Archives

Cabra mee, as cabras como proxecto de presente e futuro

“Na miña casa sempre houbo algunha cabra e foron uns animais que sempre me gustaron, por iso decidín que ese podía ser o meu proxecto de futuro”, explica Isaías Medela. Este mozo da parroquia de Vilatuxe, en Lalín (Pontevedra), decidiu apostar polas cabras no concello con máis vacas de Galicia. “Tiña claro que vacas non quería, en parte polo importante investimento que supón comezar de cero cunha granxa de vacún”, apunta. Comezou hai pouco máis de dous anos coa gandería de cabras xunto co seu pai Miguel, que xa mercara a primeira parella de animais cando el era apenas un cativo. Entre ambos compaxinan os labores de coidado da gandería Cabra mee. Hoxe teñen un rabaño de 160 animais e queren chegar a ter 600 cabezas, a base de recría propia e da incorporación de cabras de raza pura.
“A verata é unha raza que se adapta ben tanto para a produción de leite como de carne, ademais come ben, engorda ben e é bastante rústica”
En agosto do 2021 mercaron o primeiro lote de cabras para comezar coa actividade profesional. Daquela trouxeron unhas 70 cabras procedentes da Serra de Gredos (Ávila). Recoñece que nestes primeiros tempos tamén tiveron certas dificultades. “A humidade que temos en Galicia foi un problema para as cabras e tiveramos moitas baixas por iso naquel primeiro inverno. Tamén é certo que eran cabras adultas, ás que lles costa máis adaptarse que se foran cabritas novas”, recorda Miguel. A maior parte das súas cabras son de raza Verata, aínda que tamén teñen cruces de raza Malagueña. “Gústanos a Verata porque é unha raza que se adapta ben, tanto para a produción de leite como de carne, ademais come ben, engorda ben e é bastante rústica”, explican os gandeiros. Polo momento non barallan incorporar outras razas, pero están interesadas en coñecelas. “Este ano estivemos na Semana Verde con criadores de cabras de raza galega e habemos de visitar a súa gandería para coñecer máis sobre esta raza”, valoran os pastores.

O día a día co rabaño

Todos os días, o rabaño sae ó monte ou ó prado a pacer, agás no inverno cando está moi mal tempo, que quedan na corte con herba seca. “Case sempre imos os dous co rabaño e cando non, o que queda prepara as cortes ou atende os cabritos pequenos”, apunta Isaías. Manexan unha superficie de arredor dunhas 100 hectáreas de monte e pradeiras. “Hai moita xente que nos deixa prados para lle pacer antes de anovalos. Tamén hai quen nos deixa fincas de monte para que non se lle cubra de maleza”, indican os gandeiros. Só de prados dende finais de verán pacen unhas 50 hectáreas. “Por agora aínda son poucas cabezas de gando, pero cando cheguemos ás 600 ha de ser un importante método para previr lumes”, reivindica Isaías.
En determinadas épocas do ano xestionan arredor dunhas 100 hectáreas de monte e pradeiras. Teñen previsto sementar cereais en parte destas fincas para complementar a alimentación do gando
A alimentación das cabras céntrase no pasto e compleméntase con herba seca. Porén, Isaías pretende sementar cebada e trigo nos próximos anos para introducir tamén estes cereais e a palla na dieta dos animais, xa que teñen previsto comezar coa produción de leite para a elaboración de queixos. “Co aporte de cereais conséguese que as cabras teñan máis leite tanto para criar as crías como para aproveitar para facer queixos”, explica Isaías. A produción propia de cereal teñen pensado realizala tamén en zonas de monte, un xeito máis de contribuír a reducir o risco de incendios forestais. De feito, aínda que Isaías case non o viviu por ser aínda un cativo, tanto seu pai como seu avó foron durante anos quen se encargaban de colleitar o trigo e o centeo, ó contar cunha das poucas malladoras na zona.

Coñecer outras ganderías

Antes de comezar coa súa, Isaías estivo tamén en contacto con outros gandeiros de distintas zonas de España para coñecer de preto como era o oficio de pastor e ter maior coñecemento destes animais. Así, hai 4 anos estivo en Ávila, nunha gandería con cabras Veratas onde tivo oportunidade de coñecer máis sobre a raza. Tamén estivo nunha gandería de Los Gallardos (Almería), onde contaban con cabras de leite e ovellas de carne. “Foi un xeito de ver como traballaban en distintas ganderías e coñecer outras oportunidades de negocio, xa que nunha delas tamén tiñan visitas con rapaces á gandería, unha iniciativa que nós tamén estamos valorando”, detalla Isaías. Ademais, recoñece que agora mantén moi boa relación con eses gandeiros, co que foi un xeito de crear contactos profesionais no sector.

Primeiros pasos para a produción de queixos

Polo de agora, os animais que van nacendo na gandería dedícanos para a recría, no caso das femias, mentres que os machos os comercializan directamente tanto a veciños coma a restaurantes locais. Teñen previsto centrarse tamén na produción de leite para a elaboración de queixos, de feito nos últimos meses estiveron xa comezando coas primeiras probas. “Estivemos facendo xa algúns queixos e dándollos a probar ós coñecidos e amigos para ir tendo valoracións do produto”, indican.
Teñen previsto comezar coa queixería propia no 2025
Aínda que nun primeiro momento valoraron alugar unha nave para a queixería, optaron por instalala nas proximidades da granxa para poder optimizar o tempo e compaxinar a atención da gandería coa elaboración dos queixos. “ A intención é comezar coa queixería de cara ó 2025”, apunta Isaías. Xunto coa produción de queixos, en Cabra mee tamén teñen pensado realizar visitas á gandería. “Queremos que a xente poida achegarse e coñecer como é atender unha gandería e mesmo vir coas cabras, para disfrutar da tranquilidade e a paz de estar no monte co rabaño”, reivindican os gandeiros. De feito, xa tiveron algunhas experiencias con grupos de nenos dos campamentos estivais ou de grupos que se achegan ata a capital dezana para coñecela, tendo deste xeito unha oportunidade de ver de preto os seus montes e unha forma de vida no rural coa gandería.
  • Este contido elaborouse en colaboración co Mercado de la Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

Presentado o matadoiro móbil para pequenas granxas de ovino, cabrún e porcino

A Xunta de Galicia presentou o matadoiro móbil para pequenas granxas de ovino, cabrún e porcino. O servizo -asegura a Xunta- permitirá mellorar a xestión e a rendibilidade de moitas explotacións de pequeno tamaño, localizadas en zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e a distancia dos matadoiros convencionais. O servizo contará cunha decena de traballadores e, para optimizar o seu funcionamento, habilitarase proximamente un número de teléfono específico e un acceso web, co fin de resolver dúbidas e facilitar a petición de citas. En canto ao custo, os prezos van dende os 10 euros para animais ovinos e cabrúns menores dun ano (contabilizando só o sacrificio e a preparación do canal) ata os 50 euros para os porcos, no caso de incluír tamén o almacenamento e transporte a punto de distribución. O conselleiro de Medio Rural presenta o matadoiro móbil en Chantada O conselleiro de Medio Rural, José González, presentou esta iniciativa nun acto que tivo lugar en Chantada, a base do matadoiro, e no que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, José Balseiros, polo alcalde desta localidade luguesa, Manuel Varela, e polos delegados territoriais da Xunta en Lugo e Ourense, Javier Arias e Gabriel Alén, respectivamente. No acto sinalou que este matadoiro móbil busca optimizar a xestión das explotacións de ovellas, cabras e porcos, ao reducir os custos de transporte do gando e mellorar ao tempo a calidade da carne e o benestar animal. Tamén destacou que con esta iniciativa se busca “impulsar as pequenas explotacións, traballar no benestar animal e innovar para mellorar a situación do rural galego”. Engadiu que en Galicia, pola “dispersión das súas explotacións, este proxecto ten especial razón de ser” e definiu as instalacións como “moito máis que dignas” para arrancar con este servizo. Vista interior do matadoiro móbil O conselleiro, que defendeu esta iniciativa como “pioneira en España”, explicou que para a súa posta en marcha estudáronse os antecedentes noutros países, caso de Suecia, así como as posibles explotacións interesadas. A partir de aí creouse un matadoiro que se basea en dous eixo principais. Por un lado, a propia unidade móbil de sacrificio de gando, montada sobre un semi-remolque frigorífico, dotado da súa correspondente cabeza tractora. Por outra banda, unha instalación base con sede en Chantada, que permitirá, entre outras cousas, o almacenamento das pezas en canal en cámaras frigoríficas, o mantemento e desinfección da unidade móbil e a xestión administrativa e de residuos. No acto, o conselleiro avanzou que, no marco desta iniciativa, vaise desenvolver unha marca como certificación de calidade, que amparará os produtos resultantes dos animais sacrificados como de proximidade e cun alto grao de benestar animal, entre outras vantaxes recoñecibles.

