Archives

Que razas de vacún de carne están a medrar máis en Galicia?

A rubia galega perdeu nos últimos 10 anos máis de 34.000 animais, a metade dos censados no libro xenealóxico Na última década, desde o ano 2013 ao 2022, Galicia perdeu máis de 30.000 vacas reprodutoras destinadas á produción cárnica (o 39% da súa cabana) e máis de 1.000 ganderías (o 37% das granxas existentes hai 10 anos). Pero esa diminución non foi homoxénea nin afectou a todas as razas por igual, senón que castigou especialmente á principal raza cárnica galega, a rubia galega, que perdeu neste período o 52% do seu censo de animais (pasando de 65.469 cabezas rexistradas a 31.390) e o 42% das explotacións (caendo de 2.282 a 1.310).
Razas como a limusín, a charolesa ou a blonde medran a costa da rubia galega, que perdeu máis da metade dos seus animais rexistrados
Esta tendencia á baixa na rubia galega coincide tamén no tempo cun momento de limpeza no censo, o que levou a dar de baixa no libro xenealóxico grande cantidade de animais por parte de Acruga, un purgado moi acusado que se deu precisamente no ano 2013. Pero o goteo de peche de granxas e perda de cabezas continuou nos anos sucesivos, reverténdose esa tendencia unicamente no último ano, no 2022, onde a rubia galega gañou no conxunto do Estado 10 explotacións e 15 animais (ademais de en Galicia, hai rexistrados machos e femias de rubia galega en Castela e León, Madrid, Aragón, Andalucía, Estremadura e Castela-A Mancha). Caída en picado dos animais censados Evolución do censo de animais de raza rubia galega inscritos no libro xenealóxico na última década (Fonte: ARCA)  Galicia conta neste momento con 21.331 vacas nodrizas e 468 touros de raza rubia galega, máis 9.591 xatos e xatas tanto de cebo como de recría rexistrados no libro xenealóxico. Estas cifras forman parte da base de datos oficial ARCA (Sistema Nacional de Información de Razas), dependente do Ministerio de Agricultura, e que contén datos censais actualizados de todas as razas presentes no territorio español con data 31 de decembro de 2022. O ARCA inclúe exclusivamente a aqueles animais das razas do Catálogo Oficial e que forman parte das asociacións correspondentes (no caso de Galicia, serían os animais con carta pertencentes a ACRUGA, CACHEGA, CALDEGA, FRIEREGA, LIMIAGA e VIANEGA). Moita rubia galega fóra de Acruga Evolución do censo de animais e do número de explotacións por razas en Galicia (Fonte: ARCA) Se comparamos estes datos cos incluídos no Sistema Integral de Trazabilidade Animal (SITRAN), tamén dependente do Ministerio de Agricultura, a cifra para a rubia galega elévase a 75.171 animais, segundo o último informe do 2021, con datos do 2020, o que evidencia que hai tanta rubia galega fóra do libro xenealóxico e de Acruga coma dentro da asociación, que non foi quen de aglutinar no seu medio século de historia a todos os animais e produtores no seu seo. Outro tanto pasaría noutras razas, como a limusín, e en moita menor medida coa cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa, onde as asociacións xogan un papel vertebrador fundamental que está a servir para recuperar os censos de animais, impulsados tamén polas primas nas axudas da PAC. Cada vez máis limusín Na clasificación exclúense as razas Frisona, Parda e Fleckvieh por ser de aptitude leiteira, contabilizando un total de 45 razas cárnicas, tanto autóctonas coma integradas Sexa como for, a rubia galega segue a ser a principal raza cárnica presente na comunidade, pero cunha clara tendencia á baixa. Nos últimos 10 anos (2013-2022), o censo de rubia galega pasou de 66.162 animais en 2013 a 32.145 animais no ano 2022, o cal supón unha perda de máis da metade das cabezas. Pola contra, no mesmo período a limusín aumentou un 150% o número de animais rexistrados. Isto fai que lograse xa dar o sorpasso á raza galega no ránking estatal. Segundo os datos do ARCA a nivel nacional, a Rubia Galega sigue sendo a raza autóctona de Galicia mellor clasificada, no posto número 7, pero perdendo 4 posicións na clasificación en 10 anos.
No mesmo periodo, mentres a limusín aumentou nun 150%, a rubia galega caeu en máis dun 50%
Tanto a raza de Lidia como a Asturiana dos Valles manteñen a primeira e segunda posición, respectivamente, na listaxe das principais razas de carne españolas, mentres que a Rubia Galega perde o terceiro posto, que é ocupado agora pola raza Limusina. Esta raza de orixe francés ten unha forte suba nos últimos 10 anos, cun aumento aproximado do 60% en España e do 150% en Galicia, en comparación co descenso de máis do 50% da Rubia Galega. Tamén a raza Blonde de Aquitania gaña presencia en Galicia, o mesmo que a Charolesa. Peche de granxas En canto ao número de explotacións, baixa en todas as razas autóctonas da comunidade galega, sendo a Cachena a que menor baixada ten (-1,2%), e a Rubia Galega a que máis descende (-42%). Tendo en conta as razas do Top 10 do ranking nacional, a Rubia Galega é a peor parada en todos os aspectos. Os censos de animais da raza Rubia Galega teñen un descenso dramático, que supón a perda de máis da metade das cabezas nos últimos 10 anos, en paralelo á caída producida no número de explotacións.
A rubia galega perde produtores e animais, mentres o resto de razas autóctonas galegas logran aumentar o seu censo malia pechárense explotacións
No resto de razas autóctonas galegas dase un aumento no número de animais e un descenso no número de granxas, o que indica claramente unha maior profesionalización nos últimos anos, con explotacións cada vez máis grandes. Pero a pesar de que ACRUGA perdeu un 42% das explotacións que tiña hai 10 anos, a Rubia Galega séguese mantendo na 2ª posición do ranking estatal en canto a número de explotacións con animais rexistrados. Ao igual que pasa no número de animais, a Limusina está a medrar de maneira significativa tamén no número de granxas, ao igual que o fan as razas Blonde e Charolesa.  

