Archives

Landra, o proxecto do polígono agroforestal de Chantada para criar porcos en ecolóxico

Julio Taboada, cos porcos da súa explotación de Sabadelle (Chantada) Julio Taboada e Ramón Fernández empezaron hai 4 anos a criar porcos en extensivo na parroquia de Sabadelle, en Chantada. Contaban cunha superficie de monte que levaba anos en situación de abandono pero que ofrecía boas posibilidades para a alimentación dos animais, ao contar con castiñeiros e carballos. “Onde temos os porcos non se daba nin entrado, había unha corredoira moi estreita. Hai 4 anos preparamos o sitio cunha pa e metemos os animais. O primeiro ano empezamos con 15 porcos e despois xa fomos aumentando”, explican. Neste momento dispoñen dunha extensión de 11 hectáreas pechadas e teñen solicitado un polígono agroforestal para ampliar a superficie da explotación. Serían outras 40 hectáreas en Vilameá, na zona de monte que rodea as casas, pertencentes a uns 80 propietarios. É superficie particular dos veciños que neste momento está sen uso, con parcelas de prados (unhas 5 hectáreas) e o resto de monte con presenza de castiñeiros e carballos.
Cambiámolos de parcela e encalamos para que o monte se recupere
A superficie total en conxunto permitiría criar uns 500 porcos ao ano en extensivo. “Faríamos parcelas de entre 4 e 5 hectáreas para poder ir rotando os animais e que se fose recuperando o monte unha vez que eles pasen e desbrocen. Neste momento, das 11 hectáreas das que dispoñemos, temos 3 en descanso. Normalmente cambiamos de parcela logo de dúas campañas”, explica. O valor de criar porcos en extensivo Julio destaca dous aspectos positivos da cría de porcos en extensivo: “por un lado temos os montes limpos para que non ardan e por outro producimos carne de moita calidade que non ten nada que ver coa de porcos criados nunha granxa, aínda que a raza poida ser a mesma”, defende. “A calidade é totalmente distinta, porque ademais da raza ten que ver moito a alimentación”, asegura. Neste caso, “o que comen é natural para que o sabor da carne lembre á dos porcos de antes”, di. Ademais do que eles comen no monte danlles tamén un pequeno aporte de cereal.
Suplementámolos unicamente cun quilo de cereal ecolóxico por animal e día; o resto do que comen é o que eles atopan no monte
“Suplementámolos con algo de penso ecolóxico, un quilo por animal e día, pero sobre todo eles aliméntanse do que atopan. Toda esta zona era monte con moita castaña e moita bellota”, indica. Ademais, non se xeran problemas de puríns ou contaminación. “Aquí non hai emisións de amoníaco como pode haber nunha granxa porcina convencional. Iso sábese tan só polo olor, neste sistema de manexo non hai cheiros”, asegura. Facer o ciclo de cría completo A explotación está focalizada polo momento no cebo, pero pretende completar o ciclo. "Até o de agora mercabamos os porcos de pequenos, xa destetados, e introduciámolos no monte, pero agora xa contamos con varias reprodutoras e un macho para facer tamén nós aquí a cría. Para a campaña do ano que vén xa os criaremos nós aquí todos", indica Julio. Dentro da parcela dispoñen dun cobertizo onde os animais se poden resgardar da chuvia e o frío, onde reciben a ración diaria de cereal e onde teñen bebedoiros. É tamén a zona de manexo para os tratamentos e a desparasitación e o lugar de carga para a saída dos porcos cebados cara ao matadoiro. Os peches, o máis importante Pechar ben as parcelas é “o máis importante e tamén o máis custoso”, recoñece Julio. “Nós pechamos con malla en todo o perímetro e logo poñémoslles a maiores o pastor. É importante non só para que non se boten eles senón tamén para que non entre o xabarín”, explica. Revisan case a diario o estado dos peches, algo que lle supón bastante tempo, xa que son perímetros de varios quilómetros con zonas algunhas delas difíciles de andar. “Fago o percorrido todo ao redor cada dous días por se puido caer algunha póla, por exemplo, e lévame hora e media. Case é o que máis traballo dá”, recoñece. Raza duroc Os porcos son de raza duroc 100%, que se caracteriza por un bo crecemento e unha axeitada infiltración de graxa. “Probamos distintas razas, desde porco celta a landrán, e tamén cruce de landrán con petrén, pero decantámonos por esta. É a que mellor aguanta o frío e ten un xamón moi entrefrebado. É a que máis rendible nos sae", asegura Julio.
Nun ano gañan uns 100 quilos de peso
Nós pesámolos cando entran e cando saen. Entran con entre dous meses e dous meses e medio e veñen pesando entre 30 e 35 quilos. Logo témolos aquí entre un ano e catorce meses e veñen saíndo con entre 130 e 140 quilos. Sala de transformación Polo de agora Julio e Ramón non contan con instalacións propias nin para sacrificar nin para elaborar, polo que dispoñen de acordos con outras empresas ás que tamén lles venden os porcos cando teñen excedentes unha vez que están cebados. "Matámolos no matadoiro, tanto aquí no de Taboada como en Lugo, e logo elaboramos nunha sala de transformación autorizada para poder vender o produto con tranquilidade", indica. Pero a súa idea a medio prazo é contar cunha sala de despece e elaboración propia e facer uso do servizo de matadoiro móbil que acaba de poñer en marcha a Xunta.
O sobreprezo deste tipo de porcos con respecto a un de granxa non é moito e sen embargo a calidade é outra moi diferente
Venden tanto a particulares que buscan un porco de calidade para a matanza como tamén a bares e restaurantes. Ofrecen tamén para grupos, e previa reserva a través do número de teléfono 647521992, a posibilidade de degustar nunha casa tradicional do século XVIII un cocido elaborado coa carne e as salazóns que eles fan. Dispoñen ademais dalgunha tenda que comercializa xa os seus produtos elaborados (chourizo, chourizo ceboleiro, butelo e androlla, entre outros).
Ofrecen para grupos a posibilidade de degustar un cocido previa reserva
Neste momento a produción que teñen é máis estacional e concéntrase sobre todo nos meses do inverno, que é tamén cando hai máis demanda pola tradición das matanzas nas casas, pero cando teñan a pleno funcionamento o polígono agroforestal, cos 500 porcos, a súa idea é ter produción durante todo o ano e que os seus embutidos e produtos salgados e curados poidan mercarse nas tendas. “E o que non sexamos capaces de transformar e vender nós seguirémolo vendendo a outras industrias cárnicas de transformación que hai en Galicia e que apostan polos produtos de calidade igual ca nós. Hainas que están interesadas en mercarnos a produción”, di Julio.

Vacas cachenas para manter limpos os prados

Nos prados pace un rabaño de dúas ducias de cachenas Na casa de Julio en Sabadelle houbo vacas de leite pero cando a explotación pechou as fincas fóronse abandonando e enchendo de maleza. Por iso decidiu introducir vacas de carne, de raza cachena, coas que manter coidados os prados. “Empecei con 5 e agora teño 24”, detalla. Coa carne de cachena tamén fai venda directa. “Ao principio non había moita saída, pero agora non se dan producido becerros, hai moita demanda”, asegura. Os animales están todo o ano fóra, "tanto en verán como en inverno”, explica. Máis aló do que pacen, nos meses de agosto e setembro ten que suplementar con silo ou herba seca porque “isto é moi seco”, conta.
Para cambialas de prado teño que manexalas eu só; son animais con bastante temperamento
O manexo que fai é sinxelo, simplemente vai cambiando de finca as vacas coas súas crías. A raza cachena ten fama de ter temperamento, pero Julio explica que no seu caso bota man dunha das vacas máis vellas do rabaño, que é a máis mansa, para levala diante e que as outras a sigan. “Teño que manexalas eu só, iso si”, recoñece. Para Julio tanto a cría dos porcos como as vacas cachenas é polo de agora unha actividade complementaria, polo que ten que buscar un sistema de manexo o máis sinxelo posible e que requira a menor carga de traballo posible.
As cachenas non dominan o monte, os porcos si
Aínda que a cachena é unha raza rústica que pace e é capaz de alimentarse en zonas arbustivas, “a vaca non domina o monte”, asegura Julio, polo que a maleza e a vexetación acabaría pechándoo. Por iso pensaron nos porcos que, nese sentido, “desbrozan moito máis que as cachenas”, di. “Os porcos pacen igual que as vacas, pero acaban tamén coas silvas e os toxos; deixan todo limpo e despois aí medra a herba”, valora. O ano pasado no outono, cando retiraron os porcos da parcela de monte na que levaban dous anos, encalaron para favorecer a desinfección do terreo e o nacemento da pradeira, grazas ao mellor aproveitamento do abono depositado polos propios animais.

Que razas de vacún de carne están a medrar máis en Galicia?

A rubia galega perdeu nos últimos 10 anos máis de 34.000 animais, a metade dos censados no libro xenealóxico Na última década, desde o ano 2013 ao 2022, Galicia perdeu máis de 30.000 vacas reprodutoras destinadas á produción cárnica (o 39% da súa cabana) e máis de 1.000 ganderías (o 37% das granxas existentes hai 10 anos). Pero esa diminución non foi homoxénea nin afectou a todas as razas por igual, senón que castigou especialmente á principal raza cárnica galega, a rubia galega, que perdeu neste período o 52% do seu censo de animais (pasando de 65.469 cabezas rexistradas a 31.390) e o 42% das explotacións (caendo de 2.282 a 1.310).
Razas como a limusín, a charolesa ou a blonde medran a costa da rubia galega, que perdeu máis da metade dos seus animais rexistrados
Esta tendencia á baixa na rubia galega coincide tamén no tempo cun momento de limpeza no censo, o que levou a dar de baixa no libro xenealóxico grande cantidade de animais por parte de Acruga, un purgado moi acusado que se deu precisamente no ano 2013. Pero o goteo de peche de granxas e perda de cabezas continuou nos anos sucesivos, reverténdose esa tendencia unicamente no último ano, no 2022, onde a rubia galega gañou no conxunto do Estado 10 explotacións e 15 animais (ademais de en Galicia, hai rexistrados machos e femias de rubia galega en Castela e León, Madrid, Aragón, Andalucía, Estremadura e Castela-A Mancha). Caída en picado dos animais censados Evolución do censo de animais de raza rubia galega inscritos no libro xenealóxico na última década (Fonte: ARCA)  Galicia conta neste momento con 21.331 vacas nodrizas e 468 touros de raza rubia galega, máis 9.591 xatos e xatas tanto de cebo como de recría rexistrados no libro xenealóxico. Estas cifras forman parte da base de datos oficial ARCA (Sistema Nacional de Información de Razas), dependente do Ministerio de Agricultura, e que contén datos censais actualizados de todas as razas presentes no territorio español con data 31 de decembro de 2022. O ARCA inclúe exclusivamente a aqueles animais das razas do Catálogo Oficial e que forman parte das asociacións correspondentes (no caso de Galicia, serían os animais con carta pertencentes a ACRUGA, CACHEGA, CALDEGA, FRIEREGA, LIMIAGA e VIANEGA). Moita rubia galega fóra de Acruga Evolución do censo de animais e do número de explotacións por razas en Galicia (Fonte: ARCA) Se comparamos estes datos cos incluídos no Sistema Integral de Trazabilidade Animal (SITRAN), tamén dependente do Ministerio de Agricultura, a cifra para a rubia galega elévase a 75.171 animais, segundo o último informe do 2021, con datos do 2020, o que evidencia que hai tanta rubia galega fóra do libro xenealóxico e de Acruga coma dentro da asociación, que non foi quen de aglutinar no seu medio século de historia a todos os animais e produtores no seu seo. Outro tanto pasaría noutras razas, como a limusín, e en moita menor medida coa cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa, onde as asociacións xogan un papel vertebrador fundamental que está a servir para recuperar os censos de animais, impulsados tamén polas primas nas axudas da PAC. Cada vez máis limusín Na clasificación exclúense as razas Frisona, Parda e Fleckvieh por ser de aptitude leiteira, contabilizando un total de 45 razas cárnicas, tanto autóctonas coma integradas Sexa como for, a rubia galega segue a ser a principal raza cárnica presente na comunidade, pero cunha clara tendencia á baixa. Nos últimos 10 anos (2013-2022), o censo de rubia galega pasou de 66.162 animais en 2013 a 32.145 animais no ano 2022, o cal supón unha perda de máis da metade das cabezas. Pola contra, no mesmo período a limusín aumentou un 150% o número de animais rexistrados. Isto fai que lograse xa dar o sorpasso á raza galega no ránking estatal. Segundo os datos do ARCA a nivel nacional, a Rubia Galega sigue sendo a raza autóctona de Galicia mellor clasificada, no posto número 7, pero perdendo 4 posicións na clasificación en 10 anos.
No mesmo periodo, mentres a limusín aumentou nun 150%, a rubia galega caeu en máis dun 50%
Tanto a raza de Lidia como a Asturiana dos Valles manteñen a primeira e segunda posición, respectivamente, na listaxe das principais razas de carne españolas, mentres que a Rubia Galega perde o terceiro posto, que é ocupado agora pola raza Limusina. Esta raza de orixe francés ten unha forte suba nos últimos 10 anos, cun aumento aproximado do 60% en España e do 150% en Galicia, en comparación co descenso de máis do 50% da Rubia Galega. Tamén a raza Blonde de Aquitania gaña presencia en Galicia, o mesmo que a Charolesa. Peche de granxas En canto ao número de explotacións, baixa en todas as razas autóctonas da comunidade galega, sendo a Cachena a que menor baixada ten (-1,2%), e a Rubia Galega a que máis descende (-42%). Tendo en conta as razas do Top 10 do ranking nacional, a Rubia Galega é a peor parada en todos os aspectos. Os censos de animais da raza Rubia Galega teñen un descenso dramático, que supón a perda de máis da metade das cabezas nos últimos 10 anos, en paralelo á caída producida no número de explotacións.
A rubia galega perde produtores e animais, mentres o resto de razas autóctonas galegas logran aumentar o seu censo malia pechárense explotacións
No resto de razas autóctonas galegas dase un aumento no número de animais e un descenso no número de granxas, o que indica claramente unha maior profesionalización nos últimos anos, con explotacións cada vez máis grandes. Pero a pesar de que ACRUGA perdeu un 42% das explotacións que tiña hai 10 anos, a Rubia Galega séguese mantendo na 2ª posición do ranking estatal en canto a número de explotacións con animais rexistrados. Ao igual que pasa no número de animais, a Limusina está a medrar de maneira significativa tamén no número de granxas, ao igual que o fan as razas Blonde e Charolesa.  

Recuperación dos censos de cachena, vianesa, caldelá, limiá e frieiresa malia á diminución de produtores

A raza cachena conta na actualidade con 147 produtores e 5.452 animais inscritos No territorio español hai un total de 40 razas autóctonas de bovino, das cales 6 razas son orixinarias de Galicia: Rubia Galega, Cachena, Vianesa, Caldelá, Limiá e Frieiresa. A análise da evolución dos censos e do número de explotacións revela a recuperación das razas autóctonas galegas en perigo de extinción. Todas as razas de morenas galegas teñen unha evolución positiva no período 2013-2022. A Limiá é a raza que mais medra, xa que case duplica o número de animais. A raza Vianesa ten un aumento do 19% da súa cabana, mentres que as outras 3 razas (Cachena, Caldelá e Frieiresa) aumentan aproximadamente un 25% no número de animais. A Limiá mellora o seu posto no ranking estatal de razas, a Caldelá e a Cachena mantéñense, e a Vianesa e a Frieiresa perden posicións, a pesar de que a evolución do censo de todas as razas é positivo. Profesionalización das explotacións Evolución dos censos de número de animais das razas autóctonas galegas en perigo de extinción Tendo en conta o número de explotacións, obsérvase unha tendencia clara á perda de granxas e ao redimensionamento das que quedan. Todas as razas autóctonas galegas perden produtores, de maneira moi moderada nas razas Cachena e Limiá e máis acusada na Frieiresa e na Vianesa. Así, a Cachena mantén o posto 17º no ranking español de razas por número de explotacións, a Limiá mellora 3 postos, e as outras tres razas galegas (Caldelá, Frieiresa e Vianesa) empeoran.

O cebo con forraxes de xovencos cachenos demóstrase máis rendible que a dieta convencional

O Centro de Investigacións e Experimentacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) acolleu unha xornada técnica na que se presentaron os resultados dun estudo sobre alimentación alternativa para o cebo de animais de raza cachena. Nesta xornada amosaron os datos sobre o cebo de xovencos, becerros castrados, logo de que xa foran presentados o ano pasado os resultados obtidos para as xovencas e os tenreiros. Neste estudo contemplan as diferentes franxas de idade e tamén están pendentes os resultados do vacún maior, as vacas de descarte. Durante a xornada presentáronse as análises nutricionais dos alimentos proporcionados ós xovencos de raza cachena. A técnica do Centro de Investigacións e Experimentación Agrarias de Mabegondo Carmen Montes ofreceu aos asistentes os resultados da produción de calidade da carne desta raza autóctona. O estudo incluíu 16 xovencos, que foron sacrificados ós 26 meses e que estiveron en cebo 138 días. “O obxectivo deste estudo é demostrar a viabilidade económica de proporcionar unha dieta forraxeira ós animais, que resulte tamén máis sostible e saudable fronte ó cebo tradicional, sen que as características da carne se vexan afectadas”, explica Teresa Moreno, investigadora do departamento de Carne do Ciam.
O estudo incluíu 16 xovencos sacrificados ós 26 meses logo dun cebo de máis de catro meses
Esta dieta alternativa baséase en forraxes e pasto. En concreto a alimentación destes xovencos baseouse en proporcionarlle silo de millo mesturado con xirasol, aceite de xirasol e silo de xirasol, ademais de fariña de millo que complementaban co pastoreo en distintas fincas do Ciam. Mentres, o cebo convencional realízase con penso e herba seca. O estudo amosou que esta alternativa a base de forraxe resulta máis económica que a convencional, sen que iso supoña cambios destacados na calidade da carne. Os custes da alimentación convencional supuxeron 3,59 euros por animal e día, mentres que a dieta forraxeira quedou en 0,91 euros por cabeza. No caso dos animais alimentados coa dieta convencional, o consumo foi de 8,976 quilos de materia seca por animal ó día e nos xovencos ós que se lle proporcionou forraxe a inxesta foi de 8,446 quilos de materia seca. Así, o índice de conversión foi de 11,89 na dieta convencional e de 25,48 para os animais alimentados coa dieta alternativa. 
A dieta alternativa baséase en pastos e forraxes como silo de millo e xirasol. O custo medio foi de 0,91 euros por cabeza e día fronte ós 3,99 euros da dieta convencional
Os animais alimentados de xeito convencional tiveron un peso vivo superior e na canal, o estado de engraxamento, conformación e peso da canal fría tamén foron superiores ós animais de cebo forraxeiro. Mentres, que os de cebo forraxeiro tiveron un rendemento de canal significativamente superior.  “Non houbo diferencias moi significativas entre os animais, nin no peso vivo nin na canle e conservouse a calidade da carne, mesmo se conseguiron valores máis favorables na calidade nutricional da carne dos animais alimentados co cebo forraxeiro”, explica Moreno. Así, na calidade organoléptica da carne, non existen diferencia significativas relacionadas co tipo do cebo, aínda a pesar das mínimas diferenzas na porcentaxe de graxa intramuscular. Na calidade nutricional, o cebo forraxeiro proporcionou un maior contido de ácedos graxos monoinsaturados e omega6, o que a converte nunha alternativa máis saudable.  No estudo tamén participa o Centro Tecnolóxico da Carne, que se centra na maduración desta carne de vacún. Ademais, o estudo tamén conta coa participación da empresa Proyecto Miña Terra. A xornada incluíu unha degustación de distintos cortes de carne de cachena. A xornada rematou cunha demostración de corta de carne e degustación de carne de cachena, que se inclúe dentro das iniciativas para dala a coñecer. Na xornada participou tamén o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, así como o alcalde de Abegondo, José Luis Santiso.

