Archives

“É preciso profesionalizar a produción de castaña en Galicia”

Galicia conta coa industria da castaña máis importante de España, con empresas tanto de primeira como de segunda transformación da castaña que compiten a nivel mundial, xa que teñen clientes en máis de 30 países. Cada ano, comercialízanse dende Galicia entre 15 e 20 millóns de quilos de castaña, porén o problema é que na actualidade só uns 5 millóns de quilos son castañas producidas nos soutos galego. “Debemos profesionalizar a produción da castaña en Galicia para que o sector continúe a ser punteiro a nivel nacional e internacional”, reivindica Jesús Quintá, presidente da IXP Castaña de Galicia e xerente de Alibós Galicia, a principal empresa encargada da primeira transformación da castaña, non só en Galicia senón en toda España. Quintá explicou nas XXXIV Xornadas Luís Asorey, celebradas recentemente en Lugo, algunhas das claves para comprender a situación e os retos que se lle presentan ó sector da castaña na actualidade.

A comercialización da castaña

Desde os anos 40, dende Galicia e outros puntos de España exportábase gran cantidade de castaña a Sudamérica, pero, nos últimos anos, os países latinos deixaron de importar castaña e só se mantén a demanda en Brasil, aínda que tamén deixou de ser un cliente de España e agora importa castaña de Portugal. “Só no Nadal, en Brasil consumen máis de 3.000 toneladas de castañas”, indica Quintá. A comercialización da castaña galega está marcada pola industrialización do sector, que comezou nos anos 60 da man de empresas como Cuevas, que comezou a pelar castaña en Ourense. Isto supuxo un gran cambio, posto que de consumirse de xeito local, á marxe das exportacións que se viñan facendo a América, así como a cidades como Madrid, Barcelona ou Bilbao, abriuse unha nova vía de comercialización da castaña.
Os asadores das grandes cidades, tanto españolas como europeas están a ser un dos principais destinos das castañas galegas que se venden en fresco
Hoxe en día, a comercialización da castaña en España está dirixida a tres circuítos: en fresco, tras unha primeira transformación ou en produtos elaborados nunha segunda transformación. O 50% da castaña galega consúmese en fresco. Unha parte consúmese en Galicia, outra destínase ós mercados centrais de cidades como Barcelona ou Madrid, de onde se distribúe a pequenas tendas e outra parte véndese nos supermercados. “A maior parte das castañas en fresco que se venden en España, comercialízase nos asadores, e cada vez máis cantidade ten este destino”, explica Quintá. Dende o inicio da campaña ata mediados de novembro comercialízase neste mercado nacional, mentres de novembro en adiante destínase á exportación. Outra gran cantidade de castaña destínase á primeira transformación, é dicir, castaña que se pela e é seleccionada. “O proceso de pelado da castaña é probablemente un dos procesos máis complicados que hai, por iso non hai moitas fábricas de pelado”, explica Quintá, xerente de Alibós, a principal industria de primeira transformación de castaña de España. Unha vez pelada e conxelada, a castaña comercialízase embolsada en distintos tamaños, que se distribúe en supermercados de todo mundo. “En España temos feito probas, pero non se consume a castaña así, mentres que si ten saída para a hostalería”, explica Quintá.
A castaña galega conxelada consúmese en países como Estados Unidos, Francia, Suiza ou Xapón
Precisamente un dos destinos desta castaña conxelada é Estados Unidos, onde hai empresas que empregan a castaña galega para o recheo do pavo que se cea habitualmente en Acción de Grazas. Francia, Suiza e Xapón son outros dos principais destinos da castaña galega conxelada e pelada. Tamén se comercializa a castaña en grandes envases para os clientes que transforman a castaña e a empregan como ingrediente doutras preparacións, como os purés ou cremas en Francia ou acompañamentos de carnes noutros países. De cara o Nadal, tamén en Francia se emprega a castaña para recheo do pavo, un dos principais pratos nestas celebracións. “Nos supermercados franceses, ter castaña para o Nadal é un reclamo, xa que ás veces é difícil conseguilo, xa que queda desabastecido o mercado”, explica. O destino da castaña galega tras esta primeira transformación é o mercado nacional (11%), así como Europa (51%) e fóra da UE (38%). “É un produto que vai para todo o mundo polo que tiñamos que intentar mimalo máis, producir e tentar que a xente nova se involucre nela”, anima Quintá. Principais destinos da castaña galega trala primeira transformación. Outra parte da castaña que se comercializa en Galicia faise tras unha segunda transformación. En Galicia, algunhas das empresas transformadoras son Cuevas Marrón Glasé, Naiciña ou pequenas iniciativas como Caurelor. Mentres, no resto de España, non se aposta tampouco por esta segunda transformación da castaña. A castaña galega acaba empregándose en países como Inglaterra onde inclúen as castañas en moitos acompañamentos dos seus pratos, así como en Bélxica onde se consume gran cantidade de sopa de castaña. Mesmo se fai cervexa con castaña, en Córcega ou Portugal, ou café de castaña en Xapón.

Castaña para alimentación animal

Dende hai uns anos, unha parte da produción da castaña en Galicia destínase á alimentación animal, como se viña facendo cos porcos cebados nas casas. Todo comezou no 2007 cando dende o sector se fixo un estudo coa Universidade de Santiago para coñecer en detalle o aporte que supuña complementar a dieta con castañas. Ese estudo determinou que incluír castañas proporcionaba unha maior fixación da graxa, así como un sabor máis intenso.
Cada ano Coren merca 4 millóns de kilos de castaña para alimentar ós porcos das súas granxas Selecta
Hoxe unha das empresas motores do sector porcino en Galicia como é Coren consume 4 millóns de quilos de castaña para as granxas Selecta. “Todos os días saen das instalacións de Alibós unhas 15 toneladas de castaña para alimentar estes porcos”, apunta. Os porcos consumen as castañas peladas, a maior parte dela véndenlla conxelada, ben sexa picada ou enteira, así como en fariña.

Como é a castaña de calidade?

“O máis importante na produción de castaña é conseguir lotes homoxéneos, e este é un dos grandes problemas que temos en Galicia”, apunta Jesús Quintá. En Galicia hai 81 variedades de castaña catalogadas e prevese que haxa máis que aínda non foron clasificadas. “O mercado quere unha castaña homoxénea, que poida asar, cocer ou facer purés e que funcione igual e isto en Galicia é moi difícil” explica. Así, as industrias galegas recoñecen que cando teñen que dispoñer dun lote dunha mesma variedade de castaña deben de botar man de zonas produtoras onde hai esa homoxeneidade, coma Portugal, Extremadura ou Chile, xa que en Galicia lles resulta imposible. A calidade do produto e a homoxeneidade son os principais motivos polos que a castaña en Portugal se está a pagar a máis do dobre que en Galicia. “A xente en Galicia pensa que imos buscar a castaña portuguesa porque é máis barata e levan anos pensando iso cando o facemos porque aquí non temos castaña homoxénea, está toda mesturada”, explica Quintá.
“A castaña de mellor calidade está en Galicia, o problema é que está mesturada moitas veces con outra de peor calidade e os mercados agora están a demandar variedades concretas de castaña" (Jesús Quintá, Presidente da IXP Castaña de Galicia)
“A castaña de mellor calidade está en Galicia, o problema é que está mesturada moitas veces con outras de peor calidade e os mercados agora están a demandar variedades concretas de castaña”, valora Quintá. A falta de trazabilidade en canto á variedade de castaña prevén que sexa un dos problemas ós que o sector deba facer fronte. Para considerarse unha castaña de calidade, ademais de contar con lotes homoxéneos, debe ter un sabor doce e unha textura firme. “A Castanea sativa é unha castaña que ten bo sabor, doce e por iso ese olor peculiar dos asadores de castañas”, apunta. Ademais, debe ter unha baixa tabicación, inferior ó 12%. Tamén se busca que haxa certa precocidade, pero que ó mesmo tempo sexa un froito que chegue ó Nadal, xa que é unha época na que en Europa, un dos principais mercados para a castaña galega, se consume moita castaña. “Temos que ter tanto variedades de cedo como máis de tarde, para conseguir que chegue a esas datas. O problema é que se está plantando moita castaña de cedo e se fai calor, coma este ano no mes de setembro, non se consume en fresco”, explica Quintá. O sector procura tamén variedades que permitan unha boa conservación. Segundo apuntan, as variedades tardías amosan unha mellor conservación, de aí que tamén resulten de maior interese. Así, hai castes de Sativa que se conservan máis dun mes, cando noutras variedades acadar estes prazos resulta impensable. Apréciase ademais que as castañas teñan a pel sen defectos e unha boa resistencia a fungos, así como certa facilidade de pelado e resistencia no proceso de desinfectación, un procedemento que se fai a día de hoxe con auga quente, polo que é preciso que tampouco se coza con este tratamento. Estas características son importantes tanto para o consumo en fresco, como para a transformación industrial, en derivados como fariña, purés ou cremas. A elección de variedades axeitadas é unha cuestión na que veñen avogando desde a IXP xa desde hai anos e no 2016 apostaban principalmente por 9 variedades, nas que se centraban as axudas de plantación. Dende a IXP recoñecen que se está a traballar para conseguir esa castaña de calidade e para abordar os retos a nivel sanitario que van xurdindo. “Traballouse moito xa contra o chancro do castiñeiro, tamén contra a avespiña e agora contra os fungos”, explica Quintá. Así, dende a industria levan anos tentando unha maior profesionalización dos produtores e que se fagan plantacións profesionais de castiñeiros, seguindo modelos de éxito como en Francia, Portugal ou Italia, para que as industrias poidan botar man da produción galega.

