Archives

Reflexións dun gandeiro sobre a recente morte dunha persoa en Zamora polo ataque de cans pastores

Joan Alibés, gandeiro de ovino en Lugo e delegado en Galicia da Asociación para la Conservación del Mastín Español Tradicional (Acmet), reflexiona neste artigo sobre a recente morte en Zamora dunha moza polo ataque de cans pastores e ofrece unhas recomendacións para reducir riscos “Os mastíns de gando, como os demais cans de explotación ou pastores, están regulados pola Lei 4/2017, de 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, a lei autonómica, e por tanto, están fóra da lei estatal. A lei referida apunta que os animais deben estar rexistrados con microchip e pasaporte sanitario a partir dos tres meses de idade. É por tanto obrigatorio que os cans estean correctamente rexistrados. Ademais, deben ter os coidados sanitarios ao día, os tratamentos de desparasitación tanto interna como externa, e isto debe ser realizado por un veterinario, porque todos entenden un mínimo sobre cans. Sobre esta base, a maiores, os mastíns non poden ocupar a vía pública nin outros espazos que non sexan aqueles para os que están destinados (os prados ou naves pertencentes á gandaría). Como os mastíns son animais e non coñecen de límites físicos e outro tipo de liñas, inténtase ter unha relación de tolerancia; é dicir, mentres non molesten, non debera haber problema porque a maioría das veces móvense arredor do gando. A maiores, os mastíns deben estar revisados todos os días polos propietarios e alimentados correctamente. Os mastíns tratados de maneira correcta non deberan dar problemas. Por que? Pois porque están debidamente integrados no rabaño, séntense parte del e deféndeno basicamente do lobo. Así e todo, debemos recoñecer que compartimos espazos con outras actividades, sobre todo as de lecer, rutas en bicicleta, rutas a cabalo...etc.

Que facer cando nos atopamos con gando protexido por mastíns?

