Archives

Como conseguir que as vacas aproveiten mellor a ración e evitar que escollan o penso?

Un dos problemas máis recorrentes na alimentación nas ganderías de vacún de leite en intensivo é que, a pesar dos esforzos por ter unha ración equilibrada, as vacas rematan escollendo determinados compoñentes en favor doutros. Unha das alternativas que se presenta para reducir este problema é o “Compact feeding” (Total Mixed Ration, TMR), un sistema de alimentación que consiste en engadirlle auga á ración do carro para lograr que a fibra e o concentrado conformen unha pasta homoxénea, de maneira que as vacas non poidan escoller. Se os animais son capaces de separar os ingredientes, adoita darse que as vacas máis dominantes do rabaño comen maior cantidade de concentrado, o que provoca que a ración non sexa igual para tódolos animais para os que se pensara. “O que buscas cando elaboras a ración é que estea equilibrada e que a vaca reciba a ración tal e como a deseñaches no ordenador, cos aportes de cada ingrediente que precisa. Se os animais son capaces de escoller os concentrados, ó final van deixando a forraxe e non acaban recibindo a ración como deberan”, explica o responsable do departamento de Leite e Produción Animal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), César Resch Zafra.
Unha das vantaxes deste sistema é que permite reducir as sobras a un mínimo do 2%
Este sistema de alimentación compactada, desenvolvido sobre todo en granxas de Dinamarca e Holanda, permite reducir as sobras a un mínimo do 2%, arredor dun quilo por vaca, que é outra das principais vantaxes que presenta. O Compact feeding é unha mestura na que o silo de herba é a parte central e onde non quedan pellets ou pequenas partículas nin na ración nin no comedeiro. Ó ser unha masa húmida, a ración resulta homoxénea. O sistema Compact feeding foi unha das alternativas que se estudaron no Proxecto Eurodairy, no que participaron varias entidades galegas como o Ciam, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), o Laboratorio Interprofesional Galego do Análise da Leite (Ligal) ou a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca).

Como se consegue esta mestura?

Para lograr o Compact feeding lévanse a cabo varias fases, un proceso co que garantir a calidade da ración e conseguir esa maior uniformidade. A diferenza máis significativa con outros métodos de preparación da ración é que os concentrados somérxense en auga previamente a mesturalos co resto de ingredientes. É un sistema pensado, sobre todo, para aquelas ganderías nas que empregan os concentrados en granulados e resulta máis complexo conseguir unha mestura uniforme. O Compact feeding no carro mesturador. En concreto, segundo apuntan os expertos, os concentrados permanecen a remollo máis dunha hora, polo xeral durante toda a noite anterior. Humedecer o concentrado permite que se aumente a súa adherencia. A continuación, faise a mestura coa premezcla mineral, o silo de herba e outros alimentos que aporten fibra. Por último, engádese o silo de millo. “Este sistema resulta de utilidade en racións onde é difícil que o concentrado se mesture ben coas forraxes”, explica Resch. Así, é unha alternativa para racións moi secas formadas a base de alfalfa (que apenas adoita ter unha humidade do 10%) e silo de millo, onde ó engadir o concentrado, este adoita rematar esvarando ata o solo, permitindo que as vacas o escollan mellor.
A cantidade de auga que debe aportarse á ración estímase tendo en conta a humidade que conteñan as forraxes e a materia seca
A cantidade de auga que debe aportarse á ración estímase tendo en conta a humidade que conteñan as forraxes e a materia seca total que aporten os distintos compoñentes. O obxectivo é acadar racións que teñan entre un 45-50% de materia seca. Así, dependendo dos ingredientes que compoñan a ración, se estes teñen un alto aporte de materia seca que excede diso, engadir auga pode conseguir acadar un equilibrio. É o caso das mesturas a base de alfalfa e concentrado, que soen ser moi habituais en ganderías francesas.

