Archives

Alerta pola presenza dos primeiros síntomas de black rot nas viñas galegas

Primeiros sítomas de Black Rot. Foto: Estación Areeiro A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda seguir mantendo un alto nivel de vixilancia das viñas ante a presenza dos primeiros síntomas de black rot e o avance do mildio. Tamén aconsella controlar a vexetación para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación na contorna das vides. Desde a publicación do último aviso fitosanitario, a mediados desta semana, téñense detectado os primeiros síntomas de Black rot en plantas abandonadas do Condado. Aínda que non apareceu nas vides tratadas, o tempo húmido favorece a este fungo polo que Areeiro aconsella, no caso de aplicar tratamento antimildio, empregar un produto tamén con efecto fronte ao Black rot. No caso de non ter que tratar o mildio, o centro dependente da Deputación recomenda aplicar funxicida dirixido ao control do Black rot. No que respecta ao mildio, Areeiro detectou que as manchas van en aumento na comarca do Salnés e que se teñen detectado xa indicios en predios do Rosal e O Condado. Neste último caso, soamente se detectou unha mancha, moi incipiente, pouco visible e sen frutificación aparente. O centro dependente da Deputación recomenda, de forma imprescindible, controlar a vexetación para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación na contorna das vides, sobre todo en plantas novas ou nas formacións máis baixas. Ademais, nalgunhas viñas estase a observar falta de brotes ou escaso desenvolvemento da vexetación o que apunta ás enfermidades da madeira. Areeiro aconsella, no caso de que os síntomas estean restrinxidos, unha poda do brazo afectado despois da floración e en tempo seco, desinfectando a tesoira e aplicando un funxicida sobre o corte.

Recomendan aplicar tratamentos contra o vector da flavescencia dourada, para limitar a súa expansión

Esta semana o persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, detectou os primeiros restos de mudas do vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus. Por este motivo, no seu último aviso fitosanitario recomendan aplicar insecticidas, se non se fixo xa, naqueles viñedos do sur da provincia de Pontevedra, que poden ser susceptibles á presenza do insecto. “É aconsellable tratar con produtos autorizados para o seu control, co fin de tentar limitar a dispersión da grave enfermidade que transmite”, explican. As previsións meteorolóxicas para os próximos días, con nubes e claros, temperaturas altas e posibilidade de precipitación, motivan que sexa preciso manter vixiadas as viñas polo risco de mildio e oídio. Dende Areeiro recomendan ademais manter as labores culturais básicas e tratar aquelas viñas nas que continúen ou se produzan avance dos síntomas do mildio. Recordan tamén que non se deben realizar aplicacións fitosanitarias con ventos superiores a 8km/h, que xeran un lixeiro movemento das follas, sen que chegue a ser constante. Nestas condicións os produtos aplicados poden voar fóra da área a tratar. No caso do oídio, dende Areeiro recordan que a uva se atopa aínda moi sensible ó fungo e as néboas propias desta época do ano poden favorecer a súa aparición. Por iso, recomendan que a vixilancia sexa máis intensa, sobre todo naquelas variedades máis sensibles e nos predios que xa se viran afectados nalgún momento por este patóxeno. Insisten ademais, que un mal control deste fungo pode producir a rotura da pel da uva e favorecer a aparición doutros patóxenos como a botrite. Os viñedos atópanse aínda nun momento de elevada sensibilidade a black rot, polo que tamén é importante vixiar a aparición deste fungo, sobre todo se chegan a producirse choivas nos próximos días. As altas temperaturas tamén están a deixar máis plantas con síntomas propios de enfermidades de madeira e os primeiros acios con golpes de sol.

