Archives

A Fundación Caixa Rural Galega convoca a III Edición de Bolsas de Posgrao

Un ano máis a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas acaba de facer pública a terceira edición das bolsas para estudos de posgrao.

En concreto convócanse dúas bolsas cun límite máximo de dotación de 40.000 euros cada unha para o estudo dun máster nunha universidade de recoñecido prestixio nacional ou estranxeira.

A contía da bolsa poderá utilizarse para cubrir gastos de matrícula e aloxamento. O importe final dependerá da localización do centro no que se realicen os estudos e do custo do programa do máster.

Para poder optar a algunha das bolsas, os solicitantes deberán ter un título universitario, ter vinculación con Galicia, podendo ser estudantes recentemente licenciados ou profesionais que xa estean a traballar na actualidade.

A selección dos bolseiros basearase en criterios como a formación académica previa do solicitante, a traxectoria profesional, no caso de que exista e o proxecto de estudos a realizar, así como a súa aplicación posterior prevista.

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, creada en outubro de 2021, ten como obxectivo contribuír a promover a investigación e a educación, de forma prioritaria no sector agroalimentario e forestal e con especial atención aos estudos superiores. Todo iso co propósito de perseguir a excelencia e especialización dos nosos profesionais presentes e futuros para que iso poida reverter no progreso e a mellora das actividades produtivas de Galicia. Entre as súas prioridades está a convocatoria de bolsas para a realización de estudos superiores ou masters coa finalidade de formar a profesionais nos centros máis vangardistas co propósito de que poidan achegar coñecemento ao tecido industrial galego.

O prazo de solicitude estará aberto ata o 31 de maio e as solicitudes, do mesmo xeito que as bases desta convocatoria, poderán atoparse na páxina web www.fundacioncruralnotario.gal no apartado de convocatorias.

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas dá unha bolsa á estudante Ana Seijas para ampliar estudos en nanobioloxía

A estudante lucense Ana Seijas, graduada en química e bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela obtivo unha bolsa da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas para ampliar a súa formación cun Master sobre nanobiología e fotónica que realizará na Universidade Saclay de París. A bolsa permitirá sufragar o custo da formación así como os gastos da estancia da beneficiaria.

A seleccionada destacou entre os solicitantes tanto polo seu currículo previo como as materias obxecto da formación a realizar, así como polo feito de que se levará a cabo nunha das universidades máis prestixiosas do mundo.

No acto de recepción da bolsa, a nova bolseira da Fundación agradeceu o apoio prestado e manifestou que entre as súas intencións está formarse para dedicarse á investigación en ámbitos biolóxicos e sanitarios e, de ser posible, en relación co alzheimer.

O Presidente da Fundación, Tomás Notario, destacou as aptitudes da bolseira e transmitiulle o desexo de que a bolsa sirva de estímulo e acicate para alcanzar as cotas que se teña proposto. Ademais, xunto a Manuel Varela, presidente de Caixa Rural Galega, manifestaron o orgullo que supón para a Fundación poder axudar a persoas como Ana a conseguir os seus propósitos, así como para que sirvan para alcanzar un grao de excelencia que resulte útil para a comunidade en xeral e para Galicia e Lugo en particular. Adicionalmente, ambos lle transmitiron o seu desexo de que a súa actividade profesional e investigadora futura poida desenvolverse en Galicia.

O resto de membros da Fundación desexáronlle unha feliz estancia en París, así como un máximo aproveitamento da oportunidade que ten de ir a unha universidade de prestixio para nutrirse dunha magnífica experiencia persoal e profesional.

No acto estivo presente Alexandre Rico, bolseiro pola Fundación en 2022 para a realización dun Master de medicina veterinaria preventiva na Universidade de Davis California, para transmitir o seu agradecemento, tanto pola achega económica, como pola confianza depositada nel, que lle serviu para afianzar o seu convencemento de que a aposta realizada de optar a este tipo de formación de máximo nivel no estranxeiro sería un acerto para el. Aproveitou para informar da súa estancia en Estados Unidos, ademais da súa intención de retornar a este pais para doutorarse.

