Archives

Aconsellan manter a vixilancia da botrite ata a vendima

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar o último aviso fitosanitario previo á vendima no que, en liñas xerais, alude ao bo estado xeral das viñas, aínda que recomenda manter a vixilancia ante a botrite e advirte tamén da aparición masiva de acios afectados por golpe de calor. No que atinxe á botrite, persoal da EFA lembra que aínda que esta semana non se detectaron novos síntomas da presenza desta enfermidade, antes da vendima poderán detectarse novos acios danados, en especial se hai humidade, polo que non hai que descoidar a vixilancia nin os labores culturais que favorezan a aireación dos acios. Areeiro sinala que no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura existen funxicidas sen prazo de seguridade, ou con prazos curtos ou moi curtos, que aínda poden ser utilizados en caso de condicións favorables, pero que é imprescindible respectar os prazos recollidos nas etiquetas. Areeiro sinala tamén no seu aviso que a calor destes días supuxo un estrés para as plantas, o que incrementou o número das que manifestan síntomas de alteracións da madeira e supuxo que haxa plantas pequenas con síntomas de seca. Ademais, as temperaturas máis elevadas e a luz solar intensa destes días provocaron a aparición masiva de uvas con golpes de calor ou de sol que poden ser confundidos con botrite, pero que na maioría de casos non o é. As uvas afectadas presentan unha cor semellante á que adquiren cando hai podres e, co tempo, estas uvas iranse deshidratando. En xeral, estes síntomas afectan á cara dos acios sobre a que incide directamente a luz solar, e as condicións de seca ou os esfollados excesivos e mal executados están tamén na orixe do fenómeno. Grans escaldados polo sol. // Imaxe. Estación Fitopatolóxica Areeiro. Por outra banda, respecto ao mildio, a EFA destaca que non se atoparon novos síntomas en follas nin acios rebuscos, que son os que a estas alturas da campaña poderían ter algunha sintomatoloxía. Tendo en conta as condicións meteorolóxicas para os vindeiros días, con posibilidade dalgunhas choivas débiles e a posterior mellora do tempo, o persoal da Estación indica que poden aparecer novas manchas ata a vendima debido ás posibles choivas febles destes días, pero xa sen incidencia na maduración pola frondosidade que teñen en xeral as viñas.
Trala vendima, naquelas viñas moi afectadas por mildio e onde siga o avance da enfermidade, recomendan aplicar un tratamento cúprico
Despois da vendima, e en especial naquelas viñas onde quede un elevado nivel de inóculo por ter sufrido este ano un ataque forte na floración, continuará o avance da enfermidade na vexetación, sempre que haxa condicións climatolóxicas favorables. Nestes casos, antes da caída da folla será conveniente un tratamento cúprico para garantir o bo agostado da madeira e limitar a incidencia da enfermidade na seguinte campaña. En canto á avelaíña da uva, non se detectaron máis danos nos acios nas viñas da rede de seguimento, pero a situación pode ser diferente noutras viñas, polo que a EFA recomenda manter a vixilancia ata a vendima debido á influencia que poden ter as perforacións das eirugas sobre as podres. En principio, estímase que non será preciso dar tratamento algún pola relativa proximidade da vendima, pero se nas revisións se atopan danos por riba do 3-5% de acios afectados nas variedades máis sensibles ou de 5-8% nas restantes, será conveniente realizalo elixindo insecticidas con prazo de seguridade curto, que en todo caso debe ser respectado. Por último, no caso dos cicadelidos, Areeiro advirte que seguen a ser recollidos nas trampas o Scaphoideus titanus, e lembra que controlalo é unha das poucas formas existentes para conter a grave enfermidade de corentena que transmite: a flavescencia dourada. No que se refire ás capturas de mosquito verde nas trampas instaladas nas viñas da rede de seguimento, estas foron baixas.

Recomendan aplicar no viñedo un tratamento contra a botrite tralas recentes choivas

Ante as infeccións por botrite detectadas esta semana, debido ó estado fenolóxico da uva (moi próxima á maduración) e as choivas que se rexistraron recentemente, a Estación Fitopatolóxica Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella tratar as viñas nas que non se tivese realizado ningunha aplicación con anterioridade. As precipitacións dos últimos días provocaron un rápido incremento do tamaño dos grans, o que nalgunhas ocasións fixo rebentar a súa pel. Isto, xunto coas perforacións nalgúns predios de eirugas de Lobesia e ataques de paxaros nas uvas, deron lugar á aparición de micelio en acios de moitas viñas. Por esta razón, Areeiro recomenda aplicar un antibotrítico se non se realizou este tratamento con anterioridade. O persoal sinala que no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación existen funxicidas autorizados para o control desta enfermidade con características e prazos de seguridade moi diferentes, polo que debe ser considerado cada caso concreto segundo o estado de maduración da uva e a presenza actual de síntomas ou feridas nos grans. Por outra banda, o aviso volve referirse de novo á enfermidade da flavescencia dourada. Areeiro sinala que segue a haber capturas do Scaphoideus titanus nas trampas, agás nas viñas nas que se realizaron os tratamentos insecticidas recomendados, e lembra que combater este insecto é un dos escasos medios para loitar contra esta patoloxía. Neste senso, advirte de que as poboacións deste insecto vector que queden este ano estarán fortemente relacionadas coas da campaña seguinte e, polo tanto, coa dispersión da enfermidade. Respecto do mildio, o aviso sinala que coa entrada no pintado a uva xa non é sensible a este patóxeno, e só poden aparecer síntomas na vexetación e nos acios dos brotes netos, nos que apareceron precisamente nas revisións efectuadas esta semana. Coa previsión de altas temperaturas para os vindeiros días, o centro indica que en principio non será necesaria ningunha intervención máis que, opcionalmente, nos predios que tiveron fortes ataques nesta campaña se a densidade de manchas é tan elevada que pode provocar defoliación e comprometer a maduración en curso. Por último, o aviso da Estación Fitopatolóxica refírese tamén ás hortícolas. Lembra que os restos vexetais son o soporte que utilizan varias pragas e patóxenos para pasar o inverno, de xeito que neste momento, cando se están a levantar algúns destes cultivos, Areeiro aconsella que se eliminen estes restos para reducir a problemática que se poida ter o próximo ano.

