Archives

Ampliado por un mes o prazo de solicitude das axudas para rexeneración ou mellora de masas de frondosas autóctonas

A Consellería do Medio Rural amplía durante un mes o prazo de presentación de solicitudes de axuda, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións de mellora en masas de frondosas autóctonas mediante traballos de desbroce, podas ou desmestes, así como para a xestión mediante usos silvopastorais destas superficies. O anuncio, publicado no DOG este mércores, establece ademais a obrigatoriedade de, unha vez rematados os traballos silvícolas, extraer ou triturar os restos que se obteñan como consecuencia do tratamento, en consonancia co Decreto que regula os aproveitamentos madeireiros e leñosos e no que se obriga á extracción ou trituración da biomasa forestal residual. O criterio técnico aconsella a eliminación dos restos que se obteñan dos tratamentos silvícolas porque supoñen un risco para a aparición de pragas ou enfermidades forestais. Ademais, a retirada destes restos do monte contribúe á prevención dos incendios forestais ao eliminar o combustible do sotobosque.
Fíxase un importe de 850€/ha para a eliminación ou trituración dos restos de biomasa consecuencia das actuacións silvícolas realizadas
Tendo isto en conta, a Consellería modifica a orde de axudas publicada no DOG o pasado 26 de xaneiro para engadir como actuación subvencionable a eliminación, extracción ou triturado dos restos que se obteñen como consecuencia do tratamento, o que supón engadir e cuantificar un novo prezo unitario, para compensar o custo que supón para a persoa beneficiaria da subvención o cumprimento da lexislación vixente. Incremento de orzamento A convocatoria incrementa en 1,24 millóns de euros o orzamento inicial para contribuír á rexeneración ou mellora de masas consolidadas de frondosas autóctonas. Ademais desta liña, dotada agora con case 1,5 millóns de euros, a orde tamén inclúe outra centrada na xestión forestal sostible para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas, dotada con algo máis de 420.000 euros, polo que o orzamento total se achega aos 2 millóns de euros para as anualidades 2024 e 2025,
O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de abril, permitindo modificar aquelas xa formuladas anteriormente
Como consecuencia desta modificación e para garantir a concorrencia competitiva, a Administración autonómica acorda modificar o prazo de presentación de solicitudes establecido por un mes máis, contado a partir do xoves 7 de marzo, o día seguinte ao da súa publicación no DOG.  Esta ampliación permite que as persoas que xa formularon solicitude no prazo transcorrido ata a modificación desta orde poidan manter ou modificar a solicitude, ou que aquelas persoas que non formulasen solicitude con anterioridade poidan formulala tendo en conta as novas condicións. Actuacións subvencionables Como actuacións subvencionables resultarían a roza, a formación de guías en que se manifeste nitidamente a dominancia apical e/ou poda ata 1/3 da altura como mínimo, a selección de abrochos, as desmestas e a eliminación, extracción ou triturado dos restos que se obteñen como consecuencia do tratamento.
A densidade final mínima despois do tratamento será de 333 pés/ha e a máxima de 500 pés/ha
Poderán solicitarse diferentes actuacións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 3.340€, sen incluír os custos de redacción de proxecto e o panel informativo.

Comezan en Galicia as entresacas de carballos, castiñeiros e bidueiros para usos de valor

Francisco Pedras, José Martel e Roque Rodríguez Soalleiro durante a primeira xornada do simposio internacional sobre frondosas que se celebra en Lugo Galicia conta cunhas 617.000 hectáreas de frondosas, que representan o 40% das áreas cubertas de arborado da comunidade. A maioría veñen de rexeneración natural, froito do abandono do monte, e esa falta dunha selvicultura axeitada leva a que as industrias galegas non conten neste momento con materia prima local de calidade e se vexan obrigadas a importar carballo ou castiñeiro de países como Francia. Como aproveitar e valorizar a madeira de frondosas que hai actualmente nos nosos montes, de escasa dimensión, a través da innovación e novos usos, e como mellorar as labores culturais aplicadas nestas masas para obter de cara ao futuro pés de porvir que nutran o desenvolvemento dunha industria centrada nas frondosas caducifolias é o obxectivo do Proxecto para a Valorización Sustentable da Madeira das Masas de Frondosas de Galicia, posto en marcha hai un ano pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA). Os resultados preliminares deste proxecto foron presentados este mércores en Lugo no marco dun Simposio internacional que reúne até o venres a 32 expertos, 16 deles procedentes de 9 países europeos (Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Letonia, Suecia e Suíza) onde se están a dar novos usos ás frondosas.
Temos a necesidade de asegurar un futuro aprovisionamento de madeira de frondosa de calidade aos aserradoiros galegos
O proteccionismo ou conservacionismo excesivo por parte da Administración das masas de frondosas autóctonas, a escasa dimensión das parcelas privadas individuais e a falta de profesionalización de moitas das CMVMC existentes en Galicia xogan en contra dun maior aproveitamento das masas existentes e das posibilidades que ofrecen.   “Temos a necesidade de asegurar un futuro aprovisionamento de madeira. Cando visitamos aserradoiros de frondosas vemos moitas veces que esas materias primas non son locais, porque non temos en Galicia os diámetros e longos necesarios”, evidencia Francisco Pedras, do CIS Madeira. Primeiras cortas en Labio, Couso e A Veiga Aproveitamentos de castiñeiro no monte veciñal en man común de Couso (Gondomar) O Proxecto para a Valorización Sustentable da Madeira das Masas de Frondosas de Galicia xorde para dispoñer de experiencias piloto concretas en parcelas de experimentación das que obter datos cuantificables que sirvan de referencia para o impulso dunha nova industria da madeira de frondosas na comunidade. “Estanse facendo xa sinalamentos e apeando madeira de carballo en Labio (Lugo), de castiñeiro en Couso (Gondomar) e de bidueiro na Veiga. Estamos traballando fundamentalmente con estas tres especies”, explica Francisco.
As entresacas estanse a facer con maquinaria adaptada para que non queden afectadas as árbores de porvir que quedan no monte
Este tipo de entresacas e cortas cirúrxicas estanse a realizar con maquinaria adaptada, de maneira que non afecten ás árbores de porvir que van quedar no monte. Unha vez cortada e aserrada comezarase o proceso de secado da madeira antes da súa transformación.   Novos usos para as frondosas De cara a esa fase de industrialización é onde entra en xogo a necesidade de atopar novos usos que permitan valorizar esa madeira de pouco diámetro que se obtén destas cortas intermedias. “Sabemos que podemos facer con madeira de calidade e bo porte, pero até que teñamos ese tipo de madeira temos que desenvolver produtos de maior valor engadido para esta outra”, razoa Francisco. “Estamos neste momento no proceso de buscar partners tecnolóxicos que nos dean ese impulso. Temos empresas forestais moi importantes en Galicia que poden ser tractoras e que deberían abrir ese camiño que outras industrias de menor tamaño quizais non teñan esa capacidade”, argumenta.
Ademais de innovar explorando novas oportunidades e mercados, preténdense mellorar tamén as técnicas de aserrado e secado actuais
Ademais de innovar explorando novas oportunidades e mercados, preténdense mellorar tamén as técnicas de aserrado ou secado actuais, procurando un aproveitamento en cascada, de maneira que parte da madeira que vai actualmente para leña poida ter un uso doutro tipo, de maior valor, e así sucesivamente en todos chanzos a medida que se sobe de calidade. Postes para peches que poidan substituír os de piñeiro tratado ou elementos para mobiliario urbano poden ser algunha das utilidades para esta madeira de frondosa de pouco diámetro. “O deseño e a innovación vai ser unha parte fundamental do noso proxecto; temos que pensar o que quere o noso cliente final”, asegura o técnico do CIS Madeira.
Queremos coñecer de primeira man que se está facendo noutras latitudes con madeiras moi similares ás nosas
A maiores, preténdense aproveitar os refugallos da madeira a través de procesos químicos, a través dos cales obter por exemplo taninos que poidan ser empregados na industria da curtiduría, a produción de adhesivos ou en alimentación animal. “Non estamos condicionando ningún tipo de aproveitamento, só imos avaliar as distintas posibilidades e aportar as mellores ferramentas tecnolóxicas, pero queremos artellar tamén novos usos vendo que están facendo noutros países con madeiras moi similares ás nosas”, indica Francisco. Necesidade de adaptar a selvicultura á tipoloxía dos montes galegos Visita ao marteloscopio de Labio, en Lugo, dalgún dos expertos internacionais que asisten ao simposio  Roque Rodríguez Soalleiro, profesor da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra de Lugo explica que o 80% dos montes de frondosas actuais que hai en Galicia requiren dalgún tipo de actuación, sexan podas, desbroces ou mesmo cortas para aproveitamento comercial. “A selvicultura de frondosas require facer sinalamentos, é algo esencial”, destaca. “E temos que adaptar esa selvicultura á tipoloxía forestal e á estrutura da propiedade que temos”, engade.
O 80% das masas de frondosas actuais que hai en Galicia requiren dalgún tipo de actuación
“No caso da selvicultura de frondosas trátase de intervencións non moi intensas, polo que se require dunha superficie bastante ampla para acadar un lote de madeira que compense esa intervención. Nos montes privados individuais de pequena dimensión que temos en Galicia na maioría dos casos a venda dos produtos obtidos non compensa os custos de realización dos traballos”, indica. A maiores da función produtiva, “ter unha superficie de frondosas xestionadas resulta positivo a nivel de incendios e tamén aporta resiliencia sanitaria ante pragas que afectan a outras especies, como a banda marrón no piñeiro ou as que castigan ao eucalipto (Gonipterus e Mycosphaerella)”, asegura Roque.   “Temos un recurso pouco explotado e aproveitado” O profesor da Escola Politécnica é un dos artífices do Marteloscopio de Labio, unha parcela de carballos ubicada no monte veciñal desta parroquia de Lugo onde se realizou unha labor de clasificación dos distintos pés en función da súa calidade.
En Galicia córtanse anualmente uns 0,3 millóns de metros cúbicos de madeira de frondosas autóctonas, fronte aos 6,2 millóns de eucalipto e aos 3,5 millóns de piñeiro
Esta parcela, incluída nunha rede europea de marteloscopios e que foi visitada este mércores pola tarde polos asistentes ao simposio internacional, “é un lugar onde ensinar como facer os sinalamentos”, explicou Roque. En Galicia córtanse anualmente uns 0,3 millóns de metros cúbicos de madeira de frondosas autóctonas, fronte aos 6,2 millóns de eucalipto (3,7 de glóbulus e 2,5 de nitens) e aos 3,5 millóns de piñeiro (1,6 pinaster, 1,6 radiata e 0,3 sylvestris). “Temos un recurso pouco explotado e aproveitado”, concluíu referíndose ás frondosas caducifolias.