“Sería interesante que as ganderías de cachena cebaran os xatos para mellorar os rendementos cárnicos”

Un dos lotes de becerros cebados nas instalacións do CIAM dentro do proxecto de investigación A raza cachena, orixinaria da zona montañosa transfronteiriza que ocupa o parque natural do Xurés, que comparten municipios ourensáns e portugueses, atópase en proceso de recuperación desde o ano 1990. Na actualidade o censo total de animais está composto por 4.607 cabezas, das que 3.174 son reprodutoras repartidas polas 166 ganderías que traballan con esta raza, que teñen unha media de 27 cabezas. A calidade da carne de cachena está a facer que sexa cada vez máis demandada polo consumidor pero a maioría das explotacións fan unha cría en extensivo dos animais en terreos de monte e venden os becerros sen un periodo de cebo de finalización, polo que o menor peso das canais nos matadoiros fai que o rendemento acadado polos produtores sexa baixo.
Os matadoiros buscan quilos, o que fai que o rendemento económico para os produtores de cachena sexa baixo
Pero o alto índice de conversión desta raza faría factible un cebado semellante ao que se aplica de xeito habitual a outras razas cárnicas, o que melloraría notablemente o peso dos animais sacrificados. “Para o abandono do estado de perigo de extinción destas razas é imprescindible que a súa produción acade un rendemento económico axeitado”, asegura Teresa Moreno, investigadora do departamento de Produción Animal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e coordinadora dun proxecto no que tamén colaboran os seus compañeiros Santiago Crecente e Carmen Calvo e cuxos resultados foron presentados este xoves.
Para a recuperación da raza é imprescindible que a súa produción acade un rendemento económico axeitado
Ademais, as conclusións do estudo demostran que a raza cachena, pola súa maduración temperá, é apta para un engorde final que mellorara a calidade da canal en canto a conformación e engraxamento mantendo as características organolépticas propias. Cambio de orientación produtiva das explotacións As características produtivas da raza cachena permiten a súa cría en terreos abruptos e con poucos recursos herbáceos debido á rusticidade e á gran adaptación ao medio. A súa morfoloxía de tamaño medio fana máis axeitada para o seu manexo en extensivo.
As vacas cachenas teñen unha grande facilidade de parto e son reprodutoras con moi boas cualidades maternais, permitíndolles amamantar ás crías ata o destete
Por iso, a orientación produtiva actual da maioría das explotacións de raza cachena é a produción de carne de baixo custo a partir dunha alimentación baseada no amamantado e o aproveitamento do pasto herbáceo e arbustivo de pradeiras e zonas de monte. Necesidade dun cebo final Sen embargo, o seu ritmo de crecemento, máis moderado, fai que sexa recomendable un remate final con concentrados para incrementar o seu rendemento cárnico e a calidade da canal, algo que non están a facer a maioría das ganderías.
O índice de conversión da raza cachena é máis alto que o de outras razas de referencia, como a rubia galega
"O que estamos vendo a nivel produtivo é que nos encontramos con canais moi pequenas e con pouco peso pero é unha raza que ten un índice de conversión moi bo e que con pouco que a alimentes consegues finalizacións moi boas. O que pasa é que estamos acostumados a vela no monte comendo case calquera cousa", argumenta Teresa.  Optimización do pasto e o leite materno Pero esta investigadora, que leva anos estudando a raza e en contacto cos produtores de cachena, afirma que "está a haber un cambio nos últimos anos porque de ser unha raza que estaba no monte comendo o que había, están xurdindo produtores cun sistema mellorado e máis profesionalizado", di.  
O ideal sería que os partos fosen en outono para ter os xatos coas nais até finais de maio para que chegasen ao cebo en mellores condicións
Por iso, considera que "cun manexo do rabaño que permita un mellor aproveitamento do pastoreo e da lactación materna e cun cebo adecuado estes produtores obterían resultados moito máis favorables para eles á hora da comercialización da carne". 
Os becerros cebaríanse durante os 3 meses do verán, polo que podería facerse ao aire libre
O ideal, di, sería unha adaptación do sistema natural de cría en extensivo cunha concentración de partos en outono para lograr unha maior produción láctea da nai e un alongamento da lactación grazas ao maior aproveitamento do pasto de primavera tanto por parte das nais coma dos propios becerros para, unha vez destetados no mes de maio, pasar a un cebo intensivo que se podería levar a cabo ao aire libre durante os tres meses de verán.  Unha raza delicatesen Ao acto deste xoves no CIAM acudiron gandeiros que xa teñen a raza cachena ou están interesados nela A cachena é unha raza pouco estudada aínda desde o punto de vista científico e da que non había até agora datos de ganancias medias diarias con pesaxes e control da inxesta así como sobre a influencia da dieta na calidade da canal e da carne desde o punto de vista da análise físico-química e nutricional e do perfil lipídico de ácidos graxos.
A cachena é unha raza de maduración temperá que acumula moita graxa infiltrada que fai que a carne sexa moi xugosa 
"Ao ser unha raza de maduración temperá en comparación coa rubia galega, que é todo o contrario, unha raza de maduración lenta, a nivel de calidade da carne atopámonos parámetros moi beneficiosos porque son animais que acumulan moita graxa e graxa infiltrada e iso fai que teña a nivel organoléptico características de xugosidade e textura con moi boa aceptación por parte do consumidor", destaca.  A importancia do control de enfermidades Un dos aspectos salientables nos que Teresa Moreno fai fincapé é na necesidade de concienciar aos produtores dos beneficios de mellorar o estado sanitario dos rabaños e o control de enfermidades infecciosas como IBR, paratuberculose ou neosporose. 
En Galicia, moi poucas ganderías de cachena forman parte a día de hoxe de Asociacións de Defensa Sanitaria e levan a cabo protocolos de control de enfermidades
"É moi importante nesta raza o tema sanitario porque son animais que están fóra e a IBR está bastante extendida", indica. Iván Mato, técnico de vacún de Laboratorios Hipra, insistiu tamén nesta idea na súa ponencia sobre as enfermidades infecciosas do gando vacún en extensivo, que despertou grande interese entre os gandeiros presentes. Explicoulles que a partir de 2023 vai ser obrigatorio a nivel nacional que todas as razas fagan control de IBR, dado que outros países europeos, como Alemaña, Holanda ou Francia teñen moito máis avanzado o control da enfermidade. 
A partir de 2023 serán obrigatorios en todas as ganderías controis de IBR, unha enfermidade bastante estendida entre a cabana cachena gallega
Os animais que participan no ensaio foron adquiridos xa destetados en distintas explotacións galegas. Eran xatos que estaban no monte, polo que o primeiro que se lles fixo ao chegar ao CIAM foi sometelos a un periodo de corentena e realizarlles unha serie de controis sanitarios e protocolos de vacinación.  "Durante a etapa de cebado vimos que aos becerros que veñen con algún tipo de enfermidade ou chegan máis desfavorecidos desde o punto de vista sanitario cústalles máis engordar e a súa ganancia de peso é menor", evidencia Teresa.  Catro categorías de animais Este proxecto piloto, denominado Optimización da dieta de cebo nas diferentes categorías da raza cachena, está liderado por Miña Terra e o Agacal-CIAM e financiado con fondos Feader e busca fomentar entre os produtores galegos de cachena o hábito de cebar os seus animais. Por iso, gandeiros de cachena de toda Galicia foron convidados a participar este xoves na presentación das conclusións do estudo e na visita posterior ás instalacións do CIAM onde se está a proceder ao cebo dos animais.  O proxecto iniciouse en 2021 co obxectivo de estudar o efecto de dous tipos de cebo (convencional a base de penso e herba seca e forraxeiro cunha ración formada por grao de millo doce e silo de cereal máis oleaxinosa) nas diferentes categorías de animais de raza cachena (becerro de entre 10 e 12 meses de idade, novillos castrados machos de menos de 48 meses de idade, novillas femias de menos de 48 meses de idade e vacas de desvelle de máis de 5 anos) sobre os parámetros produtivos e as características da canal así como sobre a calidade organoléptica e nutricional da carne.
O estudo iniciado en becerros ampliarase a novillos machos e femias e a vacas de desvelle
Neste momento concluíuse a primeira fase do estudo, co cebo de dous lotes de becerros, que se levou a cabo entre os meses de outubro e xaneiro nas instalacións do CIAM. O cebo prolongouse durante 100 días e realizouse a cuberto ao coincidir cos meses de inverno e poder ter un control máis preciso da inxesta dos animais. A continuación iniciarase o ensaio nas seguintes categorías, comezando polas xovencas femias, que serán cebadas fóra, ao aire libre, co obxecto de adaptarse máis ao sistema de manexo e ao modo habitual de traballo das explotacións de raza cachena existentes en Galicia.

"Buscamos unha ración para cebar os xatos a base de forraxes cultivadas na propia explotación"

Un dos lotes foi alimentado con penso e herba seca (esquerda) e o outro cunha ración forraxeira (dereita) Javier Blanco é veterinario e forma parte do proxecto Miña Terra, unha iniciativa posta en marcha por técnicos e produtores para dar difusión ás razas autóctonas e aos sistemas extensivos de producción. Pretenden servir de nexo de unión entre investigación, producción e cliente final, aportando datos técnicos a toda a cadea, desde os gandeiros aos consumidores. Esa labor de promoción xa comezaron a facela a nivel de hostelería, con datos sobre as características físico-químicas e organolépticas da carne, e buscan facela tamén entre os gandeiros, aportando pautas sobre manexo e alimentación en base aos resultados obtidos en distintas investigacións.   Javier está a colaborar co proxecto que está a levar a cabo o CIAM co asesoramento en materia nutricional na elaboración das racións para o gando e explica os motivos de ter optado por probar unha dieta a base de forraxes e comparar os resultados con outra baseada no tradicional sistema de cebo con penso e herba seca. 
Na promoción desta raza deben primar os parámetros de calidade da carne e de sostibilidade das explotacións, porque é una especie que optimiza os recursos dispoñibles no seu entorno
"Cos altos prezos que están a ter hoxe os pensos, buscamos unha ración para cebar os xatos a base de cereais, leguminosas e oleaxinosas que poidan cultivar as propias explotacións para abaratar custos", conta. Pero máis alá do aforro económico, está tamén buscar a coherencia para as ganderías de razas autóctonas en extensivo. "Non se trata só de buscar sistemas que compitan co penso, é importante tamén a percepción do cliente final deste tipo de carne, que valora a calidade do produto e tamén o modo de produción, é dicir, que a gandería sexa autosuficiente e sostible", engade.  Potenciar o cultivo de millo e o cereal con leguminosa para o vacún de carne Esta ración alternativa ao penso estaría formada por grao húmido de millo e silo de cereal (triticale, avea, centeo ou cebada) con leguminosa (veza ou chícharo), máis un aporte de aceite de liñaza ou de pipa de xirasol. "A diferenza é que a liñaza sería un insumo que as ganderías terían que mercar mentres que o xirasol poderían cultivalo tamén elas mesmas", explica Javier.  Preténdese potenciar o millo para alimentar o vacún de carne e a rotación con cereal máis leguminosa como cultivo de inverno. En función das zonas faríanse diferentes mesturas buscando aquelas máis axeitadas. "As explotacións de cachena teñen normalmente pouca carga gandeira e bastante superficie, moita dela de monte, pero case todas terían 4 ou 5 hectáreas boas para facer unha rotación anual de millo con cereal de inverno e sen embargo non o están facendo", argumenta. 
A ración alternativa ao penso sería máis barata pero esixiría un maior tempo de ceba para acadar resultados equiparables
A ración está pensada para ser elaborada mediante carro mesturador ou dispensación manual por parte dos gandeiros, aínda que no caso do ensaio levado a cabo no CIAM preparouse xa mesturada en rolos de silo individuais para facilitar o seu manexo e o control da inxesta, o que encareceu notablemente o seu custo final.  Conclusións do estudo Da comparación dos resultados obtidos coas dúas racións empregadas para o cebo dos dous lotes de animais en estudo conclúese que a ración con penso permite obter uns mellores resultados produtivos. "O grupo en base a penso tivo ganancias máis elevadas (0,92 quilos/día fronte a 0,78) e resultados de peso canal (105,25 quilos fronte a 94,75) e rendemento canal (48% fronte a 46%) tamén mellores", explica Teresa. 
A canal dos becerros de raza cachena caracterízase por un rendemento cárnico do 48%, cunhas porcentaxes do 66% no cuarto traseiro, que é onde se atopan as pezas de maior valor comercial
“A ración forraxeira, tal como foi elaborada, esixiría máis tempo de cebo para igualar os resultados da ración con penso. Doutro xeito, deberíamos concentrar máis a ración forraxeira, aumentando a proteína bruta e diminuíndo a fibra bruta, para lograr un maior rendemento produtivo”, indica. "Os animais comeron menos do estimado pero converteron moi ben. Quedamos curtos coa proteína, tanto na ración de penso como na de forraxe, na que habería tamén que subir a enerxía para logar unha maior concentración da ración", detalla Javier.  Concentrar a ración forraxeira O cebo foi intensivo, con alimentación a demanda durante 3 meses, cuantificando os quilos de inxesta: 5,17 kg/becerro/día (4,58% MS) no caso da dieta con penso e 12,2 kilos (3,54% MS) no caso do rolo de forraxe. O peso vivo medio no inicio do ensaio (becerros machos de 8 meses de idade) era de 125 quilos e o resultado acadado tras 100 días de cebo foron 218 quilos de peso vivo no lote de penso e 207 kilos no lote con forraxe. 
Hai que modificar a ración forraxeira cunha formulación diferente, incrementando a materia seca e a proteína
Fixéronse pesadas de cada animal cada 15 días para cuantificar as ganancias de peso e os índices de conversión e unha vez sacrificados realizouse tamén unha comparación da clasificación das canais no matadoiro e unha comparativa das analíticas realizadas á carne, un aspecto no que colaborou o Centro Tecnolóxico da Carne.  Niveis de graxa infiltrada "A calidade desta raza é moi apreciada polo consumidor polo seu gusto característico, proporcionado principalmente por atributos de xugosidade e tenrura debido ao seu alto contido en graxa intramuscular, que ademais se atopa ben distribuída e infiltrada", explica Teresa.
Os contidos de graxa infiltrada foron lixeiramente maiores no caso do cebo con penso
Os niveis de graxa intramuscular, que se moven na categoría becerro entre 1,5 e 2% na raza cachena fronte a niveis inferiores ao 1% no caso da rubia galega, son os que determinan a textura da carne, medida como forza necesaria ou resistencia ao corte.  Perfil lipídico Non se observaron diferenzas significativas na clasificación da canal nin na calidade físico-química da carne entre as dúas dietas, pero si no tocante á composición de ácidos graxos da carne. “Deberiamos empregar na ración forraxeira semente de liñaza no canto de pipa de xirasol, que ten un perfil de ácidos grasos saturados maior”, considera Teresa.
A relación omega6/omega3 é máis favorable cebando con forraxes ca con concentrado
A cría e a alimentación natural en extensivo favorecen un nivel elevado de ácidos graxos cardiosaudables (omega3, omega6 e CLA) e a relación omega6/omega3 é máis favorable no caso do cebo a base de forraxes con respecto ao cebo con penso, posto que o concentrado caracterízase por ter un alto contido en omega6 e un baixo contido en omega3. 

Criadores de raza Cachena pídenlle á Xunta que promova unha poxa anual e elimine o coeficiente de carga gandeira

Un total de 25 ganderías de toda Galicia con cachena mantiveron o pasado mércores, día 2, unha reunión no pazo de Fontefiz (Coles-Ourense) con Boaga, a asociación dependente da Consellería do Medio Rural encargada do conservación e fomento das razas autóctonas galegas. Unha das demandas trasladadas polos criadores da raza cachena foi a creación dunha poxa anual para a venda e intercambio de animáis das 5 razas autóctonas galegas de  bovino (cachena, caldelá, limiá, frieiresa e vianesa), xunto ca ovella galega e galiña de Mos. Asimesmo, reclaman á Consellería do Medio Rural que se elimine de cara ás axudas da PAC 2023 o actual coeficiente de carga gandeira para a conservación de raza autóctona, situado en 0.7 animais por hectárea. “Con esta eliminación conseguiríase que entrasen no programa máis do dobre das explotacións de autóctonas que ahora mesmo non optarían a esta axuda por conservación da raza”, explican os criadores. Entre as ganderías que asistiron á reunión están Ganadería "Ractoral Santa Baia", CCMM de Lucenza, Auga Lavada, Montes de Boado, Cachenas de San Breixo, Granxa Ecolóxica do Umia, Cacheniñas SL, Curvaceira SL, Granxa o Castiñeiro, Cachenas Cumios do Xistral, O Souto Das Cachenas, Cachenas Rodríguez-Pedrafita do Cebreiro ou Cachenas de Antía “Finca Eco-Robra”, Cachenas Pedra Cabalgada S.C e Cachenas Cas Fidalgo.

