Archives

Xan das Bouzas, unha gandería mixta con vacún de leite e carne, ovino e caprino e cabalo de monte

As vacas de leite da explotación pacendo nas fincas que están máis cerca da casa En Curros, pertencente á parroquia de Santa María Maior (Mondoñedo), os terreos son costentos, o que limita o seu uso para os cultivos agrícolas e a mecanización. Pero son aptos para o pastoreo, que é a base do manexo e a alimentación que fan na gandería Xan das Bouzas. Esta explotación, que combina gando vacún de leite e de carne, cabalos do monte e gando ovino e caprino, está rexentada na actualidade por Alba Recalde e Moisés García, dous mozos que contan aínda coa axuda dos pais de Moisés, María José e Luciano. Traballan 200 hectáreas de terreo, o 65% en propiedade e o 35% en aluguer e a superficie de pastoreo está repartida por ata 5 concellos diferentes: Mondoñedo, Lourenzá, Riotorto, Abadín e Trabada.
Moitas fincas teñen unha pendente pronunciada e só nos valen para pacer co gando
A maior parte das fincas teñen unha pendente pronunciada, que condiciona o seu manexo. “Moitas fincas non nos valen para sega, porque non valen para andar cos tractores; o que facemos é pacelas co gando que temos: vacas, bestas, cabras e ovellas. Temos un pouco de todo”, aclara Alba. “O que come a besta non o come a vaca” Vacas e cabalos do monte nos pastos do alto da serra Unha das características desta explotación é precisamente esa, a súa diversidade de animais. Ademais de ser unha gandería mixta de vacún, con 30 vacas de leite (máis 12 xovencas de recría) e 160 vacas de carne (máis os xatos e 25 xovencas de recría) nun CEA e noutro, de modo monte, outras 90 vacas; teñen tamén a maiores 35 ovellas, 30 cabras e 300 bestas e cabalos.  Manexar tanto gando nunha superficie tan dispersa é bastante complexo e traballoso, recoñecen. “Estás pendente do gando todos os días a todas as horas. Somos 4 persoas traballando a tempo completo para a explotación”, conta Alba.
Somos 4 persoas traballando a tempo completo para a explotación
Para facilitar os movementos entre as diferentes parcelas, cando se trata de fincas distantes, dispoñen dun camión para o transporte do gando. “Intentamos non concentrar moitas cabezas na mesma finca para que non precisen tanto manexo, pero aínda así necesitan manexo igual”, asegura.   Gando no monte abertal Unha das pozas de auga que teñen no monte para que beba o gando. Cando no verán achican pola seca soben a auga para elas en cisternas para enchelas Parte do gando (arredor do 50% do censo) pasta no monte abertal. Son vacas e bestas adaptadas á climatoloxía destas zonas altas e tamén a este tipo de pasto e que manexan en conxunto.
No inverno as bestas e as vacas castigan moito o monte e fan que o pasto vaia mellorando
“As bestas abren o monte para as vacas. A vaca non come o que come a besta, comen herbas máis brandas. As bestas do monte só comen toxo e herbas duras; axudan a ter o monte limpo, porque ningún outro animal come o que elas comen, e deste xeito fan que ese pasto vaia mellorando”, explica. Unha parte do monte abertal é propio da gandería (unhas 100 hectáreas) e outra parte comunal, aínda que dos corenta e poucos comuneiros da parroquia só catro ou cinco casas teñen gando no monte. “Somos poucos os veciños que aproveitamos o monte, pero de cara a facer a PAC nós só podemos declarar 4 hectáreas”, aclara. Petición de queimas controladas Unha das zonas de monte que se foi pechando de vexetación, onde sería precisa unha queima para rexenerar o pasto A alimentación das vacas e cabalos do monte consiste no pastoreo da vexetación espontánea, tanto toxo como herbáceas, pero na medida en que o toxo envellece a súa dixestibilidade e aproveitamento diminúe e a proporción de herbáceas tamén. “Solicitamos no mes de decembro para facer queimas controladas nas zonas de monte con máis vexetación, que non son tractorables, aínda que non temos aínda ningunha resposta. Se noutros lugares se fan, non vemos o motivo polo que aquí non se poderían facer tamén. Nós tentamos facer desbroces onde se pode, pero hai sitios onde co tractor non entras e corres moito risco. Hai zonas nas que se non nos dan as queimas como alternativa é imposible entrar alí e acábanse volvendo improdutivas, porque hai toxos que agora xa non os comen as bestas”, relata.
Tentamos facer desbroces, pero hai sitios onde co tractor non entras e corres moito risco
“Por culpa da broza perdemos zonas produtivas e co tamaño de explotación e número de cabezas que temos necesitamos superficie que produza. Ademais, deste xeito hai máis risco de lumes", di Alba, que defende a utilidade das queimas controladas para a rexeneración do monte para lograr un control efectivo do mato en combinación co gando. Ataques do lobo O último ataque do lobo causou baixas no rabaño de ovellas O principal depredador do gando do monte é o lobo. “O 45% das baixas que temos hoxe son por causa do lobo. Nos últimos tempos nesta zona aumentou moito a presenza do lobo e os seus ataques. Se non fora polo lobo unha egua pode vivir entre 18 e 20 anos”, conta Alba. A maiores das baixas directas, os ataques tamén provocan abortos e outros problemas reprodutivos. “A besta que perde a súa cría ten máis dificultades para empreñar polo estrés que lle provoca o enfrontarse ao lobo para intentar defendela. Unha besta que pare hoxe aos 9 días pode volver empreñar se está co garañón pero se durante esa xestación hai un ataque do lobo á grea o máis probable é que aborte ”, di.
Se non se toman medidas co lobo as bestas, e o gando do monte en xeral, corren moito perigo de desaparición
“As poldras case todas as criamos, porque con tanta baixa necesitámolas para reposición. Se non se toman medidas co lobo as bestas corren moito perigo de desaparición, ao igual que o resto do gando do monte. E cando se dean conta e tomen medidas pode que xa sexa tarde”, alerta Alba.
O lobo mátanos o 45% das bestas e o 40% das ovellas. Non é un problema menor
O rabaño de ovellas é tamén outro dos afectados polos frecuentes ataques do lobo. “No último ataque de lobo que tivemos papounos 15 cabezas de ovino en dous días. E iso que tiñamos peche de malla”, relata. Entre 400 e 600 euros por poldro Entre as 300 bestas contan con 54 de pura raza galega Para o lobo, os poldros son unha presa máis doada que os xatos, polo que a presenza de cabalos no monte reduce os ataques ao gando vacún. “Mentres hai poldros non comen os xatos e é certo que o valor dos poldros é menor que o dos xatos, pero cando acaban os poldros despois comen tamén os xatos”, matiza Alba. “Os poldros que sobreviven vendémolos a través de Puraga, os que son de Pura Raza Galega, e o resto lévanos tratantes”, conta. Os prezos dependen da calidade dos animais e do seu peso e oscilan entre os 3 e os 4 euros o kg canal. “O prezo mellorou moito, aínda que na actualidade baixou algo, pero podía ser unha carne moito máis valorada”, defende.
O prezo mellorou moito nos últimos anos, aínda que agora baixou algo, pero falta que a carne de cabalo sexa máis valorada
O peso dos poldros oscila entre os 80 kg dos do monte aos 300 kg das razas de maior tamaño, que teñen pechados en fincas máis baixas. A idade oscila entre os 9 meses e o ano, mentres que nos de pura raza galega está entre os 7 e os 8 meses. “Ás bestas do monte nunca lles damos suplemento, só controlamos que teñan auga. Desde o meu punto de vista se lles damos suplemento non nos rendiría telas, non me parece viable”, detalla. Este ano tivemos un verán duro, apertou a seca e non había moita auga. Temos unhas pozas feitas e levamos auga con cisterna para que poidan beber”, explica. "O gando do monte é difícil de controlar, xa que o monte abertal é unha extensión grande e sen peche. Cando facemos movementos necesitamos ter cabalos de montura para dirixir e guiar o gando”, conta. Aumento de superficie e mantemento das vacas de leite Teñen mastíns como cans de garda para defender o gando dos ataques do lobo Fai 8 anos, cando Moisés e Alba comezaron a traballar na gandería familiar, era máis pequena. Ao ir aumentando ás cabezas de gando foron incrementando tamén a superficie. “Co noso sistema de manexo, se aumentas aos animais tes que aumentar tamén ao terreo”, di Alba. Trataron de buscar zonas máis baixas, como o val de Lourenzá, onde os invernos son máis suaves. “As vacas de leite, cando as secamos, levámolas para alí”, explica. Malia aumentar ao número de cabezas sobre todo nas vacas de carne, non quixeron abandonar a produción de leite. As 30 vacas que moxen garántenlles uns ingresos estables todos os meses, mentes que nas de carne “se lle morre a cría perdiche a ganancia de todo o ano”, razoa.
As vacas leiteiras están día e noite fóra; só entra á corte para muxirse e comer o silo e o penso
Das vacas de leite encárganse sobre todo Alba e María José. A alimentación é a base de pastoreo, suplementado con silo de herba e concentrado. “Están fóra día e noite, só entran para muxirse e comer o penso e o silo”, indica. Están certificados en pastoreo e benestar animal e entregan o leite neste momento a Lactalis. Nas vacas leiteiras traballan coas razas frisona e coa montbeliard e nas de carne con rubia galega, asturiana, limusín ou angus. En canto aos touros, a maioría son limusín, buscando sobre todo facilidade de parto.

