Archives

“O que fagamos co costro ao nacer a xata vai marcar toda a súa vida produtiva”

Susana Astriz é investigadora científica do departamento de reprodución animal do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) e leva 20 anos investigando os beneficios do calostro sobre a recría. Recentemente participou en Lugo na xornada técnica organizada por Africor Lugo e Vaca Pinta, na que lembrou a importancia que ten a recría, desde as fases máis iniciais, nas explotacións bovinas de leite. “O que fagamos nas primeiras semanas de vida coa tenreira vai marcar toda a produtividade vital da vaca, que ao final é o futuro da granxa. E nesas dúas primeiras semanas de vida da tenreira o máis importante é o que fagamos co calostro”, asegura. Cando unha vaca pare existe unha gradación nos cambios de composición do leite. A secreción das glándulas mamarias das femias mamíferas nas primeiras 24 horas postparto é o que recibe o nome de calostro. A partir de aí sería xa leite de transición. Que contén o calostro? “O calostro é moito máis concentrado que o leite, ten o dobre de graxa e 4 veces máis proteínas”, explica. Ese contido débese a que as inmunoglobulinas que contén o calostro son unha proteína, lembra.
O calostro é un líquido moi complexo que ten 4 veces máis proteínas que o leite e células vivas maternas
Ademais, indica, “ten células vivas maternas que pasan do sangue materno vivas ao calostro e de aí á tenreira e que teñen un efecto positivo”. Tamén contén factores de crecemento, como as citoquinas, “que son unhas substancias moi activas bioloxicamente e que actúan sobre as células intestinais da tenreira”, e oligosacáridos, “uns azucres moi pequenos pero moi importantes como alimento das bacterias intestinais que xa teñen as tenreiras cando nacen”. Funcións do calostro A primeira das funcións do calostro é nutritiva. “O calostro garante a supervivencia da tenreira nas primeiras 24 horas mesmo se a vaca pare a 20 graos baixo cero. Se toma un bo calostro superará o shock por frío porque se pare nesas condicións a vaca preparará máis calostro e máis nutritivo", explica Susana.
O parto debe producirse nun ambiente limpo, pero non estéril
A segunda das funcións é protectora. “O calostro é esencial para dotar á tenreira de protección fronte a retos víricos e bacterianos inmediatos. “A tenreira nace sen protección porque a placenta da vaca é moi grosa e non permite pasar aos anticorpos, como ocorre nos humanos. O sistema inmune nas primeiras 24 horas é moi féble e a tenreira nunca nace nun ambiente estéril: hai e-coli, enterobacterias e virus e a eses retos sen o calostro non é capaz de facerlles fronte”, asegura Susana. “A función protectora non a podemos suplir a día de hoxe por outro tipo de produto, como podemos facer coa alimentación. Aínda non demos coa clave para pasar inmunoblobulinas ao tenreiro doutra forma que non sexa a través dun calostro natural”, recoñece.
O calostro ten unha función nutritiva e protectora moi importante, que non podemos suplir a día de hoxe con ningún outro tipo de produto
A partir dun determinado nivel de inmunoglobulinas (5,1g/dl en sangue) a tenreira estaría protexida. Por baixo deses niveis consideraríase que existe un Fallo de Transferencia Pasiva (FTP). “O mínimo é 5,1, que equivale a 8,1% Brix, pero o óptimo sería 5,5”, aclara. Sen calostro a tenreira multiplica por 5 a mortalidade, fundamentalmente nos dous primeiros meses de vida, pero tamén terá máis risco no tramo post-destete. Tamén está demostrado, explica Susana, que terá maiores índices de enfermidade de adulta, ao multiplicar por 3,9 veces a súa morbilidade. Estimulante do crecemento Pero ademais da función nutritiva e protectora inmediata, o calostro é estimulante do crecemento da tenreira a curto, medio e longo prazo. “Hai efectos do que lle damos nas primeiras 24 horas que vemos no primeiro parto. Ata a segunda lactación dura o efecto do calostro”, afirma a investigadora do INIA.
O calostro non só é graxa, proteína e inmunoblobulina, hai moitas máis cousas que son moi importantes
A incorrecta administración de calostro atrasa o crecemento da recría e a idade ao primeiro parto. “Atrásase todo, porque unha tenreira con Fallo de Transferencia Pasiva crece peor, empreña peor e parirá máis tarde”, argumenta.
Ata a segunda lactación dura o efecto do calostro. Del depende que as células intestinais e inmunolóxicas sigan desenvolvéndose
Ao contrario, indica, as tenreiras con maior inxesta de calostro e de maior calidade, di, desenvolverán maior ganancia de peso, terán mellor eficiencia reprodutiva na primeira xestación, reducirase a probabilidade de eliminación na primeira lactación e terá maior produción de leite tanto na primeira como na segunda lactación, asegura a investigadora do INIA.  

