Archives

Xornada técnica para impulsar a indicación xeográfica protexida Capón de Vilalba

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza para o vindeiro mércores, 20 de abril, unha xornada técnica para impulsar a indicación xeográfica protexida Capón de Vilalba. Terá lugar na biblioteca pública municipal de Vilalba en horario de maña de 9,30 h. a 14,30 horas. O programa versará, fundamentalmente, sobre os condicionantes técnicos e administrativos para acollerse a este indicativo de calidade. Neste senso, abordaranse os requisitos que deben cumprir as explotacións avícolas, tanto as de tipo artesanal como as de produción de carne en ecolóxico. Tamén se tratará a flexibilización do paquete de hixiene en explotacións e matadoiros de aves. Por último, a xornada tamén inclúe un apartado sobre o regulamento propio desta indicación xeográfica protexida, co fin de analizar e dilucidar calquera dúbida que poida haber sobre o seu control e certificación, así como sobre as axudas que poden solicitar os gandeiros inscritos no consello regulador. Os interesados na xornada poderán apuntarse enviando un correo electrónico ao enderezo de agacal.certificación@xunta.gal. Para máis información, poderán chamar ao teléfono 881 997 279.

A falta de solucións para o sacrificio frea a implantación da IXP Capón de Vilalba

Os 55 produtores de Capón de Vilalba seguen sen poder facer uso do distintivo da Indicación Xeográfica Protexida aprobada fai dous anos pola Unión Europea para este produto delicatessen propio do Nadal. A falta dunha solución alternativa á tradicional matanza nas casas que entre dentro dos parámetros legais está a frear a implantación da IXP, segundo recoñece Gonzalo Hermida, xerente da Asociación de Criadores. "A IXP está condedida, non habería máis que implementala, pero o que falta é contar con solucións para o sacrificio, é o único requisito que pon o Ingacal para poder comezar a operar dentro do indicativo de calidade", explica. "Cando estará ese paso resolto? Pois non sabemos, porque non depende de nós", evidencia Gonzalo.
"Non está resolto o sacrificio dos capóns e é o que limita a IXP e está freando a súa implantación definitiva"
Na actualidade cada criador sacrifica pola súa conta na casa, como se fixo toda a vida. O día do sacrificio (un día antes da feira anual do capón, que ten lugar o domingo anterior á noiteboa), realízase un control veterinario dos locais de matanza, comprobando que se cumpran unhas normas básicas de hixiene, limpeza e desinfección. Pero a lexislación actual non contempla a posibilidade do sacrificio de animais destinados á comercialización na casa, polo que esta situación de alegalidade non permite a implantación da IXP. "Unha solución pasaría pola autorización de salas de matanza nas explotacións. Trataríase de seguir facendo como se fixo toda a vida pero con todas as garantías e cunhas instalacións axeitadas", defende Gonzalo.
As salas de matanza nas explotacións están autorizadas en países como Francia, Italia ou Dinamarca para favorecer a venda directa por parte dos produtores
"Sería unha medida que beneficiaría non só aos produtores de capóns, senón aos de outras especies como coellos ou cordeiros. Outros países europeos, como Francia, Italia ou Dinamarca xa permiten este tipo de sacrificios destinados ao consumo local, algo que favorece a venda directa por parte dos produtores, permite reducir os custos e é unha maneira de desenvolver estas producións alternativas", argumenta. O xerente da Asociación de Criadores de Capón de Vilalba explica que "fai tres anos o Congreso dos Deputados elaborou un borrador ao que finalmente non lle deron para diante", algo que achaca ao feito de que "as autoridades de control alimentario son reticentes porque se produce unha dispersión do control sanitario, polo que hai un conflito de intereses entre os departamentos de Medio Rural e os de Sanidade".
Na maioría de países os produtos sacrificados nestas instalacións domésticas teñen limitacións para a comercialización, pois non poden venderse a máis de 80 ou 100 quilómetros