Recuperación dos censos de cachena, vianesa, caldelá, limiá e frieiresa malia á diminución de produtores

A raza cachena conta na actualidade con 147 produtores e 5.452 animais inscritos No territorio español hai un total de 40 razas autóctonas de bovino, das cales 6 razas son orixinarias de Galicia: Rubia Galega, Cachena, Vianesa, Caldelá, Limiá e Frieiresa. A análise da evolución dos censos e do número de explotacións revela a recuperación das razas autóctonas galegas en perigo de extinción. Todas as razas de morenas galegas teñen unha evolución positiva no período 2013-2022. A Limiá é a raza que mais medra, xa que case duplica o número de animais. A raza Vianesa ten un aumento do 19% da súa cabana, mentres que as outras 3 razas (Cachena, Caldelá e Frieiresa) aumentan aproximadamente un 25% no número de animais. A Limiá mellora o seu posto no ranking estatal de razas, a Caldelá e a Cachena mantéñense, e a Vianesa e a Frieiresa perden posicións, a pesar de que a evolución do censo de todas as razas é positivo. Profesionalización das explotacións Evolución dos censos de número de animais das razas autóctonas galegas en perigo de extinción Tendo en conta o número de explotacións, obsérvase unha tendencia clara á perda de granxas e ao redimensionamento das que quedan. Todas as razas autóctonas galegas perden produtores, de maneira moi moderada nas razas Cachena e Limiá e máis acusada na Frieiresa e na Vianesa. Así, a Cachena mantén o posto 17º no ranking español de razas por número de explotacións, a Limiá mellora 3 postos, e as outras tres razas galegas (Caldelá, Frieiresa e Vianesa) empeoran.

