Archives

Como repercutirá o acordo de Capsa e Mercadona nas granxas de leite?

Planta de Larsa en Outeiro de Rei, onde se envasa leite Hacendado para Mercadona Os produtores de leite galegos acollen con “preocupación” o feito de que Central Lechera Asturiana -propietaria de Capsa ó 80%-, comece a envasar na planta de Outeiro de Rei leite Hacendado para Mercadona. A noticia, adiantada por Campo Galego, supón un acordo estratéxico entre unha das marcas de fabricante máis vendidas en España e a principal cadea de supermercados, polo que os gandeiros temen que esta “alianza” reduza competencia na compra de leite. Organizacións agrarias e asociacións poñen o foco no feito de que Mercadona, a través de industrias subministradoras como Naturleite, Entrepinares e agora Larsa, pase a controlar unha parte importante do leite que se produce na comunidade, e lembran que tanto Central Lechera Asturiana como COVAP están a pagar menos o litro de leite en Galicia, en comparación a Asturias, Castela e León ou Andalucía . Movementos en cadea Está por ver como o acordo entre CAPSA e a empresa de Joan Roig afecta ao resto de industrias provedoras da cadea de supermercados. En Galicia tamén compra e envasa leite para Mercadona Naturleite, propiedade da cooperativa andaluza COVAP, até agora a principal subministradora da cadea xunto coa cooperativa vasca Iparlat, coa que opera ao 50% en Lactiber.
Coa suma de Central Lechera Asturiana, as principais cooperativas españolas estarían neste momento envasando leite Hacendado
Pero a planta Trobajo del Cerecedo (León) atópase por debaixo da súa capacidade produtiva polo peche de explotacións e a caída de produción láctea que se está a dar en Castela e León. Procesa neste momento uns 140 millóns de litros anuais, procedentes dunhas 50 ganderías, a metade ubicadas na provincia de León e o resto en Palencia, Zamora e Salamanca. Galicia, garantía de subministro A caída da produción de leite noutras comunidades está precisamente detrás da aterraxe nos últimos anos de empresas como CAPSA ou COVAP en Galicia, onde se atopa a despensa de leite española e onde a produción segue a medrar.
O sector considera que a caída de produción en Castela afecta á capacidade de subministro de Mercadona a través da planta que Lactiber ten en León
Na planta de Naturleite en Meira envásanse uns 110 millóns de litros anuais, insuficientes para cubrir a demanda de Mercadona, que se está a ver beneficiada polo incremento de cota de mercado da marca branca en detrimento do leite de primeiras marcas, como Central Lechera Asturiana. Ese stock de leite da súa marca emblema na fábrica de Oviedo sería o que CAPSA estaría trasladando á planta de Larsa en Outeiro de Rei para envasar nos bricks Hacendado. De solución puntual a colaboración estable Mercadona busca asegurar con este acordo o subministro de leite, para evitar situacións como as vividas en outubro de 2022, cando os liñais da cadea de supermercados en varias zonas de España quedaron baleiros de leite. COVAP recibiu entón o encargo de buscar leite como fose e mesmo Entrepinares tería desviado de xeito puntual cisternas de leite á planta de Naturleite en Meira para suplir a escaseza de bricks nos liñais. Pero todo iso foi insuficiente. Naquel momento, en plena escaseza de materia prima e suba de prezos en orixe, Mercadona chegou a un acordo con CAPSA e o leite coa marca Central Lechera Asturiana substituíu a marca Hacendado en supermercados de parte do país. A cadea propiedade de Joan Roig aludía a “faltas de subministro por parte do provedor”, en referencia a Iparlat, con planta de envasado en Santander, para xustificar aquela solución de urxencia. Pero daquela situación de necesidade puntual pásase agora a este acordo estable de subministro de leite, xa non en botellas de Central Lechera Asturiana, senón en cartóns Hacendado. Posible entendemento entre COVAP e CAPSA Dúas das principais cooperativas españolas, a andaluza COVAP e a vasco-navarra Iparlat, manteñen vínculos desde fai anos, propiciados polo feito de seren as dúas provedoras de Mercadona, unha colaboración á que se podería sumar agora tamén CLAS nunha alianza a tres.
Mercadona está a propiciar unha alianza entre as principais cooperativas lácteas españolas
De feito, ao igual que COVAP e Iparlat operan en conxunto a fábrica de León, algo semellante acontece xa a día de hoxe coa de Vidreres (Girona), neste caso entre COVAP e CAPSA. No verán de 2017 a cooperativa andaluza entrou no accionariado da planta catalana, participada por CAPSA, que envasa nela o leite que comercializa en Cataluña coa marca ATO, e onde Làctia, participada á súa vez por COVAP e a cooperativa catalana Lletera de Campllong, envasa pola súa banda o leite Hacendado para os supermercados Mercadona de Cataluña.
Un acordo tácito entre COVAP e Larsa en Galicia reduciría competencia na compra do leite
CAPSA nunca deixou de facer marca branca, por exemplo para El Corte Inglés, e Mercadona tiña xa a Central Lechera Asturiana como marca invitada nos seus supermercados, pero a decisión de converterse na súa provedora directa é un salto cualitativo importante. De Iberleche a Mercadona Trala experiencia de Iberleche, una alianza con Leche Celta e Clun para o envasado de marca de distribución que se veu abaixo pola saída da cooperativa galega e da asturiana, CAPSA decidiu cesar a competencia directa con Mercadona e convertir á cadea de supermercados en cliente.
Comeza a darse unha situación de oligopolio, onde Mercadona cada vez vai acoutando máis o mercado, valórase no sector
“Comeza a darse unha situación de oligopolio, onde Mercadona cada vez vai acoutando máis o mercado e onde cada vez quedan menos actores de importancia fóra. Na marca de distribución, Lidl vén pegando tamén moi duro e erosionando o mercado, pero quen marca o paso é Mercadona”, recoñecen fontes do sector.
José Luis Pérez Barreiro, presidente de Agromuralla

“Mercadona estase a facer co monopolio da compra, o envasado e a venda o leite en España; cada vez ten máis poder para fixar prezos en orixe”

O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, mostra a súa “preocupación” polo feito de que unha única cadea de supermercados vaia ter, na práctica, “o monopolio da compra, envasado e venda de leite en España” e sexa capaz de fixar os prezos en orixe. “Mercadona xa os está marcando, pero cada vez con máis poder”, advirte.
Todos os movementos empresariais que se fan nunca é pensando no gandeiro, tarde ou cedo repercutirá en nós
“Todas as empresas, incluída CAPSA, están para gañar cartos. Se dan este paso de servir leite a Mercadona é porque lles convén economicamente ou porque non son capaces de defender a súa marca no mercado e teñen excedente de leite. Pero todos os movementos empresariais que se fan nunca é pensando no gandeiro; tarde ou cedo repercutirá en nós”, teme o presidente de Agromuralla.
Sempre se puxo como desculpa para pagarnos menos polo leite en Galicia os custos de transporte e agora traen o leite de Asturias
O feito de que estea a vir leite en cisternas de Asturias a envasarse á planta de Larsa desmonta para José Luis “os argumentos empregados polas industrias para pagar menos o leite en Galicia”. “Sempre se nos dixo que o leite aquí valía menos polo maior custo de transporte, pero traer a envasar a Outeiro de Rei leite comprado a un prezo máis caro en Asturias contradí claramente esa desculpa porque se duplican os custos de transporte”, evidencia.
Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias

“É un cambio de estratexia de CAPSA polos malos resultados do último exercicio económico”

