Archives

Xa se poden solicitar as axudas para mellorar a bioseguridade no transporte de animais e en viveiros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica onte as bases reguladoras de concesión das axudas destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou a construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo, así como para os acometidos en viveiros por determinados produtores de materiais vexetais de reprodución. A Consellería de Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, destinará 946.755,7 euros a estas dúas liñas de actuación. No caso da mellora dos centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo ou a construción de novos para dita funcionalidade, a contía dispoñible é de 291.035,24 euros. Para investimentos en bioseguridade en viveiros, a cantidade ascende a 655.720,24 euros. Destas achegas poderán beneficiarse persoas físicas ou xurídicas, pero tamén entidades sen personalidade xurídica. No caso das subvencións para centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo, serán aqueles titulares ou propietarios deles que estean autorizados e rexistrados polos órganos competentes, e se comprometan a melloralos ou a construír un novo centro de limpeza e desinfección. Os beneficiarios das axudas para viveiros deberán ser operadores profesionais rexistrados como produtores no Rexistro de operadores profesionais vexetais e estar autorizados polo órgano competente para producir material vexetal de reprodución. As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. O prazo de presentación será dun mes a partir de hoxe.

Enlace á publicación do DOG

Xornadas de formación en Chantada sobre bioseguridade nas granxas porcinas

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar dúas xornadas en Chantada sobre bioseguridade nas explotacións porcinas. Os obradoiros desenvolveranse na aula CeMIT de Chantada o vindeiro xoves 1 e o venres 2 de decembro en horario de 16,00 a 21,00 horas. O obxectivo destas formacións é que os alumnos obteñan os coñecementos necesarios no ámbito da prevención, bioseguridade e a redución de tratamentos con antimicrobianos. Ademais, búscase mellorar a competitividade das explotacións porcinas e preparar aos gandeiros para que afronten con éxito a loita contra as novas emerxencias sanitarias. Os cursos están dirixidos á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. A incrición pode facerse onlie no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 294 988, ou enviarse un correo a oscar.cacharron.mojon@xunta.gal

Xornadas de formación en Sarria e Castro de Rei sobre bioseguridade nas granxas avícolas

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto realizar a semana que vén na provincia de Lugo senllas xornadas sobre a bioseguridade nas explotacións avícolas. A primeira, prevista no Centro cultural de Sarria o mércores 16 de novembro, centrarase na produción de pavos; mentres o xoves 17 haberá outra na Oficina Agraria Comarcal de Castro de Rei, en Castro Ribeiras de Lea, sobre a produción de polos. Ambas en horario de 16,00 a 21,00 horas, teñen como obxectivo mellorar a competitividade das explotacións avícolas, completar a formación dos avicultores e preparalos para afrontar a loita contra as novas emerxencias sanitarias, así como actualizarlles conceptos sobre prevención e seguridade. Nesa liña, o programa inclúe nocións sobre a normativa actual, sobre conceptos de bioseguridade estrutural e operacional, sobre alertas sanitarias, sobre redución de uso de antimicrobianos e sobre auditorías e certificacións internas. Esta formación está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. A inscrición pode realizarse onlie no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 294 988, ou enviarse un correo a oscar.cacharron.mojon@edu.xunta.gal

Evitar o contaxio de IBR e BVD: como actúan as granxas en Galicia e en Cataluña?

Seguen diferentes estratexias e medidas de bioseguridade as granxas de Galicia e de Cataluña á hora de previr enfermidades como a rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR) e a diarrea vírica bovina (BVD)? Esta é unha das preguntas á que dá resposta a investigación da Universidade de Santiago sobre a prevención destas dúas afeccións nas ganderías. O estudo, realizado entre 2017 e 2018 en 124 granxas, 90 delas galegas e o resto catalás, permite coñecer e avaliar as medidas preventivas máis implantadas e que mellores resultados están a ofrecer en ámbalas dúas comunidades. Ó mesmo tempo, esta investigación permite saber en que aspectos deben mellorar as ganderías para frear a incidencia e o contaxio dos seus animais. Os resultados amosan tamén importantes diferencias derivadas do tamaño do rabaño e entre as dúas rexións. No estudo participaron diferentes ganderías con perfís moi variados, tanto pequenas e medianas granxas ata de gran tamaño.
O estudo amosa importantes diferencias entre Galicia e Cataluña, relacionadas co tamaño do rabaño, á hora de afrontar a prevención das enfermidades
Nas ganderías galegas o labor levado a cabo polas Asociacións de Defensa Sanitaria (ADS) está a ser fundamental na prevención tanto de IBR como de BVD, porén as medidas de bioseguridade no día a día da granxa son aínda unha tarefa pendente e por mellorar en moitas delas. Nas ganderías de menor tamaño está a custar máis establecer estes parámetros de prevención, ó existir maior colaboración entre ganderías.