Como facer pradeiras no monte con mínimo laboreo usando o gando

Alejandro Salvatierra, xunto ao seu rabaño de vacas caldelás na Pontenova Como en moitos outros concellos galegos, A Pontenova sofre desde hai anos un proceso de abandono agrario e peche de explotacións que está a contribuir á forestación das terras pero que tamén abre novas posibilidades.  Alejandro Salvatierra e a súa parella, Ana Martínez, non se conforman con esta situación e tratan de reverter o abandono apostando polo gando autóctono en extensivo, logrando facer do despoboamento unha oportunidade. “Temos gando en todos os pobos arredor da Pontenova: en Santalla, en Vilaxe, en Teixidais, en Neipín e en Vilaméa. A xente vaise facendo maior e vai deixando e imos collendo nós as fincas”, explica Alejandro, que participou na última reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, adicada aos sistemas de produción de carne resilientes ás crises. Unha explotación adaptada ás dificultades da montaña A explotación de Ana e Alejandro é unha explotación adaptada ás dificultades da montaña, tanto climatolóxicas como orográficas, de pendentes e desniveis. “Na nosa zona as dificultades do terreo son evidentes. Ademais, está a competencia do eucalipto”, afirmou.   Alejandro naceu en Ferrol, fillo dunha funcionaria e un traballador de Fenosa. “Eu non estaba predestinado a isto, pero sempre me sentín atraído polo que facían os meus tíos na Mariña”, recoñece. O tío de Alejandro, Pepe Salvatierra, foi técnico de Extensión Agraria e logo xefe de explotación do CIAM.
Nalgunhas zonas os solos son tan pobres que nin para eucaliptos valen, pero si para prados
Alejandro formouse nas escolas de Sergude e Ponteareas e traballou en explotacións de leite até que no ano 2001 alugou terras na parroquia de Álvare, na Pastoriza, e tras incorporarse, comezou cun rabaño de 186 ovellas. “Convén comezar pouco a pouco, para ir adquirindo experiencia e competencia nun traballo que esixe moitos coñecementos”, asegura. No ano 2014 Alejandro trasladouse a Neipín e comezou a diversificar o gando para adaptarse a un terreo de montaña con moita pendente repleto de toxeiras e uceiras adaptadas a estes solos pobres. “Algunhas zonas nin para eucaliptos valen, pero si para prados”, asegura Alejandro.   Amansar o monte sen meter palas e tractores Pradeira establecida con mínimo laboreo, a base do traballo do gando Ana incorporárase á explotación no ano 2009 mercando 7 vacas caldelás en Maceda e Petín. Buscaban gando autóctono adaptado ás dificultades do terreo e capaz de contribuír a domesticar o monte. “Nós amansamos sen meter un tractor nin unha pala, vai amansando o gando, pero iso leva máis tempo que se fose mecanicamente”, explican. “Metemos primeiro cabra ou cabalo, dependendo do tipo de broza que haxa. A cabra, por exemplo, só come o toxo cando é novo, o vello non o come. Despois desbrozamos e abonamos e imos introducindo as vacas até que logramos o pastizal”, detallan. 
Teñen distintos tipos de gando que se complementan entre si
A súa é unha explotación gandeira complexa, con distintos tipos de gando que se complementan entre si nun sistema integral no que cada especie ten a súa función. “As cabras son animais que fomentan moito a aparición de trevo. De haber cabras no monte a non habelas hai unha diferenza bestial no engorde das vacas”, exemplifica Alejandro. “Comezamos con cero hectáreas de terra en propiedade” Ana e Alejandro levan adicados á gandeiría extensiva máis de 10 anos, nos que se foron facendo con algunhas terras e montes para traballar neste sistema que precisa, por enriba de todo, de superficie. Pero eles, comezaron “con cero hectáreas de terra en propiedade”, explican.
Nunha década levamos metidos uns 200.000 euros en fincas, que fomos apezando a base de mercar e permutar con outros veciños
A familia de Ana era caseira en Neipín e no 2016 lograron adquirir a propiedade na que levaban dúas xeracións de caseiros e onde neste momento están a rehabilitar a casa. Ao mesmo tempo, foron mercando na zona outros lugares con fincas que levaban nalgún caso 30 anos abandonadas. Dun deses lugares que mercaron quedaron coas fincas e os montes para facer pradeiras para o gando e coa casa, que venderon para a posta en marcha dun aloxamento de turismo rural, seguiron financiando a compra de máis superficie. Fincas a máis de 20 quilómetros Rabaño de ovella galega nunha pradeira situada a 18 km de Neipín Así, mercando e permutando, foron pouco a pouco facéndose con parte da base territorial que hoxe teñen. Son unhas 60 hectáreas en propiedade, situadas todas no entorno de Neipín. “Nunha década levamos gastado arredor de 200.000 euros en fincas e casas e tamén cambiamos moito cos veciños para apezar e poder ir xuntando parcelas”, explican. O resto, as fincas cedidas ou arrendadas, están distribuídas tanto polo concello da Pontenova como polo municipio veciño de Taramundi, xa en Asturias. En total, declaran na PAC 80 hectáreas, aínda que o gando pastorea moita máis superficie, aclaran, xa que hai persoas que lles ofrecen gratuitamente fincas situadas mesmo a máis de 20 km de Neipín.
Movemos o gando a medida que van acabando o pasto e procuramos que sexa axeitado para o tipo de rabaño que o vai pacer
“Movemos o gando a medida que van acabando o pasto e procuramos que sexa axeitado para o tipo de rabaño que o vai pacer”, explica Alejandro. Polo seu sistema de manexo, os peches son outra das bases da explotación. “Témolos de todo tipo, desde mallas metálicas a fíos ou mallas electrificadas”, detalla. Cabalos, vacas, ovellas e cabras A base da explotación de Ana e Alejandro é a diversificación, con distintos tipos de gando de distintas razas pero onde cada unha ten a súa función. A cabana gandeira actual está formada por 70 eguas de cría, maioritariamente de raza cabalo galego de monte; 50 vacas, maioritariamente de raza caldelá, pero tamén rubia galega e vianesa; 20 xovencas e tres touros (caldelao, charolés e rubio); 160 ovellas de raza galega (tamén os machos); e 28 cabras.
As cabras son animais que fomentan moito a aparición de trevo
Neste momento raramente ceban xatos para sacrificio, senón que os machos cruzados véndense directamente do pasto ás explotacións de cebo e as xatas véndenas para vida. “Outra das nosas actividades é adquirir gando fraco e barato, tanto vacas como eguas ou cabras, e engordalas para logo vendelas para vida a outras explotacións”, explica Alejandro. As bestas As bestas son hoxe unha parte esencial do negocio da explotación. Manteñen os pastos en bo estado, controlan o que rexeitan as vacas e as ovellas e abren zonas de mato con toxo. O seu custo de alimentación é baixo, destaca Alejandro. “Ofrécennos pastos para elas en moitos sitios, ás veces son grandes extensións pero en lugares distantes”, conta. Neste momento hai unha forte demanda deste tipo de gando, tanto para vida como para carne e “os prezos son bos”, recoñece.
Son socios de Boaga, Acruga, Puraga e Asovega
Explica que hai uns anos, a raíz da esixencia do microchip, baixou moito o número de cabalos que había nos montes e alerta do descenso en picado da poboación de cabalo galego, que pasou de 23.000 exemplares a tan só 9.000 neste momento. “Penso que estamos nun momento no que tiñan que apostar por el desde a Administración. A Xunta ten que ter claro que onde hai cabalo hai vida e darse conta de que non hai mellor solución para os montes para atallar o problema dos lumes”, afirma Alejandro.
A Xunta ten que ter claro que onde hai cabalo hai vida e tiña que apostar por el porque non hai mellor solución para o problema dos lumes
“Pero o cabalo hai que profesionalizalo”, di, “non serve telo de calquera maneira, hai que atendelo e facer manexo igual que se fai coas vacas”, defende. E explica que o cabalo leva catro ou cinco anos sendo rendible e os poldros estanse a vender por enriba dos 250 euros. As poldras novas báixaas para as fincas máis próximas, a carón das casas, para evitar os ataques do lobo, aínda que isto non é garantía ao 100%. “De vez en cando temos algún ataque, mesmo ao lado das casas”, conta. Logo, ao segundo ano xa as sobe para o monte.
Neste tipo de explotacións os cans de manexo e de protección dos rabaños son esenciais
Recoñece que “o lobo é un problema” pero di que para el “o problema principal é que a xente non se dá conta de que co modo intensivo, tanto na gandería como no forestal, estamos cargándonos o ecosistema”. “Non me preocupa que se planten os eucaliptos no monte, o que non quero é que se planten nos prados”, di. “O eucalipto non fixa poboación, por moito que nos queiran vender”, engade. Razas autóctonas Carga de xatos pasteiros cruzados vendidos a finais do mes de maio deste ano Alejandro defende a aposta polas razas autóctonas que fai na súa explotación e está tratando de mellorar xeneticamente a cabana mediante a selección. Corrupio, o touro caldelao, procede do Centro de Testaxe e na explotación conta con vacas que leva a concursos como os que se celebran en Silleda, Lugo ou O Valadouro. Por exemplo, Cabana foi varias veces campioa de Galicia. Ten máis de 20 anos. “O gando a nós dúranos moitos anos”, confesa.
No rabaño de vacas fan cruce industrial nas crías para vender pero as nais mantéñenas puras
A caldelá, di, é moi boa raza, porque “pare de case calquera touro e é unha vaca moi criadora. Hai que apostar por estas razas para despois poder meter touros cárnicos e non ter problemas”, asegura. Para facer os cruzamentos contan cun touro charolés e para manter a pureza da recría cun caldelao e outro rubio. “Apostamos por cruces coas razas autóctonas para os becerros pero as nais que queden puras”, insiste.
A xente pon outras razas porque quere os cartos rápido, pero a nosa gandería non ten problemas de enfermidades ou complicacións, que penso que ao final é do que se trata
“Facendo selección vaise mellorando a cabana, pero a xente quere os cartos rápido, por iso vai a outras razas”, asegura. Alejandro, sen embargo, valora outros factores. “A nosa gandería non ten problemas de enfermidades ou complicacións, que ao final é do que se trata; a vaca o que ten que facer é parir todos os anos e non dar problemas”, di. Explica que nas caldelás “non hai complicacións nos partos” mentres no outro rabaño, o de rubia galega, “sempre hai máis problemas”, recoñece. 