Recomendan vixiar os danos por botrite nos viñedos

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro recomenda manterse alerta ante os danos por botrite que poden darse nos viñedos. O risco por mildio e oídio é cada vez menor, ó atoparse xa boa parte das cepas no pintado. No caso da botrite, o feito de que xa practicamente en todos os predios e variedades os acios se atopan na fase de pintado, estado no que son máis sensibles ó ataque deste fungo oportunista, motiva que haxa que manterse máis alerta ante posibles danos. Ademais, dende a Estación, dependente da Deputación de Pontevedra, recordan que o incremento da humidade, as temperaturas suaves, o incremento do azucre na uva, os acios compactos, os acios secos por mildio ou os danos nos grans favorecen a aparición deste patóxeno. Por iso, se non se aplicou aínda un antibotrítico, aconsellan facelo despois das choivas que se agardan para os próximos días, en especial se finalmente chove de xeito abundante, para evitar ou reducir as posibilidades de que se instale o fungo. Naqueles viñedos que foron tratados con cobre para previr ataques por mildio, este pode ser suficiente polo momento para frear a incidencia. As chuvias e as temperaturas mínimas elevadas tamén poden favorecer a aparición de novas manchas e lavarán os tratamentos aplicados contra o mildio. Aínda que o risco de contaxio é cada vez menor, recomendan renovar os tratamentos de cobre polo menos naquelas viñas onde non se tiveran dado antes ou onde se tiveran producido danos ó longo da campaña. Mentres, se as chuvias previstas son intensas reducirase o risco de aumento de síntomas de oídio en follas, pampos e acios rebuscos. Así, no último boletín emitido pola Estación só aconsellan aplicar un tratamento antioídio ó tratamento de cobre para o mildio naqueles predios con variedades que teñan a enfermidade.

Capturas do vector da flavescencia dourada

Dende a Estación Fitopatolóxica recomendan manterse alerta polo vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus. Polo momento só o capturaron en trampas colocadas nas comarcas do Rosal e O Condado. Con todo, recordan a importancia dos tratamentos para frear o avance da enfermidade, posto que o insecto pode estar aínda presente ata ben entrado setembro. Ademais, deben cortarse e eliminarse as plantas de viña abandonadas, para evitar que se convertan en refuxio para o vector.

Mal do chumbo nas froiteiras

Como detallan no seu último aviso sanitario, xa están a detectarse froiteiras afectadas polo mal do chumbo. No caso de localizar danos, recomendan eliminar as ramas afectadas, se se trata dun ataque localizado, ou mesmo as árbores danadas, para evitar a expansión da enfermidade. Tamén aconsellan facelo xa no verán, para reducir o nivel de inóculo presente na parcela. Para reducir o risco de contaxio na planta, despois de cada corte hai que aplicar unha pasta funxicida e antes de podar a seguinte rama deben desinfectarse ben as tesoiras. Finalmente, todos os restos podados deben retirarse da finca. Estas mesmas recomendacións, poden aplicarse ás maceiras e pereiras que estean afectadas por cancro.

Recomendan manter a vixilancia das viñas ante o mildio, oídio e botrite

O último aviso fitosanitario emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica Areeiro recomenda continuar a vixilancia da viña ante o mildio, oídio e botrite. O centro dependente da Deputación de Pontevedra advirte da importancia de aplicar tratamento debido ó aumento do oídio e tamén preparados antimildio naquelas viñas nas que, polo desenvolvemento da vexetación, non chegaron os tratamentos. Ademais, Areeiro advirte sobre o aumento da erinose de verán e sobre novos síntomas de enfermidades de madeira. No relativo o mildio non se ten detectado empeoramento nas viñas. Non obstante, naquelas zonas máis frondosas, onde non chegou o tratamento, si se teñen atopado novas manchas. Debido á previsión de posibilidade de precipitacións que se espera para os próximos días, recoméndase tratar as viñas cun funxicida a base de cobre. A falta de choiva dos últimos días favoreceu a presenza do oídio nas viñas. Areeiro detectou un incremento no número de acios afectados entre os cales, os máis danados son as variedades sensibles e en acios rebuscos. Debido a que o pintando non está completo, o centro dependente da Deputación recomenda aplicar un antioídio á par do funxicida de cobre. Tamén se recomenda o control e tratamento da viña ante o avance da botrite. En especial en viñas onde hai cepas de diversas variedades temperás, nas que o avance na fenoloxía conduce a un maior contido de azucre dos grans e hai máis afectación. Neste caso, así como en variedades sensibles, é aconsellable aplicar un tratamento dirixido aos acios. Como consecuencia da calor dos últimos días a sintomatoloxía das enfermidades de madeira acentuouse, así como o desequilibrio hídrico que está afectando a algunhas das viñas. Tamén segue a aumentar a erinose de verán.

O bo estado das viñas evita os últimos tratamentos preventivos contra mildio e oídio de cara á próxima campaña

A poucos días xa para que comece a vendima de xeito xeralizado en toda Galicia, os viñedos atópanse nun moi bo estado sanitario debido, sobre todo, ó tempo seco e solleiro dos últimos meses. Tal e como recolle o derradeiro boletín fitosanitario para a campaña emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, as elevadas temperaturas están a favorecer tamén a maduración dos acios. Nas uvas Albariña analizadas polo persoal técnico de Areeiro esta mesma semana, o grao alcólico sitúase por encima dos 11 graos, cun valor mínimo de 11,21 nunha viña do Rosal e un máximo de 13,11 graos nunha parcela solleira do Salnés. A baixa incidencia de patóxenos coma o mildio ou o oídio en boa parte da campaña e nesta recta final permite que tampouco sexa preciso aplicar un tratamento cúprico postvendima para reducir o nivel de inóculo para o próximo ano. Esta é unha práctica habitual para tentar reducir os danos de cara á próxima campaña nos anos de gran incidencia de ambas pragas. Tampouco se están a detectar danos por botrite en boa parte dos viñedos. A falta de humidade está a ser determinante para que non se propague a praga. Como sinalan dende Areeiro, nin tan sequera detectaron danos nos acios de variedades de pel fina, as uvas coa pel rachada ou aquelas con danos por paxaros ou pola vespa asiática, que serían máis propensas a sufrilos. A uva tampouco rexistrou danos pola avelaíña do acio nesta campaña. Pese a que a semana pasada se capturaran unha destacada cantidade de machos desta especie nas trampas que Areeiro ten distribuídas, esta semana o número volveu reducirse e segue sen ser preciso ningún tratamento.

Pendentes dos ácaros na vindeira campaña

Nesta última semana da campaña, o persoal de Areeiro observou un elevado número de viñas con gromos terminais de cor escurecida e entrenós curtos, síntomas característicos de ataques de trips e acariose. As análise revelaron que a maior parte deles estaban afectados por ácaros. Neste senso, dende Areeiro, recoñecen que este ano detectaron unha maior incidencia de acariose nas viñas, que achacan á particular climatoloxía rexistrada. Os profesionais de Areeiro apuntan a que será preciso estar pendentes dos ácaros na brotación da próxima campaña. Nesta recta final da campaña e dada a incidencia da calor, seguen a detectarse nos viñedos danos por golpe de sol nos acios, plantas ou brazos mortos por alteracións da madeira e síntomas de estrés hídrico. Ademais, esta semana detectaron un novo agromo de erinose e danos pola incidencia da vespa asiática.