Ademais de recibir os eloxios e a satisfacción da Fundación por contribuír á súa traxectoria formativa, Alexandre aproveitou para darlle algún consello a Ana como futura bolseira, como ir coa mente moi aberta e enriquecerse dunha experiencia de gran valor, tanto pola formación á que accederá, como polo contacto con persoas doutros países e culturas.

Reunión das asociacións do cooperativismo de crédito mundial en Santiago coa Caixa Rural Galega de anfritioa

O sector do cooperativismo bancario e de crédito reuniuse en Compostela coa Caixa Rural Galega como mestra de cerimonias. Este encontro celébrase en paralelo ao Eurofi Financial Forum 2023 que se celebra do 13 ao 15 de setembro. No tocante ás entidades cooperativas bancarias, a súa reunión foi un intercambio de informacións e impresións sobre os diferentes marcos lexislativos que afectan directamente ás entidades reunidas en Compostela.

Caixa Rural Galega exerceu de anfitrioa nunha cea, organizada xunto coa Unión Nacional de Cooperativas de Crédito (Unacc) e a Asociación Europea de Bancos Cooperativos (EACB), que se celebrou este mércores en Santiago de Compostela e á que asistiron representantes das cooperativas de crédito españolas e de diversos países como Alemaña, Francia, Italia, Países Baixos, Xapón ou Australia. Ademais participaron o Director Xeral de Apoio ás Reformas Estruturais da Comisión Europea, Mario Nava e a Vicegobernadora do Banco de Francia, Sylvie Goulard.

O obxecto da mesma foi a posta en común das experiencias dos distinto grupos de cooperativas de crédito xa sexa no ámbito económico en xeral como no ámbito regulatorio en particular.

O evento que tivo lugar na capital galega, celébrase paralelamente ao Eurofi Financial Forum 2023 que está a ter lugar os días 13 ao 15 de setembro en Santiago de Compostela con carácter previo á reunión informal de ministros de Economía e Finanzas latinoamericanos e europeos que se desenvolve no marco da Presidencia española do Consello da Unión Europea. Está previsto que estes días a capital galega congregue a máis de 1.600 persoas duns 60 países, nunha contorna das máis influentes no ámbito económico e financeiro.

O sector cooperativista de crédito español estivo representado nesta cea, ademais de por Manuel Varela e Jesús Mendez, Presidente e Director Xeral de Caixa Rural Galega, por Cristina Freijanes, Secretaria Xeral da Unacc, Luís García Lozano e Alberto Sainz dos Terreros, Directores de Auditoría e Asesoría Xurídica da Asociación Española de Caixas Rurais (AECR) e David Murano, Subdirector Xeral de Caja Ingenieros.

Convocada a segunda edición das bolsas Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas para estudos de posgrao

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas acaba de facer pública a segunda edición das bolsas para estudos de posgrao. Concretamente convócanse dúas bolsas cun límite máximo de dotación de 40.000 euros cada unha para a realización dun master nunha universidade de recoñecido prestixio tanto nacional como estranxeira. O importe da bolsa poderá destinarse a matrícula e estancia, e o importe definitivo dependerá do lugar, do centro no que se realicen os estudos e do programa do master.

O prazo de solicitude xa está aberto ata o 30 de abril e as solicitudes poden presentarse na súa páxina web www.fundacioncruralnotario.gal, onde tamén están publicadas as bases desta convocatoria.

Para poder optar a algunha das bolsas, os solicitantes deberán ter un título universitario, ter vinculación con Galicia e poderán ser estudantes recentemente licenciados ou profesionais que xa estean a traballar na actualidade. A selección dos bolseiros basearase en criterios como a formación académica previa do solicitante, a traxectoria profesional, no caso de que exista e o proxecto de estudos a realizar, así como a súa aplicación posterior prevista.

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas foi creada en outubro de 2021 co propósito de contribuír a promover a investigación e a educación, de forma prioritaria no sector agroalimentario e forestal, con especial atención aos estudos superiores. Todo iso co obxectivo de perseguir a excelencia e especialización dos nosos profesionais presentes e futuros para que poida reverter no progreso e a mellora de actividades produtivas de Galicia.

