Archives

“O caderno dixital ou a condicionalidade da PAC van ser de obrigado cumprimento, si ou si”

A normativa europea que emana do Pacto Verde, un acordo acadado entre todos os estados membros da UE para loitar contra o cambio climático, como é o caderno dixital, a condicionalidade, os ecoesquemas, o real decreto de nutrición sostible de solos ou as novas esixencias en benestar animal van ser de obrigado cumprimento, por moito que o Ministerio de Agricultura e a Comisión Europea se viran agora obrigados a aprazar a súa entrada en vigor obrigatoria, ante as protestas dos produtores. Así, o avanzou este luns o xefe de área do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), José Luis Acción Porto, na primeira xornada do II Foro Empresarial Lácteo “Retos das ganderías de leite no horizonte 2030”  que esta semana se celebra no concello coruñés de Coristanco. José Luis Acción presentou unha ponencia sobre a adaptación dos produtores lácteos á normativa vixente. Como punto de partida, defendeu que “Galicia é unha rexión privilexiada para a produción de leite, e así o ven tamén as industrias lácteas, pois reunimos unhas óptimas condicións climáticas para a produción de forraxes, un nivel xenético e tecnolóxico nas granxas que é punteiro e un capital humano cunha elevada capacitación. Pero tamén porque en Galicia só estamos empregando un 50% da superficia agraria útil (SAU) que temos dispoñible, polo que temos moita marxe para seguir incrementando a produción de leite e de forma sustentable nos vindeiros anos”. Sen embargo, recoñeceu que a falta de ordenación do territorio levou a que os produtores galegos saisen perxudicados nas axudas da PAC. “Para as ganderías de vacún de leite as axudas da PAC veñen representando entre 0,02 e 0,03 euros por litros, ou o que é o mesmo sobre o 11% dos ingresos, que nos momentos de baixos prezos do leite permítelles manter as rendibilidade das explotacións”. “Non obstante, -advertiu- na nova PAC, as explotacións máis intensivas, con máis carga gandeira en relación a superficie que poden declarar na PAC -o ideal é 2 UGM por hectárea- , van ser máis perxudicadas nas axudas. A iso temos que engadir que polo proceso de converxencia, os dereitos de vacún de leite vanse ver recortados para irse equiparando con outros sectores con menor valor dos dereitos”. Neste sentido, destacou que a gran materia pendente é incrementar a base territorial declarada na PAC das gandarías de vacún de leite galegas intensivas, que representan a maior parte da produción da comunidade.

Caso práctico: Unha gandería de vacún de leite que decidiu apostar por producir a baixo custo

A continuación, os participantes na xornada -uns 60, entre gandeiros, técnicos e estudantes- analizaron o caso práctico dunha gandería galega de vacún de leite que decidiu apostar pola producion a baixo custo para ser máis sustentable no tempo. En concreto, pasou de 8000 a 5.900 litros de producción por vaca e ampliou a súa base territorial declarada ata as 105 hectáreas de forma que a carga gandeira reduciuna a 2,16 UGM, unha decisión que nun contexto de bos prezos do leite non foi entendida por boa parte dos participantes. “Neste caso o propietario decidiu producir menos leite pero cun baixo custo de produción co cal a marxe por litro de leite é maior e está menos exposto a entrar en perdas en caso de que baixe o prezo do leite”, argumentou o responsable do FOGGA. Seguindo esta liña, a continuación, Aurelien Léray, un gandeiro francés de 35 anos, presentou a súa explotación de vacún de leite en ecolóxico. A súa granxa, situada na Bretaña francesa, e que mercou a un gandeiro que non tiña relevo -unha forma de transmisión moi común en Francia- por 220000 euros, conta con 56 hectáreas e 60 vacas cruzadas. “As vacas están fóra todo o ano e o pasto supón o 80% do que comen. Ese manexo é a clave para que a granxa sexa rendible, porque o o máis importante é a marxe que me queda do leite que produzo”, defendeu. No seu caso, a media é de 4500 litros por vaca e ano que vende á cooperativa Biolait. O prezo medio neste momento está moi baixo, nos 0,45 euros o litro, prácticamente igual que en convencional, debido á crise do leite ecolóxico en Francia motivada por unha producción que se incrementou por riba do que medrou o consumo. Por último, Jesús Combarro Pereira, responsable do sector agrogandeiro en Abanca, pechou a primeira xornada do Foro Empresarial Lácteo cunha ponencia sobre o reto da sustentabilidade e o seu impacto no financiamento. Combarro explicou que, paradoxalmente, a Comisión Europa non considera á agricultura e á gandería como sectores sustentables, o que fai que non se podan acoller aos beneficios do chamado “financiamento verde”. “Si que podemos incluír o financiamento de enerxías renovables nas granxas, para reducir a pegada hídrica ou para agricultura e gandería ecolóxica. En todo caso, dende Abanca, facemos un esforzo para que o agricultor ou gandeiro poda beneficiarse todo o posible do financiamento verde”, destacou.  O II Foro Empresarial Lácteo continuará este mércores cunha xornada dedicada á análise dos mercados internacionais dos produtos lácteos e a súa repercusión nos produtores e o venres será a quenda de abordar a relación entre industrias e produtores. 

