Archives

Verica S.C.: Confort animal e benestar laboral

Os tres socios de VERICA SC: Verónica, Carolina e Enrique Verica S.C., situada no concello de A Pastoriza, é unha granxa de vacún de leite que centra a produción do rabaño de máis de 280 vacas holstein en conseguir altas porcentaxes de graxa e proteína. Do mesmo xeito, a calidade de vida é fundamental para os 3 socios desta gandería, que reparte as tarefas diarias en dúas quendas de traballo.  Esta sociedade situada no lugar de Os Poles, na parroquia de Aguarda, é unha das moitas explotacións que sitúan a Pastoriza como o segundo concello en canto a vacún e produción de leite en Galicia. E é que a gandería é a principal actividade económica deste municipio, como en boa parte da comunidade.

Buscando maior calidade de vida o traballo organízase en dúas quendas 

No mes de xullo 2015 chegaron as primeiras vacas ás novas instalacións, logo da unión das dúas explotacións que Verónica e Enrique levaban de xeito independente. No momento de constitución da sociedade sumaron un terceiro membro, Carolina, dando lugar a Verica S.C. O cadro de persoal actualmente está formado por estes 3 integrantes máis 2 empregados, repartindo as tarefas en dúas quendas de traballo, desde as 6:30 e ata as 21:30 que remata o segundo grupo.  A pesar da xuventude desta sociedade, debido ao progresivo aumento de animais, xa foi necesaria unha ampliación das instalacións, con 28 cubículos a maiores e alugando unha granxa próxima para albergar parte da recría. “Comezamos coas vacas que tiñamos máis unhas 45 que fomos comprando e a dia de hoxe estamos en 280 animais en total, unhas 152 en muxidura e 20 secas”, explica Enrique sobre a evolución da sociedade.  A cabana gandeira está dividida en varias naves. En primeiro lugar, as vacas en produción están nas instalacións novas que á súa vez se dividen en dous lotes, separando ás vacas de primeira lactación nunha á da nave e o restante na outra. Esta construción tamén alberga á recría ata o momento do destete, cunha zona de boxes individuais e dúas zonas colectivas nas que permanecen ata cumprir 2 meses de idade, momento no que acadan un peso en torno aos 90 quilos. Nesta construción hai unha zona para partos. Unha vez as tenreiras son destetadas pasan por dúas naves en alugueiro ata o momento do parto no que regresan á nave principal, chegando cunha media de 22 meses de idade.  Para a alimentación é preciso realizar diariamente 5 carros, dos que se encarga unha empresa externa. Dous para a recría, un para as secas e outros dous para as vacas en lactación. Esta última mestura está formada por 30 quilos de silo de millo, 14 de silo de herba, 2 de alfalfa e 12 de concentrado. Ao longo do día achégase varias veces a ración cun arrimador autopropulsado para que sempre haxa a disposición alimento fresco.

“Interésannos as calidades, temos unha produción con 4.27% de graxa e 3.67% de proteína” 

Froito desta alimentación e dunha coidada selección xenética, a produción diaria por animal sitúase en 36 litros cunhas calidades de 4.27% graxa e 3.67% de proteína, realizando a muxidura dúas veces ao día. “Vendemos o leite a unha queixería que demanda sólidos polo que é nesa liña na que centramos a nosa produción e non nos preocupamos unicamente por ter litros. Xenéticamente sempre seleccionamos seme positivo en calidades pero sen descoidar volume, ubre, patas ou lonxevidade”, explica Enrique acerca do seu rabaño.  A necesidade de redución de antibióticos fai que as explotacións estean a traballar en prevención. Neste sentido, en Verica S.C. explican que “temos un protocolo de vacinación tanto das xatas ao nacer como das vacas en lactación para reducir problemas e, deste xeito, o uso de antibióticos. Para o secado, na maioría de casos empregamos un tapón e puntualmente facemos tratamento naquelas vacas con maior reconto celular”. 

A pasada campaña de millo foi de récord con preto de 70 mil quilos de media 

A parte agrícola da explotación xira en torno a dous cultivos principais, raygrass en inverno e millo no verán. “Traballamos unhas 70 hectáreas nas que facemos rotación de millo con herba. Progresivamente, co aumento de gando fomos aumentando as terras a millo e a día de hoxe estamos nunhas 50 hectáreas. Este é o cultivo principal e sacamos bos rendementos en canto a produción e calidades. A campaña 2023 foi moi boa, sacamos preto de 70 mil quilos de media por hectárea e vainos sobrar pero preferimos ir con algo de marxe. A superficie restante permanece a prado e cada ano quedan en descanso diferentes fincas. Facemos un único corte de herba a finais de abril para sementar canto antes porque, aínda que nesta zona temos dias de néboa e nubes no verán, deste xeito o cultivo sufre menos a seca”, explica Enrique.  Para o traballo agrícola, ao igual que para a elaboración da mestura diaria, en Verica S.C. contratan gran parte dos traballos agrícolas para axilizar en momentos clave do ano. Enrique encárgase de “sementar a herba, xuntar ou gadañar boa parte das fincas, pero despois o groso do traballo das terras contratámolo a empresas de servizos agrícolas. Teriamos que facer un forte investimento en maquinaria para encargarnos nós de todo o traballo das terras ademais do tempo que require”, recoñece.  O futuro desta sociedade pasa por “adaptarse aos tempos pero valoramos moito ter calidade de vida. Non consideramos aumentar en gran medida ou facer cambios estruturais sempre e cando non sexan necesarios para a viabilidade da empresa. Dende fai un ano organizámonos en dúas quendas de traballo, rotando de xeito semanal.” explica Enrique coa mirada posta no futuro. Esta organización permite que calquera problema se identifique inmediatamente ao haber alguén na explotación durante máis horas ao día. Dende as 6.30 que entra o primeiro quenda ata as 21.30 hai alguén traballando en Verica S.C.  Nave coa recría

Listado das ganderías galegas galardoadas nos premios Exceleite 2023.

Santiago de Compostela acolleu hoxe a entrega dos VII Premios Exceleite. A finalidade destes galardóns é recoñecer o proceso produtivo das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia. Trátase de poñer en valor aos gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, por tanto, coa calidade do leite que producen, sinala a Xunta. A estos premios optaron todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal). En total foron 20 premios divididos nas categorías extensiva, semiextensiva, intensiva e ecolóxica. Cabe puntualizar que os galardoados pasaron por controis feitos por profesionais do Ligal, veterinarios e técnicos da Consellería. O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou o papel dos gandeiros galegos á hora de "consolidar Galicia como unha potencia leiteira" que aposta pola excelencia da produción sustentable. Tamén incidiu en que é a comunidade na que máis creceu a produción de leite no últimos catro anos, xa que concentra arredor do 41% da produción de España. Finalmente, animou a seguir apostando pola modernización e a sustentabilidade das explotacións para garantir o mantemento da "excelencia que caracteriza ó leite galego".

Premios Exceleite 2023

Gandería extensiva: Pequeno tamaño:
  • Exceleite de ouro: Rubén Domínguez Estraviz, Aranga.
  • Exceleite de prata: Granjas Costeiro S.L., Paradela
Mediano tamaño:
  • Exceleite de ouro: Tallón Lobato, S.C., Vedra.
  • Exceleite de prata: Beatriz López Fernández, Cospeito.
Gran tamaño:
  • Exceleite de ouro: Gandaría Sinesi, S.C., Vedra.
  • Exceleite de prata: Casa Menor 1614, S.L., Samos.
Gandería semiextensiva: Pequeno tamaño:
    • Exceleite de ouro: Ganadería Leumas, S.C., A Pastoriza.
    • Exceleite de prata: Gandaría Guerra-Gavieiro, S.C., Toques.
    Mediano tamaño:
    • Exceleite de ouro: María Rosa Bardanca Fraga, Val do Dubra.
    • Exceleite de prata: Casa e Rita, S.C., Vilalba.
    Gran tamaño:
    • Exceleite de ouro: Gandaría Casa Landeira de Oa, S.C., Trazo.
    • Exceleite de prata: Gandaría Celoiras, S.L., Samos.
    Gandería intensiva Pequeno tamaño:
    • Exceleite de ouro: Concepción García Pereira, Frades.
    • Exceleite de prata: Marina Amado Aguiar, Vilalba.
    Mediano tamaño:
      Exceleite de ouro: María del Carmen Barrán Santiso, O Pino.
    • Exceleite de prata: Gandaría Revolta, S.C., Aranga.
    Gran tamaño:
    • Exceleite de ouro: Casa Martiño, S.C., Sarria.
    • Exceleite de prata: Antonio Sufuentes Castro, Guntín.
    Gandería ecolóxica
    • Exceleite de ouro: Casa Codesal, S.L., Friol.
    • Exceleite de prata: Granxa Ecolóxica Figueroa, S.C., Arzúa.

“A maioría das granxas xa non volverían ó secado tradicional, aínda que se puidera”