Para Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, a decisión de CAPSA de envasar leite de marca branca para Mercadona “cambia o discurso de valor engadido e produto diferencial que fan nas campañas de publicidade de Central Lechera Asturiana”. Segundo Unións Agrarias (UU.AA), “o cambio de estratexia vén motivado polos malos resultados do último exercicio económico”. “Central Lechera Asturiana entra a substituír con Mercadona o acordo que tiña no seu momento con Celta a través de Iberleche; buscan unha nova alianza estratéxica”, opina Roberto. “Todo parece indicar que hai algo máis detrás de que Mercadona abrira a Central Lechera Asturiana a posibilidade de envasar leite sen ser interprovedora e debería ser explicado, sobre todo se iso vai afectar aos produtores e a distorsionar o mercado”, considera.
CAPSA recolle xa máis da metade do leite en Galicia; a solución natural sería integrar como socios de Central aos gandeiros galegos
“É unha decisión dun conselleiro delegado para resolver un problema cos números na conta de resultados, pero ten pouco que ver cunha decisión estratéxica de futuro, porque se o abastecemento futuro de CAPSA vai estar en Galicia, onde xa recolle máis da metade do leite, a solución natural sería integrar aos produtores galegos como socios na cooperativa e non ternos como meros abastecedores penalizados con 5 céntimos de diferenza”, argumenta. Roberto García denuncia a “pasividade da Xunta de Galicia”, xa que “CAPSA disfruta de axudas publicas e sen embargo marxina no prezo o leite galego”. “Os cinco céntimos menos que paga en Galicia representan o 95% da marxe de beneficio das granxas”, di. “Se o graneiro do leite e a posibilidade de crecemento está aquí, non ten sentido que sexa onde menos se paga polo leite; iso a economía de mercado non o dá explicado”, asegura.
Os 5 céntimos menos que se pagan polo leite en Galicia equivalen ao 95% da marxe de beneficio das granxas
En Asturias, CAPSA mete o reparto de beneficios aos socios no prezo do leite, como un xeito de beneficiar aos socios con entregas, uns 800, fronte aos 5.000 pasivos cos que conta a cooperativa, o que supón, a xuízo de UUAA “competencia desleal en Asturias cara o resto de industrias”. Ademais, en Galicia aplica un contrato co 30% do prezo do leite baseado no valor dos produtos industriais, que non aplica en Asturias.
Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG)

“Que avance a marca branca é sempre unha mala noticia”

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, considera que o feito de que “avance” a marca branca “é sempre unha mala noticia”. “Que haxa unha porcentaxe crecente do leite que se envasa como marca branca coloca o futuro desa produción nunha situación de vulnerabilidade, porque esa cadea que hoxe decide envasar nunha industria mañá pode decidir facelo noutra”, argumenta. O SLG aposta por que haxa transformación e industria asentada en Galicia “que teña capacidade de chegar ao consumidor final con produto galego”. “O óptimo sería que o consumidor identifique con Galicia o leite que consume, pero iso non o permite a marca branca, na que non hai vínculo coa orixe nin co modelo de produción”, recoñece. Isabel aposta por produtos de maior valor engadido aínda que admite que “mellor que o leite saia en brick antes que que saia en cisterna”.
O ideal sería que a industria asentada en Galicia tivese posibilidade de chegar directamente ao consumidor con produto galego
Desde o punto de vista de CAPSA, Isabel asegura que “é malo para unha industria deixar de ter fidelizado ao cliente coa súa propia marca” e chama a atención sobre o feito de que “a estratexia histórica de Mercadona sempre foi contar con distribuidores que traballaran en exclusiva para ela, con condicións moi duras que mesmo poñen en risco a rendibilidade do proxecto da empresa subministradora”.
A estratexia de Mercadona sempre foi impoñer condicións moi duras aos seus provedores
Para o SLG, ademais, é “preocupante” que se concentre “cada vez máis” a distribución do leite en menos operadores. “O sector convértese en máis dependente das decisións que tome ese grande operador, que neste caso ten unha posición de dominio do mercado”, advirte en relación a Mercadona.

Unións Agrarias denuncian que “unha campaña de asedio por parte de CAPSA contra nós”

Félix Porto e Óscar Pose este martes diante dos xulgados da Coruña Unións Agrarias denuncia publicamente o intento de Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA Food), propietaria de marcas como Central Lechera Asturiana ou Larsa, "de amedrentar e frear a actividade da organización na defensa dos dereitos do sector produtor". Representantes da organización trasladáronse este martes ata o Xulgado do Mercantil número 3 da Coruña para participar nunha sesión relacionada coa demanda interposta por esta industria láctea contra a organización agrogandeira. "Unha actuación sen precedentes que supón un atentando contra a liberdade sindical e o dereito á negociación colectiva dun sector que leva anos padecendo os comportamentos abusivos das industrias lácteas", lamentan dende Uións. "Nunca ata este momento ninguna industria se atrevera a facer o que agora está facendo Capsa: tentar amedrentar e calar a unha organización coñecida e recoñecida polo seu traballo na defensa dos dereitos do sector produtor en Galicia", advirten. Tras as denuncias públicas realizadas nos últimos anos por Unións Agrarias, Capsa Food ten interposto demandas por competencia desleal e por infracción do dereito ao honor, tanto contra a organización no seu conxunto como contra varios dos seus representantes. "Unha actuación que non ten cabida e que corrobora a nula vontade desta industria de cumprir coa lei e cos seus deberes de negociación colectiva e de pagar prezos por enriba de custos", sinalan dende Unións. A organización agraria amósase tranquila e confiada ante “unha guerra que sen ningún xénero de dúbidas imos gañar. E é que todas e cada unha das acusacións verquidas pola organización nos últimos 3 anos son verídicas e facilmente demostrables". “Non imos amedrentarnos, senón todo o contrario: ratificámonos en todo canto dixemos nos últimos anos, para denunciar os continuos incumprimentos da Lei de Cadea Alimentaria e o desaxuste existente entre os custos de produción, en aumento, e os prezos do leite que as industrias estaban a pagar ás explotacións”. Así o aseverou o secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa de Unións  ás portas do xulgado, onde reforzou a vontade da organización de seguir cumprindo co seu papel. “Non imos rectificar nin unha soa das palabras que dixemos no seu día e imos seguir traballando para facer cumprir os direitos de gandeiras e gandeiros e do sector produtor no seu conxunto”. Unións Agrarias chama a atención sobre "o modus operandi dunha industria que xa foi sancionada pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia por pactar prezos e incorrer en prácticas anticompetitivas en detrimento dos intereses e dereitos dos produtores". Igualmente, destaca o feito de que "o máximo responsable de Capsa sexa tamén unha persoa con responsabilidades na Federación Nacional de Industrias Lácteas. Algo que corrobora as prácticas abusivas ás que as industrias lácteas están afeitas e que Unións Agrarias continuará denunciando publicamente". “O que estamos vivindo neste momento -engaden- demostra unha vez máis que non existe negociación colectiva e que as industrias pretenden seguir impoñendo condicións á marxe do que dita a lei. Están afeitas a actuar dese xeito, e cando non conseguen o seu obxectivo tentan amedrentar pola vía xudicial. Algo intolerable que non nos vai calar”. A organización reitera o “desaxuste claro” que existe entre o prezo que as industrias lácteas pagan aos produtores galegos e aos asturianos. Unha diferenza de prezo constatable que nos últimos meses acadou os 7 céntimos por litro de leite e que, ao igual que Unións Agrarias, tamén ten denunciado publicamente o propio conselleiro do Medio Rural.