Os viñedos encaran a recta final antes da vendima con boa sanidade

As chuvias rexistradas en toda Galicia ó longo dos últimos días case non tiveron incidencia no estado sanitario dos viñedos. Así o recolle o último aviso fitosanitario emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, entidade dependente da Deputación de Pontevedra. As viñas apenas presentan incidencia de patoloxías habituais coma o mildio. Detectaron moi poucos síntomas nos brotes terminais, mesmo na plantas de viñas que levaban máis dun mes sen aplicar tratamentos ou naquelas que manteñen sen intervención en toda a campaña. Os ventos do norte e a previsión de tempo seco para os próximo día fan que siga sendo improvable a aparición de danos por mildio. Os síntomas de oídio que detectara o persoal de Areeiro na revisión da semana anterior tampouco evolucionaron durante estes días, e só detectaron danos mínimos e casos puntuais. Aínda que as chuvias podían favorecer os danos por botrite, na maioría dos casos foron precipitacións moi lixeiras e a humidade non se mantivo durante moito tempo na vexetación, polo que non se aprecian danos de importancia. A previsión de tempo seco tamén reduce ó mínimo o risco para os próximos días. Se se producen danos para os que sexa preciso tratar e tendo en conta a proximidade da vendima nalgunhas zonas, dende Areeiro recordan que existen funxicidas antibotríticos con 14 días de prazo de seguridade e outras solucións naturais que ou ben non teñen tempo de espera ou só se debe agardar un día. Esta semana incrementouse a presenza e capturas de machos de couza do acio, en especial nunha das trampas xestionadas por Areeiro en viñas de O Condado, onde capturaron 72 exemplares. Tamén se incrementou o número de perforacións das eirugas nos acios, aínda así atópase por debaixo dos limiares nos que sería preciso realizar un tratamento. Malia as precipitacións rexistradas esta semana, as viñas seguen acusando estrés hídrico e patoloxías de madeira. Ademais, a forte insolación fai que se manifesten de xeito máis notorio os golpes de sol nas uvas. Esta semana, o persoal de Areeiro xa detectou os primeiros acios en fase de maduración afectados por paxaros.

O adianto da vendima limita o uso de fitosanitarios químicos no viñedo

As altas temperaturas e días solleiros deste verán fixeron que moitos viticultores estean preparándose para o inicio da vendima, por iso a maioría das grandes adegas teñen xa limitado o uso de fitosanitarios químicos e convencionais nos viñedos. Ademais, as vagas de calor e o avanzado estado fenolóxico no que se atopan as uvas reducen os riscos de danos por patóxenos como o mildio. Con todo, naqueles viñedos menos vigorosos e que se viran afectados pola incidencia de mildio, dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro recomendan prestar atención a estes síntomas xa que, aínda que non provoque danos directos no acio, podería chegar a afectarlle á saúde da planta se se producen defoliacións a causa de manchas nas follas. Por este motivo, no último boletín fitosanitario emitido por Areeiro este venres, recomendan tratar estas viñas afectadas con solucións cúpricas, que practicamente na súa totalidade teñen un prazo de seguridade de 15 días. Ademais, destacan os efectos beneficiosos do cobre tanto sobre a pel da uva coma para o endurecemento da madeira. Nas súas revisións nos viñedos, o persoal de Areeiro detectou esta semana un incremento dos danos por oídio, en especial nas plantas de zonas con influencia mariña. Mesmo chegaron a detectar acios rebusco afectados nalgunhas parcelas xa tratadas, aínda que foron danos de pouca intensidade. Dado que o patóxeno xa non pode afectar á uva, polo xeral xa non será preciso realizar ningún tratamento fitosanitario. Mentres, se se detectan síntomas de oídio recomendan evitar excesos de vexetación e realizar labores de eliminación de brotes netos. Aínda que polo momento a incidencia de botrite está a ser tamén mínima, a previsión de tempo húmido para os próximos días fai incrementar os riscos. No caso de que a uva estea en bo estado, non é probable que se produzan danos de importancia nos acios, malia que haxa condicións favorables para a súa aparición. Con todo, dende Areeiro inciden en que puntualmente pode ser aconsellable tratar para evitar danos. En caso de ter que tratar, o Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio inclúe funxicidas antibotríticos cun prazo de seguridade de 14 días e produtos naturais cun prazo de seguridade dun día ou mesmo sen ter que agardar para colleitala. Tampouco se detectou incidencia da couza do acio, que favorece a aparición de danos por botrite nas feridas que provoca nas uvas. Pese a que capturaron varios machos nas trampas das que dispón a Estación Fitopatolóxica nos viñedos, este reducido número de capturas fai prever que a presenza do insecto tampouco faga ter máis incidencia da botrite, tendo en conta ademais que se prevé un adianto da vendima. Nas visitas ós viñedos realizadas nas últimas semanas, o persoal de Areeiro detectou a presenza de Trips en viñedos de O Salnés e o Rosal, con síntomas nas follas, sen chegar a producirse danos nos acios. De localizar estes insectos e ser preciso un tratamento, entre as solucións autorizadas hai un produto autorizado para o seu control e que non ten prazo de seguridade. Tras varias campañas sen constatar a súa presenza, esta semana localizaron síntomas de acariose nas parcelas de seguimento da Estación Fitopatolóxica. Nas cepas afectadas, o persoal especializado detectou tamén a presenza de ácaros beneficiosos fitoseidos, que posiblemente sexan capaces de controlar o ataque. Ademais, seguen a detectarse danos nos acios e cepas por golpes de calor, alteracións da madeira, estrés hídrico e erinose de verán.

Robots 4.0 en viñedos galegos para facilitar a vendima

“A robótica en agricultura ten e vai ter moito sentido e mesmo menos limitacións que outros ámbitos nos que hai postas moitas esperanzas, coma os coches autónomos”. Así de clara se amosaba a investigadora Ángela Ribeiro, que traballa no Centro de Automática e Robótica, centro mixto entre o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Universidade Politécnica de Madrid, durante a súa participación no Ciclo de Conferencias en robótica agrícola e gandeira celebrado recentemente en Lugo.
“En España xa se están deseñando e desenvolvendo solucións tecnolóxicas moi interesantes. Deberiamos crear e vender tecnoloxía”
Ribeiro reivindicou ademais os importantes avances en robótica e dixitalización do agro que se están levando a cabo en España e que sitúan ao país na vangarda tecnolóxica. “En España xa se están deseñando e desenvolvendo solucións tecnolóxicas moi interesantes. Deberiamos crear e vender tecnoloxía”, recomenda. A investigadora sinala que, mentres en tarefas como a preparación dos solos e sementeiras se ten avanzado moito na robotización, na produción da colleita aínda queda moito sobre o que traballar. Un dos exemplos sobre este avance da robotización no campo no manexo da colleita é o proxecto Flexigrobots, no que está a traballar Ribeiro nestes momentos. Neste caso buscan o desenvolvemento dunha plataforma para sistemas multi-robot autónomos, flexibles e heteroxéneos que facilite a automatización intelixente no manexo de precisión de cultivos. Trátase dun proxecto internacional no que participan tamén empresas e organismos de países como Finlandia, onde se centran no cultivo de colza; así como en Centroeuropa, que traballan en plantacións de arandos. En España, o CSIC traballa en viñedo. Ademais, está a desenvolverse en viñas galegas, grazas á colaboración da adega de Rías Baixas, Terras Gauda, situada na subzona do Rosal. Primer prototipo de robot de asistencia á vendima. Colaboración cunha vendimiadora nas Bodegas Terras Gauda en setembro de 2021.