Principais cambios que trae este 2024 coas normativas de abonado e caderno dixital

O novo ano arrinca con cambios normativos importantes para o agro galego. O Real Decreto de Nutrición Sostible nos Solos Agrarios supón modificacións importantes no manexo de xurros, estercos e fertilizantes por parte das explotacións agrogandeiras nun ano no que, tralo seu aprazamento, comezará a aplicarse tamén o Real Decreto que regula o uso do Caderno Dixital. Desde o sector pídese flexibilidade e unha implantación progresiva destas novas normativas, pois considéranse imposibles de levar a cabo nos termos e prazos fixados. Repasamos a continuación os principais aspectos que teñen obriga de cumprir as granxas desde o día 1 de xaneiro.  En primeiro lugar, e co obxectivo de reducir as emisións de amoníaco, está prohibido desde comezo de ano botar o purín mediante sistemas de prato ou abano, agás nunha serie de excepcións: parcelas con pendentes superiores ao 10% (onde só se poderán aplicar xurros producidos na propia explotación), cando a explotación teña menos de 2 hectáreas de base territorial ou cando máis da metade da superficie da explotación teña unha pendente superior ao 10%.
Os períodos de aplicación permitidos con prato ou abano para os casos que entran dentro das excepcións do Real Decreto deberán ser definidos pola comunidade autónoma
Con todo, nestes terreos tampouco se poderá aplicar xurro en situacións de elevadas temperaturas para evitar a evaporación de nitróxeno á atmósfera. Eses períodos teñen que ser definidos, en cada caso, polas comunidades autónomas. No resto de casos, os métodos permitidos para a aplicación do purín son os sistemas de bandas con mangueiras flexibles ou tubos ríxidos, os sistemas de bandas con discos ou rexas e os sistemas de inxección no chan. Enterrar o xurro nas 12 horas seguintes O esterco e xurro sen transformar poderase aplicar en terras sen cultivo, pero deberá ser enterrado o antes posible trala súa aplicación (e sempre nas primeiras 12 horas), agás cando se realice sementeira directa, en agricultura de conservación ou cando se aplique en pastos. Tampouco será preciso enterralo cando se aplique nas terras mediante inxectores ou sistemas de aplicación localizada, así como cando ese xurro foi previamente compostado.
En pradeiras, o purín terá que ser aplicado, como mínimo, 3 semanas antes do pastoreo ou a sega da herba
En pastos o purín deberá ser aplicado cun mínimo de 21 días antes do pastoreo ou a sega. No resto de cultivos forraxeiros haberá que esperar dende que se aplica un mínimo de 2 meses antes da colleita ou 21 días se non hai contacto coas partes comestibles do cultivo. Distancias a cauces de auga Con carácter xeral, prohíbese aplicar xurro ou esterco en terreos xeados, con neve, encharcados ou en períodos de precipitacións torrenciais. Até o de agora non existía ningún tipo de limitación, agás as establecidas para as zonas declaradas vulnerables á contaminación por nitratos (en Galicia non hai ningunha polo momento) en canto a períodos de aplicación ou condicións meteorolóxicas. Tampouco había até o momento normativa concreta a respecto das distancias a deixar a cauces de auga á hora de fertilizar, máis aló de instrucións ou recomendacións de boas prácticas. Pero desde o 1 de xaneiro hai xa unha prohibición expresa. Non se poderá aplicar xurro ou esterco a menos de 5 metros de ríos, regatos, lagos, costa mariña, praias, captacións de auga para consumo humano, pozos e fontes. Tampouco se poderá aplicar purín