“Hai que favorecer as cortas de frondosas; non podemos vivir de costas a 620.000 hectáreas do territorio”

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, durante a súa intervención A prohibición leva ao abandono. Por iso, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, avogou na inauguración das xornadas por favorecer desde a Administración as cortas de frondosas para fomentar o seu aproveitamento. “Temos que entender que hai cabida no monte para a biodiversidade, pero tamén para o aproveitamento da madeira. Non podemos vivir de costas a 620.000 hectáreas do territorio e que cada vez van ser máis”, asegurou. Estas cortas servirían para incentivar nos propietarios forestais as labores selvícolas necesarias e para dotalos de ingresos cos que financialas, algo ao que tamén contribuirían os pagos polos servizos ecosistémicos que prestan estas masas de frondosas autóctonas, unha medida que a Xunta de Galicia está a valorar para a súa posta en marcha. “Temos que empezar a facer selvicultura xa” O director de XERA apostou por este tipo de medidas incentivadoras e por centrar esforzos en convencer ás industrias de transformación de que hai futuro nas frondosas, o mesmo que aos propietarios forestais, empezando polas comunidades de montes.
Non podemos aplicar receitas baseadas na selvicultura do 50%
A Xunta de Galicia elaborou 42 modelos selvícolas dos que 23 están intimamente relacionados co manexo de frondosas caducifolias. “Os técnicos forestais deben coñecelos e saber aplicalos e non aplicar receitas xenéricas ou baseadas na selvicultura do 50%. Temos que pasar a unha selvicultura de claras e entresacas”, insistiu. Aproveitamento industrial En canto ao papel das empresas da cadea monte-industria, Jacobo asegurou, en relación ao simposio internacional que se está a desenvolver esta semana en Lugo, que “este evento será un éxito no caso de que algunha compañía industrial do sector forestal de Galicia valore a posibilidade de abrir unha liña de produción industrial baseada na frondosa caducifolia, co material que nós temos, que é de pequenas dimensións”, recoñeceu.
Temos que poñernos a traballar canto antes e facerlle a selvicultura precisa aos nosos bosques
“Non estamos na situación de Francia, non estamos nunha situación na que podamos escoller árbores que teñan un prezo de mercado de 250 euros a tonelada. Pero para chegar a esa situación dentro de 20 ou 30 anos temos que empezar xa a facer selvicultura”, insistiu. A situación de Galicia, dixo, non é diferente á que se dá noutros países europeos e mudar esa situación pasa por convencer tanto ás empresas como aos produtores primarios de madeira para que valoren máis as masas de frondosas existentes.
Noutros países europeos estase aproveitando material de pequenas dimensións como o que temos en Galicia
Algunhas delas levan abandonadas os últimos 30 ou 40 anos, polo que é posible facer xa algún tipo de aproveitamento nelas, unhas cortas selectivas necesarias ademais para que as árbores de porvir que queden desenvolvan todo o seu potencial, argumenta o director da Axencia Galega da Industria Forestal. “E con ese material que nós retiremos temos que tratar de obter o maior valor engadido”, defende.
Contamos con masas abandonadas nos últimos 30 ou 40 anos nas que xa hai madeira para cortar
“Desde XERA pensamos que a transformación química e mecánica desas frondosas de escaso porte ou dimensión pode abrir novas posibilidades de valorización. Por exemplo a extracción de taninos dirixida a lograr un mellor aproveitamento dixestivo nos pensos de alimentación animal, para emulsionantes ou o seu uso en materiais illantes térmicos e acústicos”, indicou. E en materia de elementos de construción, “o bidueiro ou a faia son madeiras que agora mesmo xa se están a prescribir por parte dos arquitectos para introducilas con usos estruturais”, aclarou Jacobo.

A Xunta convoca as primeiras axudas para mellorar os bosques de carballos e castiñeiros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde mediante a cal se establecen as bases reguladoras das axudas para a rexeneración e/ou mellora en masas consolidadas de frondosas autóctonas e para a xestión forestal sostible para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas, que contan cun orzamento de 683.110 euros. A convocatoria conta con dúas liñas de axudas. A primeira destínase para a rexeneración ou mellora das masas consolidadas de frondosas autóctonas e nela subvencionaranse as actuacións silvícolas necesarias para a xestión e o aproveitamento destes terreos. Neste caso, serán elixibles actuación como tarefas de roza ou a plantación puntual con especies arbóreas frondosas para acadar a densidade axeitada. A segunda liña de axudas céntrase na xestión forestal sostible para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas. As actuacións que serán elixibles para subvención, neste caso, son tarefas de roza; a emenda caliza, a fertilización, o gradeo semipesado, a sementeira con especies pratenses e o pase de rulo; ou os peches cando o xustifique a súa necesidade. En ámbalas dúas liñas, o importe máximo que se concederá por beneficiario é de 30.000 euros. Na primeira liña, poderán solicitar as axudas tanto entidades locais como persoas físicas ou xurídica, mentres que na segunda só terán a posibilidade estas últimas. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do luns 29. Así, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionables é o 30 de xuño de 2025, e so serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados con posterioridade á data de inspección previa e como límite na data final de xustificación.

Ligazón á resolución no DOG

“Galicia ten frondosas fascinantes, só ten que copiar o modelo de xestión dos bosques centroeuropeos”

Non existe un modelo de monte ideal de frondosas ao que converxer, aínda que si existen referentes: os bosques centroeuropeos tratados desde hai séculos para obter madeira de calidade. Desde a perspectiva do enxeñeiro de montes Froilán Sevilla, especialista no manexo de masas de frondosas, en "España a penas se iniciou ese camiño coas frondosas, case non hai formación. Poderíase dicir que onde máis se aplica é en Galicia". Sevilla defende que unha boa silvicultura é precisa non só para obter madeira de calidade, senón tamén para mellorar a prevención de incendios. Exemplo de silvicultura en Centroeuropa. Foto: Froilán Sevilla "O que fixen eu foi copiar a xestión dos mellores bosques centroeuropeos para aplicala ao norte de Burgos, onde traballo", indicou o enxeñeiro nunha charla sobre frondosas que tivo lugar en Oleiros. Froilán explica que a silvicultura que aplica pasa por seguir árbore por árbore desde que son pequenas. "Hai que facer intervencións relativamente suaves e cada pouco tempo, deste xeito a matogueira non invadirá o terreo e isto, de cara aos incendios ten unha importancia enorme", sinala. A finalidade, segundo apunta, debería ser sempre chegar á excelencia, aínda que tamén hai que ser "modestos" e marcarse uns obxectivos en base ás opcións que ofrecen os bosques. Aplicación en terreos pequenos Durante a charla expuxo un exemplo dun propietario de Francia que tiña unhas 400 hectáreas de frondosas. "Tiña claro o que buscaba e en lugar de meter un madeirista, decidiu empezar a anelar as árbores", explicou Froilán. "O que fai este señor resume o concepto clave da silvicultura", subliñou. O proceso de anelado consiste en facer un corte cilíndrico e superficial, que afecta á casca e ós primeiros milímetros de tronco, dos individuos seleccionados. O obxectivo é interrumpir o fluxo de savia bruta e savia elaborada cara a raíz, sen afectar á estabilidade da árbore. O corte, que se fai nunha franxa de anchura variable, simula a morte natural do exemplar e contribúe a xerar madeira grosa en pé. Sevilla considera que se trata dun elemento fundamental para o manexo das repoboacións forestais de frondosas caducifolias. No exemplo francés, Sevilla explicou que o propietario anelaba as árbores cun machete e unha machada. Desde a súa primeira visita, hai 21 anos, até agora, "as árbores medraron e xa saca cartos". Con este caso puxo de manifesto que se pode facer algo similar en Galicia, chegando a propiedades pequenas das que sacar rendibilidade. "Este tipo de xestión pódea facer un propietario privado pequeno", insistiu, e aclarou que "é necesario que haxa unidades de xestión un pouco grandes (20 hectáreas) se se quere sacar un aproveitamento rendible. Loxicamente traballarase co que se poida, pero o máis importante é o nivel de capacitación dos actores", valorou. Incendios, un grave problema O tema dos incendios debe ser "unha prioridade" na xestión e a silvicultura "podería mellorar bastante a relación cos incendios, cambiando algúns factores". Froilán indica que non é bo ter os macizos forestais con monocultivos e que é necesario buscar zonas estratéxicas. Incendio na Serra do Courel onde se salvaron as frondosas. Foto: Froilán Sevilla O enxeñeiro explica que non hai solución para loitar contra os incendios, porque cando hai condicións extremas, como as temperaturas dos últimos veráns, "dá igual o que se plantase". Así mesmo, incidiu na importancia de que os lumes non entren nas carballeiras, porque se é así, pérdese a calidade na parte baixa das árbores, que é onde se ven as feridas do lume”. Fronte ás voces que consideran as frondosas unha ferramenta contra os incendios, o investigador valora que "a solución non é repoboar de frondosas". Para demostralo, amosou exemplos onde as plantacións de frondosas son un maior risco para os incendios incluso que algunhas plantacións de coníferas. A clave, para el, é o manexo silvícola das masas. Un exemplo de xestión en Labio Sobre o alto peso dos aproveitamentos forestais galegos no conxunto do Estado, que representan arredor do 50% das cortas, Sevilla considera que os datos de extracción galegos están "trucados" porque en España as cortas concéntranse en catro especies: piñeiro do país, piñeiro radiata, eucalipto e chopo. As frondosas caducifolias en Galicia, de xeito similar ao resto do Estado, a penas representan un 3% das cortas con destino industrial, ó que hai que sumar as cortas para leñas domésticas. En comparación con outras comunidades, o rasgo diferencial de Galicia é o escaso peso do chopo. "Galicia ten unha porcentaxe moi alta das cortas de España porque ten gran número de árbores das especies comerciais", valora. Pero tamén puxo de manifesto a gran cantidade de hectáreas de frondosas que hai na comunidade, máis de 611.000 hectáreas (carballos, rebolos, castiñeiros, bidueiros,etc.): "É un gran patrimonio e non podedes vivir de costas a el", aconsellou, para apuntar a continuación que "en Galicia hai un bo material xenético". Exemplo de silvicultura en Labio (Lugo). Foto: Froilán Sevilla Así mesmo, o enxeñeiro mostrouse fascinado pola visita que realizou a un bosque en Labio (Lugo). "Miraba aos carballos que había alí e pensaba "crecen máis que en Alemaña", pero, que falta? Xestión", expuxo durante a sesión. Froilán destacou o traballo que se fixo nese monte galego e os resultados que obtiveron en tan pouco tempo. Explicou que as masas se deben abrir de forma suave e sempre "buscando os bos exemplares para axudalos". Isto mesmo foi o que fixeron en Labio "unha execución moito máis pura da que eu fago". Explica que nas súas tarefas sempre tratan de axudar ao bo, pero tamén cortan parte do malo que hai no monte, "o que fan aquí é simplemente axudar aos bos". Para finalizar a súa exposición, concluíu afirmando: "Eu se teño estes carballos non tería présa en darlle paso á seguinte xeración. Co que hai pódese traballar e obter un bo produto, e aquí hai un gran potencial".

Clonación in vitro das árbores con mellores calidades de madeira para toneis e chapa

