Archives

SAT Arenas: A gandaría líder de Cantabria en produción e pioneira en robotizar a alimentación

A gandaría cántabra SAT Arenas logrou converterse nos últimos anos nun referente en innovación e boa xestión en vacún de leite, non soamente en Cantabria senón a nivel español. Propiedade de dous gandeiros socios, Eduardo Entrecanales e Alfonso de la Fuente, esta explotación con 122 vacas en muxido, acometeu nos últimos anos importantes melloras en benestar animal, manexo de cultivos e robotización que lle permitiron situarse como líder en produción en Cantabria, cunha media de 13.900 litros por vaca e lactación normalizada a 305 días, unha lonxevidade media de 4 partos por animal e soamente un 18% de reposición. Situada no municipio cántabro de Camargo e socia da cooperativa Agrocantabria, a historia de SAT Arenas remóntase varias xeracións atrás. “O meu avó, Gerardo Entrecanales empezou coa gandaría, e xa nos anos 50 munguía 30 vacas. Logo colleu o relevo o meu pai, Tino Entrecanales, que aumentou o rabaño, instalou o circuíto de muxido e posteriormente unha sala de 5x2 puntos”, explica Eduardo, que se incorporou á gandaría familiar en 2003 mentres estudaba empresariais. “Foi nese ano cando creamos a sociedade formada por min, Alfonso de la Fuente, outro mozo gandeiro de Escobedo; o meu pai tino, hoxe falecido, e a miña nai Bea, sendo Alfonso e eu gandeiros a título principal. Fomos medrando e pasamos a unha media de 100 vacas en muxido, até o ano 2010 cando decicimos instalar dous robots de muxido, modelo Lely A3, e aumentamos até 122 vacas en produción”, engade. Até hai pouco esta granxa de 122 vacas en muxido e 1,8 millóns de litros de produción, era atendida unicamente polos dous socios. “Hai dous anos contratamos a Tino, un estudante que fixo aquí as prácticas do curso de agropecuaria de Centro Integrado de Formación Profesional La Granja, coa idea de coller máis tempo libre”, explica Eduardo. Isto permitiulles librar 1,5 días á semana e gozar duns 20 días de vacacións ao ano.

Produción media e ración

Na actualidade SAT Arenas produce algo máis de 1,8 millóns de litros de leite ao ano, cunhas calidades do 3,79% de graxa e 3,32 de proteína no que levamos de ano. A media de produción por vaca é de 13.900 litros a 305 días a 3 muxidos, o que a converte desde fai tres anos na máis produtiva de Cantabria. Pero máis que eses datos, Eduardo Entrecanales destaca as lactaciones vitalicias, “pois estamos de media en algo máis de 60.000 litros por vaca”. “Mesmo temos 8 vacas presentes con máis de 100.000 quilos de produción vitalícia e varias con máis de 90.000 quilos. É dicir, contamos con moitas vacas con máis de 30 quilos por día de vida, o que é o dato importante, e mesmo temos unha vaca con 5 partos que chegou aos 37,5 quilos producidos por día de vida. En definitiva, estamos a lograr unha produción eficiente”, subliña. Para lograr estas producións a alimentación do gando componse da seguinte ración: As vacas en produción reciben 27 kg de silo de millo, 18 kg de silo de raigrás, 1,2 kg de palla picada de trigo e cebada, 7 kg de penso e en robot entre 7 e 7,5 quilos de penso, en función da época do ano e momento da lactación. “Como contamos con robot, que dá o penso en función da produción de cada vaca, hai unha ración base e outra personalizada. O penso do robot non se varía nunca e é máis enerxético; o que se cambia é o penso do pesebre, en función das calidades da forraxe”, precisa. Para mellorar as calidades do leite empezaron a engadir metionina na ración, o que lles permitiu pasar de 3,15 de proteína e 3,5 de graxa a 3,79 de graxa e entre 3,20 e 3,32 de proteína.