Medio Rural ultima o lanzamento do matadoiro móbil para pequenas granxas de ovino, cabrún e porcino

A Consellería do Medio Rural vén de elevar ao Consello da Xunta o informe sobre o matadoiro móbil de Galicia, onde se anuncia que proximamente se porá en marcha este novo servizo público. A iniciativa, na que se levan investidos 670.000 euros, conta cunha dotación orzamentaria de 800.000 euros para o arranque do proxecto no territorio galego. O matadoiro móbil permitirá facilitar, con todas as garantías hixiénicas e de seguridade, o acceso ao sacrificio de ovellas, cabras e porcos daquelas explotacións das zonas máis alonxadas dos matadoiros convencionais. Ademais, no marco deste proxecto, prevese desenvolver unha marca de calidade que ampare os animais sacrificados neste matadoiro como produtos de proximidade, con alto benestar animal e con orixe en gandarías que actúan de cortalumes dos incendios forestais, achegándolle un valor engadido ás explotacións usuarias deste servizo. A Xunta sinala que se trata dun servizo público pioneiro en España que disporá dunha unidade móbil de sacrificio do gando, montada sobre un semirremolque frigorífico, coa correspondente cabeza tractora, e unha plataforma base con sede fixa que se localizará nunha nave do concello de Chantada, que permitirá o almacenamento en cámaras frigoríficas das canais e o mantemento e desinfección da unidade móbil, ademais dos necesarios servizos administrativos de xestión deste servizo, entre outras cousas. A Consellería do Medio Rural prevé activar este matadoiro nas vindeiras semanas, abrindo unha primeira fase na que se estruturarán as rutas da unidade móbil mentras se comeza a desenvolver o servizo e se realizan os axustes pertinentes. Habilitarase un teléfono e un acceso web para resolver dúbidas e facilitar a petición de citas. Con respecto aos prezos, estableceuse que o custo por animal do sacrificio e maquía sería de 10 euros nos animais ovino e cabrún menores dun ano, mentres que naqueles animais destas especies que sexan maiores dun ano pasarán a ser 15 euros, mentres que o prezo dos animais porcinos será de 40 euros. Ademais, as persoas gandeiras poderán optar ao servizo de almacenamento das canais no lugar base, e mesmo ao seu traslado ata o centro de distribución.

Xornada técnica de ovino e caprino en Lugo

A Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galici (OVICA) e a ADSG ACIVO organizan o vindeiro 7 de outubro unha xornada técnica de ovino e caprino. A cita será o día 7 de outubro no Pazo de Feiras de Lugo, coincidindo coa feira A Rural. Velaquí o programa:

Importes definitivos das axudas asociadas para ovino e caprino na campaña 2022

O Ministerio de Agricultura acaba de publicar os importes definitivos das axudas asociadas para as gandarías de ovino e caprino correspondentes á campaña da PAC 2022. En ovino queda en 12 euros por animal e en caprino en 6,76 euros por animal para a España peninsular e en 8,49 euros para zonas de montaña e a España insular. En concreto, para o sub-réxime de axuda para as explotacións de ovino en rexión Peninsular hai un límite orzamentario asignado para a campaña 2022 de 121.995.153,07 €, a repartir entre 10.085.356 animais con dereito a pago, segundo os datos comunicados polas comunidades autónomas, establecéndose por iso un importe unitario definitivo de 12,096266 €/animal. Para o sub-réxime de axuda para as explotacións de ovino en rexión España insular hai un límite orzamentario asignado para a campaña 2022 de 3.347.633,47 €, a repartir entre 146.419 animais con dereito a pago, segundo os datos comunicados por Comunidade Autónoma de I. Baleares, establecéndose por iso un importe unitario definitivo de 22,863381 euros/animal. Estes importes unitarios definitivos para cada sub-réxime, débense aplicar tanto aos pagos pendentes como aos pagos complementarios aos xa realizados cos importes unitarios provisionais. Por tanto, con este importe unitario definitivo, comunícase que xa é posible proceder ao pago do 100% do importe total a abonar polo citado réxime de axuda. A continuación, inclúense os datos comunicados polas diferentes comunidades autónomas, e que serviron de base para a realización do cálculo dos distintos importes unitarios. A partir deste momento, as comunidades autónomas poderán realizar o cálculo dos importes que corresponden a cada gandeiro e ordenar o pago destas axudas.

Axuda a explotacións de caprino

Para o sub-réxime de axuda para as explotacións de caprino en rexión Peninsular hai un límite orzamentario asignado para a campaña 2022 de 5.275.631,08 €, a repartir entre 780.399 animais con dereito a pago, segundo os datos comunicados polas comunidades autónomas, establecéndose por iso un importe unitario definitivo de 6,760171 €/animal. Para o sub-réxime de axuda para as explotacións de caprino na rexión España Insular e Zonas de Montaña, hai un límite orzamentario asignado para a campaña 2022 de 4.987.904,54 €, a repartir entre 586.960 animais con dereito a pago, segundo os datos comunicados polas comunidades autónomas, establecéndose por iso un importe unitario definitivo de 8,497861 €/animal. Estes importes unitarios definitivos para cada sub-réxime, débense aplicar tanto aos pagos pendentes como aos pagos complementarios aos xa realizados cos importes unitarios provisionais. Por tanto, con este importe unitario definitivo, xa é posible proceder ao pago do 100% do importe total a abonar polo citado réxime de axuda. A continuación, inclúense os datos comunicados polas diferentes comunidades autónomas, e que serviron de base para a realización do cálculo dos distintos importes unitarios. A partir deste momento, as comunidades autónomas poderán realizar o cálculo dos importes que corresponden a cada gandeiro e ordenar o pago destas axudas.

Axuda asociada para as explotacións que mantiveron dereitos especiais en 2014 e non dispoñen de hectáreas admisibles para a activación de dereitos de pago básico

O obxectivo desta axuda é a concesión dunha axuda aos titulares de explotacións de gando ovino e/ou caprino que mantivesen dereitos especiais en 2014, e non dispoñan de hectáreas admisibles sobre as que activar dereitos de pago básico. Non poderán optar a esta axuda os titulares de dereitos especiais, que en 2014 tamén fosen titulares de dereitos normais e que declarasen na devandita campaña unha superficie igual ou maior a 0,2 hectáreas, agás que o feito de non dispor de hectáreas admisibles sobre as que activar dereitos de pago básico débase á ausencia de hectáreas admisibles determinadas na declaración da solicitude de axudas do ano 2013. Para a presente campaña 2022, dispón dun límite orzamentario asignado de 29.563.000 €, tal e como queda establecido no Anexo II do Real Decreto 1075/2014, que se repartirá entre 810.791 animais con dereito a pago, segundo os datos comunicados polas comunidades autónomas, establecéndose por iso un importe unitario de 36,461924 €/animal. Este importe unitario definitivo, deberase aplicar, tanto aos pagos pendentes como aos pagos complementarios aos xa realizados co importe unitario provisional. Por tanto, con este importe unitario definitivo, xa é posible proceder ao pago do 100% do importe total a abonar polo citado réxime de axuda. A continuación, inclúense os datos comunicados polas diferentes comunidades autónomas, e que serviron de base para a realización do cálculo do importe. A partir deste momento, as comunidades autónomas poderán realizar o cálculo dos importes que corresponden a cada gandeiro e ordenar o pago destas axudas.