Listaxe dos beneficiarios das axudas da Xunta para a plantación de 20.800 castiñeiros para froito

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución mediante a cal se destinan preto dun millón de euros para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a mellora de soutos tradicionais. Estas achegas enmárcanse no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España, financiado pola Unión Europea Next Generation EU. Podían ser beneficiarias desta liña aquelas persoas físicas ou xurídicas que foran titulares dos terreos obxecto da subvención; así como as agrupacións forestais de xestión conxunta ou Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. Con todo, dos 69 expedientes aprobados, máis da metade corresponden a propietarios particulares de forma individual. Do orzamento total aprobado o 60,25% corresponde a Lugo; o 16,15% a Ourense; o 13,34% á Coruña e o 10,26% a Pontevedra. Con estas axudas, prevese plantar preto de 20.800 castiñeiros para froito, que contribuirán a reforzar o papel de Galicia como a principal comunidade autónoma en produción e exportación de castañas de España, xa que absorbe máis da metade da produción nacional e unha porcentaxe similar das comercializadoras e industrias de primeira e segunda transformación vinculadas a este aproveitamento forestal. O obxectivo principal destas achegas é fomentar as plantacións de castiñeiro para froito e a rexeneración e/ou mellora de soutos. As actuacións que poden ser obxecto de subvención son, no referido á plantación, aqueles gastos derivados da preparación previa do terreo, a adquisición de planta, o tratamento da vexetación preexistente ou a achega de recursos hídricos. Mentres tanto, no relativo á rexeneración, cubriranse actuacións silvícolas necesarias e as rozas selectivas, que afectarán preferentemente ás especies heliófilas ou aquelas cuxo excesivo desenvolvemento poida comprometer á viabilidade do arboredo ou a biodiversidade das especies do subpiso do souto. Ademais, priorizarase a eliminación do eucalipto, a acacia negra, a mimosa, a falsa acacia e piñeiros. Cabe lembrar que estas axudas enmárcanse no Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, contemplado nos obxectivos da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Nel defínense cinco eixes de intervención cun total de 36 actuacións a levar a cabo entre o 2022 e o 2040 para contribuír á conservación e posta en valor do castiñeiro.

Ligazón á resolución no DOG

Os expertos piden potenciar o sector da castaña en Galicia

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), inaguran este luns, 13 de novembro, as “XXXIV Xornadas Luis Asorey”. Esta edición céntrase en “Os soutos de castiñeiros: ecosistemas multifuncionais”, a través dunha serie de conferencias gratuítas que se desenvolverán entre o 13 e o 22 de novembro no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas. Tamén poderán seguirse a través da canle de Youtube da RAGC. As xornadas están recoñecidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como actividade de formación do profesorado non universitario. O coordinador desta iniciativa é Antonio Rigueiro, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (Universidade de Santiago), presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC. Na inauguración das xornadas intervirán o presidente da Academia, Juan Lema; e o deputado provincial de Lugo Pablo Rivera Capón. Esta primeira conferencia versará sobre os soutos de castiñeiros como sistemas agroforestais. Impartiraa o propio Antonio Rigueiro. O profesor pon de relevo que “Galicia é a comunidade española máis importante en produción e exportación de castañas. Colléitanse anualmente 20 millóns de quilos, dos cales a metade se consomen en fresco e o resto destínase á transformación. Esta produción supón un volume de negocio que supera os 50 millóns de euros unha vez comercializada”. Pero, a pesar desta situación favorable, incide no feito de que “as empresas comercializadoras e a industria da transformación precisan acudir a mercados exteriores para cubrir as súas necesidades, ante a insuficiencia da cantidade e da calidade da castaña recollida en Galicia”. Así, “cada ano impórtanse ao redor de dez millóns de quilos, principalmente de Portugal, o que dá unha idea do potencial que presenta este sector para a nosa comunidade autónoma” -manifesta-. Rigueiro asegura que “en Galicia danse actualmente circunstancias favorables para recuperar este sector”. Nesta liña, destaca o apego e o aprecio que existe no rural por estas árbores -entre outras razóns porque a castaña foi no pasado a principal fonte de hidratos de carbono para a alimentación humana e do gando doméstico-, a experiencia dos veciños no aproveitamento deste froito, a diversidade de variedades da que dispomos, a existencia dunha Indicación Xeográfica Protexida que defende o noso produto no mercado nacional e internacional, a actividade de empresas con experiencia na transformación; así como a existencia de boas condicións xeográficas, climatolóxicas e de calidade dos chans en case toda a rexión. O abandono de boa parte da superficie de castiñeiro débese sobre todo á recesión demográfica e ao envellecemento no rural No outro prato da balanza, o profesor sitúa o abandono de boa parte da superficie de castiñeiro, debido á recesión demográfica e ao envellecemento da poboación no rural, os problemas sanitarios desta árbore (tinta, chancro, avespiña, antracnose, perforadores da castaña...), a atomización da produción (necesidade de asociacionismo) e descoñecemento ou falta de interese polo investimento neste sector. “A castaña ten bo mercado rexional, autonómico e mundial e alcanza bos prezos se se oferta un produto homoxéneo, que pele ben e, preferentemente, de calibre grande. E as nosas castañas son moi apreciadas no mercado nacional e internacional. Ademais, é un aproveitamento que nos permite un retorno do investimento a curto prazo e unha renda anual sen ter que agardar ao remate da temporada, chegando a proporcionar unha taxa de retorno do investimento de até un 12,2% anual” -salienta o experto-. Os soutos como produtores de castañas, madeira, cogomelos e lugares de pastoreo do porco celta Por outro lado, o catedrático engade que os soutos son tamén ecosistemas produtores de cogomelos con interese comercial, como os bolouros (Boletus do grupo edulis) e as cantarelas (Cantharellus spp.). E algunhas variedades de castiñeiro producen, ademais de castañas, madeira de boa calidade. “Os soutos foron en Galicia tradicionalmente sistemas agroforestais, pois, como as árbores están moi separadas, cultivábanse cereais e outros cultivos entre eles, sendo apropiados así mesmo para establecer sistemas silvopastorais con distintos tipos de gando, aínda que nos últimos lustros utilízase con frecuencia o gando porcino de raza autóctona, o porco celta” -apunta-.   INSCRICIÓN para participar gratuitamente nestas conferencias: PRENSA Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) 981 554 407 / 639 768 929