Larsa boicotea a Ulega e negocia directamente cos gandeiros a renovación dos contratos do leite

Protesta convocada por UUAA diante da planta de Larsa en Outeiro de Rei o pasado 16 de novembro Non sentou ben a Capsa, dona de Larsa, que o sindicato Unións Agrarias levase a cabo accións de protesta diante da súa planta de Outeiro de Rei o pasado mes de novembro. A empresa, propietaria tamén de Central Lechera Asturiana, está a tomar represalias contra Ulega na actual negociación para a renovación dos contratos de recollida de leite ás granxas, segundo denunciaron este mércores en rolda de prensa Xosé Manuel Liste-Liñares, presidente de Ulega, e Oscar Pose, asesor técnico da organización de produtores vinculada a UUAA. “Levamos varios anos negociando coas empresas lácteas os contratos do leite, pero este ano Larsa está poñendo impedimentos e boicoteando a negociación con Ulega, obrigando aos gandeiros de maneira individual a asinar baixo a ameaza de non recollerlles o leite”, denunciou Xosé Manuel Liste-Liñares.
Con Larsa o ano pasado houbo negociación por parte de Ulega sen chegar a acordo, pero este ano están visitando un a un a todos os gandeiros presionándoos para que asinen baixo a ameaza de non recollerlles o leite
“Puxemos esta situación en coñecemento do Ministerio, a través da Aica, e da Xunta hai xa dúas semanas para que tomen medidas inmediatas”, explicou Óscar Pose, que reclama “unha actuación inmediata, contundente e exemplarizante ante prácticas que son contrarias ao paquete lácteo”, dixo.
Non recoñecer a unha organización de produtores como interlocutora na negociación dos contratos é un incumprimento do paquete lácteo. Así llo trasladamos hai 2 semanas á Aica e estamos agardando que actúe
“Con Larsa os outros anos estableceuse unha negociación en conxunto sen problema, aínda que non se chegou a acordo, pero este ano están visitando un a un a todos os gandeiros que pertencen a Ulega. O obxectivo está claro: Capsa non quere negociar con Ulega porque prefire negociar individualmente cos produtores”, denunciou Óscar Pose, que considerou “intolerable a actitude da empresa de non recoñecer a unha organización de produtores legalmente constituída “e máis vindo dun grupo con base cooperativa cuxo máximo responsable é ao mesmo tempo o presidente da Fenil”, lembrou.
Ulega foi a primeira organización de produtores de leite de vaca recoñecida polo Ministerio de Agricultura a nivel estatal, xa no ano 2012, e hoxe reúne a 1.600 gandeiros
Con estas prácticas, “estase presionando ás cerca de 1.000 explotacións ás que recolle en Galicia para que asinen un contrato co que non están de acordo”, asegura UUAA. “Segue habendo unha imposición unilateral dos contratos, non hai negociación cos produtores, son contratos de adhesión, impostos polas industrias”, critican. Mediador público Desde Ulega pediron ao Ministerio “que estableza un mediador público, como existe noutros países, por exemplo en Francia, para resolver o conflito aberto entre a organización de produtores e Capsa e poder axilizar a sinatura dos contratos”, reclamou Xosé Manuel Liste-Liñares. En caso de desacordo entre as partes na negociación, sería ese mediador, escollido pola Administración, o que fixaría as condicións que deben cumprir ambas partes, explicou.

“Os contratos que estean por debaixo de 38 céntimos non cubren os custos de produción”

Oscar Pose xunto ao presidente de Ulega, Xosé Manuel Liste-Liñares, na rolda de prensa deste mércores O sindicato Unións Agrarias aproveitou a rolda de prensa na que denunciou a actitude de Larsa para analizar cal é a situación no mercado lácteo e os cambios que se están producindo nos contratos de cara á súa renovación para a campaña 2022-2023. “Este ano estamos ante unha situación moi difícil para as ganderías polo incremento de custos que se está producindo e as previsións de cara aos vindeiros meses non son alentadoras, posto que non se agarda unha baixada a curto prazo dos custos de alimentación”, indicou Óscar Pose.
Entramos nun momento do ano de grandes gastos, como son as campañas de abonado e forraxes, con custos absolutamente inasumibles con estes prezos de venda do leite
“No sector os produtores entramos ademais neste momento en grandes gastos, como son as campañas de abonado e forraxes, con custos absolutamente inasumibles con estes prezos de venda do leite”, asegurou. Custos de produción entre 38 e 40 céntimos Á vista das ofertas que están a facer as distintas industrias de cara á renovación dos contratos, existen notables diferenzas de prezos. “Entrepinares ou Pascual están a poñer sobre a mesa contratos razoables para os produtores e deben ser o exemplo a seguir. Son ofertas que se moven no entorno dos 38 céntimos máis calidades. Pero hai outras industrias que claramente se quedan por debaixo dos custos de produción, que estarían hoxe entre os 38 e os 40 céntimos, segundo os datos facilitados pola Xunta con medias de datos reais tomados de explotacións galegas” asegurou Óscar Pose. Contratos referenciados á cotización dos produtos industriais No caso de Larsa, fíxase un 70% a prezo fixo de 31,5 céntimos e o 30% restante referenciado a produtos lácteos industriais como a manteiga e o leite en po. A mesma fórmula é a utilizada por outras empresas, como Inleit.
Segue habendo unha imposición unilateral dos contratos, non hai negociación cos produtores, son contratos de adhesión, impostos polas industrias
Nestes casos, denuncian desde UUAA, “os gandeiros quedan a expensas dos prezos dos produtos industriais nos mercados internacionais, sobre os que non pode actuar a propia empresa e moito menos os gandeiros”.
Ulega e UUAA están en desacordo cos modelos de contrato ligados a prezos industriais
“Preocúpanos que ningún destes contratos leven referencia algunha aos custos de produción, porque a suba da manteiga e o leite en po foi do 60% no último ano, e os valores actuais están en máximos históricos, que é o que mantén o prezo alto neses contratos de xeito artificial neste momento, pero se se producira unha caída brusca o prezo do leite tamén caería, no caso de Larsa ata os 31,5 céntimos, que é o solo fixado como límite por abaixo nos contratos, moi lonxe dos custos de produción”, explican. Contratos distribución-industria UUAA está traballando coa distribución para que nos contratos de compra do leite ás industrias se estableza unha cláusula que fixe que o leite que vende esa empresa é mercado aos gandeiros a un prezo que cubre os custos de produción.                 “A distribución e a industria amañaron a súa parte na segunda metade do ano pasado, subindo o prezo no liñal e nos contratos industria-distribución, pero faltan os produtores, que non teñen esa capacidade, polo que se non se revalorizan os contratos en campo estaremos nunha situación límite con perdas nos vindeiros meses”, prognosticou.

O Goberno anuncia que regulará os contratos do leite no campo para evitar prezos por baixo dos custos

Tódolos contratos de compravenda de leite entre gandeiros e industrias lácteas deberán levar unha cláusula de obrigado cumprimento que sirva para cubrir os custos de produción. Así o anunciou no Senado o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen comprometeu un Real Decreto para abordar esta cuestión de xeito específico no sector lácteo. Esta é unha reivindicación histórica dos gandeiros e unha cuestión 'de xustiza e de lóxica', segundo a Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), matriz estatal de Unións Agrarias. "As declaracións do presidente do Goberno son positivas, pero hai que actuar xa para salvar a un sector que está a morrer aos poucos", sinala o gandeiro lalinense Román Santalla, secretario de Gandaría de UPA. Pero, como lograr o pago dun prezo xusto aos gandeiros, que cubra os seus custos e lles permita obter unha mínima rendibilidade?. Son xa varios os avances que se produciron a nivel lexislativo mentres os gandeiros ven como os contratos seguen sen avanzar en prezo. UPA sinala varias das claves: que os datos de custos de produción proveñan de fontes oficiais e se publiquen semanal ou mensualmente. Outra das claves é que as industrias actualicen tódolos contratos, con independencia da súa data de finalización. "Non é admisible que os gandeiros esteamos a asumir toda a suba de custos e sexan industrias e distribución os que queden cos céntimos de suba do leite aos consumidores", critican desde UPA. Os gandeiros instaron ás industrias a dar 'pasos adiante' nas negociacións para que incrementen o prezo pago aos produtores. Están a ser tempos para a negociación, pero tamén para a reivindicación.