“A baixada do gando para as San Lucas é algo moi bonito de ver, pero dá moito traballo”

Alba, a cabalo durante os traballos para baixar a grea para as San Lucas do ano pasado Ademais da vertente produtiva, o manexo do gando cabalar ten en Galicia unha parte cultural, vencellada a labores como a rapa ou a feiras anuais como as San Lucas ou as Quendas.   “Se as San Lucas seguen mantendo a súa esencia tradicional cos cabalos como protagonistas é por xente coma nós. Se os gandeiros non baixaramos os cabalos do monte habería as orquestras e os postos ambulantes, pero non habería a feira. Perderíase igual que se foi perdendo en moitos outros sitios”, razoa Alba.
O que dá vida ás San Lucas é o cabalo, pero só tres explotacións baixamos xa gando do monte para a feira
Só tres ganderías fan a día de hoxe a baixada do gando desde o monte ata o campo da feira. O domingo anterior xuntan o gando. É un traballo complicado e moitas veces dificultado pola néboa mesta habitual no alto do Fiouco ou en Campo do Oso. “Tes que estar adaptado a andar no monte cos cabalos para xuntar o gando. Axúdanos moita xente, porque 300 bestas non se guían entre catro”, conta. “A baixada do gando para as San Lucas é moi bonito de ver, pero dá moito traballo. Dannos unha pequena axuda por baixar o gando, estableceuse nos últimos 5 anos, pero a baixada a nós suponnos moito traballo. Ademais, temos perdas, porque hai abortos, porque as bestas sofren moitísimo”, explica.   Manter as tradicións Rapa das bestas no curro de Campo do Oso “Trataremos de seguir loitando para que nos valoren”, di Alba. “Se todos tiramos a toalla e non houbera xente coma nós non se manterían as tradicións. Somos unha das explotacións máis grandes desta zona, ninguén aquí ten tantas bestas coma nós. Facemos dúas rapas, unha en Campo do Oso e outra privada na mangada que temos nós en Curros”, conta.   Relevo asegurado Logotipo da explotación Xan das Bouzas é a día de hoxe unha das ganderías máis grandes da comarca da Mariña e Moisés e Alba destilan paixón polo que fan, un entusiasmo que souberon trasmitir aos seus fillos. Porque malia a súa xuventude (el ten 34 anos e ela 27), esta parella de gandeiros albisca xa relevo xeracional que está por vir, o do seu fillo Íker, que ten agora 11 anos e é un apaixoado do gando. “Ou moito me engano ou vai seguir coa gandería”, di orgullosa a súa nai. Sofía, a súa irmá, ten agora 4 anos, a mesma idade coa que Íker comezou a baixar a cabalo ás San Lucas.

Feira gandeira de San Rosendo este domingo no concello lugués de Barreiros

San Miguel de Reinante, en Barreiros, celebra esta fin de semana a segunda edición da Feira gandeira de San Rosendo. O principal da axenda será a tradicional feira de gando, que terá lugar o domingo, pero a xornada alongarase desde mañá venres a toda a fin de semana. Os actos centrais terán lugar o domingo a partir das 9.30 horas na Praza de San Miguel coa apertura da feira de gando e ás 10.00 coa apertura da feira de artesanía. Durante a xornada matinal terá lugar o concurso morfolóxico cabalar de Pura Raza Galega (PURAGA), que puntúa para o Campionato galego, e o Concurso morfofuncional de poldros de Cabalo Marchador Galego. A xornada de tarde arrancará ás 16.30 horas coa Carreira de andadura Cabalo Marchador Galego, en categoría serrada e chapeada, e posteriormente celebrarase unha xincana de xogos ecuestres. Durante a fin de semana repartiranse máis de 3.500 euros en premios entre a feira e o resto das actividades que se organizan con gando cabalar, bovino ou caprino. “O esforzo da Comisión para manter unha celebración que pon en valor a ganadaría e as razas autóctonas”, destacaron o deputado de Rural Daniel García e a alcaldesa de Barreiros Ana Ermida, colaboradores coa cita. Ademáis, valoraron o papel que “esta actividade ten na dinamización económica e social do rural e na conservación do territorio”. Dende a organización agradeceron a colaboración da área provincial e sinalaron que se trata dunha “axuda fundamental para que este tipo de feiras, que promoven as razas autóctonas e a artesanía galega, continúen existindo e medrando”. Ademais das actividades no recinto feiral, o venres e o sábado celebraranse degustacións gratuítas de poldro de cabalo de Pura Raza Galega nos bares de San Miguel Cuplé, Vendaval, Rimar, Dulcería e Bodeguilla, unha iniciativa financiada por PURAGA. Tamén haberá actuacións musicais, o segundo trofeo San Rosendo de Fútbol, co partido entre Iberia CD e UD Pastoricense nas Valgas, e un torneo de billarda (no campo da festa).

Patoloxías máis comúns do gando cabalar en Galicia e medidas de prevención

Herminio Pose é especialista en cabalos e asesora tanto a ganderías de cría como a explotacións de cabalo de monte O veterinario Herminio Pose Nieto, especialista en cabalos, falou esta semana na Reunión de Outono organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes en Mondoñedo das enfermidades máis comúns do gando cabalar en Galicia, do seu tratamento e das medidas preventivas e de manexo a adoptar nas ganderías para evitalas ou minimizar os seus efectos.    “Non se trata de patoloxías que sexan específicas da nosa comunidade ou que se dean só no gando equino galego, pero hainas con maior incidencia en Galicia pola climatoloxía, o tipo de solo, aspectos culturais, etc”, explicou Herminio. Na maioría dos casos, trátase de enfermidades que non se chegan a curar, senón que a aplicación de tratamento veterinario, unha vez aparecen os primeiros síntomas, serve para reducir os seus efectos e aminorar o seu avance e o empeoramento do estado clínico do animal.
Hai enfermidades que se evitan co manexo
Por iso, este especialista en gando equino fixo fincapé na necesidade da prevención para evitar a súa aparición e deu consellos útiles e prácticos aos gandeiros asistentes ás xornadas. “Son enfermidades que se evitan co manexo”, insistiu, dado que tanto a RAO-EPOC como a laminite están relacionadas con aspectos de alimentación (fungos no primeiro caso e exceso de hidratos de carbono no segundo) e a dermatite e a piroplasmose á presenza no ambiente de insectos transmisores (mosquito e carracha, respectivamente). Menor incidencia nos cabalos do monte Herminio está considerado un dos veterinarios que máis sabe de cabalos en Galicia. A súa empresa, Serveteq, conta no concello lugués do Corgo con instalacións destinadas á clínica e á reprodución de cabalos pura sangue. Ademais, é autor dun libro sobre os curros tradicionais que hai na comunidade e foi un dos responsables no seu día do impulso ao cabalo de pura raza galega a través do que hoxe é Puraga. E como bo coñecedor desas dúas realidades, destaca a moita menor incidencia destas enfermidades nos cabalos salvaxes. “Os cabalos do monte teñen unha alta rusticidade e logran convivir coas carrachas sen que os mate, cando un cabalo pura sangue inglés que lle pica unha carracha e desenvolve a enfermidade da piroplasmose pode morrer en 5 días”, exemplifica.   Do mesmo xeito, di, “aos cabalos do monte non lles afecta habitualmente nin a RAO-EPOC nin a laminite porque non comen herba seca nin pasto vigoroso”, aínda que matiza que “un cabalo de monte se un día escapa e entra nun pasto bo, en media hora comendo pode ter unha laminite por disbiose da flora intestinal, igual que un cabalo que se bota da corte e come moito penso ou grao, compara”.  

Obstrución recurrente das vías aéreas (RAO - EPOC)