Expertos forestais analizarán a importancia de recuperar e crear novos soutos de castiñeiros en Galicia

A vindeira semana terán lugar as “XXXIV Xornadas Luis Asorey”, centradas nesta edición nos soutos de castiñeiros como ecosistemas multifuncionais. Desenvolveranse do 13 ao 22 de novembro no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas. Este ciclo está recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como actividade de formación do profesorado non universitario e está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago. O coordinador desta iniciativa é Antonio Rigueiro, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (USC), presidente da Asociación Forestal de Galicia e membro numerario da RAGC. Salienta que “o castiñeiro é unha árbore con grande importancia económica, ecolóxica, paisaxística, xenética e cultural na nosa comunidade autónoma, o que nos motivou a dedicarlle este ano as Xornadas Luís Asorey”. O experto asegura que “o Programa estratéxico da Xunta seguramente animará a moitos propietarios forestais a recuperar os seus soutos vellos e a crear novos soutos, por iso as conferencias das xornadas incidirán nalgúns aspectos clave relacionados con este cultivo como a plantación de castiñeiros para producir froito ou madeira, os tratamentos culturais e silvícolas axeitados en cada caso, os soutos como sistemas agroforestais e as distintas producións asociadas aos mesmos, a sanidade, a conservación dos recursos xenéticos do castiñeiro, as variedades apropiadas para a creación de novos soutos ou a comercialización da castaña, entre outros”. As xornadas diríxense aos propietarios forestais que desexan realizar plantacións de castiñeiros para producir castañas, madeira ou ámbolos dous produtos, aos técnicos da administración agroforestal e de empresas de servizos forestais, aos estudantes do eido agroforestal, ás agrupacións ambientalistas e ao público sensibilizado con este tema.

Programa do ciclo

A primeira conferencia -luns 13- versará sobre os soutos de castiñeiros como sistemas agroforestais e impartiraa o catedrático Antonio Rigueiro. O 14 Fina Lombardero, profesora de Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, abordará a sanidade do castiñeiro e da castaña. O 15 tratarase a creación de soutos mansos e plantacións de castiñeiros para madeira, da man do catedrático da EPS de Lugo Roque Rodríguez. O 16 o tema será a conservación de recursos xenéticos do castiñeiro, a través dunha conferencia de Juan Luis Fernández, profesor da EPS de Lugo. O día 20 Beatriz Míguez, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, abordará o material vexetal na produción da castaña. Na seguinte xornada, Jesús Quintá, xerente de Alibós -unha das principais empresas transformadoras de castañas en Europa- e presidente da Indicación Xeográfica Protexida “Castaña de Galicia”, centrarase na comercialización e industrialización deste produto. Como remate do ciclo, José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería de Medio Rural, explicará o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña.

INSCRICIÓN para participar gratuitamente nestas conferencias

Principais acordos da Mesa da Castaña

A Mesa da Castaña, órgano colexiado de carácter consultivo e asesor no que está presente a Xunta, mantivo este martes unha reunión presidida polo director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e á que tamén asistiu o director da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan. Dentro desta mesa, estiveron presentes representantes da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia; da Asociación Forestal de Galicia -por parte dos propietarios forestais-; de Proagrosilga, por comercializadores e almacenistas en fresco; da Asociación de Viveiros Forestais de Galicia e da Asociación de Empresas Viveristas del Noroeste, en representación dos viveiros de produción da planta da castaña; e un membro de Aira Sociedade Cooperativa Galega. Entre os puntos incluídos na orde do día figuraban varios asuntos relacionados con traballos de investigación que se están a levar a cabo no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria. Un dos proxectos que se abordaron na reunión foi o informe para a modificación dos clons híbridos de castiñeiro, que pasan dunha categoría cualificada a unha controlada. Este material atópase dentro da silvicultura clonal polas súas boas características forestais, crecemento, forma de fuste e resistencia á tinta, polo que gran parte do material cualificado está sendo multiplicado e comercializado por viveiros produtores tras varias transferencias entre eles. Por outra banda, tamén se abordaron os avances nos traballos de multiplicación in vitro do castiñeiro, na que se segue a investigar dende o centro de Lourizán. O proxecto mantense en fase de investigación e a medio prazo espérase facer unha transferencia a viveiros. Os centros dependentes da Axencia Galega de Calidade Alimentaria están a traballar para mellorar a rede colaborativa de viveiros, o que facilitará a transferencia dos castiñeiros clonados. Outro dos temas tratados foi o plan piloto de Galicia sobre as agrupacións de xestión conxunta como ferramenta de recuperación de soutos, que se atopa realizando as primeiras actuacións coa definición das áreas prioritarias de traballo e xestionando os procesos administrativos precisos para a súa creación. Por último, sinalouse a próxima convocatoria de axudas que estarán dispoñibles para o sector en materia de plantación e recuperación de soutos, fixando como prazo o 24 de novembro para que, sobre a base de convocatoria de 2023, se redacte unha nova convocatoria. Esta reunión tamén serviu para compartir as primeiras impresión da colleita deste ano, da que se está a facer un estreito seguimento dende a Axencia Galega de Calidade Alimentaria. As consecuencias do cambio climático, que deixou altas temperaturas a principios deste mes de outubro, están a ter repercusións na actual colleita polo que o Goberno galego mantense atento a como se desenvolverá.

Castaña de Galicia

En Galicia hai preto de 50.000 hectáreas de castiñeiro e os soutos abarcan unha superficie de case 27.000 hectáreas. A súa presenza é maioritaria no interior e nas montañas de Ourense e Lugo, cunha produción duns 20 millóns de quilos. Estes produtos están amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, garantindo un selo de calidade. Ademais, Galicia é a principal rexión en produción e exportación de castañas a nivel nacional. De feito, absorbe máis da metade da produción de castañas de España e unha porcentaxe similar das empresas comercializadoras e as industrias de primeira e segunda transformación vinculadas a este aproveitamento forestal. No que respecta á comercialización, a castaña galega e os seus produtos transformados destínanse maioritariamente aos mercados internacionais e están presentes en case 30 países de todo o mundo.

As altas temperaturas dos primeiros días do outono estragan a campaña de castaña en toda Galicia

Galicia agardaba que esta campaña da castaña fose unha das mellores dos últimos anos, logo de que a seca e a avespiña do castiñeiro, entre outras causas, lastraran xa as pasadas. A comezos de setembro, as perspectivas eran boas. Os castiñeiros estaban cargados de ourizos en case tódolos soutos galegos, porén a vaga de calor dos primeiros días de outono, con temperaturas históricas de máis de 30 graos e a humidade rexistrada, botaron por terra todas as esperanzas. Produtores e industria coinciden en que está a ser unha campaña nefasta en toda Galicia. A campaña veuse resentida nas principais zonas produtoras e mesmo se paralizou xa a recollida pola pouca cantidade e mala sanidade da castaña, moi afectada por fungos. A situación está a ser alarmante non só polos malos resultados desta senón porque sexan xa varios anos de colleitas pésimas. As industrias prevén que a facturación este ano poida chegar a caer en torno a un 70% con respecto do ano pasado. As valoracións dos produtores sitúanse no mesmo extremo. “Hai un mes parecía que ía ser unha boa campaña, pero a recollida das castañas de cedo foi realmente moi mala, tanto en cantidade como en calidade, debido sobre todo á calor extrema das últimas semanas de setembro”, explica Jesús Quintá, presidente da IXP Castaña de Galicia e xerente da empresa Alibós, situada en Monterroso.
“Hai un mes parecía que ía ser unha boa campaña, pero a recollida das castañas de cedo foi realmente moi mala. O 50% da que caeu ata o momento está danada”: Jesús Quintá, presidente da IXP Castaña de Galicia
Así é que como sinala Quintá, a castaña que se recolleu ata o momento está moi danada. “O 50% do que caeu ata o momento está afectada, tanto por fungos coma por vermes”, explica. Con todo, Quintá non desbota que coa baixada das temperaturas e as choivas destes días poida mellorar minimamente a recollida das variedades de tarde. Agárdase que a campaña se prolongue, coma outros anos, ata mediados de novembro.