Facilitar a vendima

Aínda que o proxecto aínda está en plena fase de desenvolvemento, xa levaron a cabo probas nos viñedos galegos durante a pasada vendima e patentaron a plataforma de asistencia á vendima, que está pensada para facilitar a vendima, e que resulta especialmente interesante naquelas zonas onde arrastrar as caixas das uvas vólvese un traballo físico esgotador. A plataforma, na que se carga a caixa, segue ao operario mentres este vendima. Trátase de que identifique e siga a un operario concreto, adaptándose ao seu ritmo de recollida e permanecendo a unha distancia de menos de medio metro. “Nas primeiras probas a persoa que vendimiaba estaba pendente do robot e tentaba inconscientemente adaptarse a el, pero buscamos xusto o contrario, que sexa o robot quen se adapte ao ritmo do vendimiador”, explicaba Ribeiro.
O obxectivo do robot é acurtar os tempos que a uva pasa na caixa esperando ao seu traslado
O robot recoñece e segue a un único viticultor que localiza mediante un identificador situado nun medallón que leva colgado. Ademais, o sistema conta cun receptor GPS para os desprazamentos que teña que realizar aos puntos de recollida e carga. O obxectivo do robot é acurtar os tempos que a uva pasa na caixa esperando ao seu traslado, xa que se trata de que unha vez que a caixa estea chea, outro robot veña a substituílo e este mentres poida trasladar a caixa ata o punto de recollida. Neste sentido, máis que un único robot, a idea coa que traballan desde o CSIC é en desenvolver unha frota de robots que traballe cooperativamente cos vendimiadores.

Frotas de pequenos robots 4.0

Do mesmo xeito que expoñen no proxecto Flexigrobots coa automatización na vendima, Ribeiro apunta cara a un novo salto na robotización da agricultura, no que se aposte polas frotas de robots de pequeno tamaño que poidan realizar labores de forma autónoma e baixo a supervisión dun operario. “Defendemos a implantación da robótica no campo con frotas de pequenos robots”, explica Ribeiro. A utilización destas frotas de pequenos robots presenta vantaxes como: -Son menos perigosos. Ao tratarse de robots de pequeno tamaño os riscos e consecuencias derivados de que se produza un fallo son menores para o ser humano. Con este tipo de tecnoloxía increméntase a seguridade. -Fácil substitución. Ao traballar cunha frota se un dos equipos se estraga pode substituírse por outro de maneira que poida realizarse a tarefa, a diferenza do que ocorre coas grandes maquinarias automatizadas, onde un fallo pode atrasar de maneira importante a tarefa ou mesmo comprometer o cultivo ao ser máis complexa a súa substitución. - Ao tratarse de robots de menor tamaño tamén se reduce a compactación do terreo, que adoita ser un dos inconvenientes de utilizar grandes maquinarias en agricultura. -Tamén supoñen un menor gasto en comparación co desembolso que supoñen outras maquinarias de maior tamaño. -Do mesmo xeito que a maquinaria tradicional e de maior tamaño, estas frotas, a pesar de ser autónomas, requiren por seguridade da supervisión dun operario.

Aproveitar e adaptar tecnoloxía para o campo

Máis aló do desenvolvemento de novas propostas tecnolóxicas innovadoras, tamén se está traballando en aproveitar e adaptar aos traballos no campo solucións xa existentes. É o caso, por exemplo, da adaptación que fixeron desde o CSIC dun vehículo eléctrico convencional transformándoo nun vehículo automatizado que se empregue na mostraxe do viñedo, para detectar pragas como a Botryte. Robot autónomo basado en Twizy para a inspección de viñedos. A Rioxa 2017. Así, optaron por utilizar o modelo de coche eléctrico Twizy de Renault para este uso. As prestacións que presenta este vehículo, como a súa robustez, a súa autonomía de 80 quilómetros, a súa recarga mediante un enchufe convencional ou o seu baixo prezo (11.000 euros fronte aos 60.000 euros que poden custar outros robots de campo equivalentes) convertérono nunha opción competitiva para a súa automatización. Con el realizaron mostraxes en viñedos da Rioxa con cámaras RGB-D, que achegan profundidade na toma de imaxes e que permiten unha maior precisión na elaboración de mapas de volumes que permiten contar con información de utilidade como o grao de afectación de patóxenos do viñedo, como a Botryte, para o seu posterior tratamento. “Con estas mostraxes pódese extraer moita información sobre o viñedo, útil para o xestor”, apunta a investigadora. Cabe destacar que, nesta liña de automatización e adaptación da tecnoloxía, o equipo de investigadores liderado por Ribeiro no CSIC xa deu importantes pasos, debido a que foron dos primeiros en integrar a utilización de drons nos tractores, comezando xa en 2007 co seu uso. A frota de robot terrestres RHEA e a Estación Base desde onde se supervisaba o traballo da frota de robots utilizando unha Interfaz Gráfica de Usuario, que proporcionaba unha recreación realista en tempo real do traballo dos robots. Ademais, participou no desenvolvemento de proxectos europeos de gran impacto como RHEA (Robot fleets for Highly Effective Agriculture and forestry management), co que conseguiron os primeiros pasos en tractores autónomos que realizaban o traballo de campo supervisados por un operario desde unha estación base, co apoio de programas informáticos para a detección rápida dos problemas que xurdían durante o traballo e a procura de solucións eficaces para atallar os mesmos canto antes, preferiblemente sen a intervención do operario e sen deter o traballo dos robots.

Bio-ferramentas para o control de pragas nos viñedos, alternativas para reducir o uso de pesticidas

España atópase entre os 3 países nos que a viticultura ecolóxica ten un maior peso en Europa, cuns 2,1 millóns de hectáreas con este tipo de produción. Mentres, en Italia e Francia, os outros dous países que completan a clasificación da produción ecolóxica europea, apenas se conta con 1,9 e 1,7 millóns de hectáreas, respectivamente. “A viticultura ecolóxica en España é un sector importante ao que apoiar e brindar ferramentas”, reivindica Raquel Campos Herrera, investigadora Ramón y Cajal do Instituto de Ciencias de la Vid y del Viño (CSIC-UR da Rioxa), durante a súa participación no Seminario Internacional de Viticultura: Avances e desafíos conxunturais, organizado pola plataforma Vitivin.
“A xestión integrada de pragas no viñedo adoece dun uso reiterado de pesticidas e require dun avance en métodos máis sostibles para reducir os residuos en viñas”
Dado o espazo que reclama a viticultura ecolóxica e o impacto ambiental que supón a produción convencional, onde chegan a aplicarse ata 30 tratamentos fungicidas por campaña dependendo das condicións climáticas, as alternativas biolóxicas e sostibles para combater as principais pragas do viñedo fanse cada vez máis necesarias. “A xestión integrada de pragas no viñedo adoece dun uso reiterado de pesticidas e require dun avance en métodos máis sostibles para reducir os residuos en viñas, tanto en solos como na auga”, apunta a investigadora. O grupo de traballo no que participa a investigadora abordou nos últimos 3 anos o uso de bio-ferramentas que poidan contribuír no control de pragas e enfermidades da vide. Unha das estratexias de control de pragas nas que se están centrando é a utilización dos nematodos entomopatóxenos, empregándoos como axentes de control biolóxico e organismos de modelo ecolóxico para o control de pragas como a avelaíña do acio, entre outros.

