Archives

“As estelas de madeira para combustible teñen unas posibilidades enormes de crecemento en Galicia”

Luis, xunto ao seu fillo Pablo, nas instalacións da empresa no Corgo Luis Balboa López empezou fai 15 anos facendo desbroces nos montes do entorno de Lugo pero soubo ir diversificando traballos para adaptarse ás demandas dos seus clientes e buscar nichos de mercado que lle permitiran aproveitar todo canto sae dunha plantación forestal.    A súa empresa, Transformaciones Galicia, é unha das poucas especializadas en produción e comercialización de serrín, viruta e estelas, unha fonte renovable de enerxía que permite aforrar custos con respecto a outros combustibles, como o gas ou o gasóleo. “Este era un mercado que estaba descuberto en Galicia e que está a medrar moito”, afirma José Antonio Sánchez Vázquez, que leva na empresa desde os seus inicios e que acaba de chegar de Austria, onde o sector leva anos asentado.
Os produtos derivados da madeira son o combustible máis competitivo que hai a día de hoxe como fonte de enerxía
A empresa dá emprego a 14 persoas e dispón de instalacións de almacenaxe de madeira e produto transformado en Lapio, no municipio do Corgo. Entre os clientes principais atópanse industrias que empregan a astilla de madeira como fonte de enerxía para plantas de coxeneración, secadeiros ou circuitos e depósitos de auga quente, así como colectividades e instalacións públicas, como por exemplo centros educativos ou sanitarios, que contan con caldeiras de calefacción central con este tipo de biomasa. “Nós servimos a catro hospitais: Polusa, Calde e os hospitais comarcais de Monforte e do Barbanza”, indica José Antonio. Un sector en desenvolvemento Industrias como Estrella Galicia, hoteis como o de Cabeza de Manzaneda ou o Alfonso IX de Sarria, spas e balnearios ou algunhas instalacións públicas son a día de hoxe lugares onde se poden ver caldeiras que funcionan con estelas de madeira, pero José Antonio demanda unha implicación máis decidida da Administración pública para que se produza un verdadeiro desenvolvemento do sector en Galicia.
En Galicia até agora era un mercado descoñecido, estase empezando pero as posibilidades de crecemento son enormes
“A Administración ten que dar exemplo nos edificios que dependen dela para que despois as comunidades de veciños se sumen. O ideal sería montar instalacións colectivas para varios edificios, como sucede por toda Europa”, asegura José Antonio. En Austria, por exemplo, estivo visitando un silo con capacidade para 20 camións que alimenta unha caldeira que xera auga quente e calefacción para todo un polígono industrial.
O ideal sería montar caldeiras centrais colectivas que desen servizo a varios edificios; aí é onde está o verdadeiro aforro
Nese tipo de caldeiras centrais colectivas, di, “é onde está o verdadeiro aforro”. “Iso é o futuro”, afirma, pero recoñece que “aquí non temos polo momento esa mesma cultura, non nos colle na cabeza que a estela é un combustible que non dá problemas e que é barato”, asegura. Un terzo do custo do gasóleo As estelas de madeira xeran un alto rendemento calorífico que permite reducir de maneira importante os custos enerxéticos a respecto doutro tipo de combustibles. “Supón un terzo do custo do gasóleo neste momento e é un material moito máis competitivo ca os pellets, porque ten menos transformación. En comparación coa aerotermia, a instalación é moito máis económica, xa que comparativamente ten un custo inicial moito menor”, indica. No caso das estelas, unha caldeira de 200 Kw, para dar servizo a 10 vivendas unifamiliares, sairía por 90.000 euros. O sistema viría montado nun contedor, o que facilita a instalación. “Unicamente habería que chegar e conectar tuberías”, asegura.  
Pasar de pellets a estelas supón reducir o consumo á metade; no caso do gasóleo o aforro é de dous terzos
“Os produtos derivados da madeira son o combustible máis competitivo que hai a día de hoxe como fonte de enerxía, un recurso sostible e renovable que permite facer unha verdadeira economía circular”, destaca José Antonio, que lembra que a UE vén de establecer a prohibición das caldeiras de gas e de gasóleo no 2040. “Quédannos 15 anos para adaptarnos”, advirte. Secado e cribado Contan cunha capacidade de almacenaxe a cuberto de 2.500 toneladas, que están dobando En Galicia hai unha ducia de empresas adicadas ao estelado de madeira pero é un sector que ten “pouca visibilidade”. Transformaciones Galicia conta na actualidade con dous equipos astillando en monte para servir directamente a plantas de enerxía, tanto eléctricas como caloríficas, de distintos clientes industriais que teñen instalados sistemas de coxeneración.
En Galicia hai unha ducia de empresas adicadas ao estelado de madeira pero é un sector que ten pouca visibilidade
A maiores dispoñen de planta de elaboración e almacenamento de estelas limpas, estelas secas e cribadas de maior calidade, destinadas a caldeiras de colectividades e comunidades, que é cara onde está a medrar o mercado. “Estamos neste momento dobrando a nosa capacidade de almacenamento, estamos nunhas 2.500 toneladas a cuberto e coa nova nave imos pasar a 4.500, porque a planificación que tiñamos feita para este inverno xa a temos toda comprometida e non temos capacidade para servir a novos clientes”, recoñecen.
A planificación para este ano xa a temos cuberta, non temos neste momento capacidade para servir a máis clientes
Precisan ademais traballar con varios meses de antelación á hora de preparar e anticipar os pedidos, xa que dentro dos parámetros esixidos para este tipo de produtos está que teñan un grao de humidade determinada, que logran mediante un proceso de secado natural.  “O produto que temos almacenado é seco, necesita de 6 a 9 meses de secado natural. A outra opción sería meter un tromel de secado, pero incrementas os custos do produto e a calidade resultante non é a mesma, porque o secado natural non estropea as ligninas”, conta José Antonio.
O secado natural require de 6 a 9 meses pero a calidade do produto é maior porque non se estropean as ligninas
Producen e comercializan unhas 12.000 toneladas de estelas ao ano e uns 1.200 metros cúbicos de viruta ao mes. “Coa viruta empezamos hai menos tempo pero a idea é triplicar a produción dentro dun par de meses, xa para esta primavera, e mesmo montar un secadeiro para garantir a humidade idónea do produto no inverno”, explican . Viruta para cama de animais Entre os clientes da empresa atópanse granxas avícolas, que usan as estelas como fonte de enerxía para a climatización das instalacións. Tamén lles sirven viruta para a cama dos polos e dos pavos nas naves de produción. Pero o forte incremento experimentado polo prezo da palla, empregada habitualmente na cama das ganderías leiteiras, por exemplo nos lotes de vacas secas ou na recría, ou nas de carne para estrar os xatos, está a facer que se incrementasen tamén moito os pedidos deste material para explotacións de vacún.
O incremento do prezo da palla está facendo que haxa moita demanda para vacas secas e recría nas explotacións de vacún
“Hai unha demanda tola, nós neste momento estamos co 100% da produción vendida, porque co encarecemento da palla foi un nicho de mercado que quedou descuberto totalmente”, admite José Antonio. O nivel de absorción da viruta é superior ao da palla, porque esa capacidade mantense durante máis tempo. Con respecto ao dry pellet, empegado sobre todo no sector equino, a viruta reduce o custo da cama á metade. “O trailer de viruta, cun volume duns 93 metros cúbicos, ronda os 2.000€”, explica. Un recurso Km0 Unidade de estelado en monte, que transforma a biomasa en produto destinado a instalacións de coxeneración Nesta empresa destacan os valores dos combustibles procedentes da madeira desde o punto de vista da sustentabilidade ambiental, e máis nun lugar como Galicia, onde a materia prima está moi preto do consumidor final, o que reduce notablemente o transporte.
O estelado permite valorizar as especies con menor demanda comercial, como poden ser o bidueiro ou o salgueiro
Ademais, este uso permite “valorizar” as especies con menor demanda comercial, así como aproveitar os refugallos das cortas de eucalipto ou piñeiro que se fan para outros usos. “Para estelas nós tan só utilizamos os restos de aserrado de piñeiro, xa que ao mesmo serradoiro que lle vendemos a madeira mercámoslle os casqueiros, e astillamos tamén moitísimo bidueiro, chopo ou salgueiro, que son as madeiras que menor valor teñen no mercado, xa que o carballo tamén se encareceu ao destinarse para leña. Nós procuramos que a materia prima que utilizamos sexa barata para que o prezo final do produto que facemos sexa tamén económico”, indican. Entre 100 e 110 euros/metro cúbico O prezo de venda das estelas de calidade estandarizada G-30, sempre por debaixo dun 25% de humidade e volumetría inferior a 3x3 cm, cunha marxe de erro ata 4,5 do 5%, rolda os 110€ cribada e os 100€ sen cribar. Eses serían os prezos no punto base, é dicir, na planta de fabricación e secado ubicada no Corgo, ao que habería que engadir o transporte até o lugar de consumo final e que pode variar moito en función da distancia ou da necesidade de soplado do material (envío por un conduto flexible mediante impulsión por aire) até o punto de almacenaxe.  
Se tes unha materia prima cara o prezo final dispárase porque os custos de procesado e secado son elevados, por iso usamos especies de pouco valor comercial
Para tratar de abaratar o máis posible o prezo do produto final traballan cunha planificación das campañas con varios meses de antelación e aproveitan especies con menor valor comercial. “Se tes unha materia prima cara o prezo final dispárase porque os custos de procesado e secado son elevados”, precisa José Antonio. Neste momento están servir material almacenado hai varios meses e comezando xa a estelar produto que será consumido o inverno que vén. “Non buscamos un mercado instantáneo senón planificado, para ter capacidade de subministro garantida aos nosos clientes”, di Luis. A madeira recén estelada pode ter un 40% de humidade e é necesario que baixe a un 25%. “Nese proceso prodúcense mermas dun 30%”, detalla. Para mellorar a calidade realizan un cribado de longos e nun prazo dun par de semanas van comezar a eliminar tamén finos. A normativa europea unifica as calidades en dúas categorías, P-16 e P-31, cun grao de humidade inferior ao 25% e longos por debaixo de 2,5 e 3,5 cm. Imposibilidade normativa de presecado da madeira no monte Zona de presecado da madeira para estelar nas instalacións de Transformaciones Galicia en Lapio Un dos hándicap cos que se atopa este sector en Galicia para o seu desenvolvemento, con respecto a outros países europeos, é que “por normativa nós non podemos almacenar máis dun mes o material no monte”, din. No verán en 30 días baixa moitísimo o grado de humidade, o produto cambia totalmente, pero no inverno é insuficiente, polo que o ideal sería poder facer acopios no monte durante máis tempo, piden. “En pleno verán, recén cortada, a madeira está a un 65% de humidade, mentres que no inverno despois de 2 ou 3 meses estibada á intemperie o grao de humidade pode ser do 30%. A humidade interior baixa e aínda que a madeira estea mollada por fóra non absorbe humidade cara ao interior”, explica José Antonio.
O ideal sería poder facer un presecado da madeira no monte como fan noutros países, pero aquí non é posible por normativa
Na zona de presecado ao aire libre das súas instalacións do Corgo almacenan unhas 15.000 toneladas de madeira pero, din, “o ideal sería poder facer un presecado da madeira e a biomasa no monte antes de triturala, como fan noutros países, porque a madeira que está fóra, aínda que estea á intemperie, non se vai humedecer máis polo feito de que lle chova, pero aquí non é posible por normativa, estamos limitados por iso”, quéixase. Outro dos problemas que hai en Galicia ten que ver coa pequena dimensión de moitas parcelas e os malos accesos para chegar a elas, que impide levar a moitos montes o equipo de trituración e os camións que teñen que transportar o material procesado.