naqueles terreos nos que polas súas características poidan producirse arrastres de nutrientes a zonas de humedais. As comunidades autónomas poden establecer distancias superiores. Revisión das abonadoras Favorecerase o uso de fertilizantes que produzan menos emisións de amoníaco, tendo en conta as características dos solos, clima e cultivo. No caso da urea, será obrigatorio empregar polo menos un método para reducir as emisións: incorporala ao solo cun sistema de inxección ou mestura coa terra; enterrala antes de que transcorran 4 horas da súa aplicación; empregar urea recuberta de polímeros ou outros sistemas que inhiban a nitrificación ou a ureasa.
Se se abona con urea, deberá estar protexida con inhibidores da nitrificación ou da ureasa ou ser enterrada antes de que transcorran 4 horas
A maquinaria de aplicación debe estar calibrada e en bo estado e prevese o establecemento de revisións periódicas ás abonadoras, coma as xa existentes para as sulfatadoras. Fíxanse tamén períodos nos que estará prohibido realizar fertilización nitroxenada de determinados cultivos coma o viñedo (de novembro a febreiro) ou os cultivos de inverno (no verán), agás que se empreguen sistemas de rega localizada ou técnicas de agricultura de precisión. Análises de solos e de puríns Para tratar de axustar o máis posible as doses de fertilizantes, deberase ter en conta o contido en nitróxeno e fósforo do esterco e xurro, de xeito que non se superen as necesidades do cultivo nestes nutrientes. Cada explotación deberá dispoñer de analíticas que determinen a composición NPK do seu xurro ou esterco. En caso de traelo doutra granxa, deberase dispoñer desta información procedente da gandería de orixe.
Será necesario contar cunha analítica de chan de cada parcela como mínimo cada 5 anos en regadío e cada 10 en secano
Para suplir o inxente número de analíticas que serían necesarias para cubrir a totalidade de granxas de vacún, porcino, avicultura ou outro tipo que producen xurro e esterco en Galicia, así como a totalidade das fincas que traballan, prevese a publicación por parte da comunidade autónoma dunha serie de táboas de referencia sobre a composición media dos distintos tipos de abonos orgánicos en función da especie, así como mapas de contido medio de nutrientes do chan por comarcas e tipos de solo. Plans de Abonado Para evitar a sobrefertilización e o risco de contaminación das augas por nitratos, establécese a obriga, a partir do 1 de setembro de 2024, de que todas as granxas conten cun plan de abonado, no que se inclúa unha estimación dos nutrientes que é preciso empregar, tanto de orixe orgánica como mineral, en función de cada cultivo e das analíticas de solo. Neste plan deberá indicarse o momento previsto de abonado, así como as medidas a adoptar para diminuír as emisións de amoníaco e doutros gases contaminantes.
Os Plans de Abonado non serán obligatorios para as explotacións con menos de 10 hectáreas de superficie de secano
O plan de abonado non será obrigatorio para as explotacións con menos de 10 hectáreas de superficie, sempre que sexan de secano ou estean dedicadas unicamente a pastos ou cultivos forraxeiros para autoconsumo na propia granxa. As explotacións deberán contar con asesoramento técnico para a elaboración do plan de abonado desde o 1 de setembro do 2025 (en zonas vulnerables a nitratos, desde un ano antes) ou basearse para facer os cálculos das doses e fertilizantes a utilizar nunha aplicación informática oficial que determine a Administración.

