Archives

“Quen leve fincas que non declara na PAC terá problemas para xustificar os fertilizantes e fitosanitarios”

Diana Freijeiro, durante a súa intervención na xornada organizada pola Cooperativa Central de Frades O 2024 traerá cambios normativos de calado que van obrigar ás explotacións gandeiras a levar un control exhaustivo das aplicacións de puríns, fertilizantes químicos e tratamentos fitosanitarios que fan en cada parcela. Esta trazabilidade implica maior dificultade para xustificar o uso de abonos ou herbicidas en fincas non declaradas na PAC, que será a superficie que se tomará de referencia para o cálculo dos niveis medios de fertilizantes e fitosanitarios empregados pola explotación. “A información que se volca é a da PAC, que normalmente é moito menor que a superficie que realmente traballan moitas explotacións e van saltar alertas de que a esas ganderías lles sobran por exemplo 50 litros de herbicida ou tantos quilos de abono”, alerta Diana Freijeiro, enxeñeira agrónoma da entidade de asesoramento e xestión Agroenxeñería Galega, que recentemente participou nunha xornada organizada pola Cooperativa Central de Frades sobre as novas normativas de uso de antibióticos, control de IBR, nutrición sostible de solos agrícolas e caderno dixital. Levar fincas sen contrato de arrendamento É unha práctica habitual en Galicia que as explotacións leiteiras leven fincas sen contratos de arrendamento debido a que os seus propietarios seguen a declaralas na PAC para seguir cobrando os dereitos históricos que posúen, malia non seren xa na realidade produtores en activo. Esta situación, que se dá de xeito frecuente e que a última reforma da PAC perpetuou até 2027, vai supoñer un problema importante para moitas explotacións a partir do vindeiro ano, cando o desfase entre superficie traballada e superficie declarada sexa importante.
Moitos propietarios con dereitos históricos seguen cobrando a PAC sen traballar as terras
“Tentade convencer á xente para que vos alugue esas parcelas para ir regularizando ese tema, porque en Europa consideran iso unha fraude. Hai que tratar de comprar os dereitos e ter un contrato de aluguer con eses propietarios, xa que a PAC quere que se comunique todo o que se cultiva, onde se cultiva e os tratamentos e fitosanitarios que se lles aplica”, recomendoulles Diana aos gandeiros socios da cooperativa de Frades. Moitos deles recoñeceron estar nesta situación e reclamaron a implicación directa da Administración, debido a topárense en moitos casos coa negativa dos donos das fincas a arrendárllelas legalmente para poderen seguir deste xeito cobrando eles a PAC. “É certo que é difícil convencer aos propietarios, pero ten implicacións moi importantes para as explotacións profesionais. É un problema moi gordo que habería que resolver en conxunto”, concordou Diana. Plans de Abonado Unha das novas obrigas que terán todas as explotacións agrogandeiras que traballen máis de 10 hectáreas de terreo é a elaboración e aplicación dun Plan de Abonado que sirva de guía para a fertilización de todas as parcelas, e que será obrigatorio a partir do 1 de setembro de 2024. “Hai que facer o Plan de Abonado, subilo á aplicación do SIEX (Sistema de Información de Explotacións) e facer as anotacións pertinentes das aplicacións de fertilizantes: tipo de abono, doses, data de aplicación, parcela, etc. O que hai que anotar é similar ao dos fitosanitarios”, comparou Diana.
Non vexo viable cumprir esta normativa ao 100% para o próximo ano; non hai técnicos dabondo para xestionar todo isto
“Non vexo viable cumprir esta normativa ao 100% para o próximo ano; non hai técnicos dabondo para xestionar todo isto. Hai que marcarse obxectivos pequenos e ir cumpríndoos e as ganderías tendes que buscar axuda, igual que tendes un veterinario deberedes ter un enxeñeiro agrónomo que vos leve estes temas”, asegurou. Analíticas de solos O Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrarios avoga por unha aplicación de doses axustadas ás necesidades do solo e o cultivo, para o que se fará imprescindible facer analíticas tanto do nivel de nutrintes das parcelas como da composición dos abonos orgánicos que se vaian aplicar.
En Galicia non hai ningunha empresa que faga análises de metais pesados; hai que irse fóra e son caras
“O primeiro follón importante en comunidades como Galicia, onde abunda o minifundio, é ter que facer unha analítica de cada parcela que a explotación ten. As analíticas que realiza o CIAM custan 30 euros, pero para a análise de metais pesados non existe en Galicia empresa que a faga, hai que irse a fóra e custa moito máis”, indica Diana, que explicou que “a Xunta está plantexando como alternativa facer unha serie de catas por toda Galicia e realizar un mapa de referencia”. Aplicacións de purín As explotacións teñen a obriga de aumentar ou, polo menos, manter o contido en materia orgánica do solo, ben mediante emendas orgánicas ou con sistemas de cultivo que aporten materia orgánica ao chan. Para evitar esta perda de materia orgánica, priorízase a aplicación de abonos orgánicos, preferentemente xerados na propia granxa, á utilización de abonos de síntese química. “A norma enfatiza todo o tempo o aproveitamento dos fertilizantes orgánicos da propia explotación. O esterco e o purín é ouro neste momento, pero non se pode botar en calquera sitio, de calquera maneira ou en calquera época”, matiza Diana, que advirte: “agora hai normativa coa que se pode sancionar cando non se respecten as franxas de 5 metros de seguridade a cauces fluviais”.
Se se vai levar o purín a outra persoa ou traer purín ou esterco doutra granxa, ten que levar unha analítica NPK
Outra das novidades que haberá que ter en conta a partir do ano que vén é que se o xurro ou esterco non se bota nunha finca que forma parte da explotación deberá contar cunha análise sobre a súa composición, o que de novo vai dificultar o seu uso en parcelas sen contrato de arrendamento ou nas declaradas por outro titular na PAC. “Se se vai levar o purín a outra persoa ou traer purín ou esterco doutra granxa, ten que levar unha analítica NPK”, advertiu a enxeñeira agrónoma. Índices nacionais de referencia O sistema que se vai aplicar á hora de calcular os excesos de aplicación de abonos ou fitosanitarios é semellante ao que se vai poñer en marcha en relación aos antibióticos, establecendo uns índices nacionais medios de referencia e exercendo un control sobre as explotacións que máis se desvíen desa media. 
O sistema de control que se vai aplicar é semellante ao dos medicamentos, só que no dos abonos estamos no punto de partida mentres nos antibióticos está xa moito máis avanzado
“O obxectivo da Comisión Europea é chegar a 2030 co 50% menos de fitosanitarios, ao igual que no caso dos antibióticos, só que non hai datos a nivel nacional de aplicación de sulfatos e abonos, mentres que si que os hai xa de antibióticos, pero nos vindeiros anos establecerase un índice nacional de referencia de abonos e fitosanitarios e canta maior desviación teñamos na nosa explotación con respecto a eses índices nacionais de referencia, maior risco de sufrir unha inspección imos ter”, argumenta Diana.