O proceso para converter o monte abandonado en pastizais

Cultivo de centeo no monte para aproveitar en pastoreo A explotación de Alejandro e Ana é un exemplo na xestión do monte con gando, tanto na transformación a pastos como na súa xestión. Están nun grupo de whatsapp no que hai 30 gandeiros, moitos rapaces novos, e o seu modo de traballar serve de exemplo para moitos deles. Tamén para Europa. Da man de Rosa Mosquera o seu modelo foi posto de exemplo na UE e a súa explotación forma parte de Afinet, unha rede europea de investigación sobre os sistemas silvopastorís no que participa o Campus Terra de Lugo da Universidade de Santiago.
Segue o modelo da carga instantánea, que consiste en introducir un alto volume de animais para que pazan a parcela o antes posible e de xeito inmediato retirar o gando
O proceso para converter o monte en pastizal é progresivo e calculado: primeiro consiste en pisar con vaca e cabalo, que come ademais os toxos, o segundo paso é introducir a cabra para que desbroce e logo entrarían as vacas e ovellas a pacer. “As cabras son animais que fomentan moito a aparición de trevo. De haber cabras no monte a non habelas hai unha diferenza bestial no engorde das vacas”, explica. O primeiro, pisar o toxo No inverno tiran rolos de forraxe monte abaixo para obrigar ao gando a pisar as zonas de toxo “Temos fincas que son un peñasco, que era monte con toxos de 3 metros de altura e que en 6 anos son pradeira”, di Alejandro satisfeito. A dureza orográfica dunha zona alta como é Neipín engade dificultade ao proceso. “Castigamos o toxo a base de pisalo coas eguas e coas vacas. Tirámoslles rolos de silo monte abaixo polo medio dos toxos no inverno para alimentar ás vacas e que sigan pisando e ás bestas dámoslles unha de cal e outra de area, se están un tempo no monte pisando unha zona onde non hai moito que comer logo levámolas a un prado para que engorden e se recuperen, nunca lles deixamos adelgazar de todo”, relata.
No monte ten que haber que comer, porque por moi cachenas que sexan as vacas, por exemplo, toxos non comen
“No monte ten que haber que comer, ten que haber pasto, porque por moi cachenas que sexan as vacas, por exemplo, toxos non comen. Non serve dicirlles aos rapaces novos que se incorporan que boten as vacas para o monte sen máis. Hai que facer xestión e manexo porque ten que haber que comer”, argumenta. Queimas controladas Queima controlada realizada en marzo de 2021 para transformar o mato en pastizal Ás veces, para axudar á implantación de pradeiras recurren a queimas controladas do mato que son realizadas durante o outono ou a primavera por persoal cualificado do Servizo de Defensa Contra Incendios da Xunta.
Estas zonas de pastizais son unha barreira natural contra o lume ao crear discontinuidade nas masas forestais
Unha vez queimado o mato, establecen distintas estratexias, ben creación de pradeiras ou ben cultivo de centeo para aproveitar en pastoreo. Estas zonas de pastizais son unha barreira natural contra o lume, ao crear discontinuidade nas masas forestais e actuar de cortalumes en caso de incendio. “Eu non son un gandeiro, son un produtor de herba” Pradeiras recuperadas no monte. Apostan por especies de herba que aguantan ben a seca e o pastoreo Malia ter un número importante de cabezas de gando de varias especies, Alejandro non se considera gandeiro senón que se define como labrego. “Eu non son un gandeiro, son un produtor de herba, que despois administro co gando como mellor me convén. A miña premisa é adaptar o gando ao terreo, non ao revés, adaptar o terreo ao gando”, asegura.  En definitiva, o obxectivo sería “lograr unha pradeira produtiva co menor gasto posible porque se o que dan as vacas o gastas todo nas vacas mal negocio fas”, razoa. “Nós abaratamos custos a base de andar co gando. Só damos ás vacas 3 meses de silo de herba, en decembro, xaneiro e febreiro, que é cando están nos patios para que descansen as fincas”, explica. Pastoreo rotativo “Non temos máis de tres días o gando nas parcelas para que non coman o retroño que comeza a saír e no inverno temos patios para que non sigan machacando as fincas e poidan recuperarse”, explica. Defende que “o pastoreo rotativo é o único xeito de que as fincas produzan porque senón machácanse moito”. Segue o modelo da chamada carga instantánea, que consiste en ter moito gando en pouco espazo para que pazan esa superficie o antes posible, no menor tempo, e de xeito inmediato retirar a carga gandeira para que rebrote a pradeira e se recupere. “Para as pradeiras é tan malo o sobrepastoreo como deixalas mal pacidas”, di.
Para as pradeiras é tan malo o sobrepastoreo como deixalas mal pacidas
Este sistema aplícao a todas as súas parcelas. “Nas fincas que recuperamos no monte facemos igual, pechamos e parcelamos para poder rotar”, explica. Este método tamén lle axuda no control das malas herbas. “Se tes o gando moito tempo acaba castigando as boas herbas pero se o moves e o rotas moito saen menos herbas malas”, di. Non empregan nin herbicidas nin pesticidas para controlar as malas herbas. “Facémolo todo manual, eu son moi artesanal”, bromea. Necesidade de árbores e sombras No verán o gando necesita sombras. Alejandro defende a plurifuncionalidade dos montes, con capacidade para acoller gando e a súa coexistencia coas árbores. “Neipín está orientado ao sur, necesitamos sombras. Cando amañamos monte imos deixando árbores para que dean sombra e para manter a capa freática máis arriba”, explica. Outra das dificultades de traballar estas zonas en pendente é o mantemento da pradeira. “Hai que ter moito ollo co sobrepastoreo en fincas moi costentas onde está a pena moi arriba, pero ao non mover a terra cando ven a seca aguanta máis a pradeira”, explica.
Non me preocupa que se planten os eucaliptos no monte, o que non quero é que se planten nos prados
Traballan con herbas que aguantan ben a seca, como o datilo, que ademais resiste o pastoreo intensivo. “É malo de implantar, pero cando logras implantalo aguanta ben o pastoreo”, di. Fai tamén trashumancia. “Movemos bastante o gando tanto dentro das parcelas como dunha finca a outra. Subimos o rabaño no verán ás zonas altas, a 1.000 metros de altitude, á serra que está fronte á Fraga da Reigada, un dos bosques autóctonos máis grandes da Rede Natura, e baixámolo no inverno ás fincas que están no fondo do val. Son tres horas camiñando co gando para cambialo”, detalla. Un cambio na orientación da PAC Alejandro defende un cambio de orientación na PAC que prime modelos de gandería extensiva fronte a un modelo intensivo de produción. “Debían apoiar máis aos que facemos unha gandería máis respectuosa e coidamos dos ecosistemas, pero o problema é que Europa segue apostando polo sistema intensivo porque os que traballamos doutro xeito non interesamos, porque somos máis autosuficientes e xeramos menor volume de negocio, porque non gastamos tanto abono, maquinaria, seme, empresas asociadas e de servizos, etc, por iso non interesamos”, quéixase. Aínda lembra cando se excluíu o pasto arbustivo da PAC. “Para nós foi un pau, perdemos de golpe as subvencións e estabamos tan desanimados que estivemos a piques de deixalo todo, pero ao final serviunos para reorientar a explotación cara a un modelo sostible menos dependente das axudas”, asegura.