O bidueiro e o carballo son dúas árbores con gran potencial de aproveitamento. Iso é o que defendeu a directora técnica do laboratorio de Biotecnoloxía Vexetal Cultigar (Brión), Marga Fraga, nunha recente xornada celebrada en Oleiros (A Coruña) sobre as posibilidades que ofrecen as frondosas en Galicia. Así mesmo, falou sobre o Plan de Valorización das Masas da Madeira de Frondosas Autóctonas e tamén expuxo os resultados que están a obter nas investigacións que levan a cabo en Cultigar. A firma implantou hortos sementeiros de clons, coma un ubicado en Oleiros. Así mesmo, investigaron sobre a calidade das madeiras do carballo e do bidueiro para destinalas a uso toneleiro e chapa, respectivamente. Marga Fraga sinalu que no caso do castiñeiro e da cerdeira xa houbo programas de selección dende hai anos, porén no caso do carballo e do bidueiro non se traballou neste sentido. Destas dúas últimas especies, nunha primeira parte do traballo o que fixeron en Cultigar foi seleccionar árbores elite de diferentes lugares de Galicia. Foron escolleitos en función dunha serie de parámetros como a altura, diámetro ou a ramificación. Os carballos escolléronos dentro duns rodais selectos de Galicia (Paderne de Allariz, Castroverde, Vilalba e Becerreá). Dentro deses catro rodais, seleccionáronse sementes das árbores individuais por trepa e plantáronse nun viveiro, logo repartíronse en catro rexións climáticas de Galicia (Lourizán, Santa Comba, Chantada e Trasmiras). En total, foron 20 as árbores seleccionadas. No caso do bidueiro fíxose un traballo similar, pero “do bidueiro non contabamos con rodais selectos, entón tivemos que recoller os mellores exemplares da Terra Cha Lucense”. Seleccionaron 59 árbores elite, das que colleron sementes para plantalas en viveiro e finalmente leváronse a unha parcela á Terra Cha e outra a Cea (Ourense), que xa ardeu. “Co traballo do carballo, xa observamos que a proxenie está medrando, pero aínda son árbores novas. No caso do bidueiro, como o proxecto se empezou hai 32 anos, agora temos árbores maduras, polo que ofrecen a posibilidade de continuar co estudo e poder avaliar as súas características morfolóxicas”, indica Marga. O carballo para uso toneleiro e o bidueiro para chapa Plantacións de carballo e bidueiro coas que traballan en Cultigar As árbores de carballo coas que traballan teñen uns seis anos, entón as súas características forestais “pódense intuír pero non observar, porque non están totalmente desenvoltas”. Aínda así, apunta que fixeron unha selección e hai exemplares que mostran un maior crecemento que os outros. Marga indica que poderían estudar a calidade da madeira, “pero son árbores delgadas, con troncos estreitos, e a calidade da madeira mídese recollendo cilindros transversais do tronco e labra da madeira”. Por iso, o que están a facer é recoller esas mostras nas árbores nais das proxenies. Un dos logros que xa alcanzaron foi correlacionar os contidos químicos da madeira cos das pólas. Isto podería permitir avanzar na selección de árbores novas: "Se chegamos a demostrar esta correlación, poderiamos estudar a calidade da madeira nas árbores novas e así facer unha primeira selección con este parámetro e non só por caracteres fenotípicos", sinala. Para facer este estudo, contaron coa colaboración do Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira de Asturias.
Analizan as diferenzas entre as árbores de bidueiro e escollen as mellores para empregalas na chapa
En madeira cortada, contido químico e calidades pódense examinar con tecnoloxía infravermella. “Desta maneira, cando temos madeira cortada nos serradoiros, coa tecnoloxía NIR poderíase facer esta observación e seleccionar a madeira coa composición química que tecnicamente necesitamos para toneis”, puntualiza. No caso do bidueiro, como xa contan con parcelas de árbores con 32 anos, xa puideron realizar unha caracterización máis precisa. Recolleron todos os datos necesarios en Lourizán e realizaron unha estatística na que ven as diferenzas que existen, para así facer unha selección das mellores para o seu uso para chapa. Aínda así, fáltalles por engadir a densidade, “que é un factor que queremos analizar”. Multiplicación in vitro das árbores Marga apunta que se deberían estudar máis características para outros usos, “pero para iso pedimos a colaboración do sector finalista da industria da madeira”. Agora atópanse nun proceso de análise da madeira que extraerán das claras xenéticas que van facer: “As claras son necesarias para facer unha boa xestión do monte e que mellore a luz, así mellorará o seu desenvolvemento”. Unha vez que teñan seleccionadas as árbores coas que van traballar, que teñen as características fenotípicas ou a calidade de madeira que lles interesa, “multiplicamos in vitro por multiplicación vexetativa. Así conseguimos reproducir cada unha das árbores seleccionadas e logo levámolas a campo”. De 500 xenotipos de carballo que introduciron in vitro teñen 64 en cultivo, e deses, 50 conseguíronse enraizar e pódense transferir a viveiro. Árbores multiplicados que xa foron levados ao viveiro de Oleiros
Os bos exemplares non teñen brotes basais, por iso tiveron que forzalos para iniciar o cultivo in vitro
No caso do bidueiro, están á espera dos datos de densidade para xuntar todo e poder seleccionar cales son os mellores exemplares. Mentres tanto fixeron ensaios de multiplicación in vitro de exemplares adultos. Conseguiron un enraizamento das árbores adultas, pero tiveron que empregar brotes basais das árbores ou unicórmicos. Os mellores exemplares non teñen estes brotes, por iso tiveron que facer un anillamento basal e incisións enriba dos brotes para conseguir forzar eses brotes epicórmicos e partir deses materiais para iniciar o cultivo in vitro. Todas estas árbores, tanto bidueiro coma carballo, que se están producindo destínanse a hortos sementeiros clonais, como o que xa se instalou no viveiro de Santa Cruz. “Iso é unha aproximación do que podería ser un horto, pero temos pensado facer outro con todos estes xenotipos”, indica a directora técnica de Cultigar. Agora contan con 171 carballos de 24 xenotipos e o ideal sería buscar unha base xenética máis ampla. Tamén está prevista unha caracterización destas árbores porque a maioría dos carballos seleccionados nas parcelas proveñen dun mesmo rodal selecto “co cal estarán emparentados entre si. Temos que investigar ese grao de parentesco para proporcionar a maior biodiversidade posible a hora de transferilos ao campo”, conclúe Marga.

“Non hai madeiras boas nin malas, podemos buscarlle valor ás frondosas que temos”

A madeira galega de frondosas caducifolias, como o carballo, o rebolo ou o bidueiro, presenta un escaso uso industrial. Dos máis de 10 millóns de metros cúbicos que se cortan cada ano en Galicia con destino a serradoiros e industrias, só arredor dun 3 % corresponde ás frondosas caducifolias. Na procura de novos horizontes para as frondosas galegas, máis alá do seu uso tradicional como leña, a Axencia Galega da Industria Forestal está a traballar nun plan para a valorización da súa madeira. De cara a explorar novas posibilidades, a Axencia convocará proximamente un Concurso de Deseño e Creatividade Industrial, no que busca recibir propostas de industrialización que teñan empresas e profesionais do sector. As iniciativas premiadas levaranse a unha fase preindustrial con empresas galegas. Outra das iniciativas que servirá para buscar novas oportunidades será a celebración en Galicia dun congreso internacional sobre a materia a comezos do 2024. En Galicia hai actualmente 620.000 hectáresa dedicadas ás frondosas, principalmente entre Lugo e Ourense. Cabe destacar que o 56 % de toda a superficie está en parcelas de menos de media hectárea. Así mesmo, de toda esta superficie, a maior parte dedícase a aproveitamentos de leña, un 40 %; mentres que o 25 % das parcelas están abandonadas. Nun estudo realizado no marco do Inventario Forestal de Galicia , concluíuse tamén que a produción de madeira de serra era un obxectivo de xestión posible para case un 15 % das pequenas parcelas. O Plan Galego de Valorización Nunha recente xornada sobre o horizonte das frondosas caducifolias en Galicia, o técnico do CIS Madeira Francisco Pedras presentou os traballos que se xa están executando no marco do Plan Galego de Valorización Sustentable da Madeira de Frondosas Caducifolias. “É un plan ambicioso que se centra na situación que temos agora e que busca valorizar as frondosas galegas dende o punto de vista económico, social e ambiental, que é a triloxía que ten que estar sempre presente”, indica o técnico. O plan ten por obxectivo final a obtención nun futuro de madeira de frondosas de calidade a través da realización de actividades silvícolas, “que actualmente son inexistentes en Galicia”.
"O rebolo parécenos unha especie moi interesante pola diferenciación que pode acadar no mercado" (Francisco Pedras)
Unha das primeiras accións do proxecto desenvólvese a través de parcelas de experimentación, en masas de frondosas adultas, na parroquia de Labio (concello de Lugo) e no concello da Veiga (Ourense), con diferentes especies, entre elas o rebolo, “que nos parece moi interesante, pola diferenciación que ten no mercado”, sinalou Pedras na xornada sobre frondosas, organizada en Oleiros (A Coruña) pola Fundación Paideia. En cada parcela de experimentación, estase levando a cabo a marcaxe das árbores de porvir e de abater, todo cunha planificación dos traballos de corta. Árbores abatidos nas parcelas de investigación. Marcaxe de árbores de porvir Pedras defende que a potencialidade da madeira non vén dada polas propiedades mecánicas nin unicamente pola calidade da silvicultura que se lle aplicou, senón que vén definida pola utilidade que teña a madeira para diferentes procesos. “Por exemplo, pode haber un proceso ó que lle dea igual a densidade ou a sonoridade, pero interésalle a composición química de determinado compoñente. Niso é no que hai que focalizarse”, apunta. Ademais, engade que a madeira das frondosas ten unha gran vantaxe, que “é a súa durabilidade, un dato positivo que hai que saber potenciar”. Ante isto, Pedras afirma que “non hai madeiras boas nin malas, hai que adecuar as posibilidades que ofrecen e poñelas en valor”.
A principios do vindeiro ano contarán con expertos do sector internacionais para coñecer diferentes escenarios e coller ideas de aproveitamentos e xestión
No marco do Plan galego de valorización da madeira de frondosas, farase un estudo do mercado actual e de previsión de futuro para a madeira de frondosas en Europa. Vinculado a isto, proximamente programarase un congreso no que contarán con profesionais do sector doutras partes do mundo, como Francia, “onde teñen proxectos similares ao noso, con frondosas de baixa calidade, e no que buscan darlle valor. Con este congreso buscamos ter unha perspectiva máis ampla e coñecer outros escenarios dos que recoller ideas”, detalla Pedras. Ensaios con proxectos externos Outra das iniciativas na mesma liña é a apertura dun Concurso de Deseño e Creatividade Industrial, no que calquera entidade ou particular “pode presentar a súa idea para poñer en valor a madeira das frondosas. As únicas características que teñen que ter estas iniciativas é empregar materias primas dispoñibles, ser viables, con capacidade de industrialización e con interese comercial. Un xurado será o encargado de escoller as propostas premiadas, que logo se levarán a unha fase preindustrial con empresas galegas. Todas as conclusións que se definan sobre as oportunidades de futuro das frondosas galegas plasmaranse nun documento que será público para toda a cadea monte - industria.

Xornada sobre as posibilidades de futuro das frondosas en Galicia

A Fundación Paideia Galiza organiza unha xornada sobre as posibilidades das árbores frondosas en Galicia. A xornada levará por nome "Un horizonte cheo de posibilidades para as nosas frondosas" e celebrarase o día 20 de outubro. O encontro será no CEIDA, situado no Castelo de Santa Cruz no Concello de Oleiros. O horario para esta xornada será de 10:00 a 14:30. A conducción deste encontro estará a cargo de Xiana Albor, comunicadora ambiental na Radio Galega e na Televisión de Galicia O programa previsto é como segue: 10:00-10:15 APERTURA Presentación do Convenio de Colaboración entre a Consellería de Medio Rural e o laboratorio de biotecnoloxía vexetal de Galicia, Cultigar. Participan: José Luis Chan Rodríguez. Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Xunta de Galicia. Marga Fraga. Directora técnica de Cultigar. Fundación Paideia Galiza. 10:15-11:30 CONFERENCIA Cara unha xestión do monte máis sostible. Participa: Froilán Sevilla. Xefe de Sección Territorial 4ª. Servicio Territorial de Medio Ambiente de Burgos. Junta de Castilla y León. CONFERENCIA A Biotecnoloxía vexetal como ferramenta para o desenvolvemento do sector forestal. Participa: Paloma Moncaleán. Investigadora principal de Neiker. 11:30-12:00 CAFÉ EN REDE 12:00-13:00 MESA REDONDA Os Recursos forestais: Responsabilidade e Rendibilidade. Desafíos e oportunidades do MFR (material forestal de reprodución) a través dos datos. Interveñen: José Martel. Xefe do Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte. Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. As frondosas galegas no foco da investigación. Marga Fraga. Directora técnica de Cultigar. Fundación Paideia Galiza. Da semente á madeira. Plan de Valorización das Masas da Madeira de Frondosas Autóctonas. Xosé Francisco Pedras. Técnico no CIS Madeira da Axencia Galega da Industria Forestal. 13:30-14:30 Traslado e visita á parcela de especies frondosas forestais de alto valor xenético. Viveiro Xunta de Galicia-Santa Cruz. (Recoméndase traer calzado cómodo). 14:30 FIN DA XORNADA

As entresacas de frondosas galegas demóstranse con potencial para madeira de serra

As masas de frondosas constitúen o principal grupo de árbores en Galicia, por diante de piñeiros e eucaliptos, pero enfróntanse ó paradoxo de ter un aproveitamento industrial residual. Só arredor do 2,5% de toda a madeira que se corta cada ano na comunidade é de frondosas, cando existe potencial para aproveitar moito máis de xeito sostible. O ritmo de crecemento das frondosas no monte galego é de 1,8 millóns de metros cúbicos ó ano; sen embargo só se están cortando para aproveitamento industrial uns 280.000, ó que habería que sumar as cortas para leñas domésticas. “O normal en Europa é cortar arredor do 70% do volume de frondosas que medran cada ano en monte, pero nós estamos arredor do 15%”, compara o profesor Roque Rodríguez, da Escola Politécnica de Lugo (USC), que fixo recentemente unha análise da situación das frondosas galegas durante a presentación do Inventario Forestal Continuo de Galicia. Por que esa baixa porcentaxe de aproveitamento das frondosas en Galicia?. Os factores son múltiples.