Xenética e benestar animal

Xunto á alimentación, outra das claves de SAT Arenas para mellorar a rendibilidade é a selección xenética. “Buscamos unha vaca balanceada, polo que á hora de elixir os touros temos en conta o tipo, que teña bos ubres e patas, produción alta, sólidos por riba da media e todos os caracteres de saúde (lonxevidade, fertilidade das fillas, RCS por baixo da media)”, explica este gandeiro. Desde 2013 tamén xenotipan todas as tenreiras para recriar unicamente os animais de maior potencial xenético. “A xenónomica axúdanos a tomar decisións de que vacas criar e de cales non e ás mellores sacámoslles embrións. Estamos satisfeitos cos resultados, e de feito levamos 3 anos sendo os primeiros de Cantabria en índices xenéticos en gandarías con máis de 75 reprodutoras”, destaca. Nas vacas de menor valor inseminan con razas cárnicas. Así, entre 35 e 40% das vacas en produción son fecundadas con seme de Azul Belga, buscando touros con facilidade de parto. Grazas á mellora nos datos de lonxevidade a taxa de reposición de SAT Arenas baixou até o 18%. En canto á recría desde ao ano 2005 envíana a Rancho Las Nieves, en Zaragoza, por problemas de espazo no establo e de man de obra. “Estamos contentos, porque nos quita bastante traballo e as xovencas veñen moi ben criadas”, valora. Pero sen dúbida, un aspecto fundamental para incrementar os datos produtivos e de lonxevidade desta gandaría foi a mellora en benestar animal. Así, lembra que “en 2008 ampliamos o establo e as vacas pasaron de estar en colchoneta a cubículos de area, e só con esa mellora xa notamos entre 4 e 5 litros máis de leite cada día e un descenso nas células somáticas”. Outras melloras de benestar foron a instalación de ventiladores de helicóptero e o derrubo das paredes de bloque para mellorar a ventilación da nave. Para iso, instalaron portóns de chapa microperforada que permanecen abertos todo o tempo, menos cando chove ou cando o sol dá no pesebre. Tamén instalaron chan de goma en toda a nave, tanto en corredor de cornadiza como en corredor de acceso ao robot para mellorar o confort de patas. Ademais, destaca que “a instalación do robot de muxido tamén supuxo outra mellora importante para o benestar animal, ademais de permitirnos mellorar a lonxevidade e pasar de 35 litros de produción a un media de 42”.

Manexo da base territorial

Tino, Eduardo e Alfonso diante dun dos dous robots de muxido cos que contan Polo que respecta á xestión da base territorial, en SAT Arenas contan con 46 hectáreas de superficie repartidas en varias leiras nun radio de 2 quilómetros ao redor da corte: 3 hectáreas son en propiedade e o resto en aluguer. “Aquí foron pechando moitas gandarías e quedamos soamente 5, pero o terreo é xusto e non hai moitas posibilidades de aumentar”, recoñece Eduardo. En 28 hectáreas sementan millo, normalmente un ciclo 300 ou 350, do que nos últimos anos lograron boas producións, cunha media de 50 toneladas de materia húmida por hectárea. Probaron tamén a sementar ciclos 500 e 600, sobre todo en parcelas a barbeito, chegando ás 60 toneladas por hectárea. Na elección da variedade priman a dixestibilidade, aínda que perdan en porcentaxe de amidón, que se stiúa nunha media de entre o 30 e o 32%, cun 30% de materia seca. O resto da superficie repártese do seguinte xeito: en 22 hectáreas rotan o millo con raigrás italiano, 4 hectáreas están a poula, en 3 cultivan alfalfa e o resto, unhas 15 hectáreas, son pradarías permanentes de raigrás inglés ou pradarías naturais. “Decidimos realizar un ensaio coa alfalfa e estamos a conseguir boas calidades, con entre un 17 e un 20% de proteína, e uns 6 cortes. O problema que lle vemos é que complica o manexo, porque temos que facer bólas, e se lle dás moita ás vacas baixa a inxesta, pois resúltalles menos palatable. A vantaxe é que coa alfalfa ese terreo osixénase máis e fíxase nitróxeno, co que se despois de 4 anos decidimos sementar millo os resultados produtivos deberían ser bos”, explica Eduardo. Outro ensaio que realizaron é o engadido de bacterias á fosa de xurro para reducir as emisións amoniacais. “Levamos pouco tempo, e si que é certo que os malos cheiros baixaron moito. En canto á mellora na capacidade fertilizante do xurro aínda non podemos dar datos”, asegura. Onde si contan con resultados fiables en con PROFER, o programa de fertilización á carta da cooperativa DELAGRO. “Empezamos hai 4 anos: Primeiro os técnicos analizaron o terreo, logo formularon un abono químico adaptado ás necesidades de cada parcela e a verdade é que durante os últimos tres anos logramos colleitas de millo moi boas, axudados tamén pola climatoloxía, pois choveu cando debía para o desenvolvemento da planta”, recoñece este gandeiro .