“En épocas de moito traballo, un mes é un prazo moi xusto para facer as anotacións no Caderno Dixital”

Os novos reais decretos aprobados o ano pasado trasladan aos titulares de explotacións agrogandeiras novas responsabilidades, como a de realizar o rexistro dos aportes de nutrintes e materia orgánica ao chan nun prazo non superior a un mes desde a data na que se realiza a aplicación. Esta anotación debe realizarse na nova sección de fertilización do Caderno de Campo Dixital, onde tamén deben subirse as aplicacións de fitosanitarios. Este rexistro de tratamentos e abonado pode facela o propio gandeiro, entrando co seu certificado dixital, ou ben autorizar a un técnico ou a unha terceira persoa para volcar os datos.  “Eu entendo que os gandeiros esteades enfadados, porque implica pasar máis horas diante dun ordenador que coas vacas”, asegurou Diana, que recomendou ás explotacións que se apoien en técnicos externos ou en aplicacións informáticas existentes. “Existen ferramentas que facilitan a toma de datos e as anotacións, como pode ser Xeaga, o Caderno Dixital da Xunta, ou Osigris, unha aplicación creada por unha empresa galega”, exemplificou.
Eu entendo que os gandeiros estean enfadados, porque todo isto implica pasar máis horas diante dun ordenador que coas vacas
E chamou a atención sobre a necesidade de facer ben esas anotacións: “Se te equivocas poñendo unha dose, unha data ou unha parcela, despois xa non se pode modificar, con todos os problemas que iso pode conlevar de sancións e demais implicacións de cara á PAC, por exemplo”, alertou. Diana considerou tamén insuficiente un mes de prazo para facer as anotacións de fertilización e fitosanitarios no Caderno Dixital de Campo. “Un mes é moi xusto, sobre todo en plena campaña ou en épocas de moito traballo. Dá pouco tempo e debería ampliarse ese prazo, porque por exemplo no caso dos medicamentos hai 2 meses para facer a inscrición en PRESVET", comparou.
O Caderno Dixital entra en vigor o 1 de xaneiro de 2024, pero desde o 1 de xullo deste ano xa se pode cubrir de forma voluntaria
O Caderno Dixital pasará a ser obrigatorio a partir do 1 de xaneiro de 2024 para as explotacións que declaren na PAC máis de 30 hectáreas de terras de cultivo, máis de 30 hectáreas de pastos permanentes ou teñan máis de 5 hectáreas de regadío. Para o resto de explotacións pospúxose a entrada en vigor ata o 1 de setembro de 2024. ITV das abonadoras Ademais de asesoramento a explotacións en materia de abonado ou fitosanitarios, Agroenxeñería Galega está autorizada para a realización das inspeccións técnicas aos apeiros e maquinaria destinada á aplicación de tratamentos (ITEAF).  Preténdese garantir con estas inspeccións obrigatorias dos distintos equipos o seu bo funcionamento, o que redunda nunha aplicación segura para o medio ambiente e eficiente desde o punto de vista económico, permitindo unha aplicación das doses axeitadas.
Vai haber que facer controis de calibración dos apeiros, polo que se non tendes dadas de alta as abonadoras aproveitade agora para dalas de alta no ROMA, porque despois a cousa complícase
“O que vén agora é a ITV das abonadoras. Vai haber que facer controis de calibración dos apeiros empregados na aplicación de abonos, como os que xa se fan nas sulfatadoras e outra maquinaria de aplicación de fitosanitarios. Se non tendes dadas de alta as abonadoras, aproveitade agora para dalas de alta no ROMA, porque despois a cousa complícase”, recomendou Diana aos gandeiros que asistiron á xornada organizada pola Cooperativa Central de Frades.

O 1 de xullo estará disponible unha ferramenta informática da Xunta para cubrir o caderno de explotación

A Xunta presentou hoxe, no marco da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a nova plataforma informática Xeaga, de xestión integral das explotacións agrarias da comunidade. Trátase dunha ferramenta que estará dispoñible a partires do vindeiro día 1 de xullo e que permitirá aos agricultores e gandeiros galegos xestionar todos os datos das súas granxas. Polo tanto, facilítalles o cumprimento da normativa estatal de aplicación. Así, a ferramenta proporciona un acceso persoal para xestionar a obrigatoriedade de manter o caderno de explotación, no que se debe incorporar toda a información relativa ao uso de fitosanitarios, fertilización, declaración de grupos de cultivos ou ecorreximes no marco da nova Política Agrícola Común (PAC) 2023-2027. O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado do director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, foron os encargados de inaugurar esta mañá en Silleda unha xornada formativa específica sobre esta materia, baixo o título de “Sistemas de Xestión de Explotacións Agrarias (AGRO 4.0 – Cadernos de explotación)”. Trátase dun sistema incluído dentro da propia Plataforma AGRO 4.0 -iniciativa financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020)- que ofrece tamén outras ferramentas, caso do observatorio de parcelas, e que senta as bases para a súa aplicación noutros eidos como a gandaría, o vitícola ou o desenvolvemento rural. Durante a xornada de formación organizada pola Consellería do Medio Rural houbo, ademais da presentación da plataforma, unha charla sobre a “Xeolocalización como oportunidade de automatización de rexistros” e a exposición dun caso práctico de uso da nova ferramenta presentada.

Cando entrará en vigor o caderno dixital e o plan de abonado?

O Ministerio de Agricultura acaba de publicar unha nota aclaratoria sobre a entrada en vigor do caderno dixital de explotación agrícola. De forma xeral pódese considerar que a entrada en vigor das obrigacións de realizar anotacións no caderno dixital atrásase até o 1 de xaneiro de 2024 nas explotacións grandes e até o 1 de xaneiro de 2025 nas explotacións pequenas. Unicamente en casos moi puntuais onde ditas anotacións sexan relevantes para comprobar o cumprimento de determinados axudas da PAC da campaña 2024 ou 2025, ditas obrigacións adiántanse ao 1 de setembro de 2023 e ao 1 de setembro de 2024 respectivamente: -Só afecta a beneficiarios de ecorrexímenes que realicen as seguintes prácticas: .
  •  Rotación con cultivos mejorantes/Sementa directa en terras de cultivo de rega, onde haberá que anotar información relativa a aplicación de fertilizantes.
  • Cubertas vexetais e inertes en cultivos leñosos, respecto das que haberá que anotar a información pertinente.
- Só deben anotarse estes datos en relación coa campaña agrícola 2024 que deban ser tidos en conta a efectos da solicitude destes ecorrexímenes na PAC 2024, no caso das explotacións grandes. E no caso das pequenas, só os datos relativos á campaña PAC 2025.