Aquelas zonas gandeiras onde o uso do mastín está xeneralizado, as persoas xa os van coñecendo, pero sería bo introducir unhas pautas para evitar riscos: -A primeira e a principal, debemos estar tranquilos. Cando un mastín nos ladra e sae dun rabaño faino para alertar, non para atacar. Isto é así naqueles que están ben introducidos e proveñen de liñas de mastín gandeiro, o defendido pola Asociación para la Conservación del Mastín Español Tradicional (ACMET) e estamos a seleccionar e a coidar, e dos que coñecemos os pais e avós deles, ademáis de que fixeron un bo labor, traballaron ben e tiveron un bo comportamento. Outra cousa é se un gandeiro cruza mastín gandeiro con razas máis agresivas, ás veces malinterpretando a función do mastín. Hai gandeiros que buscan animais máis agresivos entendendo que esa agresividade é unha maior defensa do rabaño, e esa é unha idea equivocada. Debemos seleccionar aqueles cans cun comportamento que os gandeiros observamos día a día que é correcto. Por iso descartamos para a cría os cans máis agresivos, erráticos ou que abandonan moitas veces o rabaño. É moi importante que os gandeiros coñezan a orixe dos seus mastíns e non crucen con razas agresivas, por exemplo, con cans de presa por seren animais con maior agresividade, e por tanto deben ser descartadas. Por iso, desde ACMET apoiamos e repartimos e distribuímos mastíns e cadelos de mastíns de procedencia coñecida, sabemos dos seus pais e avós e de gandarías que traballan con eles desde hai tempo e cun especial coidado sobre o seu comportamento. Desde a propia ACMET non seleccionamos cans cruzados. De feito realizamos traballo de estudo morfolóxico para poder definir ese mastín gandeiro como tal, mais aínda estamos en fases previas pois este é un proceso longo. Insistimos moito en pedirlle aos gandeiros que non crucen porque aí está o descoñecemento, sobre todo con razas máis agresivas. Mesmo ás veces hai cruzamentos involuntarios con outros tipos de cans pastores,e estes tamén poden ser contraproducentes porque os cans pastores son de ataque controlado, de máis obediencia para poder controlar o ataque, un ataque controlado que a base de asustar o gando vano movendo. Os cruces de cans pastores con mastíns non é nada recomendable. O mastín ten a súa orixe xenética desde o mesmo momento que se domesticaron os animais salvaxes, o mastín ten a orixe na domesticación da cabra e da ovella hai 10.000 anos en Mesopotamia. Alí mesmo, no Crecente Fértil, onde naceu a escritura, as primeiras grandes cidades, alí onde se domesticou tamén a vaca e o porco, alí foi onde se comezou a seleccionar os primeiros cans para a protección do gando. Aí é onde está a orixe xenética dos mastíns actuais. Por iso, nos documentos da Mesta do século XII tiñan especial coidado en que os mastíns non se cruzaran con ningún outro can. Ademais, estaba explicitado que calquera que permitise o cruzamento do mastín con outro can era susceptible de sanción e penalización forte porque había que manter a pureza sanguínea dos mastíns, e até os nosos tempos chegaron eses mastíns. Non foron criados por criterios de beleza nin volume, senón criados por criterios de carácter, de docilidade e de protección fronte ao lobo. Todo isto dise en relación a coñecer ben a orixe do mastín. Desde ACMET vimos que as fotos dos cans que atacaron a rapaza de Zamora non se ve un animal que sexa un mastín, pero non estaremos seguros até vermos fotografías máis precisas. Coas fotografías vistas non podemos afirmar que sexan mastíns. Se o son, haberá que buscar as causas na educación do animal, na súa orixe e sermos conscientes de ir con coidado. A xente debe estar tranquila, seguir o seu camiño, non ir de fronte cara o rabaño porque o mastín defenderá os animais. Debemos evitar tirarlles paus, pedras ou calquera outro obxecto, e procurar camiñar con tranquilidade. Eles van ladrar, vannos avisar, están para iso, para avisarnos e alertarnos. Se nos comportamos tranquilamente, se baixamos da bicicleta e a poñemos entre o mastín e nós e arrodeamos o rabaño, o can sempre se interporá entre nós e o rabaño. Por tanto, a actitude debe ser tranquila. Asímesmo, desde ACMET lamentamos fortemente a perda desta vida humana. Consideramos que calquera ataque duns cans a persoas só pode ir en detrimento da boa percepción que temos dos cans. A maiores, necesitamos os mastíns como medida preventiva contra o ataque do lobo, pois así se fixo durante 10.000 anos. E porque hoxe en día é a mellor medida que temos para poder convivir co lobo, para manter a gandaría extensiva, que contribúe a reducir a de carga de biomasa e así reducir o risco de lumes forestais. Para iso necesitamos os rabaños en extensivo pacendo e os mastíns protexéndoos e máis actividades observadas no estudo que rematamos xunto co CIAM e outros colaboradores. Non debemos criminalizar aos mastíns sen razón e debemos seguir mellorando o traballo con estes cans nas nosas gandarías, cos nosos gandeiros, con apoio técnico, con asesoramento, con formación que reclamamos ás administracións e con apoio, como se require de todas estas medidas de convivencia”.

Continúa o malestar pola normativa de protección de animais, que afecta aos cans pastores