Sen definir os incentivos para a adopción voluntaria do Caderno Dixital por parte das granxas

As explotacións deberán anotar as aplicacións de produtos fitosanitarios e abonos (tanto de orixe orgánica como química) realizadas en cada parcela no Caderno Dixital da explotación, que entrará en vigor de xeito progresivo durante este ano e o vindeiro. Desde o día 1 de xaneiro pode ser adoptado de xeito voluntario polas explotacións. Aínda que están sen definir que incentivos se van propoñer, algunhas comunidades autónomas, como por exemplo Aragón, xa anunciaron unha partida de 2,5 millóns de euros para fomentar esta incorporación das explotacións ao Caderno Dixital. Transcorrido este primeiro período voluntario, a partir do 1 de setembro será obrigatorio xa para aquelas granxas ou agricultores que declaren máis de 30 ha de terras de cultivo e cultivos permanentes na PAC e para as que teñan máis de 5 ha de regadío ou máis de 0,1 ha de invernadoiros. O resto terán un ano máis, até o 1 de setembro de 2025, para incorporar o Caderno Dixital.
As ganderías extensivas que non empregan fertilizantes químicos estarán exentas do Caderno Dixital a non ser que soliciten axudas da PAC vinculadas a prácticas de pastoreo
Establécense unha serie de excepcións nesta obriga de dixitalización, podendo manter os rexistros en papel aquelas explotacións que dispoñan dunha superficie de cultivos permanentes e terras de cultivo (excluídos os pastos temporais) inferior a 5 hectáreas, sempre que non teñan máis dunha hectárea de regadío, e as ganderías que dispoñan unicamente de superficies de pastos (tanto temporais como permanentes), sempre que non apliquen fertilizantes (agás o abonado derivado do propio exercicio de pastoreo dos animais). Con todo, estas explotacións estarían obrigadas a cubrir o Caderno Dixital en caso de solicitar os ecorreximes da PAC, xa que os titulares de explotación que soliciten axudas por determinadas prácticas ambientais ligadas a superficies de pastos permanentes deben anotar determinadas accións para beneficiarse destes pagos (identificación das parcelas de pastoreo, datas, actividades en relación coa sega sostible e as illas de biodiversidade, entre outras).
As anotacións de abonos e fitosanitarios deberán ser feitas no prazo de 30 días. A Xunta volcará os datos 2 veces ao ano ao SIEX do Ministerio
No caso de ganderías extensivas en base a pasto que empregen abonos, deberán facer só no Caderno Dixital as anotacións relativas a esas fincas nas que se fertilizou. O mesmo acontece para os produtores de horta, por exemplo, que conten cunha superficie de invernadoiro superior a 0,1 ha e cultivos ao aire libre, pois só estarían obrigados de facer as anotacións do invernadoiro sempre que a superficie total da explotación non supere as 5 ha.  As explotacións disporán de 30 días para anotar as aplicacións realizadas en cada unha das parcelas, tanto de abonos como de produtos fitosanitarios, no seu Caderno Dixital, que estará conectado coa aplicación oficial establecida pola comunidade autónoma. O volcado de datos ao SIEX estatal levarase a cabo dúas veces ao ano.

Cursos de Caderno Dixital Xeagae en Lugo para os días 23 e 28 de novembro

A Área de Servizos Agrarios de Lugo, dependente da Xefatura Territorial da Conselleria de Medio Rural, vai impartir dous cursos sobre Caderno Dixital e Lexislación conexa, que afecta a curto prazo ás explotacións agrarias. O curso intentará dar unha visión da normativa que entra en vigor a comezos do ano 2024, no referido ao Real Decreto de Nutrición Sostible dos solos agrarios, modificación do Real Decreto de uso sostible de produtos fitosanitarios, a normativa de Ordenación de explotacións -que afecta á xestión de estercos-, Real Decreto Siex e o programa Xeaga de caderno dixital, tendo en conta o feito de que parte da normativa está en formato borrador, pendente de publicación oficial antes de finais de ano. Recoméndase aos asistentes traer un PC portátil, con conexión a internet, para facer algunha práctica coa aplicación Xeaga, sempre e cando sexan titulares dunha explotación e posúan chave 365 ou certificado dixital. Cursos previstos: - Día 23 de novembro: De 16 a 21 horas. Oficina Rural de Castroverde. - Día 28 de novembro: De 16 a 21 horas. Edificio Admvo. Xunta Galicia . Lugo En todo caso, é precisa a anotación previa no curso, dado a limitación de prazas, que se pode realizar nos telefonos 982 294 934 e 982 294 939.

Reclaman ao Ministerio seguridade xurídica na entrada en vigor do caderno dixital