Fases de entrada en vigor:

O artigo 16 do Real Decreto-lei 4/20231 establece unha entrada en vigor progresiva do Caderno dixital de Explotación Agrícola (CUE) en 4 fases. Estas fases establécense en base a dous criterios: - Tamaño e intensificación das explotacións; - Tipo de información a cumprimentar. a) En función do tamaño e intensificación da explotación as explotacións clasifícanse como: -GRANDES: aquelas explotacións que cumpran algunha das seguintes condicións: 1.º Que superen algunha das dimensións máximas seguintes, establecidas por grupo de cultivo: i) 30 hectáreas de terra de cultivo ou ii) 30 hectáreas de pastos permanentes ou iii) 10 hectáreas de cultivos permanentes ou 2.º Que, sobre o total da súa superficie agraria, teñan máis de 5 hectáreas de regadío ou 3.º Que dispoñan dalgunha parcela de invernadoiro. - PEQUENAS: o resto das explotacións. b) En función da información a cumprimentar obrigatoriamente no Caderno de Explotació, distínguense dous tipos de información: - Información relativa á PAC: Trátase da información a cumprimentar que se establece no Real Decreto 1048/2022, de 27 de decembro, relativa ás anotacións de ecorregímenes e axudas asociadas. - Resto de información establecida no Real Decreto 1054/2022 e na Orde APA/204/2023: Tratamentos fitosanitarios e fertilización, incluíndo os aspectos relativos ao plan de abonado, nos casos nos que sexa obrigatorio dispor do plan de abonado.

Datas para a entrada en vigor do caderno dixital:

Establécense 4 datas de entrada en vigor en función dos criterios descritos nos anteriores apartados. - EXPLOTACIÓNS GRANDES: 1 de setembro de 2023: Esta data coincide co comezo da campaña agrícola da PAC 2024. A partir desa data, o titular de explotación só deberá anotar no caderno dixital a información esixida para as axudas da PAC, e unicamente a relativa á campaña 2024. Así, só terá que realizar as anotacións dos seguintes ecorrexímenes, no caso de que os solicite: -Terras de cultivo de regadío: Rotación con cultivos mellorantes/Sementeira directa: anotar as aplicacións de fertilización. -Cultivos leñosos: Cubertas vexetais/inertes: Para ambas as cubertas: anotar a data de establecemento, anchura da cuberta e a anchura libre da proxección de copa. Para cubertas vexetais: anotar o tipo de mantemento que realiza sobre a cuberta. - 1 de xaneiro de 2024: A partir desa data, deberá cumprimentar o resto de información establecida na normativa (tratamentos fitosanitarios, resto de información esixida para as axudas da PAC e aplicación de fertilizantes, incluíndo fertirrigación). - EXPLOTACIÓNS PEQUENAS - 1 de setembro de 2024: Esta data coincide co comezo da campaña agrícola da PAC 2025. A partir desa data, o titular de explotación só deberá anotar no caderno dixital a información esixida para as axudas da PAC, e unicamente a relativa á campaña 2025. Así, só terá que realizar as anotacións dos seguintes ecorrexímenes, no caso de que os solicite: -Terras de cultivo de regadío: Rotación con cultivos mellorantes/Sementa directa: anotar as aplicacións de fertilización. - Cultivos leñosos: Cubertas vexetais/inertes. Para ambas as cubertas: anotar a data de establecemento, anchura da cuberta e a anchura libre da proxección de copa. Para cubertas vexetais: anotar o tipo de mantemento que realiza sobre a cuberta. - 1 de xaneiro de 2025: A partir desa data, deberá cumprimentar o resto de información establecida na normativa (tratamentos fitosanitarios, resto de información esixida para as axudas da PAC e aplicación de fertilizantes, incluíndo fertirrigación).

ACLARACIÓNS RESPECTO AO PLAN DE ABONADO:

A esixencia de dispor dun plan de abonado tamén vai depender da tipoloxía da explotación e das axudas solicitadas. En primeiro lugar, cabe lembrar que, xa desde a campaña 2023, todos os beneficiarios dos ecorrexímenes que inclúen entre os seus requisitos de subvencionabilidade unha xestión sustentable de insumos (Rotación con cultivos mellorantes/Sementeira directa en Terras de cultivo de regadío, así como Espazos de biodiversidade en cultivos baixo auga), tanto explotacións grandes como pequenas, deben contar cun plan de abonado. No resto dos casos, a obrigación de dispor dun plan de abonado comeza o 1 de setembro de 2024, salvo as explotacións que non superen as 10 ha, sempre que sexan de secaño ou que estean dedicadas unicamente a pastos ou cultivos forraxeiros para autoconsumo, que están exceptuadas desta obrigación. Ademais de dispor do Plan de abonado, en determinados casos será necesario que se anoten no caderno dixital de explotación determinados campos recolleitos nos devanditos plans de abonado: -A partir do 1 de xaneiro de 2024, no caso das explotacións grandes que solicitan ecorrexímenes que esixen a xestión sustentable de insumos. -A partir do 1 de setembro de 2024, no resto das explotacións grandes que non solicitan os ecorrexímenes que esixen a xestión sustentable de insumos. -A partir do 1 de xaneiro de 2025 no caso das explotacións pequenas nas que se esixa dispor dun plan de abonado.

Críticas unánimes do sector de vacún de leite ás novas normas do Goberno central: “Non se adaptan a Galicia nin á realidade do sector”