Na maioría dos países onde están autorizadas este tipo de instalacións específicas nas explotacións destinadas ao sacrificio e a manipulación da carne, as producións sacrificadas nestas salas domésticas contan cunha serie de limitacións á hora da comercialización. "Normalmente só se autorizan para produtos de recorrido curto, para comercialización a menos de 80 ou 100 quilómetros", explica Gonzalo. Matadoiro móbil Moitos dos capóns viaxan a distintos puntos do Estado, sobre todo a Madrid Por iso, di, estas salas de sacrificio nas explotacións non resolverían por si soas as necesidades dos criadores de capón. "Unha boa parte da produción véndese a clientes fixos en toda Galicia e en distintas partes do Estado, un bo número deles en Madrid, polo que o sacrificio nestas salas de matanza non permitiría enviar os capóns a estes destinos, polo que habería que combinar esta solución, destinada ao mercado de proximidade, coa alternativa do matadoiro móbil que propón a Xunta e que permitiría que ese capón sacrificado nel obtivera os papeis e a documentación necesaria para a venda fóra", engade.
"A combinación da sala de matanza na explotación para o mercado de proximidade e o matadoiro móbil para recorrido longo permitiría dar solución ao problema de sacrificio"
O camión-matadoiro e as salas de matanza das explotacións complementaríanse, pois as instalacións destinadas a sacrificio doméstico contarían ademais con cámara de oreo, cámara frigorífica de conservación e sala de envasado e manipulación da carne na que se finalizaría o proceso do capón co acabado final antes da comercialización unha vez matado no matadoiro móbil cando o seu destino fose un cliente fóra de Galicia. Cada criador debería ter ademais a súa propia sala de matanza e tratamento da carne, "pois por razóns sanitarias non podes meter animais doutras explotacións", explica Gonzalo, polo que só podería dar servizo a un único produtor. "Se matas só os capóns da túa propia explotación non hai posibilidade de contaxio porque non entran animais de fóra nin se mesturan", evidencia.
"Os matadoiros convencionais non se adaptan ao sacrificio do capón e non sería positiva a imaxe industrial do produto, que perdería o seu carácter artesán"
Para o xerente da Asociación de Criadores, "os matadoiros convencionais existentes non se adaptan a un produto como o capón, mesmo que sexan matadoiros industriais específicos para aves, xa que a anchura das peladoras non serve e o sacrificio do capón é un proceso delicado e minucioso", di. Tampouco é partidario de instalar un matadoiro de alta ou media capacidade específico para capóns, algo do que se leva anos falando. "Non sería o desexable, por unha banda porque desde o punto de vista de imaxe non é positivo para o capón unha imaxe industrial do produto e, por outra, os produtores perden o control da comercialización ao entregar toda a súa produción a un único comercializador", argumenta. Xubilacións e novas incorporacións entre os criadores Os capóns pasan os primeiros 6 meses en liberdade A Asociación de Criadores de Capón de Vilalba naceu no ano 2000 co obxectivo de integrar aos produtores e preservar esta actividade local promocionando a cría e comercialización. No 2004 eran 90 os produtores inscritos, con máis de 2.000 pitos censados. Pero nos últimos anos, froito da xubilación dunha parte das criadoras, normalmente mulleres da comarca chairega que obteñen do capón un complemento ou unha fonte extra de ingresos, o número de produtores de capón baixou até os 55 actuais, unha cifra que se atopa estabilizada nos últimos anos.
Un mozo de Sancobade, Jesús Cazón, vén de incorporarse con 110 animais e pretende facer da cría de capóns a súa actividade principal