Recomendacións de aplicación

1. Coidado da vaca seca “O coidado da recría comeza co coidado da vaca xestante, desde o mesmo momento da inseminación, para previr por exemplo un parto distófico. Hai que ter un coidado exquisito das vacas secas, minimizar os cambios e o estrés, para que estean tranquilas e o mellor coidadas posible. Todo o que sexa estrés vai reducir o crecemento, e nós debemos garantir un correcto desenvolvemento fetal para que as tenreiras nazan fortes”, indica.
Debemos garantir un adecuado desenvolvemento fetal e que as tenreiras nazan fortes e non acidóticas
Ademais, o estrés nas vacas próximas ao parto reduce a cantidade e calidade do calostro. “Unha vaca que sufra estrés antes do parto vai dar moita peor produción de calostro”, asegura Susana. O estrés por calor durante o período seco tamén condiciona a calidade do calostro. Por iso, dos partos de final do verán, nos que todo o período de secado tivo lugar con altas temperaturas, obtense peor calostro, conta. É necesario seguir determinadas pautas de vacinación durante o secado, levar unha alimentación específica de preparto con antioxidantes e sales aniónicas, evitar as distocias e controlar a trasmisión de enfermidades nai-tenreira como a neosporose, BVD e paratuberculose.
A paratuberculose transmítese a través do calostro e a pasteurización non garante a eliminación deste risco
“Hai transmisión a través do calostro de paratuberculosis. Se unha vaca sabedes que é positiva ese calostro non serviría, tampouco pasteurizado porque non garante eliminar todas as mycobacterias. Hai que ter isto en conta se queremos ir erradicando a enfermidade na explotación”, explica. 2. Hixiene na paridera En canto á paridera, a investigadora do INIA pide hixiene, aínda que, di, “non fai falta ser neurótico da limpeza e querer ter un ambiente estéril nunha granxa, pero si limpo”. Tralo parto, recomenda a desinfección do cordón umbilical cun chorro de povidona iodada líquida ao 7-10%. “Non valen sprays nin concentración maior, porque queima os tecidos”, alerta. Tamén é bo, di, secar á tenreira, se non o fai a nai. “Axúdalles a termorregularse”, afirma. E habería que colocar ao animal en postura de decúbito external (sentado sobre o peito) se el non adopta esa postura. Unha vez nada a tenreira e realizadas estas primeiras atencións, o manexo da recría continúa cos coidados do neonato nas primeiras 24 horas. “Temos que garantir que mantén un pH en sangue adecuado e non desenvolve acidose, e manter esa boa saúde aos primeiros 2 meses, que son os máis críticos desde o punto de vista sanitario”, argumenta Susana. 3. Manter á tenreira coa nai tralo parto O parto ten que producirse nun ambiente tranquilo. “Non debemos estresar nin á nai nin á tenreira. É bo que a tenreira estea coa nai unhas horas tralo parto. A tenreira absorbe mellor as inmunoglobulinas, aínda que lle deamos nós o calostro, se está en presenza da nai e para a vaca tamén é bo, teremos menos mamites”, asegura. En canto ao aloxamento posterior, “a partir dos 5 días as tenreiras están moito mellor en parella que en boxes individuais”, afirma.
A tenreira absorbe mellor as inmunoglobulinas se está coa nai e para a vaca tamén é bo, teremos menos mamites
Sobre cando actuar nun parto, recomenda facelo só en caso de ser necesario e no momento xusto. “Non hai que adiantarse, non hai que atender os partos que non necesiten ser atendidos, nin deixar 24 horas unha vaca que non consegue parir”, exemplifica. Tamén recomenda explorar á tenreira unha vez nada e coñecer as técnicas de reanimación para utilizar en caso de ser necesario. “Temos 4 minutos, máximo 5, para actuar no caso de que sexa necesario reanimar a unha tenreira para que unha anoxia nun animal que non é capaz de respirar non produza dano cerebral. Hai veces que por présa nin sequera miramos á tenreira”, di. 4. Muxir á vaca canto antes “A nai durante os últimos 15 días da xestación vai acumulando nas súas glándulas mamarias defensas e anticorpos do sangue materno que van pasando ao calostro. O pico máximo de transferencia de anticorpos da nai ao calostro ocorre durante as 48 horas previas ao parto, pero acumúlanse xa desde semanas antes. É un mecanismo alucinante da natureza, Non somos capaces de inducilo artificialmente”, recoñece Susana.
Non existe unha relación directa entre cantidade e calidade de calostro se non se superan os 8,5 litros; a partir dese volume, a máis cantidade peor calidade
Pero se non se muxe á vaca canto antes, a propia vaca reabsorbe esas inmunoblobulinas cara ao seu propio sangue. “Se pasan 6 horas xa só temos o 83% das proteínas de protección que había, pero se esperamos 10 horas xa baixamos ao 70% e ás 48 horas só quedarían o 10% dos anticorpos que tiñamos no momento de parir”, exemplifica. 5. Muxido hixiénico do costro É fundamental lograr un muxido hixiénico do calostro, insiste. “Cun calostro sucio estaremos a introducir patóxenos no organismo do animal. Se co calostro lle damos un e-coli, por exemplo, a esa tenreira estarémola a matar nós porque a bacteria chegará antes ao sangue que as defensas”, asegura. O reconto bacteriano total no calostro debe estar por baixo de 100.000 UFC/ml, aínda que o óptimo sería que fose inferior a 10.000, con menos de 1.000 UFC/ml de coliformes e menos de 20.000 UFC/ml de bacterias aeróbicas.
É recomendable pasteurizar o calostro sen exceder os 60ºC durante 60 minutos
Por iso, di, é recomendable pasteurizar o calostro cun pasteurizador adecuado que garanta que non se exceda a temperatura de 60 graos para non matar as defensas contidas no calostro. 6. Dar canto antes o calostro á tenreira É fundamental tamén subministrar canto antes o calostro á tenreira, porque só durante as primeiras 24 horas ese animal recentemente nado non dixire esas proteínas. “Nada máis nacer esas proteínas de protección que toma a tenreira no calostro pasan directamente ao seu sangue. Transcorridas as primeiras 6 horas absorberá xa só o 68% das inmunoglobulinas, pero se tardamos 24 horas a tenreira aproveitará unicamente o 10% das defensas incluídas no calostro”, explica.
É vital que muxamos o calostro a tempo e que llo deamos a tempo a tenreira. Unha vez pasan 24 horas a tenreira xa non absorbe a protección que contén o calostro, porque o dixire
Nas primeiras 6 horas sería suficiente que a tenreira inxerise 75 gramos de IgG, pero se tardasemos 12 horas en proporcionarlle o calostro sería necesario que tomase o dobre, xa que a porcentaxe de absorción redúcese á metade. “É prioritario muxir á vaca parida e dar ese calostro á tenreira. É urxentísimo e prioritario, todo o demais que haxa que facer pode esperar, mesmo muxir ou preparar a ración para o resto do gando”, afirma Susana.
Hai que ter paciencia coa tenreira, vale a pena investir unha hora en darlle o calostro
Considera que “merece a pena investir unha hora en darlle o calostro a unha tenreira recentemente nada” e explica que “unha postura adecuada durante a inxesta favorece a absorción das proteínas de protección”. 7. Dúas tomas mellor ca unha Para garantir unha adecuada transferencia de defensas á tenreira, é necesario que inxira como mínimo 225 gramos de inmunoglobulinas cun mínimo de 50 g/l de IgG no calostro, para lograr 10 gramos de inmunoglobulinas por litro de sangue do animal. Pero a veterinaria do INIA aconsella incrementar ao dobre ou mesmo máis esa transferencia. “Está demostrado que o aumento das cantidades de calostro inxerido diminúe a morbilidade, polo que canto máis calostro demos mellor”, di.
Dúas tomas de calostro nas 24 horas de vida mellor ca unha: a ganancia de peso aumenta e o índice de preñez na primeira xestación baixa de 2,13 pajuelas a 1,84
Habería que dar como mínimo 4 litros nas primeiras 6 horas de vida, ben nunha soa toma ou en dúas. A maiores, recoméndase fornecer á tenreira 2 ou 3 litros máis antes de que se cumpran as primeiras 24 horas de vida. “A pauta ideal serían 2 litros nas primeiras 2 horas de vida, 2-3 litros máis nas seguintes 4 horas e outros 2-3 litros máis antes das 24 horas”, detalla a veterinaria do INIA. 8. Manter doses máis baixas durante dúas semanas En ganderías de maior tamaño é habitual a administración do calostro vía sonda. “Se ides a sondar e ides dar 1 soa toma, mínimo 4 litros nas primeiras 6 horas, pero canto antes mellor. Só se sonda á tenreira unha vez, non se sonda para unha segunda toma de calostro e nunca se sonda o leite, é unha norma básica, porque iría ao rumen e fariades peor”, aclara.
Nunca se sonda o leite, é unha norma básica, porque iría ao rumen e fariades peor
Unha vez transcorridas as primeiras 24 horas, pódese seguir dando calostro á tenreira. “Aconsellamos manter a administración de calostro as dúas primeiras semanas, mínimo a primeira semana, mesturando un vaso de calostro no lactoreemprazante, por exemplo, ou no leite de transición que recibe. Iso mellora moito a incidencia de diarreas e problemas respiratorios”, asegura Susana, que aconsella evitar ter que dar antibióticos ás tenreiras, e sobre todo vía oral, para protexer a súa microbiota intestinal. 9. Ter calostro conxelado É necesario medir a calidade do calostro que se proporciona á tenreira para ter a certeza de que estará protexida con el. “Consideramos un calostro non aceptable por baixo de 50 g/l de IgG, equivalentes a 22% grados Brix, pero sempre é mellor un mal calostro que nada”, matiza. Estas medicións da calidade do calostro é mellor facelas cun medidor de graos brix que cun calostrímetro (densitómetro) por ser moito menos preciso ao depender da temperatura de medición.
Vacas con enfermidades leves, como coxeiras, dan peor calostro
Para garantir ter dispoñible sempre de calostro de boa calidade, unha boa opción é contar na granxa cun banco de calostro de vacas doantes seleccionadas. Os calostros de vacas primeirizas adoitan ser de peor calidade que os de vacas multíparas de 3 ou 4 partos, aínda que mellores que en segundo parto, polo que non deben descartarse os calostros das xovencas paridas sen antes medir a súa calidade. Os calostros de verán con temperaturas altas tamén son peores. “Baixa moito a calidade, por iso é bo ter conxelado calostro doutras épocas do ano. Non vale tampouco calostro dunha vaca que adiantou o parto ou que tivemos que muxir antes do parto, nin de vacas con mamitis nun cuarterón, porque dan peor calostro, do mesmo xeito que os calostros empeoran en vacas gordas ou con secados inferiores a 45 días ou superiores a 90 días”, describe.
Non muxades ás vacas antes do parto; se o tedes que facer por temas de ubre, ese calostro non vale
O calostro conservado en neveira (a unha temperatura de 5ºC) mantense durante 5 ou 6 días e nun conxelador (a -22ºC) pode durar entre 6 e 12 meses. Para desconxelalo hai que facelo ao baño maría a menos de 40 graos. “Senón cargámonos o calostro”, advirte. O quecemento no momento da toma ten que ser uniforme. 10. Necesidade de actualizar protocolos nas granxas Esta veterinaria leva 2 décadas formando a gandeiros en temas de recría e asegura que é necesario actualizar coñecementos sobre a aplicación do calostro (número de tomas, cantidade inxerida, momento óptimo de administración) e formar ao persoal da granxa sobre estas novas pautas.
É necesario garantir ás tenreiras unha adecuada cantidade-calidade de calostro e a súa administración no momento idóneo
“Cousas que se recomendaban hai 15 anos tivémolas que corrixir porque saen novas pautas e coñecementos en base a novos estudos e investigacións que se realizan en institucións como o INIA”, destaca.