A xestión do xurro é un aspecto que cambia, prohibindo as cisternas convencionais e esixindo Plans de Abonado O 2023 preséntase como un ano de cambios nas explotacións leiteiras. Á entrada en vigor da nova PAC súmanse unha serie de normativas en materia de abonado, ordenación de granxas e dixitalización que obrigarán ás ganderías a modificar rutinas e facer investimentos e que supoñen unha ameaza para as máis antigas. Trala súa aprobación a finais de decembro, o calendario de aplicación destas novas normativas é inminente. A partir de setembro as ganderías que traballen máis de 30 hectáreas de terreo deberán contar cun Caderno de Explotación dixital no que vaian apuntando os traballos realizados en cada parcela, así como as aplicacións de abonos e tratamentos fitosanitarios efectuados. Para o resto de explotacións entrará en vigor o 1 de xullo de 2024. As ganderías terán de prazo un mes para facer esas anotacións e a partir do 1 de xaneiro do 2024 os sistemas informáticos deberán incluír a ferramenta de sostibilidade agraria para nutrintes. Ademais, non se poderá botar o purín cos sistemas actuais de prato ou abanico, agás en fincas de menos de 2 hectáreas ou cunha pendente superior ao 10%, en virtude do Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas.
As novas normativas foron aprobadas en pleno Nadal, na última semana de decembro, e son polo momento descoñecidas para a maioría dos gandeiros
A maiores, haberá unha serie de esixencias no relativo ás instalacións coas que contan as explotacións e o benestar dos animais, en función do Real Decreto de Ordenación das granxas de vacún. Segundo establece a normativa, desde o 1 de xaneiro de 2025 as ganderías de máis de 180 UGM deberán dispoñer dun patio exterior ao que poder saír os animais, unha obriga que se estenderá ás ganderías de máis de 20 UGM tres anos máis tarde. A partir de 2026 os establos xa existentes deberán contar con elementos que permitan minimizar o estrés térmico dos animais, os comedeiros e bebedoiros deberán ser suficientes para evitar situacións de competencia e o número de vacas por lote non poderá superar o número de cubículos e prazas de alimentación dispoñibles.
Algúns aspectos quedan a expensas da regulación por parte das comunidades autónomas
Son todos cambios normativos aprobados na última semana de decembro, en plenas festas do Nadal e, aínda que anunciados durante meses, descoñecidos por boa parte do sector. As novas esixencias collen en moitos casos aos gandeiros desinformados e ás ganderías sen estar adaptadas ou con escasa marxe para facelo. Falamos con organizacións agrarias e cooperativas para avaliar o grao de adaptación á realidade galega dalgunhas das medidas e a capacidade de cumprilas por parte das explotacións.

José Luis Pérez (Agromuralla) “Ou coidas os animais e as terras ou cubres papeis, para todo non dá o tempo”

Desde a asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla incídese na carga de burocracia e traballo que as novas normas van levar aparelladas. “En cada granxa case vai ter que haber un secretario para que che leve os papeis, porque ou coidas os animais e as terras ou cubres papeis, para todo non dá o tempo”, afirma o seu presidente, José Luis Pérez Barreiro. “O caderno dixital é máis burocracia, supón cumprimentar máis formularios. E o problema é que cada vez que se burocratiza algo é un gasto a maiores para o gandeiro que non se ve repercutido no valor do noso produto”, quéixase. “Agora a maioría de granxas van ter que contratar un técnico máis para que lles faga o Plan de Abonado, que é imprescindible no Caderno de Explotación dependendo das características da granxa, pero as granxas que quedamos producindo leite en Galicia xa temos todas máis de 10 ha e estamos obrigadas”, di. 
O Caderno Dixital cómeche moitas horas se queres levalo ao día
Na súa explotación, Caseiro SAT, ubicada na Pastoriza, levan dous anos traballando xa cun caderno dixital. Desa experiencia José Luis destaca que é necesario dedicarlle tempo. “Cómeche moitas horas e telo que levar ao día. Nas campañas hai que meter moitos datos porque se converte case nun parte de traballo diario e hai que ter uns coñecementos de informática que moita xente non ten”, insiste. Facer investimentos a curto prazo En canto ás novas normas de xestión de xurros, o presidente de Agromuralla considera que “vén dado pola mala xestión da Administración á hora de organizar as granxas”. “As explotacións intensivas sen terra de polos e porcos de zonas como a Limia ou Rodeiro son un pouco o problema. Non lles estou botando a culpa a eles, pero por uns imos pagar todos. Déronse licenzas e autorizacións onde non se deberían ter dado. O do purín é un problema xerado pola Administración que nos traslada agora aos gandeiros”, quéixase José Luis.
O do purín é un problema xerado pola Administración que nos traslada agora aos gandeiros
Agora, unha vez creado o problema, di, “aproban unha norma que vai repercutir en investimentos a curto prazo,  porque a normativa está aí”. “Durante moitos anos déronse axudas para maquinaria pero non se priorizou a ampliación e cubrición das fosas”, lamenta.
Déronse axudas para maquinaria pero non se priorizou a ampliación e cubrición das fosas
Desde Agromuralla insístese en que “non hai exceso de nitróxeno en Galicia” e propoñen acordos entre granxas de polos e porcos que non dispoñen de superficie e ganderías de vacún, tanto de leite como de carne, que teñan capacidade para asumir ese xurro nas súas terras. “O xurro hai que xestionalo ben, non é tiralo de calquera maneira, pero non sobra. Só hai que ver a cantidade de fertilizantes químicos que se mercan cada ano”, razoa José Luis.  
Ás cidades non se lles está pedindo a trazabilidade dos seus residuos que se nos pide aos gandeiros
“Os gandeiros non nos negamos a coidar o medio ambiente; ao contrario, xa o facemos, porque somos os verdadeiros xestores do territorio. Pero hai unha dobre vara de medir, porque ás cidades non se lles está pedindo a trazabilidade dos seus residuos que se nos pide aos gandeiros. Nós non temos onde botar o noso purín pero queren que botemos os lodos das depuradoras das cidades”, quéixase. Flexibilización a nivel autonómico Sobre o Real Decreto de ordenación de granxas, Agromuralla considera que “hai moitas esixencias que non son adaptables ás condicións de Galicia”. “Hai que poñer normativas que sexan cumpribles e que se adapten á realidade. Regular é necesario, pero o que se regla ten que ser realista e cumprible e para iso á hora de poñer as normas hai que contar cos que as imos sufrir e ter que aplicar”, razoa José Luis.
Falta a adaptación das directrices xerais á comunidade autónoma e pedímoslle á Xunta que flexibilice a nivel autonómico a norma
O presidente de Agromuralla repróchalle ao Goberno central “o seu descoñecemento da realidade” e pídelle á Xunta “que xa que non deu feito a presión suficiente en Madrid para que as directrices xerais se adaptaran á situación de Galicia, polo menos que non aperten máis a nivel autonómico a norma e a flexibilicen o máis posible”. “Con todo isto van obrigar ás pequenas granxas a pechar” José Luis considera que para as explotacións de maior tamaño as novas esixencias normativas van supoñer un incremento de custos, pero para as granxas máis pequenas pode ser a súa sentenza definitiva. “En 5 anos moitas destas explotacións vanse ver obrigadas a pechar. Sobre todo no caso de ganderías sen un relevo que están esperando a xubilación e ás que non lles é viable facer investimentos. Neses casos todas estas normas supoñen o seu peche prematuro”, lamenta. Ademais da necesidade de adaptar as súas infraestruturas e maquinaria, a propia configuración de moitas explotacións xa existentes fai inviable a aplicación de determinadas solucións alternativas. “As épocas de botar o purín coinciden con momentos de colleita e sementeira, polo que o parque de maquinaria actual do que dispoñen tanto as cooperativas como as empresas de servizo non van dar abasto. E está o problema engadido de que en moitos casos as grandes máquinas non entren á esterqueira ou a cargar á fosa de xurro, sobre todo cando non son establos novos e foron medrando e ampliando as instalacións existentes”, di.