A posta en marcha da IXP serviría para relanzar a produción e comercialización deste produto agora estacional, incentivando a incorporación á actividade de novos criadores, coma Jesús Cazón Méndez, un mozo de Sancobade que se ben de sumar á cría de capón cunha produción de 110 animais este ano e que pretende engordar capóns todo o ano e facer diso a súa actividade principal. Na actualidade ningunha das 55 explotacións vive do capón exclusivamente. A media de produción é de 50 animais, aínda que hai produtores que non pasan das dúas ducias e outros que chegan aos 100, como Aurora Lozano, a que máis cría, con 200 animais; Oliva Souto, de Goiriz, con 110 censados; ou Mari Paz Barrio, de Lanzós, cun cento de capóns, e que obteñen desta actividade uns ingresos que poden supoñer o 50% das súa rendas anuais. Profesionalizar e desestacionalizar a cría de capóns Dous dos obxectivos a lograr coa posta en marcha do selo de calidade serían profesionalizar a cría de capóns e desestacionalizar a súa produción. Pensando neste segundo aspecto, a IXP ampara tamén un capón máis pequeno, de arredor de 3 quilos de peso e 5 meses de vida, pensado para a súa comercialización durante todo o ano.
A IXP ampara tamén un capón máis pequeno, duns 3 quilos e 5 meses de vida, pensado para a súa comercialización durante todo o ano
"Actualmente o capón é un produto estacional que se vende o día da feira e os anteriores, pero que non está nos liñais dos supermercados, nas carnicerías nin nos puntos de venda habituais de alimentación ou de produtos delicatessen", explica Gonzalo, que considera que desestacionalizando a produción e mellorando a comercialización podería multiplicarse o volume de vendas actual. "Coren e Cascajares comercializan entre as dúas uns 50.000 capóns. O seu é un produto industrial, o noso é artesán, pero no aspecto da comercialización estamos aínda no século XIX, somos pintorescos pero do pintoresco non se vive, o lóxico sería dar un avance niso", di. "Se estivese nos liñais dos supermercados durante todo o ano, o capón de Vilalba duns 3 quilos ou 3 quilos e medio podería chegar a competir co polo ecolóxico, mesmo cun prezo similar, e multiplicar deste xeito por 10 a produción actual, até os 18.000 ou 20.000 animais", prognostica o xerente da Asociación de Criadores. O proceso de cría, castración e ceba dura máis de 7 meses O engorde final nas papoeiras é unha fase clave na cría do capón A IXP Capón de Vilalba ampara a aqueles galos capados e criados na Terra Chá en pequenas explotacións familiares, seguindo unha tradición local que se remonta a varias xeracións. As primeiras noticas coñecidas sobre a cría e consumo de capóns en Galicia inícianse na Idade Media. Os capóns chegan ao momento do seu sacrificio logo de máis de 7 meses de crianza ao xeito tradicional e cun peso que ronda os 5 quilos. A crianza ao aire libre e sen présas e a alimentación con produtos naturais contribúe ao sabor exquisito da carne e o feito de castrar os pitos fai que a graxa se infiltre facéndolle gañar xugosidade á carne. Cando os pitos cumpren entre mes e medio e dous meses de vida son castrados. Segundo a lexislación europea, só se pode vender baixo a etiqueta de capón o “polo castrado cirurxicamente, antes de acadar a súa madurez sexual e sacrificado a unha idade mínima de 150 días; unha vez castrados, os capóns deberán pasar por un período mínimo de engorde de 77 días” (Regulamento CEE nº 1538/91).
Os capóns pasan os primeiros 6 meses de vida en liberdade e pasan logo ás capoeiras para a fase de engorde final con fariña de millo e pataca cocida
Cara maio ou xuño, comezan as castracións. Os pitos deben ser todos da mesma raza: unha Label de variedade semipesada. As características deste tipo de ave fan que sexa a máis axeitada para esta produción (son animais de crecemento lento, dando canais cun bo rendemento nas que as peitugas e os zancos son redondeados, e onde a proporción carne/ósos é máis favorable). Unha vez capados, os capóns continúan o seu crecimento até os seis primeiros meses de vida ao aire libre. O proceso de ceba final prodúcese a cuberto, en xaulas individuais de como mínimo 50x50 centímetros. A tradición marca o 11 de novembro, día de San Martiño, como data para pasaren os animais ás capoeiras, onde son alimentados dúas veces ao día cunha mistura de masa de pataca cocida e fariña de millo para lograr o seu engorde. É unha fase delicada na que os capóns precisan tranquilidade. Calquera susto ou sobresalto pode supoñer unha baixa. O sacrificio tamén é un momento importante. Ademais de evitar que se golpeen, un correcto sangrado e un desplumado meticuloso son fundamentais para que resultado final dun traballo de cría de varios meses luza explendido o día da Feira.