Entre as súas prioridades iniciais está a convocatoria de bolsas para a realización de estudos superiores ou masters coa finalidade de formar a profesionais nos centros máis vangardistas co propósito de que poidan achegar coñecemento ao tecido industrial galego.

Caixa Rural Galega recibe a visita do equipo ciclista do seu Grupo con motivo do ‘Gran Camiño’

O equipo ciclista Caja Rural Seguros RGA visitou este mércores a sede de Caixa Rural Galega para recibir os ánimos e apoio do persoal da entidade, na xornada previa ó inicio da proba ciclista O Gran Camiño, que se celebra desde hoxe e ata o domingo en Galicia.

O presidente da entidade, Manuel Varela, así como o director xeral, Jesús Méndez, deron a benvida aos ciclistas a Lugo e a Galicia, agradecendo a visita á sede de Caixa Rural Galega, o que supón para a Entidade unha gran honra e unha enorme satisfacción.

Manuel Varela aproveitou para recoñecer o labor e o mérito duns deportistas que, ademais de levar o nome do Grupo Caja Rural e da compañía aseguradora Seguros RGA pola xeografía nacional e mesmo internacional, levan o esforzo e a entrega a niveis máximos. Nunha distendida charla, desexou moitos ánimos e éxitos nesta proba que trouxo a Galicia aos mellores equipos ciclistas do momento e a corredores da talla de Jonas Vingegaard, gañador do último Tour de Francia.

Para finalizar a visita, o Presidente da Entidade desexoulles unha magnífica estancia en Lugo e en Galicia, onde, aparte de competir, lles animou a gozar do entorno e sobre todo da magnífica gastronomía galega.

A histórica visita celebrada hai máis de 35 anos en Lugo.

A histórica visita de hai algo máis de 35 anos

O equipo ciclista xa visitara a sede de Caixa Rural Galega 35 anos atrás, cando en 1987, o primeiro ano como equipo profesional, o equipo Caja Rural participara na Volta a Galicia.

Aquel histórico Caja Rural contou con lendas do deporte das dúas rodas como Marino Lejarreta, Mathieu Hermans ou Pello Ruiz Cabestany e aportou grandes momentos aos afeccionados á bicicleta dos que, aínda hoxe, moitos gardarán lembranzas. Naquela ocasión, o equipo fora recibido igualmente na sede de Montero Ríos en Lugo polo entón vicepresidente José Quintás Leal e o que fora director xeral Arcadio López Lens.

No equipo que presenta este ano Caja Rural ó Gran Camiño destaca en especial o ecuatoriano Jefferson Cepeda, considerado un dos principais candidatos ó triunfo final.

Caixa Rural Galega celebra o Día Solidario duplicando a súa achega a Cáritas

Todas as entidades que forman o Grupo Caixa Rural e o equipo ciclista Caixa Rural-Seguros RGA uníronse para achegar o seu gran de area a un proxecto solidario. O Día Solidario, que conta co apoio e a implicación de todos os empregados do Grupo Caixa Rural, tivo lugar o xoves 29 de setembro. Esta vez, debido á situación socioeconómica, o Grupo apostou por duplicar a súa achega, doando o 20% das pólizas de seguros que se venderon ese día.

O obxectivo do Grupo é colaborar co labor de Cáritas a través do seu Programa de Acollida e Atención Primaria, un programa que cobrou especial relevancia na actualidade, coas economías familiares afogadas pola situación económica e coas dificultades derivadas da guerra de Ucraína.

Para dar visibilidade á acción, dende o Grupo Caixa Rural traballaron nunha imaxe identificativa do Día Solidario. Trátase dunha man cos dedos índice e corazón levantados formando unha V. É un símbolo de paz, solidariedade e vitoria, o xesto que une ao Grupo Caixa Rural, porque representa:
-O símbolo mundial da paz, que vai da man da solidariedade do Grupo Caixa Rural.
-A vitoria e o éxito, tanto do equipo Caixa Rural-Seguros RGA como do Grupo.
-A V da cor verde que identifica o Grupo Caixa Rural.

