Archives

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas entrega a primeira beca por excelencia académica

O presidente da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas e o presidente da Caixa Rural Galega Manuel Varela entregaron ao meirense Alexandre Rico Fernández unha beca dotada con 40.000 euros pola súa excelencia académica obtendo a admisión na Universidade de California, unha das máis recoñecidas internacionalmente no ámbito veterinario. Esta axuda concédese para a realización dun Máster en Medicina Preventiva Veterinaria.

O bolseiro, ademais de agradecer a selección da súa candidatura para a concesión da bolsa, comentou a súa intención de desenvolver a súa carreira profesional en Galicia e destacou a súa ilusión e compromiso co sector gandeiro, do que procede e coñece ben, así como coa Fundación para que o seu desenvolvemento profesional e experiencia sirvan para mellorar as capacidades do sector agrogandeiro galego. Alexandre Rico, que tamén comentou o calendario do máster financiado, viaxará nos próximos días a California para iniciar o mesmo.

Pola súa parte, Tomás Notario felicitou ao beneficiario destacando, tanto a súa condición de gañador da primeira beca, como a satisfacción pola idoneidade do seu perfil e a finalidade dos seus estudos. Do mesmo xeito, Manuel Varela fixo fincapé “no orgullo que representa para a entidade e para a fundación a concesión desta bolsa a un candidato que responde con creces ás expectativas establecidas”.

En canto á liña de estudo do meirense é necesario sinalar que a súa vocación polo mundo gandeiro vénlle de neno xa que naceu no seo dunha familia de veterinarios e gandeiros da Terra Chá, sendo por iso perfecto coñecedor do ambiente rural e da comunidade láctea. Entre as motivacións de Rico para estudar lonxe da súa terra está a capacitación para poder achegar valor á nosa comunidade, considerando que á súa xeración correspóndelle pasar de ser observadora a ser protagonista no devir do rural galego, que está fortemente ligado aos sectores agroalimentario e forestal.

Bolsas de formación para enxeñeiros agrónomos

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente convocou tres bolsas de formación práctica para enxeñeiros agrónomos ou titulados co máster en enxeñería agronómica para o ano 2015.

As becas desenvolveranse dentro dun programa de formación práctica no ámbito das actividades e funcións do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).

A contía por beneficiario será de 1.200 euros mensuais, á que se aplicarán os descontos e as retencións legais vixentes en cada momento, e será aboada aos beneficiarios con periodicidade mensual.

As bolsas terán unha duración de doce meses podendo ser prorrogadas doce meses máis.

O programa de formación contempla, entre outros aspectos, a planificación e execución de auditorías internas relacionadas coas actuacións propias do organismo pagador; o seguimento da repercusión das responsabilidades financeiras por incumprimento da normativa comunitaria; e os estudos de aplicación dos procedementos administrativos e informáticos da xestión dos fondos europeos agrícolas de FEAGA e do FEADER, que son competencia do FEGA.

Tamén se inclúe o seguimento e análise do funcionamento dos sistemas de xestión e control das axudas directas; a preparación e elaboración de informes e programas relacionados coa xestión en xeral do Organismo pagador e coa súa función vinculada aos fondos europeos agrícolas; e o seguimento e análise da normativa dos Organismos pagadores das Comunidades Autónomas en materia agraria e das axudas directas da Política Agraria Común.

Entre os requisitos para optar ás becas establécese que os candidatos deben ser menores de 30 anos e estar en posesión ou en condicións de obter o título de enxeñeiro agrónomo, ou ser titulado co master en enxeñería agronómica, que lle habilita para o exercicio da profesión de enxeñeiro agrónomo.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días hábiles a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no BOE.