Pioneiros en España en instalar o Lely Vector

SAT Arenas tamén é a explotación de vacún de leite onde se instalou o primeiro Lely Vector en España, o sistema automatizado de alimentación, que se sumou ao dous robot de muxido Lely Astronaut A3 cos que conta desde hai unha década. Entre as súas vantaxes destaca “o aforro en gasoil, xa que consome entre 2,5 e 3 euros ao día de electricidade; os animais dispoñen de alimento fresco 10 veces ao día segundo demanda, así como que o almacenamento da comida se realiza cada tres días, os luns, mércores e venres, co que reducimos o noso tempo de traballo”. O vector realiza a mestura, distribúea na cornadiza, e arrímaa cando é necesario. Ademais, Eduardo Entrecanales valora que “a eficiencia é absoluta, xa que con esta subministración frecuente de comida as vacas consomen un 4% menos de alimento, pero producen un 3% máis de leite, cunha media de 41/42 litros por vaca e día”. Antes de compralo para substituír ao carro mesturador arrastrado, en SAT Areas realizaron unha visita a varias gandarías de Italia que constaban con este sistema de alimentación robotizado. “Tiñamos medo de que quecesen os tacos da comida, sobre todo os de forraxe, pero vemos que están frescos, a pesar de levar varios días. Outro temor era que se parase a máquina a cotío, peo vemos que funciona sen interrupcións”, afirma.

“O futuro das cooperativas é ter dimensión nacional e comercializar até o cliente final a produción dos seus socios”