Protestas en Lugo

En Galicia, as protestas gandeiras polo baixo prezo do leite continuaron esta semana na cidade de Lugo. Nesta ocasión a acción levouse a cabo no Eroski do Centro Comercial As Termas organizada por Unións Agrarias. O colectivo continúa coa campaña de concienciación do consumidor para evitar que se merquen certas marcas que seguen sen pagar un prezo xusto ós produtores. Óscar Pose, de Unións Agrarias, na zona de lácteos do Eroski das Termas (Lugo), onde se retiraron as marcas de Capsa e Lactalis. O foco, igual que en semanas previas, púxose nas marcas que comercializan Lactalis e Capsa, as dúas industrias que máis volume de recollida teñen na comunidade e tamén dúas das que máis presenza copan nas cadeas de distribución. Nesta ocasión, a propia cadea de supermercados Eroski xa tiña retirada estas marcas do liñal de venda cando se iniciou a protesta nas súas instalacións.

Moratoria de 15 días

Unións Agrarias anunciou que paralizará as accións de protesta durante os próximos 15 días logo de que se iniciase esta mesma semana unha mesa de negociación coas principais industrias, que aínda non trasladaron unha suba dos prezos do leite ós gandeiros. “Agardamos ter resultados nestas dúas semanas, e se non se logran reiniciaremos a campaña de sensibilización e seremos moito máis contundentes, non só con estas dúas industrias senón con aquelas que prometeron subas ós gandeiros que non acaban de chegar”, explicou Óscar Pose, responsable de Área do Sector Lácteo de Unións Agrarias, durante a protesta en Lugo.

CLAS introduce en Asturias un complemento de 2 céntimos no prezo do leite que indigna a Unións Agrarias

Unións Agrarias mantén a pugna polo prezo do leite coas dúas principais industrias lácteas que operan en Galicia, a francesa Lactalis e a asturiana Capsa, que aglutinan arredor dun 35% do leite da comunidade. Con Lactalis, Unións celebra hoxe unha reunión de negociacións, encadrada na actividade da súa organización de produtores de leite, Ulega; e con Capsa espera ter un encontro nos próximos días. Entre tanto, a organización agraria declárase indignada polas diferenzas que ve entre as decisións que toma Capsa en Asturias e en Galicia. Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), que xestiona Larsa en Galicia, é unha industria láctea que é propiedade de xeito maioritario da coooperativa Central Lechera Asturiana (CLAS). Cos anos, CLAS convertiuse nunha referencia de éxito para o cooperativismo gandeiro, pois as súas granxas socias, entre outros beneficios que lles aporta a cooperativa, sempre figuran entre as que mellores prezos do leite obteñen a nivel estatal. No prezo do leite, a última decisión de CLAS foi a de introducir a partir de outubro un complemento de 2 céntimos nos pagos do leite das súas granxas socias, de xeito que o prezo medio en Asturias pasou dos 35,3 céntimos de setembro ós 37,2 de outubro (Datos do Ministerio de Agricultura). É unha mellora que en Galicia indigna a Unións Agrarias, que compara a situación das granxas de CLAS coa das granxas galegas proveedoras de Capsa (Larsa). “O que nos está negando a nós Capsa estáo facendo en Asturias” -cuestiona o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García-. “Puxeron un complemento no prezo do leite para compensar o aumento de custos de produción das ganderías asturianas. É un complemento que ademais se vai ver reforzado en decembro con outro céntimo en concepto de pago de beneficios da cooperativa”, sostén o secretario xeral de Unións. A organización agraria, xunto a outras entidades do sector, está a reclamar que as grandes industrias lácteas que operan en Galicia fagan unha suba dos prezos no campo que permita compensar o aumento de custos de produción das granxas, que ven como nos últimos meses están a encarecerse os pensos, os fertilizantes e a enerxía, entre outros gastos. Suba do prezo do leite nos supermercados Unións argumenta ademais que o leite xa subiu nos supermercados, polo que entende que unha parte importante das industrias “está a quedarse cos cartos a maiores que xa está recibindo das cadeas da distribución”. “As marcas brancas subiron 5 céntimos desde setembro, en tanto as primeiras marcas de leite rondan os 3 céntimos de subida” -valora García-. “Esa é unha suba que se lle debe trasladar ó campo, pero polo de agora é algo que só fixeron as industrias que operan con Mercadona (Naturleite, Entrepinares) -que subiron 2 céntimos o prezo do leite- e parcialmente outras, como Pascual, Nestlé ou Celta”, analiza. En conxunto, o prezo do leite no campo en Galicia experimentou nos últimos meses unha progresiva suba, que se notou especialmente entre setembro (33,2 céntimos de prezo medio) e outubro (34,2 céntimos). Pero Unións argumenta que as dúas principais industrias lácteas da comunidade, Lactalis e Capsa, manteñen os prezos bloqueados no campo.
"O complemento no prezo que introduciu CLAS é un complemento cooperativo que se decidiu na medida en que o permitiron as contas da cooperativa. Non ten nada que ver con Capsa", explica a compañía asturiana
Lactalis ofreceu polo de agora unha suba dun céntimo no campo, en tanto Capsa apela ós contratos asinados, que quere manter sen cambios ata marzo do 2022. No marco deses contratos, Capsa explicou recentemente que en novembro os pagos ás granxas galegas aumentarán nun céntimo pola revalorización dos produtos lácteos industriais (manteiga, leite en po) no mercado internacional. A compañía asturiana rexeita de plano as comparacións que fai Unións Agrarias entre os pagos que reciben as granxas socias de CLAS e os pagos das granxas proveedoras de Capsa (Larsa). “O complemento que se lle introduciu en outubro ás granxas socias de CLAS é un complemento cooperativo, que se decidiu na medida en que o permitían as contas da cooperativa. É un complemento que non ten nada que ver con Capsa, son cuestións que non se poden mesturar”, argumentan. Reunión hoxe en Madrid Así as cousas, esta mañá reúnese en Madrid a Mesa Láctea, un órgano no que o Ministerio tratará de avanzar en solucións conxuntamente con cooperativas, organizacións agrarias e industrias. Previamente, o Ministerio mantivo xa unha reunión na tarde de onte coa Federación Nacional de Industrias Lácteas. De non acadarse solucións, Unións Agrarias anunciou onte que formalizará xa unha denuncia contra Lactalis e contra Capsa na Agencia de Información y Control Alimentario (Aica), pois entende que ambas industrias están a comprar o leite no campo por baixo dos custos de produción. Tamén anuncia a continuidade do boicot contra as marcas de Capsa e de Lactalis nos supermercados, e pide a mediación da Consellería de Medio Rural nas negociacións que mantén a súa organización de produtores de leite, Ulega, coas industrias lácteas.

Capsa alcanza en 2020 o seu récord de facturación e un beneficio de máis de 25 millóns de euros

A firma asturiana Capsa Food (Corporación Alimentaria Peñasanta S.A.) pechou 2020 con cifras históricas, a pesar de ser un ano marcado pola pandemia do Covid-19. A compañía logrou un beneficio de 25,1 millóns de euros, o que supón un 8,6% máis que o ano pasado. O incremento débese á evolución das vendas no mercado de gran consumo, que compensaron a perda de preto do 30% do volume vendas na hostería debido ás limitacións impostas polas autoridades sanitarias. O Consello de Administración  aprobou este xoves as contas anuais e presentou os resultados correspondentes ao ano 2020 cunha facturación de 750,4 millóns de euros, un 4% máis que en 2019. Desta forma, Capsa segue medrando por sexto ano consecutivo.
A recollida no ano 2020 foi de 908,5 millóns de litros de leite de orixe 100% español
Capsa experimentou tamén un crecemento con respecto do pasado ano nas cotas de valor nos diferentes mercados nos que opera. No mercado de leite, pecha 2020 cunha cota de 19,3% fronte ao 17,9% que tiña en 2019. En nata consolida un 21% de cota de mercado (en 2019 tiña un 19,8%) e en manteiga alcanza un 24,4%, o que supón 0,2 puntos de cota por encima de 2019. Se falamos do mercado de leite vexetais, as súas vendas crecen en valor un 16,4% pechando o exercicio cunha cota do 14,3%. Actualmente, as marcas da compañía teñen presenza en case a metade dos fogares españois. Ademais, en 2020 a cooperativa recolleu 908,5 millóns de litros de leite de orixe 100% español.

