parece que comeza colonizando as árbores máis altas e despois vai pasando ás anexas, sen importar a especie ou híbrido, iso si, existen 7 xenotipos de híbridos (os clons comerciais números 3, 88, 89, 110, 324, 334 e 90.025) nos que os ovos non medran ben, polo que se consideran inmunes á praga. Isto débese á reacción hipersensible da árbore, pola interferencia hormonal da planta cos ovos do insecto, facendo que a planta, nunha sorte de acto autoinmune mate as partes con ovos, o que fai que os ovos non sobrevivan e os castiñeiros queden marcados estéticamente con partes necrosadas, pero que non afectan á saude xeral da planta. As avespiñas non teñen preferencia polos castiñeiros con cancro, pero é certo que é un problema que adoita favorecer o crecemento das avespiñas debido ao maior nivel de taninos na planta, substancia que nutre ao insecto e é un síntoma do cancro. Sistemas de control A mellor forma de controlar a avespiña é destruindo bugallas infectadas se non houbo solta de parasitoide. Se este foi liberado, como xa ocorreu en toda Galicia, haberá que manter as ramiñas finas de poda na parcela cas bugallas vellas para permitir a emerxencia de ‘Torymus’, e por suposto evitar mover partes de zonas infectadas a zonas sas. Actualmente, os danos e a poboación do insecto están en descenso e hai motivos para pensar que estes niveis van seguir baixando. As dúas especies nativas: ‘Antracnose’ e ‘Xyleborus dispar’.

Antracnose

A Antracnose do castiñeiro é un fungo que se considera secundario, pero que en anos de humidade pode causar danos importantes. Tamén afecta aos carballos e frondosas. Recoñécese fácilmente polas manchas necróticas nas follas, rodeadas sempre dunha mancha amarela, que van crecendo coa expansión do fungo, pasando a ser follas non funcionais para a planta. Os anos chuviosos e temporados favorecen a súa aparición e propagación, así como a pouca ventilación de copas. Prevención O mellor sistema de prevención é que as masas estean dispersas e ventiladas, pois iso reduce a infección das follas novas e acelera a descomposicion de follas no chan. Tamén se recomenda recoller e queimar as follas caídas afectadas ou compostalas. Non existe ningún produto rexistrado para o tratamento desta enfermidade.

‘Xyleborus dispar’

O ‘Xyleborus dispar’ pertence a un tipo particular de insectos escolítidos. Aparecen en coníferas, pero máis en frondosas. Facil de recoñecer, fai uns orificios moi pequeniños na árbore, xeralmente de cor escura, polos que sae un serrín blanco moi fino, casi como fariña, e se levantamos a madeira veremos as galerías de cor escura. Se aparece é que pasou algo nesa planta, xeada, seca, encharcamento, danos mecánicos, mal inxerto… O insecto detecta unha situación de estrés na planta e aprovéitaa. Prevención As mellores técnicas preventivas consisten en favorecer o vigor da masa, manter os solos húmidos durante os picos de voo do insecto, eliminar plantas susceptibles de ser infectadas ou cortar e destruír ramas ou árbores afectadas, retirando a madeira cos individuos no interior. Funcionan tamén moi ben as trampas con alcohol ao 50%. Con dúas trampas por hectárea pode chegar como prevención, pero se queremos reducir a poboación, teríamos que ir ata 8 trampas por hectárea. O insecto ten tamén inimigos naturais e nunca se recomenda un tratamento químico, xa que está no interior da árbore ou voando a maioría do tempo.

Pragas da castaña

Entre as pragas da castaña, destacan tres mariposas e dous escarabellos, existindo gran descoñecemento sobre os fungos que tradicionalmente atacan a castaña. Nos últimos anos obsérvase unha gran diversidade de danos. Repasamos algúns dos problemas principais.
  • Cydia splendana’, larva blanquecina e alongada de mariposa que estraga o froito. Presenta unha xeración anual, voan entre agosto e outubro e poñen os ovos na cara das follas. As larvas penetran no froito e desenvólvense en tres semanas, saindo por un orificio de saída de menos de 2 mm e enterrándose no chan, onde se transforman en adultos. A mellor prevención é limpar o solo, retirando os ourizos atacados antes de que o insecto se enterre (o antes posible desde que os ourizos caen da planta ao chan, pois en tres semanas os vermes pasan do froito ao chan). Non existen productos químicos rexistrados contra esta especie, pero si unha trampa con feromona sexual sintética que pode reducir as poboacións.
  • Curculio elephas’. É un insecto, non mariposa, que ten un comportamento moi similar, pero a larva é curvada en forma de C, sen patas, máis ancha, e o orificio de salida é maior de 2 milímetros. As medidas de control son as mesmas que para ‘Cydia’, pero sen as trampas con feromonas.
  • A ‘Gnomoniopsis’ é un fungo que está presente en varios países de Europa, Asia, Australia e América, pero non se coñece moito sobre esta especie de ascomiceto, que causa podremia dos froitos e do endospermo , cancros e necrose nas pólas, con danos de importancia variable. Existen técnicas de calor para combatilo, pero deteriora a calidade do froito.