Xestión forestal integral, para transformar superficies abandonadas en montes produtivos 

Ademais de especializarse na xestión de biomasa e na produción de materiais combustibles derivados de madeira, Transformaciones Galicia tamén se adica a facer todo tipo de traballos forestais, desde corta e saca de madeira a entresacas e outros traballos silvícolas, así como a plantacións ou desbroces, co obxectivo de ofrecer ao propietario forestal solucións adaptadas e integrais para a xestión dos seus montes. "Facemos a xestión completa dos montes, desde a compra de madeira en pé e a súa corta e transporte ao cliente final, ao aproveitamento da biomasa e a repoboación forestal para que esa parcela siga producindo”, explica Luis.
Transformaciones Galicia está especializada en compra venda de madeira, xestión de biomasa e repoboación
Cortan ao ano unhas 50.000 toneladas de madeira, das que unhas 35.000 son de piñeiro e o resto de distintas especies como chopo, bidueiro ou outras frondosas autóctonas. “O que menos traballamos é eucalipto porque para ser competitivo niso tes que cortar todo o ano eucalipto”, explica. “Neste momento xa se lle está dando valor á maioría da madeira de piñeiro”, aseguran. No seu caso, o 80% do piñeiro que cortan no monte vai para serradoiro e o 20% restante para taboleiro.
O 80% do piñeiro que cortamos vai para serradoiro; neste momento xa se lle está dando valor á maioría da madeira de piñeiro
Recoñece que colleron “anos moi bos para o sector forestal, con bos prezos na madeira e volumes importantes de cortas”, pero a situación cambiou. “A baixada no prezo da madeira que se deu a partir de setembro pasado aféctanos a todos. Das tres procesadoras que temos, unha está parada neste momento”, explica. O mercado retraeuse e as vendas dos propietarios forestais caeron en picado, aínda que o feito de traballaren pechando compras de lotes de madeira en pé con varios meses de antelación permítelles ter stock de materia prima de até case un ano. Aproveitamento de toda a árbore Transformaciones Galicia consegue facer un aproveitamento completo da totalidade das árbores que corta no monte. As mellores trozas destínanse a usos de alto valor engadido, como aserrado; as de calidade intermedia van por exemplo para taboleiro e os refugallos, canas, pezas con nós ou defectos e demais restos e biomasa teñen unha segunda vida convertidas en estelas de calidade. “Enseguida empezamos a ver o potencial que tiña a biomasa; era un mercado novo que aquí estaba desatendido. Optamos por diferenciarnos; nós non estamos no que está todo o mundo”, di Luis.
Empezamos facendo desbroces e cortando madeira, pero enseguida vimos o potencial que había no mercado da biomasa
“Empezamos facendo empacado de ramas no monte, como fan outras empresas, pero vimos que pola demanda do mercado final non é o mellor sistema, porque despois iso require novamente un procesado mediante triturado, polo que empezamos a apostar directamente polo astillado en monte”, explica. “Prohibir leva ao abandono do monte” “A corta de frondosas está bastante limitada neste momento”, aseguran, e defenden que “prohibir non é a solución, porque leva ao abandono do monte”. “Nós pensamos que cando hai unha parcela con pés de escasa calidade, porque naceron sós, están en situación de abandono ou non se levou a cabo unha silvicultura axeitada, o mellor é poder cortar esas árbores, facer un aproveitamento delas e volver plantar o monte”, consideran.
Estamos acondicionando fincas que levaban 30 ou 40 anos abandonadas, transformándoas en montes produtivos
 “Estamos acondicionando fincas que levan 30 ou 40 anos abandonadas, que o que teñen sobre todo son toxos e silveiras de tres metros de altura e algunha árbore polo medio que naceu soa, convertendo esas superficies en montes produtivos e ordenados, con plantacións de futuro”, argumenta José Antonio. Por iso non entenden que o aproveitamento de frondosas estea limitado ao 50% por normativa. “Só podemos cortar a metade das árbores, iso ás veces condiciona a viabilidade, e se fas repoboación non podes cambiar o cultivo”, explican.
Temos que cambiar o chip, porque prohibir non funciona, o único que xera é deixadez; o que hai é que incentivar a produción, que é a maneira de que se coide o monte
Defenden sen embargo que o aproveitamento para estes usos enerxéticos “é compatible coa obtención de madeira de calidade”. “É unha maneira de rendibilizar as entresacas e de favorecer a silvicultura”, din. É un sistema que está implantado en países do leste de Europa. “Lituania, por exemplo, ten moitas plantacións de bidueiro, ás que lle sacan unha ou dúas pezas para serra e o resto vai para estelar”, conta José Antonio. En Galicia, pola contra, di, “apóstase pola prohibición”. “Cando se cataloga un monte ou se inclúe en Rede Natura, unha carballeira, por exemplo, ninguén volve tocar eses carballos, non se podan nin se fai silvicultura. Son moi bonitos, si, pero en 30 anos empezan a romper por arriba e a pudrir e en 50 anos a metade deles están no chan, polo que non gañamos nada con esa protección. Temos que cambiar o chip, porque prohibir non funciona, o que hai é que incentivar a produción, que é a maneira de que se coide o monte. Prohibir o único que xera é deixadez”, asegura.

