Archives

Tres reflexións sobre a cadea do leite no 2024

O contexto global do mercado lácteo foi positivo no 2023, cun lixeiro retroceso da produción a nivel global e un leve aumento da demanda. Ese escenario permitiu que os prezos en orixe do leite se mantivesen altos, cunha boa situación de rendibilidade para as granxas. Francisco Sineiro e Jorge Santiso, analistas do sector ligados á Universidade de Santiago, veñen de publicar un artigo no que a partir de datos económicos e de mercado, fan balance do 2023 e evalúan as perspectivas para o 2024. Ese artigo sobre o escenario do sector complétase cunha serie de reflexións finais, das que destacamos tres:

1) Por que a produción de leite se mantén estancada ou en retroceso, a pesar de niveis de prezos altos?

Durante os dous últimos anos, os prezos do leite chegaron a niveis históricos, con picos no entorno dos 60 céntimos / litro, pero sen embargo, no 2022 e no 2023 pecharon un 12% das granxas de vacas de leite. No mesmo periodo, pecharon ademais un 16% das granxas de ovellas e cabras de leite, malia contar tamén con prezos altos. Como se explica esta situación? Santiso e Sineiro conclúen que existen factores, máis alá da rendibilidade económica, que inciden na perda de granxas. En concreto, citan tres:
  • Dificultades no relevo xeneracional.
  • Dificultades na contratación de traballadores.
  • Incertidume xeral, que condiciona a toma de decisións. Os tipos de interese altos, por exemplo, fan dubidar de investimentos nas granxas. As novas normativas medioambientais e de benestar animal representan tamén un factor que desincentiva a continuidade de parte das explotacións. O mesmo sucede coa incerteza sobre a evolución dos prezos do leite en orixe.
Así as cousas, cun bo nivel de prezos do leite no campo, España reduciu un 3% a súa produción de leite nos últimos dous anos, pois o crecemento das granxas que quedan e o aumento de produtividade por animal non compensan a perda das granxas que pechan. A análise constata algo que xa se vén advertindo no sector nos últimos anos: a rendibilidade económica é condición necesaria, pero non suficiente, para a continuidade das granxas.
Como evolucionará o prezo do leite no 2024? A tendencia á baixa na produción de leite no 2023, tanto en España como nos países veciños, deixou unhas posibilidades de abastecemento limitadas nas industrias, o que fixo que os prezos españois se mantivesen en niveis altos e por riba dos prezos medios da UE. A evolución do prezo do leite a curto prazo en España vai estar condicionado por diversos factores, en gran medida interrelacionados. Santiso e Sineiro destacan os seguintes:
  • A cotización na UE, que rexistrou unha lixeira recuperación, pero a partir de niveis máis baixos que os españois. Nos próximos meses, cómpre atender á evolución do prezo do leite equivalente na UE (o empregado en manteiga e leite en po desnatado), pois adoita anticipar nuns meses a evolución do prezo medio en orixe. Un dos factores a ter en conta a nivel europeo é a evolución no mercado global de produción e demanda, pois se ben só un 14% da produción europea se exporta ós mercados internacionais, as variacións globais de prezos e demanda teñen un impacto directo en Europa.
  • A produción de leite en España.
  • A capacidade de manter o diferencial de prezo existente coa UE, afectada polo posible aumento das importacións de leite en cisternas e de queixos e lácteos en po.
  • O mantemento dos prezos acadados nos produtos lácteos no supermercado, en especial no caso do leite envasado.

2) Necesidade de maior estabilidade nas relacións contractuais na cadea do leite

Unha das cuestións que se derivan da perda de produtores é a urxencia de dotar de maior estabilidade ás relacións ó longo da cadea Sineiro e Santiso propoñen aplicar ferramentas xa dispoñibles, como os contratos indexados entre granxas e industrias, ou negociacións transparentes entre industrias e gran distribución.
Formación de prezos: o caso do leite envasado O leite envasado é un destino que ocupa máis da metade do leite producido en España, polo que é relevante unha análise da súa situación particular. É ademais o produto final que máis directamente se pode vincular en evolución de prezos ó leite en orixe. Se se analizan os datos dos tres últimos anos, apréciase como o prezo medio ó consumidor pasou de pouco máis de 75 céntimos (2021) a unha media de 1,06 euros no 2023. Foi un aumento de prezos que veu derivado, como é sabido, dun aumento de custos en toda a cadea, en especial de pensos e enerxía. Pero como evolucionaron durantes estes últimos anos as marxes brutas de granxas, industrias lácteas e cadeas de distribución? A análise que fan Santiso e Sineiro das marxes brutas revela que a mellora das marxes produciuse basicamente nas granxas e nas cadeas de distribución, que foron as que máis marxe bruta gañaron de media nos dous últimos anos, en tanto a industria mesmo perdeu marxes brutas no 2022 para recuperar no 2023 unha situación similar á do 2021. Con cargo ás marxes brutas, os operadores teñen que facer fronte ós seus propios custos operativos. No caso de produción e industria, nos últimos anos estes custos vironse afectados pola tendencia á alza de enerxía e, no caso da industria, tamén de suministros (envases, embalaxes), en tanto na distribución tiveron maior impacto os custos laborais. Marxes brutos dos distintos operadores. / Fonte: Francisco Sineiro e Jorge Santiso.

3) O sector queixeiro é o que máis sofre a competencia das importacións

Como é coñecido, España é un país deficitario na produción de leite, pois consume máis do que produce. As importacións representan así en torno ó 40% do consumo aparente, segundo as estimacións dos dous autores, que tamén precisan que do mesmo xeito hai que ter en conta que España exporta arredor do 17% da súa produción. As importacións de produtos lácteos no 2023 sumaron 4,2 millóns de toneladas en leite equivalente, o que supón unhas 520.000 toneladas máis que no 2022, orixinadas principalmente polas partidas de queixo e de leite en po. Este aumento das importacións de queixos deixa ó sector queixeiro nacional nunha situación comprometida, pois nun escenario de dificultade de aprovisionamento de materia prima, ten que competir cunha industria europea que se abastece de leite a prezos menores e que é capaz de colocar a súa produción en España a prezos máis competitivos. Por último, Santiso e Sineiro apuntan a necesidade de mellorar as estatísticas do sector, sobre todo no referente ó consumo extradoméstico e industria, pois se ben o Ministerio de Agricultura conta con información detallada do consumo no fogar, non sucede o mesmo co consumo na hostalaría e nas industrias alimentarias, que empregan principalmente queixos e lácteos en po.