 “O primeiro litro de leite que nos dá unha xovenca cústanos 3.000 euros”

As tenreiras e xovencas son “un valor económico directo que teñen as explotacións lácteas”, insiste Susana Astriz. “O primeiro litro de leite que nos dá unha xovenca de primeiro parto cústanos 3.000€, é o que vale hoxe no mercado unha xovenca que acaba de parir se a temos que comprar”, asegura. Por iso a investigadora do INIA defende a necesidade de poñer un maior coidado na recría e na correcta administración de calostro ás tenreiras neonatas como forma de aumentar a súa produtividade e lonxevidade.
O que queremos obter nunha granxa son xovencas sas e xeneticamente mellores, non ocupar a praza cun animal igual ao que descartamos
Hai que ter en conta que a primeira lactación só serve para amortizar o investido no proceso de recría e que as máximas producións danse sempre a partir da terceira lactación”, argumenta. “Coidar a recría é investir no futuro da explotación” “Se un gandeiro pensa nos 3.000€ que custa hoxe unha vaca cando está encalostrando entenderá que é algo prioritario, porque unha vez feito iso, se a tenreira chega sa aos 4 ou 5 meses de vida, despois non dará practicamente problemas”, asegura. Un bo encalostrado é o primeiro paso esencial para lograr nunha granxa animais de recría rendibles. “Temos que lograr que estean paridos antes dos 24 meses e sexan lonxevos, procurando deste xeito que o descarte na nosa explotación sexa voluntario. O obxectivo coa recría non é só garantir a taxa de remplazo da explotación, senón lograr que a vaca que ocupe a praza dentro de dous anos sexa máis eficiente que a que teño agora”, razoa.

Pautas para un bo encalostrado e reducir as diarreas nos becerros

As diarreas son un dos problemas máis frecuentes nos tenreiros neonatos e supón un importante impacto nas granxas. Tanto é así que as diarreas resultan a primeira causa de mortalidade nos tenreiros durante o primeiro mes de vida, por iso reducir a súa incidencia na gandería é clave. Por este motivo, a prevención das diarreas foi un dos temas tratados este ano nos XVII Encontros Gandeiros de Lalín (Pontevedra), organizados pola Asociación de Defensa Sanitaria (ADS) Xundeva. Manuel Cerviño López, asesor técnico veterinario de Boehringer Ingelheim, ofreceu aos gandeiros algunhas claves para ter en conta e reducir as diarreas que afectan ós tenreiros máis novos na granxa. “As diarreas son a enfermidade máis común nas primeiras 8 semanas de vida do animal. O 80% dos problemas que teñen os tenreiros no primeiro mes son diarreas”, lembra Cerviño. As diarres poden estar producidas tanto por bacterias (en especial E. Coli), así como virus (como rotavirus e coronavirus) e protozoos (principalmente Crytosporidium parvum). Á marxe da súa orixe, as diarreas son unha enfermidade multifactorial. Así, factores como o manexo, o ambiente no que se atopan os tenreiros, a inmunidade do animal, o calostro que se lle proporciona e a existencia de virus, bacterias, e parasitos determina que o becerro desenvolva a enfermidade.
As diarreas poden supoñer de media un gasto de entre 55 e 240 euros por tenreiro na granxa
Máis aló do propio benestar do tenreiro, as diarreas teñen un impacto económico directo nas granxas. Tal e como apuntaba Cerviño, as diarreas poden supoñer de media un gasto de entre 55 e 240 euros por tenreiro na gandería. As perdas económicas para a granxa coas diarreas poden abarcar desde: -O valor do animal -Os gastos veterinarios -O freo do crecemento -Aumento da idade do primeiro parto -Redución da produción de leite na primeira lactación -Empeoramento dos índices de engorde -Aumento do risco de padecer outras enfermidades e increméntase ata 2,5 veces a probabilidade de eliminar ao animal

O calostro, un aliado fronte á diarrea

Proporcionar un bo calostro aos tenreiros resulta de gran importancia para fortalecer ao animal e reducir a incidencia das diarreas. Tal e como sinalaba o veterinario, o calostro é un alimento perfecto para o tenreiro durante as súas primeiras horas de vida. Ao mesmo tempo, é un protector do intestino e actúa de laxante e estimulador do tránsito intestinal.
O calostro é fundamental para transferir a inmunidade aos tenreiros de maneira que poidan ofrecer unha mellor resposta fronte ás diarreas e outras patoloxías
Tampouco hai que esquecer que proporciona defensas ao animal que lle protexen de forma inmediata e é un transmisor de microbiota. “O calostro é fundamental para transferir a inmunidade aos tenreiros de maneira que poidan ofrecer unha mellor resposta fronte ás diarreas e outras patoloxías”, apunta Cerviño. Ademais, o calostro é unha forma de conseguir que o animal alcance a temperatura que necesita para sobrevivir nestes primeiros momentos de vida.