Véndese rabaño de 150 cabras preñadas

Véndese no concello lucense de Guntín un rabaño de 150 cabras preñadas, case todas de raza autóctona galega. As cabras están en ecolóxico e empezarán a parir a partir de marzo. A venda é por conxunto, sen lotes. Para máis información chamar ao 620 547 143 (Gemma)

Como o monte veciñal de Meira repensou a súa gandería de cabras para facela viable

A comunidade de montes de Meira (Moaña) replanteouse o seu proxecto de pastoreo con cabras tras ver que os custos de mantemento eran difíciles de asumir. A iniciativa arrancara hai 5 anos co pastoreo diario dunhas 120 cabras. Co paso do tempo, a comunidade chegou a ter 170 cabezas aproximadamente. Para o seu manexo, chegaron a contratar a tres persoas, pois nos inicios, as cabras pastoreábanse a diario por diferentes partes dentro das máis de 400 hectáreas que abarca este monte veciñal. Os animais rotábanse polas diferentes zonas do territorio para ir limpando os matos que se dan. A penas existían peches, polo que, todas as noites as cabras tiñan que volver a unha nave construída pola comunidade. Tal e como especifica Javier Fernández, presidente da Comunidade de montes de Meira, “as cabras teñen moita utilidade pero cun peche nada máis como tiñamos antes, requirían moitos recursos de tempo e man de obra”. A inversión desde un principio foi cuantiosa, e segundo especifica Jesús Collazo, membro da directiva da Comunidade , “á nosa inversión sumóuselle a man de obra do traballo diario de tres persoas, ademais dos gastos de mantemento dos animais porque cómpre ter en conta que non é un monte que lle dea unha alimentación completa ao gando”. Por este motivo, víronse na obriga de cambiar o formato desta iniciativa para buscar a continuidade do proxecto con menores gastos.
"Arrancamos cunha inversión para a nave duns 150.000 euros e con gastos de man de obra de tres persoas, e non era viable" (Jesús Collazo)
“Tivemos que dar un pequeno paso marcha atrás porque tiñamos tres traballadores e moitos gastos, e isto ten que estar acompañado dalgún rendemento económico”, explica Collazo. Tras vender unha parte da explotación, aproximadamente unhas 100 cabezas, a un particular ourensán, “a idea é continuar co proxecto introducindo máis peches, esa démonos conta que era a clave”, detalla o presidente. Nestes momentos contan cunhas 50 cabras divididas en dous peches, un de 15 hectáreas, outro de 12 ha, aos que incorporarán un máis de 6 hectáreas. Jesús Collazo e Javier Fernández coinciden en que “o proxecto segue sendo unha boa idea pola labor que fan as cabras no monte e pola súa utilidade nun terreo tan extenso”, pero “teñen que reducir gasto para ‘case empatar’ os custos a cero”. Así mesmo, entre os seus obxectivos futuros están o aumento de cabezas baixo a premisa de “darlles un coidado especial, dándolle prioridade aos coidados veterinarios e a súa saúde para tratalas como se foran persoas”, avanzan. Instalacións e axudas “Os inicios foron totalmente sobre a nosa responsabilidade, non recibimos axuda de ninguén”, confirma Javier Fernández. Naquel ano, a Xunta concedía axudas á compra de cabezas de gando, pero “xusto cando arrancamos nós, quitaron este tipo de subvencións”, detalla Collazo. Daquela, unha axuda que tiveran por parte de Medio Rural fora para colaborar nun dos peches que tiñan pensado. Agora, “a Consellería vai colaborar facendo un novo peche, e vainos facer un refuxio de ‘tres paredes’ cuberto para que os animais non teñan que ir todos os días a unha nave, e que en caso de temporal, teñan un lugar onde resgardarse”, adiante Fernández. Da mesma maneira, aclara que “este ano van saír unhas axudas para o mantemento de razas autóctonas, neste caso de cabra galega, as cales intentaremos solicitar”. “Este proxecto hai que readaptalo a outra forma de funcionar para continuar tendo un bo complemento nos nosos montes”, conclúe Javier Fernández. Cabras pastoreando nas beiras dunha pista forestal da comunidade de montes.
"Estaremos atentos a unhas novas axudas que van saír o próximo ano para o mantemento de razas autóctonas" (Javier Fernández)
"Este proxecto hai que readaptalo a outra forma de funcionar para continuar tendo un bo complemento aos nosos montes", conclúe Javier Fernández. https://www.campogalego.gal/cabras-bombeiras-no-monte-vecinal-de-meira/

“Os cordeiros e cabritos galegos están todo o tempo mamando da nai e iso marca a diferenza de calidade”