Ciclo de conferencias Luis Asorey sobre o castiñeiro

As XXXIV Xornadas Luis Asorey son un foro de divulgación científica celebrado no salón de actos da Deputación de Lugo, do 13 ao 22 de novembro. Están conformadas por unha serie de charlas, que se ofrecen de 19 a 21h, e este ano pódense seguir por streaming a través de YouTube. Estas xornadas están coordinadas por Antonio Rigueiro, do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo e Académico Numerario da Real Academia Galega de Ciencias.

Medio Rural anuncia 7 proxectos piloto de agrupacións de xestión conxunta en soutos de castiñeiros

A situación dos soutos e da produción de castaña preocupa en Galicia, pois os produtores galegos confirmaron unha caída importante na campaña en curso. Ante isto, dende o PSdeG preguntaron na comisión de Agricultura do Parlamento que axudas percibirá o sector polas perdas desta campaña e cando se establecerían. Dende o Goberno aseguran que “xa hai axudas necesarias para darlle pulo necesario ás xestións dos soutos e ás plantacións de castiñeiro” e recalcan que están a promover un plan piloto de traballo para as agrupacións forestais de xestión conxunta, das que se van lanzar sete proxectos piloto en soutos de castiñeiros. Na Comisión de Agricultura, a deputada socialista Carmen Rodríguez expuxo a situación do sector da castaña e afirmou que “foron cinco anos terribles para a produción”. Destaca que este produto supón unha “importante inxección económica para cooperativas e empresas, e tamén complementar as rendas das familias e pensionistas do rural”. Ante isto, dende o grupo socialista consideran que debería haber un plan de xestión “e de maneira urxente desenvolver e aplicar novas vacinas para o cancro do castiñeiro, adaptadas ás condicións das comarca, ademais de axudas directas ao sector da castaña para compensar as perdas desta campaña con fondos propios”. O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan Rodríguez, puntualizou que “inicialmente hai axudas necesarias”, aínda que “estamos de acordo co diagnóstico respecto ao estado sanitario dos soutos”. Expuxo que na primeira revisión do Plan forestal de Galicia, propuxeron a elaboración dun Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña, que se aprobou en 2022 e que contén cinco eixes de fundamentais con 36 actuacións, das que 21 son prioritarias e que se están a desenvolver entre os anos 2022 e 2025. “Nesas liñas urxentes está estase a intensificar o desenvolvemento de programas de medidas de control fitosanitario, dándolle especial prioridade á loita contra os perforadores da castaña, así coma o control do cancro con cepas hipovirulentas”. Así mesmo, destaca que en todo este problema “é fundamental a xestión dos soutos”. Rodríguez Dacosta recalcou que dende o grupo socialista están a favor do programa de recuperación dos soutos, pero “segue a ser preciso outra liña de axudas”. En canto ao programa de recuperación dos soutos, Chan Rodríguez explica que está desenvolvendo un plan piloto para agrupacións forestais de xestión conxunta. Contan con 7 zonas elixidas por diferentes características e que están nas catro provincias. Servirá para “fixar as ordes de axuda para facilitar a creación destas figuras”. A través das entidades ofrecerase a posibilidade de establecer un convenio coa Consellería para fixar modelos de xestión e recuperación dos soutos de castiñeiro e tamén facilitar novas plantacións de castaño con variedades axeitadas e valoradas polas empresas de comercialización do sector da castaña. “Son sete espazos con 350 hectáreas que nos permiten ver as problemáticas que hai nos soutos e loitar contra o problema estrutural da propiedade”. https://www.campogalego.gal/o-souto-de-vilar-en-folgoso-courel-recuperase-dos-lumes-traves-dunha-agrupacion-forestal-de-xestion-conxunta/