Investigadores do Campus Terra validan métodos de estimación de biomasa e caracterización de combustible forestal en matogueias e piñeirais

A investigación de doutoromento desenvolvida pola enxeñeira de Montes Cecilia Alonso Rego na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC baixo a dirección de Ana Daría Ruiz e Ramón Alberto Díaz Varela baixo o título ‘Estimación de biomasa e características estruturais do combustible en comunidades de matogueira desarborada e piñeirais en Galicia a partir de escáner láser terrestre, láser aéreo e inventario de campo’, valida novas metodoloxías de cálculo e achega aos xestgores ferramentas para cuantificar con precisión o combustible forestal existente nestas áreas, a fin de reducir así o risco de lumes de copas. A carga de biomasa das formacións vexetais, é dicir, o peso seco de biomasa por unidade de superficie e a súa distribución por fraccións de tamaño e estado biolóxico (vivo/morto), xunto con outras características estruturais como a súa altura media, ou a densidade aparente (biomasa por unidade de volume), afectan en gran medida á cantidade de combustible consumida durante o incendio, á velocidade de propagación ou a intensidade, así como aos potenciais efectos do lume. Os resultados da investigación desenvolvida por Alonso Rego constitúen así unha nova ferramenta de gran utilidade para o xestores forestais, cuxo cometido se centra, nun primeiro momento, na prevención de focos incendiarios e, logo, en evitar a propagación dos lumes, especialmente naquelas áreas propensas a lumes de copas, que son os incendios que requiren un maior esforzo para a súa extinción e que ameazan a seguridade dos operarios, en particular, e da poboación xeral, nun senso máis amplo. As pescudas realizadas no marco desta tese de doutoramento enmárcanse fundamentalmente en Galicia, unha rexión na que a xestión da carga de combustible se antolla especialmente necesaria, dado o rápido crecemento da vexetación e a gran acumulación de biomasa tanto en matogueiras desarboradas como en áreas de sotobosque baixo arborado. Para a realización destes estudos, Alonso Rego completou inventarios non destrutivos nun total de 55 parcelas en matogueiras desarboradas distribuídas por toda Galicia, ao tempo que empregou datos procedentes de inventarios de arborado sotobosque dunha rede de parcelas de ensaio de claras establecidas en plantacións puras e coetáneas de Pinus radiata e Pinus pinaster localizadas en 34 lugares distintos, na súa maioría en Galicia.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático da área de Produción Vexetal da USC, Roque Rodríguez Soalleiro, presidiu o tribunal encargado de avaliar a investigación de doutoramento presentada no Campus Terra por Cecilia Alonso Rego, un traballo do que se derivan varias publicacións en revistas científicas de impacto. O investigador da Facultade de Ciencias Forestais da Universidade Juárez do Estado de Durango Daniel José Vega-Nieva, e Eva Marino Del Amo, do CIFOR-INIA, completaron un comité avaliador que acordou cualificar este tese de doutoramento con sobresaínte cum laude.

ENCE transformará restos de poda vitícolas en caixas para o viño e etiquetas

Dúas adegas de Ribera del Duero, Matarromera e Pago de Carraovejas, chegaron a un acordo con Ence para a posta en marcha do proxecto VINEBOX , en busca de solucións sostibles para valorizar o residuo de poda de vide. O consorcio, a través deste proxecto de I+D, pretende dinamizar no sector vitivinícola unha xestión de recollida e provisión de podas da vide para a produción de pulpa de celulosa e a súa posterior validación, mediante demostradores de papel e cartón. O papel producido será empregado na fabricación de cartón para a elaboración de caixas para viño e para o deseño de novas etiquetas. A través deste proxecto ofrécese unha solución sostible ao sector vitivinícola, en aras de cumprir coas esixencias que supón a entrada en vigor da nova Lei 7/2022 de Residuos e solos contaminados para unha Economía Circular, que restrinxe a queima de residuos vexetais xerados na contorna agraria. “Para nós a sustentabilidade é máis que un compromiso: é o noso día a día; é un tramo do camiño do que nos queda moito por percorrer. O respecto pola nosa contorna forma parte da nosa filosofía, do esforzo que facemos por implementar medidas no presente que se vexan reflectidas no futuro”, expresa Pedro Ruiz, CEO de Alma Carraovejas. Eva Navascués, directora de I+D+i de Pago de Carraovejas, sostén que con VINEBOX “é posible pechar o ciclo aproveitando este material procedente de sarmientos nas etiquetas de viño e caixas de embalaxe que empregamos nas adegas. Demostraríase que evitar a queima dos refugallos non só redunda na protección ambiental, senón que permite a sustentabilidade en sentido amplo, tamén a social e económica”. “Ante todo somos viticultores e agricultores, e todo o que facemos nas nosas adegas para ser máis sostibles é por obrigación para coa terra, é noso deber coidala e transmitir o noso mellor legado ás seguintes xeracións”, explica Carlos Moro, presidente e fundador de Nodega Matarromera. “Até non hai moitos anos, criamos ilimitados os recursos naturais, e non había conciencia das graves consecuencias ambientais de “producir, usar e tirar”. As empresas temos non só a responsabilidade moral de contrarrestar o impacto negativo que a nosa actividade xera na contorna, senón tamén de apostar por formas de produción máis equilibradas, máis sostibles, máis responsables e máis eficientes, e este proxecto é un claro exemplo de iso”. Explica Sonia Villanueva Sánchez, directora de calidade e I+D+i de Adega Matarromera, que este proxecto de investigación permite a profundar na súa estratexia de incorporar coproductos no seu proceso produtivo. Granza foi a primeira marca agroalimentaria española en utilizar etiquetas con papel elaborado a partir de residuos de uva remplazando o anterior 15% de pulpa virxe. Agora os resultados son máis amplos, pois o proxecto permite integrar os restos na produción de celulosa Naturcell, en aras de xerar etiquetas e caixas de cartón. Para Antonio Casal, director de Desenvolvemento de Negocio de Celulosa de Ence, esta alianza “demostra unha vez máis o papel protagonista de Ence no impulso da bioeconomía circular, non só no seu proceso produtivo, senón tamén buscando sinerxias con outros sectores, como o vitivinícola neste caso, para innovar e buscar novas formas de contribuír ao desenvolvemento sostible”. “Queremos seguir achegando novas solucións ante os retos que nos expón unha sociedade cada vez máis esixente. Estamos a achegar alternativas baseadas nun aproveitamento responsable dos recursos naturais”, conclúe Casal. O proxecto, cofinanciado pola Unión Europea e polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) con fondos FEDER, conta cun orzamento de 879.539,00 € e un tempo de execución de 30 meses. Ademais, participan, como entidades subcontratadas polas empresas, o Instituto de Agroquímica e Tecnoloxía de Alimentos (IATA-CSIC), o Instituto Tecnolóxico da Embalaxe, Transporte e Loxística (Itene), e a empresa Athisa, que achega solucións para o servizo de recollida e provisión de pódalas de sarmiento.

Proxecto Biomasa CAP, aproveitar o potencial da biomasa non valorizada como fonte de enerxía