“Caixa Rural Galega e o resto de entidades que forman Grupo Caixa Rural, ademais dos seus empregados, deron visibilidade aos vídeos e imaxes co xesto do Día Solidario en redes sociais e nos seus perfís de Whatsapp, facendo que a solidariedade e o labor social sexa a protagonista deste día”, indican dende a entidade.

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas entrega a primeira beca por excelencia académica

O presidente da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas e o presidente da Caixa Rural Galega Manuel Varela entregaron ao meirense Alexandre Rico Fernández unha beca dotada con 40.000 euros pola súa excelencia académica obtendo a admisión na Universidade de California, unha das máis recoñecidas internacionalmente no ámbito veterinario. Esta axuda concédese para a realización dun Máster en Medicina Preventiva Veterinaria.

O bolseiro, ademais de agradecer a selección da súa candidatura para a concesión da bolsa, comentou a súa intención de desenvolver a súa carreira profesional en Galicia e destacou a súa ilusión e compromiso co sector gandeiro, do que procede e coñece ben, así como coa Fundación para que o seu desenvolvemento profesional e experiencia sirvan para mellorar as capacidades do sector agrogandeiro galego. Alexandre Rico, que tamén comentou o calendario do máster financiado, viaxará nos próximos días a California para iniciar o mesmo.

Pola súa parte, Tomás Notario felicitou ao beneficiario destacando, tanto a súa condición de gañador da primeira beca, como a satisfacción pola idoneidade do seu perfil e a finalidade dos seus estudos. Do mesmo xeito, Manuel Varela fixo fincapé “no orgullo que representa para a entidade e para a fundación a concesión desta bolsa a un candidato que responde con creces ás expectativas establecidas”.

En canto á liña de estudo do meirense é necesario sinalar que a súa vocación polo mundo gandeiro vénlle de neno xa que naceu no seo dunha familia de veterinarios e gandeiros da Terra Chá, sendo por iso perfecto coñecedor do ambiente rural e da comunidade láctea. Entre as motivacións de Rico para estudar lonxe da súa terra está a capacitación para poder achegar valor á nosa comunidade, considerando que á súa xeración correspóndelle pasar de ser observadora a ser protagonista no devir do rural galego, que está fortemente ligado aos sectores agroalimentario e forestal.

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas adxudica a primeira bolsa para estudos de posgrao

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas resolveu a primeira convocatoria de bolsas para Estudos de posgrao coa concesión dunha bolsa a Alexandre Rico Fernández, un estudante de Meira (Lugo) de 25 anos, que actualmente se atopa cursando un programa de intercambio en Estados Unidos sobre a análise de diferentes estratexias de tratamento de enfermidades, así como a implementación e manexo de datos en granxas.

Alexandre graduouse en Veterinaria na Facultade de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela e decidiu ampliar a súa formación viaxando a Estados Unidos, concretamente a Minnesota, para realizar un programa de intercambio universitario. A concesión da bolsa da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, dotada cun máximo de 40.000 euros, permitiralle cursar un Máster en Medicina Preventiva Veterinaria impartido pola Universidade de California en Davis (EE.UU).

A Alexandre Rico a vocación polo mundo gandeiro vénlle de neno, xa que naceu no seo dunha familia de veterinarios e gandeiros da Terra Chá, sendo por iso perfecto coñecedor do ambiente rural e da comunidade láctea. Ademais de destacar por méritos académicos, Alexandre tamén destacou no aspecto deportivo formando parte da Selección Galega de fútbol sala sub-14, sub-16 e sub-19 e foi membro do persoal do Azkar Lugo ata 2019.

Entre as motivacións de Alexandre para estudar lonxe da súa terra está a capacitación para poder achegar valor á nosa comunidade, considerando que a súa a xeración correspóndelle pasar de ser observadora a ser protagonista no devir do rural galego, que está fortemente ligado aos sectores agroalimentario e forestal. Considera que é o momento de dar un paso á fronte, de asumir o compromiso coa terra e de aceptar o desafío de prosperar.