Óscar Pose (Unións Agrarias): “Aplicar o decreto de xurros é tanto como dicirlle á xente que non vai cobrar a PAC”

O sindicato Unións Agrarias é moi crítico coa decisión final dos Ministerios de Agricultura e de Medio Ambiente de non permitir a aplicación de xurros polos sistemas convencionais e anuncia que “dará a batalla” para que o Decreto non se aplique tal e como está aprobado. “Eu esperaba que houbera algo de cordura e que finalmente se abrira permitindo o prato invertido. Iso sería o viable, porque o plantexamento que hai agora non é viable para as explotacións, nin tampouco é posible que se fabriquen todas esas máquinas que serían necesarias para cumprir co Decreto para xaneiro do 2024”, asegura Óscar Pose, responsable do sector de leite.
O Decreto de xurros aprobado é unha medida para lavarse a cara ante Europa pero que tecnicamente non se sostén
Na súa opinión, o Real Decreto aprobado “é unha medida para cubrirse fronte a Europa pero que tecnicamente non se sostén, porque hai outras medidas moito máis efectivas para reducir as emisións”. Propón facer “o mesmo que se fai noutros países”, con solucións como ampliar e cubrir as fosas de purín, mellorar a formación dos produtores á hora de aplicar o xurro ou fixar condicións para que a partir dunha determinada temperatura ambiental non se poida botar. Implicará perder as axudas da PAC “Imos dar unha batalla dura para que non se chegue a aplicar o Real Decreto, porque iso é tanto como dicirlle á xente que non vai cobrar a PAC. O único que van facer é levarse por diante moitas explotacións, e as que non, supoñerlles un custo engadido”, argumenta Óscar.  É partidario de que “se persiga a quen xestione mal o xurro” pero pide “que non se criminalice a todo o sector”. “O purín non vacuno non é un residuo, é un abono. Se mercamos abono químico para o millo ou para as pradeiras é porque non nos chega o purín que temos nas explotacións. E, se sobra o purín, tamén sobran os lodos de depuradora. Son debates que hai que abrir”, di. O responsable do sector leiteiro de UUAA ve “presións do lobby do sector dos fertilizantes e do porcino” e considera unha clara discriminación o feito de que ao vacún de leite, responsable segundo os datos oficiais do 8% das emisións de amoníaco, se lle obrigue a unha redución do 40%; mentres as de porcino, que supoñen o 20%, unicamente se teñan que reducir nun 8%.
En Galicia non temos un problema e onde o hai non se debe ao vacún, polo que non se vai solucionar con esta norma
“Non queremos xerar un enfrontamento entre sectores, porque somos todos gandeiros, pero é unha realidade que hai que contar, porque por moito que se insista en Galicia non temos un problema e onde o hai non se debe ao vacún, senón á contaminación por acumulación de outras especies. Así que con isto non se vai solucionar o problema nesas zonas porque non está causado polas vacas”, afirma.   Os patios exteriores carecen de toda lóxica En canto ao Decreto de Ordenación de granxas, “non supón cambios moi importantes para as explotacións, pero si unha volta de tuerca máis con esixencias, moitas delas ridículas, como peches ou rexistros, que non teñen moita efectividade desde o punto de vista sanitario”, opina Óscar. 
Non ten sentido ningún obrigar ao vacún a ter un patio exterior e non facelo con outras especies que están máis acinadas. Carece de toda lóxica
A respecto dos borradores iniciais houbo unha certa “flexibilización”, di, en cuestións como as distancias a núcleos de poboación, pero quedan aspectos da norma aínda por pulir, considera. “Entendemos que no caso da esixencia de patios exteriores se poderá adaptar aos períodos no que as vacas están secas. Non ten sentido nun establo no que as vacas andan libres, teñen un espazo adecuado e un volume de aire de boa calidade, esixir un patio exterior, sobre todo cando noutras especies onde os animais están moito máis acinados non se pide”, compara. “Eso está posto aí por descoñecemento”, asegura. En canto á limitación do tamaño máximo das granxas, considera que o tope fixado en 850 UGM “en Galicia practicamente non nos afecta e serve para protexer ás explotacións pequenas e medianas, que son as que temos aquí, as que manexan o territorio e fan que teña vida o rural”, afirma. Para a aplicación do Caderno dixital, Óscar ve “moi apurados os prazos” e agarda “certa marxe de flexibilidade” para permitir ás explotacións irse adaptando porque, di, “hai que ser conscientes da realidade que temos no sector”. “Estamos cargando ás explotacións de burocracia que incide en máis custos de produción. Con isto imos obrigar ás explotacións a ter máis técnicos contratados”, asegura.

Isabel Vilalba, SLG: “O número de cabezas ten que gardar unha relación equilibrada coa terra que se traballa”