Calidade da madeira: necesidade de tratamentos silvícolas

Unha das cuestións principais a ter en conta é que a calidade da maioría da madeira que se corta atópase por baixo das esixencias de mercado, polo que o seu destino final son leñas ou trituración para taboleiro. Nunha análise da rede básica de parcelas do Inventario Forestal Continuo de Galicia, sobre as que se fixo un exhaustivo traballo de campo, concluíuse que das 313 subparcelas que presentaban frondosas, había un 80% que precisaban tratamentos silvícolas, ben rozas, podas, claras ou aproveitamentos. Só nun 12% das subparcelas observábanse traballos silvícolas recentes.
Un 80% das masas de frondosas precisan de tratamentos silvícolas para mellorar a formación e calidade da madeira
Como dato positivo a ter en conta, un 30% das subparcelas da rede básica do Inventario Forestal Continuo de Galicia presentan pés maiores que poden ser xa obxecto dun aproveitamento racional, segundo destaca o profesor Roque Rodríguez. Á hora de valorar a orientación produtiva das masas, a análise feita na rede básica do Inventario calcula que un 40% das parcelas poden ter como obxecto a produción de leña, un 15% madeira para serra, un 7% madeira para trituración e un 4% madeira e froitos; en tanto un 20% da superficie considerouse en aparente abandono e outro 9% con vocación de conservación. É de destacar tamén que nun 8,5 % da superficie detectáronse indicios de pastoreo. Boa clasificación de rectitude Malia os déficits de calidade actuais nas masas de frondosas, o potencial para mellorar o aproveitamento da madeira para serra é alto. Na rede básica de parcelas do Inventario Forestal Continuo de Galicia, á hora de valorar os pés de frondosas nunha categoría de rectitude entre 1 (a menor) e 7 (a maior), máis do 50% dos pés foron puntuados nas categorías 6 e 7, especialmente en bidueiro e rebolo, pero tamén en castiñeiro e ameneiro, cunha porcentaxe lixeiramente menor no carballo.
Máis do 50% dos pés de frondosas valorados en monte presentan unha alta rectitude

Minifundio

O minifundio é outro dos factores que dificulta a xestión das masas de frondosas. Faise preciso o impulso de agrupacións de xestión conxunta, ou figuras similares, para o seu manexo: “As cortas medias de frondosas en Galicia son de menos de 10 metros cúbicos, fronte ás medias de 70 – 80 metros cúbicos nas cortas de piñeiro por parte de propietarios privados, e porcentaxes probablemente maiores en eucalipto”, valora Roque Rodríguez.

Cultura forestal

A selección de pés de porvir nas masas de frondosas é un dos aspectos nos que os técnicos coinciden que se debe mellorar. Por ese motivo, a formación de propietarios forestais e técnicos na marcaxe das árbores de interese é unha das cuestións que se subliñan na estratexia que está a deseñar a Xunta para impulsar un aproveitamento racional das frondosas. A formación considérase tamén precisa para as empresas de servizos e de aproveitamento forestal, pois unha correcta execución de rareos ou cortas en entresacas esixe evitar danos nas árbores de porvir.
Nos montes de piñeiro ou eucalipto cun subpiso de frondosas, unha estratexia posible para os propietarios é manter tras corta as frondosas para desenvolver esa masa
Outra opción que se ve posible é o manexo do subpiso de frondosas que en ocasións presentan as masas de piñeiros ou eucaliptos. Unha vez cortadas as coníferas ou eucaliptos, o propietario pode conservar o subpiso de frondosas para desenvolvelo a continuación. Do total de parcelas de frondosas da rede básica do Inventario Forestal, un 29% atópase en mestura con piñeiros ou eucaliptos.

Transformación industrial

As frondosas caducifolias tiveron en Galicia multitude de usos tradicionais (carpintería de ribeira, carros, construcións rurais, travesas de ferrocarril, carbón vexetal, leñas, etc.), pero na actualidade os seus usos son menores. Impulsar liñas de transformación industrial que fomenten un maior aproveitamento das frondosas é outro dos retos que se marca a Xunta na súa estratexia.

Conservación da natureza

En xeral, a sociedade mantén un alto apego ás frondosas caducifolias polo seu valor paisaxístico, medioambiental e cultural. Arredor dun 20% das masas de frondosas de Galicia está en superficie de Rede Natura, polo que de acordo co Decreto 37/2014 que establece o plan director da Rede Natura en Galicia, só se poden executar nesas masas aproveitamentos en entresacas con autorización previa, nunca cortas a feito dunha masa. Pola súa presenza en zonas de montaña, con difícil acceso, e zonas de Rede Natura, unha parte das masas de frondosas teñen vocación de conservación, non produtiva. Ese escenario considérase, non obstante, compatible coa execución de tratamentos silvícolas, plantacións e aproveitamentos en entresacas nas zonas de Rede Natura que se consideren con menor valor natural e máis accesibles.

Percepción dos propietarios

As frondosas presentan en xeral un atractivo escaso para os propietarios forestais por factores como os seus longos turnos de corta, as esixencias de tratamentos silvícolas ou a mala calidade xenética e de manexo de parte das árbores que están en monte, que en ocasións son demoucadas para leñas e ocupan espazos residuais. A mellora do manexo é, xa que logo, fundamental para cambiar esa percepción. Para as frondosas existe unha clara oportunidade nas faixas de seguranza arredor de núcleos de poboación, onde por normativa non pode haber piñeiros e eucaliptos nun radio de 50 metros. Desde a Administración tamén se proxecta priorizar ós montes de frondosas nos novos contratos de xestión pública, que substituirán a parte dos convenios e consorcios en vigor coas comunidades de montes veciñais.

Prezos da madeira

De cara a mellorar a imaxe das frondosas entre os propietarios, un dos elementos que salienta Roque Rodríguez no seu diagnóstico é a necesidade de crear mercados transparentes que abonen un valor xusto polas trozas orientadas a serra ou chapa. Segundo os datos da Asociación Forestal de Galicia no 2021, o prezo da madeira de frondosas para leña pagábase en cargadeiro a 24 – 35 euros / metro cúbico, en tanto para serra a rolla dereita rondaba un arco de 48-85 euros / metro cúbico. En Francia, un país con gran tradición na xestión das frondosas, os prezos en pé que se pagan polo carballo son os seguintes: - Calidade A (4% do total), madeira para chapa, ebanistería ou toneis: 200 – 280 euros / metro cúbico. - Calidade B, con 1-2 nós pequenos por metro. É unha madeira que se pode destinar a mobles, parqués ou frisos. Representa un 18% da total: 80 – 100 euros / metro cúbico. - Calidade C, madeira para construción, con nós sans (50% do total): 55 – 75 euros. - Calidade D, mediocre (28%), para travesas, paléts: 28 – 35 euros.
En Francia, os prezos do carballo, segundo calidades, sitúase entre 28 euros e 280

Claves da estratexia para fomentar unha xestión activa das masas de frondosas

O Consello Forestal de Galicia abordou o pasado venres as claves da estratexia que a Consellería do Medio Rural deseña para impulsar unha xestión activa das masas de frondosas. Esa estratexia, que contou coa colaboración da Universidade de Santiago, céntrase en cinco eixos:
  • Formación de propietarios, empresas e técnicos.
  • Mellora xenética. Parte das especies de frondosas, as que máis interese xeran para plantacións, contan con oferta de planta mellorada (categorías cualificada ou controlada). É o caso da cerdeira, do castiñeiro, da nogueira, do chopo ou do pradairo. Pero as especies máis abundantes no monte galego, como carballo, rebolo ou bidueiro só contan polo de agora con material xenético das categorías inferiores (identificado ou seleccionado).
    Con todo, estanse a dar xa pasos por parte do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en colaboración coa Fundación Paideia, para a obtención de plantas melloradas de bidueiro e carballo.
  • Apoiar a xestión activa das masas, tanto a reforestación como os tratamentos silvícolas e os sistemas silvopastorais, así como a transformación industrial.
    Medio Rural proxecta apoios específicos para as masas que están no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas, que son bosques que deben ter un mínimo de 15 hectáreas con pés maiores de 20 céntimetros de diámetro. Polo de agora, hai no Rexistro 52 masas, case todas en montes veciñais, que suman máis de 4.000 hectáreas. Dous terzos están nas provincias de Ourense e Lugo.
  • Dinamizar os aproveitamentos forestais. O reto é mellorar a xestión das masas, compatibilizando o aproveitamento para leñas co de madeira para serra. Existe potencial para mellorar a calidade nas distintas especies, como carballo, castiñeiro ou bidueiro, unha árbore esta última que en Galicia ten un destino principal para leñas e trituración, pero que, con boas calidades, ten demanda para desenrolo (chapa), cun alto valor engadido. Vese posible tamén dinamizar as plantacións de chopo, que durante os primeiros anos son compatibles con aproveitamentos de forraxe (herba) ou pastoreo.
  • Xestión pública de masas de frondosas, baixo novos contratos de xestión.

Datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia

- O Inventario Forestal de Galicia identificou 575.000 hectárea de frondosas en Galicia (medición por pixeles das imaxes por satélite), dun total de superficie arborada que supera os 1,4 millóns de hectáreas. (Se a medición se fai por recinto, o total de frondosas ascende a 617.000 hectáreas). - A rede básica do Inventario Forestal Continuo de Galicia está composta por 313 parcelas de 30x90 metros. Na rede identificáronse un total de 715 subparcelas, todas elas sometidas a inventario de campo. Delas, 313 presentaban frondosas caducifolias (máis dun 10% da superficie con pés maiores). - Das parcelas de frondosas da rede básica, un 71% só teñen frondosas e un 29% en mestura con piñeiro e eucalipto. Nas que están en mestura, nun 47% predominan as frondosas, nun 27% o eucalipto e nun 24% o piñeiro. - A especie frondosa con maior presenza na rede básica é o carballo, con máis do 50% do total. Séguenlle bidueiro, castiñeiro e chopo, que suman arredor dun 30%. Cómpre tomar estes datos con precaución, pois non son extrapolables ó conxunto da superficie forestal galega. Hai que agardar a novos datos do Inventario Forestal Continuo, pero polo que sabemos do inventario anterior, o Nacional (2011), carballo e rebolo eran as especies frondosas dominantes na comunidade, con diferenza. - O 86% das masas de frondosas da rede básica é de orixe natural, en tanto un 13% foi plantada ou sementada. - Na rede básica do Inventario, a especie máis numerosa é o carballo é a seguinte é o eucalipto nitens, por riba do globulus. Consolidou xa o nitens o seu ‘sorpasso’ sobre o globulus?. Proximamente, o Inventario Forestal Continuo ofrecerá datos sobre a cuestión.