Finca Enxebreza, a aposta dun mozo pola raza salers nun latifundio en Vilalba de 1.200 hectáreas

Xabier, coas súas vacas de raza salers en Vilapedre (Vilalba) Nun país onde abunda o minifundio e escasea o relevo xeracional, xuntar 1.200 hectáreas de terreo nunha única peza é unha absoluta rareza. E que estean dirixidas por un mozo de tan só 22 anos, máis. Por iso esta explotación é un caso único en Galicia. Pero Finca Enxebreza, ubicada na parroquia de Vilapedre, en Vilalba, ten tamén outra peculiaridade: conta con gando de raza salers, moi pouco frecuente aínda na nosa comunidade. "No meu caso eu fíxenme gandeiro porque quixen, foi por vocación. A miña familia, por parte do meu pai, non son agricultores, pero na casa sempre houbo algo de gando porque un tío da miña avoa tiña explotación. A min gustábanme moito os cabalos pero nunca pensei poder chegar a vivir disto", asegura Xabier, que pasou de xinete de saltos en concursos de hípica a gandeiro na finca máis grande de Galicia. "Esta finca tivéraa alugada fai anos Coren e despois unha persoa de Xaén pero cando quedou libre, fai agora catro anos, decidinme a collela eu", conta.
A finca pertence a un fondo de investimento que leva mercando terreos rústicos en Galicia desde 1981. Excluíndo algunhas CMVMC, trátase da maior extensión nunha soa peza de toda Galicia
A superficie que manexa este mozo esténdese desde a chaira de Vilapedre até o alto da Serra do Xistral e pertence a un fondo de investimento xestionado pola empresa Piccolo Rancho. Levan mercando fincas rústicas en Galicia desde o ano 1981 e son hoxe por hoxe dos maiores terratenentes da comunidade, aínda que logo non explotan directamente as propiedades que posúen, senón que as arrendan a persoas coma Xabier para que as traballen. Con só 18 anos deixou a carreira para facerse gandeiro En xaneiro do 2017, con 18 anos cumpridos só dous meses antes, este mozo de Goiriz deixou a carreira de Administración de Empresas e incorporouse á actividade agraria. "Empezara ADE en Lugo, pero non me gustaba, así que deixei a carreira e funme traballar a Alemaña de xinete, porque mentres estudaba ao mesmo tempo tamén competía en concursos de saltos de hípica que se celebraban por distintos lugares de España e de Europa e coincidira que nesa época me morrera o cabalo e aquí non tiña opción de competir", explica.
Xabier, que competía en concursos hípicos de saltos por distintos lugares de España e Europa, marchou traballar como xinete a Alemaña mentras agardaba pola finca
Á volta de Alemaña, onde estivo durante medio ano, mentras non conseguía a finca de Vilapedre, Xabier apuntouse na EFA Fonteboa ao Ciclo Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal para adquirir os coñecementos técnicos necesarios para facerse cargo dunha explotación como a que pretendía montar. "Máis aló da importancia da formación en sí, serviume para coñecer a moita xente e para facer moitos contactos con persoas todas vinculadas co agro", valora. "Os primeiros anos son moi complicados" O primeiro obstáculo ao que Xabier se tivo que enfrontar para cumprir o seu soño de ser gandeiro foi ao de ir ao banco a pedir os cartos para arrincar de cero unha explotación. E máis do volume e as dimensións desta. Tiña que alugar a finca, pola que paga unha cantidade importante, mercar o gando e adquirir a maquinaria mínima imprescindible para facer o traballo.
Tivo que alugar a finca e mercar o gando e a maquinaria precisa para traballar
"Non foi doado, e menos tendo só 18 anos, pero co respaldo da familia puiden lograr o financiamento necesario", conta. Ese endebedamento aínda se segue a notar, pero catro anos despois Xabier está contento coa decisión que tomou. "Os primeiros anos son moi complicados porque hai moitos gastos", evidencia. Unha gandería con máis de 500 cabezas A superficie onde Xabier ten a súa explotación podería considerarse o maior latifundio de Galicia Cando Xabier se fixo cargo da finca, xa había gando nela, pero el preferiu quedarse só co terreo e cos cabalos. "Aquí había vacas cruzadas e cabalos, pero eu cando aluguei a finca merquei só os cabalos e despois fun metendo o resto do gando", conta Xabier. No primeiro ano, o 2017, tivo só cabalos, unha manda dunhas 230 cabezas, a maioría pura raza galega, pero ao seguinte ano, no 2018, completou xa a cabana con vacas.
Xabier ten 150 vacas de raza salers, 130 cachenas e máis de 200 bestas
A explotación está hoxe dividida en dúas partes: na zona baixa, onde conta con prados divididos en parcelas, hai gando de raza salers que trouxo de Francia, e na parte alta, unha zona maioritariamente de monte, conviven as eguas con vacas de raza cachena. En total supera as 500 cabezas de gando. "Non pensaba tampouco chegar a isto, pero unha cousa leva á outra", di.

Salers, unha raza cárnica e leiteira de orixe francés

Nos pastizais máis baixos, unhas 200 hectáreas de terreo situados a unha altitude duns 480 metros, Xabier introduciu vacas salers, unha raza de orixe francés aínda pouco frecuente en Galicia. "Cando fixen o estudo das distintas razas era a que máis se adaptaba ao que eu quería, tendo en conta o meu sistema en extensivo e esta cantidade de animais, para evitar problemas, porque sabía que o manexo o ía ter que facer eu só e estas vacas son moi dóciles e paren soas. Tamén son moi fértiles, moi duras para o inverno e cun bo rendemento cárnico. Foi a raza máis completa que atopei", asegura.
Foi a raza máis completa que atopei para o meu sistema de manexo en extensivo con esta cantidade de animais
A salers é unha raza de gando orixinaria do Cantal, no macizo central de Francia. Son animais rústicos e robustos de gran tamaño pero, ao mesmo tempo, as vacas de raza salers destacan pola súa nobreza e docilidade, ademais de pola súa facilidade de parto e a súa produción de leite, polo que está considerada unha das mellores vacas nodrizas, capaz de destetar os xatos cun peso elevado sen alimentación complementaria grazas á cantidade e calidade do seu leite, cun gran contido en proteína. De feito, en Francia séguense empregando animais salers para a produción de leite e mesmo existe unha Denominación de Orixe específica de queixo que emprega gando desta raza, a DOP Traditiion Salers. Cruzamentos con charolés para incrementar o rendemento cárnico Unha vaca salers, en primeiro plano, e, detrás dela, un dos 5 touros charoleses de Finca Enxebreza Esta raza está presente hoxe en grandes rexións con gandería extensiva do mundo, como Norteamérica, Australia ou Europa do leste, pero é aínda pouco frecuente en Galicia. "Eu funas ver a unha gandería de Samos que tamén as ten", explica Xabier. A súa boa fertilidade asegura unha cría cada ano e a facilidade de parto permite non estar pendente dos nacementos, xa que se trata de vacas autónomas que paren soas.
A raza salers conta cunha capa grosa e pelo mesto, polo que soporta ben grandes variacións de temperatura
Até agora, ao haber moitas xovencas entre o rabaño, Finca Enxebreza empregaba tamén touros salers, xa que é recomendable que o primeiro parto das xatas desta raza sexa en pureza, pero a partir dese primeiro parto xa comezaron a cruzalas con charolés, buscando deste xeito un maior rendemento cárnico. "Estas vacas non son culonas, por iso lles meto un touro charolés, para que lles aporte o que lles falta a elas", razoa.
Calquera das razas que teño paren sen ningún tipo de axuda, tanto as cachenas como as salers
Comparativamente con outras razas, nos becerros salers puros o rendemento é algo menor ca nos limusín, pero nos cruzados con charolés lógrase superar o rendemento do limusín, asegura. Para facer os cruzamentos Xabier ten neste momento 5 touros charoleses dentro do rabaño, mesturados coas nais e as súas crías. O gando está todo nun único lote e non fai agrupación de partos, polo que o manexo limítase á alimentación. "Calquera das razas que teño paren sen ningún tipo de axuda, tanto as cachenas como as salers, polo que unicamente hai que encargarse todos os días da alimentación", explica. Alimentación e supervisión dos peches Tanto o peche perimetral como as divisións interiores da finca son de malla sen electrificar As 200 hectáreas de pastizais que ocupa o gando salers están divididas en parcelas de entre 10 e 25 hectáreas e cando se vai esgotando o pasto nunha o rabaño ao completo vai cambiando á seguinte, rotando dese xeito nas fincas. "Son animais que aproveitan moi ben o pasto", asegura. Na primavera, cando o gando non é capaz de pacelo todo, fan rolos de silo cos que suplementan a alimentación durante os meses do inverno ou nas épocas nas que escasea a cantidade de herba para paceren.
O gando está nun único lote e vai rotando por parcelas de distinto tamaño, de entre 10 e 25 hectáreas
Ademais de pagar o aluguer das 1.200 hectáreas e facer fronte ao gasto de adquisición do gando, Xabier mercou tamén a maquinaria imprescindible para os distintos traballos. "Teño un tractor, unha desbrozadora de martelos e outra de cadeas, un camión de transporte para o gando, un todoterreo e un cuad para ir velo aos prados e unha pala para clavar as estacas", enumera.
Xabier encárgase de manexar o gando el só, aínda que coa maquinaria ou traballos nos que se require máis dunha persoa bótalle unha man o seu tío Miguel
Aínda que o perímetro da finca estaba xa pechado, igual que as divisións interiores, a supervisión dos peches e o desbroce son dúas das labores que máis traballo lles dá. "Houbo que ir repasando e amañando moito o peche", explica. Trátase dun peche de malla sen electrificar ("sería legal e economicamente imposible facelo doutro xeito", aclara Xabier). Os postes para suxeitar a malla son de madeira e a pala que teñen para clavar as estacas é de cadeas, porque hai zonas no monte que teñen pendentes pronunciadas. Ternera Gallega non permite marcar o gando salers dentro da IXP Xabier vende os seus becerros de raza salers cando teñen 4 ou 5 meses. "Véndoos como pasteiros para cebadeiros de fóra de Galicia, porque Ternera Gallega non ten catalogada esta raza na IXP", lamenta. "Se os marcara Ternera Gallega cebaríaos eu mesmo, porque os tería coas nais até os 7 meses e faríaos de Suprema, pero así non porque non hai comercialización para eles dentro de Galicia", engade.
Se os marcara Ternera Gallega cebaríaos eu como Suprema, pero así non porque non hai comercialización para eles dentro de Galicia
É unha carne de moi boa calidade, di, cun nivel de infiltración de graxa semellante ao da cachena, pero en animais de moito maior peso, e considera que a pouca valoración actual no mercado galego desta raza está motivada polo descoñecemento. "En Francia, onde teñen moitas razas, hai moito gando deste, pero por aquí non. Pasa un pouco como cando veu a raza limusin ou a blonde", razoa.
É unha carne de gran calidade cun nivel de infiltración de graxa semellante ao da cachena
Aínda sen o valor engadido que suporía cebar os seus propios becerros, Xabier logra obter un bo rendemento económico aos seus xatos polo prezo que alcanzan. "As vacas normalmente canto máis cárnicas, peor son para o tema do leite, pero estas dan moito, así que os becerros cando os mando teñen un tamaño e un peso moi bo, non son coma un blonde pero case", di.

Cachenas e cabalos na parte alta

No inverno suplementa a alimentación a base de pasto con forraxe que recolle na primavera A finca, que arrinca na parte baixa da parroquia de Vilapedre, esténdese até o alto da serra, en pleno Xistral, cunha zona de monte que está, na súa parte máis alta, a máis de 1.100 metros de altitude. Esta zona está formada por outras 200 hectáreas de pastizais de montaña, onde Xabier ten un rabaño de 130 vacas cachenas, e unhas 800 hectáreas de monte, nas que están os cabalos.
O vindeiro ano Xabier ten pensado iniciar o proceso de conversión a ecolóxico para estas 1.000 hectáreas
A zona está atravesada por numerosos regatos, polo que tanto estas parcelas onde están as cachenas e os cabalos, como as da parte da chaira onde se atopan as vacas salers, contan con auga corrente de mananciais para beberen os animais. O ano que vén Xabier ten pensado iniciar o proceso de conversión a ecolóxico nestas 1.000 hectáreas, de maneira que a produción tanto de poldro como de becerros de raza cachena poida estar certificada polo Craega, unha opción que descarta, sen embargo, para as 200 hectáreas que pastorea o gando salers, tanto polo sistema de abonado que utiliza en estas fincas, como porque ao non cebar el os xatos non obtería rendemento á certificación.
Os becerros de raza cachena véndeos a particulares e os poldros a unha sala de despece de Asturias
Ao contrario do que fai cos xatos salers, no caso dos becerros de raza cachena, Xabier véndeos xa directamente a clientes finais. "Sacrifico con 7 ou 8 meses, cunha media de 100 ou 110 quilos canal, polo que é unha carne moi tenra porque os becerros están até ese momento mamando nas nais. Vendo sobre todo a particulares. Eu o que fago é poñerlles o animal no matadeiro e eles pagan ao matadoiro o custo do sacrificio e o despece e xa recollen despois alí a carne", explica. En canto aos poldros, lévaos a unha sala de despece de Asturias que traballa con carne de cabalo. A incertidume da futura PAC A crise provocada pola covid-19 afectou de cheo ao sector do vacún de carne e aínda que Finca Enxebreza non vende á hostalaría, acabou notando tamén as consecuencias. "O prezo da carne está máis baixo en xeral e aínda que eu non o noto directamente porque non cebo os xatos, si que o acabo notando indirectamente. E no caso da cachena, baixou tamén a demanda de particulares, porque a xente non ten cartos e compra outra carne máis barata, de pito ou de porco, antes que de tenreira", argumenta Xabier. Se o prezo da carne non sobe, di, "teñen que seguir incentivándonos con subvencións porque senón moitas explotacións non serían rendibles", afirma. Pero a incertidume da vindeira PAC é outra das incógnitas ás que se enfrontan nestes momentos os gandeiros de vacún de carne. "Para min sería positivo que eliminaran o dereito das persoas xubiladas a cobrar a PAC e tamén que se primara máis o modelo extensivo, pero non sei o que pasará, porque por exemplo os pagos por dereitos xa os baixaron e eu comprei moitos, porque a unha persoa que se incorpora non lle dan dereitos para tanto terreo e tiven que comprar", explica.

"Coa prohibición de cazar o lobo ao mellor salvamos unha especie, pero igual perdemos moitas outras"