Aposta pola sustentabilidade

A compañía asturiana alcanzou en 2020 diferentes fitos en materia de sustentabilidade integral. Así, no mes de xuño, a industria láctea converteuse na primeira empresa española en obter o certificado B Corp por xerar un impacto positivo na sociedade e no planeta a través da súa actividade, apoiado no modelo de negocio cooperativo desde a gandaría até a mesa. Ademais, neste exercicio, tamén se ampliaron os servizos que están baixo o paraugas da certificación 'Garantía Gandeira', que avalan o método único de traballo dos gandeiros de Central Lechera Asturiana SAT e contribúe a garantir a sustentabilidade das súas gandarías familiares no futuro. A compañía continuou avanzando para alcanzar a neutralidade climática no ano 2035 en toda a súa cadea de valor. Este compromiso vai desde as gandarías ata que os seus produtos sexan consumidos co mínimo desperdicio e os envases transformados en novos materiais. O ano 2020 foi importante para alcanzar este obxectivo e por iso baseou a súa xestión no modelo de economía circular, sendo a primeira empresa española en contar cunha 'Estratexia de Economía Circular' certificada por Aenor.
É a primeira empresa española co certificado B Corp polo seu impacto positivo e cunha estratexia de Economía Circular acreditada por Aenor
Tamén foi a primeira empresa en conseguir a Neutralidade en Carbono nas súas emisións directas (1+2) en todas as súas factorías e en obter a certificación 'Residuo Cero', ámbalas dúas avaladas por Aenor. Durante este exercicio, a compañía investiu 2,5 millóns de euros en instalacións e equipos para optimizar a eficiencia enerxética e protexer o medioambiente. Ademais, neste ano os gastos en protección ambiental supuxeron máis de 13 millóns de euros. Todas estas iniciativas foron recoñecidas a través de diferentes galardóns, como os Premios da Semana Europea de Prevención e o Premio Nacional de Enerxía na categoría 'Mellor actuación en materia de eficiencia enerxética e mobilidade sustentable'. Outro dos programas polos que a compañía segue apostando é Capsa Vida (Vehículo de Investimento para o Desenvolvemento da Alimentación do futuro). No mes de outubro entrou a formar parte de Baia Food, start up que desenvolve a miraculina, unha proteína que transforma o sabor acedo en doce co obxectivo de xerar alimentos e bebidas sen azucres engadidos que sexan beneficios para a saúde á vez que sustentables. Dentro da actividade de Capsa Vida en 2020, tamén se atopa a creación de La Granja, un laboratorio de Innovación alimentaria, en colaboración co Centro Europeo de Empresas e Innovación do Principado de Asturias (CEEI) cuxa finalidade é implementar as mellores prácticas agro-gandeiras impulsando o que será a gandaría sustentable do futuro. Ademais, a principios de 2020, a firma adquiriu o 50% da Sociedade Lácteas Flor de Burgos S.L. Trátase dunha operación para liderar conxuntamente o mercado de queixos e produtos frescos ao sumar as sinerxías de ámbalas dúas empresas, creando valor compartido. Tamén en 2020 asinou un acordo de colaboración con Delikia, primeiro operador de vending de España, grazas ao cal colaborarán durante o próximos tres anos para innovar tanto en produtos como en procesos.

100 medidas pola pandemia

A pandemia marcou o desenvolvemento deste exercicio. O coidado da saúde e a seguridade dos seus traballadores concretouse a través da certificación por Aenor do seu Plan Xeral de Actuación fronte ao Covid-19, que incorpora preto de 100 medidas postas en marcha durante esta crise sanitaria. Ademais, a compañía doou máis dun millón de quilos dos seus produtos aos máis desfavorecidos a través de diferentes organizacións e ONG´s  como a Federación de Bancos de Alimentos, Cruz Vermella Española ou Cáritas, entre outras; así como ao persoal sanitario. Capsa Food tamén apoiou á hostería, outra das grandes prexudicadas nesta pandemia, doándolles o leite necesario para servir máis de dous millóns de cafés con leite na reapertura da actividade hostaleira.

“Os gandeiros de Central Lechera Asturiana agora cobramos máis, pero investimos moito diñeiro na nosa industria láctea”