“A xente pídeche leña de carballo por tradición, pero ó probar bidueiro ou eucalipto non quere outra”

Manuel Meijomil é un dos dous socios ó fronte de Leña Galicia, empresa especializada na venda de leña envasada. Esta firma, situada en Lalín (Pontevedra) foi pioneira con este formato de venda en Galicia. Agora, despois de case 10 anos no sector, traballan por impulsar unha asociación coa que dar valor engadido ó produto. Reivindican o valor da leña e pretenden rachar coa idea de que é unha enerxía de segunda. Con Manuel coñecemos máis sobre a situación da venda de leña en Galicia, que experimentou unha gran demanda nos últimos tempos, sobre todo tralo estoupido da Guerra de Ucraína, ó dispararse os prezos doutros combustibles. -Cando comezastes con Leña Galicia? -En Leña Galicia somos dous socios, xunto comigo está Miguel, que está no día a día da empresa. Empezamos hai 8 anos e daquela non tiñamos nin idea de leña. A diferenza do que acontece coa maioría das empresas do sector, que son madeireiros que teñen a leña como algo complementario, no noso caso chegamos os dous socios sen ter experiencia nisto, pero coas ideas moi claras do que queríamos facer.
“Os dous primeiros anos foron difíciles, porque para a xente non tiña lóxica vender leña en sacos pequenos, cando o habitual era que se mercase un remolque de leña”
-E que era o que queriades facer? -Nós tiñamos claro que queríamos vender leña envasada, mentres que todo o mundo vende a leña a granel, por remolques. O envase que nós manexamos non o tiña ninguén. Tamén é verdade que os dous primeiros anos foron difíciles, porque para a xente non tiña lóxica vender leña en sacos pequenos, cando o habitual era que se mercase un remolque de leña. De ter que insistir nós en que probaran con este formato nas súas tendas pasamos a que agora veñan os comerciais a nós para vender o noso produto. -Que formatos de venda tedes? -Vendemos bigbags, sacos de 8 quilos de leña e tacos de pequeno tamaño para prender o lume, en sacos de 9 quilos. Os nosos clientes son tendas: supermercados, gasolineiras, tendas agrarias, tendas chinas... É certo que temos algún cliente que nos leva por tráiler de leña a granel, pero apenas representa un 1% da produción. Ademais vendemos tamén outros produtos como lasca envasada, briquetas, pélets, carbón... Estes foron produtos que nos foron demandando os nosos clientes e fómolos incorporando, pero representa tamén unha porcentaxe pequena. -Como resultou a aventura no sector da leña? -Saíunos ben. Por agora case non temos competencia no mercado galego. Hai xente que vende leña envasada, pero somos os únicos que vendemos a tendas. Ademais, a situación dos mercados derivada da guerra de Ucraína favoreceu que se disparase a demanda de leña. -Que produción manexades? -Este ano foi espectacular. Tivemos unha produción dunhas 9.000 toneladas aproximadamente. Dende o primeiro ano estivemos dobrando a produción case tódalas campañas. Comezamos no polígono de Lalín cunha nave pequena alugada, despois mercamos hai 3 anos unha nave de 2.000 metros en Catasós e agora estamos pensando xa en ampliar porque ó ir incorporando outros produtos precisas máis espazo para almacenaxe.
“A intención é centrarnos só na venda a tendas de xeito directo e a venda a particulares facela por internet, a través da páxina web”
-Tedes intención de seguir medrando en produción? -Estamos buscando xente para facer leña e non conseguimos atopar. Estamos incorporando maquinaria, pero tamén precisamos contratar persoal. Agora mesmo estamos un pouco condicionados por esa falta de persoal. Temos 4 persoas e puntualmente entra algún reforzo, pero precisabamos producir máis leña, xa que estamos pendentes de dar o salto á venda en internet. A intención é centrarnos só na venda a tendas de xeito directo e a venda a particulares facela por internet, a través da páxina web que estamos ultimando. Precisamos poder atender a demanda que se xere por esta vía e temos que ter a produción necesaria.
“A leña de bidueiro é unha madeira que nos piden moito os panadeiros, polo poder calorífico que ten e porque arde moi ben”
-Con que madeiras traballades? -Traballamos carballo, eucalipto e bidueiro. Por tradición, inicialmente todo o mundo che pide carballo, o eucalipto está moi deostado e o bidueiro é unha madeira que nos piden moito os panadeiros, polo poder calorífico que ten e porque arde moi ben. Os particulares non querían nin eucalipto nin bidueiro, pero despois de probala non volven ó carballo, xa que esta leña quéntalles en moi pouco tempo, mentres que o carballo teñen que esperar varias horas para ter esa temperatura. -Que ciclo seguides na produción da leña? -Non hai un ciclo exacto. A leña de carballo fabricámola todo o ano, hai xente que só quere esa leña. A partir de finais de agosto comezamos a traballar máis eucalipto e bidueiro, para ter leña seca cando despois nola piden. Nesa época aínda se vai secando este tipo de leña, mentres que o carballo nos meses de outono e inverno xa non seca coa humidade que hai no ambiente. -Que prezos se pagan pola madeira para leña? -Nós non imos ó monte, mercamos a madeira a madeiristas. Non ten un prezo fixo, xa que depende de diversos factores como a demanda, o tipo de madeira, o madeirista... pero está entre 50 e 70 euros por tonelada. É un intervalo moi amplo. Tampouco podemos mercala cando queremos, senón cando eles nos chaman ofrecendo unha partida que nos poida interesar. Se non a compras o día que cha ofrecen cando a queiras non a podes encargar e que cha traian. Pásanos coas 3 madeiras, pero sobre todo co carballo.
“O carballo está a subir moito de prezo non só pola demanda que ten esta leña, senón pola falta de remuda xeracional que están atopando os madeireiros. Non hai xente para cortar a madeira no monte”
-Hai dificultades para facerse con madeira de carballo? -O carballo está a subir moito de prezo, e non só pola demanda que ten esta madeira, senón pola falta de remuda xeracional coa que se están atopando os madeireiros, que non atopan xente para cortar a madeira. A diferenza do que ocorre con outras madeiras, o carballo ten que cortarse coa motoserra, non se pode facer coas procesadoras, e non hai quen o faga. Coa suba da demanda debido á guerra de Ucraína e a falta de xente non hai leña de carballo para mercar, aínda que no monte hai de sobra. -Como é o proceso para facer a leña? Traballades con calquera tipo de madeira que vos sirvan os madeireiros? -Nós temos unha liña semiautomática. En xeral, mándannos dende 10 a 45 centímetros de diámetro. Os diámetros de maior tamaño que nos chegan véndense como tocóns. Hai moita demanda desta leña, xa que é apreciada e de seca arde moi ben. Ten outro prezo porque leva moito tempo facela. A leña de bigbag facémola de 35 centímetros de longo e a de saco é de 30 centímetros, polo que a madeira máis recta dedicámola ás pezas máis curtas, para optimizar o proceso. -Non vos interesan outras madeiras coma o piñeiro? -O piñeiro en concreto non o traballamos porque é moi resinoso e a cáscara é moi gorda e non se nos presta ben. -Facedes a leña en verde e logo deixádela secar? -Vendemos leña seca e leña verde, a distinto prezo. Na comarca do Deza a leña verde está nos 70 euros por metro cúbico e o seco está en 110 euros. A leña para que seque ten que estar rachada. Temos os bigbag ventilados, polo que envasamos a leña en verde e logo en 5 ou 6 meses de bo tempo temos a leña de carballo seca, que é a que máis tempo lle leva secar. Os nosos sacos son de malla, polo que aínda son máis ventilados que os bigbag e lévalle menos tempo secar. Neste formato temos a leña de carballo seca en 3 o 4 meses. No caso do bidueiro, no inverno con 2 meses e medio chégalle para arder ben. No eucalipto consegues que estea seco en 3 meses. Instalaciones de la empresa en Lalín. -De onde procede a leña coa que traballades? -Toda a leña ven dun radio de non máis de 50 quilómetros de Lalín, sobre todo cara a zona de Vila de Cruces, Ourense e Lugo. A leña está no centro de Galicia. -Coa guerra de Ucraína, disparouse a demanda de leña. Segue a tendencia? -Este ano en xaneiro xa non había nin eucalipto nin bidueiro seco. Agora, sen finalizar aínda a campaña, hai xente que nos está pedindo que lle levemos xa a leña, moitos deles pídennola en verde, que é máis económica, e logo encárganse eles do secado no verán.
"As estufas de leña volveron gañarlle terreo ás de pélets, en parte porque os pélets estiveron a prezo de ouro e nin sequera era posible conseguilos"
-Recuperou espazo a leña fronte aos pélets coa guerra de Ucraína? -Moitos comerciantes de pélets cos que temos contacto comentábannos que a venda de pélets chegou a caer incluso un 80% e que moitos fabricantes de estufas centráronse nas de leña e nas mixtas. As estufas de leña volveron gañarlle terreo ás de pélets, en parte porque os pélets estiveron a prezo de ouro e nin sequera era posible conseguilos. O prezo dos sacos de pélets pasou de estar en decembro do 2022 a 3,5 euros a este ano estar a 8,5 euros. Nós tiñamos encargados varios camións de pélets e nunca chegaron e como a nós, pasoulle ao resto. Foron todos para Italia, Francia e Inglaterra onde se pagaban máis. Por iso é polo que se disparou a demanda tamén da leña. -En Leña Galicia vendedes só en Galicia ou estades tamén noutros puntos? -Temos un distribuidor en Portugal e agora comezamos a traballar con outro distribuidor en Madrid e estamos xestionando outro punto de venda en Ponferrada.

“Temos que darlle valor á leña, porque o ten”

-Como é o sector da venda de leña en Galicia? -Nós vimos de fóra do sector, pero é un sector que non está profesionalizado. Cando comezamos sorprendeume moito descubrir unha unidade de medida especial para o sector: ‘o remolque’. Descubrín que era a medida que empregan non só particulares, senón tamén as empresas á hora de mercar a leña. Nós proporcionábamos a información sobre o peso e o prezo por metro cúbico e a xente non quería oír falar máis que de remolque, coas variacións que así pode haber. Ademais, o sector da leña está moi menosprezado polo público en xeral. Non se valora a leña como o que é, unha enerxía máis, senón que se ve só como un cacho de leña.
“Se nos agrupamos podemos conseguir mellorar o sector, poñer en valor a leña e atender pedidos que de xeito individual non podemos asumir”
-Estades traballando por crear unha asociación de produtores de leña, por que xurdiu a idea de constituíla? -A intención é traballar en conxunto para darlle valor á produción de leña, para seguir no camiño cara a profesionalización do sector. Temos que darlle valor á leña, porque o ten. Un dos xeitos para facelo é creando unha marca de leña galega. Pode que a nivel particular, nós sexamos dos menos interesados porque o noso produto é moi diferenciado e ten un público específico, pero cremos que había que traballar polo sector entre todos. Se nos agrupamos podemos conseguir mellorar o sector, poñer en valor a leña e atender pedidos que de xeito individual non podemos asumir. A nós fixéronnos este ano unha encarga de 100 camións de leña dende Valencia en mes e medio. Nos daquela estabamos saturados e resultábanos inviable en tan pouco tempo, pero se hai unha asociación podemos abrir mercado e atender demanda de pedidos destas dimensións. -Como afecta ós produtores de leña que non estea profesionalizado o sector? -Hai moita competencia desleal, moita xente que se dedica a facer leña e que tira cos prezos. Hai moita xente que saca un extra da leña sen ter a actividade legal, dende xubilados a xente que vende a leña compaxinándoa co seu traballo habitual... Hai traballo para todos, pero estes deberían de darse de alta, xa que están menosprezando o produto e prexudicando ós produtores profesionais de leña. -Como está de avanzada a tramitación da asociación? -Estamos pendente doutras reunións e rematar de ultimar os papeis para tramitala. Estamos decidindo cuestións técnicas. Agora mesmo estamos 9 socios, todos eles madeireiros a excepción de nós. Hai socios de Lalín, Vila de Cruces, Silleda, Monterroso e Lugo. Tivemos contacto con máis empresas interesadas.

Avanzan os traballos para establecer hortos clonais de carballos e bidueiros seleccionados

Avanza a investigación sobre a mellora xenética do carballo e do bidueiro para lograr planta de calidade. Trátase dun proxecto co que buscan reproducir in vitro exemplares óptimos e resistentes destas especies e dispoñer de hortos clonais de ambas. Os traballos estanse a desenvolver no laboratorio de biotecnoloxía vexetal Cultigar, situado no concello coruñés de Brión. Este mércores o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, coñecía de primeira man os avances nunha visita ás instalacións do laboratorio. O proxecto é froito dun convenio de colaboración no que participan a Fundación Paideia, o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán e a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e cunha aportación da Xunta de máis de 173.000 euros. No caso dos carballos, o proxecto busca continuar coa reprodución e mantemento in vitro dos descendentes de 20 xenotipos de Quercus Robur. Estase a realizar no viveiro de Cultigar e no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, situado en Pontevedra. Actualmente, estase a manter un cultivo in vitro de ao redor de 2.100 brotes repartidos en 65 xenotipos de carballo distintos. No ano 2021 transferíronse ao CIF de Lourizán 215 plantas en bandexa, das que se pasaron a campo 128. A estas sumáronse 43 plantas procedentes do viveiro de Cultigar. Así, finalmente, plantáronse un total de 171 carballos en marzo de 2022. Ó longo deste ano continuouse co enraizamento e aclimatación dos diferentes xenotipos para conseguir maior número de copias e poder instalar un horto clonal, un tipo de horto creado con material vexetativo, como enxertos ou estacas, de fenotipos seleccionados, neste caso de carballos. Todos os xenotipos que se seleccionaron para ser multiplicados in vitro foron escollidos polas súas boas calidades de cara á explotación forestal. A metade desta plantación enviarase ao viveiro da Falmega, en Oroso, dependente da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, para pasalas a maceta, mentres que o resto quedará en Cultigar para ser sometido ao mesmo proceso.