Oito mastíns coidan das vacas fronte ao lobo, un método de protección que cos cabalos non é efectivo Xabier é neste momento o maior produtor de cabalo de pura raza galega e tamén o gandeiro máis novo dentro de Puraga, a asociación que engloga aos produtores de cabalo galego. Conta cunhas 120 eguas desta raza que outrora poboaba boa parte dos montes e serras de Galicia pero que viu nos últimos anos como a súa cabana ía minguando a medida que os ataques do lobo se ían multiplicando. "Baixou moito o censo e aínda vai baixar máis como isto siga así", prognostica. Este mozo escribía hai uns días no seu facebook unha reflexión sobre o lobo que se converteu en viral. Nela comezaba contando a súa historia e, tras relatar os problemas que lle causan os ataques do lobo na súa manda de cabalos, pedía á Administración medidas efectivas para facer compatible a pervivencia do lobo e a dos gandeiros porque, argumenta, "o culpable non é o lobo nin os ecoloxistas".
O monte de Vilapedre pertence xa á Serra do Xistral e os ataques son continuos porque é unha zona na que hai moito lobo e como cada vez somos menos gandeiros, os que quedamos sufrímolo máis
Para tratar de defender o seu rabaño dos continuos ataques do lobo que se producen nesta zona Xabier ten mastíns co gando, en concreto tres nas pradeiras da parte baixa coas vacas salers e cinco coas cachenas nos pastos da zona máis alta. Pero esta solución, que mitiga os danos, non serve para os cabalos. "Están tan asustados que ata lles escapan aos cans do medo que teñen, cando ven un can fuxen coma se viran o lobo", conta. O seu gando está todo en extensivo a unha altitude que vai dos 480 aos 1.100 metros Os danos polos ataques son moi cuantiosos, tanto a nivel produtivo como do freo que supón ao medre da explotación. "Eu tan só estou sacando o 30% da produción de poldros e a manda de bestas non aumenta porque a recría mátaa o lobo. Cada vez quedamos menos gandeiros e a poboación de lobo aumenta. Se nada cambia, os poucos gandeiros novos que quedamos imos ter que pechar as explotacións, porque o banco non perdoa unha letra do crédito. Todo cansa, e só con ilusión non podes facer viable un proxecto", di.
Tan só estou sacando o 30% da produción de poldros e a manda de eguas non aumenta porque a recría mátaa o lobo
Pero máis alá das perdas económicas, o que máis lle doe a Xabier é a impotencia que sente ao ver os seus animais atacados polo lobo. "É desesperante chegar onda as túas bestas e velas asustadas, vivir coa impotencia de ver como desaparecen os poldros, coa incerteza de non saber cantos faltarán mañá e coa frustración de saber que moitos dos que viche hoxe non chegarán ao inverno. A min váiseme a alma aos pés. Como a moitos compañeiros que ven o mesmo cada día con cuxos, vacas, ovellas ou años", conta. Control das mandas, unha posible solución Na zona tamén é abundante a presenza de xabaríns, que provocan danos nas pradeiras Xabier avoga por facer compatible a presenza no territorio da fauna salvaxe coa do gando e a actividade agrogandeira e, para iso, reclama medidas para facer efectivo o control das distintas especies, como o lobo ou o xabarín. "Xabarín tamén hai bastante por aquí, pero ao non botar millo e ser tanta extensión de prados, non o notas tanto. O noso principal problema é o lobo", conta.
Non se trata de erradicar o lobo, un animal marabilloso do que só en Galicia hai hoxe catro veces máis exemplares que en toda Francia, pero tampouco se pode deixar desprotexidos aos gandeiros ata afogalos
"Non sei cal é a solución, pero penso que sería bo controlar a poboación de lobos, cun censo mínimo, o que teña que ser, iso podería axudar. Non se trata de erradicar o lobo, un animal marabilloso do que só en Galicia hai hoxe catro veces máis exemplares que en toda Francia, pero tampouco se pode deixar desprotexidos aos gandeiros ata afogalos", argumenta. "Lobos ten que habelos pero non telos por gusto. Se os mantiveran eles, os que dictan as leis, non terían tantos, pero como os mantemos nós, os gandeiros, prohiben cazalos, así calquera", enfatiza.
No medio da finca hai un núcleo de casas e unha fraga, é un sitio ideal para ter un rabaño de 500 cabras sen traballo ningún pero non as teño polo lobo
Por iso, non está de acordo coa decisión de prohibir a caza do lobo ao norte do río Douro, aprobada recentemente polo Goberno estatal. "Ao mellor salvamos unha especie, que é o lobo, pero igual perdemos moitas outras: cabalos, ovellas, cabras... Nestes montes, ademais de cabalos, antes había tamén moitas cabras e no medio da finca hai un núcleo de casas e unha fraga, é un sitio ideal para ter un rabaño de 500 cabras sen traballo ningún pero non as teño polo lobo", asegura. As axudas non solucionan o problema A finca está equipada con pasos canadenses nos seus accesos principais Xabier considera que as axudas establecidas pola Administración para paliar os danos aos gandeiros dos ataques do lobo non son a solución. "A metade dos danos non os cobras porque non atopas os poldros mortos, tes que demostrar que foi o lobo e logo esperar dous anos para cobrar. Así que se atopas un óso ou unha pel xa non chamas para dar parte, porque sabes que non cho van aceptar como proba do ataque e xa nin te molestas en ter que atender aos da Xunta o día que veñen e poñerte a cubrir os papeis", di.
Moitas veces se atopas un óso ou unha pel xa non chamas porque sabes que non cho van aceptar como proba do ataque, así que non te molestas en ter que atender aos da Xunta e poñerte a cubrir os papeis
Para solventar este feito, que dificulta o cobro das indemnizacións nestes casos, este gandeiro propón á Xunta que, no caso dos ataques a cabalos, se faga unha estimación dos danos en función do número de cabezas reprodutoras que teña cada gandeiro. "Como na maioría dos casos os ataques a poldos prodúcense en grandes extensións de monte, resulta moi difícil encontrar o cadáver e moitas veces cando das con el xa case no quedan restos. Pero este problema resolveríase se se fixese un cálculo aproximado dos animais devorados cada ano. É dicir, se un gandeiro ten 100 bestas e calculamos que o 80% chegan a parir cada ano, se ao final da temporada só sobreviven 30 poldros, está claro que os 50 poldros restantes foron comidos polo lobo no monte, aínda que non sexas capaz de atopar os seus corpos", razoa.  Pero aínda que con estes cambios nos criterios de asignación as axudas resultasen efectivas e cubriran realmente os danos, pensa que non resolverían o problema de fondo. "A realidade é que cada vez hai máis lobos e menos gandeiros e por moito que nos pagasen non estariamos facendo nada, porque o único que estariamos facendo sería retrasando a solución e aumentando o problema, porque o número de lobos seguiría aumentando e os ataques tamén", considera. Non ao enfrontamento entre ecoloxistas e gandeiros Este mozo gandeiro considérase un defensor dos animais e, polo tanto, tamén do lobo. "Quero aclarar que estou dacordo coa xente que defende ao lobo porque non vexo isto como unha cuestión de bandos. Como amante dos animais que son, que me levanto cada día polo seu benestar, non vou deixar que me coloquen enfronte de ecoloxistas e animalistas. Eu entendo que o lobo non é o culpable, tense que alimentar e loitar pola súa supervivencia. O culpable non é o lobo nin os ecoloxistas. Para min, os que erran son os xestores da Administración que elaboran e aplican leis sen saír dos seus despachos", di.
O culpable non é o lobo, os que erran son os xestores da Administración que deixan aos gandeiros desprotexidos
Por iso, pídelles aos que elaboran esas leis "que poñan unhas botas e veñan ao campo a ver cos seus ollos cal é a realidade", solicita. "Só lle pido á Administración un pouco de empatía e de consideración cos produtores, que o único que queremos é poder traballar", conclúe.

Eurolemos, un santuario das razas autóctonas galegas

Mari Carmen e Ramón, na súa tenda, ubicada en Monforte de Lemos, cos produtos que eles mesmos producen Se no sur da provincia de Lugo hai un lugar de referencia para as razas autóctonas galegas, ese espazo atópase no número 15 da rúa Chantada de Monforte. Alí é onde Ramón e a súa muller Mari Carmen teñen unha tenda de alimentación na que dan saída a todo canto producen, que non é pouco, desde carne de vaca cachena, porco celta ou galo de Mos a ovos, embutidos, produtos da horta, marmelo ou mel das súas propias colmeas. O nome do establecemento xa é toda unha declaración de intencións: chámase Eurolemos Autóctono. E nada máis entrar queda clara a filosofía do local e dos seus propietarios, a de apostar pola calidade. Cartelería e folletos explicativos sobre as bondades e a forma de cría de ovellas, porcos, vacas e galiñas galegas e que informan sobre as características diferenciais da carne destes animais reciben ao cliente (e aos peregrinos que pasan por diante camiño a Santiago) anticipándolle o que van atopar no interior.
A min o que me gusta é facer cousas diferentes e ter o que non ten todo o mundo. Hoxe en día hai que especializarse
Ramón recoñece que vende tamén outro tipo de carne de tenreira ou de porco porque hai que ter para todos os gustos (e petos) pero sempre que ten oportunidade convida á súa clientela a levar as razas que el mesmo cría, convencido de que quen probe repetirá. Dubido que haxa mellor comercial para as razas autóctonas que unha persoa coma el, que leva 20 anos de carniceiro, desde nada máis cumprir os 18. "Levo 15 anos nas asociacións de razas autóctonas galegas integradas en Boaga, como Avimós, Asoporcel ou Cachega e participando nas súas actividades", destaca. Importante labor de promoción No 2014 comezaron a criar vacas cachenas "Hoxe en día hai que especializarse", asegura, a mesma recomendación que fai aos negocios de hostalaría para superar a actual crise xerada pola pandemia sanitaria. Ramón sempre que pode é dos que está disposto a organizar degustacións en feiras, bares ou restaurantes para dar a coñecer a calidade dos seus produtos e decantar ao consumidor cara as razas propias de Galicia para apuntalar un proceso de recuperación que pouco a pouco vai gañando espazo timidamente no mercado. "Son produtos todos en perigo de extinción, algo máis caros, pero a xente que economicamente pode optar está decantándose por produtos de máis calidade. Notamos algo iso a raíz do coronavirus", indica.
As feiras téñense que recuperar porque se ti queres un produto local non podes ir a unha grande cadea de supermercados a buscalos porque alí non están
Él é dos que outorga neste camiño unha importancia vital á promoción. "Fixen unha neveira pequena portátil específica para levar ás feiras", conta. É habitual velo tanto con animais como con produtos na Semana Verde de Silleda, en Expolougo, en Xantar de Ourense ou noutras citas locais como a Feira de Santos de Monterroso. Moitas delas non se celebraron este ano por mor do coronavirus, pero Ramón defende a utilidade destes mercados de proximidade. "Todo este tipo de mercados pegou un golpe grande con isto da pandemia. Levamos un ano parados, coa desculpa do coronavirus estanse facendo moitas cousas sen sentido, pero eu penso que as feiras téñense que recuperar porque se ti queres un produto local non podes ir a unha grande cadea de supermercados a buscalos porque alí non están", evidencia. Dar saída ao que eles mesmos producen Elaboran distintos produtos, como chourizos, salchichóns ou marmelo caseiro Moitos dos produtos que un se pode atopar en Eurolemos son de produción propia. "Nós vendemos moitos produtos nosos ademais da carne, como ovos, grelos, verzas, castañas, cabazas, mel, marmelo caseiro, chicharróns, manteca de porco celta, chourizo, salchichón. Moitas cousas son limitadas e puntuais. Por exemplo, fai dous meses matei unha vaca de 5 anos e fixen cecina e chourizo con ela engadíndolle un 20% de graxa de porco celta", explica Ramón.
Son produtos algo máis caros, pero a xente que economicamente pode optar está decantándose por produtos de máis calidade. Notamos algo iso a raíz do coronavirus
Pero ademais dos produtos propios, na súa tenda hai tamén mercadoría doutros produtores da zona, como os lácteos de Casa da Fonte, a gandería que elabora queixos e iogures no veciño concello de Pantón, onde eles teñen tamén as súas cachenas. "Hai outros criadores de razas autóctonas aos que tamén lles damos saída nós ao produto que eles producen", conta Ramón. Diversificar a produción Ademais de cachenas teñen ovella galega e galiña de Mos e están a aumentar con reprodutoras de porco celta "Matamos entre 3 e 4 xatos ao mes entre os nosos e o de outros produtores. Sacrificamos os animais cando teñen entre 10 e 12 meses, con entre 110 e 130 quilos a canal. Cando foi do confinamento pola covid-19 xente que antes levaba medio becerro levouno enteiro. O que temos dámolo vendido e máis non damos feito porque atendemos nós os dous sós tanto a carnicería como a explotación e non se pode estirar máis os pés do que dá a manta", engade. Por iso, máis que ampliar en volume ou número de cabezas o que queren é diversificar a produción. "Queremos seguir vendendo un pouco de todo coma sempre, pero o que nos interesa é sobre todo vender o noso e ter variedade, porque ao ter variedade de produtos pechas moito máis o círculo da produción. Así que ademáis das cachenas queremos ampliar con porco celta e outras cousas", avanza.
Ao ter variedade de produtos pechas moito máis o círculo da produción
Ramón ten tamén seis exemplares de ovella galega e 10 nais reprodutoras de porco celta que quere ir aumentando até chegar ás 20. Contan tamén con 16 colmeas nun colmear ubicado a 20 quilómetros de Monforte, enriba dos Peares. "Tiñamos máis de 20 colmeas, pero o ano pasado despois de sacar o mel metíanse dentro as velutinas e atacáronas moito", conta. Do medio cento de galiñas de Mos que teñen comercializan os ovos, que venden a 4 euros. Malia a diferenza de calidade, na súa zona moita xente aínda ten galiñas na casa para autoconsumo e consideran que é por iso que non hai moita demanda e son pouco valorados ovos como os que eles teñen á venda na súa tenda, pero en entornos máis urbanos ou mesmo fóra de Galicia son moi aprezados. Agora están preparando o obrador que teñen en Monforte para poder etiquetar alí os ovos e non ter que levalos a envasar a Fontefiz,  en Ourense, onde se atopa a sede de Avimós, a asociación que reúne aos criadores da única raza recoñecida de galiña autóctona gallega. "A produción destas galiñas é menor, pero a calidade é moito maior. Para facer un polo de Mos de dous quilos e medio fai falta un ano, catro veces máis tempo que para criar un polo industrial, igual que un xato de cachena pesa ao ano menos da metade que un xato de cebadeiro. Son produtos de baixo rendemento pero de gran calidade", destacan. 

Das avestruces ás cachenas de Pantón

A Ramón véselle destreza como vendedor e como carniceiro, pero onde realmente disfruta é como gandeiro. "Cando empezou o coronavirus para non estar tanto tempo expostos empezamos a abrir só polas mañás a carnicería e así temos as tardes para atender o gando. Na explotación é onde mellor se está sen pelexar coa xente", di medio en broma medio en serio. A súa filla Romina cun ovo de avestruz "Sempre me gustaron moito os animais e ir probando cousas diferentes. Houbera unha época hai 15 anos na que houbera un boom das avestruces e probei con tres e logo fun aumentando. Daquela cada exemplar podía custar case un millón de pesetas. Aínda teño algunha e véndolles tanto os ovos como as crías pero cebar para carne non compensa moito porque aínda que un zanco de avestruz pode dar tranquilamente 15 quilos de carne e ten un sabor totalmente distinto ao polo ou ao pavo, non hai moitos matadoiros autorizadas onde sacrificalas e non compensa moito o gasto de cebalas durante un ano e os portes e custos de matanza. Ás avestruces saqueilles cartos durante uns anos, pero houbo outra xente que investiu moito nelas e acabou arruinándose. Eu despois o que fixen foi cambiar as avestruces polas galiñas de Mos. Incubadora xa tiña, antes collíanme 50 ovos de avestruz e agora 1.000 de pita", conta.
Cada ovo de avestruz, que se pode comer frito, asado, en revolto ou en tortilla, equivale a dúas ducias de ovos de galiña
Pero a súa verdadeira paixón son neste momento as vacas cachenas. Ten unhas 40 cabezas repartidas en distintas fincas tanto a carón da casa en Monforte como en Ferreira de Pantón. "En Monforte teño 9 e en Pantón dous lotes con 18 cabezas en cada grupo. Están sempre fóra en fincas de 7 e 8 hectáreas con auga nas fincas e o único que lles damos é herba seca. Pero eu non empecei coas cachenas porque fora unha raza máis doada de manexar, senón por convencemento", matiza. "No ano 2014, cando comecei coas cachenas, tiñamos unha vaca para limpar arredor da casa e para muxir o leite para autoconsumo. Cando decidín ampliar, de todas as carnes de vacún galego que eu probei noteille diferenza á cachena, as outras razas son máis parecidas no sabor á rubia galega, pero nesta o sabor é diferente, máis forte, estaría entre a carne de tenreira e a de boi, cunha textura tamén diferente porque é unha carne máis compacta que non merma nin solta auga. E como a min sempre me gustou ir a contracorrente e un pouco ao revés para non ter o mesmo que teñen os demais apostei por meter cachenas, que é unha raza anana, máis pequena e que produce menos quilos, por iso quizais haxa menos, aínda que está en proceso de recuperación", razoa. A aquel primeiro exemplar, de nome Cartera, sumáronse enseguida outras femias e un touro, chamado Curro, e a gandería medrou axiña en poucos anos. 
O que hai véndese ben, tanto para vida como para carne, vendo os meus xatos e os de 2 ou 3 produtores máis
"A primeira que touxen merqueina no Faro, en Chantada, a un criador do que hoxe son moi amigo e ao que lle compro os becerros da súa explotación para comercializar aquí na carnicería. Vendo os meus xatos e os de 2 ou 3 produtores máis. Nós sacrificamos só os nosos machos, pero as femias van para vida todas. Vendémolas a 400 euros. Dache pena sacrificar esa xeración e tamén serve para seguir extendendo a raza, que segue en perigo de extinción. Nós temos todo certificado e dado de alta, polo que a nosa recría vai con todas as garantías, procuramos facer as cousas sempre o mellor posible. O que hai véndese ben, tanto para vida como para carne", asegura. Con todo, coa carne de cachena pásalles un pouco como cos ovos de galiña de Mos e case venden máis para fóra, con envíos a toda España, que para a zona de Lemos. 40 reprodutoras en 60 hectáreas de terreo Moitos veciños cédenlles as fincas para que llelas limpen A explotación de Ramón e Mari Carmen, coñecida co nome de Cachenas de Pantón, ten hoxe unhas 40 vacas reprodutoras en pastoreo extensivo en distintas fincas que suman unhas 30 hectáreas de superficie. A maiores a gandería conta con outras 30 hectáreas de terreo destinadas a facer herba seca para o inverno e para outras épocas do ano nas que escasea o pasto, como pode ser, nesta zona do sur da provincia de Lugo, o mes de agosto e setembro se vén seco. "Se o tempo é bo e hai que comer botas dous meses sen darlles herba e se non hai pasto gastamos dous rolos cada día", explican.
En seis anos pasamos de ter unha vaca a ter 40 porque o terreo a xente dacho para que llo limpes. Pero hoxe xa temos o cupo cuberto. Non precisamos máis traballo, precisamos máis cartos e máis rendabilidade
Este ano Ramón fixo uns 700 rolos de herba seca. "Facemos nós todo, temos maquinaria e non dependemos de ninguén para facer os traballos". "O terreo a xente dacho para que llo limpes pero hoxe temos o cupo cuberto, chéganos moito atender a todo. E preferimos ter menos dunha cousa e ter máis variedade. Non precisamos máis traballo, precisamos máis cartos e máis rendabilidade", engade. Animais moi agradecidos Fan uns 700 rolos de herba seca para suplementar o pasto nas épocas nas que escasea A única forraxe que empregan na actualidade é herba seca, aínda que algún ano ten feito silo de herba tamén. "Probei a ensilar algún ano, pero non lle vin moito resultado e o custo engadido que ten o silo sobre a herba seca é duns 6 euros por rolo porque eu non teño máquina de encintar. Eu penso que o silo é bo para o leite pero as pradeiras desta zona son un luxo para elas, porque o seu hábitat natural son zonas de montaña con moita pedra e pouco alimento", afirma.
Non empecei coas cachenas porque fora unha raza máis doada de manexar, senón por convencemento, porque o sabor da carne é distinto a das demais
"Estes son uns animais moi agradecidos, que están acostumados a criarse fóra, á auga e ao frío, á intemperie, e a defenderse doutros animais como os lobos. Pero tamén teñen boa memoria, á persoa que un día lles faga algún dano fíchano para toda a vida", asegura. Ademais do sabor da súa carne, a Ramón gústalle a conformación estética da raza cachena e tamén o seu carácter. "Son unhas vacas ás que a xente lles ten medo polos seus cornos grandes, pero son uns animais moi nobles, de feito era un gando co que se facían os traballos agrícolas. Se te fixas, as casas de Entrimo, Olelas e esa zona da que son orixinarias tiñan as cortes cos dinteis das portas baixos, porque eran animais pequenos, pero anchos, polos cornos", describe. El hoxe exhíbeos con fachenda na súa carnicería.