O Sindicato Labrego Galego fai fincapé na redución da carga gandeira como solución para cumprir tanto coa nova normativa de xurros como con distintos aspectos da ordenación de granxas. “O modelo que nós defendemos é no que o número de cabezas garda relación equilibrada coa terra que se traballa, por varios aspectos: por alimentación, para unha menor compra de insumos, e para unha xestión adecuada do medio”, argumenta a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba.
Parécenos esaxerado o número máximo de 850UGM; farían falta 400 ha de base territorial e en Galicia non hai ningunha granxa que as teña
“Por iso, parécenos esaxerado o número máximo de 850UGM. Desde ese criterio de lograr un equilibrio entre terra e número de animais, con 2UGM/ha faría falta moita máis base territorial porque estariamos falando de granxas de 400 ha, que non hai ningunha en Galicia”, di. O “despropósito” das plantas de tratamento de xurros “É necesario apostar por un modelo sostible e a base territorial é un parámetro necesario para iso. O contrario lévanos a disfuncións como a concentración de cebadoiros e o consecuente problema para as augas”, afirma Isabel, que critica a intención da Xunta de inzar Galicia de plantas de biogás. “Outra cousa que nos parece un despropósito é o anuncio das plantas de tratamento de xurros, esa é a consecuencia de apostar por un modelo equivocado. Se nós temos un modelo onde se prioriza o extensivo e dotar de base territorial ás granxas, xa habería unha diminución das emisións”, di.
Os sistemas de inxección ao chan non funcionan ben co tipo de purín que se xera nas granxas
O SLG tampouco está dacordo cos novos condicionantes impostos para a aplicación do purín. “Estamos moi en contra de que se esixan esas grandes máquinas, cando falamos de inxección ao chan. Debe analizarse a medida cunha mirada integral, porque a máquina tractora ten que ser de gran potencia e se reduces as emisións por meter o xurro no chan pero tes máis emisións por queimar gasóleo non fixeches nada”, razoa. 
Parécenos adecuado reducir as emisións, pero hai outros métodos para facelo. A solución non son grandes máquinas senón medidas que estean ao alcance dos gandeiros
Ademais, di, “en cooperativas e en ensaios que se están facendo estamos vendo que os primeiros sistemas de inxección teñen múltiples problemas. Trancan e non funcionan ben co tipo de residuo que se xera nas granxas e leva máis tempo botar o purín. Hai máquinas dese tipo aparcadas nas cooperativas”, asegura Isabel.
O feito de eximir aquelas superficies de menos de 2 ha ou con pendente superior ao 10% é un respiro
O SLG aposta polo dimensionamento das fosas e por  tempos máis axeitados de aplicación. “Nisto é básico apostar pola investigación e desde o CIAM están apostando por modelos sostibles sen ter grandes máquinas nin ter que facer grandes investimentos que moitas veces non son sostibles. A solución non ten que vir por grandes máquinas e si por un modelo sostible e medidas de reducción máis nas mans dos gandeiros”, conclúe. “O Caderno dixital implica unha complicación enorme” “O Caderno dixital para as granxas parécenos unha barbaridade porque non engade nada novo, pero si implica unha complicación enorme e un gasto para moitas explotacións”, quéixase Isabel Vilalba. “Sabemos a media de idade que temos no sector, bastante elevada, e unha cousa é facer un trámite online concreto, que xa supón unha complexidade, pero outra cousa é o día a día, e facer estas anotacións case diarias van obrigar a moitas granxas a ter que recurrir a un gabinete externo”, asegura.
Noutros países optouse por que estes cadernos dixitais foran unha opción voluntaria
“Noutros países optouse por que estes cadernos dixitais foran unha opción voluntaria pero aquí decidiuse facelo obrigatorio. Iso é non coñecer o sector que tes e pensar que todas as granxas son grandes empresas que teñen unha oficina para iso. O sector ten unha sobrecarga de traballo enorme para meterlle esta complexidade a maiores”, argumenta. Ademais, di, “o caderno dixital non engade nada a nivel de trazabilidade e seguridade alimentaria porque xa existen eses libros onde se anotan os tratamentos e os animais que entran e saen da explotación”. “Queriamos que a dixitalización fora unha ferramenta de mellora para as granxas e non un problema, e tal como está plantexado neste momento é un problema”, conclúe. Ausencia de modelos oficiais Malia a publicación do Real Decreto que o regula e a súa entrada en vigor inminente xa no mes de setembro non existen aínda cadernos dixitais oficiais a disposición das explotacións, nin da Xunta nin do Goberno central, algo do que se queixa o SLG.
Eu recomendo á xente cautela, non vaia ser que agora merquen un paquete tecnolóxico que despois non estea homologado
“O sistema non está preparado aínda. Debería estar dispoñible o modelo oficial esixido no momento de aprobación do Real Decreto. O que temos agora no campo son empresas que están pensando en facer o seu agosto con isto, pero os oficiais non saíron. Eu recomendo á xente cautela, non vaia ser que agora merquen un paquete tecnolóxico que despois non estea homologado ou non se adapte aos modelos esixidos. A obriga é verdade que é próxima, pero eu recomendaría agardar a que saian os modelos da Administración”, recomenda Isabel.

Román Santalla (Cobideza): “O 50% dos socios veránse afectados e non poderán botar o purín coa súa cisterna actual”

A entrada en vigor dentro dun ano da prohibición de botar o purín cos sistemas de prato ou abanico vai obrigar a moitas explotacións a adaptar a súa maquinaria ou a externalizar os traballos. Pero o problema é a capacidade coa que contan as empresas e cooperativas para acoller esa sobrecarga de traballo cos parques de maquinaria actuais.   “No noso caso, o 50% dos socios veríanse afectados pola normativa e non poderían botar o purín coa súa cisterna actual. Teríamos un problema serio, porque non teriamos capacidade para botar o purín a ese 50% de socios. E igual ca nós, o resto de cooperativas e empresas de servizos”, recoñece Román Santalla, presidente de Cobideza.
A xestión do purín é algo moi complicado, porque cando vén a campaña todo o mundo quere nos mesmos días e non hai maneira
A cooperativa conta con dúas cisternas con sistemas de tubos colgantes pero admiten que “o traballo está sempre ao límite e no momento oportuno farían falta 20 cisternas”.  Por iso, di, “é necesario ter unha cisterna na casa, porque a colectiva está ben, pero por servizo hai que ter a outra tamén”, asegura.
Hai un problema de acceso á maquinaria; queres mercar unha cisterna e tes que esperar un ano por ela
Por iso, Román lamenta que o Ministerio non autorizara finalmente esparcir o xurro co sistema de prato invertido, moito máis doado de incorporar ás cisternas actuais que hai nas explotacións que os inxectores. “Co prato invertido as emisións son menores e cando se saca no inverno ou en días de orballo hai incluso emisións negativas”, di.
O de porco é un purín máis doado de xestionar porque é máis líquido pero o de vaca atranca e causa problemas nos inxectores
 “Iso hai que telo en conta e axustar o modelo un pouco máis antes de culpabilizarnos. Non é lexislar nun salón. Todos temos a mellor vontade de facer os nosos deberes na redución das emisións, pero teñen que facernos algún caso”, pide. A pesar de que na versión definitiva do Real Decreto reduciuse a dimensión requerida para as fosas de 6 a 3 meses, Román defende que nas explotacións fai falta capacidade de almacenamento. “A comunidade autónoma ten que esquecerse das plantas de tratamento e de andar transportando o purín para elas; o purín fai falta para a terra. Ese fertilizante é un valor engadido e a maioría de explotacións andamos xustas”, recoñece. Distancia das granxas ás vivendas En canto ao Decreto de Ordenación de granxas, Román asegura que ten “luces e sombras”. Defende, por exemplo, a utilidade de “poñer teito ás granxas de gran tamaño”. “Había que buscar unha fórmula legal para que ese tipo de granxas non proliferen, que para Galicia ían ser un problema, pero ao mesmo tempo que permitira o establecemento de granxas comunitarias, onde varios socios se unen para reducir custos e gañar en calidade de vida e eu penso que o teito establecido, 850 UGM, é suficiente para iso porque para vivir das vacas o que hai que ter é unha rendibilidade”, argumenta.
Necesitamos granxas de tipo medio onde poidan agruparse distintas persoas para recudir custos e gañar calidade de vida, pero non necesitamos Noviercas
 “O que me preocupa máis é o sistema de xestión que hai que facer en materia urbanística, como peches perimetrais e control de accesos, aínda que foi positivo que non se fixasen distancias, como estaba ao principio, porque en Galicia non temos territorio para que unha granxa teña que poñerse a medio quilómetro das casas”, razoa. A normativa aprobada finalmente recolle que o establecemento de novas explotacións debe adaptarse ás regulacións autonómicas e aos plans urbanísticos dos Concellos. “En Lalín, por exemplo, temos que separar 50 metros do núcleo de población, a partir desa distancia podemos facer un establo”, exemplifica Román. “Non é o mesmo unha gandería de 20 vacas que unha de 180” Para o presidente de Cobideza, o que “non ten sentido” do Real Decreto aprobado é “que se meta no mesmo saco as granxas de 20 vacas e as de 180”. “Nese baremo é no que se move o 90% das ganderías galegas e obriga a pequenas explotacións de 25 vacas a facer o mesmo que unha de 180 vacas. Para as pequenas granxas pode ser o acicate para que desaparezan antes”, asegura.
Hai que limar algunhas cousas e estamos a tempo de facelo aínda que o decreto estea xa publicado
Por iso propón establecer o corte en 100 UGM, de maneira que se adapte mellor á realidade de Galicia. Tamén no relativo a outras medidas como a esixencia de patio exterior para os animais para que, debido ás condicións climatolóxicas galegas, non se convirta nun “patio de castigo”. Considera que, coa nova regulación, “o modelo canadense co pastor eléctrico por riba leva camiño de desaparecer” pero, sen embargo, “a eliminación do emparrillado aprázase bastantes anos e se conta cunha zona de cubículos non tería problemas”, di.
A xente oe rumores e pouco máis; o primeiro que hai é unha falta de información tremenda
O Caderno dixital pide que se aprace a súa entrada en vigor porque “setembro xa está aí”. “É unha preocupación tremenda para as granxas porque leva moito tempo e a xente non está preparada para iso e os sistemas informáticos moitas veces non funcionan ben. Estase querendo pasar o mundo gandeiro a tecnoloxía punta e iso leva consigo dificultades, non é todo tan doado”, afirma.