Pautas para realizar un bo encalostrado dos tenreiros

Para proporcionar un bo encalostrado dos tenreiros é preciso atender a diferentes factores. “O tenreiro debe tomar a cantidade necesaria de calostro de boa calidade, no momento adecuado e da mellor maneira posible”, resume Cerviño. Analizamos cada un destes condicionantes:

-Momento da toma

Uno dos maiores condicionantes sobre a eficacia do calostro é o tempo transcorrido desde o parto ata a súa inxesta por parte do tenreiro. Posto que o calostro serve para poñer en funcionamento o intestino do animal e proporciona defensas, é imprescindible que as tomas de calostro se realicen canto antes, se é posible antes das 6 horas de vida, xa que segundo pasan as horas diminúe a capacidade de absorción de inmuglobulinas presentes no calostro e que actúan como anticorpos no tenreiro. Capacidade de absorción por parte do tenreiro dos anticorpos do calostro en función do tempo transcorrido.

-Cantidade de calostro

É recomendable que nestas primeiras tomas o tenreiro inxira de calostro un 10% do seu peso vivo, é dicir un litro por cada 10 quilos de peso do animal. Así, un tenreiro que pese ao nacer 40 quilos deberá administrar como mínimo 2 litros de calostro nas dúas primeiras horas de vida, sendo conveniente ata 5 litros nas 6 primeiras horas e entre 2 a 5 litros nas 12 horas seguintes. Mentres, no gando en extensivo e de razas rústicas esta cantidade redúcese a 500 mililitros nas 6 primeiras horas de vida. Ademais, é aconsellable seguir administrando calostro, xunto co leite, durante as 3 primeiras semanas de vida do tenreiro, xa que lle ofrece unha maior protección local intestinal, unha forma de reducir o risco de diarreas.

-Calidade do costro

Para conseguir un calostro de calidade tamén hai que ter en conta diferentes factores. Un dos máis determinantes é o estado de saúde da nai e a súa alimentación, por iso resulta fundamental extremar os coidados das vacas secas, un período que debe durar entre 45 a 60 días. O parto é outro dos condicionantes para lograr un calostro de calidade. Lograr un parto sen complicacións contribúe a que a vaca poida proporcionar un calostro de maior calidade, xa que as defensas da vaca transfírense ao calostro poucas horas antes do parto. “O ideal é ter partos moi vixiados por parte do gandeiro pero pouco atendidos, é dicir que non requiran finalmente unha gran intervención por parte do gandeiro ou veterinario”, apunta. O parto afecta directamente ao calostramento e á calidade e cantidade de calostro que chega a producir a vaca. Tamén é importante muxir o calostro entre as 2 e as 6 horas tralo parto. “Se se muxe moi pronto non tivo tempo de que as defensas pasen ao calostro e se se demora o muxido a vaca recupera esas inmuglobulinas de maneira que o calostro comeza a empobrecerse”, detalla Cerviño. Ademais, a vacinación das nais tamén xoga un papel determinante para reforzar o sistema inmunolóxico do tenreiro.

-Administración do costro

Tan importante coma a cantidade, o momento ou a calidade do calostro é a forma na que se proporciona este leite ao tenreiro. Permitir que o tenreiro mame o calostro directamente é unha das mellores formas de garantir a absorción das inmuglobulinas presentes no calostro, aínda que a soa presenza da nai xa aumenta devanditos índices de absorción. Entre os métodos para amantar ao tenreiro é recomendable utilizar biberóns que lle proporcionen unha toma adecuada ao animal. A pesar de que pode resultar cómodo, o veterinario desaconsella utilizar cubos, xa que entre outros inconvenientes resulta máis incómodo ao tenreiro.

Outros aspectos para ter en conta fronte ás diarreas

Manuel Cerviño, asesor técnico veterinario de Boehringer Ingelheim durante a súa participación nas xornadas organizadas pola ADS Xundeva. Outro dos factores determinantes para reducir o risco de diarreas nas granxa é o manexo, xa que “a maioría dos tenreiros que morren por diarreas é por deshidratación e frío”, sinala Cerviño. Así, contar cun manexo e instalacións adecuadas é fundamental. Un dos aspectos para ter en conta é o manexo da parideira. “Cada parto supón un risco, polo que é recomendable controlar a acumulación de partos”, apunta o veterinario. É imprescindible manter a hixiene da zona de partos para reducir os focos de contaxio de patóxenos que poidan provocar diarreas. A parideira debe ser un espazo cunha humidade e temperatura adecuada e unha boa ventilación. “A corrente adecuada dunha parideira é aquela que permite que a chama dunha vela treme, pero non se chegue a apagar”, estima. O contacto entre tenreiros, que favorece o seu benestar, pode converterse tamén nun factor de risco fronte ao contaxio de diarreas, polo que hai que buscar un equilibrio. Para Cerviño outro dos factores claves para reducir a incidencia de diarreas nos tenreiros neonatos é contar cun programa vacinal completo na granxa, de forma que se transfira a inmunidade das vacas ao tenreiro mediante o calostro. Recomenda consultar co veterinario para valorar a administración de vacinas preparto e de calendario para manter aos animais máis protexidos e sans.

Tratamento da mamite en vacún de leite en Noruega

Para procurar unha produción leiteira sustentable é necesario ter en conta máis aspectos que a emisión de gases de efecto invernadoiro, un dos factores que primeiro se relaciona cunha gandaría máis respectuosa co medio ambiente. Cuestións como a incidencia e o control da mastite no rabaño, unha das afeccións máis importantes no vacún de leite, pode ser tamén determinante para conseguir unha produción sustentable. Baseándose nestes argumentos, o veterinario Olav Osteras, consultor de Tine S.A., a maior cooperativa norueguesa de produtos lácteos; analizou algunhas das consecuencias que pode ter a mastite na produción láctea durante a súa participación nas IX Xornadas Técnicas de Vacún de Leit, celebradas a finais do pasado ano en Talavera de la Reina (Toledo), organizadas por Servet Talavera, unha firma especializada no control integral de mastite e a calidade de leite e cuxo director técnico é Luís Miguel Jiménez.
"Temos que reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro fixándonos na sustentabilidade, o benestar animal e o uso de antibióticos"
Nun contexto no que a emisión de gases de efecto invernadoiro se incrementou nos últimos anos nun 18%, dos cales un 14% proceden do sector lácteo, Osteras sinala a necesidade de reducir estas emisións. O experto apunta que é preciso ter en conta que se rexistrou un incremento da produción láctea e se reduciron nun 11% as emisións xeradas por cada quilo de leite producido. "Temos que mellorar a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, pero para iso temos que fixarnos en aspectos como a sustentabilidade, o benestar animal e a redución de antibióticos", indica Olav Osteras.