Vacas de Chandeiros SC, as cachenas cortalumes do Incio

José Armesto é unha persoa con iniciativa. Nada máis poñerse a falar con el saen un cento de proxectos nos que desde fai anos pon todo o seu empeño para sacalos adiante. O último no que está a traballar é en facer realidade unha das primeiras aldeas modelo de Galicia, a nova ferramenta de xestión do territorio coa que a Xunta de Galicia quere combater os incendios forestais. José foi clave para convencer aos veciños para que cederan as súas leiras, moitas delas abandonadas desde hai anos, para este proxecto que está a piques de ser unha realidade. Os traballos de peche das 14 hectáreas avanzaron nos últimos días e José agarda poder botar as vacas nas vindeiras semanas para que empecen a facer o seu traballo de desbroce. "É unha zona moi bonita pero moi difícil de traballar pola forte pendente que ten, se non é con gando sería imposible de domesticar e de manter limpa. No mes de marzo pasáronlle a desbrozadora a todo e no outono volve ter xa maleza. Desbrozar as faixas de protección de todas as aldeas de Galicia é inviable se non é co gando", considera.
Desbrozar as faixas de protección de todas as aldeas de Galicia é inviable se non é co gando
En Trascastro van meter cachenas. Desde fai nove anos son xa as encargadas de limpar todas as fincas que hai desde o pobo até o alto de Chandeiros e a partir de agora ampliarán os seus dominios para pacer tamén as leiras que rodean as casas polo outro lado, a zona que pola parte baixa desemboca no río Cabe. Deste xeito Trascastro quedará completamente rodeado de pastizais e protexido contra o lume, que é o que José persegue coa súa iniciativa, para a que encontrou tamén a total implicación do Concello. "O obxectivo principal é ter a aldea limpa e protexida dos incendios e ao mesmo tempo crear riqueza no pobo a través do gando", di. Moito papeleo A aldea modelo exténdese cara ao río. Pola outra parte de Trascastro xa pacen as vacas de José desde o 2011 José considera que a idea das aldeas modelo pode ser "unha ferramenta moi útil para o rural" pero recoñece que se trata dun instrumento legal "moi difícil de arrincar". "A que imos poñer en marcha en Trascastro son máis de 200 fincas de máis dun cento de propietarios diferentes para só 14 hectáreas. Resulta moi complicado dar con todos os propietarios, xa que moitos deles teñen paradoiro descoñecido, polo que en moitas fincas hai que facer investigación para chegar ao dono", explica.
A aldea modelo é unha ferramenta moi útil para o rural pero é difícil de arrincar porque ten moito papeleo e moita burocracia
Pero unha vez localizado vén outro problema: "ten moito papeleo e moita burocracia, os propietarios das fincas teñen que asinar papeles e documentos unha ducia de veces e iso asusta moito á xente, porque en moitos casos trátase de xente maior que se bota para atrás por iso", engade. Por iso José avoga simplificar no posible os mecanismos legais establecidos para facer máis áxil a agrupación das fincas ou, do contrario, teme que sexan poucas as aldeas modelo que se logren constituír en Galicia, do mesmo xeito que outras ferramentas para a xestión conxunta do territorio, como as SOFOR no caso dos montes, demonstraron unha limitada eficacia. 10 anos agrupando fincas As parcelas, nas que antigamente se sementaba cereal, estaban a toxos e xestas desde facía anos O xerme da que será unha das primeiras aldeas modelo de Galicia en rematarse é a explotación gandeira que José puxo en marcha no ano 2011 xunto a outro veciño, José Casanova, e que conta na actualidade cun cento de cabezas de gando de raza cachena. Leva o nome de Vacas de Chandeiros SC, o alto no que conflúen as 70 hectáreas de superficie que foron xuntando nestes anos.
O futuro da gandería pasa por xuntar fincas e gañar superficie, non hai outra maneira
Para a xestión da aldea modelo vaise constituír unha nova empresa, na que vai entrar o seu fillo Adrián, pero será tamén unha gandería en extensivo de vacas cachenas. "A aldea modelo non dista moito do que fixemos nós estes anos a nivel privado pero empregando a ferramenta que ten agora a Xunta para iso", argumenta José. O proxecto de Vacas de Chandeiros arrincou hai case dez anos para poñer a producir fincas en desuso dos veciños. "Eran terreos nos que se botaba cereal para pan pero levaban xa ben anos a xestas. Empezamos amansando o terreo e desbrozando o mato que había de toxo e xestas. O tractor de 200 cabalos non se vía no medio delas", lembran. Fan venda directa dos becerros e recrían as femias para vida, tanto para eles como para outras explotacións Os dous socios suman arredor dunhas 20 hectáreas en propiedade e pouco a pouco foron apezando outras parcelas, mediante acordos cos veciños, aos que lles pagan unha renda anual, até xuntar as actuais 70 hectáreas, que se incrementarán en 14 máis co proxecto da aldea modelo.
Ao rural non lle queda outra saída que adaptarse aos novos tempos, é transformarse ou morrer
"Neste momento temos 70 hectáreas todas enlazadas, pertencen a parcelas distintas que fomos xuntando e unificando co acordo dos veciños. Moitas eran fincas pequenas de 500 metros e hoxe a parcela máis pequena ten 8 ha e a máis grande 35. O futuro da gandería pasa por iso, hoxe non hai outra maneira de facelo, eu non poido estar todo o día gardando as vacas coma antes nin cambialas a diario dun lado para outro. Ao rural non lle queda outra saída que adaptarse aos novos tempos, é transformarse ou morrer", opina. Produción en ecolóxico Fixeron uns comedeiros especiais nos que só entran os becerros para poder cebalos nas pradeiras A explotación conta hoxe con 70 nais reprodutoras e un touro, máis os becerros de cebo e as xatas de recría nacidos neste ano. "Empezamos con só 6 cachenas, que fomos buscar ao Xistral. A partir de aí fomos recriando e comprando apostando sempre por esta raza. Cando empecei a mirar que vacas meter aquí a cachena foi a que máis me convenceu pola capacidade de transformación que ten nos terreos rústicos", xustifica.
Tratamos de comercializar sempre produtor-consumidor final, case todo a particulares, ese é o noso enfoque para valorizar a calidade que ten a nosa carne, a venda directa é unha garantía para nós e para o consumidor de trazabilidade total
Desde o comezo están en produción ecolóxica e tratan de facer venda directa para lograr maior rendibilidade. "Tratamos de comercializar sempre produtor-consumidor final, case todo a particulares, ese é o noso enfoque para valorizar a calidade que ten a nosa carne, a venda directa é unha garantía para nós e para o consumidor de trazabilidade total", defenden. Só sacrifican os machos, xa que as femias van para vida. "As xatas van todas para recría, parte para nós e parte para outras explotacións que nos queren comprar", explica José. O cebo dos becerros faise con cereais e pensos ecolóxicos, sobre todo millo e unha mestura triturada de trigo, millo e cebada. Entre 750 e 950 metros de altitude Para cambialo de finca José chama polo gando e este ven tras del. Mesmo o touro lle espera a man No alto de Chandeiros fai vento todo o ano e a invernía déixase notar con forza. Por iso, aínda que o gando está sempre fóra, en extensivo, tratan de adaptar o manexo á climatoloxía da zona. "O punto máis alto está a 950 metros de altitude e as fincas de máis abaixo, as que están máis preto das casas da aldea de Trascastro, están a 750 metros. O que facemos é que a medida que vai vindo o inverno ímolas baixando desde as fincas máis altas cara as de máis abaixo, porque se no alto a neve aguanta unha semana abaixo dura só un día", explica José.
Cando empecei a mirar que vacas meter aquí a cachena foi a que máis me convenceu pola capacidade de transformación que ten nos terreos rústicos
"O inverno forte son tres meses, os de decembro, xaneiro e febreiro, logo dura un pouco máis, pero xa é máis suave", engade. Suplementan con forraxes recollidas nas propias parcelas para garantir a súa procedencia ecolóxica e aos becerros téñenlles comedeiros adaptados para que só eles poidan entrar a comer o penso. Están unidos a unha tolva e vanos movendo co tractor a medida que cambian o gando de parcela, posto que todos os animais, unhas 100 cabezas, están nun único lote. "Traballamos cunha única manda que imos cambiando de finca a medida que se vai esgotando o pasto. Son parcelas desiguais e en función do seu tamaño, da cantidade de pasto ou da época do ano están máis ou menos tempo. O manexo é sinxelo, para cambialas eu chego a xunto delas, chámoas e veñen detrás miña, para iso de vez en cando doulles algún que outro premio en forma de penso", revela José.
Traballamos cunha única manda que imos cambiando de parcela a medida que se esgota o pasto
Todas as fincas teñen bebedeiro, que se subministran desde unha balsa que recolle a auga da chuvia e máis dunha fonte situada na parte alta. "A lona veu de Italia, mercámola por internet e instalámola nós mesmos, igual que os comedeiros dos xatos, que tamén fixemos nós adaptados ás nosas necesidades", explican. Balsa de auga que subministra aos bebedeiros, con capacidade de almacenaxe para dous meses no verán

Diversificar no rural

Trascastro está formada por uns 20 veciños pero moitos dos seus habitantes son persoas maiores ou xente que vén só as fins de semana. "Con gando só quedamos José Casanova e máis eu", aclara o seu tocaio José Armesto. Por iso sobre eles dous recae case en exclusiva o mantemento das fincas da parroquia. "Eu antes non tiña vacas, o meu socio si, xa tiña vacas rubias", conta.
Non hai maneira de manter o rural se non se vive del e a Administración ten que ser consciente diso
José comezou montando en Trascastro unha casa de turismo rural, que leva por nome A Niñada, e está convencido de que as posibilidades do rural son múltiples pero sempre baixo unha premisa fundamental: "non hai maneira de manter o rural se non se vive del e a Administración ten que ser consciente diso", di.
Hoxe é unha explotación viable pero durante os primeiros cinco anos foi todo investir
Hoxe Vacas de Chandeiros é unha explotación rendible, pero José aínda lembra que os comezos foron difíciles. "Durante os primeiros cinco anos foi todo investir: comprar dereitos, mercar gando, acondicionar e pechar as fincas. Tes que dispoñer de diñeiro para poder empezar, senón é imposible, e logo agardar tres ou catro anos para empezar a producir e recuperar o investimento se a cousa vai ben. A día de hoxe é unha explotación viable, eu confiaba no proxecto e sabía que a longo prazo ía funcionar, pero non deixa de ser de moito risco. Para iniciativas destas tiñamos que ter moito máis apoio, algo que cando comezamos nós non tivemos", recorda. Unir e motivar á xente Rodeando os terreos da aldea modelo a Comunidade de Montes recuperou unha ruta de sendeirismo Malia non ser nativo de Transcastro, como el di, (José é natural de Valdruz, pertencente tamén ao Incio), adaptouse tan ben que hoxe é o verdadeiro activista e animador da vida deste pobo, onde preside a Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes. "Non hai quen se queira poñer, pero eu xa necesitaba vacacións urxentes", bromea.
Levar a cabo proxectos colectivos teñen a virtude de lograr unir e motivar á xente, por iso a aldea modelo non é máis que o comezo de grandes cousas
Por iso, para José a posta en marcha da aldea modelo non é máis que o comezo doutros proxectos e iniciativas para poñer en valor as potencialidades da súa parroquia. "Unha cousa leva a outra e levar a cabo proxectos colectivos coma este teñen a virtude de lograr unir e motivar á xente", destaca. Como complemento á aldea modelo os veciños de Trascastro recuperaron un antigo camiño, pechado desde facía anos, que vai dar a un entorno a carón do río Cabe onde se conservan dous muíños, unha serrería e unha vella central hidroeléctrica. Esta ruta de sendeirismo, coñecida como Ruta do Pozo da Ola, duns 12 quilómetros de lonxitude, une Trascastro e Airela e pasa pola Ferrería do Incio, onde había tamén un antigo balneario.
Polo bordo da aldea modelo, a carón do río Cabe, discorrerá unha ruta de sendeirismo para o disfrute da poboación local e o aproveitamento turístico
"Con actuacións coma esta fas unha dobre función: por un lado recuperas un antigo camiño para o pobo e por outro creas un atractivo a nivel turístico", defende José. A recuperación da ruta foi acometida pola Comunidade de Montes co apoio da Deputación. Pola súa banda, a Asociación de Veciños encargouse de lograr a cesión dun edificio abandonado, un antigo inmoble usado polos Peóns Camineros, para rehabilitalo como local social da parroquia.

"Todos os anos nos afecta o lobo pero dos ataques que tivemos nunca logramos cobrar ningún"

Teñen as 70 hectáreas pechadas con cercas eléctricas con tres aramios alimentadas con pastores solares As 70 hectáreas nas que pacen as cachenas de Vacas de Chandeiros están pechadas con cercas eléctricas conformadas por tres fíos, que suman máis ou menos un metro de altura, e que están conectadas a pastores eléctricos alimentados por placas solares. "De todas as marcas o que máis temos é Ion, porque fabrican en Lugo e están cerca. Decantámonos por eles pola comodidade que iso supón en canto a mantementos e reparacións", destaca José. Pero malia ao bo estado e o mantemento continuo que fan nos peches estes non logran impedir a entrada da fauna salvaxe, un dos maiores problemas cos que se atopan a día de hoxe as explotacións en extensivo. "Nesta zona hai bastante ataque de lobo, todos os anos nos afecta, e o xabarín destrózanos as pradeiras, fainos tamén moito dano, pero no caso do porco bravo as indemnizacións son razonables, non coma no caso do lobo", quéixase.
Eu quérolle moito ao lobo, pero quérolles tamén moito aos meus animais
"Dos danos de lobo é moi difícil que se fagan cargo porque os mecanismos que teñen non son adecuados ás circunstancias das explotacións en extensivo en terreos de monte ou que manexamos grandes superficies porque se non aparece o xato non cho pagan. Nós dos ataques que tivemos nunca logramos cobrar ningún, nin eu nin outros gandeiros colindantes, por unha cousa ou por outra sempre che vén denegado. Non podes manipular o cadáver, así que non tes maneira de protexer os restos e ti chamas hoxe e eles veñen mañá á mañá, pero nesas horas os restos o máis normal é que desaparezan, porque nunha noite dun becerro destes non queda nada e se ao día seguinte non está a columna vertebral xa non cho pagan", explica.
A Administración ten que facerse cargo dos danos que provoca o lobo porque senón é imposible a convivencia
"A min o lobo é un animal que me encanta, porque velo e estás vendo ao xefe do monte, pero aínda que eu lle quero moito ao lobo, quérolles moito tamén aos meus animais. Nós nesta zona sempre convivimos co lobo pero antes sempre ía un pastor co gando, agora non, así que a Administración ten que facerse cargo dos danos que provoca o lobo porque senón é imposible a convivencia", asegura. Unha burra e dous mastíns conviven a diario co gando para defendelo do lobo Para tratar de minimizar os danos nesta gandería teñen unha burra para detectar o perigo e poñer as vacas en alerta e dous mastíns para defendelas. Pero "o lobo é moi listo", di José, e "acaba aburrindo aos mastíns". "O lobo sábeas todas e ten todo o tempo do mundo para vixiar e atacar cando ten a presa a tiro. Fai 4 ou 5 anos tiñamos unha invasión de lobos nesta zona, había unha manda moi grande", lembra.

“Empecei a criar e amansar bois cando todo o mundo se desfacía destes animais”

Cando xa case ninguén quería animais para traballar a terra, Mario Nogueira Rodríguez seguiu apostando pola doma de bois, que coñecía dende pequeno e que aprendera de seus avós e de seu pai. “Empecei nunha época na que todo o mundo se desfacía dos bois. Case me tomaban por tolo por querer seguir con eles cando ninguén os tiña”, recorda Nogueira. Agora, os seus bois son coñecidos en toda España e tamén as súas dotes para amansalos.
Vende bois para vida, para carne e ten tamén un grupo deles para acudir ás romarías. O traballo cos bois compleméntao cun rabaño de vacas cachenas
Chegou a vender máis de 60 bois ó ano para o País Vasco, logo de crialos no monte. Eran animais preparados para comezar a adestrar para o deporte de arrastre, moi popular entre a comunidade vasca, así como en zonas de Cantabria ou Navarra. Hoxe diversificou máis o seu rabaño e, ademais dos bois que segue vendendo para a vida, conta con máis de 80 vacas cachenas. Ademais, atende a súa carnicería, situada no Barco de Valdeorras (Ourense), onde se encarga de comercializar a carne dos becerros que cría e doutras ganderías tradicionais da comarca.

Os bois, de Portugal

Mario comezou como carniceiro a principios dos 90 e abriu a súa propia carnicería no 2000. Naqueles primeiros tempos mercou dous becerros Asturianos dos Vales para comezar coa gandería e pronto virían tamén os bois. “Co primeiro diñeiro que aforrei merquei 2 bois na feira de Porto de Sanabria (Zamora)”, indica. En pouco tempo, vendera 4 bois para o País Vasco e nun ano xa tiña 16 bois para vender para vida. Tanto o oficio de carniceiro como a destreza para amansar os animais aprendeunos de seu pai que, tras quedar orfo moi novo, optara por comprar animais e amansalos para a venda de adultos. Tamén seu avó materno tiña bois e acostumaba a traballar con eles. “Tanto meu pai coma meu avó sempre me falaban daqueles trens cheos de gando que marchaban para Castela e o País Vasco”, recorda.
“O 90% dos animais mércoos en Portugal, porque alí aínda as aldeas están vivas e é aí onde atopas boa calidade e exclusividade”
Non só tivo en conta os costumes para a doma de antano senón para localizar exemplares con potencial. “Decateime de que a xente que se dedicaba a criar bois para a venda de carne traíaos de Portugal e empecei a ir por eles alí”, explica. Hoxe segue mantendo no país luso o seu principal punto de compra. “O 90% dos animais mércoos en Portugal, porque alí aínda as aldeas están vivas, cheas de xente, e é aí onde atopas boa calidade e exclusividade, que despois é o que valora o cliente”, argumenta Nogueira. Mario trouxo de Portugal un dos exemplares de maior tamaño da raza Minhota. Mario gusta tamén da raza Minhota, polo potencial que teñen os seus bois. “É a antiga raza Rubia Galega, que levaron os portugueses e mantiveron sen variacións, a diferenza do que aconteceu en Galicia”, explica. Son animais cunha maior produción de leite, sen ser culóns, e cunha calidade de carne superior, posto que engraxan máis en comparación coa actual Rubia Galega, tal e como apunta o gandeiro e carniceiro. Agora case se centra na venda de bois de carne, no canto de animais para a vida. “Teño tido anos nos que vendín uns 200 bois de carne”, concreta. A maioría destes bois e vacas grandes que merca en Portugal teñen como destino tanto a restauración coma outras empresas do resto de España ou citas gastronómicas destacadas coma Alimentaria, en Barcelona; ou o Salón Gourmets, en Madrid. “A xente aprecia moito estes animais criados ó modo tradicional, fronte a unha crianza máis industrial”, indica. O prezo medio destes exemplares sitúase nos 10 euros por quilo. Mario e Cristina doman tanto animais adultos coma tenreiros para acudir a exhibicións e feiras.