Novidades na Feira do Capón deste ano

Este domingo ten lugar na capital chairega a tradicional Feira do Capón, organizada polo Concello de Vilalba en colaboración coa Asociación de Criadores. A produción anual de capóns sitúase nuns 1.700. Un terzo deles véndense na propia feira e o resto nas propias explotacións.
Un terzo dos exemplares de Capón de Vilalba que se producen véndense na feira anual que se celebra o domingo anterior á noiteboa
As referencias históricas remontan a existencia da Feira do Capón a case 200 anos de antigüidade, xa que nos libros do Concello aparecen anotacións do ano 1835. En tempos pasados o capón era moeda de curso legal. O seu uso máis estendido era o de pago de favores. Na actualidade aínda é posible atopar zonas onde o pago de rendas con capóns segue vivo. Tradicionalmente celebrábase na praza de Santa María aínda que na actualidade a feira trasladouse a un recinto cuberto. O capón ten unha clientela estable e a exclusividade deste produto fai que os prezos ronden de media os 80 ou 90 euros. Os produtores presentan os seus animais en cestas (concédense dous premios á mellor cesta e ao mellor par) e todas as existencias véndense nas primeiras horas de feira. Este ano a apertura do recinto feiral retrásase media hora, até as 10 e media da mañá. É unha das novidades da edición deste ano, na que tamén haberá un showcocking con cociñeiros confeccionando distintas creacións á vista do público desde as 12 até as 2 e media da tarde e degustación de pratos elaborados tanto con capón de Vilalba como con carne das distintas razas autóctonas galegas. Tamén haberá cambios nos postos de venda. Os stands estarán limitados a produtos da zona, como o roscón de Vilalba ou o queixo San Simón da Costa. Haberá tamén un sorteo de agasallos compostos por lotes de produtos agroalimentarios da comarca da Terra Chá.

“Coa IXP esperamos que a xente nova se anime a criar capón de Vilalba”

Arredor duns 1.000 exemplares de Capón de Vilalba, dos 1.800 censados, serán vendidos estes xoves na tradicional Feira do Capón de Vilalba, un produto exclusivo que este ano estrea Indicación Xeográfica Protexida (IXP) tras o visto bo das autoridades de Bruxelas. Culmínase así un traballo intenso de varios anos no que sumaron esforzos o Concello de Vilalba, a Asociación de Criadores e a Consellería do Medio Rural, cuxos técnicos están a recoller datos de produción nas distintas explotacións familiares para ver como se pode enfocar o programa de control da normativa específica que regula a IXP. Os 1000 capóns que entrarán na Feira este ano -arredor doutros 800 xa foron vendidos previamente polos criadores- roldarán os 6 kilos de peso tras un esmerado proceso de crianza que dura uns 9 meses. Milagros Lozano Pérez, presidenta da Asociación de Criadores de Capón de Vilalba, que agrupa a 58 socios, conta os segredos deste cotizado manxar de Nadal. ¿Como empezaches a criar Capón de Vilalba na túa casa? Son da parroquia de Guadalupe e na casa dos meus pais de toda a vida cebaron capóns. Foi unha tradición que vivín e que me gustou e me sigue gustando. Hai 52 anos que casei e nesta casa dos meus sogros tamén cebaban capón, polo que seguín a tradición ata hoxe. ¿Cantos cebas e como é o proceso de crianza? Cebo cada ano sobre 25, todos eles de raza Rubia semipesada. Mercámolos no mes de xuño, sobre o día 14, e aos 20 días de traelos castrámolos. Cando constituímos a asociación no ano 2000 fixemos un curso de castración en Vilalba e todas as socias sabemos facelo. Axiña que se castran están 3 ou 4 días nun sitio seco e sen frío, para que se recuperen. E despois, durante catro meses, ata o 1 de novembro, están fóra ao aire libre, comendo da herba que pican e do cereal que lles damos. Nos primeiros de novembro ou a finais de outubro, métense nas capoeiras para cebalos cunha mestura de pataca cocida e de millo cribado, que lles damos á mañá e á noite. Esta maseira debe estar algo quentiña porque lles gusta máis e cómena mellor. Nesta época de ceba é cando máis atención requiren, tanto para darlles de comer como para cambiarlles o serrín e que estean limpos no niño. É normal que vaia tres veces ao día ver como están e ao final acabas colléndolles cariño.
“Nunca vendo os capóns a menos de 100 euros”
O sacrificio e a preparación para a feira son uns procesos delicados. Explíquenos como fai.... Toda a vida os matei a véspera da feira, e axúdanme as miñas irmás. Para sacrificalos sángranse pola boca e logo sacámoslle a plumaxe despois de mergullalos nunha pota con auga moi quente. Hai que limpalos moi ben, sacándolles todas as plumas para deixalos presentables. A continuación faise o que se chama “recochido”, que consiste en somerxer de novo o capón xa limpo durante un minuto en auga fervendo cun pouco de azafrán, isto axuda a conservar o capón. O seguinte paso é abrilo, sacarlle a tripa, quitarlle as graxas e presentalo para ir á feira. Antes as plumas utilizábanse para pinchar as graxas encima deles, pero hoxe fóronse substituíndo por palillos. E canto veñen pesando? Algo por riba de 5 kilos. Antes, canto se utilizaba a raza de capón branco, teño cebado algún de 8 kilos, pero a raza rubia, a única que está autorizada agora, pesa menos, se chega a 7 kilos xa é moito. O prezo destes capóns anima tamén a cebalos. Non si? O prezo medio na feira é duns 100 euros, oscilando entre os 80 e os 120 euros, segundo o exemplar. No meu caso, nunca os vendo a menos de 100 euros. Dos 25 que crío, 8 xa os mando para Madrid, e outros para Santiago, Vigo e Coruña, a maioría para xente que os quere ofrecer como regalo. Hai tres anos incluso mandei un par de capóns para Canarias. Para os criadores é unha paga extra de Nadal. Como asociación temos un tope establecido para estas daas de entre 1800 e 2000 exemplares, e considero que de aí non deberíamos pasar. Esta cantidade repártese entre os socios, cunha media de 25 capóns, pero hai xa criadores con 60 e 70 capóns para estas datas, e aí xa é un complemento importante para a economía.
 “A IXP vai ser boa para que se incorpore xente nova”
Hai relevo xeracional entre os criadores e criadoras de Capón de Vilalba? A xente nova non está collendo o relevo. No meu caso teño 74 anos e dous fillos pero eles teñen os seus negocios e comigo acábase nesta familia esta tradición. Cando chegan estas datas sempre lles digo aos clientes que para o ano non sei se seguirei cebando, pero como me gusta sígoo facendo, porque me parece que non podo pasar sen esta tradición. O ano pasado incorporáronse á asociación dous rapaces novos da parroquia de Lanzós e foi unha alegría. Creo que o futuro está en que se empece a vender Capón de Vilalba nas grandes superficies e non só en época de Nadal. Neste sentido, creo que a Indicación Xeográfica Protexida vai ser positiva para que se incorpore xente nova que poda vivir disto de forma profesional e haxa futuro. Un exemplo foi o que pasou co Queixo de San Simón da Costa, que coa IXP colleu un impulso moi importante.