Tratar a mastite

Un dos aspectos que incide directamente nunha produción sustentable é a utilización de antibióticos, cuxas consecuencias se reflicten tanto na contaminación que poden xerar estes tratamentos como nos gases de efecto invernadoiro derivados da súa utilización para o tratamento de enfermidades como a mastite. Nesta liña, en 2017 realizouse unha enquisa a 120 gandeiros de 27 países para coñecer o uso que se fai de antibióticos para o tratamento de mastite. Este traballo desvelou que existe unha gran diferenza entre os procedementos que se seguen para atallar esta enfermidade en distintos países.
Existe unha gran diferenza entre os procedementos que se seguen para atallar a mastite en distintos países
Boa parte dos gandeiros (85%) utilizaban terapia parenteral con antibióticos de amplo espectro para tratar as mamites fronte un 7% que o facía tras identificar o patóxeno ou o 6% que prefería outras solucións. "Estes datos fanme pensar que, a pesar de ser unha das enfermidades máis importantes da gandaría, aínda non coñecemos o tratamento óptimo e necesitamos investigar respecto diso", concreta Osteras. Existe unha gran diferenza de tratamentos para afrontar as mastites clínicas severas ou moderas entre países. Suecia é un dos lugares nos que se opta por tratamentos parenterais de 5 días. "É unha gran cantidade de antibióticos cos que forzas á vaca", valora o veterinario. Mentres, en Noruega realízase un tratamento parenteral de 1 día e 4 ou 5 días de intramamario. Outro exemplo é Dinamarca, onde a lexislación establece que é obrigatorio realizar o tratamento parenteral seguido de 1 día de intramamario. A enquisa tamén revelou que se realizan terapias parenterais (14% das granxas enquisadas) cando xa se está secando a vaca. A maioría das granxas utiliza terapias selectivas e un 50% identifica o patóxeno. Neste sentido, Osteras incide en que estes tratamentos de terapia de secado non chegan a transmitir mellores calidades ao costro xa que non chega ao final do período seco, a diferenza do que ocorre coas vacas tratadas cuxa leite se utiliza para alimentar tenreiras. "Hai estudos en Suecia que demostran que empregar este leite achega unha maior resistencia ás tenreiras en patóxenos como E. Coli", indica o veterinario.

Reducir o uso de antibióticos

A duración do tratamento é outro dos aspectos nos que máis disparidade mostrou a enquisa. Mentres un 33% dos gandeiros optaban por tratamentos de 1 día, un 19 % realiza terapias que se prolongan durante 5 días. As penicilinas son o tratamento máis empregado, xa que un 40% dos gandeiros úsaas para atallar a mastite na granxa. "Se queremos reducir o uso de antibióticos na granxa temos que fixarnos no número de días de tratamento e na terapia parenteral, pois hai unha gran diferenza e é preciso saber se son ou non necesarios", argumenta o veterinario.
"Se queremos reducir o uso de antibióticos na granxa temos que fixarnos no número de días de tratamento"
O experto apunta que á hora de tratar unha mastite clínica severa ou moderada pódese reducir a duración do tratamento segundo o patóxeno. Así, no caso de mamite por Streptococcus adoita bastar cun tratamento de 3 días. En Europa, o sector bovino utiliza un 30% dos tratamentos médicos consumidos no sector primario e deles entre o 60 e o 70% empréganse para tratamentos de mastite. Neste sentido, Osteras insiste nas consecuencias que pode ter o uso de antibióticos sobre a aparición de resistencia tanto en animais como humanos, así como os cambios que provoca na microbiota das vacas ou a diminución de produción. "En Noruega usabamos un 18% de antibióticos e reducímolo até un 3%", concreta o veterinario. Aínda que, Osteras puntualiza que cada país debe contar con plans axustados ás súas necesidades e os seus rabaños. "Non se pode aplicar o Plan que se utilizou en Noruega directamente en España, hai que adaptalo á súa realidade", sentenza.
"Temos que buscar métodos de produción eficientes sen que as vacas caian enfermas"
A redución de produción é outro dos efectos derivados da incidencia de mastite na granxa e iso deriva nunha produción menos sustentable. O tratamento da mastite deixa unha menor produción que o experto estima entre un 4% e un 18% de media. Así, nunhas 100.000 vacas a mastite pode derivar nunhas perdas de 9,7 millóns de litros de leite, o que equivale a unha produción de 1.077 vacas coas que se alimentaría a 85.000 persoas, segundo os consumos medios actuais. As estimacións do experto apuntan a que estas máis de 1.000 vacas producen uns 2,03 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro. "Temos que buscar métodos de produción eficientes sen que as vacas caian enfermas se queremos ser sustentables", concreta o veterinario.

O custo da substitución na gandaría

Outro dos aspectos nos que Osteras incide á hora de atallar tanto a mastite como os gastos derivados dela é o recría da gandaría, que adoita supor un dos custos importantes na granxa e implica unha maior produción de gases de efecto invernadoiro. O veterinario sinala a importancia de seleccionar os mellores animais á hora de asegurar a continuidade para conseguir así reducir a prevalencia da mastite.
A substitución adicional pola incidencia da mastite pode implicar unhas 2,03 toneladas de CO2
Nunha simulación realizada en granxas de Noruega apúntase que a taxa de novas enfermidades é de 11% e a recuperación espontánea sitúase nun 25%, pero se non se fai nada respecto diso a prevalencia da mastite aumenta nun 35%. É dicir, por cada 100.000 vacas deben eliminarse uns 7.500 animais se se quere manter controlada a prevalencia. Tal e como apunta Osteras, esta reposición adicional implica unhas 2,03 toneladas de CO2. "Se seleccionamos o 10% das mellores vacas das granxas, a taxa de incidencia baixa até o 7% e a de recuperación increméntase até un 35% e os recontos celulares tamén van diminuír sen ter que facer nada, só esperando que as vacas volvan estar sas", concreta. O veterinario insiste na importancia de que nas rutinas de prevención da granxa se teñan en conta a taxa de novas infeccións e se traballe para aumentar a taxa de curación espontánea. Osteras incide na importancia de contar cun sistema eficaz que reduza os gases de efecto invernadoiro que se producen na granxa derivados da mastite. "A prevención de mastite é esencial dentro dun sistema de produción de leite efectivo e sustentable", apunta.

Calidade do leite

Aínda que unha opción á hora de abordar a mastite na granxa pode ser manter as vacas aínda que teñan recontos celulares altos, Osteras avisa sobre as consecuencias que isto pode traer á gandaría. Un dos principais efectos é a redución do ciclo de vida do leite. Mentres un reconto celular baixo permite que o leite teña unha vida útil de 21 días, se estes recontos se increméntan a súa utilidade redúcese a 14 días, ademais de provocar que o leite se volva rancio e amargo, o que se traduce en perdas de alimento a nivel industrial. O veterinario apunta que unha das claves está nun bo manexo da granxa e na importancia dun diagnóstico acertado para poder eliminar a vaca que está a orixinar maiores problemas na gandaría. "Unha boa calidade do leite, cun baixo reconto de células somáticas, é crucial para obter produtos de calidade. A prevención permitirá reducir a perda de alimentos na cadea alimentaria", conclúe o experto.