O leite con marca de fabricante véndese un 20% menos polo seu encarecemento

O escenario do leite no supermercado mudou de xeito radical nos últimos anos. Se ata hai un par de anos, as marcas brancas movíanse no arco de 55 – 60 céntimos, agora sitúanse nos 85 - 90 céntimos, coas marcas de fabricante por riba do euro. O cambio deixou consecuencias positivas, como prezos xustos de leite no campo, pero tamén efectos colaterais que preocupan nas industrias lácteas. O principal, o debilitamento das marcas de fabricante, que perderon cota de mercado en favor das marcas brancas. As estatísticas de consumo do Ministerio apuntan a que o leite con marca de fabricante véndese agora un 20% menos, se se comparan os datos do 2023 cos de antes da pandemia (2019). Se daquela as marcas de fabricante superaban o 55% de cota de mercado, na actualidade a penas sobrepasan o 40%, en tanto as marcas brancas ou segundas marcas de fabricante, comercializadas no treito baixo de prezos, achéganse ó 60%. O ascenso das marcas brancas obrigou ás industrias a recompoñerse. É un dos factores que explica, por exemplo, a decisión de Capsa de comezar a suministrarlle leite a Mercadona baixo a marca Hacendado.
"As industrias lácteas que non teñan peso nas marcas de distribución vano pasar mal" (Xabier Iraola, Enba)
A outra cara da moeda do debilitamento das industrias lácteas está no fortalecemento das cadeas de supermercados, sobre todo de Mercadona, que gaña peso como actor principal da cadea do leite, unha situación que preocupa no campo e tamén nas propias industrias. “As industrias lácteas que non teñan peso no mercado das marcas de distribución vano pasar mal” -pronostica o vasco Xabier Iraola, da organización agraria Enba-. “O que estamos vendo a nivel europeo é que os fabricantes están posicionando nos supermercados leites con valores adicionais, con selos de medioambiente, benestar animal ou leites enriquecidos. Este tipo de leites e as marcas locais, asentadas en cada territorio, poderán competir no supemercado, pero o resto do mercado estao gañando a marca de distribución”, opina Iraola. Evolución futura Se ben o equilibrio actual de prezos e de cotas de mercado valórase no sector como positivo para as granxas, para as industrias lácteas a situación é distinta, pois o desexable para elas é recuperar cota de mercado para as súas marcas de fabricante. Agora ben, co actual escenario de prezos no supemercado, o cambio de tendencia antóllase complicado. As marcas brancas de leite xa experimentaron un lixeiro abaratamento no último ano, pasando do arco de 90-95 céntimos ó de 85-90 céntimos, en consonancia coa baixada de prezos do leite no campo, pero iso a penas repercutiu nun aumento de vendas das marcas de fabricante.
As patronais da alimentación descartan baixadas dos prezos nos supermercados pola presión dos custos laborais e de produción
Tampouco é previsible un abaratamento moito maior das marcas brancas de leite, pois as propias asociacións das cadeas de distribución, como Asedas ou Fiab, descartaron estes días unha baixada xeral no prezo dos alimentos, “dada a presión de custos laborais e de produción que teñen que asumir os supemercados”. Contratos de primavera no campo En calquera caso, as industrias están a apostar por novas baixadas de prezos do leite no campo en primavera, un escenario que se terá que aclarar nas próximas semanas. No caso de Central Lechera Asturiana, a cooperativa que é propietaria do 80% de Capsa, a información que trascende no sector é que en Asturias quere baixar só os prezos no campo na medida en que baixen os custos de produción, principalmente o penso, de xeito que se manteña a marxe de beneficio para as granxas. O razonamento semella en principio correcto no sector. Se o encarecemento do leite no campo veu motivado en boa medida pola suba dos custos de produción, na medida en que os custos se moderen, debe facelo tamén o leite. A cuestión, para as organizacións agrarias, é a incertidume e a falta de estabilidade e transparencia que xeneran con frecuencia as propostas de contrato de boa parte das industrias lácteas, incluída en Galicia Larsa, propiedade de Capsa. Entre as ofertas iniciais para esta primavera, chama a atención a de Naturleite (Covap) -suministradora de Mercadona-, que propuxo unha rebaixa de 8 céntimos, á espera de ver cal é a súa decisión final. Índice A3 da Inlac Unha das solucións que se teñen proposto para introducir maior transparencia no sector pasa pola sinatura de contratos a máis longo prazo e cun índice validado por toda a cadea, como o A3 da Interprofesional Láctea (Inlac). É un índice que ten en conta factores como custos de produción das granxas, prezos do leite nos principais países da UE ou prezos dos produtos lácteos industriais. Sen embargo, trátase dun índice que ata o de agora tivo un uso limitado polas industrias, pois as principais firmas en Galicia, Capsa e Lactalis, apostan por indexar unha parte do leite ó valor dos produtos lácteos industriais, sen ter en conta o factor dos custos de produción das granxas.

Baixa o consumo de leite líquido no fogar, pero xera máis valor

Os últimos datos de consumo de leite apuntan a unba baixada de consumo de leite líquido no fogar de arredor do 3,6% no último ano (decembro 2022 a novembro 2023). A parte positiva é que con menos leite, xerouse un 13% máis de valor, pois o prezo do leite encareceuse de media no supermercado un 17% en comparación co ano anterior. O escenario de perda de consumo de leite líquido agudizouse polo encarecemento do leite no supermercado, pero trátase dunha tendencia que vén de atrás. Entre o 2008 e o 2022, o leite líquido perdeu un 13,7% de cota de mercado e no 2023, a falta de pechar decembro, semella que baixará por primeira vez dos 3 millóns de toneladas. É, con todo, un volume importante que representa arredor dun 40% da produción española de leite, o que explica a correlación en España entre prezos do leite líquido e prezos do leite no campo.
Os únicos leites que soben o consumo son os enriquecidos con vitaminas
En derivados lácteos, tamén houbo unha baixada de consumo superior ó 3%, aínda que tamén é de subliñar un aumento de valor en dobres díxitos, 12,6%. O único leite que evolucionou á alza en vendas foi o enriquecido con vitaminas (+4%), que representa unha cota de mercado pequena e que vén de anos malos. É de destacar que a categoría xeral de leites enriquecidos (con calcio, vitaminas, Omega 3) perdeu un 21% de vendas entre 2019 e 2022. Bebidas vexetais En paralelo á baixada do leite, as bebidas vexetais subiron un 4% as vendas no último ano, seguindo a tendencia á alza das últimas campañas. Ese ascenso das bebidas vexetais explica que boa parte dos operadores lácteos, incluídas cooperativas como Iparlat ou Capsa, estean apostando por liñas paralelas de bebidas vexetais.