Os socios do proxecto Biomasa CAP veñen de presentar as conclusións de nove meses de traballo do proxecto, que tiña por obxectivo o fomento, divulgación, e a difusión da biomasa non valorizada de alto potencial como novo recurso enerxético en Galicia e no norte de Portugal. O director xeral do Centro Tecnolóxico EnergyLab, Fernando Val López, inaugurou a xornada de conclusións resaltando que a biomasa xoga un papel importante nesta transición enerxética, debido ao seu menor impacto ambiental e á súa contribución na mellora da competitividade, o emprego e o desenvolvemento rexional. A continuación, Yarima Torreiro Villarino, investigadora de EnergyLab, presentou as actividades realizadas, entre elas xornadas demostrativas de recollida de poda e de aplicación industrial, encontros da Rede Transfronteiriza, talleres de ideas de proxectos de I+D, cursos de formación e xornadas divulgativas en colexios da rexión transfronteiriza. Máis tarde, João Domingues, Xestor de Programas Europeos e Innovación de FEUGA, mostrou as principais conclusións derivadas dos eventos, nos que se destacaron as barreiras e oportunidades na valorización da biomasa na Eurorrexión. Unha vez finalizada esta intervención, João encargouse de dinamizar unha mesa de debate con todos os socios do proxecto, que pechou a xornada, na que se presentaron dúas novas ideas de proxecto de I+D, froito dos dous talleres de ideas que se realizaron en Biomasa CAP. Nesta mesa participou David Patiño, profesor do Departamento de enxeñería mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos da Universidade de Vigo; Ricardo Barbosa, técnico superior coordinador do INEGI (Instituto de Ciência e Inovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial); Duarte Alves, docente do IPVC (Instituto Politécnico de Viana do Castelo), Manuel Izquierdo, xefe da unidade técnica de eficiencia enerxética do INEGA (Axencia Instituto Enerxético de Galicia), ademais de Yarima Torreiro, do centro tecnolóxico EnergyLab. Todas as accións desenvolvidas dentro de Biomasa CAP pretenden promover a mellora da competitividade do tecido produtivo na zona transfronteiriza, xerando oportunidades para a creación de riqueza e emprego no ámbito rural, dado que é nestes territorios onde se atopan as explotacións agroforestais, xeradoras de biomasas non valorizadas. Con Biomasa CAP respondeuse ao reto de fomentar o aproveitamento dos recursos naturais dos que dispón Galicia e o Norte de Portugal, que presentan un gran potencial na xeración de enerxías renovables, en especial, da biomasa como recurso endóxeno. Ademais, ao fomentar unha economía verde e a xeración de coñecemento, respóndese tamén aos retos establecidos na Unión Europea en canto á necesidade de fomentar un crecemento intelixente, sostible e integrador, que contribúa ao logro dunha maior cohesión económica, social e territorial. Sobre Biomasa CAP O proxecto Biomasa CAP: Capitalización das capacidades de I+D no uso enerxético da biomasa non valorizada de alto potencial”, tiña como obxectivo potenciar a visibilidade e a percepción da biomasa non valorizada pero de alto potencial, como un recurso estratéxico para un crecemento e desenvolvemento económico, tecnolóxico, social e ambiental sostible no territorio transfronteirizo Galicia - Norte de Portugal. Biomasa CAP está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014 - 2020, que apoia a cooperación na liña transfronteiriza entre ambos os países para avanzar na mellora da calidade de vida dos habitantes do Espazo de Cooperación, financiando proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O proxecto está liderado polo Centro Tecnolóxico EnergyLab, e conta con cinco dos socios do proxecto anterior, a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), o Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo, a Axencia Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC), e o Instituto de Ciência e Innovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (INEGI). Máis información e resultados do proxecto en: https://biomasa-ap.com/

A Xunta limpará a biomasa arredor das vivendas en sete concellos nun plan piloto

A Xunta xestionará directamente a biomasa preto das vivendas de sete concellos piloto seleccionados ao abeiro do convenio de defensa das aldeas, asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga. Nestes municipios, as franxas secundarias comprenden unha superficie total de 2.500 hectáreas preto das casas, distribuídas en máis de 50.000 parcelas dos concellos de Carnota, na provincia da Coruña; As Nogais, na de Lugo; Cualedro, A Gudiña, Monterrei e Lobios, na provincia de Ourense; e Gondomar, na de Pontevedra. Precisamente hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, realizou unha visita a unha zona na que se están a executar traballos de xestión da biomasa preto das vivendas no concello de Carnota. Estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, polo alcalde en funcións da localidade, Juan Manuel Saborido, e pola directora-xerente de Seaga, María Luisa Piñeiro. O conselleiro lembrou que o principal obxectivo do devandito convenio é apoiar os particulares e os municipios no seu cumprimento da normativa sobre prevención de incendios, pero que a Xunta quixo ir máis alá e por iso se planificaron estas actuacións integrais nos sete concellos mencionados, como complemento ao labor feito polos propios titulares dos terreos.

Reforzo da prevención

Ademais, o titular de Medio Rural lembrou que se introduciron melloras na normativa sobre incendios forestais para reforzar dita prevención. Así, cunha disposición adicional modificouse a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia para facilitar e axilizar a execución dos labores de xestión da biomasa. Desta forma, sinalou José González, con dita modificación precisouse mellor que a obrigación de xestión de biomasa é durante todo o ano, aínda que desde finais de maio se intensifiquen os controis e desde principios de abril para aqueles que incumpriron nos últimos catro anos as súas obrigacións de xestión. Do mesmo xeito, clarificou o conselleiro, o apercibimento aos particulares é válido por catro exercicios, o cal soluciona o problema de ter que apercibir todos os anos e abriuse a posibilidade de proceder directamente á execución subsidiaria por parte da Administración competente naquelas parcelas de propietarios que desatenderan ditos avisos. Por último, tamén se solucionou o problema do cobro dos custos da execución subsidiaria, xa que ata o momento non se podía recadar pola Administración autonómica, por corresponder a unha competencia municipal, matizou o titular de Medio Rural.

Actuacións en Carnota

No caso concreto de Carnota, segundo explicou González, as franxas secundarias comprenden unha superficie de preto de 377 hectáreas preto das casas, distribuídas en algo máis de 9.600 parcelas, e engadiu que preto de 46 hectáreas xa foron contratadas a Seaga para a súa adecuada xestión. Ademais, neste municipio tamén se está traballando nun Perímetro de Alto Risco de Incendios (PARI), unha figura que ten por obxecto anticiparse aos lumes forestais adecuando as infraestruturas preventivas e a rede de faixas de xestión de biomasa situadas preto das vivendas. Así, estanse levando a cabo actuacións preventivas en case 12 hectáreas e 10 quilómetros de superficie onde o estado de abandono significa un alto risco de propagación de incendios forestais. Nesta liña, estes labores enmárcanse no Plan preventivo impulsado pola Xunta e que estará en vigor ata marzo de 2024. Esta planificación prevé actuar cando menos en 60.000 hectáreas e nuns 5.600 quilómetros de vías, ademais de en máis de 4.800 puntos de auga, en toda a xeografía galega. Neste contexto, salienta como novidade este ano a posta a disposición dun visor de faixas secundarias de xestión de biomasa (as que rodean as vivendas), accesible para toda a cidadanía. Mediante esta ferramenta é posible delimitar as devanditas faixas daqueles concellos que teñan o plan de prevención de incendios aprobado. Desta forma, calquera persoa poderá visualizar as parcelas incluídas nestas franxas, con indicación da parroquia, referencia catastral, superficie total e área afectada pola faixa.

Convenio coa Fegamp e Seaga

En relación co convenio asinado coa Fegamp e Seaga, ao que están adheridos o 89 % dos concellos galegos -entre eles o de Carnota-, José González puxo en valor o feito de que entre 2021 e 2022 se inspeccionaran preto de 85.000 hectáreas e máis de 1,2 millóns de parcelas incluídas na rede de faixas secundarias e que a superficie xestionada -ben polos propietarios, ben de xeito subsidiario- pasou de representar a metade do total en 2019 a superar o 70% en 2022.

Unha tese da Universidade de Vigo avanza cara un mellor aproveitamento da biomasa

Nun contexto crecente de aposta pola economía circular e a sostibilidade, cada vez son máis os residuos da industria agroalimentaria que se intentan aproveitar para a obtención de compostos de valor engadido. Para que este aproveitamento sexa cada vez máis eficiente, o pretratamento desta biomasa tense convertido en crucial. Co obxectivo de contribuír á súa mellora mediante o uso de procesos máis simples e escalables, na súa tese de doutoramento, a investigadora do grupo BiotecnIA da Universidade de Vigo María Guadalupe Morán abordou con éxito a produción de enzimas hidrolíticas (a partir de Aspergillus niger en fermentación en estado sólido) e a súa aplicación en residuos lignocelulósicos pretratados con disolventes eutécticos profundos para obter azucres fermentables. A tese, presentada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, estivo dirixida por José Manuel Domínguez (Universidade de Vigo) e Montserrat Calderón (Instituto Tecnológico de Tepic, México) e codirixida por María Guadalupe Aguilar (Instituto Tecnológico de Veracruz, México). Licenciada en Enxeñaría Bioquímica polo Instituto Tecnológico de Veracruz, María Guadalupe Morán ten realizado o Máster en Ciencias en Ingeniería Bioquímica nesa mesma institución e o doutoramento en dobre titulación polo Instituto Tecnológico de Tepic  (Ciencias en Alimentos) e pola UVigo (Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria).