A obstrución recurrente das vías aéreas ou asma é un mal frecuente en Galicia. Trátase dunha enfermidade que afecta ás vías respiratorias pola aspiración das esporas de fungos cara ao pulmón. “O cabalo pode comer e aspirar ao mesmo tempo, polo que aspira as esporas cara o pulmón, o que lle provoca unha tos irritativa seca. O animal non ten febre, nin apatía nin deixa de comer, pero ao tusir van rompendo as paredes dos alveolos, polo que os cabalos perden capacidade pulmonar e rendemento respiratorio e co paso do tempo vemos que se cansa máis. Cando a enfermidade está moi avanzada deixan mesmo de comer para centrarse en respirar”, relata Herminio. Os primeiros síntomas para detectar RAO-EPOC nunha besta ou cabalo son un moco moi pegañento que sae pola boca desde a tráquea, a dilatación dos orificios nasais, o que provoca que o nariz se enruge, e a aparición dunha liña marcada no tórax polo efecto repetitivo de tusir.   O risco da herba seca “O problema en Galicia é a herba seca, existe moi boa calidade de forraxe desde o punto de vista do valor nutritivo pero temos unha mala conservación, polas nosas condicións de humidade no inverno. Aínda que a collamos con bo presecado e secado, temos humidades ambientais moi altas (de ata o 85% de humidade relativa) a partir de novembro. A herba seca absorbe esa humidade, fermenta e cría fungos que o cabalo aspira”, indica o veterinario de Serveteq.
Mollar a herba seca para que non solte tantas esporas non soluciona o problema e non se deben usar escadas para colocar a forraxe
Non se deben empregar escadas para colocar a herba seca ou calquera outro tipo de forraxe, xa que o cabalo coa cabeza levantada aspira máis esporas; é preferible que a coma no chan, “porque o cabalo está deseñado para pacer, é dicir, para comer coa cabeza baixa”, di.  “A herba seca en si non é mala para o gando equino, a que se produce no verán pódese dar sen problema até o outono, pero a partir de novembro, cando chega o inverno e vén o mal tempo non se debe seguir dando”, insiste.
A herba seca non é mala para os cabalos, pero en Galicia temos unha imposibilidade para garantir unha boa conservación debido á alta humidade ambiental
“É nefasto acumular a herba seca dun ano para outro, porque son dous anos criando fungos e esa herba seca vella tampouco vale para estrar, porque aínda que non a coma o cabalo aspira igual eses fungos”, engade Herminio. Por iso, nos meses de inverno recomenda substituír a herba seca colleitada en Galicia por herba seca ou palla de Castela. “Pero non serve traer un tráiler e almacenala aquí, porque colle igual humidade, hai que ir traéndoa a medida que se vai consumindo”, advirte. Alfalfa en rama tamén se pode dar, pero pouca cantidade, porque ten moita proteína.  
A herba seca ensilada en rolos é unha boa opción para darlle aos cabalos
Outra opción para substituír a palla ou a herba seca é o silo, pero ten que ser moi seco. “O silo de trincheira moi húmido é malo para o gando cabalar pero o silo cun bo presecado é bo. Herminio recomenda facer microsilos con rotoempacadoras de tambor variable, de maneira que se fagan fardos de pequeno tamaño adaptados ao número de animais da explotación. “O silo débese consumir unha vez aberto nun máximo de 5 ou 6 días”, indica. Tamén é unha boa solución o coñecido como henolaxe, é dicir, un rolo de herba seca envolto en plástico como se fose un rolo de silo. “Non é o mesmo que tapar os rolos de herba seca debaixo da lona, algo que é moi prexudicial, porque créase condensación e provoca máis humidade”, di. Pero para poder meter a herba seca na típica bola de silo ten que ir ben seca, “porque se vai húmida nin ensila nin se conserva ben”, explica. Ese tipo de herba seca ensilada non ten ácido butílico, polo que non cheira tanto como o de trincheira. Cortes pouco ventiladas e con esterco Outro factor que agrava os problemas de asma dos cabalos é telos en cortes pouco ventiladas. “En Galicia temos a manía de meter o cabalo en pendellos fondos e sen ventilación e como queremos facer esterco para a horta deixamos unha capa de estrume importante. Todo iso é unha bomba de reloxería, un caldo de cultivo perfecto para esta patoloxía”, asegura. Xa que logo, o principal consello que dá Herminio, ademais de non darlle herba seca vella ou que collese a humidade do inverno, é “sacar aos cabalos dos zulos”. A corte do cabalo tampouco debe estar ao lado do estercoleiro ou da palleira. “A obstrución recurrente das vías aéreas é unha enfermidade de manexo, porque como non saquemos o cabalo das condicións que lle provocan ese mal vai seguir evolucionando. O tratamento con antiinflamatorios e brondolilatadores serve para aliviar os seus efectos, pero esta enfermidade non a curamos, o máximo que podemos facer e parala no momento no que a collemos”, aclara.

Laminite ou cabalo aberto dos peitos

A laminite é unha enfermidade metabólica por toxinas froito da alimentación. Tamén é coñecida como cabalo entrepechado ou aberto dos peitos, aínda que é un concepto erróneo, “porque o mal está nas mans e non no peito”, aclara Herminio. Pode afectar ás catro extremidades, aínda que empeza normalmente polas mans do animal (patas dianteiras). Afecta ao casco e sobre todo ao óso da terceira falanxe.
As toxinas xeradas no estómago acábanse acumulando nos cascos provocando a rotación do óso da terceira falanxe
Ten tamén unha incidencia especial en Galicia como consecuencia da alimentación. “A idea común e totalmente xeralizada, pero errónea, é que un prado con moi boa herba é o ideal. Pero o vigor do pasto leva a que teña moitos hidratos do carbono, que en exceso son malos para o cabalo. O cabalo primeiro come todas as puntas da herba, que é onde hai máis hidratos de carbono e as bacterias do estómago non son capaces de procesar todos eses hidratos, polo que se xeran unhas toxinas que se van acumulando nos cascos e cortan o rego sanguíneo dos vasos sanguíneos do casco, o tecido morre e afecta ao tendón que suxeita a terceira falanxe, que se rota e acaba cravando no casco”, indica. Unha vez que se dá a enfermidade, ao igual que a RAO-EPOC, é incurable. “Téntase sobrehidratar ao animal para que se eliminen as toxinas, pero os cabalos con laminite quedan sempre con secuelas”, asegura Herminio.
Ao igual que a asma, a laminite é unha enfermidade incurable
Se a rotación do óso da terceira falanxe é superior a 6 grados espétase o óso e a banda coronaria queda danada, polo que se crean aneis diverxentes de crecemento no casco, que tarda 8 meses en medrar na súa totalidade, porque medra máis por atrás que por diante. "A consecuencia da dor provocada pola laminite, o cabalo cambia a postura botando os pés para diante para apoiarse o menos posible nas mans”, explica. De aí esa sensación de que o mal está no peito.   Parcelar en primavera e outono “A toxicidade dun produto está sempre en función da dose. O pasto tenro non é malo, pero depende do que coma”, matiza Herminio. Por iso, recomenda sempre parcelar superficies grandes con liñas de pastor en primavera e outono e ir abrindo pouco a pouco para evitar que a besta ou o cabalo inxira unha excesiva cantidade de hidratos de carbono, que logo será incapaz de dixerir.
Aos cabalos cústalles habituarse a novos alimentos, non hai que preocuparse se o primeiro día come menos
“Hai que reducir a carga de hidratos de carbono que se produce cando a herba medra tan rápido, pero no verán ou inverno, cando o pasto perdeu a forza, pódense abrir superficies máis amplas. Sen embargo, na primavera ou no rebrote do outono non se pode deixar un só animal nunha hectárea de terreo”, indica.  

Dermatite inmunomediada ou pica pica

A dermatite inmunomediada, tamén coñecida como pica pica ou rasquiña en Galicia, desencadéase por un mosquito culicoide que é picador-chupador. A través da súa saliva, que irrita a zona da picadura para que aumente o rego sanguíneo e poder chupar deste xeito máis sangue, provoca irritación e comezón e o cabalo busca rozarse a onde sexa ou mesmo tíranse ao chan para emborcarse. “Os mosquitos danse onde hai zonas de regatos, augas estancadas, piñeirais, estercos ou puríns”, lembra Herminio, polo que se deben evitar estas localizacións nos meses de maior presenza do insecto, como pode ser durante o verán. “Luces ultravioletas, repelentes de insectos, darlle allo picado na ración para que o expulse pola suor e actúe como repelente natural, azufre, etc. Hai miles de remedios, pero a solución é variar o entorno no que está o cabalo”, insiste.
Non existe ningún tratamento que cure a enfermidade e a vacina só é efectiva nun 20% dos casos
En canto aos tratamentos unha vez aparece a dermatite, “existen moitos produtos pero ningún é bo, pódese tratar con corticoides para aplacar o sistema inmune pero non curamos a enfermidade e as vacinas funcionan só nun 20% dos casos e son caras”, recoñece.  

Piroplasmose ou mal da carracha

A piroplasmose ou mal da carracha, está provocada pola infestación cun parásito, o protozoo Babesia caballi, que se transmite a través da picadura dunha carracha. “A carracha é o taxi no que viaxa esa bacteria de cabalo en cabalo. É un parásito do sangue que rompe os glóbulos vermellos, provoca anemia e fai que o cabalo morra”, advirte Herminio.
Os cabalos poden ser portadores sanos do parásito sen ter síntomas, até que os protozoos comezan a multiplicarse no sangue do animal
Os cabalos poden ser portadores sanos do parásito sen ter síntomas, até que os protozoos comezan a multiplicarse no sangue do animal. Os síntomas máis leves son fatiga ou perda de peso e apetito, comúns a outras enfermidades, polo que a súa detección non é doada en ocasións. Algo distintivo na piroplasmose é a decoloración amarela das mucosas. “O cambio climático está facendo que haxa unha alta proliferación de carrachas e que as haxa todo o ano”, alerta o veterinario de Serveteq. O protozoo Babesia caballi só se transmite a través da saliva da carracha, polo que os cabalos infectados non contaxian. As zonas de monte ou matogueira, así como os lindes das parcelas, son lugares con maior presenza de carrachas.

Os beneficios do cabalo como redutor de biomasa a custo cero na semana dos grandes lumes na Mariña

A Reunión de Outono da SGPF fíxose coincidir coas San Lucas, que se celebran esta semana en Mondoñedo As San Lucas, a feira de gando máis antiga que se conserva en Galicia, con máis de 800 anos de historia, celébranse até o domingo en Mondoñedo. Nelas o cabalo ten un especial protagonismo. Aproveitando esta cita, a VIII Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes analizou durante dúas xornadas, este luns e martes, o papel do cabalo na conservación do medio natural. Nas súas conclusións, a asociación que reúne a técnicos e gandeiros para o fomento do pastoreo en Galicia, quixo salientar os beneficios do cabalo como “redutor de biomasa a custo cero” e o feito de que “o cabalo criado en liberdade precisa de poucos coidados pero vincula ao propietario co monte”. Poucos días despois do gran incendio producido esta fin de semana na Mariña, que queimou máis de 2.000 hectáreas de monte nos concellos de Trabada e Ribadeo, os asistentes ás xornadas destacaron que “os pastizais evitan ou cortan lumes ao romper a continuidade do monte e o espazo forestal, algo que non acontece en masas continuas de eucalipto como as que hai en concellos como o de Trabada” e aseguraron que “o incendio desta fin de semana na Mariña apagouse porque choveu, pero puido ser un dos maiores lumes da historia de Galicia”, concluíron.