O sector agrario trasladaralle aos partidos no Congreso unha serie de propostas para corrixir o proxecto de lei para a protección dos animais, pois o texto continúa presentando aspectos que o fan incompatible coa actividade gandeira, segundo asegura a organización Unión de Unións. Desde a organización explican que, aínda que o Ministerio de Agricultura fixo algunhas propostas de mellora á situación dos cans pastores no proxecto de lei impulsado polo Ministerio de Dereitos Sociais, “son totalmente insuficientes”, valoran. Neste contexto, Unión de Unións sinala que o principal problema que supón esta Lei é para a gandería extensiva, ao incluír dentro do ámbito de aplicación aos cans de pastoreo e garda de gando, que quedan considerados como animais de compañía, a pesar de ser animais utilizados en actividades específicas. Esta inclusión provoca que moitas das obrigacións que se impoñen para os animais de compañía se apliquen aos cans pastores, a pesar de ser totalmente incompatibles cos labores que realizan. Neste sentido, Unión de Unións destaca o caso de que os chamados animais de compañía teñan prohibido estar soltos en lugares de “acceso público, especialmente nos parques nacionais ou outros espazos naturais protexidos onde poidan causar danos ás persoas, ao gando ou ao medio natural”; aínda que é esencial que se esixa para as mascotas, non pode aplicar de ningunha maneira aos cans pastores, cuestiona a organización. “Non ten sentido que se esixa isto aos cans pastores por consideralos animais de compañía; polo seu labor, han de estar soltos e exercendo a súa tarefa de protexer ao gando en espazos naturais e en parques nacionais, polo que deben considerarse excepcións como esta, entre moitas outras”, explican desde Unión de Unións. Outro exemplo, é que teñan que manterse integrados no núcleo familiar, “unha esixencia totalmente incompatible co labor do can pastor e de garda do gando, cuxo lugar é co rabaño”, apuntan desde a organización. A organización, por último, lembra que o Ministerio de Transición Ecolóxica quere aumentar o número de lobos, en tanto o Ministerio de Dereitos Sociais pon “paus nas rodas” de medidas preventivas dos ataques, como é o uso dos mastíns de defensa do gando.

Comunicar o agro á sociedade urbán: o caso do mastín

A recente publicación do borrador do anteproxecto da lei de protección e dereitos dos animais fixo saltar a preocupación entre os gandeiros de extensivo, en especial os de ovino e caprino, polas implicacións que a nova norma pode traer para os cans que teñen nas súas ganderías para gardar e guiar o gando. A maioría destes cans son mastíns, polas aptitudes que teñen demostrado no coidado e protección do rabaño, en especial fronte ataques da fauna salvaxe, coma o lobo. O documento inicial presenta novidades que afectan directamente á actividade destes cans na gandería. A limitación na vida profesional dos animais, ó estipular unha idade de xubilación e atrasar o seu inicio é un dos maiores cambios que propón. A nova norma, aínda nas primeiras fases de tramitación, tampouco detalla que estes cans, tanto mastíns coma outras razas que se empregan para o manexo do gando, sexan recoñecidos nunha categoría máis específica e adaptada á súa realidade, polo labor que fan. Este é outro dos aspectos no que inciden os gandeiros, ó consideralo imprescindible, dadas as diferencias que poden existir con outros animais de compañía polo traballo que desempeñan.
A obrigatoriedade de xubilar os cans e a falta dunha regulación específica que ofreza un encaixe legal a estes animais polo seu traballo na gandería son as principais reclamacións entre os gandeiros
Dende distintos colectivos gandeiros xa se recolleron alegacións que trasladarlle ó Ministerio, dado que algúns dos cambios que propoñen poden supoñer un importante sobrecusto e mesmo facer inviable que se sigan a empregar os cans para o manexo do gando. “Estamos nas fases iniciais, aínda ten que ser aprobada no Congreso e Senado e agardamos que antes se atendan as alegacións que se presentaron e poida mellorarse”, apunta Joan Alibés, delegado en Galicia da Asociación para a Conservación do Mastín Español Tradicional (Acmet), un dos colectivos que presentou varias propostas ó Ministerio. Dende a Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (Ovica) tamén presentaron un paquete de propostas para mellorar este anteproxecto de lei. “Entendemos a necesidade e os aspectos positivos que o desenvolvemento dunha lei de protección dos animais pode reportar e esperamos que as nosas achegas, baseadas na realidade do noso traballo e do sector se teñan en conta”, apunta Luis Miguel Rivera Otero, presidente do colectivo.