Estratexias simples e ecolóxicas

Segundo explica a xa doutora, os residuos lignocelulósicos ricos en polisacáridos e lignina, como o bagazo de caña de azucre e o bagazo de cervexa empregados na súa tese, pódense utilizar para producir compostos de alto valor agregado. Porén, detalla, “a estrutura recalcitrante propia da biomasa lignocelulosa dificulta a súa utilización eficiente, polo cal, a etapa de pretratamento tense convertido en crucial para o éxito dos procesos de biorrefinería”. Por outra parte, engade Morán Aguilar, “debido aos diversos inconvenientes presentados polos pretratamentos convencionais, existe a necesidade de desenvolver estratexias de pretratamento simples e ecolóxicas que axuden a superar o pescozo de botella dos procesos de biorrefinería”. Por todo iso, no seu traballo propúxose o uso de disolventes eutécticos profundos (DEP), xa que teñen sido recoñecidos como solventes “prometedores para o pretratamento de biomasa, ademais de ser renovables, reciclables e de baixo custo”. Por outra banda, detalla María Guadalupe Morán, debido ao alto prezo dos enzimas comerciais e a súa baixa dispoñibilidade (o que obstaculiza o desenvolvemento de tecnoloxía e a súa aplicación nos procesos de biorrefinería) propúxose na súa tese o uso de “técnicas de fermentación de baixo custo e máis eficaces, como a fermentación en estado sólido (FES) mediante o uso de residuos lignocelulósicos como fonte de carbono e soporte en conxunto e con cepas microbianas con habilidade na síntese de proteínas para a obtención de complexos enzimáticos con actividade hidrolítica”. A súa finalidade foi xerar “tecnoloxía eficaz para a súa aplicación en procesos de biorrefinería e que en conxunto cos pretratamentos DEP promovan un proceso simple, escalable e viable na produción de hidrolizados ricos en azucres fermentables”.

Empregando bagazo de caña de azucre e de cervexa

Neste marco de traballo, o obxectivo xeral do estudo, explica a súa autora, foi “determinar as mellores condicións para a obtención dun extracto enzimático con actividade hidrolítica mediante a técnica de FES para posteriormente aplicalo no material rico en polisacáridos obtido do pretratamento cos disolventes eutécticos profundos para a liberación de azucres fermentables”. A metodoloxía empregada consistiu primeiramente en determinar o efecto da fonte de carbono, empregando como substrato durante a FES o bagazo de caña de azucre e o bagazo de cervexa para a produción de enzimas como as celulasas e xilanasas e utilizando diferentes cepas de Aspergillus niger. Posteriormente, analizouse en maior profundidade o efecto de diferentes variables como a humidade, o tempo de fermentación e a carga de leito, para a optimización da produción de enzimas hidrolíticos empregando o microorganismo A. niger CECT 2700. De seguido, apunta a investigadora, avaliouse o efecto de diferentes mesturas eutécticas sobre os residuos lignocelulósicos, a fin de promover unha deconstrución mellorada que permitise un maior acceso dos enzimas hidrolíticos polo substrato durante a hidrolise enzimática. A investigadora do grupo BiotecnIA da Universidade de Vigo, María Guadalupe Morán Ademais, co obxectivo de xerar un proceso amigable co ambiente, escalable e viable economicamente, estudouse o resultado de aplicar diferentes doadores de enlaces de hidróxeno nas mesturas eutécticas e distintas condicións de operación, como o tempo de reacción e a temperatura. Conxuntamente, a fin de promover un concepto de modelo circular tamén se analizou o efecto do reciclado dos disolventes eutécticos profundos durante o pretratamento de biomasa, así como a estrutura da biomasa obtida en cada ciclo e a lignina recuperada. Entre as conclusións do estudo, a súa autora destaca que “os resultados demostraron a efectividade na produción dun extracto enzimático con capacidade hidrolítica empregando técnicas de fermentación en estado sólido e residuos agroindustriais como fonte de carbono, promovendo así un proceso ambientalmente sostible debido ao seu baixo custo e simple implementación nos procesos de biorrefinería”. Igualmente, engade María Guadalupe Morán, a análise de diferentes factores relacionados co rendemento da deconstrución de biomasa lignocelulósica utilizando os DEP como pretratamento, mellorou a dixestibilidade enzimática obtendo rendementos entre un 90% e 70% para glucanos e xilanos respectivamente. Deste xeito, indica, “pódese destacar a eficiencia dos disolventes eutécticos profundos para a mellora na transformación da biomasa mediante o uso de procesos simples e escalables para a biorrefinería lignocelulósica”.

Vigo acolle o primeiro encontro da Rede Transfronteiriza de Biomasa

A Rede Transfronteiriza de Biomasa celebrou este mércores en Vigo o seu primeiro encontro. Esta rede xurdiu como un dos resultados do proxecto Biomasa-AP, que agora ten continuidade a través do proxecto Biomasa-CAP. A finalidades é capitalizar as capacidades de I+D no uso enerxético da biomasa non valorizada de alto potencial en Galicia e o norte de Portugal. A Universidade de Vigo é socia do proxecto que, ao abeiro da convocatoria POCTEP, lidera EnergyLab en colaboración con Feuga, o Inega, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e o Instituto de Ciência e Innovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial. O encontro deste mércores, organizado por Feuga no Pazo da Oliva, supuxo a primeira xuntanza desta rede, que conta xa con 130 usuarios de 90 entidades de Galicia e norte de Portugal, e serviu para presentar as actividades de Biomasa CAP e para ofrecer un espazo no que os membros da rede expoñan algunhas das iniciativas nas que están involucrados. Ao longo da mañá presentáronse tamén outros proxectos e iniciativas relacionadas coa valorización enerxética, incluíndo unha charla introdutoria do presidente do Clúster de Biomasa de Galicia, Francisco Javier Álvarez Pereiro, sobre certificacións de calidade e sostibilidade. Ademais, o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra e catedrático do Departamento de Enxeñaría dos recursos naturais e medio ambiente Luis Ortiz ofreceu un relatorio sobre a produción de biochar a partir de biomasa forestal residual. O programa incluíu tamén un obradoiro da man de EnergyLab no que se debateron as barreiras e oportunidades do sector a través da xeración de novas ideas de proxecto e posibles solucións que fomenten a valorización da biomasa. Na xornada participaron tanto os socios da rede e do proxecto, como profesionais que traballan directa ou indirectamente na cadea de valor da biomasa, tanto agricultores como persoal investigador e técnico e consumidores finais.

Biomasa CAP

O proxecto Biomasa-CAP é a continuación e capitalización dos resultados do proxecto anterior Biomasa-AP, ambos financiados polo programa Interreg POCTEP. O primeiro deles en poñerse en marcha tiña como obxectivo a mellora das capacidades dos centros de I+D tanto de Galicia como do norte de Portugal para optimizar a explotación e o uso da biomasa procedente de restos de podas forestais, vides, plantacións de kiwis ou toxos e xestas. Os centros da eurorrexión traballaron conxuntamente para aplicar métodos e tecnoloxías innovadoras que permitise acadar un uso enerxético optimizado desta tipoloxía de biomasa, que se caracteriza pola elevada dispoñibilidade nesta zona e, consecuentemente conta cun elevado potencial enerxético e económico dun recurso que na actualidade non se valoriza. De feito, como explicaron os técnicos de Feuga na xornada, os datos reflicten que a biomasa presenta unha alta dispoñibilidade e que non está sendo valorizada: "máis de 50.000 ha de viñedo na eurorrexión, máis de 12.000 toneladas de kiwi producidas en Galicia ou a ampliación de superficie de produción de kiwi en 300 ha en Portugal. A isto hai que sumar que estes residuos de biomasa resultantes das actividades agroforestais non só non se empregan, senón que os agricultores vense na obriga de queimalos para evitar a súa acumulación". Os investigadores do proxecto Biomasa-AP concluíron que o emprego destas biomasas non valorizadas de alto potencial (BNVAP) implica numerosas vantaxes, como a redución da presión sobre o abastecemento de madeira de piñeiro, que é a principal materia prima para a fabricación de pellets, unha amortiguación das posibles subidas do prezo da biomasa e un impulso das economías locais. Ademais, a valorización destes residuos está en consonancia coa normativa de prevención de incendios, que obriga á retirada da biomasa ou á súa trituración in situ, así como coas recomendacións fitosanitarias nos cultivos agrarios, que piden a recollida dos restos de poda como medida de minimización de pragas e enfermidades. Neste sentido, as conclusións do proxecto tamén recollían a necesidade de poñer en marcha liñas de axuda que promovan a recollida, transporte e tratamento de biomasas alternativas, a produción de combustibles derivados e o uso de equipos compatibles con estes combustibles, sentando así as bases dun novo modelo produtivo, a bioeconomía. No marco do proxecto xurdiu tamén a Rede Transfronteiriza de Biomasa, que conecta expertos e axentes interesados na produción e uso de biomasa, para compartir información de utilidade e ofrecer solucións competitivas ás empresas da eurorrexión. Unha vez rematado este proxecto, a finais de 2022 botou a andar Biomasa-CAP, co obxectivo de desenvolver actividades de capitalización dos resultados previos, é dicir, a ampliación e fortalecemento da Rede Transfronteiriza de Biomasa, a formación e concienciación sobre o uso da biomasa non valorizada de alto potencial como recurso enerxético, a divulgación a través de xornadas demostrativas en centros educativos, e a potenciación do proceso de co-creación de políticas públicas. Neste novo proxecto a Universidade de Vigo está representada polo Grupo de Tecnoloxía Enerxética, co profesor do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos David Patiño á fronte.