Recomendan extremar a vixilancia e favorecer a ventilación dos viñedos ante o risco de oídio

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda extremar a vixilancia dos viñedos ante o risco alto de oídio. Tal e como recolle no seu último aviso fitosanitario deste venres, cómpre manter vixiadas aquelas variedades máis sensibles e os predios nos que xa se detectaran síntomas. “A viña entra agora nun período de máxima sensibilidade ó oídio”, apunta o equipo técnico. Os expertos tamén aconsellan realizar labores culturais que favorezan a ventilación da viña, para que os acios queden expostos á radiación ultravioleta e se reduza o risco de afección non só de oídio senón tamén por mildio. A previsión de tempo seco e solleiro para os próximos días reduce o risco de mildio, pero con todo, dende Areeiro recomendan manterse alerta, revisar o estado das cepas e renovar os tratamentos ante a aparición de síntomas. Cómpre, sobre todo, prestar atención a aquelas viñas que arrastren infeccións mal controladas. Nas súas revisións en viñedo, o equipo técnico de Areeiro tamén detectou novos síntomas de black rot, con todo a previsión de tempo solleiro e seco tamén reduce o risco de afección. Tamén é importante manter a vexetación do solo controlada, así como realizar despuntes, podas en verde e esfollas para evitar unha retención de humidade no viñedo, que puidera favorecer a aparición do patóxeno.

Flavescencia dourada

O incremento das temperaturas que se está a rexistrar tamén pode favorecer que se acelere o ciclo do cicadelido vector da flavescencia dourada, polo que, nas zonas do sur da provincia de Pontevedra recomendan aplicar un insecticida rexistrado para o seu control. Tamén se está a incrementar o número de plantas afectadas por enfermidades da madeira, debido en gran medida ó incremento das temperaturas, polo que se agarda que sigan aumentando os danos.

Recomendan incrementar a vixilancia fronte ó oídio no viñedo

As cepas atópanse nun dos momentos máis críticos para sufrir danos por oídio e o persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro xa detectaron esta semana acios de Albariño afectados. Por iso, no último aviso fitosanitario emitido dende a Estación recomendan incrementar a vixilancia dos viñedos. Ademais, aconsellan que calquera intervención antimildio que se vaia facer se acompañe cun tratamento antioídio. Nas súas revisións ós viñedos, tamén constataron que as viñas se atopan, polo xeral, nun excelente estado fitosanitario no que a afección por mildio se refire. Só detectaron síntomas naqueles predios que sufriron un forte ataque de mildio cando coincidiron as primeiras condicións favorables coa floración. Dadas as previsións para os próximos días, con escasas choivas, e que boa parte das viñas foron tratadas recentemente ou se atopan dentro do período de protección pola última aplicación fitosanitaria, a curto prazo o risco é baixo naquelas parcelas onde non houbo danos previos. Con todo, dada a incidencia de mildio, recomendan estar alerta naqueles viñedos nos que vaia cumprirse xa o prazo de protección e onde aínda queden síntomas por controlar.

Controlar a vexetación excesiva

Naqueles viñedos cun excesivo crecemento da vexetación recomendan facer unha poda verde, combinando nalgúns casos cun esfollado lixeiro, xa que os acios aínda están desenvolvéndose. Tamén é aconsellable rozar a cuberta vexetal. “No control de enfermidades estas operacións son imprescindibles para facilitar a ventilación dos órganos da vide e son tan importantes como a aplicación oportuna e correcta dos fitosanitarios”, explican dende Areeiro.

Black rot

Nas súas revisións en viñedos, os técnicos tamén detectaron esta semana síntomas de black rot en viñas de O Condado, en cepas sen tratar ou abandonadas. Por iso recomendan tamén incrementar a vixilancia en todas as comarcas, aínda que o tempo seco que se prevé non é o máis favorable para esta enfermidade. Aconsellan que onde haxa brotes de black rot empreguen un funxicida antimildio ou antioídio que tamén teña efecto sobre este fungo.