Can protector do gando

Un dos temas fundamentais que destacan dende distintos colectivos gandeiros é a necesidade de que se recoñeza ós cans que teñen nas súas ganderías para o coidado do rabaño polo traballo que realizan. “O mastín ten que ter un encaixe real dentro desta normativa, estar recoñecido e definido como can protector do gando e como ferramenta de traballo das ganderías”, reivindica Alibés. De feito, houbo xa varios intentos frustrados para conseguir que a propia Administración galega recoñecese esta categoría e regulase sobre estes cans para legalizar o seu labor co gando. Con todo, como sinalan os gandeiros, estes cans seguen sen ter un amparo legal pese á promoción que se está a facer nos últimos anos para incorporalos ás ganderías como unha medida de protección fronte ó lobo, cunha liña de axudas específica da Consellería de Medio Rural.
Piden que a nova normativa recoñeza as particularidades deste tipo de cans polo traballo que realizan nas ganderías
Dende Ovica tamén coinciden en sinalar esta diferenciación como prioritaria. “Debería de existir unha clasificación e regulación diferenciada para os cans das nosas ganderías, como Cans de Protección do Rabaño, cunha definición propia e unha regulación separada”, reclaman. O colectivo de gandeiros apunta tamén a necesidade de que esta nova normativa regule as interaccións destes cans coas persoas alleas ó rabaño, para afrontar unha problemática que arrastran dende hai tempo e que se veu incrementada coa pandemia. De feito, noutros territorios as Administracións e diversas entidades están a emprender campañas para sensibilizar sobre a importancia destes cans para o rabaño e informar a distintos colectivos que se achegan a ese territorio, coma turistas, ciclistas ou montañistas. Procuran deste xeito dar a coñecer unhas pautas sobre o comportamento dos animais e informar de que eses cans están a cumprir un labor importante. Dende Ovica ven na nova normativa unha oportunidade para atallar estas situacións. Cartel informativo sobre o labor que desempeñan os cans do gando que inclúe recomendacións de comportamento con estes animais.

Limitacións e requisitos

Outra das novidades da normativa que máis lles afectaría ós gandeiros é a limitación do uso dos mastíns, ó fixar unha xubilación dos animais ós 7 anos e establecer unha prórroga mediante a obtención dun certificado veterinario. “Por sobreprotexer ós mastíns non pode ser que acaben cargando os gandeiros cos sobrecustos”, valoran na Acmet. A propia limitación xa suscitou dúbidas non só de gandeiros, senón tamén de profesionais veterinarios e criadores especializados en mastíns. “No noso sector, non se pode dicir que os cans de protección do rabaño estean realmente traballando, pois máis ben están respondendo a un instinto propio da súa natureza e sería contrario ó benestar e ás necesidades do animal non permitirlle realizar esta actividade”, defenden dende Ovica.
Reclaman que se elimine a limitación do uso dos cans ata os 18 meses, xa que pode condicionar a eficacia destes para o coidado do gando
O borrador tamén restrinxe o uso dos animais nas ganderías ata os 18 meses, o que para os gandeiros sería inviable. “No noso sector, os cans de protección están cos rabaños canto máis cedo mellor, para aprender e convivir con el e poder identificarse cos animais como parte da manda. Se se limita o uso dos cans ata os 18 meses, non sabemos moi ben en que situación quedarían os nosos cans”, apuntan dende Ovica. Os colectivos gandeiros coinciden en que deben recollerse unhas condicións de benestar e de traballo para este tipo de cans, pero reclaman que sexan compatibles co uso dos animais na prevención dos ataques da fauna salvaxe , como o lobo. “Estamos a incorporar mastíns nas nosas ganderías pola presencia do lobo, senón teríamos menos ou mesmo non teríamos estes cans”, valoran en Ovica. Ademais destes aspectos, os colectivos gandeiros reclaman que a nova norma tamén teña presente que os cans destas ganderías teñen un manexo e uns coidados que poden diferir doutros cans de compañía, mais por iso non significar que non gocen dun benestar e confort. Os gandeiros agardan que as súas propostas sexan tidas en conta para poder seguir contando con estes cans nas súas ganderías, xa que son fundamentais sobre todo para un manexo do gando en extensivo.