Juan Pérez Rouco é un dos veterinarios de calidade do leite da Cooperativa Aira. Leva máis de 20 anos traballando no control do leite das ganderías socias e na actualidade supervisa e asesora a granxas da zona de Taboada, parte de Chantada e Monterroso, Antas de Ulla e algunhas granxas de Rodeiro. Con el abordamos algunhas das cuestións de interese sobre a calidade do leite e aspectos a ter en conta nas granxas coma a redución de usos de antibióticos e as rutinas do muxido. -Que te levou como veterinario a especializarte en calidade do leite? -Aínda que ó principio quería traballar en clínica, comecei en calidade do leite, gustoume este traballo e xa decidín non cambiar. Xa levo máis de 20 anos traballando sobre isto. -En que consiste o teu traballo dentro da cooperativa AIRA e como está organizado o servizo de calidade do leite dentro da mesma? -Dentro do servizo de calidade do leite en AIRA centrámonos, sobre todo, no control da mamite, pero tamén prestamos moita atención ó risco de inhibidores e á bacterioloxía. -Como puntuarías de 1 a 10 a calidade hixiénico sanitaria do leite das explotacións gandeiras nas que traballas e por que motivo? -É certo que hai variacións entre as granxas, pero a nivel global as ganderías melloraron moito e agora mesmo se tivera que dar unha nota media sería un 8 ou máis alta. As granxas traballaron duro por mellorar nos últimos 10 ou 12 anos.
“O 90% das granxas de AIRA cumpre cuns estándares que se sitúan moi por encima dos esixidos para ter un leite de gran calidade”
-Cales son as calidades medidas do leite das explotacións que controlas en canto a bacterioloxía e sólidos lácteos? -É tamén complicado dar unha media xeral, xa que as granxas máis grandes, novas e profesionalizadas están por debaixo de 10.000 xermes e cun reconto de células somáticas tamén menor a 150.000. En granxas pequenas é máis difícil acadar esas cifras, aínda que estean a facer un moi bo manexo e estean a ofrecer un leite de calidade. A bacterioloxía está hoxe moi controlada. O 90% das granxas de AIRA cumpre cuns estándares que se sitúan moi por riba dos esixidos para ter un leite de calidade. -Cales son os aspectos clave que inflúen na calidade hixiénico sanitaria do leite e en cales ves máis marxe de mellora? -Os aspectos fundamentais é a ausencia de inhibidores, o punto crioscópico, a bacteroloxía (que está moi relacionada coa limpeza e funcionamento da maquinaria de muxido e refrixeración), así como as células somáticas. En xeral, non hai moita marxe de mellora, porque xa se está traballando por encima do esixido. Puntualmente cando se producen subidas das células centrámonos en baixar eses valores, pero o resto xa en cada gandería está a traballarse axustado ós estándares e dentro das posibilidades de cada gandería. -No caso do muxido, que pautas imprescindibles se deberían seguir? -É fundamental a rutina de limpeza para estimular ben a vaca e axustarse ós tempos que marcan estes procedementos. Comézase polo despunte dos tetos, seguido do pre dipping e a continuación o secado do teto, previo á colocación da máquina de muxido. Cada granxa debe establecer unha rutina de muxido na que se axusten o mellor posible as características desa gandería (tamaño da sala de muxido, número de persoas para o muxido...) cos tempos e procedementos para poder facer un bo manexo. Tamén é importante un bo funcionamento da máquina de muxido e ter identificadas as vacas con mamite para poder muxilas ó final. -Por que a presenza de patóxenos nos silos, sobre todo os de herba, repercuten tamén negativamente na calidade do leite? -Os silos mal conservados, con presenza de micotoxinas, silos que quecen acaban provocando non só problemas na calidade do leite, senón que deixan mamites, problemas en reprodución, na lonxevidade do animal, problemas de patas... Se as forraxes teñen pouca calidade inflúen en tódolos aspectos da granxa. Cada vez hai menos, pero segue habendo silos que saen mal e neses casos sae máis barato tirar esa forraxe, polos problemas que provoca na granxa. -O muxido robotizado incide nunha mellora da calidade do leite? Por que? -Normalmente si. Non se debe a que o robot de muxido mellore a calidade do leite senón porque eses gandeiros teñen máis tempo dispoñible para o control do gando e estar na granxa atendendo dos animais. Tamén é verdade que hai gandeiros que teñen o robot porque non queren ou non poden pasar tanto tempo na granxa, neses casos non se aprecia esa mellora ou mesmo pode ir a peor. -O punto crioscópico é a veces motivo de disputa entre gandeiros e control leiteiro. ¿Que factores inflúen no mesmo? -Hoxe ninguén lle bota auga ó leite, xa que as calidades son un dos parámetros para pagar o leite, polo que o tema do punto crioscópico adoita deberse a problemas de arrastre no lavado. Nalgunhas granxas débese ó tanque de frío que é demasiado potente e non está ben dimensionado para as características da granxa, polo que pode chegar a conxelar o leite do primeiro muxido, mentres está baleiro e despois queda esa auga no leite. A solución nestes casos pasa por prender o tanque unha vez que se estea xa muxindo, para evitar que se conxele. -Como valoras a implantación nas granxas da nova normativa sobre o uso restrinxido de antibióticos? -Nas granxas de Aira estase facendo xa dende antes de que entrara en vigor a nova normativa. Levamos anos sabendo que isto ía pasar e dende xa hai máis dun ano, os veterinarios clínicos e de calidade do leite reducimos ó mínimo o uso do secado, pese a que os parámetros da normativa aínda non se coñecían. -E en concreto, no secado selectivo, está sendo complicado a súa extensión? -O cambio está a resultar moi ben, pese a que tamén levou a noites sen durmir tanto ós veterinarios como para os gandeiros, pola preocupación das consecuencias do cambio. Agora a maioría dos gandeiros xa non volvería ó secado, aínda que se puidera. O novo sistema élles agora unha tranquilidade, porque xa saben que non van ter inhibidores no leite e iso é significativo sobre todo cando tes rabaños grandes. -Que foi o que máis custou para dar o paso ó secado selectivo? -En Aira fixemos moito traballo cos gandeiros para ensinarlles a rutina, acompañándoos para que soubesen como se deben colocar os seladores internos, que é totalmente diferente á colocación dunha cánula de mamites, aínda que é o mesmo aparato, pero ten diferentes obxectivos. A maioría das granxas están facendo un secado selectivo. En Aira non diferenciamos entre granxas de alto ou baixo risco, senón que diferenciamos entre vacas sas ou enfermas á hora de aplicar o secado selectivo, xa que en tódalas granxas hai vacas sas coas que se poden facer estas técnicas sen necesidade de tratar de xeito sistemático. Así conseguimos que tódalas granxas reducisen, na medida das súas posibilidades, o uso de antibióticos.
“É vital realizar un test de California no momento do secado, para comprobar os valores dese animal no momento de iniciar o tratamento”
-Que pautas seguides na cooperativa Aira? -O procedemento que estamos a seguir é aplicar selado nesa lactación ás vacas que teñen mamite ou que teñen recontos altos no control leiteiro. Para min é vital realizar un test de California no momento do secado, para mirar a vaca cando realmente a vou secar para comprobar que os datos do control leiteiro nese momento seguen a ser como para tratar o animal. -Desafortunadamente, de vez en cando circulan "fake news" sobre a presenza de antibióticos no leite de consumo. Por que é moi difícil ou practicamente imposible que iso ocorra en España? -O uso dos antibióticos nas ganderías de vacún de leite é moi reducido. Das 90 granxas coas que eu traballo podo facer de media ó ano un total de 6 informes sobre inhibidores, o que dá xa boa conta do uso mínimo que se fai destes medicamentos. O problema de residuos de antibióticos no leite hoxe en día nas granxas galegas é practicamente cero e o risco de que chegue ó consumidor é cero. -O control da calidade do leite depende da administración, do LIGAL, nutrólogos, persoal dos Africores, e gandeiros e veterinarios. En que aspectos cres que se podería mellorar nesta tarefa tan importante e na que participan tantos axentes? -Xa se está traballando a un nivel moi alto. Estar por debaixo de 100.000 células e de 10.000 xermes son valores que están rexistrando moitas granxas e que xa son indicadores de calidade moi alta.

“O leite galego é o produto de gran consumo máis controlado e analizado do mercado”

Roberto Lorenzana, nas instalacións do Ligal en Mabegondo O Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) é unha Asociación sen ánimo de lucro, creada en xuño de 1989, na que teñen presenza paritaria os representantes do sector industrial e produtor do leite de Galicia. A actividade principal do laboratorio son as análises das mostras de leite cru para a determinación da súa composición e calidade hixiénico-sanitaria, sendo unha ferramenta fundamental tanto para o pago por calidade como para o Control Leiteiro. O carácter multiservizo do laboratorio busca dar resposta ás necesidades do sector lácteo no seu conxunto, implementando desde a súa creación servizos adicionais como analítica de forraxes, calidade da auga ou identificación de patóxenos causantes da mamite.
O LIGAL analiza unha media de 10.000 mostras diarias
O número de mostras anuais realizadas cos equipos de alto rendemento do laboratorio ascende a 3,1 millóns, cun promedio por día de traballo no entorno das 10.000 mostras procesadas. Coñecemos máis en detalle o seu traballo. – Cal é a función que xoga o LIGAL no sector lácteo galego? – A función principal pola que se crea o LIGAL era dar unha resposta independente e transparente ás distintas partes, tanto aos produtores como ás industrias, pero co paso dos anos convertémonos nun laboratorio multiservizo e tentamos dar unha resposta o máis integral posible ao conxunto do sector lácteo galego. A nosa actividade principal seguen sendo as analíticas do leite producido nas explotacións lácteas para o establecemento do pago por calidade diferencial. Un día de traballo normal no LIGAL analizamos no entorno das 10.000 mostras, sobre as que se obteñen case 80.000 resultados paramétricos que emitimos aos nosos clientes, principalmente gandeiros e operadores lácteos. As nosas analíticas pódense dividir en dous grandes bloques: un sería a composición físico-química do leite (contido graxo, proteico, etc) e o outro o paquete de calidade hixiénico-sanitaria e de control de residuos no leite. – Das análises do LIGAL depende en boa medida o prezo final do leite que cobran as explotacións. Poden estar tranquilos os gandeiros galegos da imparcialidade e fiabilidade dos resultados? – Absolutamente. A imparcialidade está fóra de toda dúbida. O LIGAL créase no ano 1989 para dar unha resposta á problemática das mostras do leite, que até ese momento estaban só nas mans da industria, é dicir, para que a análise fose fiable, independente e trazable. Ademais, supuxo a incorporación do resto de parámetros do pago por calidade até ese momento non incluídos no sistema.   O poder nos órganos de dirección desde a creación do LIGAL está repartido ao 50%. En consecuencia, para que algo sexa aprobado no seo da Xunta Directiva ou da Asemblea ten que ser apoiado polo 75% dos votos, o que leva a que ten que haber consenso entre ambas partes, unha parte non ten capacidade para impoñer ningunha decisión á outra.
Os gandeiros poden estar absolutamente tranquilos coa imparcialidade e a fiabilidade dos resultados
En relación á fiabilidade, boa parte dos nosos ensaios, non só a totalidade dos de pago por calidade, senón tamén moitos outros, están acreditados pola ENAC. Están referenciados a normas internacionais e este organismo, a Entidade Nacional de Acreditación, acredita que se fan as cousas correctamente. Iso é un indicativo claro da nosa aposta pola calidade e independencia e de que hai unha absoluta trazabilidade e transparencia nos procesos de análise. – Os gandeiros quéixanse de que a toma de mostras e o sistema de custodia está en mans das industrias que lles recollen o leite. Hai garantías dabondas para o produtor? – O sistema de toma de mostras está regulado por un Real Decreto de obrigado cumprimento, que di, entre outros aspectos, como hai que facer a toma de mostras nas explotacións e como teñen que ser transportadas ata os operadores. Desde a nosa óptica, o sistema funciona razoablemente ben, pero sempre pode haber algúns matices a mellorar. De feito, estamos traballando sobre un novo bote e os automatismos internos asociados, que vai aportar novas garantías e información adicional que creo que nos vai permitir dar un salto cualitativo nese sentido.
Ao longo deste ano melloraremos o sistema de toma de mostras nas explotacións e a súa trazabilidade; teremos un novo bote que vai aportar máis garantías e información adicional
Levamos tempo traballando neste novo sistema e eu confío que a mediados de ano ou no terceiro trimestre poidamos implementalo, aínda que durante algún tempo coexistirán os dous sistemas. A súa posta en marcha vainos obrigar a facer cambios tamén no sistema automatizado de análise das mostras. – Nalgunhas ocasións tense demandado un sistema de dobre mostra lacada, unha delas para o gandeiro, como existe por exemplo noutras comunidades. Por que non se implanta? – É un sistema complexo. Está implantado en Castela-A Mancha, polo tanto, con moitas menos explotacións que aquí, onde estamos focalizados nos 6.000 produtores lácteos de bovino, mentres que alí traballan sobre todo con ovella e cabra. No LIGAL aseguramos os procesos de análise das mostras que recepcionamos no laboratorio, non facemos directamente nin a toma de mostras nin o transporte ata os operadores. Como indiquei antes, estas fases están reguladas polo Real Decreto de referencia. Pero non quere isto dicir que o LIGAL non actúe sobre elas. De feito. actuamos sen previo aviso ás partes por medio do servizo de inspección, tanto en paralelo sobre as rutas como no peirao de descarga na industria, verificando aleatoriamente os aspectos normativos de toma de mostra e control de temperatura de transporte. 
Calquera produtor que teña algún tipo de dúbida sobre o seu resultado analítico pode chamar ao LIGAL e nós actuamos de oficio sobre esa explotación tomando unha mostra de contraste
Dentro das rutinas de análise desas 10.000 mostras que se están analizando diariamente entre pago por calidade e Control Leiteiro temos un control estatístico en tempo real sobre as mostras. É dicir, a medida que se están facendo as análises estanse referenciando aos datos que temos da explotación para ver se se desvía significativamente ou non da súa poboación de referencia. Ademais, calquera das partes pode chamar ao LIGAL se tivese algún tipo de dúbida sobre o seu resultado analítico e nós actuariamos de oficio sobre esa explotación tomando unha mostra de contraste para verificar se é coincidente coa poboación que temos do gandeiro dentro do laboratorio.   A realidade é que un número moi reducido de produtores poñen en dúbida a praxe da toma de mostra e, tralas nosas actuacións a petición de parte, as diferenzas non son significativas respecto da práctica totalidade dos resultados de referencia.  O LIGAL conta con equipos de última xeración para as analíticas que realiza – Ademais das mostras de leite, do total de mostras que analizades, cantas son de alimentación animal, calidade da auga ou sanidade animal? – No último ano sumaron unhas 80.000 mostras en conxunto estes tres aspectos, das que boa parte delas son para a detección do patóxeno causal das mamites.    – Fálanos un pouco dese papel de apoio prestado aos técnicos que traballan nas explotacións, por exemplo veterinarios ou nutrólogos. – Son dúas áreas de traballo que temos máis aló do noso traballo rutineiro de análise do leite cru. Temos por un lado a liña de alimentación animal e por outro a de control de mamites. As ecuacións coas que traballamos para as análises de silos de herba, silos de millo e outras materias primas que entran na ración do gando foron desenvoltas nun traballo colaborativo xa iniciado na década dos 90 do pasado século co CIAM que segue na actualidade e responden á realidade da nosa produción forraxeira. Non pode haber unha alimentación de precisión se non hai precisión nos resultados analíticos, que son a base dos sistemas de nutrición, polo que estas melloras logradas grazas ao esforzo entre o centro de referencia en investigación agrogandeira e o LIGAL redundan nunha mellora da economía e rendibilidade das nosas explotacións lácteas. 
A identificación dos microorganismos causantes de mamitis por espectrometría de masas ofrece a máxima fiabilidade no resultado a un coste moi reducido
Na liña do control das mamites infecciosas tamén somos moi activos e facemos a identificación do patóxeno causal a través dun equipo de espectrometría de masas e non recurrimos a unha identificación visual simple, recomendando apoiar esa identificación nun antibiograma, que vai indicar cal é o antibiótico máis acaído para tratar ese patóxeno. É dicir, procuramos emitir informes completos que axuden á toma de decisión dos veterinarios clínicos. – O control da mamite mediante a identificación do patóxeno causante a través dos antibiogramas pode ser unha ferramenta moi útil para a efectividade dos tratamentos. É unha práctica xa estendida no sector ou aínda é minoritaria? – O sector está cada vez máis sensibilizado con este tipo de cuestións, non só os gandeiros senón tamén os técnicos que os asesoran. Evidentemente os veterinarios clínicos son os primeiros interesados en que os tratamentos que prescriben funcionen. Esa liña está trazada desde hai tempo, tanto por parte da Axencia Europea do Medicamento como por parte do propio Ministerio en España.