Aviso fitosanitario polo risco alto de mildio nos viñedos

As tormentas desta semana deixaron temperaturas elevadas e gran humidade, condicións extremadamente favorables para o mildio nos viñedos e as previsións de que as chuvias se manteñan nos próximos días fan que sexa preciso manterse moi alerta e revisar as viñas. “Esta semana estivemos a recibir numerosas chamadas de viticultores e técnicos por fortes ataques de mildio en viñedos da provincia de Pontevedra así como na Ribeira Sacra ou o Ribeiro”, indican dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra. As variedades máis afectadas están a ser o Albariño e outras castes brancas, pero tamén hai danos nas tintas e en híbridos que en teoría son máis resistentes ó patóxeno. Ante a previsión de precipitacións para a vindeira semana, dende Areeiro recomendan vixiar de xeito continuo e exhaustivo as viñas. “O normal será ter que renovar os tratamentos”, indican no último boletín fitosanitario emitido pola Estación Fitopatolóxica esta semana. “É recomendable que o funxicida elixido conteña unha materia activa sistémica (pode ser penetrante ou de fixación ás ceras cuticulares nas viñas pouco afectadas de mildio) unida polo menos a un funxicida de contacto. A aplicación deste funxicida debe realizar coas follas das plantas secas e con ventos por debaixo dos 11 quilómetros por hora. Ademais, lembran que aínda que se empreguen funxicidas sistémicos hai que mollar ben todos os órganos da planta. Recordan tamén que neste momento é necesario que o resto de vexetación se manteña baixo control.

Outros patóxenos

As condicións meteorolóxicas destes días (humidade relativa elevada, iluminación indirecta e temperaturas elevadas) son tamén favorables para a aparición de oídio, aínda que polo momento non se detectaron danos, tal e como indica o persoal de Areeiro. Con todo, recordan que cómpre protexer os acios fronte a este patóxeno. O mesmo acontece co black rot. Así, aínda que se deron condicións moi propicias para o fungo, dende Areeiro non constataron danos deste patóxeno, nin sequera nas cepas abandonadas. Con todo, recomendan manter a vixilancia, especialmente naqueles predios que historicamente sexan máis proclives a verse afectados polo fungo.

Recomendan manter vixiadas as viñas ante a previsión de chuvias e o risco de mildio

O anuncio de chuvias dende este venres en Galicia fai que sexa preciso extremar as revisións do viñedo, tal e como recomendan no último aviso fitosanitario emitido pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación. Os viñedos atópanse agora nunha fase crucial do desenvolvemento da uva. “De cumprirse as previsións, o risco de infección por mildio será sensiblemente máis elevado co de días pasados e deben revisarse moi ben as viñas, aínda que estean dentro do período de protección teórico do tratamento anterior”, aconsellan dende Areeiro. Ademais, de detectarse síntomas ou haber sospeitas de que pode darse unha contaminación anterior mal tratada, os técnicos recomendan tratar as viñas para previr un ataque de mildio. Cómpre ter presente, que algúns dos tratamentos foron aplicados con condicións desfavorables de vento, o que reduce a protección da viña.

Oídio e black rot

Tamén recomendan tratar contra o oídio nas aplicacións de tratamentos que se fagan, dadas as condicións favorables para a súa propagación. O persoal técnico de Areeiro detectou nas súas revisións sobre o terreo danos por black rot en parcelas abandonadas próximas a unha viña comercial, co conseguinte risco que isto supón, converténdose nunha fonte de inóculo importante, polo que debe eliminarse. “As condicións climatolóxicas previstas son moi favorables ó fungo, nun momento no que a uva é sensible”, explican. Así, tamén aconsellan ter en conta este patóxeno nos tratamentos que se realicen nas cepas. Os fortes ventos rexistrados nestes días provocaron a rotura de brotes nos viñedos. Os especialistas recomendan retirar esta vexetación afectada para evitar que coas chuvias cheguen a instalarse neles fungos oportunistas como o causante da botrite. O crecemento vexetativo das vides tamén está a ser excesivo, polo que para mellorar a sanidade dos viñedos recomendan despuntalas despois da floración. Ademais hai xa unha gran vexetación nas parcelas que debe controlarse para evitar a retención de humidade que poida favorecer a aparición de patóxenos.