Rosa Otero (CLUN): “A obriga de ter un patio exterior non é unha medida que se adapte a Galicia”

Rosa Otero traballa no servizo de xestión técnico-económica que Clun presta ás súas granxas socias e é a responsable da Entidade de Aconsellamento da cooperativa. Asegura que moitas das normas aprobadas “non colleron por sorpresa aos gandeiros porque levaban anos anunciándose”. Desde a cooperativa realizaron xa 17 xornadas informativas nas distintas comarcas para informar ás ganderías e porán o seu equipo de enxeñeiros agrícolas e veterinarios a disposición dos socios para asesoralos na aplicación destas novas normativas. Rosa pon o énfase en que moitos dos cambios supoñen para as granxas ter que facer algún tipo de investimento, ben sexa en materia de benestar animal e reforma das instalacións, ben en adquisición de maquinaria ou dixitalización, e di que “dependendo da situación financieira de cada granxa, pode ser difícil acometer eses investimentos nos prazos que se establecen”.
Levamos anos incidindo nestas materias e informando aos socios
Tamén detecta que cuestións como o Caderno dixital ou a obriga de elaborar Plans de Abonado “os gandeiros venas como un requisito burocrático máis”. “E o problema grave das explotacións é a falta de man de obra; teñen tanto traballo que a documentación déixana para o final”, recoñece. Aspectos difíciles de cumprir As cuestións que afectan ao benestar animal, di, “son aspectos que desde a cooperativa xa estabamos recomendando porque son medidas que benefician á produción, como dimensionar o número de animais ás instalacións que tes e que non haxa superpoboación nos cubículos”, indica.
As explotacións que están deseñadas con 3 filas de cubículos teñen normalmente un 30% máis de prazas de descanso que de alimentación
Un problema pode estar, conta Rosa, na aplicación nas explotacións que están deseñadas con 3 filas de cubículos “porque teñen normalmente un 30% máis de cubículos que prazas de alimentación”, aínda que Rosa agarda que poidan acollerse a unha salvedade recollida na norma, que o permite se se garante que todos os animais acceden, aínda que sexa por turnos, ao pasillo de alimentación.
No inverno o patio exterior converterase inevitablemente nunha lameira
Outro requisito difícil de cumprir pode estar na obriga de contar con patios exteriores, “tanto se obrigan a telo cementado como se é unha finca”. “Se é de cemento tes que recoller o líquido e mandalo para a fosa de xurro, co que son cantidades moi grandes de auga que irían para o purín, restando capacidade de almacenaxe. E se está en terra, no inverno converterase inevitablemente nunha lameira, que penalizaría en materia de benestar animal. Polo tanto, para Galicia non vai ser unha medida moi adaptada, porque o benestar que ganas por un lado, porque os animais saen fóra, pérdelo por outro, porque van estar encharcados nese patio”, asegura.
Os gandeiros son profesionais de elite e queren o mellor benestar para os seus animais
En canto ás medidas fronte ao estrés térmico, di, “a maioría das granxas fóronse adaptando e este pasado ano coa ola de calor no verán colocáronse moitos ventiladores e aspersores porque son cambios beneficiosos que supoñen maior produción”. Fondos para adquisición de maquinaria As granxas máis grandes levan tamén anos adaptándose ás novas obrigas en materia de xestión e aplicación de xurros. “Levamos dous anos metendo nos plans de mellora tanto cisternas como ampliación de fosas, pero sobre todo aplicadores, porque a maioría das fosas estábanse dimensionando xa para 6 meses porque o esixía Medio Ambiente e co que chove aquí compensa ter as fosas cubertas e, de feito, a maioría xa se foron cubrindo”, explica.
Espéranse axudas Next Generation para poñer ao día as cisternas
As explotacións teñen ata xaneiro de 2024 para eliminar o prato e abanico, polo que se agarda que o número de solicitudes aumenten dentro dos plans de mellora deste ano. É un investimento que se financia nun 35% con estas subvencións, pero que require afrontar a outra parte ao gandeiro. “Espéranse tamén axudas dos fondos Next Generation para poñerse ao día no tema da maquinaria”, indica Rosa. No parque de maquinaria de Os Irmandiños na Devesa, en Ribadeo, vanse adaptar as cisternas para facer as aplicacións de xurros conforme á nova normativa e en caso de non ser dabondas está prevista a compra dalgunha máis. “A obriga de Clun é darlle servizo ao socio que o requira. Se é moi grande a demanda temos previsto a adquisición de máis equipos para tratar de cubrir esa demanda”, anuncia.