Xornadas sobre o cabalo e a conservación do medio natural o 16 e 17 de outubro en Mondoñedo

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) organiza para os vindeiros 16 e 17 deste mes a súa reunión de outono na vila lucense de Mondoñedo coincidindo coas San Lucas, a feira de gandería cabalar máis importante e antiga de Galicia. Neste sentido, a reunión centrará as súas xornadas en “O cabalo e a conservación do medio natural”, e celebrarase no Pazo de Santomé. A participación na reunión é de balde pero é preciso inscribirse antes do 13 de outubro, indicando día e intención de xantar ou non, chamando aos teléfonos 686620154 (Eloi) ou 628713263 (Victor). O coste do xantar será de 20 Euros. Nesta xornada colaboran coa SGPF o Concello de Mondoñedo, Vicepresidencia da Deputación de Lugo, CIAM-AGACAL, PURAGA e a Asociación As San Lucas Aquí podes ver o programa completo:

Volve a feira cabalar das San Lucas, en Mondoñedo, do 17 ao 22 de outubro

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu a presentación da 867 edición das San Lucas de Mondoñedo, que contan unha edición máis co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo cunha achega de 20.000 euros. No acto interviron a deputada de Cultura Iria Castro, o deputado de Medio Rural Daniel García, o presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Paz, e o concelleiro de Cultura de Mondoñedo, Alberto García, e contou coa presenza do concelleiro do BNG en Mondoñedo Eloi Cabanas e do xefe territorial de Política Social da Xunta de Galicia, Javier Vázquez. Iria Castro salientou “a raíz gandeira e popular das San Lucas, que se ven celebrando desde 1156 e que recolle o pouso cultural e social de séculos de relación co cabalo e co medio natural” e fixo fincapé na “espectacularidade coa que esa tradición se reflexa na tradicional baixada cos cabalos, que abre as festas”. A responsábel provincial  valorou “o traballo da organización” e reafirmou  ““o compromiso da  Vicepresidencia da Deputación de Lugo para colaborar co tecido asociativo e cos concellos en citas coma estas que poñen en valor a tradición ligada ao rural e á gandería”. A baixada dos cabalos a Mondoñedo na véspera das San Lucas abrirá o programa da Feira, que se extende o 17 ao 22 de outubro. 500 animais de gandeirías mindonienses baixarán dos montes próximos ata a cidade, pasando polo barrio dos Muiños, a rúa San Roque, a Fonte Vella e a Praza da Catedral (luns 17, 18.45 horas) para rematar no Campo da Feira, onde, ao día seguinte, se celebrará a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar. Arredor do cabalo, desenvolverase unha ampla axenda, coa entrega dos premios as gandeirías participantes na baixada e na feira (martes 18, 13.30 horas),  a segunda edición do Concurso de Andadura de Cabalo Marchador Galego, coa colaboración de Puraga, no recinto da granxa (martes 18, 16.30 horas), o espectáculo de doma nocturna, con especialistas en doma internacionais (xoves 19 e venres 20, 21.00 horas) e certames morfolóxicos, exhibicións de doma e certames de andadura ao longo das xornadas do sábado 21 e o domingo 22. Miguel Paz, presidente da organización, destacou que “o obxectivo é que todas as persoas amantes dos cabalos poidan disfrutar dunha ou outra maneira das San Lucas”. Na presentación deuse conta tamén do programa musical cun concerto de Xosé Manuel Budiño (sábado 22, 22.00 horas) e verbenas durante todos os días das festas.  

Este fin de semana celébrase en Muras a Feira do Poldro e do Gando de Monte

O domingo, 24 de Setembro, o municipio lucense de Muras acollerá a celebración da XXXV Feira do Poldro e do Gando do Monte, unha cita xa tradicional para os amantes do gando equino. Este é o programa:

Sábado, 23 de setembro:

-Desde as 20.00 horas poderase degustar a "Hamburguesa Gañidoira", elaborada 100% con carne de poldro e ás 20.30 horas participar en os xogos rurais.

Domingo 24, Día da Feira:

-10.00 horas: Apertura da feira, -10.30 horas: Cualificación do gando -11:00 horas: Inicio a exhibición de escultura de madeira con motoserra e disputarase o Concurso Morfolóxico de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga). -12.00 horas: Homenaxe á Asociación Atila. -12.30 horas: Degustación da "Hamburguesa Gañidoira". -13.00 horas: Carreiras de cabalo marchador galego. -15.30 horas: Presentación das carreiras de andaina e ás 15.45 horas darán inicio ditas carreiras. -19.00 horas: Entrega de premios. Ao longo de toda esta xornada haberá animación musical e actividades infantís (bautismo hípico, inchables e touro mecánico).

Programa das Quendas de Mondoñedo, que enxalzarán o Cabalo de Pura Raza Galega

Mondoñedo acollerá durante toda esta fin de semana As Quendas, unha das citas imprescindibles do calendario galego para os afeccionados ao mundo do cabalo. Celebraranse do venres 28 de abril ao luns 1 maio con especial protagonismo para o gando. As actividades ecuestres terán lugar domingo 30 e o luns 31. O domingo será o Certame Morfolóxico de Pura Raza Galega e o Concurso de Andadura de cabalo marchador galego, que se desernvolverán no recinto da granxa. O luns terá lugar a Feira de Gando e a Exposición de Razas Autóctonas, que se concentrarán na xornada festiva do 1 de maio no entorno do campo da feira.  Repartiranse importantes premios tanto entre as ganderías que participen cos seus animais na feira de gando e a exposición de razas autóctonas como entre os vencedores dos distintos concuros e probas ecuestres. Na alameda haberá mercado de produtos de alimentación e terá lugar a Festa da Empanada, con degustación tamén nos locais de hostalaría da vila de empanada de porco celta e poldro.  Colaboración da Deputación A Área de Medio Rural da Deputación Provincial de Lugo colabora coa asociación organizadora das Quendas de Mondoñedo, Asociacion As San Lucas, para que se poidan levar a cabo as actividades ligadas á gandería. A deputada Mónica Freire felicitou á organización por seguir impulsando unha feira que mantén viva a tradición gandeira do concello e da Mariña interior e pon en valor o traballo dos criadores e criadoras de gando cabalar, "fundamental na conservación do territorio” e valorou tamén “o protagonismo das razas autóctonas e dos certames de Pura Raza Galega, que espertan un grande interese en todos os lugares en que se veñen celebrando da man de Puraga”.

PROGRAMA COMPLETO:

Propoñen pagos por conservación a comunidades de montes para garantir a biodiversidade da Rede Natura 2000 en Galicia

No proyecto participou a Deputacón de Lugo, as universidades de Santiago e A Coruña, 3edata e Kaizen Eureka “O Pago por Resultados de Conservación ás Comunidades de Montes pode ser o futuro para as persoas que desenvolven as súas actividades gandeiras en zonas naturais protexidas de Galicia, como a Rede Natura 2000, e ás que se lles recoñece un papel fundamental na súa conservación”.  Esta é unha das conclusións máis destacadas do Informe Layman, un documento recentemente publicado e que pasa revista ao proyecto LIFE in Common Land: Xestión en común da terra, un modelo sustentable de conservación e desenvolvemento rural en Zonas Especiais de Conservación. Esta iniciativa, cofinanciada por LIFE Natureza e Biodiversidade da Unión Europea, desenvolveuse en once Montes Veciñais en man común do Espazo Rede Natura 2000 Serra do Xistral que ocupan unhas 11.000 hectáreas. A iniciativa está coordinada pola Deputación de Lugo e participan como socios a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña.
Científicos galegos determinan que o Modelo de Xestión por Resultados de Conservación, xa implementado en montes do norte de Lugo, “pode ser o futuro para os comuneiros dos espazos protexidos de Galicia”
O Informe Layman detalla os traballos e resultados obtidos a través da colaboración entre os axentes implicados na conservación do Espazo Rede Natura 2000 Serra do Xistral, situada no norte de Lugo. O traballo tamén alerta do risco de extinción do ecosistema. E lanza un urxente SOS: “Conservar para as xeracións futuras hábitats tan importantes como as turbeiras e brezais húmidos da Serra do Xistral require dunha aposta urxente pola xestión comunal, os sistemas tradicionais de gandería e os cabalos salvaxes”. 300.000 euros en pagos efectuados segundo os resultados de conservación O proxecto LIFE in Common Land desenvolto en Galicia aposta polo innovador Modelo de Xestión por Resultados de Conservación, que se aplica no territorio a través de Proxectos de Ordenación Forestal dos Montes e que trata de integrar as actividades gandeiras e o manexo tradicional dos cabalos salvaxes coa conservación de hábitats. Este modelo inclúe a protección e conservación do ecosistema na xestión que as Comunidades de Montes realizan nos seus terreos. “E non o fan como algo imposto, senón poñendo en valor e recoñecendo a función que os cabalos e o gando vacún cumpren para manter estes espazos de montaña en Galicia”, destacan os autores do informe, que estima que na Serra do Xistral existe unha poboación de entre 1.500 e 2.000 cabalos salvaxes.
A Serra do Xistral mantén unha poboación de entre 1.500 e 2.000 cabalos salvaxes
O novo Modelo de Xestión a través de Pago por Resultados de Conservación implementouse nas Comunidades de Montes da Serra do Xistral cunha cantidade económica recibida que alcanzou os 300.000 euros e representa “un cambio de cara ao futuro”. "Estes pagos poden ser o futuro para estas persoas que desenvolven as súas actividades gandeiras en zonas protexidas e ás que se lles recoñece un papel fundamental na súa conservación”, indica o informe realizado, que inclúe 54 enquisas e 32 entrevistas a comuneiros e besteiros. O pago realizouse en función da superficie e estado de conservación dos hábitats obxecto do proxecto: turbeiras de cobertor, turbeiras altas activas e brezais húmidos atlánticos. Un modelo habitual en Europa O Pago por Resultados de Conservación é un modelo exitoso noutras zonas de Europa. O programa Burren en Irlanda “é sen dúbida o exemplo máis notable”, comentan os autores do Informe Layman. A filosofía desta ferramenta é clara e sinxela: “Os comuneiros non só producen alimentos, senón que tamén garanten a biodiversidade dos hábitats que xestionan e reciben un pago por iso”.
O programa Burren en Irlanda sería un dos exemplos máis destacados
“De gandeiros a gardiáns da biodiversidade, un novo rol valorado pola sociedade e polo cal recibirán un pago”, reiteran os autores do Informe Layman, que consideran que supoñería “un cambio na valoración da Rede Natural 2000, de limitacións a un patrimonio natural que os propios comuneiros conservan a través da súa propia actividade”. A implantación desta ferramenta noutras zonas de Europa xerou e desenvolveu marcas de bens e produtos de agricultura e gandería asociados á conservación da biodiversidade. Por exemplo: carne, produtos lácteos, mel, viños ou sidra.