Os nematodos, aliados no viñedo

Do mesmo xeito que xa se están empregando noutros cultivos, o grupo de investigación abordou a utilización dos nematodos entomopatóxenos, sobre cuxo uso en viñedo apenas se levaron a cabo investigacións polo momento. Pero, como poden os nematodos converterse nunha ferramenta contra pragas? O seu propio ciclo natural no solo lévalles a acabar co seu hospedador, é dicir, o insecto; unha vez que liberan as bacterias, por iso é polo que poden chegar a ser de utilidade para combater determinadas pragas propagadas por insectos. “Unha vez que os nematodos penetran no insecto, proliferan e liberan unha serie de moléculas e toxinas que afectan a órganos como o intestino e que acaban por provocar a morte do insecto, que despois os nematodos seguirán aproveitando para reproducirse, proliferar e volver ao solo en busca dunha nova vítima”, detalla a investigadora.
As súas investigacións centráronse na avelaíña do acio, a cigarra espumadora e as arañas vermella e amarela
Coñecendo este proceso, o grupo botou man dos nematodos entomopatóxenos para desenvolver ferramentas biolóxicas, en parte desenvolvidas polo investigador Ignacio Vicente Díez, como parte da súa tese doutoral. Centráronse en tres insectos para observar de que maneira os nematodos poden converterse nun aliado para o seu control nos viñedos. En concreto traballaron sobre a avelaíña do acio, a cigarra espumadora e as arañas vermella e amarela. Centrarse nestes insectos motivou que os seus traballos vaian máis aló do desenvolvido para outras pragas que sobreviven na terra, onde tamén se localizan os nematodos. “Todas estas especies desenvólvense na parte aérea, o que obrigou a traballar nunha tecnoloxía paralela”, detalla a investigadora. Levan aplicando en campo esta nova tecnoloxía desde 2015 con distintos modelos de aplicación. “Coa tecnoloxía desenvolvida conseguimos que estes nematodos sobrevivan o tempo suficiente como para que se poidan utilizar na parte aérea e que penetren nestes insectos”, detalla Campos. Ademais, nos últimos anos foron máis aló de utilizar o propio nematodo senón que pasaron a utilizar todas as bacterias que o nematodo produce dentro do insecto, xa que estas bacterias poden crecer nun medio líquido, é dicir nun cultivo artificial, de maneira que logo se poidan empregar de distintas formas.

Ferramentas biolóxicas e pragas

Polo momento, xa comprobaron que a utilización destes extractos é eficaz contra a araña vermella, así como contra a cigarra espumadora, a avelaíña do acio e mesmo para o control da botrite. “Os traballos realizados con estes extractos mostran que teñen unha elevada eficacia para controlar ácaros como a araña vermella”, detalla a investigadora. No caso do seu uso para controlar a cigarra espumadora (Philaenus spumaius), comprobaron que a escuma producida por este insecto é un hábitat ideal para que actúe o nematodo. Tamén certificaron que estes nematodos resultan moi eficaces para matar as ninfas deste insecto. Ademais, confirmaron que non só os propios nematodos senón os extractos estaban a resultar de gran utilidade para acabar co insecto aos 3 ou 4 días. Taxa de mortalidade da cigarra espumadora exposta a nematodos. Nos seus traballos sobre o uso de nematodos entomopatóxenos como dos extractos para controlar a avelaíña do acio (Lobesia botrana), centráronse en distintas fases do insecto e confirmaron que no caso da fase 3 de larva o uso dos extractos dos nematodos consegue unha mortalidade do 80%. “Son resultados moi prometedores e sobre os que necesitamos seguir traballando”, recoñece a investigadora, xa que os traballos apenas comezaron o verán pasado. A taxa de mortalidade das larvas de Lobesia botrana (couza do acio) chega case ó 100% ó quinto día. Tendo en conta a relación que existe entre a avelaíña do acio e o desenvolvemento da botrite, xa que este insecto actúa como vector do patóxeno, os investigadores quixeron comprobar tamén se o uso destes nematodos ou os extractos podía ser un método de control deste patóxeno, conseguindo resultados prometedores, aínda por confirmar. Ademais, nos seus traballos están a estudar cales son os mellores co-adxuvantes que se podían utilizar no viñedo para conseguir a mellor supervivencia dos nematodos entomopatóxenos na parte aérea. “Búscase que poidamos mellorar a prevalencia dos nematodos nos viñedos”, explica a investigadora. Así, estas investigacións abren a porta á utilización de novas alternativas biolóxicas e cun menor impacto para o control de pragas no viñedo.  

-Consulta aquí algúns dos artigos de referencia para este proxecto. 

-Utilización dos nematodos no control da couza do acio.  -Efectos insecticidas dos nematodos contra a cigarra espumadora. 

Solucións naturais para o control de mildio, oídio e botrite en viñedo

Na Península Ibérica atopámonos con varios dos problemas endémicos tradicionais do viñedo como son o oídio (Uncinula necator), o mildio (Plasmopara viticola) ou a podremia gris (Botrytis cinerea). En canto falamos da expansión e incidencia destas patoloxías, as condicións ambientais son fundamentais no desenvolvemento tanto do mildio como da botrite por este motivo a zona de influencia atlántica adoita ser a máis prexudicada e onde máis atención hai que prestar á aparición e desenvolvemento destas. Aínda que é certo que as variacións climáticas acontecidas nos últimos anos, están a propiciar unha maior incidencia en toda a península onde tradicionalmente se considerou un problema menor, pero que aparece de forma recorrente cada certo tempo.

Por outra banda, o oídio é unha enfermidade ben presente ano tras ano en practicamente todos os nosos viñedos, con requirimentos superiores de temperatura, pero que non precisa dunha precipitación abundante para a súa aparición e desenvolvemento.

Fronte á persistencia destes problemas fitopatolóxicos, preséntase unha nova realidade no sector da sanidade vexetal. Un período de transición dirixido polas institucións europeas a través da estratexia da Comisión “Da granxa á mesa” e que marca o horizonte de aquí a 2030: reducir ao 50% o uso de praguicidas químicos e aumentar a superficie agraria dedicada a produción ecolóxica ata un 25% do total de todas as terras agrícolas, entre outros obxectivos.

Este contexto socio-político, ao que se suma unha maior demanda dos mercados e consumidores de alimentos máis saudables, sostibles e sen residuos de fitosanitarios, pon de manifesto a necesidade de implementar solucións de garantía menos agresivas e máis sostibles, para lograr un control eficiente dos problemas causados por pragas e enfermidades, como o oídio e o mildio no caso do viñedo, que poden minguar considerablemente tanto a produción como a calidade da uva.