O pasado día dous de xullo a asemblea de Central Lechera Asturiana-SAT elixiu ao gandeiro Alberto Álvarez Rodríguez como novo presidente para os próximos 6 anos. A súa elección foi practicamente por unanimidade -90 votos a favor de 92 compromisarios asistentes- para pilotar unha sociedade formada por unhas 1.100 gandarías de vacún de leite de Asturias que son propietarios de Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA), a maior cooperativa láctea española, propiedade de marcas de leite como “Central Lechera Asturiana”, “Larsa”, “ATO” ou a queixería recentemente adquirida “Flor de Burgos”. Falamos con este enxeñeiro de montes de formación e gandeiro de profesión sobre o presente e o futuro desta SAT cuxos orixes se remontan ao ano 1967, cando un grupo de gandeiros asturianos uníronse para comercializar e darlle valor ao leite. Hoxe logran os mellores prezos en orixe de España para as súas explotacións socias, pero non sempre foi así... -Acabas de ser elixido fai escasas dúas semanas novo presidente de Central Lechera Asturiana SAT, Como asumes esta responsabilidade? Asumo este mandato cunha gran responsabilidade, polo gran compromiso que representa tanto para os socios como para o conxunto da sociedade. E como non, con moita ilusión e ganas de traballar. -Como é a Central Lechera Asturiana SAT que recibes: número de gandarías socias, distribución xeográfica, facturación..? A SAT é unha sociedade con máis de 50 anos de historia. Actualmente temos unha estrutura societaria de socios activos e que xa non manteñen a actividade agrogandeira pero que seguen vinculadas á SAT que suma un total duns 7000 socios. En canto a volumes de facturación estamos nun modelo de integración vertical no que está integrada Corporación Alimentaria Peñasanta Sociedad Anónima (CAPSA), que é o noso motor industrial e comercial e que sen dúbida contribúe á posta en valor da nosa marca “Central Lechera Asturiana”. En conxunto, en SAT Central Lechera Asturiana alcanzamos un volume de facturación no ano 2019 da orde de 720 millóns de euros.
“Ao redor da metade do leite que procesa CAPSA procede de gandarías socias de Central Lechera Asturiana”
Por outra banda, o grupo CAPSA procesa anualmente uns 900 millóns de litros de leite, procedente tanto de gandarías socias de Central Lechera Asturiana SAT, como doutras granxas non socias que abastecen do leite que nós non podemos producir. -Compatibilizas a presidencia con outras responsabilidades como conselleiro do Consello de Administración de CAPSA, o brazo industrial de Central Lechera Asturiana, e coa túa propia gandaría, La Soledad SC, en Santullano de Tineo Como é a túa explotación? Son socio da gandaría familiar desde o ano 1998, despois de finalizar os estudos de Enxeñaría de Montes no Campus de Lugo. Trátase dunha granxa familiar, cunha produción duns 600.000 litros ao ano, e na que colabora tanto a miña muller como a miña nai e que está situada nuns dos municipios con máis produción de leite de Asturias como é o de Tineo. -Cales son os retos asumes para a túa presidencia durante os próximos 6 anos? O obxectivo segue sendo dar rendibilidade e estabilidade ao socio gandeiro. Para iso seguiremos pondo en valor a nosa orixe, a nosa cultura e valores para dar futuro ao gandeiro, fortalecer a SAT e mellorar a calidade de vida dos socios no posible. -CAPSA é hoxe en día a principal industria láctea de capital español e de base cooperativa. Canto do leite que procesa procede das gandarías socias de Central Lechera Asturiana? Da orde da metade do leite que procesa CAPSA é de socios de Central Lechera Asturiana SAT. -Como está a situación dos prezos para os gandeiros de Central Lechera Asturiana e como se prevén para este ano? Este ano prevemos certa estabilidade de prezos, a pesar da situación de crise sanitaria e económica que se vive. Dentro de Central Lechera Asturiana temos unha diferenciación positiva de prezos respecto doutras gandarías, motivado polo modelo de integración vertical que temos. A nosa participación na actividade comercial e industrial ten importantes resultados que se trasladan en última instancia aos socios que compomos a SAT.
“As gandarías de Central Lechera temos un prezo sobre un 10% superior á media española”
En canto ao prezo en concreto que perciben os nosos gandeiros socios, estamos entre un 8 e un 10% por riba do prezo medio do leite en España, segundo os datos publicados polo FEGA. -Nos últimos anos CAPSA-Central Lechera Asturiana converteuse na segunda industria láctea en volume de recollida en Galicia, onde tamén son propietarios de LARSA, e moi preto de LACTALIS. Porén, os gandeiros galegos cobran un prezo de varios céntimos por baixo da media dos de Asturias e non se lles permite ser tamén socios da SAT. Como valora esta situación? Contemplan algunha opción de incorporalos como socios? A SAT é un modelo exemplar de integración vertical e é certo que agora mesmo temos unha diferenciación positiva de prezos do leite para os socios. Non obstante, hai que ter en conta que durante moitos anos, mesmo en Asturias, as diferenzas de prezos para os socios de Central Lechera era negativa e cobrabamos menos polo leite que outras granxas. Os socios fixemos nestes anos un importante esforzo de capitalización da nosa sociedade e, afortunadamente, as políticas seguidas a nivel industrial e social por parte de CAPSA fortaleceron a nosa sociedade, de forma que agora estamos a recoller os froitos do esforzo dos nosos predecesores. É certo que temos menos gandeiros activos, do mesmo xeito que en todo o mundo, pero neste 2020 imos recoller máis leite dos nosos gandeiros socios en comparación a todos os anos anteriores, e alcanzar as 450.000 toneladas. En canto á incorporación de novas gandarías socias doutras comunidades nas que opera CAPSA como Galicia, no ano 2010 abriuse unha xanela de crecemento de socios e unha vez satisfixeron os obxectivos pechouse. Isto non quere dicir que non se abra de novo de cara ao futuro. Neste momento das 1100 gandarías activas que agrupa Central Lechera Asturiana SAT, soamente 13 están en Galicia e 1 en Cantabria, o resto todas en Asturias. -Central Lechera Asturiana SAT é un dos poucos exemplos en España de éxito dos gandeiros á hora de asociarse para comercializar e darlle valor ao seu leite. Cales cres que foron as claves deste éxito do asociacionismo gandeiro asturiano? A orixe de Central Lechera Asturiana SAT foi nunhas circunstancias de crise absoluta de prezos do leite e iso permitiu aos socios gandeiros centrar máis os obxectivos. Co paso dos anos, houbo unha aposta clara pola innovación, a calidade e a diferenciación, tanto en packaging do leite líquido como no resto de produtos. Este esforzo de capitalización de CAPSA por parte dos socios de Central Lechera Asturiana SAT permitiu que hoxe sexamos un modelo de éxito.
 “Durante anos os gandeiros de Central Lechera cobramos menos que o resto, pero grazas ao noso esforzo de capitalización e a un liderado e obxectivos claros hoxe estamos na parte alta”
Tamén axudou a existencia dun liderado claro e uns obxectivos comúns para todos os socios, o que contribuíu a fortalecer Central Lechera Asturiana. Houbo neste proceso moitos momentos amargos e ao final conseguiuse saír diso fixando uns obxectivos comúns. O valor inicial achegado polos gandeiros socios no ano 1968 foron 10.000 pesetas, pero ao longo de todos estes anos e a día de hoxe seguimos facendo un esforzo de capitalización da sociedade. Así, parte do prezo que percibimos sigue destinándose para capitalizar a nosa sociedade. En concreto, unha porcentaxe da produción de leite que entregamos vai destinada a darlle músculo financeiro á SAT -Na Península Ibérica as dúas principais industrias lácteas de capital autóctona son propiedade dos gandeiros: CAPSA e LACTOGAL. Como é a cooperación entre ambas para competir coas grandes multinacionais presentes en España e Portugal? A nosa relación con LACTOGAL é excelente. Con todo, por parte de Central Lechera Asturiana non temos en mente unha cooperación comercial con LACTOGAL, quizais de cara ao futuro poida haber intentos de cooperación, pero non a día de hoxe.
“Non temos en mente ningún proxecto de colaboración con LACTOGAL”
- Nos últimos meses realizastes investimentos para incrementar a capacidade industrial das plantas de Outeiro de Rei e Vilagarcía. Que plans tedes en Galicia? Prevedes seguir aumentando a recollida na comunidade? Galicia é unha comunidade con gandarías moi profesionalizadas, de forma que mantén o liderado como o primeiro produtor de leite en España. Seguiremos apostando e investindo nas nosas fábricas de Outeiro de Rei e de Vilagarcia e apostando pola marca Larsa. A nosa actividade en Galicia xa vén de lonxe, pois antes de que adquirísemos LARSA tivemos unha colaboración moi intensa con Leyma, onde fomos propietarios do 49%, e tamén dunha queixería na comarca de Ferrol. - Como é a relación coas dúas cooperativas lácteas galegas: Clun e Aira? Que consello lles darías desde unha cooperativa, como é a vosa, que leva moitos máis anos transformando e comercializando o leite dos seus socios? Todos debemos redobrar o noso compromiso de apostar polo sector e por que haxa relevo xeracional nas gandarías. Para iso, debemos esforzarnos en dignificar a vida dos nosos socios e mellorar a súa rendibilidade. Non me atrevería a darlles un consello, pero si insistiría en que é moi importante a aposta dos socios pola capitalización dos proxectos industriais das cooperativas. -Como ves o futuro das gandarías e da industria láctea en España dentro de 6 anos? Creo que cada vez será un sector máis valorado pola sociedade. Hai varios acontecementos que así o indican, como a estratexia “Da Granxa á Mesa”, presentada pola Comisión Europea e a crise sanitaria, onde se puxo de relevo que a produción de alimentos, e a de lácteos en particular, é estratéxica para o futuro dun país nun escenario de incerteza como o que vivimos.

Capsa medra por quinto ano consecutivo pechando 2019 cun beneficio de 23 millóns de euros

Capsa Food é propietaria de Larsa, con instalacións en Outeiro de Rei e Vilagarcía

A compañía asturiana Capsa pecha 2019 cun beneficio de 23 millóns de euros, que inclúen os beneficios empresariais, as primas no prezo de compra de leite abonadas aos socios gandeiros e o canon por cesión de uso da marca pagado a Central Lechera Asturiana SAT.

O Consello de Administración de Capsa Food (Corporación Alimentaria Peñasanta S.A.) reunido hoxe formulou as contas anuais e presentou os resultados correspondentes ao ano 2019, co que culmina o seu Plan Estratéxico 2015-2019 xerando neste período máis de 160 millóns de euros de beneficio.