Dende o 1 de marzo poderán solicitarse as axudas da Xunta para instalar caldeiras de biomasa nos fogares

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, anunciou esta mañá, durante unha visita a Maderas Besteiro en Friol, que a Xunta de Galicia activará esta ano 1,5 millóns de euros en axudas para apoiar a instalación de caldeiras nos fogares galegos. O obxecto destas axudas é apoiar proxectos promovidos polos particulares con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante caldeiras que utilicen biomasa como combustible. A contía das axudas será dun 50% cun máximo de 8000 euros por proxecto. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases desta convocatoria á que se poderán adherir, desde mañá e ata o 1 de xuño, as entidades colaboradoras interesadas. O prazo para os particulares abrirase o 1 de marzo e rematará o 29 de xuño ou cando se esgoten os fondos, xa que son axudas que se outorgarán por orde de solicitude. Os apoios favorecerán a mobilización de 3,75 millóns de euros, aforros económicos anuais de 300.000 euros, así como a redución de emisións e aforros anuais de 6000MWh de enerxía. Tamén posibilitará a creación ou mantemento de 37 empregos. Na convocatoria do ano pasado víronse beneficiados 522 fogares. O director xeral destacou as vantaxes deste tipo de enerxía e puxo como exemplo a actuación que vén de desenvolver Maderas Besteiro, coa instalación dunha caldeira de biomasa de 960kW para a climatización da nave. Cun investimento total superior aos 200.000 euros e unha axuda da Xunta de 98.000, a empresa aforrará 100.000 euros ao ano na compra de combustibles e 2 millóns de kWH/ano de enerxía, o que suporá deixar de emitir 484 toneladas anuais de gases de efecto invernadoiro. Non é o único investimento que a compañía realiza en materia enerxética, ademais, instalou paneis fotovoltaicos, tamén con axudas da Administración galega, que agora ten proxectado ampliar.

Xornada sobre biomasa en Galicia e norte de Portugal o próximo 1 de febreiro en Vigo

O vindeiro mércores 1 de febreiro, o proxecto europeo de innovación Biomasa CAP organiza o 1º Encontro da Rede Transfronteiriza de Biomasa. O evento terá lugar en Vigo, no Pazo da Oliva, de 09:30 h a 13:30h. Organizado por FEUGA, presentaranse as actividades do proxecto Biomasa CAP, e ofrecerase un espazo para que os membros da rede expoñan algunhas das iniciativas nas que están involucrados. Durante a xornada serán presentados tamén outros proxectos e iniciativas relacionadas coa valorización enerxética, incluíndo unha charla introductoria do presidente do Clúster de Biomasa de Galicia, Francisco Javier Álvarez Pereiro, sobre certificacións de calidade de biocombustibles e a nova certificación de sustentabilidade Sure. Tras estas presentacións desenvolverase un obradoiro de Ideas sobre biomasa, dinamizado por EnergyLab, no que se debaterán as barreiras e oportunidades do sector a través da xeración de novas ideas de proxecto e posibles solucións que fomenten a valorización da biomasa. A inscrición ao evento é obrigatoria e gratuíta até completar aforamento a través da ligazón: https://bit.ly/inscripcion_biomasa. A cita está enfocada cara a toda aquela persoa que traballe directa ou indirectamente na cadea de valor da biomasa, xa sexan agricultores, investigadores, técnicos especializados ou consumidores finais. Este encontro enmárcase nas accións do proxecto Biomasa CAP e a Rede Transfronteiriza de Biomasa, que ademais realizará xornadas de portas abertas nos centros de investigación, charlas divulgativas en centros de ensino e cursos especializados para os integrantes da rede. Toda persoa interesada en manterse informado de futuros cursos e encontros que se organicen pode inscribirse á Rede contactando con FEUGA a través do correo electrónico biomasap@feuga.es

Sobre Biomasa CAP

O proxecto Biomasa-CAP é a continuación e capitalización dos resultados do proxecto anterior Biomasa-AP, ambos  financiados polo programa Interreg Poctep. Biomasa-AP tiña por obxectivo a mellora das capacidades dos centros de I+D das rexións de Galicia e Norte de Portugal, para optimizar a explotación e o uso da biomasa procedente de restos de poda de matogueiras, vide e kiwi. Os centros do Euro-rexión traballaron conxuntamente para aplicar métodos e tecnoloxías innovadoras que permitisen conseguir un uso enerxético optimizado desta tipoloxía de biomasa, que se caracteriza pola elevada dispoñibilidade na rexión e que, como consecuencia, conta cun elevado potencial enerxético e económico dun recurso que na actualidade non se valoriza. En Biomasa CAP desenvolveranse actividades de capitalización de resultados: ampliación e fortalecemento de a Rede Transfronteiriza Biomasa, formación e concienciación sobre o uso da biomasa non valorizada de alto potencial como recurso enerxético, divulgación a través de xornadas demostrativas e en centros educativos, e potenciación do proceso de cocreación de políticas públicas.

Biomasacap: Un novo proxecto para valorizar os restos de biomasa en Galicia e Norte de Portugal

Restos de podas forestais, de vides, de plantacións de kiwis ou tamén toxos ou xestas constitúen un recurso abundante, pero non valorizado que, non obstante, pode ser aproveitado como biomasa. Para valorizar e aproveitar este recurso na contorna da eurorrexión Galicia-norte de Portugal acaba de poñerse en marcha o “proxecto BiomasaCap, Capitalización das capacidades de I+D no uso enerxético da biomasa non valorizada de alto potencial”. Trátase dunha iniciativa liderada por EnergyLab da que a Universidade é socia, xunto con Feuga, o Inega, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e o Instituto de Ciência e Innovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial.  Por parte da UVigo, é o Grupo de Tecnoloxía Enerxética o que está implicado, co profesor do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos David Patiño á fronte. O obxectivo do proxecto é avanzar na valorización e aproveitamento da biomasa como unha “oportunidade estratéxica para un crecemento e desenvolvemento sostible tanto a nivel económico e tecnolóxico, como social e medioambiental no territorio transfronteirizo. Os impulsores destacan que, aínda que dende a UE se ten posto o foco neste recurso dende hai anos, como unha liña de intervención prioritaria nas axendas europeas para o crecemento sostible, o contexto político e enerxético actual confírelle, se cabe, maior relevancia. Como explica David Patiño, este é un proxecto de capitalización, que parte dun proxecto anterior, xa rematado, o Biomasa AP, froito do cal se creou unha rede transfronteiriza entre España e Portugal para estudiar e aproveitar a valorización enerxética diversos residuos de biomasa da zona. O obxectivo do actual estudo non é “continuar co desenvolvemento técnico, senón incrementar os labores de difusión dos resultados que se acadaron no seu momento, incrementar a rede de empresas-colectivos interesados no uso de biomasas de baixa calidade, mostrar as instalacións empregadas durante o proxecto, amosar as contribucións acadadas en diversos eidos e tamén explorar e identificar novas posibilidades de financiamento ou de novos socios para continuar desenvolvendo o proxecto”.

Liñas de traballo

As accións de capitalización que se levarán a cabo no marco de BiomasaCap buscarán mellorar a competitividade do tecido produtivo na zona transfronteiriza, xerando oportunidades para a creación de riqueza e emprego no ámbito rural, xa que é nestes territorios onde se atopan as explotacións agroforestais xeradoras de biomasas non valorizadas.  En concreto abordaranse cinco liñas de traballo. Por unha banda, os socios tratarán de ampliar e fortalecer a Rede Transfronteiriza da Biomasa, creada en Biomasa AP e que conta con máis de 130 membros. Por outro lado, tamén se avanzará na formación e concienciación sobre o uso da biomasa non valorizada de alto potencial como recurso estratéxico para o desenvolvemento tecnolóxico, económico e social no territorio transfronteirizo. Unha terceira liña de traballo é a capacitación e difusión das tecnoloxías avaliadas aos axentes da cadea de valor da biomasa, a través de xornadas demostrativas en entidades do sector e nos centros de I+D implicados no proxecto. Os socios tamén se centrarán na divulgación en centros educativos para dar a coñecer ás mozas e mozos as oportunidades e o potencial que ofrecen as biomasas endóxenas non valorizadas no territorio de cooperación. Finalmente, tamén se traballará para potenciar o proceso de co-creación de políticas públicas mediante a detección de estratexias comúns para un óptimo desenvolvemento e explotación da biomasa non valorizada, coa colaboración dos axentes da cadea de valor da biomasa e policy makers.