Pautas para criar tenreiras perfectas que garantan mellores resultados na gandaría

Conseguir unha recría con calidade xenética, bo tamaño e saúde, unha adecuada condición corporal e un sistema inmunitario competente son claves para o futuro da gandaría. Se se consegue contar con animais destas características tamén se incrementa a rendibilidade tal e como explica a veterinaria e investigadora da Universidade de Minnesota (EE.UU.) Sandra Godden. A experta abordou esta cuestión durante as IX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, celebradas recentemente en Talavera de la Reina (Toledo) e organizadas por Servet Talavera, unha firma especializada no control integral de mastite e calidade de leite, e cuxo director técnico é Luís Miguel Jiménez. En Estados Unidos levan tempo traballando por mellorar a recría para comezar coas inseminacións das tenreiras entre os 13 e os 15 meses, o que motiva que o primeiro parto se produza entre os 22 e 24 meses. "Así conseguimos incrementar o período de vida útil e aumentar a rendibilidade, pero para iso necesitamos que as xovencas alcanzasen o 85% do peso de adultas e cheguen ao parto en moi boas condicións", especifica Godden.
En EE.UU. buscan que o primeiro parto se produza entre os 22 e 24 meses e aumentar a vida útil das vacas
O obxectivo para lograr animais destas condicións é dispor dun sistema eficiente e rendible. Aínda que pode haber distintas estratexias para logralo, Godden fíxase en actuacións concretas na etapa do predestete. A experta apunta a que hai 2 maneiras para conseguir resultados: levar ao máximo a inmunidade dos animais nos primeiros meses de vida e minimizar a exposición a enfermidades infecciosas. "Somos moi conscientes de que hai enfermidades endémicas que afectan ás gandarías pero se maximizamos a prevención deberiamos conseguir reducir a incidencia de enfermidades", apunta.

Incrementar a inmunidade e reducir as infeccións

Á hora de fixar estratexias para incrementar a inmunidade das tenreiras, Godden incide en 4 áreas craves para conseguilo e que teñen que ver tanto cos tenreiros acabado de nacer como coas súas nais ou o manexo que se fai dos animais. Un dos aspectos a ter en conta para favorecer o desenvolvemento dos tenreiros e reducir os riscos é o manexo da área de maternidade. Aínda que hai diferentes alternativas, as recomendacións son similares en ámbolos dous escenarios. Así, pode optarse por un parto nun curral en grupo, ao que levan as vacas desde 2 días a varias semanas antes do parto, ou por dispor un curral individual, onde a vaca permanece entre 2 e 3 horas.
Para conseguir unha boa recría, a mortalidade nos nacementos debe situarse por baixo do 6%
A clave é garantir as condicións ambientais hixiénicas do tenreiro acabado de nacer. A especialista insiste na importancia de proporcionar unha cama seca, limpa, cómoda e confortable e a maior tranquilidade no parto. "Hai que evitar molestar á vaca no parto, xa que pode interrompelo e converterse nun factor de risco para os tenreiros", detalla. Para conseguir unha boa recría na gandaría, Godden apuntan a que a mortalidade nos nacementos debe situarse por baixo do 6%. "Se a taxa é maior haberá que fixarse en aspectos como o manexo ou os sementais que se seleccionan para tentar corrixilo", concreta a veterinaria. Godden tamén insisten en que se debe contar con espazo suficiente para atender o parto e dispor dos coñecementos e persoal necesario para proporcionarlle axuda ao tenreiro tanto no parto como nos momentos posteriores. "A formación é moi importante para poder reducir a taxa de baixas durante o parto", indica.
Botellas de 2 litros con tetina, máis fáciles de lavar

Como conseguir un calostro de calidade?

A atención nas primeiras horas do tenreiro é fundamental para o seu desenvolvemento non só inmediato senón a longo prazo. Desde un punto de vista veterinario, Godden recomenda sacar ao tenreiro desta paridera transcorridos 30 minutos, para reducir o risco de contraer infeccións. Nesta primeira fase de coidados do tenreiro é primordial un bo encalostrado, xa que o leite materno proporciónalle os anticorpos da nai, posto que nestas primeiras semanas o seu sistema inmunolóxico aínda non está desenvolvido e o risco de contraer enfermidades como diarreas ou pneumonías é moi elevado.
"Cun bo encalostrado hai beneficios a longo prazo ademais de reducir o risco de enfermidade e a mortalidade"
O achegue nutricional do calostro axuda ao crecemento da tenreira, xa que a súa concentración de sólidos chega a ser o dobre do leite normal. "Cun bo encalostrado non só se reduce o risco de enfermidade e a mortalidade senón que tamén hai beneficios a longo prazo xa que a tenreira ten máis facilidade para gañar peso e iso permite inseminala antes, o que se traduce nunha vantaxe económica para os produtores. Tamén está comprobado que as tenreiras ben encalostradas terán unha mellor produción de leite de adultas", especifica a veterinaria. A cantidade de IgG do calostro contribúe a incrementar a taxa de supervivencia dos animais nos primeiros días. A primeira toma de calostro debe realizarse antes das 2 horas de vida da tenreira, ben de forma directa ou por medio dunha sonda. "Hai que asegurarse que o animal a inxira dunha ou outra forma", concreta a veterinaria. Nesta primeira toma debe achegarse uns 300 gramos de inmunoglobulina G (IGg), valor que determina a calidade do calostro. "Para realizar este achegue necesitamos calostro de alta calidade e administrar ao redor dun 10% do peso do tenreiro, ao redor de 3 ou 4 litros para unha tenreira Holstein", detalla.
A primeira toma de calostro debe realizarse antes das 2 horas de vida da tenreira, ben de forma directa ou por medio dunha sonda
É fundamental proporcionar un calostro de calidade, aquel que polo menos dispón dun mínimo de 50 gramos por litro de IGg, segundo indica a experta. Para conseguir incrementar a calidade do calostro, a experta apunta a varias técnicas de manexo que os gandeiros poden valorar: -Unha delas é a utilización de vacinas para a nai durante o período seco que axudan a que a vaca produza máis anticorpos contra patóxenos específicos que afectan ós tenreiros, como E. Coli. -A dieta das vacas secas é outro dos condicionantes para lograr un calostro de calidade. "Se se reduce o aporte de enerxía teremos un impacto sobre o calostro", concreta. -As condicións nas que se atopan as vacas secas inflúe na produción de calostro polo que a experta recomenda evitar que as vacas estean en zonas de moita calor, amoreadas ou sen sistemas de ventilación axeitados. -Os períodos de secado da vaca moi curtos é outro condicionante tanto para a cantidade como para a calidade do calostro. "É necesario contar con períodos secos de polo menos entre 55 e 65 días, xa que hai vacas que tardan en recuperarse antes do parto e iso tamén inflúe", detalla. Ademais de conseguir un calostro de calidade, Godden recomenda evitar utilizar distintos calostros para alimentar a varios tenreiros xa que de detectarse algunha patoloxía terminarán afectados máis tenreiros. A conservación do calostro pode converterse nun factor de risco xa que se se alongan os prazos de conservación mediante refrixeración en condicións pouco hixiénicas, resulta un foco de infeccións bacterianas. Unha das opcións para a conservación do calostro que se está a usar en Estados Unidos é o tratamento térmico do leite. Trátase dun proceso similar ao de pasteurización pero que se fai a unha temperatura inferior. O calostro debe quentarse a uns 60 graos durante 60 minutos para conseguir manter os nutrientes. "Comprobamos que se aumentamos a temperatura redúcese o aporte que proporciona o calostro", explica.