Xornadas sobre os soutos de castiñeiros en Lugo

A plantación de castiñeiro e a explotación do seu froito, a castaña, así como outras posibilidades desta árbore, serán expostas na cidade de Lugo nun conxunto de conferencias que se desenvolverán no pazo da Deputación en San Marcos. Estas conferencias están enmarcadas nas XXXIV Xornadas Luís Asorey que este ano tratarán sobre o castiñeiro baixo título “Os soutos de castiñeiros: ecosistemas multifuncionais”. As diferentes xornadas estenderanse desde o luns 13 até o mércores 22 de novembro en horario de 19:00 a 21:00 horas. A asistencia a estes encontros é gratuíta previa inscrición neste enlace, ademais de estaren recoñecidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como actividade de formación do profesorado non universitario. As xornadas comezarán o luns 13 de novembro, a partir das 19.00 horas, co relatorio ‘Os soutos de castiñeiros como sistemas agroforestais’, a cargo do catedrático e profesor emérito do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Antonio Rigueiro. O martes día 14, tratarase o tema “Sanidade do castiñeiro e da castaña” a cargo de Fina Lombardero Díaz, profesora titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Lugo. O mércores 15 de novembro, baixo o título “Creación de soutos mansos e plantación de castiñeiros para madeira. Tratamentos culturais e silvícolas”, o profesor titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, Roque Julio Rodríguez Soalleiro, falará sobre as posibilidades do castiñeiro para a industria madeireira. O 16 de novembro, xoves, impartirase a palestra “Conservación dos recursos xenéticos do castiñeiro: clons híbridos, cultivares tradicionais, ábores monumentais”. O relator será Julio Fernández Lorenzo, tamén titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría. Para o luns 20 de novembro o tema será “Material vexetal na produción de castaña. Aplicación de mellora xenética do castiñeiro”. Esta presentación será conducida por Beatriz Míguez Soto, do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) da Consellería de Medio Rural. A continuación, o martes 21 de novembro, Jesús Quintá García, xerente da empresa Alibós e presidente da Indicación Xeográfica Protexida 'Castaña de Galicia', falará sobre “Comercialización e industrialización da castaña. A Indicación Xeográfica Protexida 'Castaña de Galicia'”. Por último, o mércores 22 de novembro, José Luis Chan Rodríguez, Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, da Consellería de Medio Rural, tratará o “Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña”.

Taller práctico de enxerta de castiñeiros en Riós

Riós acolle este xoves 21 un taller práctico de enxerta de castiñeiros. A actividade diríxese a tódolos produtores de castaña, de cara a que aprendan a escoller as variedades máis axeitadas para as súas zonas e a executar de xeito correcta os traballos de enxerta. O obradoiro será impartido por Miguel Ángel Vázquez de la Mata, do viveiro Castanea Sativa, en horario de 15.30 a 19.30 h. A ubicación do obradoiro será nesta parcela: 42°00'15.2"N 7°16'43.5"W As pre-solicitudes para asistir pódense tramitar na oficina virtual de Medio Rural. Organiza o Servizo de explotacións agrarias de Ourense. Pódese pedir máis información no email jose.manuel.novoa.blanco@xunta.gal ou no teléfono 988 386 516.

Obradoiro de poda de castiñeiro para a produción de castaña

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) desenvolverá este sábado 1 de xullo un curso práctico sobre poda de castiñeiro para a produción de castaña. A actividade, que se desenvolverá no Monte Demostrativo do Pico Sacro (Boqueixón, A Coruña), busca promover un correcto manexo das plantacións de castiñeiro orientadas a froito. Esta actividade é gratuíta e será impartida por persoal técnico de longa traxectoria e experiencia na poda de soutos destinados á produción de castaña. Desenvolverase en xornada de mañá, a partir das 10 horas no Monte demostrativo do Pico Sacro (Boqueixón). Todas aquelas persoas interesadas en asistir deberán poñerse en contacto previo coa oficina da AFG en Santiago (teléfonos 981 564 011 e 618 752 214, correo electrónico: afg@asociacionforestal.org). O obradoiro de poda continúa así a liña de traballo que vén desenvolvendo o Monte Demostrativo do Pico Sacro desde o 2018. Entre outras actividades, o Monte xa acolleu demostracións prácticas de plantación de frondosas, de poda de castiñeiro e nogueira para a produción de madeira, un obradoiro de poda e rareo de carballo americano ou unha demostración de recollida mecanizada de castaña, entre outras actividades.