Animais televisivos e de romaría

Ademais da compra e venda destes animais, Mario conta cun grupo duns 14 bois que son os animais das romarías, e cos que amosa as destrezas que tanto el como a súa muller Cristina Gómez teñen á hora de traballar con eles. “Dende un principio Ana Cristina sempre me apoiou e tamén empezou a interesarse por estes temas. Hoxe é o meu gran apoio e se non chega a ser por ela non creo que tivese chegado ata aquí”, detalla Mario, á par que recorda que Cristina xa logrou tamén varios recoñecementos polo seu traballo na doma dos animais. O rabaño intégrano exemplares dalgunhas das razas que máis lle gustan e que teñen nunha finca na comarca de Valdeorras. Así, conta con animais Maroneses, unha raza procedente da zona de Vila Real, na Serra do Marão, en Portugal. Tamén dispón de bois barrosos, coñecidos polo tamaño da súa cornamenta; e da raza Alistana Sanabresa. “Son razas moi antigas e vistosas, teñen unha historia detrás ligada ó traballo da terra”, indica Nogueira. Estes animais son unha parte fixa da gandería que toda a familia mima.
“Canto máis bravos son os animais máis me gusta conseguir amansalos. En 15 días adoito volvelos mansos”
Tanto a selección dos animais que forman parte deste rabaño coma de todos os que acaba comercializando Mario é unha das claves do seu éxito. “Unha das maiores dificultades é a selección do animal, saber ver con antelación como se vai desenvolver ese animal dentro duns anos”, detalla. No caso dos animais que comercializa para deportes como o arrastre ou para a doma e exhibición este proceso de selección cobra aínda máis significado. “Non só hai que saber anticiparse á evolución dese animal, senón que hai que buscar outro que se vaia desenvolver de xeito similar para que poidan formar parella”, indica. Unha das claves do éxito de Mario é a súa destreza para encontrar animais con características similares que poidan formar boa parella de adultos. Os animais que emparella deberán ter unha morfoloxía semellante, dende o tamaño ata a cor ou a cornamenta. No caso dos animais que vende para a vida a parella pode acadar un prezo medio entre os 6.000 e os 10.000 euros con 4 anos, aínda que unha vez que están competindo no arrastre, se amosan boas calidades poden chegar ós 30.000 euros. Unha vez que castra os animais, traballa cos bois coa corda para, con paciencia, conseguir que se vaian tornando máis tranquilos. “Canto máis bravos son os animais máis me gusta conseguir amansalos e que sexan animais tranquilos. En 15 días adoito conseguir que se volvan mansos”, apunta Nogueira. Porén, non tódolos animais que amansa serven para levar ás romaría. “Non tódolos animais valen para levar ás romarías. Só un 10% dos bois que amanso serven para meter entre a xente”, concreta o gandeiro.
“Non tódolos animais valen para levar ás romarías. Só un 10% dos bois que amanso serven para meter entre a xente”
Cos animais máis mansos recorren boa parte da xeografía galega participando en feiras e romarías para dar a coñecer estas razas. Dende o Entroido na zona de Valdeorras ou os Reis, ata citas como a Arribada Medieval (Baiona), a Festa do Boi (Allariz), a Semana Verde (Silleda), o San Froilán (León) ou a do San Isidro en Llanera (Asturias), unha das citas que máis lle gusta, posto que é un punto de encontro para gandeiros de todo o norte de España. “Unha das cousas que máis me gusta é levar a estas citas, ademais dos bois, un pequeno xato manso, para que os cativos se poidan achegar a el e collelo pola corda por primeira vez”, recoñece. Á par das feiras, algúns dos seus animais teñen tamén participado en gravacións de series e películas coma O final do Camiño, Doctor Who ou mesmo programas de televisión como Gran Hermano. “Estivemos case un ano recorrendo media España e participando en case tódalas gravacións sobre épocas medievais que se facían ou que precisaban unha parella de bois”, explica Mario. Mesmo o mundo da moda tamén contou cos seus animais, que participaron na gravación dun anuncio publicitario para a firma téxtil Gucci.  Teñen un cento de vacas cachenas coas que xestionan unhas 1.000 hectáreas de monte no Courel.

Cachenas coas que amansar o monte

Xunto con estes bois, Mario e Cristina teñen dende hai pouco máis dun ano un rabaño de máis de 80 vacas cachenas nos montes da aldea natal de seu pai, Chao da casa, en Quiroga (Lugo), no Courel. “Comezamos coas cachenas por ser unha raza autóctona e pola súa rusticidade e capacidade para aproveitar o monte”, detalla. Tamén as características da súa carne, cada vez máis apreciada e solicitada pola súa clientela da carnicería, foi determinante para a escolla dos animais.
“Comezamos coas cachenas por ser unha raza autóctona e pola súa rusticidade e capacidade para aproveitar o monte”
Pese á fama de arisca que ten esta raza, sobre todo ó ser criada no monte, Mario tamén conseguiu ter un rabaño fácil de manexar. De feito, algúns cambios que fai do gando realízaos guiándoas co coche, ó que as vacas seguen sen dificultade. “Cando as trouxen dicíanme que, unha vez que as soltara no monte, non has ía volver ver xuntas máis”, recorda. Ter as vacas cun grupo de bois nos primeiros días facilitou que se acostumasen ó manexo que realizaban con eles. O grupo de 20 bois que tiña no monte no momento da chegada das cachenas foi clave para conseguir o manexo que fai agora dos animais. “Tívenas un mes cos bois e fun conseguindo que se acostumaran. Ó cabo do mes fixemos o saneamento dos 115 animais en 2 horas e sen maiores dificultades”, comenta. Xestiona unhas 1.000 hectáreas de monte a 1.000 metros de altitude, polo que cando as condicións climáticas son desfavorables no inverno adoita cambialas para un peche dunhas 20 hectáreas, onde lle proporciona forraxe. “Boa parte do ano as vacas mantéñense ben co que hai no monte, pero no inverno non lles chega e dámoslle tacos de cereais e forraxe”, detalla o gandeiro.
Mario e Cristina conseguiron transmitir ós seus fillos a paixón polos animais. Raúl, o seu fillo, chama polos bois mentres Mario labra a terra.

Manter vivo o traballo tradicional co gando

Mario e a súa familia teñen un proxecto a longo prazo no que levan anos traballando: a creación dun Museo do Boi. “Levo 30 anos xuntando antigos apeiros de labranza por toda Galicia para poder un día contar cun museo onde poder ensinar á xente como se traballaba a terra”, explica. A súa intención non é só contar cunha exhibición da maquinaria, senón facer demostracións de antigas técnicas de labranza con animais e ensinar estas técnicas a quen teña interese, así como compartir a súa experiencia na xestión do monte co gando a quen queira impulsar proxectos semellantes.

Vacapremium, reinventarse en tempos de crise

Marcos Gálvez coas pezas que seleccionan e maduran nas súas cámaras O vacún maior está a ser un dos sectores máis afectados polo peche da hostalaría como consecuencia da pandemia do coronavirus. A falta de saída para a carne está a supoñer un freo en cadea que afecta ás empresas distribuidoras, aos matadoiros e que chega ás explotacións. Pero algunhas empresas estanse a reinventar para poder seguir operando. É o caso de Vacapremium, da Estrada, adicada á selección e maduración de pezas nobres de vacún maior selecto galego. Souberon reaccionar ao ver que a cousa ía para longo e envían aos domicilios aqueles chuletóns que a xente tomaba antes nos mellores restaurantes de Galicia e de fóra da nosa comunidade. Un pequeno pracer co que pasar mellor o confinamento nas casas e un alivio para as explotacións ás que mercaban o gando. "Compramos algo de gando na casa de particulares, sobre todo vacas especiais. É unha cadea, nós temos que seguir funcionando para darlle saída a ese gando", explica Marcos Gálvez, director comercial de Vacapremium, que decidiu "dar saída á mercadoría cuns prezos sensatos para que o mercado de vacún maior non se paralice e os produtores non perdan tampouco diñeiro". Apostaron fai 5 anos pola valorización da vaca e o boi galegos Marcos montou fai 5 anos xunto á súa muller, Raquel Regenjo, esta empresa familiar que conta con 5 traballadores e que está especializada na selección e maduración de vaca vella e boi e que até agora distribuían en restaurantes de gama media e alta, como os pertencentes ao Grupo Nove de cociñeiros, algúns con Estrella Michelín, como Casa Solla. "En Galicia non había esa cultura da maduración da carne, só se consumía a carne de xato recén sacrificada e nós fixemos esa aposta por potenciar o consumo de vacún maior madurado e valorizar deste xeito ese produto ao que aquí non se lle daba importancia", explica Marcos.
Traballan vaca vella e boi de razas rubia galega, frisona e cachena, que seleccionan no matadoiro de Bandeira. Tras madurar as pezas distribuíanas en restaurantes de gama medio-alta
Traballan en exclusiva co matadoiro de Frigoríficos Bandeira de Silleda. Alí seleccionan semanalmente as canais e pezas de rubia galega, vaca frisona e cachena que despois maduran nas súas instalacións da Estrada. "As cámaras do matadoiro non están pensadas para maduración, están pensadas para conservación. Nós dispoñemos de dúas cámaras, unha para maduración primaria, onde a carne pasa entre 3 e 7 días en función do tamaño da peza, e outra para a maduración secundaria, onde a carne está entre dous e tres meses", conta Marcos. Son camaras de maduración en seco para regular a humidade, temperatura e desescarche para que a carne vaia evolucionando. "Trátase de crear un clima artificial nas cámaras para que a carne teña un proceso de oxidación, para que evolucione e teña mellor textura e mellor sabor cando sae con entre 60 e 90 días que recén sacrificada", explica . "Colleunos coas cámaras a tope" Vacapremium distribúe entre 200 e 250 chuleteiros de vaca de media ao mes, ademais de croca, picaña ou solombo, aínda que o buque insignia da empresa é o chuleteiro. "Vendemos tamén unha media de 20 ou 25 chuleteiros de boi galego ao ano, pero iso é un produto que traballamos por encarga, porque bois hai moi poucos. A carne de boi madurámola de 120 a 150 días, os bois que temos neste momento na cámara foron sacrificados en decembro", indica Marcos. A empresa non deixou de medrar desde o seu nacemento e neste momento estaban a traballar cun "ritmo alto", co seu mercado ubicado sobre todo en Galicia, pero con envíos regulares de mercadoría a restaurantes de Madrid, Barcelona, Baleares ou Canarias.
O peche da hostalaría colleunos cun stock importante, máis de 10 toneladas de carne de vacún maior galego, que a chuletas de quilo son ben delas
O 100% da súa clientela era até este momento a hostalaría e xusto cando se decretou o estado de alarma estaban preparados para comezar a campaña. "Xaneiro e febreiro son sempre os peores meses do ano, nos que hai menos saída pero nos que hai que facer acopio de carne, que precisa deses dous meses de maduración para saír ao mercado. Así que cando se decreta o peche da hostalaría píllanos coas cámaras a tope de mercadoría para comezar a tempada, que se inicia en San Xosé e vai empatando despois coa Semana Santa e o verán. A demanda baixa un pouco despois en setembro, cando os cativos inician o colexio e repunta outra vez no Nadal", detalla Marcos sobre o ciclo anual de vendas. Venda online e entrega a domicilio Marcos selecciona persoalmente todas as semanas as pezas no matadoiro de Bandeira en Silleda Así pois, con todo listo para comezar a campaña deste ano topáronse "coas circunstancias actuais, con todo o noso mercado a cero". Tralos primeiros 15 días iniciais "en shock, tentando dixerir a situación e analizando como solventala", reaccionaron. "Como vimos que este tema iba para largo decidimos replantexar a nosa estratexia e facer lotes con prezos asequibles, reducindo a marxe comercial para poder levarlle un produto coma este, de alto valor, á xente á casa e dar saída desta maneira á mercadoría", conta. O primeiro intento foi a través das cadeas de distribución, á vista de que estaba a incrementarse moito o consumo nos supermercados. "Tentamos falar con algunha cadea grande pero elas van a prezo e non valoran este produto", lamenta Marcos.
Os grandes supermercados e cadeas de distribución non están apostando tampouco por esta carne porque van a prezo e non a valoran
Por iso, non lles quedou máis remedio que facer chegar eles directamente o produto ás casas activando a venda online a través da súa páxina web, unha canle que tiñan "algo parada". "Non lle prestabamos atención porque dabamos saída á carne a través da hostalaría pero tivemos que readaptarnos potenciando a venda online e a entrega a domicilio", recoñece. Envíos personalizados A través da súa páxina web reciben os encargos e tamén online pódese facer o pagamento. Logo só faltaría que un servizo de mensaxería faga a entrega no domicilio. Tamén se poden realizar pedidos no teléfono 699 433 630, no email info@vacapremium.com ou a través do facebook da empresa. Tiveron que readaptar tamén o sistema de entrega habitual aos restaurantes, que facían en furgonetas propias, para levar a carne aos fogares garantindo a trazabilidade pero minimizando os riscos de contaxio. Os envíos chegan ás casas en caixas térmicas a través dun servizo de paquetería refrixerada. "Deixanche o paquete na porta, no canto de entregar en man déixase no chan e pagas con tarxeta ou por transferencia, de maneira que non hai contacto nin risco de contaxio", indica Marcos.
Hai persoas que fan pedidos para familiares ou amigos, cos que agora non se poden xuntar, e que llelos envían como agasallo acompañados de cartas ou de mensaxes de ánimo
Están sorprendidos coa boa acollida da iniciativa e coa resposta da xente. "Dentro do que estamos a pasar tamén te atopas con situacións agradables. Hai persoas que fan pedidos para familiares ou amigos, cos que agora non se poden xuntar, e que llelos envían como agasallo. Tivemos por exemplo un pedido dunha persoa de Pontevedra para os seus tres fillos, que viven en Madrid, Barcelona e Oviedo. O señor díxonos: 'xa que non os poido xuntar e invitalos a comer, mándolles o chuletón para aló'. Outra xente manda tarxetas ou cartas, nós imprimímolas e metémolas na caixa. Estamos personalizando os paquetes, desexando ánimo á xente. Son situacións emocionantes e bonitas", describe.

"A través da venda online logramos salvar os postos de traballo e o 20% do negocio"

"Estamos ao 20% da nosa capacidade de produción pero grazas a actualizarnos con isto da venda online e a entrega a domicilio logramos salvar os postos de traballo, non despedimos a ninguén nin fixemos ERTE. A ver se esta situación non se alonga moito no tempo e somos capaces de salvar a empresa", agardan. Pero independentemente do que tarde en resolverse a crise actual en Vacapremium están convencidos de que "este formato de comercio vaise manter, xa é o presente e vai ser o futuro", din. "Nós tivemos que adaptarnos e reinventarnos pero cando isto pase imos mantelo e potencialo", avanza Marcos. Na situación de confinamento actual da poboación o sistema que puxeron en marcha permite "que a xente poida seguir desfrutando de carne galega de calidade sen ter que arriscarse a saír da casa", din. Ademais de vender individualmente as pezas máis nobres e de máis valor, tamén optaron por facer lotes "con prezos aos que poida chegar todo o mundo". Desde 14 a 29 euros o quilo A costela de vaca posta na casa vai a 14 euros o quilo, a croca a 16, a carrilleira a 17,50 euros, a picaña a 18, o chuletón desde 24 a 34 euros dependendo do tempo de maduración e o solombo e o entrecot a 29 euros. Os lotes, que inclúen distintas partes, van desde os 130 aos 145 euros cos portes incluídos, que non se cobran a partir de 90 euros de pedido.
Non cobran os portes e os pedidos chegan en 24 horas
Os pedidos feitos antes das dúas da tarde están en calquera punto de España antes das dúas da tarde do día seguinte. "Unha persoa que faga o pedido hoxe ten mañá a carne no seu domicilio antes da hora de comer", destaca Marcos. As distintas pezas van envasadas ao baleiro individualmente. "Facemos formatos diferentes aos que faciamos antes cando traballabamos coa hostalaría. A carne vai en formatos adaptados a unha vivenda para que quen o recibe na casa nunha sartén ou nunha plancha eléctrica poida cociñalos", di. Consellos para o cociñado da carne na casa Xunto coa carne, dentro do paquete inclúense unhas sinxelas recomendacións de como cociñar o produto. Marcos, que está acostumado a asesorar a restauradores e alumnos de escolas de hostalaría sobre o proceso de maduración da carne e o seu tratamento posterior, dá uns consellos para cociñar nas casas estas pezas de vacún maior. "Recomendamos sempre sacar un pouco antes a carne da neveira, entre 15 e 30 minutos dependendo do tamaño da peza, retirarlle o envase ao baleiro para que se airee e atemperala a temperatura ambiente antes de botala na tixola ou na prancha eléctrica, que debe estar ben quente e a carne seca, sacándolle a humidade que poida ter cun papel de cociña ou un pano. O cociñado consiste en selar polos dous lados e facela ao gusto de quen a vai comer, poñéndolle o sal ao retirala do lume e deixándolle repousar un minutiño xusto antes de comela", resume. Seguindo estes consellos o resultado pode asemellarse ao do mellor restaurante, polo que, grazas a iniciativas coma esta e malia a corentena, pódese seguir disfrutando do vacún maior galego, unha das mellores carnes do mundo.