Aprobados os decretos de nutrición sostible de solos, ordenación de granxas bovinas e nova PAC

O Ministerio de Agricultura resolveu no último Consello de Ministros do 2022 a maioría dos principais proxectos lexislativos nos que viña traballando nos últimos dous anos. Aprobáronse en total 9 decretos, 6 ligados ó novo ciclo da Política Agraria Común (PAC), que arranca o 1 de xaneiro, e outras 3 iniciativas de calado: o decreto de nutrición sostible de solos agrarios, o de ordenación de granxas bovinas e outro que reforza o uso sostible dos fitosanitarios. Polo de agora ningún destes decretos se publicou no Boletín Oficial del Estado, trámite que se resolverá os próximos días, polo que aínda non se coñece o texto final dos decretos. En calquera caso, non se espera ningún cambio sustancial en relación cos últimos borradores que se viñan manexando. O Ministerio de Agricultura, pola súa banda, adiantou onte as liñas xerais de tódolos decretos:
  • Ordenación de granxas bovinas. Unha das principais novidades é que se prohíben as macrogranxas, como a que estaba prevista en Soria, co que quedan definitivamente enterrados os proxectos de explotacións de ata 20.000 vacas. O límite para novas granxas establécese en 850 Unidades de Gando Maior (o equivalente a unha explotación con 725 vacas de leite, aproximadamente).
    O decreto establece unha serie de requisitos a cumprir polas granxas en materia de bioseguridade e bienestar animal, en liña coas directrices marcadas por Europa. A normativa a cumprir será distinta en función do tamaño da granxa e da súa orientación produtiva (leite, carne, cebo). Para as granxas xa existentes, marcarase un periodo de adaptación de parte dos requisitos.
    ACTUALIZACIÓN 30-XII-22: Publicado o Real decreto de ordenación de granxas bovinas. As ganderías de vacún terán que dotarse dun patio exterior ó que poida acceder o gando.
  • Nutrición sostible de solos agrarios. O decreto espérase que prohíba as aplicacións de xurro en prato, abano ou canón, salvo casos concretos de explotacións en zona de montaña. Regularase ademais a obrigatoriedade de contar cun plan de abonado e de medir os valores nutricionais do xurro que se aplica, entre outros requisitos.
    ACTUALIZACIÓN 30-XII: Publicado o Real decreto de nutrición sostible de solos agrarios. A aplicación de xurros con prato ou en abano prohíbese a partir do 1 de xaneiro do 2024.
  • Uso sostible de fitosanitarios. Profundízase na normativa que obriga á xestión integrada de pragas, con combinación de métodos culturais, biolóxicos e fitosanitarios. A maiores, obrigarase a que tódalas explotacións consignen os fitosanitarios aplicados no seu caderno dixital, que será obrigatorio, de xeito que a Administración poida coñecer case en tempo real os produtos aplicados.
    É un proceso que lle permitirá ó Ministerio de Agricultura rastrexar a evolución do consumo dos distintos sectores produtivos, de cara a cumprir cos compromisos europeos na reducción de uso de produtos fitosanitarios.

Paquete lexislativo da nova PAC

Cos 6 decretos sobre a nova PAC aprobados no Consello de Ministros de onte, complétase o paquete lexislativo do próximo ciclo da Política Agraria Común, que arranca o 1 de xaneiro. Estes son os decretos aprobados:
  • Real decreto do Sistema de Información de Explotacións (SIEX). É o Real Decreto polo que se establece e regula o sistema de información de explotacións agrícolas e gandeiras e da produción agraria (SIEX). Os dous principais compoñentes do sistema son o rexistro autonómico de explotacións agrícolas (REA) e o caderno dixital de explotación agrícola (CUE).
    O decreto fixa o contido mínimo dos cadernos de explotación, así como os procedementos para cubrilo e para a posta a disposición das ferramentas informáticas necesarias nas explotacións. Estas ferramentas informáticas fornecidas pola Administración serán interoperables coas ferramentas comerciais.
    As explotacións de menor tamaño non deberán cumprimentar o caderno de explotación ata o 1 de xullo de 2024
    O desenvolvemento do Sistema de Información de Explotacións contará con financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
    Para a entrada en vigor das obrigacións deste real decreto establécese un período transitorio, de xeito que as explotacións de menor tamaño non deberán cumprimentar os seus datos no caderno de explotación ata o 1 de xullo de 2024.

  • ACTUALIZACIÓN 30-XII-22: Publicado o Real decreto do Sistema de Información de Explotacións. O caderno dixital será obrigatorio a partir de setembro do 2023, salvo para explotacións de menos de 30 hectáreas, que terán ata xullo do 2024 para adaptarse.
  • Real decreto de axuda básica á renda para a sustentabilidade. O Real Decreto sobre dereitos de axuda básica á renda para a sustentabilidade da PAC establece a normativa reguladora da conversión dos dereitos de pago básico actuais nos novos dereitos da axuda básica á renda para a sustentabilidade, que estarán vixentes para o período de aplicación 2023-2027.
    Este texto regula igualmente o novo modelo de 20 rexións que serve de base para o cálculo do valor dos dereitos, ao longo de toda a programación, así como as disposicións relativas á reserva nacional e as cesións de dereitos.
  • Real decreto de condicionalidade reforzada. O Real Decreto polo que se establecen as normas para a aplicación da condicionalidade reforzada e da condicionalidade social, establece o conxunto de obrigacións que deben cumprir os beneficiarios para poder percibir as axudas da PAC establecidas por superficie e animais.
  • Real decreto de intervencións do plan estratéxico, requisitos comúns e solicitude única. É o decreto que regula a solicitude da PAC e os pagos directos ao agro (axuda básica á renda para a sustentabilidade e os seus pagos complementarios: pago redistributivo e pago a novos agricultores; así como as axudas asociadas e os ecorrexímenes.
  • Real decreto de xestión e control das intervencións. O Real Decreto polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do plan estratéxico e outras axudas da PAC desenvolve todos os aspectos do control que ata o de agora se regulaban na normativa europea e que, coa nova PAC, que aplica o principio de subsidiariedade no marco do novo modelo de rendemento, debe deseñar cada Estado membro.
  • Real decreto de gobernanza. É a normativa que regula a xestión do Plan Estratéxico da PAC en España, así como a estrutura de control do mesmo, como o comité de seguemento do Plan Estratéxico e a Rede Nacional PAC. Como novidade en relación a anteriores ciclos da PAC, a Comisión Europea examinará cada 2 anos o rendemento do Plan Estratéxico Nacional, o que obrigará a unha xestión precisa e áxil do Plan 2023-2027.
https://www.campogalego.gal/agricultura-anuncia-axudas-para-compensar-o-encarecemento-de-fertilizantes-e-gasoleo-agricola/