“A presenza de inhibidores no leite galego é residual”

– Nos máis de 30 anos transcorridos desde a creación do LIGAL, como evolucionou a calidade do leite producido en Galicia? – Houbo unha mellora sobresaínte en relación aos datos de partida. Pasamos dunha situación inicial a comezos dos 90 na que a metade das explotacións tiñan nalgún momento do ano recontos altos de células ou bacterioloxía á situación actual, na que a nosa calidade está ao nivel das principais rexións produtoras da UE, tendo ademais en conta que A Unión Europea é máis restritiva nos umbrais de calidade hixiénico-sanitaria do leite no contexto mundial. A calidade físico-química responde ao tipo de acopio que quere facer a industria láctea das explotacións aprovisionadoras en relación, entre outros, ao contido en graxa e proteína do leite. Por outro lado está a calidade hixiénico-sanitaria, é dicir o reconto bacteriolóxico e de células somáticas.
A calidade hixiénico-sanitaria mellorou ostensiblemente, o que nos sitúa neste momento ao nivel das principais rexións produtoras de leite no contexto da UE
O sector lácteo leva moitos anos implicado na mellora continua da calidade hixiénico-sanitaira e do control dos residuos, adaptándose aos cada vez máis esixentes requerimentos normativos. Desde o ano 1989 no que se creou o LIGAL e se arrinca coas analíticas no ano 1990, a mellora na calidade hixiénico-sanitaria foi espectacular, cunha redución do reconto bacteriolóxico no 90% e á metade o do contido en células somáticas. – En que aspectos habería que seguir incidindo ou mellorando? – Extremar a boa praxe nas rutinas de muxido e as condicións hixiénicas de manexo dos animais e seguir mantendo moita atención aos requerimentos de enfriaxe do leite. – Cres que debería facerse a nivel de granxa maior fincapé na mellora das rutinas de muxido e na formación do persoal encargado destas tarefas? – É certo que cada vez hai máis problemas para contratar persoal para traballar nas explotacións lácteas e sobre todo persoal que teña os coñecementos e a formación previa, polo que hai un período de demora na súa adquisición. Sería necesario incidir nos aspectos formativos e tamén no control por parte dun responsable da explotación dos momentos críticos, e un deles é o momento do muxido. – E en canto á presenza de antibióticos?            – A mellora na presenza de inhibidores bacterianos, principalmente antibióticos, tense producido en paralelo á calidade hixiénico-sanitaria e hoxe falamos de niveis residuais. A mellora acelerouse sobre todo a partir da implantación no ano 2008 do protocolo de inhibidores. O 100% das cisternas son analizadas desde o punto de vista dos parámetros hixiénico-sanitarios e de residuos de inhibidores do crecemento bacteriano no leite e tamén nas explotacións, nunha porcentaxe próxima ao 100%, se están analizando diariamente eses parámetros. – Existe aínda marxe de mellora na utilización de antibióticos nas explotacións leiteiras? – Hai que facer unha defensa da boa praxe na utilización de antibióticos en bovino de leite en comparación con outras especies. A mellora de novo é continua, todos os anos se avanza, pero é certo que cando chegas aos niveis residuais que temos acadado é máis difícil que baixen. – Galicia conta con protocolos diferenciais de actuación ante resultados positivos de inhibidores do crecemento bacteriano no leite. Como funciona? – O protocolo de autocontrol actualmente vixente remóntase ao ano 2007-2008. Noutras zonas de produción do Estado cando hai un resultado positivo comunícase á Autoridade competente e a actuación queda nas súas mans, o que implica a introdución dun certo factor de demora. Nós somos máis rápidos, primando non ter o leite retido máis tempo do estritamente necesario. Para iso facemos unha actuación na explotación por medio do servizo de inspección do LIGAL que implica unha proba rápida ao produtor para ver se o novo leite que se está a muxir é apto e cumpre cos requerimentos de control de residuos e é válido para volver a ser integrado na cadea alimentaria. No caso de resultar negativa esta nova mostra, ese leite queda liberado para que poida ser entregado á industria. En caso de que resultase positivo, entón si que se bloquearía ese tanque e pasaría o procedemento a mans da Autoridade competente.
Os índices de positivos actuais a inhibidores xa son moi difíciles de mellorar
Ademais dos protocolos habituais tamén temos protocolos específicos reforzados en colaboración coa Administración. Un deles é o das quinolonas en leite e outro o de control da aflatoxina M1. Estamos moi sensibilizados con cuestións que afecten á seguridade alimentaria, intentamos ser proactivos para adiantarnos a posibles riscos emerxentes que poida haber, porque o peor que lle pode pasar a calquera sector é unha alerta grave de seguridade alimentaria, porque xa non será un problema puntual dunha explotación, senón que se converte nun problema do sector lácteo galego no seu conxunto. – Nos casos que detectades, cantos son debidos a neglixencias ou malas praxes e cantos a descoidos? – Ninguén entrega voluntariamente un leite que sabe que ten residuos de inhibidores. Eu estou convencido de que boa parte dos moi poucos resultados positivos que se están producindo a inhibidores do crecemento bacteriano débense a descoidos, por exemplo porque unha vaca que está a tratamento pasa ás rutinas de muxido ou porque non se cumpre estritamente o tempo de supresión. – Cando o consumidor na súa casa bebe un vaso de leite, pode ter a certeza de que é un produto absolutamente seguro? – Por todo o que comentamos e tamén complementados polas actuacións das Autoridades competentes, podemos asegurar que o leite é o produto de gran consumo máis controlado e analizado do mercado e, por extensión, do que os consumidores poden ter maior garantía de control e trazabilidade na súa produción. Todo o leite de Galicia está controlado desde que se produce ata que se descarga nos centros de transformación dos operadores lácteos. As características propias da produción de leite, continua e diaria, requiren un importante esforzo neste sentido pero a nosa actividade dá como resultado este control e trazabilidade da cadea de produción de leite. – Que papel xogou e xoga o Control Leiteiro na modernización e profesionalización vivida polo sector lácteo galego nos últimos anos e que aspectos consideras interesante introducir no Control Leiteiro para seguir afondando nesta mellora? – O Control Leiteiro é un piar fundamental na liña de mellora das nosas explotacións lácteas ao poder ter monitorizadas as nosas ganderías a nivel de vaca individual, contribuíndo á mellora xenética e aportando información sobre a calidade sanitaria dos animais de produción. Ademais, novos parámetros monitorizados sobre cada unha das nosas vacas abre novas liñas de traballo, algunhas están en desenvolvemento e permitirannos seleccionar aos animais en base á súa produción de metano, por exemplo. – O LIGAL conta con tecnoloxía punteira. Podemos dicir que é un centro que está na vangarda a nivel europeo? – Eu penso que si. Os nosos equipamentos, calibracións e desenvolvementos ad hoc están á vangarda e en consonancia coas liñas de traballo que se están seguindo nos centros de investigación dentro de Europa. Por exemplo, a relación entre dieta e calidade do leite ao conseguir extraer da analítica do leite a información sobre a orixe alimentaria; ou a pegada de CO2, medida pola compoñente de metano, que estamos empezando a desenvolver, en ambos casos en colaboración coa AGACAL-CIAM. O LIGAL non deixa de ser un reflexo do que é o potente sector lácteo galego. Catro de cada 10 litros que se producen en España saen das nosas explotacións lácteas cara os operadores e estas unidades de produción representan o 56% das de todo o Estado.