Xornada en Monforte sobre “As enfermidades do viñedo: Estratexias de protección razoada”

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, organiza o vindeiro 19 de maio, venres, unha xornada técnica en Monforte de Lemos sobre “As enfermidades do viñedo: Estratexias de protección razoada”. A formación correrá a cargo de expertos de renome nacional no estudo das principais enfermidades fúnxicas que afectan ao viñedo en Galicia (mildeu, oídio e black rot, así como enfermedades de la madera), como Pedro Mansilla, Rosa Pérez Otero, Alfonso Lucas Espadas ou Nuria de Prado. A xornada celebrarase no Salón de reunións do Restaurante Manuel Bistró (Monforte  de Lemos) a partir das 18:00 horas. Aforo limitado. Necesaria previa inscrición a través do código QR ou no seguinte enlace: https://forms.gle/ffoSrKTdM3BmBDRP7

Velaquí o programa da xornada:

 

Recomendan manter a vixilancia dos viñedos ante a proximidade da vendima

O último aviso fitosanitario emitido dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, incide sobre a importancia de manter vixiados os viñedos para atallar de forma rápida os problemas que poidan xurdir. Co inicio do pintado dos acios comeza tamén a conta atrás para a vendima, polo que os viticultores deben ter en conta tamén os prazos de seguridade de ser preciso aplicar produtos fitosanitarios para o tratamento de pragas coma o mildio. No caso de que as adegas xa estableceran datas límite para o emprego de fitosanitarios cómpre consultar cos técnicos as solucións para atallar as patoloxías. A vaga de altas temperaturas e a escaseza de chuvias segue a propiciar unha boa sanidade dos viñedos. A medida que avanza o pintado das uvas diminúe tamén o risco de danos por pragas como o mildio. “Co pintado a sensibilidade do acio ó patóxeno do mildio é mínima, polo tanto xa non se producirán danos e só se verán afectadas as uvas máis atrasadas nas viñas que aínda non acadaron este estado fenolóxico”, recolle o boletín de Areeiro. As previsións de que se manteña o tempo seco para os próximos días fan prever que tampouco evolucionen as manchas que se poidan producir noutras partes verdes da planta, coma os brotes terminais ou naquelas zonas menos accesibles para os tratamentos. Con todo, recomendan manter a vixilancia, sobre todo naquelas viñas menos vigorosas, xa que precisan conservar a suficiente superficie foliar para manter a colleita, polo que é preciso controlar a incidencia para que non se cheguen a producir defoliacións. O risco de danos por oídio e black rot tamén está a ser mínimo. No caso do oídio poden aparecer síntomas do fungo nas partes verdes da viña e nos acios rebuscos, pero co pintado a sensibilidade da uva é mínima. O mesmo acontece co black rot, xa que ó entrar na fase de pintado xa non hai risco de danos á uva. A partir destes momentos, nas plantas con síntomas as uvas terminarán co momificado, como xa observaron esta semana o persoal de Areeiro en cepas abandonadas. As elevadas temperaturas tamén reduciron a incidencia de avelaíña do acio, sen apenas capturas de machos nas trampas dispostas pola Estación de Areeiro e sen danos do insecto nos acios. Tampouco agardan problemas derivados das perforacións das eirugas da avelaíña nos próximos días se se mantén a previsión de seca. Nas súas revisións dos viñedos da provincia, o persoal de Areeiro segue a detectar danos por golpes de calor nos acios e plantas con alteracións da madeira e con síntomas de estrés hídrico así como un repunte da erinose de verán.