Explotacións Gandeiras Soli, un exemplo de diversificación

Antonio, cos seus cans e as súas ovellas nas Oiras, no concello de Alfoz Antonio Expósito incorporouse á explotación familiar no ano 1993, cando se xubilaron os seus pais. "Daquela aínda tiñamos vacas de leite", lembra. "Despois vendinas e empecei coas de carne", conta. Ahí comezou o seu camiño na gandería, no que non parou de probar e experimentar. Tamén de diversificar, xa que ás vacas engadiu un viveiro forestal e unha granxa de coellos, ademais doutras moitas actividades complementarias. "Temos un pouco de todo, invernadoiros, vacas de distintas razas, ovellas, cans, coellos, até temos un burro, un poni e unha besta. Aquí podemos poñer unha granxa escola", bromea. Con ese "aquí" Antonio refírese a Aguillón, un pequeno lugar da parroquia das Oiras, situado en costa e a carón do monte.
Antonio atende o viveiro forestal e Mari, a súa muller, a granxa de coellos
Con esas características, o lugar non se prestaba moito para seguir producindo leite. Así que Antonio decidiu pasarse á carne e diversificar. "Comecei co viveiro forestal no 96 e no 2003 montamos a granxa de coellos. Hoxe o viveiro é a miña actividade principal e Mari, a miña muller, atende os coellos. Das vacas ocúpome nos momentos libres", conta. "Diversificar ten as súas cousas boas e outras malas. A vantaxe é que se nunha época vai mal o coello tes os ingresos das outras actividades, ou se tes unha mala racha coas vacas aguantas co resto das cousas. No inverno, por exemplo, véndense menos eucaliptos do viveiro forestal e traballas no resto de actividades. Ademais, compleméntanse, porque co purín de coello abono as fincas das vacas e cos restos do penso dos coellos que queda nos comedeiros alimento os años. O malo é que tes moito traballo, porque no viveiro forestal non tería por que traballar as fins de semana pero co gando si", razoa Antonio. Un millón de plantas de eucalipto, piñeiro e castiñeiro ao ano As plantas medran ao aire libre para que noten menos o cambio ao trasplantalas Viveiros Forestales Antonio, que é o nome da empresa adicada á venda de planta, produce e comercializa cerca dun millón de árbores ao ano entre eucaliptos, piñeiros e castiñeiros de distintas variedades, como piñeiro radiata, pinaster e de Oregón ou eucaliptus glóbulus e nitens. Dispón de 5 invernadoiros para facer a xerminación da semente pero despois as plantas pasan ao exterior. "Téñoa sempre fóra para que a planta se aclimate a estar ao aire libre. Tarda máis en medrar pero logo nota moito menos o cambio ao transplantala", explica. Empezou facendo semilleiro en botes do iogur e pouco a pouco foi ampliando e tecnificando o viveiro e mellorando a selección de produtos que utiliza. A turba vén dende Finlandia, o abono de Holanda, a semente de eucalipto de Australia e a de piñeiro de Nova Zelandia.
Vende castiñeiros híbridos resistentes á enfermidade da tinta inxertados con variedades autóctonas de produción de castaña
A inquedanza de Antonio polo autóctono e por experimentar e probar cousas novas tamén se nota nesta faceta forestal súa experimentado a inxertar castiñeiro híbrido resistente á enfermidade da tinta (mestura de castiñeiro galego e xaponés) con variedades autóctonas tradicionais de produción de froito, como paredes, de sangue ou martesa. Antonio conta coa axuda dun empregado contratado para traballar no viveiro forestal e el fai directamente cun furgón o reparto dos pedidos de planta a clientes tanto da Mariña coma doutras zonas de Galicia. "Pola semana ao que máis atendo é ao viveiro e as fins de semana é cando atendo máis as vacas e fago por exemplo os cambios dunhas fincas para as outras", conta. Vacas nos prados e ovellas e cabras no monte Hai un ano que se fixo cos primeiros exemplares de cabra galega Antonio segue mantendo as vacas de carne coas que comezou cando deixou de vender leite. En total ten 25 nais reprodutoras e ceba tamén os xatos e as xatas que traen. O gusto por diversificar aplícao tamén ao seu gando vacún. "Teño algo de todo: flevick, blonda de Aquitania e cachenas. As dúas primeiras cachenas compreinas no 2008 e ao ano seguinte merquei outras dúas. Neste momento teño 6", explica. As vacas tenas en extensivo. "O problema é que son fincas pequenas e teño que andar cambiándoas. Téñoas distribuidas até en 5 sitios distintos", indica. "As vacas téñoas para os prados e as ovellas para limpar o monte", engade. E asegura que "non hai mellor cousa para ter o monte limpo, se houbese ovellas no monte non farían falta as cuadrillas de extinción".
"Se houbese ovellas non farían falta as cuadrillas de extinción de incendios. Non hai mellor cousa para limpar o monte"
"Aquí había ovellas de sempre, toda a vida, xa as tiña o meu avó. Xa eran ovella galega pero botáranlles un carneiro máis grande e foran perdendo a raza. Eu fun recuperándoa e agora teño 80 cabezas, todas ovella galega", conta. As ovellas tenas sempre pacendo no monte, pero nesta zona non hai monte comunal, senón que é todo de propiedade particular. Son en total unhas 30 hectáreas, pero só unha parte delas están pechadas. As zonas máis altas están sen plantar e as máis baixas teñen eucalipto.
"As ovellas pacen tamén en zonas plantadas de eucalipto, que medran máis porque non teñen competencia da maleza e porque as ovellas abónanos"
"Hai zonas que pacen plantadas de eucalipto pero incluso para o eucalipto é bo ter as ovellas, porque ao comeren a maleza e estar o monte limpo o eucalipto non ten competencia e ademais abonan, así que medra máis o eucalipto", argumenta. A explotación de ovino de Antonio ten o selo 100% Autóctona e fai un ano empezou tamén con cabras. "Tiña cabras xa de antes, pero non eran cabra galega, pero o ano pasado merquei tres cabritas e un castrón", explica. Mastíns e cans de palleiro Antonio e Lidia, a súa filla, coas dúas femias Can de Palleiro, Laika e Simba As ovellas están con dous mastíns e veñen todos os días durmir á casa. Baixan soas do monte e pasan a noite nas fincas máis próximas á casa. "Non hai lobo permanentemente pero de vez en cando pasa por aquí. Fai tres anos matoume unha cabra a 200 metros da casa", explica Antonio. "De inverno cando paren téñoas nos pastos cerca da casa e as crías nunca as boto fóra porque se andan por fóra non se venden ben", di. Pero a razón de facerse cos mastíns non foi o lobo, senón outra. "Cando empecei cos mastíns fai 18 anos, non había problemas co lobo, non fora por iso, senón porque mas roubaban. Lembro que fora buscar o primeiro mastín a Palas de Rei, por aquí non había ningún aínda, e dicíanme que estaba tolo traer un can tan grande", lembra. Pero en Aguillón tamén hai cans máis pequenos. Antonio é criador de cans de raza Can de Palleiro, unha raza autóctona en perigo de extinción do que non quedan máis ca uns 200 exemplares en toda Galicia. Antonio fíxose con eles por casualidade. "As primeiras vacas cachenas funllas compar a Miguel Pernas a Loiba, en Oritigueira, e vinllos. Gustáronme e empecei a criar con dúas cadelas. Paren dúas veces ao ano e cheguei a ter camadas de 12. Vendín cans para todos os lados, desde Pontevedra e Ourense até Madrid ou Irlanda. Pero parei un pouco por tema de consanguinidade, porque máis do 50% das cadelas que hai en Galicia da raza Can de Palleiro levan sangue miña", indica. Cunilugo, a unión de 5 granxas de coello Teñen 500 nais reprodutoras Explotacións Gandeiras Soli ten como actividade principal a cría de coellos. A sociedade constituiuse no 2009, que foi cando se incorporou Mari, a muller de Antonio, e leva o nome das súas dúas fillas, Sonia, de 21 anos e que estuda para enxeñeira agrícola, e Lidia, de 12 anos. A granxa dos coellos montárase no 2003 e conta hoxe con 500 nais. "O coello agora ten un prezo moi bo pero fai 3 anos estaba polo chan. O negocio está en moi poucas mans, controlado por unha ou dúas empresas e ao non haber competencia fixan os prezos como queren", quéixase. Para tratar de facer fronte a ese oligopolio que domina o sector Antonio e Mari optaron por unirse a outros produtores de coello da provincia de Lugo e crearon Cunilugo, unha sociedade para vender en conxunto. "Legalmente consituíuse no 2011 pero desde o 2006 xa viñamos funcionando en conxunto á hora de negociar o prezo e os contratos", indica.
As 5 explotacións negocian e comercializan en conxunto a súa produción
Outro veciño das Oiras, Jorge Carreiras, tamén ten coellos e fan os traballos en conxunto. A súa explotación, Gandería Riba do Río, tamén forma parte de Cunilugo, igual que outros tres produtores da provincia: Mari Carmen, do Corgo; Félix, de Ribeira de Piquín e César, de Palas de Rei. "Cunilugo constituímola nun momento de prezos baixos e durante tres anos estivemos mandando a produción para Portugal e grazas a iso salvamos nese momento, senón teriamos que ter pechado", asegura. Simbiose natural Neste momento está moito de moda iso da economía circular, é dicir, o feito de aproveitar os refugallos que xera unha actividade como materia prima noutro proceso produtivo. Pero cando aínda non se empregaba a definición, Antonio xa aplicaba a filosofía.
Venden seis tráilers ao ano de humus de miñoca, que fan coa parte sólida dos excrementos dos coellos
Desde fai máis dunha década elabora humus cos excrementos dos coellos, que comercializa. "Teño miñocas para facer humus. Merqueinas a Ecocelta no 2005 para aproveitar o abono dos coellos. Coa parte sólida fago humus de miñoca que vendo principalmente á empresa Siro, mandamos sobre 6 tráilers ao ano, e coa parte líquida abono os prados, aos que o único que lles boto é o purín dos coellos e dos xatos que cebo e a maiores algo de cal, non boto máis nada nas pradeiras", explica.

Cachenas de San Breixo, carne de máxima calidade directa ao consumidor

Jordi Ánguez coa súa filla Carmen no monte, onde ten o seu rabaño San Breixo da Balsa foi no seu día a capital do Concello, pero hoxe só quedan nesta pequena aldea de Triacastela unha capela caída e tres casas en pé. A de Jorge Ánguez Grases é a única vivenda habitada de forma permanente e as súas vacas son as que coidan o pobo e evitan que a maleza acabe engulíndose o lugar, como décadas atrás fixo a emigración. "Nós volvemos hai 11 anos de Barcelona. De aquí era o meu pai e sempre houbera vacas na casa até 1980. Atendíaas un tío avó meu. Eu estudei Farmacia e Empresariais e levaba o restaurante da familia, pero cada ano escapábame para vir á Semana Verde de Silleda porque me gustaba moito. No ano 1996 vin as cachenas alí e namoreime desa raza. É unha vaca preciosa, podemos discutir carácter, produtividade ou outras cousas, pero non a súa beleza, é un animal que gusta a todo o mundo", afirma Jordi.
"Eu estudei Farmacia e Empresariais e levaba o restaurante da familia en Barcelona, pero cada ano escapábame para vir á Semana Verde de Silleda e alí namoreime das cachenas"
O 23 de abril do 2003, día do seu santo e patrón de Cataluña, Jordi cumpriu o seu soño e deuse de alta como gandeiro. "Volvemos montar a explotación con idea xa de virnos para aquí. Empezamos con 6 xovencas e un tenreiro. Trouxémolas de Olelas, en Ourense e custounos conseguilas porque naquela época había moi poucas cachenas e case había que facer unha instancia para conseguir unha", lembra hoxe. Aquela afección súa polas vacas acabou converténdose no proxecto compartido de toda a familia: de Mireya, a súa muller, e de Breixo e Carmen, os seus dous fillos. "Medramos rápido ao principio, deu a casualidade de que os primeiros anos saíron moitas femias, por enriba da media de 50% machos e 50% femias", explica.
"No 2015, cando eliminaron da noite para a mañá o pasto arbustivo, tivemos que reducir animais, malvendéndoos porque se nos disparaba a carga gandeira e perdiamos as axudas. Foi a ruína total."
"Chegamos a ter 100 cabezas, pero tivemos que volver empezar case de cero en 2015, cando sacaron o pasto arbustivo. Supúxonos a ruína total e tivemos que replantexarnos todo outra vez. Aquilo foi unha decisión inesperada, un cambio das regras de xogo da noite para a mañá. Eramos 5 explotacións en Galicia que de golpe por sacarnos o pasto arbustivo disparábasenos a carga gandeira e perdiamos as subvencións por criterios ambientais. Tivemos que reducir animais, malvendelos para non perder a subvención", conta. 70 cabezas e 100 hectáreas Tivo que reducir a carga gandeira cando en 2015 eliminaron o pasto arbustivo Hoxe Jordi foise recuperando daquel pau e ten 70 cabezas de gando, das que 40 son nais reprodutoras. Manexa unha superficie total de 100 hectáreas, a metade monte comunal e a outra metade propiedade das tres casas do pobo. "Levamos as propiedades das tres casas que hai na aldea, tanto os prados como a superficie forestal. Nós aproveitamos moi ben o monte, pastoreamos os soutos centenarios e aproveitamos moi ben a castaña, e pacemos tamén as carballeiras e zonas que eran labradío e nas que naceron bidueiros. Considero que o modelo combinado de pastoreo con forestal é o gran futuro da gandeiría en zonas de montaña como esta", afirma.
"Nós aproveitamos moi ben a superficie forestal e considero que o modelo combinado de pastoreo de pradería e monte é o gran futuro da gandeiría en zonas de montaña como esta"
"No monte comunal pastoreábase tradicionalmente o monte baixo pero iso é pouco produtivo. Agora estamos a facer pradeiras nalgunhas zonas de monte. A semente está moi cara, así que deixamos un anaco de monte recentemente semillado con raigrás para cultivar e ter semente propia para varios anos", explica. As leiras máis altas desta explotación sitúanse a 900 metros de altitude, xusto enfronte do monte Oribio, onde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia paralizou recentemente o proxecto para construír un parque eólico. "É algo que non entendo, poñer aeroxeradores en plena Rede Natura nun lugar polo que pasa o Camiño de Santiago e que ten na paisaxe e a natureza os seus principais atractivos. Creo que é pan para hoxe e fame para mañá, o mesmo que os eucaliptos", afirma. Gandeiría para fixar poboación Fronte ao monte Oribio, a 900 metros de altitude, Jordi está sementando pradeiras en zonas de monte comunal Jordi defende a gandeiría como actividade para crear riqueza e fixar poboación no medio rural e pide que ese sexa un criterio fundamental á hora do reparto das axudas da PAC. "Os dereitos da PAC en Galicia son plans de xubilación e iso entorpece o crecemento do sector, os dereitos deberían ir vinculados aos gandeiros que manteñan a produción", reclama. "Aínda que fagas as cousas ben, se non tes subvención non son rendibles as explotacións en Galicia", afirma. Por iso non entende algunhas das políticas públicas levadas a cabo polas Administracións nos últimos anos. "Deixáronse vender os dereitos da PAC e os dereitos de vacas nodrizas e moitos vendéronse para fóra de Galicia. Eses dereitos non se deberon deixar saír de aquí", insiste.
"Os dereitos da PAC en Galicia son plans de xubilación e iso entorpece o crecemento do sector, os dereitos deberían ir vinculados aos gandeiros que manteñan a produción"
Do mesmo xeito, critica que a distribución de fondos non prime aspectos como benestar animal ou alimentación. "A PAC é unha axuda á produción, pero non che pagan a produción, senón o mantemento, e dá igual que teñas as vacas gordas ou fracas", argumenta. Jordi é unha persoa que di o que pensa e non cala o que lle parece xusto. Poida que lle veña de familia, pois a primeira referencia histórica á casa paterna é de 1730, dun antepasado seu queixándose de que subiran o chato de viño na feira. "Teño mentalidade catalá, os galegos sodes moito máis conformistas", bromea. Pouca maquinaria No inverno suplementa con silo e herba seca que obtén nas fincas máis próximas ao Camiño de Santiago As cachenas de San Breixo pacen libremente todo o ano no monte e nos prados máis próximos ás casas da aldea pero no inverno, e tamén no verán en anos nos que hai seca, Jordi suplementa o pasto con silo e herba seca. "Cada vez hai que facer máis silo, nótase o cambio climático. Antes sobrábanos auga, agora temos fontes que secan e o prado este ano en setembro estaba xa moi seco, outros anos aguantaba máis. Este foi un ano moi raro, porque sen embargo o corte de ensilaxe foi moi bo", explica.
"Creo que non é interesante manter 4 tractores nunha explotación para que a maioría deles traballen 15 días ao ano"
As fincas que ten á beira do Camiño de Santiago destínaas a forraxe e saca 2 ou 3 cortes de herba, tanto para silo como para herba seca. "Eses traballos contrátoos. Empecei con moi pouca maquinaria e daste conta de que te amañas perfectamente así. Creo que non é interesante manter 4 tractores nunha explotación para que a maioría deles traballen 15 días ao ano", argumenta. Peches con malla gandeira Pastorean os soutos para aproveitar a época da castaña Jordi recoñece que cumpre moitos tópicos que fan que a súa gandería chame a atención: neorural, emigrante retornado, urbanita que volve á aldea. "Fun autodidacta, eu non tiña nin idea disto, pero a cachena é unha raza que che permite ir aprendendo", di. Por exemplo, non pon arame nin pastor eléctrico para pechar as súas leiras. "Teño moita superficie forestal e se cae unha ponla os animais escápanse e fan moitos quilómetros. Poñemos malla gandeira, que encarece os peches, pero dá máis seguridade para as vacas e ten ademais a vantaxe de que pon trabas ao xabaril, que nesta zona aféctanos moito porque hai dous anos houbo incendios e baixaron do monte", explica. O perímetro do último cercado que fixeron foi de 3,5 quilómetros de malla e só descartan un animal para recría se aprende a sortear o peche. "É un dos criterios de selección que utilizamos, porque non podemos estar pendentes dun animal que se escapa todos os días", xustifica. Mercado de vida Rendabiliza o alto nivel xenético da súa cabana vendendo femias para recría e machos para sementais A venda de animais a outras explotacións é outra das vías de ingresos de Cachenas de San Breixo. "Temos moito mercado de vida", explica Jordi, que explota desta forma o nivel xenético da súa cabana, que conseguiu vencer nos tres primeiros concursos morfolóxicos desta raza organizados na Semana Verde de Silleda en 2012, 2013 e 2014. Rabuda fíxose, por exemplo, co primeiro premio en 2012 e Maketatón sucedeuna ao ano seguinte. Os nomes dos animais son outra das curiosidades desta explotación. "Todos os animais teñen nomes con historia. O primeiro nacemento dun tenreiro que tivemos foi o catro do catro de dous mil catro e era Domingo de Ramos, así que lle puxemos Ramos e a partir de aí, cada ano tiramos dun tema: nomes gregos, romanos, de deusas exípcias, de plantas, etc. O ano pasado aos machos puxémoslles nomes de escritores ingleses e este ano estamos con personaxes fantásticos, xa tivemos un Harry Potter", conta.
"Todo o que naceu de recría en 2019 está xa apalabrado, pero non vendo todo o que me piden porque quero medrar eu tamén para recuperar as 100 cabezas que tiña"
"Tendo en conta o tempo que levamos e o número de cabezas que temos, desta gandeiría saíron moitos machos para sementais, como Dátil, e tamén moitas femias. Agora quero seguir medrando eu tamén, porque quero chegar a recuperar as 100 cabezas que tiven, por iso non vendo todo o que me piden", aclara Jordi, que explica que "en 2020 vaise disparar a demanda para vida, o que naceu de recría en 2019 xa está todo apalabrado e vendido". Complemento a outras razas A cachena é a raza de vaca máis pequena do mundo en canto a estatura pero a súa grande versatilidade para o pastoreo convértena nunha especie todo terreo idónea para lugares con orografía difícil e condicións climáticas adversas. A raza traspasou as fronteiras de Galicia e hai animais en explotacións de Castela e León, Cantabria, Extremadura ou o País Vasco, onde o cociñeiro Carlos Arguiñano posúe varios exemplares.
"Ter un rabaño de cachena como complemento a outras razas cárnicas é unha boa opción para limpar as leiras"
Tamén en Alemaña hai cachenas, explica Jordi. "Hai dous criadores, Hitler seleccionou razas de toda Europa e aínda hoxe quedan en Alemaña dúas explotacións de cachenas, aínda que teñen problemas de consanguinidade", conta. Considera que "é unha raza que se se promocionase máis para vida tería tamén moito mercado para iso porque as cachenas son unha boa opción para ter un rabaño como complemento a outras razas cárnicas, como limusión ou rubia galega, porque che aproveitan o pasto e o terreo malo", argumenta.