Plantación de bidueiros

Cos bidueiros acontece unha situación semellante. Actualmente, estanse a desenvolver traballos nas parcelas de Bóveda e Pígara, na provincia de Lugo, intentando reproducir os mellores exemplares mediante cultivo in vitro e poder establecer un horto clonal que produza sementes de calidade. Neste caso, ademais da Consellería do Medio Rural, do CIF de Lourizán e de Cultigar, precísase da colaboración en conxunto doutras entidades, como a Universidade de Santiago de Compostela, a empresa pública Seaga, do Grupo Tragsa e o Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira. O centro de Lourizán participará nos traballos de identificación dos pés plantados nas parcelas e na caracterización fenotípica para seleccionar os mellores exemplares. Por outra banda, Cultigar encargarase de poñer a punto o cultivo in vitro dos bidueiros e estudará a súa viabilidade.

Plan forestal

Estas actuacións desenvólvense no marco do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, no seu Eixe 1 sobre contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais que establece concretamente a aposta pola conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais. Ademais, en relación co Eixe 4, sobre os recursos forestais e a cadea monte-industria, este convenio desenvolve traballos vinculados co Programa de fomento da produción de madeira de frondosas de alto valor (castiñeiro, nogueira, cerdeira, bidueiro).

“O obxectivo é ter dentro de 10 ou 15 anos pés madeirables de carballo e castiñeiro en Galicia”

Nos montes galegos hai unhas 500.000 hectáreas de monte con presenza de frondosas, ben sexa en masas predominantes de carballo, rebolo, castiñeiro ou bidueiro, ou mesturados en superficies forestais mixtas, con presenza maioritaria doutras especies como piñeiro ou eucalipto. Pero a falta dunha xestión forestal axeitada enfocada á produción de madeira de calidade, fai que a maior parte das cortas acaben en estelas para as cociñas de leña, o principal uso das frondosas a día de hoxe en Galicia, mentres as industrias de transformación asentadas na comunidade teñen que recurrir á compra de madeira de calidade en países como Francia. Acabar con este sensentido é o obxectivo do Proxecto para a Valorización Sustentable da Madeira de Frondosas Caducifolias de Galicia, impulsado desde o CIS-Madeira e XERA, Axencia Galega da Industria Forestal. Durante os vindeiros 2 anos buscarán actuar a nivel de produción, sobre as masas de frondosas existentes, e sobre o mercado, impulsando novos usos que aporten valor.
Os carballos e castiñeiros que se cortan en Galicia van sobre todo para leña mentres os serradoiros teñen que mercar materia prima en Francia   
“Temos unhas masas que constantemente están medrando en tamaño e en volume, pero non teñen calidade para unha aplicación industrial que lles dea valor. Neste momento estamos importando madeira de frondosas para a nosa industria de transformación de países como Francia. É dicir, neste momento hai demanda pero non hai materia prima”, asegura Gonzalo Piñeiro, investigador do CIS-Madeira, que participou nunhas xornadas sobre valorización de frondosas celebradas recentemente na Escola Politécnica de Lugo. Presenza maioritaria de carballo e rebolo As frondosas suman en total en Galicia unhas 456.000 hectáreas, segundo os datos do 2008-2009 incluídos no cuarto Inventario Forestal Nacional (IFN4), á espera de que se remate o Inventario Forestal Continuo de Galicia, “que seguramente incrementará esa superficie”, prevé Gonzalo. A maior parte dese incremento non se debe a novas plantacións, senón a nacementos espontáneos froito do abandono das parcelas.
O 20% da superficie de Rede Natura corresponde a formacións arboradas de frondosas autóctonas
Por especies, predomina o carballo (Quercus robur), con 248.287 hectáreas estendidas por toda Galicia; seguido do rebolo (Quercus pyrenaica), con 121.104 ha concentradas na provincia de Ourense e a zona da montaña e do interior de Lugo. A moita distancia atoparíanse o castiñeiro (Castanea ssp.) con 49.310 ha; e o bidueiro (Betula pubescens) con 37.664. Un recurso desaproveitado As frondosas só supoñen a día de hoxe o 2,85% do volume de madeira das cortas totais que se producen cada ano en Galicia (269.400 metros cúbicos dun total de case 10 millóns de metros cúbicos cortados). Por especies, 150.000 metros cúbicos corresponden a carballo, 35.000 a bidueiro e 30.000 a castiñeiro. “Dun crecemento estimado de 2 millóns de metros cúbicos anuais só se está cortando o 10% (para usos industriais)”, detalla Gonzalo. O volume madeirable total existente, segundo o IFN4, é de 50 millóns de metros cúbicos, dos que 22,8 procederían das carballeiras e 8,4 das reboleiras. 
Dun crecemento estimado de 2 millóns de metros cúbicos anuais só se está cortando o 10%
Só no 35% das parcelas estudadas para o IFCG hai frondosas puras. “Moitas das cortas de frondosas que se están dando hoxe prodúcense en masas mixtas onde predomina o eucalipto ou o piñeiro”, explica. En canto ao uso que se dá á madeira, o 40% das parcelas están destinadas a leña, mentres que o 15% delas servirían para a produción de madeira de serra.
O 40% das cortas destínanse a leña, cando unha parte desa madeira serviría para serra
A falta dunha xestión forestal axeitada condiciona en boa medida o destino final da madeira dos montes galegos de frondosas, xa que o 20% das parcelas están abandonadas. “Hai unha inexistencia de silvicultura, xa que das parcelas analizadas, só o 7% estaban rozadas, o 4% podadas e o 1,6% con rareos ou claras”, detalla o técnico do CIS-Madeira. Partindo de masas xa existentes Gonzalo Piñeiro, durante a súa intervención nas xornadas sobre valorización de frondosas A maioría dos montes de frondosas comparten unha característica: “Non son masas novas, senón que teñen xa un certo tamaño”, explica Gonzalo. Iso fai que a estratexia máis axeitada se centre en mellorar a calidade desas parcelas mediante a escolla dos mellores pés, que serán levados ao turno de corta final, e da entresaca do resto de árbores de menor tamaño. A intención é financiar mediante eses ingresos os labores silvícolas necesarios para a mellora da calidade da madeira que queda en pé.
O obxectivo é tentar valorizar todos os produtos intermedios de pequeno tamaño e baixa calidade que temos neste momento
 “O obxectivo é tentar valorizar todos os produtos intermedios de pequeno tamaño e baixa calidade que temos neste momento para con iso, animar e financiar os traballos de silvicultura necesarios que hai que facer no monte. O obxectivo é que en 10 ou 15 anos poidamos ter xa madeira con valor industrial, porque partimos de masas arbóreas xa existentes, non de plantacións recentes”, indica.
O primeiro paso sería a marcaxe de árbores de porvir e árbores a abater
O primeiro paso sería a marcaxe de árbores de porvir e árbores de abater. “Os primeiros debemos mimalos e coidalos, porque son os que nos van a dar o valor final da parcela. O que nos interesa é que esas árbores teñan valor de 400 euros o metro cúbico, non 50 euros”, compara. Entre 400 e 500 euros o metro cúbico Eses prezos de entre 400 e 500€ o metro cúbico é o que se paga neste momento por táboas de carballo sen nodos ou defectos, para doelas coas que facer barricas na industria artesá da tonelería, por exemplo. “Para iso é necesario non danar eses pes finais nas podas e entresacas ou nos traballos intermedios que hai que facer”, aclara Gonzalo.
Estanse a estudar novos usos, como o do bidueiro para contrachapado
“Cada día temos unha maior demanda industrial e a importación de outros países está cada vez máis restrinxida. O tronco que se produce en Europa estase exportando a outros países, porque hai industrias que están pechando por falta de competitividade. Iso fai que a UE, que era importadora de madeira de calidade, estea hoxe exportando tronco de frondosas”, conta. Pero Gonzalo considera que o futuro deste tipo de madeira é prometedor. “O carballo e o castiñeiro son durables, unha característica que a outras especies tes que proporcionar vía química ou cun aporte extra de tecnoloxía. Así que, se a bioeconomía segue adiante, é un factor que xoga claramente a favor das frondosas”, conclúe.

“Para a madeira de calidade xa hai demanda; o que temos que facer é buscar aplicacións para a madeira de menor tamaño”

A madeira que lles chega a día de hoxe aos serradoiros galegos especializados en madeira de carballo ou castiñeiro normalmente procede de distintas parcelas e distintas ubicacións; moi poucas veces vén dunha parcela destinada unicamente no seu conxunto a producir madeira de calidade de frondosas autóctonas. “É moi importante ter unha materia prima estable en calidade que permita ás industrias valorar e valorizar esa madeira”, afirma Gonzalo Piñeiro.  “Con materia prima homoxénea e de calidade, a industria é moito máis rendible e pode pagala máis”, asegura. A ausencia de silvicultura nos montes fai que a taxa de aproveitamento neste momento sexa moi baixa. Por iso, o técnico do CIS-Madeira cre que o problema non está nas boas pezas, senón nas de calidade inferior.
Temos que mellorar o serrado de madeira de pequena dimensión e lograr un secado máis eficiente
“Para a madeira de calidade xa hai demanda. O que temos que facer é buscar aplicacións para a madeira de menor calidade e tamaño, da que imos xerar un gran volume por como están os montes e esa ausencia xeralizada de xestión forestal. Para aproveitar esas pezas máis delgadas, temos que mellorar o serrado de madeira de pequena dimensión e lograr un secado máis eficiente”, di. Leña certificada A opción de comercialización que hoxe dá saída á meirande parte da madeira de carballo que se corta é a venda de leña, un destino que é necesario manter para os descartes xerados por outros usos. “Temos que manter tamén o aproveitamento para biocombustible. O produto estrela hoxe nas frondosas é a leña, pero temos que xerar unha leña certificada, cun contido de humidade determinado. Non podemos seguir queimando leña verde, cunha emisión de partículas enorme, para evitar os problemas que xa existen noutros países por estas emisións”, indicou o investigador do CIS-Madeira.
Estamos vendo que vai ser moi difícil atopar produtos e mercados para madeira de pouca calidade e pequeno diámetro, polo que imos estudar a posibilidade de facer péllets
“Imos ver tamén a posibilidade de usar a madeira de frondosas para a fabricación de péllets”, avanzou. “Ten dous problemas, un é a separación da casca, que non é tan doado coma co piñeiro ou o eucalipto, e tamén certos compoñentes que están prohibidos pola normativa”, explica. Outra oportunidade é o uso de carballo como carbón vexetal. “Ata agora a competencia viña de Suramérica, pero os fletes agora están disparados”, razoa. Concurso de ideas Unha das partes do Proxecto para a Valorización Sustentable da Madeira de Frondosas Caducifolias de Galicia consistirá na apertura dun proceso participativo, que incluirá un concurso de ideas para buscar novos usos á madeira de frondosas.
Usos como artesanía aportan un gran valor e estamos buscando novas oportunidades noutros sectores que buscan na madeira unha sinal de distinción
“Até agora estamos buscando mercados xa existentes, pero queremos impulsar utilidades non convencionais, novos aproveitamentos e novas oportunidades noutros sectores que buscan na madeira elementos diferenciais para saír ao mercado”, avanzan desde o CIS-Madeira   “Neste momento estamos empurrando estas frondosas cara ao mercado, pero interésanos que o mercado tire delas. Queremos que no futuro estas madeiras se posicionen no mercado de maneira competitiva por elas mesmas, non en base a subvencións permanentes”, din.
https://www.campogalego.gal/recuperarase-o-uso-das-frondosas-autoctonas-para-madeira-serrada/

Recuperarase o uso das frondosas autóctonas para madeira serrada?

Carballos, castiñeiros, nogueiras ou freixos, entre outras frondosas autóctonas, foron durante décadas madeiras con gran peso nos aserradoiros galegos. No sector forestal recordan os anos en que o mercado valoraba o emprego de madeira maciza na fabricación de elementos de carpintería, mobles e solos. Daquela existían pequenas serras que fornecían destas madeiras de frondosas a carpinteiros e ebanistas. Porén, os cambios na sociedade foron facendo que esta forma de traballar se fora perdendo, e se pasara tamén dos pequenos talleres de carpintería e moble á fabricación industrializada, con menor presenza de madeira maciza. En paralelo, o piñeiro, que hoxe en día é a principal madeira serrada en Galicia, foi gañando terreo ás frondosas autóctonas nos serradoiros. Madera de castiñeiro nun antigo serradoiro especializado nesta frondosa, situado en Lalín.