Resultados BiomasaAP

Como proxecto de capitalización, Biomasa Cap toma como punto de partida os resultados obtidos no proxecto Biomasa AP, que se levou a cabo tamén ao abeiro da convocatoria POCTEP. Os investigadores concluíron que o emprego destas biomasas non valorizadas de alto potencial (BNVAP) implica numerosas vantaxes, como a redución da presión sobre o abastecemento de madeira de piñeiro, que é a principal materia prima para a fabricación de pellets, unha amortiguación das posibles subidas do prezo da biomasa e un impulso das economías locais. Entre as conclusións do proxecto, tamén se destacaba que a  valorización destes residuos está en consonancia coa normativa de prevención de incendios, que obriga á retirada da biomasa ou á súa trituración in situ, así como coas recomendacións fitosanitarias nos cultivos agrarios, que piden a recollida dos restos de poda como medida de minimización de pragas e enfermidades. Neste sentido, tamén destacan a importancia de poñer en marcha liñas de axuda que promovan a recollida, transporte e tratamento de biomasas alternativas, a produción de combustibles derivados e o uso de equipos compatibles con estes combustibles, sentando así as bases dun novo modelo produtivo, a bioeconomía.

Que alternativas hai se se prohíbe a queima dos restos agrícolas?

A Ley 7/2022 de Residuos y Suelos Contaminados estableceu desde abril a prohibición ás queimas de restos agrícolas, coa excepción de motivos fitosanitarios e sempre con autorización previa. Pasado o verán, cando toca reabrir as queimas agrícolas, a postura das distintas comunidades autónomas está a oscilar entre ir trampeando, establecer moratorias temporais para permitir a adaptación do agro ou aplicar a normativa ao pé da letra. Nos próximos meses, o Goberno terá que aclarar e unificar o escenario. A esperanza das comunidades autónomas é que a actual Ley 7/2022 de Residuos y Suelos Contaminados se modifique no Congreso, algo que está a debate, logo de que, en principio, ningún grupo se opuxese na Comisión de Agricultura a tramitar un cambio da normativa. A cuestión é ata que punto España ten capacidade para cambiar a Ley 7/2022, pois a prohibición das queimas agrícolas vén marcada por directivas europeas de residuos. Haberá que ver cal é a postura do Ministerio de Transición Ecolóxica ao respecto. A actual normativa establece que só se poden permitir queimas agrícolas cando haxa motivos fitosanitarios, e sempre previa autorización individual, segundo se recolle no artigo 27.3 da Ley. En Galicia, polo de agora a Xunta optou, sen embargo, por manter o sistema de queimas agrícolas dun xeito similar ó anterior, baseado nun sistema de comunicacións previas, sen necesidade de autorización. A Xunta acóllese ó artigo 3e) da Ley, no que se establece que non son obxecto da Lei “a palla e outro material natural, agrícola ou silvícola non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e gandeiras, na silvicultura ou na produción de enerxía a base desta biomasa, mediante procedementos ou métodos que non poñan en perigo a saúde humana ou danen ó medioambiente”. Claro que esa é unha disposición suxeita á interpretación, pois as partículas finas que emiten as queimas agrícolas representan un problema de saúde humana e ambiental, sobre todo en determinadas comarcas e periodos. Así llo trasladou xa á Administración un colectivo ecoloxista, que advertiu de que o mantemento das queimas podería chegar a dirimirse en sede xudicial.

Centros loxísticos de biomasa e redes de calor locais

En Galicia fanse cada ano arredor de 400.000 queimas comunicadas de restos agrícolas procedentes de podas e rozas, pois trátase dun método sinxelo e económico para eliminar eses ‘residuos’. A alternativa principal pasa polo triturado, con incorporación ó solo ou retirada, pero é máis cara e esixe unha mecanización previa, a parte de xerar unha pegada de carbono polo gasto de combustibles fósiles. En comarcas de viñedo e kiwi, cun mínimo de 2-3 toneladas de restos por hectárea, nin sequera habería vías para xestionar esa biomasa das podas. Hai uns anos, o proxecto Biomasa Ap, liderado polo CIS Madeira, comprobou que era posible a trituración e retirada dos restos para o seu procesado posterior. A iniciativa logrou obter pellets dos restos de viñedo que eran aptos para caldeiras industriais, se ben non se deron pasos posteriores nesa liña. Desde o Clúster de Biomasa de Galicia, o seu presidente, Francisco Álvarez, considera lóxica a restricción á queima de restos agrícolas, pero subliña que hai que ofrecer alternativas, que el encamiña á valorización enerxética desa biomasa. "A semana que se abren as queimas agrícolas, estas queimas emiten máis partículas finas ó aire que todo o parque de calefacción de España" -sinala Álvarez-. "Así que restrinxir as queimas, si, pero que se fai cos restos?". Unha posibilidade que apunta Álvarez pasa por establecer centros loxísticos de biomasa, que funcionen cos restos de poda dun xeito similar a un punto limpo, coa recollida de restos e o seu posterior estelado, orientado a caldeiras de leña e similares. “É un sistema que xa está funcionando noutras comunidades autónomas e que se podería implantar en Galicia”, valora. En España, o proxecto Agroinlog pescudou precisamente a posibilidade de crear centros loxísticos de biomasa integrados con industrias agroalimentarias, como adegas e cooperativas, de xeito que as agroindustrias abrisen unha liña de negocio paralela coa biomasa, á vez que aproveitaban o persoal e a maquinaria que quedaba sen carga de traballo fóra do ciclo das campañas agrícolas. Outra opción que plantea o Clúster de Biomasa de Galicia pasa pola promoción de redes de calor microlocais, orientadas a aldeas e pobos. É un sistema que o Clúster da Biomasa xa propuxo para o proxecto de Aldeas intelixentes que promove a Xunta nas aldeas modelo (21 declaradas en toda Galicia). A idea é aproveitar nesas redes de calor os restos agrícolas e buscar sinerxias coas comunidades de montes próximas, a fin de avanzar na autosuficiencia enerxética dos pobos.

Como o mercado de pellets se viu enredado nun ‘efecto papel hixiénico’