Programas Blue Heron para a prevención e control de oídio, mildiu e podremia gris

A bagaxe de máis dunha década de Blue Heron no manexo de enfermidades externas do viñedo supón unha alternativa contrastada e eficaz á xestión convencional deste tipo de enfermidades, desenvolvendo diferentes programas para a protección do viñedo que, ademais, ofrecen outras vantaxes adicionais (produtos sen prazos de seguridade nin residuos de materias activas de sínteses).

Protección fronte a oídio:

Dous son os produtos que interveñen principalmente no programa de manexo do oídio en vide: IRIDIUM®, produto de orixe botánica con acción barreira multipunto específica anti-oídio, con efecto preventivo, curativo e secante; e TORERO®, suspensión de alta concentración en xofre e sílices, con efecto secante fronte a oídio e que adicionalmente presenta unha acción disuasoria fronte a poboacións de ácaros. Ámbolos dous produtos poden empregarse por separado, nunha estratexia preventiva, ou mesmo alternarse en diferentes tratamentos; ou ben empregarse en mestura no caso de ataques severos do fungo.

Protección fronte mildio e botrite:

Neste programa interveñen por unha banda MÁXIMO®, composto por un complexo cúprico con aminoácidos non proteicos, vitaminas e ácidos orgánicos procedentes de extractos de algas, con acción vascularizante, desinfectante e cicatrizante; e por outro BIOSILENCE®, barreira protectora con efecto secante a base de extractos vexetais, boro e sílices (de orixe botánica e mineral).

Desta forma, para o efecto específico antimildiu e antibotrítico do cobre, cunha gran sistemia ascendente e descendente grazas aos axentes complexantes orgánicos de MÁXIMO®, súmaselle o fortalecemento de tecidos vexetais propiciados polo boro e o silicio, así como o efecto secante que proporciona BIOSILENCE® para inhibir a xerminación de esporas e o desenvolvemento das estruturas fúnxicas.

Na prevención e protección fronte ao mildio, os primeiros tratamentos débense realizar pouco despois do desborre, repetindo o tratamento aos 10-15 días en función do risco. Os tratamentos dirixidos a evitar danos por botrite recoméndanse cara ao estado fenolóxico L, de cerramento de acio, podéndose repetir o tratamento en envero, segundo condicións.

Así pois, coa experiencia recollida durante varios anos, froito da colaboración con adegas de recoñecido prestixio e os viticultores máis esixentes e profesionais, Blue Heron ofrece alternativas de garantía fronte a estas ameazas e as perdas que ocasionan na produción vitícola, acordes co novo contexto da sanidade vexetal, baseadas en solucións naturais de menor impacto e recomendadas para o seu emprego tanto en agricultura ecolóxica como convencional.

Claves para o tratamento das principais pragas do viñedo

Boa parte das pragas que afectan ó viñedo hoxe en día levan sendo unha ameaza desde hai anos, nalgúns casos como o Oídio, unha enfermidade orixinaria de América do Norte, xa se detectou en Europa en 1845. Pero, a evolución das pragas ao longo dos anos é constante e tamén se vai modificando o seu tratamento. Os novos coñecementos que se van tendo delas, a introdución de novas especies nos ecosistemas, o cambio de variedades, as novas técnicas de control que alteran os ecosistemas ou o cambio climático son algúns dos factores que sinalou como determinantes para a evolución do tratamento das pragas do viñedo a enxeñeira agrónoma Nuria de Prado Ordás, da Estación de Avisos Agrícolas do Bierzo, durante a súa participación na xornada de Asesoramento en Xestión Integrada de pragas organizada desde o Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense.“A investigación en limiares de tratamento e métodos de control debe ir aparellada coa devandita evolución”, reivindica a especialista.
“A investigación en limiares de tratamento e métodos de control debe ir aparellada coa devandita evolución”
Mildio, Oídio, Botrite ou a Couza do acio foron algunhas das patoloxías nas que se centrou De Prado e sobre as que achegou información en canto á loita integral que se está realizando desde o centro especializado de León. A especialista incide na importancia da detección das pragas e a necesidade de axustar o tratamento á fase na que se atope, para lograr unha maior efectividade.

Detectar o Mildio

Á hora de detectar os ataques do Mildio poden constatarse infeccións primarias ou secundarias en base ás condicións meteorolóxicas e o estado da viña. As infeccións primarias adoitan aparecer con temperatursa ao redor dos 11 graos e unhas condicións de humidade de 11 litros por metro cadrado. É habitual que se localicen nos brotes de 11 centímetros e nas zonas máis escuras da viña. É necesario que a viña teña brotes de polo menos 11 centímetros, e que haxa escuridade: as infeccións primarias só se producen pola noite. Aínda que, como matiza De Prado, estas son indicacións orientativas, xa que as infeccións primarias poden aparecer con temperaturas moito máis baixas, posto que no Bierzo detectaron Mildio mesmo con 4º C e con choivas tamén moi inferiores aos 11 litros por metro cadrado. Aínda que as infeccións primarias adoitan ser máis frecuentes cando aparecen os botóns florais separados, poden producirse dende que os racimos son visibles ata o envero. Mentres, as infeccións secundarias aparecen ao rexistrarse choiva ou alta humidade por máis de 2 horas e unha temperatura de entre 10 e 30 graos.

Tratamentos contra o Mildio

A prevención é clave para enfrontarse ao Mildio, por iso é recomendable recorrer a funxicidas de contacto antes de que se produza a infección. Unha vez que se produce a penetración do fungo na planta, o micelio do fungo comeza a medrar e a invadir o tecido vexetal. Nesta fase, só é posible deter o crecemento do Mildio con tratamentos curativos, a base de funxicidas sistémicos e penetrantes. Pero hai que ter en conta que estes tratamentos só son eficaces durante os dous primeiros días transcorridos desde que penetra o fungo na planta (momento da infección). Despois xa o micelio está demasiado estendido para que os funxicidas poidan deter o seu crecemento.
Pasados eses dous primeiros días, nos seguintes días de fase de crecemento do fungo dentro do tecido da vide, non é eficaz aplicar tratamentos
Durante a fase de crecemento do fungo dentro do tecido da vide, que pode durar entre 8 e 20 días, non é eficaz aplicar tratamentos. Transcorrida esta fase, cando os síntomas se manifestan e aparecen manchas nas follas, pelusilla no envés das follas, os acios, en flor, ou en acios recentemente callados é momento de aplicar tratamentos antiesporulantes. No caso do Mildio, a prevención é fundamental. “Débese tratar cando hai condicións de risco, pero en todo caso no Bierzo debemos tratar preventivamente para protexer o acio desde que aparecen os botóns florais separados ata o envero”, detalla a enxeñeira agrónoma. Principais características dos grupos de produtos para o tratamento do mildiu. En canto aos tratamentos químicos do Mildio, De Prado apunta solucións para un manexo en ecolóxico do viñedo que inclúen desde o aceite de laranxa ao hidróxido cúprico ou o óxido cuproso. Tratamentos para o control químico do Mildio, en convencional e ecolóxico.//Fonte: Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura. De Prado lembra que para renovar os tratamentos funxicidas deben darse condicións de infección e o tratamento anterior debe perder a efectividade. Nos tratamentos sistémicos isto ocorre ao cabo de 14 días (aínda que varía segundo o produto), mentres que os funxicidas de contacto persisten 10-12 días se non son lavados por choivas e para iso deben producirse precipitacións de máis de 12-15 litros por metro cadrado. A experta recomenda a instalación dun pluviómetro na parcela para poder coñecer mellor a choiva rexistrada e saber en que momento repetir o tratamento.