“A xente nova pode vivir da gandería con calidade de vida e cun salario digno”

Sergio González Fernández é un mozo de 28 anos que o ano pasado decidiu incorporarse á gandería de vacún de carne en Montederramo, un dos concellos máis gandeiros da provincia de Ourense. Aínda que os seus pais xa tiñan unha explotación, el decidiu crear unha nova, con 40 vacas de raza Rubia Galega. Iso si, no día a día traballa conxuntamente cos seus pais, nun entorno coidado de verdes pradeiras separadas por sebes de carballos. Sen embargo, a formación de Sergio non ía para este sector: “Estudei un ciclo superior de electricidade e estiven traballando diso, pero o que me tiraba dende pequeno sempre foi o gando”. Pasado o desgusto inicial da familia -os prexuízos sociais sendo un dos principais obstáculos para a incorporación de xente nova ao campo- hoxe tanto el como os seus pais consideran que foi un acerto. ¿De onde che ven o teu apego pola gandería? Dende pequeno sempre me gustaron os animais e traballar con eles. Os meus pais, Sergio e Carmen, son de Suspiazo, unha aldea na que sempre houbo gandería. De feito, os meus avós, tanto maternos como paternos, xa vivían da gandería. Os meus pais foron aumentando e mellorando a explotación, sempre apostando pola raza Rubia Galega. Sen embargo, no ano 2001 fixéronnos un baleiro sanitario completo por brucelose, e tivemos que sacrificar as 48 vacas rubias que tiñamos. Afectou a moitos gandeiros de Montederramo e foi difícil recuperarnos porque volver arrancar desde cero foi complicado, con novos animais que tiveron que adaptarse a esta zona, na que estamos a uns 800 metros de altitude. ¿Como foi a túa incorporación? Estudei un ciclo superior de electricidade e traballei diso pero o que realmente me tiraba era a gandería. E aproveitando que o meu pai se xubilou o ano pasado e que á miña nai aínda lle quedan anos para a xubilación decidín incorporarme en febreiro do ano pasado. Recibín unha axuda de incorporación que investín na súa totalidade en comprar 30 xovencas preñadas de Raza Rubia Galega na nave que ten ACRUGA na Granxa Gayoso Castro. Como necesitaba tamén base territorial para crear a nova gandería tiven a sorte de que un gandeiro de Paredes, unha aldea cercana, que se xubilaba e non tiña relevo, alugoume a súa base territorial. Non solicitei plan de mellora, porque emprego as mesmas instalacións que a explotación da miña nai. O peor da incorporación foi a burocracia, exixen demasiados trámites burocráticos e chega a desanimarte.
“O peor da incorporación foi a burocracia”
A túa familia ao comezo non o recibiu con entusiasmo... Tomárono mal, non querían, preferían que seguise pola rama da electricidade. Pero unha vez que está todo montado dá pena desfacerse de todo isto ou deixalo esmorecer. Hoxe creo que están satisfeitos e eu tamén de incorporarme, pero creo que a Administración debían tirar máis por isto para que a xente nova viñese traballar e vivir ao rural. Teño tempo libre, neste sistema de gandería de carne en extensivo podes collerte libre un fin de semana, quitar un salario digno, organizar o teu tempo e estar en contacto coa natureza e cos animais. Aínda que é certo que tes momentos de apuro de traballo, sobre todo na época de ensilado e de sega da herba, sen embargo creo que ten moitas vantaxes. ¿Como é a túa gandería a día de hoxe? Hoxe manexamos sobre 140 hectáreas de pradeiras, nun radio de 3 kilómetros arredor do establo e neste sentido creo que esta zona é privilexiada, porque os gandeiros non temos tanto problema de falta de base territorial e o prezo da terra aquí é razoable. Das fincas, 86 hectáreas son en propiedade e o resto cedidas ou alugadas, moitas veces sen contrato, porque a xente a veces é reticente a asinar papeis. En canto ao rabaño, eu teño 40 vacas ao meu nome, todas de Rubia Galega, e un touro. E a miña nai ten un rabaño de 50 vacas de raza Caldelá e dous touros, e outro rabaño de 40 rubias e outro touro. En total uns 140 animais. A recría facémola na propia explotación, para evitar riscos sanitarios de animais que veñen de fóra, e recriamos cada ano entre 12 e 15 xovencas. En total, vimos vendendo uns 110 becerros ao ano.
“Queremos a vaca Rubia Galega que houbo na casa toda a vida: larga, non culona, menos ancha e rústica”
¿Que tipo de vaca Rubia Galega buscades na vosa gandería? Queremos a vaca Rubia Galega que houbo na casa toda a vida: larga, non culona, menos ancha e rústica, adaptada ao pastoreo e a estar fóra todo o ano. Estas características perdéronse coa selección que se fixo da raza, orientada a poñer moitos quilos de carne, e de aí viñeron os problemas nos partos. No noso caso, grazas a que nas nosas vacas xa as foramos seleccionando, só podemos ter un problema de parto en 1 ou 2 vacas ao ano. No resto pairen soas sen necesidade de axuda ningunha. Esto non só significa menos gastos veterinarios senón tamén máis vida útil das vacas, de feito temos aínda algunhas nadas no 2002, con 17 anos e que seguen parindo e criando aos becerros sen problema. As 30 xovencas preñadas que incorporei de Acruga e tamén o touro non son tanto dese tipo que tiñamos na casa, pero de momento estanse adaptando ben. ¿Que vos levou a conservar a raza Caldelá? A caldelá mantémola porque esta é a zona tradicional dela. Hai uns 25 anos que se puxo en marcha unha gandería desta raza no monte comunal na Franqueira e nós tamén empezamos a metela. É certo que é unha raza que dá menos quilos, pero engraxa moi ben entre os músculos e o seu sabor é intenso e único. Se tivo o tempo de maceración debido e se cociñou ben, o que a proba repite. De feito, para o consumo da casa criamos un becerro de Caldelá. Destacar tamén que somos socios de BOAGA, unha asociación que nos presta unha gran axuda.