Dar continuidade aos pagos a través da PAC

Na Serra do Xistral os cabalos axudan a manter limpo o monte e a conservar os hábitats naturais protexidos O Informe Layman cre que está pendente unha última fase que consideran “necesaria” e que, á súa vez, que reclaman tamén as Comunidades de Montes participantes nesta iniciativa que conta co respaldo financeiro da UE: “Dar viabilidade e continuidade a este sistema de pagos por medio dos Plans Estratéxicos da Política Agracia Común (PAC)”. O Modelo de Xestión por Resultados de Conservación de hábitats de LIFE in Common Land “convertiríase así nunha opción de futuro para as persoas que van seguir habitando e conservando a Serra do Xistral e outras zonas da Rede Natural 2000 en Galicia”, aseguran.
O ‘Informe Layman’, que pasa revista ao proxecto ‘LIFE in Common Land’, expón un último reto: implementar novas ferramentas de xestión e restauración de hábitats que impliquen á poboación local
LIFE in Common Land realizou tamén accións de mellora e restauración de hábitats. Os técnicos do proxecto destacan con orgullo a súa actuación estrela: a eliminación de piñeirais para a restauración de turbeiras de cobertor. “O importante é facer ver aos gandeiros que traballan nestes montes que restaurando hábitats gañamos todos”, asegura o equipo de investigadores, que recorreu a técnicas tradicionais para a saca de madeira, usando animais de tiro. "Os hábitats sensibles das turbeiras teñen a propiedade de capturar o carbono que se libera á atmosfera, pero actualmente atópanse en risco”, conclúe o Informe Layman, que propón “implementar novas ferramentas de xestión, lexislativas e proxectos de restauración” para protexer estes ecosistemas.

Os cambios no manexo das bestas poden limitar os seus efectos positivos sobre a biodiversidade

Un artigo derivado do proxecto ‘Life in Common Land’, publicado na revista ‘Biodiversity and Conservation’, afirma que os cabalos salvaxes son indispensables para a biodiversidade das montañas galegas. Esta peza, asinada por Laura Lagos e Jaime Fegúndez, investigadores do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC, conclúe que os cambios nos sistemas de manexo destes herbívoros “poden limitar o seu efecto positivo sobre a biodiversidade e mesmo podería desembocar nun problema ambiental de gran magnitude”, sinalan os investigadores. O informe científico destaca que “os espazos abertos das montañas de Galicia están cubertos, en gran parte, por hábitats naturais recoñecidos pola Unión Europea e a súa existencia e pervivencia depende da presencia do cabalo salvaxe”, á vez que destaca o potencial destes animais debido “á súa adaptación para o aproveitamento de brezais e turbeiras”. Laura Lagos e Jaime Fagúndez explican que “a través da dieta, o cabalo salvaxe limita o desenvolvemento da vexetación e favorece que sobrevivan especies de plantas sensibles”. Entre as novas prácticas que están alternado o comportamento dos grupos de herbívoros están “a construción de peches que limiten en exceso o uso libre do espazo, así como a rotación forzada para intensificar o aproveitamento, ou a transformación da vexetación natural en pradarías de pasto melloradas”, avanzan Lagos e Fegúndez. Isto xera consecuencias como “o maior tamaño dos animais fronte a unha menor ocupación da superficie de campeo, e o desequilibrio na organización espacial das manadas, provocando un solapamento entre elas e aumentando a presión por herbivoría”, destacan. Este proxecto tivo unha duración de cinco anos, desenvolvéndose no espazo Rede Natura 2000 Serra do Xistral, no norte da provincia de Lugo. O traballo tamén presenta datos recollidos no marco do proxecto do Grupo Operativo de Innovación Soluciones innovadoras para a xestión e valorización do sistema tradicional de cabalos salvaxes no monte, que se desenvolveu nos Montes de Sabucedo, en Pontevedra. En total, os científicos marcaron 29 eguas, aproveitando a captura dos animais que realizan os seus propietarios nos curros anuais.

 Volven as San Lucas, a festa de raíz gandeira e popular de Mondoñedo

Un momento da presentación da programación das San Lucas, que cumpren 866 anos Este xoves comezan en Mondoñedo as San Lucas, que contan unha edición máis, a 866, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo cunha achega de 20.000 euros. O deputado Efrén Castro participou na presentación da programación deste ano xunto co presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Paz, o pregoeiro desta edición, Modesto Díaz, e o alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, así como representantes da corporación municipal. O mundo do cabalo será protagonista das San Lucas co paso dos cabalos polas rúas e Praza da Catedral de camiño á feira (luns 17, ás 18.00 horas), así como o propio mercado (martes 18, todo o día),  diferentes certames morfolóxicos e de andadura e unha exhibición de doma nocturna espallados ao longo dos festexos. A organización destacou nese senso a celebración por primeira vez dentro da feira do I Concurso de Andadura de Cabalo Marchador Galego, coa colaboración de Puraga, coa que se pretende poñer en valor a raza autóctona. A programación artellada arredor desta raíz gandeira e popular da feira inclúe diferentes actividades que comezarán o xoves 14 co volteo das campás maiores da Catedral (13.00 horas) e  a lectura do pregón a cargo de Modesto Díaz (20.30 horas), involucrado durante anos na organización das feiras e festas e que, segundo adiantou, prepara un pregón baseado na súa experiencia vital como “un sanluqueiro e un gandeiro máis”. Relevo á fronte da asociación organizadora Efrén Castro destacou “a raíz gandeira e popular das San Lucas” e ratificou “a disposición da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para colaborar co tecido asociativo e cos concellos en citas coma estas que poñen en valor a tradición ligada ao rural e á gandeiría”. O responsábel provincial lembrou e agradeceu “o traballo realizado pola Asociación As San Lucas, con Miguel Souto á fronte nos últimos anos” e desexou á nova directiva “éxito na tarefa de dar continuidade a unha feira de referencia en Galicia”. As San Lucas 2022 manteñen citas culturais tamén tradicionais como a homenaxe e ofrenda floral a Pascual Veiga no Cemiterio Vello (domingo 16, ás 13.00 horas) e un encontro folclórico coa participación dos grupos A Subela, de Foz, Dambara, de Burela, Amado Lar, do Valadouro, e Asubios da Chaira, de Cospeito (domingo 16, ás 18:00 horas), ás que se suman espectáculos de narración oral e teatro.