“A xente estoupou porque todo son imposicións aos agricultores e gandeiros”

Por qué se mobiliza a xente do sector agrogandeiro? Creo é un cúmulo de anos e anos de ir aturando normativas cada vez máis restrictivas para facer o noso traballo, de case persecución da nosa actividade por parte de certos lexisladores e esta situación chegou ao seu punto álxido coa nova PAC 2023-2027, na que cuns obxectivos de sustentabilidade da agricultura e da gandería, que podemos compartir, sen embargo impúxosenos unha serie de limitacións e de controis que creo que non son razoables. Con todo iso, ao final a xente estoupou e saiu a protestar porque todo son imposicións por parte dos políticos que lexislan e cunha falta diálogo con nós para consensuar as medidas que nos afectan. Chegamos a unha situación tan absurda na que a burocracia á que nos temos que enfrentar para poder traballar é tan grande que un gandeiro ou un agricultor case lle ten que dedicar tanto tempo ao papeleo como á nosa propia actividade. Por outra parte, unha reivindicación transversal dos manifestantes é que se controlen as importacións doutros países. Nos tratados comerciais da Unión Europea con Mercosur, con Estados Unidos ou con Canadá, entre outros, sentimos que a agricultura e a gandería europeas son unha moeda de cambio en beneficio doutros sectores. A isto unimos que nos enfrentamos a unha competencia desleal, pois moitos dos produtos alimentarios que entran de terceiros países non teñen que cumprir a lexislación en materia de emprego de fitosanitarios, de respeto ao medioambiente ou de lexislación laboral que nós si cumprimos. E como dixen ao comezo, a pinga que colmou o vaso desta situación é a nova PAC que para nada se adapta á realidade de cada territorio. No meu caso, cultivo 40 hectáreas na comarca da Limia e coa nova PAC teño que deixar un 10% da terra libre, entre barbeito e cultivos mellorantes. Para min e para moitos é un perda económica moi grande porque todos sabemos a base territorial que teñen de media en Galicia as explotacións agrogandeiras. E aínda máis non se entende cando despois temos que importar cereais doutros países que perfectamente podíamos producir aquí, pero non podemos por estas limitacións da PAC. Non deberíamos ter unha PAC común a nivel de toda España porque a realidade da produción en Galicia ou en Asturias é moi diferente á de Extremadura ou de Andalucía. Outro apartado da nova PAC que me xera gran preocupación a min, e tamén aos meus compañeiros, é o da xestión dos xurros, ata agora un fertilizante sustentable e que cumpre os requisitos da economía circular, pero que sen embargo agora parece que é un produto contaminante. Creo que os lexisladores están pagando cos agricultores e gandeiros a súa falta de actuación noutros sectores que realmente son os que máis contaminan, como o transporte ou os fogares. A modo de exemplo, ¿de verdade as depuradoras de augas residuais das cidades e vilas funcionan perfectamente e devolven a auga completamente limpa ou a xestión do lixo é un exemplo de sustentabilidade?. Creo que a resposta é obvia, pero por suposto o culpable é o do lado, como o metano que produce o arroto da vaca. E co caderno dixital máis do mesmo: Queren ter perfectamente controlado todo o que fai ou deixa de facer un agricultor ou un gandeiro, unha auténtica intrusión na nosa actividade empresarial, que moito dubido que se atrevan a facer noutros sectores. ¿Imaxinan o mesmo control con Citroen ou coa banca, a pesar dos centos de millóns de euros de axudas que reciben ou recibiron?. A solución? Paralizar toda esta nova lexislación e que os politicos se senten a dialogar con agricultores e gandeiros para que a normativa se aprobe de forma consensuada e tendo en conta a realidade de cada territorio. Do contrario, seguiremos perdendo activos no sector, concentrando a produción en cada vez menos mans e poñendo en risco algo tan importante como é a soberanía alimentaria, en definitiva, que non teñamos que depender doutros países para que a nosa sociedade poda comer.

Capsa inicia en Lugo o envasado de leite Hacendado para Mercadona

A compañía asturiana Capsa, propietaria das marcas Central Lechera Asturiana e Larsa, comezou a envasar leite para Mercadona coa marca de distribución Hacendado, líder de consumo en España. O movemento vén dado polo aumento das vendas experimentado por Hacendado no último ano e medio, o que obrigou a Mercadona a garantirse o abastecemento cunha ampliación dos seus tradicionais proveedores de leite líquido, que ata agora eran principalmente a andaluza Covap e a vasca Iparlat. Capsa xa iniciou o envasado de leite Hacendado na súa planta de Outeiro de Rei (Lugo), segundo detallan fontes de sector. Consultada sobre esta circunstancia, Capsa limítase a sinalar que “Mercadona é un cliente máis” e elude proporcionar información adicional por motivos de confidencialidade. A compañía asturiana, igual que o resto de industrias, xa viña envasando habitualmente marcas brancas para outras cadeas de supermercados, pero a súa entrada en Mercadona supón un fito, pois representa unha alianza entre a cadea de supermercados líder e unha das industrias lácteas cunha marca de fabricante máis forte.
A entrada de Capsa en Mercadona representa un fito, pois a cadea de supermercados consolídase así como a principal referencia para o sector lácteo español
Capsa é unha das empresas lácteas líderes en España a nivel de facturación, xunto con Lactalis e Danone. As marcas de fabricante da firma asturiana (Clas e Larsa) destacan polo seu bo posicionamento no mercado. De feito, Central Lechera Asturiana (Clas) sitúase como o leite preferido polos consumidores en 7 comunidades autónomas, segundo a última enquisa de DataCentric. Trasvase de consumidores ás marcas de distribución Con todo, o encarecemento que experimentaron os prezos do leite no supermercado no último ano e medio impactaron de xeito forte nas marcas de fabricante -incluída Clas-, que perderon cota de mercado en favor das marcas da distribución, tamén coñecidas como marcas brancas. O escenario de perda de vendas das súas marcas de fabricante explica o o movemento de Capsa con Mercadona, pois a través de Hacendado ten a posibilidade de darlle saída ós excedentes.
O encarecemento do leite no último ano e medio provocou unha forte perda de vendas nas marcas de fabricante, o que aupou aínda máis a Hacendado
Larsa, a marca galega de Capsa, mesmo lle comunicara recentemente a algunhas das súas granxas proveedoras que ía reducir a recollida a partir da próxima primavera, precisamente por esa perda de vendas, que no seu caso afecta tanto ós queixos coma ó leite líquido. Queda agora por ver a dimensión que acada o abastecemento de leite de Mercadona a través de Capsa. No sector sinálase que Capsa xa está a enviar excedentes de leite de Asturias para envasar na planta de Outeiro de Rei (Lugo) para Mercadona e especúlase incluso con que a planta de Outeiro de Rei comece a traballar a tres turnos, a fin de cubrir as necesidades da cadea de supermercados. Estabilidade de suministro para Mercadona A outra lectura do acordo é o interese de Mercadona por contar cun proveedor da dimensión de Capsa, que lle asegura estabilidade no abastecemento. ¿Repercutirá o acordo de Mercadona e Capsa nos volumes de leite que a cadea de supermercados lle contrata ós seus tradicionais proveedores, Covap e Iparlat?. No sector non hai unanimidade ao respecto, se ben tanto Covap como Iparlat manifestan traballar con normalidade. No caso de Iparlat, a firma vasca explica que para este 2024 incluso prevé aumentar o leite comercializado a través da marca Hacendado, pois subliñan que existe “boa sintonía” con Mercadona. Consultada de xeito reiterado Mercadona por Campo Galego sobre a incorporación de Capsa como proveedor de leite líquido e sobre a situación do resto de proveedores, a cadea de supermercados non contestou. Coa entrada de Capsa, a lista de proveedores de leite líquido de Mercadona queda conformada por Covap, Iparlat, Naturleite -a sociedade de Covap en Galicia-, Lactiber -cunha planta en León que xestionan ó 50% Covap e Iparlat-, Lactia en Cataluña -sociedade de Covap e dunha cooperativa catalana-, Lactazor (Murcia) e Capsa.