A alimentación dos tenreiros

"Do mesmo xeito que co calostro, a alimentación nos primeiros días será fundamental para o desenvolvemento da tenreira a longo prazo", reafirma Godden. A veterinaria indica que o obxectivo é conseguir dobrar o peso ao nacemento en 56 días, o que se traduce nun incremento de 0,7 ou 0,8 quilos ao día e tralo destete deberá ser de 1 quilo ao día. A experta ten claro que durante o período de predestete, de 7 ou 8 semanas, hai que centrarse no desenvolvemento do rumen para conseguir unhas tenreiras con bos resultados de adultas. Para iso é determinante o desenvolvemento das papilas ruminais, presentes no interior do rumen e encargadas da absorción de nutrientes. Un estudo con tenreiras de 6 semanas alimentadas con tres dietas diferentes (só leite, leite e gran; e leite e herba seca) comprobou que a combinación de leite e gran favorece o desenvolvemento do rumen.
Unha dieta de leite e gran nas primeiras semanas axuda ao desenvolvemento do rumen das tenreiras
Godden apunta que ademais de dispor de acceso ao gran, as tenreiras tamén deben ter libre disposición de auga. "Distintos estudos demostran que se as tenreiras teñen a auga que queren tenden a tomar máis gran, o que favorece o desenvolvemento do rumen", sintetiza. Aínda que a veterinaria insiste en proporcionar unha dieta con gran a partir dos 3 días de vida tamén lembra que hai que seguir proporcionando leite ao tenreiro que axuda a fortalecer ao animal. Por último, para conseguir unha boa crianza de tenreiras, a veterinaria apunta que o sistema de aloxamento dos animais inflúe nos resultados. Aínda que recoñece que non existe un 'sistema perfecto' que cumpra todos os requisitos necesarios para evitar riscos de enfermidade, a experta recomenda o aloxamento en parella baseándose en diferentes estudos que demostran que con esta crianza as tenreiras comen máis gran.

Claves para atallar as diarreas nos primeiros días de vida dos tenreiros

As diarreas nos primeiros días de vida dos tenreiros, cando aínda teñen o seu sistema inmunolóxico por terminar de desenvolver, é un problema común, en maior ou menor medida, en tódalas gandarías. "É un tema ao que se lle dá pouca importancia e que se adoita tratar máis que previr", recoñece o veterinario José Luís Vázquez (Virbac), quen abordou esta cuestión durante os Encontros Gandeiros da ADS Xundeva, celebrados recentemente en Lalín.
A penas un 30% das granxas vacinan as vacas para ofrecer maior protección aos tenreiros na primeira fase de vida
A pesar de ser un tema recorrente nas gandarías, tal e como explicaba Vázquez, a penas un 30% das granxas optan pola vacinación das vacas para ofrecer unha maior protección aos tenreiros durante esta primeira fase de vida. "Cada día as gandarías teñen que ser máis eficientes, pero ás veces desaténdese o máis básico", comenta Vázquez. Nunha estimación básica, realizada polo veterinario co sistema de cálculo que ofrece o Laboratorio Virbac, as diarreas neonatais poden supor uns 3.000 euros nunha gandaría de 100 vacas. A cifra pode incrementarse se na granxa utilizan seme sexado. Estes gastos derívanse tanto da mortalidade da recría, que adoita supor ao redor dun 15%; como por outros factores, coma o retraso do crecemento das becerras. Ás baixas de animais, súmanse os gastos derivados dos tratamentos veterinarios, así como o traballo extra que implica na granxa o coidado dos animais enfermos ou as perdas de rendibilidade, xa que os animais con menor peso tamén terán un rendemento reprodutivo e produtivo menor.

Por que afectan as diarreas nos primeiros días?

A aparición de diarreas que afecten á recría máis nova da gandaría pode deberse a diferentes factores. "Un 65% das infeccións que provocan diarreas nos tenreiros débense a causas mixtas", concreta o veterinario. Os virus, como o rotavirus ou o coronarivus, son algúns dos causantes das diarreas. "É fundamental coñecer a orixe das diarreas para o seu tratamento, xa que no caso de ser provocadas por virus non poderán empregarse antibióticos", explica Vázquez.
Nos primeiros días de vida o tenreiro carece dun sistema inmunolóxico desenvolvido que o protexa fronte a patóxenos
Outra das causas que provocan diarreas nos tenreiros neonatos son bacterias como a E. coli, moi presente en zonas das gandarías con restos orgánicos e fecais. "Nos nosos cortellos temos moitos focos onde poden desenvolverse bacterias de E. coli. Non podemos chegar a ter todas as zonas limpas para evitar ese contaxio", recoñece o experto. Tamén os protozoos e parásitos como o Cryptosporidium spp e Eimeria motivan síntomas coma a diarrea nestes tenreiros tan novos. Estes patóxenos son unha das principais causas que provoca diarreas nas gandarías galegas. Tanto é así, que o Cryptosporidium está presente no 60% das granxas de Galicia. Incidencia dos diferentes patóxenos en granxas galegas. Máis aló destes factores de risco que motivan as afeccións nos animais, o maior detonante para que se produzan diarreas nos tenreiros recentemente nados é que até os 21 días de vida o animal non ten o sistema inmunolóxico desenvolvido para facerlle fronte. "Se estes 4 patóxenos se desen a partir dos 21 días, os tenreiros terían moitos menos riscos, por iso é fundamental protexelos durante estes primeiros días", explica o veterinario. Patóxenos que provocan diarreas nos primeiros días de vida dos xatos. Ademais das diarreas, estes patóxenos poden chegar a causar reaccións subclínicas, de maneira que inicialmente pasan desapercibidas para o gandeiro, pero traen consecuencias no desenvolvemento normal dos animais e a medio e longo prazo poden reducir a produtividade esperada.