“A caldelá cría mellor os becerros que a Rubia Galega”
En canto ás nais, son vacas que sacan moi ben todas as crías adiante e é unha moito máis rústica para estar fóra todo o ao. Mesmo acaba de nacer o becerro e xa se pon a mamar e as nais non teñen case problemas de mamites. Todos os gandeiros se queixan de que o prezo da carne segue igual que hai 20 anos pero os costes disparáronse. ¿Que tal vendedes os vosos becerros? Nós facemos unha cría en sistema extensivo de baixo coste de alimentación, baseado só no pasto. Os caldelaos antes tamén os vendiamos a Novafrigsa, pero os grandes matadoiros non valoran esta carne porque non se axusta aos estándares na clasificación. Por iso, dende hai un tempo estámolos vendendo todos a un carniceiro, Juan Manuel Lage, de Foncuberta (Maceda), e a verdade é que estamos contentos, aínda que o prezo sempre podería ser maior, pois é unha carne de calidade excepcional, certificada co selo de Raza Autóctona Caldelá 100%. De media estámolos vendendo sobre uns 5 euros o quilo, cun peso medio aos nove meses de 180 kilos para os machos e 150 kilos para as femias. E os de Rubia Galega vendémolos a través de Acruga a Novafrigsa, en Lugo. Todos están certificados como Tenera Gallega Suprema e o prezo si que varía máis e está como na media: ata 4,80 euros o quilo no verán e sobre 4,40 euros o resto do ano. A diferenza de prezo é importante e por iso intentamos facer agrupación de partos para que as nais pairan no inverno, de forma que lles coincida a máxima demanda de leite dos becerros cos meses de maio e xuño, cando hai máis pasto, e poder vender os becerros no verán, pero non é fácil, porque non todas as vacas quedan preñadas. Os becerros de rubia vendémolos tamén cun máximo de 10 meses de idade, sempre buscando que non pasen dos 240 kilos, pois penalizaríanos na clasificación das canais. De media vímolos sacando con 230 kilos de peso os machos e 200 kilos as becerras. Tedes moi poucas mamites na vosa gandería. ¿Como o logrades? O problema de mamite na rubia débese sobre todo a un mal secado. Intentamos secalas ben cando deixan de mamar os becerros, metendo cánulas. A caldelá, pola contra, non ten case mamites. De feito, das 50 caldelás só a 1 lle falta un teto, e ademais manteñen mellor aos becerros porque dan máis leite. ¿A alimentación das nais e dos becerros é prácticamente en ecolóxico? Si, as nais están pacendo día e noite todo o ano fóra, a excepción das rubias, que cando pairen no inverno as recollemos de noite cos becerros para previr ataques do lobo, aínda que dende que empregamos mastíns prácticamente acabouse o problema. Polo demais, as vacas aliméntanse únicamente de pasto, sobre todo de abril a agosto, que nesta zona de montaña é cando as pradeiras producen máis herba, e cando non hai suficiente pasto complementamos con silo de herba e herba seca que recollemos nós mesmos. Os becerros está coas nais mamando ata os 7 meses e os últimos 2 meses ou 2 meses e medio están no cebadeiro, onde lle damos cereais a libre disposición mediante un sistema de moxegas, e herba seca. Non estamos en ecolóxico pero, a excepción dos cereais, o resto da alimentación e da crianza cumpriría os requisitos. De feito, non empregamos herbicidas e o abonado das pradeiras é o que aportan as vacas. ¿Como manexades as pradeiras? As pradeiras son totalmente naturais, e só anovamos algunha moi de vez en cando. Antes tiñamos raigrás inglés pero non funcionaba ben nesta zona, e este ano fixemos un ensaio nunha finca de mestura de centeo con festuca: o centeo protexe a festuca da xeada e despois xa sae para arriba na primavera. As vosas vacas cumprirían todos os requisitos para a recén creada IXP Vaca e Boi de Galicia. ¿Xa estades inscritos? As vacas de desvelle vendémolas ao ano sen parir, para que engorden ben, e logo levámolas ao mercado de Silleda ou vendémolas a algún tratante que veña por aquí. De momento aínda non estamos na IXP Vaca e Boi e Galicia, pero véxoo como unha saída interesante para darlle valor ao noso gando, sobre todo para as autóctonas, porque infiltran moi ben a graxa. ¿Algún boi ou vaca que saíra da vosa gandería e que lle gardedes un recordo especial? De Contable, un boi de raza Caldelá que vendín este ano en Silleda, tiña 11 anos e foi excepcional. Capámolo e cebámolo durante 4 meses, un remate que podería ser maior, pero non me queixo do prezo. Foi un boi moi bo : manso e bo reprodutor. Non sei se volveremos ter un coma el. Tamén vendimos unha vaca Caldelá para o País Vasco e gañou o primeiro premio no concurso de carne feita á grella.
“Quero aumentar o tamaño das parcelas e seguir mellorando a xenética da Rubia Galega”
¿Que cambios che gustaría facer á túa gandería e como ves o teu futuro en Montederramo? Gustaríame mantela como estamos, mellorar a calidade e a produción de herba das pradeiras, concentrar as fincas para que teñan un tamaño maior e seguir mellorando a xenética da raza Rubia Galega, recuperando esa liña tradicional de vaca máis larga, non tan culona e cunha capa de cor intermedia entre o rubio da limousin e o branco da blonda. E por suposto, manter e mesmo aumentar o rabaño de Caldelás. En canto á administración, debería manter os servizos para a xente que vivimos no rural, como internet, que non chega a moitas aldeas e que hoxe é imprescindible para a vida diaria, ou os servizos agrarios. Montederramo é o concello con máis vacas da provincia de Ourense, e non temos oficina agraria, temos que ir a Castro Caldelas. E dende o concello tamén se debería apoiar máis a gandería, que é a base económica deste municipio.