A xestión do gando na parroquia de Boimente: 250 eguas e 250 vacas para 1.000 hectáreas de monte comunal

Cabalos no curro de Candaoso, no monte comunal de Buio e Lerín, pertencente a parroquia de San Andrés de Boimente No ano 1984 os veciños da parroquia de Boimente, en Viveiro, solicitaron unha axuda para a reparación do Curro de Candaoso, onde cada primeiro domingo de xullo se celebra unha das tres rapas das bestas que aínda quedan na comarca da Mariña. Aquela actuación foi o punto de partida para a recuperación dos usos gandeiros tradicionais do monte. “Ofrecéronnos participar no programa de mellora de pastos en comunidades de montes e foi cando fixemos a sementeira das pradeiras”, explica Antonio Yáñez Rúa, un dos sete gandeiros que quedan na parroquia e membro da xunta directiva da CMVMC Buio e Lerín. É unha das máis grandes desta zona da Mariña, con 1.002 hectáreas. Delas, 300 son prados e 681 manteñen uso mixto forestal e gandeiro (100 hectáreas son de fraga e 581 de piñeiral pastoreado).  
Os piñeiros están en retroceso e temos problemas cos eucaliptos pola competencia que exercen sobre os pastos para o gando
Esta zona da costa norte galega está orientada ao Cantábrico, o que fai que os montes de Boimente sexan moi batidos polos ventos do nordés. De feito, en terreos da comunidade de montes hai instalado un parque eólico con 9 aeroxeradores. A labor do gando na implantación das pradeiras Vacas pacendo no monte comunal da parroquia de San Andrés de Boimente cos muíños de vento ao fondo Como é habitual en amplas zonas da serra do Xistral, os solos nesta zona son de turba e 21 das hectáreas do monte comunal están ocupadas por unha mina de turba. Por esta composición do terreo, os solos son moi ácidos e con baixa fertilidade inicial. Este feito condicionou a sementeira inicial das pradeiras no outono de 1984. A vexetación existente, de carácter acidófilo, estaba formada por sedio (agrostis curtisii) como vexetación dominante e diferentes especies de brixo, uz e toxo.
Os solos son de turba, moi ácidos e con baixa fertilidade inicial
Fíxose un desbroce inicial e logo un gradeo de discos, con algunha queima superficial, con certo perigo por tratarse de solos turbosos onde se corre o risco de que o terreo arda durante meses. Entre as tarefas que a comunidade debe facer neste momento está a corrección da acidez do solo. "Temos que encalar de maneira moderada, porque tratándose de solos de turba e ao ter pouco aluminio, as necesidades de cal son menores que noutro tipo de chans", explica Antonio.  Membros da Comunidade de Montes durante a rapa das bestas do ano 2000. Antonio, de pé o segundo pola esquerda No primeiro proxecto actuouse sobre unas 200 hectáreas e nunha segunda fase sobre as 100 restantes. Levouse a cabo un encalado con 4.000 kg/ha de caliza moída e abonouse o terreo con 600 kg/ha de 8-24-16. Para a fertilización do ano seguinte aplicouse un abono complexo 15/15/15 cunha dose de 400kg/ha. “Ao principio, nos primeiros anos, careciamos practicamente de gando e por mor da baixa carga de animais as pradeiras fóronse degradando e volvendo estar dominadas polo sedio, pero na medida en que fomos aumentando o número de animais e realizando rotacións no pastoreo, os pastos fóronse recuperando”, explica Antonio.
Os pastos baixo arborado foron feitos polo gando ao longo destes 38 anos
Nos 38 anos que levan feitas, as pradeiras nunca foron renovadas. Mantéñense produtivas e en bo estado grazas á presenza do gando, que se encargou de esparexer as sementes do raigrás e o trevo branco cara outras zonas, como por exemplo baixo os piñeirais, que hoxe en día teñen tamén aproveitamento gandeiro. “A zona arbolada tamén encampiza e produce pasto porque son os propios animais os que se encargan de extender a pradeira cara a zona forestal”, asegura. A comunidade de Boimente participa, xunto a outras 10 dos concellos de Xove, Ourol, Muras, O Valadouro e Abadín, coas que comparte os montes da Serra do Xistral, no proxecto europeo Life on common Land, que estuda precisamente os beneficios do gando no coidado do territorio. Vacas e cabalos No monte comunal de Boimente hai cabalos pura raza galega e cruzados Nos montes de Boimente hai vacas e cabalos. “As eguas son da comunidade de montes e as vacas xestiónanse individualmente”, explica Antonio. A comunidade é propietaria de 250 eguas e as súas crías. “As eguas son esenciais para manter o mato controlado e a calidade do pasto e evítannos ter que facer desbroces”, conta. As vacas, sen embargo, son de propiedade individual. “En Boimente quedamos 7 gandeiros activos, cun total de 250 vacas no monte veciñal. As prazas son de 20 vacas, pero hai quen cede prazas”, di.
A carga gandeira sitúase en 0,6 UGM por hectárea e a superficie está dividida en 7 parcelas
Con todo, unha das cláusulas establecidas é que cedente e cesionario teñen que vivir na parroquia. “Non se poden ceder a gandeiros de fóra da comunidade, especialmente polo control sanitario”, detalla Antonio. A carga gandeira sitúase en 0,6 UGM por hectárea, axeitada ao potencial do monte e ás necesidades dos comuneiros. As 300 hectáreas están divididas en 7 parcelas. “Comezamos con 3 parcelas pero reducimos superficie para ter o monte máis controlado”, argumenta. Os beneficios do arborado para o gando Piñeiral pastoreado, que serve de refuxio para o gando, que á súa vez axuda a extender e implantar a pradeira Tanto os cabalos como as vacas están todo o ano fóra, agás por enfermidade ou cesárea. “O piñeiral é un bo protector para os animais nos días máis duros do inverno porque a sensación de frío no monte é moi elevada por culpa da néboa”, conta. Pero a maioría dos piñeiros son vellos e é necesario proceder á súa substitución para garantir abrigo nos vindeiros anos.
É unha zona batida polos ventos do nordés e cunha sensación térmica baixa
A Comunidade de Boimente conta cun plan de ordenación e xestión do monte que se atopa nestes momentos á espera de aprobación por parte da Consellería do Medio Rural para poder iniciar os traballos de corta e repoboación. 

“As vacas van pouco ao monte polo problema do lobo”

A explotación familiar de Antonio, Yáñez e Cuadrado SC, está formada por un rabaño de vacas de raza rubia galega e cruces con limusín. “O número de animais que podemos ter é moi dependente dos pastos comunais, porque a competencia dos eucaliptais reduce moito as posibilidades de acceder a fincas para cultivo e pastoreo nesta zona”, lamenta. As vacas só comen herba e silo como suplemento no inverno, mentras que os becerros maman até os 7 meses. Unha vez destetados entran a un aloxamento habilitado como cebadeiro até os 10 meses.
Os xatos entran no cebadeiro desde os 7 ata os 10 meses e o 20% das femias quedan para recría
“Non concentro os partos, miro de ter xatos todo o ano, polo que dependendo da época do ano e da dispoñibilidade de pasto están máis tempo no prado ou entran antes ao cebadeiro, pero as nais pacen nas fincas do redor para que así poidan seguir mamando até os 7 meses”, explica. Instalacións para levar a cabo o cebo dos xatos O 95% dos becerros véndenos como Ternera Gallega Suprema, cun peso canal dos machos entre 220 e 260 quilos e entre 180 e 200 nas femias. No cebadeiro separan as femias dos machos e o 20% déixanas para recría. Tamén ceban algún macho de máis idade para un carniceiro local, ao que llos vende con 16 meses como Añojo e un peso duns 400 quilos canal. “Eses xatos ás veces quedan máis tempo fóra”, conta.
Cando teño moitos xatos para cebar doulles herba verde para aforrar en concentrado
O consumo medio de concentrados por animal de Suprema, sacrificados aos 10 meses de idade, é duns 460 quilos. “Doulles unha ración diaria, non lles dou a discreción, para ter máis controlado o gasto. Cando tiña moitos para cebar dáballes herba verde todos os días para aforrar en concentrado, porque o prezo do penso incrementouse en 110€ por tonelada no periodo dun ano. O da herba verde íame ben, pero había que segala pola mañá e recollela pola tarde para dárllela, para que non se me descompoñan, porque senón non asimilan o concentrado como deberían”, indica Antonio. Ataques do lobo Colar GPS instalado nun poldro da comunidade A serra do Xistral e os territorios que se atopan na súa zona de influencia é unha das zonas de Galicia con maior presenza de lobo e onde os ataques ao gando son constantes. Ademais dos efectos sobre a diminución da cabana equina, a presenza do lobo condiciona o manexo do gando vacún. “As vacas van pouco ao monte polo problema do lobo”, indica Antonio.
No reconto realizado no mes de xaneiro botaron en falta varias eguas e 5 poldros
En colaboración coa empresa galega Innogando no pasado mes de abril comezaron un proxecto de investigación para a detección dos ataques do lobo no gando cabalar en extensivo. Colocáronse 50 colares a eguas e poldros dos que, a partir de agora, se terá toda a información de localización GPS e actividades en tempo real.
En colaboración coa empresa Innogando, no mes de abril instalaron 50 colares GPS a éguas e poldros para detectar ataques a través do movemento da manda
Nos montes de Boimente as greas de cabalos de Pura Raza Galega e cabalos cruzados viven en condicións de semiliberdade. Normalmente estás mandas están separadas para evitar cruces non desexados e criar en pureza racial os cabalos de pura raza galega. Un par de veces ao ano, no mes de xaneiro e no mes de xullo para a rapa, recóllese todo o gando, faise un reconto dos animáis e das súas crías (no reconto do mes de xaneiro botaron en falta varias eguas e máis de 5 poldros por ataques do lobo), desparasítanse, identifícanse con cadanseu microchip e mírase que os animais estean en boas condicións para voltar ao monte.