José Ángel Pereda é desde ao ano 2011 presidente da cooperativa Agrocantabria. Desde o seu mandato, revalidado polos socios o pasado ano, este gandeiro marcouse como obxectivo «mellorar a xestión e comercializar unha parte do leite como xa se fai coa carne dos socios coa súa propia marca”. O primeiro paso dérono lanzando o pasado ano ao mercado a súa propia marca de queixos, Lakta, un proxecto lácteo que prevén ampliar nos próximos anos. De onde procede a túa vinculación co mundo da gandaría? Teño que dicir que teño raíces gandeiras históricas, pois o meu bisavó no ano 1922 xa gañou un premio na Feria del Campo de Madrid cunha vaca de raza pardo alpina. A gandaría familiar está situada en Oruña de Piélagos (Cantabria), un municipio con gran tradición gandeira. Non en balde, a feira gandeira de Renedo de Piélagos é a máis antiga de España. A miña ganaderia, La Benera, conta con 157 cabezas de gando frisón e manexa 45 hectáreas de terreo (28 ha de millo en rotación con ray grass e o resto de pradarías ). No ano 2019 a produción foi de 1 millón de litros de leite e traballan 2,5 persoas. Acabas de revalidar hai uns meses a túa responsabilidade como presidente de Agrocantabria. Como valoras esta reelección e que che levou a implicarte no mundo do cooperativismo? O meu pai foi dos fundadores da Asociación Frisona Española (AFCA) na década dos 70, sendo presidente 8 anos. Pero un accidente ferroviario no ano 1988 acabou coa súa vida , regresando precisamente dunha reunión da asociación en Madrid. Eu tiña daquela 12 anos e foi un momento moi duro para toda a familia, que decidiu seguir coa gandaría, á que me incorporei ao finalizar os estudos. Penso que do meu pai vénme o ser emprendedor, innovar, e mellorar o noso sector con moito respecto ás opinións dos demais.
"Unha cooperativa na cornixa cantábrica dará solucións ao sector agrogandeiro e poderá desenvolver un proxecto industrial con dimensión suficiente"
En canto ao mundo do cooperativismo, teño que dicir que Carlos González, presidente da cooperativa SAM, xunto ao anterior director de Agrocantabria, Ignacio Ríos, foron os que un día me viñeron buscar á granxa para pedirme que participase no consello de Cooperativa. Animeime e participei; Carlos tuteloume en todo momento e se non fose polo seguro que hoxe non estaría onde estou, pois foi un padriño para min. Posteriormente, na fusión de cinco cooperativas que crearon Agrocantabria fun elixido para o primeiro consello de Agrocantabria. Síntome afortunado pola oportunidade que me deron os socios para representarlos e sempre estarei agradecido por esa confianza. Tomeime o cargo de conselleiro como de presidente con moita responsabilidade e compromiso tanto nas decisións como na representación da cooperativa. O meu obxectivo é o de dar valor á produción dos socios e mellorar a súa calidade de vida. Por iso nesta reelección a miña intención é medrar na comercialización da carne dos nosos socios e comercializar derivados lácteos con nosa propia marca Sen esquecer a xestión e a calidade dos servizos aos socios. Cales son as grandes cifras de Agrocantabria AgroCantabria conta con 2800 socios dos cales actividade teñen uns 1500. Temos unha cifra de negocio de 56 millóns de euros, comercializamos 78 millóns de litros de leite, uns 1,5 millóns de quilos de carne, 75000 toneladas de penso, contamos con 7 centros de traballo e 82 empregos directos. Somos un proxecto que aínda ten moito percorrido por diante. Ademais somos socios de Delagro, de Iparlat, de Cooperativas Agroalimentarias de España e de Galis Como valoras o camiño percorrido desde a fusión no ano 2007? Os presidentes, conselleiros e xerentes das cooperativas de orixe acertaron en expor esa decisión aos seus socios e estes ratificándoa. Xerouse un optimismo que é certo que en momentos non deu todos os resultados esperados. Pero hai que preguntarse que tería sido desas cooperativas e dos seus socios sen a fusión. Partiamos de cooperativas coa mesma actividade e servizos, polo que o lóxico é facer o que se fixo. É certo que se produciron moitos cambios no sector lácteo (cotas , certificacións , seguridade alimentaria, crise e prezos....) afectando aos nosos socios e ao resto. Sen esquecernos da competencia de mercado cos mesmos operadores e con menos gandeiros. Por tanto, creo que temos que aprender dos nosos erros para non volvelos cometer e afrontar o futuro pensando na integración cooperativa, dando sustentabilidade e valor económico ás zonas rurais que é onde están os nosos socios.
“Imos darlle máis valor á carne das vacas frisoas dos nosos socios”
Que proxectos tedes en mente en Agrocantabria para vacún de carne? É unha realidade o cambio que están a dar socios pasando da vaca de leite á vaca de carne. Neste sentido, desde a cooperativa queremos achegarlle valor á súa actividade e imos investir na nosa sala de despezamento para mellorar en dimensión e en tecnoloxía, con máquinas máis modernas. Así o consumidor valorará aínda máis a nosa carne pola súa presentación, a súa trazabilidade e a calidade de produto. No investimento está proxectada unha cámara de maduración, que nos permitirá dar maior valor engadido ás vacas frisoas, grazas á maduración dos chuleteiros. Ademais, queremos dar de alta a máis socios no IGP Carne de Cantabria e consolidar a marca, que cada ano ten máis demanda. Sen esquecernos de selos de calidade, de certificacións e da implantación da ISO 9001. Cantabria, xunto con Galicia, ten o prezo do leite en orixe máis baixo de España. A que obedece este diferencial de prezo que prexudica aos gandeiros? Galicia e Cantabria son efectivamente as dúas comunidades co prezo do leite máis baixo de España e seguro que algo fixemos mal historicamente. Galicia é a comunidade de España que máis produce e a Cantabria fáltalle industria fabril, polo que ao ter que exportar leite en cisternas estamos a perder prezo en orixe. A este respecto, hai que destacar que as outras dúas comunidades da cornixa cantábrica, Asturias e Pais Vasco, contan con proxectos industriais propios de base cooperativa (Central Lechera e Iparlat) e isto permítelles aos gandeiros estar no lado oposto en canto a prezos. Por iso, desde Agrocantabria queremos desenvolver a comercialización de derivados lácteos para cambiar a tendencia de prezos na rexión. Precisamente, o Plan Estratéxico de Agrocantabria contempla investir de aquí a 2022 un total de 5,25 millóns de euros para mellorar a eficiencia e a capacidade produtiva da cooperativa. Como se está a implementar este plan estratéxico? Desde o comezo de Agrocantabria había unha necesidade moi grande de construír unha fábrica de penso, que por fin está consolidada e que xa é un referente na nosa rexión.
"En Cantabria, como en Galicia, fáltanos industria láctea e iso tira á baixa dos prezos"
O pasado ano aprobamos un plan estratéxico a tres anos cuns investimentos e unha maneira de traballar para mellorar a xestión e dar solucións aos clientes que á vez son os propietarios. Investimentos tanto en mellora de procesos como para adaptarnos ás necesidades dos nosos clientes. Aprobamos tamén vender penso a non socios. Noutros países de Europa a fusión de cooperativas, mesmo de diversos países, está moito máis avanzada. Hai previsión de que isto tamén empece a producirse en Cantabria? Comentei ao longo da entrevista que en 2007 os socios das cooperativas acertaron coa súa decisión de fundar Agrocantabria. En Cantabria hoxe hai tres cooperativas que desenvolven a mesma actividade e creo que debemos de chegar a acordos para afrontar obxectivos comúns. O futuro deparará cooperativas de dimensión nacional capaces de comercializar até o cliente final a produción dos seus socios. Na miña opinión unha cooperativa na cornixa cantábrica dará solucións ao sector agrogandeiro e poderá desenvolver ese proxecto agroalimentario con dimensión capaz de penetrar cos seus produtos nos fogares españois ou estranxeiros.