Aplicar o compact feeding en Galicia

O sistema Compact feeding adoita empregarse, sobre todo, en ganderías de países do norte de Europa e pode ser unha opción para aquelas granxas onde a ración é moi seca. Polo de agora, esta práctica non está moi estendida en Galicia, aínda que xa hai ganderías que a levaron a cabo de xeito intuitivo e experimental para conseguir ter unha mestura máis uniforme.
O calor é un dos condicionantes do Compact, xa que as altas temperaturas e a humidade favorecen a aparición de bacterias
Un dos aspectos a ter en conta sobre a aplicación do sistema en Galicia é que no verán, coas altas temperaturas, unha maior humidade na ración pode dar lugar a que na mestura final poidan aparecer bacterias. “Galicia non é Dinamarca nin Holanda e hai que ter moito coidado co exceso de humidade nas épocas nas que fai calor. No verán é mellor que esa ración estea máis seca para reducir riscos, pero nos días frescos e fríos pode ser unha boa alternativa”, explica Resch.

Efectos do compact feeding na granxa

Este tipo de alimentación foi estudada pola firma danesa Seges, especializada na xestión agrícola e gandeira. Seges avala que a aplicación deste sistema provoca cambios significativos tanto na produción e saúde do rabaño como no seu comportamento. Unha dos primeiros efectos que se observan nas ganderías é que se reduce o tempo que as vacas están no comedeiro e pasan a estar máis nas camas. Aínda que logo responden inmediatamente cando se lles bota a comida. “As vacas non menten, abonda con observar o seu comportamento no comedeiro para avaliar as calidades deste sistema de alimentación”, comenta Niels Bastian Kristensen, biotecnólogo e defensor do Compact feeding.
Co Compact feeding redúcese o tempo que as vacas pasan no comedeiro e increméntanse os valores de ECM
Entre os cambios que se observan está que as vacas comen dende a cima da pila e non do chan do comedeiro, xa que a comida permanece na pila. Os animais están moito máis centrados comendo e non atenden a distraccións nin a remexer na comida. Os efectos da alimentación tamén se derivan á produción e poden verse ó mes de comezar a empregar o sistema, incrementándose os valores de Enerxía Correxida en Leite (ECM) como recolle Bastian Kristensen nun estudo e amosou no proxecto Eurodairy. Son ademais uns resultados que o experto indica que se manterían no tempo. Primeiros efectos na produtividade da gandería co sistema Compact feeding. Efectos do cambio de sistema de alimentación nos 2 primeiros anos.  

Claves a ter en conta na ración compacta

O especialista Bastian Kristensen tamén aporta algunhas claves a ter en conta á hora de elaborar a ración baixo este sistema para evitar tanto problemas no propio carro mezclador como para lograr unha maior optimización dos ingredientes da mestura. Recollemos varias das recomendacións do experto. - Evitar engadir a auga co mezclador en espera. É preciso que o mesturador estea xa funcionando cando se engade a auga. Tamén é importante que a auga da mezcla non chegue a conxelarse, xa que pode resultar perigosa. - Protexer tanto o carro como o tractor, para o que se recomenda non deixar de remexer antes de descargar a mezcla. - As chapas restrinxentes do carro mezclador deben empregarse cando se corta a palla pero non cando se mestura o Compact feeding para vacas en lactación, xa que córrese o risco de bloquear o carro. - A ración das vacas secas debe ter unha estabilidade aeróbica, que se logra tendo en conta o deseño e a velocidade máxima do sinfín durante a descarga.

Recomendacións para mellorar o funcionamento do carro unifeed

Coa estabulación do gando vacún de leite que se xeneralizou nas últimas décadas, o carro mesturador ou carro unifeed pasou a desempeñar un papel crucial nas granxas, sendo o responsable de mesturar de forma uniforme os distintos ingredientes da ración (ensilados, palla, penso, melazas, auga...etc). Por tanto, do correcto manexo e mantemento do carro unifeed dependerá unha óptima inxesta e aproveitamento da ración por parte da vaca, a súa boa conservación e o rendemento leiteiro dos animais. Neste sentido, Pedro Sedano, veterinario de Qualivet, explicou nas xornadas técnicas de vacún de leite de Mazaricos celebradas este mes cales son as claves dun correcto control do carro a través da ración. Así mesmo, destacou a importancia de realizar auditorías periódicas para comprobar que tanto o mantemento como o manexo da máquina son os máis axeitados para cada granxa. “Os obxectivos que nos debemos marcar co manexo do carro unifeed son obter unha mestura uniforme ao longo do comedeiro e ao longo dos días; conseguir un tamaño de partícula adecuado da forraxe, e minimizar as necesidades de traballo do gandeiro ou do empregado. Tamén debemos perseguir unha redución dos custos enerxéticos -gasóleo- e maximizar a vida do carro”, son as conclusións de Tom Oelberg, PhD, técnico especialista en rumiantes en Diamond V, e creador da TMR Audits.