Luis Miguel Rivera Otero, é gandeiro de ovino en Cospeito (Lugo), e acaba de ser escollido como novo presidente da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), que agrupa a 143 gandeiros socios e outros case 40 socios colaboradores. Con Rivera coñecemos algúns dos proxectos que están a impulsar a curto prazo, así como as preocupacións e retos que afronta o sector, entre os que se inclúe a convivencia co lobo ou a xestión da la das ovellas. - Cal é a situación na que se atopa na actualidade o sector ovino e cabrún en Galicia? - Nas ganderías de ovino e cabrún a rendibilidade está a ser mínima, máis agora coas subas tan importantes que está habendo de insumos como os pensos ou o gasóleo. Do mesmo xeito que acontece co vacún de carne, as granxas están a ter moitas dificultades para seguir producindo mentres non se lle compense cos prezos que se paga a carne. - Que liñas de traballo queredes priorizar dende Ovica a curto prazo? - Un dos temas que máis nos preocupa é a comercialización. Por un lado estamos traballando coa nosa marca Pastores de Galicia e tamén estamos pendentes de impulsar proxectos de man da Consellería de Medio Rural como o matadoiro móbil ou a Estratexia da carne, coa que tentar mellorar os prezos que industria e distribución pagan. Tamén queremos impulsar un plan de formación e encontros cos socios, para fomentar o intercambio de experiencias entre os asociados e visitas a ganderías que poidan axudar a mellorar e seguir a profesionalizar o sector. Ademais, aínda que o Covid-19 paralizou un pouco o tema, queremos abrir as nosas granxas a visitas de escolares coas que amosarlle ás novas xeracións as oportunidades destas ganderías e estes sabores. Buscamos un achegamento ó mundo urbano e novas oportunidades ofrecendo a carne galega para comedores escolares. - Segue sen valorarse como debera o cordeiro ou o cabrito galego? - O cordeiro galego segue sen ser valorado e a carne que se vende nos supermercados non se reflexa que sexa galega. Escúsanse dicindo que se indican que é cabrito ou cordeiro galego non se vende igual de ben que se ten outra orixe. Aínda que xa hai xente que comeza a apreciar a calidade da carne de cordeiro ou cabrito galego, segue moi estendida a crenza de que o cordeiro de Galicia non é tan bo como o de outros puntos de España. Tanto os tratantes como comerciantes aseguran que a industria e a distribución seguen sen marcar un prezo acorde ó valor da calidade que ten a carne galega. - A marca Pastores de Galicia, impulsada por vós, é unha vía para poder abrir mercado para a carne galega? -Coa marca buscamos precisamente iso, poñer en valor a carne que producimos en Galicia. Estamos a producir unha carne de calidade. As nosas ovellas e cabras pacen en pradeiras verdes e as crías maman das nais, a diferenza de moitos dos cordeiros doutras zonas onde os crían a base de amamantadeira, e adoitan destetalos ó mes, para logo pasalos ós cebadeiros. Os cordeiros e cabritos galegos están todo o tempo mamando da nai, aínda que na última fase se complemente a alimentación con aportes de cereal e penso; e iso marca unha diferencia, tanto no benestar do animal que permanece todo o tempo coa nai, como na carne que se obtén. - Que presenza ten esta marca actualmente en Galicia? - Antes da pandemia estabamos empezando a traballar no relanzamento da marca para conseguir un posicionamento da carne galega no mercado, pero coas restricións viuse todo paralizado. Dende a pandemia non comercializamos ningunha carne con este selo. Ademais na asociación tamén pasamos de ter varios técnicos a só ter unha técnica, que está a traballar moi intensamente, pero esta redución de persoal tamén dificultou sacar adiante todo o que queriamos. Agora estamos volvendo a retomar os traballos para impulsar a marca, xa que é moi importante para nós, é unha demanda dos socios. - O Nadal é un dos momentos de auxe das vendas da carne de cordeiro e cabrito, como está a ser a campaña? - En Galicia os produtores seguen a centrarse máis nas vendas do verán que nas do Nadal. Agora mesmo hai moita demanda desta carne, o que fai que tamén melloren minimamente os prezos, con todo o prezo aínda segue por baixo do que se precisa. - Falta produción galega para abastecer a demanda do Nadal? - Hai moitos socios que prefiren ter os partos noutras épocas do ano, xa que agora contra o inverno é máis difícil ter pasto, polo que as parideiras que se fan para esta época supoñen un maior custo de alimentación. Dende Ovica cremos que sería importante que máis socios programasen os partos para ter maior produción nesta época e poder atender a demanda. Non todos os produtores o poderían facer polas propias características e xestión das súas ganderías, pero hai moitos gandeiros de semiextensivo ós que non lles resultaría difícil e para os que sería interesante e rendible. Tampouco podemos darlle as costas ó mercado e se nesta época hai demanda, temos que axustar a nosa produción para poder satisfacelas peticións dos consumidores. - Estades abordando xa este cambio de manexo das parideiras cos gandeiros? - Estamos traballando xa coa ADS para proporcionarlle asesoramento ós socios sobre a programación dos partos, para que vexan que é posible e se lle pode sacar rendibilidade. É un paso máis cara a profesionalización do sector, xa que a programación dos partos tamén axuda a que os gandeiros non só teñan máis oportunidades para a súa produción, senón que pode mellorar a súa calidade de vida. Ademais de para as parideiras, tamén queremos traballar estreitamente coa ADS noutras cuestións para seguir mellorando o sector. - No sector galego é habitual a variabilidade das canais fronte a outros territorios, ten sido un lastre para a comercialización? - Dende logo. Téñensenos pechado portas por non ter canais uniformes. Isto en gran medida débese a non ter nas ganderías unha raza que propicie ter crías boas e iguais. - Valorades impulsar medidas para fomentar a homoxeneización entre os produtores socios? - É un dos temas nos que queremos traballar de man da ADS. Queremos prestarlle asesoramento ós gandeiros en cuestións como a elección dos sementais das súas ganderías con mellores aptitudes cárnicas, para que se logren cordeiros uniformes, xa que é fundamental para a rendibilidade económica da gandería. Se consegues sacar tódolos cordeiros ou cabritos no prazo previsto, sen que ningún deles teña que quedar máis tempo porque non alcanzou o peso preciso afórranse gastos extras. A rendibilidade nas granxas é mínima, polo que é preciso ter en conta estes detalles.
"A dispersión dos nosos socios pódese converter nunha oportunidade para ofrecer produto de proximidade ós nosos compradores"
- Outro dos desafíos para o sector galego é a dispersión das granxas, como valoras esta cuestión? Que dificultades vos supón? - É certo que é un sector moi disperso. En Ovica temos ganderías nas catro provincias, aínda que a maioría dos nosos socios están en Ourense e Lugo. Con todo, hai moita distancia entre os socios, o que dificulta cuestións como as visitas ás granxas. Pero máis alá desas dificultades, a dispersión dos nosos socios tamén se pode converter nunha oportunidade, xa que ó ter ganderías en tódalas provincias podemos ofrecer produto de proximidade ós nosos compradores. Para Ovica tamén é satisfactorio ter socios en toda Galicia, oxalá houbera máis! - O matadoiro móbil impulsado pola Consellería de Medio Rural pode ser unha solución fronte esta dispersión? - Temos moitos socios ós que lle quedan lonxe os matadoiros, algúns a máis de 100 quilómetros, por iso vemos que esta pode ser unha alternativa para estas ganderías. Aínda que o matadoiro non vaia directamente á granxa, se os teñen que achegar a un punto que lles quede preto xa pode resultar unha gran mellora. Redúcense os gastos de transporte e increméntase a rendibilidade para a gandería. Ademais, esta solución tamén mellora o benestar dos animais, xa que os cordeiros e cabritos pasan menos tempo no transporte. Polo momento non está operativo e estamos á espera dunha reunión con Medio Rural para seguir tratando o tema e conseguir que vaia para adiante.
"Os gandeiros temos os mastíns porque hai lobo e para defender o rabaño dos seus ataques, se non houbese lobo non teríamos tantos"
-Con referencia á xestión do lobo, como valoras a situación actual? -Estamos a ter bastantes ataques do lobo nas ganderías. Hai que ter en conta que as ovellas e cabras son as máis vulnerables e cando estes animais entran sempre causan grandes estragos, non só polos animais que mata ou deixa feridos, senón polo estrés que provoca en todo o rabaño, co que se hai animais preñados é moi habitual que terminen abortando. -Que medidas contribuirían a mellorar a situación actual? -Xa tivemos unha reunión coa Consellería de Medio Rural para transmitirlle a necesidade de facer melloras nas axudas que teñen activas. No caso da liña destinada á prevención dos ataques precísase máis tempo á hora de xustificar as obras de peches fixos, xa que moitas axudas estanse a perder por non poder aportar a documentación en prazo, ó estar moitas veces pendentes de licenzas. Tamén vemos preciso que se incrementen as axudas para ter mastíns nas ganderías para previr os ataques. Máis que as axudas para a adquisición dos animais cremos que é máis importante proporcionar unha axuda para mantelos, xa que é aí o que realmente supón un desembolso. Hai que ter presente que os gandeiros temos os mastíns porque hai lobo e para defender o rabaño dos seus ataques, se non houbese lobo non teríamos tantos. Entre vacinas, desparasitación e alimentación supoñen importantes gastos para as ganderías. En rabaños de 300 ovellas tes que ter catro ou cinco mastíns, co que pode estar gastándose uns 5.000 euros, o que supón un gasto importante na gandería.
"Estamos procurando revalorizar a la da ovella con artesáns galegos que a poidan empregala nas súas confeccións de xeito que tamén poida ser un recurso para os gandeiros"
- Outro dos retos para o sector parece estar na xestión da la das ovellas ante a falta de mercado para ela. Que saídas ten agora a la da rapa? -O ano pasado xa tivemos dificultades para sacala adiante. Aquí xa non hai quen recolla a la, viña xente doutras zonas de Galicia por ela. Levábana case sen pagar nada por ela. Este ano, despois de tentalo con moitos xestores xa non houbo quen viñera recollela e moitos témola gardada aínda na granxa. Agora temos o problema de que para a PAC precisamos un certificado de ter entregada esta la a un xestor. Se non hai outra alternativa imos ter que pagar por desfacernos da la cando se podería empregar noutros usos no canto de tratala como un residuo. Por iso estamos procurando revalorizar a la da ovella con artesáns galegos que poidan empregala nas súas confeccións de xeito que tamén poida ser un recurso para os gandeiros e non un residuo do que desfacerse. -A curto prazo tedes xa actividades previstas cos socios? -A intención é fomentar as xuntanzas cos socios aínda que polo momento, polas restricións do Covid-19, tampouco puidemos xuntarnos moito. Tamén queremos ofrecer xornadas formativas para seguir a profesionalizar o sector. Con esta formación buscamos fomentar o relevo xeracional nas granxas, formando a persoas mozas que poidan poñerse ó fronte de granxas que vaian pechar por xubilación, así como asesorar ós mozos que queiran crear a súa propia gandería. Ademais, queremos seguir sumando socios en Ovica, xa que hai moitos gandeiros de ovino e caprino en Galicia que aínda non están no colectivo e cremos que sumando forza entre todos é máis viable buscar oportunidades para o sector. Tamén estamos colaborando en rede con outras asociacións e colectivos do resto de España para afrontar problemáticas que temos en común e tratar entre todos de fortalecer o sector.

Cuso na Pobra do Caramiñal sobre iniciación e mellora da gandaría de ovino e caprino

>A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto organizar un curso sobre iniciación e mellora da gandaría de ovino-cabrún no concello coruñés da Pobra do Caramiñal. Desenvolverase dende o vindeiro luns 11 ata o sábado 16 de outubro no auditorio do museo Valle-Inclán en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Esta iniciativa está dirixida a calquera persoa vinculada profesionalmente ou con expectativa de incorporación aos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como aos mozos e mozas do rural galego interesados neste eido.