O programa lucense “Da Granxa á Mesa” quere levar produtos de proximidade aos menús escolares

A área de Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a cooperativa A Carqueixa están a desenvolver un proxecto para fomentar que os centros de ensino valoren a posibilidade de mercar directamente a produtoras e produtores locais. A iniciativa aproveita o traballo desenvolvido pola área provincial a través do programa “Da Granxa á  Mesa” e do apoio á comercialización de produtos de razas autóctonas e a experiencia adquirida pola cooperativa gandeira en plataformas como “Son de Lugo” para poñer en contacto producións locais e comedores escolares. A cooperativa gandeira visitará ao longo desta semana unha decena de colexios, dando a coñecer os produtos das granxas e obradoiros alimentarios que participan no programa “Da Granxa á  Mesa” e ofrecéndolles a posibilidade de realizar un estudo individualizado que avalie os procesos, embalaxes e loxística necesaria para incrementar a presenza de produtos de quilómetro cero nos menús escolares. A actividade comezou este luns nos colexios de San Cosme de Barreiros, Mondoñedo e Parga, e continuará nos vindeiros días nos centros de infantil e primaria de Becerreá, Baralla, Guntín, Navia de Suarna, Cervantes, Mato Vizoso de Vilalba e A Ponte de Lugo, aos que se entregará un lote de produtos. O deputado Daniel García explica que “con esta iniciativa aproveitamos a experiencia e as redes creadas ao longo destes anos para facilitar o contacto entre pequenas producións e comedores escolares e propiciar acordos que serían beneficiosos para ambas partes; no caso dos produtores, asegurar uns ingresos recorrentes e no caso dos centros, incorporar aos menús alimentos saudables e de grande calidade”. O proxecto ofrece tamén aos centros escolares información sobre convocatorias específicas para conseguir recursos económicos destinados a fomentar o consumo de produtos locais. Da granxa á mesa A iniciativa encádrase na campaña “Da Granxa á Mesa” coa que a área de Rural, Mar e Mocidade pretende promover o consumo de produtos de proximidade entre a poboación máis nova, con iniciativas propias e colaboracións que poñan en valor a calidade dos alimentos que se producen no rural e que sensibilicen sobre a importancia das decisións de consumo na sostibilidade económica e social das granxas e das pequenas producións locais, e polo tanto no mantemento da poboación no rural e na conservación do territorio.

Denunciadas tres cadeas de supermercados por alineamento do prezo do leite

A organización agraria Unión de Uniones, conxuntamente con Unió de Pagesos de Cataluña, presentou unha denuncia contra tres supermercados ante a Comisión Nacional de la Competencia. A organización pide que se sancione a Mercadona, Lidl y Bonpreu pola alineación de prezos que presentaban os seus leites de marca branca entre finais do 2018 e comezos do 2022. Os indicios que aporta a organización na súa denuncia é o mero seguemento dos prezos semanais das tres cadeas de supermercados ao longo de máis de tres anos. Unión de Uniones sostén que o importe das variacións de prezo e o momento de aplicalas coincide nos tres supermercados. Destes datos, a organización agraria argumenta que pode derivarse a existencia de comportamentos que poñen en entredito a formal autonomía de cada cadea de supermercados, “con prácticas concertadas ou conscientemente paralelas”. Sinala ademais que outras cadeas de supermercados seguiron estes movementos de prezos, en especial na súa versión semidesnatada e desnatada. Unión de Uniones conclúe indicando que estas prácticas revelan o poder de negociación das cadeas de distribución fronte ás industrias lácteas, o que en último termo remata por repercutir nos gandeiros, pois durante os anos obxecto de denuncia, 2018-2022, os prezos do leite de marca branca estaban presionando á baixa os prezos no campo. Ese escenario, sen embargo, cambiou drasticamente no último ano e medio, cando os prezos do leite de marca branca pasaron de menos de 60 céntimos a arredor de 80 céntimos, permitindo a súa vez que no campo se acadaran cotizacións históricas polo litro de leite.