Expolugo volve converterse esta fin de semana no escaparate das razas autóctonas

O desfile de gando, que terá lugar o sábado pola mañá, percorrerá as rúas da cidade Coincidindo co San Froilán, o Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo acolle esta fin de semana a mostra agrogandeira Expolugo 2019, con 200 cabezas de gando de 8 razas autóctonas diferentes e actividades complementarias como premios, mostras de artesanía, presentación de produtos e degustacións. Trátase dunha mostra xa consolidada no sector e un referente tanto na provincia de Lugo como no resto da comunidade, que amosa á perfección a importancia e o potencial do sector primario na provincia de Lugo e que chega este ano xa á súa XXII edición coa presenza de 40 expositores. Acto de presentación de Expolugo 2019 O sábado 5 e o domingo 6 durante todo o día (de 12 da mañá a 9 da noite) e con entrada de balde o público poderá disfrutar dun completo programa. O ano pasado asistiron máis de 15.000 persoas a esta feira especializada no eido gandeiro e agroalimentario, complementada con empresas relacionadas co sector primario. Como xa é tradicional, en Expolugo están representadas as principais razas autóctonas galegas, coa presenza das súas asociacións xestoras e mostra de animais en vivo. Razas de bovino, caprino, equino, porcino e avícola mostran unha selección dos seus mellores exemplares, chegados de distintos puntos da provincia de Lugo. Outro dos puntos fortes é todos os anos o desfile de gando polas rúas do centro da cidade, que congrega numeroso público e levanta grande expectación. Neste enlace podes ver unha galería de fotos da pasada edición. Concursos morfolóxicos Expolugo convértese de novo esta fin de semana na máis completa exposición gandeira de razas autóctonas de Galicia, na que participarán máis de 200 animais de distintas especies. As principais asociacións gandeiras de razas autóctonas de Galicia están presentes con animais vivos en Expolugo: ASOPORCEL (Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta), OVICA e ASOVEGA (Ovella e Cabra galegas), AVIMÓS (Galiña de Mos), BOAGA (Vacas das razas Cachena,Vianesa, Limiá, Caldelá e Frieiresa ) e ACRUGA (Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega). Algunhas destas asociacións levan a cabo en Expolugo os seus concursos morfolóxicos, como é o caso do III Concurso Monográfico Provincial da Raza Porco Celta, o Concurso de Raza Rubia Galega, o XIII Concurso Monográfico de Can de Palleiro ou o Concurso Morfolóxico de Cabalo de Pura Raza Galega. Expolugo tamén contempla actividades para os máis pequenos, como paseos en cabalos de pura raza galega, que terán lugar o domingo entre as 17:00 e as 19:00 horas. Presentación de novidades en agroalimentación ou maquinaria e mostra de artesanía Ademáis da zona expositiva agrogandeira, agroalimentaria e artesá, cun total de 40 expositores, a feira verase completada con outras actividades habituais en Expolugo, sempre relacionadas co sector primario: – Presentación de produtos e novidades no sector en servizos, ferramentas, aplicacións, maquinaria, etc. – Charlas técnicas a cargo das asociacións participantes no evento, como poden ser as organizadas por ACRUGA, ASOPORCEL, OVICA, etc. Charlas sempre abertas a todos os públicos e nas que sobre todo asiste público especializado nas diferentes temáticas que se aborda. – Celebración de asembleas e xuntanzas de socios: cada ano algunhas das asociacións que participan na mostra agrogandeira, deciden facer coincidir en datas a celebración das suas asembleas anuais. É o caso de AVIMÓS ou ACIVO. – Mostra de artesanía: os principais artesáns da provincia participarán nesta mostra onde se poderán ver demostracións e adquirir produtos elaborados artesanalmente (tear, madeira, coiro, etc.). Protagonismo para as razas autóctonas galegas Unha parte moi importante de Expolugo xira arredor da visibilización e posta en valor das razas autóctonas galegas, cunha serie de accións encamiñadas ao intercambio de experiencias entre os criadores e ao seu coñecimento tanto entre o público en xeral como entre os consumidores: – Degustación de produtos de raza autóctona: Como maneira para achegar este tipo de produtos ao cidadán, realizarase unha degustación, onde se explicarán as características dos produtos das razas autóctonas. Como novidade este ano, o domingo entre as 13:30 e as 16:00 horas, Expolugo contará cunha degustación gastronómica de produtos de razas autóctonas de Galicia a cargo de 100% Feito en Galicia, elaborado polo prestixioso cociñeiro Oliver Fernández Batista, do Barco de Valdeorras. O prezo será de 3€ e inclúe unha tapa a escoller con cabra galega, cachena, galiña de mos ou porco celta máis bebida. Entregarase documentación a todos os visitantes de onde poden adquirir os produtos das nosas razas autóctonas. – Mercado Alimentario de Razas Autóctonas, con venda de productos directamente do produtor ao consumidor. – Exposición das razas autóctonas bovinas en perigo de extinción (Cachena, Caldelá, Limiá, Frieiresa e Vianesa). – Exposición das razas Ovella Galega e Cabra Galega. – VII Concurso-Exposición Provincial da Galiña de Mos – Exposición de raza Porco Celta – Curso de Xuíces de Raza Rubia Galega (V memorial Luciano Sánchez) e concurso-exposición de gando de raza Rubia Galega Desfile de gando polo centro da cidade O desfile de gando conta cunha mostra de animais de distintas razas e maquinaria clásica Expolugo é un complemento esencial do San Froilán, que naceu como feira de carácter anual. Para lembrar esta orixe, o sábado pola mñá  terá lugar un ano máis un desfile de gando polas rúas do centro da cidade na que participarán exemplares das distintas razas autóctonas que logo se poderán ver no Pazo de Feiras e Exposicións até o domingo á noite. A gandería e os produtos do campo eran o eixo sobre o que se conformaba historicamente a festa do San Froilán, á que acoden todos os anos persoas de toda a provincia e de distintos puntos de Galicia. Expolugo contribúe así a manter a tradición das feiras polo San Froilán, á vez que se revaloriza a importancia do sector primario na provincia de Lugo, esencial na economía de moitos concellos e para manter un rural vivo. A prensenza dos animais polas rúas do centro da cidade, moi perto do lugar onde outrora se celebraba a Feira de Gando, no espazo que hoxe ocupa a estación de autobuses, congrega cada ano a numeroso público e serve para lembrar o carácter rural dunha cidade coma Lugo, cunha perfecta simbiose entre o rural e o urbano dentro dun termo municipal que conta con 54 parroquias rurais.