Agrocantabria organiza o día 24 a súa primeira Xornada Técnica de Vacún de Leite

A cooperativa Agrocantabria organiza o próximo día 24 a súa I Xornada Técnica de Vacún de Leite. Será no Hotel Villa Pasiega, na localidade de Hoznayo (Cantabria) e a asistencia é gratuíta. Este é o programa da xornada: -10:30 Entrega de documentación -11:00 Inauguración a cargo de Juan Guillermo Blanco Gómez, conselleiro de Desenvolvemento Rural, Gandaría, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente do Goberno de Cantabria; José Ángel Pereda, presidente de AGC Agrocantabria, e Jacobo Alonso, director técnico de AGC Agrocantabria -11:15 “Que hai de verdade nos mitos da alimentación das vacas”. Carlos Martín, responsable técnico de vacún leiteiro de Cargill -12:00 Pausa café -12:30 “Intoxicacións alimentarias por plantas tóxicas”. Juan Vicente González, DVM, PhD, Dipl. ECBHM. Dpto. de Medicamento e Cirurxía Animal-Facultade de Veterinaria (Universidade Complutense de Madrid) -13:15 “Presente e futuros retos na alimentación da vaca leiteira”. Ángel Miranda, director Div. Servizos Agrogandeiros CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) -14:00 Xantar -16:00 Mesa redonda. Interveñen: D. Carlos Martín, D. Juan Vicente González, D. Ángel Miranda e representante dos gandeiros. Modera: D. Felipe Vieira, director de comunicación de AGC Agrocantabria -16:45 Rogos e preguntas -17:00 Clausura