Puntos esenciais para realizar un correcto mesturado no carro:

Exemplos de sen fin cheos de restos de comida en carros con falta de limpeza Neste sentido, Pedro Sedano explica cales son os puntos esenciais que se deben revisar para lograr un correcto mesturado dos ingredientes no carro: -Limpeza: Implantar unha rutina de limpeza periódica do carro, tanto exterior como interior, para evitar que se acumulen restos de comida no seu interior que constituirán unha fonte de contaminación (fermentos, fungos e bacterias non desexables). -Revisar o desgaste das pezas e especialmente das coitelas. “A miña recomendación é cambiar dunha vez a metade das coitelas se están romas, porque desta forma sempre garantiremos que o carro funciona de forma razoablemente efectiva”, explica o veterinario de Qualivet.
 “As mellores mesturas de carro teñen un coeficiente de variación do 3% ou menos”
-Tempo adecuado de mesturado despois do último ingrediente. Neste sentido, unha tese doutoral realizada no ano 2015 por Endika Landa Goya na Universidade Pública de Navarra concluíu que a homoxeneidade da mestura, expresada en % de coeficiente de variación (CV) é dunha media de 3,11% se o carro permanece 3,5 minutos mesturando desde que se engadiu o último ingrediente. “As mellores mesturas teñen un coeficiente de variación do 3% ou inferior”, destaca Pedro Sedano. Pero se este tempo aumenta a 5 minutos a homoxeneidade da mestura aumenta notablemente, ao descender os CV ao 2,15%. Os datos aínda son máis elocuentes se se comparan a parte superior do carro: 18,52% de CV fronte a un 8,15% cando se mestura durante 5 minutos. E tamén no fondo da bandexa: 4,81% fronte ao 2,56%. -Manter o carro en posición nivelada ao cargar os ingredientes: De non ser así a mestura é moito menos homoxénea e as vacas tenden a seleccionar máis e a reducir a inxesta de Materia Seca. -Posición da carga de ingredientes ao centro do carro mesturador. Nunca se deben cargar as forraxes, penso e demais ingredientes no lateral do carro, sempre no centro. -Orde de adición dos ingredientes: A orde recomendada para garantir unha maior homoxeneidade da mestura é incorporar primeiro ao carro a palla, a continuación a fariña de soia e/ou o penso ou concentrado. A continuación engadiríanse as forraxes húmidas: silo de herba e silo de millo, por esta orde. E en último lugar a melaza e auga se fose necesario. -A distribución dos líquidos (melazas..etc) debe realizarse no centro do carro e de forma uniforme. -Débese evitar o sobreenchido. O volume de cargo debe ser o adecuado para garantir unha boa mestura. Coitela nova e coitela gastada -Velocidade suficiente de rotación do sin-fin. Debemos aumentar as revolucións do motor segundo o tamaño da fibra e aumentar o tempo de mestura cando se engaden os ingredientes. -Traballar cun tamaño adecuado de partícula das forraxes antes do mesturado. -Axuste adecuado das contra-coitelas.

As auditorías de carro mesturador

Pedro Sedano incide na importancia de realizar auditorías de carro mesturador para garantir que as mesturas son homoxéneas. “O principal sinal de que o carro non está a traballar ben é que a produción de leite das vacas oscila de forma notable. Unha vez que aplicamos as medidas correctoras adecuadas á situación particular de cada granxa, as liñas de produción de leite teñen a ser moito máis lineais”, destaca o veterinario de Qualivet: Exemplo de variación da produción de leite nunha gandaría antes e despois dunha auditoría de carro unifeed: Só o 30% das cargas logran unha boa mestura A partir dos datos das auditorías realizadas por Diamond V, Pedro Sedano conclúe que “soamente o 30% das cargas son normais, é dicir, non presentan problemas, e os principais fallos son traballar con equipos desgastados, sobre todo as coitelas, (23% dos casos), seguido de tempo insuficiente de mesturado despois de engadir o último ingrediente (13,5%), calidade da forraxe e procesamento do mesmo (10%) e sobreenchido (6,2%)”.