PROGRAMA EXPOLUGO 2019:

SÁBADO 5 DE OUTUBRO 11:15 h.- Desfile de Gando pola cidade de Lugo. Participarán no desfile exemplares de animais das asociacións ASOPORCEL, OVICA, ACRUGA, BOAGA, GALIÑA DE MOS, ASOVEGA , AVIMOS, CAN DE PALLEIRO e MUVICLA (MUSEO VIVO INTEGRADO DO CAMPO E DA LOCOMOCIÓN AGRARIA). O percorrido transcorre polo tramo peonil da Ronda da muralla, Praza da Constitución, entrada pola Porta do Campo Castelo, Praza maior (recepción diante da casa do Concello), Rúa Bispo Aguirre, volvendo ao punto de partida. 13:15 h.- Inauguración Oficial Expolugo, A Rural 2019 13:45 h.- Entrega de diplomas e clausura do Curso de Xuíces de Raza Rubia Galega – V Memorial Luciano Sánchez. 17:00 h.- XIII Monográfico Can de Palleiro Outras actividades: – III Concurso Monográfico Provincial de Raza de Porco Celta. – Concurso – Exposicións de Gando de Raza Rubia Galega. V Memorial Luciano Sánchez DOMINGO 6 DE OUTUBRO 12:00 h. a 14:00 h.- Concurso Morfolóxico de Cabalo de Pura Raza Galega 13:30 h. a 16:00 h.- Degustación de produtos de razas autóctonas de Galicia a cargo de 100% Feito en Galicia, elaborado polo prestixioso cociñeiro Oliver Fernández Batista do Barco de Valdeoras (prezo degustación: 1 tapa a escoller con cabra galega, cachena, galiña de mos ou porco celta + auga, viño ou caña, tres euros). 17:00 h. a 19:00 h.- Paseo en cabalos de pura raza galega para nenos. 19:00 h.- Entrega de premio do III Concurso Monográfico Provincial de Raza de Porco Celta 21:00 h.- Clausura da XXII edición de Expolugo, A Rural 2019 Outras actividades: – III Concurso Monográfico Provincial de Raza de Porco Celta.