Programa da Feira do Capón de Vilalba 2017

A tradicional Feira do Capón terá lugar o vindeiro xoves 21 de decembro no recinto feiral da praza dá Constitución de Vilalba. A citada feira irá acompañada, como outros anos, dunhas xornadas gastronómicas, con tapas de capón que se servirán do 20 ao 23 de decembro en establecementos da capital da Terra Chá. Os exemplares de Capón de Vilalba véndense na feira anual que se celebra antes da noiteboa. As referencias históricas remontan a existencia desta Feira case ós 200 anos de antigüidade, xa que nos libros do concello aparecen anotacións do ano 1835. Xornadas gastronómicas En paralelo á Feira, dende o día 20 ao 23 de decembro, a capital da Terra Chá acollerá as xornadas gastronómicas do capón, coa elaboración de tapas que se poderán degustar en diferentes establecementos do Concello de Vilalba todos os días en horario de 13:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 23:00 horas. O prezo das tapas será de 2,50 euros. Os locais adheridos son: Centro Cultural, Xalundes, O Porrás, A Casa das Xaquinas, Lembranzas, O Porrón, Bar Centro, Mesón O Carballo, Estudiante, A Lareira, Cristal, A Taberna, Vintage Alborada, Mesón do Campo, Hostal O Cristo (Goiriz), Parador, La Casa del Lobo, Lar Os Píos, e Sunday. Programa 2017 A entrada dos capóns ao recinto feiral terá lugar ata as 09.00 horas, e a partir das 10.00 horas procederase á apertura da feira ao público. Ás 12.30 horas entregaranse os premios aos mellores criadores de capóns e a partir desa mesma hora tamén comezará a degustación desta exquisita carne. A animación musical da xornada correrá a cargo da Charanga de Vilalba e a Banda de Gaitas Mato Vizoso. Os asistentes á feira tamén poderán adquirir produtos da zona como queixo de San Simón da Costa, roscón, roscas e outros produtos artesanais nos postos instalados para a ocasión. Como en anos anteriores, haberá un premio de 300 euros para o Mellor Criador, de 200 euros para a Mellor Cesta e de 100 euros para o Mellor Par de Capóns de Vilalba. Tamén, como vén sendo habitual, o Concello de Vilalba adquirirá algúns exemplares para realizar agasallos institucionais.
 