A gandería de Sergio en imaxes: 

 

“As vacas de raza Caldelá son auténticos diamantes en bruto”

Javier Blanco e María del Mar Fariñas son unha parella de gandeiros que teñen unha explotación de vacún de carne en extensivo en Foncuberta, no concello ourensán de Maceda. En algo máis de dez anos este matrimonio conseguiu non só vivir dignamente do seu traballo, senón ser un referente en produción de carne de alta calidade de raza autóctona Caldelá. Pero tamén ter calidade de vida e vivir sen estrés. Porque a ocupación durante máis de dez anos de Javier foi o transporte por estrada, e o que empezou como un hobby, alugando algunhas fincas e metendo algunhas vacas de carne, acabou sendo a súa profesión. ”Empezou como un hobby, pero foime gustando e no ano 2007, con 30 anos, retireime do transporte e metinme na gandería”. Contento da decisión tomada? “Hai moitos días que si e algúns que non”, bromea. Pero asegura convencido de que o cambio foi a mellor: “Deixei o transporte pola presión dos clientes, polo teléfono, polas carreiras, por andar a presión todos os días, un estrés que nalgún momento che chega a afectar á saúde. Na gandería tamén tes que correr, pero é un ritmo máis libre, non tan atado”, explica. Hoxe contan cuns 190 animais de raza Caldelá, entre vacas e recría, e venden uns 130 becerros ao ano. A base territorial, arredor de 300 hectáreas, a maior parte en aluguer, é a única fonte de alimentación do gando, tanto en forma de pasto, como de herba seca e silo de herba. 0% de gasto en penso e máximo aproveitamento dos prados e do monte baixo.

Por que elixiu a raza Caldelá?

Nos primeiros anos Javier probou con tres razas: Limiá, unha raza autóctona galega, Asturiana de los Valles e Caldelá, que mantiña en tres lotes separados en tres fincas. “Pero pasado o tempo concluín que os animais que mellor se adaptan a min e ao terreo que temos aquí son os de raza Caldelá. Pode ser porque os animais que me tocaron son máis dóciles, de mellor manexo, e en xeral son máis rústicos e teñen moitas menos complicacións”, explica. No caso da raza Asturiana recoñece que “trae unhas crías moi boas, pero se tes 20 vacas para sacarlle 10 crías tes que botar día e noite con elas porque ou non mama o becerro, ou hai que tirarlle pola cría no parto, ou hai que munguila...etc”. Pola contra, destaca que “a unha destas vacas de Caldelá véxoa parir e marcho, non fai falta asistila nada no parto nin tampouco tes ningún problema de mamite por picadura de mosca”. Unha proba da rusticidade e adaptación ao medio destas raza é que a mortalidade non supera o 2%.
“Coa Caldelá esqueces os problemas de parto e como moito a mortalidade é do 2%”
“As vacas que teño aquí eu considéroas como uns diamantes en rocha, aos que o único que falta é tallalos para vendelos”, afirma con orgullo Javier. A media de partos por animal supera os 10, sendo raro que baixen de 15, e mesmo hai un exemplar, nada no ano 1996, que xa leva 19 partos, e sen ningún problema de saúde. Os encargados de manter a pureza do rabaño e mellorar as súas características son 3 touros: Opio, un impresionante exemplar de 9 anos de idade; Duque, o seu sucesor natural, con 3 anos de idade, e a última incorporación, Corzo, de ano e medio. Para realizar os cruzamentos e evitar a consanguinidade Javier conta coa axuda dos técnicos de Boaga, a asociación da Consellería de Medio Rural que se encarga de preservar e promover as razas autóctonas galegas. No caso desta gandería, recrían co obxectivo de manter a pureza da raza Caldelá e das vacas e touros con maior puntuación. Así, cada ano veñen recriando entre 20 e 30 becerras daqueles animais máis dóciles. “Non busco que sexan vacas de andar pola corda, que si que as teño, pero si que sexan de fácil manexo. E logo que teñan largueza, conformacións e que as nais teñan aptitude leiteira para alimentar ben aos becerros”, explica. Así, aos 8 meses Javier separa as becerras das nais e méteas nun lote de recría no que estarán ata os 18 meses. A continuación pasan ao lote xeral, onde están as vacas nutrices e os touros, onde son inseminadas por monta natural. Un terceiro lote é o dos animais de mellor xenética, de onde saen as futuras nais.