Xornada final do proxecto GreenCastanea, orientado a innovar no cultivo do souto tradicional

O proxecto piloto GREENCASTANEA celebra o seu evento final na sede de Hifas Foresta, Pontevedra, o vindeiro xoves 1 de xuño, ás 10:00h. Representantes das cinco empresas galegas participantes explicarán os traballos e resultados obtidos na produción de castaño micorrizado mediante cultivo in vitro con Boletus edulis. Ademais, os asistentes presenciais poderán gozar dunha visita guiada polas instalacións e viveiros de Hifas Foresta. GREENCASTANEA xurdiu en 2021 co obxectivo de implementar un sistema novo, eficiente e sostible para mellorar a rendibilidade do “souto” tradicional galego. Para conseguir isto, aplicáronse técnicas biotecnolóxicas como o cultivo in vitro, a micorrización, a termohidroterapia ou a selección clonal e identificación molecular, entre outras. Esta iniciativa pioneira sitúa a Galicia á vangarda da innovación, constituíndo un ecosistema autóctono, axudando á prevención de incendios e mantendo vivo a contorna rural. Esta xornada contará cos relatorios de representantes das cinco entidades que integran o proxecto, Hifas Foresta, a Universidade de Vigo, IXP Castaña de Galicia, Soutos Sativa e FEUGA, que explicarán como conseguiron levar a cabo os obxectivos e que resultados obtiveron tras a aplicación das técnicas biotecnolóxicas. Finalizados os relatorios, as persoas que asistan de maneira presencial poderán gozar dunha visita demostrativa polas instalacións de Hifas Foresta, onde se explicarán algunhas das actividades relacionadas co proxecto, así como diferentes sistemas de produción de plantas de castiñeiro e cultivo de fungos empregados pola empresa. Cando: xoves, 1 de xuño, ás 10h. Onde: Presencial en Hifas Foresta, Pontevedra, e en liña, vía Teams. Duración: 3 horas Inscricións gratuítas: https://forms.office.com/e/HLXdStsbDj GREENCASTANEA está financiado pola convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estrucuturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes e prevención e defensa dos incendios forestais.

Curso en Moeche sobre froitos alternativos: soutos, maceiras e arandos

A Oficina Agraria Comarcal de Ferrol acollerá dende o 27 de xuño un curso de formación e adquisición de competencias sobre as diferentes alternativas aos minifundios e as producións de froitos alternativos aos principais cultivos. A acción formativa levarase a cabo ata o 9 de xullo e terá unha duración total de 45 horas ao longo de 7 días, con horarios tanto de mañá coma de tarde.

O obradoiro aborda aspectos teóricos e prácticos sobre diferentes áreas de coñecemento relacionadas co sector forestal, o minifundio e o aproveitamento de soutos, maceiras e plantacións de arandos, incluíndo unha serie de viaxes os días 2 e 9 de xullo a diferentes tipos de producións forestais. Esta iniciativa está dirixida ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, e tamén ás persoas con expectativa de incorporación, en concreto a xuventude do medio rural.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Consellería do Medio Rural), a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende mostrar solucións e alternativas ao minifundio, ademais de dar a coñecer cultivos alternativos ás principais especies forestais coma os arandos, as mazás de sidra ou as castañas, e que os participantes adquiran coñecementos para saber aproveitalos.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse nesta web. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico, comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 981 33 70 49, ou enviarse un correo a oac.seca.ferrol@xunta.gal.