Medio Rural cambia a normativa para poder darlle axudas a industrias sancionadas pola AICA

En xaneiro publicouse a convocatoria autonómica de axudas para investimentos das industrias agroalimentarias, unha liña de apoios na que este ano se especificaba, por primeira vez, que “non se concederán nin pagarán axudas a solicitantes que fosen obxecto de sanción firme grave ou moi grave con base no previsto na Ley 12/2013 de la cadena alimentaria”. En resumo, a normativa excluía ás empresas que fosen sancionadas de xeito grave pola Agencia de Información y Control Alimentario (Aica), encargada de velar polo cumprimento de contratos e pagos na cadea alimentaria. Pero as regras de xogo acaban de modificarse. Medio Rural vén de publicar no Diario Oficial de Galicia unha modificación nas bases das axudas para suprimir ese artigo. A Consellería argumenta que, “con posterioridade á publicación da orde, realizouse unha análise máis profunda dos efectos da aplicación deste novo requisito nas iniciativas empresariais do sector agroalimentario. Nesa análise, púxose de manifesto que o novo requisito podería ter consecuencias desproporcionadas para as empresas, xa que a amplitude da tipoloxía das sancións graves recollidas na Lei 12/2013 podería dar lugar a que a perda establecida da posibilidade de obter subvencións, ou o reintegro delas, constituíse unha penalización excesiva, carente da requirida proporcionalidade para a infracción cometida” Por todo iso, a Xunta sinala que “co obxecto de manter a debida proporcionalidade nas actuacións, considérase aconsellable suprimir o referido requisito desta liña de axudas”. Críticas de Unións Agrarias A decisión de Medio Rural xerou a indignación de Unións Agrarias, que en nota de prensa tacha de “inaceptable” que a Xunta dea marcha atrás e levante o veto a que industrias sancionadas reciban axudas públicas. “Incumprir a Lei de Cadea Alimentaria seguirá sen ter apenas consecuencias para as industrias”, lamenta a organización. Unións lembra que esta é a primeira ocasión en que se incluíu nas bases un veto expreso aos solicitantes “que foran obxecto de sanción firme grave ou moi grave nos dous últimos anos en base ao previsto na Lei da cadea alimentaria”. Ademais, establecíase a obriga de devolver a contía percibida no caso de que os beneficiarios fosen obxecto de sanción nos cinco anos posteriores ao pagamento da axuda. A organización considera que o mantemento deste veto, xunto ao endurecemento das sancións cometidas polas industrias e a publicidade das mesmas son medidas indispensables para garantir o cumprimento da Lei de Cadea. Este primeiro trimestre do ano, cómpre lembrar que a AICA fixo pública por primeira vez unha lista de empresas sancionadas, entre as que figuraba unha industria láctea asentada en Galicia, Inleit, que semanas despois recibiu a visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Centos de tractores toman Lugo en demanda de solucións para a gandería de vacún de carne

Os máis de trescentos tractores que marcharon este martes polas rúas de Lugo son un bo termómetro da complicada situación que atravesa o vacún de carne, un sector afogado pola suba dos custos de produción e un prezo de venda dos xatos insuficiente.  A caravana de tractores, acompañados de gandeiros a pé, partiu ás 11 e media da mañá desde o Polígono das Gándaras e rematou pasadas as tres da tarde diante da delegación da Xunta de Galicia, onde se xuntou un milleiro de produtores cunha ducia dos seus animais, logo dunha parada tamén na subdelegación do Goberno. A asociación convocante da protesta, Gandeiros Galegos de Suprema, expuña diante das dúas Administracións, nas que permanecerá a partir de agora concentrada de xeito indefinido até que se poñan sobre a mesa solucións aos seus problemas, as principais reinvindicacións: un prezo de venda dos xatos xusto, que non se recorten as axudas da PAC e que se free o avance do lobo. 
Non hai relevo xeracional porque as nosas explotacións non son viables
En conxunto, as peticións dos produtores resúmense nunha: "cubrir os custos de produción e obter unha marxe de beneficio para que as explotacións de carne sexan viables e non se vexan abocadas ao peche". "Prezo xusto é igual a profesionalización e a vida no rural, mentres que a situación actual leva ao abandono", aseguran. "Os mellores bombeiros somos os gandeiros, somos os que coidamos o territorio e se non hai gandeiros teremos unicamente incendios e terra queimada", insistiron.  Prezo imposto polos matadoiros O presidente de Gandeiros Galegos de Suprema, Santiago Rego, cuestiona o que considera un incuprimento da Ley de la Cadena Alimentaria: “A propia Administración ten un estudo do 2021 no que se di que o noso custo de produción está en 6,20 euros. A día de hoxe, trala suba dos pensos e materias primas o ano pasado, estaremos arredor dos 7 euros, moi por riba do prezo de venda dos xatos”, valora.
Os custos de produción estannos a afogar. Sentímonos totalmente indefensos neste sistema onde predomina o monopolio da industria
"Os custos de produción estannos a afogar. Estamos vendendo a perdas. Onde está a AICA?", pregunta. "Sentímonos indefensos de todo ante este sistema onde predomina o monopolio da industria. Vémonos obrigados a asinar uns contratos ilegais baixo a ameaza de non levarnos os becerros e nós aos xatos temos que darlles saída", din. A nova PAC, unha "descapitalización" para as explotacións de carne Tractores na Ronda da Muralla, preto da delegación da Xunta. No contexto actual de altos custos, os produtores de Suprema consideran preciso un reforzo das axudas da PAC, pero advirten sen embargo de que o novo período da Política Agraria Común 2023-2027 chega para as granxas de vacún de carne cun recorte de axudas.
A PAC hoxe é imprescindible, pero non temos nin prezo nin axudas
"A nova PAC é unha descapitalización en toda regra das nosas explotacións", aseguran, alertando da "trampa" que supoñen novas liñas de axudas como os ecorreximes e as novas condicións impostas para o cobro das axudas agroambientais destinadas ao fomento de pastos.  O problema da fauna salvaxe Outro aspecto que preocupa aos gandeiros é sobre o lobo, que aseguran que está causando importantes danos sobre a gandería extensiva. “Se queren que sigamos mantendo o lobo, terá que haber suficientes subvencións para iso. Se non, terán que regular as poboacións, pero coa situación actual, na que o lobo está no Listado de Especies en Protección Especial, quedamos indefensos”, critica Santiago Rego.
As camadas de lobos multiplicáronse e campan ás súas anchas; se temos que seguir dándolles de comer, que nos paguen por iso
Os gandeiros acusan aos políticos de descoñecer a realidade dos produtores. "Acúsasenos de provocar o cambio climático, de que as nosas vacas contaminan e de ser os responsables de que a cesta da compra suba. Basta xa de ataques ao noso sector. Necesitamos políticos que nos defendan e que non nos ataquen", dixeron.  Rebaixa do IVE á carne A Asociación Gandeiros Galegos da Suprema pide ademais que a carne sexa considerada "un produto de primeira necesidade" e que se lle aplique unha rebaixa do IVE, ao igual que se fixo con outros produtos de alimentación como o leite. "Rebaixar o IVE da carne serviría para incentivar o consumo e para rebaixar o custo da cesta da compra aos consumidores", defenden.  Sobre o prezo de venda da carne, a asociación defende que non é preciso subir máis o que se lle cobra ó consumidor, “senón facer un reparto máis equitativo do valor da carne ó longo da cadea”. "Ternera Gallega somos nós e non as industrias", reprocháronlle ao Consello Regulador da IXP. "Se o campo non produce a cidade non come", corearon durante toda a marcha e preguntaron "que trazabilidade ten a carne que chega de terceiros países a prezos baixos?".
Os gandeiros manterán unha concentración indefinida ante a Xunta e a Subdelegación do Goberno até que se adopten medidas para solucionar a actual situación
Por parte da Xunta, Medio Rural sinalou hoxe nun comunicado que demanda do Goberno central un IVE cero para a carne, a fin de que os produtores poidan aumentar os seus ingresos. Tamén asegura que velará para evitar a venda de gando a perdas a través do Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais, a chamada ‘Aica galega’, pois asume en Galicia parte das competencias que vén desempeñando a Agencia de Información y Control Alimentario. Sindicatos, "chiringuitos" Algúns alcaldes, como o da Fonsagrada, acudiron a apoiar aos gandeiros dos seus concellos Santiago Rego avogou pola unidade do sector e agradeceu o respaldo das asociacións que apoiaron a marcha. Na súa cartelería e nos lemas coreados, os gandeiros lembráronse tamén dos sindicatos, "os grandes austentes" da protesta, ós que equiparan a "chiringuitos" ligados ós partidos políticos. Ás portas das eleccións, a marcha foi secundada por alcaldes do PSOE, como o da Fonsagrada, e do PP, como os de As Nogais, Triacastela, Castro de Rei ou Friol, así como por deputados do PP ou do BNG. O presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema criticou os intentos de "politización" do sector. 
Ás portas das eleccións municipais, a protesta dos gandeiros foi apoiada por alcaldes do PP e do PSOE
"Houbo alcaldes que se moveron nas eleccións ó consello regulador de Vacún de Galicia e que se volveron a mover estes días para pedir que non se fose a esta manifestación", criticaron os convocantes nun dos discursos ao remate da marcha. "Divide e vencerás", lamentaron. Gando ao pé da delegación da Xunta en Lugo, ao remate da marcha.
Álex Rodríguez (Láncara)