O Oídio

A brotación da viña é o período crítico para a aparición de Oídio ( Erysiphe necator), un fungo ectoparásito que xorde cando se rexistran temperaturas de entre 25 e 28 graos combinadas con humidade. “A humidade ambiental inflúe na xerminación das conidias do fungo, pero a auga libre moléstalles. Tamén se desenvolve mellor en zonas sombreadas”, detalla a enxeñeira agrónoma. O Oídio pode supoñer unha ameaza para o viñedo ata que a uva alcanza os 8 graos brix de madurez. Os primeiros síntomas detéctanse en follas e acios, por iso é fundamental revisar as cepas, en especial as variedades e plantas máis sensibles. Entre as variedades cultivadas no Bierzo, as máis sensibles ao oídio son o Arauxa e a Dona Branca.
“O tratamento máis eficaz para a sanidade da viña en canto a Oídio é unha boa aireación”
“O tratamento máis eficaz para a sanidade da viña en canto a oídio é unha boa aireación. Todo o que facilite a aireación da vexetación e os acios e conseguir que os tratamentos cubran ben os acios é fundamental”, explica De Prado. Por iso, é recomendable evitar o exceso de vigor, podala en verde, así como levar a cabo esfollados e desnetados das cepas. Tamén aconsellan colocar os pámpanos na espaldeira e ter en conta a orientación das plantacións para favorecer a ventilación e aireado das plantas. En canto aos tratamentos para atallar o oído, é necesario axustar o tratamento ao estado fenolóxico do viñedo. Así, durante a brotación e a floración é recomendable utilizar tratamentos penetrantes ou sistémicos. Mentres que, cando o acio está en gran chícharo e durante o envero será máis adecuado empregar xofre.
Para minimizar a aparición de resistencia aos tratamentos é importante utilizar funxicidas de diferentes familias químicas
Ademais, a especialista incide na importancia de utilizar funxicidas de diferentes familias químicas para minimizar a aparición de resistencias por parte destes patóxenos aos tratamentos. Nestas solucións tamén resulta vital tratar todas as rúas do viñedo para que a aplicación cubra por completo todos os acios. Tratamentos para o control químico do Oídio. Fonte: Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura. Nos viñedos en ecolóxicos, a enxeñeira agrónoma apunta ademais tres opcións de tratamentos: utilizar carbonato hidróxeno de potasio (bicarbonato potásico), recorrer á loita biolóxica e empregar o fungo Ampelomyces quisqualis, parasito do oídio; ou aplicar xofre. Neste último caso, é moi importante que a temperatura media á hora de aplicar o tratamento se atope entre os 18 e os 30 graos, xa que con temperaturas máis elevadas co xofre prodúcese fitotoxicidade.
Pupa de Couza do acio. //Foto. Estación de Avisos Agrícolas do Bierzo.

Couza do acio

Outra das pragas que afecta ó viñedo é a coñecida como Couza do acio (Lobesia botrana). Esta praga pode tratarse con insecticidas ovicidas ou con larvicidas, dependendo da fase de desenvolvemento desta bolboreta. Hai que ter en conta que cando o insecto se atopa protexido polas propias uvas, o tratamento resultará pouco efectivo. Unha das alternativas nos tratamentos pasa por empregar difusores de confusión sexual para evitar a reprodución dos exemplares. As trampas de feromonas, que utilizan como reclamo e atrainte para a couza serven para facer un seguimento da praga e coñecer a incidencia que está a ter no viñedo.
Na loita contra a Couza do acio poden empregarse trampas de feromonas así como métodos biolóxicos e introducir un depredador natural
Ao empregar confusión sexual os difusores deben colocarse antes do primeiro voo do insecto. Ademais, deben situarse en superficies amplas para que resulten eficaces e reforzando os bordos do viñedo. Tamén se pode optar por empregar a feromona pulverizada. Outra das opcións para atallar a polilla é a loita biolóxica e introducir un insecticida natural como é o Bacillus thuringiensis.

Botrite

Entre as principais afeccións do viñedo atópase a Botrite (Botrytis cinera) que aparece cando as temperaturas se sitúan entre os 15 e 20 graos e se producen choivas ou unha humidade relativa do 90%. As feridas nas uvas causadas pola incidencia doutras pragas como o Oídio ou a Couza ou por outras causas como a saraiba son factores de risco para que se produzan danos por Botrite. A infección na primavera adoita aparecer nas follas mentres que, no verán os danos concéntranse no acio. Do mesmo xeito que co Mildio ou o Oídio, na Botrite o seguimento das condicións climáticas é fundamental e a prevención é determinante para frear o ataque do fungo. Manter a viña aireada, como ocorre co Oído, é unha das medidas máis eficaces para garantir a sanidade do viñedo. Así, De Prado incide na importancia de realizar aireados, esfollados e despuntes que favorecen a aireación. “Debe evitarse o exceso de vigor da planta e se se manteñen as rúas enherbadas, é preciso rozar con frecuencia”, apunta. 
Eliminar outras pragas como o Oídio ou a Couza é unha maneira de reducir a incidencia de Botrite no viñedo xa que poden contribuír á súa aparición
Unha das formas para reducir a incidencia de Botrite é atallar outras pragas que poidan desencadeala, como a Couza ou o Oídio. De Prados tamén recomenda alternar no uso de familias químicas e respectar escrupulosamente o prazo de seguridade da última aplicación. Esfollar o viñedo en espaldeira é unha medida para reducir o risco de Botrite á vez que non se reduce o grao alcohólico en colleita. Control químico da Botrite en ecolóxico e convencional. //Fonte: Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura. 

Black Rot

Outra das patoloxías da viña é o Black Rot (Guignardia bidwellii), que aparece tras rexistrarse choivas e temperaturas de ao redor de 27 graos. “A temperaturas inferiores ou superiores precísanse períodos de humidade máis longos para que se produza a aparición de Black Rot”, detalla De Prados. Así, con temperaturas por encima de 32 graos xa non se produce a infección. Os funxicidas autorizados para tratar o Black Rot son Ametroctradim e metiram, Azoxistrobin, Difenoconazol, Fenbuconazol, Folpet, Kresoxim- metil, Mancoceb, Miclobutanil, Tebuconazol e Tebuconazol con trifloxistrobin.