Ao longo das 25 horas, o curso afondará en diversos temas como a situación actual do sector, a alimentación destes rumiantes e os seus requirimentos, así como o manexo e implantación de pradeiras ou as axudas básicas ás que poden acceder os gandeiros. Ademais, a acción formativa tamén contará cunha visita a unha gandaría da zona para a posta en práctica dos coñecementos adquiridos previamente.

Deste xeito, o obxectivo principal do curso é incrementar o nivel de profesionalización do sector ovino-cabrún galego. Para iso, os docentes analizarán as carencias dos titulares e potenciais titulares deste tipo de explotacións gandeiras que asistan á formación, elaborando un plan de mellora individual para cada alumno.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78999" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Os interesados en participar nesta acción formativa deberán cubrir o correspondente formulario de solicitude que poden atopar no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas e remitilo por correo electrónico ao enderezo: transferenciatecnoloxica.cmr@xunta.gal. Para máis información, poden chamar ao teléfono 981 546 689.

Gandaría ovina e caprina, un sector en retroceso en Galicia, pero con grande potencial

O sector caprino e ovino en Galicia está a sofrer unha forte desestruturación. Nos últimos 20 anos, aínda que o mercado e o volume do cabrún mantívose bastante estable, o sector ovino non parou de descender. No ano 1999, segundo os rexistros da Xunta, en Galicia había máis de 350.000 cabezas censadas. A día de hoxe, a cantidade viuse reducida a menos da metade. Agora, o censo está por debaixo das 150.000 cabezas. No sector cabrún, houbo un descenso censual do 17% entre o ano 2019 e o 2020. Para contrarrestar esta situación e divulgar as potencialidades das ganderías de ovino e cabrún, Joan Alibés, fundador de Beealia e presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, hai anos que está a desenvolver cursos formativos por toda Galicia. "Para entender a desestruturación do sector hai que poñer atención a dous factores fundamentais. Por unha banda, está o envellecemento da poboación, que aínda que no resto do Estado tamén acontece, en Galicia é máis acusado. Non temos relevo xeracional e a maiorías das explotacións son pequenas e de autoconsumo", explica Alibés. Fonte: Xunta de Galicia "Por outro lado, temos o desleixo absoluto por parte das institucións. A falta total de axudas á promoción do sector. O exemplo perfecto son as axudas para paliar os danos económicos por causa da COVID. Para acceder a elas precisas moito volume de animais. É delirante para a situación real que vivimos en Galicia. Ese tipo de explotacións non representa nin o 1% do sector", argumenta o produtor de Beealia. "As axudas son demasiado poucas", remata. Alibés tamén ironiza coa influencia do Brexit sobre o mercado europeo: "Nós case preferiamos un Brexit duro para ver se, daquela, podiamos fomentar a nosa gandaría e deixar a un lado a Gales como máximo exportador para a Unión Europea". A realidade galega neste sector é, cando menos, paradóxica. Galicia é a primeira comunidade autónoma do Estado en número de granxas cunha enorme diferenza co resto. Porén, o censo cabrún e ovino non representa nin o 2% do conxunto español. Segundo os datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a media de animais por explotación galega é de 10.   Para comprender ben o funcionamento do negocio ovino e caprino en Galicia, cómpre atender ao xeito de estruturárense que teñen as granxas galegas e os seus volumes individuais. Segundo os mesmos informes que desenvolve o goberno galego, a inmensa maioría dos profesionais que están presentes no sector, contan con rabaños de menos de cen cabezas de ovellas e cabras. Aproximadamente o 98% das granxas están nesa situación. No 2% sobrante atoparíanse o grupo das gandarías con máis de 100 cabezas e unha pequena minoría con máis de 250. O desglose estrutural do sector en canto a volume de animais quedaría así:
  • 19.500 gandarías con menos de 100 ovellas e cabras
  • 252 gandarías con máis de 100  ovellas e cabras
  • 57 gandarías con máis de 250 ovellas e cabras
  Sistemas de produción en Galicia Os sistemas de produción de gandaría ovina e caprina son, principalmente dous: o semiextensivo e o extensivo. No caso do semiextensivo o xeito de actuar é cun pastoreo rotativo coa presenza constante de pastor ou pastora. Esas rotacións de zona de pasto varían, fundamentalmente, dependendo do lugar e máis da época do ano. A particularidade deste xeito de manexo é que durante o día os animais están no exterior e durante a noite dentro das cuadras. En exteriores aliméntanse a través de pasto libre e pola noite os granxeiros facilítanlles o alimento dentro das instalacións. Ademais, tanto os partos como o cebo acontecen nas cuadras. "O traballo neste tipo de explotacións é incesante. A cuadra é o centro de operacións, a instalación principal de traballo", explica Alibés. Nestas granxas, os xeitos de comercialización principais son a venda directa con sacrificio na propia gandaría e a relación con pequenos tratantes.  Nos sistemas de produción extensivos que existen en Galicia o pastoreo é bastante libre e sen apenas presencia de pastores. A rotación de pastos adoita facerse con pastores eléctricos e peches perimetrais cos que conducir aos rabaños. Xa que logo, os animais están tanto de día coma de noite no exterior e soamente facilítanlle a alimentación cando o pasto escasea. Por suposto, os partos e máis as crías sucédense nas pradeiras e o xeito de comercialización é similar ao outro sistema de produción. A profesionalización das canles de comercialización En Galicia hai, a día de hoxe, catro vías fundamentais para a comercialización de produtos do sector cabrún e ovino. A venda local a particulares, moi presente no caso dos cabritos pola ausencia de grandes canles; a venda a pequenos tratantes; a venda a grandes compradores, que exixen volumes mínimos de animais; e a recentemente desenvolvida venda por internet ao consumidor final. "Unha das consecuencias deste abandono institucional é a progresiva desaparición do mercado. Os cordeiros si que van atopando saída polas catros vías de comercialización, pero os cabritos a penas teñen compradores, quizais algún esporádico, pero nada máis. Sen dúbida os gobernos poderían fomentar o seu consumo con divulgación e sensibilización", explica Joan Alibés. "No caso do cabrún nin sequera hai tratantes nin canles serias de distribución. Non hai cabrito nos lineais. Segundo as enquisas do Ministerio de Agricultura ese baixo consumo ben propiciado, principalmente, pola dificultade de acceso dos consumidores. Se conseguimos colocar o produto nos supermercados, o consumo aumentaría dun xeito exponencial", engade.
Se as políticas dos últimos 20 anos favoreceron esta caída sen precedentes, nos próximos 20 estaremos nunha situación aínda peor
Para o fundador de Beealia, o futuro do sector a curto e longo prazo é desolador: "Se as políticas dos últimos 20 anos favoreceron esta caída sen precedentes, nos próximos 20 estaremos nunha situación aínda peor. Eu non vexo que as políticas cambien, así que non hai ningún factor que nos leve a pensar nunha posible recuperación".  Malia a situación de precaridade na que viven este tipo de granxas, Alibés non dubida do enorme potencial galego: "Eu empecei de cero e foi moi sinxelo. O orzamento necesario para arrincar este tipo de proxectos é moitísimo menor ao que se necesitaría, por exemplo, para montar unha explotación de vacún de leite. É menos arriscado e necesitas menos cartos. Ademais, temos moita dispoñibilidade de terras e o tipo de gandaría é moi adaptable ao ecosistema. Na miña zona, os veciños están encantados de que lles limpen as fincas", explica. O certo é que o pastoreo de cabras e ovellas xa se demostrou útil e barato para manter as zonas rurais de Galicia limpas: "A transformación do mato que produce o pastoreo cabrún é extremadamente eficiente. Non só é unha alternativa para repoboar o rural, tamén é un xeito de reducir os incendios forestais. Que pasaría se deses 150 millóns que adica a Xunta á extinción e prevención de incendios deixase unha parte para unha sega natural con gando?", propón o tamén presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

O mercado cabrún e ovino na Galicia de hoxe

Un dos datos máis relevantes que difunde Joan Alibés nas súas formacións é o do consumo de carne ovina e caprina en Galicia. Traballando sobre os datos da Xunta e máis do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, extraeu reflexións moi clarificadoras. O consumo anual deste tipo de carnes en Galicia é de 3.475.576 kg, mentres que a produción galega só chega aos 729.600 kg. Isto quere dicir que o autoabastecemento só acada 21% do consumo total, algo que tamén se reflicte nas case inexistentes cifras de exportacións. "Teño constancia de que hai moitos gandeiros con ganas de ampliar os seus rabaños e de profseionalizarse. Nos meus cursos vexo interese na xente, pero síntense abandonados. Necesitamos pulo das institucións rexionais, estatais e europeas, se non, o futuro preséntase moi escuro para os que nos adicamos a este tipo de explotacións", remata Joan Alibés.