A situación nas zonas produtoras

Un repaso polas principais zonas produtoras de castaña de Galicia evidencia a mala campaña que se está a vivir. Nos soutos do Courel, o froito está moi danado. “Imos ter que dar por pechada a campaña case sen empezala”, explica Daniel Arza, socio de Caurelor, empresa especializada na venda de castaña e a elaboración de produtos ecolóxicos derivados tanto da castaña coma doutros froitos da comarca. Por sorte, tal e como apunta o produtor, este ano tiveron unha moi boa colleita doutras froitas, o que lle permite centrarse máis na elaboración destas, xa que a castaña, ó igual que os últimos anos, está a ser pésima. En Manzaneda, na cooperativa Amarelante están comezando aínda coa recollida, pero as primeiras impresións tampouco son mellores. “O 60% da que caeu ata o momento era de mala calidade”, explica Óscar Freire, un dos integrantes da entidade. Co vento destes días agardan que caian máis castañas e ir valorando se son mellores, pero apuntan que a calor extrema lles afectou moito. Na zona da Gudiña, a situación é moi semellante. A castaña está moi danada polos fungos. “A campaña comezou xa moi mal, despois de tanta calor e humidade. Tanto a cantidade como a calidade é moi baixa”, apunta José Manuel Guerra, un produtor de castaña desta zona. As perspectivas tampouco son boas para as de tarde, xa que os soutos vense moi afectados, con castiñeiros que xa están a perder a folla. En industrias como Castañas Naiciña, situada en Chantada, apuntan a que a campaña pode verse moi afectada. Estiman que a facturación poida caer ata un 70% con respecto do ano pasado, pola mala sanidade que acusan as castañas. “Non é coma outros anos nos que había zonas máis afectadas, este ano non hai castaña en toda Galicia, en parte polas altas temperaturas que se rexistraron dende o 25 de setembro, pero tamén hai unha confluencia de causas como os efectos da avespiña na saúde dos castiñeiros e en gran medida a falta de profesionalización da maioría dos produtores, que fai que a campaña estea case totalmente perdida”, explica Miguel Areán, xerente da firma.

Mercado paralizado

O mercado está nestes momentos paralizado. “Hai moita escaseza de produto e os custes de produción para a industria están disparados”, sinala Quintá. A mala calidade motivou que nalgúns dos principais puntos de recollida estean xa a non recollelas. Esta situación tamén provocou a caída dos prezos pagados ós produtores. Así, aínda que en zonas do sur e oriente de Ourense, principais produtores de castaña, os prezos iniciais se situaron arredor de 1,6 ou 1,5 euros o quilo, agora os poucos puntos que manteñen a recollida págana a 1 euro ou menos, cando o prezo habitual por determinadas variedades se sitúa por encima dos 2 euros. Cómpre lembrar, que Galicia é unha das principais zonas produtores de castaña de España, cunha produción que se sitúa arredor das 20.000 toneladas de castañas nos anos previos ás campañas afectadas pola avespiña. Este volume xera arredor duns 30 millóns de euros de valor na comunidade.

Medidas urxentes

As altas temperaturas afectaron tamén a outras zonas produtoras de España, por iso dende a Red Estatal del Castaño, que está apoiada pola IXP Castaña de Galicia así como por boa parte das empresas dedicadas á comercialización e transformación da castaña tanto en Galicia, como Extremadura, Andalucía e Castela e León, piden ó Ministerio de Agricultura que avalíe a situación dos castiñeiros e tome medidas urxentes para frear as perdas. Apuntan que este verán se detectou un incremento dun cóctel de patóxenos nos soutos, entre os que se atopa a Gnomoniopsis sithogilvyi, que se transmite ó froito e que provoca unha importante perda da produción. A presenza destes patóxenos, sumada ós efectos da seca e dos danos da avespiña nos castiñeiros está a resentir as campañas. “O sector leva sufrindo perdas superiores ó 60% varios anos tras a irrupción da avespiña”, explican. Ademais da reunión a nivel estatal, as organizacións rexionais tamén reclaman encontros coas administracións autonómicas.
A Red Estatal del Castaño pide unha reunión urxente co Ministerio e produtores de Lugo impulsan unha recollida de sinaturas para declarar a zona como catastrófica
Por outra banda, en Lugo estase a impulsar unha campaña de recollida de sinaturas para declarar a zona como catastrófica ante as perdas rexistradas e que poidan habilitarse axudas para o sector. A medida foi iniciada por produtores de castaña e o enxeñeiro agrícola Pablo Fraga, xerente da firma Campolab, de Outeiro de Rei.

Plan para protexer a produción de castaña en Galicia

Dende Unións Agrarias acaban de remitir á Consellería de Medio Rural un informe no que alertan da situación crítica dos soutos de produción de castañas en Galicia. O escrito deixa constancia do encadeamento de 6 anos de colleitas catastróficas motivadas por distintos factores, (a seca no pasado ano 2022, a antracnose do castiñeiro no 2021, o impacto da avispilla Dryocosmus no 2020, 2019 e 2018, e seca e xeadas no 2017). “Ante esta situación é preciso que a Administración dea un paso á fronte e poña en marcha medidas, para que a castaña siga a ser un importante recurso no interior e na montaña, e que Galicia siga a ter unha posición líder na produción deste froito”, valoran dende a organización agraria. Reclaman a posta en marcha dun plan específico para protexer a produción de castaña en Galicia que debe artellarse en varias fases. Apuntan á necesidade de desenvolver novos portaenxertos híbridos que permitan o enxertado seguro do castiñeiro resistentes á enfermidade da tinta, e seguir coa investigación na propagación vexetativa do castiñeiro. A medio prazo piden desenvolver e aplicar novas vacinas para o cancro do castiñeiro, adaptadas ás condicións das comarcas produtoras de Galicia e seleccionar variedades de castaña resistentes á seca e ás altas temperaturas.
Unións pide accións para mellorar a sanidade dos castiñeiros e diagnosticar as causas da caída da produción nesta campaña para poder tomar medidas axeitadas
Para UUAA o mais urxente é diagnosticar as razóns da caída da produción do presente ano en cada comarca, chegando a unha certeza científica de si o problema é unha patoloxía fúnxica, unha praga, o déficit hídrico no chan, ou unha combinación das causas. Para iso as autoridades de sanidade vexetal deben de aconsellar para a optimización da rega, ou a recollida e retirada de follas e ourizos para evitar vectores de transmisión e habilitar tratamentos preventivos en futuras campañas. Tamén solicitan que o castiñeiro e as súas patoloxías se inclúa nas alertas fitosanitarias periódicas da Consellería, con recomendacións de tratamentos e dispoñer liñas de axudas que permitan o despregue das medidas fitosanitarias e axudas directas aos produtores para compensar as perdas da presente campaña.