“Da maneira na que están as cousas, non anima a incorporarse á gandería”

Álex Rodríguez, un mozo de 27 anos de Láncara, tiña previsto incorporarse este ano á gandería familiar, que leva na actualidade súa nai, Marifé Blanco. Pero cos custos e prezos actuais, ve o panorama complicado. “Non hai garantías de futuro. Da maneira na que están as cousas, non anima a incorporarse. Precisamos unha boa PAC porque cos prezos que temos hoxe polo gando, é imprescindible”, sinala. A gandería está a cobrar arredor de 6 euros /Kg. polos animais e cos prezos actuais do penso, xa decidiu reducir o periodo de ceba e a cantidade de penso que lle dá ós xatos. “De momento seguimos cebando, pero quizais chegue un momento no que teñamos que parar”, valora.
José Antonio Santos (Friol)

“Cobramos o mesmo polos xatos que hai 30 anos, pero daquela un saco de penso de 40 Kg. costaba 500 pesetas”

José Antonio Santos é un gandeiro xubilado de Friol que acudiu á concentración co seu fillo, que é o que leva hoxe en día a gandería, de 70 reprodutoras. Santos fai números comparando prezos e custos de hai 30 anos cos de agora. “Daquela cobrabamos 200.000 pesetas por un xato, que é parecido ó que cobramos agora, pero o saco de penso de 40 Kg. estaba a 500 pesetas e hoxe un saco de 25 Kg. custa 15 euros”, compara. A mesma situación dáse co abono. “Daquela un saco de abono eran 200 pesetas, hoxe son 30 euros” -explica-. “Nós o ano pasado xa non abonamos as pradeiras con fertilizantes químicos e este ano tampouco o faremos. O que fixemos foi reducir o rabaño”, apunta. De cara ó futuro, o produtor opina que “a xente que vén atrás vaino pasar moi mal”.
José Ángel Lamas (Friol)

“O sector gandeiro move a economía dos concellos”

José Ángel Lamas é un gandeiro de Friol que ten un rabaño de 28 vacas, que lle serve de complemento á súa actividade principal, a venda de penso. “O sector gandeiro move a economía dos concellos rurais”, advirte. Lamas considera que a mobilización en demanda de solucións “vai para longo” e pide “unidade” do sector.

Primeira lista de empresas agroalimentarias sancionadas pola AICA

A Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA), encargada de vixilar os contratos na cadea alimentaria, desde o campo ata as cadeas de distribución, vén de facer pública a súa primeira lista de sancións emitidas, as correspondentes ó primeiro trimestre do 2023. Con anterioridade, a AICA só comunicaba o número de sancións en cada sector e o importe das sancións, pero non o nome das industrias e empresas multadas. Desde as organizacións agrarias viñan reclamando que o nome das empresas sancionadas tiña que ser público, algo ó que finalmente accedeu a AICA. Na relación de 69 multas, aparecen por parte galega a industria láctea Inleit e a cadea de supermercados Froiz. No caso de Inleit, trátase dunha multa de 9.000 euros por unha variación unilateral á baixa do prezo do leite contratado coas granxas, sen pacto previo coas ganderías. A sanción que se resolveu agora corresponde a un episodio do 2020. En canto a Froiz, trátase dunha multa de 3.000 euros por incumprimento dos prazos de pago. Na lista das sancións, predominan as multas por este último motivo, o incumprimento de prazos de pago, e pola falta de contratos escritos entre as partes, unha cuestión pola que foron sancionadas varias industrias cárnicas en Castilla y León.

A Xunta crea un servizo para facer cumprir a lei da cadea alimentaria e frear a venda a perdas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes o decereto polo que se establece a nova estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural para crear o Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais. Deste xeito, o Goberno galego asume as competencias de supervisión do cumprimento das obrigas en materia de información e control alimentarios, consonte ao establecido pola Lei da cadea alimentaria, de acordo coa súa modificación de decembro de 2021. Este servizo de nova creación terá diferentes competencias, entre elas, de xeito destacado, a análise e estudo da situación da cadea agroalimentaria en Galicia e dos axentes que interveñen nela, así como da formación dos prezos e dos custos de produción en cada un dos elos da cadea. Con base nisto, realizarán tamén as actuacións de inspección e control necesarias para comprobar o cumprimento da normativa de aplicación. Ademais, en virtude deste decreto, modificarase a Relación de Postos de Traballo para crear as correspondentes xefaturas de sección e de negociado dentro deste Servizo, incluíndo os técnicos provinciais, que serán os encargados dos labores de control sobre o terreo.