As ADS, claves na prevención

A principal vía de entrada das infeccións de IBR e BVD nas ganderías segue sendo a introdución de animais na granxa. “Estas enfermidades entran nas ganderías, en gran medida a través de animais comprados, aínda que non é a única vía de infección”, explica Javier Diéguez, profesor da área de Produción Animal na Facultade de Veterinaria de Lugo e un dos investigadores participantes no estudo.
Os controis que realizan periodicamente as ADS sobre IBR e BVD está axudando a reducir a incidencia das enfermidades en Galicia
Neste sentido, o traballo que están a realizar as ADS en Galicia é fundamental para reducir o número de contaxios de ambas enfermidades. “Boa parte das granxas galegas están xa en ADS e estas asociacións encárganse de comprobar que tódolos animais que entran na gandería están libre de, entre outras infeccións, BVD e IBR. Ademais, os veterinarios das ADS teñen unha ampla experiencia no tratamento e detección destas enfermidades”, detalla Diéguez. Na actualidade, en Galicia o 56% das granxas atópanse adscritas a algunha ADS, o que contribúe a detectar e atallar antes estas infeccións. “É importante que aquelas granxas con perspectivas de futuro se adhiran á ADS polo control sanitario que se fai dos animais”, apunta o investigador.
É frecuente que nas granxas catalás as ADS non se encarguen de realizar un control sanitario dos animais que chegan á gandería
Porén, tal e como comprobaron neste estudo, en Cataluña pese a contar tamén con ADS, estas entidades están centradas noutras tarefas e non adoitan realizar un control do gando sobre enfermidades como a diarrea vírica ou a rinotraqueíte infecciosa. “É habitual que non se testen os animais que chegan á granxa e non se realiza un control sanitario como o que en Galicia levan a cabo as ADS”, concreta Diéguez en base ás enquisas e ós controis realizados nas 34 ganderías catalás que participaron no estudo.

Mellorar a bioseguridade na granxa

Co control e a supervisión que realizan as ADS galegas estase a conseguir o retroceso destas infeccións, porén hai outros aspectos nos que as granxas galegas deben mellorar para atallar outras vías de contaxio que tamén propician a aparición de calquera destas dúas enfermidades. En bo número das ganderías galegas a aplicación de medidas de bioseguridade é aínda unha tarefa pendente, en parte polas propias características das granxas de vacún na comunidade. “A diferenza do que acontece en Cataluña, onde as ganderías teñen un tamaño medio dunhas 110 vacas, as granxas galegas son pequenas ou medianas e adoitan estar moi ligadas á casa familiar. Ademais existe unha gran densidade de granxas, mentres que en Cataluña adoitan estar máis separadas entre si”, comenta o investigador. O feito de que en xeral as granxas galegas estean moi vinculadas coa vivenda, ben pola súa proximidade ou porque toda ou boa parte da familia está involucrada nesa actividade, tamén fai máis complicado implantar e respectar certas medidas de bioseguridade, tal e como evidencia este estudo. En cambio, o gran tamaño da maioría das granxas en Cataluña fai que as medidas de bioseguridade formen parte dos imprescindibles da xestión da granxa.