O mercado de pellets viña dun 2020 e un 2021 malos, marcados por unha baixada de consumo derivada de invernos suaves e da pandemia. Tanto foi así que a comezos deste ano, Biomasa Forestal (As Pontes), a maior planta de pellets de Galicia, iniciou un expediente de regulación temporal de emprego (Erte) para a súa plantilla, coa idea de mantelo activado un ano. Só uns meses despois, na primavera, cancelouno e pasou a traballar as 24 horas dos 7 días da semana, en cinco turnos, un ritmo que todavía mantén. Que foi o que pasou? A orixe de todo o sucedido nos últimos meses arranca na guerra de Ucraína. “Coa invasión rusa e o bloqueo europeo ó mercado ruso de biomasa, perdéronse dous suministradores principais, Rusia e en menor medida Ucraína, que representan arredor do 20% do pellet mundial”, analiza Francisco Álvarez, presidente do Clúster de Biomasa de Galicia e director de Ecowarm (Brión), unha das catro plantas de pellets que operan na comunidade. “A perda desa fonte de suministro a nós en principio non nos afectaba, pero deixou desabastecidos a algúns países, en especial a Reino Unido, que recurriu entón a importacións masivas do mercado portugués -analiza Álvarez-. “Ao dispararse a demanda de Reino Unido, os fabricantes portugueses, que tradicionalmente exportaban a España parte da súa produción, víronse incapaces de atender a súa rede de distribución habitual en España, o que levou a que os puntos de venda españois que traballaban con pellet portugués se quedasen temporalmente sen mercancía”. Foi entón, no verán, cando a ausencia de pellets en determinados puntos de venda, aireada por redes sociais e medios de comunicación, iniciou un ‘efecto papel hixiénico’. Os consumidores lanzáronse á compra compulsiva de pellets en plena vaga de calor, sen medida e antes da tempada tradicional de compra en outono – inverno. A situación chegou ó punto de que “un distribuidor noso falounos dun cliente que mercou pellet para tres anos”, conta Álvarez. “En verdade nunca houbo risco de desabastecemento real do mercado nacional porque temos capacidade para abastecer ó mercado. O problema xurde se un alto número de consumidores se lanza a mercar pellets nos mesmos días porque entón rómpense temporalmente os stocks dispoñibles”, explican en Biomasa Forestal. España viña producindo cada ano arredor de 740.000 toneladas de pellet para un consumo estatal dunhas 710.000. “Do total de produción, exportábase unha parte a Italia e a outros países europeos, pero compensábase co que entraba de Portugal, quedabamos a pre”, valora Francisco Álvarez. En Galicia, o Clúster de Biomasa calcula unha produción que supera as 110.000 toneladas para un consumo interno de arredor de 45.000. “E teriamos capacidade de aumentar esa produción ata nun 50% se fose preciso”, aseguraba Álvarez hai uns días na revista editada polo Clúster da Biomasa e a asociación BioEco2.
O mercado español adentrouse desde a primavera nun 'Matrix' no que cada saco de pellets percibíase como o último paquete de papel hixiénico do supemercado
Esa é en teoría a realidade, pero a cuestión é que o mercado español adentrouse desde a primavera por outra realidade paralela, unha especie de ‘Matrix’ na que cada saco de pellets percibíase como o último paquete de papel hixiénico na estantería do supermercado. “O mercado vai agora normalizándose a medida que os distribuidores que traballaban con Portugal están relocalizando os seus puntos de suministro”, subliña Francisco Álvarez. Incluso se dá a circunstancia de que distribuidores da fronteira galega con Portugal están recibindo unha gran demanda de suministro do país veciño, onde se mantén a escaseza de pellet polo tirón da exportación británica. O sector galego incide en que a demanda británica sobre o pellet portugués e, en menor medida, certo aumento de demanda italiana sobre pellet español, distorsionaron o mercado estatal, pero Álvarez apunta a que novembro xa é un mes no que se foron normalizando as cousas. “En setembro o teléfono non paraba de soar pedindo palés de pellets, pero agora a situación xa é similar a de todas as campañas”, asegura o director de Ecowarm. A mesma percepción manifestan en Biomasa Forestal: “As vendas actuais son a un ritmo normal e sostido”, indican.

Prezos

Unha das consecuencias do aumento da demanda de pellets en toda Europa foi o encarecemento do produto, que subiu de prezo por riba dun 60%, segundo as estimación da Organización de Consumidores y Usuarios (Ocu). O quilo de pellet pasou dos 30 céntimos de hai un ano a arredor dos 50 céntimos / kg. actuais. É unha suba que, en calquera caso, os fabricantes consideran xusta. “De xaneiro a maio estivemos traballando a perdas porque o mercado seguía baixo e non era capaz de soportar a nosa estrutura de custos. O aumento progresivo de custos enerxéticos deixáranos a todos os fabricantes nun momento crítico, no que as plantas estaban valorando parar ou seguir a un baixo ritmo”, advirte Francisco Álvarez. Desde Biomasa Forestal coinciden nesa análise: “Desde inicios do 2021, e especialmente nos últimos meses do ano pasado, os custos de produción fóronse disparando, pero nin fabricantes nin distribuidores trasladamos esa suba ó mercado. Por un lado, non podiamos aplicar un aumento de custos a un mercado que estaba parado, e por outro lado esperabamos unha estabilización dos custos enerxéticos que non chegou. O inicio da guerra de Ucraína empeorou toda a situación”. No último ano, Biomasa Forestal calcula que aumentou os seus gastos enerxéticos nun 320%, unha situación á que hai que sumar o aumento do prezo da súa materia prima de referencia (puntal de piñeiro), que subiu un 40% no último ano. Outra dificultade adicional foi a loxística, tanto por dispoñibilidade como por aumento de prezos. En vista da situación, Biomasa Forestal, que tradicionalmente exportaba arredor do 60% da súa produción, xa decidira hai un ano reorientar a súa estratexia ó mercado español. “Este ano máis do 80% da nosa produción quédase no mercado nacional. Puxemos tamén en marcha unha tenda online, na mesma idea de priorizar o mercado nacional. Hai que facer un chamamento á calma, no sentido de que o mercado nacional non quedará en ningún caso desabastecido”, conclúen. Onde quedou a baixada do Ive? Coa idea de favorecer o consumo de pellets e manter a súa accesibilidade, o Goberno baixou este outono o seu Ive, que pasou do 21 ó 5%. Entre as asociacións de consumidores, sen embargo, advirten de que esa baixada do Ive non tivo repercusión nunha baixada do prezo ó consumidor. As empresas do sector, explican a situación. “Hai que ter en conta que o pellet ten sempre un prezo de verán e un prezo máis alto coa chegada do outono. A baixada do Ive coincidiu co cambio de prezos, do verán ó outono, o que levou a que o consumidor non a percibise”, explica Francisco Álvarez, que tampouco descarta que se puidese producir algunha situación puntual de abuso dalgún punto de venda. “A baixada do Ive o que logrou é evitar que o pellet seguise subindo, pois arrastrabamos uns aumentos de custos que aínda non se trasladaran ó prezo final” -advirten en Biomasa Forestal-. "De cara ó futuro, se non hai novos elementos externos de gravidade, semella que os prezos poderán manterse neste nivel nos próximos meses, sen novas subas como as vividas nos meses anteriores”, sinalan.

O combustible máis económico

Malia o seu encarecemento, o pellet, conxuntamente coa leña, mantense como o combustible máis económico para os fogares. A biomasa continúa moi por baixo do prezo equivalente do gasóleo. Se calculamos que 2 quilos de pellets aportan enerxeticamente o mesmo que 1 litro de gasoil, os números son claros. Dous quilos de pellets rondan hoxe en día 1 euro e o gasóleo achégase a 1,40. “O mercado do pellet ten aínda moito que medrar en España e, en particular en Galicia, onde todas as vivendas unifamiliares que se están quentando con gasóleo teñen moi sinxelo o cambio a pellet. É unha obra que leva un día ou día e medio como moito” -valora Francisco Álvarez-. “Pensa que Italia está xa nun consumo de 5 millóns de toneladas de pellet e en España estamos aínda nas 700.000 toneladas”, compara o director de Ecowarm.

Esgótanse nunha hora as axudas da Xunta para instalar caldeiras de biomasa

A Xunta abriu onte pola mañá o prazo de solicitude para a implantación de proxectos de biomasa nos fogares galegos, o que permitirá un aforro anual, nas facturas enerxéticas, de 360.000 euros. Sen embargo, é tal a demanda que nunha hora recibiron 500 solicitudes coas que se cubriron os 1,5M€ de orzamento das axudas, de forma que as solicitudes que están entrando nestes momentos están pasando a lista de agarda. Con estas axudas a Xunta prevé mobilizar 3,75 millóns de euros no sector, conseguir aforros enerxéticos de 9000 MWh e impulsar a creación de 37 empregos, ademais de reducir as emisións de CO2 en 2700 toneladas ao ano, o equivalente á plantación de 135.000 árbores.

Biegal, nova planta de estelado de biomasa en Mondoñedo

Biegal é unha planta de estelado de biomasa de recente creación en Mondoñedo. A factoría, que está a acometer un investimento de máis dun millón de euros, oriéntase á produción de estelas de biomasa tanto para o sector industrial como para o residencial. Para a súa posta en marcha, recibiu unha axuda de 330.000 euros de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, visitou onte a planta de Biegal que, segundo dixo, representa a dobre aposta que Galicia está facendo polas enerxías renovables e a valorización da cadea monte-industria.

Conde lembrou que durante o pasado ano, XERA apoiou os proxectos de 147 empresas, cunha contía total de 13,6 millóns de euros. O conselleiro incidiu en que apoiar o sector forestal significa apostar por unha industria sustentable e estratéxica, polo medio rural e o emprego, “ao tempo que coidamos e facemos máis produtivo o noso monte”.

No caso concreto de Biegal, a axuda da Xunta apoiou á posta en marcha da planta de estelado de madeira e a implantación de nova tecnoloxía para o acondicionamento do parque de biomasa e para a instalación dunha manipuladora de materiais.

“Biegal é un exemplo claro da oportunidade que temos en Galicia para favorecer o investimento en enerxías renovables e para que a biomasa sexa tamén un elemento de transformación que permita desenvolver novas tecnoloxías e novos proxectos, neste caso, vinculados ao medio rural”, subliñou Conde.