Curso de adestramento de cans de pastoreo

A Deputación de Lugo promove con 3.000 euros unha nova edición do “Curso de adestramento de cans de pastoreo”. Está dirixido a un total de 20 participantes e celebrarase en Lourenzá en dúas xornadas, os días 10 e 11 de novembro. Esta actividade, na que xa tomaron parte máis de 400 gandeiros de toda Galicia nas últimas convocatorias, ofrecerá formación de marcado carácter práctico sobre as técnicas claves de adestramento para labores de pastoreo de rebaños con cans de raza border collie, ou calquera outra raza, sempre que sexan cans de pastoreo. O curso desta fin de semana conta con 20 prazas disponibles, 10 para cada un dos días. Desenvolverase en horario de mañá e tarde, de 9:30 a 13:30 horas e de 15:00 horas, ata 19:00 horas. Constará dunha parte teórica e outra práctica e personalizada, en función dos coñecementos do can e da súa soltura no pastoreo. As persoas interesadas deberán facer a súa reserva no teléfono 627473504, e abonar un importe de 50 euros para a súa asistencia ao curso. O encargado de impartir as sesión será Alejandro Ibarra Artús.

¿Qué temos que ter en conta cando temos cans mastíns para a protección do gando?

O pasado 11 de outubro publicouse a “LEI 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia”. Despois de varias consultas de parte dos gandeiros e gandeiras, o traballo dos técnicos de Beealia e as aclaracións da Consellería de Medioambiente, dende Beealia pensamos que debéramos aclarar esta nova situación de cara aos gandeiros.

En concreto analizaremos a nova situación dos cans mastíns nas explotacións de gando sobre a compra, tenza e cría e venta dos mastíns de protección.

1) Adquisición de Mastíns:

A nova lei establece que os únicos autorizados para a venta de cans son as tendas e os criadores e ámbolos dous deben estar rexistrados na Consellería. Cadel@s ou cans deben estar en bo estado sanitario (desparasitacións e vacinacións ao día) e deben estar identificados co chip.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101891&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

2) Tenza de Mastíns:

O primeiro que hai que ter en conta dos cans de protección do gando é que os Mastíns, nas súas diferentes razas (leonés ou español, dos pirineos, gos de muntanya dels pirineus ou can de castro laboreiro), non son animais potencialmente perigosos.

A nova lei aclara que ningún dos animais destas razas pode ser considerado como can potencialmente perigoso. Unicamente podería considerarse coma tal un exemplar concreto que mostrara unha agresividade manifesta (como calquera outro can de calquera outra raza). Neste senso, dende a Consellería recomendan que na identificación dos cans de protección do gando debe estar identificado o seu uso “de pastoreo” en vez de “garda e custodia”. Iso clarificará a súa identificación e o seu uso gandeiro.

Outra das novidades na tenza de Mastíns é que se se teñen máis de 5 cans maiores de 3 meses débese comunicar á Delegación territorial da Consellería a súa posesión.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 2 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101892&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Para facelo débese entregar o seguinte documento:

http://cmaot.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=445347&name=DLFE-44434.pdf

Este modelo deberá ir acompañado dunha memoria explicativa das condicións de aloxamento dos citados animais. Esta memoria poderá descargala igualmente no seguinte enlace :

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 3 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101893&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

http://cmaot.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=444682&name=DLFE-44828.pdf

3) Cría de Mastíns:

Calquera gandería, independentemente do número de cans que posúa, se quere nalgún momento vender eses cans debe darse de alta no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos (REGANUZ). Dende Beealia realizamos tódolos trámites para ese rexistro, tanto os informes técnicos como os veterinarios.

No referente aos requisitos xerais dos Núcleos Zoolóxicos:

De acordo co establecido no artigo 29 do Decreto 153/1998, do 2 de abril, os requisitos que deben cumprir as canceiras, con independencia do número de cans que dispoñan:

- Ser estancos con respecto ao medio exterior.

- Dispor dunhas adecuadas condicións de ventilación e iluminación.