Profesionalización dos produtores

Unha das reclamacións que levan anos facendo dende a industria de comercialización e procesamento da castaña, así como dende IXP Castaña de Galicia é a necesidade da profesionalización dos produtores, para poder atallar dun xeito máis directo as trabas que se lle presenten ós soutos galegos, tanto a nivel sanitario, como das inclemencias meteorolóxicas como a seca. “Precisamos que os produtores deixen de ver a castaña como algo que cae no outono e para o que non teñen que facer máis nada todo o ano. Salvo honrosas excepcións de produtores que están apostando por producir castaña de calidade, hai moi poucos produtores profesionais”, apuntan. Sinalan a necesidade de realizar tratamentos culturais nos soutos que permitan ter castiñeiros máis sans. “Galicia é o principal produtor de castaña, pero a falta de profesionalización dos produtores está facendo xa que outras zonas como Extremadura, onde hai grandes profesionais busquen ocupar ese espazo”, explica Miguel Areán, xerente de Castañas Naiciña, unha das principais industrias transformadoras. Xunto con Extremadura, Portugal tamén é un referente en canto ó coidado dos soutos. Así, pese a que ambos territorios sufriron tamén a seca e están a ter incidencia de pragas, conseguirán salvar maior produción que en Galicia.
Apuntan á necesidade da profesionalización dos produtores e tomar como referentes territorios como Portugal e Extremadura, onde están a apostar por un maior coidado dos soutos
Entre as principais problemáticas que debe afrontar o sector produtivo está a regularización da actividade, xa que gran parte desta recollida aínda se fai como unha actividade somerxida, sen rexistros, nin censos e sen declarar ditos ingresos. Dende a industria tamén reclaman que as novas plantacións se fagan téndoos en conta, xa que boa parte delas estanse facendo de costas ós transformadores e con castañas que non se adaptan ás súas necesidades ou ós ritmos deste mercado. “Estannos ofrecendo castaña xa a comezos de setembro cando aínda non recollemos porque o mercado está pechado e a esa castaña se logo lle ven calor non resistirá”, explican. Tanto dende a industria como na IXP Castaña de Galicia insisten na importancia desta profesionalización dos produtores para evitar que o sector remate por desaparecer.

A cooperativa Amarelante lanza unha campaña de crowfunding para lanzar ao mercado uns copos de castaña

A cooperativa Amarelante, de Manzaneda, referente en Galicia na recuperación e posta en valor dos soutos de castiñeiros, ten en marcha na plataforma Goteo unha campaña de crowfunding para lanzar ao mercado uns copos de fariña castaña. A campaña remata o día 5 de novembro e precisa reunir achegas cun orzamento mínimo estimado en 5.650 euros, mentres que o óptimo está en 9.500. “Queremos lanzar ao mercado uns copos de almorzo de castaña, uns “corn flakes”, pero de castaña. Este produto é o resultado da nosa participación no proxecto “Desenvolvemento de novos produtos da dieta atlántica derivados da castaña”, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) en colaboración co Centro Tecnolóxico da Carne (Ceteca) de Galicia. Estivemos traballando nel nos últimos anos e neste momento contamos coa receita e o procedemento de elaboración, pero non co investimento necesario para lanzalo ao mercado”, explican dende a cooperativa ourensá. . Neste sentido, o diñeiro recadado investirase en todo necesario para poder elaborar os copos. Esto inclúe unha amasadora industrial, unha laminadora, un forno, un lavalouzas industrial, ademais de todo o packaging do produto (envase e etiquetado). Esta parte material completarase co deseño de imaxe dos copos e accións de promoción (tanto físicas como dixitais) para dalo a coñecer e buscar potenciais clientes.

Cales son as recompensas?

Dependendo da aportación, este é o listado: O teu nome aparecerá nun roller que levan as todas as feiras. O teu nome constará na súa páxina web como mecenas deste proxecto. Recibirás 200 gramos de folerpas de castañas, perfectas para os teus almorzos. Bolsa de tela Amarelante. Bica de castaña elaborada pola cooperativa. Paseo por soutos recuperados pola cooperativa para coñecer in situ a súa tarefa de coidado de castiñeiros centenarios. Merenda entre castiñeiros. Aloxamento dunha noite en albergue. Cea nun establecemento de Manzaneda. As persoas que queiran apoiar este proxecto poden facelo aportando desde 10 euros ata 300. 

Este é o enlace para colaborar coa iniciativa

Obradoiro de poda de castiñeiro organizado polo Distrito Forestal Lugo-Sarria

O Distrito Forestal IX Lugo-Sarria organiza un obradoiro de poda de castiñeiro para o 28 de outubro na cidade de Lugo. Concretamente, as aulas impartiranse no polígono industrial das Gándaras. A formación estará a cargo de Pablo Antonio Fraga Gontán, enxeñeiro agrónomo especialista en castiñeiro. Este obradoiro figura dentro dos cursos de formación "Cadeiras de divulgación forestal, Outono 2023". A preinscrición pode realizarse en: https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas Información: distrito.forestal9@xunta.gal 982828620 @Dist_Forestal9

O concello ourensán de Riós acolle o II Foro da Castaña

O II Foro da Castaña estase a celebrar no concello ourensán de Riós para reunir a representantes do sector para fomentar a participación colectiva, o intercambio de información e establecer canles de comunicación entre os axentes que interveñen na cadea de valor do castiñeiro. No discurso de inauguración participaron o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, o presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Rosendo Fernández, e a alcaldesa de Riós, Eva Barrio. Nestas intervencións incidiuse na importancia de recuperar terra sen produción, pondo en valor o Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña en Galicia que prevé recuperar 8.000 hectáreas de soutos e de plantar 16.000 máis que se destinarán para a produción de madeira e froito desta especie, enmarcado no Plan Forestal 2021-2040 “Cara a neutralidade carbónica”. Cómpre destacar que en Galicia hai preto de 50.000 hectáreas de castiñeiro e os soutos abarcan unha superficie de 27.000 hectáreas. A súa presenza é maioritaria no interior e nas montañas de Ourense e Lugo, cunha produción duns 20 millóns de quilos. Ademais, estes produtos están amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, garantindo un selo de calidade. Outro dos temas tratados foi a futura orde que establecerá modelos de estatutos para agrupacións forestais de xestión conxunta e os modelos tipo para constituír dereitos de uso e aproveitamento en Galicia. Salientou que esta norma busca impulsar a creación deste tipo de entidades que teñen obxectivo a protección do ambiente, a prevención dos incendios e o fomento do desenvolvemento rural. Neste sentido, Inorde e a Consellería de Medio Rural tamén acaban de asinar un convenio para levar a cabo un programa específico de identificación, restauración e promoción de xestión forestal activa e sustentable. Ademáis, nesta xornada inaugural, dous representantes da Xunta ofreceron dúas charlas para os asistentes. O xefe de servizo de Saúde e Vitalidade do Monte, José Martel, falou sobre as pragas e as enfermidades que sofren os castiñeiros en Galicia e de que xeito está actuando a Xunta para xestionalas. Por outra banda, Raquel Blanco, da Áreas de Soutos da Consellería de Medio Rural, abordou os beneficios das agrupacións de xestión conxunta como ferramenta de recuperación de soutos. A isto engadiulle o plan piloto que se está a desenvolver en Galicia. O Foro da Castaña de Riós rematará mañá cunha última xornada na que se realizará unha visita técnica á comarca do Bierzo, en León.

Xornada informativa sobre o emprego de fariña de castaña para alimentación animal

A Casa da Cultura de Outeiro de Rei acollerá o 21 de outubro un encontro informativo sobre o valor nutricional da fariña de castaña para o gando, sobre todo para os porcos. O acto está organizado por Campolab. Esta palestra celebrarase coa asistencia de tres relatores. A primeira será a doutora Noemí Echegaray Suárez, doutora en tecnoloxía agroalimentaria e investigadora do CETECA. A súa intervención centrarase na alimentación do porco con castañas e o impacto deste alimento sobre a calidade da carne. A continuación, a doutora en Bioloxía María Begoña de la Roza Delgado, do SERIDA, explicará a influencia da castaña como alimento complementario para o mantemento dos porcos celtas en réxime extensivo. Seguidamente, Pablo Antonio Fraga Gontán, enxeñeiro técnico agrícola, realizará a presentación de Campolab, a nova experiencia que deseña produtos alimenticios con base de castaña, sobre todo a fabricación de produtos para mantemento animal, até a revalorización de subprodutos da transformación deste froito.  