Seis datos de utilidade que ofrece o Control Leiteiro, á marxe das calidades e o reconto de células

Falar do Control Leiteiro é para moitos gandeiros pensar nos valores de calidade do leite como a porcentaxe de proteína, graxa ou o reconto de células somáticas, xa que son os valores que puntualmente destacan nas analíticas. Porén, como apunta Ramiro Fouz, veterinario e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), os datos que se recollen nestas analíticas, máis alá de ditos parámetros destacados, poden ser claves para a granxa, aportando información sobre puntos favorables, pero tamén indicadores de posibles problemas. “Cos datos do Control Leiteiro pódeste facer unha idea do que tes na granxa”, destaca. Fouz recordou que o Control Leiteiro é unha das ferramentas destacadas do programa de Mellora Gandeira co que conta Galicia e que cada ano analizan de media 1.850.000 mostras de leite procedentes de boa parte das ganderías de vacún de leite de raza frisoa da comunidade.
O Control Leiteiro galego analiza cada ano 1,8 millóns de mostras de leite. É o único de España en aportar niveis de ácidos graxos
Ademais, o Control Leiteiro galego é punteiro neste tipo de analíticas de leite en granxas. “A nivel nacional, o Control Leiteiro galego é o único que aporta niveis de ácidos graxos nas súas analíticas de forma sistemática, vaca a vaca e sen custe engadido na cota xeral”, sinala Fouz.

Parámetros de interese para a granxa

No marco das xornadas organizadas por Africor Pontevedra e celebradas recentemente en Lalín, Fouz abordou algúns destes datos claves que se inclúen nas analíticas do Control Leiteiro e que pasan máis desapercibidos para os gandeiros, aínda que poden resultar de gran utilidade.

Días en leite

Os días en leite (DEL) son a media de días que levan paridas as vacas. Debería coincidir coa metade da duración da lactación para esa gandería. Este valor pode ser un indicativo de problemas reprodutivos, cando tende á alza. Mentres, se estas cifras son moi baixas adoita deberse a un lote de vacas mercadas recentemente, vacas paridas de pouco ou á concentración de partos. Tal e como sinala Fouz, tamén cómpre ter en conta que esta baixada se pode deber a que haxa poucos efectivos para atender o volume de partos e traballo da granxa. Ademais, é importante ter presente que “cando aumentan os DEL, a graxa e a proteína tenden a aumentar e o leite a diminuír”, explica Fouz. Así, este valor é significativo para entender variacións das calidades e da produción de leite na granxa.

Leite corrixido por enerxía

O leite corrixido por enerxía exprésase na analítica como L. É un valor que aparece situado entre a produción de leite e a porcentaxe de graxa e que se estandariza para todas as vacas. Este dato permite ó gandeiro estimar canto leite produciría de máis ou de menos se diminuíse ou aumentase a graxa e a proteína do leite que producen as súas vacas. “Resulta un valor moi útil para comparar a produción de vacas de razas distintas entre si”, concreta Fouz.

Puntuación lineal

Nas analíticas, a puntuación lineal amósase como PL e expresa o nivel de células somáticas. Dado que non se poden facer medias con este valor, transfórmase nunha escala de tal xeito que un reconto de 50 células por mililitro representa un valor de 2 e increméntase de xeito gradual ata un valor máximo de 9 cando representa 6.400 células por mililitro. Escala de puntuación lineal. Este valor é tamén de gran utilidade para as granxas, xa que pode ser un aviso de alerta sobre cuestións como o secado, cando ese índice se dispara.

Ratio graxa/ proteína

Máis alá da porcentaxe de graxa e proteína, nas analíticas do Control Leiteiro tamén se inclúe unha ratio de graxa e proteína, un indicador metabólico que proporciona información sobre o estado de saúde dos animais e serve para detectar posibles afeccións dos animais. Así, os ratios baixos, inferiores a 0,9, son indicadores de acidose ruminal. Mentres, os ratios altos, superiores a 1,4, son indicadores de cetoses. Este é un dos indicadores que permite coñecer o estado de saúde da granxa mediante as analíticas.

Urea

É un dos indicadores de maior utilidade que aportan as analíticas do Control Leiteiro e que adoita pasar desapercibido para os gandeiros. “Non se lle dá o valor real que pode proporcionar esta analítica. É realmente valioso para lograr un bo equilibrio na ración do animal”, reivindica Fouz.
“As variacións na urea non teñen porque deberse a que a ración estea mal deseñada polo nutrólogo, pode haber outros factores para que a ración non estea equilibrada”
Cando os valores de urea son altos reflicten que hai unha falta de enerxía ou que sobra proteína (ou é moi dixerible) na ración. Neste caso, os valores adoitan situarse por encima de 280. Pola contra, os niveis baixos de urea adoitan presentalos vacas subalimentadas. “Estas variacións na urea non teñen porque deberse a que a ración estea mal deseñada polo nutrólogo, pode deberse a outras causas como non estar ben mesturada e producirse deste xeito unha ración que non estea ben equilibrada aínda que fose ben deseñada”, explica o veterinario. Ademais, a urea é un indicador que axuda a detectar problemas hepáticos do animal, posto que o fígado é o órgano que se encarga de destoxicar o amoníaco que se produce no rume, amoníaco que transforma en urea. “Os valores altos de urea indican que o fígado está soportando un traballo extra e é un órgano que hai que coidar moito, xa que é de gran importancia para as vacas, posto que se encarga de detoxicar o sangue, sintetizar proteínas e glucosa, transformar o amoníaco (que é tóxico para o animal) en urea, metaboliza lípidos ademais de ser depósito de elementos esenciais como o ferro, cobre ou vitamina B12...”, detalla Fouz. Por outra banda, a presenza elevada de urea é un indicador de que tamén hai moito nitróxeno nos ouriños desas vacas, o que produce un impacto maior da granxa a nivel ambiental.

Ácidos graxos

Galicia é a única comunidade onde as analíticas do Control Leiteiro inclúen os ácidos graxos, que foron dos últimos parámetros incorporados. A graxa do leite esta composta nun 94% de ácidos graxos e a proporción de cada un deles depende, en gran medida, do que acontece no rume, de aí que sexa importante telos en conta. Os ácidos graxos poden clasificarse en base a distintas cuestións como a lonxitude da cadea (cadea curta, media ou longa) ou o grao de saturación (saturados, monoinsaturados ou poliinsaturados). Nas analíticas identifícase a cantidade de ácidos poliinsaturados debido a que están presentes na maioría das forraxes e cereais como a soia ou o millo e porque poden proporcionar información sobre o aporte nutricional da ración. “Os ácidos graxos insaturados teñen propiedades antibacterianas, polo que as bacterias ruminais transfórmanos en saturados para que non lles sexan tóxicos á vaca. Se o leite presenta unha elevada cantidade de ácidos graxos poliinsaturados pode ser debido a que as bacterias non están facendo esta transformación de xeito correcto”, explica o experto. Un dos valores de referencia no caso dos ácidos graxos poliinsaturados é 0,09. Por outra banda, os ácidos graxos tamén se poden clasificar atendendo á súa orixe. Poden dar información sobre a saúde do animal e establécense tres tipos, que tamén aparecen identificados nas analíticas do control leiteiro: - DeNovo. Son ácidos graxos de cadea curta, prodúcense na glándula mamaria a partir do butirato e do acetado procedentes da fermentación ruminal, é dicir, proporcionan información sobre o estado do rumen da vaca. -Preformados: Ácidos graxos de cadea longa que proceden do alimento ou da mobilización das reservas corporais. -Mixtos: Trátase de ácidos graxos de cadea media que poden ser sintetizados na glándula mamaria ou proceder do alimento ou da mobilización das reservas corporais. Neste caso o importante é ver a tendencia, máis que ter un valor de referencia, de aí que nas analíticas apareza o valor e ó lado unha frecha (ascendente ou descendente segundo a tendencia) ademais dun valor entre paréntese que indica a evolución con respecto do mes anterior. “Cambian moito en función da alimentación, por iso é importante ver a evolución e non quedarse con valores de referencia”, detalla Fouz. En liñas xerais e de xeito práctico, para lograr bos resultados na granxa, Fouz recomenda manter os ácidos graxos Preformados o máis baixos posibles e os DeNovo canto máis altos mellor. Como valores de referencia das mellores granxas, os DeNovo atópanse en valores por encima de 29% (porcentaxe sobre o total de ácidos graxos do leite). Cando estes ácidos se sitúan por debaixo do 26%, poden non estar funcionando correctamente. Así, os ácidos graxos son indicativos do estado do rumen e poden ser preditores de problemas como o cuajar. Estes valores mudan con factores de variación como o número de partos, polo que Fouz recomenda sempre prestar atención ós datos tendo en conta o contexto da granxa e non perseguir esas cifras sen analizar o resto de información da gandería en cada momento. O experto reivindica a importancia dos datos facilitados polo Control Leiteiro como unha ferramenta de gran utilidade na toma de decisións da gandería.