Equilibrio e xestión da cadea

Este novo servizo, que se crea dentro da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, terá entre os seus cometidos a mellora do funcionamento e a vertebración da cadea agrolimentaria, acadar un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais entre os diferentes operadores da cadea alimentaria e procurar o fortalecemento do sector produtor e a potenciación das actividades das organizacións interprofesionais agroalimentarias, de forma que se materialicen nuns prezos xustos que sempre cubran os custos de produción. Ademais, centrarase en garantir a unidade de mercado para a mellora da competitividade da cadea alimentaria e traballará na elaboración dun observatorio de prezos e de custos de produción, así como no desenvolvemento da coordinación e o intercambio de información coa Agencia de Información y Control Alimentarios e outras comunidades autónomas, no marco dos plans nacionais de control. A posta en marcha desta nova unidade compleméntase co funcionamento do Observatorio da cadea alimentaria galega, que se vén de poñer en marcha. Fíxose mediante a sinatura dun convenio de colaboración entre a Vicepresidencia 2ª e as consellerías de Emprego, e do Medio Rural. Por medio deste acordo regúlase a colaboración entre estes departamentos da Xunta para a realización conxunta de actividades asociadas a este observatorio, que serán coordinadas pola Consellería do Medio Rural.

Continúan as protestas gandeiras, en tanto Larsa sostén que está a subir o prezo do leite

O Alcampo da Coruña foi escenario dunha nova protesta gandeira, nesta ocasión protagonizada por Fademur, a federación de mulleres rurais ligada a Unións Agrarias. O colectivo fixo unha acción de información aos consumidores sobre as marcas que considera que non están a pagar un prezo xusto no campo. O foco, igual que en semanas previas, púxose nas marcas de dúas industrias, Lactalis e Capsa, que son as que máis volume de recollida teñen na comunidade e tamén dúas das que máis presenza copan nas cadeas de distribución. As mulleres participantes no acto fixeron unha retirada simbólica en carriños de todo o leite de ambas empresas que estaba nos lineais. Para a próxima semana, anúnciase unha nova acción o martes 21 en Lugo; en tanto para hoxe venres está prevista unha tractorada unitaria en Cantabria, con participación de Asaja, Coag e Upa (a matriz estatal de Unións Agrarias). A tractorada cántabra, que leva por nome ‘Rodea la distribución’, ten por obxectivo demandar das cadeas de distribución maiores aumentos de prezo no leite do que xa fixeron nas últimas semanas. Desde Galicia, compártese a necesidade de que o prezo da distribución continúe subindo, pero sinálase principalmente ás industrias, pois enténdese que non están repercutindo nas granxas o aumento de prezo que xa houbo nos supemercados, que cifran en arredor de 5 céntimos nas marcas brancas e en 3 céntimos nas primeiras marcas. Comunicado de Larsa Entre tanto, Larsa, unha das marcas da compañía asturiana Capsa, emitiu onte un comunicado para defender que está a subir o prezo do leite no campo e que volverá facelo nos contratos coas ganderías que ten que renovar na primavera do 2022. Larsa mantén en Galicia un contrato coas granxas do tipo 70-30, onde paga un 70% do leite a prezo fixo e un 30% en función do valor dos produtos lácteos industriais, como manteiga e leite en po, que no último ano dispararon o seu prezo por riba dun 40%. Froito dese aumento de prezo dos lácteos industriais, Larsa sinalou en outubro que lle subira ós prezos ás granxas nun céntimo desde xaneiro. A mediados de novembro, confirmou a suba doutro céntimo, para un total de dous céntimos, e agora Larsa asegura que desde novembro do ano pasado a novembro deste ano subiu en realidade un total de 4 céntimos.

Inícianse accións nos supermercados contra Capsa e Lactalis, pero fracasa o boicot masivo anunciado

As mobilizacións gandeiras contra as industrias lácteas están a trasladarse ós supermercados, co ánimo de buscar a complicidade do consumidor. Unións Agrarias incluso tratou de implicar ás propias cadeas de supermercados nas súas accións. Onte mesmo, a organización anunciara un compromiso das principais cadeas de supermercados de Galicia para retirar durante dous días as marcas das dúas maiores industrias, Lactalis e Capsa, ás que culpa do “bloqueo de prezos do leite no campo”. Ese acordo, sen embargo, demostrouse fracasado na mañá de hoxe. “Temos constancia de que cadeas galegas de supermercados tiñan retiradas as marcas de leite de Capsa (Larsa, Central Lechera Asturiana) e de Lactalis (Puleva, President) a primeira hora da mañá de hoxe, pero ao ver que as cadeas francesas mantiñan esas marcas á venda, decidiron volver a poñelas. Tamén pesou a presión que exerceron as industrias, apelando ós contratos asinados cos supermercados”, explican desde Unións Agrarias. Tras constatarse o fracaso da retirada de ambas marcas dos liñeais, que se pretendía manter durante este venres 19 e sábado 20, Unións Agrarias desenvolveu unha acción sindical, xunto a un grupo de gandeiros, no Carrefour e no Alcampo de Santiago, onde procedeu a sacar ambas marcas das estanterías. No caso de Carrefour, foi a propia empresa a que retirou o leite dos liñeais, en tanto en Alcampo a retirada protagonizárona os gandeiros en primeira persoa. Protesta del Sindicato Labrego en Lugo. Acción do Sindicato Labrego en Lugo De xeito paralelo, en Lugo, o Sindicato Labrego desenvolveu esta mañá unha acción ante un Gadis para pedirlle á cidadanía que non merque as marcas de Lactalis, pois considera que esta compañía está a negarse a pagar un prezo polo leite que cubra os custos de produción no campo. O Sindicato Labrego lembra que Lactalis é a compañía con maior volume de recollida en Galicia e cuestiona que a industria só ofreza unha suba dun céntimo, nun momento no que a suba de custos de produción está disparada. Valoracións das industrias Ante o inicio das accións gandeiras nas cadeas de distribución, Lactalis e Capsa veñen de emitir dous breves comunicados nos que manifestan o seu rexeitamento a esas mobilizacións. “Rexeitamos as prácticas ilegais e as falsidades verquidas acerca da nosa compañía”, subliña Capsa, que incide en que os seus produtos continúan a disposición dos consumidores en tódolos supermercados. Capsa tamén destaca que no último ano subiulle o prezo do leite ós gandeiros proveedores de Larsa en base ó aumento do valor dos produtos lácteos industriais. Segundo informou a compañía recentemente, esa suba foi dun céntimo e para novembro anúnciase outro céntimo adicional. Por parte de Lactalis, a industria láctea recalca tamén que os seus produtos seguen estando a disposición dos consumidores galegos en tódolos supermercados. “Neste momento de especial tensión que estamos vivindo na cadea láctea, reiteramos que é necesario apelar ó diálogo e á busca de solucións entre tódolos operadores implicados para garantir a sostibilidade económica de tódolos eslabóns da cadea”, manifesta Lactalis nun breve comunicado. A compañía pide que non se impulsen accións “contra a lei”, pois sinala, “levarían consigo consecuencias xurídicas e non aportarían na busca conxunta de solucións. O cumprimento de contratos por tódolos operadores da cadea é un suposto básico para intentar avanzar na mellora da situación”, conclúen. -- Fe de erratas: Inicialmente púxose no subtítulo da información que Lactalis e Capsa acusaban de "falsidades ás organizacións agrarias". En concreto é Capsa quen acusa de falsidade a Unións Agrarias.