Amplíase o prazo para solicitar axudas para a recuperación de soutos de castiñeiros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a orde da Consellería do Medio Rural pola que se modifica o prazo de presentación de solicitude de axudas para a recuperación de soutos de castiñeiros afectados polos incendios forestais que se produciron en Galicia o ano pasado, por un importe total de 500.000 euros. As achegas para a recuperación de soutos están dotadas cun orzamento de 500.000 euros, que irán destinados a restaurar os danos causados polos incendios rexistrados no mes de xullo de 2022. A solicitude desta subvención e os trámites administrativos posteriores poden realizarse por medio dunha entidade colaboradora; que á súa vez, tamén realizará os traballos de campo e as obras necesarias para a execución das accións subvencionables das que é beneficiaria a persoa interesada. O prazo para presentar a solicitude de axuda amplíase ata o 15 de setembro de 2023. É a primeira vez que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal integra na xestión da orde de axudas ás entidades colaboradoras, que son aquelas que, actuando en nome e por conta do órgano concesor para todos os efectos relacionados coa subvención, colaboran na execución e xestión das achegas sen que se produza a previa entrega e distribución de fondos recibidos. Con esta medida preténdese reducir e facilitar a carga administrativa das persoas titulares dos soutos danados polos incendios de 2022. O prazo de presentación de solicitudes amplíase tendo en consideración esta primeira experiencia na xestión e co obxecto de facilitar a súa tramitación, e que sexa o máis ampla e eficaz posible por parte das entidades colaboradoras. Estas axudas para a recuperación de soutos estrutúranse en tres liñas de financiamento. En primeiro lugar, de achegas para corta, recollida e estelado ou retirada de pés de árbores danados polo lume, roza do souto e plantación de novos pés de castiñeiros en substitución dos exemplares danados. En segundo termo, outra liña destínase á reparación dos danos causados polos incendios nas pistas forestais estremeiras ou interiores, así como nos cerramentos dos soutos. E en terceiro lugar, establécense axudas para a reparación dos danos nos equipamentos inmobiliarios auxiliares da explotación do souto para castaña. Nestas dúas últimas liñas, a súa petición está condicionada a que se solicite a primeira opción das axudas. Os beneficiarios destas subvencións serán os titulares, arrendatarios ou persoas que teñan un dereito de explotación e/ou xestión dos soutos, quedando excluídas as administracións ou entidades do sector público. Tamén poderán obter estas axudas aquelas persoas cuxas propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas a instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia resulten seleccionadas, segundo o establecido nesta norma.

Enlace á orde do DOG sobre soutos

Lugo acollerá a vindeira semana o “VII Simposio Internacional da Castaña”

O VII Simposio da Castaña, un foro internacional de análise e debate das últimas liñas de I+D e propostas de innovación arredor desta especie forestal promovido pola Sociedade Internacional de Ciencias Hortícolas (ISHS), reunirá investigadores de todo o mundo do 26 ao 29 de xuño no Campus Terra da USC, segundo adiantou o catedrático na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Santiago Pereira Lorenzo, que é o coordinador dun congreso que mantén aberto o prazo de inscrición. O tamén vicepresidente da división de froitos secos da ISHS subliñou que a celebración desta reunión científica na sede universitaria luguesa responde ao compromiso contraído entre a USC e a principal rede mundial da área de horticultura, unha organización independente que actúa como plataforma mundialmente recoñecida nos eidos da investigación, o intercambio de información científica e a colaboración a prol da innovación sustentable en horticultura. A Sociedade Internacional de Ciencias Hortícolas contabiliza entre os seus membros máis de 70.000 individuos, universidades, gobernos, compañías comerciais, ademais dunha ampla representación institucional de medio centenar e países e rexións dos mundo, sinala Pereira Lorenzo, para, de seguido, cifrar en dous millóns de toneladas de castaña a produción das 500.000 hectáreas de bosques de castiñeiros existentes no mundo. Produción de castaña A produción de castañas en Asia é case 8 veces máis que en Europa. China, que conta con máis de 300.000 hectáreas de castiñeiras, é o principal produtor mundial nunha listaxe na que tamén destacan outros países como Corea e Xapón, en Asia, así como Turquía, Italia, Portugal e España, en Europa, e Chile, en América do Sur. A principal diferencia entre a produción asiática e a europea está na cantidade, pero sobre todo no feito de que se trata de dúas especies cultivadas distintas: Castanea mollissima, en China, e C. crenata, en Xapón, mentres que en Europa, onde se estima a existencia duns dous millóns de hectáreas de bosques dominados por castaños, cultívase C. sativa, explica Pereira Lorenzo. Galicia, salienta o catedrático da USC, é a principal produtora de castaña de España e a rexión que presenta unha maior diversidade xenética de cultivares de castiñeiro de calidade, con árbores monumentais preservan esa diversidade, e cuxa produción está amparada por la Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, a única IXP de España. Alén da produción de castaña, o profesor Pereira Lorenzo tamén pon en valor a importancia do castiñeiro pola súa madeira de calidade, así como pola súa fonda pegada na paisaxe e mesmo na tradición cultural europea, como se manifesta nos magostos. Simposio da Castaña O Simposio da Castaña promovido pola Sociedade Internacional de Ciencias Hortícolas (ISHS) celebra a súa sétima edición a Galicia un cuarto de século despois do nacemento desta reunión científica. De feito, logo de xuntanzas previas desenvolvidas en Estados Unidos, o Simposio de la Castaña organizouse en 1998 en Francia para logo trasladar a súa sede a Portugal (2004), China (2008), Estados Unidos (2012) e Turquía (2014).

Consulta aquí o programa e como inscribirte

O castiñeiro, o cultivo forestal de maior rendibilidade

O castiñeiro é unha especie agroforestal presente en boa parte da Península Ibérica e Canarias, cun cultivo en alza debido á gran demanda de castaña, un froito cada vez máis valorado grazas ás súas características organolépticas e multitude de posibilidades de elaboración (secas, purés, fariñas, marmeladas, conservas, minestras, marrón glacè…).

Falamos dunha especie emblemática que sustenta gran cantidade de usos tradicionais, formando parte da nosa cultura desde hai séculos como recurso alimenticio, fundamental para persoas e gando, así como un elemento de construción, artesanía e combustible esencial en moitos pobos, constituíndo ademais un dos mellores exemplos de ecosistema produtivo integral e sostible.

Por todo iso, o castiñeiro supón un importante recurso para as zonas rurais de clima tépedo, en especial aquelas de media montaña onde a maioría dos cultivos non son viables, axudando deste xeito ao mantemento da poboación e da paisaxe rural.

Souto micorrizado.

Desde o punto de vista forestal son varios os estudos que evidencian que a mellora da rendibilidade forestal pasa por diversificar as producións forestais, incrementando as superficies para produción de froito. Neste sentido, o castiñeiro como especie agroforestal é unha das alternativas con maior viabilidade.

Rendibilidades
A Asociación Forestal de Galicia levou a cabo un destes estudos onde se evidencia que, desde o punto de vista de rendibilidade, analizando o TIR (Taxa Interna de Retorno) de varios modelos silvícolas, de diversas especies de frondosas caducifolias, as rendibilidades son moi baixas ata que na ecuación entra o froito (a castaña), converténdose entón en modelos produtivos moi interesantes.

Neste gráfico, podes ver exemplos de rendibilidade dos diferentes modelos silvícolas en masas de frondosas caducifolias. Pode apreciarse como as plantacións de castiñeiro, no modelo de máxima rendibilidade, chegan a proporcionar unha taxa de retorno do investimento dun 12,2 % anual durante a súa quenda, coa maioría de modelos ofrecendo unha rendibilidade de entre o 6,60 e o 12,2 %.

O castiñeiro chega a proporcionar taxas de retorno do investimento dun 12,2% anual, o que non ten comparación entre o resto de especies forestais

Se se busca no ranking de rendibilidade o primeiro modelo de non froito (só con aproveitamento de madeira), o liderado corresponde ao bidueiro, que nunha quenda de 25 anos ofrece unha taxa de retorno dun 5,35%.

Non só as frondosas caducifolias saen mal paradas neste estudo de 2018 sobre a comparativa de rendibilidade co castiñeiro para froito, pois un 70% das plantacións de piñeiro xeran intereses inferiores ao 2% anual.