Champivil-Castelo comercializará capóns da IXP Capón de Vilalba

A empresa chairega Champivil-Castelo, especializada en produtos naturais de Galicia, comercializará por primeira vez este ano capóns de Vilalba baixo o distintivo de calida da Indicación Xeográfica Protexida Capón de Vilalba. Champivil cría con esmero desde o pasado mes de marzo medio cento de capóns que superan xa os 5 quilos de peso e que porá á venda o vindeiro día 21 de decembro, coincidindo coa Feira do Capón que se celebra na capital da Terra Chá. A xerente de Champivil, Luz Divina Castelo, explica que "se algo caracteriza a Champivil desde hai décadas é a posta en valor dos produtos tradicionais galegos, así que este ano quixemos render homenaxe ao capón de Vilalba, un produto de toda a vida que vén de ser recoñecido recentemente co distintivo de calidade IXP por parte da Unión Europea". O medio cento de capóns que Champivil cria de xeito tradicional, están a ser alimentados nas capoeiras desde o mes de setembro dúas veces ao día cunha mistura de masa de pataca cocida e fariña de millo. Nos meses anteriores, de marzo a setembro, os animais viviron ao aire libre, como marca a tradición. 
Os capóns son alimentados dúas veces ó día cunha mistura de fariña de millo e masa de pataca cocida. Ata setembro, viviron ó aire libre
Luz Divina Castelo explica que o produto final, que chega á mesa con 9 meses de crianza, "é unha carne tenra e de sabor suave" que poderán disfrutar na súa mesa os clientes de Champivil. A empresa de Vilalba sorteará ademais un dos capóns entre os seguidores da súa páxina de facebook, polo que o gañador ou gañadora poderá disfrutar en Nadal coa súa familia deste sabor especial de xeito totalmente de balde. Aprobada recentemente pola Comisión Europea, a IXP Capón de Vilalba ampara a aqueles galos da raza Galiña de Mos capados e criados na Terra Chá en pequenas explotacións familiares. Os capóns de Champivil son criados por Mariluz Rey Carballeira, nai de Luz Divina Castelo, seguindo unha tradición familiar que se remonta a varias xeracións. As primeiras noticas coñecidas sobre a cría e consumo de capóns en Galicia inícianse na Idade Media. Innovación constante Champivil-Castelo, é unha empresa de Vilalba con máis de 50 anos de historia, pioneira na exportación de setas silvestres galegas a Europa e a primeira que envasou grelos co obxectivo de aumentar deste xeito a vida útil e o periodo de consumo de produtos estacionais do noso país. Neste momento, conta cunha ampla gama de produtos no mercado, que van desde as conservas naturais de grelos, berzas ou estrugas, ás setas deshidratadas, as marmeladas de froitos vermellos ou ós preparados de caldo ou tortilla de patacas. Os produtos de Castelo traspasan as fronteiras galegas a través das grandes cadeas de distribución como Gadis, Eroski, Carrefour ou El Corte Inglés.
"Champivil - Castelo sempre se caracterizou por dúas cousas: mimar o produto galego e innovar na súa comercialización" (Luz Divina)
A empresa de Vilalba, que lidera o envasado de grelos e a exportación de setas silvestres en Galicia, caracterízase pola súa innovación constante e este ano sacou ao mercado,con notable éxito, unha nova gama cervexas artesás de grelos e de setas. A responsable da empesa explicou que este novo produto segue a liña de traballo dos últimos anos da firma luguesa. “Champivil-Castelo sempre se caracterizou por dúas cousas: mimar o produto galego e innovar na súa comercialización”, como destacou Luz Divina Castelo. A empresa vilalbesa foi pioneira en sacar ao mercado grelos e estrugas enlatadas e conta cunha ampla variedade de conservas que van desde as marmeladas de froitos silvestres ás setas ou ós preparados de caldo ou tortilla de patacas.