Carrefour lanza un leite cun envase máis sostible, de orixe forestal

Carrefour lanza ao mercado en toda España leite procedente de Galicia dentro da súa gama Círculo de Calidad Carrefour, a marca coa que a compañía sinala que identifica a aqueles alimentos que recuperan o sabor orixinal, respectan o benestar animal, o medio ambiente e os ciclos naturais e contan con prezos asequibles para o cliente “e xustos para os produtores”.

Este novo produto será envasado na planta da cooperativa Clun que está tratando de repercutirlle ós gandeiros os aumentos de prezo que logra para os seus produtos na distribución.

O envase é máis sostible, cun 86% de material renovable de orixe forestal

Segundo destaca nunha nota de prensa a compañía francesa de distribución, que xestiona en España 1.395 establecementos, dos que 206 son grandes superficies, “para Carrefour as empresas agroalimentarias locais son unha peza clave do modelo de negocio, dentro do obxectivo de ser a empresa de distribución referente da transición alimentaria”.

Aposta polo medio ambiente

Este produto conta ademais cun envase máis sostible xa que o 86% do seu material é renovable. O novo envase ten orixe forestal polo que compensa o 100% das emisións de CO2 e reduce a súa pegada de carbono un 16% con respecto a outro brick máis convencional. Ademais, plégase de xeito doado para facilitar a súa reciclaxe e mesmo o seu tapón é elaborado a partir de residuos forestais.

Unións anuncia que os supermercados galegos retirarán a marca Larsa e as de Lactalis este venres e sábado

O leite de Larsa e as marcas de leite de Lactalis, como Puleva e President, non se atoparán este venres e sábado na maioría de supermercados galegos, segundo anuncia Unións Agrarias. A organización asegura que vén de lograr un compromiso das principais cadeas de supermercados que operan en Galicia para retirar estas marcas dos lineais durante dous días, como xesto da distribución en apoio ás protestas das granxas. As mobilizacións gandeiras ante as industrias enfocáronse días atrás tanto en Lactalis como en Larsa, ao ser as dúas industrias lácteas con maior volume de recollida en Galicia. Os produtores reclaman de ambas industrias que lideren unha revalorización do prezo do leite no campo, na liña de subas que xa iniciaran este verán outras empresas, como Naturleite, Pascual ou Celta. A cuestión de fondo é que as granxas estanse a ver afectadas por un importante aumento dos custos de produción (pensos, enerxía, fertilizantes, etc.). É unha situación que está a poñer contra as cordas as súas contas, polo que o sector moveuse nos últimos meses para impulsar unha suba en cadea de todo o leite, desde o campo ata o supermercado. Esa revalorización do leite xa se iniciou nos últimos meses, pero á inversa. Os primeiros en subir o leite, nomeadamente as marcas brancas, foron as cadeas de supermercados, que procederon a subas que rondan os 5 céntimos nas marcas de distribución, un aumento de prezo que estarían trasladando nos pagos ás industrias lácteas, segundo os datos que manexan as organizacións agrarias. A maiores, industrias como Capsa, a compañía asturiana propietaria da marca Larsa, confirmou tamén que en outubro procedeu a un encarecemento dos lácteos de Larsa nos lineais, unha medida que tamén están replicando outras industrias coas súas primeiras marcas. O problema é que todos eses aumentos de prezo nos supermercados polo de agora non chegaron ó campo. “Cando falamos cos supermercados e lles dicimos que as granxas non están vendo un céntimo deses aumentos de prezo, cóstalles crernos”, recoñecen desde Unións Agrarias. En vista da situación, as cadeas de supermercados de Galicia aceptaron finalmente a proposta de Unións Agrarias de retirar durante dous días dos lineais as marcas de leite de Capsa (Larsa, Central Lechera Asturiana) e de Lactalis (Puleva, President, etc.), segundo sinala a organización en nota de prensa. Desde Campo Galego, consultamos tal compromiso con algunhas das principais cadeas de supermercados que operan en Galicia, sen que polo de agora ningunha o negase ou se desmarcase. Xestións co Ministerio Por parte das organizacións agrarias, espérase tamén que o Ministerio de Agricultura mova ficha á hora de controlar os contratos que teñen asinadas as principais industrias lácteas, pois o propio Ministerio recoñeceu que, cos datos dos que dispón, os actuais contratos do leite no campo situaríanse por baixo dos custos de produción, o que está prohibido por lei. Dáse a circunstancia, ademais, de que se está a producir unha importante revalorización do leite no campo en toda Europa, impulsada pola suba de prezo dos produtos lácteos industriais.

Acción informativa do Sindicato Labrego este venres ante un supermercado de Lugo

En paralelo ás mobilizacións ante as industrias e ás conversas co Ministerio, as organizacións agrarias están a iniciar unha campaña de boicot contra as marcas que máis lles preocupan. En concreto, o Sindicato Labrego celebrará este venres un acto ante un Gadis en Lugo (rúa Quiroga Ballesteros), ás 11.30 horas, para pedirlle ós consumidores que non merquen as marcas de Lactalis – Puleva.
https://www.campogalego.gal/inicianse-accions-nos-supermercados-contra-capsa-e-lactalis-pero-fracasa-o-boicot-masivo-anunciado/