Medidas biosanitarias primordiais

O investigador Javier Diéguez insiste na importancia de incorporar cada vez máis estas medidas biosanitarias para conseguir reducir a incidencia tanto de BVD coma de IBR nas ganderías galegas. Recollemos as principais recomendacións: -Control das visitas na granxa. A proximidade á vivenda e a familiaridade e convivencia con outros gandeiros fai habitual que na granxa haxa máis visitas das estritamente necesarias, o que se pode converter nun foco de infección cando estes visitantes están en contacto con outros animais. -Establecer zonas de aparcamento específicas e controladas é de axuda para evitar o risco de infección cando os vehículos proceden doutras ganderías. -Proporcionar material específico para acceder á granxa. “O persoal que accede á granxa debe facelo con equipos axeitados como calzas ou botas limpas e desinfectadas para reducir os riscos de contaxio”, detalla o investigador. -Establecer protocolos de limpeza e desinfección para maquinaria común. O emprego de maquinaria común en diferentes ganderías pode ser un foco de transmisión para estas enfermidades. A utilización dun carro mesturador de comida en varias ganderías ou a xestión dos xurros ou o esterco con tractores, cubas ou remolques que atendan a máis dunha granxa pode converterse nunha vía de contaxio. Por este motivo, e aínda que polo momento non é o habitual nas ganderías de vacún galegas, cómpre establecer sistemas de limpeza e desinfección para estes vehículos. “Tampouco son procedementos que supoñan un custo elevado para as ganderías, xa que cunha máquina a presión e unha bomba para a limpeza e desinfección do equipo abondaría”, apunta Diéguez. -Outras medidas que tamén poden ser de interese son os peches perimetrais da granxa, ó igual que se empregan xa en ganderías de aves e de porcino, estes sistemas evitan os riscos de acceso tanto de persoas como de fauna allea á granxa. -Pertencer a unha ADS. “O control sanitario que se fai nas ADS resulta fundamental para evitar que entren animais enfermos na gandería”, insiste Diéguez. Esta é unha das medidas principais para os gandeiros galegos. A prevención destas enfermidades non só beneficia á propia granxa senón ás ganderías próximas.

Presentan un selo de certificación de boas prácticas no sector porcino

A Interprofesional do Porcino de Capa Branca (Interporc), acaba de presentar o selo de certificación Benestar Animal Certificado para avalar as boas prácticas, en materia de benestar animal e bioseguridad, no sector porcino.

Interporc aproveitou a súa participación no primeiro Congreso Nacional da Profesión Veterinaria, celebrado en Murcia, para mostrar en detalle esta nova certificación que ten un carácter global, xa que poderá ser utilizado por todas as granxas e industrias españolas.

“O selo responde ás novas esixencias do consumidor, que demanda cada vez máis, prácticas acordes co benestar dos animais e co coidado do medio ambiente”, destaca o Quintiliano Pérez Bonilla, presidente do Comité Científico de Benestar Animal de Interporc.

Regulamento Técnico de Benestar Animal e Bioseguridad

O selo xorde dos protocolos que conforman o Regulamento Técnico de Benestar Animal e Bioseguridad Interporc Animal Welfare Spain. “Estes protocolos que foron elaborados por profesionais gandeiros e industriais que coñecen ben a realidade e características do sector”, reivindica Pérez.

De feito, os procedementos foron avaliados, corrixidos e modificados polo Comité Científico de Benestar Animal, que integran o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (Inia), a Real Academia de Ciencias Veterinarias de España, o Consello Xeral de Veterinarios, a Asociación Nacional de Veterinarios de Porcino, o Colexio de Veterinarios de Murcia e Universidades como as de Murcia, Lleida, a Complutense e a Politécnica de Madrid ou a Universidade de Zaragoza.

Selo de Benestar Animal Certificado presentado por Interporc.

Unha vez avaliados os protocolos, as empresas certificadoras tamén revisaron o regulamento e deron o seu visto e prace xa que ven posible certificar estas medidas en base a datos obxectivos, medibles e cuantificables.

A Interprofesional tamén presentou estes protocolos ás organizacións de protección e defensa dos animais, polo que “conta con tódalas garantías técnicas e co consenso necesario entre todos os axentes implicados no benestar animal”, conclúe Pérez.