Cita para os amantes do cabalo este domingo en Curtis

Este domingo, 7 de agosto, celébrase en Teixeiro, no concello coruñés de Curtis, a Festa do Cabalo, que chega á súa edición número vinteún. Dende as 9:30 horas estarán abertas as inscricións, tanto para probas de federados como de non federados. O programa inclúe tamén expectáculos ecuestres, entre outras actividades:

Como facer pradeiras no monte con mínimo laboreo usando o gando

Alejandro Salvatierra, xunto ao seu rabaño de vacas caldelás na Pontenova Como en moitos outros concellos galegos, A Pontenova sofre desde hai anos un proceso de abandono agrario e peche de explotacións que está a contribuir á forestación das terras pero que tamén abre novas posibilidades.  Alejandro Salvatierra e a súa parella, Ana Martínez, non se conforman con esta situación e tratan de reverter o abandono apostando polo gando autóctono en extensivo, logrando facer do despoboamento unha oportunidade. “Temos gando en todos os pobos arredor da Pontenova: en Santalla, en Vilaxe, en Teixidais, en Neipín e en Vilaméa. A xente vaise facendo maior e vai deixando e imos collendo nós as fincas”, explica Alejandro, que participou na última reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, adicada aos sistemas de produción de carne resilientes ás crises. Unha explotación adaptada ás dificultades da montaña A explotación de Ana e Alejandro é unha explotación adaptada ás dificultades da montaña, tanto climatolóxicas como orográficas, de pendentes e desniveis. “Na nosa zona as dificultades do terreo son evidentes. Ademais, está a competencia do eucalipto”, afirmou.   Alejandro naceu en Ferrol, fillo dunha funcionaria e un traballador de Fenosa. “Eu non estaba predestinado a isto, pero sempre me sentín atraído polo que facían os meus tíos na Mariña”, recoñece. O tío de Alejandro, Pepe Salvatierra, foi técnico de Extensión Agraria e logo xefe de explotación do CIAM.
Nalgunhas zonas os solos son tan pobres que nin para eucaliptos valen, pero si para prados
Alejandro formouse nas escolas de Sergude e Ponteareas e traballou en explotacións de leite até que no ano 2001 alugou terras na parroquia de Álvare, na Pastoriza, e tras incorporarse, comezou cun rabaño de 186 ovellas. “Convén comezar pouco a pouco, para ir adquirindo experiencia e competencia nun traballo que esixe moitos coñecementos”, asegura. No ano 2014 Alejandro trasladouse a Neipín e comezou a diversificar o gando para adaptarse a un terreo de montaña con moita pendente repleto de toxeiras e uceiras adaptadas a estes solos pobres. “Algunhas zonas nin para eucaliptos valen, pero si para prados”, asegura Alejandro.   Amansar o monte sen meter palas e tractores Pradeira establecida con mínimo laboreo, a base do traballo do gando Ana incorporárase á explotación no ano 2009 mercando 7 vacas caldelás en Maceda e Petín. Buscaban gando autóctono adaptado ás dificultades do terreo e capaz de contribuír a domesticar o monte. “Nós amansamos sen meter un tractor nin unha pala, vai amansando o gando, pero iso leva máis tempo que se fose mecanicamente”, explican. “Metemos primeiro cabra ou cabalo, dependendo do tipo de broza que haxa. A cabra, por exemplo, só come o toxo cando é novo, o vello non o come. Despois desbrozamos e abonamos e imos introducindo as vacas até que logramos o pastizal”, detallan. 
Teñen distintos tipos de gando que se complementan entre si
A súa é unha explotación gandeira complexa, con distintos tipos de gando que se complementan entre si nun sistema integral no que cada especie ten a súa función. “As cabras son animais que fomentan moito a aparición de trevo. De haber cabras no monte a non habelas hai unha diferenza bestial no engorde das vacas”, exemplifica Alejandro. “Comezamos con cero hectáreas de terra en propiedade” Ana e Alejandro levan adicados á gandeiría extensiva máis de 10 anos, nos que se foron facendo con algunhas terras e montes para traballar neste sistema que precisa, por enriba de todo, de superficie. Pero eles, comezaron “con cero hectáreas de terra en propiedade”, explican.
Nunha década levamos metidos uns 200.000 euros en fincas, que fomos apezando a base de mercar e permutar con outros veciños
A familia de Ana era caseira en Neipín e no 2016 lograron adquirir a propiedade na que levaban dúas xeracións de caseiros e onde neste momento están a rehabilitar a casa. Ao mesmo tempo, foron mercando na zona outros lugares con fincas que levaban nalgún caso 30 anos abandonadas. Dun deses lugares que mercaron quedaron coas fincas e os montes para facer pradeiras para o gando e coa casa, que venderon para a posta en marcha dun aloxamento de turismo rural, seguiron financiando a compra de máis superficie. Fincas a máis de 20 quilómetros Rabaño de ovella galega nunha pradeira situada a 18 km de Neipín Así, mercando e permutando, foron pouco a pouco facéndose con parte da base territorial que hoxe teñen. Son unhas 60 hectáreas en propiedade, situadas todas no entorno de Neipín. “Nunha década levamos gastado arredor de 200.000 euros en fincas e casas e tamén cambiamos moito cos veciños para apezar e poder ir xuntando parcelas”, explican. O resto, as fincas cedidas ou arrendadas, están distribuídas tanto polo concello da Pontenova como polo municipio veciño de Taramundi, xa en Asturias. En total, declaran na PAC 80 hectáreas, aínda que o gando pastorea moita máis superficie, aclaran, xa que hai persoas que lles ofrecen gratuitamente fincas situadas mesmo a máis de 20 km de Neipín.
Movemos o gando a medida que van acabando o pasto e procuramos que sexa axeitado para o tipo de rabaño que o vai pacer
“Movemos o gando a medida que van acabando o pasto e procuramos que sexa axeitado para o tipo de rabaño que o vai pacer”, explica Alejandro. Polo seu sistema de manexo, os peches son outra das bases da explotación. “Témolos de todo tipo, desde mallas metálicas a fíos ou mallas electrificadas”, detalla. Cabalos, vacas, ovellas e cabras A base da explotación de Ana e Alejandro é a diversificación, con distintos tipos de gando de distintas razas pero onde cada unha ten a súa función. A cabana gandeira actual está formada por 70 eguas de cría, maioritariamente de raza cabalo galego de monte; 50 vacas, maioritariamente de raza caldelá, pero tamén rubia galega e vianesa; 20 xovencas e tres touros (caldelao, charolés e rubio); 160 ovellas de raza galega (tamén os machos); e 28 cabras.
As cabras son animais que fomentan moito a aparición de trevo
Neste momento raramente ceban xatos para sacrificio, senón que os machos cruzados véndense directamente do pasto ás explotacións de cebo e as xatas véndenas para vida. “Outra das nosas actividades é adquirir gando fraco e barato, tanto vacas como eguas ou cabras, e engordalas para logo vendelas para vida a outras explotacións”, explica Alejandro. As bestas As bestas son hoxe unha parte esencial do negocio da explotación. Manteñen os pastos en bo estado, controlan o que rexeitan as vacas e as ovellas e abren zonas de mato con toxo. O seu custo de alimentación é baixo, destaca Alejandro. “Ofrécennos pastos para elas en moitos sitios, ás veces son grandes extensións pero en lugares distantes”, conta. Neste momento hai unha forte demanda deste tipo de gando, tanto para vida como para carne e “os prezos son bos”, recoñece.
Son socios de Boaga, Acruga, Puraga e Asovega
Explica que hai uns anos, a raíz da esixencia do microchip, baixou moito o número de cabalos que había nos montes e alerta do descenso en picado da poboación de cabalo galego, que pasou de 23.000 exemplares a tan só 9.000 neste momento. “Penso que estamos nun momento no que tiñan que apostar por el desde a Administración. A Xunta ten que ter claro que onde hai cabalo hai vida e darse conta de que non hai mellor solución para os montes para atallar o problema dos lumes”, afirma Alejandro.
A Xunta ten que ter claro que onde hai cabalo hai vida e tiña que apostar por el porque non hai mellor solución para o problema dos lumes
“Pero o cabalo hai que profesionalizalo”, di, “non serve telo de calquera maneira, hai que atendelo e facer manexo igual que se fai coas vacas”, defende. E explica que o cabalo leva catro ou cinco anos sendo rendible e os poldros estanse a vender por enriba dos 250 euros. As poldras novas báixaas para as fincas máis próximas, a carón das casas, para evitar os ataques do lobo, aínda que isto non é garantía ao 100%. “De vez en cando temos algún ataque, mesmo ao lado das casas”, conta. Logo, ao segundo ano xa as sobe para o monte.
Neste tipo de explotacións os cans de manexo e de protección dos rabaños son esenciais
Recoñece que “o lobo é un problema” pero di que para el “o problema principal é que a xente non se dá conta de que co modo intensivo, tanto na gandería como no forestal, estamos cargándonos o ecosistema”. “Non me preocupa que se planten os eucaliptos no monte, o que non quero é que se planten nos prados”, di. “O eucalipto non fixa poboación, por moito que nos queiran vender”, engade. Razas autóctonas Carga de xatos pasteiros cruzados vendidos a finais do mes de maio deste ano Alejandro defende a aposta polas razas autóctonas que fai na súa explotación e está tratando de mellorar xeneticamente a cabana mediante a selección. Corrupio, o touro caldelao, procede do Centro de Testaxe e na explotación conta con vacas que leva a concursos como os que se celebran en Silleda, Lugo ou O Valadouro. Por exemplo, Cabana foi varias veces campioa de Galicia. Ten máis de 20 anos. “O gando a nós dúranos moitos anos”, confesa.
No rabaño de vacas fan cruce industrial nas crías para vender pero as nais mantéñenas puras
A caldelá, di, é moi boa raza, porque “pare de case calquera touro e é unha vaca moi criadora. Hai que apostar por estas razas para despois poder meter touros cárnicos e non ter problemas”, asegura. Para facer os cruzamentos contan cun touro charolés e para manter a pureza da recría cun caldelao e outro rubio. “Apostamos por cruces coas razas autóctonas para os becerros pero as nais que queden puras”, insiste.
A xente pon outras razas porque quere os cartos rápido, pero a nosa gandería non ten problemas de enfermidades ou complicacións, que penso que ao final é do que se trata
“Facendo selección vaise mellorando a cabana, pero a xente quere os cartos rápido, por iso vai a outras razas”, asegura. Alejandro, sen embargo, valora outros factores. “A nosa gandería non ten problemas de enfermidades ou complicacións, que ao final é do que se trata; a vaca o que ten que facer é parir todos os anos e non dar problemas”, di. Explica que nas caldelás “non hai complicacións nos partos” mentres no outro rabaño, o de rubia galega, “sempre hai máis problemas”, recoñece. 