Un sistema eficaz e barato para crear pasteiros en zonas de monte

Estes animais de raza Caldelá aliméntanse exclusivamente a base de herba, ben sexa pasto, ou silo de herba e herba seca nos meses nos que as pradeiras non producen o suficiente. Son en total 300 hectáreas, das que 110 están en zona de alta montaña con pasto arbustivo. “É unha finca que collín hai 3 anos e era monte puro pero hoxe a vexetación non supera os 40 centímetros, e acabarei conseguindo que sexa unha pradeira”, asegura Javier con convicción. Nas outras dúas fincas, que suman arredor de 90 hectáreas cada unha, este gandeiro puxo en práctica un sistema de baixo custo para facer as pradeiras. “Aquí a xesta máis delgada que había era máis gorda que un brazo e hoxe ségase toda. Pero leva o seu tempo facer unha pradeira”, asevera.
Emprega o centeo como cultivo intermedio para facer pradeiras
¿Como fai?: “Primeiro dividina en cuadrículas e en cada unha vou metendo o gando para que aproveiten toda a materia vexetal que podan. Logo rozo e decrúo, e semento centeo en setembro ou na primavera, que as vacas van pacendo, e no mes de setembro volvo arar e semento xa a pradeira permanente”, explica. O centeo non só lle permite controlar o toxo, senón que mellora a textura e estrutura da terra, ao tempo que proporciona forraxe para o gando, que o pace sucesivas veces. En canto ao abonado das pradeiras, neste sistema extensivo e de mínimo custo, o único fertilizante son as excretas das vacas, e de vez en canto algún xurro de porcino dunha granxa cercana, sobre todo para as pradeiras destinadas a silo de herba. Pero proximamente teñen previsto pasar a estar certificados en ecolóxico polo que limitarán tamén as pasadas de xurro.

Vende os becerros con 7 meses porque considera que lle é máis rendible

Nesta gandería procuran ter partos todo o ano, de forma que cada trimestre venden sobre 30 becerros. “A tendencia natural destes animais é concentrar os partos na primavera, cando hai máis pastos. Pero logro repartilos ao longo do ano botando as xovencas e as vacas ao lote no que están os touros de forma escalonada”, asegura. En canto aos rendementos dos xatos, móstrase satisfeito xa que, malia ter menos peso por canal que outras razas, non presentan problemas de parto ou saúde e requiren moita menos atención e gastos de alimentación. Ata hai 3 anos cebaba os becerros na propia gandería, pero dende entón véndeos directamente como becerros pasteiros a un cebadeiro de Ourense. “Véndoos cuns 6 meses e desta forma é máis rendible, e desenténdeste de mercar cereal e de asegurarte logo a venda”, destaca. Os xatos levan o selo de Ternera Gallega Suprema e para Javier as calidades da carne de raza Caldelá “son excepcionais”. “É un sabor e unha textura moi diferente á doutras razas”, subliña. Porén, critica que os prezos non acompañan como debera: “Seguimos cobrando os becerros a 4,5 euros máis Ive o quilo, dentro dunha IXP que ten moita demanda como é a Ternera Gallega Suprema, sen embargo vas a Extremadura, onde teñen excedente de carne, e o prezo para o gandeiro é similar, a 4 euros”. “Non se entende”, afirma. A outra vía de ingresos é a venda de vacas para desvelle, das que destaca que “facéndolles unha boa ceba en base a pasto e un remate con cereal, pódese gañar cartos”. Non así, segundo Javier, no caso dos bois: “Probei a castrar 3 e cebalos pero non me saen os números”.
Anterior
Siguiente
Opio, o boi xefe do rabaño, con 9 anos de idade

"Os gandeiros temos que facer os pasteiros no monte e no val as fincas de concentración están con piñeiros, é un sinsentido”

En Maceda, como noutras zonas de Galicia, pero aínda máis agravado polo abandono e o despoboamento das comarcas de Ourense, dáse o paradoxo de que existen centos de hectáreas abandonadas pero ás que gandeiros como Javier non poden acceder ao seu uso para crear riqueza e, de paso, previr os lumes forestais. “Aquí hai moitísima terra abandonada que os propietarios nin sabes onde están, e no caso de atopalos nin cha venden, nin cha alugan, nin cha ceden. E logo está o tema da ordenación dos cultivos, porque o que non podemos é plantar os piñeiros nos vales e facer as pradeiras nos penedos, como estamos a facer agora”, denuncia este gandeiro. Critica tamén que as zonas de concentración parcelaria na comarca estanse destinando a facer plantacións forestais, principalmente de piñeiro, sen que a Xunta de Galicia ou o concello interveñan. “Isto pasa en toda a contorna, en Maceda ou en Vilar de Barrio ves máis do 60% das parcelas de concentración parcelaria con plantacións forestais”, advirte.
 “Nesta zona o 60% das fincas de concentración parcelaria agraria están plantadas a piñeiros”
Isto leva ao paradoxo de que os poucos gandeiros que quedan nestas zonas do interior teñan incluso dificultades para cumprir os máximos de carga gandeira, con miles de hectáreas ao seu redor abandonadas. Como exemplo, Javier cita o da parroquia de Foncuberta: “Quedamos tres ganderías, unha de vacún de leite, e dous que temos razas autóctonas de carne. Grazas a que nos entendemos entre nós, pero moitas veces vémonos afogados para cumprir a carga gandeira porque non temos onde ampliar a nosa base territorial”. Ademais, destaca que ordenar o territorio tamén redunda na produtividade dos animais, a parte de menos gastos para os gandeiros. “Canto máis superficie teñas e máis concentrada, mellor podes ter os animais, mellor manexo, menor estrés lles causas e eles van ser máis produtivos”, subliña. Por non falar do decisivo papel que xogan as praderías para previr os lumes forestais. Algo que viviron hai poucos anos en Foncuberta: “En Maceda houbo un importante incendio que comezou nun piñeiral e era moi difícil controlalo. Pero cambiou o aire e veu cara esta pradeira onde están as vacas, arderon 100 metros lineais e o lume apagou el solo”.