Por que deixou de empregarse a madeira de frondosas autóctonas no serrado?

Dende a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) apuntan algúns factores determinantes á hora de analizar o progresivo abandono do serrado de madeira de frondosas autóctonas: -O primeiro deles podería ser a necesidade das fábricas industrializadas de dispor de madeira de frondosas en cantidade e calidade estable, e con prezos competitivos. A entrada de madeira en tronco e madeira serrada doutros países fíxose máis competitiva que transformar e procesar a madeira local.
A escaseza de madeira de calidade e en cantidade, así como a falta de industrialización e de remuda xeracional son factores que están detrás do abandono do uso das frondosas autóctonas nos serradoiros galegos
- Outro factor, foi que non se acadou unha industrialización e modernización da industria de serrado tradicional de frondosas, como ocorreu por exemplo cas empresas que se adicaban a procesar madeira de frondosas de importación e madeiras tropicais. -En numerosos casos, a falta dun futuro claro e o carácter familiar de moitas destas industrias, fixeron que gran parte delas pecharan pola falta de remuda xeracional.

Recuperar o aproveitamento das frondosas autóctonas

Co actual auxe da bioeconomía e o aumento da demanda mundial de madeira, desde o sector pensan que sería posible e viable establecer unha pequena industria de transformación e serrado de madeira de frondosas autóctonas. “A madeira de frondosas, especialmente a de carballo, segue mantendo prezos interesantes para o propietario forestal, e aínda temos unha certo número de empresas que seguen transformando ese tipo de madeira, pero recorrendo ó abastecemento de madeira en tronco doutros países”, analizan dende Xera.
Estímase que un terzo do monte galego son masas de frondosas autóctonas que non están producindo madeira
No sector forestal sinalan que para recuperar esa industria de transformación de frondosas sería necesario transmitirlle a toda a sociedade a necesidade de pór en valor esas masas forestais que, na maior parte dos casos, están sen aproveitar ou sen ningunha actuación silvícola, mantendo só un valor ambiental. Estímase que un terzo do monte galego son masas de frondosas autóctonas que non están producindo madeira e que se están cortando de xeito mínimo e sen un plan forestal. “Cada ano estase cortando menos do 15% da madeira de frondosas que medra no monte anualmente, é dicir, menos dun 15% do que se podería cortar cun aproveitamento sostible e renovable. Ademais, esa madeira de frondosas que se corta carece dunha cadea de valor que a aproveite como debera. Segue habendo grandes exemplares que só se aproveitan para leña”, apunta Jacobo Feijoo, responsable da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga). “Se queremos que exista unha industria que empregue as frondosas autóctonas é necesario dispor dun mínimo de produción de madeira de calidade, que garanta o subministro de madeira á industria”, explican dende o sector. Para que isto poida suceder, no sector inciden tamén en que é necesario que os propietarios forestais teñan seguridade xurídica sobre a posibilidad de valorizar as súas masas forestais. É dicir, que cando a árbore cumpra o obxectivo estipulado, poida ser cortada sen trabas, e dar paso a que o resto de individuos dese bosque continúen medrando e mantendo a súa sostibilidade.
“En 20 anos pode volver a entrar madeira de frondosas autóctonas nos serradoiros galegos a un ritmo sostible”: Jacobo Feijoo, Asefoga
Outra cuestión a ter en conta é a silvicultura. “Cando se comece a facer silvicultura nas masas de frondosas non se logrará madeira boa, pero os exemplares que vaian quedando para conformar fustes retos e engordar poderán dar madeira de calidade. As frondosas autóctonas poden chegar a ser outra fonte de madeira para os serradoiros nun prazo de 15 ou 20 anos, conseguindo que este tipo de madeiras entre nos serradoiros cun ritmo sostible”, argumenta Feijoo. Dende o sector tamén indican que, mentres non sexa posible dispoñer dese subministro mínimo de madeira de calidade, sería moi importante avanzar no desenvolvemento de produtos industrializados feitos con madeira de frondosas caducifolias de pequena dimensión, co obxectivo de poder acadar uns ingresos intermedios para os propietarios, ata que poidan dispor de exemplares en idade de corta. Os biocombustibles poden ser un aproveitamento puntual mentres non se logra unha produción de madeira de frondosas de calidade. “Ao igual que veu facendo durante os últimos 30 anos, a industria de serrado de Galicia terá que ir adaptándose á dispoñibilidade das materias primas locais, sendo posible que unha parte da industria actual teña que ir mudando para adaptarse progresivamente a outros tipos de produtos ou especies de madeira”, valoran dende Xera.
A gran cuestión é como se vai xestionar o territorio rural sen xente (Jacobo Feijoo, Asefoga)
“O gran desafío non é só do sector da madeira de serrado, senón do rural. A gran cuestión é que se vai ter que xestionar o territorio tanto agrario como forestal sen xente, cun 10 % da poboación actual, o que implicará esforzos importantes en melloras tecnolóxicas, mecanización e automatismos do proceso. Imos ter que xestionar o mesmo territorio, pero con menos xente, un reto non só de Galicia senón de todo Europa”, conclúe Jacobo Feijoo.

Tres visións sobre as frondosas desde o sector forestal

España é un enorme importador de madeira de frondosas, especialmente de carballo; e Galicia é tamén un dos grandes consumidores, xa que é unha madeira que gusta para decoración, solos ou en certos segmentos de moble. Porén, case toda a madeira que se utiliza é de importación, segundo indican dende o sector. Esta madeira de carballo estase vendo moi afectada pola guerra de Ucraína e Rusia, xa que unha gran cantidade dela procede tanto destes dous países como de nacións próximas como Romanía. Dado que agora o carballo procedente de Ucraína e Rusia non está a chegar ao mercado, xérase unha gran presión noutros mercados como o romanés, francés ou americano. No caso do castiñeiro, a produción de mobiliario e de superficies decorativas a nivel nacional é un sector que está desabastecido. Ademais, a escasa produción de táboa para mobiliario e decoración que se transforma en Galicia está afectada por importantes problemas fitosanitarios desta especie, que inflúen directamente na súa calidade.
“Para obter frondosas de calidade, precisaríase silvicultura e un bo material xenético” (José Carballo, Fundación Arume)
“A pesar da importante superficie de frondosas que hai en Galicia, salvo meritorias industrias que se están esforzando por darlle un aproveitamento, esta madeira non está a ser aproveitada máis que para leña, en parte porque falta realizar unha silvicultura axeitada e dispoñer de bo material xenético que permita obter madeira de calidade”, valora José Carballo, presidente da Fundación Arume. Como sinalan dende Arume, a coxuntura actual de demanda de frondosas podería ser unha gran oportunidade para retomar a produción e o aproveitamento deste tipo de madeira en Galicia. “Hai anos, Galicia contaba con empresas dedicadas a desdobrar a madeira para facer chapa de frondosas, como o carballo ou o castiñeiro, pero son empresas que remataron desaparecendo ante a falta de materia prima galega para abastecelas”, recorda Elier Ojea, presidente da Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga).
“En Galicia houbo empresas adicadas a desenrolar chapa de carballo ou de castiñeiro, pero desapareceron pola falta de materia prima galega” (Elier Ojea, Fearmaga)
Hoxe, o sector mira a oportunidade perdida nas frondosas e á que outros países como Francia souberon sacar partido co aproveitamento dos seus soutos e carballeiras. “En Francia hai unha gran ‘cultura do bosque’ moi arraigada entre os propietarios e un forte apoio das administracións ó sector forestal. Así, hai importantes superficies que se dedican a abastecer as necesidades dos grandes consumidores e outras centradas na produción de madeira de calidade, que logo terá uns usos e uns prezos moi diferentes”, explica Ojea. En Galicia, unha das industrias que leva tempo apostando pola transformación e o aproveitamento da madeira de frondosas autóctonas, como o carballo e o castiñeiro, é Maderas Maderbar, situada en Baralla (Lugo). Esta empresa familiar converteuse nun dos maiores referentes ó aproveitar a madeira de frondosas autóctonas como o carballo para a fabricación de pezas de toneis, que se exportarán a fabricantes de whisky de Irlanda. Nos últimos anos tamén están a probar co aproveitamento do castiñeiro para esta fin.
“Importamos moita madeira de frondosas porque aquí non a hai de calidade. En canto a consigamos, hai moitas posibilidades de aproveitamento” (Gabriel Fernández, Maderbar)
Con todo, boa parte da madeira de frondosas que transforman é importada, xa que a que conseguen mercar en Galicia non cubre as súas necesidades. “Falta madeira de frondosas de calidade en Galicia. En canto consigamos madeira de calidade, hai moitas posibilidades de aproveitamento tanto para tonelería, como para a construción, ebanistería... hai moitos usos”, apunta Gabriel Fernández, xerente de Maderbar.

Claves para que as frondosas autóctonas sexan unha alternativa rendible para madeira

Converter as frondosas autóctonas nunha alternativa forestal atractiva para os propietarios é un dos principios cos que traballa Froilán Sevilla doutor enxeñeiro de montes e Xefe de Sección Territorial Merindades, na Xunta de Castela e León. Sevilla, que participou recentemente nunhas xornadas para a valorización das frondosas celebradas en Lugo, organizadas polo Distrito IX Lugo-Sarria, incide en que a silvicultura é a ferramenta fundamental para lograr dar valor a estes montes, aínda que tamén se requiren outros cambios na xestión dos bosques autóctonos.
"A diferenza do que ocorre en Europa, en España apenas se desenvolveu selvicultura de frondosas": Froilán Sevilla, enxeñeiro de montes
"A diferenza do que ocorre en Europa, en España apenas se desenvolveu silvicultura de frondosas. Navarra é a comunidade máis avanzada neste sentido, cunha porcentaxe de curta do 15% sobre o crecemento das frondosas", explica. Nos bosques da Sección Territorial IV de Burgos que xestiona, Sevilla aposta por un modelo de xestión de mínima intervención, centrado en dirixir os procesos espontáneos cos mínimo gastos, a través de aproveitamentos."É fundamental comprender ao máximo os cambios no ecosistema, á fin e ao cabo a selvicultura é unha aplicación da ecoloxía forestal", valora.

Apostar pola calidade

Na xestión das masas boscosas de frondosas autóctonas como carballos, rebolos ou castiñeiros é primordial apostar pola calidade. "A diferenza dos eucaliptos, nos que a rendibilidade se pode basear na cantidade, nas frondosas autóctonas é fundamental apostar pola calidade", reivindica Sevilla. En función da calidade, a madeira de frondosas autóctonas pode terminar utilizándose para ebanisterías, desenrolo, chapa á plana ou no caso dos carballos, para cubas de viño. Todo iso se teñen unha gran calidade e logran o que no mercado francés, un dos máis especializados neste tipo de madeira, se coñece como de calidade A. "Conseguir madeira da máxima calidade é extremadamente difícil. Require de coñecemento, actuacións coidadosas, mellora progresiva en función dos resultados e unha continuidade ao longo das décadas que é moi difícil de alcanzar en España", recoñece Sevilla. As árbores aínda con boa madeira pero que teñen un ou dous nós pequenos cada metro lineal considéranse de calidade B e poden empregarse para serra de alta calidade, mobles e parqué. Os exemplares con nós sans, considerados como de calidade C no mercado francés, destínanse a serra de calidade media. Mentres, a madeira con moitos defectos e nós saltadeiros, clasifícase como de calidade D en Francia, e emprégase en serra de baixa calidade como travesas. A peor madeira utilízase como leña ou en trituración. "En carballos e rebolos hai demanda mesmo para a madeira de serra mediocre (calidades C e D); aínda que non teñamos pés ben conformados, se son sans e grosos xa presentan madeira de serra aproveitable", concreta.
En función da calidade de peza, un carballo pode pasar de pagarse a 20 euros euros o metro cúbico a alcanzar os 400 euros
Sobre todo en especies como o carballo ou o rebolo, lograr madeira de calidade permite incrementar o prezo considerablemente. "A diferenza de prezo por unidade de volume no carballo é da orde de 20 veces: 20 euros por metro cúbico para leña, os exemplares de menor calidade, e de 400 euros metro cúbico para o carballo que serve para chapa", detalla Sevilla. Á marxe da calidade, unha das claves para lograr oportunidades para a comercialización de frondosas autóctonas é contar cun mercado transparente que ofreza información sobre os prezos que se pagan pola madeira. "Todos os actores deben coñecer o que se compra e vende, as súas calidades e prezos", apunta. Para Sevilla tamén é fundamental evitar os oligopolios. No caso das frondosas o maior perigo é a escaseza de compradores.