Oliva Souto: 37 anos criando Capón de Vilalba para as mellores mesas de Nadal

Oliva Souto Amado é unha criadora de Capón de Vilalba, un produto exclusivo e tradicional destas datas de Nadal que cada ano envía a clientes de dentro e de fóra de Galicia. “A crianza do capón de Vilalba é un proceso moi delicado e traballoso”, destaca Oliva, unha das mellores criadoras que acumula 37 anos deste “savoire faire” que se remonta xa aos seus bisavós. “Recórdoo dende sempre na casa, é un tradición que se remonta á época na que as familias labregas pagaban as rendas das fincas aos propietarios cun capón cebado polo Nadal”, explica esta labrega da parroquia de Goiriz, que compatibiliza a cría de 60 capóns -hai un cupo por cada criadora establecido por unha asociación- cun pequeno rabaño de vacún de carne. En canto ao proceso, Oliva Souto explica que “traemos os pitos no mes de maio, con 4 semanas de vida, sobre todo da raza Label semipesada. Con 5 semanas cástroos e séguense criando ao aire libre ata os seis meses, alimentándose a base de verzas, trigo e centeo, todo producido na casa”. O seguinte paso é o engorde nas capoeiras: “Cando falta un mes ou mes e medio metémolos nas capoeiras e comeza a fase de ceba, a base de pataca cocida mesturada con fariña de millo”. Asegura que esta última é a fase máis delicada, “xa que ao estar máis gordo, o capón precisa calma, relax e tranquilidade”. “Calquera susto ou estrés pode provocar unha baixa”, advirte.
“A cría do capón é un proceso moi delicado, sobre todo as últimas semanas”
Os capóns sacrifícanse con 7 meses de vida -case seis veces máis que un polo de granxa convencional- e veñen acadando un peso medio de 5,5 kilos, “aínda que nalgún caso teñen chegado a pesar máis de 7 quilos”. Nesta fase, realizar un correcto sangrado e desplumado é crucial para que os capóns luzan ben na Feira do Capón, que se celebrará este domingo, 18 de decembro. “Ten que lucir ben e dicir bonito, ir moi limpo e colocarlle enriba a graxa de dentro, as enxunllas”, explica esta criadora. Así, mañá sábado será un día de moito traballo na casa de Oliva Souto. “Virán axudarme as miñas dúas fillas, amigos e outros familiares, porque temos que deixar todo listo para levar os capóns á feira do domingo ou enviar os que xa teño vendidos”, explica. No seu caso, arredor do 70% dos capóns xa os ten comprometidos, “porque cada ano veñen novos clientes e o que o proba repite”. “Os meus compradores son de Pontevedra e doutras partes de Galicia, pero tamén os envío para Gerona, bastantes para Madrid, para Ponferrada, León, Bilbao ou para Sevilla”. Unha parte importante dos capóns apalabrados son recollidos o propio día da feira. E cal é o segredo deste manxar exclusivo? “Ao castralos a graxa vaise infiltrando no medio da carne, e cando se cociña ao forno fúndese e fai que a carne sexa xugosa, tenra e exquisita”, confesa Oliva. A alimentación con produtos naturais da casa e a crianza ao aire libre e sen présas son as outras dúas claves do éxito do Capón de Vilalba. Os prezos para un capón de 5,5 kilos roldan 100 euros, que soben a 110 se acada os 6 kilos, e mesmo poden chegar a 120 euros para os mellores exemplares. “É unha extra de Nadal que ven moi ben para pagar gastos”, recoñece Oliva. Presentación tradicional do Capón de Vilalba o día da feira

Confían en que a Indicación Xeográfica Protexida Capón de Vilalba se aprobe en 2017