Baixo risco sanitario nos viñedos

O último anuncio fitosanitario emitido pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, sinala o bo estado fitosanitario no que se atopan os viñedos da provincia. As condicións meteorolóxicas do último mes, onde as precipitacións escasearon reduce o risco de patóxenos como o mildio, cunha gran incidencia nos viñedos desta zona. Comezan a verse as primeiras uvas brillantes, nas cepas de Albariño, aínda que polo momento son aínda moi puntuais. Mentres, nas variedades tintas é máis habitual comezar a ver os primeiros acios con indicios de pintado. A meteoroloxía destes días propiciou que fose unha semana tranquila nos viñedos. Pese a que houbo néboas, sobre todo nas zonas costeiras, estas apenas tiveron repercusión na incidencia de pragas como o mildio. “Mesmo nas plantas sen tratar, os brotes novos están medrando limpos de mildio. De feito, no captador de esporas instalado en Areeiro pasamos de recoller máis de 2.500 esporas a semana pasada a só 447 nesta”, sinala o persoal técnico de Areeiro. Tampouco se localizaron danos nos acios rebuscos, máis sensibles a esta afección. A previsión de que se incrementen as temperaturas mínimas para a próxima semana xunto co orballo pode producir un maior risco de novas infeccións, en especial nas viñas que levan máis tempo sen tratar. Con todo, dende Areeiro non agardan danos significativos dado o estado fenolóxico dos viñedos. Porén, recomendan manter vixiados os viñedos, xa que ata o pintado a uva pode verse afectada. Tampouco hai danos por oídio nos viñedos pontevedreses e as previsións que se están realizando para a vindeira semana, con ventos do norte ou nordés, non serán favorables para a aparición deste fungo. Así, dende Areeiro indican que naqueles predios sen presenza de síntomas ata o de agora, o risco será case nulo. Mentres, nas viñas onde xa se deran ataques, o fungo pode seguir avanzando ata o pintado das uvas, pero o risco de novas contaminacións tamén será baixo. Dende Areeiro recomendan prestar atención á evolución daquelas variedades máis sensibles, se se chegan a producir néboas. A incidencia de black rot está a ser mínima e a climatoloxía prevista e a proximidade do pintado da uva reduce o risco de danos por este patóxeno. A presenza de avelaíña do acio está a ser baixa, cun reducido número de capturas nas trampas colocadas na zona do Salnés por parte de Areeiro. Neste momento o risco de danos derivados desta couza é baixo. Aínda así, o persoal de Areeiro recomenda manter vixiadas as variedades máis sensibles, como poden ser a Loureira e Treixadura. As altas temperaturas seguen deixando danos por golpes de sol nos acios e plantas con enfermidades da madeira. Ademais, detéctanse cepas con síntomas de estrés hídrico.

Baixa incidencia de pragas nos viñedos da provincia de Pontevedra

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda no seu último aviso sanitario emitido esta semana manter vixiados os viñedos, pese a que a incidencia das principais pragas está a ser baixa. Dado que o risco de infección se mantén para as principais patoloxías ata o pintado das uvas, aconsellan continuar as revisións das viñas para poder responder axeitadamente e de forma rápida en canto se detecten danos. Nas revisións realizadas esta semana polo persoal de Areeiro só detectaron danos por mildio nas partes altas das parras, onde os funxicidas penetrantes ou de contacto que se adoitan empregar non chegan. Así é que no resto dos viñedos só observaron restos de ataques anteriores. “En canto ó mildio, a situación xeral parece estabilizarse, pero como aínda non se acadou, nin moito menos, o pintado non se debe descoidar a vixilancia”, recomendan no seu boletín sanitario. Tampouco houbo danos por oídio nos viñedos pontevedreses, nen sequera nos acios coñecidos como rebusco, onde é frecuente que haxa síntomas do patóxeno. Do mesmo xeito que no mildio, é recomendable manter o viñedo controlado, xa que ata o pintado hai risco de danos por este fungo. As previsións meteorolóxicas para os próximos días tampouco son favorables para o black rot, co que o risco é tamén baixo, pero recomendan manterse alerta, sobre todo naquelas viñas sensibles por ter plantas abandonadas próximas ou ter sufrido xa contaminación por este fungo nesta campaña. O tempo solleiro está a deixar xa os acios co brillo nos grans naquelas variedades máis temperás de plantas situadas en zonas e exposicións cálidas. Tamén están a producirse danos por golpes de sol debido a unha sobreexposición das uvas e hai plantas con evidentes síntomas de estrés hídrico, sobre todo naquelas parcelas con solos superficiais e con abundante vexetación espontánea. Tamén hai cepas con patoloxías da madeira e increméntase a sintomatoloxía asociada, mesmo con partes xa mortas. Cando estes danos se detectan nun brazo do viñedo, dende Areeiro recomendan eliminalas canto antes e destruílas, nunca deixalas na parcela, para así reducir o risco de que siga afectando a outras partes sas do viñedo. Ademais, aconsellan protexer os cortes cunha pasta funxicida.