"O mercado está fora, aquí todo o mundo ten un curmán ou un veciño que lle vende medio becerro"

Cachenas de San Breixo fai chegar directamente a súa carne ao consumidor final. Foi unha das gandeirías pioneiras na comercialización sen intermediarios desta raza autóctona. Contacta cos clientes a través da súa páxina web e envía os pedidos, envasados ao baleiro, en caixas isotermo ata o domicilio do consumidor. Até que nos viñemos para aquí tiñamos o restaurante en Barcelona e toda a nosa produción ía para alí. Despois empezamos a comercializar a nosa carne en carnicerías de proximidade, pero aquí o mercado é pequeno e hai moitas explotacións e todo o mundo ten un primo que lle vende medio xato", argumenta. O Concello de Triacastela non chega aos 650 habitantes aínda que ten un importante fluxo de peregrinos e numerosos negocios de hostalería vinculados ao Camiño de Santiago pero Jordi enseguida se deu conta de que o seu cliente potencial estaba fóra. "Non hai mercado dabondo aquí para que todos fagamos venda directa, nin tampouco para a carne ecolóxica, porque o que busca o ecolóxico decántase pola verdura. O mercado está fóra. Onde hai que mandar a carne ecolóxica é a Alemaña, pero iso non se pode facer individualmente, senón cunha estratexia conxunta", defende. Comercialización en lotes e medias canais Os xatos están coas nais até o sacrificio e son comercializados en lotes de 3, 5 e 10 quilos "Nós empezamos no 2012 a facer venda directa e a comercializar por internet. Ao principio o mercado de carne de cachena estaba virxe e poñías no buscador cachena e saiamos nós, agora xa hai máis produtores que se decidiron a vender a súa propia produción porque o problema de depender de terceiros é que non fixas os prezos, pasa igual que co leite, só que o sector da carne está menos profesionalizado aínda que o do leite porque é moi difícil vivir da carne, tes que ter moito volume", considera.
A redución no número de cabezas á que se viron obrigados fai catro anos impediulles poder atender a novos clientes, algúns no estranxeiro
Cachenas de San Breixo vende entre 30 e 40 animais por ano, todos a clientes particulares. "Chámante os restaurantes e pídenche todos chuleteiro, pero non interesa porque, que fas co resto?", argumenta Jordi. Empezaron sacrificando no matadoiro de Taboada pero agora ampliaron e mandan tamén animais a Sarria ou Castro. "Traballamos con varios matadoiros. Empezamos con Celtaverde pero quédanos lonxe por loxística. Nós supervisamos o despezamento e facemos os lotes", explica. "Servimos lotes de 3, 5 e 10 quilos que enviamos a toda España e tamén vendemos canais enteiras e medias canais para o mercado exterior, a clientes de Francia, Inglaterra ou Italia e iso que fai catro anos, cando nos vimos obrigados a reducir o número de cabezas tivemos que frear a venda fóra porque non tiñamos capacidade para atender aos novos clientes que saían, mesmo no estranxeiro, e priorizamos atender aos clientes daquí", indica. "Facer lotes dá máis traballo, tamén de loxística, pero é a única maneira de enviar para lugares como Madrid, onde ninguén che pide media canal", engade. Apostar pola calidade A capital de España absorbe máis da metade da produción desta explotación da montaña de Lugo. "O 75% vai para Madrid, en Galicia cada vez hai máis competencia", recoñece Jordi, que asegura que os produtos que saen da nosa comunidade teñen moi boa acollida fóra. "A marca é Galicia porque fóra a percepción é que todo o que sae daquí é o mellor, estou convencido de que metes pedras nunha caixa e mándalas a Madrid e funciona, porque a palabra galego é sinónimo de calidade", argumenta.
"A batalla da cantidade témola perdida, xa que os custos de produción son aquí máis altos"
Por iso, di, "temos que apostar pola calidade, porque a batalla da cantidade témola perdida, xa que os custos de produción son aquí máis altos". E propón diferenciarse. Por exemplo, di, "pechando Galicia aos transxénicos, como fixo Escocia". "Nós non estamos en ecolóxico pero a nosa carne é tan ecolóxica como moita da que está no mercado como ecolóxica", di. "As nosas vacas viven en liberdade coas súas crías, ao aire libre todo o ano. Non destetamos, maman o tempo que queren e sacrificamos dependendo do animal e da época do ano", explica. "Temos partos todos os meses do ano, pero o gordo céntrase en catro meses, de marzo a xuño, que é a época na que se concentra o maior número de nacementos, porque na primavera é cando está o semental coas vacas. Temos dous touros, un para quedar como reprodutor na gandeiría e outro que capamos e estamos finalizando para un restaurante", explica. "Fixemos tamén un boi nunha ocasión, pero o problema é que se dificulta o manexo. Caparámolo aos 11 meses e sacrificarámolo con 7 anos e medio e estivo o último ano a castaña. Iso non se paga, non ten prezo", conclúe.

Gandería Doval, Cachenas e Rubias que traballan na prevención do lume no Candán

Hai 5 anos que Manuel Doval cambiou as obras nas autoestradas polas cachenas. Cando o traballo comezou a escasear neste sector, Manuel decidiu apostar pola cría de vacas en extensivo nos montes de Zobra, na Serra do Candán, no concello pontevedrés de Lalín, a súa aldea natal.”Esta é outra vida totalmente diferente”, valora. Comezou con Rubia Galega para logo pasarse ás Cachenas, que hoxe son maioría no seu rabaño. “Quería empezar xa coas Cachenas pero a inversión era moi grande e decidín ir pouco a pouco e optei por mercar primeiro Rubia Galega”, explica o gandeiro. Hoxe conta cunhas 20 vacas desta raza e unhas 70 cachenas.
Decidiu comezar coa cría de Rubia Galega e pouco a pouco ir incorporando Cachenas
Mentres as vacas de Rubia Galega pacen nos prados máis próximos á vivenda, as cachenas tenas no monte case todo o día e só en determinadas tempadas, cando os xatos son moi pequenos, volven á corte que lles ten nunha das fincas en propiedade. “Os becerros non quero telos no monte porque teño moito risco de perdelos e déixoos neste terreo pechado. Mentres os xatos son moi pequenos, as vacas volven xunto a eles pola noite", explica. O gandeiro tamén apunta a que é un xeito de evitar perdas polo lobo. Os becerros tenos nunha finca cerrada de monte.

Entre monte e pradeiras

Os xatos permanecen nunha parcela dunha hectárea, pechada no monte, onde conta tamén con cortes pensadas, sobre todo, para os becerros. Esta parcela é tamén onde xunta as vacas cando ten que facerlles o saneamento. “Aquí teñen sombra e fresco no verán e é un sitio moi abrigoso no inverno”, comenta o gandeiro. O resto do rabaño das cachenas repártense por unhas 40 hectáreas de monte veciñal en man común. “Eu precisaba monte por onde ter o rabaño e as vacas contribúen a manter o monte limpo e traballan na prevención de lumes”, indica Manuel.
Dispón dunhas 40 hectáreas de monte veciñal en man común, cedidas pola comunidade de montes, onde ten as cachenas
De feito, a Comunidade de Montes encargouse de desbrozar inicialmente parte desta superficie para facilitar que medre o pasto. “Eles déronlle a primeira volta para triturar os toxos e xestas que había e agora eu voulle dando cada pouco porque senón o toxo volve aparecer”, sinala Manuel. Xunto coas fincas de monte, Manuel ten en propiedade arredor dunhas 15 hectáreas de pradeira en Zobra onde adoitan pacer e pasalo día o rabaño das vacas rubias. “As cachenas déixoas no monte pero as rubias van ó prado tódolos días e quitan máis tempo”, recoñece. Agora está pendente de pechar boa parte das fincas que ten próximas á casa, nas que pacen as vacas rubias, polos danos do xabaril. "Fanse necesarias máis axudas polos problemas que nos está causando o xabaril nos prados e que nos obriga a pechalos", indica. Ademais, na parroquia veciña de Vilatuxe ten arrendadas outras 20 hectáreas. Nestes prados é onde produce boa parte das forraxes, tanto de silo de herba como de herba seca, para alimentar o gando. “Se non fora polas terras de Vilatuxe non tería xeito de producir as forraxes para tanta vaca”, apunta. Parte do rabaño de cachenas que Manuel ten no monte.

Os comezos foron difíciles

Aínda que os comezos adoitan ser difíciles en tódolos eidos, Manuel tivo nestes primeiros tempos importantes baixas na súa gandería. “De non ser polas baixas, agora estaría xa nas 100 cachenas”, comenta.
Nos primeiros tempos morréronlle unhas 20 vacas, 5 delas a causa dun raio
Unha das compras de animais que fixo foi de 35 cachenas e delas só lle quedaron 15, ademais de perder algunhas das vacas que xa tiña no rabaño. “Non sei se foi que non se adaptaron ben na finca na que estiveron ó principio ou se xa viñan con algún virus”, comenta o gandeiro. Entre esas baixas, nunha soa xornada perdeu 5 animais. “Desa vez dixéronme que fora un raio o que as matara”, recorda. “Daquelas pensei que como seguise así non me ía quedar vaca ningunha. Agora, levo 2 anos sen baixas”, indica Manuel. O seu rabaño procede de distintos puntos de Galicia. Algúns dos exemplares mercounos en Ortigueira, outros no Vicedo e boa parte delas a unha gandería dunha parroquia veciña, á que lle adquiriu a totalidade dos animais que tiña. Mentras os becerros son moi novos, as vacas volven á corte pola noite. Pese a que a estas vacas, caracterizadas polo seu pequeno tamaño e gran cornamenta, se lle adoita atribuír un carácter bravo, Manuel ten moitos exemplares bastantes mansos, aínda que estean todo o día no monte. O gandeiro tamén recoñece que “algunhas son máis bravas e en canto escoitan unha voz que non lles resulta familiar xa escapan”, indica. Nos montes da Serra do Candán, Manuel conta con outra dificultade engadida: as minas que aínda quedan dun pasado no que se extraeu o estaño na zona. Na finca que ten pechada, ten dous pequenos buratos que levan a estas minas. “Polo momento solo me caeu unha vaca unha vez nunha, o resto non se meten a elas”, recorda.

Venda directa

Nestes primeiros tempos, a gandería está a vender sobre o todo os xatos machos e cría as becerras que pode para ir incrementando o rabaño. “Todas non as podo criar porque se non vendes animais, non das aguantado ca gandería”, precisa Manuel. Comercializa directamete os becerros unha vez que teñen arredor de 8 meses, cuns 110 -115 quilos en canal, que sacrifica e prepara nun matadoiro e unha carnicería próximos. Os xatos críaos a base do leite que maman, penso e herba seca. A maioría dos seus clientes, polo do momento, son particulares da zona ou aqueles que o coñeceron a través do boca a boca. Ademais, algúns dos becerros son parte do pago polo arrendo das terras dos veciños. Manuel recoñece que polo momento pode aguantar ó combinar a venda da carne cos pagos que recibe por criar raza autóctona. “Se non fora polas subvencións está moi complicado comezar con estas ganderías e menos sendo un só”, comenta o gandeiro, que vende o quilo da cachena a un prezo medio de 5 euros.
Manuel quere convencer a outros gandeiros do lugar para criar gando de xeito extensivo e de forma conxunta
De feito, Manuel xa tentou convencer a outros gandeiros da zona para crear unha gandería en extensivo conxunta, aproveitando os montes veciñais en man común que poida cederlles a comunidade de montes e contar cun rabaño de vacas máis amplo. “Para min era o xeito de poder ser máis competitivos e ó mesmo tempo, conseguir que o monte non se nos metese nas casas”, comenta o gandeiro. Pero, por agora, non conseguiu o apoio do resto dos gandeiros. Na actualidade, nesta pequena aldea da Serra do Candán só quedan media ducia de ganderías de vacún de pequeno tamaño.

O Valadouro acollerá o vindeiro 2 de febreiro a segunda edición da Feira de Razas Autóctonas Galegas da Mariña

A localidade de Ferreira do Valadouro acollerá o próximo 2 de febreiro por segundo ano consecutivo unha feira de animais de razas autóctonas galegas. A cita reunirá a animais de todo tipo e nela repartiranse un total de 4.000 euros en premios. A novidade deste ano é a celebración da primeira poxa de gando rubio galego na comarca da Mariña.

A partir das 10 da mañá e durante todo o día poderán verse nunha carpa ubicada no parque Concepción Arenal da localidade exemplares de distintas razas de gando galego, desde ovellas, cabras ou cabalos de pura raza galega, a porcos celtas, galiñas de Mos, cans de palleiro ou vacas das razas cachena, caldelá, frieiresa, limiá, vianesa e rubia galega.

O evento, organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración das distintas asociacións que promoven a recuperación destas razas autóctonas, como Acruga, Can de Palleiro, Asoporcel, Puraga ou a Federación de Razas Autóctonas Boaga, reunirá a criadores chegados desde distintos puntos de Galicia e dará a coñecer entre o público asistente as características destas razas tradicionais do noso país e que en moitos casos estiveron a piques de desaparecer.

O concelleiro de Cultura, Eduardo Chao, impulsor desta cita, agarda que volva despertar, igual que o ano pasado, o interese tanto dos gandeiros da comarca coma do público en xeral e contribúa a dar a coñecer as distintas razas de gando autóctono e axudar deste xeito á súa cría e conservación. Insiste ademais que a aposta por recuperar as razas autóctonas é tamén unha aposta pola calidade.

Dentro das actividades da feira terá lugar precisamente unha conferencia de Juan Carlos Puente, que é vicepresidente da asociación Can de Palleiro, sobre as razas autóctonas galegas. Será ás 12 e media do mediodía no salón de actos da Casa da Cultura da localidade.

Amplo programa

A feira abrirá as súas portas ao público ás 10:00 horas. O lugar habilitado para o seu desenvolvemento será o aparcadoiro a carón da piscina municipal. Pero ademais do tradicional mercado de gando están previstas diferentes actividades:

Ás 11:00 horas no campo da feira a Asociación de criadores de cabalo de Pura Raza Galega organiza o concurso morfolóxico de cabalo PRG.

Seguidamente, Xacobe Pérez (presidente da Asociación Pura Raza Cabalo Galego) fará unha demostración de traballos pé a terra con rédeas longas con cabalo de PRG.

Ás 13:00 no recinto feiral realizarase a I Poxa de gando de Raza Rubia Galega na Mariña.

Xa pola tarde, sobre as 16:30, o público asistente poderá observar unha demostración de Monta á Amazona con cabalos da PRG.

Rematará a xornada sobre as 18:00 horas coa entrega de premios, na que se repartiran máis de 4000 € entre as distintas especies de gando, nas inmediacións da carpa, sobre as 18:00 horas.

Os asistentes poderán contar con amplos aparcadoiros e un posto onde comer polbo á feira e/ou xamón cocido.

Os interesados en participar poden recibir información e inscribirse entre o 21 e o 29 de xaneiro na Casa da Cultura da localidade, no teléfono 982571516 ou no enderezo electrónico cultura@valadouro.org.

4.000 euros en premios

Esta cita pioneira na comarca da Mariña contará ademais cunha importante dotación económica para animar a participación dos distintos criadores. En total, repartiranse 4.000 euros en premios entre os máis de 30 galardóns que serán entregados aos lotes máis numerosos de cada unha das categorías participantes (cabalos, vacas, porcos, ovellas e cabras), así como para os mellores sementais exemplares de xeito individual.

O diñeiro dos premios distribuirase entre unha gran variedade de categorías co que a organización tentará recoñecer e fomentar a participación da maior cantidade posible de animais de distintas especies. En concreto, repartiranse premios nun total de catorce especialidades diferentes. Serán premiados tanto lotes de animais como exemplares individuais.

Manter viva a actividade agrogandeira do municipio e recuperar as razas do país

O Concello do Valadouro está tentando recuperar nos últimos anos a actividade agrogandeira do municipio con iniciativas como a posta en marcha da Escola de Horta Ecolóxica, así como coa recuperación das feiras e mercados tradicionais. Trátase dun traballo no que está implicado todo o Goberno municipal e no que traballan de xeito coordinado o alcalde, Edmundo Maseda, e o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Eduardo Chao.

O Valadouro mantén aínda unha importante actividade gandeira, e a cria de cabalos e gando vacún en liberdade ten unha fonda tradición en distintas parroquias, sobre todo nas zonas máis altas deste concello do interior da comarca da Mariña, ubicado ao pé da Serra do Xistral, onde todos os anos se celebra a comezos de agosto a rapa das bestas no curro de Santo Tomé.

Ademais, nos últimos anos vense impulsando desde o Concello a recuperación de feiras e mercados tradicionais, como o Mercado da Primavera, a Feira do Mel ou o Mercado da Castaña, aos que agora se suma desde o pasado ano a Feira de Razas Autóctonas Galegas.