Recomendan retirar dos soutos os ourizos afectados por fungos

Os soutos de castiñeiros víronse afectados esta campaña por unha serie de fungos que mermaron a produción de castaña. O aumento da incidencia de fungos nas árbores especúlase con que está relacionado cun verán atípico, con alta humidade e condicións de temperatura e falta de vento que favoreceron o desenvolvemento de enfermidades. A Consellería do Medio Rural vén de emitir un aviso fitosanitario sobre o problema, tras analizar os complexos fúnxicos presentes nos soutos afectados, principalmente no sureste de Ourense. Da análise dos fungos, realizada polo Laboratorio Fitopatolóxico de Areeiro, despréndese que un dos principais ataques débese ó fungo ‘Gnomoniopsis smithogilvyi’. O seu impacto máis notorio no castiñeiro é que deixa os froitos secos e os ourizos sen desenvolver, pudendo caer de xeito prematuro. Xunto a este fungo, detectáronse outros máis habituais, como ataques de antracnose en follas. En conxunto, estas enfermidades fúnxicas, unidas á praga da avespiña do castiñeiro, insectos minadores e a outras ameazas, poden afectar seriamente á saúde das árbores, reducindo a súa vitalidade e minguando as producións de castaña. Medio Rural vén de emitir un aviso fitosanitario no que, tendo en conta os sistemas de reprodución do fungo, recomenda retirar os ourizos afectados do solo, así como os restos de castiñeiro caídos sobre o chan. O obxectivo é sanear o entorno dos soutos no posible para que na próxima campaña se produza unha menor incidencia de enfermidades fúnxicas. Síntomas na madeira A maiores dos danos sobre os froitos, a ‘Gnomoniopsis’ pode producir danos sobre a madeira en forma de cancros. Son cancros que se diferencian visualmente dos do chancro do castiñeiro, causados por ‘Cryphonectria parasitica’, xa que mentres estes teñen unha cor máis laranxa, os do novo fungo son máis avermellados e escurecen ata negro co paso do tempo. Tras detectarse a forte incidencia de ‘Gnomoniopsis’, a Consellería incide en que se están a estudar posibles medidas contra a enfermidade, como pode ser a busca de pés de castiñeiro resistentes á doenza, de cara a incluílos no programa de mellora xenética da especie, ou o uso de determinadas bacterias e fungos que poidan actuar como antagonistas da enfermidade. Medio Rural anuncia tamén que a partir de inicios do 2022 incorporará 28 novas parcelas de castiñeiro a rede de vixilancia da saúde dos soutos galegos, na que ata o de agora había 13 enclaves. Chancro do castiñeiro En canto ós pés afectados por chancro do castiñeiro, Medio Rural está desenvolendo desde hai anos un programa de inoculación de pés afectados. Calquera propietario pode solicitar participar no programa a través do seu Distrito Forestal ou Oficina Agraria Comarcal máis próxima. Tamén pode escribir directamente ó correo electrónico sanidadeforestal.cmrm@xunta.gal.

Curso sobre alternativas de xestión ó minifundio forestal en Camariñas

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a vindeira semana no Centro de Iniciativas Empresariais de Camariñas un curso sobre alternativas de xestión ao minifundio forestal. A formación será impartida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural entre o mércores 13 e o sábado 23 de outubro en horario de mañá, cun total de 44 horas formativas distribuídas en sete xornadas. O obxectivo da iniciativa é amosar as posibilidades que ofrece o asociacionismo como solución ao minifundio, ademais de dar a coñecer cultivos alternativos ás principais especies forestais, como poden ser os arandos, as mazás de sidra ou as castañas. Nesa liña, pretenden proporcionar ós participantes coñecementos técnicos e profesionais precisos para establecer algún destes aproveitamentos. O programa inclúe contidos sobre a situación do sector forestal en Galicia e sobre a xestión forestal conxunta, ademais de especificidades sobre os cultivos mencionados. En relación ao castiñeiro, falarase de tratamentos silvícolas e de canles de venda da castaña, ademais de facerse unha análise económica deste tipo de aproveitamento. No que se refire ás maceiras para sidra e aos arandos, tratarase a xestión destas plantacións e tamén os aspectos comerciais de interese. Nesa dirección, a formación concluirá cunha visita a unha produción forestal froiteira, para que os alumnos poidan comprobar en campo os coñecementos adquiridos. A acción están dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego. As persoas interesadas poden anotarse descargando aquí a solicitude de asistencia, que deben remitir cuberta ó enderezo electrónico ana.suarez.samaniego@xunta.es. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 881 997 285. O curso inclúese no programa de formación non regrada de Agacal e dentro do Plan de formación continua 2021, co que a Xunta busca incrementar a competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de accións formativas.