O proceso para converter o monte abandonado en pastizais

Cultivo de centeo no monte para aproveitar en pastoreo A explotación de Alejandro e Ana é un exemplo na xestión do monte con gando, tanto na transformación a pastos como na súa xestión. Están nun grupo de whatsapp no que hai 30 gandeiros, moitos rapaces novos, e o seu modo de traballar serve de exemplo para moitos deles. Tamén para Europa. Da man de Rosa Mosquera o seu modelo foi posto de exemplo na UE e a súa explotación forma parte de Afinet, unha rede europea de investigación sobre os sistemas silvopastorís no que participa o Campus Terra de Lugo da Universidade de Santiago.
Segue o modelo da carga instantánea, que consiste en introducir un alto volume de animais para que pazan a parcela o antes posible e de xeito inmediato retirar o gando
O proceso para converter o monte en pastizal é progresivo e calculado: primeiro consiste en pisar con vaca e cabalo, que come ademais os toxos, o segundo paso é introducir a cabra para que desbroce e logo entrarían as vacas e ovellas a pacer. “As cabras son animais que fomentan moito a aparición de trevo. De haber cabras no monte a non habelas hai unha diferenza bestial no engorde das vacas”, explica. O primeiro, pisar o toxo No inverno tiran rolos de forraxe monte abaixo para obrigar ao gando a pisar as zonas de toxo “Temos fincas que son un peñasco, que era monte con toxos de 3 metros de altura e que en 6 anos son pradeira”, di Alejandro satisfeito. A dureza orográfica dunha zona alta como é Neipín engade dificultade ao proceso. “Castigamos o toxo a base de pisalo coas eguas e coas vacas. Tirámoslles rolos de silo monte abaixo polo medio dos toxos no inverno para alimentar ás vacas e que sigan pisando e ás bestas dámoslles unha de cal e outra de area, se están un tempo no monte pisando unha zona onde non hai moito que comer logo levámolas a un prado para que engorden e se recuperen, nunca lles deixamos adelgazar de todo”, relata.
No monte ten que haber que comer, porque por moi cachenas que sexan as vacas, por exemplo, toxos non comen
“No monte ten que haber que comer, ten que haber pasto, porque por moi cachenas que sexan as vacas, por exemplo, toxos non comen. Non serve dicirlles aos rapaces novos que se incorporan que boten as vacas para o monte sen máis. Hai que facer xestión e manexo porque ten que haber que comer”, argumenta. Queimas controladas Queima controlada realizada en marzo de 2021 para transformar o mato en pastizal Ás veces, para axudar á implantación de pradeiras recurren a queimas controladas do mato que son realizadas durante o outono ou a primavera por persoal cualificado do Servizo de Defensa Contra Incendios da Xunta.
Estas zonas de pastizais son unha barreira natural contra o lume ao crear discontinuidade nas masas forestais
Unha vez queimado o mato, establecen distintas estratexias, ben creación de pradeiras ou ben cultivo de centeo para aproveitar en pastoreo. Estas zonas de pastizais son unha barreira natural contra o lume, ao crear discontinuidade nas masas forestais e actuar de cortalumes en caso de incendio. “Eu non son un gandeiro, son un produtor de herba” Pradeiras recuperadas no monte. Apostan por especies de herba que aguantan ben a seca e o pastoreo Malia ter un número importante de cabezas de gando de varias especies, Alejandro non se considera gandeiro senón que se define como labrego. “Eu non son un gandeiro, son un produtor de herba, que despois administro co gando como mellor me convén. A miña premisa é adaptar o gando ao terreo, non ao revés, adaptar o terreo ao gando”, asegura.  En definitiva, o obxectivo sería “lograr unha pradeira produtiva co menor gasto posible porque se o que dan as vacas o gastas todo nas vacas mal negocio fas”, razoa. “Nós abaratamos custos a base de andar co gando. Só damos ás vacas 3 meses de silo de herba, en decembro, xaneiro e febreiro, que é cando están nos patios para que descansen as fincas”, explica. Pastoreo rotativo “Non temos máis de tres días o gando nas parcelas para que non coman o retroño que comeza a saír e no inverno temos patios para que non sigan machacando as fincas e poidan recuperarse”, explica. Defende que “o pastoreo rotativo é o único xeito de que as fincas produzan porque senón machácanse moito”. Segue o modelo da chamada carga instantánea, que consiste en ter moito gando en pouco espazo para que pazan esa superficie o antes posible, no menor tempo, e de xeito inmediato retirar a carga gandeira para que rebrote a pradeira e se recupere. “Para as pradeiras é tan malo o sobrepastoreo como deixalas mal pacidas”, di.
Para as pradeiras é tan malo o sobrepastoreo como deixalas mal pacidas
Este sistema aplícao a todas as súas parcelas. “Nas fincas que recuperamos no monte facemos igual, pechamos e parcelamos para poder rotar”, explica. Este método tamén lle axuda no control das malas herbas. “Se tes o gando moito tempo acaba castigando as boas herbas pero se o moves e o rotas moito saen menos herbas malas”, di. Non empregan nin herbicidas nin pesticidas para controlar as malas herbas. “Facémolo todo manual, eu son moi artesanal”, bromea. Necesidade de árbores e sombras No verán o gando necesita sombras. Alejandro defende a plurifuncionalidade dos montes, con capacidade para acoller gando e a súa coexistencia coas árbores. “Neipín está orientado ao sur, necesitamos sombras. Cando amañamos monte imos deixando árbores para que dean sombra e para manter a capa freática máis arriba”, explica. Outra das dificultades de traballar estas zonas en pendente é o mantemento da pradeira. “Hai que ter moito ollo co sobrepastoreo en fincas moi costentas onde está a pena moi arriba, pero ao non mover a terra cando ven a seca aguanta máis a pradeira”, explica.
Non me preocupa que se planten os eucaliptos no monte, o que non quero é que se planten nos prados
Traballan con herbas que aguantan ben a seca, como o datilo, que ademais resiste o pastoreo intensivo. “É malo de implantar, pero cando logras implantalo aguanta ben o pastoreo”, di. Fai tamén trashumancia. “Movemos bastante o gando tanto dentro das parcelas como dunha finca a outra. Subimos o rabaño no verán ás zonas altas, a 1.000 metros de altitude, á serra que está fronte á Fraga da Reigada, un dos bosques autóctonos máis grandes da Rede Natura, e baixámolo no inverno ás fincas que están no fondo do val. Son tres horas camiñando co gando para cambialo”, detalla. Un cambio na orientación da PAC Alejandro defende un cambio de orientación na PAC que prime modelos de gandería extensiva fronte a un modelo intensivo de produción. “Debían apoiar máis aos que facemos unha gandería máis respectuosa e coidamos dos ecosistemas, pero o problema é que Europa segue apostando polo sistema intensivo porque os que traballamos doutro xeito non interesamos, porque somos máis autosuficientes e xeramos menor volume de negocio, porque non gastamos tanto abono, maquinaria, seme, empresas asociadas e de servizos, etc, por iso non interesamos”, quéixase. Aínda lembra cando se excluíu o pasto arbustivo da PAC. “Para nós foi un pau, perdemos de golpe as subvencións e estabamos tan desanimados que estivemos a piques de deixalo todo, pero ao final serviunos para reorientar a explotación cara a un modelo sostible menos dependente das axudas”, asegura.

Xornada formativa en Boqueixón sobre coidado dos pés dos cabalos

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar a semana que vén en Boqueixón un curso sobre o coidado do pé equino. Impartida polo Centro de formación e experimentación agroforestal (CFEA) de Sergude, a acción formativa impartirase do 10 ao 12 de xuño e terá unha duración total de 22 horas. O obxectivo do taller é conseguir un persoal formado no tratamento de lesións podais equinas, así coma na ferraxe dos cabalos. Abordaranse aspectos tanto teóricos coma prácticos no relativo a desferrados, recortes, aplomados e colocación de ferraduras de emerxencia e exporanse as últimas tendencias sobre o descalzo equino. O obradoiro consistirá en formación tanto teórica coma práctica. Esta iniciativa está dirixida ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. Así mesmo, o taller tamén pretende ofrecer unha oportunidade laboral á xuventude do medio rural galego. Para participar é preciso descargar a solicitude nesta ligazón https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas e remitila cuberta a cursos.agacal.sergude@xunta.gal. . Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 867 327