Froiteiras de óso

No último aviso fitosanitario de Areeiro tamén apuntan a que comezan a detectarse danos do chamado mal do chumbo en froiteiras de óso, causados polo fungo Chondrostereum purpureum, unha enfermidade grave que mesmo pode causar a seca da árbore. Nestes casos recomendan proceder á eliminación das ramas afectadas, se son poucas e protexer os cortes cunha pasta funxicida. Esta recomendación tamén é aplicable para as maceiras afectadas con cancro.

Recomendan renovar os tratamentos contra o mildio

O último aviso fitosanitario emitido dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, alerta de novo do risco de proliferación de mildio nos viñedos. A pesar das elevadas temperaturas rexistradas, esta semana tamén houbo varias xornadas nas que as condicións de humidade relativa e foliar foron moi propensas para a aparición deste patóxeno. Así, é que o persoal técnico de Areeiro está a atopar nas súas revisións unha variedade de situacións, dende viñedos moi sans a outras cepas nas que apareceron acios con mildio larvado, algunhas mesmo tras tratamentos dados nos últimos 7 días. Ante esta situación, o dificultoso que resulta controlar o mildio larvado e as treboadas que se produciron nas últimas horas e as que se agardan para os vindeiros días, dende Areeiro recomendan renovar os tratamentos contra o mildio. Aconsellan empregar un funxicida de acción penetrante ou de fixación ás ceras cuticulares. “Se aínda está recente a anterior aplicación antimildio, o tratamento pode facerse inmediatamente despois das choivas e xa cun funxicida cúprico”, especifican no aviso fitosanitario.

Oídio e black rot

Coas elevadas temperaturas tamén se agardaba que puidesen aparecer nos viñedos síntomas de oídio, porén nas revisións realizadas apenas atoparan cepas afectadas. “É moi importante facer revisións ás viñas para unha adecuada xestión do cultivo, aínda que as condicións ambientais (ou os modelos matemáticos) suxiran que non son necesarias”, sinalan dende Areeiro. A partir de agora a sensibilidade dos acios a este patóxeno irá diminuíndo, pero aínda poden verse afectados, causando perdas directas (endurecemento e rachado dos grans) e indirectas (entrada de botrite). Por este motivo tamén aconsellan renovar os tratamentos, pero non debe facerse con xofre dadas as elevadas temperaturas. Esta semana tampouco observaron danos por blac rot, que pode seguir afectando á uva ata o pintado. Así, manteñen a recomendación de vixiar aquelas viñas nas que se teñan dado danos na uva ou naquelas que estean próximas a viñas abandonadas afectadas. Especialmente neste tipo de casos, aconsellan aplicar funxicidas antimildio e antioidio con efectos fronte a este outro fungo.

Outras incidencias

Esta semana tamén observaron un maior número de plantas coa sintomatoloxía típica das enfermidades de madeira, ao igual que vides con síntomas de estrés hídrico nos terreos máis areosos. Ademais, as esfollas excesivas e sen criterio lóxico que se practicaron sobre algunhas plantas están provocando que os acios máis expostos rematen con danos pola radiación solar.