“A medida que as cabras desapareceron do monte, apareceron os lumes”

Visita dos participantes na xornada á granxa Teixeiro e Pistón SC en Becerreá A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes centrou a súa última xuntanza no gando cabrún, reunindo a pasada fin de semana en Vilela (Navia de Suarna) experiencias de gandeiros da zona, uns mozos e outros xa xubilados, un intercambio necesario para lograr recuperar a presenza de cabras nos montes dos Ancares.   O cabrún foi un sector que historicamente tivo moita importancia nesta zona da montaña de Lugo como xeito tradicional de limpar o monte e manter a raia os incendios, pero a decadencia do censo deste gando nas últimas décadas, tanto nas aldeas dos Ancares coma noutras zonas de Galicia, foi máis que notable. E a medida que as cabras ían desaparecendo dos montes das parroquias ían aparecendo os lumes, como o que en 1998 queimou Vilela ou no 2017 calcinou 4.000 hectáreas de Donís, Cereixedo e Noceda, no veciño concello de Cervantes.  
A medida que as cabras desapareceron do monte, apareceron os lumes
Os pequenos rumiantes (cabras e ovellas) foron esenciais no control do mato até os anos 70, cando comeza a esmorecer o sistema tradicional de pastoreo no monte. Até entón, cada familia dispoñía dun pequeno rabaño de medio cento de animais que se pastoreaban con sistemas de veceira (turnos entre os veciños para levar o gando ao monte). Pero a medida que a poboación nas casas minguaba e as familias se ían desfacendo das cabras e as ovellas para non ter que atendelas, máis a miúdo lles tocaba ao resto de veciños, os que aínda as mantiñan, ir co gando ao monte, o que acelerou unha desaparición en cadea na maioría de parroquias. 
O gando pastoreábase tradicionalmente mediante sistemas de 'veceira' pero a medida que menos familias tiñan cabras, máis a miúdo lles tocaba aos que as mantiñan ir cos animais ao monte
Reverter esa situación non semella doado, máis aínda cando o despoboamento foi avanzando á par que o facía o mato en moitas desas aldeas onde antes había cabras e ovellas, pero existen mozos nos Ancares que están a ver unha oportunidade no sector, seguindo os pasos doutros gandeiros máis veteranos e que mantiveron a tradición até a actualidade. Coñecemos as súas historias. 

"O meu pobo non vale para vacas porque é moi pendente, pero para cabras si"

José Claudino Alba Regueiro foi até hai tres anos o maior cabreiro dos Ancares. Chegou a ter un rabaño de 400 reprodutoras en Teixeira, na parroquia de Vilapún, pertencente ao concello de Cervantes.  É un lugar cunha forte pendente e de chan pobre, pouco apto para o gando vacún, pero onde as cabras se adaptaron á perfección. "É un tipo de gando que se adapta ben ao tipo de terreo que hai nesta zona, porque aquí en moitas zonas dos Ancares non podes meter 150 vacas e sen embargo de cabras si que che permite ter un rabaño importante. Iso era un pouco o que me pasaba a min. Eu con 6 ou 7 vacas andaba reventado de traballo porque o sitio non vale para mecanizar e non podía aumentar tampouco ao número de cabezas porque a maioría da superficie da que podía dispoñer eu era monte e non valía para as vacas, pero para ter cabras si", conta. "Hai que adaptar o gando ao lugar, non o lugar ao gando", opina. 
Hai que adaptar o gando ao lugar, non o lugar ao gando
Aínda que en Teixeira nunca houbera cabras ou ovellas, ao contrario do que acontecía históricamente noutras moitas aldeas dos Ancares, José apostou polo gando cabrún de maneira profesional. "Non tiña experiencia ningunha con cabras e tiven que ir aprendendo sobre a marcha e moitas veces perdendo cartos", recoñece.
José Claudino producía en ecolóxico con cabra galega fundamentalmente
Esa experiencia é a que o leva a tentar axudar aos mozos que se incorporan “para que lles vaia ben”. Xubilouse hai 3 anos e está disposto a compartir o seu coñecemento con eles e mesmo as instalacións das que dispuña. "Sería unha explotación viable para quen a quixese coller, para min foino, pero eu non podo obrigar a ninguén", di.
O máximo de carga gandeira sen suplementar nesta zona sería de 2,5 cabras por hectárea
A de José Claudino é a única casa habitada a diario en Teixeira, onde hai 6 casas e 180 hectáreas de monte comunal. De mozo José Claudino marchara traballar a Bilbao pero co tempo decidiu voltar ao lugar onde nacera e vivir da terra. "Voltei porque pensei que me podía gañar mellor a vida aquí", di. Na casa tiña unha pequena explotación familiar, con 5 ou 6 vacas, e poucas posibilidades de crecemento. Por iso apostou polo gando cabrún. "En 1986 merquei 2 cabras e logo ao pouco xa introducín outras 40 e fun recriando delas", lembra. Transformación do mato en pradeira A súa idea era telas no monte, que nesta zona é moi pobre e moi pendente, imposible de mecanizar. Chegou a ter 400 cabras en 180 hectáreas de superficie, pero das 180 hectáreas só 4 puideron transformarse en prado de xeito mecanizado. Sen embargo, se hai alguén capaz de transformar as uces en pradeiras esas son as cabras.
José Claudino empregaba sistemas de silvopastoreo rotacional, pero cunha duración da rotación de 6 meses
Ao introducilas no monte de Teixeira deixaron as uces, que tiñan 80 cm de altura, totalmente defoliadas, como se pasara un lume. Logo de pasar un tempo retiráronse as cabras para que a vexetación se recuperara e volveran ter brotes verdes que comer. Mediante este sistema de silvopastoreo rotacional logrouse controlar o mato e baixar a altura da biomasa, formada por uces fundamentalmente, a entre 15 e 20 cm. Non houbo necesidade de facer ningún tipo de queima controlada. Un animal delicado A maiores das 4 hectáreas de monte transformadas inicialmente a pradeira, cercáronse outras 30 ha cunha malla de 2 metros de altura, un lugar seguro que lle permitía a José Claudino ter as cabras protexidas do lobo e das inclemencias meteorolóxicas no inverno nunha zona de arboredo.
A cabra é máis delicada ca ovella en días de mal tempo e tolera mal a chuvia
A cabra é un animal do deserto que tolera mal a auga, sobre todo de noite cando dormen. Polo día, mentres están comendo, non lles afecta tanto porque non perden tanta temperatura. Os cambios bruscos de temperatura do día á noite tamén lles provocan problemas de pneumonía. Unha corte para os cabritos As cabras de José Claudino estaban sempre no monte, pero a explotación contaba a maiores cunhas instalacións cubertas de 400 metros cadrados de superficie destinadas aos cabritos, que estaban sempre dentro. "Con 400 cabritos cada ano non podía pasar o traballo de metelos e botalos todos os días e se pasaran a noite fóra ao día seguinte a metade non volverían", asegura.
Nunha ocasión o lobo matoulle 41 cabras, uns danos que as compensacións da Xunta non cubriron
Este gandeiro de Cervantes ten mal recordo do lobo. Aínda lembra cando no outono do 2002 unha manda lle matou 41 cabras, unhas perdas valoradas nuns 9.000 euros que as compensacións da Xunta non cubriron na súa totalidade.   José Claudino vendía os cabritos entre os 2 e os 3 meses de vida, fundamentalmente a carnicerías da zona de Ponferrada e tamén a particulares. Tratábase dunha carne tenra e de moita calidade. "Os cabritos criados na corte teñen unha carne máis branda e máis branca que os criados fóra; esa carne é máis roxa e de textura máis dura porque os cabritos fan máis exercicio", explica.  "Só con uces non chega" Foto de familia dos asistentes á xuntanza da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes A ganadería ecolóxica de José Claudino compatibilizaba un sistema de manexo en extensivo puro para as cabras con outro estabulado para os cabritos. A alimentación das crías unha vez destetadas pasaba a ser herba seca e penso ecolóxico. “Eu recollía moi pouca herba seca, uns 100 rolos, e gastábaos fundamentalmente nos entre 350 e 400 cabritos que tiña cada ano", explica. As cabras, sen embargo, alimentábaas co que elas comían, sen suplementar. "Só lles daba algo de penso ou cereal moído antes de cubrilas", conta. A metade do menú diario consistía en monte bravo a base de brezo fundamentalmente e a outra metade pastizais ou prados. "Normalmente pola mañá tíñaas no monte e pola tarde movíaas ao pasto. Se era un día de moita chuvia podían estar no brezo todo o tempo e se nevaba había que baixalas a un sitio sen neve e telas alí", indica.
A cabra necesita comer ben, non serve darlle calquera cousa, faille falta o monte para a fibra e a pradeira para a proteína
Este sistema permitíalle reducir moito os custos de alimentación das nais, pero José Claudino advirte de que non chega só con levalas ao monte. "O cabrito se non mama leite non sae adiante e a cabra para que dea leite ten que comer ben, igual que unha vaca ou unha ovella, non serve que coman calquera cousa", compara. Por iso, di, "só con uces non se manteñen as cabras". As uces teñen un nivel de proteína moi baixo, polo que a combinación con toxos ou xestas funciona moi ben porque son arbustos con niveis de proteína moito máis altos. Pero no monte de Teixeira non abundaban. 
Os cabritos estaban sempre na corte, non saían coas nais, e unha vez destetados comían herba seca e penso ecolóxico
A cabra é un animal moi selectivo na súa dieta, pero pódense obrigar a comer o tipo de vexetación que ao gandeiro lle interese, para domesticar unha zona ou controlar o mato, manténdoa máis tempo nunha parcela concreta. Pero "se as tes unha semana castigadas nunha zona moi mala hai que levalas despois dúas semanas a unha zona boa para que recuperen", di. No 2018 José Claudino xubilouse e vendeu as cabras e ese labor de control do mato no monte que o seu gando facía xa non o fai ninguén. Nas 180 hectáreas que rodean ás 6 casas de Teixeira está a volver a medrar a vexetación e toda esa infraestrutura de peches e cercados está hoxe en desuso.