Consulta aquí outros cursos incluídos no Plan de accións formativas da Consellería de Medio Rural para o 2021

Curso sobre deseño de plantacións de castiñeiro de froito en Touro e San Cibrao das Viñas

Medio Rural desenvolverá a próxima semana dous cursos sobre a planificación e deseño das plantacións de castiñeiro para froito. As accións desenvolveranse o luns 13 no concello de San Cibrao das Viñas (Ourense) e o mércores 15 de setembro no de Touro. En San Cibrao, o curso será na escola pública de Souto Penedo en horario de tarde (18 – 22 horas), mentres que o de Touro será na Casa da Cultura en horario de 16 a 20 horas. O obxectivo principal deste curso é planificar as plantacións de castiñeiros en función das zonas e do destino final do produto, ademais de complementar a formación dos produtores de castaña sobre as novidades de investigación, os tratamentos das árbores, as tendencias técnicas e de mercado, entre outros aspectos. Así, o programa terá un apartado sobre a planificación, onde se abordarán as variedades priorizadas de castiñeiros para froito, os principais polinizadores, as condicións óptimas do solo, a orientación das plantacións e os indicadores de vexetación. No tocante ao apartado de repoboación, analizaranse as mellores técnicas de roza, preparación do terreo e replanteo. Na parte de plantación, trataranse aspectos como os portaenxertos e daranse consellos para o correcto cultivo destas árbores. Por último, tamén se abordarán outras recomendacións como o tipo de rego ou fertilizantes a usar. Estas actividades formativas son parte dos cursos programados para este outono por Medio Rural, que se poden consultar nesta web, onde tamén se poden descargar as solicitudes de inscripción pertinentes, que deben enviarse cubertas ó correo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en consultar calquera dúbida tamén poden contactar no teléfono 881 99 72 79.

Pastelería Marisa, a repostería feita coas castañas do Courel

Roberto cunha das bicas de castaña que fai no seu obrador de Quiroga Fai "pastelería rustica". Así é como define Roberto Díaz Mourelo o tipo de doces que elabora no seu obrador de Quiroga. "É a pastelería tradicional galega, que é moi boa pastelería", engade. A súa produción é artesá e a súa filosofía, "tirar polas materias primas da zona". "A miña idea de negocio aquí é buscar produtos típicos do val de Quiroga e de Galicia. Eu son anticakes e gústame tirar polas materias primas da zona e a castaña é unha das estrelas da serra do Courel. Levo 20 anos facendo madalenas de castaña", conta. Roberto ten tamén outra máxima para prestixiar este tipo de produtos: vender unicamente aquilo que el elabora. Por iso en Pastelería Marisa non hai ovos Kinder nin se mesturan os produtos artesáns que saen do obrador con produtos industriais. "A miña filosofía é facer todo aquí. Se non o fago, non o vendo. Eu non teño á venda donuts nin chucherías, só o que eu elaboro", explica.
Prefire ver as súas estanterías máis baleiras antes que enchelas cun pupurrí de produtos industriais
O seu establecemento está situado no centro de Quiroga, en pleno Camiño de Santiago, xusto enfronte do albergue de peregrinos e, seguramente, tería oportunidade de vender outro tipo de doces e lambonadas, pero prefire manterse firme á súa idea e ver só nos seus estantes aqueles produtos dos que pode garantir a calidade antes que enchelos cun pupurrí de artigos máis comerciais.

Os sabores tradicionais

Nas bicas e madalenas empregan fariña de castañas producidas na serra do Courel Roberto formouse como pasteleiro en Barcelona, cuna dos ovos de Pascua e do chocolate, pero de volta a Galicia reconvertiuse aos produtos propios para adaptarse aos gustos da clientela local. "Gústame traballar o chocolate, pero nesta zona non ten moita demanda nin moita saída. Nós fómonos adaptando ao cliente. En 30 anos vas vendo os gustos da xente, que tamén van cambiando, pero os sabores tradicionais perduran", asegura.
"En 30 anos vas vendo os gustos da xente, que tamén van cambiando, pero os sabores tradicionais perduran"
Aínda que tamén fan outro tipo de pastelería convencional por encarga, como tartas ou brazos de xitano para as festas, e tamén produtos de tempada para festividades concretas, como turrón artesán polo Nadal, roscón de Reis, distintos doces de Entroido ou buñuelos pola Semana Santa, do obrador de Pastelería Marisa sae, sobre todo, pan, empanadas e produtos de repostería tradicional.
"Gústame traballar o chocolate, pero nesta zona non ten moita demanda nin moita saída"
A gama de elaboracións inclúe roscóns, madalenas e bicas caseiras. No caso das madalenas e das bicas hainas con e sen fariña de castaña pero son, sen dúbida, as feitas a base de castaña seca moída o verdadeiro sinal distintivo de Pastelería Marisa nos últimos anos e a súa aposta por innovar recuperando os sabores propios do lugar.