No ano 2000 creouse a Asociación de Criadores de Capón de Vilalba, que xunto co concello da capital chairega, encárgase de todas as xestións relativas á ceba, vixilancia, venda e promoción deste produto. O xerente da asociación, Gonzalo Hermida explica que “este ano criáronse 1.800 capóns, repartidos entre 58 criadores de todo o concello, e calculamos que irán o domingo á feira uns 600 exemplares para a súa venda”. Segundo datos da asociación, arredor do 50% da produción véndese para Madrid. A limitación da produción, cunha media 31 capóns por criadora, e a exclusividade do produto son as claves para que se manteñan os prezos no entorno dos 90 euros para un capón de entre 4 e 5 quilos. Un dos obxectivos que se marca para o 2017 a Asociación de Criadores é conseguir a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Capón de Vilalba. “Xa está toda a información da solicitude enviada ao Ministerio e á Comisión Europea. Hai un mes aínda pediron dende Bruxelas unhas aclaracións á Consellería do Medio Rural e esperemos que para o vindeiro ano 2017 debera estar aprobada a IXP”, explica Gonzalo Hermida. A aprobación da IXP debería contribuír a profesionalizar a cría de Capón de Vilalba, así como a aumentar a produción e desestacionalizala da época de Nadal. “Na IXP ampararanse dous tipos de capóns: o tradicional, con 7 meses como mínimo de vida e a fase final de cebado, e un capón de entorno a 3 ou 3,5 quilos de peso e 5 meses de vida máis enfocado a comercializalo durante todo o ano”, asegura o presidente da Asociación de Criadores. Xunto a iso proxéctase a construción en Vilalba dun matadoiro de aves especializado neste tipo de polos de maior peso, “que suporá o paso definitivo para chegar ao mercado español e mesmo ao exterior”. Consellos para cociñar o Capón de Vilalba Recoméndase cociñar o Capón de Vilalba ao forno, recheo de verduras, a 180 graos durante dúas horas ou dúas horas e media. De vez en cando hai que ir bañándoo co seu propio xugo. E unha hora antes de rematar aconséllase botarlle un pouco de brandy ou de viño branco. Oliva Souto explica que “tamén probamos cun recheo de codia de pan, mazá, e uvas pasas e sae moi rico. Tamén está moi bo recheo só con cebola, ou con castañas”. “De calquera destas formas vai quedar un coma un rei”, asegura.

Programación da feira do capón 2016

Domingo 18 de decembro de 2016: -Ata ás 9:00 horas, entrada dos capóns no recinto feiral. -Ás 10:00 horas apertura da feira ao público. -Ás 12:30 horas entrega de premios aos mellores criadores. Poderase adquirir produtos típicos da zona (queixo de San Simón dá Costa, Roscón, roscas, e outros produtos artesanais), no recinto feiral situado na Praza da Constitución nunha gran carpa instalada no centro da praza. A xornada estará amenizada por a Charanga de Vilalba, Banda Mato Vizoso e Buxos Verdes, e a animación na rúa a cargo de Menudo Galiñeiro. Dende o día 14 ao 18 de decembro xornadas gastronómicas do Capón de Vilalba. Consultar o programa neste enlace: Ruta xornadas gastronómicas do capón

Un paso máis para a IXP Capón de Vilalba

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se adopta decisión favorable para a inscrición da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Capón de Vilalba no Rexistro comunitario de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. Isto significa que transcorrido o período establecido sen que se formulasen oposicións a este rexistro se procederá a comunicar esta resolución ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para a súa transmisión á Comisión Europea. Con este trámite complétase a tramitación a nivel nacional do Capón de Vilalba como produto amparado por unha IXP.Ç Prego de condicións que debe cumprir o Capón de Vilalba Ao tempo, o DOG publica hoxe o prego de condicións que debe cumprir o produto amparado. Este documento recolle desde o nome do produto ata as normas para a súa etiquetaxe, pasando pola súa descrición ou a zona xeográfica de cría, sacrificio e procesamento dos capóns, que se corresponde coa comarca luguesa da Terra Chá (concellos de Muras, Xermade, Vilalba, Abadín, A Pastoriza, Guitiriz, Begonte, Cospeito e Castro de Rei). O prego de condicións inclúe tamén os elementos que proban que o produto é orixinario da zona, establecendo que para a comprobación do cumprimento dos seus preceptos o órgano de control contará con rexistros, permanentemente actualizados, de explotacións, matadoiros e elaboradores-comercializadores. Neles inscribiranse as instalacións produtivas dos diferentes operadores tras a presentación da correspondente solicitude por parte dos seus titulares. As diferentes instalacións deben estar situadas na zona xeográfica delimitada. O documento publicado polo DOG incorpora tamén información sobre a obtención do produto e o proceso produtivo (crianza, ceba, sacrificio e comercialización). Tamén recolle unha referencia ao vínculo do produto co medio, repasando diferentes referencias históricas sobre o capón de Vilalba, e o vínculo co medio natural, con datos sobre as características específicas da área xeográfica, a especificidade do produto e a interacción entre ambas.