Non todo a unha carta

Se a causa das diarreas na gandaría atende a distintos motivos, tamén no seu tratamento e prevención hai que ter en conta diversos factores. O manexo dos tenreiros e as prácticas hixiénicas poden ser unha das accións sobre as que incidir, así como as melloras no benestar do animal desde os primeiros momentos de vida ou a vacinación das nais, de maneira que lle ofreza unha maior protección ao tenreiro mentres o seu sistema inmune non está completamente desenvolvido.
"Aínda facendo un manexo axeitado dos animais, se non se vacinan as nais non poderemos evitar perdas na gandaría"
"Aínda facendo un manexo adecuado dos animais, se non se vacinan as nais non poderemos evitar perdas na gandaría", sentenza Vázquez. Neste sentido, o veterinario destaca a importancia de vacinar ás nais e desmonta hábitos e crenzas populares á hora de vacinar. "Mentres estás a vacinar poderán estar cubertos os tenreiros, pero en canto deixes de facelo, volverán aparecer os problemas. Non se pode tratar a vacina como un remedio senón como un método de prevención", aclara. De igual maneira, Vázquez desaconsella o vacinado dos tenreiros como método para evitar as diarreas. Ademais, o veterinario incide en que a resposta para atallar esta problemática na granxa non só se soluciona coas vacinas. "Hai factores detrás da vacina que condicionarán a súa eficacia", indica o veterinario.

O calostro, o mellor medicamento

Un dos principais factores que condicionará tanto a eficacia da vacina como o desenvolvemento do tenreiro é o encalostrado. "Non só hai que vacinar, hai que conseguir incrementar a capacidade inmunitaria do tenreiro", indica o veterinario. Vázquez apunta a que o primeiro leite que toma o animal determinará o seu futuro.
"Non só hai que vacinar, hai que conseguir incrementar a capacidade inmunitaria do tenreiro"
O calostro ofrécelle ao tenreiro unha cobertura inmunolóxica neses 10 primeiros días de vida para que non se vexa afectado por patóxenos que provoquen diarreas. O veterinario incide na importancia de ofrecer un calostro de calidade, na cantidade adecuada e no momento preciso. Ter en conta este tres aspectos permite prolongar a protección durante maior tempo e rebaixar o risco de contaxio de infeccións. Evolución dos tenreiros en función do calostro que reciben. O tenreiro deberá de tomar un mínimo de 3 litros de calostro en dúas tomas. "É fundamental que o animal acabado de nacer tome este leite, tanto é así que se non mama será preciso sondalo, pola contra haberá perdas", confirma. Tamén é imprescindible que o tenreiro tome o calostro nas 6 horas seguintes ao parto. "O calostro que demos pasado ese tempo absórbese peor", explica o veterinario. Para conseguir un calostro de calidade, o veterinario apunta varios aspectos que o condicionarán: -A calidade do calostro vén dada pola concentración total de inmuglobulinas (igg) e o específicas que estas sexan. Un dos métodos para conseguir que estas igg sexan variadas e achegar resistencia fronte a patóxenos como rotavirus, coronavirus e E. coli. é mediante a vacinación anual da nai, durante o período de secado. -A idade da nai. As xovencas adoitan producir un calostro de peor calidade que as vacas que xa tiveron varios partos. -A xenética. As razas cunha maior produción teñen tamén unha menor cantidade de inmuglobulinas. Desta maneira, razas como a Holstein teñen un calostro de peor calidade que as Jerseys, coñecidas pola calidade do seu leite. -O estado sanitario da vaca. Unha vaca desparasitada e saneada produce un calostro de mellor calidade. -A conservación. Aínda que o ideal sería proporcionar ao tenreiro o calostro en fresco, é habitual que as gandarías decidan conservar algunhas reservas de calostro. Para a conservación do calostro pódese optar pola súa refrixeración, evitando telo máis dunha semana. Tamén se pode conxelar, aínda que perde algo de calidade no proceso. Hai quen decide pasteurizalo, para o que o ideal sería que se fixese por debaixo dos 50 graos, para evitar que se destrúan as inmuglobulinas. Tamén se pode optar por aditivos e conservantes que axudan á súa conservación.

Matilda: Un novo avance no encalostrado dos becerros

O encalostrado é un paso clave na recría: é o primeiro aporte nutritivo e de defensas naturais que recibe o becerro da nai. De que o costro se administre no momento e na cantidade e temperatura adecuada e, sobre todo, que estea libre de patóxenos, dependerá a saúde da becerra e mesmo da futura xovenca, tal e como conclúen os últimos estudos científicos.

Neste sentido, a multinacional estadounidense DairyTech, cunha longa e acreditada traxectoria no sector, acaba de sacar este ano ao mercado a Matilda, unha máquina que non só pasteuriza o costro, senón que co seu avanzado sistema de bolsas Perfect Udder® permite que dunha forma rápida e sinxela o costro estea dispoñible en todo momento e en óptimas condicións. O seu distribuidor oficial en España é a empresa Develatt.

Estas son as grandes vantaxes de Matilda:

É pequena: Mide 79 cm x 56 cm x 64 cm

Fácil manexo: O seu control de pantalla táctil, fácil de usar, fai que o funcionamento sexa sinxelo. Seleccione o seu programa (pasteurizar costro recén muxido e baixalo a 38 graos para darllo ao tenreiro, desconxelar costro e quentalo a 38 graos; pasteurizar costro e baixalo a 18 graos para gardalo…etc) e Matilda ocúpase do resto, e pode facelo en múltiples idiomas.

Pódese controlar desde o teléfono móbil: A conectividade Bluetooth permítelle programar desde o seu teléfono e devólvelle a información do sistema da mesma maneira.

Mantemento sinxelo: a tecnoloxía de autodiagnóstico de Matilda supervisa o seu motor, resistencias de quecemento e outros compoñentes comúns para a notificación de reparacións ou erros do sistema dispoñibles con monitoreo remoto de Dairy Tech

Envío fácil e rápido: Matilda envíase por paquetería en 24 h directamente á porta da súa gandaría. Conéctea á auga e á corrente e ela estará lista para traballar para vostede e para os seus tenreiros.

Pequena pero de alto rendemento: Matilda pode procesar até 8 litros de costro á vez en bolsas especiais para o manexo de costro Perfect Udder®, tamén fabricadas por DairyTech.

Un costro libre de patóxenos: Ademais, Matilda realiza unha pasteurización lenta do costro, a unha temperatura de 60 graos durante 1 hora, o que permite que preserve as inmunoglobulinas e demais compoñentes beneficiosos do costro.

Pola contra, Matilda elimina todos os patóxenos principais (Salmonella, Johne´s, E Coli, S. Aureus, Mycoplasma, etc) que se poden transmitir da nai ao xato a través do calostro.

Fabricada por unha empresa referente en Estados Unidos: Desde 1999, os pasteurizadores Dairy Tech, Inc. utilizáronse en case todos os estudos universitarios e ensaios de campo nos Estados Unidos relacionados co leite de descarte e o costro materno.

Bolsas que evitan contaminación do costro e facilitan a súa administración: As bolsas para manexo de costro Perfect Udder® son a solución para o manexo do costro, desde a recolección até a alimentación, sen o temor dunha
nova contaminación.

Están dispoñibles en tres volumes, con doses específicas para cada tipo de tenreira:

– 4 litros para tenreiros de 40kg
– 3 litros para becerros de 30kg
– 2 litros para a segunda toma de costro.

Os puntos claves para un bo encalostrado dos xatos:

Como pedir unha Matilda?

Na páxina web de Animal Vit

Chamando ao teléfono 633 155 126 ou enviando un email a   info@animalvit.com