"O obxectivo é limpar o monte e evitar que volva arder a aldea igual que no ano 1998"

Suso Méndez durante a súa participación na xuntanza da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes  Os últimos lumes que afectaron ao corazón dos Ancares no 2017, queimando a mediados do mes de outubro 4.000 hectáreas en Cervantes, producíronse nas zonas onde máis ten desaparecido a actividade gandeira e o pastoreo como sistema de manexo. Cervantes, ao igual que outros concellos dos Ancares, como Navia de Suarna, teñen máis do 50% da súa superficie comunal. Distintas experiencias neste tipo de montes teñen demostrado a utilidade das cabras e as ovellas para o control do mato e a vexetación espontánea. 
Navia e Cervantes nos últimos 70 anos perderon o 83% da súa poboación
Cabras e ovellas compleméntanse ben, pero as cabras duplican a capacidade de comer uces das ovellas, así como outras leñosas, por iso a cabra debería ser o animal pioneiro para o tipo de vexetación que hai hoxe nos montes desta zona dos Ancares. Público participante nas xornadas organizadas a pasada fin de semana en Vilela Suso Méndez ten iso claro e por iso está a apostar polo gando cabrún no seu proxecto de reinicio da actividade de pastoreo no monte veciñal de Vilela, en Navia, unha aldea en recuperación de só tres casas até hai pouco deshabitadas e que está a revivir da man do cineasta Oliver Laxe, autor de películas como O que arde
Vilela é unha aldea en recuperación na que a finais do ano pasado se reiniciou a actividade de pastoreo no monte veciñal
Suso vivía en Becerreá pero hai 5 meses trasladouse a Vilela coa súa muller e a súa filla e están a amañar a casa da familia, a uns 100 metros da que Óliver Laxe está a converter en centro cultural. "Dedícome a comprar becerros para sacrificar pero quero deixar iso e adicarme por completo á gandeiría. O obxectivo é quedarnos aquí e vivir das posibilidades que nos ofrece o rural, non só co gando, senón coa axuda doutras cousas que podes facer aquí e que en Becerreá non podía facer. A casa é grande, estámola amañando e a idea é montar habitacións para que a xente que veña a facer actividades ao centro que está montando Óliver poida quedar a durmir", explica.
Paguei 600€ para que me desbrozaran cun tractor 2 ha ao redor da casa pero enseguida volvía estar igual, iso non era a solución
Vilela está rodeada por case 100 hectáreas de monte veciñal e a intención é que formen parte dunha aldea modelo promovida pola Xunta. En 1998 ardeu todo e o lume mesmo se achegou ás vivendas. "As casas salváronse pero incluso ardera un hórreo. Eu limpaba ao redor da casa todos os anos porque non quería que si viña outro lume me ardese, pero non daba limpado. Rozaba en xaneiro e en agosto pero enseguida volvía medrar o mato. Ata que un día quenteime, tirei coa desbrozadora e dixen aquí hai que buscarlle outra solución porque isto non é sostible", conta Suso.  Un dos peches electrificados con 4 fíos cos que pecharon 10 hectáreas de monte en Vilela para as cabras A finais do ano pasado comezaron coa introdución de cabras e mastíns e este ano incrementaron o número de animais. "Teño 26 cabras neste momento, pero vou facer a incorporación para o ano que vén, o que me vai obrigar a incrementar o rabaño", explica. 
As cabras teñen que estar aquí, teñen que volver formar parte dos Ancares e de toda Galicia
Suso estivo durante un ano formándose na gandería Teixeiro e Pistón SC en cuestións como o manexo do gando ou a confección dos peches, un aspecto importante no caso do gando cabrún. "Temos esas 10 ha cercadas con varillas de ferro e 4 fíos de pastor eléctrico. Levamos un ano con animais e de momento non tivemos problemas de ataques de lobo", explica.  "O obxectivo é limpar o monte e evitar que volva arder a aldea igual que no ano 1998. De momento xa fixemos unha franxa de seguridade de 10 ou 11 hectáreas arredor das casas pola parte de arriba do pobo, porque por abaixo está o río, polo que se vén o lume vai chegar pola parte de arriba", explica. 

Navia de Suarna acolle do 17 ao 19 de setembro unhas xornadas orientadas á creación de proxectos produtivos no rural