Unión de Uniones de Agricultores y Ganaderos critica que "os bandazos do Ministerio á hora de planificar a entrada en vigor do novo caderno dixital de explotación van crear un espazo de inseguridade xurídica a partir do 1 de setembro próximo" e, ata a prevista modificación do calendario da súa entrada en vigor, pide unha instrución clara e oficial acerca de como deben actuar os agricultores. O Real Decreto 1054/2022, na actualidade en vigor, establece que, a partir deste próximo venres, día 1 de setembro, o caderno dixital de explotación agrícola (CUE), será obrigatorio para as explotacións con máis de 30 hectáreas de cultivos agrícolas ou pastos permanentes, ou máis de 10 hectáreas de cultivos permanentes ou máis de 5 hectáreas de regadío ou con algunha parcela de invernadoiro. Unión de Uniones xa manifestou que estes requisitos do caderno dixital de explotación eran excesivos e, ademais, non compensados, incumprindo a Lei 30/2022 de xestión da PAC. Por esta razón propuxo un calendario alternativo no que as explotacións se irían incorporando ao CUE en función da súa dimensión, de forma que as microexplotacións (menos de 10 ocupados e menos de 2 millóns de euros), é dicir, a inmensa maioría das explotacións españolas, non entrasen no mecanismo ata o 2028.
O aprazamento da entrada en vigor do Caderno Dixital durante un ano, ata setembro de 2024, está sometido a consulta pública ata o 8 de setembro
Ante a insistencia do sector e das propias CCAA en que as esixencias iniciais do Ministerio eran pouco menos que imposibles de levar á práctica, o MAPA anunciou unha modificación do calendario que, xunto con outras modificacións dos Reais Decretos da nova PAC, está sometido a consulta pública ata o 8 de setembro. Os cambios, por tanto, non entrarán como mínimo en vigor ata finais do mes de setembro, o que deixa un espazo de inseguridade xurídica ata a súa aparición no BOE. Esgotar os prazos que permite a regulación comunitaria Segundo a nota informativa do Ministerio e o texto sometido a consulta pública, o futuro Real Decreto será aplicable de forma retroactiva desde o 1 de setembro para que as disposicións do Real Decreto 1054/2022 non deriven en penalizacións para os agricultores e gandeiros “pero o certo é que este venres, os agricultores e gandeiros que entran no campo de aplicación do CUE, co BOE na man, terían que cumprir o que di dito Real Decreto”, segundo expresan desde a organización, “porque a propia nota explicativa do MAPA xa di ao principio que ten unicamente fins informativos e non pretende substituír as normas xurídicas aplicables”. A organización, nas súas alegacións á nova proposta normativa, seguirá insistindo nunha planificación máis razoable das obrigas do Caderno Dixital, esgotando os prazos que permite a regulación comunitaria e pedindo ao Ministerio que non volva cometer o mesmo erro impoñendo esixencias que non se poidan cumprir. A organización reclama tamén unha comunicación oficial do Ministerio, con validez legal e antes deste 1 de setembro, para dar garantías aos agricultores e gandeiros, “non de que non serán sancionados se incumpren, senón de que non están obrigados a cumprila, que é o que de verdade procede”.

Cando entrará en vigor o caderno dixital e o plan de abonado?

O Ministerio de Agricultura acaba de publicar unha nota aclaratoria sobre a entrada en vigor do caderno dixital de explotación agrícola. De forma xeral pódese considerar que a entrada en vigor das obrigacións de realizar anotacións no caderno dixital atrásase até o 1 de xaneiro de 2024 nas explotacións grandes e até o 1 de xaneiro de 2025 nas explotacións pequenas. Unicamente en casos moi puntuais onde ditas anotacións sexan relevantes para comprobar o cumprimento de determinados axudas da PAC da campaña 2024 ou 2025, ditas obrigacións adiántanse ao 1 de setembro de 2023 e ao 1 de setembro de 2024 respectivamente: -Só afecta a beneficiarios de ecorrexímenes que realicen as seguintes prácticas: .
  •  Rotación con cultivos mejorantes/Sementa directa en terras de cultivo de rega, onde haberá que anotar información relativa a aplicación de fertilizantes.
  • Cubertas vexetais e inertes en cultivos leñosos, respecto das que haberá que anotar a información pertinente.
- Só deben anotarse estes datos en relación coa campaña agrícola 2024 que deban ser tidos en conta a efectos da solicitude destes ecorrexímenes na PAC 2024, no caso das explotacións grandes. E no caso das pequenas, só os datos relativos á campaña PAC 2025.

Fases de entrada en vigor:

O artigo 16 do Real Decreto-lei 4/20231 establece unha entrada en vigor progresiva do Caderno dixital de Explotación Agrícola (CUE) en 4 fases. Estas fases establécense en base a dous criterios: - Tamaño e intensificación das explotacións; - Tipo de información a cumprimentar. a) En función do tamaño e intensificación da explotación as explotacións clasifícanse como: -GRANDES: aquelas explotacións que cumpran algunha das seguintes condicións: 1.º Que superen algunha das dimensións máximas seguintes, establecidas por grupo de cultivo: i) 30 hectáreas de terra de cultivo ou ii) 30 hectáreas de pastos permanentes ou iii) 10 hectáreas de cultivos permanentes ou 2.º Que, sobre o total da súa superficie agraria, teñan máis de 5 hectáreas de regadío ou 3.º Que dispoñan dalgunha parcela de invernadoiro. - PEQUENAS: o resto das explotacións. b) En función da información a cumprimentar obrigatoriamente no Caderno de Explotació, distínguense dous tipos de información: - Información relativa á PAC: Trátase da información a cumprimentar que se establece no Real Decreto 1048/2022, de 27 de decembro, relativa ás anotacións de ecorregímenes e axudas asociadas. - Resto de información establecida no Real Decreto 1054/2022 e na Orde APA/204/2023: Tratamentos fitosanitarios e fertilización, incluíndo os aspectos relativos ao plan de abonado, nos casos nos que sexa obrigatorio dispor do plan de abonado.