A previsión de altas temperaturas dá un respiro sanitario nos viñedos

O último aviso fitosanitario emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, sinala que as altas temperaturas que se están a rexistrar e se prevén para os próximos días en Galicia concederán un respiro a nivel sanitario para os viñedos. Con todo, apuntan a que é preciso manter a vixilancia ante posibles brotes ou de incrementarse a humidade, co que aumentaría o risco de afeccións como o mildio. Dende Areeiro recollen as seguintes recomendacións fronte ós patóxenos que provocan máis danos nas viñas galegas:

Mildio

Aínda que en principio non será preciso renovar os tratamentos nos próximos días, é conveniente manter vixiadas as viñas, especialmente aquelas nas que se tiveran rexistrado xa ataques moderados ou as cepas nas que estea próximo a vencer o período de protección do tratamento. Tamén cómpre extremar a vixilancia se se producen treboada ou hai humidade foliar nocturna, xa que son factores favorables á aparición de danos. De manterse o tempo estable e cálido, o persoal técnico de Areeiro recomenda aproveitar para retirar, unha vez que se esfollan os viñedos, as partes dos acios afectadas por mildio larvado para evitar que se estenda o dano e facilitar despois a vendima.

Oídio

A diferenza do que acontece co mildio, o tempo cálido incrementa o risco de oídio, por iso dende Areeiro recomendan estar moi alerta ante a aparición de novos síntomas, sobre todo naquelas viñas onde o período de cobertura estea próximo a rematar, se as variedades son sensibles ó fungo ou se se detecta elevada humidade e os acios están sombríos. Ademais, recordan que no caso de ser preciso tratar as viñas debe evitarse empregar xofre, posto que con elevadas temperaturas resulta fitotóxico. Por iso, cómpre elixir outro tipo de funxicida antioídio.

Black rot

As previsións de altas temperaturas tampouco favorecerán a expansión de black rot nos viñedos. Con todo, cómpre manter vixilancia, sobre todo nas viñas onde xa se teñan producido danos na uva ou naquelas que estean próximas a cepas abandonadas e afectadas, xa que ata o pintado as plantas son sensibles a esta enfermidade.

Avelaíña do acio

Pese a darse un elevado número de capturas nas trampas de feromonas de avelaíñas do acio dispostas nos viñedos revisados polo persoal de Areeiro, non se detectaron síntomas nas uvas. Ante esta situación e dado que as altas temperaturas que se agardan tampouco resultan favorables, non será preciso a curto prazo realizar tratamentos para evitar danos por couza do acio.

Alteracións de madeira

As altas temperaturas tamén están a producir un estrés nas plantas que provoca a aparición de síntomas típicos de alteracións da madeira. Agárdase que se vexan afectadas máis cepas ó prolongarse as xornadas de seca e de calor.

Recomendan manter controlada a vexetación das viñas para reducir o risco de mildio e oídio