Graxa, proteína e rendemento en leite por animal: a situación comparada de Galicia

As granxas galegas destacan a nivel europeo polos seus rendementos anuais en Kg. de leite por vaca, pero atópanse na franxa baixa en calidades de graxa e proteína. Un artigo elaborado por investigadores de Mabegondo e do Ligal, publicado na obra ‘El sector lácteo en España’ (Cajamar), compara os valores galegos e españois cos das principais potencias lácteas europeas. Debullamos os datos e conclusións. Para a comparación, tomáronse en conta os valores promedio do último quinquenio (2016-2020), a fin de evitar posibles sesgos dun ano concreto. O contido medio en graxa da UE-27 foi do 4,07%, en tanto a proteína foi do 3,43%. En Galicia, a comunidades cos mellores datos de sólidos en leite de España, a graxa foi do 3,81 e a proteína do 3,28%, en tanto a media española situouse no 3,69 e 3,27 respectivamente. Son datos que ubican á produción láctea española na franxa baixa de produción de graxa e proteína a nivel europeo, unha cuestión que ten que ver con múltiples factores, principalmente pola tradición española de industrias orientadas ó leite líquido e granxas centradas, consecuentemente, no rendemento leiteiro en Kg. Escenario europeo A nivel europeo, en graxa destacan Países Baixos, Irlanda e Dinamarca, con porcentaxes que oscilan entre o 4,2 e o 4,4% de graxa. Alemania, Francia e Polonia superan tamén o 4%, en tanto España e Italia sitúanse no treito baixo, con 3,7-3,8. En proteína existe menor fluctuación, pero pódense establecer similares agrupacións, cos países líderes nun 3,5-3,6 de proteína, seguidos de Alemania, Italia e Polonia, cun 3,3-3,4 %, e á cola quedan Francia e España, por baixo do 3,30%. A composición do leite vese afectado por múltiples factores, entre os que figura o sistema de alimentación, a xenética ou a raza. A raza é un dos factores máis importantes, pois hai diferenzas significativas na produción de sólidos entre a Holstein e outras razas, pero países cunha alta proporción de Holstein, como Países Baixos, destacan tamén nas porcentaxes de sólidos do leite. Datos de sólidos só en Holstein A raza frisona (ou Holstein) é a dominante en toda Europa, pero en países como Alemaña, Francia, Dinamarca ou Italia presenta unha menor proporción, con arredor dun 70% dos animais. No resto de Europa (España, Países Baixos, Irlanda ou Polonia), a porcentaxe supera o 90%. Se se analizan só os datos das vacas Holstein na UE-27, destacan Países Baixos e Irlanda, con porcentaxes do 4,2 - 4,3 % de graxa e 3,4 – 3,5% de proteína. España, pola súa parte, situaríase entre os países con valores máis baixos, con arredor do 3,7% de graxa e 3,2% de proteína. Rendementos No rendemento de leite por animal, nunha produción normalizada a 305 días, España sitúase nos valores máis altos de Europa, por riba dos 10.000 Kg. por vaca, en tanto Irlanda ten menos de 7.000 Kg. por vaca. O resto de países sitúanse entre 9.000 e 10.000. Hai, por conseguinte, tres modelos de produción de leite, un con altos rendementos e baixo en sólidos lácteos (España e Italia), outro con poucos rendementos e alto en sólidos (Irlanda) e un terceiro, o máis habitual en Europa, que busca un equilibrio entre rendementos e porcentaxes en sólidos.
A raza Holstein presenta significativas diferenzas por países, do que se deduce que existe unha ampla marxe de mellora en España en canto ó aumento de sólidos en leite, en especial na graxa
Os autores do artigo (Gonzalo Flores, Adrián Botana e César Resch polo Centro de Investigacións de Mabegondo; e Roberto Lorenzana polo Laboratorio Interprofesional Galego de Leite) subliñan precisamente a conveniencia de que España teña como referencia países que combinan unha elevada produtividade por animal cunha alta concentración de sólidos en leite. Os investigadores inciden en que a raza Holstein presenta significativas diferenzas entre os distintos países europeos, do que se deduce que existe unha ampla marxe de mellora en canto ó aumento de sólidos en España con esta raza, principalmente en materia graxa. Comparativa de datos en raza Holstein: graxa, proteína e rendementos. Calidades do leite de vacas en pastoreo As granxas en pastoreo, comparadas coas estabulacións permanentes, teñen en xeral menor produción de leite (e menor gasto de concentrado), pero destacan por unha maior porcentaxe de graxa, en comparación cos sistemas de alimentación baseados no millo. Outro dos puntos fortes das granxas en pastoreo (convencionais e ecolóxicas) radica na composición de ácidos graxos do seu leite e nunha maior presenza de antioxidantes. É de destacar que todo o leite presenta bos datos de ácidos graxos e de antioxidantes, pero o leite en pastoreo presenta unha maior porcentaxe de ácidos graxos cardiosaudables, así como unha proporción máis positiva de Omega 6 / Omega 3, desde o punto de vista da dieta humana. As granxas en pastoreo, por tanto, obteñen un leite con características diferenciais que ten demanda entre un sector dos consumidores. A expansión deste modelo de produción, como sinalan os investigadores, está limitado sen embargo pola escasez de base territorial e pola deficiente estrutura territorial da superficie (minifundio).

Desmóntase o mito da ineficiencia da proteína animal procedente do vacún de leite

O debate sobre a eficiencia da proteína obtida dos animais, en comparación coa procedente dos vexetais, é outro dos puntos abordado no artigo polos investigadores de Mabegondo e do Ligal. Trátase dun debate que -din-, presenta en xeral importantes carencias, pois bótanse de menos análises baseadas na diversidade de dietas animais e nos distintos niveis de eficiencia da súa aportación á dieta humana. Para o caso do vacún de leite, os investigadores decidiron facer os cálculos. En xeral, a literatura científica valora a eficacia da conversión en proteína do porcino e da avicultura, pero habería que precisar que estas especies consumen maioritariamente cereais que tamén poderían ser consumidos polos humanos. En cambio, a gandería vacún emprega con frecuencia terras marxinais, convertindo pastos e forraxes non empregables na alimentación humana en alimentos de alto valor nutricional, á vez que lle proporciona abonos orgánicos á terra. Un 86% das terras mundiais destinadas ó vacún son pastos e outro 14% terras de cultivo de cereais, leguminosas e oleaxinosas. Se ben unha parte dos pastos poderíanse destinar a terras de cultivo -aproximadamente a metade dos pastos a nivel mundial-, iso tería tamén un efecto medioambiental desde o punto de vista do cambio climático, principalmente pola roturación de pastos semi/permanentes e a perda do carbono almacenado no solo.
Os investigadores conclúen que, co actual uso da terra, o gando vacún realiza unha contribución positiva á dispoñibilidade de proteína para consumo humano
Do total da dieta animal do vacún, o máximo de alimentación que poderían consumir os humanos oscila entre o 9 e o 34%, en función do sistema de alimentación da granxa. Se se mide en proteína, a porcentaxe oscilaría entre o 6 e o 22%. Se collemos a proteína utilizable polos humanos que consume o vacún de leite e a comparamos coa proteína que esta mesma gandería lle aporta á dieta humana, atopámonos cunha relación positiva, pois as granxas de leite, en función do seu sistema alimentario, consumen entre 0,28 e 0,85 Kg. de proteína por cada Kg. de proteína que lle aportan á dieta humana. Estos datos demostran, segundo os investigadores, que co actual uso da terra, o gando vacún realiza unha contribución positiva á dispoñibilidade de proteína para consumo humano. Os autores destacan que é unha cuestión a ter en conta, pois factores como a competencia animal – humana polos alimentos, o impacto da actividade gandeira no cambio climático ou a relación entre dieta e saúde terán a cada paso unha maior importancia entre os consumidores e nas institucións públicas.

Xornada técnica sobre a revalorización e control do produto lácteo

O Concello de Friol organiza unha xornada técnica dirixida a produtores e transformadores de produtos lácteos para a revalorización e control da súa produción. Terá lugar o próximo 11 de marzo ás 16.30h no salón de actos Centro Sociocultural. Este acto impartirao Manuel Lolo, CEO de AMSlab Control de Calidad. A análise da caseína A1/A2 no leite e as vantaxes asociadas ao seu control son os eixos principais sobre os que xira o programa que se articula en catro puntos: introdución á temática, control e mellora da produción no sector lácteo, revalorización do produto a través da supervisión sobre a proteína A2, e finalmente, un coloquio. Actualmente comercialízase leite de tipo A1/A1, A1/A2, e recentemente A2/A2. Esta última é a máis desexada polas súas calidades para a dixestión, así como para a redución dos problemas gástricos asociados -en ocasións erroneamente- á intolerancia á lactosa. Esta tipoloxía de leite ten, entre outras, a ausencia de betacaseína A1; pero, como se alcanza esta mellora desde a produción natural?

Estratexias de alimentación nas granxas para mellorar a graxa e proteína do leite

A calidade do leite é importante desde o punto de vista de tres factores fundamentais: economía, saúde animal e medio ambiente. Na exposición realizada nas Xornadas Seragro 2021, o enxeñeiro agrónomo holandés especialista en nutrición animal, Albart Coster, detallou que o prezo do leite calcúlase a partir da porcentaxe de graxa, proteínas e lactosa do mesmo, entre outras variables. Por este motivo, as ganderías poden mellorar a calidade do leite mediante a nutrición das vacas, se atenden a estas variables. Existen enfermidades como a cetose ou acedose que afectan directamente ás porcentaxes de graxa ou proteína do leite. Proveñen de descompensacións alimentarias, polo que, as recomendacións de Albart Coster céntranse nos niveis de forraxe das racións, na súa xestión, no benestar animal, ou na incorporación de certos tratamentos alimentarios de base cereal como o ‘sodagrain’, que axudan á neutralización no rumen do animal.

Variacións biolóxicas e niveis de forraxe nas racións

O nivel de graxa e proteína do leite seguen unha variación anual seguindo un ritmo biolóxico. Segundo especifica o enxeñeiro holandés, “un dato curioso é que, en primavera, cando as vacas saen fóra, os niveis de proteína no leite aumentan”. Albart Coster, facendo referencia a un estudo americano realizado por Salfer, Dechow e Harvatine (2019), explica que contrariamente, no verán, os índices de graxa e proteína chegan a niveis mínimos. Fóra desta variabilidade é necesario controlar os niveis de forraxe na ración e a súa xestión.

Variación mensual das porcentaxes de graxa e de proteína no leite: 

Gráfica que reflexa os picos de baixada e subidas do índices de graxa e proteína do leite en verán e primavera Por norma xeral, menos forraxe soe significar menos graxa. Neste sentido, Coster fixo referencia a estudos nos que “se substituíron o heno de alfalfa por fariña de alfalfa e co mesmo contido de forraxe en ración, a inxesta das vacas aumenta, a produción baixa, a graxa baixa e a proteína aumenta dando lugar a acedose”. Esta última é unha enfermidade pola cal o animal xera ácido linoleico a partir da súa alimentación, dando lugar a unha redución dun 50% aproximadamente de graxa no leite. Outra proba foi a substitución dun porcentaxe de silo e penso por trigo e cebada moídos. Este cambio deu lugar a un aumento da proteína, a unha baixada das graxas, da produción e da inxesta. Estas consecuencias son unha sintomatoloxía de que o animal non está ben. Polo tanto, cómpre buscar un balance entre saúde do animal e acedose a través dun equilibrio alimentario.
“Darlle tanta atención á acedose da lugar a perdas de proteína, polo tanto cómpre procurar un balance” (Albart Coster)

A importancia da xestión da ración e do benestar animal

Unha alimentación estable ao longo do día é fundamental para o gando bovino. O enxeñeiro holandés destaca que “as vacas que reciben comidas -especialmente o penso- entre muxidos en vez de con eles xeran un maior índice de graxa e unha maior eficiencia, e comen máis veces ao día”. Se unha explotación gandeira procedera desta maneira, o animal non só tería máis comidas, senón que tamén xeraría un maior tempo de descanso.