Materia prima local

Hai un ano pecharon o espazo de cafetería que tiñan para poder ampliar o obrador Roberto coida que a materia prima sexa tamén da zona. Por iso as castañas para a bica e as madalenas son dun produtor do Courel ou a carne para as empanadas dun gandeiro de San Clodio. A comercialización tamén é local. Para o pan fan reparto a diario polas casas das aldeas máis próximas e lévano tamén aos supermercados de Quiroga, O Barco e A Rúa, pero a repostería só a venden na tenda do obrador.
"Facemos según vendemos para que sexa todo o máis fresco posible. Nós non almacenamos produto"
Garanten deste xeito a calidade e frescura das súas bicas, madalenas e roscóns. "Nós non almacenamos produto. As madalenas de castaña, por exemplo, facémolas todas as semanas e outro tipo de pasteis por encarga das fins de semana cócense no día que a xente os vén buscar", explica.
"Ás bicas non lles botamos ningún conservante e duran 21 días"
No caso das madalenas, as bicas e os roscóns tamén adaptan a produción á demanda do momento. "Non é o mesmo no verán ou no inverno. Facemos según vendemos para que sexa todo o máis fresco posible", destaca. Non empregan tampouco conservantes que alonguen artificialmente a vida dos produtos. Aínda así, as bicas, por exemplo, consérvanse en perfectas condicións durante tres semanas, o que facilitaba que en épocas vacacionais como o verán houbese emigrantes ou turistas que as levasen de volta aos seus lugares de residencia.

Elaboración artesá

Un día á semana fan tamén pan de mestura de trigo e centeo Alén da materia prima, outra das características que distingue aos produtos de Pastelería Marisa é a feitura. Son procesos artesáns, tanto no caso do pan e as empanadas coma dos doces. "A bica é laboriosa, porque no amasado hai que ir engadindo os ingredientes pouco a pouco (leva manteiga, azucre, ovos, formento de pan, fariña de trigo e fariña de castañas do Courel) e no forno é media hora de coción", detalla Roberto.
"Eu son sobre todo pasteleiro, o do pan veu despois"
No caso do pan, un día á semana (os xoves) fan pan de mestura (trigo e centeo) e o resto dos días só de trigo. A diario son unhas 120 barras de 300 gramos e uns 150 bolos de medio quilo os que fan, aínda que as fins de semana ou nos meses de verán acostuman dobrar estas cifras.
"Aquí o pan toda a vida se fixo con formento, o de chamarlle masa nai é un invento moderno que me fai graza"
Aos bolos Roberto chámalles pepas, acrónimo de "pan elaborado por artesán", aínda que aclara que el se considera reposteiro máis ca panadeiro. "Eu son sobre todo pasteleiro, o do pan veu despois", di. Con todo, o pan tamén é feito neste obrador co mesmo mimo e esmero que lle poñen aos doces. "O noso pan é todo feito no día, de maneira artesá e respectando os tempos de repouso necesario. Entre que amasamos até que vai ao forno 4 ou 5 horas non llas quita ninguén", conta.

Formación con Matías Loureiro en Sarria e no Gremio de Barcelona e 32 anos de actividade