Desde un punto de vista forestal, a tendencia é a de pensar nun aproveitamento madeireiro da plantación, polo que os modelos mixtos de produción de madeira e castaña poden ser unha boa alternativa para non descartar un aproveitamento da madeira, aínda que podería ser perfectamente compatible un enfoque puro de aproveitamento de froito nunha explotación forestal.

Produtividade
Pero ademais destas rendibilidades financeiras, algunhas veces tan difíciles de comprender para o profano na materia, como podemos analizar a produtividade dun castiñeiro?. Imos tentar desenvolver unha análise sinxela das produtividades dalgúns modelos de aproveitamento do castiñeiro.

Castaña de variedade negral.

A gran vantaxe do aproveitamento da castaña é que nos permite un retorno do investimento a curto prazo e unha renda anual, sen ter que esperar ao final de quenda, minimizando desta maneira riscos de perda do investimento, por exemplo, en caso dun incendio forestal.

A entrada en produción dunha plantación dependerá de dous factores fundamentais; a variedade de castiñeiro e os coidados culturais aplicados (regas, fertilizacións, control de vexetación de competencia…), pero podemos falar de entre 5-8 anos, alcanzando a madurez aos 20-25 anos, cunhas producións de entre 10 e 20 Kg/árbore aos 10 anos e de 50 Kg/árbore de media na súa madurez.

Desde Hifas Foresta, empresa especializada en castañicultura e micoloxía aplicada, desenvolvemos e fomentamos modelos multifuncionais, onde entran en xogo as producións de castaña e madeira, engadindo ademais o aproveitamento de cogomelos de alto valor mediante a micorrización dos castiñeiros con Boletus edulis.

‘Boletus edulis’ nun souto.

O castiñeiro caracterízase por ter unha boa produtividade micolóxica, polo que optando por plantas micorrizadas con Boletus edulis podemos chegar a producións deste apreciado fungo de ata 200 kg/hectárea e ano.

Nun modelo multiproducto, empregaremos castaños híbridos resistentes á tinta, de clons seleccionados para produción de castaña (en Hifas Foresta seleccionamos os de maior rendemento e tamaño de castaña), e micorrizados con Boletus edulis, optando por plantacións a marco definitivo de 6×6 a 7×7 metros, o cal supón densidades de plantación de 277 a 204 pés/hectárea respectivamente.

Con este modelo podemos alcanzar producións aos 20 anos de 2.000 a 3.000 Kg/hectárea de castañas, 80-200 Kg/ha de cogomelos e 5-10 m3/hectárea de madeira (a cortar ao final da quenda – aprox. 45 anos).

Modelos intensivos ou marcos amplos

Nun modelo frutícola, podemos optar por comezar a nosa plantación a marcos amplos definitivos (10×10 m) ou optar por modelos intensivos de alta densidade 5×5 metros, 4×6 m, 5×6 m… que terminarán co tempo en marcos amplos 10×10 m, 8×12 m , 10×12 m… Con estes modelos, aínda que perdemos os ingresos finais de curta de madeira, maximizamos as producións de castaña, estando estas entre 3.500 e ata 8.000 Kg/hectárea, mantendo ademais as producións de cogomelos.

Ao mesmo tempo, nestes modelos pódenos interesar optar por cultivares tradicionais, para o que a planta para empregar sería enxertada sobre portaenxertos híbridos micorrizados con Boletus edulis, aínda que non hai porque descartar as variedades híbridas. En Hifas Foresta enxertamos unha selección das variedades máis destacadas para diferentes usos e mercados.

O método HIFAS (exemplo de optimización do modelo frutícola).
Produtividade anual de 1 hectárea de souto micorrizado
Plantación con 20 anosde idade a marco 7×7 metros (Triplo aproveitamento)
2.000 – 3.000 Kg. de castaña 3.000 – 4.500 euros
80 – 200 Kg. de cogomelos 640 – 1.600 euros
Madeira, 5 – 10 m³ 600 – 1.200 euros
Total 4.240 – 7.300 euros
Produtividade anual de 1 hectárea de ‘souto’ micorrizado
Plantación con 20 anos de idade a marco 10x10metros (Dobre aproveitamento)
3.500 – 7.500 Kg. de castaña 5.250 – 10.500 euros
80 – 200 Kg. de cogomelos 640 – 1.600 euros
Total 5.890 – 12.100 euros

Se comparamos estes ingresos anuais cos 350-600 € / ano estimados en piñeirais ou os 600-1.000 € ano do eucalipto (considerada a especie forestal máis produtiva na Península), vemos claramente como o castiñeiro con aproveitamento de froito é moito máis rendible.

Fonte: Proxecto I+D+i Hifas dá Terra e Centro de Investigación Forestal de Lourizán (1996-2.000).

Outro dos aspectos fundamentais á hora de analizar as rendibilidades dunha plantación son os custos de xestión, e aquí o castiñeiro tamén presenta unha gran vantaxe fronte a outras plantacións frutícolas, pois os traballos de mantemento son poucos e puntuais, xa que non presentan a necesidade de reiterados tratamentos fitosanitarios.

Pero é que ademais de todo o que vos contamos, o castiñeiro ten outra serie de beneficios máis ou menos intanxibles, como son a captación de CO2, o aumento da biodiversidade ou a axuda na defensa dos incendios forestais, xa que por exemplo, poden empregarse na planificación forestal en zonas de protección de núcleos de poboación.

Se queres profundar máis sobre o cultivo do castiñeiro, podes atopar máis información no noso blog.

Contacto Hifas Foresta

  • Teléfono: 986 917 361
  • E-mail: info@hifasforesta.com

Campaña da castaña 2022: a seca reduce a produción e afecta á sanidade do froito

As altas temperaturas e as escasas chuvias deste verán tamén pasaron factura ós castiñeiros. A campaña, que nalgunhas das zonas produtoras arrancou aínda na última semana de outubro, está a ser complicada. As primeiras castañas recollidas son de menor tamaño e tamén se viu afectada a sanidade do froito. “As elevadas temperaturas que tivemos nos meses de verán e a escaseza de auga afectaron non só á castaña senón que se aprecia tamén nos castiñeiros, e non vai haber boa colleita, pode que sexa das peores dos últimos anos”, valora Jesús Quintá, presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia e xerente de Alibós, unha das industrias destacadas na transformación da castaña. Con todo, apunta que haberá que agardar ó avance da campaña para poder facer unha estimación da redución que se producirá.
As primeiras castañas víronse afectadas pola falta de chuvia e agárdase que as variedades tardías poidan ter mellores rendementos e calidade
Cando aínda queda arredor dun mes da campaña, tanto industria como produtores teñen a vista posta nas variedades de tarde, que puideran ter mellores rendementos que as primeiras castañas recollidas. “Falta ver se as chuvias que se rexistraron en setembro lle serviron ós castiñeiros das variedades de tarde para recuperar e ter mellor produción”, indica Quintá. Industrias transformadoras como Alibós comezaron a semana pasada a procesar castaña. Con estas previsións e o incremento dos custos de enerxía e embalaxes que rexistraron, o máis probable é que tamén se incremente o prezo das castañas e dos produtos elaborados con elas, mais dende a industria aseguran que será difícil trasladar toda a suba rexistrada nos custos de transformación, xa que temen que se o fan caia o consumo. Tamén se mira con inquedanza á evolución das temperaturas no resto da Península, xa que o mercado en fresco das castañas está moi condicionado polo frío e os altos rexistros que afectan ó resto de España condicionan a campaña. Aínda que este ano se fixeron virais xa imaxes de xente mercando castañas asadas en manga curta, produtores e industriais coinciden en que “se non vén frío, non se venden tantas castañas”. Os prezos pagados ós produtores tamén se resentiron nalgunhas zonas produtoras debido á sanidade da castaña. Así, aínda que as primeiras castañas se puideron pagar por encima de 1,10 ou 1,20, hai zonas nas que o prezo xa leva tempo asentado nun euro. Tamén se agarda que variedades de tarde e as de maior calidade e calibre se paguen a arredor dos 2 euros, como viña sendo habitual. Facemos un repaso por algunhas das zonas produtoras de castaña en Galicia para coñecer como avanza a campaña:

Courel: Agárdase mellor campaña que a pasada

A maior parte dos soutos do Courel son variedades tardías, pero con todo, este ano a campaña foi con certa demora, posto que outros anos a comezos de outubro xa estaban apañando nelas. O verán seco e o tempo solleiro aínda no comezo do outono influíron moito na recollida, facendo que se atrasase. Agárdase que este sexa algo mellor ano que o pasado, que fora unha pésima campaña. “Alomenos vense ourizos nos castiñeiros, xa que o ano pasado nin iso tiñamos. Fora unha campaña desastrosa, non houbo castaña ningunha”, recorda Verónica Núñez, da firma Caurelor, especializada na transformación da castaña. A comarca tamén sufriu este verán as consecuencias dun gran incendio, aínda que boa parte dos soutos apenas se viron afectados e serviron de protección a algunhas aldeas, relentizándose alí o lume e podendo apagalo. Así, en pobos como Santa Eufemia, onde reside esta produtora, os soutos víronse afectados minimamente, só con algúns exemplares danados. Aínda que as previsións de castaña son baixas, o Courel recupera este ano dúas das citas tradicionais arredor deste froito, que nos últimos dous anos se viran suspendidas a causa da crise sanitaria. Por un lado, celebrarase o vindeiro 5 de novembro a Festa da Castaña, que este ano ten lugar en Folgoso. Ademais, o 3 de decembro está prevista a Festa da Pisa en Froxán.

Macizo Central: Prevén unha colleita reducida, un 80% menos que os bos anos de produción

Nos montes de Manzaneda (Ourense), na pasada semana caían as primeiras castañas. Agardan que esta sexa unha mellor campaña que a pasada, na que non recolleran case nada. “Se nun ano bo nesta zona podemos chegar a unha produción duns 250.000 quilos de castaña, este ano se recollemos 60.000 xa sería todo un logro”, apunta Óscar Freire, da cooperativa Amarelante, centrada na produción e transformación da castaña. Cos últimos días de mes comezaron a recollida de xeito máis intenso, logo dos ventos e chuvias que favoreceron a caída dos froitos. Coma noutras zonas de Galicia, a seca está detrás desta redución da produción, xa que a diferenza doutros anos, nos que a avespiña do castiñeiro fixera estragos, as soltas de parasitos para controlar a incidencia desta praga están a contribuír a reducir a súa incidencia. Polo momento, os prezos sitúanse en valores semellantes ós do ano pasado, pero aínda queda un mes de campaña.

Zona centro de Lugo: Prevese menos cantidade e témese que haxa pouca castaña de calidade

Nos soutos de Chantada, onde a seca foi intensa a penas se está a colleitar castaña este ano. “O dito non se cumpriu. A castaña ardeu de máis en agosto e en setembro non bebeu o que precisaba”, recorda Miguel Areán, xerente de Castañas Naiciña, unha das empresas transformadoras destacadas no sector e asentada en Chantada. As temperaturas tan altas rexistradas no verán e a falta de chuvias suficientes cos primeiros días do outono fixeron que a produción se resentise. “A castaña quedou pequena, os rendementos en quilos poden ser un 30% menos que outros anos. Ademais de ter un calibre por debaixo do necesario a calidade sanitaria tamén se viu afectada pola calor e as néboas que houbo este ano”, explica Areán.

O Deza: A campaña foi máis tardía e a castaña está danada

En Pontevedra, na comarca do Deza, a campaña da castaña tamén veu con certo atraso, con respecto doutros anos. As primeiras castañas recolléronse a finais de setembro, pero aínda se apañou castaña ó longo do mes de outubro. “Apañouse algunha, pero o máis forte da campaña quedou aínda para finais de outubro”, explica Óscar Estévez, xerente da comercial homónima situada en Lalín, un dos puntos de recollida de castaña na vila. A castaña tamén está a ser de baixa calidade nas terras do Deza. “Hai moita castaña danada, está a ser moi mal ano”, explica Estévez, que este ano deu un paso máis na comercialización deste froito e conta cunha planta en Palas de Rei (Lugo) na que busca transformar a castaña. “Antes vendiámoslla tanto a industrias de Galicia como de zonas de Castela e decidimos comezar a procesar a castaña nós nesta planta”, explica. Na comarca dezá, os prezos tamén caeron rapidamente. Aínda que as primeiras castañas se chegaron a pagar a 1,40 euros o quilo, agora a maioría está xa pagándose sobre 1 euro, debido á baixa calidade do froito.

Nos soutos ourensáns: En Valdeorras hai aldeas produtoras onde non quedou castaña polos lumes

Nas terras de Valdeorras a campaña da castaña veuse moi afectada polos lumes que arrasaron os montes no verán. “Hai aldeas nas que os soutos quedaron queimados e non hai castaña ningunha”, explica Juan Fernández, presidente da Rede Estatal do Castaño e xerente de Castañas Rafael. “Este ano teremos un 80% menos de castaña con respecto doutros anos, non só polos lumes senón tamén pola incidencia da avespiña, que segue afectando ós castiñeiros, así como pola seca”, detalla Fernández. Así, aínda que xa contaban cunha baixada da produción, estes tres factores botaron por terra aínda máis as perspectivas da campaña. Ademais da pouca castaña que está habendo, tampouco está a ser de calidade, o que reduce aínda máis a castaña que finalmente se pode comercializar, despois dos procesos de selección. Outro factor negativo foron as previsións dunha superprodución de castaña noutros países produtores, o que provocou que nas primeiras castañas os prezos caeran axiña pola entrada de castaña do estranxeiro.

Subas dos custos de transformación

Esta campaña está caracterizada tamén polo incremento dos custos da enerxía e de materiais para a transformación e envasado das castañas. As industrias galegas están acusando subas que afectan a todo o proceso de envasado e transformación da castaña, o que fixo disparar os custos. Nas industrias transformadoras coinciden en sinalar que os custos se lle incrementaron esta campaña entre un 30 e un 50% con respecto do ano pasado. Os procesos de desinsectación ou refrixeración da castaña teñen un alto custo de enerxía, que se viu fortemente afectado coas subas que se experimentou no último ano. Tamén a suba doutros materiais coma o cartón, o plástico ou os palets de madeira, que viron incrementado o seu valor notablemente nestes meses afectan directamente ás industrias transformadoras da castaña.
Os altos custos da enerxía e a falta de castaña motivan que haxa industrias galegas que optaran por pechar ó pouco de comezar a campaña
A baixa sanidade da castaña este ano tamén está a incrementar os custos para as industrias, xa que da castaña que se recolle moita dela desbótase tralo proceso de selección. Ante esta situación, houbo industrias galegas que optaron por pechar xa ó comezo da campaña tras ver os gastos e a baixa perspectiva da campaña. A mala sanidade das castañas, que reduce a cantidade de froito trala selección na industria, ou os procesos que deben seguir as castañas para garantir a súa calidade cando chegan ó mercado están detrás dos prezos que atopa o consumidor. “O prezo débese a todo o procesado que hai detrás da castaña, aínda que sexa en fresco. Hai castaña doutras zonas de España que se paga un 30% máis que a galega ó produtor só pola boa calidade que tes e as poucas mermas de quilos que suporá trala selección”, explican dende o sector.

Aposta pola calidade

Tanto dende a IXP Castaña de Galicia como por parte das industrias inciden na importancia da profesionalización do sector para contar cunha produción cada vez máis regular e de calidade, como xa fixeron outras zonas produtoras próximas a Galicia tanto de España como de Portugal. Así, en Extremadura ou na rexión lusa de Trás os Montes hai anos que apostaron pola produción de castaña de xeito profesional, con novas plantacións, cun coidado axeitado e regular dos soutos, o que permitiu fixar poboación e ter unha produción de castaña máis regular. Apostar por asociacións de produtores e por fomentar as variedades autóctonas son dous dos piares sobre os que apuntan que debe asentarse esta profesionalización.