Diferenza entre dar as comidas durante muxido e entre sesións: 

Esta táboa utilizada por Coster na exposición reflexa a diferencia entre dar as comidas durante muxido e entre sesións Outra cuestión interesante é o ‘compact feeding’. Albart Coster afirma que este termo chegou a Holanda herdado de Dinamarca facendo referencia “a un tipo de alimentación cunha lixeira proporción de auga na mestura, bagazo ou certo produtos derivados da pataca, e cun equilibrio entre partículas longas e curtas para evitar a selección do alimento”. Esta fórmula evita que o animal coma a parte dos alimentos que máis lle gusta deixando a outra parte. O resultado é un equilibrio nas comidas que ten un efecto positivo no leite. O benestar animal ten consecuencias directas sobre o leite. As horas de sono representan un dos eixos fundamentais do estado do animal polo que “cómpre dar todas as comodidades para que as vacas optimicen o seu descanso”, aconsella Coster. As barras no peito que teñen en moitas ganderías repercuten sobre o número de horas de sono e un menor tempo efectivo de repouso, cuestión que afecta negativamente sobre a proteína no leite.

Estratexias para mellorar os sólidos

O enxeñeiro holandés remite a certas estratexias que se aplican no seu país e que conducen a unha mellora notable da porcentaxe de sólidos do leite. Na súa intervención expuxo unha serie de medidas aplicadas nunha explotación de 350 cabezas, cunha produción de 40kg por vaca e día, e cuns índices de 4,4% de graxa e 3,69% de proteína.  Unha das medidas aplicadas é a forraxe fresca. “A herba fresca ten máis proteínas metabolizables que cando se ensila”, explica o holandés. Aínda que o ensilado é necesario hibridalo, na medida do posible, con materia prima fresca xera un bo resultado. Da mesma maneira “durante o proceso de ensilado cómpre reducir as perdas existentes, tendendo á busca do secado da herba na medida que a meteoroloxía da zona o permita”, explica Coster. Esta clave do proceso ten que facerse de maneira efectiva para que sexa útil, polo que entra en xogo a axilidade coa que se xire a herba para o secado, ou a humidade do entorno. Captura a un vídeo privado utilizado polo enxeñeiro holandés para exemplificar o uso dunha forraxe fresca nunha explotación holandesa. ‘Sodagrain’ é un produto utilizado nesta explotación gandeira holandesa. “Trátase dunha base cereal mesturada con auga e hidróxido de sodio que lle aporta o amidón suficiente a dieta do animal, sendo un bo complemento na mestura”, especifica Coster. Outro das aportacións do ‘Sodagrain’ é a súa axuda á neutralización do rume. A forma máis efectiva de aplicalo para unha boa dixestión é moído. Imaxe capturada dun vídeo de Albart Coster onde amosa o 'Sodagrain' A explotación holandesa tomada como modelo fai fincapé en evitar a selección do alimento. A auga, a inclusión de semente de liño para vacas frescas, proteínas ‘by-pass’ ou ácido palmítico son certos produtos que as ganderías utilizan como ferramentas para previr a selección. Actualmente, están desenvolvendo a idea de introducir como medida o ácido acético no tratamento de certos alimentos.
<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Estas son as ganderías galegas que producen o leite coa mellor calidade hixiénico-sanitaria

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu este xoves a entrega dos premios Exceleite 2021, no marco da I Mostra de Calidade Alimentaria organizada polo Goberno galego no Pazo de Quián. Estes galardóns, que recoñecen ás explotacións galegas de vacún de leite que destacan polos baixos índices de células somáticas e reconto bacteriolóxico nas analíticas do Ligal, avalan a excelencia hixiénico-sanitaria dos produtores de leite cru de vaca da comunidade, con ganderías como a de Antonio Sufuentes en Guntín ou Casa Codesal en Friol que repiten entre as premiadas.  Neste contexto, o titular de Medio Rural quixo recoñecer e agradecer aos gandeiros galegos en xeral e aos galardoados neste acto en particular, polo “encomiable labor que desenvolven nun eido produtivo fundamental da economía agraria de Galicia”. 
Foron recoñecidas explotacións pequenas, medianas e grandes, tanto en ecolóxico como en produción convencional
O obxectivo da Xunta, asegurou José González, é o de “consolidar o sector lácteo galego a través da súa profesionalización e da mellora da súa rendibilidade, así como da defensa da calidade dos produtos lácteos galegos por enriba da cantidade”. Neste sentido, lembrou que Galicia xa é a principal comunidade produtora de leite en España e atópase entre as dez primeiras rexións lácteas de toda Europa e salientou, sobre todo, que se atopa "entre as primeiras en calidade de produto”. Por iso, remarcou, “somos cada vez máis competitivos no mercado, máis sustentables na produción e máis resilientes na práctica”.
Todo gandeiro é un empresario e somos cada vez máis competitivos no mercado
“Todo gandeiro é empresario”, salientou, para poñer en valor a necesaria formación empresarial dos titulares das explotacións, orientada a mellorar a posición negociadora dos gandeiros coas industrias que lles recollen o leite. "O lácteo é un sector motor de Galicia", concluíu, para destacar a importancia da produción de leite para o mantemento da economía no medio rural galego.

Aprobación o vindeiro ano da futura Lei da Calidade Alimentaria de Galicia

No transcurso do acto de entrega dos premios Exceleite 2021, o conselleiro José González trasladou que a futura Lei da Calidade Alimentaria de Galicia, que ultima a Xunta, supón “a aposta definitiva pola calidade, pola singularidade e pola diferenciación”. “A futura Lei da calidade alimentaria será a panca na que asentemos a produción de proximidade, a produción san e sustentable e a produción de calidade que sempre distinguiu a Galicia no ámbito gastronómico”, afirmou.  Neste sentido, avanzou que a lei entrará no Parlamento no vindeiro ano 2022 e referiuse á calidade como sinónimo de Galicia, do produto e da maneira de producir das persoas que xa traballan ou que queren traballar no sector primario. A Xunta desenvolverá tamén o vindeiro ano a campaña Galicia Etiqueta Calidade, na que investirá 700.000 euros para divulgar a excelencia da despensa alimentaria da comunidade. Esta iniciativa engloba, entre outras marcas, o leite certificado baixo o selo Galega 100%, os queixos galegos con denominación de orixe, e o novo selo GaliciaCalidade Alimentaria, que englobará produtos alimentarios con excelencia recoñecida e afondará na súa promoción.

Curso sobre técnicas para mellorar a calidade do leite nas ganderías de vacún

A Área de Servicios Agrarios de Ferrol-Betanzos da Consellería do Medio Rural, en colaboración co Concello de Curtis, vai organizar un curso dirixido ás persoas vinculadas profesionalmente co sector de vacún de leite para reforzar a súa formación e coñecementos técnicos de cara a millorar a calidade do leite. O curso “As técnicas de muxido, alimentación e benestar animal como factores determinantes na calidade do leite” está previsto realizarse os días 5, 6 e 7 de outubro de 2021 en horario de mañá e tarde: de 11:00 a 13:00 h e de 15:30 a 17:30, no Salón Multiusos do Recinto Feiral de Curtis. Para máis información e solicitudes para asistir ao curso comuníquese co Antonio Alvarez Feal no tfno.: 981337048/981337049. As solicitudes para o curso teñen que enviarse cubertas e asinadas polos alumnos interesados a  oac.seca.ferrol@xunta.gal 

Programa:

O curso prográmase en tres xornadas de mañá e tarde con formación teórica e práctica: 1º día, mañá, 2 horas: O muxido: o encontro do teto e tetoeira. Aspectos esenciais do muxido, funcionamento básico das distintas máquinarias de ordeño e a súa relación coa hixiene, benestar e eficiencia. 1º día, tarde, 2 horas: Fisioloxía do muxido e ordeñabilidade. A ubre e o mecanismo de lactación. Baixada do leite e aspectos hormanais, ordeños incompletos, deficientes e sobremuxidos. 2º día, mañá, 2 horas: Factores que inflúen na incidencia da mastite (mamite) clínica. Patóxenos implicados. Os factores ambientales, hixiene das instalacións, hixiene do animal, o manexo e o benestar animal. 2º día, tarde, 2 horas: Influencia da alimentación na mastite: necesidades básicas para o sistema inmunitario e o control dos niveis de urea. Uso correcto e racional dos antibióticos e a súa influencia na producción; resistencias aos mesmos. 3º día, mañá, 2 horas: Cow confort nas instalacións gandeiras. A alimentación e o manexo. O aspecto social do benestar animal. 3º día, tarde, 2 horas: Visita a unha explotación gandeira de produción leiteira exemplar en muxido e cow confort.

Descarga aquí a solicitude

Este curso está cofinanciado con fondos europeos FEADER nun 75%, e polo Estado e a Xunta de Galicia na porcentaxe restante a partes iguais.

A Xunta convoca a quinta edición dos premios Exceleite ás mellores calidades hixiénico-sanitarias

Entrega dos premios Exceleite nunha edición anterior O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes a orde da Consellería do Medio Rural que convoca para este ano os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores galegos de leite cru de vaca, coñecidos como premios Exceleite. Esta é xa a quinta edición destes galardóns, tras a boa acollida das catro anteriores entre o sector produtor lácteo galego. Trátase de recoñecer os gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen. Os premios Exceleite distinguen as granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, cada unha delas subdivídese en tres grupos, segundo o seu sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Recoñécense ademais especificamente as mellores explotacións ecolóxicas. Poderán optar a estes recoñecementos todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal xeito que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia. As explotacións deberán atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), así como cumprir outras características técnicas. Novidades Este ano, como novidade, introdúcense melloras para limitar, por unha banda, a avaliación da calidade do leite exclusivamente ao período de tempo establecido na orde da correspondente convocatoria anual dos premios. Trátase de acurtar os prazos transcorridos entre a extracción dos resultados dos parámetros hixiénico-sanitarios das explotacións, a súa avaliación, a selección de finalistas e, finalmente, a entrega de premios. Por outra banda, tamén se establece un sistema máis áxil de convocatoria de novos produtores en caso de non aceptación do premio por parte dalgunha gandaría. Ademais, nos actos de entrega dos premios vénse denominando Exceleite de ouro o primeiro galardón e Exceleite de prata o segundo, polo que, tendo en conta que estas denominacións adquiriron significación propia, considerouse convinte recoller este feito na norma reguladora dos premios.