Para a Fundación, Alexandre cumpre todos os obxectivos que se perseguen coa concesión da bolsa xa que tanto o máster como o centro onde cursará os seus estudos son de máximo nivel e vangarda internacional, o que permite perseguir a excelencia e especialización que se pretenden, co obxectivo de que todo iso poida reverter no progreso e na mellora das actividades produtivas e por tanto ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia.

 

O beneficio neto de Caixa Rural Galega increméntase nun 10% no exercicio 2021

Caixa Rural Galega celebrou a súa Asemblea Xeral anual este sábado coa presenza do Consello Reitor da cooperativa de crédito, presidida por Manuel Varela, e os representantes das Xuntas Preparatorias. O punto máis relevante da orde do día foi a aprobación das contas do exercicio 2021, das que destaca un beneficio neto que acadou os 6,32 millóns de euros, o que supón un incremento do 10% respecto do ano anterior.

Deste xeito, Caixa Rural Galega enlaza nove anos consecutivos medrando na cifra de resultados, concretamente desde o ano 2013 que supuxo o primeiro exercicio con incremento de resultado neto tras a crise financeira de 2008. As contas recollen uns activos que superan os mil setecentos corenta millóns de euros e que supoñen un crecemento do 18% respecto do ano anterior.

Os depósitos de clientes superan os mil cincocentos millóns de euros e a inversión crediticia acada preto de setecentos sesenta e oito millóns de euros, o que supón para ambas partidas crecementos do 20% e do 11% respectivamente. A morosidade pechou o exercicio no 2,65% cunha baixada de preto dun punto respecto do exercicio anterior na liña dos últimos anos.

Precaución e cambio de tendencia

Desde a entidade, prevese un cambio de tendencia debido ao freo da recuperación económica froito das incertezas ocasionadas polo conflito bélico en Ucrania, a evolución dos prezos e os problemas nas cadeas de subministracións. A ratio de solvencia acada o 15,24% cumprindo, como en anos anteriores, os requirimentos do regulador e incrementándose en preto dun punto respecto do exercicio precedente.

O presidente da corporación Manuel Varela destacou que “o panorama global actual está cheo de cambios, retos e incertezas debido a sucesos moi diversos como o Brexit, a pandemia, o estalido do conflito en Ucraína, unido á maior revolución tecnolóxica da humanidade. Este avance imparable da tecnoloxía afectou especialmente ao colectivo da xente maior, que se sentiu inxustamente tratada nun servizo fundamental como é a banca. É neste punto no cal a entidade adquire o seu verdadeiro valor xa que o primeiro obxectivo de Caixa Rural Galega é serlle útil á xente, sempre sen abandonar a senda da rendibilidade para poder seguir medrando”.

Unha situación económica positiva

En relación ao estado actual, Varela afirma que “tras a enorme caída da produción en 2020, o ano 2021 comezou cunha relevante recuperación, pero sucesivos brotes de Covid, e un brusco, intenso e de momento persistente aumento da inflación, entre outros factores, frearon a recuperación, deixando a España entre os países máis atrasados neste sentido. Esta situación ten un impacto directo sobre a capacidade real de gasto dos fogares e as marxes empresariais, e a súa duración dependerá do conflito no leste de Europa e de como se comporte o turismo, entre outros factores”.

Igualmente, o presidente fai fincapé en que “Caixa Rural Galega volve presentar cifras récord tanto en investimento crediticio como en depósitos, con crecementos sostibles ano tras ano, e é no crecemento destes últimos no que se pode ver a confianza que os clientes veñen depositando na entidade”. Doutra banda, detalla que “o cambio de rumbo da autoridade monetaria debido á inflación, suporá subidas de tipos de interese na segunda metade deste ano, que se espera sexan moderadas, pero permitirán ao sector mellorar a rendibilidade dos activos e con iso fortalecer a solvencia”.