5 medidas para controlar a bioseguridade nas granxas durante as visitas

En materia de bioseguridade nas granxas, un momento clave son as visitas, xa que poden converterse nunha vía de acceso de infeccións, sobre todo naquelas granxas cunha produción máis propensa ás afeccións víricas como as explotacións cunícolas, as de porcino ou as avícolas.
"A bioseguridade é a forma barata de evitar as perdas por enfermidades nas granxas"
"A bioseguridade é un dos elementos fundamentais para que unha granxa sexa viable economicamente, xa que é unha forma barata de evitar as perdas por enfermidades", reivindica o investigador Gonzalo Fernández, do departamento de Patoloxía Animal, da Facultade de Veterinaria de Lugo. De feito, Fernández incide en que "a aparición de brotes de enfermidades nas granxas poden considerarse como un fallo de bioseguridade", ratifica. Así, o experto céntrase en 5 medidas para abordar a bioseguridade nas ganderías durante as visitas en base a un estudo realizado en granxas cunícolas coa colaboración de Cogal.

1.Minimizar o número de visitantes

Cada visita ás instalacións pode supor un risco potencial para os animais, polo que a principal recomendación do experto céntrase en reducir ao máximo o número de visitantes que accedan ás instalacións e, sobre todo, que estean en contacto cos animais. Pero a contaminación non só existe nos lugares onde se atopan os animais. "Nalgúns dos nosos estudos temos detectado unha forte carga de virus en maquinaria e utensilios gardados en almacéns ou mesmo en mesas, portas ou bolígrafos situados en oficinas", apunta o experto. As medidas de seguridade deben incluír a todas as persoas que visiten a gandería e non só aquelas que estean en contacto cos animais.
Detectaron contaminación en persoas que nin sequera manipularon animais e estiveron na granxa menos de 30 minutos
O risco de contaxio de virus tampouco se reduce realmente aínda que se fagan visitas curtas. "Constatamos contaminación en persoal que realizou visitas de menos de media hora, sen nin sequera manipular aos animais. Contamináronse simplemente por camiñar pola granxa", detalla o patólogo.

2. Contar con equipos de protección adecuados para as visitas

O feito de contar con equipos de protección individual (EPIS) non garante que se vaia a lograr unha protección total e non se acumulen virus, senón que debe prestarse especial atención á elección destes equipos de maneira que sexan o máis efectivos ao adaptarse ás necesidades particulares de cada granxa. "A roupa e calzado contamínanse tanto polo contacto con superficies con virus como polo simple feito de estar nun local con aire contaminado", apunta o investigador. Na súa investigación detectaron máis de 7.900 virus por 1.000 litros de aire en granxas con coellos afectados por mixomatose, unha das enfermidades víricas máis relevantes no sector cunícola. Na súa investigación avaliaron os distintos elementos de protección, polo que ofrecen recomendacións concretas respecto diso: -Cobertura dos pés. Normalmente utilízanse calzas cubrebotas para que as visitas accedan ás granxas pero non resultan efectivas xa que non se adaptan ás condicións das ganderías, ao ser superficies rugosas que propician que, na maioría dos casos, terminen por romper.
No canto de calzas recomenda que as visitas usen botas que se desinfecten á entrada e saída da granxa
Unha vez que as calzas rompen, os virus acumúlanse no espazo entre o calzado de traballo e a calza, o que aumenta a contaminación vírica. Ao non tratarse de superficies lisas as calzas sen certificación terminan rompéndose sempre e aquelas con certificación (o que implica maiores garantías e prezo) tamén rompen o 30% das veces, segundo comprobaron os expertos. "No canto de utilizar calzas, a nosa recomendación é empregar botas de goma", comenta o experto. Os visitantes deberán limpar e desinfectar as súas botas antes e despois da entrada á granxa. Outra posibilidade pasa por contar cun número suficiente de botas para que utilicen as visitas. -Cobertura do corpo. Para que as visitas poidan acceder ás granxas pode facilitárselle roupa de traballo da propia explotación ou monos desbotables. Do mesmo xeito que co calzado, debe haber roupa para todas as visitas e realizar unha desinfección e limpeza axeitada da vestimenta, ademais de contar cun vestiario no que cambiarse. Recollida de mostras no mono tras unha visita a unha gandería. Se se opta polos monos desbotables, o experto recomenda empregar monos con certificación para barreira de axentes infecciosos e partículas aéreas xa que "utilizar monos de papel sen certificación non evita, en ningún caso, o paso das partículas, é case coma se non se levasen postos", sinala Fernández en base ás mostras de virus recollidas na roupa dos investigadores ao utilizar este tipo de monos. Tamén se debe cubrir o máximo posible as partes descubertas do corpo como as mans, a cabeza, ou mesmo usar lentes en función da zona á que se vaia acceder da visita e os riscos de salpicaduras. Fernández tamén insiste en que se a visita se realiza nunha granxa con risco ou cunha infección confirmada, o persoal deberá ducharse ao saír das instalacións e esperar entre 48 e 72 horas antes de acceder a outra granxa. Ademais, nas granxas de alto valor xenético en sectores como a cunicultura, as visitas tamén deberán ducharse xa antes de entrar á granxa.O experto tamén indicou a importancia de ter un vestiario onde se diferencie as zonas sucia e limpa para evitar o contacto da vestimenta de rúa e de granxa.