A compañía láctea medra en resultados por quinto ano consecutivo, pechando 2019 cun beneficio histórico de 23,12 millóns de euros, un 1,3% por encima do ano anterior, grazas á evolución positiva das súas vendas nos diferentes mercados nos que operan as súas marcas. No mercado de leite a compañía incrementou un 8% as vendas con respecto a 2018, crecemento similar ao que presenta no mercado de manteigas. En natas a empresa asturiana crece un 7% e un 9% no mercado de queixos.

Corporación Alimentaria Peñasanta supera o 7% de crecemento nos mercados de leite, nata, manteiga e queixos

Esta evolución en vendas reflíctese nas cotas que a compañía alcanza no mercado español, afianzando o seu liderado nos mercados de leite, nata e manteiga. Concretamente, no mercado de leite Capsa pecha 2019 cun 17,9% de cota de mercado mentres que no de nata alcanza unha cota 19,8%. En manteiga consolida unha cota de mercado do 24,2%.

No que se refire ao mercado de hostalaría, que sufriu este ano un parón xeralizado como consecuencia da pandemia por coronavirus, a compañía aumentou o ano pasado as súas vendas un 7%, sendo ademais os produtos de Central Lechera Asturiana e Larsa cada vez máis visibles na canle Horeca cunha presenza que supera o 30% dos establecementos.

Desplome do prezo da graxa nos mercados internacionais

Con todo, en 2019 a compañía viu penalizado o seu importe neto da cifra de negocio (720,8 millóns de euros fronte aos 737,7 do ano 2018), derivado da baixada de facturación da súa división Innova Food Ingredients como consecuencia do desplome que sufriron os prezos da materia graxa nos mercados internacionais (o prezo medio ponderado en 2019 foi de 4,344 euros/ Kgr MG fronte a 5,538 euros/ Kgr MG en 2018). Pero este impacto negativo viuse compensado por melloras de eficiencia operativa, consolidando en conxunto en 2019 a empresa asturiana un beneficio por encima do ano anterior.

Capsa pecha 2019 cun 18% de cota de mercado en España e as súas exportacións de leite líquido a países fóra da Unión Europea representan xa o 37% do total español

No mercado internacional, o volume de venda da compañía medra preto dun 60% con respecto ao ano anterior. Capsa xa representa o 36,8% do leite líquido envasado que se exporta desde España a mercados fóra da UE, fronte ao 20,3% en 2018, e o 12,3% da nata líquida (fronte ao 9% en 2018).

Seis centros de produción con 1.300 traballadores e 928 millóns de litros de leite recollidos o ano pasado

Instalacións centrais de Capsa en Asturias

Capsa Food, que integra as marcas Central Lechera Asturiana, Larsa, ATO, 39ytu, Vega de Oro, Asana e Innova Food Ingredients, é a compañía líder do mercado lácteo español, conta con 6 centros de produción distribuídos por toda a xeografía española dando emprego directo a máis de 1.300 persoas e cunha presenza internacional en máis de 40 países.

A empresa recolleu e transformou o ano pasado preto de 928 millóns de litros de leite “de orixe 100% español”, destaca a compañía nunha nota de prensa. En Galicia, foi aumentando nos últimos anos o seu volume de recollida tralas ampliacións efectuadas nas plantas de produción de Outeiro de Rei e Vilagarcía, onde no últimos tres anos a compañía asturiana investiu 25 millóns de euros e dá emprego a 250 persoas.

A empresa recolleu e transformou en 2019 preto de 928 millóns de litros de leite de orixe 100% español, destaca

Na súa aposta pola sustentabilidade integral, a compañía asturiana mantén a súa orixe cooperativa e traballa co propósito de “apoiar ao sector primario e ao mundo rural e dar futuro ao socio gandeiro”, un obxectivo que se concreta con prezos en orixe que se sitúan en Asturias tres céntimos por enriba dos pagados en Galicia, segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega).

Un dos 10 maiores operadores queixeiros de España

No último exercicio Capsa culminou o Plan Estratéxico 2015-2019, que permitiu á empresa continuar medrando a través dunha estratexia de diversificación e aumento de transformación no mercado do queixo, coa ampliación da capacidade produtiva en Galicia e tamén noutros puntos da xeografía española.

A aposta da compañía asturiana neste campo en 2019 foi clara e continuou en 2020. Corporación Alimentaria Peñasanta adquiriu o pasado mes de xaneiro o 50% da sociedade Lácteas Flor de Burgos co obxectivo de desenvolver un proxecto conxunto de marca sumando as sinerxias de ambas compañías para liderar o mercado de queixo fresco.

A estratexia de crecemento e diversificación de Capsa continuou en 2020 coa adquisición no mes de xaneiro do 50% da queixaría Flor de Burgos

O volume de venda conxunto resultante sumado de Capsa e Flor de Burgos no mercado de queixos vai superar os 95 millóns de euros, o que situará a esta unión de empresas como un dos 10 maiores operadores queixeiros de España.

O acordo, asinado o pasado 14 de xaneiro, supón a venda do 50% desta sociedade que ata entón pertencía na súa totalidade á familia Angulo, cuxa vinculación co mercado queixeiro vén desde 1915. En 2019, a compañía queixeira burgalesa facturou máis de 63 millóns de euros, o que supón un crecemento do 16,5% respecto a 2018 e do 175% nos últimos cinco anos.

Aposta polo ámbito da saúde e a nutrición

Nos últimos anos, Capsa innovou no mercado con novos formatos e novos produtos con beneficios funcionais, ofrecendo produtos naturais, máis saudables ou con melloras nutricionais. Neste sentido, a empresa renovou as certificacións IFS, BRC, FSS 22.000, Garantia Gandeira, sen E´s artificiais e Leite de Pastoreo, onde a compañía foi poineira en España.

En 2019, a empresa levou a cabo diversas accións no ámbito da alimentación e a saúde. Presentouse o Instituto Central Lechera Asturiana para a Nutrición Personalizada e o seu proxecto 39ytu. A compañía tamén entrou a formar parte de San Antonio Biotics, co obxectivo de proporcionar probióticos de ultima xeración ao Instituto. Ademais, e froito do acordo asinado con Cantabria Labs en 2018, lanzouse NMCLA Diabet, unha fórmula especialmente deseñada para persoa diabéticas na canle farmacia.

A empresa fixo a súa primeira incursión fóra do negocio lácteo

Neste mesmo exercicio, créase Capsa Vida (Vehículo de Investimento para o Desenvolvemento da Alimentación do futuro), fondo dotado con 5 millóns de euros para tomar participación en start ups con proxectos no ámbito da saúde, sustentabilidade e personalización. Unha das start up na que ampliou a súa participación en 2019 foi Raw Superdrink, trala primeira incursión da compañía fora do negocio lácteo.

Tamén dentro de Capsa Vida e na firme aposta da empresa pola sustentabilidade ambiental, a compañía entra a formar parte do accionariado de Entomo Agroindustrial como exemplo de proxecto de economía circular. Ademais, ASANA continuará actuando como marca transversal ecolóxica do grupo.

Por último, e dentro desta aposta pola diversificación, a finais de ano asinouse un acordo con IMOMA (Instituto de Medicina Oncolóxica e Molecular de Asturias), para levar a cabo proxectos conxuntos no campo da nutrición e a saúde, ademais de actividades relacionadas coa promoción social das investigacións.