Experiencias de ganderías que están a apostar en Galicia pola raza fleckvieh

Animais de raza fleckvieh da Gandería Casa Abuín, de Mazoi, en Lugo Nos últimos tempos distintas razas están a disputar o monopolio da vaca frisona na produción de leite en Galicia. Unha delas é a fleckvieh, de orixe austríaca, e que se adapta moi ben ás condicións do noso país. É o que contan Diego, da gandería Valcárcel Láncara SL; Juan Carlos, da gandería Gómez González; Anxo, da Gandería Labrador SC e José Ángel, de Casa Abuín. En Austria, o 80% de toda a cabana gandeira pertence hoxe xa á raza fleckvieh e esa tendencia segue en aumento tamén a nivel internacional. Debido ás características específicas desta raza pode usarse con dobre propósito, produción de leite e de carne, con vacas máis robustas e de vida máis lonxeva e con menos problemas en canto a enfermidades e aspectos reprodutivos. Falamos con estes catro gandeiros galegos para que nos expliquen por que se decantaron por esta raza e os aspectos que salientan dela. As súas explotacións atópanse todas na provincia de Lugo pero son moi diferentes entre si. Sen embargo, todas din ter atopado no gando fleckvieh un aliado para incrementar a súa rendibilidade.

"A raza responde, eu penso que pode competir perfectamente coa holstein"

Rexistro dunha das vacas fleckvieh de Gandería Valcárcel Láncara durante o muxido Diego Fernández incorporouse á explotación familiar de produción de leite, Ganadería Valcárcel Láncara SL, hai 15 anos. "Incorporeime no ano 2006 e empecei coas holstein coma todo o mundo, pero vía que non ía ben", afirma. "Estaba investindo moito en xenética e os resultados non eran os que eu agardaba, parecíanme vacas moi brandas e fun probando outras razas", conta. Primeiro introduciu vacas de raza roja sueca, logo parda alpina, normanda ... até que deu coas fleckvieh. "Penso que das que probei é a que máis me convenceu, a raza máis completa, a que me aporta máis na miña gandería", asegura. "A miña filosofía é ter vacas que me duren, eu fíxome máis na produción vitalicia que nunha única lactación", defende.
Diego chegou á raza fleckvieh porque quería aumentar a súa cabana. Hoxe conta con animais xa de segundo e terceiro parto e obtén moi bos resultados en lactacións avanzadas
O primeiro animal que lle chegou de Austria hai tres anos acaba de parir do terceiro parto con case 60 litros de produción diaria, 30 litros á mañá e uns 25 pola noite. "E iso que aquí as vacas non están exprimidas, bótoas a pacer", aclara. Entrega o leite a Larsa, que lle paga unha prima por pastoreo pero non valora tanto coma outras empresas as porcentaxes de sólidos. "Aínda así son 2.000 euros o que estou cobrando de primas por calidade ao mes", detalla. Esa é outra das vantaxes que Diego ve a este gando. El está en niveis do 4% de graxa e do 3,50% de proteína agora na primavera coa alimentación con pasto, pero no inverno sobe até o 4,3% de graxa.
As holstein son de cristal, se che duran a metade de tempo e en dous anos xa estás sen elas non fixeche nada
A maiores está o feito de que "este gando mantén moi ben a condición corporal e, en caso de ter que vendelas, collen moitos máis quilos e páganchas máis, polo que recuperas máis cartos tamén por esa vía", di. Tamén nos becerros. "Eu aínda non probei, porque estou aumentando e aproveito a recría, pero a estas vacas poñéndolles azul belga ou limusin teñen que criar moi bos xatos", considera. Cruzamentos Unha das xatas cruzadas de fleckvieh e frisón que está a criar a Gandería Valcárcel Láncara SL Gandería Valcárcel Láncara SL está muxindo hoxe unhas 90 vacas, das que tan só 4 ou 5 son holstein puras. Diego é firme defensor dos cruzamentos. "Empecei a facelos con montbeliard e roja sueca en rotación no 2013, antes de traer as fleckvieh", conta. Hoxe a maioría da súa cabana é Procross e decidiu introducir tamén o mesmo sistema de inseminación rotacional nas fleckvieh. Está a criar dos 10 animais fleckvieh que ten neste momento, pero non en pureza, senón que os cruza con holstein en primeiro termo e logo con roja sueca, mantendo o mesmo método que segue coas Procross, só que substituíndo nestes casos a raza montbeliard pola fleckvieh. A vantaxe, di, a facilidade de manexo. "Son vacas moi dóciles e moi tranquilas, moi doadas de manexar, quizais máis que as Procross", considera.
Gandería Valcárcel Láncara SL compatibiliza a raza fleckvieh con animais Procross
"A raza responde, eu estou contento", di. "Penso que pode competir perfectamente coa holstein", engade. "Son un pouco máis caras, porque custan uns 2.200 euros cando unha holstein das que traen de Francia anda polos 1.900 euros, pero se che duran a metade do tempo e aos dous anos estás sen elas non fixeche nada", razoa. "As holstein son de cristal, vanche durar dous partos, tres como máximo, e iso en condicións óptimas. Eu penso que a raza holstein estana estropeando con tanta selección, porque hai moita consanguinidade", considera.

"A última que trouxen chegou a 47 litros no robot en primeiro parto ao mes de parir"

Unha das primeirizas que trouxo este ano a Gandería Gómez González de Bretoña "Trouxen a primeira en decembro de 2019 por probar. E sorprendeume. Aquela chegara a 38 litros en primeiro parto. E insemineina con 40 e pico días de parida e empreñou á primeira, así que tiven que secala con 7 meses. Nese tempo, 280 días en leite, fixo un total de 9.300 litros en primeiro parto", conta Juan Carlos, da Gandería Gómez González, de Bretoña, na Pastoriza. Aquilo podía ter sido casualidade, así que, para comprobalo, mercou outras dúas fleckvieh, que chegaron tamén aos 37 litros. "Hoxe teño xa cinco e a última, que pariu a finais de febreiro, chegou a 47 litros en primeiro parto ao mes de parida", detalla. "Non lle saco moito máis tampouco a unha frisona primeiriza. A verdade é que me sorprenderon, contaba con que deran de 30 a 35 litros, iso era o que lles calculara eu para que foran rendibles na explotación", engade. A súa é unha gandería intensiva, con dous robots de muxido, o segundo instalado hai pouco. No establo as 5 fleckvieh están mesturadas co resto das vacas, todas frisonas. A alimentación tamén é única, cunha ración en carro de 28 quilos de silo de millo; 14 de silo de herba; 0,8 de melaza líquida; 0,5 de palla e 5,4 de concentrado, máis o punteo según produción do robot, que está nuns 6 quilos de media. Condición corporal Coa mesma alimentación e unha produción semellante cas holstein, a diferenza fundamental é que "as fleckvieh mantéñense moi ben, non baixan nada nin perden a condición corporal durante a lactación", indica Juan Carlos. "O que me queda por saber é o que duran, porque aquí a que máis tempo leva é de segundo parto aínda", conta.
Mantéñense moi ben, non baixan nada durante a lactación
Sen saber cal vai ser o seu comportamento en canto á lonxevidade, que agarda que sexa tamén maior que no caso das frisoas, Juan Carlos está a recriar delas para incrementar deste xeito a súa cabana fleckvieh. "Estou poñéndolles seme sexado fleckvieh para asegurar que me saian femias", explica. Dalles dúas oportunidades a cada unha porque "por moita fertilidade que teñan, sempre che baixa un pouco ao usar seme sexado", indica. Antes de apostar pola raza fleckvieh Juan Carlos probou coa parda alpina. "Din que é a segunda raza máis leiteira despois da frisona, pero non me convenceu, é bastante blanda tamén", opina. Da fleckvieh non tiña unha boa opinión tampouco até agora porque xa as tivera tamén na casa hai anos. "Comprara dúas na época do meu pai na feira de Silleda. Non sei se viñan de Alemaña ou de onde viñan aquelas, pero nada comparado con estas, as outras eran máis de carne ca de leite", lembra. Hoxe a súa percepción cambiou por completo e conclúe: "o problema destas vacas é só un, o seu prezo, porque polo que custan dúas fleckvieh compras tres pintas".

"Para producir en ecolóxico penso que estas vacas son o propio"

As vacas de Gandería Labrador SC saen ao pasto todos os días Anxo García Expósito é un mozo de 32 anos incorporado fai pouco á explotación familiar, Gandería Labrador SC, ubicada en Lorentín (Monterroso). Desde o ano 2016 producen en ecolóxico e entregan o leite a Lactalis. "Eu xa coñecía algunha granxa de leite en ecolóxico e convencín a meu pai, porque se adaptaba mellor á nosa forma de traballar. É outra forma de producir, non te tes que esixir tanto nin a ti nin aos animais", conta. Co cambio a ecolóxico trataron de buscar animais que se adaptasen mellor ao manexo e á alimentación e aos que poder sacar tamén un maior rendemento. "De casualidade, buscando en Milanuncios gando de raza fleckvieh din con Ganados Barreira, que estaba empezando a traer nese momento animais de Austria e recomendáronnos probar. Dixéronnos que era unha raza pioneira aquí en Galicia e que ía ser moi boa. E tiñan razón, estamos encantados con estas vacas", recoñece. "En Austria lévannos moitos anos de adianto, alí en pouco tempo o 100% das explotacións van estar en ecolóxico. Eu penso que esa tendencia tamén vai ir medrando aquí nos vindeiros anos porque desde Bruxelas estase primando iso. E hai que buscar razas que funcionen mellor nese sistema", razoa.
Para o manexo son sinxelas e para min iso é importante porque témolas que botar e meter todos os días
Un dos aspectos a destacar, di, do gando fleckvieh é o seu manexo doado, xa que "son animais moi dóciles". "Para min iso é importante porque nós as vacas témolas que botar e meter todos os días. Estas son coma cas, andan detrás dun polo medio do establo, non fan como as holstein que empezan a correr dun lado para o outro, estas son moito máis tranquilas", compara. Para saíren ao pasto, as fleckvieh tamén teñen vantaxes a respecto das frisonas, considera. "As holstein tríllanse ao andar pola gravilla, estas son máis duras e non teñen problemas de patas", asegura. "Para o ecolóxico penso que son o propio: problemas de patas cero, sen mamites, fertilidade 100%, empreñan á primeira, aguantan o pico de lactación máis tempo e non tes que darlles tanto penso", describe. "É un tipo de vaca moi completa, que quizais non destaque en nada en particular pero que no cómputo xeral, para min, son as mellores con diferenza", asegura. Dobre propósito: leite e carne A día de hoxe, Gandería Labrador SC ten 70 cabezas totais, das que 12 son fleckvieh. Pero coa incorporación de Anxo á explotación van facer unha nave nova e meter 36 animais máis. Teñen pensado seguir apostando por esta raza e destacan a profesionalidade de geneticAUSTRIA GmbH, a organización encargada da promoción e exportación da raza fleckvieh, e que pertence aos gandeiros e centros de inseminación austríacos. "Están sempre moi preto dos clientes aconsellándonos e informándonos. O interese que teñen con nós sorprendeume moito para ben", di Anxo, que destaca tamén a boa adaptación das vacas chegadas de Austria a Galicia. "Hai dous anos estiven en Austria, e o clima dalí é medio parecido ao que temos aquí, agás as nevaradas que caen alí no inverno. Eses animais aquí adáptanse moi ben, non notan nada o cambio", di.
Ao ter maior lonxevidade, facilítanos medrar máis rápido, porque non necesitas tanta recría para reposición
A fleckvieh é unha raza usada en Austria con dobre propósito, é dicir, tanto para a produción de leite como de carne. "Son vacas de carne dando leite", define Anxo. Por iso, di, "á hora de envialas ao matadoiro déixanche máis. O martes pasado en Silleda vendeuse unha fleckvieh de descarte en 1.750 euros máis IVE. Unha frisona déixache menos da metade, tes que tela moi mantida para que chegue aos 1.000 euros", compara. Grazas á maior lonxevidade a respecto das holstein, ademais, son vacas que permiten medrar máis rápido a granxas como a súa, que pretenden aumentar o número de cabezas a curto prazo. "O feito de que estas vacas duren máis tamén facilita medrar ao non necesitar tanta recría para reposición. Ese é un gasto menos que hai que asumir", di Anxo. Gandería Labrador está a recriar xa da ducia de animais fleckvieh que ten, con doses de seme que tamén lles facilita geneticAUSTRIA.