- Reunir as condicións hixiénicas establecidas para o tipo de instalacións de que se trate.

- Ter unhas dimensións apropiadas que permitan a estadía cómoda do animal.

- Dispor de cerramentos ou outros mecanismos que, sen producírenlles danos ou molestias físicas, eviten as fugas.

- Dispor dun espazo apropiado para o exercicio dos animais.

- Dispor de subministración de auga potable, dun sistema para a limpeza e dun sistema de evacuación das augas residuais.

 Asemade, deberán cumprir co artigo 36 da Lei 4/2017:

· Localización apropiada, co illamento adecuado, que evite o posible contaxio de enfermidades ou de animais estraños ao establecemento.

· Construcións, instalacións e equipamentos que proporcionen un ambiente hixiénico, protexan de posibles riscos aos animais e faciliten a aplicación de medidas zoosanitarias.

· Recintos, locais ou gaiolas de fácil lavado e desinfección para o illamento, secuestro e observación dos animais enfermos ou sospeitosos de enfermidade.

· Medios apropiados para a limpeza e a desinfección dos locais, material e utensilios en contacto cos animais e se é o caso, dos vehículos utilizados no transporte seu, cando este se precise.

· Medios apropiados para a destrución ou eliminación hixiénica de cadáveres dos animais e materias contumaces.

· Programa definido de hixiene e profilaxe para os animais albergados, proposto por un facultativo veterinario.

· Programa de manexo adecuado para que os animais se manteñan en bo estado de saúde, supervisado por un facultativo veterinario.

Para elo debe presentar a seguinte documentación (artigo 37):

1- A solicitude, segundo o modelo vixente que pode descargar neste enlace:

http://cmaot.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=445347&name=DLFE-44436.pdf

Para obter a correspondente autorización e a súa correlativa inscrición no Rexistro deberá dirixirse á persoa titular da xefatura territorial da Consellería Medio Ambiente e Ordenación do Territorio correspondente.

2- Memoria técnica ou, nos eu caso, proxecto técnico asinado por un técnico competente, que conteña unha memoria descritiva e/ou planos ou bosquexos que describan:

- Localización ou emprazamento.

- Situación e distribución das construcións, locais e dependencias e os seu accesos.

- Especialmente a localización da zona de illamento e observación dos animais enfermos ou sospeitosos de enfermidade (lazareto).

- Sistema para a eliminación de esterco, xurro e augas residuais, características da fosa séptica e permisos pertinentes, no seu caso.

- Peche perimetral, materiais utilizados.

- Subministro de auga.

3- Informe zoosanitario, que deberá estar asinado por un veterinario, e deberá conter:

- Programa de manexo axeitado para que os animais manteñan un bo estado de saúde, detallado para cada especie e grupo de idade.

- Programa definido de hixiene e profilaxe para os animais aloxados, detallado para cada especie e grupo de idade, concretando prazos e principios activos.

- Protocolo de limpeza e desinfección de locais, materiais e utensilios en contacto cos animais. Tamén en vehículos no caso de ser utilizados. Indicando principios activos, métodos, materiais e prazos concretos. Sistema/protocolo de desinfección, desratización e desinsectación.

4- Documentación pertinente que acredite o indicado en cada un dos requisitos establecidos, e principalmente a declaración para a eliminación hixiénica dos cadáveres conforme ao Regulamento (CE) nº 1774/2002 do Parlamento Europeo, de 3 de outubro.

5- Resgardo de ter pagadas as taxas para a autorización dun núcleo zoolóxico.

Cod. Taxa

Concepto

Importe (€)

30.34.02

Autorización de establecementos de animais domésticos e salvaxes en catividade

48,48

A gandería La Cabreta, en Meira (Lugo), que dispón de 5 Mastíns Leoneses adultos, está xa a tramitar dita autorización e conta en breve con poder ofertar cans de protección do gando procedentes de liñas de traballo, con pais traballando día e noite e adaptados ás condicións climáticas galegas.

Máis información:

A Consellería de Medio Ambiente organiza para este mes de maio en Santiago unhas Xornadas informativas sobre a Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia. Descarga aquí o programa e a ficha de inscrición.