A xustiza obriga a Capsa a cumprir o contrato con Casa Macán

O xulgado do mercantil número 2 de Lugo ditou este luns unha providencia pola que obriga a Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) a cumprir o contrato asinado con Casa Macán SL para a elaboración de queixos. Capsa asinou en marzo de 2016 un contrato industrial cunha vixencia de 10 anos, e prorrogable por outros tres, para que a queixería de Taboada (Lugo) elaborase para Larsa, propiedade da cooperativa asturiana, os queixos tetilla, o San Simón da Costa, o queixo de bóla, un tipo de queixo do país e un queixo baby. Todos estes produtos elaborábanse na planta de Larsa en Vilagarcía, que segundo os plans de Capsa, centraríase unicamente na elaboración de queixo de barra, iogures e leite envasado. Sen embargo, a oposición dos traballadores a este desvío da produción levou a Capsa a romper unilateralmente o acordo con Casa Macán en decembro de 2016. Este incumprimento do contrato abocou á queixería de Taboada a unha situación económica moi delicada. E é que para afrontar o proxecto con Capsa, Casa Macán realizou investimentos por algo máis dun millón de euros, que supuxeron un notable incremento do seu pasivo. A decisión unilateral da compañía asturiana de desistir do contrato abocouna á presentación de preconcurso no mes de marzo de 2017 e o concurso o 1 de Xuño de 2017. Ademais, dúas cooperativas lucenses provedoras de leite a Casa Macán quedaron nunha situación moi comprometida debido á falta de pagamentos. A queixería de Taboada xa viña atravesando por unha situación económica difícil, como consecuencia da perda como interproveedor de Mercadona, que se agravou coa ruptura do acordo con Capsa. Porén, a providencia da xuíza Aurelia Belo Fernández obriga a Capsa a que “de inmediato proceda ao cumprimento das súas obrigacións contractuais asumidas coa concursada Lácteos Casa Macán Sl, en virtude do contrato subscrito en data do 1 de marzo de 2016, verificando a continuación da relación contractual no prazo de dez días a partir da notificación”. Descarga aquí a providencia do Xulgado do Mercantil de Lugo.

En que consiste o acordo entre Capsa e Casa Macán?

O que CAPSA proxectou e prometeu realizar nas instalacións de Casa Macán en Taboada foi o seguinte: -Proxecto 1: Proxecto de negocio compartido para a fabricación de leite fresco e queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida. -Proxecto 2: Proxectos de manteiga industrial para a fabricación de manteiga cocida, queixo de barra e queixos loncheados. -Proxecto 3: En función do resultado satisfactorio dos devanditos proxectos, tamén estudarán o desenvolvemento de novas referencias de produtos lácteos e a súa fabricación, valorando en cada momento as formas de colaboración máis convenientes.
 

As industrias lácteas incentivan o crecemento da produción en plena crise de excedentes

Os últimos contratos que algunhas das principais industrias lácteas lles trasladaron ós gandeiros galegos reducen ó mínimo as penalizacións por aumentar a produción ou abren a porta a permitir maiores entregas. O cambio de estratexia, encabezado por firmas como Lactalis ou Capsa, chega nun intre de suposta saturación do mercado, con prezos á baixa e fortes excedentes a nivel europeo. As empresas esforzáranse ata este verán por limitar o crecemento da produción das granxas galegas co argumento de que sobraba leite no mercado. O xiro que dan agora as industrias xera interrogantes no sector. En Galicia necesítase máis leite ou as industrias queren botar máis leña ó lume?
A penalización por exceso de produción de Lactalis pasa duns 15 céntimos por litro a 1 céntimo
A supresión ós límites de produción coincide ademais coa inminente posta en marcha do plan europeo para incentivar descensos nas entregas de leite das granxas. Desde setembro, as ganderías poderán optar voluntariamente por reducir durante tres meses as entregas a cambio dunha bonificación. Con esta medida, a Comisión Europea trata de que diminúan os excedentes de leite no mercado. As industrias en Galicia, sen embargo, conducen en sentido contrario. Lactalis A firma gala Lactalis, a primeira en volume de recollida en Galicia, pagaba ata este verán a 12 céntimos o leite que pasaba da cantidade contratada, é dicir aplicaba unha penalización duns 15 céntimos sobre o prezo habitual (arredor de 27 céntimos). Co novo contrato, xa en vigor desde o 1 de agosto, a penalización para o exceso de produción será de 1 céntimo.
"En Galicia, as industrias necesitan máis leite. O problema é que non o queren pagar" (Óscar Pose, Unións Agrarias)
“Queda claro que segue facendo falta leite en Galicia” -valora Óscar Pose, de Unións Agrarias- “Necesitan leite, pero ó mesmo tempo Lactalis impuxo uns contratos con prezos á baixa e cun sistema de indexación que fai totalmente inviable que suba o prezo do leite nos próximos 6 meses”, cuestiona Pose. Capsa Outra empresa que abriu a porta a maiores entregas foi a asturiana Capsa (Clas, Larsa). O seu modelo de contrato máis habitual ata este verán limitaba a produción contratada á entregada pola explotación na campaña 2014-2015, antes do fin das cotas, cun pago 80-20 (O 80% do leite pagábase a prezo de mercado e o 20% restante a prezos referenciados a leite en po e manteiga). O novo contrato permite a entrega de maiores cantidades, se ben cun pago 70-30, no que o 30% do leite se paga a un prezo B, inferior ó do mercado.
O novo contrato de Capsa permite maiores entregas, pero aumenta ata o 30% a cantidade que paga a un prezo B, menor ó do mercado
Desde as organizacións agrarias interprétase que Capsa está a incentivar o aumento da produción. “En xeral, hai un cambio de tendencia. Se antes os esforzos das industrias centrábanse en conter a produción, agora ábrese a man nos volumes á vez que se baixan os prezos”, analiza Xabier Gómez, do Sindicato Labrego. Destino do leite para po A estratexia de Capsa sorprende ó sector. Dun lado, Capsa incentiva o aumento da produción, coma se necesitase leite. Doutro, o seu contrato estándar paga o 30% do leite a un prezo menor, referenciado ó leite en po e á manteiga, como se non puidese colocar ese leite no mercado e tivese que destinalo a produtos lácteos industriais. Hai que sumar, a maiores, as cisternas que Larsa merca a prezos de leite en po, co cal o sector estima que a industria pode estar movendo alomenos arredor dun 40% do leite a un prezo B, menor ó do mercado.
"É necesario que haxa garantías de que o leite que se merca para po non remata nun brik" (Xabier Gómez, Sindicato Labrego)
“É necesario xa que haxa garantías de que o leite que mercan a un prezo B vai para po, tanto no caso de Capsa como doutras industrias con prácticas similares”, demanda Xabier Gómez, do Sindicato Labrego. O resto de organizacións agrarias exprésase na mesma liña. “Canto dese leite vai realmente para po e canto remata en queixos e nun tetra brik?”, pregúntase Elías Somoza, coordinador dos sectores gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga). “En todo este caos de contratos e de movementos das industrias, o que máis se bota en falta é a desaparición da Administración. Non hai un árbitro que regule a situación. Xunta e Ministerio están desaparecidos”, critica Elías. As regras de xogo cambian cada pouco para os gandeiros, o que xera moita incertidume. “Hai uns meses, parte das granxas que lle suministraban a Lactalis esforzáronse por adecuarse ás cantidades contratadas, nalgún caso enviando animais ó matadoiro. Agora atópanse con que ese esforzo non lles serviu de nada. O mesmo sucede coas explotacións que se adaptaran ós límites marcados por Capsa”, reflexiona Óscar Pose, de Unións Agrarias.
"O que máis se bota en falta é a desaparición de Xunta e Ministerio. Non hai un árbitro que regule a situación" (Elías Somoza, Fruga)
Denuncias polos contratos As organizacións agrarias continúan por outra banda coa súa ofensiva legal contra o contrato de Lactalis, que xa foi denunciado ante as Administracións. Tanto Unións como a Fruga inciden en que ten un sistema de indexación abusivo. A Fruga cuestiona tamén a introdución dunha cláusula de confidencialidade no contrato. Outro dos grandes problemas do sector sitúase nos prezos pagados polos primeiros compradores, con frecuencia “irrisorios”, segundo denuncian as organizacións agrarias, “e moitas veces sen contrato”, cuestiona Elías Somoza (Fruga).