Presentación das xornadas na Deputación de Lugo o pasado mes de xullo, coa presenza de Joán Alibés, Montserrat Valcárcel, Mónica Freire e Oliver Laxe. Finalmente tiveron que ser pospostas por mor dun gromo de coronavirus Do 17 ao 19 de setembro, celebraranse en Vilela, en Navia de Suarna, as Xornadas de Silvopastoreo e Desenvolvemento Rural O que non arde, organizadas pola área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo. O encontro, que se retoma tras ser aprazado o pasado mes de xullo pola incidencia da Covid 19, incluirá relatorios e mesas redondas orientadas a prestar apoio e transferir coñecemento a persoas interesadas en desenvolver iniciativas produtivas no rural. Así, ao longo das tres xornadas, exporanse proxectos empresariais e profesionais asentados no rural; iniciativas comunitarias como o da Comunidade de Montes de Baroña (Porto do Son), que fai unha aposta clara polo aproveitamento multifuncional do monte, ou a do CDR O Viso de Lodoselo (Sarreaus), que incide no ámbito educativo e social, así como proxectos de desenvolvemento rural promovidos por Concellos como o da Veiga e Allariz.
As xornadas, organizadas coa colaboración da Asociación Ser e da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, celebraranse en Casa Quindós, unha antiga casa de labranza rehabilitada polo cineasta Oliver Laxe
Tamén serán obxecto de análise e debate as políticas públicas orientadas á incorporación ao campo e ao relevo xeneracional agrario ou a xestión dos fondos europeos de desenvolvemento rural, a partir das achegas de persoas expertas de distintos niveis da administración, da universidade e de entidades como a Fundación Juana de Vega. As xornadas, organizadas coa colaboración da Asociación Ser e da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, celebraranse en Casa Quindós, unha antiga casa de labranza rehabilitada polo cineasta Oliver Laxe en Vilela, en Navia de Suarna, co obxectivo de acoller actividades culturais e accións de desenvolvemento rural.
Nos Ancares e, en xeral, nas comarcas da montaña lucense están a xurdir nos últimos anos varias iniciativas que amosan e reivindican o gran potencial do rural, e que poden servir de modelo para o desenvolvemento de novos proxectos
A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade, Mónica Freire, sinalou “o interese das xornadas para as persoas que teñan interese en emprender proxectos no rural, que poderán contrastar as súas iniciativas con outras consolidadas e escoitar a opinión de persoas expertas e coñecedoras dos recursos públicos aos que poden optar”. A responsable provincial sinalou que “nos Ancares e, en xeral, nas comarcas da montaña lucense están a xurdir nos últimos anos varias iniciativas que amosan e reivindican o gran potencial do rural, e que poden servir de modelo para o desenvolvemento de novos proxectos”. Aforo limitado a 50 persoas con inscrición previa Nese senso, agradeceu á Asociación Ser e ao cineasta Oliver Laxe, que vén respaldando coa súa relevancia pública distintas iniciativas desenvolvidas desde a área de Medio Rural vinculadas á prevención de incendios e ao aproveitamento produtivo do rural, a posibilidade de desenvolver o encontro en Casa Quindós.
A inscrición previa é obrigatoria e as prazas asignaranse por rigorosa orde de chegada, xa que o aforo é limitado
Ademais dos relatorios e mesas redondas, o programa inclúe unha demostración de maquinaria para traballos de desbroce en altura, unha visita ao Castro do Teso da Ermida e un concerto de Davide Salvado e Fransy González. A inscrición pode tramitarse cubrindo o seguinte formulario dispoñible na páxina web da Deputación de Lugo. O aforo está limitado a 50 persoas, atendendo ás normas de prevención fronte á Covid-19.  Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes Paralelamente ás xornadas O que non arde, desenvolverase a VI Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, centrada no desenvolvemento do sector cabrún nos Ancares.
O censo de cabras está minguando fortemente, cun descenso de entre o 15% e o 20% no último ano
As persoas asistentes poderán obter información e asesoramento sobre a creación e o manexo de zonas de pasto con cabras ou as necesidades específicas destas gandeirías, entre outros aspectos vinculados á comercialización dos produtos e á convivencia coa fauna salvaxe. A reunión atenderá así a un sector que, segundo explican desde a SGPF, “está minguando fortemente, cun descenso do censo galego entre o 15% e o 20% no último ano, cando pola contra temos unha necesidade acuciante de gando no monte, tanto nos Ancares como noutras zonas de montaña”.

Programa completo:

 

Cursos sobre gandería de vacún de carne, ovino – cabrún e prevención de ataques do lobo

A entidade de formación e asesoramento Beealia organiza por toda Galicia desde o mes de agosto até decembro un programa de cursos dirixidos a gandeiros e destinados a implementar nas explotacións medidas preventivas que eviten os ataques do lobo ao gando, así como outra serie de accións formativas para mellorar a propia rendibilidade das explotacións, tanto de vacún de carne como de ovino e cabrún. O calendario dos cursos desenvolverase nas catro provincias e forma parte do plan de formación da Agacal deste ano, desenvolto en colaboración con oficinas agrarias comarcais e Grupos de Desenvolvemento Rural. Os interesados en participar poden inscribirse neste enlace.

Programa completo de cada curso

No curso de Convivencia e prevención de ataques de lobo á gandería, cunha duración de 15 horas repartidas en tres mañás, daranse a coñecer distintos métodos de prevención, como os peches ou o uso de mastíns para protexer o gando. Na parte práctica, visitaranse explotacións e faranse demostracións in situ para o establecemento de distintas pautas e propostas personalizadas. Podes consultar pinchando no seguinte enlace o programa completo do curso, que será impartido por Joan Alibés, Laureano Parada e Luís Llareza. Pola súa banda, o curso de Iniciación e mellora da gandería de vacún de carne ten unha duración de 25 horas repartidas en 5 mañás e pretende elaborar un plan individual e personalizado para cada alumno participante con distintos aspectos que aplicará na súa gandería. Está dirixido tanto a persoas que pretendan poñer en marcha un proxecto produtivo de carne de vacún como a titulares de explotacións que queiran mellorar o seu funcionamento e rendibilidade. Podes consultar pinchando no seguinte enlace o programa completo do curso. Por último, o curso de Iniciación e mellora da gandería de ovino e cabrún, que tamén ten unha duración de 25 horas repartidas en 5 mañás, detallará distintos aspectos sobre produción, razas, alimentación, sistemas de manexo, reprodución, organización e mellora de pradeiras, sanidade ou comercialización da carne, axudando tamén aos alumnos participantes a enfocar de maneira personalizada o seu proxecto de explotación. Podes consultar pinchando no seguinte enlace o programa completo do curso.

Entrepinares e Megaro Foods, interesadas en suministrarse de leite e carne de granxas de ovino e caprino

A Confederación de Empresarios de Lugo, que está a impulsar unha fundación ligada ó agro, a Fundación Agroalimentaria de Galicia, acolleu hoxe unha reunión sobre o sector do ovino e caprino da provincia. O encontro contou coa presenza de Sergio Vargas, do departamento de compras de Entrepinares, e de Carlos Cebrián (Megaro Foods). Ambos confirmaron o interese das dúas industrias en abastecerse de granxas ovinas da provincia. No caso de Entrepinares de leite, e no de Megaro Foods, que xestiona unha sala de despece en Castro de Rei, de animais de desvelle. Á reunión asistiron tamén a xerente de Ovica, Amaya Santamarta, e Miguel Viña, responsable da ADS ligada a Ovica, así como un consultor e dous catedráticos da Universidade de Zaragoza que se atopan na provincia de Lugo analizando as posibilidades do sector do ovino e caprino. O obxectivo da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) é impulsar un proxecto de granxas piloto que comecen a abastecer tanto a Entrepinares como a Megaro Foods. Poderían ser ben ganderías xa en funcionamento, ben novas explotacións. Para este proxecto, a Confederación de Empresarios de Lugo sinala que agarda o apoio da Administración autonómica, da provincial e dos municipios. De feito, onte mesmo mantivo xa un encontro coa Deputación de Lugo para trasladarlle o seu proxecto de incentivar as granxas de ovino e caprino na provincia. Outra industria láctea que xa ten manifestado o seu interese na compra de leite de ovino en Galicia é Oviganic Ibérica (Monforte de Lemos), que recentemente asinou un acordo coa Consellería do Medio Rural para impulsar esta produción na comunidade. Oviganic abastécese maioritariamente de leite de ovino procedente de Castilla, polo que incorporar produtores máis cercanos é de especial interese para a industria. Ao movemento de Oviganic súmase o de Entrepinares e o de Megaro Foods, unha industria esta última centrada na carne de vacún maior e no ovino e caprino para a exportación. Esta industria viña abastecendo a súa liña de ovino e caprino de ganderías doutras comunidades, polo que chegar a un acordo coas granxas galegas, a súa vez interesadas en darlle saída ós seus animais de desvelle, é tamén unha oportunidade para ela. O responsable de Megaro Foods, Carlos Cebrián, implicouse ademais de cheo coa Confederación de Empresarios de Lugo na posta en marcha da Fundación Agroalimentaria de Galicia, pois segundo sinala a propia CEL, á reunión de hoxe asistiu tanto en representación de Megaro Foods como da propia Fundación.