Roberto coa súa nai diante do forno onde fan o pan e os doces Pastelería Marisa débelle o seu nome á nai de Roberto, que puxo a andar o negocio no ano 1989. Roberto, que daquela tiña 15 anos, axudaba, pero os horarios eran pouco compatibles coa adolescencia. "Daquela a min o oficio non me gustaba pero a miña nai mandoume a traballar un ano a Sarria a xunto de Matías Loureiro. Alí aprendín moito e foi onde me enganchei á pastelería", recoñece.
Marisa, a nai de Roberto, puxo a andar o negocio cando el tiña 15 anos
Logo do paso por esta histórica confitería, aberta nos anos 20 e pechada no 2004, Roberto, xa co gusto no corpo, comezou a ir a cursos e a formarse. Fixo primeiro un ano de cociña en Sober, na Escola de Hostalaría da Fundación Belarmino Fernández e logo outro ano na Escola de Restauración e Hostalaría de Vilamarín, en Ourense. Para especializarse marchou logo a Barcelona, onde estivo dous anos estudando na Escola de Pastelería do Gremio de Barcelona. "Alternaba traballo e estudos, neses dous anos estiven en 8 pastelerías porque me interesaba ver moitos sitios para aprender", conta.
O paso pola histórica confitería de Matías Loureiro en Sarria e os 2 anos que botou na Escola de Pastelería do Gremio de Barcelona marcaron a súa traxectoria formativa
Cando voltou da cidade condal colleu durante 4 anos unha pastelería en Ponferrada mentres a súa nai seguía co negocio en Quiroga. Faltáballe o pan, así que Roberto estivo logo dous anos nunha panadaría tamén en Ponferrada antes de volver para facerse cargo do establecemento da súa nai. "Foi entón cando decidín coller a pastelería familiar e darlle un empurrón ampliando o negocio e diversificando", indica. Hoxe ademais de Roberto en Pastelería Marisa traballan dúas persoas máis, cun reforzo a maiores as fins de semana. Até o ano pasado tiñan tamén cafetería e daban almorzos, pero decidiron pechar este espazo para poder ampliar o obrador e centrarse en producir. "Foi unha decisión acertada pero difícil de tomar. Agora podemos elaborar máis cousas e temos o espazo diferenciado onde facemos os pasteis, onde facemos o pan e onde facemos as empanadas", explica.

Cursos sobre a xestión de soutos de castiñeiros para froito

O manexo dos castiñeiros para froito centran tres cursos programados esta semana, todos eles de carácter gratuíto pero con inscripción previa obrigada. Repasamos a continuación as distintas actividades:

Curso sobre planificación e deseño das plantacións de castiñeiro de froito (Sober)

Desenvolverase na Casa de Cultura de Sober o martes 3 de agosto en horario de 10 a 14 horas. Está organizado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). O obxectivo da xornada é abordar as características das plantacións segundo a zona e o destino final do produto, así como informar sobre tratamentos para as árbores, tendencias de mercado e outras cuestións de interese para os produtores. O programa da xornada ten un apartado sobre a planificación, onde se abordarán as variedades priorizadas de castiñeiros para froito, os principais polinizadores, as condicións óptimas do solo, a orientación das plantacións e os indicadores de vexetación. No tocante ao apartado de repoboación, analizaranse as mellores técnicas de roza, preparación do terreo e replanteo. Na parte de plantación, trataranse aspectos como os portaenxertos e daranse consellos para o correcto cultivo destas árbores. Por último, tamén se abordarán outras recomendacións como o tipo de rego ou fertilizantes a usar neste tipo de plantacións. Os interesados en anotarse ao curso poderán poñerse en contacto coa Axencia Galega de Calidade Alimentaria a través do teléfono 881 99 72 79 ou no enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal.

Curso sobre nocións básicas para o aproveitamento dos soutos (Mazaricos)

O local social de Lugarnovo (Mazaricos) acolle este venres 6 de agosto un curso sobre nocións básicas para o aproveitamento dos soutos. A actividade, que se desenvolverá en horario de 16.30 a 20.30 horas, abordará diversos conceptos como a comercialización, a gama de produtos, os circuítos de venda, a industrialización ou os mercados, así como os modelos de xestión, as variedades priorizadas, as pragas ou os programas de loita. Os interesados en anotarse ao curso poderán poñerse en contacto coa Axencia Galega de Calidade Alimentaria a través do teléfono 881 99 72 79 ou no enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal.

Curso de técnicas de poda de castiñeiro para a produción de castaña (Boqueixón)

Dentro das actividades formativas do Monte demostrativo do Pico Sacro, a Asociación Forestal de Galicia organiza un taller de poda de castiñeiro para a produción de castaña. O taller é gratuíto, será impartido por unha persoa experta na poda de castiñeiro para froito e terá lugar este venres 6 de agosto ás 17:00 horas no Monte demostrativo do Pico Sacro (Boqueixón), de acordo co seguinte programa: 17:00 h - 17:30 h: Sesión teórica • Os fundamentos da poda • Ferramentas manuais e mecánicas • Precaucións sanitarias e desinfección das ferramentas de poda 17:30 h - 19:30 h: Sesión práctica • Poda de formación • Podas de frutificación ou produción • Podas sanitarias Todas aquelas persoas interesadas en asistir deberán comunicalo previamente á oficina da Asociación Forestal de Galicia en Santiago (teléfonos 981 564 011 e 618 752 214, correo electrónico: afg@asociacionforestal.org).