"Estou vendendo xatas dun mes a 500 euros, hai moita saída para elas"

Unha das becerras fleckvieh que Casa Abuín vende para recría A raza fleckvieh é tendencia neste momento, non só en Galicia, senón a nivel mundial e iso nótase na demanda que está a haber destes animais. "Hai moita saída para vida, eu estou vendendo as becerras de 20 días a 500 euros", conta José Ángel Abuín Rubinos. El empezou a traer de Austria as primeiras xovencas fleckvieh próximas ao parto hai só 4 ou 5 meses pero a día de hoxe xa ten 14 na súa gandería, ubicada en Mazoi, no concello de Lugo. Casa Abuín conta con 40 cabezas. "Son todas vacas adultas en produción, eu non fago recría", explica José Ángel, que optou fai anos por unha solución coa que persegue valorizar os xatos. "Insemino con limusin e sácolle ás crías 250 euros e iso sumado ao que me deixa a vaca cando a mando para carne dame para pagar a reposición. Case ninguén funciona así pero a min vaime ben facendo deste xeito, sácome traballo e gastos de enriba", argumenta.
Como non fago recría e merco as xovencas para reposición, comezei a buscar razas de vacas que me durasen un pouco máis no establo
Para non ter que mercar tantos animais de reemprazo, José Ángel, que partía cunha cabana holstein, comezou a buscar razas de vacas que lle durasen máis. "Teño un pouco de todo, algunha roja sueca, montbeliard, parda alpina, pero a que máis me gusta é a fleckvieh. En calidades do leite é mellor e as xatas tamén teñen máis saída, de todas as razas a que máis se vende é a fleckvieh, debe estar de moda", destaca. Máis graxa e proteína José Ángel ten claro que cada gandeiro debe optar polo modelo de explotación que máis beneficios lle aporte en forma de diferencial entre ingresos e gastos. "Non se trata de ter medias altas, trátase do que che queda a fin de mes e unha explotación pequena coma a miña non ten que buscar litros a toda costa, ten que ir a outra cousa", defende.
Non se trata de ter medias altas, trátase do que che queda a fin de mes e unha explotación pequena coma a miña non ten que buscar litros a toda costa, ten que ir a outra cousa
"Todas as empresas están pedindo calidades", asegura. A súa, Lactalis, pasou de descontarlle 400 euros todos os meses porque non chegaba aos mínimos esixidos de graxa e proteína, a pagarlle agora 700 euros por eses conceptos. "É algo que se nota", destaca. A introdución de razas como a feckvieh valeulle para subir notablemente as súas porcentaxes de sólidos e, aínda que un terzo do seu rabaño é aínda frisón, en conxunto os niveis medios de graxa sitúanse no 4,50% e os de proteína no 3,40% para un promedio de produción de 28 litros por vaca e día.

Galacteum procura novos aproveitamentos para a graxa do leite

Derrubar os mitos que aínda pesan sobre a graxa láctea e a súa posta en valor é o obxectivo dun proxecto de colaboración que uniu á firma Galacteum, asentada en Melide (A Coruña), cuxo máximo accionista é a cooperativa Aira, e ao chef André Arzúa, propietario de Espazo Abella. Os beneficios nutricionais dos produtos derivados do leite para persoas de diferentes idades son un dos motivos que moven á firma de Melide a seguir impulsando a súa actividade de investigación para desenvolver solucións adaptadas a cada necesidade. Paralelamente, tamén xoga un importante papel a desmitificación de moitos prexuízos que existen sobre as graxas lácteas porque, como sinala o director de I+D+i de Galacteum, Anxo Pereira, "está documentado que os ácidos grasos deste tipo de graxas teñen un efecto protector fronte ao risco de cardiopatía isquémica e á súa vez reducen a diabetes de tipo 2. Falamos de ingredientes que a poboación considera prexudiciais dunha maneira prejuiciosa, cando existe evidencia científica suficiente que demostra que teñen beneficios para a saúde", subliña.

Novos produtos

Froito desta colaboración chegarán ao mercado unha serie de produtos, con solucións de ingredientes  versátiles que, ás súas propiedades organolépticas, engaden unha gran calidade nutricional e permitirán a elaboración de variedade de receitas. Entre as vantaxes destes novos desenvolvementos atópanse a resistencia ás altas temperaturas, a redución dos tempos de cociñado, a capacidade de manter texturas ou os diferentes matices dun sabor moi característico. Todo iso convérteos nun bo sustitutivo saudable das graxas puras animais. O traballo conxunto, que arrincou en setembro de 2020, estendeuse até o inicio de 2021. Durante ese período, o chef Arzúa afondou nas propiedades dos novos produtos e as súas posibilidades. "Deseñamos alternativas novas para o mercado que, ademais de ser máis saudables, ofrecerán ás persoas consumidoras posibilidades que non tiñan ao seu alcance até agora", conclúe o responsable de I+D+i de Galacteum. O resultado do traballo, que busca o valor engadido a través da innovación e a tradición, chegará aos lineais proximamente.

Complet G-P, un penso complementario que mellora a graxa e proteína do leite

Despois de varias campañas no mercado COMPLET GP consolidouse como a solución máis práctica para subir as calidades do leite nun prazo curto de tempo. O produto funciona en diferentes escenarios, tanto en granxas intensivas con producións altas como en granxas en pastoreo con producións máis baixas.

A dixestibilidade da fibra das forraxes é o factor clave nunha ración de vacún leiteiro, pois leva a máis inxesta e máis saúde ruminal, o que deriva nunhas mellores calidades.

A xestión da dixestibilidade descansa na ración deseñada. Nese sentido, Complet GP axudarache a conseguir os obxectivos que necesitas engadindo tan só 500 gramos de penso por vaca e día. Con iso lograrás:

  • Mellor porcentaxe de graxa
  • Mellor porcentaxe de proteína
  • Evitar a inestabilidade do leite asociado a compoñentes lácteos e estacionalidade.

A base de aportar fibra dixestible e aditivos que melloran a dixestibilidade da fibra da ración conseguimos unha mellora rápida das calidades.

Nuns 15 días comezamos a ver os efectos que se consolidan a partir do primeiro mes de uso.
O segredo descansa no manexo de dous índices de xestión da fibra que nacen no servizo técnico de Piensos del Sil.

IF: Indice de fibrosidade (que valora a cantidade de fibra achegada por cada materia prima).

IDF: Indice de dixestibilidade da fibra (que valora a dixestibilidade da fibra aportada por cada materia prima).

Por suposto non nos esquecemos do uso de aditivos, que nos van a axudar a conseguir os nosos obxectivos e que van potenciar o uso de materias primas.

Aditivos sen materias primas é como materias primas sen aditivos, necesitámolos aos dous no noso equipo.

Sen empregar ácido palmítico
Tradicionalmente baseamos a mellora das nosas calidades en solucións simples como engadir ácido palmítico, que pode ter algúns inconvenientes de cara ao consumidor, tal e como se puxo de manifesto en Canadá no chamado ‘buttergate’, onde o consumidor quéixase da falta de untuosidade e consistencia da manteiga (moi usada para cociñar nese país) debido á inclusión de palmítico nas dietas para aumentar a porcentaxe de graxa en leite.

Convídovos a buscar ‘buttergate’ en Google e veredes a lea que hai montada.

Complet GP non necesita a inclusión de palmítico na súa formulación para conseguir resultados, de xeito que o uso do mesmo na propia ración pode ser outra arma a utilizar. Complet GP baséase na xestión da dixestibilidade da fibra e no uso de aditivos e materias primas combinadas.

Como o camiño demóstrase andando, vexamos os resultados conseguidos nalgúns dos nosos clientes máis fidelizados ao produto.

Os clientes de maior produción atópanse entre 39 e 43 litros de media, outros móvense ao redor dos 35 e os que utilizan máis o pastoreo móvense algo por riba dos 30 litros de produción. Estas son algunhas das gráficas da evolución dos seus datos nos últimos dous anos:

Granxa 1

Comarca Sistema Producción Grasa Proteína
A Ulloa (Lugo) 2 ordeños 36 4,4 3,45
Proteína. Graxa.

Caso 2

Comarca Sistema Producción Grasa Proteína
Terra Cha 3 ordeños 41 4,01 3,5
Proteína. Graxa.

Caso 3

Comarca Sistema Producción Grasa Proteína
Terra Cha Robot 42 4,07 3,47
Graxa. Proteína.

Caso 4

Comarca Sistema Producción Grasa Proteína
Deza Robot 43 4,06 3,33
Graxa. Proteína.

Caso 5

Comarca Sistema Producción Grasa Proteína
A Ulloa Pastoreo 31 4,28 3,5
Proteína. Graxa.

Caso 6

Comarca Sistema Producción Grasa Proteína
Deza

Pastoreo 29 4,2 3,42
Proteína. Graxa.

Os datos falan sós nos gandeiros que usan COMPLET GP desde hai máis tempo. A evolución exitosa vémola nesta gráfica real nun dos nosos clientes máis veteranos. A liña vertical marca o inicio do éxito no uso do noso produto.

Evolución de graxa dunha gandería, na que se percibe unha sustancial mellorar a partir da introdución do Complet GP.

Dixemos que o camiño demóstrase andando. A que esperas para comezar? Utiliza COMPLET GP durante un mes e converterase en anos. Se necesitas calidades de leite, podemos acompañarte nese camiño.

Contacto comercial