3. Realizar un rexistro das visitas

Ter un rexistro das visitas que se realizan na gandería é fundamental para achegar información ante posibles brotes que se produzan na granxa. Neste rexistro deben incluírse datos que poidan ser de utilidade como a data, os datos de contacto coa persoa ou empresa que fixo a visita, así como o motivo e o percorrido e se tivo ou non contacto cos animais. "O rexistro de visitas vainos permitir poder establecer unha posible orixe da infección" "O rexistro de visitas vainos permitir poder establecer unha posible orixe dunha infección", concreta o especialista. Aínda que desde que se produce o contaxio ata que se detecta o brote da enfermidade na gandería aínda pode pasar un período de tempo, contar con datos da visita pode permitir establecer a posible orixe do brote.

4. Control dos vehículos

O ideal é que todos os vehículos que entrasen á granxa se desinfectaran totalmente tras cada visita pero, en moitos casos, como o transporte de animais ou as subministracións de alimento, isto resulta case imposible xa que se utiliza un único vehículo que inclúe rutas con varias granxas. Neste caso, Fernández apunta á importancia de programar as rutas para reducir, ao máximo, os riscos. Desta forma, deberán realizarse primeiro as granxas sen risco de infección, despois as que teñan algunha sospeita de infección e, por último, nas que se detectou unha infección. Aínda que unha das medidas de bioseguridade máis utilizadas nas granxas en referencia aos vehículos céntranse en desinfectar as rodas, "a nosa experiencia é que as rodas non son a parte do vehículo máis contaminada, xa que a calor xerada no movemento do vehículo pode diminuír a carga vírica das rodas", apunta o investigador.
No salpicadeiro ou os mandos dos vehículos detectaron máis de 900.000 virus, mentres que, as rodas apenas están contaminadas
Con todo, outras zonas do vehículo como a guanteira, as pancas de mandos así como os asentos ou o volante acumulan unha importante cantidade de virus, segundo os traballos de campo que realizaron en granxas. Chegaron a detectar entre 41.000 e 972.000 virus nestas partes internas do vehículo. En base a estes datos, outra das recomendacións claves é evitar introducir o vehículo na granxa e que se sitúe o máis afastado posible dos animais. Así, os expertos recomendan habilitar unha zona de aparcadoiro exclusivo para as visitas e que se deseñe un circuíto específico para aqueles vehículos que teñen que acceder ás instalacións, de maneira que se reduza ao mínimo o risco de contaxio. "Se non se pode evitar que o vehículo entre nas instalacións, é importante asegurar que desinfectase por completo, sobre todo se procede de granxas infectadas", apunta Fernández.

5. Limpeza e desinfección das instalacións

Outro dos focos onde se concentran os virus son as propias gaiolas. "Chegamos a detectar máis dun millón de virus de mixomatose nas gaiolas dunha explotación afectada", concreta Fernández. Por este motivo, é fundamental telo en conta en visitas pero tamén nos protocolos de limpeza e desinfección da explotación para evitar os contaxios de enfermidades.