Webinar sobre solucións innovadoras para predición de enfermidades fúnxicas no viñedo

O luns 6 de setembro terá lugar o webinar final do Grupo Operativo VITICAST, onde se describirán todos os aspectos técnicos e aplicativos da ferramenta que desenvolveron para optimizar a produción e fomentar o cultivo sustentable da vide a través da innovación no manexo das enfermidades fúnxicas de maior incidencia (mildiu, oídio e botrite). Ademais, presentarán os principais resultados obtidos no proxecto, que alcanzou a súa fase conclusiva. VITICAST, un Grupo Operativo supra-autonómico, desenvolveu unha ferramenta de aviso de posibles infeccións na que se combinan datos meteorolóxicos medidos a pé de parcela, a predición dos estados fenolóxicos da vide e a concentración de esporas e inóculo necesario para que se produza a infección. Esta ferramenta permite estimar con antelación a produción da colleita, así como reducir os tratamentos antifúnxicos aplicados en viñedo. O proxecto de innovación conta coa participación de FEUGA, Monet Tecnoloxía e Innovación, a Universidade de Vigo, a Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA, Deputación de Pontevedra) e as adegas Hacienda Monasterio, Viña Costeira, e Matarromera. VITICAST está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. Orzamento total do proxecto: 615.249,11 euros, Subvención total: 599.957,11 euros. Data: luns 6 de setembro de 2021 Hora: 16 horas Plataforma: ZOOM (con tradución simultánea ao inglés) Máis información: https://www.infowine.com/es/agenda/soluciones_innovadoras_para_prediccin_de_enfermedades_fngicas_en_vid_sc_19950.htm

Inscripción gratuita a través del siguiente enlace: https://zoom.us/webinar/register/7516280823557/WN_Q6q9P7rVQA6wcrZ_Zl-Lvg

Últimas recomendacións para o coidado da viña antes da vendima

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de emitir o seu último aviso fitosanitario desta campaña, no que ofrece información actualizada sobre o estado dos viñedos na provincia e unhas recomendacións para o seu coidado. Velaquí a situación en canto ás principais enfermidades fúnxicas da vide:

Mildio:

A estas alturas da campaña, cando as temperaturas nocturnas aínda son relativamente elevadas e xa son habituais os orballos que manteñen a vexetación húmida durante horas (amais das néboas que se rexistran desde hai dous ou tres días segundo as zonas), a situación observada na revisión desta semana foi a mesma da anterior: síntomas novos con frutificación nos gromos (sobre todo nas viñas que non se tratan desde hai tempo), nas plantas testemuña e nas abandonadas. Tamén nalgunhas parras se incrementou a defoliación nas partes ás que non chegaron os tratamentos debido á excesiva frondosidade das plantas. Aínda que moitas previsións meteorolóxicas anuncian unha elevada probabilidade de choiva para finais da semana próxima, a contía que prognostican a día de hoxe é reducida e por iso non debería de haber consecuencias negativas derivadas das novas contaminacións que poidan producirse, polo que poden aproveitarse estes días para facer unha limpeza dos acios máis danados co fin de gañar tempo para a vendima e de evitar a posible instalación de botrite. En calquera caso, nos predios con elevada presenza de manchas será conveniente aplicar un tratamento cúprico despois da vendima, en calquera momento antes da caída da folla, para reducir o inóculo para a próxima campaña.

Oídio:

En xeral, e malia climatoloxía favorable ao fungo, nesta semana os técnicos de Areeiro non apreciaron variacións destacables na sintomatoloxía fronte ao observado na revisión anterior. Ao igual que indican no mildio, naqueles predios que presenten máis síntomas será conveniente aplicar unha intervención post-vendima antes da caída de follas.

Botrite:

Debido á practica ausencia de choivas (as previstas para a fin de semana pasada foron locais e reducidas) e a que non houbo un exceso de horas de humidade foliar, apenas observaron un par de grans con presenza deste fungo no conxunto das viñas que visitaron, e ambos estaban asociados a unha perforación de Lobesia. Tamén os acios das variedades máis sensibles, e incluso os que teñen feridas ou restos dos ataques da avespa asiática ou de paxaros, aparecen sás. Con todo, este fungo da botrite pode afectar aos acios ata o momento mesmo da vendima, polo que hai que continuar a vixilancia e asegurar unha boa ventilación das plantas se de aquí á recollida da uva hai precipitacións ou calquera outra circunstancia que poida beneficiar ao patóxeno. No caso de que se dea esta última situación e de que fora preciso tratar (consulten antes cos seus técnicos), no Rexistro de Fitosanitarios do Ministerio hai, para Botrytis cinerea, tres materias activas naturais que, ou ben non teñen prazo de seguridade [Bacillus subtilis (cepa QST 713) 1,34% e Pythium oligandrum (cepa M1) 17,5%] ou ben este é só dun día [Saccharomyces cerevisiae (cepa LAS02) 96,1%]

Comezan os primeiros danos da vespa velutina nos viñedos de Pontevedra

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, publicou este venres o seu boletín fitosanitario no que fai unha actualización do estado sanitario das viñas na provincia e ofrece unha serie de recomendacións. Así está a situación en canto ás principais enfermidades fúnxicas da vide en Galicia:

Botrite:

Grazas ao tempo solleiro e seco desta semana apenas hai síntomas de botrite, a enfermidade que máis sole atacar á uva nas semanas previas á vendima. “Sabemos que moitas das persoas que teñen viñas xa aplicaron algún tratamento preventivo fronte este patóxeno, e que algunhas das grandes bodegas xa estableceron as datas límite de tratamentos para esta fin de semana ou a próxima. A curto prazo as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas non anuncian choivas e si tempo seco, polo que non se espera un avance na sintomatoloxía existente”, explican os técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Porén, si que xa empezaron a observar danos nos grans dalgunhas zonas debidos á avespa asiática, amais dos que hai ou poida haber máis adiante polas avelaíñas do acio ou outros factores. Por este motivo, recomendan que se volve haber tempo inestable ata a vendima, “hai funxicidas de curto prazo de seguridade, e mesmo produtos naturais con só tres días, que aínda se poderían aplicar”.

Mildio:

En canto ao mildio, a principal enfermidade fúnxica que afecta aos viñedos en Galicia, a ausencia de precipitacións durante esta semana favoreceu que as capturas de esporas no captador que teñen instalado en plantas testemuña na súa viña de Areeiro (proxecto VITICAST) sufriran un descenso considerable: En xeral hai moita vexetación nas viñas este ano, polo que, considerando ademais que as previsións meteorolóxicas anuncian tempo seco, solleiro e ventos de direccións dominantes norte ou nordés, dende a Estación de Areeiro consideran que non é preciso renovar as intervencións contra o mildio “salvo en casos moi puntuais (exceso de manchas novas, pouca densidade foliar ou situacións similares)”.

Oídio:

Por último, no oídio observaron presenza de novos síntomas nos gromos novos das plantas testemuña de case todas as comarcas. Así e todo, aconsellan que “debido a que o fungo xa non pode afectar aos acios (si aos rebuscos), en principio non serán necesarias máis aplicacións fronte a esta enfermidade exceptuando casos excepcionais onde tivera habido unha elevada incidencia do patóxeno e onde sería conveniente valoralo”-