No último aviso fitosanitario emitido pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, inciden na importancia de manter os viñedos aireados para reducir o risco de mildio e oídio. As condicións climáticas que se prevén para os próximos días aínda poden provocar infeccións, en especial de mildio. Os técnicos aconsellan seguir vixiando os viñedos e continuar coas labores culturais de podas en verde, esfollados e rozas que contribúen ó aireado das viñas e poden reducir o risco de contaxio do patóxeno. Ademais, recordan que naquelas viñas onde sexa preciso aplicar un novo tratamento contra o mildio debe optarse por un funxicida con diferente modo de acción ó último aplicado. Ademais alertan de que prácticas como a mestura de funxicidas, aplicar doses maiores ás recomendadas ou tratamentos moi consecutivos pode ser contraproducente para o viñedo. “Son prácticas totalmente desaconsellables, non só porque non se coñecen os efectos das mesturas senón porque poden ter menor eficacia e provocar que o patóxeno se volva resistente ós funxicidas”, explica o persoal especializado de Areeiro. Ante o risco de danos por oído tamén insisten en extremar a vixilancia dos viñedos e ter presente que o exceso de vexetación favorece a aparición do patóxeno. Dado que as condicións meteorolóxicas para os próximos días poden ser favorables para a aparición do fungo, tamén recomendan aplicar tratamentos naqueles viñedos nos que finalizase a protección ou estea próximo a cumprirse dito período. As condicións climáticas dos últimos días tamén están sendo favorables para o black rot polo que nas viñas afectadas, os tratamentos antimildio e antioídio deben facerse con funxicidas indicados tamén para este patóxeno e debe procurarse usar produtos con modos de acción diferentes. Ademais, recordan que as viñas abandonas próximas a outras cultivadas, deben ser eliminadas porque supoñen unha fonte de contaxio. Tamén detectaron un elevado número de capturas de machos de avelaíñas do acio nas trampas de feromonas da zona do Condado, así como noutras trampas localizadas en distintos puntos da provincia. Por iso, apuntan que é probable que a vindeira semana sexa o momento ideal para aplicar un tratamento, seguindo as directrices do control integrado e sempre que tamén se supere o limiar de tratamentos por presenza de síntomas nas uvas. Ademais, nas trampas do mosquito verde que teñen repartidas polas distintas comarcas detectaron algúns exemplares, pero non é necesario tratar polo momento.

Alto risco de danos por mildio e primeiros síntomas de ataques de oídio e black rot nos viñedos

O último boletín emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, advirte do elevado risco de infección por mildio debido ás altas temperaturas e humidade que se veñen rexistrando nas últimas semanas, unhas condicións que se prevé que continúen nos próximos días. Así, os técnicos aconsellan extremar as precaucións contra o mildio, dado que nas súas revisións mesmo atoparon plantas cunha afectación do 70% nas follas e síntomas nos acios. Ante a previsión de tempo inestable para os próximos días recomendan realizar unha nova aplicación naquelas parcelas onde finalizara a protección teórica de tratamento. No caso dos viñedos onde xa renovaran o tratamento cómpre seguir coa vixilancia e as labores culturais que favorezan a aireación dos acios. Dende Areeiro aconsellan ser especialmente coidadosos na aplicación dos tratamentos, aproveitando os períodos sen choiva e sen vento. “Nos momentos de elevado risco, como o actual, é prioritario que os tratamentos se fagan de xeito coidadoso e que non haxa ventos superiores a 3m/ segundo (10,8 quilómetros por hora), xa que neses casos a viña non quedaría protexida e suporía un dano medioambiental”, detallan no aviso fitosanitario emitido dende Areeiro.

Primeiros síntomas

Nas súas revisións en campo, o persoal técnico de Areeiro detectou esta semana os primeiros síntomas de oídio en cepas de Albariño. Polo momento, nesta variedade os danos só afectaban ás follas. Con todo, tamén detectaron xa danos en acios doutras castes e que levaban anos abandonadas. Nas mesmas cepas nas que constataron síntomas de oídio en acio, así como noutras plantas de diferentes comarcas, atoparon tamén danos de black rot nos grans. Cómpre sinalar que eran predios abandonados, mentres que nos viñedos sometidos a tratamentos só detectaron danos de black rot de xeito puntual nas follas. Con todo, debido á previsión de choivas, dende Areeiro recomendan que calquera intervención antimildio ou antioídio que se vaia facer se realice con funxicidas que tamén estean indicados para o black rot. Ademais, detectaron os primeiros síntomas de erinose de verán, aínda que non require tratamento. Maceiras Ante as previsións de que se manteña o tempo inestable, en Areeiro tamén recomendan aplicar un novo tratamento contra o moteado naquelas maceiras que non estean tratadas, sobre todo se son variedades sensibles. Inciden na importancia de aplicar este tratamento sobre todo naquelas árbores onde o anterior tratamento se tivera feito con funxicidas de contacto.