Datas para a entrada en vigor do caderno dixital:

Establécense 4 datas de entrada en vigor en función dos criterios descritos nos anteriores apartados. - EXPLOTACIÓNS GRANDES: 1 de setembro de 2023: Esta data coincide co comezo da campaña agrícola da PAC 2024. A partir desa data, o titular de explotación só deberá anotar no caderno dixital a información esixida para as axudas da PAC, e unicamente a relativa á campaña 2024. Así, só terá que realizar as anotacións dos seguintes ecorrexímenes, no caso de que os solicite: -Terras de cultivo de regadío: Rotación con cultivos mellorantes/Sementeira directa: anotar as aplicacións de fertilización. -Cultivos leñosos: Cubertas vexetais/inertes: Para ambas as cubertas: anotar a data de establecemento, anchura da cuberta e a anchura libre da proxección de copa. Para cubertas vexetais: anotar o tipo de mantemento que realiza sobre a cuberta. - 1 de xaneiro de 2024: A partir desa data, deberá cumprimentar o resto de información establecida na normativa (tratamentos fitosanitarios, resto de información esixida para as axudas da PAC e aplicación de fertilizantes, incluíndo fertirrigación). - EXPLOTACIÓNS PEQUENAS - 1 de setembro de 2024: Esta data coincide co comezo da campaña agrícola da PAC 2025. A partir desa data, o titular de explotación só deberá anotar no caderno dixital a información esixida para as axudas da PAC, e unicamente a relativa á campaña 2025. Así, só terá que realizar as anotacións dos seguintes ecorrexímenes, no caso de que os solicite: -Terras de cultivo de regadío: Rotación con cultivos mellorantes/Sementa directa: anotar as aplicacións de fertilización. - Cultivos leñosos: Cubertas vexetais/inertes. Para ambas as cubertas: anotar a data de establecemento, anchura da cuberta e a anchura libre da proxección de copa. Para cubertas vexetais: anotar o tipo de mantemento que realiza sobre a cuberta. - 1 de xaneiro de 2025: A partir desa data, deberá cumprimentar o resto de información establecida na normativa (tratamentos fitosanitarios, resto de información esixida para as axudas da PAC e aplicación de fertilizantes, incluíndo fertirrigación).

ACLARACIÓNS RESPECTO AO PLAN DE ABONADO:

A esixencia de dispor dun plan de abonado tamén vai depender da tipoloxía da explotación e das axudas solicitadas. En primeiro lugar, cabe lembrar que, xa desde a campaña 2023, todos os beneficiarios dos ecorrexímenes que inclúen entre os seus requisitos de subvencionabilidade unha xestión sustentable de insumos (Rotación con cultivos mellorantes/Sementeira directa en Terras de cultivo de regadío, así como Espazos de biodiversidade en cultivos baixo auga), tanto explotacións grandes como pequenas, deben contar cun plan de abonado. No resto dos casos, a obrigación de dispor dun plan de abonado comeza o 1 de setembro de 2024, salvo as explotacións que non superen as 10 ha, sempre que sexan de secaño ou que estean dedicadas unicamente a pastos ou cultivos forraxeiros para autoconsumo, que están exceptuadas desta obrigación. Ademais de dispor do Plan de abonado, en determinados casos será necesario que se anoten no caderno dixital de explotación determinados campos recolleitos nos devanditos plans de abonado: -A partir do 1 de xaneiro de 2024, no caso das explotacións grandes que solicitan ecorrexímenes que esixen a xestión sustentable de insumos. -A partir do 1 de setembro de 2024, no resto das explotacións grandes que non solicitan os ecorrexímenes que esixen a xestión sustentable de insumos. -A partir do 1 de xaneiro de 2025 no caso das explotacións pequenas nas que se esixa dispor dun plan de abonado.