Lograr madeira de calidade

Para conseguir madeira de calidade nestas especies pódese apostar por baixas densidades de árbores e moitos coidados ou por unha alta densidade e traballos puntuais, de maneira que sexa a natureza quen realice a maior parte do traballo para despois ir facendo unha selección dos exemplares con mellores aptitudes.
As masas con alta densidade de árbores espontáneas é unha opción viable para lograr madeira de calidade
Nos montes de Burgos que xestiona Sevilla están a apostar por altas densidades. "Para conseguir madeira de calidade en frondosas é fundamental partir dunha elevada densidade inicial, de varios miles de pés por hectárea, para que os troncos tendan a crecer en vertical, as ramas sexan finas e exista unha ampla base sobre a que seleccionar", detalla o enxeñeiro de montes. Neste sentido, Sevilla recomenda centrar esforzos nunha selección adecuada cun marcado correcto e lograr o mellor prezo por exemplar, máis aló de gastar tempo e diñeiro en pescudar o volume por hectárea.

As frondosas en Galicia

En Galicia, a superficie de frondosas autóctonas é de máis de 400.000 hectáreas, o que supón o 14% da superficie galega e o 29% do arborado. A maior parte son carballeiras de Quercus robur (124.780 hectáreas) seguido de carballeiras mixtas con outras frondosas autóctonas (121.665) aínda que tamén hai un importante número de soutos e bidueirais que ocupan unhas 46.455 hectáreas. A elas súmanse repoboacións novas de frondosas e bosques de ribeira ou Quercus pyrenaica (rebolos). Tanto os carballos como os castiñeiros atópanse entre as especies mellor pagadas no mercado internacional de madeira de calidade. Ademais, en España hai unha gran demanda non cuberta de especies como o rebolo, aínda que segundo apunta Sevilla, os carballos e en especial os rebolos, requiren dunha silvicultura complexa para lograr madeira de máxima calidade.
"O produto que se ofrece en Galicia é de moi baixa calidade e cun volume mínimo, o que en absoluto se corresponde coa súa importancia en extensión"
Segundo os datos do Observatorio Forestal da Xunta de Galicia, a corta anual de frondosas caducifolias con destino industrial en Galicia sitúase nos 250.000 metros cúbicos, case todos en montes de xestión privada. "O produto que se ofrece en Galicia é de moi baixa calidade e cun volume mínimo, o que en absoluto se corresponde coa súa importancia en extensión", reivindica Sevilla. Unha das claves para mellorar as oportunidades para as frondosas autóctonas en Galicia pasa por dispor de unidades de xestión de suficiente tamaño, tal e como indica Sevilla, dado o minifundio que caracteriza o monte galego. "Sería mellor contar con propiedades de máis de 50 hectáreas, pero tamén serven 20 hectáreas e asociacións para a xestión", apunta. A pesar da baixa taxa de extracción de madeira de frondosas, Sevilla pon máis o foco en mellorar á hora de como se corta e non tanto no volume que se logra, para comezar a valorizar a produción de madeira de calidade. Outro dos aspectos nos que incide o técnico para mellorar o aproveitamento das frondosas en Galicia é na necesidade de proporcionar unha maior formación sobre as oportunidades e a xestión que se precisa para o aproveitamento dos bosques autóctonos. "É importante contar cunha rede de bosques demostrativos que axuden a comprobar de maneira directa as pautas a aplicar e ver os resultados", apunta.

A importancia da silvicultura

Unha silvicultura adecuada pode acelerar o crecemento das frondosas autóctonas. Para lograr resultados é fundamental realizar unha selección adecuada das árbores con mellores aptitudes a idade temperá e traballar desde o primeiro momento a favor de pés ben conformados e vigorosos. "A mera extracción de pés maderaibles ou leñosos non é silvicultura", comenta. Sevilla recomenda coidar a selección das árbores a cortar, de maneira que se faga por un profesional na xestión da masa arbórea e prestando atención ás primeiras curtas. "A idea de que os carballos apenas teñen un elevado potencial de crecemento provén dos malos tratos seculares aos que se viron sometidos. Cando as árbores sufriron repetidos danos non se pode aspirar a madeira de calidade, pero cando unha selvicultura selecciona progresivamente os pés máis vigorosos e mellor conformados, a situación cambia radicalmente", argumenta o enxeñeiro de montes.

Hai oportunidades de futuro para a madeira das frondosas autóctonas galegas?

Boa parte da madeira de frondosas galegas como o carballo, o castiñeiro ou a nogueira rematan usándose para leña ou biomasa, unha opción cunha valorización económica mínima para os propietarios. Pero hai outras alternativas para este tipo de madeira? Empresas vinculadas ó sector forestal e que empregan este tipo de madeiras no seu día a día teñen claro que en Galicia pódese producir madeira de calidade e, polo tanto, que poida proporcionar unha maior rendibilidade. Aínda que para usos minoritarios polo momento, hai demanda destas madeiras.

Así o poñían de relevo hai uns días expertos e empresas do sector nun encontro sobre a valorización das frondosas autóctonas organizado polo Distrito Forestal IX Lugo-Sarria e celebrado na Escola Politécnica de Lugo. No encontro, apuntouse á calidade e á cantidade como os dous principais factores que están a condicionar a comercialización das frondosas hoxe en día en Galicia.

“Estamos nun territorio de frondosas e vémonos obrigados a traer madeira de fóra. Máis do 80% que serramos non é de Galicia”: Gabriel Fernández, Maderbar

“Estamos nun territorio de frondosas e vémonos obrigados a traer madeira de fóra. Máis do 80% que serramos non é de Galicia”, indica Gabriel Fernández, un dos responsables da firma lucense Maderbar, situada en Baralla, serradoiro especializado en madeiras de frondosas. Boa parte da madeira que procesan no seu centro destínase para elaborar doelas para pipos e barrís. Traballan con firmas tan prestixiosas como a destilería irlandesa Irish Distillers, á que lle proporcionan doelas para as súas barricas de whiski.

Así, a madeira de carballo segue a ter nas destilerías e adegas un nicho de mercado. “A madeira de carballo do sur de Europa ten moita demanda para licores polos taninos que lle proporciona”, ratifica Froilán Sevilla, xefe de Sección Territorial na Junta de Castela e León.

“Toda a madeira de carballo que podo a merco en Galicia, xa que sei que toda doela feita con madeira do país a temos vendida xa antes de mercar a madeira”, concreta Fernández. Ademais da madeira de carballo tamén están especializados en madeira de castiñeiro. “O castiñeiro pode ser unha liña de negocio importante en Galicia, xa que en zonas como a de Lugo temos madeira de gran calidade”, apunta.

Hai adegas que están probando a empregar a madeira de castiñeiro para as súas barricas polas propiedades desta madeira, semellantes ás do carballo

De feito, en Maderbar están levando a cabo unha investigación en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para potenciar o emprego de madeira tanto de carballo galego como tamén de castiñeiro para toneis. “Coa madeira de castiñeiro obtivemos valores moi semellantes ós logrados coa madeira de carballo en canto ás propiedades que ofrecen. Existe potencial para utilizar a madeira de castiñeiro e xa hai adegas que están probando a empregala”, explica Adriana Conde, investigadora da USC que está a desenvolver o estudo.

Polo momento a falta de madeira de frondosas en cantidade e de calidade -árbores con coidados silvícolas como podas- obriga ó serradoiro Maderbar a mercar noutras zonas de Europa. Gabriel Fernández recoñece que pasa longas tempadas en Francia mercando madeira nos principais mercados do país galo, especializado en madeiras de frondosas. “Nalgúns dos mellores bosques da zona centro de Francia estase a pagar a 1.200 euros o metro cúbico de madeira en pé. Con estes prezos ninguén baralla plantar piñeiro ou eucalipto”, apunta o madeireiro.

Frondosas para a construción

A construción é outro dos ámbitos onde se están a dar esforzos por recuperar a utilización da madeira de frondosas autóctonas, como se facía tradicionalmente. Porén, tamén hai certas dificultades para lograr a madeira precisa nas condicións axeitadas, como recoñecen dende Domohomo Arquitectura, un estudo compostelán de arquitectura e deseño que está a facer unha decidida aposta polo uso de madeira de frondosas nas súas obras e rehabilitacións. A dificultade para atopar madeira de castiñeiro co marcado CE obrigatorio foi unha das trabas que atoparon para poder levar a cabo un encargo onde o cliente buscaba que toda a madeira empregada na rehabilitación da súa vivenda fose de castiñeiro.

“Precisamos que o uso de madeira de frondosas sexa de fácil montaxe, como acontece con competidores directos, tales como o abeto laminado, moi en auxe en construción”, apunta Xulio Turnes, arquitecto de Domohomo. Pese ás oportunidades que ven nas madeiras de frondosas autóctonas sinalan tamén a necesidade de popularizar o emprego destas madeiras, para xerar unha maior demanda de produtos delas na sociedade, tal e como acontece en países como Austria ou Alemaña, onde a madeira ten gran importancia na construción. “O 20% das vivendas en Alemaña están construídas con madeira, mentres que en Galicia non chega ó 5%”, apunta o arquitecto.

En Domohomo topáronse de cheo con este descoñecemento da madeira de castiñeiro nun proxecto de deseño de cadeiras fabricadas nesta madeira, que ao final non foi adiante. “Precisamos incrementar a capacidade de aportar valor engadido á madeira das frondosas autóctonas”, indica Turnes.

O artesán Xoan Manuel Tubío Fernández, propietario de Xaneco Obradoiro.

A fabricación de instrumentos

“Nun territorio tan vinculado á música tradicional como é Galicia, con preto de 100 talleres artesáns de fabricación de instrumentos, este pode ser tamén unha oportunidade para o aproveitamento de madeiras de frondosas autóctonas”, recoñece Xoan Manuel Tubío Fernández, propietario de Xaneco Obradoiro, un taller artesanal de fabricación de instrumentos musicais situado no concello lucense de Outeiro de Rei.

Fillo de carpinteiro e músico, cando Tubío comezou coa fabricación de instrumentos musicais como as pandeiretas ou as zanfonas galegas, botou man, do mesmo xeito que moitos artesáns, das madeiras tropicais subministradas por unha firma valenciana especializada neste ámbito, ante a imposibilidade de contar con outras alternativas. “En Galicia, durante moitos anos os artesáns empregaban o buxo para fabricar gaitas, do mesmo xeito que os clarinetes do século XIX en Europa eran fabricados con esta madeira. As longas quendas de corta, a pouca madeira requirida e a dificultade para conseguir esta madeira fan que se opte por outras alternativas como as madeiras tropicais”, explica.

“Decidín comezar a procurar as miñas madeiras porque no país tiñamos madeira de calidade para a elaboración dos instrumentos” : Xoan Manuel Tubío, Xaneco Obradoiro

No obradoiro Xaneco axiña decidiron cambiar a importación das madeiras polo uso de madeiras autóctonas e de proximidade. “Decidín comezar a procurar as miñas madeiras porque no país tiñamos madeira de calidade para a elaboración dos instrumentos e que proporciona as mesmas calidades ó instrumento”, sinala. “Se a madeira que temos en Galicia foramos quen de procesala non só se vendería para os artesáns galegos, senón para o resto do mundo pola calidade que ten”, explica.

Tubío recorda como algunhas madeiras como a nogueira negra de calidade que empregaba para fabricar zanfonas galegas podían acadar prezos de 3.500 euros o metro cúbico antes da crise económica de 2008. “É certo que na fabricación de instrumentos non requirimos de grandes cantidades, pero tamén pode ser unha oportunidade para madeiras de calidade de frondosas galegas. En Galicia temos a materia prima pero non chegamos a xerar o valor engadido”, valora o artesán.